domingo, 4 de enero de 2015

XA QUE TEMOS A COMPOSTELA... -II-


.../...


  
O “Deica logo” de Xesús.

Misión dos discípulos.  Mateo 28, 16-20. “Os once discípulos fóronse para Galilea ó monte onde Xesús os citara. E véndoo, prostráronse ante el, anque algúns dubidaban. Xesús, achegándose, díxolles: -Déuseme todo poder no Ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo”.

¿Ata a fin do mundo? ¡Daquela, nesta convocatoria, nesta herdanza, tamén entro eu, os meus fillos, os netos..., e así sucesivamente “ata a fin do mundo!”. Señor, só sei dicirche unha verba; iso si, con todo o meu corazón, coa miña alma, en adoración prostrado: ¡Grazas! Teño moito a quen agradecer cousas, pero a ti, Señor, todas, tódalas boas!
-.-

A tódolos pobos... ¡Señor, a tódolos pobos chegamos, en particular Santiago, que chegou á Fisterra de entón, pero..., segue habendo infieis, moitos, demasiados! Misioneiros, comezando polos Apóstolos, sempre houbo, e segue habendo; daquela, ¿en que fallamos, na doutrina ou na exemplaridade?

Os erros doutrinais fómolos depurando Concilio tras Concilio, así que, por eliminación, coido que onde estamos fallando é na exemplaridade, na música da letra! O noso Catecismo require outros comportamentos, comezando por ir á Misa. ¿Que nos levantamos tarde por culpa do botellón? ¡Pero tamén hai Misas de tarde, pola tarde, nunhas igrexas ben cómodas, pois, se algo fixemos ben, foron os edificios; os edificios están ben, do mellor posible, que para algo e por algo son Casas do Señor, pero o de ir, o de acudir, e non estar atentos, logo é peor que non ir, por iso, polo mal exemplo que damos!

¿Onde fallamos? Principalmente no Noso Pai, pois, en lugar de dicir con ganas ese fragmento de que “... veña a nós o teu Reino...”, trastocamos as ganas místicas e pasámolo a un simple “... veña a nós...”, dito no senso egoísta de que nos veña todo do Ceo, sen traballar, ou que traballen os demais para nós! Está de moda, pero iso non é unha atenuante. ¡Ai aqueles frades do meu convento, aqueles si, aqueles si que entendían, tanto a letra como a música, co seu lema salvífico: Ora et labora! O que si traballa, sempre, e de sempre, é o diabro, que non descansa no seu tentar, pero eu dígolle, quero dicirlle: ¡Vaite de aquí, e que te leve o demo para tras das silveiras, que é onde están as meigas; vaite, e baila con elas!
-.-

Do diabro sabemos pouco, e iso que ben a miúdo lle damos o voto, pero o sentido común dinos que a de Adán non foi a única rebeldía soprada. ¡É o defecto de Deus, que se pasa de bo, e de cando en vez sáelle algún desertor! O quid está niso de que nos fai optativos, libres; mais o por qué nos fai así é un segredo seu, un Segredo do seu Estado; ¡xa nolo dirá cando estime oportuno, pois a vida eterna é longa, dá para todo! Nese pouco que sabemos, soubemos que levou o demo ¡ao propio demo!, cando a encarnación do Fillo de Deus, e tívolla gardada; pero Xesús achantouno, ben achantado; ¡outro exemplo que nos deu! –Arreda, Satanás, porque está escrito: “Só ó teu Señor, ó teu Deus, adorarás, e só a El darás culto”. Deixouno Satanás, ¡vaia se o deixou, fuxindo como alma en pena!, e nisto, “achegáronse os anxos para o serviren”. ¡Igualiño que con nós: Vencida a tentación, os anxos póñense ao noso dispor! Aproveitemos esas ocasións para darlle as grazas a Deus, cos anxos, cos bos, cos que permaneceron fieis, de mensaxeiros, de intercesores.



O Anxo Caído, de Bellver.
-.-

Xesús e mailos seus anxos. Desde a Encarnación á Ascensión, a vida do Verbo encarnado está rodeada da adoración e do servizo dos seus anxos. Cando Deus introduce “ó seu  Primoxénito no mundo, di: “Adóreno tódolos anxos de Deus”. (Hb 1,6). O seu canto de loanza no nacemento de Cristo non parou de resoar na loa da Igrexa: “Gloria a Deus...” (Luc 2,14). Protexen a infancia de Xesús (cf. Mt 1,20; 2,13.19). Serven a Xesús no deserto (cf. Mc 1,12; Mt 4,11). Confórtano na agonía (cf. Lc 22,43). Xesús díxolle (a Pedro), “-Volve a espada ó seu sitio, pois tódolos que levan espada pola espada perecerán. ¿Seica pensas que non podo acudir a meu Pai? El poñería á miña disposición, agora mesmo, máis de doce lexións de anxos. Pero, ¿como se ían entón cumpri-las Escrituras, que din que ten que suceder así?” Mt 26, 52-54. Como  noutro tempo Israel (cf. 2 M 10,29-30; 11,8). Tamén son anxos aqueles que “evanxelizan” (Lc 2,10) anunciando a Boa Nova da Encarnación (cf. Lc 2,8-14), e na Resurrección (cf Mc 16, 5-7) de Cristo. Con ocasión da segunda vida de Cristo, anunciada polos anxos (cf. Hb 1,10-11), estes estarán presentes ao servizo do xuízo do Señor (cf. Mt 13,41; 25,31; Lc 12, 8-9). (Cf. CEC, 332-333).
-.-

A propósito dos anxos: ¿Non sería factible que o Papa, (vitorioso dos seus Cardeais), conceda unha Bula aos casados que lla soliciten, homes ou mulleres, para..., aí é nada: para facerse / para facernos, Diáconos, por correspondencia? Outras cousas se estudian por este medio, e dá resultado! Con iso non seríamos anxos, pero estaríamos Camiño de selo.

Teño entendido que son catro anos de estudios específicos... Pero no meu caso, maiormente de vellos, temos que atender ás cónxuxes/aos cónxuxes, fillos, netos, e demais obrigas, así que, en xeral, non é dable ausentarnos das vivendas habituais; disto parte a miña suxestión para un estudio..., a distancia!

¿Que faríamos, de te-lo cargo? Algo de todo, menos confesar e consagrar, por suposto. ¿Que xa hai diáconos, en todas partes? ¡Ben o sabemos, pero pasaron polo Seminario: son de carreira!

“En el grado inferior de la jerarquía están los diáconos, que reciben la imposición de las manos «no en orden al sacerdocio, sino en orden al ministerio». Así, confortados con la gracia sacramental, en comunión con el obispo y su presbítero, sirven al pueblo de Dios en el ministerio de la liturgia, de la palabra y de la caridad. Es oficio propio del diácono, según le fuere asignado por la autoridad competente, administrar solemnemente el bautismo, reservar y distribuir la Eucaristía, asistir al matrimonio y bendecirlo en nombre de la Iglesia, llevar el viático a los moribundos, leer la Sagrada Escritura a los fieles, instruir y exhortar al pueblo, presidir el culto y oración de los fieles, administrar los sacramentales, presidir el rito de los funerales y sepultura”.
Lumen gentium 29, Concilio Vaticano II
-.-

De Camiño..., polas ribeiras do mar de Galilea: “Máis adiante atopou outros dous irmáns: Santiago e mais Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban con seu pai na barca...”, e seguírono! ¡Meu Santiago, que xa eras exemplar antes de ser cristián: Non lle puxeches atrancos á chamada, á vocación de seguir a quen ensinaba, a quen ensinaba ben, e para ben! Nesa exemplaridade quero glosarte, ata onde sexa capaz; ¿permítesmo?

“Falábase del en toda Siria, e traíanlle enfermos con toda clase de doenzas; ...e a todos curaba! ¡Vaia Xefe o teu; que ben elixiches; apúntasme para o mesmo Rexemento?

De subidos ao monte, o Mestre desenrolou o seu programa, un programa de cumprimento certo, e non outros que eu me sei:

-Ditosos os que teñen espírito de pobres, porque deles é o Reino do Ceo.
-Ditosos os que choran, porque serán consolados.
-Ditosos os non violentos, porque eles herdarán a terra.
-Ditosos os famentos e sedentos de xustiza, porque ficarán fartos.
-Ditosos os misericordiosos, porque eles serán tratados con misericordia.
-Ditosos os de corazón limpo, porque eles verán a Deus.
-Ditosos os que traballan pola paz, porque eses serán chamados fillos de Deus.
-Ditosos os perseguidos por causa da xustiza, porque deles é o Reino do Ceo.
-Ditosos vos cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa no Ceo; do mesmo xeito perseguiron ós profetas anteriores a vós.

Macanudo, non si? ¡No partido de Xesús non hai Caixa “B” nin “fondos reservados”: Segundo traballas, así cobras..., en limpo!



Non é tan difícil como parece a primeira vista, xa que se reduce a cinco obrigas ou teses ben elementais: O espírito que debe animar aos fillos do Reino. Como debía entenderse o cumprimento das leis xudias. O desprendemento das riquezas. As nosas relacións co próximo, nosos irmáns en Cristo. Pertencer ao Reino supón unha praxe de vida moderada, agradecida e responsable. ¡Mellores consellos non llelos pode dar ningún pai aos seus fillos!
-.-

A cultura encubre, disimula, a ira, pero segue habendo moita, moitísima, lamentablemente; pasar da espada ou da pólvora á guerra fría non é rematar coa guerra, senón cambiar de instrumentos, unha belicosidade encuberta, que se non mata fai morrer, de mil cousas, de mil escasezas, de mil padecementos. Toda guerra é odiosa, pero con iso e con todo gozámonos nela. O Mestre definiuna, como facía sempre, con toda mestría, sen nada que obxectarlle:

“Se ó presentares a túa ofrenda no altar te acordas de que teu irmán ten queixas contra ti (queixas fundadas, que así se entende), pousa a ofrenda alí mesmo, diante do altar; vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e logo volve para presentar a túa ofrenda”. Mateo, 5, 23,24

¡Conditio sine qua non, que dirían os latinos! Deus non quere vernos se antes non facemos as paces; así de rotundo; o problema está en que non sempre é posible razoar coa outra parte!
-.-

Un pouco máis adiante o propio Mateo segue referindo, transcribindo, un asunto que, lamentablemente, hoxe está en plena actualidade: O xuramento. “Tamén tedes oído que se lles dixo ós devanceiros, “Non xurarás en falso”, e “cumprira-las promesas feitas con xuramentos ó Señor”. Pero eu dígovos: Non xuredes nunca; nin polo ceo, que é o trono de Deus; nin pola terra, porque é escano para os seus pés... Falade, logo, deste xeito: “Si”, cando é si; “Non”, cando é non; que todo o que pase de aí vén do Malo”

¡Agora xa sei o por que poucos políticos xuran o cargo sobre da Biblia: Teñen pouca confianza en si mesmos, na súa capacidade de cumprimento!
-.-

A Lei de Talión, recollida no Código de Hammurabi, non era tan mala como podamos supoñer xa que tentaba administrar xustiza moderadora ao non permitir que a vinganza, a punición, superase ao dano inicial, pero veu o Perfecto e perfeccionouna: ¡á xustiza púxolle amor, que era o que lle faltaba!
 
“Tedes oído que se vos dixo: Amarás ó teu próximo e aborrecerás ó teu inimigo. Pero eu dígovos: Amade ós vosos inimigos, e pregade polos que vos perseguen. ... Daquela sede bos sen exclusivismos, como o voso Pai Celestial é totalmente bo”. Mateo, 5, 43,48 ¿Hai alguén que se atreva a seguir sendo mala persoa despois de ler, de ler e de meditar, que non chega con ler, os Evanxeos? ¡Se existe esa mala persoa, que o leve o demo, que así vai ser, xa que é un dos seus!
-.-

Abundando nas súas leccións de irmandade, ¡vaia broche! “Tede coidado de non practicárde-la vosa xustiza para que vos vexa a xente, que daquela o voso Pai celestial non vos dará recompensa ningunha. Cando deas unha esmola non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta como fan os hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren loados polos homes; asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando deas unha esmola que non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita. Así a esmola será secreta e teu pai, que ve o segredo, xa te recompensará”. 

¡E logo din que cobran moito os políticos...; pouco é tendo en conta o esforzo que lles custará facer o ben, cumprir a súa obriga..., sen que llelo saiban os mass media, que miúdo sacrificio!
-.-

Sobre a oración. O meu párroco soe dicir que pedimos moito, e  que agradecemos pouco! ¡Que gran verdade, polo menos no meu caso! Estes confesores: se puidesen dicir o que saben, o que se lle confía; ¡un best seller! Pero vaiamos ao Mestre, que El non tivo reservas cos seus discípulos; ¡díxolles todo, todo e de todo; tanto o que é virtude como o que é pecado, diferenciando claramente, e cando podía haber malos entenderes pintaba os cadros..., con metáforas! Aínda que non fose Deus, que o era sen a menor dúbida, polo xeito de falar, de instruír, de exemplarizar, aquel título de, Mestre, víñalle como anel ao dedo, que ata nos ensinou a rezar! Abramos o Evanxeo; segundo San Mateo (6, 9, 14), ou San Lucas (11, 2, 5); etc.

Noso Pai que estás no Ceo,

santificado sexa o teu nome;

veña o teu reino,

fágase a túa vontade

así na terra como no Ceo.

Dános hoxe o noso pan de cada día.

E perdoa as nosas débedas

como tamén nós perdoamos xa

ós nosos debedores.

Non nos sometas á tentación,

Mais líbranos do Malo.


Porque se vós perdoades ós outros as ofensas que vos fan, tamén voso Pai celestial perdoará as vosas; pero se non perdoades ós outros, voso Pai celestial tampouco perdoará as vosas ofensas”.

Considerando o difícil que é perdoar, polo menos certas ofensas, moito dá que cavilar a bondade de Deus cos pecadores, que só nos pon un condición, ¡reciprocidade!, que o imitemos, que devolvamos ben por mal.

En Economía, cando se fala dos bens escasos, o meu profesor recomendaba pasar dos canóns á manteiga. ¡Agora xa sei de onde copiou: do propio Evanxeo!
-.-




Consello para avaros, que non é igual que dicir aforradores ou previsores: “Non amoreedes tesouros na terra onde a traza e maila ferruxe acaban con eles, e os ladróns asaltan as casas para roubalos. Amoreade tesouros no Ceo, onde non hai traza nin ferruxe que acaben con eles, nin ladróns que asalten e os rouben. Que onde está o teu tesouro está o teu corazón”.

Unha vez máis, e van mil, Xesús demostrounos que coñece a fondo á humanidade: Esa febre de ter, de ter e de engulir, á costa de quen sexa, eses corazóns enferruxados...; vai ser cousa de facer un noviciado, de tanto que temos que cambiar, pulir, abxurar ...!
-.-


Por se fose pouco, remacha: “Ninguén pode servir a dous amos, porque ou lle ten lei a un e xenreira ao outro, ou ben atende a un e menospreza ó ouro. Non podedes servir a Deus e mais ó diñeiro!”. Máis claro, auga! Tan claro, que invito aos bispos a apearse dos seus “Mercedes”, aínda que certo é que van vellos aqueles que puxo Franco ao seu dispor. Claro que, de ben mirado, a culpa era do Caudillo, por tentalos! ¡Por algo lle chamaban, Caudillo!
-.-


A providencia.- Aquí teño o óso duro, porque creo nela, pero, sub conditione, porque aprendín daqueles frades do meu Montecubeiro que o correcto é, Ora et labora, así que, querido San Mateo, neste punto hai que matizar as interpretacións: “Procurade primeiro o Reino de Deus e maila súa xustiza, e todas esas cousas hánsevos dar de máis a máis. Así que non vos angustiedes polo de mañá; mañá xa traerá a súa angueira. Cada día ten abondo cos seus pesares”.


Nisto estaría pensando, ¡digo eu!, aquel Paco Sarille, de Montecubeiro, cando entrou na cociña e se atopou con seu pai, que lles arengaba aos que lle axudaran a mata-lo porco: “Comede e bebede, que un día é un día!”. Paco, xa desde a porta: “¡Ai Sarille, acuérdate que hai mañana!”. Era bo cristián, que mellor non o ten habido na parroquia; e logo que entendía sabiamente, rectamente, a providencia: Axúdame e axudareite! Xesús nunca dixo nada a favor dos vagos, pero si a favor dos humildes, dos oprimidos, dos desventurados, animándoos, animándonos, a levar a carga con resignación cristiá baixo a esperanza ben entendida: ¡A esperanza de que terá froito aquel que semente!

Nesta literalidade, como noutros pasaxes dos evanxeos, hai que en conta que Xesús falaba ex-tempore, séxase, para os seus coetáneos á vez que para os seguintes, e os de daquela, ¡meus pobres!, se pobreza temos hoxe, a de entón, inenarrable!
-.-


A continuación, para non deixar nada no tinteiro, faloulles da..., ¿como o digo para que se entenda ao dereito? ¡Da vara de medir! “Non xulguedes para que non vos xulguen a vosoutros. Porque co xuízo que xulguedes hanvos xulgar a vós, e coa medida que midades hanvos medir a vós”. ¡Caramba,  querido Mestre, iso é aquilatar! A min ensinoumo meu padriño, con outras verbas, pero viñan a significar o mesmo: Aquel que tira pedras ao tellado do veciño, rebotan, esvaran, e cáenlle na cara! Non estaba contento do veciño, que lle empreñara unha irmá, e despois de gozala non a desposou, pero o padriño, ademais de bo veciño, era..., un santo, xa en vida!
-.-


Ensinounos a rezar...; e de paso, a insistir! Díxonolo ben claro: “Pedide e recibiredes, buscade e atoparades, petade e abrirásevos. Pois quen pide, recibe, quen busca atopa; e a quen peta, abriráselle”. ¿Que pretendía o Mestre falándolles desta maneira? Así, ao discreto, estaba condenando aos altivos, aos orgullosos, aos endeusados, os que se cren donos do mundo, e por tanto, esíxeno todo; tanto esixen que ata llo fan a Deus, chamándolle de ti, e non por irmandade como facemos, ou debemos facer, os humildes, os cristiáns. Paco Sarille dixo: Acuérdate que hai mañana; eu diría, Acórdate que hai Deus, e nós queremos ser uns fillos respectuosos. Abonda categoría nos dá Deus, inmerecida ademais, así que, de chulerías..., nada!
-.-

  

Con só que o Mestre nos dese esta lección xa o teríamos por Mestre, por profeta, por sensato, aínda sen coñecer que se trataba do Fillo de Deus, ou máis concretamente, Deus Trinitario, único pero trinitario. ¡Outro misterio, outro dogma, para entendelo a fondo cando nos abran a Porta da Luz! “¡Gardádevos dos falsos profetas que veñen onda vos con aparencia de ovelliñas, pero no fondo non son máis que lobos raspiñeiros! Polos seus froitos coñecerédelos. ... Non pode unha árbore boa producir froitos ruíns, nin unha árbore ruín producir de calidade”. ¡Meu Xesús, isto de ensinar con metáforas, con exemplos, é xenial, porque se entende todo, e todo ao dereito! ¡Ah, pero o problema está en distingui-las árbores, as persoas en definitiva! Co importante que é esta materia, e non a vexo nos textos escolares; cantas desviacións nos aforraríamos se as persoas tivesen letreiros cualificativos, tal que ocorre nas estradas! ¡Hai que mirarlles fixamente aos ollos, aínda que..., non sempre son o espello da alma!
-.-


O lema dos comodóns, dos egoístas, é: Oír, ver e calar! Oen, por se lles interesa o oído. Ven, porque todo o queren abarcar cos ollos; ata o mesmísimo horizonte, todo o tragan cos seus ollos; o que senten é non poder traspasar o seu horizonte por..., opaco! E calan, aínda que teñan remedios..., para que se foda o próximo!


A persoa que é persoa, a xenerosa, escoita: compartindo os problemas do próximo. Olla, para ver onde hai necesidade da súa aportación, da súa colaboración desinteresada. Despois diso nunca cala se dispón de consello, se é válida a súa axuda.


Dous tipos ben opostos, convivindo neste mundo; pero só neste mundo, pois no outro haberá xebra: Os malos terán calefacción, ¡no inferno!, pois os bos xa levan o corazón quente, ab aeterno!

¿Eu? Levo audiófonos, gafas, e tamén dentadura postiza, así que o baremo das miñas sensacións é complexo, complicado!
-.-

Se estivésemos nun cuartel, amigo Mateo, de chegados a este punto do teu relato...; ¡do teu, non, pois escribiches o que Deus che mandou dicir, sexa, algo, algo do que viches e oíches naqueles anos de predicación mesiánica!, aquí mandarían ¡Firmes, ar! “Non todo o que di, ¡Señor, Señor!, entrará no Reino do Ceo, senón o que fai a vontade de meu Pai Celestial”. ¿Por que será que nos resulta tan doado acatar os antollos, as ditaduras dos homes, e tan remisos que somos en acollernos á Cruz, á Cruz salvadora, redentora?
-.-
  
¡Atención, unha vez máis; fala o Mestre, aínda que, máis que falar, o que facía era sentenciar, pois as súas verbas eran, son, e serán, definitivas!  “Así, pois, toda aquel que escoita as miñas palabras e as pon en práctica será coma o home asisado que edificou a súa casa sobre rocha”. ¡Consellos coma este non os dan tódolos arquitectos! ¡Ai, Deus, eu, que teño dous na familia, Señor non os deixes da túa man, que tanto lles quero que tamén os quero de arquitectos Arriba, na casa do Ceo!
-.-
  
Do Mestre-médico, que curaba simplemente coa palabra, sempre alentadora, taumaturga, sanadora de corpos e de almas, como se pode pensar que fose un simple profeta, segundo o desacreditan nalgunha relixión? ¡Meus pobres, canto nos debe tardar aos cristiáns por facelos partícipes da nosa sabedoría evanxélica, recibida directamente de Deus! Querido Santiago, tanto que che levamos pedido na Ibérica que matases mouros, perdóanos, e fainos saber que a nosa petición perenne debe ser a contraria: compartir, poder compartir con eles, o evanxeo! Mateo comeza polo gafo, ou gafado, polo leproso, enfermidade terrible:

-“Señor, con só que queiras, pódesme limpar. El estendeu a man e tocouno, dicindo: Quero, queda limpo”. Señor, eu, e coma min uns cantos, estamos gafados, e non só polas vellas enfermidades pois os nosos ¿adiantos? infectando o ambiente infectámonos a nós mesmos! Tende a túa man na nosa dirección, apunta cara a nós, e quedaremos limpos. Mentres non o consideres oportuno, acepta os nosos padecementos como penitencia polos nosos pecados, que non é moita ofrenda, pero é algo!
-.- 

Señor, non son digno de que entres na miña casa, pero unha palabra túa abondarame para sandar; para sandar do corpo, pero tamén da alma! ¡Canto lle debemos ao Centurión, que o utilizaches para ensinarnos a ter fe! –“Señor, non son merecente de que entres baixo do meu teito; abonda cunha palabra túa para que o meu criado cure”. A Xesús chamoulle a atención oír aquilo (polo que lle servía para exemplarizar), e díxolles aos que o seguían: “Asegúrovos que non atopei a ninguén cunha fe tan grande en todo Israel...” Naquela hora quedou curado o criado..., a distancia!


Aínda estou comezando o meu repaso do Evanxeo, e xa se me abren os ollos dun palmo; ¡Deus, que miopes foron os de Roma monopolizando os Evanxeos desde o presbiterio; tanto medo lles colleran, daquela, aos protestantes que, en lugar de competir con eles, esconderon as mellores armas!

¡Nin as sogras se libraron dos milagres de Xesús! “En chegando Xesús á casa de Pedro atopou á sogra deitada e con febre. Tocoulle na man e fóiselle a febre. Ela ergueuse e púxose a servilo”. Dúas leccións, dúas: Outra curación, e logo a aceptación como discípulo daquel, ¡máis que Cura!, casado. ¡É ben lamentable que, en vez de Sogra, algúns contraten Amas, co boíñas que son as sogras, que por min falo, de propia experiencia!  
-.-


¿Por que será que nunca botamos tanto en falta a axuda divina como nos intres de angustia; será por iso que o obrigamos a mandárnolas grandes e frecuentes? ¡Para min teño que si! “Subiu á barca, e seguírono os seus discípulos. De súpeto levantouse tan grande temporal no mar que as ondas tapaban a barca; pero el durmía. Os discípulos fórono espertar, exclamando: -¡Señor, sálvanos, que afogamos! El díxolles: ¿Por que vos acovardades, homes de pouca fe? E poñéndose de pé increpou ós ventos e mais ó mar , e veu unha grande calma. Os homes, abraiados, dicían: -¿Quen será este que mesmo os ventos e mailo mar lle fan caso?” ¡É ben lamentable que nos teñan que sacudir os ventos da vida para que nos entre unha miga de temor de Deus!
-.-



Benedicto XVI, predicando co exemplo.


Predicadores de tódalas relixións imaxinables, habidas e por haber, esparexidas por do quier, eu, un simple peregrino que estou poñendo en uso a miña Compostela, decídeme: ¿Os vosos deuses son capaces de resucita-los mortos; nin de cerca? ¡Daquela mudade de chaqueta, cambiade de banco e de bando, pois o verdadeiro, con modestia ou sen ela, évos o noso, precisamente o Crucificado Resucitado! Como probas, entre mil, preséntovos á filla de Xairo: “Mentres Xesús lles dicía estas cousas, velaí que se presentou un xefe que, prostrándose ante el, lle rogaba: -A miña filla acaba de morrer. Vén, impón a túa man sobre ela e vivirá. Erguéndose Xesús, seguiuno cos seus discípulos... Ó chegar Xesús á casa do xefe, vendo os frautistas (aquí chamariámoslles carpideiras) e mailo barullo da xente, dixo: -Apartade, que a rapaciña non está morta; a rapaza dorme. A xente facía riso del. Pero el, en botando para fóra á xente toda, entrou e colleu á rapaza pola man. E ela ergueuse. A noticia espallouse por toda a redonda”.

Era ben certo que durmía, pero..., no seo de Abraham, nese alén onde esperaban pola súa redención tódolos que, coma ela, se ausentaran deste mundo! A propósito: ¡Que explosión de gozo deberon ter os defuntos naquela visita de Xesús, cando lles abriu a porta do Ceo, a definitiva!

Pero se grandioso, insuperable, era o espertar un morto, volvelo á vida, abrirlle os ollos a un cego, ademais de milagre, foi unha lección para todos nós, cegaratos voluntarios: “Cando saíu Xesús de alí, fórono seguindo dous cegos que berraban: Fillo de David, ten dó de nós! E ó entrar na súa casa os cegos achegáronselle. Preguntoulles Xesús: -¿E vos credes que eu podo facer iso? Responderon –Cremos! Entón tocóulle-los ollos, dicindo: -Fágase conforme á vosa fe. E abríronselles os ollos.
-.-

O episodio da curación do mudo tróuxome un mal pensamento: ¿E se lle pedísemos a Deus que enmudecese, polo menos á metade destes contistas, mexeriqueiros, vendedores de falsas promesas..., tanto que temos diso, tantos que sobran! Pero hai outro pasaxe no que propón non corta-lo xoio antes tempo, así que, con eles, paciencia, paciencia e oídos xordos, pero non credulidade! “Ó que se foron os cegos, presentáronlle un mudo endemoñado. (Endemoñado, rebuldeiro, fóra do normal). E así que lle botou o demo fóra (a enfermidade endemoñada), o mudo falou! A xente quedou coa boca aberta (e cando a cerraba) dicía: -Nunca tal cousa se viu en Israel. Pero os fariseos dicían: Bota os demos co poder do xefe deles”. Non, non era así, pois aqueles poderes eran trinitarios; ¡eran celestes! ¡Os diabros obedecérono; que outra lles quedaba!
-.-
Parécennos, poden parecernos, longos, aqueles tres anos de vida pública de Xesús, pero se o foran a escribir todo, en vez de catro evanxelistas precisaríanse catro mil; ¡ben o fixeron, ben, pois referiron o referido con tal claridade que, con só ler, ou escoitar, xa se entende; outra cousa é cumprir, pero fagamos a proba, pois, de comezado, unha virtude tira da outra, que todo se define cunha verba, iso si, magnífica: ¡Amor! ¡Amar a Deus sobre tódalas cousas, e ao próximo, incluso aos feos, facelo por Deus!
“Xesús percorría tódalas vilas e aldeas ensinando nas sinagogas (as igrexas de entón), anunciando a Boa Nova do Reino e curando toda enfermidade e achaque. Pero, vendo a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor. Entón díxolles ós discípulos: -A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que, rogádelle ó dono da sega que mande xornaleiros á súa ceifa”. (Señor, voucho dicir entre parénteses, por se me excomungan: A ceifa actual, a pesares do paro, segue sendo enorme; ¿que pasaría se nos admitisen de curas aos casados, e con nós, as nosas mulleres? Acórdaraches á sogra de Pedro...!)
Ben sabía El, ¡que non vai saber Deus, dono e señor de todo o creado!, que as verdades molestan; molestan ao diabro, e este, que é un cabrón, cabréase, cabréase e contamina. Por iso lles advertiu: “Vede que vos mando como ovellas entre lobos! Así que sede prudentes coma as serpes, (¡iso, ao inimigo hai que vencelo con armas iguais, senón mellores!), pero tamén sinxelos coma as pombas. Tede coidado coa xente porque entregaranvos ós tribunais e hanvos azoutar nas sinagogas. E pola miña causa hanvos levar ante gobernadores e reis, pero así daredes testemuño de min diante deles e dos pagáns”.
Señor, eu son un covarde, pero con iso e con todo, non me acovarda falar de Vos, transmitir un anaco das vosas ensinanzas, da túas Xesús, secundadas polos teus discípulos, pois, se chego a ser mártir coma eles, coroa gañada!
-.-
A todo isto, ¿que foi de Xoán? ¡Na cadea, dando testemuño do arriscado que era, que é, adoutrinar nas verdades! Este mundo, a primeira vista, pero só á primeira, é un reino de mentiras, así que pouco fai falta meditar para decatarse de que as verdades..., proen!
 “¿Con quen compararía esta xeración? (¡Esta, pero tamén as seguintes!) Aseméllase a eses rapaciños que, sentados no rueiro, rifan entre si dicindo: -Tocámo-la frauta, e non bailastes; fixémo-lo pranto, e non chorastes.- Porque apareceu Xoán, que nin comía nin bebía, e din: Ten o demo no corpo. Nestas apareceu o Fillo do Home (fillo de Deus con corpo de Home), que come e bebe, e din: ¡Que larpeiro, que bebedor e que amigo de recadadores e de pecadores. –Con todo, a sabedoría quedou acreditada polas súas obras”. 
Si, certo, rotundamente certo, pero a pobre Herodías non aguantaba as rifas de Xoán, e matinaba, e matinaba..., na súa vinganza! ¡Despois daqueles inocentes de Herodes, outro inocente!

A coreografía desenvolta, luxuriosa, era habitual nos costumes romanos. Salomé, da que coñecemos o seu perfil físico, ¡do moral non digamos!, por unha moeda na que aparece co rei de Calcis, Aristóbulo, do que foi esposa, levada ao inferno por súa nai anticipoulle o Ceo ao Bautista. ¡Non hai mal que por ben non veña!
-.-

¡Achegádevos a min!
 
“Achegádevos a min tódolos que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é levadeiro e a miña carga liviá”. 


¡Señor, aínda que son galego e non cireneo, veña a min ese xugo, veña a min esa cruz, que quero participar na túa evanxelización, aínda que che advirto, parodiando este pasaxe evanxélico, que sen Ti, sen a túa axuda, eu, nada, un cero á esquerda! Ben pensado, a chamada de Deus é de auténtico imán...; daquela, ¿de onde nós vén esa forza diverxente, esa que tanto nos custa vencer? ¡Do diabro, do maligno, que nos promete o que non pode dar, o que nada val..., e crémoslle!
-.-
“Se unha árbore é boa, dará froito bo; e se é mala, o seu froito será malo. Porque a árbore coñécese polo froito”. ¿Que froitos din, eu, eu mesmo, ata hoxe? De cando en vez, algo... ¡Pois será cousa de enxertarme en Cristo, na fe cristiá, no seu cumprimento..., para mellorar, para dá-la talla!
-.-
“-Mestre, queremos ver un sinal teu. Respondeulles: -¡Unha xeración perversa e adúltera reclama un sinal! Pois non se lle dará máis sinal có de Jonás o profeta. Que así como estivo Xonás no ventre do peixe, así estará o Fillo do Home no seo da terra, tres días e tres noites”. 


¡O sinal foi rotundo, definitivo, pero, aínda así..., cabezudos que somos, endemoñados que estamos!
-.-
“Sinalando coa man ós seus discípulos, dixo: Velaí a miña nai e mailos meus irmáns. O que cumpre a vontade do meu Pai Celestial, ese é o meu irmán, a miña irmá, e maila miña nai”. Non sobra aclararlles aos mal pensados que “irmán” en hebreo tiña un sentido moi amplo, aplicándose aos parentes de ata certo grado. ¡Xa o sabemos: para ser considerados da súa familia temos que cumprir a vontade de Deus; é ben doado, non si? Pidámoslle axuda á Virxe, que non hai mellor recomendación, nin sequera en Galicia, que é o país delas, e diso sabemos moito!
-.-
Agora entramos no capítulo das parábolas. Por certo, hai que reparar en que, “Achegándose os discípulos, dixéronlle: -¿Por que lles falas en parábolas? El respondeulles: -Porque a vos concedéusevos coñece-los misterios do Reino do Ceo, pero a eles non... Por iso fálolles en parábolas, porque mirando,  non ven, e escoitando, non oen nin entenden”. ¿Non lles falamos aos nenos dun xeito parecido, ata que van collendo coñecementos? ¡Aí o tedes, que en Xesús todo é lóxico, e nin con esas! Isto válenos para ponderar un tanto a inmensidade do pecado orixinal, que nos deixou de pedra, ¡alén da Idade da Pedra!, máis burros cós burros.


O pecado orixinal foi seguido polo de
violencia de xénero, pero...,
era tan guapa!
-.-
¿Queredes milagres, milagres auténticos, irrefutables, prodixiosos, únicos...? ¡Pois aquí me tedes, no meu paso pola Historia, e a ver se con eles vos apeades do voso paganismo estúpido, paspáns, que sodes uns paspáns, manexados polo innomeable! (Non o dixo Xesús, seguro que non, pero se fose un político dos de agora, pensaría desta maneira, ou similar; pensaríao!).
“Chegada a tarde, os discípulos foron onda el e dixéronlle: -Este lugar está moi arredado e a hora moi avanzada: será mellor que despída-la xente para que vaian ás aldeas e merquen comida. Xesús díxolles: -Non precisan marchar, dádelles vos de comer. Eles responderon: -Aquí non temos máis que cinco bolos de pan e mais dous peixes. Pero Xesús replicoulles: -Pois, traédemos aquí... E comeron todos ata se fartaren, enchendo coas sobras doce cestas. Os que comeron eran uns cinco mil, sen contar mulleres e nenos (que daquela, naquel machismo, non era costume metelos nas estatísticas)”.


Lector, vou parar de escribir, e ti de ler, porque isto, aínda que fixese só isto, é un bo estoupido da graza divina. Cando tiran os fogos do apóstolo, ¿que facemos? ¡Esparramar os ollos e abrir a boca con asombro, non si? ¡Pois cala esa bocaza, e compara, compara o incomparable!  


-.-
“Ó risca-lo día, Xesús foi cara a eles, camiñando polo mar”. (Si, si, está ben transcrito: camiñando por riba das ondas, que nadar é outra cousa!). E os discípulos, véndoo camiñar polo mar, asustáronse, e dixeron: -É unha pantasma. Cheos de medo, empezaron a berrar, pero deseguida lles falou Xesús: -Tranquilos, que son eu... Os que estaban na barca prostráronse ante el dicindo: Realmente ti es Fillo de Deus”.
Hoxe en día, e concretamente nesta Galicia dos nosos pecados, así por alguén que as sabe todas, dicimos: Ese sabe nadar e garda-la roupa! ¿Que diríamos, nós, de ver aqueles “paseos” do Mestre? O mesmo cós seus discípulos: que realmente era, é, Fillo de Deus!
-.-
“... Rogoulle Pedro: Explícanos a comparanza. El díxolle: -Tamén vós estades aínda sen entender? ¿Non comprendedes que todo o que entra pola boca vai dar ó ventre, e de alí ó escusado? Pero o que sae pola boca procede do corazón, e iso si que mancha ó home. Porque do corazón proceden os malos pensamentos, os asasinatos, os adulterios, as fornicacións, os roubos, os falsos testemuños, as blasfemias... Isto é o que mancha ó home; pero comer sen lavar as mans, iso non mancha ó home”.
¡Vaia repaso, todo un código! ¡Mira que lle daban que facer aqueles fariseos; e sempre con minucias ridículas, diríamos hoxe!
-.-
A muller cananea, a veciña da porta: “...-Non é, señor, non, pero tamén os cadelos comen da mesa de seus amos. Entón respondeulle Xesús: -¡Muller, a túa fe é ben grande: fágase, logo, como desexas! E a súa filla ficou sa naquela hora”. 
Queridos xudeus, os da actualidade: ¡Tivéstelo na casa, e traspasástelo aos veciños; non sodes tan listos como vos facedes!
-.-

San Pedro, predicando.
Pedro entrou no seminario..., e mais tiña sogra! “Cando chegou á comarca de Cesarea de Filipo preguntoulles Xesús ós seus discípulos: ¿Quen di a xente que é Fillo do Home? Eles responderon: -Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías, ou algún dos profetas. –E vós, ¿quen dicides que son? Respondeu Simón Pedro: -Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo. Xesús contestoulle: Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás; porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no Ceo. Eu asegúroche que ti es Pedro, ¡a pedra!; e sobre esta pedra vou edifica-la miña Igrexa; (Igrexa: asemblea, comunidade da Nova Alianza, encamiñada a estender o Reino de Deus); e as portas do Inferno non prevalecerán en contra dela. Dareiche as chaves do Reino de Ceo; e todo o que desates na terra, ficará desatado no Ceo”.
Caramba, Francisco, vaia herdanza a túa, esa que che vén do propio Xesús a través de Pedro; vaia poderes os teus! Eu, que tiven poderciños dun Banco, xa me parecía que iso era unha proba de confianza dos meus superiores, así que de ti non digo nada, e non obstante, tan humildiño que es! ¡Deus te bendiga, e ten coidado coas chaves, que hoxe en día hai moitos cerralleiros falsos, falsificando pechaduras..., pero as deles son das portas do Inferno!
-.-
Xesús fai testamento, dá instrucións: “Desde aquela empezou Xesús a aclararlles ós seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén, e que alí o ían facer padecer moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían executar e que ó terceiro día había resucitar. Pedro, colléndoo á parte, comezou a rifar con el, dicindo: Deus te libre, Señor; a ti non che pasará nada diso, de maneira ningunha. Pero el, volvéndose, díxolle a Pedro: -¡Arreda de min, Satanás! Ti es un tentador para min, porque non te deixas guiar por Deus senón polos homes”. 
Non era fácil de entender o legado: ¿Como ía morrer aquel resucitador dos mortos? ¡Os Apóstolos viran moito, aprenderan moito, pero aínda lles faltaba o máis sorprendente: O Fillo de Deus perseguido, morto, e resucitado por si mesmo! Xudas Iscariote, aquel da bolsa, díxose: ¡Xa que non lle importa morrer, vouno denunciar, pois os cartos, cartos son! E Pedro, aos poucos, atordado polo medo, coa fe posta a proba, vai e négao, ¡tres veces! Claro que se arrepentiu, e chorou; ¿choramos nós, choro eu, traidores e covardes, que tamén somos? ¡Hai que ter en conta que aínda non recibiran o Espírito Santo, que os confirmou seguidamente, naquel Pentecostes! 
“Entón díxolles Xesús ós seus discípulos: Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga... Porque o Fillo do Home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón pagará a cada quen conforme á súa conducta”. Está claro: Os desertores non ganan batallas, así que, se somos listos, apostaremos a gañador, por pesada que sexa a Cruz!
-.-


“Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos como a luz”... “Aínda estaba falando cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e unha voz saíndo da nube dixo: Este é o meu Fillo benquerido, o meu predilecto: escoitádeo!”.
Señor, aquí abaixo, hai tanto barullo, tanta esmorga, tanta verborrea..., que non resulta doada a mística, pero fainos tanta falta transformarnos, achegarnos a Ti, á luz da verdade!
-.-
Se lee isto un abortista, que o faga, que o lea, tres veces..., para que aprenda o que vale un neno! ¿Desde cando se é neno? ¡Desde o intre en que dúas moléculas, transportando dous retallos de almas, se fusionan para orixinar unha nova criatura, outro corpo CON ALMA! Daquela, nun aborto, en cada aborto, mátase un neno, un neno que xa tiña alma! “Naquel momento acercáronse os discípulos a Xesús para preguntarlle: -¿Quen é o máis importante no Reino do Ceo? El chamou por un meniño, púxoo no medio deles, e dixo: -Asegúrovolo: se non cambiades e non vos facedes coma nenos, non entraredes no reino do Ceo. Quen se faga pequeno coma este cativo será o máis importante no Reino do Ceo. E quen acolla a un meniño coma este no meu nome, acólleme a min”.
Isto, no positivo; no negativo, trágame terra! Por se non chegaba, engadiu: “Pero quen escandalice a un destes pequenos que cren en min, máis lle valería que lle colgasen unha pedra de muíño ó pescozo, e que o largasen ó fondo do mar. ¡Ai do mundo polos seus escándalos!” 
Hai pasaxes no Evanxeo que deberan estar gravados nas portas das igrexas, aínda que, de ben pensado, para qué, se a metade da xente, pese a estar bautizados, cando pasan/cando pasamos, por xunto delas, nin nos persignamos!
-.-
A ovella perdida. Isto entenderano ben aqueles pais que teñan a desgraza de contar con un fillo/a disoluto/a: “A ver que vos parece: Se un home ten cen ovellas e perde unha, non deixará ás outras noventa e nove  no monte, para busca-la descarreirada? ... Do mesmo xeito, a vontade do voso Pai Celestial é que non se perda ningún destes pequenos”.
É terrible pensar nas consecuencias de certos comportamentos que incitan ou invitan aos cativos a descarreirarse. ¡Aquí pido, e fago, un minuto de silencio, de reflexión, como só se adoita facer polos mortos, por aqueles que igual están máis vivos cá nosoutros, pecadores mortos en vida..., de traspasada a Gran Porta, esa do Exame Final!
-.-
A oración en común, ¡cando é oración, que tamén hai sonsonetes, ecos, simples compases fónicos! “Asegúrovos tamén que se dous de vós se poñen de acordo na terra para pedir calquera cousa, conseguirano do meu Pai Celestial. Porque onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí no medio estou eu”.
¿E se a reunión é para delinquir, que? Nestes casos o que se sitúa no medio non é Deus senón o cornudo, ese embaixador dos infernos! ¡Libéranos domine!
¿Estamos xuntos, xuntámonos, para rezar, si; e non será, tamén, para divertirnos, para ver de cerca os foguetes do Apóstolo?
-.-
¿Que, copiamos do Mestre? ¡Non é doado, pero hai que facelo! “Entón, Pedro, achegándose, (¡bo alumno, vive Deus!), preguntoulle: -Señor, ¿cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? ¿Ata sete veces? Respondeulle Xesús: -Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete”. ¡Foi igual que dicirlle, sempre!
-.-
Pasa a
XA QUE TEMOS A COMPOSTELA...
-III-
Xosé María Gómez Vilabella


No hay comentarios: