Aquí, Señor, diante deste
ordenador, onde vou reproducir unha lembranza do Nacemento, acepta a miña
adoración, reproducindo aquel da señora
Emilia de Brañas, de Millares, que tanto me emocionou!
Non me cansarei de reproducir
esta foto da Santa
Emilia de Brañas,
de Millares (Valeira).
-.-
Simeón. “Vivía naquel tempo en Xerusalén un home xusto
e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito
Santo, que estaba con el, tíñalle prometido que non había morrer sen ve-lo
unxido do Señor. Movido polo Espírito, foi ó templo, e, cando entraban os pais
do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el, colléndoo nos
brazos, louvou a Deus dicindo: -Agora podes, Señor, segundo a túa promesa,
despedir en paz ó teu servo, porque xa os meus ollos viron o teu Salvador, o
que preparaches para tódolos pobos: luz de revelación para os xentís e
gloria do teu pobo Israel”.
Simeón viuno antes de morrer, pero eu, a distancia,
pido, suplícolle ao Neno, que me deixe entrar no templo definitivo, no do Ceo.
¡Amén!
-.-
Falando do templo, volvamos ao templo buscando o seu abeiro, a súa luz, o seu ensino:
“... E resulta que, ó cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio
dos doutores e dialogando con eles. Tódolos que o escoitaban estaban asombrados
do seu talento e das súas contestacións. Ó velo, ficaron moi impresionados, e
súa nai preguntoulle: -¡Meu fillo! ¿Como te portaches así connosco? Mira que
teu pai (por Xosé) e mais eu andamos cheos de angustia en busca túa. El
respondeu: -¿E logo por que me buscades? ¿Seica non sabiades que teño que estar
na casa de meu Pai? ... Xesús medraba en estatura, en sabedoría e en gracia
diante de Deus e mais dos homes”.
Axudaba na carpintería, por suposto, pero o seu Oficio
era Divino; tíñanse que ir afacendo a considerar que El viñera de Doutor dos
doutores, de Mestre absoluto.
-.-
O capítulo das tentación é para ler e reler, pois só
así nos decataremos da importancia que ten encomendarse a Deus cando nos tenta
a soberbia e demais vicios. Nas tentacións opera a nosa liberdade, así que se a
usamos para mal, pecando estamos. Señor, non nos deixes caer na tentación, e
líbranos do mal..., do mal e do maligno!
-.-
Chegou a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou,
como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para face-la lectura, e déronlle o
libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
O espírito do señor está sobre min,
porque El foi quen me unxiu
para proclamarlles a Boa Nova ós pobres.
Mandoume para a anunciarlles a liberación
ós secuestrados,
e a vista ós cegos,
para darlles liberdade ós asoballados,
e proclamar o ano de gracia do Señor.
“... Hoxe cómprese
diante de vós esta pasaxe da Escritura”, etc., etc. ¡Aínda non chegara á idade
da súa vida pública, pero non acougaba sen predicar, consciente da falta que
lles facía oílo, así que a sona de Xesús foise estendendo por tódolos lugares
daquela terra! ¡Era o natural: Coñecíano, pero custáballes entendelo!
-.-
Aprendamos, aprendamos, que nos queda moito que aprender. “E
púxolles unha comparanza: -¿Acaso poderá un cego guiar a outro cego? ¿Non
caerán os dous na fochanca? Non está o discípulo por riba do mestre, anque todo
discípulo que chegue a prepararse ben, será coma o seu mestre. ¿Por que reparas
no lixo que hai no ollo de teu irmán, e non te decatas da trabe que está no teu
propio ollo?”
¡Que humano, e que frecuente, iso de non ver a nosa
propia trabe; sentímonos mestres sen pasar de alumnos! ¡Maldita soberbia!
-.-
A fe do Centurión. “Abonda cunha palabra túa, e o meu criado
quedará curado”. ¿Por que será que adoita entrarnos o sono cando escoitamos as
homilías? ¡É a palabra de Deus, pero resistímonos, e iso que tamén temos
enfermos na casa, comezando por nós mesmos!
-.-
Cantas máis mulleres atopo nos Evanxeos máis me
pregunto por que tardamos tanto en recoñecerlles a súa función apostólica,
evanxélica. Eu mesmo abrín os ollos dun palmo, que ata me esvararon as gafas,
cando vin, aquí na miña igrexa de San Pablo, que o Párroco as autorizaba para
repartir eucaristía.
“Despois disto púxose a percorrer vilas e aldeas,
predicando e anunciando a Boa Nova do Reino de Deus. Ían con el os doce e mais algunhas mulleres que el curara de
doenzas e de malos espíritos: María, chamada Magdalena, Xoana, a muller de
Cusa, administrador de Herodes, Susana, e outras moitas que o servían cos seus
bens”.
¿De Amas de Cura, si, pero, de Curas, non? ¡Ai,
mulleres, mulleres, que dóciles sodes, pois eu, na vosa fanguela, tede por
seguro que me ía a Roma, cos Evanxeos na man, e alí comportaríame dun xeito parecido a como fixo Moisés coas
táboas nas que levaba escrita a Lei!
-.-
Nunca sobra repetir, aclarar, esta pasaxe, xa que
tanto sorprende aquel xeito, medio infantil, de explicarse con contos, con
parábolas: “A vós concedéusevos coñece-los misterios do Reino do Ceo, pero ós
outros unicamente en parábolas, de xeito que, vendo, non ven, e escoitando, non
entenden”. A Lucas faltoulle engadir (para nós): ¡Nin así fan por entender!
Realmente era un xeito moi persoal de axudarlles a entendelo, unha bondade
máis, pero, nin con esas..., coas orellas do revés!
-.-
CAMIÑO DE XERUSALÉN
Se agora dicimos que tódolos Camiños levan a Roma, a
Roma ou a Santiago, daquela tiñan a Xerusalén de cabeceira: Alí estaba o
templo, alí matarían nada menos que ao Fillo de Deus, e alí, alí mesmo, faríase
visible a Resurrección de Cristo.
Cando ordenou aos setenta e dous, “... e mandounos de
dous en dous por diante del a tódalas vilas e aldeas onde tiña pensado ir.
Díxolles: ... Ide e sabede que vos mando como años entre lobos...” Como años
entre lobos andarán sempre os Apóstolos, os predicadores da Boa Nova,
porque..., están na terra deles, na terra dos rebeldes, e non somos doados de
domar! ¡Seino por min mesmo, tantos predicadores que levo tido, que me levan
falado, e aínda así...!
-.-
Marta e María; coma quen di, a leiga e maila monxa, que as dúas eran
/ e son, necesarias, útiles. “Cando ían de Camiño, entrou en certa aldea, e
unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada
María, que sentada ós pés do Señor, escoitaba as súas palabras. Marta, en
troques, estaba moi apurada co labor da casa; e achegándose a el, díxolle:
-Señor, non che importa que a miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me
bote unha man. Pero o Señor respondeulle: Marta, Marta, preocúpaste e
desacóugaste con tantas cousas, pero soamente unha é a necesaria. María
escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar”.
A prevalencia da oración, por suposto, fronte aos
outros afáns. ¿Non vemos nesta María un
anticipo da muller sacerdote? ¡Eu véxoa así, pero..., tempos traen tempos!
-.-
Os dilectos os nenos, pola súa inocencia, claro! “E
levábanlle tamén os meniños para que os tocase. Pero os discípulos, (tomándoo a
molestia), rifábanlles. Entón Xesús chamounos e dixo: -Deixade que os nenos se
acheguen a min: non llelo privedes, porque dos que son coma eles é o Reino de
Deus. Asegúrovos que aquel que non reciba como un neno, o Reino de Deus non
entrará nel”.
-.-
O perigo das riquezas, presente nos Evanxeos.- “Tende
por seguro que ninguén que deixa casa, ou muller, ou irmáns, ou pais, ou fillos,
polo Reino de Deus, pasará sen recibir agora cen veces máis, e no futuro a vida
eterna”.
A isto se veñen acollendo os Curas, pero mal
interpretado, pois, deixar de ter familia, deixar de ter fillos para ter
“sobriños”, non é ningún gaño senón unha falsidade. ¡Hai que aprender a ler!
-.-
¡Señor, eu tamén, que tamén vou de Camiño, quero ir, contigo, por días de
vida! Contóunolo Lucas con todo detalle, así que o vou ler, tres ou catro
veces, para que nunca máis volva a levar comigo a Xesús de Nazaret, resucitado,
explicándome os Evanxeos, e eu sen sabelo, sen velo, sen decatarme!
“Aquel mesmo día dous deles ían camiño de Emaús, unha
aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. Ían falando de canto pasara.
E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse, e
camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para recoñecelo.
Entón preguntoulles: -¿De quen ides falando polo camiño? Eles pararon cun
aspecto moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle: -¿Seica es ti o único
forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
El preguntou: -¿De que, logo? Eles contestaron: -Do asunto de Xesús o Nazareno,
que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo;
de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o
crucificaron. Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van
alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das
nosas déronnos un susto, porque foron ó risca-lo día ó sepulcro. E, ó non
atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron
que el vive. E algúns dos nosos alá foron ó sepulcro, atopando todo como as
mulleres dixeran; (¡quen lles ía crer sendo mulleres!); pero a el non o viron.
Entón díxolles: -¡Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os
profetas! E logo, ¿non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar
na súa gloria? Comezando por Moisés e tódolos profetas foilles interpretando o
que as Escrituras falaban del. Ó entraren na aldea onde ían fixo coma quen
quería seguir para adiante, pero eles porfiáronlle, dicindo: Quédate connosco,
porque se fai tarde, e a noite bótase enriba”.
¡Deus, que se nos bota a noite enriba, a noite da
morte, e nós, uns cantos, eu entre eles, aínda con dúbidas! Por favor, acende a
túa lámpada, iso, antes da noite irremisible!
“Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o
pan, bendíxoo, partiuno e déullelo. (¡Comungaron!). Entón abríronselles os
ollos e recoñecérono, pero El desapareceu. Dixeron: ¿Non ardía o noso corazón
cando nos falaba polo Camiño, interpretándono-las Escrituras? E levantándose no
intre, volveron a Xerusalén. (¡Coa noite pecha, que non lles importou!). Alí
atoparon ós Once reunidos cos seus acompañantes, que dicían: -É certo, o Señor
resucitou e aparecéuselle a Simón. Eles tamén contaron o que lles pasara polo
camiño, e como o recoñeceran no parti-lo pan”. ¡Todo está no pan..., xa que no
pan se quedou, no da Eucaristía!
Quédanos
Xoán, un de tantos Xoán, que, por
certos indicios, os teólogos pensan que foi aquel rapaciño ao que lle deu
Xesús, xa na cruz, a María por nai, en plena adopción. Se foi aquel, que tal
parece, aquí, e así, o representamos:
Sexa
quen fose, e como fose, o que está claro é que as preocupacións deste
Evanxelista e a súa finalidade son máis ben de tipo teolóxico. Sen embargo, non
por isto descoida os datos históricos.
Apuntes de Xoán:
A
Lei deuse por medio de Moisés; a gracia e a verdade realizáronse por Xesús
Cristo. A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen
nolo revelou.
Xesús
posúe o Espírito en plenitude, como estaba anunciado no A.T. Por iso pódeo
comunicar aos outros. Esta comunicación faina polo Bautismo co Espírito Santo.
Deste bautismo faláralle Xesús a Nicodemo; inaugurarao o mesmo Xesús o día de
Pentecostes, e administrárano os Apóstolos a partir dese día. Estes son os
pasos do Camiño.
-.-
“Ó
terceiro día (despois de escollidos os discípulos, os “ministros”) houbo un
casamento en Caná de Galilea, (¡decatádesvos, renegados do matrimonio, que o
propio Fillo de Deus iniciou os seus milagres bendicindo o viño dunha voda,
pois iso foi aquela multiplicación!), e estaba alí a nai de Xesús. Tamén foi
convidado Xesús e mailos seus discípulos ó casamento. Chegou a falta-lo viño e
a nai de Xesús díxolle: -Non teñen viño. (¡Non aguantaba sen pedirlle milagres;
que conste, e que nos conste!). Replicoulle Xesús: -Muller, ¿que ten que ver
iso comigo e contigo? Aínda non chegou a miña hora. Súa nai (¡que ben sabía a
quen tiña na casa!), díxolles entón ós servidores: -Facede o que el vos diga.
... Foi así como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea;
manifestou a súa gloria, e creron nel os seus discípulos”. ¡Viño de
celebración, viño de premonición!
-.-
Fe
imperfecta, entre outras a miña, que tantos dentes de serra leva tido: “Estando
Xesús en Xerusalén pola Pascua, no día de festa, moitos creron nel, vendo os
signos que facía. Pero, pola súa parte, Xesús non se fiaba deles, porque os coñecía
a todos. Non precisaba que ninguén lle dese información de ninguén, que ben coñecía el o que había no home”. (Vén a ser coma o que ten un terra mala, e en
vez de deixala a silvas, abona e abona, esperanzado en facela boa!).
-.-
¡Atención, vellos,
que vai por nós!
“Replicoulle Nicodemo: ¿Como pode un home nacer, sendo vello? ¿Pode entrar
outra vez no seo da nai e nacer? Respondeulle Xesús: -Con toda verdade cho
aseguro: como un non renaza pola auga e o Espírito, non pode entrar no reino de
Deus. O que naceu da carne, é carne; e o que naceu do Espírito, é espírito”. ¡No comment, que non fai falta!
-.-
Pero
hai máis, que máis remacha na ocasión seguinte, completando a predicación
simultánea de Xoán: “Quen vén de arriba, está por riba de todos; quen é da
terra, á terra pertence e da terra fala. O que vén do Ceo, está por riba de
todos; do que viu e oíu, disto dá testemuño; pero ninguén acepta o seu
testemuño. Quen acepta o seu testemuño, confirma que Deus é verdadeiro. Porque
aquel a quen Deus mandou, fala as palabras de Deus, que non dá o Espírito cunha
medida limitada. O Pai ama ó Fillo e púxolle tódalas cousas nas súas mans. Quen
cre no Fillo, ten vida eterna; pero quen non obedece ó Fillo non verá a vida,
que a ira de Deus pesa enriba del”. (Obviamente é unha forma de falar para
estimularnos, pois Deus non é irado, ¡nin quere, nin pode, xa que é verdade,
verdade amorosa, e como tal verdade, xustiza, xusticeiro; ecuánime pero
xusticeiro!).
-.-
O
encontro coa Samaritana é de
película. ¡Un dicir, pois os feitos históricos, pola súa natureza e
importancia, son irrepetibles; nada tan ridículo como asumir as personalidades
históricas, de seu inimitables, e menos a distancia, por un simple actor, por
moi de carácter que sexa!
“Necesitaba
pasar pola Samaría. Chegou, logo, a unha cidade da Samaría chamada Sicar, preto
do terreo que lle deixara Xacob ó seu fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacob. E
Xesús, canso do camiño, (¡dos Camiños, de tanto predicar para xordos, coma
aquel frade de quen se dixo: Predícame frade, que por un oído me entra e por
outro me sae!), sentou onda o pozo. Era ó pé do mediodía. Chegou unha muller de
Samaría sacar auga. E Xesús díxolle: Dáme de beber. Os seus discípulos foran á
vila, mercar comida. Preguntoulle entón a muller samaritana: -¿Como é que ti,
sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque
os xudeus non se levaban ben cos samaritanos). Respondeulle Xesús: -Se
coñecése-lo don de Deus e quen é o que che di “dáme de beber”, ti mesma lle
pedirías a el e el daríache auga viva”.
¿Auga
viva? ¡E tanto! Xesús volvería a falar diso, dese símil, na Festa das Tendas.
“Replicoulle
a muller: -Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo. ¿De onde
pensas quitar esa auga viva? ¿Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu
este pozo, do que beberon el, seus fillos, e mailo seu gando? Xesús
contestoulle: Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez, pero o que beba
da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei
converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna. A muller
suplicou: -Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede, nin ter que vir aquí
por ela. Díxolle Xesús: -Vai chamar polo teu home e volve aquí. A muller
contestou: -Non teño marido. Xesús díxolle: -Falaches ben, dicindo “non teño
marido”; tiveches cinco homes e o que tes agora non é o teu marido. A muller
respondeu: -Señor, vexo que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monde e
vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar. Xesús díxolle: -Faime caso,
muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoredes ó Pai.
Vós adorades o que non coñecedes; nós adorámo-lo que coñecemos, pois a
salvación vén dos xudeus. Pero chega a hora, xa é agora, en que os verdadeiros
adoradores adorarán ó Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores
que procura o Pai. Deus é espírito e compre que os que o adoran, o adoren en
espírito e verdade”.
¡Que
ledicia e que sorte a daquela pecadora falando co Fillo de Deus, pero non o
facía a distancia, pois a fe falaba nela, por ela! Nesa fe,
“Respondeu
a muller: -Sei que está para vi-lo Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña
hanos anunciar tódalas cousas. Díxolle Xesús: Son eu, o que está falando
contigo. Nisto chegaron os seus discípulos e chamóulle-la atención que falase
cunha muller. Pero ningún lle preguntou: “Que pretendes?”, ou “De que falas con
esa?”. Entón, deixando a muller o seu cántaro, foi á vila e díxolles ós
veciños: -Vinde ver un home que me dixo todo canto eu fixen. ¿Non será el o
Mesías? ... Moitos samaritanos daquela vila creron nel, pola palabra da muller, (¡outro apóstolo, esta vez feminino!), que
declaraba: “díxome todo canto eu fixen. Por iso os samaritanos chegados onda
el, rogábanlle que se quedase con eles; e quedou alí dous días. E creron aínda
moitos máis polo que el lles dixo”.
¡Deus,
que gloria, e que sorte, ver ao teu Fillo predicándolles aos pecadores; está
visto que, na túa bondade desbordante, acodes a onde máis te necesitamos, así
sexa en terra inimiga, hostil!
-.-
Testemuños:
“Eu
teño un testemuño máis importante có de Xoán, pois as obras que o Pai me
encargou levar a cabo, esas obras que eu fago, dan fe de que son un mandado do
Pai. E o Pai, que me mandou, dá testemuño en favor de min. Pero vós non oístes
nunca a súa voz, nin víste-lo seu rostro e tampouco conserváde-la súa mensaxe
entre vós, porque non credes naquel que el mandou. Estudiáde-las Escrituras
coidando que nelas tendes vida eterna: pois esas son as que testemuñan a favor
miña e vós non queredes vir a min, e así ter vida. Mais se non fiades nos seus
escritos, ¿como ides crer nas miñas palabras?”.
Señor,
eu quero crer, ¡vaia se o quero!, o que pasa é que os quereres terreos tiran
tan forte de min que..., que me torzo, por veces! Dáme, préstame, o teu báculo
da verdade para seguir polo Camiño correcto, sen retrocesos, sen caídas, sen erros, sen desviacións!
-.-
O discurso do pan da
vida: Xesús, que
utiliza unha vez máis a fórmula divina, identifícase co pan do Ceo, que dá o
Pai e que lles convén a eles. Anuncia así a Eucaristía: “Díxolles entón Xesús:
Con toda verdade volo aseguro: se non coméde-la carne do Fillo do Home e non
bebéde-lo seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o
meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña
carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida. Quen come a miña
carne e bebe o meu sangue, permanece en min e eu nel. Así como o Pai, que me
mandou, vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este
é o pan que baixou do Ceo”.
Meditemos
e comunguemos, PERO..., en graza de Deus, arrepentidos, que outra forma non hai
de recibir ao Redentor. ¡Iso, de recibir
ao Redentor, pois, para ir xunto del, primeiro visítanos a nós, e co indignos
que somos!
-.-
“Entón
eles preguntáronlle: -¿Onde está teu Pai? Xesús respondeulles: -Nin me
coñecedes a min, nin a meu Pai; se me
coñecésedes a min, coñeceriades tamén a meu Pai”.
Señor,
ben sabedes que as tebras do mundo, deste mundo que se fixo tenebroso pola
herdanza do pecado, por veces escurécenme o Camiño. Segundo no coche teño
faros, pídoche de xeonllos que non se apague en min aquela candea que
acenderon meus padriños, no meu bautizo, na igrexa de Montecubeiro. Se me
salvo, algún día poderei presentarme ante eles, que seguro os tes no Ceo, para
darlles as grazas polo inestimable obsequio de acristianarme!
-.-
Curación
dun cego de nacemento. Era crenza común entre os xudeus que todo mal é
consecuencia dun pecado. Xesús vailles dicir que, se é verdade que o mal está no mundo polo pecado, non o é que todo mal
físico veña dun pecado. “Ó pasar, viu a un cego de nacemento. Entón
preguntáronlle os seus discípulos: -Mestre, ¿quen pecou, para que nacese cego:
el ou seus pais? Xesús respondeu: -Nin pecou el nin os seus pais, senón que
está cego para que se mostren nel as obras de Deus. Precisamos face-las obras
do que me mandou mentres é día; está a chega-la noite, e daquela ninguén pode
traballar. Mentres eu estou no mundo, son a luz do mundo. Dito isto, cuspiu na
terra e fixo lama co cuspe, e untouna polos ollos do cego, Etcétera.” ... Oíu
Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:-¿Cres ti no Fillo do Home?
El respondeulle: -¿E quen é, Señor, para que crea nel? Díxolle Xesús: Éche o
mesmo que estás vendo e que está a falar contigo”.
Deus,
eu vexo, pero máis ben cos ollos da carne, con gafas; por iso douche as grazas,
que peor podía estar, pero tamén preciso abrir os ollos da alma; e de abertos,
ensinar a andar aos cegos, a eses cegos que palpan, coma min, os teus milagres,
pero, nin con esas...!
-.-
Lázaro. “Díxolle Xesús:-Eu son a
resurrección e a vida. Quen cree en min, aínda que morra, vivirá; e todo o que
vive e cre en min, non morrerá endexamais. (Non morrerá, non se perderá
definitivamente). ¿Cres ti isto? Ela respondeu: Si, Señor: eu creo que ti e-lo
Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ó mundo”.
¡Pero
como somos de cerrados, como nos adurmiñou aquel pecado, o orixinal, que
necesitamos ducias de milagres para decatarnos de que Xesús viña de onde viña,
e era quen realmente dicía ser!
-.-
Retorcidos
aqueles xudeus..., e nós tamén! “Pero algúns dixeron: “E logo este, que deu
vista ós ollos dun cego, ¿non podía facer que non morrese?” ¡Ben lles aguantou
Xesús, ben, ata o incrible!
-.-
¡Tres
anos de milagres continuos, e de explicacións baixo tódalas fórmulas da
didáctica máis perfecta, e aínda seguían verdes aqueles fariseos! “Xesús gritou
(Se non fose quen era, cabía pensar que foi un berro de desesperación pola
esterilidade da súa predicación): -Quen cre en min, realmente non cre en min,
senón naquel que me mandou. Eu son luz que veu ó mundo para que todo o que cre
en min non permaneza nas tebras. Se alguén escoita as miñas palabras e non as garda, eu non o xulgo, pois non vin
para xulga-lo mundo, senón para o salvar.
Quen me despreza e non recibe as miñas palabras, ten quen o xulgue: a palabra
que eu falei hao xulgar no derradeiro día. Porque eu non falei pola miña conta,
senón que o mesmo Pai, que me mandou, deume a encomenda do que debo dicir e de
como debo falar. Por iso, as cousas que eu falo, fáloas como mas dixo o Pai”.
Reflexión: A misión de Cristo é salvadora,
pois é a mesma misión do Pai. Pero o home pode aceptar ou non a palabra de
Xesús. Se a acepta será un fillo da luz,
e a salvación de Cristo farase realidade nel; pola contra, se non a acepta,
será un fillo da tebra, e a palabra
rexeitada será un argumento contra el. ¡Quedamos advertidos!
-.-
“Comprendéde-lo
que fixen convosco?”. ¡Dubídoo, pois, se atinásemos a comprender este signo de
humildade, sería a mellor vacina contra este mal infernal da soberbia!
-.-
Un mandamento novo, que por certo o temos medio
esquecido: “Cando saíu, dixo Xesús: Agora queda glorificado o Fillo do Home e
Deus queda glorificado nel. Se Deus queda glorificado nel, tamén Deus o
glorificará a el e hao glorificar axiña. Meus fillos: só un pouquiño estarei
convosco. Habédesme buscar, pero, como lles dixen ós xudeus, dígovolo a vós agora:
“onde vou eu, vós non podedes vir”. Douvos
un mandamento novo: amádevos uns a outros; como eu vos amei, amádevos tamén
entre vós. Nisto coñecerán todos que
sóde-los meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros”.
-.-
Xesús
Camiño cara o Pai. “Xesús respondeulle (a Tomé): Eu son o Camiño, a Verdade e a
Vida; ninguén chega onda o Pai mais que por min. Se me coñecésedes,
coñeceriades tamén a meu Pai; anque xa desde agora o coñecedes e o tedes visto”
Neste
pasaxe, Xesús preséntase como o Camiño,
a Verdade e a Vida. É o Camiño,
como é a porta, porque non se pode chegar ao Pai prescindindo de Xesús. É Verdade porque nos revela fielmente ao
Pai. Xesús é a Vida porque pode
dá-la súa e recollela, dar vida eterna a quen quere, e porque quixo o Pai que
teña vida pola súa conta.
-.-
A promesa do Espírito.
“Díxenvos
estas cousas mentres estaba convosco, pero o Paracleto, o Espírito Santo que
meu Pai mandará no meu nome, ese havos ensinar todo, e traeravos á lembranza canto eu vos dixen. Déixovo-la paz,
dóuvo-la miña paz: eu non vola dou como o mundo a dá. Non vos agoniedes, nin
teñades medo”.
A
proba desta promesa foron, e son, os Evanxeos: auténtica recompilación
biográfica de Cristo.
-.-
CONCLUSIÓNS DE SAN
XOÁN
“Este
é o discípulo que dá testemuño desas cousas e o que as escribiu; sabemos que o
seu testemuño é verdadeiro. Hai aínda moitas máis cousas que fixo Xesús,
que, se se escriben unha por unha, coido que o propio mundo non podería
conte-lo libros que se habían escribir”.
Pola
miña parte, perdóame Xoán, e contigo Mateo, Marcos e Lucas, por este extracto
tan mínimo que acabo de facer dos vosos escritos; o completo deles déixolle-los
aos Curas, que como non teñen fillos, están máis abondosos de tempo. Isto meu
foron unhas simples reflexións persoais, coa simple intención de contribuír
un chisco a esa labor apostólica que nos incumbe a tódolos cristiáns, pois para
isto non hai xubilación. ¡Antes ao contrario!
-oOo-
¿Que foi daqueles
apóstolos, que fixeron?
¡Tranquilos,
que tamén aquí vou ser breve, ou máis que breve, lacónico. Comezarei así: A
Igrexa en Xerusalén. Primeiro pasos. Con
Xesús resucitado: “... elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa
vista. Estando eles fitando para o Ceo mentres El marchaba, presentáronselles
dous homes con vestidos brancos, que dixeron: -Galileos, ¿que facedes ollando
para o Ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ó Ceo, ha de volver do
mesmo xeito que o vistes ir”.
“Entón
volveron para Xerusalén desde o monte das
oliveiras, que está cerca de Xerusalén: distante o camiño que se pode facer en
sábado. Logo que chegaron, subiron ó cuarto de arriba, onde residían Pedro,
Xoán, Santiago, Andrés, Felipe, Tomé, Bartolomeo, Mateo, Santiago o de Alfeo,
Simón o Zelota e Xudas o de Santiago. Todos eles dedicábanse conxuntamente á
oración, coas mulleres e mais María a nai de Xesús, e cos seus irmáns”.
Pero,
somos once! Así que..., “sortearon, e (a vacante) correspondeulle a Matías, que
formou grupo cos once apóstolos”.
-.-
“Cando
se cumpriron os días de Pentecostes, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De
súpeto, veu do ceo un ruído como dun forte golpe, que encheu toda a casa onde
estaban; e apareceron talmente como linguas de lume, que, repartidas, foron
pousándose unha sobre cada un deles. Quedaron
cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles
concedía o Espírito”.
Pedro,
encabezando o apostolado, e todos eles asistidos, ¡transformados!, polo
Espírito Santo, comezou a súa homilía. ¡Aquela si que foi Misa maior!
“Israelitas, escoitade: fálovos de Xesús de Nazaret, home acreditado por Deus
ante vós por milagres, marabillas e sinais que Deus fixo por El entre vós, como
vós mesmos sabedes; a este, entregado conforme ó plan establecido e á previsión
de Deus, matástelo crucificándoo por man de impíos. Pero Deus resucitouno,
librándoo das dores da morte, pois non era posible que ficase baixo o seu
dominio”.
A Igrexa avanzaba...;
chegou a min, e seguirá, polos séculos dos séculos, que así nolo prometeu o
propio Xesús. ¡A obriga dos cristiáns está en practicar a súa doutrina, en
facer apostolado!
-.-
Comezan a bautizar. Pedro concluíu: “Saiba, logo, con
certeza toda a casa de Israel que Deus fixo Señor e Mesías a este Xesús a quen
vós crucificastes. Ó sentiren isto, quedaron moi impresionados (¡sería cousa de
velos, con aquel deicidio sobre as súas conciencias, uns por activa e outros
por pasiva!) e dixéronlle a Pedro e ós outros apóstolos: -Irmáns, ¿que debemos
facer? Pedro respondeulles: Arrepentídevos e cambiade, que cada un de vós se
faga bautizar no nome de Xesús para o perdón dos seus pecados, e recibiréde-lo
don do Espírito Santo. Porque a promesa é para vós e mais para os vosos fillos
e para tódolos que están lonxe, tantos como queira chamar o Señor noso Deus”.
-.-
Cos sermóns viñeron
os milagres e mailas conversións. Os martirios, que comezaron con Estevo. A
conversión de Saulo (Pablo), etcétera, etcétera, ata hoxe. Pero o que non me
pode quedar no tinteiro, nin extractarse, é a carta de Santiago, que dá para
meditar, tamén hoxe. ¿De cal Santiago, do noso, ou do outro, do Maior ou do
Menor? Que o discutan os teólogos, pero
eu estou tentado de chamarlle a esta epístola, “Consellos para Gallaécicos”,
así, por cousas, pois de Galilea a Galicia carácter, materia común, temos!
Santiago, o servidor de Deus e do Señor
Xesús Cristo, saúda ás doce tribos que están na emigración.
As tentacións.- Cando vos vexades envoltos en
diferentes tentacións, meus irmáns, tédevos por moi ditosos, porque xa sabedes
que aquilo que somete a proba á vosa fe xera paciencia. Pero compre que a
paciencia vaia acompañada de boas obras, de xeito que sexades perfectos e
completos sen fallardes en cousa ningunha.
Se alguén de vós está necesitado de sabedoría, que lla pida
a Deus, que llela dá a todos abondosamente e sen roñar; e a ese tal tamén lla
ha dar. Pero cómpre que pida con fe e sen dubidar para nada, que quen dubida é
coma as ondas do mar, que o vento abala e leva de aquí para acolá. Un home así
non pense recibir cousa ningunha do Señor: é un indeciso e un inconstante en
tódolos seus camiños.
Que o irmán de condición humilde se glorie da súa gran
dignidade; e o rico, da súa humillación, porque pasará coma a flor da herba:
soérguese o sol coa súa fogaxe e queima a herba, cáelle a flor e pérdese a súa
fermosa aparencia; pois así mesmíño murchará o rico nas súas empresas.
Benia o home que resiste na tentación, porque, como a
supere, recibirá o premio da vida, que Deus prometeu ós que o aman. Que ninguén
diga ó se ver tentado: “Deus é quen me tenta”, porque nin o mal tenta a Deus
nin Deus tenta a ninguén. A cadaquén téntao a súa cobiza cando o arrastra e
engaiola: despois a cobiza concibe e pare o pecado; e o pecado, en
consumándose, xera morte. Non vos trabuquedes, irmáns queridiños. Todo bo
regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai dos luceiros en quen nin
hai cambios nin tempos de sombras. Pola súa vontade tróuxonos á vida coa
palabra da verdade, para que fósemos como as primicias das súas criaturas.
Escoita-la palabra
e cumprila.- Xa
o sabedes, meus irmáns benqueridos: que todo home sexa espelido para escoitar,
calmo para falar e calmo tamén para o asaño, porque o asaño do home non leva á
conducta que Deus pide.
Polo tanto, rexeitando calquera lixume ou resto de ruindade,
acollede docilmente a Palabra enxerta en vós, que pode salva-las vosas vidas.
Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con escoitala xustificándovos
con razóns enganosas. Porque quen escoita a Palabra e non a pon en práctica é
coma o home que se puxo a olla-la súa propia cara nun espello; mirouse ben nel
pero, ó que deu media volta, esquecéuselle como era. En cambio, quen afonda no
coñecemento da lei perfecta, a que dá a liberdade, e quen se mantén nela, non
para a escoitar e a esquecer deseguida, senón para a poñer por obra, ese será
feliz na súa actuación.
Se alguén se tiver por home relixioso sendo un badueiro que
engana ó seu propio corazón, a súa relixiosidade sería baleira. A relixión
limpa e sen lixo ningún ós ollos de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas
viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste mundo.
Distingos nas
comunidades. Meus
irmáns, a fe que temos no noso Señor Xesús Cristo, o glorioso, non cadra ben
con certos distingos entre persoas. Entra na vosa asemblea -é un supoñer- un
home cun anel de ouro, vestido con moita galanura, e entra tamén un pobre
vestido con farrapos; se vos fixades no que vai ben vestido, e lle dicides: “ti
acomódate ben aquí”, e ó pobre “ti queda de pé aí”, ou “senta no chan ós meus o
pés”, ¿non estades facendo distincións entre vós mesmos, converténdovos en
xuíces de criterios inicuos?
Escoitádeme ben, meus irmáns queridiños: ¿seica non escolleu
Deus ós pobres deste mundo para seren ricos na fe e herdeiros do Reino que Deus
prometeu ós que o aman? Vós, en troques, abafáste-lo pobre. ¿Seica non son os
ricos os que vos asoballan e os que vos levan a xuízo? ¿Non son eles tamén os
que aldraxan o fermoso nome que se invocou sobre vós? Facedes moi ben se, con
todo, cumprides á perfección a lei rexia da Escritura que di: “Amarás ó teu
próximo como a ti mesmo”. Pero se andades con favoritismos, pecades, e a
lei havos acusar de transgresores. Porque quen garda toda a lei, aínda que só
quebrante un mandato, ten que responder de todos, pois o que dixo: “non fagas
adulterio”, tamén dixo; “non mates”.
E, se non adulteras pero matas, xa non compres coa lei.
Falade e facede as cousas como acae a quen a lei da liberdade vai xulgar, pois
terá un xuízo sen misericordia o que non foi misericordioso; a misericordia
está por riba do xuízo.
A fe móstrase nos
feitos. Irmáns benqueridos, ¿que proveito lle trae a
un dicir que ten fe, se non ten feitos? ¿Acaso o poderá salvar esa fe? Se un
irmán ou unha irmá andan espidos e necesitados de pan de cada día, e vai un de
vós e dilles: “ídevos en paz, quentádevos e fartádevos”, pero non lles dá
aquilo que lle cómpre ó seu corpo, ¿que proveito levan? Pois o mesmo pasa coa
fe: se non ten feitos, leva a morte no seu cerne.
Pode dicir alguén: “ti te-la fe, eu teño os feitos”.-
Móstrame a túa fe sen feitos que eu polos feitos heiche de mostra-la miña fe.
¿Ti cres que só hai un Deus? –Fas ben, pero iso tamén o cren
os demos e mais tremen.
¿Queres entender dunha vez, parvo, que a fe sen feitos está
morta? Os feitos xustificaron ó noso pai Abraham, cando ofreceu o seu fillo
enriba do altar, ¿non si? ¿Fíxaste como a fe colabora cos seus feitos e como
polos feitos a fe chegou á súa madurez? Así se cumpriu a Escritura que di:
“Abraham tivo fe en Deus e iso valeulle a xustificación”, de xeito que mesmo se
lle chamou amigo de Deus. Xa vos decatades de como son os feitos os que
xustifican o home e non só a fe. O mesmo podemos dicir da prostituta Rahab:
¿seica non a xustificaron os feitos, cando recibiu os mensaxeiros e os
encamiñou logo por outros carreiros? O mesmo que un corpo sen alento está
morto, así tamén a fe sen feitos morta está.
A verdadeira
sabedoría. Meus
irmáns, que non haxa moitos de vós que se poñan de mestres; xa sabedes que ós
mestres os han xulgar con maior severidade, porque todos pecamos moitas veces.
Se hai alguén que non falte no falar, ese é un home perfecto, que pode
refrea-lo seu corpo enteiro. Ollade: ós cavalos poñémoslles un freo na boca para
que nos obedezan e así controlámo-lo seu corpo. E o mesmo os barcos: con seren
tan grandes e ir empurrados por ventos tan fortes, gobérnanse cun temón pequeno
cara a onde o temoeiro os quere levar.
Pois outro tanto pasa coa lingua: ser é un membro ben
pequerrecho, pero pode gabarse de grandes cousas. Aí o tedes: ¡cunha fogueira
cantas fragas poden arder! E a lingua é un lume, un mundo de ruindade. A lingua
é unha parte dos nosos membros que contamina o corpo enteiro e, por estar
inflamada polo inferno, fai arder ela tamén, pola súa banda, toda a nosa vida
desde os comezos.
Calquera caste de bestas ou paxaros ou cóbregas ou peixes
pode domeala o home e, de feito, doméaa; a lingua, en troques, ninguén a dá
domeado: é un mal sen acougo, cheo de solimán de morte. Con ela bendicimos a
Deus, o noso Pai; e con ela maldicimos ós homes, creados semellantes a Deus.
Dos mesmos beizos saen a bendición e maila maldición. E isto, irmáns, non debía
ser así. ¿É que hai fonte que polo mesmo picho bote auga doce e auga amarga?
Meus irmáns, ¿é que pode dar olivas a figueira ou figos a videira? E tampouco
unha fontela salgada pode dar auga doce.
¿Quen de vós ten bo xuízo e experiencia? Pois quen o teña
que manifeste coa súa boa conducta as obras feitas con xuizosa mansedume. Pero,
se téde-lo corazón cheo de celos acedos e de liortas, deixádevos de fachendas e
non andedes mentindo contra a verdade; esta sabedoría non vén de arriba senón
que é da terra, animal, endiañada. Pois onde hai celos e liortas, dáse tamén
alí o descontento e toda clase de ruindades.
Pola contra, a sabedoría que vén do Ceo é primeiramente pura
e despois pacífica, sinxela, acolledora, chea de misericordia e de bos froitos,
imparcial, sen finximento. O froito da xustiza seméntana coa paz os que van
facendo a paz.
As cobizas fan as
divisións. ¿De
onde veñen esas guerras liortas que se
dan entre vós? ¿Non será das vosas cobizas, que loitan no voso interior?
Degoirades e non tedes; enrabechádesvos e andades cheo de envexa e non logrades
cousa; combatédesvos e facédesvo-la guerra e non conseguides porque non o
pedides e, se pedides, non recibides, porque pedides só co devezo de
satisfacérde-las vosas cobizas.
¡Desleigados! ¿Seica non sabedes que a amizade con este
mundo é inimiga de Deus? E así quen quere ser amigo deste mundo faise inimigo
de Deus. ¿Ou é que coidades que a Escritura di sen razón aquilo de que “o
Espírito que puxo en nós ten arelas fortes”? Pero meirande é a gracia que nel
concede. E por isto di: “Deus arrepónselles ós soberbios, pero ós humildes
dálle-la súa gracia”.
Sédelle, logo, ben mandados a Deus; facédelle fronte a Satán
e arredará de vós. Achegádevos a Deus e El achegarase a vós. Lavade as mans,
pecadentos, limpade os corazóns, homes falsos. Apalpade as vosas miserias,
poñede o loito e chorade; que o voso riso se converta en pranto; e a vosa
alegría en tristura. Abaixádevos no acatamento do Señor, que El vos ha
soerguer. Non andedes falando mal uns dos outros, irmáns. Quen fala mal de seu
irmán ou xulga a seu irmán, fala mal da Lei e xulga a Lei; e, se xúlga-la Lei,
xa non es cumpridor da Lei, senón o seu xuíz. Só un é lexislador e xuíz: o que
pode salvar e perder. Pero, ¿quen es ti para xulgares ó próximo?
¡Pobres dos
comerciantes e dos ricos!
Reparade agora no que dicides: “hoxe ou mañá imos ir para esta ou aquela
cidade, botaremos alí o ano, negociaremos e teremos beneficio”. Pero, ¡se non
sabéde-lo que vai ser de vós mañá! Porque, ¿que é a vosa vida? Unha fumaradiña
que aparece e desaparece no mesmo intre. En vez diso debiades dicir: “se Deus
quere e chegamos alá, imos facer isto e aquilo”. Pero vexo que vos sodes uns
farfalláns, e semellante fachenda é mala. O que coñece ben que ten que facer e non o fai, comete pecado.
E vós, os ricos, chorade e berrade polas desgracias que van
vir enriba de vós. A vosa riqueza está podrecida; a vosa roupa chea de couza; o
voso ouro e a vosa prata, enferruxados; e a mesma ferruxe será testemuño en
contra vosa e, coma se for lume, comerá as vosas carnes. ¡Estades atesourando
na fin dos tempos! ¡Atención! O xornal que non lles pagastes ós obreiros que
vos fixeron a seitura está clamando e o seu berro chega ós oídos do Señor dos
exércitos. Vivistes na terra cheos de fartura e cebáste-los voos corazóns nos
praceres para o día da matanza. Condenáste-lo xusto e matástelo sen que el vos
fixese fronte.
Saber agardar. Tede, logo, paciencia, irmáns,
deica a volta do Señor. Reparade en como
o labrego coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra agarda con
paciencia as augas temperás e as serodias. Tede tamén vós paciencia e collede
folgos, porque o Señor axiña chegará. Non vos queixedes, irmáns, uns dos
outros, para que non vos sentencien; mirade que o xuíz está xa á porta. No
sufrimento e na paciencia, irmáns, seguide o exemplo dos profetas que falaron
no nome do Señor. Mirade que agora nós chamámoslles benaventurados ós que
aturaron todo. Tedes oído falar da paciencia de Job e xa véde-la fin que lle
concedeu o Señor, porque o Señor é compasivo e misericordioso.
Sobre todo, irmáns, non xuredes: nin polo Ceo nin pola
terra, nin por cousa ningunha; que o voso si sexa si e que o voso non sexa non,
para que non vos sometan a xuízo.
A oración. ¿Anda magoado algún de
vós? Que rece. ¿Séntese alegre? Que
cante salmos. ¿Algún de vós ten unha doenza? Faga traer ós anciáns da
comunidade, para que recen por el, unxíndoo (extrema unción) con aceite no nome
do Señor. E a oración feita na fe salvará ó enfermo; o Señor fará que se erga
e, se tiver pecados, perdoaránselle. Así que confesádevos mutuamente os voso
pecados e rezade uns polos outros para que teñades saúde. Moito pode a oración
teimosa do xusto. Elías era un home coma calquera de nós; pediu afervoadamente
que non chovese e non choveu nada en tres anos e medio; volveu a pedir, e o ceo
mandou auga e a terra deu os seus froitos.
Meus irmáns, se algún de vós se arreda da verdade e o outro
o trae ó bo Camiño, tede seguro que
quen fai que un pecador volva dos seus camiños trabucados, salvará a súa alma
da morte e soterrará unha chea de pecados.
¡Amén!
O da dereita, servidor. Semana Santa 1948,
en Montecubeiro.
Despois destas reflexións, carguemos coa nosa cruz, e que
Deus nos colla confesados. ¡Amén!
Xosé María Gómez
Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario