Xa
que temos a compostela...,
reflexionemos!
Xosé María Gómez Vilabella
O noso Santiaguiño
Xa
que fomos, e xa que estamos acreditados, agora, que? ¡Iso, que? ¿A qué foi, a
qué volveu Santiago, daquela, a Xerusalén? ¡A un Concilio, o primeiro de todos,
o modelo de todos! ¿Para que? Reunidos en Concilio, para perfecciona-la
didáctica do cristianismo, sen importarlles riscos. Aquela foi a primeira das
Compostelas, así que, agora reflexionemos!
“Ruta
feita con sentido cristián...” ¿Onde comeza? ¡Non é onde, senón, como! Comeza
no bautizo, e segue, e segue, mentres Deus agarda de nós, e por nós!
¿Que
agarda de nós? ¡Propaganda fide! ¿Espera, que? ¡Que a imitación súa, seguindo o
seu exemplo, evanxelicemos, axudándolle á humanidade a interpreta-lo Camiño,
ese Camiño que vai cara a Deus; un deles é o que pasa por Santiago, polo
Santiago do Campo das Estrelas! Santiago, alumno do propio Mestre, veu ata o
noso Fisterrae para transmitirnos, para compartir connosco as ensinanzas do
Mesías, así que nós, á imitación súa, avante, avante toda..., comezando por nós
mesmos, instruíndonos, educándonos, para predicar co propio exemplo! ¿Verdade,
Señor Santiago, que esta é a mellor ofrenda das que de nós esperas?
Daquela,
acreditados de cristiáns, comeza..., non comeza, segue, a nosa vocación
cristianizadora, ¿ou todo vai ser recibir, recibir sen compartir?
“...
Durante a última xornada en Xerusalén, súa nai, Salomé, acudiu ao Señor e
díxolle: “Manda que estes dous fillos meus se senten, un á túa dereita e o
outro á túa esquerda, no teu Reino” (Mt. 10,21). Daquela os dous irmáns, aínda
que ignorantes da natureza espiritual do Reino Mesiánico, uníronse á súa nai
nesta ávida ambición (Mc. 10,37). Á ambición de que estarían dispostos a beber
do cáliz que el bebese, e a ser
bautizados co bautismo dos seus sufrimentos, Xesús aseguroulles que si que
compartirían os sufrimentos (Mc. 10,38-39). Santiago gañou a coroa do seu
martirio catorce anos despois desta profecía, 44 d. C..
Herodes
Agripa I, fillo de Aristóbulo e neto de Herodes o Grande, reinaba nese tempo
como “rei” sobre un dominio meirande có de seu avó. O seu gran propósito era
compracer aos xudeus en tódalas formas, e mostraba un gran aprecio pola Lei
Mosaica e polas costumes xudías. De acordo con esta política, durante a
celebración da Pascua dos 44 d.C., perpetrou crueldades contra á Igrexa, cuxo
crecemento enfurecía aos xudeus.
O carácter apaixonado
de Santiago e mailo seu liderado entre as comunidades xudio cristiás
probablemente fose o que conduciu ao Agripa a escollelo como primeira vítima. “Degolou a Santiago, o irmán de
Xoán, coa espada”. (Feitos 12,1-2). De acordo con unha tradición, o acusador
que conduciu ao Apóstolo ao seu xuízo, conmovido pola predicación do propio
Santiago, converteuse ao cristianismo, e foron decapitados xuntos. O propio Clemente
de Alexandría testifica que este relato lle foi dado “por aqueles que estaban
fronte a el”, así que esta tradición ten un bo fundamento”.
-.-
Desde que nacemos
estamos en Camiño,
pero, agradecémosllo a quen nos ensinou a andar; e á vez, levamos de man,
iniciamos, a quen o precise? Sobre o Camiño de Santiago non comecei onte a
falar, que aquí me tedes, discutindo con Afonsus II, (ou máis exactamente co
seu dobre), na escalinata de Vilabade (Castroverde):
Con esta foto (reproducida) dou
testemuño disto, pero xa comezara antonte, no ano 1987 (El Progreso,
27-11-1987), nunha charla que din na “Espalladoira” de Castroverde, nun tempo
en que só se falaba do Camiño Francés, pois o propiamente noso, o Antigo, o Primitivo,
estaba esquecido! Sempre me chamou a atención este Camiño, o Camiño en xeral, e
sempre me preocupou non saber andalo. Nel penso ao facer estas reflexións
someiras:
¿Como se fai camiño? ¡Andando! ¿Non
si, Antonio Machado, que así pensabas, ¡digo eu!, con aquilo de, “Caminante, no
hay camino; sólo se hace camino al andar”! Entón, ¿cando, e onde, comeza a
obriga de ser responsables, de estar dispostos a responder á chamada? Non é
usual que nos leven no colo a Santiago, así que o normal é ir de adultos, e por
tanto, adulterados, contaminados de tantos elementos negativos como adoitan
circuncidarnos aos poucos de nacer; rodearnos en círculo, vaia, pois esoutro xa
foi discutido, e rotundamente abolido, por superado, naquel Concilio, no de
Xerusalén.
Ir a Santiago vén a ser ir á fonte
limpa. ¿A qué? ¡A beber, a beber espiritualidade; e de paso, lavarnos, lavarnos
a fondo, coa promesa, con propósito, de emenda, que non é pouco! Antes de
chegar a Santiago, mesmo onde fixeron o aeroporto, aqueles peregrinos de antano,
os do Este, ¡precisamente os que viñan, coma ti, da parte de Xerusalén!, comezaban
por lavarse, ao completo, no físico, como un preparatorio para o seguinte, para
o anímico; ¿ou de qué vén ese topónimo de Lavacolla?
Cando se repartiron as parroquias, os
territorios, na noite de Pentecostés, Iacobus, lanzado el, que por Fillo do
Trono o coñecían, díxose: ¡De Galilea á Gallaecia!, á fin do mundo, a comezar
por arriba. E aquí se plantou! ¡Que Deus llo pague, por acordarse dos
fisterráns!
Aquí estabamos, pois, medio
romanizados, só a medias, así que seguíamos coas tradicións celtas, duros coma
carballos! ¡Era o sitio axeitado para un Bonaerges!
-.-
Xustificación do Consello Internacional de
Monumentos e Sitios (ICOMOS) para a inclusión de Santiago na lista de
Patrimonio da Humanidade
...
Por ser un extraordinario
conxunto de monumentos agrupados arredor da tumba de Santiago o Maior, e
destino de todas as rutas da maior peregrinación da Cristiandade entre os
séculos XI e XVIII, Santiago de Compostela é sen dúbida ningunha un dos máis
indiscutíbeis bens patrimoniais da Humanidade. Esta cidade, debido á súa
integridade monumental, reúne valores específicos e universais. Ao carácter
único das súas obras mestras románicas e barrocas engádese a transcendental
contribución estética que emprega elementos diacrónicos e dispares para
construír unha cidade ideal que desborda á vez Historia e intemporalidade. A
modélica natureza desta cidade de peregrinación cristiá, enriquecida polas connotacións
ideolóxicas da Reconquista, ten o seu eco na enorme significación espiritual dun
dos poucos lugares tan profundamente imbuídos de fe como para converterse en
sagrados para toda a Humanidade. (...)
ICOMOS, maio 1985.
(*) O Camiño
de Santiago foi, en efecto, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco oito
anos máis tarde, en 1993.
-.-
Albergue
de Castroverde,
no
Camiño Primitivo.
Pasemos do xeral ao particular. ¡Xa estou en Santiago, con Santiago, e agora, que? ¡Se
el non está aquí, rodeado de pedras berroqueñas, no Ceo si, pisando estrelas; que
por aquí andou, predicando a fe do seu Xesús, así que, estrelas, e estelas,
deixou! Préstame unha, unha daquelas, e con ela nas mans, nos dedos, inspírame
para que teclee algo axeitado aos tempos presentes. Ti predicaches como se
facía daquela, abolindo os ídolos pagáns, imaxinativos, e por ende,
inoperantes; pois agora tamén chos temos, iso, ídolos, outros: políticos
enxalzados, ¡outros Herodes!, que pisan, que degolan, a pretexto de manter a ¿a
democracia?; caciques que se lles fai curto o mundo fisterrán; soberbios que
non cren en Deus, pero si no diñeiro; cristiáns, ¿cristiáns?, da raza dos
fariseos, que abundan coma a nichela do trigo! ¡Señor Santiago, axúdanos a
combatelos, e de paso a predicar..., para os seguintes!
Tamén a ti che
predicaron naqueles tempos de desánimo... ¡Si, ho, aquilo que te levou a
retornar a Roma por Zaragoza e por Tarraco, farto de que os galaicos che
respondesen co seu / co noso: “Xa veremos”, “Teño que consultalo coa muller”,
“Roma non paga a traidores, e co seu catecismo, señor Santiago, vanme tomar por
tal...”! Pero en Zaragoza estaba a Virxe, aparecida nun pilar da súa basílica,
que te invitou a volver, a desandar o camiño mal andado, que ese favor vos
temos que agradecer; primeiro, a ela, por suposto, e despois a ti, por acatala,
en favor noso! Grazas, María, desde aquí, do outro lado desta península sempre dubitativa!
O crime do teu
Herodes parécese aos meus: Certas desviacións arraigadas, lagañas que non me
deixan ver a verdade, a Nova, a Definitiva, que nola trouxo o propio Mesías en
vista de que nos perdíamos nestes carreiros adxacentes da ruta vital! ¡Señor
Santiago, córtame estas lagañas, dun tallo da túa espada emblemática, porque quero
ver, sentir, impartir, o máis puro das verdades, á vez que renego das
desviacións carnais, mundanas, profanas! E de paso, faime Fillo do Trono, irmán
teu, con vontade suficiente para loitar a batalla satánica, que aquí se
confundiu coa sarracena! Eles, ¡meus pobres!, foron á escola nestoriana, e por
iso están un tanto desviados. ¡En lugar da espada, usa con eles un alustro de
luz, polo ben seu, para abrirlles os ollos teoloxicamente, para que coincidamos
nos teus Camiños!
-.-
O papa León XIII
publicou, o 1-11-1884, a Encíclica “Deus Omnipotens” na que resume o que varios
antigos documentos e códices dicían respecto da sepultura de Santiago: “Despois
de morrer o Apóstolo Santiago en Xerusalén, foi recollido polos seus discípulos
Atanasio e Teodoro, que embarcaron co Santo Corpo, arribando ás costas de
España, na rexión da Amaía, na que reinaba dona Lupe; esta raíña era idólatra e
moi pérfida; pero os discípulos puideron librarse das maquinacións con que os
perseguiu á súa chegada e tránsito, e, logrando internarse na rexión, déronlle
sepultura ao Santo Corpo nun pequeno outeiro, fabricándolle un hipoxeo e unha
pequena igrexa. Os seus discípulos permaneceron na súa custodia ata que, á súa
morte, foron enterrados ao lado do Apóstolo polos naturais do país, que se converteron
ao cristianismo”.
-.-
Querido
Santiago, déixame presumir de algo, unha simple coincidencia: Tiveches
problemas coa raíña Lupa, que por fin te acolleu, e deu terra, unha terra
estelar; pois eu véñoche da terra dos lobos, de Bergland, aló no Monte Cubeiro,
e alí quero retornar..., se me trasladan as cinsas, pero terá que ser en auto,
pois as lanchas tan arriba non soben, salvo as anfibias, as de desembarco!
¡Igual nunha delas...! No ínterim, predícame Santiago..., para ensinarme a
predicar!
Xa que tanto
nos queres, xa que tantos te queren, ¿por que é tan difícil de vender o noso
galego alén da Pedrafita?¿Cando van deixar os Saavedra de disfrazarse de
manchegos? ¿Cando deixarán de coarse aqueles que obrigaron a Colón a
disfrazarse de Xenovés simplemente porque unha raíña ladroa lle negase o seu
avoengo? ¿Que era fillo dun bispo de Mondoñedo? ¡E que, tamén á Rosalía a fixo
un cura, e ben cantora que saíu! O hábito non fai ao monxe, pero a terra, si,
que por algo somos así, lavadiños de cara e de feitos, con pouco sol na
terra..., porque cobizamos o Ceo!
Este é o
segredo da nosa forma de ser: Cobizamos o Ceo, a única cobiza decente! Señor
Santiago, agora que pasaches pola proba do martirio, líbranos do noso, e
séntanos contigo, sexa á destra ou á sinistra, que nas dúas estarase ben,
satisfeitos de seguir o teu Camiño, o teu ensino. Estamos no país das meigas, pero
con elas podemos; non tanto cós Agripas, pois segue habéndoos! ¡Líbranos,
Señor, deles, deses homes, desas mulleres, que predican tradicións..., cando de
verdade se refiren ás traizóns!
Señor
Santiago, esta Galicia, a imitación túa, supoño, de martirio e de
asoballamentos leva séculos, así que, agora, dobrada a curva do XX, que
entramos noutra era, por favor, albíscanos un pouquiño de gloria..., desa que
tes anticipada no teu Pórtico..., ou é que aínda non a merecemos?
Xa cheguei, e subín
ao Pórtico, pero é moita dose para unha soa visita, así que che prego que me
ensines a ler..., a ler os Evanxeos! Ben sei que tes Curas espallados, pero...,
son poucos para tanta sementeira! Tamén está que, na súa maioría, van vellos...
¿Iso, que? ¡Que tamén estamos os leigos, e algún, a nosa maioría, igualmente
vellos, coma os camiños, coma os de minúscula! Outro problema: que as igrexas
foron feitas para Deus, só para Deus, sen pensar nos homes; Deus óenos en
silencio, por abaixo ou por lonxe que nos atopemos, ¡iso da oración mental!, pero
os homes, entre nós, e cos homes, as mulleres? Os arquitectos veña subir as
igrexas, restándolles fonía, e os cregos escatimando a enerxía dos altofalantes
...! ¡Vaia simbiose!
Matinando
nisto, meu Señor Santiago, non sei se sería co fume do botafumeiro, ¡ou un
sopro teu!, véuseme á cabeza, e de paso á punta dos dedos, de paso que paso por
aquí, isto de teclear uns comentarios evanxélicos. ¿Para que, ou para quen?
¡Para os xordos, puñetas, ou é que non o veño dicindo!
-.-
¿Que me dixo o Camiño? ¡Oh, tantas cousas! A primeira é que descubrín que os
Camiños falan, pero non só á orella, que tamén, senón e máis ben, ao corazón,
ao traveso dos ollos: A Obra de Deus, a Natureza, interrompida de cando en vez
polos feitos, ¡e tamén polas desfeitas!, do ser humano.
Camiño adiante
imos deixando atrás o pasado, ¡pretérito!, internándonos no futuro. Facémolo
con noxo, e á vez con ledicia: O noxo das nosas desavinzas cos dez, ¡cos dez
Mandamentos!, dez amigos maltratados, ¡e co bos que eran, que son! A ledicia de
que, descuberto, meditado, Camiño adiante, na soidade intimista do Camiño, a
negrura do pecado tórnase en luz excelsa, ¡o sol do Camiño!, alumando a ruta
verdadeira, a que leva a Santiago, e por Santiago, ao Ceo!
Nunca se está
máis cerca de Deus que a soas, pois ata na Misa podemos distraernos, vagar coa
imaxinación por lugares prohibidos; claro que no Camiño non temos comuñón, pero
daránnola en Compostela, na Misa Grande, catedralicia. A soas, no espello da
nosa soidade, tanto profundamos que nos vemos tal cal somos, tal cal vimos
actuando; e diso ao arrepentimento, un paso, ou, por mellor dicir, un salto,
porque saltamos da iniquidade á Gran Vía da Salvación.
Mirade os
favores de Deus: ¡Concedeunos a liberdade, a opción, de salvarnos ou
condenarnos, nós a nós mesmos, con só elixir, con só enfrontarnos ás
tentacións! ¡Ata nos permite chamarlle de Ti, que non tódolos pais o fan, pero
é que Deus é o Pai absoluto, o Perfecto! Aló atrás todos tivemos amigos, moitos
ou poucos, pero bos amigos, pois os inimigos son da outra beiravía; con isto
sabido, lembrado, ¡que doado de calibrar é Deus, o Amigo Grande, que nos creou,
e nos salvou! ¿Teremos amigo máis grande, máis excelso, que aquel que nos leva
de man, en todo tempo e lugar, mostrándonos o Camiño perfecto cada vez que
erramos?
Errare humanum
est, perseverare diabolicum.- Errar é humano; caer no mesmo error, diabólico.
(Lucio Anneo Séneca). Errare humanum est sed in errore perseverare dementia.- Equivocarse
é humano pero insistir no erro é de tolos. (Paulo – Julius Paulus
Prudentissimus). Por só citar dous pensadores, dos que abundaron no tema. ¡Iso,
abundaron, e abundan, pero, escarmentados, poucos!
Daquela, ¿quen
nos saca do erro? ¡A reflexión, que para ser boa ten que ser comunicativa; quere
dicirse: falando con Deus, pedíndolle consello, así que o Camiño,
particularmente o de Santiago, vía segura!
O que estea
limpo, que tire a primeira pedra... Limpos, limpos absolutamente, os
bautizados, pero despois, enseguida, xa na infancia, vén a contaminación
ambiental, que, entre a nosa debilidade innata e os aires impuros, pobres de
nós! Os pecados límpanse, pero os remorsos quedan, e bo é que queden, por
amargos que sexan, pois esa amargura é un depurativo, para non volver a caer!
As
peregrinacións xa as tiñan no Antigo Testamento, proba evidente de que Deus, o
propio Deus, as aconsellou. ¿Para que? ¡Para achegarnos a El, preparándolle a
vida, a chegada persoal na persoa do seu Fillo Unixénito! Todo o que nos achega
a Deus é bo, por incómodo que sexa o Camiño. ¿O de Santiago é incómodo? ¡Ten de
todo, que tamén atopamos paisaxes edénicos, que nos devolven aos tempos da nosa
avoa, Eva!
De propósito:
Daquela que Xesús baixou aos infernos, ¡tres días de campaña!, acordaríase da
avoa? ¡Seguro; un Redentor que redime ao bo ladrón, non lle ía perdoar á muller
que roubou unhas mazás prohibidas? Ben que as tiña purgadas, tantos séculos
agardando, aló abaixo, pola chegada do seu Redentor!
-.-
A xenealoxía
do Mestre, en canto fillo de María, que así quedou rexistrada, baixa ata
Abraham. Xosé, levado da man de Deus, fixo de putativo, de protector; ¡só iso,
que non é pouco! Con isto sabemos abondo para situalo na terra; pero Mateo engade, para ilustrar aos
incrédulos: “María, súa nai, estaba prometida a Xosé (¡só prometida!), e antes
de vivir xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, aquel
prometido, -recalca Mateo-, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu
repudiala secretamente. Tal era a súa resolución cando o anxo do Señor se lle
apareceu en soños, dicíndolle: -Xosé, fillo de David, non repares en levar
contigo a María, túa prometida. O que nela se concibiu é obra do Espírito
Santo. Dará a luz un fillo, e ti poñeraslle de nome Xesús (Salvador) porque
salvará ó seu pobo de tódolos seus pecados”. Acordou Xosé do seu soño, e fixo
tal como lle mandara o anxo do Señor, levando consigo á súa prometida; e sen
que a tocase, ela deu a luz un fillo, único, o anunciado. Puxéronlle de nome
Xesús, segundo lle fora ordenado”.
Neste punto da
Historia Sagrada hai que
descubrirse: ¡O propio Deus desdobrouse nunha terceira persoa para collernos da
man, e tirar de nós cara ao Ceo; todo iso despois do farto que debía estar
daquela humanidade infiel! María, concibida sen pecado, precisamente porque así
entraba no plan de Deus, non opuxo a menor resistencia; ¡exemplaridade sublime!
De par dela, Xosé, o primeiro, o patrón dos curas célibes.
Deus decidiuse
por amor, que así o fai sempre; o que cabe preguntarse é o por que tardou en
vir, en facerse home para salva-lo home. Os teólogos teñen as súas opinións ao
respecto, pero eu, simple crente, e como tal, simple, penso que, na súa
infinita sabedoría, desde o intre da nosa sublevación proxectou o remedio, mais
concorrían dúas circunstancias: era preciso un historial previo de calamidades
para que a humanidade valorase, ou polo menos intuíse, a importancia da perda,
as consecuencias daquel mal uso da liberdade conferida no Paraíso; consecuentemente
había que esperar que unha rama da familia disoluta, polo menos unha, adquirise
unha certa madurez cultural, e tamén algo de cordura relixiosa para que fosen
capaces de comprender a magnificencia redentora de Aquel, e só Aquel, que nola
podía conferir: ¡O Dono e Señor de toda a Creación!
Aquí compre
deternos no erro dos nestorianos: ¡Xesús foi xerado e non creado! Eles din o
contrario; ¿por que? ¡Meus pobres, porque non tiveron luces para máis: ¿como se
vai crear algo que xa o está? ¿Como se vai re-crear Deus a si mesmo, nin sequera
para evanxelizarnos, para instruírnos; en definitiva, para salvarnos? Estes
erros, estes absurdos, chegaron ata Muhammad, e as consecuencias xa se viron, e
seguen!
No Concilio de Nicea, ano 325, quedou
definido que, “... Xesús Cristo é da substancia do Pai, Deus de Deus, Deus
verdadeiro de Deus verdadeiro, xerado non feito, consubstancial co Pai”. O Espírito Santo fecundou un óvulo de María, e con iso
saíu..., o Unixénito de Deus! Así resultou que Xesús é Deus e home verdadeiro,
o que dicimos vulgarmente, nunha peza! No Calvario mataron o home, pero o Deus
que había nel, resucitou a ese mesmo home..., ao terceiro día, demorando, seguramente,
para que a humanidade tivese clara a existencia real do feito. Xesús resucitou
a Lázaro, a un terceiro; pero no seu caso, o Fillo de Deus acompañouse a si
mesmo no Calvario, para volver a presentarse coa mesma figura, que así o
recoñeceron os discípulos. En todo caso, non nos metamos en dogmas, non
queiramos volver ás andadas..., aquilo de que, se comíamos non sei que froita
igualaríamos a Deus. ¡Iso, ademais de fútil para a nosa fe, é soberbia, e
chegou coa de marras! Deus, de mil maneiras, en particular utilizando aos
apóstolos, aqueles mártires, compañeiros de andanzas, testemuñas súas,
deixounos probas máis que evidentes, sobradas, irrefutables, da súa Divina
Intervención; daquela, para que máis se aínda non nos paramos a meditar no
elemental? O que teña dúbidas ao respecto, que non moleste, nin se moleste, que
aí ten as actas do Concilio de Nicea, claras e rotundas!
-.-
Aquel Xoán Bautista, seu primo e precursor,
facíanos falta actualmente, ¡moita!, co seu slogan, anticipado por Isaías: Unha
voz que clama no deserto: Preparade o Camiño do Señor, endereitade os seus
vieiros! ¡Xa o creo; e que ben nos viña! Claro que temos a Francisco, ¡Deus non
deixa de ser Providente!, pero os avisos, as advertencias dos amigos, dos
verdadeiros, nunca sobran, e por veces, non chegan, ou non chegan a tempo. Un
Papa que nos di: -Rapaces, se non ides á Misa é que sodes tontos; facédeo, que
vos convén!, está resultando outro Precursor, outro avisador, outro Xoán, pero nós,
os comodóns, nin á terceira! (¿Nunca vos parastes a pensar a paciencia que ten
Deus con nós? ¡Nin sumando a de tódolos pais deste mundo!).
O Reino do
Ceo, aínda que soe a colectivo, é individual. Aquilo de, “Convertédevos, que chega
o Reino do Ceo!”, tamén vai por min..., se teño interese en gozalo; do que non,
como dixo Francisco, son outro tonto! Para iso había, e hai, que converterse,
daquela coma hoxe, e mañá será o mesmo. O perigo dos aprazamentos está en que a
Parca é súbita, e pode collernos sen alforxas!
A Xoán, ao
Bautista, debéramos proclamalo Patrón dos Padriños, por aquela función súa: purificador,
renovador, restaurador... ¿Facémolo? Ben nolo advertiu, ben: Eu bautízovos con
auga..., pero El havos bautizar co Espírito Santo... Xesús non o precisaba,
pero si precisaba, e quería, dar exemplo, porque quen ama, ensina; verdade que
si? ¡Oh, Deus, que palpable é a túa doutrina, pero nós, nin con esas!
Outra
advertencia de Xoán, que non é para botar en saco roto: -El havos bautizar co
Espírito Santo e con lume (co lume purificador da graza divina), PORQUE (en
símbolos), trae a forcada na man, para limpa-la súa eira, e na hucha recolle-lo
trigo; vai queimar a palla nun lume que nunca se apaga. Disto tirou a Igrexa
que hai un lume permanente para os malditos; sexa lume ou non, mal Deus sería
se arrexuntase bos con malos, e malos con reincidentes, despois de tantas
facilidades, despois de tantas prórrogas, despois de tantos indultos! Os
premios son estímulos, e se os damos, se os repartimos entre nós, que nos
levamos a matar, que non fará o Deus da Xustiza!
Pasa a
XA QUE TEMOS A COMPOSTELA...
-II-
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario