COA SINATURA
APROBADA
Chegou a xubilación, pero non a matrimonial, que esa, Deus mediante, é,
debe ser, vitalicia!
Moito se leva dito, e tamén escrito, acerca da vida matrimonial, pero eu
non o sabería expoñer mellor do que está neste parágrafo, traducido da Campaña
Católica da Comunicación:
Notamos con
frecuencia que cando as parellas comezan a vivir a realidade da vida diaria,
cando enfrontan o proceso de adaptación de dúas vidas con diferentes pasados e
trasfondos, cando se decatan de que o amor conxugal implica sacrificios e non é
só gozar de compañía e de beneficios, cando se dan conta de que o amor maduro implica non buscar egoistamente o
ben propio senón o ben do ser amado, moitos terminan
separándose e incluso divorciándose, reducindo así o Sacramento a pouco máis
que un experimento para encontrar unha felicidade que é vana e pasaxeira.
Procuremos, pois, durante o tempo do noso compromiso nupcial, centrarnos no que
de verdade importa. Busquemos entender o verdadeiro significado e compromiso desta
unión, comprometéndonos a esta marabillosa vocación de vida que é o matrimonio,
creado e deseñado por Deus para a felicidade dos cónxuxes e para continuación
da vida humana. Recordemos que a voda dura un día, pero o matrimonio, ¡toda a
vida!
¿Válevos? Pois,
daquela, repasade a lección..., para que non se vos esqueza; e se vos vale o
noso exemplo, aquí nos tedes!
-.-
LARES, MANES E
PENATES
Co nadal, no Nadal, foxen os lares, os manes e tamén os penates, para dar
opción polos anxos e polos pastores. Pero non sempre, que na televisión, poño
por caso, segue o paganismo. ¡Meus pobres, non saben máis; sóbralles
imaxinación e..., pásanse!
Lares. A partir de Teodosio I o Grande moitas familias continuaron coas
prácticas pagás, pero dándolles un aspecto cristián. Nalgún lar aínda seguimos
ofrendando ao lar, tanto ou máis que ao propio anxo da garda. ¡Mira que se
poñen Nacementos, pero cústanos crer que teñamos tanta ventura, tanto e tan
gran perdón..., despois de pasarnos ao partido da serpe!
Manes. Na antigüidade era opinión xeralmente admitida que os manes, os
espíritos, daqueles que morreran en país estranxeiro, andaban errantes
procurando, esforzándose, por retornar á patria, á casa familiar. ¡Mira, ho, nisto si que creo, pois é lóxico
que aquel que morre con morriña pugne por volver ao seu terruño, roldando a
casa familiar; sabémolo ben os que estivemos a punto de morrer na ausencia! ¡A
casa familiar, natal, forma parte do Ceo; non si, emigrantes?
Penates. Xenios protectores do almacén do fogar. Por Nadal coido que saen á
rúa, en tropel; máis é, que non teño dúbida pois onte non había forma de dar
pagado nas tendas desta Coruña dos meus pecados, nin se podía pasar polas
portas, ateigadas de carros da compra. ¿De onde saía tanto diñeiro? ¡Tiña que
ser dos penates, pois, coa crise aínda fervente, outra explicación non cabe,
non está nos meus libros de Economía! O malo do caso vai ser no que resta do
ano, esgotadas as existencias...
Os pastores de Xesús acudiron a Belén con obsequios, pero os nosos, os
nosos pastores, especializáronse en impostos!
-.-
METERSE EN
TEOLOXÍAS
¡É máis fácil facelo en camisa de once varas! Por outra parte, esta ola de
laicismo do XXI tenme abraiado: ¡Hai que profundar na doutrina, comezando polo
cerebro e levándoa ao corazón; pero tamén hai que decatarse de que o diabro,
aínda que vencido, non está desaparecido, e de presente o seu forte, a súa
obsesión está en embarullarnos coa Biblia, literalmente, subxectivamente
interpretada polos que se dan de listos, polos que se pasan de listos!
As ideas da Biblia están sopradas polo Espírito Santo pero escritas polos
homes, á súa maneira; con luces extraordinarias, iso si, pero en gran medida parabólicas,
¡parábolas!, para que a xente das sucesivas xeracións fose capaz de entender
algo dos seus preceptos. Por exemplo, o Xénese non é un tratado de Astronomía,
senón una visión literaria, narrativa, que trata de ser comprensible para
cantos o fósemos lendo, século a século. A ciencia é outra cousa, pero non hai
contradicións senón falares de iniciación. ¿Fálaselle a un neno coma a un
maior? A Biblia ben o fixo, que nos foi abrindo os ollos para entender a Deus
iniciaticamente. ¡Non pretendamos volver á soberbia do Paraíso, que xa Deus lle
irá dando coñecementos á humanidade segundo vaiamos sendo capaces de entender,
de entender e por tanto, de aceptar!
¿Por que Xesús lles falou en parábolas? ¡Ai o tedes, aí o temos! Os propios
apóstolos precisaron da asistencia do Espírito Santo para que non se lles
esquecesen detalles da vida do Mestre; e puxéronse a escribir cando comezaron a
ter lectores, pois os primeiros discípulos tiveron abondo coa palabra oral;
había que testar, había que deixa-la herdanza!
LUCAS 24, 44, 45: “Logo
díxolles: -A isto referíame eu cando, estando aínda con vosoutros, vos dicía
que conviña que se cumprise todo o que está escrito na Lei de Moisés, nos
profetas e mais nos Salmos, acerca de min. –E abriu os seus entendementos para
que comprendesen as Escrituras”. ¡Abriulles o entendemento; pois a nós, aos
seguintes, segundo o considere oportuno!
¿Que temos a curiosidade de saber máis e máis acerca de Deus? ¡Isto no é
pecado senón estimulo, estímulo e apostolado; o pecado está en imaxinar
interpretacións subxectivas, deformacións maliciosas sopradas polo diabro, que
non descansa!
-.-
¿POR QUE AVANZA TAN POUCO O CATOLICISMO?
Se medimos desde aqueles días de Xerusalén para acá, os vinte séculos xa
deron de si, pero non o que cabía esperar. ¿Onde está o fallo? ¡En que non
predicamos co exemplo..., abondo! Dito en síntese: Non nos esforzamos por
modelar a nosa vida en Cristo como referente; aquela compaixón, aquela
integridade, aquela xenerosidade... Levantamos a cabeza con altivez;
¡bautizáronnos, e xa está! ¡Agora a vivir das rendas! Pero nese bautismo ía
unha obriga: ¡Achaiade os camiños, facede apostolado!
Unha relixión baleira, pasota, é unha barreira para unha vida en Cristo. A
relixión baleira é perigosa. Xesús condenouna, así que nós, como católicos,
seguidores de Cristo, temos que ter coidado de non caer nesa relixión aparente,
oca, poño por caso, aquela dos fariseos. ¡Témolo na casa, e non falamos con El;
visítanos na eucaristía e nós saímos da igrexa antes de acabarse a Misa! ¿Para
que presumimos de católicos se non o somos?
O catolicismo ten que vérsenos na cara, na cara e nos feitos: fe, esperanza
e caridade. ¡Sen ese distintivo, intrusos, simplemente intrusos! Nos intrusos
non hai exemplaridade, e sen exemplaridade non hai apostolado.
Para os segrares, o púlpito da nosa predicación está, debe estar, no fogar;
e para iso cómpre orientarnos, prepararnos na nosa vocación específica de
educa-los fillos nos valores humanos e cristiáns. Isto inclúe unha vasta
temática que vai desde os principios pedagóxicos fundamentais e de antropoloxía
cristiá, (¡que ben fixen casándome cunha Mestra!), a temas máis concretos como
psicoloxía evolutiva, formación das facultades e das virtudes, criminalidade e
consecuencias da sexualidade prematrimonial, etc. Logo están certos problemas
da adolescencia como pode ser o uso das drogas, as setas e mailos movementos
esotéricos, o uso inadecuado dos medios de comunicación, etc. ¡Nada, case nada,
doado de cumprir, pero, infalible se non queremos ser falibles!
-.-
CAPTAMOS-VIBRAMOS-EMITIMOS
¡Así é a vida, en función permanente! Ergo, non será egolatría sentir e
pensar que somos o centro do mundo, do noso, do propio, do persoal.
Consignas, claves, para a nosa antena: Conserva o que tes, esquece o que
che doa, loita polo que queres, valora o que tes, e con respecto ao próximo,
perdoa aos que te feren e goza da vida relacionándote cos que te aman. A
partires disto, antena aberta, que no mundo vivimos, e co mundo temos que
comunicar. ¡Do mundo nos nutrimos!
Xa que o mundo nos fai vibrar, axustemos os ritmos vitais, comezando polo
coidado do corpo. O corpo é a nosa casa máis íntima; máis aínda, é o templo da
nosa alma. Lembremos que, mens sana in corpore sano, ¿non si Juvenal?
Orandum est ut sit mens sana in corpore sano.
fortem posce animum mortis terrore carentem,
qui spatium vitae extremum inter munera ponat
naturae, qui ferre queat quoscumque labores,
nesciat irasci, cupiat nihil et potiores
Herculis aerumnas credat saevosque labores
et venere et cenis et pluma Sardanapalli.
monstro quod ipse tibi possis dare; semita certe
tranquillae per virtutem patet unica vitae.
fortem posce animum mortis terrore carentem,
qui spatium vitae extremum inter munera ponat
naturae, qui ferre queat quoscumque labores,
nesciat irasci, cupiat nihil et potiores
Herculis aerumnas credat saevosque labores
et venere et cenis et pluma Sardanapalli.
monstro quod ipse tibi possis dare; semita certe
tranquillae per virtutem patet unica vitae.
“Débese pedir que se nos conceda unha mente sa nun corpo san. Pedide un
alma forte que careza de medo á morte, que considere o espazo de vida restante
entre os regalos da natureza, que poda soportar calquera clase de esforzos, que
non saiba da ira, e que estea libre de malos desexos, etc.”
De lembrado, actuemos en consecuencia. E nesta consecuencia..., a producir,
emitindo exemplaridade..., que nunca sobra!
-.-
ESTOU
DESESPERADO...,
PORQUE NON CHEGUEI
A REINAR.
¡Salmerón chegou, que por algo lle chamaban en Lugo, cando viviu alí de
profesor, desterrado de Madrid, “O Rei da República”, e ti durmiches no mesmo
colchón, así que, confórmate co reintegro da terminación, con ser dono e señor da
túa propia vida!
Para que vexas o que ten de noxenta unha autoestima deficiente, eis aquí
uns cantos síntomas:
. Autocrítica rigorista, tendente a crear un estado habitual de insatisfacción
con un mesmo.
. Hipersensibilidade á crítica, que nos fai sentir facilmente atacados,
experimentando resentimentos pertinaces contra os nosos críticos.
. Indecisión crónica, non tanto por falta de información senón por un medo
esaxerado a equivocarnos.
. Desexo excesivo de compracer, p. e., cando non nos atrevemos a dicir que
“non” por medo a desagradar.
. Perfeccionismo, que é esa auto esixencia de facer perfecto canto facemos,
¡e non sempre é factible!
. Culpabilidade neurótica, esa de cando fallamos no perfeccionismo.
. Hostilidade flotante, a flor da pel, propia dos críticos aos que todo
lles senta mal, e todo os desgusta por decatarse de que aínda no están no Ceo,
e a terra..., ten lama, pode tela, é normal que a teña!
. Tendencias defensivas: cando nos escondemos, ata de nós mesmos.
Paisano/a, ¿a que esperas para coroarte a ti mesmo? Estás chamado a ser un
santo no Ceo, que máis queres? De momento compra unha lima, e vaite puíndo,
auto puíndo, pois o puímento persoal ese si que é obrigatorio, en calquera
idade ou estado que te atopes.
-.-
BALANCE DE
AGRADECEMENTOS
Ante todo ao meu Anxo da Garda, que gardar nun vello é bastante peor, máis
complicado, que gardar nun neno, coa de malos hábitos acumulados...! Despois
diso á miña dona; ¡iso, á miña dona! Preferentes os meus fillos, que por algo
son meus, e tan traballadores saíron que a virtude supónselles, pois tan só os
vagos cultivan vicios..., en vez de hortos, sexan das verzas ou da cultura!
Ao igual que as empresas fan Balance en fin de ano, as persoas tamén
debemos lembrar a quen debemos, que adoita ser moito. ¡Moito, a moitos! ¡Daquela,
baraka-lofic!
De tan altivos que nos fixemos, o agradecemento quédanos aló abaixo, moi
abaixo, e non son doados de atopar, ver, notar, sentir, agradecer..., os
pequenos favores, pois os grandes xa non están de moda, ou dito á francesa,
están demodé!
Daqueles tempos nos que se daban as grazas por todo, por nimia que fose a
graza, pasamos ao status dos dereitos, e todo nos parece lícito, merecido,
reportado. ¡Pois non, non señor, que a civilización consiste precisamente no
contrario, séxase, na reciprocidade! Deixamos atrás aos romanos, co seu Do ut
des, ¡douche para que me deas! Polo XXI arriba, máis ben pretendemos o
contrario: ¡Dáme, e despois xa verei de darche, devolverche o favor..., se é
que o considero favor e non obriga, pois os meus, supostos, dereitos sempre implican
deberes teus!
Vivo na Coruña, que é unha cidade das grandes, pragada de letreiros, de
anuncios, pero aínda non vin os das escolas de ética. O que saiba delas, que mo
diga!
-.-
AS FOLLAS,
DE FEITA A SÚA
FUNCIÓN, CAEN
¡É o que lles cómpre! Mirade se son listas as árbores que, de chegado o
outono, reúnen as súas enerxías na despensa, que lanza o exceso de lastre por
consumir demasiada enerxía, caendo así as follas. Cambian de color debido a que
xa non se subministran. No inverno, a árbore recolle vigor para a próxima
tempada. ¡Pero este Deus noso, con que acerto o fixo todo, plantas incluídas!
O home tamén descansa, ¡algúns de por vida!, e para descansar primeiro
cánsase, cansámonos, en renovar, en imitar, a torre de Babel, para descansar
nas alturas, competindo coas árbores. Plantámolas nas urbes para aledarnos a
vida, para lembrarnos das nosas orixes campestres, pero, de plantadas, veñen os
municipais varrendo, apenas caídas as follas, para privarnos desa alfombra
preciosa, de cores cálidas, inigualable. Parecémonos a aquela Penélope que
facía constantemente na calceta, para desfacela un día si e outro tamén.
Estou por dicir que me gustan máis as árbores sen folla: máis sinxelas,
máis nobres, menos vaidosas. Ando por debaixo delas sen que me rouben o sol.
Vense os niños do ano anterior. Apréciase mellor a curvatura das ramas, que tal
figura brazos que abrazan, que veñen a abrazarnos, a recibirnos. Con follas ou
sen elas, ben se comprende aquela devoción dos druídas, que tiñan as árbores
por altares da divindade. ¡Eu tamén as adoro, e iso que non son druída, xa non!
Algo así me pasa cando vexo mulleres da miña xeración; e pregúntome, que a
elas, non, por suposto: ¿Que pasou con aquelas follas, tan emperifollada, tan
enfeitada que andabas, que nin poñías os pés no chan, sempre a punto de voar? ¡Menos
mal que xa non están solteiras! De min
non falo, que teño máis xiba que un dromedario.
-.-
OS ABRAIOS DOS
MASS MEDIA
¡Fai falta ser cernil, ou superdotado, unha das dúas, para resistir os
embates dos mass media! ¡Afellas que si, anuncios incluídos! Non chega con ser
xordo pois incluso a tele está usando subtítulos e/ou alfabetos dactilolóxicos.
Cada mestrillo o seu librillo, cada medio o seu criterio, a súa política
informativa / deformativa. ¡Deus nos asista e nos ensine a ler entre liñas para
descubrir as verdades de fondo, as auténticas, as neutrais!
O Código Deontolóxico da Federación de Asociacións da Prensa de España
(FAPE) proclamou, solemnemente, no 1994, que, “El primer compromiso ético del
periodista es el respecto a la verdad”. Pero nos mass media non só falan e
informan os periodistas senón, e tamén, os políticos, os empresarios, os
literatos... Claro é, tamén, que “Neste mundo traidor non todo é verdade nin
mentira, pois as cousas son da cor do cristal co que se mira”. ¡Xa o dicían os
nosos vellos!
Ao pé da letra, ese Código Deontológico preséntase así: “En el marco de las
libertades civiles consagradas en la Constitución, que constituyen la
referencia necesaria para una sociedad plenamente democrática, el ejercicio
profesional del Periodismo representa un importante compromiso social, para que se haga realidad para todos los
ciudadanos el libre y eficaz desarrollo de los derechos fundamentales sobre la
libre información y expresión de las ideas...”
¿A que esperamos? ¡Declarémoslles a guerra, a guerra do desprezo, unha
guerra de oídos xordos, aos mentireiros, onde queira que os vexamos, onde
queira que os atopemos!
-.-
LEIRAS CULTIVABLES:
Formar criterio,
pensar de conta
propia,
adquirir
personalidade...
¿Formar criterio? ¡Si, máis necesario que nunca neste mundo de monicreques
manipulados, teledirixidos!
Comezando pola responsabilidade dos pais, e subsidiariamente dos
profesores: Os rapaces precisan, sine qua non, ver nos pais, e tamén nos profesores,
a roca viva, fundamentada nos valores más cabais e auténticos. ¡Estes son os
cementos da obra, a seguridade construtiva! Temos que ser, ¡outra conditio!,
pola nosa rectitude e coherencia de vida, o fundamento, a base, do edificio
cultural. Os rapaces precisan pais fortes, de forte personalidade, que
resistamos as turbulencias do vivir cotiá; de nós recibiran, precisan recibir,
confianza, protección, fortaleza, e tamén orientación; orientación vertical,
que lles dea estabilidade psicolóxica.
Das mil maneiras que se pode expresar o concepto “criterio”, a seguinte pode
ser bastante gráfica: Criterio é esa ventá persoal, aberta ao exterior, desde a
que, cada cal, aprecia o mundo e toma unha posición persoal ante a existencia. Desde
esa visión, única, irrepetible no espazo e na historia, arrancamos: Cara ás
cousas (contemplación); e cara aos demais (amizade). Criterio, en definitiva, é
manter contacto coa vida, aprender a non separar nin confundir intelixencia e
imaxinación, vontade e afectividade, liberdade e espontaneidade, fins e medios.
Mentres máis clara teñamos a nosa ventá, esa visión, propia e do entorno,
mellor iremos, mellor avanzaremos e mellor participaremos da parte positiva das
nosas circunstancias. O bo criterio invítanos aos movementos atinados, sen
lesión propia nin allea.
¿Pensar de conta propia? Así o facemos cando temos educado o noso criterio.
Pensamos nós, pero case sempre con datos alleos, buscados e/ou recibidos; o
acerto está na aceptación que fagamos, na selección que fagamos, desbotando
aquilo que careza de lóxica. Como é moito o prestado, na práctica cotián pouco
máis nos queda que remoer; iso si, ben feito; se nos equivocamos, que non sexa
por folgazáns, por non ter espigado no trigo.
¿Adquirir personalidade? Tamén se lle pode dicir, autoridade, pois, en
positivo, vén a ser o mesmo: É o patrón, o nivel, das nosas actitudes,
pensamentos e sentimentos; o repertorio ou tipo de conducta que caracteriza a
unha persoa, dándolle unha altura estable e persistente ao largo da súa vida,
de tal modo que as manifestacións dese patrón, dese tipo de persoa, nas diferentes
situacións, ten certo grado de predictibilidade, o que facilita, tamén, as
relacións interpersoais. Dito vulgarmente: ¡hai que velas vir!
-.-
DICIMOS QUE A VIDA
É CURTA...,
e encima diso pasámola guerreando, ensinando aos nenos a loitar. ¡Das
loitas bélicas, abrenuntio, que chega coas outras!
O de larga, comparados cos animais, relativamente, pero hai árbores que nos
gañan. En todo caso, salvo excepcións, ¡e a pesares dos Médicos!, unha vida ben
aproveitada dá moito de si.
¡Esa é a filosofía: aproveita-la vida! E de paso darlles as grazas aos
Médicos, bromas á parte, polos seus ensaios. Aínda non inventaron o “elixir de
larga vida”, pero van camiño diso.
Hai unha subespecie que non merece vivir: ¡a dos folgazáns! ¿Como serán
capaces desa inercia, iso de pasar a vida coas mans no peto? Eses tales debían
vivir na lúa, que alí, como non hai atmosfera, non intoxicarían o ambiente. No
D.N.I. desa subespecie, para diferencialos, debían poñer: ¿Profesión? ¡Comer e
defecar!
Cando un vello mira para atrás polo retrovisor da súa vida asómbrase da
inxente cantidade de cousas que deixa feitas, entre boas e malas, pero, aínda
así, co tempo dedicado á vagancia houbese feito, quen máis quen menos, o duplo,
ou o triplo, e daquela a contaminación atmosférica sería irrespirable. ¡Co
pouco que facemos, e hai que ver que ambiente temos!
Propoño, para o ano que vén, aconsellarme máis limpeza, máis hixiene, máis
austeridade, e tamén máis utilidade social, encabezando, de paso que paso pola
vida, unha campaña anti golfería! ¿Que son as guerras máis que a pillería dos
pillabáns, ocupados en vivir coa vida e coa suor dos veciños! ¡De guerras e de
folgazáns, abrenuntio!
-.-
¿UNHA PRESADIÑA DE
AIRE?
¡Que si, que tamén os hai así; nos dous sexos, que non tódolos homes son /
somos matóns! Digna de compaixón é a persoa que pasa pola vida sen criterio e
sen carácter, sometida ás teimosías da súa parella; e con todo ser abundantes,
ou iso me parece, por algún signo externo, que tamén os hai visibles, que pouco
se fala deles, que pouco se lles axuda a ser..., persoas!
Ser “unha presadiña de aire” non equivale a ser tímido, senón inestable, e
aínda que os psicólogos digan o contrario, teño para min que a inestabilidade,
a debilidade de carácter, tamén se asenta na bondade excesiva, mal entendida, incontrolada.
Pasarse de bo, ceder sempre, aínda que non proceda, acaba creando un hábito, o
hábito de perder o autocontrol, e daquela pasamos de santos a burros, a burros
de carga.
Os homes, en xeral, adoitamos ser uns fantoches, con cara de lobos e corazón
de coello, pero xúlgasenos pola cara que poñemos, con sentenzas, a miúdo,
negativas, erróneas. Da muller non opino, que son máis difíciles de coñecer...,
de coñecer polos homes, e elas só falan mal das amigas..., entre amigas! ¡Iso
se di!
¡Que complexa é a humanidade, e menos mal que somos así, pois, do
contrario, que aburrido sería este mundo!
-.-
¡CHEGARON AS
FESTAS DA AMIZADE!
Acabo de ler nunha felicitación de Nadal, a máis filosófica de todas, así
que a fago miña: “O afecto e mailo cariño mídense polo tempo que nos dedican,
séxase de viva voz ou por escrito. As felicitacións lacónicas son, simplemente,
márketing. Así que, aguanta o meu rollo!”.
Isto fíxome lembrar algo que lin noutra parte, e que, máis ou menos, dicía
así: “O tempo é a mellor expresión do amor. O tempo é o regalo máis prezado,
¡debera ser!, porque o temos limitado. Podemos producir máis diñeiro, pero
nunca máis tempo. Cando lle dedicamos tempo a unha persoa estámoslle entregando
unha porción da nosa vida, unha porción que nunca poderemos recuperar. O noso
tempo é a nosa vida, así que, o mellor regalo que lle podes dar a alguén é o
teu tempo. Sempre que dediques o teu tempo, estarás facendo un sacrificio, e o
sacrificio é a esencia do amor”. ¿Válevos? ¡Para mi, si, tanto, que ata supoño
que un dos remorsos que vou ter “in artículo mortis”, será non haberlles
dedicado máis tempo aos que máis mo merecían..., ou máis o necesitaban!
Desexámonos “Felices festas” precisamente porque así as desexamos, pero,
non son! Sempre hai, e sempre haberá, nostalxias, ausencias, curtas ou
definitivas; a motivación é santa, entrañable, mais no persoal é imposible que
non concorra algún oco, o de alguén que nos falte na mesa, na celebración. Se
tivésemos fe abonda, sentiriámonos felices de ter xente no alén, porque nos
están acompañando desde Arriba, concelebran connosco, pero iso non é doado de
apreciar porque..., a carne pide presenzas físicas!
-.-
AQUELAS NAIS
CON FILLOS NA EMIGRACIÓN.
Nunca se dirá, nin esculpirá, nin escribirá, abondo, como para facérlle-lo
retrato. Podo dar fe persoal diso porque pasei dez anos en África Occidental,
daquela chamada “Española” recibindo cartas frecuentes da miña Irene. A súa
letra non era boa, pero empeorábaa a emoción latente nos seus trazos. Retiro
isto, que non o digo ben: A súa letra era perfecta, elocuente, porque estaba
mellorada: nela, ademais da tinta, viñan os latexos do seu corazón maternal. ¡Cada
carta, un poema, un retrato da súa alma sufrinte!
Xa que Deus nos puxo nun territorio fértil, abondoso en materia prima, ¿que
inferno lles terá reservado aos seus mordomos infieis, a aqueles que non se
molestaron en encarreirar a produción, a pesar de que o tiñan, fose expreso ou
tácito, nas obrigas do seu cargo? Chegaremos a sabelo..., cando subamos, máis
para daquela xa estarán secas as bágoas maternas!
As xeracións actuais non o saben, que nunca se comentou nin publicou, e
será cousa de dicírllelo: No franquismo os empregados dos Bancos tiñamos a
consigna de poñerlles como código ás remesas dos emigrantes, “Turismo”. ¿Por
que? ¡Obvio: Así as nosas ¿autoridades? presumían de que España era un paraíso
de atracción turística! ¿Reflectir a nosa emigración nas estatísticas? ¡Pecado
mortal! Non o noso, o deles, pola súa falsidade, pola súa incompetencia, pola
súa traizón!
-.-
¡Xa o teño!
¡Señor, cando
fixeches a Adan, a min me fixeches; e despois diso, redimíchesme; así que agora
tócame pedir o herdo, tal que un oficio nesa gloria dos anxos, pois, se
traballador fun na terra, no Ceo non quero ser menos! ¿Currículo? ¡Ti ben o
sabes, que nos teus arquivos está: plantei árbores, criei fillos, mal que ben
escribín algún libro…! O que non fun foi periodista, aínda non, e afellas que
me chama esa profesión… ¡Faime periodista no Ceo, Señor, ávido que estou por
coñecer os segredos que se me furtaron aquí abaixo, nesta terra dos
secretarios!
¡No Ceo quero ser
acusón, baixar á terra, espiar..., e de paso coller de man aos inocentes para
levalos a descubrir as farsas dos seus delegados, dos seus apoderados! Despois
de purificado, iso por suposto, quero ser o Lot que pida a salvación de
Sodoma..., pois algún inocente quedará nela! Xa que en vida non fun Cura, a ver
se despois logro algunha cura, coa falta que temos delas!
-.-
O MUNDO QUE LLES DEIXAMOS
Non é guapo, pero podía ser peor. Fagámoslle unha pequena análise: O século
XX, o noso, estivo saturado de guerras e de inventos. Nas guerras aprendemos a
guerrear, bomba atómica incluída; aqueles inventos quitáronnos as ganas de
traballar, que tan cultivadas estiveron no XIX; de traballar pasamos a teclear,
así que os brazos quedáronnos caídos, e os pés na alfombra: ¡moita oficina e
pouca horta!
¿O XXI? Lembrádesvos que no V houbo unha avalancha de bárbaros do Norte? No
XXI invadiranvos os do Sur, que veñen enganados, dispostos a facer o traballo
que aquí deixamos a campo, pero, ¡meus pobres, non o saben facer, e tardarán en
aprender! Esta invasión ten un nome: Francisco Franco, que xa no ano 1936
devolveu Covadonga aos muslimes. ¡Perdóolle porque non era galego, e os
francos, xa se sabe, historicamente son invasores!
Pasamos do sector primario ao terciario. ¡Iso, señoritos, con dereito a
servizo, pero a manduca, que? ¡Envasada; química impura! Se me volvese rapaz, e
fose de casa rica, estudiaría farmacia, pois, a este paso, todo se resolverá
con píldoras; ¡todo, non, pois as pandemias, con estas contaminacións, serán
monstruosas, inextinguibles!
Vivir no punto de orixe, atopar traballo sen o calvario dos desprazamentos,
será a cruz do XXI. ¡Teredes que substituír as bicicletas por “dons” voadores,
ultralixeiros; ¡iso se queda sitio para aterrar, pois os rañaceos adoitan
terminar en punta, pararraios incluído!
En canto aos decibelios... ¡A partir dos 20 anos, todos xordos! Teredes que
comunicarvos con mensaxes electrónicos, tecleados, todo a dedo!
Os casamentos? Coa libertinaxe que vos ensinamos, os casoiros igualaranse
coa lúa de mel: ¡un mes, escaso!
Os fillos? Cando non coincidan os dias fértiles cos da lúa de mel, adeus
familia: os pisos quedarán baleiros, así que será cousa de ir pensando onde se
mete o entullo procedente de abater esa miríade de rañaceos que deixamos feitos
e/ou proxectados!
Conclusión, consecuencias: ¡A Obra Pública haberá que destinala a
reconstruír manicomios, e non poucos!
-.-
TESTAMENTO,
ou,
Da Terra ao Ceo
O meu é doado de facer; faise con tres letras: A, B, C.
-A-
Amencer nunha casiña de
aldea, pero con sol, co sol de agosto. O neno saíu para ver como era aquilo de
mallar cos malles. Penoso, pero, divertido!
-B-
Bergland é o nome
do meu lugar. Estoulle moi agradecido polo zume que me deparou. Víñame de
familia ser boa persoa, así que tiven que esforzarme para imitalos. Hoxe
agradézolles esa herdanza, á vez que pido desculpas por canto deixei de
facer..., podendo! Non sempre se fai todo o que se pode, que sempre se puido algo
máis.
-C-
Cinsa. Déixolles as miñas
aos carballos da miña carballeira..., para que sigan adornando o lugar, que ben
o merece.
Con isto declarado, que os lectores me perdoen a pobreza dos meus relatos.
¡Non tiven elasticidade para máis!
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario