sábado, 21 de febrero de 2015

VOU CONTIGO


Señor, esta Semana Santa
vou contigo,
así sexa ao Monte Calvario!


Xosé María Gómez Vilabella


(Co Evanxeo de San Xoán nas mans; Biblia de SEPT do ano 1989)

Señor, vou contigo,
déixame ir
á túa cruz de pedra,
esa da Fonte de Matahomes,
aquel holocausto do Rei Silo,
esa do meu monte,
Montecubeiro,
outro Calvario
dos nosos galegos!

¿Non che sirvo de cireneo?

Expliqueime mal:
O que quero é aprender a selo,
aprender a levar a cruz,
a cruz das miñas culpas,
¡a das miñas!,
compartida contigo,
co inocente.
Tamén eu te conducín á morte,
á morte do monte Calvario,
cando o morto, o crucificado,
debera ser eu!
¡Morto ao pecado, sacrificado en vida!
Señor, devólveme ao bautizo,
devólveme á inocencia
se con iso alivio a túa cruz,
e coa túa, a miña!
-.-



Bénedict, quaesumus, Dómine,
os laurus nobilis,
que os plantei para Ti,
pensando dedicarchos no teu
Domingo de Ramos,
ese día glorioso no que entraches,
ledo e humilde,
no teu Xerusalén,
para sacrificarte por  min!

¡Xa fai falta ser Deus,
un Deus trinitario,
capaz de subir ao Calvario
por min,
por esta piltrafa
humana!
Saímos rebeldes,
pecadores,
e encima diso,
quixeches redimirnos!

¡Hosanna a Ti, Señor,
Deus Todopoderoso,
que te abaixaches
a dicirnos a fórmula
de pedirche perdón,
humildemente,
de xeonllos
diante da Santa Cruz,
ese signo infalible da nosa,
cruenta,
redención!
-.-


Tomáronte por Rei de Israel,
e iso que montabas nunha burra...
¡Era o Señor, en persoa,
e coidaron que aquel fillo de David
aspiraba ao trono de seu avó!
O da burriña foi por humildade,
e de David por parte de Nai,
Nosa Señora, Santa María.

¡Que gozo, Señora,
ver ao teu fillo
recoñecido,
aínda que fose parcialmente,
pero, á vez,
o teu corazón sangraba
presentindo o que lle esperaba!

Gozo foi parilo,
e gozo tamén foi crialo,
sabendo,
como sabías,
que de El dependía
a salvación do mundo
enteiro!
Pero a túa dor ía por dentro
e non podías expresala
naquel momento
para non anticipar
a hora do tormento.
¡Virxe, Sagrada, María,
tres títulos
que che corresponden por contribuír,
por participar na salvación do mundo,
daquela, agora e sempre:
Virxe, Sagrada, María!
-.-


Hosánna in excélsis,
e aquí abaixo,
tamén!
Señor, achégase a hora
da nosa redención,
a mesma da túa crucifixión.
¿Que fago eu, mentres?
¿Sego irreflexivo, dándome á boa vida,
voando,
viaxando polo mundo adiante,
que turismo lle chaman?
¡Necesito descansar!
Si, pero máis aínda reflexionar,
acompañarte con ramos,
dispoñerme a confesar.
Señor, xa que me gusta viaxar,
lévame contigo
a Xerusalén
para contribuír á miña redención,
acompañándote,
desde Ramos ao Calvario.
-.-

Ascéndit Deus cum exsultatióne,
Dóminus cum voce tubae.
Sube Deus entre voces de xúbilo,
Señor ao son das trompetas.
¡Como non se me ocorrería antes
isto de recibir ao Señor
cos honores pertinentes!
O Señor vén a min,
vén por min,
vén para animarme ao retorno
glorioso.
Daquela,
aquí me tes,
Señor,
con ramos e palmas,
de portas abertas,
e o corazón agradecido
de que o fagas
por min,
¡cousa que non teño merecido!
Mea culpa, Señor, mea culpa,
que ben grande debe ser,
iso, a culpa,
para que necesite,
de Deus,
semellante cura!
-.-

Quóniam rex omnis terrae
est Deus,
psállite hymnum.
Porque Deus é o Rei de toda a terra,
entoádelle himnos.

Señor, que máis quixese,
pero estou afónico de palabrotas dicir,
así que as notas non me saen
por grande que sexa
o meu sentir.
Á falta delas,
¿sérvenche as bágoas do meu arrepentir?
¡Sendo así lévame contigo
a Xerusalén,
e ponme nun curro do cenáculo;
ponme nun curro,
Señor,
pero non me deixes sen Cea
Eucarística,
que tampouco deixaches a Xudas,
sendo que era,
coma min,
un traidor!
-.-

Glória Patri, et Filio, et Spirítui Sancto.
sicut era in principio, et nunc,
et semper,
et in saecula saeculórum.
Amén.
¡Polos séculos dos séculos reinarás,
e eu, aquí abaixo,
criatura túa,
polas miñas culpas suspirando!

¡Xa sei, xa, que o teño ben doado:
De xeonllos petarme,
mais,
de nada serve
se non fago promesa,
definitiva,
de emendarme!
-.-
“Pero os fariseos dixeron
entre eles:
Vedes que non conseguides nada;
mirade para aí:
todo o mundo foi detrás del”.

¡Todo o mundo, non,
que eu non fun,
pero aínda estou a tempo
pedíndoche perdón!
Señor, eu estaba no seo de Eva,
xa daquela que pecou,
que por iso
así me xerou:
coma ela, pecador!
Miña nai compartiu comigo
a súa alma pecadenta,
que de aí me vén
aquel pecado da descendencia,
pero fun bautizado,
¡como está mandado!,
así que che pido,
aquí e agora,
que me volvas ao estado
inicial:
¡Ti, que lles lavaches os pés aos teus discípulos,
lávame de novo a alma
para que poda loarte
co meu ramo,
limpo eu, e limpo o ramo,!
-.-


“Foi Felipe e díxollo a Andrés;
Andrés e mais Felipe foron dicirllo a Xesús.
Xesús respondeulles:
¡Chegou a hora de que se manifeste a gloria do Fillo do Home!”

Chegou a hora, Señor;
chegou a hora de que deixásemos de ver en ti un home
para pasar a verte como o que tamén es,
Segunda Persoa Trinitaria!
¡E eu, mentres, abobado!
Tantos milagres que levabas feito,
tantos sermóns que levo escoitado,
e o meu entendemento
seguía cerrado!
Dura cerviz a nosa,
con milagres dez mil,
e aínda así seguíamos pensando
que só che importaba
recuperar o trono de David!
-.-


“Se algún quere seguirme,
que me siga,
que alí onde estou eu
estará tamén o meu servidor.
Se alguén me serve,
hao honrar o Pai”.

¡Claro que te quero seguir,
Señor;
seguir e servir,
pero o meu corpo é
cansino:
tanto me pesan as culpas,
que me desanimo!
¡A ver se rezando un pouco
recobro forzas,
e dou aberto os ollos,
para ve-lo Camiño!
O que me asusta é
que conduce ao Calvario,
e aínda que non vexa a cruz,
sei que debo levala,
pois,
Ti,
antes o fixeches por min!
-.-


“Agora o meu espírito está turbado.
¿E que hei de dicir:
Pai, sálvame desta hora?
¡Pero se para isto cheguei aquí,
Pai, glorifica o teu Nome”!

Aínda que Xesús viñera para dá-la súa vida polos demais, o feito de ser, tamén, un home lévao a sentir repulsa da morte. De tódolos xeitos, a vontade do Pai é a súa norma suprema, a que vai acatar!

Eu, o menor dos teus fillos,
tamén lle temo á morte.
¡Temíalle Xesús en canto home;
non vou tremer eu, miserable de min,
que son todo podremia,
causa remota da súa causa;
causante, en definitiva!


Xesús resucitou...
¡Ah, que bo é sabelo,
xa que por min o fixo,
pois,
por min cargou coa cruz;
coa súa, non, coa miña!
¡Que alivio é sabelo,
grazas aos Evanxeos!
Agora só queda agardar,
e pedirlle a Deus
que,
aínda que indigno,
me abra as portas do Ceo
precisamente con esas chaves,
coas do Calvario,
cos cravos de Cristo.
-.-


“Chegou entón unha voz do Ceo:
Xa o glorifiquei,
e glorificareino aínda de novo.
Xesús interveu dicindo:
Esa voz non foi por min,
senón por vos!”
Señor, se iso fas por min,
sen merecelo,
¿que non sería se me portase ben?
Probas me tes dado
por medio do teu Fillo
da miña adopción,
do meu perdón,
da miña redención,
gratuíta;
e eu, a todo iso,
sen mostrarme agradecido!
-.-


“Agora é o xuízo deste mundo;
agora ó príncipe deste mundo
vano botar fóra”.

A expresión “príncipe deste mundo” semellante ás utilizadas polos esenios de Qumrâm, refírese a Satanás, por ser este o inspirador das accións dos que seguen os criterios mundanos. Coa glorificación de Xesús na cruz vén a condenación do malo, e tamén dos seus fillos, ao vencelos Xesús.

¿Ao vencelos Xesús?
¡Pois claro,
que non quedan dúbidas!
Fíxoo por nós, en nós, e para nós,
salvándonos do tentador!
¡Ai, Deus, que xa son,
que xa somos,
que estamos,
definitivamente salvos,
salvados
polo propio Fillo de Deus!
¡Vaia prezo máis alto,
e eu sen decatarme,
sempre atido ás falacias do malvado
Satanás!
-.-


“Cando me ergan da terra,
atraerei a todos
cara a min”.

Dicía isto indicando de que morte había de morrer. Ser ergueito da terra é unha expresión aramea, con dobre senso simultáneo: Ser levantado e ser crucificado. Pola fe en Xesús fórmase o novo pobo de Deus.

Señor, Ti, levantado,
e eu,
avergoñado
de ser causa e motivo,
desa crueldade
salvadora.
¿Por que elixiu teu Pai
esta Vía Dolorosa?
¿Tiña que ser proporcionada,
axeitada,
á miña, á nosa,
infamia?
Se tal fixeches, se tal deixaches facer,
en Ti,
é que outra vía non había
para abrirnos os ollos,
e cos ollos, o Ceo,
para así renacer,
para, por nós, merecer!

¿Un Xuíz que se inmola
no sitio do reo?
¡Señor, iso foi o nunca visto,
e non volverá a suceder!
¡Ai, Deus, que bondade
tan sublime;
mentres,
eu,
e comigo a humanidade,
toda, enteira,
uns seres depreciables,
adoptados,
afiliados,
polo Señor dos señores,
sublimado nunha cruz,
na dos malfeitores!
¡Cústame entendelo,
pero,
esíxemo a fe!
-.-


“Xesús contestoulles:
Aínda que por un pouco, estará a luz
entre vosoutros.
Camiñade mentres téde-la luz,
para que a tebra non vos atrape,
pois,
quen camiña na tebra
non sabe para onde vai”.

Os contemporáneos de Xesús decatáronse do senso da expresión “ser ergueito”. O que non comprendían era como podía ser crucificado aquel Mesías que Deus mandara precisamente para salva-lo pobo. Á diferencia dos xudeus, que pensaban nun Mesías político, Xesús exprésase nun mesianismo inspirado no Servo de Iavé.

¿Camiñar na tebra?
¡Pero iso é o que vin facendo,
o que seguimos facendo
media Humanidade!
¡Ai, Deus, que falta temos de sacerdotes,
bos e xenerosos,
que se expresen con claridade,
para que coñeza a Paixón de Cristo
media
Humanidade!
¿Que culpa teño eu
de ser vello e casado
para que así non me poda
ordenar?
¡Afellas que se fose mozo,
aínda que casado,
de permitilo a Igrexa...,
iría correndo para Herbón,
Teoloxía estudiar!
¿Que cerraron o convento,
e que só se dedican ao pemento?
¡Claro: queríanos solteiros!
Pois,
solteiro ou casado,
laico ou clérigo,
o que aínda podo facer,
Señor,
é rezar para que se amplíen
as vocacións,
¡tanto falta que temos
das súas explicacións!
-.-




“Mentres teñades a luz, crede na luz,
para que vos volvades fillos da luz!”

Para ser fillo da luz hai que crer na luz e camiñar na luz. O senso desta expresións vén ser vivir a nosa existencia no ámbito de Xesús, que é a verdadeira luz.

Eu, que me criei coa luz dos tizóns,
con algunha vela
de cando en vez,
e de luxo
a de carburo,
teño a especial obriga
de distinguir entre luces:
Á da terra chamámoslle lúa,
que é un simple reflexo do sol;
¿como terei que chamarlle
á luz divina,
esa que nos vén
dos Evanxeos?
¡Xa o dixen:
Divina!

Os meus ollos,
Señor,
cegos polas malicias do noso común inimigo,
Satán,
quérenme levar ao precipicio,
nunha caída sen retorno,
pero,
se non me solto da man de Xesús,
non terei esa desgraza!

¡Xesús, Fillo de María,
e con vosoutros,
Xosé,
tede dó de min,
pois,
aínda que pecador,
arrepentido estou, listo para participar na Paixón
do Señor!
-.-


Mesmo facendo Xesús tantos signos
diante deles
non creron nel,
de xeito que se cumprise
a palabra que dixo o
profeta Isaías:
Señor,
¿quen creu na nosa predicación?
¿E a quen se manifestou
o brazo do Señor?

Eu, servidor,
por veces si, e outras non,
que me parecía imposible
tanta bondade cos pecadores,
tendo en conta o esixente que fun,
sempre,
con aqueles
que de min desconfiaron,
con aqueles que da miña honra
dubidaron!
¿Como pode ser tan benévolo
o Señor dos Señores?
¡Por iso teño chegado
a dubidar
que Deus non podía ser Deus
xa que nin os homes
perdoamos
un infinitésimo do seu perdoar!
-.-


“Sen embargo,
moitos,
tamén de entre as autoridades,
creran nel,
mais por causa dos fariseos
non o confesaban
para que non os apartasen da sinagoga,
pois preferiron a gloria dos homes
antes cá de Deus”.

... antes cá gloria de Deus?
¡Ai que isto tamén vai por min,
tanto que me entretiven nos antollos mundanos,
malos e perversos!

Señor,
borra as miñas pegadas,
para que non quede sinal delas
no meu camiñar,
no presente!

Eu non podo facelo,
pero Ti.,
Señor,
agora que vas camiño
da Cruz;
agora que é a miña ocasión
de cambiar de partido,
concédemo,
Señor
-.-


“Xesús, alzando a voz:
(para que non quedase ninguén sen oílo,
alto e claro).
Quen  cre en min,
realmente non cre en nin,
senón naquel que me mandou.
Eu son luz que veu ao mundo,
para que todo o que cre en min
non permaneza nas tebras”.

¡Ai, Deus, que felicidade,
que ledicia, facerte visible,
deixarte ver,
e nós,
aquí abaixo, nas tebras,
agardando polo Mesías!

¡Albízaras, que xa chegou,
e veu a tempo de
coñecelo
nós,
que para iso nos deixou a súa verba
nos Evanxeos!
-.-

“Eu son a luz
que veu ao mundo,
para que todo o que cree
en min
non permaneza nas tebras”.

Si que creo en Ti,
Señor;
se cadra menos do que debera,
pois
xa sabes que a cabeza
dos humanos
é
algo inestable,
pero vou coller a miña
coas dúas mans
para que non se desvíe
das túas olladas,
Señor,
que así, sen perderte de vista,
mando as tebras
ao inferno
e quédome contigo,
definitivo!
-.-


“Se alguén escoita as miñas palabras e non as garda,
eu non o xulgo,
pois non vin para xulga-lo mundo,
senón para o salvar”.

A misión de Cristo é salvadora, pois é a mesma misión do Pai. Pero o home pode aceptar, ou non, a palabra de Xesús. Se a acepta, será un fillo da luz, e a salvación de Cristo farase realidade nel; pola contra, se non a acepta, será un fillo da tebra, e a palabra rexeitada será un argumento contra el.

¡Esta si que é luz,
luz divina,
que nos clarifica a salvación!

¡Ah, pero non podo esquecer
que tamén existe a sombra,
a sombra absoluta,
infernal,
do meu maldicir!

Se a escoito,
non;
se a acepto,
si,
pois escoitala e non aceptala
rebeldía é.
¡Que máis quero eu,
que máis se pode pedir
que salva-la alma,
para toda a eternidade,
gozando de Deus,
en compañía dos meus entregos,
tan queridos que me foron,
que me son;
e no mesmo sitio agardando
pola miña descendencia,
para compartir mesa
novamente,
na Cea celestial,
na definitiva!

¡Señor,
máis che pido:
tódolos meus xuntos,
todos fillos da luz;
e sempre xunto a Ti,
polos séculos dos séculos.
Amén!
-.-


“Quen me despreza
e non recibe as miñas
palabras,
ten quen o xulgue:
a palabra que eu falei hao xulgar
no derradeiro día”.

Señor,
no meu caso
non o deixes para daquela:
Xúlgame hoxe,
que así aínda estou a tempo
de pedirche perdón.
Xúlgame hoxe
que teño posto en Ti
o meu corazón!
-.-




“Porque non falei pola miña conta,
senón que o mesmo Pai,
que me mandou,
deume a encomenda do que debo dicir,
e de como debo falar.
E eu sei que a súa encomenda
é vida eterna.
Por iso,
as cousas que eu falo,
fáloas como mas dixo o Pai”.

¡Foi o Pai,
por boca do Fillo,
vinculados,
ambos,
polo Santo Espírito!
Deus,
un só Deus verdadeiro
nas tres persoas
do misterio.

Daquela,
Código completo:
o Código, a Receita, da Salvación;
e eu,
mentres,
atusmándolle ao vento,
do meu Miradoiro.
Señor,
que a túa semente
alimente
a miña mente,
desde hoxe para sempre!
-.-




Agora
que o sei todo,
imperdoable sería
equivocarme de Camiño:
Pola vía dos Evanxeos,
todo dereito,
Camiño do Ceo,
que esa é a nosa
Guía!
-.-


A DERRADEIRA CEA


Faltan as mulleres,
pero é que non lle cabían ao pintor neste cadro!

“Antes da festa da Pascua
sabía Xesús que lle chegara a hora
de pasar deste mundo para onda o Pai;
e xa que amara aos seus
que estaban no mundo,
amounos ata a fin”.

O evanxelista (Juan) insiste aquí no coñecemento que tiña Xesús do que lle ía pasar, e na súa liberdade para entrega-la propia vida como testemuño de amor. O amor que Xesús ten “ata a fin” quere significar “a plenitude de amor”, e mais “a continuidade do seu amor ata a fin da súa vida”.

Meu Deus,
que feliz me sinto de ser cristián,
tan amado, tan querido
de Xesús!
Se nos parásemos a pensalo,
pena debíamos ter
de todos aqueles
que aínda
non chegaron a coñecer
as verdades evanxélicas.
¿De quen é esta culpa?
¡De quen vai ser,
nosa,
dos malos cristiáns,
pasotas, apáticos,
que tan pouco facemos
para o Evanxeo
divulgar!
-.-


¡Que si,
que todos somos apóstolos,
pois esta obriga temos:
Predicar co exemplo,
pero tamén coa verba,
e se non sabemos traducir
outros o farán por nós,
se é que tal merecemos!

O verbo Predicar,
xunto con Amar,
son da primeira,
así que por eles
temos que comezar,
¡se queremos aprobar!
-.-


“E mentres ceaban
-xa Satán lle movera o corazón
a Xudas,
o de Simón Iscariote,
para que o entregara-,
sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans,
e que saíra de Deus e ía onda Deus...”

¡Pobre Xudas,
que pena me dá!
¿Perdoaríalle Deus esa fraqueza
de acatar a Satán
traizoando, vendendo,
nada máis e nada menos,
que ao seu Mestre,
despois de tantos milagres que lle vira facer?
¡Tan grave é a felonía
que arrepía
con só nomeala!

Señor Xesús,
que na cruz perdoaches,
¡tantas cousas e tan graves!,
dóete de Xudas,
que non che foi o único blasfemo,
o único traidor, o único Xudas,
e ti sábelo ben!
-.-


“Ergueuse da mesa,
deixando a túnica;
e collendo unha toalla,
cinguiuse con ela.
Despois botou auga nunha almofía
e comezou a lavárlle-los pés
aos discípulos
e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida”.

O lavatorio dos pés ten aquí un valor simbólico, relacionado coa morte de Xesús, pois 1) faino despois de reparar en que, tanto o lavado dos pés como a súa morte, eran para ben deles, e 2) porque se relaciona coa afirmación de que Xesús ía pasar deste mundo ao Pai. Isto de lava-los pés era símbolo de hospitalidade. Facíano os escravos, ou tamén os discípulos ao seu mestre, como mostra de respecto e delicadeza. O feito de facelo Xesús, sendo el o Mestre, ten a finalidade de animalos a facerse entre eles outro tanto. ¡Unha lección de humildade, sublime!


Señor,
eu, coma Pedro:
os pés, as mans, a cabeza...,
pero,
sobre todo,
a alma.
¡Iso, a alma!

¡Ai, se me lavases a alma,
que feliz me ía sentir,
que xa me sinto
coa esperanza
de volver
á auga do Bautizo!

Esa lección foi boa,
pero fai falta humildade para levala
á práctica!

No meu historial
só teño unha lembranza remota:
Daquela que,
entre varios veciños,
lle lavamos o corpo
ao defunto Pepe do Pacio!
Non foi un trago
doado,
pero tería que facelo mil veces
para ser aprobado
nese Tribunal da Caridade!
-.-


¿Samaritano, eu?
Na procedencia pode ser,
pero o meu camiñar
é,
máis ben,
arredado,
apartándome, a ser posible,
dos obstáculos,
que freen o meu avanzar!

¿Levo présa?
¡Quixera coller o Ceo coas mans,
mais para iso
estórbanme os doentes
que vou atopando
no meu camiñar!

Pero
se Xesús me dixese
que o mellor dos motores
está  no palpitar
dos corazón caritativos,
participativos,
que?

¡Xa cho dixo,
que nos Evanxeos está,
pero é cousa de ler,
e despois diso,
practicar!
-.-


“¿Comprendéde-lo que fixen convosco?
Vos chamádesme “Mestre” e “Señor”,
e dicides ben porque o son.
Logo, se eu,
o Señor e o Mestre,
vos lavei os pés,
tamén vos debedes
lavárvolos pés uns aos outros”

A lección é boa,
rotunda,
humana e sinxela,
pero fai falta ser bo
para cumprila!
¿Neste mundo,
quen é servidor de quen?
¡Debéramos selo todos,
a porfía,
tanto que porfiamos
cando se trata de...,
diso, de fode-lo próximo!
Hai que falar claro,
claro e con verdade,
por moito que doa.
¡Prometo facelo,
Señor,
de aquí en diante!
-.-



“Douvos un mandamento novo:
Amádevos uns a outros;
como eu vos amei,
amádevos tamén entre vós.
Nisto coñecerán,
todos,
que sóde-los meus discípulos:
se vos tedes amor uns aos outros”.

Dise “mandamento novo” porque é o mandamento da Nova Alianza, non porque non existise este mandamento no antigo pobo de Deus. Sinálao como necesario para cumprir co mandamento de amor a Deus...

A ver se o entendín:
Non se pode, non vale, non existe,
iso de amar a Deus
se tal non facemos co noso próximo,
por lonxe, por separado,
que estea,
e por mal que nos caia!

Sendo os homes,
como somos,
criaturas de Deus,
todos,
sen excepción,
que nos fixo daquela que nos puxo no Paraíso,
¡é que somos irmáns,
fillos
do mesmo Pai espiritual!
Con isto sabido, con este vínculo,
aquel que odie ao irmán,
a Deus odiando
está!

¿E se o irmán non nos quere a nós?
Neste caso tampouco hai dúbida:
queirámolo nós,
e queirámolo ben,
aínda que sexa na distancia;
pidamos para el
un doce amencer;
iso si,
con remorsos
que lle fagan ver a gloria
do Señor,
pai del e pai meu!
-.-


“Simón Pedro preguntoulle:
-Señor, ¿onde vas?
Xesús respondeulle:
-Onde eu vou non podes ti seguirme agora;
seguirasme despois.
Pedro replicoulle:
-¿Por que non podo seguirte agora?
Estou disposto a dá-la miña vida por ti.
Xesús respondeulle:
-¿Que ti dara-la túa vida por min?
Con toda verdade che aseguro:
que non cantará o galo
sen que ti digas tres veces
que non me coñeces”.

Xesús quéixase da excesiva seguridade de Pedro, e aproveita a ocasión para anunciarlle que caerá. Contra esa excesiva seguranza, unha autosuficiencia que é froito do orgullo, tamén nos prevé S. Paulo: ”Quen pense estar seguro, mire ben, non caia”.

Se o meritísimo Pedro
negou,
caeu,
tres veces,
de que infamias non serei capaz,
eu,
mísero de min,
entre as debilidades
e mailas tentacións?

A primeira delas xa é
esconde-la miña fe cristiá;
avergoñarme dela!
Se os outros gastan en vicios,
eu tamén;
non se diga que son un mexa pías,
podendo facelo de alcol,
de drogas,
e doutros vicios sociais,
tan divertidos que son!
¿Que me toman por aburrido
e por beato?
¡Pois é verdade,
que aí está a miña covardía:
Esconderme cos que xogan a partida
de madrugada,
en lugar de ir á Misa!
-.-


“¡Recordare, Iesu pie,
Quod sum causa tuae viae:
Ne me perdas illa die!”

Cantas veces
cho levo dito, na Consagración:
Non permitas,
Señor,
que sangue de tanto valor
sexa derramada inutilmente
por min!

E pola miña parte,
que;
cal é a miña neste trato?
Doado mo pos,
sempre e de sempre:
¡Persignarme,
pedirche axuda
cada vez que se me achegue
a tentación;
ou se me poñan por diante
ledicias falsas,
obxectos malditos
de desexo
inconfesable!
-.-


“Non vos agoniedes:
Crede en Deus,
e tamén en min.
Na casa de meu Pai
hai moitas moradas;
doutro xeito,
¿teríavos dito que vos ía amañar un lugar?
E cando vaia e vos amañe ese lugar,
volverei e collereivos comigo,
para que,
onde estea eu, esteades vos tamén.
E a onde vou,
vos ben sabéde-lo camiño”.

A segunda vinda de Cristo será gloriosa e terá como finalidade recoller a tódolos que o amaron, para que participen da súa gloria, estando con El sempre, e para sempre, séxase, eternamente.

¡Amén!
Que así sexa,
que se cumpra comigo,
que pouco lugar ocuparei
porque a miña alma
é pequerrechiña,
e caberá
nun curruncho calquera
dese Ceo grandioso
prometido,
aínda que sexa, pola miña parte,
lamentablemente,
ao de hoxe pouco merecido.
Pero fago propósito de emenda,
Señor,
que por iso che pido
apartes de min
o anxo malo,
ese que non me quere ver
da túa parte,
envexoso que está,
pois,
por malo, perdeu o Ceo,
e a min quéreme do seu lado,
da parte dos derrotados;
ben sei que contigo non puido,
aínda que o intentou!
Con esta axuda, con esta forza,
coa Túa,
Señor,
venceremos os bos,
os xenerosos!
-.-





“Xesús respondeulle,
(a Tomé):

Eu son o camiño,
a verdade
e a vida:
Ninguén chega onda o Pai
mais que por min.
Se me coñecésedes,
coñeceriades tamén a meu Pai;
aínda que xa desde agora
o coñecedes,
e o tedes visto”

É o Camiño, como é a Porta, porque non se pode chegar ao Pai prescindindo de Xesús. É verdade, porque nos revela fielmente ao Pai. Xesús é a vida, porque pode dar a súa e recollela; dar vida eterna a quen quere, e porque quixo o Pai que teña vida pola súa conta. Quen ten verdadeira fe en Cristo, coñece ao Pai. Os discípulos de Xesús tiñan aínda unha fe moi débil. Pero desde a chegada da “hora” –o momento da glorificación de Cristo-, a revelación será plena, e percibirán claramente a Verdade, pois coñecerán ben a Xesús e mais ao Pai.


Para fe débil a miña,
profeso e confeso,
pois,
con tanto como levo escoitado
Verbas Divinas,
e sigo
feito un marulo,
sen apenas dixerilas!

¡San Xoán Evanxelista,
o do verbo claro:
Tanta teoloxía
na túa pluma,
e tanta burremia
de parte miña!
¡Déixame seguir na túa escola,
por días de vida!

Se non o merezo para Xuño,
Señor,
dáme un pouco de Purgatorio,
pero que  non pase de Setembro;
quítame das calores do inferno,
non me volvas ao deserto,
que xa o tiven,
¡dez anos!,
e diso entendo.
-.-


A Felipe:
“Pero, Felipe,
¿levo tanto tempo convosco
e aínda non me coñeces?
Quen me viu a min,
viu ao Pai.
¿Como dis, entón,
“móstrano-lo Pai”?
¿Non cres que eu estou no Pai,
e o Pai en min?
As palabras que eu vos digo
non as falo pola miña conta;
é o Pai,
que permanece en nin,
quen fai as súas obras.
Crédeme que eu estou no Pai
e o Pai en min.
Se non,
polo menos crede
por esas mesmas obras.
Con toda verdade volo aseguro:
quen cre en min,
fará el tamén as obras que eu fago,
e faraas meirandes aínda,
pois estou para irme onda o Pai;
e o que pidades no meu nome,
heino facer,
para que o Pai sexa glorificado no Fillo.
Se algo me pedides no meu nome, fareino”

Así como no A.T. se lle pedía algo ao Pai “polo seu nome”, “pola súa gloria”, así agora pódeselle pedir a Cristo, “no meu nome”. E, ao escoitarnos Cristo, o mesmo Pai será glorificado no Fillo”.

De postos a pedir,
sexa no nome do Pai, do Fillo,
ou do Espírito Santo,
tantas cousas quero,
e tan poucas merezo,
mais,
merecida ou non,
só unha quero con paixón:
que pola Paixón de Cristo
a Santísima Trindade
me abra as portas do Ceo,
que todo o demais xa o terei Aló,
pero,
aló dentro,
no país dos anxos,
xunto con meus pais,
que con esa intención me fixeron,
coidaron e amaron,
precedéndome no seu ascenso,
tal que para que os imitase
eu!
-.-

“Se me amades,
gardaréde-los meus mandamentos,
e eu rogareille ao Pai,
e daravos outro Paráclito
(Espírito Santo)
para que decote estea convosco:
o Espírito da verdade”.

O PARÁCLITO: Palabra do grego "parakletos", que literalmente significa "aquel que é invocado"; é por tanto o avogado, o mediador, o defensor, o consolador. Xesús preséntanos ao Espírito Santo dicindo: "O Pai daravos outro Paráclito" (Xoán 14,16). O avogado defensor é aquel que, poñéndose de parte dos que son culpables debido aos seus pecados, deféndeos do castigo merecido, sálvanos do perigo de perder a vida e a salvación eterna. Isto é o que realizou Cristo, e o Espírito Santo é chamado "outro paráclito" porque continúa facendo operante a redención coa que Cristo nos liberou do pecado e da morte eterna.

Señor,
por falta de medios e de avogados
a cousa non queda, non creba;
¡en todo caso, de haber algún fallo,
algún esquecido,
serei eu,
pecador,
que así me confeso,
e así invoco a asistencia
do Paráclito ofertado,
da Terceira Persoa desa Trindade
Santísima,
que se me ofrece de oficio,
para salvarme...,
sen cargas e con gratuidade!
¡Señor,
moi agradecido che estou;
sálvame para que poda,
no Ceo,
cos anxos adorarte!
-.-


“O mundo non o pode acoller,
pois non o ve nin o coñece;
mais vos coñecédelo,
pois permanece onda vos
e está en vós.
Nos vos deixarei orfos;
logo volvo onda vós.
Un pouquiño máis e o mundo xa non me verá;
pero vós habédesme ver,
que eu vivo
e tamén vós habedes vivir.
Naquel día coñeceredes que estou en meu Pai,
e vós en min, e eu en vós.
Quen ten os meus mandamentos e os garda,
ese ámame;
o que me ama será amado
por meu pai,
e eu amareino e manifestareime a el”.

¡Pero que Mestre este Xesús de Nazaré,
Deus Fillo, Fillo de Deus,
que vaia lección
maxistral
a que aquí nos deixou
para entender
á Santísima Trindade.
Todos a favor noso,
de consún,
dándonos a man,
e nós...?
¿Nós?
¡Nós correndo polo monte
tras das lebres,
tras da cruz,
bordeando ese abismo
que traga aos pecadores!
-.-


“Non vos deixarei orfos;
logo volvo onda vós.
Un pouquiño máis
e o mundo xa non me verá;
pero vós habédesme ver,
que eu vivo,
e tamén vós habedes vivir.
Naquel día coñeceredes
que estou en meu Pai,
vós en min, e eu en vós.
Quen ten os meus mandamentos e os garda,
ese ámame;
o que me ama será amado
por meu Pai,
e eu amareino e manifestareime a el”.

Fáiseme incrible que,
cos milagres de Xesús
e mailas súas verbas
recollidas nos Evanxeos,
siga habendo profanos,
mesmo ao redor de nós.
¿Non será por culpa
do mal exemplo que damos
estes que nos chamamos crentes?
¡Pois vaia categoría de cristiáns;
un nome e pouco máis!
-.-


“Se alguén me ama,
gardará a miña palabra,
e meu Pai amarao,
e viremos onda el,
e faremos vida con el.
O que non me ama,
non garda as miñas palabras;
e a palabra que escoitades de min
non é miña,
é do Pai que me mandou.
Díxenvos estas cousas mentres estaba convosco,
pero o Paracleto, o Espírito Santo,
que meu pai mandará no meu nome,
ese havos ensinar todo
e traeravos a lembranza
de canto vos dixen”.
-.-


O Paráclito, ou Paracleto, que aquí se chama Espírito Santo, ten, tamén, a misión de confirmar aos discípulos de Xesús, iluminando a súa mente para que comprendan o mundo da verdade e dean testemuño da Verdade, da verdade absoluta.




¡Mira que nolo deixou dito,
dito e repetido,
pero somos así de cacholáns;
cústanos crer
na Santísima Trindade,
“Tres persoas distintas nun só Deus”,
ese dogma de fe
que se nos aclarará cando subamos
e vexamos
cos ollos da gracia celestial!
No ínterim,
fe,
que pouca fai falta
cos milagres
que Xesús deixou feitos,
propios de Deus,
do Deus auténtico,
aquí mesmo,
na terra!
Pero xa non está...
¿Como que non está?
¿E logo, non fuches comungar?
-.-


“Déixovo-la paz,
dóuvo-lo a miña paz:
Eu non a dou como o mundo a dá.
Non vos agoniedes, nin teñades medo.
Oístes que vos dixen
“voume, e logo volvo onda vós”.
Se me amásedes alegrariádesvos
de que eu vai onda o Pai,
xa que o Pai é máis cá min”.

Xesús é o “príncipe da paz”, e por iso nos deixa a paz. Con todo, unha paz distinta da que promete o mundo: Xesús non nos evita as tribulacións, pero ao final participaremos da vitoria de Cristo sobre o espírito mundano: a paz de Cristo refírese á salvación. Esta afirmación “o Pai é máis cá min” haina que entender no seu senso, de distinta misión entre o mandado e o que manda, aquel que o mandou para redimir, para perdoarlle á Humanidade.

¡A paz de Cristo
é a Salvación...!
Daquela, ¿que máis queremos
se nesa paz xa o temos todo,
todo o importante?
¡Catro tribulacións neste mundo,
catro,
catro ou cinco,
pero iso non é nada
agora que temos asegurada
a redención,
agora que Cristo
padeceu e morreu pola nosa
Salvación.
Morreu, pero, resucitou,
abríndonos
coas súas chagas
a eterna
Liberación
-.-


¡Este calvario de vida...!,
adoitamos dicir
cando nos cansamos de leva-la cruz,
a pequeniña,
a das nosas dores.
¡Pois vaia que somos egoístas:
Co pecado que traemos enriba
e só temos,
de cando en vez,
algunha penuria, algún malestar!
Daquela,
ofrezámoslle a Deus,
como penitencia,
estas cruces merecidas,
que El,
a cambio,
vainos levar ao Ceo sen purgar.
¡Se fose cousa de homes...
quen o podería pagar!
-.-


Señor,
cámbiame a covardía de Pedro
pola afouteza da Verónica;
¡e logo din que as mulleres
non están chamadas
ao presbiterio!
Señor,
a falta de lenzo,
que non se me borre o teu retrato
do meu cerebro,
así,
cando a inconsciencia me pida pecar,
a conciencia
levarame ao Calvario,
que será o meu espertar!
-.-


“Oístes que vos dixen
“voume e logo volvo onda vós”.
Se me amásedes,
alegrariádesvos de que eu vaia onda o Pai”
Esta afirmación,
Señor,
nunca a repetiremos abondo.
¿Se me amásedes?
Algo, si,
pero menos do que mereces,
do que fixeches por nós.

Nestas pasividades,
Señor,
danos calor espiritual
para zafarnos desta friaxe
tan...,
¡terei que dicilo:
animal!
-.-


“Se alguén non permanece en min,
é coma os ramos arrincados fóra,
que secan;
apáñanos, bótanos no lume e arden.
Se permanecedes en min
e as miñas palabras permanecen en vós,
pedide o que queirades,
e hásevos facer.
Nisto é glorificado meu Pai:
en que levedes froito abondoso
e vos mostredes como
discípulos meus”.

Señor,
no que a min atinxe,
por pedir non vai quedar;
distinto tema será
o de merecer!

Iso:
¿Que teño que facer
para a Túa gracia divina
acadar?
¡Ben llelo dixeches aos teus apóstolos,
que deles son herdeiro,
herdeiro e alumno tamén:
outra cousa será
que me entre na chencha,
tan ofuscado que estou
coas tentacións
mundanas,
malas e perversas!
-.-


“Se o mundo vos aborrece,
sabede que me aborreceu a min
antes que a vós.
Se fósedes do mundo,
o mundo amaríavos como cousa propia:
pero,
como eu vos escollín do mundo,
por iso o mundo vos aborrece.
Lembrádevos da palabra
que vos dixen:
Non hai servo maior có seu señor;
se a min me perseguiron,
hanvos perseguir tamén a vós”.

Os discípulos non poden comparti-los criterios do mundo. Xesús segregaos da maldade, e transmítelle-los seus criterios. Por tanto, se seguen fielmente as orientacións do Mestre, non poden menos que ser perseguidos, como el o foi.

¡Que me importa ser perseguido,
esquecido,
odiado incluso,
se estou da parte boa,
da túa,
da certa,
da verdadeira!
O que preciso son ánimos,
ánimos para no decaer,
e cos ánimos a vara de San Xosé,
para terme en pé!
-.-


“Quen me aborrece a min,
aborrece tamén a meu Pai.
Se non fixese entre eles as obras
que ningún outro fixo,
non terían pecado;
mais agora víronas,
e aborrecéronme a min e a meu Pai;
de xeito que se cumpra a palabra
que está escrita na súa Lei:
Aborrecéronme sen razón”.

O senso destes versículos é que, facendo Xesús as obras que fixo, non teñen desculpa aqueles que non o recoñeceron. Por outra parte, ao non recoñecer a Cristo naquel Xesús que facía aquelas obras, equivale a non recoñecer ao Pai.

¿Aborrecer a Deus?
Iso é o colmo
da maldade;
e coa maldade, a estupidez!
Fai falta ser imbécil
para preferir o pecado
á graza de Deus;
pero a realidade é esta:
¡Vimos tan malvados,
tan mal aconsellados,
do maligno,
que pasamos á preparación
coresmal
en carnaval, divertíndonos!
-.-


“Díxenvos estas cousas
en comparanzas.
Vai chega-la hora en que xa non vos falarei
nelas,
senón que vos falarei do Pai abertamente.
Naquel día pediredes no meu nome.
E non vos digo que
rogarei por vós ao Pai,
xa que o propio Pai vos ama,
pois vós amástesme a min,
e crestes que eu saín de Deus.
Saín do Pai e vin ao mundo;
de novo deixo o mundo
e vou onda o Pai”.
...


“Díxenvos estas cousas
para que teñades paz grazas a min.
No mundo haberedes ter apertos,
pero tede ánimo.
Eu vencín ao mundo”.
...


¡E tanto que o venciches,
Señor;
agora, co teu ensino,
tócame a min
vencerme a min mesmo;
si,
vencerme a min mesmo,
Señor;
vencer a miña maldade
para seguir ás túas leccións,
exemplares!
-.-


“Logo,
erguendo os ollos
ao Ceo, dixo:
Pai, chegou a hora:
Glorifica ao teu Fillo
de xeito que o Fillo te glorifique a Ti;
conforme lle deches poder
sobre todo home,
para que dea vida eterna
aos que ti lle deches”.

A chegada da hora marca o momento máis importante da existencia terrea do Fillo de Deus. ¡Xa estamos en presencia da Redención!

Santísima Trindade,
aquí me poño de xeonllos:
Humíllame,
Deus,
para que poda ser enxalzado
na túa presenza!
-.-

“En dicindo isto,
saíu cos seus discípulos
para a outra banda do regueiro Cedrón,
onde había unha horta,
na que entrou el e mailos seus discípulos.
Tamén Xudas,
o que o había entregar,
coñecía aquela horta,
pois en moitas ocasións estivera alí Xesús
cos seus discípulos”

Señor,
eu tamén teño unha horta,
cunha oliveira por min plantada;
non para que dea olivas
a seiscentos de altitude,
senón
para que os meus netos
utilicen as súas ramas no teu,
triunfal,
Domingo de Ramos.

Cerquiña da oliva
as miñas cinsas repousarán;
aínda que só sexa simbolicamente,
déixame, así, participar
da túa Paixón
mortal.

“Xudas,
que levaba a patrulla e a garda
dos sumos pontífices e dos fariseos,
chegou alí con farois, fachos e armas.
Entón Xesús,
sabendo todo o que lle viña enriba,
adiantouse e preguntoulles:
-¿A quen buscades?”

Xoán, recollendo palabras de Xesús, dinos que a salvación vénnos polo coñecemento de Deus, un coñecemento que non só é intelectual, senón toda unha comunidade de vida con Deus. Esta vida eterna, para Xoán, comeza aquí abaixo, pois aquí xa son salvados os que honran a Deus crendo en Xesús Cristo.

Hai dúas formas de buscar:
para ben e para mal;
como tamén hai bicos traidores...
Ben ofuscado tiña que estar
Xudas
para atreverse á súa traizón.
¿Xudas, soamente Xudas?
¿E logo, o resto dos pecadores,
que viñemos facendo
ao longo da vida,
en tantas ocasións?
¡Pois o mesmo, ou parecido:
Traizoar a quen foi crucificado
por nós,
nunha paixón voluntariamente aceptada;
¡si, por e para nós!
Morreu para resucitar,
para abrirnos a porta da
Salvación!
-.-


¡Meu Deus,
agora quero buscarte doutro xeito:
para, de xeonllos, ofrecéndoche os meus padecementos,
pedirche perdón!
As miñas traizóns son terribles,
seino,
pero tamén creo na túa bondade,
que é infinita,
e non só para min!

Xudas, ¿verdade que che perdoou o Fillo de Deus?
¡Se te arrepentiches, seguro que si!
-.-


“Entón Simón Pedro,
que tiña unha espada,
desenvaiñouna
e feriu ao garda do Sumo Sacerdote,
rabenándolle a orella dereita.
O nome do garda era Malco.
Pero Xesús díxolle a Pedro:
Mete a espada na vaíña;
¿ou acaso non hei bebe-lo cáliz
que me deu o Pai?
Entón a patrulla, o tribuno e mailos gardas
dos xudeus,
agarraron a Xesús e prendérono”.

Bebe-lo cáliz significa aquí apandar co sufrimento, asumi-la acción dolorosa, rexeitable desde o punto de vista humano.

¡Ai, Deus, eu,
merecendo tantos castigos por desoír os teus mandatos,
os teus Mandamentos,
e pouco me falta para blasfemar
cando me toca a mala sorte
dos padecementos!
Acéptamos, Señor,
como remisión, como penitencia,
tan pequeniños que son
os meus sufrimentos,
cos teus comparados.
Os meus son de penitencia,
mínima penitencia,
mentres que os teus foron
de
Salvación eterna!
-.-


“A porteira preguntoulle a Pedro:
¿Non es tamén ti
dos discípulos dese home?
El contestou:
-Non son.
E así tres veces”

¿Soamente tres?
Señor,
cantas te levarei negado;
e con iso e con todo,
de arrepentido,
seguro que chorei menos
que Pedro!
¡Dáme bágoas,
Señor,
para cumprir
coa penitencia merecida!
-.-




“Xesús respondeulle
(ao Sumo Sacerdote):
-Eu falei á vista do mundo, publicamente;
sempre ensinei na sinagoga e no templo,
onde se xuntan tódolos xudeus,
e non falei nada ás agachadas.
¿Por que me preguntas a min?
Pregúntalles aos que me oíron
de que lles falei,
que eles saben ben o que dixen”.

¡Sabíano todos,
pero a todos estorbaba,
cada un segundo as súas circunstancias,
os seus egoísmos, as súas soberbias;
en xeral,
as súas malicias, que eran,
coma as miñas,
infinitas,
imperdoables!
Isto de que nos estorbe Deus
é para tolear;
ou,
por mellor dicir,
cousa de tolos:
¡de tolos malvados!
-.-


“Ao dicir isto,
un dos gardas alí presentes,
deulle unha labazada a Xesús,
dicindo:
¿Así lle respondes ao Sumo Sacerdote?
Xesús replicoulle:
Se falei mal, demóstrame en que;
e se falei ben,
¿por que me pegas?”

Aquilo foi unha bacanal de tódolos diabros,
todos xuntos e todos en acción;
reunidos,
dispostos a acabar con Deus,
con propio Fillo de Deus,
pero os moi soberbios,
cegados pola súa maldade,
non se decataban de que
estaban elaborando a propia derrota,
a derrota do mal!
-.-


“Levaron entón a Xesús
de onda Caifás ao Pretorio.
Era a amañecida”

A constatación de que era entón “a amañecida” ten neste Evanxeo un senso teolóxico, dirixido a facer ver que comezaba a vitoria de Xesús para a salvación dos homes.

Ti, Señor, a padecer,
e eu, a liberarme,
pagando por min o propio Xesús!
A redención dos escravos tamén se facía
pagando por eles,
mais,
neste caso,
eu,
escravo do pecado,
fun liberado
polo Calvario dun Home Santo,
Deus e Home,
á vez!

¡Bendito milagre;
bendito, impagable,
este da nosa Salvación,
gratuíta;
gratuíta para nós,
pois por nós pagou Xesús!
Grazas, Señor;
un millón!
-.-


De feito,
a miña Salvación depende da miña relación con Deus.
¡Así de rotundo!
A Salvación non é un asunto familiar,
nin colectivo.
A Salvación compártese pero non se transfire.
A Salvación non se herda;
o feito de que meus pais sexan, estean, salvos,
non significa automaticamente que eu vaia salvarme.
Aínda que toda a familia sexa salva,
eu non o serei a menos que acepte a
Jesucristo
como Señor e Salvador,
e teña unha Relación Íntima, Real e Verdadeira
con Deus.
-.-


“Xesús contestoulle:
(A Pilatos)
O meu reino non é deste mundo;
se deste mundo fose,
os meus oficiais loitarían
para que ninguén me entregase aos xudeus;
pero o meu reino non é de aquí”

Xesús afirma a súa realeza, pero unha realeza distinta da humana: ten como finalidade o dar testemuño da verdade, revelar a Deus na súa persoa.

Tampouco nós somos deste mundo,
aínda que por tales nos teñamos.
Estamos neste mundo
a título escolar,
preparándonos para a Revalida
Celestial!
-.-


“Eu non atopo nel culpa ningunha.
Hai entre vós o costume
de que vos solte algún pola Pascua.
¿Queredes, logo, que vos solte
ao Rei dos Xudeus?
Pero berraron outra vez,
dicindo:
Non. A ese non; a Barrabás!

Xoán fainos ver como se deixan libres os que tiñan que ser condenados, e se condena aos que traballan pola verdade.

Alí estaba eu;
eu mesmo,
que tantas veces levo preferido
a Barrabás.
Señor,
ábreme os ollos
para que dunha vez por todas
distinga a verdade,
e defenda aos verdadeiros,
e deixe de traizoar a Deus,
ao propio Deus,
pois isto si que é blasfemar;
isto é,
pecado mortal!
-.-


¿Emperador?
¡Si, eu;
emperador de min mesmo,
e por tanto,
egoísta e altivo,
aínda que baixo
de estatura moral:
un falsario!
Por iso me coroo de loureiros,
a miúdo,
na intimidade.
¡Si, eu, a min mesmo!
Pero esta semana,
xa que é Santa,
apéome do cabalo
imperial,
para coroarme coa cruz,
Señor,
coa túa, coa de espiñas,
con esa que che puxeron,
erroneamente,
na túa Santa Faz!

¡Non hai dereito
para que a leves por min,
tan miña que é,
esa!
A confusión estivo
en que Barrabás son eu;
os pecados son meus,
e túas as virtudes!
¡Pilato, que te estás equivocando:
dálle a cada un
a súa,
pois o rei falso
son eu!
E se ti non o fas,
xa o farán as andoriñas,
as miñas!


-.-


Maldita / bendita sentenza



¿Non habería outra forma de redimirnos?
¡Iso só Deus o sabe!

“Os xudeus replicaron:
-Nós temos unha lei,
e conforme a esa lei debe morrer,
por facerse fillo de Deus!”

¡Si, si, si;
mil veces si,
Fillo de Deus,
que ben o levaba demostrado,
con palabras que se correspondían cos feitos,
con milagres,
e incluso con resucitados,
pero vosoutros,
meus irmáns no pecado,
cegos coma as toupas,
ou máis!

“Cando Pilatos oíu estas palabras,
colleu medo,
entrou outra vez no Pretorio
e preguntoulle a Xesús:
-¿De onde es ti?
Pero Xesús non lle deu unha fala.
Entón Pilato insistiu:
¿Comigo non falas?
¿Non sabes que teño poder para soltarte
e poder para crucificarte?
Xesús respondeulle:
-Non terías ningún poder sobre min
se non cho desen de riba.
Por iso,
o que me entregou a ti
ten maior pecado.
Despois disto Pilato procuraba liberalo
pero os xudeus
(¡Cabróns, fillos da cabra,
os de daquela,
pois os de hoxe pagan por herdanza!)
berraban:
-Se soltas a ese non es amigo do César:
Todo o que se fai rei, oponse ao César”.

Xesús non lle está pedindo a Pilato a súa liberdade, senón que conserva toda a súa serenidade. Máis aínda, Xesús ve aí a man do Pai que goberna a historia.

(¡Cabróns, falsos, traidores,
que non teño epítetos axeitados,
do voso nivel,
propios para desalmados!)
Pero,
que estou dicindo,
se tamén participei cos meus,
cos meus pecados,
alí presentes!
¿Arrepentíronse os xudeus?
¡Señor, pídocho por min,
pero tamén por eles!
-.-


“Pilato, oídas estas palabras,
levou para fóra a Xesús e sentouno no tribunal,
no sitio nomeado
“O enlousado”,
en hebreo “Gábaza”.

(Era o día da preparación da Pascua,
alá sobre as doce do día)
Díxolles aos xudeus:
Velaquí o voso rei.
Pero eles berraban:
¡Fóra, fóra! ¡Crucifícao!”

¿Eles berraban?
¡Era Satanás, que o facía pola súa boca,
e eles sen decatarse
do seu deicidio
salvaxe!
-.-



¡Pola miña parte non sei se maldicilos
ou doerme deles,
que ambas cousas merecen!
Xesús, agónico, perdooulles;
daquela,
eu...,
na lista dos penitentes!
-.-


“Pilato preguntoulles:
Pero ¿como vou crucifica-lo voso rei?
Os sumos sacerdotes insistiron:
Non temos máis rei có César.
Daquela entregóullelo
para que o crucificasen”


O paradigma é absoluto:

¿Eliminar ao propio Redentor?
Ten habido xuízos falsos
falsos acusadores,
pero o de Xesús é...,
inenarrable!

Señor,
nin case me atrevo a pedirche perdón
pois
nas que che fixeron tamén estaba eu
presente:
¡Eran os meus pecados en acción,
sentenciando ao propio
Redentor!
-.-


“Entón prenderon a Xesús.
Cargando el mesmo coa cruz,
saíu para o lugar chamado da Caveira,
que se di Gólgota en hebreo.
Alí crucificárono,
xunto con outros dous,
un a cada lado,
e
Xesús no medio”.

Señor,
deses dous quero ser o bo ladrón,
o arrepentido;
roubéille-la fe a todos aqueles
aos que escandalicei con meus feitos
impíos,
mais agora, na miña cruz,
quero ir contigo,
ao teu Reino!
Non é cuestión de merecelo,
senón,
misericordia túa,
Señor,
Señor da clemencia infinita,
Señor do Perdón!
-.-


“Escribiu Pilato un título
e púxoo na cruz.
O escrito era:
Xesús de Nazaret,
o Rei dos Xudeus”
(Estaba en hebreo, latín e grego)

Pilato,
querendo xustificarse, quedouse curto.
¡Claro que era Rei,
pero
non só de xudeus,
senón do mundo enteiro!

Meu Señor, meu Deus,
Rei Universal, Perpetuo, Divino,
eu,
humilde vasallo,
eu, si,
ao pé da Cruz,
quero servir de letreiro,
outro:
¡Mataron ao Rei do Universo,
que deu a súa vida
para salvar a miña!
Agnus Dei
qui tollis peccata mundi.
Miserere nobis
-.-


Tamén nisto se cumpriu a Escritura:
“Repartiron entre eles a miña roupa
e sortearon a miña túnica”

Señor,
a túa roupa xa está repartida,
pero queda o manto
da Virxe María,
que por algo lle rezo,
ao deitarme,
cada día:

“Cúbreme co teu mando,
Virxe Sagrada María,
nesta cama e sempre,
que o conservas bendito
de abeira-lo teu Fillo!”
-.-


“Ao pé da cruz de Xesús
estaban súa nai,
María de Cleofás
e mais María a Magdalena.
Xesús, vendo a súa nai,
e onda ela
ao discípulo a quen amaba,
díxolle á nai:
-Muller, velaí o teu fillo.
Despois díxolle ao discípulo;
Velaí a túa nai.

A escena da cruz representa o cume da obra de Cristo, cun marcado senso eclesiolóxico. Xesús chámalle muller á súa nai, por relacionala con Eva, nomeada no Xénese como “a muller” e “a nai dos que viven”. A María venlle encomendada unha misión que pertence á obra mesiánica de Xesús. Por iso, a misión de María ten un senso eclesiolóxico: en María témo-lo prototipo da Igrexa. Xoán acolle a María na súa misión, e así nace a nova comunidade mesiánica.

No Calvario,
Xesús,
Notario Maior do Reino,
do Reino de Deus,
cambioume a filiación:
¡Xa non son fillo de Eva,
da Eva pecadora,
senón de María,
da propia María,
da propia Nai do propio Redentor,
que así o fixo constar
naquela Acta da súa Cruz!
-.-


“Despois disto,
Xesús,
sabendo que xa todo estaba acabado,
para que se cumprise plenamente
a Escritura,
dixo:
Teño sede.

Había alí un xerro cheo de vinagre.
Entón,
atando unha esponxa empapada de vinagre
a unha cana de hisopo,
achegáronlla á boca.
Cando probou Xesús o vinagre
dixo:
Está cumprido.
E inclinando a cabeza
entregou o espírito.

¡Entregouno á Igrexa!

Señor,
estou tremendo,
pero máis aínda o tería que estar
para,
coas miñas dores,
atrición e contrición,
non atreverme, de novo, a pecar!
-.-


Tiñas sede,
Señor,
sede de Salvación,
e nós,
¿que che demos para beber?
¡O propio en nós:
Vinagre, viño agre!
¡Estaba escrito que así tiña que ser,
para máis padecer!
-.-


“Viñeron, logo, os soldados,
e rompéronlle-las pernas ao primeiro
e mais ao outro
que crucificaran con el.
Pero o chegaren onda
Xesús.
como o viron xa morto,
non lle romperon as pernas,
senón que un dos soldados
traspasoulle o costado
cunha lanza,
e no instante saíu sangue e auga”.

Amais do senso natural de deitar sangue e auga, o evanxelista percibe un senso teolóxico: a morte de Cristo, simbolizada no sangue, trae consigo a eficacia espiritual, representada pola auga, que simboliza o don do Espírito Santo. Secundariamente pode ter un senso sacramental: moitos Santos Padres viron na auga e no sangue a proclamación dos sacramentos do Bautismo e da Eucaristía.

¡Por se o outro fose pouco,
a lanzada...!
Señor,
alancéame a min
para que do meu corazón
broten,
manen,
renazan,
os zumes do meu bautismo,
e co bautismo
a túa, Sacrosanta, Eucaristía!

Corazón dolorosísimo de Xesús, que tanto sufriches por min, e queredes representar as túas penas e dores na Cruz, coroa de espiñas e ferida da lanza, co que vos manifestastes, paciente e amante ao mesmo tempo, dáme a graza de resarcir as inxurias e ingratitudes feitas contra Vós, e maila gracia de amarvos no tempo e tamén na eternidade. Amén!
-.-





“Despois disto,
Xosé de Arimatea,
que era discípulo de Xesús,
-aínda que ás agachadas,
por medo aos xudeus-,
rogoulle a Pilatos
que lle deixase retira-lo corpo de Xesús.
Pilato accedeu.
Foi e retirou o corpo”.

“Foi tamén Nicodemo
-aquel que primeiramente viñera
onda Xesús de noite-,
levando unha mestura
de mirra e áloe
de case cen libras”.

Faltei eu,
Señor,
que aínda no estaba neste mundo;
Agora que nacín,
e pecador que son,
déixame acudir á Cruz,
para,
de xeonllos,
bendicirte;
para adorarte,
embalsamándote
coas miñas bágoas,
que che pido as consideres
mirra e áloe,
unción de arrepentido!
-.-


“Colleron o corpo de Xesús e,
segundo é costume sepultar entre os xudeus,
enfaixárono en panos,
con aromas.
no sitio onde crucificaron a Xesús
había un xardín,
e no xardín un sepulcro novo,
do que aínda non usara ninguén.
Puxeron alí a Xesús,
por mor da preparación dos Xudeus,
pois o sepulcro estaba cerca”.

Tracto:

Absólve, Dómine,
ánimas ómium fidélium defunctórum
ab omni vínculo delictórum.
Et grátia tua illis succurrénte,
Mereántur evádere iudícium ultiónis.
Et lucis aetérnae beatitúdine pérfrui.

-.-



Primeiro ás mulleres.

¡Resucitou!

“O día primeiro da semana
María, a Magdalena,
foi ao sepulcro moi cedo,
cando aínda era escuro,
e viu que a pedra
do sepulcro
estaba quitada.
Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro
e onda o outro discípulo
a quen amaba Xesús,
(Xoán),
díxolles:
Colleron do sepulcro ao Señor,
e non sabemos onde o puxeron”.

¿Que onde o puxeron?
¡Non puideron con El,
que puido El con todos,
vivos e defuntos!

Aleluia, aleluia.

Scimus Christus
Surrexísse a mórtuis vere:
tu nobis, victor Rex,
miserére.
Amén.
Allelúia.
-.-

“Pedro e mailo outro discípulo
saíron correndo cara ao sepulcro.
Corrían os dous á par.
pero o outro discípulo
correu máis lixeiro que Pedro,
e chegou primeiro ao sepulcro.
Abaixándose,
viu que estaban os lenzos,
pero non entrou.
Entón chegou tamén Simón Pedro,
que o seguía,
e entrou  no sepulcro.
Viu os lenzos pousados alí.
pero o sudario que envolvera a súa cabeza,
non estaba cos panos,
senón á parte,
enrolado noutro lugar.
Entón entrou tamén o outro discípulo,
que chegara primeiro,
ao sepulcro.
viu e creu,
pois aínda non entenderan que,
conforme á Escritura,
era preciso que resucitase de entre os mortos.
Entón os discípulos volveron para a casa”.

¡Xa esqueceran,
ou non entenderan,
a Escritura!
¡Pásame a min,
que,
toda unha vida lendo a Biblia,
e sigo con vendas!

¡É ben certo
que non hai peor cego
que aquel que non quere ver!
-.-

  
Así as imaxinou Rubens

AS MULLERES NO SEPULCRO

¡É de sentido común
que non podían faltar;
o que carece de sentido
é que non as deixen misar!
“Mentres tanto,
María quedara ao pé do sepulcro,
na parte de fóra,
chorando.
Sen deixar de chorar,
abaixouse a ollar no sepulcro.
Viu dous anxos de branco,
sentados,
un á cabeceira
e outro aos pés
do sitio onde xacera
o corpo de Xesús.
Eles preguntáronlle:
Muller, ¿por que choras?
Ela respondeulle:
¡Porque colleron ao meu Señor
e non sei onde o puxeron!
Dito isto,
virouse cara atrás
e viu a Xesús alí de pé,
pero sen decatarse de que o era.
Xesús preguntoulle:
Muller, ¿por que choras?
¿A quen buscas?
Ela,
coidando que era o xardineiro,
díxolle:
Señor,
se o levaches ti,
dime onde o puxeches,
que eu o collerei.
Xesús díxolle:
¡María!
Ela,
virándose,
exclamou en hebreo:
¡Rabbuni!
(Mestre)
Xesús díxolle:
Sóltame,
que aínda non subín onda o Pai;
máis ben,
vai onda os meus irmáns
e dilles:
Subo onda meu Pai e voso Pai,
o meu Deus e o voso Deus.
María Magdalena
foilles contar aos discípulos
que vira ao Señor,
e que lle dixera estas cousas”.

Grazas, María,
María de Magdala,
polo teu comportamento exemplar.
Ti estabas agradecida
de que os teus pecados
che fosen perdoados!
Daquela,
axúdame a buscar a Deus,
a Cristo resucitado,
para pregarlle
polos meus...,
que tanto me estorban,
e quixera borralos!
-.-


¿Pechadas as portas?
¡Si; iso facemos,
a miúdo,
pero con Deus non vale!

Naquel día,
o primeiro da semana,
ao serán,
estando pechadas as portas
onde estaban os discípulos,
por medo aos xudeus,
chegou Xesús,
e poñéndose no medio,
díxolles:

-Paz convosco.
Dito isto,
mostróulle-las mans e mailo costado.
Os discípulos alegráronse,
vendo ao Señor.
El díxolles outra vez:
Paz convosco:
Como o Pai me mandou,
tamén eu vos mando a vós.
Dito isto alentou sobre eles,
e díxolles:
Recibide o Espírito Santo:
A quen lles perdoedes os pecados,
quedaranlles perdoados;
a quen llelos reteñades,
quedaranlles retidos”.


¡Grazas, Señor,
infinitas,
que xa temos Sacramento da Penitencia;
a Deus grazas!

¡Agora o que nos falta
é
ser penitentes,
cousa que adoita facérsenos
insoportable,
pesada!

A misión dos discípulos ten como base e fundamento a de Cristo. O Espírito Santo aparece como un don persoal de Deus, que virá aos discípulos cando Xesús volva ao Pai, que ensinará aos cristiáns conducíndonos á verdade, e que dará testemuño do Mestre. Este Espírito é o que nomeamos Espírito Santo, a terceira das divinas persoas.

Despois da penitencia
gozaremos da gloria
eterna;
despois do Calvario,
coa chave da cruz
abrirásenos o Ceo.
Aleluia,
que xa estamos redimidos,
pola misericordia
de Xesús,
Rei dos xudeus,
e noso tamén!
-.-


Tomé, o meu colega.

“Pero Tomé, un dos doce,
o chamado Xemeo,
non estaba con eles cando chegou
Xesús.
Dicíanlle entón os outros discípulos:
-Vímo-lo Señor.
Pero el contestoulles:
Como non vexa nas súas mans
as furas dos cravos,
e  non meta nelas o meu dedo;
como non meta a miña man no seu costado,
non crerei.

Oito días despois
estaban outra vez dentro os discípulos,
e Tomás con eles.
Chegou Xesús,
estando pechadas as portas,
e poñéndose no medio,
dixo:
Paz convosco.
Despois díxolle a Tomé:
-Trae aquí o teu dedo
e mira as miñas mans;
trae a túa man e métea no meu costado.
Non sexa incrédulo, senón home de fe.
Tomé respondeulle:
-¡Meu Señor e meu Deus!

Eu tamén, con Tomé:
¡Meu Deus, meu Señor!
Eu, tamén,
home de pouca fe;
tamén quero crer,
pois, tendo a Biblia,
non me fai falta ver o que outros
viron por min!
-.-


Señor,
a propósito da Biblia:
¡Bendito sexa o teu pobo, o elixido
que fixo posible
as
escrituras,
e nelas palpamos
as túas feridas
profundas,
suficientes para alumarnos
con luz divina!
-.-


PENSANDO NA PAIXÓN

¿Por que
non veu antes o Mesías?

Pero,
se aínda así,
anunciado por ducias de profetas,
nun pobo con escritura,
con cultura herdada,
ampliada,
de Exipto, de Grecia, de Persia,
de tantos pobos antigos,
custoulles traballo
recibilo,
e máis aínda entendelo!

Sorte foi a nosa,
que temos a Biblia
traducida,
un Cristo redivivo,
pero,
nin con esas,
polo menos,
eu,
duro de molleira que son!
¡Apiádate de min, Señor,
pois,
nin coa Biblia en galego
esperto
do meu sono terreo!
-.-




A Ascensión, de Giotto.

Fóisenos,
pero,
na súa doutrina deixounos
as chaves do Ceo;
e se o queremos recibir,
na Eucaristía témolo,
sempre,
ao noso dispor!
-.-


Conclusión: (Xoán 21, 24-25)

“Este é o discípulo que dá testemuño destas cousas
e o que as escribiu:
Sabemos que o seu testemuño é verdadeiro.
Hai aínda moitas máis cousas
que fixo Xesús,
que,
se se escriben unha por unha,
coido que o propio mundo
non podería conte-los libros
que habería que escribir”

Xoán
-.-



Sacando, con Trabada, o Ecce Homo,
en Montecubeiro,
na Semana Santa de 1948.
-.-

Sesenta anos despois:

¡Señor, vou contigo;
admíteme na túa procesión,
que te acompaño para pedirche,
humildemente,
perdón!



Nas nosas Vodas de Ouro, en San Cibrao, diante da nosa Virxe.
Ano 2.003



Son reflexións de Xosé María Gómez Vilabella
na Semana Santa do ano 2008.
-.-

No hay comentarios: