¿PODO ENTRAR?
SE TRAES UN POLINOMIO
POSITIVO, SI!
Xosé María Gómez Vilabella
As virtudes, suman; e os defectos, restan.
P = +-A +-B+-C+-D+-E+-F+_.... = ¿+-?
-¡Para entrar na Gloria tedes que morrer!
-¡Xa o sabemos! ¿E daquela, que? -Iso depende do polinomio de cada quen: As
virtudes, suman; pero tamén están os defectos, os defectos e mailas omisións,
que restan, diminúen as posibilidades. -¡Gracias, Señor, por avisarme! Por se
acaso, déixame volver atrás, déixame seguir aquí, aquí abaixo, un pouco
máis..., para purgar o que me falte!
¿Se
volvese a nacer, por onde comezaría as miñas andainas? Daquela
non sabía ler a Biblia, que nin a tiñan tódolos curas, pero fun bautizado, con
pais relixiosos, e padriños nada menos! ¡Bo comezo, a Deus gracias!
Na parroquia houbera dominicos, que
os botou un tal Mendizábal; e na miña casa, na paterna, tamén, dous, dous
irmáns de meu bisavó, que na miña infancia aínda se lles conservaba a cama, por
tras da lareira, “a cama do Cura”, só que daquela xa tiña outro uso: ¡deixar
nela os feixes, fosen de herba ou de nabos! Felices aquelas vacas, e tamén
aqueles ranchiños, que comían do bendito, ¡pasado pola cama dos cregos!
Con estes antecedentes, se non vou
para santo, se non vou polo camiño dereito, a culpa é miña!
-.-
Entre
o que me ensinaron, o que aprendín, o que me gustou, e tamén o que me
desgustou, este é o elixir que fun elaborando:
Mateo 18, 1-7; Marcos 9, 42-48; Lucas 17, 1- 2
En
vista diso, dos escándalos libera nos domine! Non hai neno que
se libre deles neste mundo endemoñado, pero hai que aprender a vencelos, a
entendelos, a repudialos.
A
FURORE RUSTICORUM LIBERA NOS DOMINE: “Señor, líbranos da furia dos vulgares”. É
unha frase aristocrática (con ecos das ladaíñas litúrxicas). Foi o lema
familiar dos Boselli. Furor = Loucura, delirio, furia, apropiación... Hoxe, que
tanto abundan as desviacións, pidámoslle ao anxo da garda de cada neno, noso ou
do próximo, que os leven da man, que os aparten dos veciños contaxiosos.
Parándonos nunha anécdota; algo que
xa comentei varias veces, pero todas son poucas: O dano que nos fixeron aos
nenos, e máis aínda aos rapaces, aqueles soldados que volvían da guerra...,
¡si, da nosa, da incivil!, soltando palabrotas e referindo o ben que o pasaran
nas súas..., ¡direino polo seu nome!, violacións. ¡A “escola” das guerras é
terrible, terrible e transcendente!
Din as últimas estatísticas, estas
do XXI, que morre máis xente por suicidios que nas guerras... ¿Que son as guerras
máis que suicidios, suicidios involuntarios, tanto morais como materiais?
Os rapaces, de nenos, non somos
malos; ¡non somos, pero, fannos, fannos e facémonos! Daquela, ¿por que? En
parte, polo mal exemplo dimanado do noso entorno; e por outra banda, aquel
egoísmo herdado da señora Eva, que lle facemos máis caso ao corpo que á alma!
Bótase en falta que nos digan, que nos expliquen, que o corpo é simplemente o
soporte da alma, e como tal, as súas malicias prexudican ao espírito.
-.-
Queridos
nenos, estavos falando un dos últimos “mestres de a ferrado”, que o fun, no
inverno 1946/47 en Piñeiro (Corgo), e no de 1947/48 en Librán (da Valeira).
Esta é a miña experiencia:
Volvemos
a estar en terra de misión. Desaparecidas as lareiras, e coas mamás
traballando, en ocasións a centos de quilómetros dos seus fogares, o “Rosario
en familia” esmoreceu. ¿Daquela, que nos
queda? ¡Pois, misionar, seguir misionando, pero, doutro xeito! Vexamos:
Para o bo exemplo sempre teremos,
¡sempre terán!, ocasión e lugar: Ao levantarnos, darlle as gracias a Deus polo
novo día en familia, e con saúde, persignándonos, pero todos, todos! Paz
familiar, con cara de felicidade, aínda que haxa desgracias ao noso redor; ¡xa
o di o refrán: a mal tempo, boa cara! Se o xantar é común, ¿que se tarda en
bendicir a mesa? ¿Falar mal na sobremesa, desacreditar, irritar? ¡Iso que o
fagan os diabros, pois na casa dos cristiáns non se admite! No resto do día
tamén paz; paz e ledicia, agradecemento, que non é para menos coa riqueza
espiritual que temos recibida, e non sempre agradecida, os bautizados!
Aos nenos, a paz e mailo apego
familiar fanlles asimilar con interese e con goce a doutrina pacifista e
misericordiosa do Crucificado. ¡Tomade, tomemos, nota!
Os nenos pláxiano, cópiano, todo,
que ata son capaces de adiviñar os pensamentos simplemente polos xestos, polos
acenos, polos rictos que lles ven aos seus maiores, pero disto apenas nos
decatamos os adultos, así que é moi doado, frecuente, caer en escándalo. ¡Que
pronto nos esquecemos de que tamén fomos nenos, e de que sufrimos / gozamos as
dores e / ou os goces alleos! O sacerdote, na Misa, invítanos a orar,
(¡Oremus!), pero os vellos, saturados de experiencia, tamén debemos invitar,
¡no noso caso, a reflexionar, a rememorar!
-.-
Hixiene
relixiosa:
-Que non falte na
habitación dos nenos, preferiblemente na cabeceira, unha imaxe relixiosa que
lles diga algo, que teña un significado persoal e familiar.
-Afacelos a
persignarse cada mañá.
-Non pasar por
diante dunha igrexa aberta sen entrar nela, sen axeonllarse diante do Sagrario.
-Relacionarse con
outros pais de familia de moralidade e de relixiosidade notorias.
-Illar aos nenos
canto sexa posible doutros rapaces, aínda que sexan da familia, nos que
observemos desviacións ou tendencias negativas.
-Acompañalos ás
misas de Catequese, que por engado adoitan ser amenas, e dan oportunidade de
tratarse con outros pais de piedade acreditada.
-Que non lles
falte na mesa do seu estudio un exemplar da Biblia. Por certo que as traducións
que se fixeron ao galego son perfectas. ¡Gracias, Vaticano II!
-Tanto
para nós mesmos, como con respecto aos nosos fillos, podemos elixir o que
faremos cada día. Escollemos os nosos pensamentos, palabras, actitudes e
conductas. Pero non sempre poderemos determinar cales serán as nosas
circunstancias, aínda que si podemos decidir como responderemos. ¡Somos axentes
libres! Cando facemos uso da nosa liberdade para escoller e facer a vontade de
Deus, estámolo honrando, e á vez glorificándonos, subindo polas escaleiras do
Ceo, achegándonos a El. Podemos elixir facer que cada día conte —lograr algo
que valga a pena—, ou elixir desperdiciar o noso tempo. Temos a liberdade de
facer fillos, pero non a de malcrialos, pois iso non sería humano!
-.-
Veño de falar das escolas “de a
ferrado”...
pero deixei no teclado outro dos
meus pecados: Aquela envexa que lles tiven, sendo zoqueiro, aos nenos que
calzaban zapatos ou botas de coiro. Renunciado á beca do Instituto, ¿que
patrimonio me quedaba? ¡O ripeiro! Meu pai, que me ensinou tantas cousas, e el
sen saúde, non ía permitir que se enferruxasen as súas ferramentas, así que,
tan pronto como me viu capaz de manexa-la aixola, ¡veña, rapaz, ponte a facer
zocas!
O que mellor copiei del foi aquel
estilo das zocas con forma de zapato, ¡sería pola envexa que lles tiña aos
estudantes!, pero eran máis laboriosas, así que nunca din pasado dos tres pares
diarios, e para iso repenicándoas de noite, coa luz e coa calor da lareira.
Cada quince días, ¡saco ao lombo e para Castroverde, á feira! Por certo que me
ten anoxado iso de que reformasen o Campo Feiral eliminando as pedras dos
zoqueiros, que estaban abaixo de todo, entre as reas dos tendeiros e mailo
campo das vacas. ¿Este historiocidio deberíase a que os caciques odiaban as
zocas, coma min, e coas zocas aos zoqueiros? Como xa nunca serei Alcalde,
morrerei sen ocasión de facer unha Contrarreforma dese campo.
¡Que frío
está o Campo, maiormente sen as lousas dos zoqueiros!
Ao irme voluntario para o
Ministerio do Ejército, deixei, forzosamente, de facer zocas, pero tamén de
usalas; ¡ai, si, pero non de quererlles, pois, coa ausencia, o odio volvéuseme
cariño, e agora, de vello, no “altar” do meu refuxio conservo as últimas zocas
que puxen, precisamente estas que teñen forma de zapato!
Mesturarse,
pero non contaminarse. Recomendacións da revista “Pobo de Deus”:
“A Igrexa, como pobo crente, do que
formamos parte, debe mesturarse co resto dos homes, participar activamente nos
problemas e nas preocupacións da sociedade. A Igrexa ten que iluminar, co
Evanxeo na man, todo o que ocorre no mundo: na política, na organización
social, na económica, no campo do ensino, na cultural, na familia... Si, a
Igrexa ten que ser plenamente humana, pero, ao mesmo tempo, debe ser, e
aparecer, presentarse, como o que é, divina, porque non naceu, como outras organizacións sociais, por pura
iniciativa humana senón por iniciativa de Cristo, Deus verdadeiro. Por iso
os cristiáns temos que ser, tamén, profundamente relixiosos, crentes: vivir día a día inspirados na persoa de
Cristo, na súa palabra e na súa vida”.
Isto é compatible co que dixen
antes: Non podemos criar os fillos nun convento de clausura, pero si
evitarlles, no posible, esas contaminacións tan pegadizas; cando sexan
grandiños, e teñan cultivado o seu criterio, xa lle pedirán a Deus: “... Non nos deixes caer na
tentación, e líbranos do mal”.
-.-
O TEMPO E MAILO ESPAZO
Se
os homens soubessem o que é a eternidade, fariam de tudo para mudar as súas
vidas.
Desde a caída, ¡desde a soberbia
caída, desde a caída dos soberbios!, quedamos tan torpes que pretendemos
entender de todo, pero, entre outras cousas, de cronometría, cero!
Mesmo nos deportes, vixiamos e
controlamos, segundo a segundo, as intervencións dos nosos atletas, pero cando
se trata da eternidade, disto nin
sequera nos preguntamos, ¿que é iso da eternidade? ¡Pois, queridos colegas,
queridos analfabetiños, eternidade é ese espazo interminable que segue ás
xogadas, séxase, o tempo da recollida dos trofeos! ¿Verdade que é o meirande, e
logo que os trofeos adoitan ser de metais nobres, inoxidables!
Paradise
Lost
“Libremente
servimos, porque libremente amamos; da nosa vontade depende o amar, ou non, e
nela, por conseguinte, estriba a nosa elevación ou a nosa ruína.” John Milton.
¿No Paraíso había noites? De non
habelas, os días serían completos, inalterables, brillantes. ¡Ah; pero, de
perdido, (verdade, Milton, que se perdeu o Paraíso?), veu a noite, unha noite
pechada, interminable, pois tan só clareou despois da Redención, e para iso o
Fillo de Deus tivo que padecer o máis inicuo, o máis inxusto, dos xuízos,
seguido dunha condena a morte, pero, ao terceiro día..., ¡ao terceiro
demostrounos, definitivamente, que era o Fillo do Altísimo, o Salvador do mundo,
e que todo o facía por nós! ¡Non lle facíamos falta, pois no Ceo xa tiña os
anxos, pero El, a nós, si!
Xa fóra do Paraíso, viñeron as
noites, pero con Xesús, con Cristo, déusenos a chave do día, do día
esplendoroso, interminable, infinito, eterno, tanto, que non hai cronómetro que
o abarque!
Con este asunto entre mans, con
esta verdade indiscutible, demostrada con milagres testemuñados polos apóstolos
e polos mártires, entre eles o da súa, propia, resurrección, seguida dunha
ascensión, tamén pública e presenciada, ¿como é que falamos tan pouco, que non
adoitamos explicar iso do cambio horario, definitivo, de pasar do tempo curto,
precario, fuxitivo, ao cronómetro sen cronómetro da eternidade? Parámonos nos
minutos, e incluso nos segundos, e despois non somos capaces de cavilar, nin
sequera de imaxinar, que tras do tempo vén a eternidade! ¡Que pena; que pouco
predicamos disto, coa importancia que ten!
¿Que temos unhas horas, uns días,
uns anos, de dor; e iso, que? ¡Iso non é nada, pero, con todo non ser, ou ser
pouco, se dedicamos eses padecementos ao Señor da Paixón, verdade que seremos
gratificados cunha eternidade de gloria e de felicidade, xunto cuns veciños tan
santos e tan purificados que eses de Arriba nunca nos levarán a preito?
Daquela, xa que é certo, fagámosllelo ver, fagámosllelo entender, aos nosos
alumnos, fillos nosos ou do próximo, en ben seu, pero tamén noso, pois,
ensinar, ademais dun pracer é un mérito, outro billete para o Novo Paraíso,
para ese ao que Satanás, de expulsado, non volverá, non pode volver!
Temos un papa, ¡outro Francisco!,
que de tan humilde, humilde pero clarividente, máis que predicar, pinta. Mirade
como pintou a seguridade do Ceo, por riba, mellor, cá Capela Sixtina: “En esta tierra, en la oración, en los Sacramentos, en la fraternidad,
encontramos a Jesús y a su amor, y así podemos saborear algo de la vida
resucitada. La experiencia que hacemos de su amor y de su fidelidad encienden
como un fuego en nuestro corazón y aumenta nuestra fe en la resurrección. De
hecho, si Dios es fiel y ama, no puede serlo por tiempo limitado: ¡la fidelidad
es eterna, no puede cambiar; el amor de Dios es eterno, no puede cambiar! No es
por tiempo limitado: ¡Es para siempre! ¡Es para ir adelante! Él es fiel para
siempre, y espera por cada uno de nosotros; nos acompaña a cada uno de nosotros
con esa fidelidad eterna”.
-.-
Agora
toca ler, e seguidamente, meditar. En Xoán 3, 14-21: “... así debe ser
alzado o Fillo do Home, para que todo o
que cre nel teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus ao mundo que lle
deu o seu Fillo Unixénito, para que todo
o que crea nel non se perda, senón que teña vida eterna. Non mandou Deus o
Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo.
O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non
creu no Fillo Unixénito de Deus. Nisto
consiste o xuízo: en que, vindo a luz ao mundo, os homes escolleron a tebra
en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Todo o que fai o mal, odia a luz,
e non vén cara á luz para que non o delaten as súas obras. Polo contrario, o
que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras porque están
feitas como Deus quere”.
Tendo intención de facer apostolado
pouco fai falta explicar, que ben claro o temos nos Evanxeos; iso si, hai que
comezar na infancia, coa infancia, ¡antes de que Satanás nos apague a luz do
entendemento! Esta si que é ironía: Satanás, que foi o príncipe da luz, pola
súa soberbia, pola súa insubordinación con Deus, agora é o príncipe das tebras!
Lin, non lembro onde, pero téñoo
apuntado, que, “O eterno ten duración infinita, é para sempre, nunca morre,
nunca desaparece, nunca acabará. Así que, por este motivo, o lóxico é que lle
prestemos atención, ¡a máxima!, ao que é eterno. O primeiro en facer isto é, foi,
Deus, que preocupándose pola humanidade, que estaba concentrada no terreal, no
pasaxeiro, realizou un antes e un despois na historia a través de Xesús Cristo, para que as novas xeracións puidesen,
¡puidésemos!, entender o que é a Vida Eterna”.
Tivemos o mellor Mestre posible, o
único infalible; daquela, aproveitemos a lección! ¿Quedamos ben informados? Por
se fose pouco, o mesmo San Xoán volve ao tema no seu 14, 1-7: “Non vos
agoniedes: Crede en Deus, e tamén en min. Na casa de meu Pai hai moitas moradas;
doutro xeito, ¿teríavos dito que vos ía amañar un lugar? E cando vaia e vos
amañe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu,
esteades vós tamén. E a onde vou, vós ben sabéde-lo camiño. Díxolle Tomé (Tomé,
coma nós, sempre desconfiado): -Señor, se non sabemos onde vas, ¿como imos
sabe-lo camiño? Xesús respondeulle: -Eu
son o camiño, a verdade e maila vida: ninguén chega onda o Pai máis que por
min. Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que, xa desde
agora, o coñecedes e o tedes visto”.
Ben invitados estamos; agora o que
compre é sumar, en vez de restar. ¿Sumar, por que? ¡Obvio: Só Cristo pode
darnos a Vida Eterna, que esa si que é vida, ademais de eterna!
-.-
Curas
a domicilio.
Este Papa seica dixo que, curas
casados, só, e tan só, onde non os teñan dos outros. (Situación na que comeza a
entrar España).
Pero eu cavilo, no meu caletre: Nos
fogares católicos xa temos, salvo viuvez, un crego e mais unha monxa: ¡os pais
dos nenos! Se non funcionan como tales, é que non son católicos, nin case pais.
Nados os fillos, comeza a prédica,
o sermón, a catequese. San Xosé non era Cura, pero comportouse como tal; e a
Virxe María, outro tanto, a máis pura, a máis perfecta das monxas.
Claro que, para non retroceder, precisamos
sacerdotes; ¡de presente non hai país que non sexa terra de misión, pois todos
necesitan, necesitamos, avanzar un pouco máis! Non chega con ser católicos xa
que a evanxelización vai amodo. ¿E iso, por que? Simplemente porque, aínda que
así esteamos fichados, e así nos chamemos, a nosa perfección, a nosa
exemplaridade, están verdes: ¡un país será autenticamente católico cando non
haxa defunto que non mereza subir aos altares!
San Pedro tiña sogra...; pero o seu
pecado estivo en negar a Cristo; claro que, de arrepentido, chegou a Papa, ¡o
primeiro de todos!
Nas aldeas, agora, o que non ten
auto ten moto; pode ir á Misa, levando a familia; e se non toca na súa
parroquia as outras nunca quedan lonxe. O problema está nas cidades, pois, como
a xente se deita tarde, ¡vicios, ou deportes!, nas misas de cedo as igrexas
están baleiras, e ás outras...? ¡Nas outras os vellos ocupan tódolos bancos;
non deixamos sitio para os mozos!
Se nos afeccionásemos á teoloxía,
os cregos precisaríanse para os sacramentos e pouco máis, ¡co que lles gusta as
mulleres reparti-la comuñón! Falando das mulleres: Teño unha veciña que di que
lle encantaría confesar aos homes, que nos ía poñer de penitencia lavar a
louza, e facer a cama; ou que é iso de gozar da mesa e da cama sen pagar nada?
-.-
Aprender
a rezar..., para que sexa eficaz!
¡É a cousa máis doada do mundo!
Para falar coa nosa xente medimos as verbas para que fagan efecto as nosas
opinións, as nosas peticións, os nosos relatos; ¿e para falar cos do Ceo?
¡Pois, algo parecido!
Primeiro poñámonos en situación,
que só consiste en apartar da mente pensamentos e imaxes irreverentes. Se nos
poñemos serios para falar cos nosos superiores, ¿temos Superiores máis
superiores, máis altos, máis poderosos, cá Deus e mailos seus santos? Daquela,
o primeiro é seriedade, respecto; e se estamos diante da eucaristía, dobra-los
xeonllos: Por Cristo, si, pero tamén para que os próximos nos vexan
respectuosos nas nosas ofrendas, que é unha forma de predicar, ¡de predicar co
exemplo!
Lembremos aquela situación
paradigmática recollida por Lucas no seu 18, 10-14: “Dous homes subiron ó
templo a orar; un era fariseo, e o outro recadador de impostos. O fariseo, de
pé, oraba para os seus adentros deste xeito: “Meu Deus, douche gracias porque
non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador.
Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño”. O
recadador, en troques, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levanta-los
ollos ó Ceo, senón que, petando no peito, dicía: “Meu Deus, ten compaixón de
min, que son un pecador”. Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para
a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque a todo o que se teña por moito
rebaixarano, e a todo o que se rebaixe enaltecerano”.
¡É un pracer ler os Evanxeos, de
tan nítida que nos presentan a doutrina de Xesús; léndoos, só necesitamos do púlpito
para lembrala, para axudarlle á nosa memoria!
¿Como se rezará no Ceo? Hai unha
diferencia, pois aquí abaixo, acolléndonos á comuñón dos Santos, pedimos por
nós, pero tamén pola nosa xente, polos nosos amigos, e no Ceo só se pide, só
interceden, polos que deixaron detrás, séxase, polas nosas obrigas. Eles, para
si, nada, que xa o teñen todo: ¡perdido un Paraíso, déuselles outro! ¿Só unha diferencia?
Explicareime: Dúas, pois no Ceo, de tan bos que son os que alí chegaron, os que
alí entraron, tamén piden polos seus inimigos, que tamén o son de Deus, para
que se lles abran os ollos da intelixencia e sexan capaces de ollar cara á
Eternidade! ¡Deus, que milagres tan grandes, tan excelsos, nos esperan, e nós,
os de aquí abaixo, emboutando con drogas e con bosta a nosa intelixencia!
Meu pai dicíalles aos seus alumnos,
na súa escola “de a ferrado”: “Eu nunca entro nas casas, por moi de amigos que sexan,
sen petarlles na porta; pois, para poñerse a rezar, o primeiro e persignarse!”.
¡Dicíao un perseguido dos franquistas, daqueles matóns tan valentes que, antes
de chamar, rodeaban a casa, por se os recibían a tiros!
Xosé
María Gómez Lombardero, Mestre de “a ferrado”.
-.-
A carreira máis difícil de todas: coñecer
a xente.
¡Aínda custa coñecerse a un mesmo
como para analiza-lo noso próximo! Hai carreiras que se aproximan, tales como
psiquiatría, psicoloxía, socioloxía..., pero son só iso, aproximacións. En
Carnaval poñémonos unha careta, ¡a segunda, a enésima!, pero as outras, as de
diario, son máis sutís, máis..., impenetrables!
Disto pouco ensinamos aos nenos,
¡porque pouco sabemos! De propósito, unha anécdota: Nunha ocasión na que me
equivoquei un case nada con un cliente, o Director da Sucursal miroume con
ollos fulminantes, e díxome: “¡Máis importante cá Contabilidade é coñecer á
xente!”. Tempo adiante, aquel ¿talento? foi destinado a unha Regional, onde
tivo un cliente que estaba pendente dun préstamo para importar unha remesa de
camións; un sábado, que daquela tamén se traballaba aos sábados, o susodito
díxolle: “¡Aténdeme en descuberto este talón dun milloncete, para paga-la
nómina mensual, pois o luns xa che cubro con ese crédito que estamos
tramitando...!”. ¡Xa, xa; o que fixo naquel luns foi presentar..., Suspensión
de pagos! Tan pronto o souben, collín o teléfono para felicitar ao meu
ex-superior polo seu acerto no coñecemento dos clientes, pero..., ¡non é
correcto facer leña da árbore caída, así que, calei e colguei!
Xesús sabía que o ía vender Xudas.
(Mateo 26, 20-25; Marcos 14, 17-21; Lucas 22, 14. 21-23) “Á tardiña, foi el cos
Doce. E estando na mesa comendo, díxolles Xesús: -Asegúrovos que un de vós me
vai entregar, un dos que está comendo comigo. Eles, poñéndose tristes,
empezaron a preguntarlle un por un: -¿Non serei eu? Pero el dixo: -Un dos Doce,
que está mollando no mesmo prato ca min. O Fillo do Home vaise, como está
escrito; pero, ¡ai daquel que traizoa ó Fillo do Home! Máis lle valía non
nacer”. Por iso, porque era Deus, pero os humanos, tan diminuídos desde aquela
soberbia dos nosos entregos, temos que andar con pés de chumbo..., porque os
demais tamén son pecadores, tamén van disfrazados, máis ou menos coma nós!
¿Como se inicia este
coñecemento..., xa que non está nos libros! A xente comunícase conversando, non
si? Xa sei que os ollos son o espello da alma... ¡Xa! ¡Unha aproximación, si,
pero só iso!
Na conversación inicial, na
aproximativa, os temas persoais están excluídos; todo coñecemento, salvo
circunstancias especiais, ten que ser, debe ser, distante, distante pero
cortés...; ¡salvo nos periodistas, pois eles, coma os cirurxiáns, se non cortan
non curan!
Falta pensamento crítico (que o
dixo José Antonio Constenla): “El ser humano, a lo largo de su
vida, se encuentra constantemente bombardeado por todo tipo de información, y
para discernir cual es buena o mala, cual real y cual no, con frecuencia y
erróneamente apela al carácter de autoridad. Nos creemos lo que nos dicen, no
por el contenido, sino por quien nos lo dice”.
Unha cousa é o ser e outra a
teatralidade. Unha das persoas máis sinxelas, máis humildes, de máis moral, e á
vez máis competentes, das que coñecín neste mundo foi miña prima Mercedes
Josefina Carrodeguas Gómez (no cine e no teatro, Mercedes Cora). Avogado, Xefe
de Prisións, e por engado, actriz. Bordaba os papeis que interpretaba, pero ao
saír do escenario ou da pantalla volvía a ser o anxo que levaba dentro. ¿É
imaxinable que unha Xefa de Prisións, naquelas cárceres tétricas do franquismo,
inventase a moda, o costume, de levarlles ás presas útiles e lá para que
amortecesen a súa soidade facendo prendas de abrigo, fosen para o seu uso ou
para vendelas? Hai cargos que esixen seriedade, frialdade, pero que por dentro
son oportunidades de misericordia pura, sublime, mais iso depende de quen os
encarne.
Mercedes Cora, á que lle dedicou Lugo unha
homenaxe.
-.-
Darse,
unha virtude que escasea.
Xa que somos apóstolos...;
mandóunolo ser o propio Xesús! Marcos 16, 15-16: “E díxolles: -Ide polo mundo
enteiro anunciando a Boa Nova a toda a creación. Quen crea e se bautice,
salvarase; quen non crea, condenarase”. Mateo 28, 16-20: “Os once discípulos
(Xudas xa estaba no purgatorio; polo menos, no purgatorio) fóronse para Galilea
ó monte onde Xesús os citara. E véndoo, postráronse ante el, aínda que algúns
dubidaban. Xesús, achegándose, díxolles: -Déuseme todo poder no Ceo e mais na
terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no
nome do Pai, e do Fillo, e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar canto vos
mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo”. Lucas
24, 45-49: “Abriu os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras. E
engadiu: Así está escrito: O Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no
terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e mailo perdón dos pecados
a tódolos pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto.
E eu heivos mandar o don prometido por meu Pai”. Xoán 20, 21-23: “El díxolles
outra vez: -Paz convosco: como o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
Dito isto alentou sobre eles, e díxolles: -Recibide o Espírito Santo: a quen
lles perdoéde-los pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades,
quedaranlles retidos”.
¿Darse, a quen? Ante todo aos nosos
inimigos, que iso é a caridade suma, excelsa, bendita. Ninguén nos necesita
tanto, se estamos en posesión da verdade, coma os nosos inimigos, pero isto ten
os seus peros: Se os tratamos con agresividade, devolvendo a súa, será
contraproducente; máis que crernos, incrementarase o seu odio, pero se ven en
nós verdade e benevolencia, tarde ou cedo algo de caso farannos.
Dar a quen non o precisa, ao que
igual ten máis cá nós, é como ensinarlle doutrina a un teólogo; comecemos polo
noso redor, polo noso nivel; iso si, despois de ensinar aos fillos, que son os
que máis precisan da nosa xenerosidade, da nosa responsabilidade.
Darse, si, con xenerosidade, sen
rancor, sen presunción, que ese é, ese foi, e seguirá séndoo, aquel mandato
divino, do propio Mesías! Na miña terra había, e confío que seguirá, un refrán
elocuente, que dicía: “Mans que non dades, que esperades?”.
-.-
Din
os sociólogos que...
Que é bo ser positivo, amable,
simpático e aberto coas persoas que nos gustaría coñecer...!
¿Coñecer? ¡Ai, xa; niso estamos, e
niso seguiremos! Pero botémoslle tempo pois, coñecer a outra persoa, ¡que nin a
nós mesmos nos damos coñecido!, require observación, comparación e paciencia.
Mais non falo por experiencia propia pois coa miña dona, ¡iso, dona!, chegoume
cunha ollada para comprobar que aquela rapaza da Normal de Lugo era..., de
abrigo! O que tardei en saber era que procedía dos Sanjurjo; seu avó foi José
Rielo Sanjurjo, e iso era un risco pois casar coa parenta dun bispo-mártir é un
compromiso: ¡están afeitos a predicar!
¡Canto me leva abrigado nos
contratempos, nos avatares da vida; que Deus lle pague, pois eu, nin en cen
anos! Nesta débeda, o capítulo máis importante é, foi e segue sendo, a súa
“mestría” na crianza e na educación dos nosos fillos; a pena é, está, en que
non hai Mestras para tódolos rapaces casadeiros! ¿Como puido saír tan humilde
unha alumna daquelas profesoras da Normal, todas, ou a maioría, con aire de
marquesas do Lucus Augusti? ¡Nisto de coñecer á xente, de adiviñarlles o
porvir, os comportamentos, fai falta moita intelixencia, pero tamén algo de
intuición, séxase, intervención de Deus, que xa o di o refrán: “¡Deu-los cría,
e eles xúntanse!”.
No coñecemento das persoas tamén é
bo, válido, eficaz, botarlle paciencia; non apresurarse; ¿non o facemos así na
tenda, simplemente para mercar un paxelo?
Algunha
receita:
Unha recomendación primordial,
básica, é meter na conversa algún tipo de cousas que coñezamos lle interesan á
outra persoa; séxase, participar así nos gustos e nos desgustos do noso
entrevistado.
Observar os hábitos, xestos e/ou
dicires do outro, axudaranos a diagnosticar a súa mentalidade, e coa
mentalidade, a comunicabilidade.
Falemos sempre en serio e de cousas
serias; para bromear fai falta confianza, ou que a ocasión sexa propicia. ¡Ollo
coas bromas, que é moi fácil ferir as susceptibilidades do oínte, máxime se non
temos experiencia das súas reaccións. O humor é bo cando é axeitado, comedido,
alegre e non ferinte; nisto aos galegos vénnos de raza, máis ben dos suevos,
que eran máis suaves cós romanos; chamáronlles “bárbaros do Norte”; do Norte,
si, pero bárbaros, pouco; simplemente, emigrantes.
Fala amodo e vocalizando, pois o oínte
non só ten que oírnos senón, e tamén, dixerir o que está escoitando; para malas
dixestións chéganos con esas metralladoras da radio e da televisión.
Á xente hai que falarlle atidos á
súa idade, sexo e función ou situación social; ¡en definitiva, comunicar! En
física aquilo dos vasos comunicantes: O líquido ao mesmo nivel; pois na
relación social coidemos tamén de manter unha nivelación, senón social que polo
menos non sexa diverxente.
Regula os tempos da
confraternidade..., para non resultarlle pesado/a.
Aceptar o positivo, pero tamén o
negativo, pois ninguén ten unha personalidade unidimensional. Para chegar a
coñecer a alguén a fondo hai que ponderar os aspectos positivos e mailos
negativos; con ese balance confirmaremos a nosa relación.
-.-
Cultivos que nos levan a amar ao próximo
como a nós mesmos:
a simpatía e maila empatía.
Algo que se está poñendo de
moda, ¡e xa ía sendo hora!, é o de dedicarlle estudio e atención á empatía. A
salsa da simpatía non precisa
explicación, pois sabemos apreciala, distinguila e practicala, desde a caneta.
En canto ao da empatía, por aí nos
dicionarios din que, “empatía é a capacidade de recoñecer e de sentir o que
outra persoa, ou outro ser, está sentindo, para, en vista diso, comportarnos
con el en consecuencia”.
A empatía, pois, fainos máis humanos, máis sensibles e máis
comprensivos coas circunstancias do outro; daquela permítenos poñernos no seu lugar,
algo así como ver cos seus propios ollos e andar cos seus pés.
Metidos a entender, ¡e a
practicar!, a empatía converteranos nunha especie de inspectores xa que nos fai
capaces de ler emocións e de escudriñar pensamentos, co que nos achegaremos
máis.
¡Canto tempo perdemos en cousas
inútiles mentres omitimos, ou case, outras que nos serían beneficiosas, tanto
para nós mesmos como para o noso próximo, entre elas isto da empatía, arte, ou
ciencia, como queiramos chamarlle pois ten das dúas, que nos serve, ou nos
axuda, a mobilizar a outras persoas, exercendo así, sobre elas, unha influencia
positiva, construtiva.
¿Como se chaman as portas da
empatía? ¡Penso que, sorrisos; iso, os sorrisos, pero os nobres, os limpos e
sinceros! En todo caso non confundamos empatía con compaixón, que son da
familia, pero, distintas.
-.-
¡Si, excelente, ¿quen o dubida?
Aínda que tamén hai que considerar que a protesta oportuna, mesurada, a tempo,
dun abuso ou dunha impertinencia, pode vacinar, prever, evitar, males peores;
isto pasa, moito, cos políticos, na política, xa que a nosa permisividade en
abusos ou en erros incipientes pode traer, fomentar, desviacións, algunhas tan
graves que acaben en guerras. As protestas, as reclamacións, e/ou as folgas
xustificadas, benditas sexan!
Non houbo tiranía ou ditadura na
Historia que non puidesen ser evitadas se o pobo reaccionase a tempo, a tempo e
con autoridade, razoando e actuando con firmeza. As tiranías debéronse, sempre,
máis que á contundencia do tirano, ao pasotismo, á fraqueza e/ou á ignorancia
dos súbditos.
-.-
Memento homo quia pulvis es et in púlverem
reverteris.
¡Que si, que xa o sabemos, pero a
miúdo esquecémolo! ¡Canta atención lle prestamos ao corpo, e que pouca, en
comparación, á alma! Ortega y Gasset filosofou afirmando que, “Yo soy yo y mis
circunstancias”, ¡Con toda a súa filosofía quedouse na superficie, na tona! O
que eu son, con toda verdade, é un alma, pois o meu corpo, esta materia
palpable, comparándoa coa eternidade que lle espera á miña alma, de cinsa só
ten un átomo. O Creador, para darlles á Eva e ao Adán a facultade de multiplicarse,
segundo a metáfora do Xénese, colleu un pouco de barro, etc. En definitiva, que os corpos, tódolos
corpos, non son máis que unha caneta na que se perfecciona, ¡ou deforma!, un
alma; daquela, o espírito, cando se cansa da materia, cando se farta do
corpo, ¡puf!, abandona a caneta e vaise... ¿A onde? ¡Xa nolo dirá Deus, por
máis que iso non depende de Deus senón de nós mesmos, do noso corpo, do
tratamento que lle désemos á alma nesta idade, no tempo en que a tivemos
custodiada!
Pois dun xeito parecido ás
consecuencias que ten para a alma o tratamento que lle damos co noso corpo, no
noso corpo, tamén ocorre coas nosas criaturas, tan donos que somos delas, maiormente
nos seus primeiros anos! ¿Donos? ¡Si, e por tanto, responsables!
Se me lee algún cretino, ¿quedan,
hainos?, dirá, opinará, que daquela non vale a pena coidar do corpo, ¡total,
para que acabe esfarelándose! Rapaz, volve a ler o de atrás: O noso corpo ten
unha responsabilidade terrible: ¡O que
fagamos co corpo, na alma se grava, na alma se escribe, así que, cando nos
chamen a declarar, que?
Coidar do corpo non é perfumalo,
pero si lavalo, mantelo limpo de impurezas, de vicios, de contaminacións evitables,
pois anticipar a morte, tanto se é voluntaria como involuntariamente, é atentar
contra a alma, forzala a irse..., antes da súa hora, antes de que Deus a chame
na lista dos seus exames!
Orandum est ut sit mens sana in
corpore sano. Que de ben traducido quere dicir que é preciso orar,
rezar, para dispoñer dun espírito equilibrado nun corpo equilibrado.
¡Daquela hai que volver a darlle
importancia á formación intelectual, atlética, e espiritual, do individuo
(mente, corpo e alma)!
Recentemente, uns investigadores da
Universidade de Granada (UGR) confirmaron, explicaron, que unha mellor condición
física dos nenos, principalmente a súa capacidade aeróbica e maila habilidade
motora, están asociadas con un volume meirande de materia gris en numerosas áreas
do cerebro. Estes científicos demostraron, pois, que a condición física dos
nenos pode influír na estrutura cerebral, o que á súa vez pode determinar o seu
rendemento académico. ¿Si? ¡Pois, vale!
Evocando, lembrando, como vivimos
os da miña xeración, ¡guerra, e posguerra, que volvía a ser guerra, unha guerra
similar; cartillas de racionamento, roupas raxadas de vellas, e non a
propósito, traballo agrícola con ferramentas anticuadas...), vénseme á memoria
aquela dependencia do tabaco...
Meu avó materno, un emigrante
retornado de Madrid por circunstancias que me canso de repetir, nun anexo da casiña
que construíu en Pousadela organizou unha taberna-estanco, que facía as
delicias dos mozos da bisbarra, ¡precisamente polos seus velenos!
Os vicios é o que teñen, que
ademais de ser nocivos por si mesmos, fanse contaxiosos... (¡Se Lucifer non
fose un soberbio non houbese estimulado a soberbia da nosa Eva!). O avó,
acompañando aos clientes, tamén deu en levantar o seu cóbado. ¿Por que se dicía
“levantar o cóbado”? É unha expresión física, pois, sen levantar o cóbado, a
bota non vertía, e se non vertía, o viño estaba, seguía, en calma!
A súa muller, (miña avoa), e mailos
fillos, Pepe e Irene, fixéronlle razoar, precisamente cando aínda estaba nas
prácticas iniciais, obrigándoo a dedicarse só ao tabaco, ao estanco, que tamén
era vicio, pero só dos clientes, pois o avó dos fumes que entendía eran os do
forno de coce-lo pan; ¡fora panadeiro en Madrid!
Cando escasearon os “mataquintos”,
¡tan necesarios para afuma-los soldados!, na miña aldeíña deron en fumar...,
¿que? ¡Follas de tróqueles, dixital, dixitalina!
Tamén teño referido que un dos meus
¿defectos? infantís era o de escoitar coa máxima atención, ¡coas dúas orellas,
por non ter catro!, aquelas conversas, tan instrutivas, dos avós. Nunha delas:
-Antón, tes que facerme con algo de
tabaco, pois este ano cávase na Grandiña, e os poucos rapaces que nos quedan no
país non se aveñen ás rogas se non lles poñemos unha “cajetilla”, para cada un!
-Un día destes teño que ir a xunto
do Cura da Azúmara, que xa sabes que ten a xefatura comarcal dos estancos da
nosa zona, a ver o que me solta...! En todo caso, se os ves coa dixitalina na
boca (a falta de tabaco, mozos e vellos deran en fumar follas de tróqueles,
dixitalina pura, envoltas en papel Jean), quítallela, e dilles que, se tanto
lles estorba a vida, que se apunten para a División Azul!
¡Canto se aprende dos avós!
¡Que acerto tiven casándome cunha mestra;
pero o caso é que non hai mestras para todos!
¡Que honra, e á vez que
responsabilidade, a que Deus nos encomendou de adestrarlle outros anxos, outras
almas, outros santos, para a súa corte celestial! ¿Parámonos a pensar niso?
¡Coido que máis ben, ou máis mal, poucas!
Deus fíxonos colaboradores seus,
que vén a ser, ministros do seu Goberno; isto é poñer en nós moita confianza,
un altísimo honor: ¿É, ou non é, para estarlle agradecidos? ¡Pois, daquela, a
que esperamos?
Claro que non se pode, non se debe,
exercer ningunha carreira sen estudios previos... ¿Onde se fan? ¡Obviamente, na
escola da vida!
Os nenos a partires dos 3 anos
comezan unha etapa que pode ser desesperante para os pais; para os pais
impacientes: é o que se coñece como “a fase do por que”. Os nenos, sabido é,
pero entendido, pouco, son uns exploradores incansables. Antes de saber falar,
antes de aprende-la lingua dos que teñan ao seu redor, xa investigan o seu
entorno mirando e manipulando obxectos, pero cando comezan a dominar o
instrumento da linguaxe cae sobre os pais un alude de preguntas que nos fan
para seguir coñecendo, descubrindo, o mundo que os rodee a tal momento. A
tarefa a estas idades é tan grande, tan complexa, que boa falta fan un par de
“mestres”, séxase, un matrimonio unido, e por tanto, ben avido.
Lembrando: Nunca tan apurado me vin
en ningún exame coma aqueles días nos que, paseando ao noso fillo por diante do
aeródromo de Sidi Ifni, cos avións militares a poucos metros, que nada máis
alzarse, ¡aquilo si que era alzarse en armas!, daban en tirar paracas, un tras
doutro, no mesmo campo, que nin que os estivesen sementando naquelas dez
hectáreas de terreo. O neno: “¿Papá, po que se tiran eses pacas?”. As miñas
respostas non o satisfacían, así que aos poucos volvía, insistía, coa mesma
teima; ata que, desesperado pola miña impotencia intelectiva, solteille un
exabrupto: -¡Tíranse porque..., porque os tiran! O neno puxo cara de dor, e só
dixo: ¡Non quero ser militar!
-.-
O noso anxo da garda
Con iso de que non o vemos, que
pouco caso lle facemos! Moito caso non lle levo feito, iso é verdade, pero
tamén o é que non esquecín aquela oración que me ensinou miña nai; en castelán,
porque así se rezaba daquela: Ángel de ni
guarda, dulce compañía, no me desampares ni de noche ni de día. No me dejes
solo que me perdería. Hasta que amanezca en las brazos de Jesús, de José y de
María. Amén. ¡Gracias, Ireniña, e de paso que chas dou, aproveito para
recordarche que non te esquezas de esperarme na Porta de San Pedro cando suba
para xunto de vosoutros; ben me lembro que cando volvía das miñas ausencias, ti
nunca esperabas por min na porta da eira senón que saías correndo pola eira
arriba, tan pronto me vías ou me oías, para darme á túa aperta, xa antes de que
eu pousase as maletas para darche a miña!
-.-
A contaminación, positiva / negativa, que
un vai acumulando, aínda que a puidésemos resumir ou sintetizar daría para un
libro. ¿Para un libro? ¡Daquela, dareille á tecla, intentareino!
Dicían meus avós, os catro, que
nisto coincidían, que tanto os vicios coma as virtudes son decisións
voluntarias, e por tanto, responsabilidade persoal, intransferible e
ineludible. ¡Daquela hai que apeitar coas consecuencias, tanto neste mundo coma
no outro!
A muller de Lot volveu a vista
atrás...
¿Que se lle perdía, que botaba en
falta? ¡Os vicios, que teñen moito de imán; e logo, o dito, que son
voluntarios! Ela estaba rescatada; saía, alonxábase, co seu Lot e coas fillas
de ambos; os anxos levábanos da man...; ¡ah, pero atrás, aló atrás, quedaban as
xoldas, e ata, se cadra, infidelidades súas! As diversións dos vicios gústanlle
ao corpo; pero hai que andar, separarse, por pedregoso que sexa o camiño da
virtude!
Coa abundancia de vicios que trouxo
consigo a civilización, cadora é máis difícil manterse ao pairo. ¿Que vicios
podía coller un cativo, no rural, tal que nos anos 30 do XX? ¡Por imaxinación
que tivese, e por cheirume que houbese, pouco Sodoma podía ser unha aldeíña de
cen, ou dúas centas, almas! Babel desfíxose, seica, polo seu polifacetismo; ¿e
non sería, tamén, ¡outra Sodoma!, pola globalización dos vicios? Este drama,
este perigo, existe, e vai a máis, pero tamén contamos cuns medios de
apostolado, cunhas vacinas, que, de ben empregadas, poden facer moito ben,
multiplicar as virtudes.
Hai que insistir, porque
necesitamos moito esta recapitulación, en tomar conciencia, de que, tanto a virtude coma os vicios son
voluntarios..., e por tanto, de libre elección, responsabilidade persoal!
¡Si; pero...! Dixen, e sosteño, que
os vicios son voluntarios, mais quédame por dicir que se dan ocasións nas que
defenderse dos vicios, contra os vicios, logo require heroicidade. Algunhas
anécdotas, históricas:
-No noso protectorado marroquí Juán
Marx, aquel amigo de Franco, medrou coma a espuma do Mediterráneo vendéndolles
“mat aquintos” aos nosos soldadiños.
¡Meus pobres, con tantas penalidades, con tantas carencias, con tantos perigos,
xogándose a vida a diario, e todo iso sumado ás ausencias territoriais e
familiares, que outra lles quedaba máis que suicidarse..., con tabaco!
-Cando fun destinado a Sidi Ifni,
aqueles clientes, maiormente os canarios, se non lles aceptabas os seus mazos
de puros, ¡canarios, que non “señoritas” da Coruña!, tomábano a negativa, unha
negativa máis negativa que se lles negases o crédito que pedían.
-Despois veu a guerra pola
independencia, primeiro “fría”, e despois, aos poucos, saturada de “pacos”, de
pac pac. Os militares con mando en praza descubriron que os nosos soldadiños,
encariñados coas moritas do bordel, ¡unhas Mata Hari!, a falta doutros apegos
íanse da lingua, e soltábanlles ás próximas todo canto sabían do que pasaba, e
do que había, nos seus cuarteis. Cando chegou o novo Gobernador, Zamalloa, e
lle falaron daquela fuga de..., ¡de gases!, ordenou coller tres ou catro avións
militares, subir a eles cantas fulanas exercesen de tales, e levalas a
Canarias..., para cambialas por outras, por canarias de igual oficio!
Escandalizou, moito, pero tamén se dixo que aquela estratexia bélica merecía
outra laureada.
-O kif, ou kiffi, da Legión.
Facilitáronllelo..., por toneladas! Pero non só iso senón que incluso a nós,
aos civís do Somatén, nos estiveron dando, diariamente, unha botella de coñac
“Tres Cepas”, para cada dous! ¡Supoño que tamén foi para que se nos quitase o
medo!
-.-
Antídotos
As virtudes, como temperanzas que
son, da alma, teñen a virtude, se vale a redundancia, de frear nos vicios,
chegando incluso ao seu arrepentimento, á súa extinción. Moi ao contrario, os
vicios, ¡que por algo son as virtudes de Satanás!, meten as almas na carteira,
de tal xeito que, co último billete, aló se vai a enésima oportunidade de
merecer o Ceo. Daquela, o inferno é gratuíto? Non exactamente, xa que se vai
comprando a prazos, vicio a vicio! Aquilo de Xudas, por exemplo? ¡O veleno dos
cartos: Viña afeito a manexar a caixa da Comunidade Apostólica, e tanto se encariñou
con ela que a considerou propia, así que, nese namoramento, cambiou ao Fillo de
Deus por trinta moedas! Con iso e con todo, Cristo, xa na cruz: “Meu Pai,
perdóaos que eles non saben o que fan”. ¿Nesa amnistía ía incluído Xudas; sabía
o que facía? ¡Moito me temo que si, posto que se subiu á figueira, co tramposas
que son!
Desde que medramos un pouquiño é
moi raro non saber, non entender, o que facemos; o que facemos e mailas súas
consecuencias; outra cousa é facerse xordos cando fala a conciencia.
Daquela, a conciencia é neutral? A
conciencia que non foi amansada non é neutral; ¡un touro bravo! Os touros son
así porque non tiveron bautizo, ¡son animais! Pero as persoas, maiormente as
que nos beneficiamos do bautizo, temos a obriga, comezando polos nosos
padriños, pais, avós, tíos, etc., de amansa-la conciencia, de poñela de
xeonllos cando se nos subleve.
Satanás, que non deixará de ser
pícaro ata que Deus lle aplique a condena definitiva, inícianos nos vicios
amodiño, como di o moro, “Suai suai!”. Deste xeito nin case nos decatamos de
que estamos empurrados costa abaixo; mentres hai ladeira, aínda podemos
agarrarnos ás roseiras da virtude, por moitas espiñas que teñan, pero, ¿de
chegados ao fondo? ¡Aló no fondo, Dies irae, Dies irae!
Unha observación, outra: Os nenos
adoitan ser intransixentes cos defectos da xente do seu arredor, ¡a súa
inocencia detéctaos! ¿Si; e que? ¡Pois que en vez de enfadarnos con eles
debemos tomar boa nota, xa que..., fala por eles o seu anxo da garda!
Resumindo: As virtudes son medios,
pero tamén son hábitos. Como medios, e menos mal que existen, son como armas
para defendernos na autodefensa desta guerra das tentacións. Noutras cousas,
nas necesidades, sempre podemos acudir á familia, aos amigos, aos veciños...,
pero en cuestión de vicios, de tendencias, coma a práctica das virtudes, nada!
Acerca dos hábitos lembremos a definición dos dicionarios: “Modo de proceder
adquirido pola repetición de actos iguais ou parecidos”. ¡Sen repetir os actos
virtuosos, sen afacernos a eles, non se lixa a conciencia, non subimos na
escaleira, pola escaleira, do Ceo!
-.-
Interactuar cos amigos, cos veciños e cos
compañeiros: ¿Para ben; para mal?
Interacción: Acción
que se exerce reciprocamente entre dous ou máis obxectos, axentes, forzas,
funcións, etc.
Veño dun funeral, noutra parroquia
que non na miña, pero a lección é a mesma; e veño escandalizado:
A igrexa abarrotada, PERO:
O Sacerdote tivo que esperar uns
minutos na porta da sancristía porque non daban chegado os membros da familia
do finado; e tampouco deron exemplo, en varias cousas: Ao non quedarlles sitio,
acomodáronse por onde puideron. Moitos e deles pasaron por diante do Santísimo
sen facer nin sequera unha inclinación. Un dos fillos veu en mangas de cós, que
nin que viñese dun mitin de anarquistas. Poucos comungaron, nin da familia nin
dos asistentes. O Celebrante deu as gracias, pero os da familia, mudos eles,
nin sequera participaron nas lecturas. Despois do “Ite, Missa est”,
amontoáronse, todos, diante do altar, mesmo a empurróns, para dalo pésame:
bicos, apertas, barullo..., que nin que fose un mitin político.
Para este servidor non foi unha
lección nova, pero si un repaso do sabido: Que nas aldeíñas había preitos, de
lindes, de augas, de partillas..., pero nos funerais a dor era manifesta e
compartida, sempre con sentimento e con relixiosidade. Traspasados ás urbes, a
interacción fíxose persoal, individualista, tanto para o bo como para o malo:
xúntanse e relaciónanse os afíns, que nin que fosen dunha mesma cabila; só nos
falta ornear, que no resto, cada cacique unha seita!
Agora falarei das interaccións
positivas. Un exemplo, unha anécdota: A parroquia de Sidi Ifni tivérona
encomendada os PP. Franciscanos, ata que, por un caso de estrita obediencia ao
bispo Pildaín, entón nas Palmas de Gran Canarias, que xa o teño relatado
noutros libros, os franquistas conseguiron do Nuncio que permutase aos
franciscos por oblatos, etc. Aqueles frades eran, comportábanse, tan
seraficamente, que os nativos, particularmente os nenos, bicábanlles o cordón
francisco cunha devoción, cun apego, que non tiñamos con eles aqueles que nos
confesabamos católicos. A bondade, a sinxeleza, a amabilidade e a simpatía, de
tódolos seus actos, para con aqueles islamitas era un regalo de Alá.
¡Apostolado, interacción positiva, perfecta, que non a podía superar ningún
teólogo!
Ao arcebispo de Tánger, Monseñor
Dorrego Aldegunde, tamén franciscano, non cheguei a coñecelo persoalmente, pero
si por referencias de parentes comúns, que me teñen afirmado que, ¡outro tanto!
Facía apostolado, desde Tanxer, con só sorrirlles aos nativos!
¿Verdade que falamos da interacción
menos, moito menos, do que corresponde dada a súa importancia, a súa
transcendencia? Daquela parareime, algo, neste tema:
Para coñecer os intereses, positivos,
negativos, e maila personalidade dunha persoa hai que lela, ou escoitala, e
fixarse atentamente no que di en relación co que fai. Sempre é bo, sempre é
útil, afondar nos coñecementos persoais, ¡porque tamén hai prosistas, prosistas
e prosaicos, que escriben en verso!
Había un refrán que dicía, “Se do
mundo queres gozar prepárate para oír, ver e calar”. Pero trátase de gozar da
vida, da propia, do porvir espiritual ao que estamos chamados; os goces
mundanos son máis ben cousas do corpo, séxase, materialismo, impureza.
“Laissez faire, laissez passer, le
monde va de lui même”. ¡Tampouco é iso pois temos a obriga de evanxelizar, de
corrixir rumbos, de axudar a corrixilos, comezando por mostrar as nosas
virtudes, estimulando para que nolas imiten, ¡se as temos! O mundo non vai
solo; a civilización, se por tal entendemos a marcha do mundo, é un polinomio
de forzas, de ideas e de actos, que, normalmente, producen un movemento
ascendente; ascendente si, pero non sempre limpo, así que ninguén pode eximirse
de empurrar un pouco, un pouco ou un moito, se ten forzas, influenzas,
axeitadas. Non me cansarei de citar aquela frase, aquel pensamento tan
brillante, da miña veciña, politicamente tan criticada cando todo nela era
pedagoxía construtiva, “É moito o que herdamos, así que a nosa obriga consiste
en apropialo, en melloralo, e de mellorado, transmitilo!”. ¡Enriqueta Otero
Blanco, unha comunista que está, que merece estar, no Ceo, de tan branca que
era!
Enriqueta,
con Dolores.
-.-
Independentes, pero non insociables.
“Esa persoa é moi súa; non fala se
non lle falan”. Pero non todos son/somos así por fachenda ou por soberbia, que
tamén os hai tímidos, apoucados.
Isto comecei a velo e a entendelo
cando, destinado no Supremo, volvía á miña parroquia nas vacacións. Á saída de
Misa, as parroquias, sen deixar de ser Igrexa, pasan, pasaban, a ser clubs,
clubs sociais gratuítos. Eu levaba ganas de falar, de preguntar, de conxeniar,
pero din en observar que me contestaban se falaba primeiro, se saudaba, se me
achegaba. ¡Deus, que soberbia a dos meus veciños! Pero non había tal, senón
timidez. Eu quería saber, e eles ser preguntados. Eran dous saberes distintos:
Pola súa parte, se eu seguía considerándome conveciño, compañeiro, galego...,
porque non tódolos emigrantes volvían falando galego! Eu ardía en ganas de
saber se me tiñan esquecido, borrado daquela sociedade patriarcal.
Tampouco é bo pegarse demasiado
porque a xente ten a súa intimidade e moléstalles que intentes investigar deles
máis aló do que che queiran dicir ou comunicar. Moito tempo xuntos, ¡nin coa
noiva! Hai que facerse desexar, un pouco, aínda que sen chegar á soberbia.
Ninguén ten unha personalidade
unidimensional, así que temos/debemos ser comprensivos cos seus cambios de
humor, coas súas distancias ou distanciamentos transitorios. Non esquezamos que
a nosa función social ten de óptimo ser agradables, pero non pesados nin
oportunos. ¡Que difícil é aprender a convivir! Levamos toda unha vida, e aínda
así, se miramos para atrás, a algúns pareceranos que nisto fomos/somos
aprendices. No Ceo, xa purificados, coido que alí a convivencia non terá
espiñas.
Compartir información. É arriscado mentres non coñezamos as tendencias do interlocutor. Os italianos din que, “Chi va piano va sano e va lontano; chi va forte va incontro alla morte”. Teñen razón: As aproximacións violentas, apresuradas, poden concluír en afastamentos, que non en achegamentos.
-.-
Traumas
psíquicos nos traslados
O home é un animal inquieto, algo
transhumante por natureza, pero non nos sae gratis; non, en absoluto!
Hai traslados de dous tipos: Con, e
sen, desarraigo familiar. Aqueles que levan consigo a totalidade, ou a maioría,
da súa familia directa, íntima, teñen iso de lenitivo, de atenuante.
É tan complexo todo isto, que nin
sei por onde comezar. As miñas lembranzas dan para moito, demasiado:
Cando, por circunstancias
familiares, tiven que renunciar á miña beca no Instituto de Lugo para volver
coa miña xente, coa xente e coas ovelliñas, anulóuseme o trauma pequerrechiño
daquela separación familiar transitoria, pero foi a cambio doutro meirande: o
complexo de ser un estudante malogrado, depresión vital que non lla desexo nin
ao peor dos meus inimigos.
Nesta terra, no XX, xa se
consideraba infortunio ir casar para unha parroquia non confinante; ata tiñamos
un refrán definitorio, no que se dicía: “O que lonxe vai casar, tacha leva, ou
a vai buscar”. Os rapaces / as rapazas que ían lonxe librábanse dos riscos da
endogamia, que, aínda sendo graves, non lles tiñan medo pola afouteza que lles
daba a súa ignorancia da ciencia biolóxica, pero tiñan, collían, outra
enfermidade, que era a morriña.
Ir ao servicio militar desgarraba
moito, e xa non digamos se era en guerra ou en África, dúas continxencias con
demasiada analoxía. Pero baixar á Coruña, e pasa-la Marola, iso era entrar
nunha orfandade prematura.
O traslado, a mobilidade
xeográfica, o desarraigo do noso ambiente, sexa natal ou xa prolongado, é
indubidable que acovarda, por lobo que se sexa, pero ten de contrapartida,
neste caso negativa, que, perdida a vergoña, o medo ao que dirán da veciñanza,
perdida unha fereza collemos outra. ¿Defensiva, ofensiva? ¡Segundo os casos!
Daquela, con iso, volvemos a construír, ou máis ben a improvisar, así que estas
obras, as novas, as actuais, poden resultar improvisadas, inconscientes, e por
ende, pouco afortunadas.
Hoxe en día, que temos coñecido,
recoñecido, o globo enteiro, que ata fomos á lúa, case palpándoo nos programas
da tele, os desgarros translativos son algo menores; e logo que, tanto a
familia coma os íntimos seguen connosco, senón ante os ollos si xunto das
orellas, que xa é proximidade. Pero aínda así Rosalía segue de actualidade:
Adios, ríos; adios,
fontes;
adios, regatos pequenos;
adios, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.
Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,
prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,
muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar,
amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
camiñiños antre o millo,
¡adios, para sempre adios!
¡Adios groria! ¡Adios contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conozo
por un mundo que non vin!
Deixo amigos por estraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero...
¡Quen pudera non deixar!...
Mais son probe e, ¡mal pecado!,
a miña terra n'é miña,
que hastra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ó que naceu desdichado.
Téñovos, pois, que deixar,
hortiña que tanto amei,
fogueiriña do meu lar,
arboriños que prantei,
fontiña do cabañar.
Adios, adios, que me vou,
herbiñas do camposanto,
donde meu pai se enterrou,
herbiñas que biquei tanto,
terriña que nos criou.
Adios Virxe da Asunción,
branca como un serafín;
lévovos no corazón:
Pedídelle a Dios por min,
miña Virxe da Asunción.
Xa se oien lonxe, moi lonxe,
as campanas do Pomar;
para min, ¡ai!, coitadiño,
nunca máis han de tocar.
Xa se oien lonxe, máis lonxe
Cada balada é un dolor;
voume soio, sin arrimo...
Miña terra, ¡adios!, ¡adios!
¡Adios tamén, queridiña!...
¡Adios por sempre quizais!...
Dígoche este adios chorando
desde a beiriña do mar.
Non me olvides, queridiña,
si morro de soidás...
tantas légoas mar adentro...
¡Miña casiña!, ¡meu lar!
adios, regatos pequenos;
adios, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.
Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,
prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,
muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar,
amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
camiñiños antre o millo,
¡adios, para sempre adios!
¡Adios groria! ¡Adios contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conozo
por un mundo que non vin!
Deixo amigos por estraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero...
¡Quen pudera non deixar!...
Mais son probe e, ¡mal pecado!,
a miña terra n'é miña,
que hastra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ó que naceu desdichado.
Téñovos, pois, que deixar,
hortiña que tanto amei,
fogueiriña do meu lar,
arboriños que prantei,
fontiña do cabañar.
Adios, adios, que me vou,
herbiñas do camposanto,
donde meu pai se enterrou,
herbiñas que biquei tanto,
terriña que nos criou.
Adios Virxe da Asunción,
branca como un serafín;
lévovos no corazón:
Pedídelle a Dios por min,
miña Virxe da Asunción.
Xa se oien lonxe, moi lonxe,
as campanas do Pomar;
para min, ¡ai!, coitadiño,
nunca máis han de tocar.
Xa se oien lonxe, máis lonxe
Cada balada é un dolor;
voume soio, sin arrimo...
Miña terra, ¡adios!, ¡adios!
¡Adios tamén, queridiña!...
¡Adios por sempre quizais!...
Dígoche este adios chorando
desde a beiriña do mar.
Non me olvides, queridiña,
si morro de soidás...
tantas légoas mar adentro...
¡Miña casiña!, ¡meu lar!
¿Isto, por ser galegos? En parte,
si, pero os outros tamén son de barro; vimos do barro, somos, uns e outros,
lamacentos; non acougamos nas securas das ausencias!
-.-
Avanzamos
máis nas menciñas do corpo que nas do espírito.
Para as menciñas do corpo podemos
experimentar as súas reaccións, incluso en animais; mírannos por raios X,
analizan o noso sangue, e incluso cortan e cosen, introducen pezas, estírannos
a pel cambiando os nosos retratos, etc.; no espírito, como non o curemos nós
mesmos...!
A hixiene espiritual non se
improvisa, pero temos no confesionario unha fonte perfecta para lavar as
impurezas..., sempre que fagamos propósito de emenda, e o cumpramos! O corpo
alédase máis ben con mentiras, con fábulas, con películas; pero a alma non
admite teatralidades senón verdades. Claro que temos os Evanxeos, e xa non
están en latín, nin tampouco prohibidos para segrares, pero danos tanta pereza
lelos, e máis aínda practicalos!
Lenin, e mais témolo por un
revoltoso, predicaba un lema moi humano: “Dous pasos para adiante, e un para
atrás”. Se tal non fixésemos, peor podía ir a cousa, pois así os avances suman
máis cós retrocesos.
¡Pero que escorregadizas son as
virtudes, esas menciñas do espírito! Se fosen pastillas do médico poucas veces
nos esqueceríamos da dose recomendada, pero aos curas facémoslles menos caso
que aos doutores: Predícame frade, que por un oído me entra, e por outro me
sae!
Os médicos adoitan ter éxito nas
súas receitas, sendo cousa de agradecerlles os seus esforzos, a súa atención,
os seus estudios, pero non todo é virtude neles pois esa reiteración de éxitos
na materia, coa materia, pode levalos a un certo endeusamento, a unha soberbia
que pode acabar en ateísmo: ¡pasoulles a certas notabilidades, que iso di a
Historia!
¡Pero que tirano é o corpo! En vez
de estarlle agradecido á alma por dignarse habitalo, ao revés, quere ser
independente, gusta da soberbia. ¿Non será que Satanás non se conformou con
tentar á avoa, e agora vai polos netos?
-.-
¿Quen regalou a quen? ¿Os Magos ao Neno
Xesús, ou foi á viceversa?
Tres cousiñas de nada para o Dono
do Mundo; aquilo foi simplemente un símbolo de submisión, de acatamento; en
cambio o Fillo de Deus obsequiounos, aos Magos, e nos Magos a nós mesmos, a
tódolos peregrinos deste planeta, deixándose ver, deixándose coñecer, cun
itinerario, coa ruta da estrela que nos marca o Camiño do Ceo.
Deulles audiencia, recibiunos cun
sorriso de benvida, nada menos que o noso Redentor, feito persoa, todo
exemplaridade, tanto para os pastores como para os Reis: ¡O Supremo nado nun
presebe! Os Magos axeonlláronse, e puxéronlle aos seus pés, ¡que menos!, ouro,
incenso e mirra, que eran os símbolos da grandeza térrea, séxase, ¡Nada, ante o
Todo! Con aquel simbolismo ensináronnos ás xeracións vindeiras que, con eles, en
Belén e desde Belén, estamos no Camiño, no auténtico, no verdadeiro, no da
humildade. Herodes, ¡outro Satanás!, pediulles, ¡máis ben esixiulles!, que
volvesen por xunto del, que o informasen: ¡Era, de novo, o Camiño Maldito, o
Camiño da Soberbia!
Veñen os Reis, e con esa data,
pais, avós, padriños..., veña pensar nos obsequios materiais, materialistas,
mal interpretando a primeira das adoracións! Pola miña parte, se volvo a
coñecer nenos na miña familia, fago promesa de poñerlles na caneta, enriba da
caneta, unha estrela: tempo adiante, cando estean en idade de entenderme, xa
lles explicarei que con aquela estrela o que quixen foi pedir ao Neno Xesús,
para eles, que tamén lles mostre o Bo Camiño, o Camiño do Ceo; ¡que non
retrocedan nunca, nunca xamais; que non lles fagan caso aos pecadores, aos
traidores, aos malignos, chámense ou non Herodes!
-.-
¿Por que non avanza máis o cristianismo?
Aínda estamos nun 23 por cento. Uns
2.400 millóns de crentes, fronte, p. e., aos 1.700 millóns de adictos a
Muhammad. ¿É tan difícil explicarlles aos segundos que Nestorio estaba
equivocado, que Xesús non foi creado senón xerado; que non foi un simple
profeta senón O PROPIO FILLO DE DEUS, ENCARNADO NUNHA VIRXE POR OBRA E GRACIA
DO ESPÍRITO SANTO, BEN DEMOSTRADO QUE ESTÁ POLOS SEUS MILAGRES, E TAMÉN POLA SÚA EVANXELIZACIÓN,
MORTE E RESURRECCIÓN?
Pero que pillo aquel mercador das
caravanas; ¡mercador tiña que ser! Aproveitouse e gozou dunha viúva, organizou
todo un exército de seguidores, e de paso, ditoulles un código de estratexia e
de convivencia, tan hixiénico que incluso, para que non os diminuíse a
triquinose dos cochos, prohibiulles o jalufo, alixeirándolles o seu estómago,
baleiro co Ramadán, cun xaxún lunático. En compensación, prometeulles aos seus
esfarrapados un sétimo de xolda, no propio ceo. Entre outras suras, a 37:
47,48: “Terán virxes de mirada recatada, con ollos coma os ovos da
avestruz...”. ¡Eles; pero, elas?
Xesús, en cambio, que nos prometeu?
¡Un Ceo espiritual, auténtico, sen vicios nin atractivos carnais, pois iso,
evidentemente, é cousa do corpo, materia terreal, transitoria! ¿Eses parentes
do Libro, por que non serán capaces de velo, de comprendelo? ¡Teñen as atumes
da carne, e non se dan desprendido delas!
Eu, aínda que pecador, cristián,
teño, e transmito, a esperanza de que as súas mulleres, con isto da
globalización, contaxiadas pola liberación, e polo liberalismo, das nosas,
vanse quitar os veos, e con iso, abafarlles aos seus..., ¿amos?, ese machismo
ancestral. ¡Amén!
Por veces figúraseme que os cristiáns
somos uns avaros da nosa relixión, e por iso, de tanto cobizala, escondémola,
ocultándollela aos pagáns; algo así como fan os nosos ricos coas xoias e coas
galas con respecto aos pobres da súa parroquia; ¡non vaia ser que os rouben!
-.-
Ser / Estar
Ganámoslles aos ingleses en ter
dous verbos, mentres eles se conforman co seu, simple, “to be”! Temos dous,
pero aló no fondo é coma se tivésemos un só pois, ¡o que é sabe estar; e o que
non está, o que non está no seu sitio, non o é, non ten valor!
¿Como se distinguen; como nos
distinguen? Na Biblia, iso de biblos...,
pero tamén lle podíamos chamar “Enciclopedia” posto e suposto que nada temos
nela que non sexa universal e importante, dánsenos unhas definicións completas
e perfectas, tal que, en Mateo 7, 15-20. “Gardádevos dos falsos profetas...
Polos seus froitos coñecerédelos... Toda árbore que non produce froitos bos,
córtase e bótase no lume. Así que polos seus froitos é como os coñeceredes”.
Sempre houbo fariseos, pois ese
tipo de..., ía dicir persoas, pero non son, ¡non son persoas!, sempre existiu;
¡desde Caín, así que vai lonxe a historia! A persoa que non é persoa, aqueles
que non fan por selo, moito dano lle fan ao cristianismo, e máis aínda se viven
entre pagáns porque..., ¡porque comparados, fan bos aos pagáns, así que, en vez
de copiar de nós, os outros son os imitables, os imitados! O que comprace a
Deus non é que alguén afirme ser discípulo de Cristo, senón que o
demostre coas accións.
No Salmo 92, 13-16. “Os xustos
medrarán como palmeiras, ergueranse coma cedros do Líbano. Plantados na casa do
Señor, florecerán nos adros do noso Deus. Aínda na vellez seguirán dando
froito, estarán fortes e frescos, para pregoar que recto é o Señor, miña rocha,
en quen non hai iniquidade”. ¡Isto non precisa glosario!
Co clariño que está todo nos
Evanxeos, ¿por que hai seitas e outras desviacións? Tamén o teño nítido: porque
os que saben ler, e entender, correctamente, os que saben ser, non están
cumprindo os seus deberes de..., ¡de ensinar ao que non sabe, ao que non sabe,
ou non quere, entender!
-.-
A debilidade da carne
Marcos 14, 37-38: “E volvendo onda
eles, atopounos durmindo: Díxolle a Pedro: -Simón, ¿dormes? ¿Seica non podes
velar unha hora tan sequera? Estade atentos e rogade para que non se vos someta
á tentación. O espírito está disposto,
pero a carne é débil”.
¡E tanto que é! A carne ten dous
extremos, dous máximos: coa euforia exaltase, exulta, esquécese de que é o
soporte da alma, de que a leva consigo, de que é responsable da súa saúde, e non
só da do corpo. Daquela, entregándose a cantos vicios se lle ocorren ou
apetecen, non lle importa tirarse de cabeza ao inferno. O outro polo está nas
desgracias, nos infortunios, pois cae na desesperación, e daquela tampouco
distingue a Deus do diabro; ¡outra vez ao inferno!
Estas debilidades da carne teñen o
seu mellor remedio, tamén, no Noso Pai: “... non nos deixes caer na
tentación...” Pedíndoo con humildade, con acatamento, non hai mellor
reconstituínte; probade, e veredes!
-.-
¿Onde
estou, en Roma, ou na Coruña? Veño de buscar o pan, o pan e mailo
Progreso... ¿Do quiosco? ¡Non, de Roma! ¡Panem
et circenses! Exactamente o mesmo que en Roma:
A diferencia está, maiormente, en
que o pan, agora, que non temos países sometidos que nolo subministren, hai que
pedilo no Noso Pai, e despois ir á tenda e..., pagalo! En canto ao circo, chega
con ler a prensa, pois hai de todo: políticos mentireiros, escravos do paro,
xente que loita para conseguir o pan de cada día, uns comen coa suor da súa fronte,
e outros coa suor do de enfronte, gladiadores que morren nas pelexas cotiáns,
cristiáns e pagáns, un Senado que bocexa...! En canto aos senadores...; ¿que
foi daquilo de Senatus Populusque
Romanus? Agora o pobo non fala; simplemente, paga!
Con este pesadelo enriba, díxenme:
Vou comezar o periódico polo final, que así chego antes ás necrolóxicas da miña
xente: ¿Cantos amigos e/ou coñecidos se irían hoxe; e que idades terían; canto
me faltará a min para imitalos; que grande será o Ceo para que caiban tantas
ánimas?
Nas necros atopeime con dous
detalliños que non entendín: Aqueles que poñen o alcume da casa, non sempre
digno de ser lembrado, e/ou mal traducido. Coido que o poñen para que nos lles
falten, nin sequera os seus inimigos, os seus burleiros. A outra, de igual ou
parecida sintonía: poñer, coa cruz de falecidos, os nomes dos idos, subliñando
a petición de que preguen polo/a ausente. ¡Pero, cristiáns, se xa están Arriba,
o que farán a tal momento será darlle apertas ao/á novato/a..., porque xa están
xuntos!
Indo, seguindo, para atrás, ¡cousa
tan propia dos humanos!, atopeime cunha serie de anuncios de casas vendibles
nas nosas aldeíñas. ¡Iso non é propio de poñelo no Progreso; porque non esperan
a que haxa un periódico, outro, que se titule “Retroceso?
¡Pero o grave aínda veu despois:
ducias de follas dedicadas á idolatría! ¿A idolatría; Xosé María lerías ben?
¡Si que lin: trátase da idolatría do deus Pelota, vulgo, esférico! Nese intre
abríronseme os ollos, os da imaxinación, e vin as igrexas baleiras; ¡será cousa
de cambiar os altares por porterías, misar nos estadios? ¡Nos estadios non se
precisan, non usan, aras; unha economía, outra, propia da Idade Contemporánea!
¿É, ou non é, unha idolatría dos
corpos, isto de darlle patadas ao balón, cos ollos postos no marcador..., xa
que o Ceo queda máis Arriba, e para ir ao ceo, ao do medio, xa temos os
foguetes!
Nas primeiras páxinas falan os
políticos, e traducen os periodistas. ¡Isto é peor cá torre de Babel, pois cada
periodista anosa, traduce, á súa maneira! ¿Cal ten razón, por cales votaremos?
Os do fútbol botan coa bota, pero eu, servidor, aos políticos mentireiros, se
me fose posible, votaríalles..., coa punta das miñas zocas!
En definitiva, resumindo, que xa
abusei, que xa amolei abondo ao amable lector:
De tanto avanzar, xa retrocedemos; estamos subindo o corpo aos altares,
e gardando as almas no armario! Xa que estamos de latíns, diremos, dirémonos,
como lle facían ao César: ¡Cave ne cadas!
O Xeneral triunfante, vestido de púrpura, coa cabeza cinguida de loureiros,
entrando pola Vía Sacra, desde o Campo de Marte... ¡Ten coidado, meu vello, non
retrocedas, non caias, non decaias, pórtate ben, que tes que servir de exemplo
á xeración seguinte, tan materialista e tan materializada!
-.-
¡Hai que lixar no home vello!
¡Pero que Párroco teño tan
oportuno, tan ocorrente: Hoxe, na homilía, díxonos, con voz alta e clara, que, “Hai que usar a espátula para que non quede
rastro das pinturas vellas!”.
Este servidor, un vello lastrado de
pecados, ao volver á casa deume por abrir a Biblia..., ¡de espátula, para
lixar, claro!, e saíume a Carta de Paulo aos Efesios: “4: 17-24: “Dígovos, por
tanto, e recoméndovos en nome do Señor que non vivades máis coma os pagáns, coa
mente baleira, coa intelixencia entebrecida, alleos á vida de Deus, pola
ignorancia que hai neles debido á cegueira do seu corazón. Os tales volvéronse
insensibles, entregáronse ao vicio ata practicaren insaciablemente toda clase
de inmoralidades. Vós, sen embargo, non foi así como coñecestes a Cristo.
Supoño que vos falaron del e que vos ensinaron o que responde á verdade en
Xesús; isto é, que vos ispades do home
vello da vida anterior, que vai esmorecendo, seducido polos seus anhelos;
que cambiéde-la vosa actitude mental, e que vistáde-lo home novo, creado á
imaxe de Deus, na xustiza e na relixiosidade auténticas”.
¡Carafio co Párroco; que ben coñece
a San Paulo; claro, é Párroco da súa parroquia!
Vexamos: Plantei unha árbore,
escribín un libro, teño un fillo..., ¿que me resta agora? ¡O dito, darlle á
espátula, lixar, e despois..., predicar! ¡Ai xa, pero non me queren no
Seminario; unha, por vello, e outra, por casado! ¡Nacín antes tempo! Con isto
ponderado só me queda instruírme, ler na Biblia, e de lixado poñerme a dar
exemplo, como facían os efesios, pero, ¿terei audiencia? ¡Se primeiro fose
futbolista, seguro que si, mais para iso hai que ser mozo, facer ximnasia,
darlles patadas ás pelotas! Está visto que, ou nacín antes tempo, tal que na
Idade Media, antes de coñecerse o fútbol, ou debera agardar un século ou dous,
aló en París!
Cos anos vaise collendo costra...,
e por iso necesitamos espátula! Despois, poñerse diante da cruz, pois detrás
dela xa sabemos que adoita esconderse Satanás!
Aquí, no cruceiro de Córneas, o
diabro está disfrazado de madeira. ¡Válelle todo!
-.-
Responsabilidades
No
penal.-
Art. 12 do noso Código: “Son responsables criminalmente de los delitos y
faltas: 1º. Los autores. 2º. Los cómplices. 3º. Los encubridores.
Responsabilidade
moral.-
Abarca e individualiza todo tipo de dano, estea ou non nos Códigos, causado a
un individuo, a un grupo, ou á sociedade enteira, polas accións, ¡ou polas non
accións, tamén isto!, doutro individuo ou grupo.
En ética deontolóxica é un sistema
de principios e de xuízos compartidos polos conceptos e polas crenzas
culturais, relixiosas e filosóficas, o que determina se algunhas accións son
correctas ou non.
En canto á organización social, a responsabilidade moral diferénciase da xurídica polo seu carácter interno.
Enténdase: pode darse unha invalidación da responsabilidade xurídica sen por
iso invalidar, borrar, extinguir, a responsabilidade moral.
Para a responsabilidade penal temos
codificadas sancións punitivas que abarcan a cubrición de danos e prexuízos; no
moral, ¡ai Deus, que isto si que é terrible!, non sempre se pode resarcir,
indemnizar, ou compensar; así que só cabe axeonllarse no confesionario, e
despois diso facer méritos axeitados, e ofrecerllos ao Redentor para que nos
outorgue a súa amnistía. O carácter íntimo das responsabilidades morais, tan só
o é para o detractor, pero, esconderllo a Deus? Daquela, pensemos nisto antes
de obrar, antes de embarrancar.
A clave está no exercicio do noso
libre albedrío: Se non tivésemos liberdade de facer, ou non facer, non seríamos
reos ante a Xustiza Divina. ¡Témola; así que, apeitemos coas consecuencias!
¿Omisións? Algunhas aínda son
peores cás accións, pois os actos, nalgún caso, poden ter algunha compensación,
pero, do omitido..., coma aquilo de que, “pasou o día, pasou a romaría”. Outra
é que, das accións é improbable non decatarse, tarde ou cedo, pero, ¿das
omisións? A memoria tenlles tanta repugnancia as omisións que adoita facer por
encubrilas, por esquecelas.
-.-
Pobre do que teña que criarse e vivir nun
ambiente amoral
Niso, tamén niso, moito teño que
agradecerlle a Deus pois na miña aldeíña, naquela época, que do que viñese
despois non son testemuña, non podo declarar, o ambiente era boísimo, de
convivencia perfecta.
Con esta perspectiva, moito mérito
lle dou a todo aquel que mal se criou, e mal viviu, rodeado de chulería. Rómulo
e Remo, se é verdade que mamaron da loba capitolina, teñen a miña indulxencia,
a miña comprensión, polas atrocidades do noso Medullius, feitas polos seus
netos. ¡Víñalles de raza!
A propósito: Hai moito que non oio
aquel cualificativo tan ignominioso de “Fillo de Puta”, que tanto abundou no
mundo occidental. Os que así se expresaban de seguro que eran “Fillos de Puto”
pois elas, súas nais, non foran capaces de educalos. Pobriñas aquelas mulleres
que tiñan que venderse, ou incluso regalarse, aos auténticos “putos”, que
despois de usalas, e de abusalas, ¡se te vin non me lembro!
Para comezar, na escola rural
seguíamos sendo veciños, como moito dunha legua á redonda; coñecíanse os pais,
coñecíanse os fillos. Agora métete nunha agrupación escolar, e peor aínda se
son desas urbes con centos de miles de veciños, ducias de razas e de relixións,
moral cosmopolita. Fai falta moito esmero na educación familiar para non
incorrer en contaminacións deformantes. Mais, pola contra, nestes centros os
nenos ben educados están facendo un apostolado magnífico, impagable, ¡sempre
que teñan a valentía de irradiar os seus comportamentos, sempre que non se
deixen avasalar!
Tempo adiante, xa no Batallón do
Ministerio do Ejército, soldados, compañeiros de toda España, aínda que
maiormente madrileños, o vocabulario predominante era groseiro, indigno do
dicionario da Real Academia, e iso que a tiñamos ben cerca, na rúa Felipe IV.
Cerca, asiduo do Café Gijón, tamén andaba Camilo José Cela, que daquela
censuraba a todo deus, menos a si mesmo.
Temos Academias para todo, ¡para
todo, menos para a Ética e para a Moral! A Real Academia de Ciencias Morales y
Políticas, da Plaza de la Villa, Madrid, é outra cousa. ¿Non haberá por aí un
filántropo que faga unha doazón para fundar a de Ética? Co relaxo actual,
seguro que tiña traballo; mentres non existe, resumamos:
A Moral encárgase de determinar que condutas son axeitadas e cales
non, nun contexto determinado; a Ética,
pola súa parte refírese aos principios xenerais que definen que comportamentos
son beneficiosos para tódalas persoas. A min ensináronmo con exemplos
prácticos, que é como mellor se aprende; ¡o perigo está en esquecelo!
-.-
Na escola tamén aprendín a mocear
¡Que ben me coñecía meu pai cando
lle dixo ao franciscano de Herbón que non me permitía ir para o convento
porque..., porque non deixaban casar aos curas, nin aos curas nin aos frades!
O día que vin a necrolóxica daquel
veciño lembreime da culpa que tivera eu en que deixase viúva. Á escola de
Maxide asistían adultos, por unha especial xenerosidade de D. Xesús, que
ademais de roxo érao de apelido; adultos que na súa idade non puideran asistir
á escola, ou lles resultase escasa. Aquel rapaz tiña interese en relacionarse
cunha guapísima de Suegos, ¡como non ía selo procedendo dos suevos!, pero non
se atrevía a redactarlle a carta de declaración. ¡Pediumo a min, un neno de dez
ou doce anos, do pupitre contiguo! Deume os datos da mociña, e apunteinos na
pizarra. Ao día seguinte, pasados a un folio de papel de barba, ¡eu aínda non a
tiña, pero o papel, si!, leveille á escola unha carta larguísima, con moito
corazón e algo de poesía. Tempo adiante, anos despois, cando eu xa estaba no
cuartel, nunhas vacacións, vinos en Mosteiro, xa casados; sorrindo, déronme as
gracias pola miña..., ¿culpabilidade?, naquel casoiro. ¡As travesuras dos
nenos, que poden ter consecuencias imprevisibles!
-.-
Houbo mestres “de a ferrado...”
¡Que non sempre era de trigo! Por
cada mes de clase, dous tegos! Pero había, ¡e segue habendo!, unha paga
complementaria: O goce de ensinar, e mailo pracer de aprender. Hai que matizar:
Non só ensinaba o mestre, senón que este tamén aprendía dos alumnos, asemade;
¡formación recíproca! O pracer de aprender é tan íntimo que diso pouco se leva
escrito, pero existe, sempre existiu, comezando por Adán e por Eva, que
aprenderon na súa propia cabeza que sublevárselle a Deus é terriblemente
perigoso.
Sobre aquel ensino algo deixo
escrito; o que nunca dixen, nin oral nin por escrito, é o medo que lle teño ao
exame da Porta de San Pedro: ¿E se non ensinei como é debido, coa
responsabilidade que ten o ensino, que castigo me darán? ¡Igual me pasan ao
pelotón dos torpes!
Aquelas friaxes invernías no cuarto
habilitado, baleirado, para face-la escola, para improvisar unhas mesotas que
soportasen os nosos cóbados, e entre mans, as pizarras e mailo pizarrín. Pero
non todo era frío pois aqueles mestriños ben que quentabamos a cachola para
envorcar, para transmitir, o pouco que sabiamos, e para iso, mal sabido!
¿Quen nos ensinou a ensinar? Foi
Deus do Ceo, cando baixou á terra, que ben aproveitou o tempo, ¡en só tres anos
de clase!, para ensinarnos a amar. Si, só iso, pois cos dous mandamentos
resumidos, “Como me amou o Pai, así vos amei eu: permanecede no meu amor. Se
gardáse-los meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, como eu gardei os
mandamentos de meu Pai, e permanezo no seu amor. Díxenvos estas cousas para que
a miña alegría estea en vós, e a vosa alegría sexa plena. Este é o meu
mandamento: que vos amedes uns a outros como eu vos amei”. (Xoán 15, 9-12),
deixounos doutorados en Amor Divino, aptos e competentes para obter cátedra no
Ceo. Si, no Ceo, pero tamén na terra, pois, ensinar ao que non sabe foi unha
das instrucións do Mestre, do Grande, do de maiúsculas.
Educar é, ante todo, axudar a estar
atento. ¡Iso, a primeira das leccións, estar atento! E para que os nenos estean
atentos, no mestre ten que darse unha certa autoridade: algo de saber, e moita
formalidade; formalidade, pero non tiranía, que xa quedou demostrado que non é
certo aquilo de que “A letra con sangue entra”.
Encima da labor e do esforzo que
facíamos, aqueles Mestres de carreira, os da Escola Nacional, aqueles señoritos
que só ían á súa escola cando non tiñan mellor cousa que facer, molestos pola
nosa competencia, ían, e denunciábannos; ¡menos mal que cando chegaba a Garda
Civil para ordenarnos que pechásemos a escola clandestina xa nos collían
gardando as pizarras na nosa maleta de táboas..., porque chegara a época de
cavar na touza!
A
escola de Doloriñas
-.-
O entroido actual: careta sobre careta.
¿E non tiñamos abondo coas de
diario? Tampouco me gustan esas dos penitentes de Semana Santa: Se o fan en
penitencia, por ser pecadores, axeónllense, como fixo a Magdalena, ou o
publicano, pero a cara descuberta, para que sirvamos de exemplaridade; á parte,
e ademais diso, ¿escondérselle a Cristo, precisamente ao Cristo a quen se supón
que están pedindo perdón? Veñen a ser outros fariseos, que se poñían moi tesos
para rezar: Mateo, 6,5; Lucas, 11, 2-24. “Cando recedes non fagades coma os
hipócritas, que gustan de rezar moi ergueitos nas sinagogas e nos recantos das
rúas para que os vexa a xente”.
¡Non
temos remedio: Hoxe, coma daquela!
Cando meu pai redactaba e
organizaba aquelas Sentenzas do Galo e máis da Pascua, só ían de careta os
fareleiros, e iso era porque tiraban presadas de farelo para que a xente non
estorbase, que así o aire non llelo devolvía á súa cara. ¡Aqueles eran
Carnavais, castigo para a carne, castigando o machismo, representado nos abusos
do galo; e para a Pascua, as veleidades das Evas modernas, que tampouco lles
sobraba! Hoxe non mataríamos ao galo; ¡gracias, Salmerón, que ben cara pagaches
a túa xenerosidade, a túa humanidade, de negarte a firmar sentenzas de morte!,
pois con darlle, neste caso ao galo, unha cadea perpetua revisable, xustiza
cumprida.
A
primeira vez que falei en público, precisamente dando o pregón dunhas Sentenzas
do galo, na Meda (Castroverde).
O entroido celébrase así por un
destes motivos: Para inflarnos precisamente daquilo que teremos prohibido ou
racionado na Coresma, ¡a idolatría do prohibido!; e/ou para máis profanar o
corpo, ¡por se non o tivésemos abondo!, invitándoo a facer animaladas, a
renunciar da súa función esencial de altar da alma. ¡Canto debe gozar Satanás
no entroido vendo que antepoñemos o corpo ás almas, que metemos as almas no
armario, e que del sacamos..., outros disfraces, canto máis absurdos, mellor!
O entroido deixou de ser Introitus, así que será cousa de
propoñerlles aos da Academia que pasemos ao vocábulo Carnestolendas; ¡máis descritivo!
Como estas cousas son voluntarias,
se eu volvese á vida activa a miña promesa sería:
-Xaxuar tamén no carnaval, para
irme afacendo, para axeonllar o corpo.
-Na Coresma dedicarlle corenta días
a un exame de conciencia tan fondo que me servise para arrincar as raiceiras
dos meus pecados.
-No Domingo de Ramos presentarme na
porta da miña igrexa parroquial cun camión de ramos de loureiro, dos da miña
finca, e regalarllos á Xesús. ¿Como? ¡Por mediación dos outros fregueses, deses
que, por explotar as súas fincas, pincharon os loureiros e plantaron
eucaliptos!
-Para a Semana Santa pediría
vacacións na Empresa, ¡toda a Semana!, que ben pouco é para facer penitencia, e
de paso, Exercicios Espirituais. ¡Un repaso á Biblia!
-No verán, catro semanas, para o
descanso e para a paz familiar, que boa falta fan para cultivar o apego, as
reconciliacións, o intercambio de ideas e de pensamentos. ¿Viaxes? Diso, pouco,
pois agora xa viaxamos por todo o orbe, dende onde sae o sol ata o ocaso,
simplemente con sentarnos diante do televexo. Máis que viaxar o que necesitamos
é unha alternancia de exercicio físico con reflexión, sexa na praia ou no horto
de tras da casa.
.../...
De chegados á Coresma, Señor, como
Exercicios Espirituais admite os meus Salmos, reproducidos, unhas gotiñas
deles!
Salmo 1. Dous Camiños:
“Benaventurado aquel que non se guía polo consello dos malvados, nin se detén
no camiño dos pecadores, nin senta na xunta dos burlóns, senón que ten o seu
contento na vontade do Señor e nela remoe día e noite”.
¡Ai, xa, ese era o meu propósito,
poñer o meu contento na túa vontade, Señor, pero debeu ser o diabro que, nas
miñas oito décadas, púxome oitenta veces máis cerca dos burlóns que dos
adoradores! Agora, que comeza a Coresma, aínda que veño tarde á penitencia, e
co fardelo abarrotado, quédame un chisco de esperanza na túa, demostrada,
misericordia; ¡ordénalle ao meu anxo da garda que tire de min cara arriba, para
que me sirva de penitencia isto de comeza-la Coresma axeonllado diante da
Eucaristía da miña igrexa, da miña Igrexa!
-.-
Salmo 2. O Señor co rei-mesías.
“Ditoso o que nel busca agarimo...”
¡Un deles, un deses, son, quero
ser, eu; que non me faltes, Señor!
-.-
Salmo 3. Pedindo axuda. “Déitome,
durmo e acordo, e, namentres, sostenme o Señor”.
Señor, que guapo é durmir coa
conciencia tranquila! Máis para iso, o primeiro de todo é educala; así que,
como Introito, dou grazas a cantos me axudaron a puíla; e de paso pídolles
perdóns a todos aqueles que fixeron por min, e eu sen acatalos!
Non me durmo nos meus loureiros
porque..., porque os meus son árbores, e non méritos. Os méritos, os que teña
atrasados, ben me gustaría facelos, mentres sexa tempo, pero..., vou vello, e
poucas forzas me quedan para axudarlle ao próximo. Tiven o pensamento de
envexar ao Cireneo, por aquilo de que che axudou a levar a cruz, mais, no que
tivo de axuda forzada, mandada, pouco mérito resta. Aquel catecismo do P.
Astete ben que me mandou dúas cousas: cargar con paciencia coa miña cruz, e
axudarlle ao próximo a levar a súa, pero, ¡viña en castelán, así que,
memoriceino, aínda que con pouca profundidade!
-.-
Salmo 4. O home xusto non ten medo.
“Cando te chame, respóndeme, Deus, meu liberador; ti, que na angustia me
consolas, apiádate e escoita a miña oración”.
Os xustos, non, pero eu son
pecador; un pecador arrepentido, iso si. Quitaráseme o medo desde que pase as
túas soleiras..., se é que son ben recibido! ¡Ai, Deus, que para bautizarme
déchesme padriños, pídoche humildemente que lles deas permiso, agora que os tes
contigo, para que collan a miña ánima coas súas ás de anxo, e a volvan a pasar
pola pía da túa auga bendita, esa que tes Arriba.
Mentres ese día chega, Señor, dáme
forzas para vivir con relixiosidade e con moralidade neste mundo enganoso,
desviado, triste e hostil, tan propicio para os erros, para as desviacións.
-.-
Salmo 5. Os que agardan xustiza.
“Ti non es un Deus que queira a maldade: non lles dás hospedaxe ós malvados,
nin os soberbios se sosteñen ante ti. Aborreces ós malfeitores e perdes ós
mentireiros; ós falsos e sanguinarios abomínaos o Señor”.
¿Perdes aos mentireiros...? ¡Ai,
Deus, pobre de min, que fun Xefe nun Banco...! Estoume lembrando que Xesús
lanzou do templo aos tendeiros... (Marcos 11, 15-17; Mateo 21, 12-17; Lucas 19,
45-48; Xoán 2, 13-22) “Chegaron a Xerusalén, e, entrando no templo, empezou a
botar de alí os tendeiros e compradores, derrubando as mesas dos cambistas e os
postos dos vendedores de pombas. E non permitía que ninguén pasase polo templo
carrexando cousas. Púxose a ensinar, dicindo: -¿Non está escrito: “a miña casa
será a casa de oración para tódolos pobos”? Pois vós convertéstela en cova de
bandidos”. Terei que preguntar se o IOR, ese Banco do Vaticano, está fóra do
Vaticano...; pero a Igrexa tamén precisa doazóns, obras de caridade,
construcións...; ¡non reparara niso!
-.-
Salmo 6. Doente de corpo e alma.
“Señor, non me reprendas con ira, nin me corrixas co asaño. Apiádate, Señor,
que estou esmorecido; sanéame, Señor, que tremen os meus ósos”.
Do corpo..., por culpa dos meus
anos; e da alma..., polos meus pecados! Xa que estou facendo Exercicios Espirituais,
inspírame, Señor, para que os faga ben feitos, para que me sexan salutíferos;
para o corpo, pero mellor aínda para o espírito. En tantos anos, moito ben
puiden facer, pero..., se algo bo fixen, apúntame o bo, e borra o malo; se cho
pido con humildade, a miña fe dime que mo farás, que usarás comigo da túa
misericordia, que xa sei que é infinita.
-.-
Salmo 7. Haberá xustiza para o
oprimido. “Louvarei ó Señor pola súa xustiza, cantarei o nome do Altísimo”.
O de cantar fágoo mal, porque xa
nacín duro de oído; e o de louvar..., ¡con tantas palabras feas que sempre
houbo ao meu redor, non é doado que me saian ditirambos! ¿Ditirambos? ¡Non, que
me equivoquei, pois iso de “ditirambos” refírese ás louvanzas esaxeradas, e
Deus, ¡con todo o que me leva dado, con todo o que me leva perdoado!, merece de
min todo, todo o mellor que haxa en min, os mellores froitos desta árbore do
século XX; entre outros favores excelsos, débolle a Deus terme nutrido do
Concilio Vaticano II, un florón da Igrexa!
-.-
Salmo 8. Canto ó creador do home.
“Por pouco non o fixeches (non me fixeches) coma os anxos, coroáchelo de honor
e dignidade; décheslle mando sobre as obras das túas mans, puxéchelo todo ós
seus pés: rabaños de ovellas e touros, e mesmo as bestas do monte, os paxaros do
ceo e os peixes do mar, que fan carreiros polas augas. Señor, noso Señor, ¡que
grande é o teu nome en toda a terra!”.
Señor, xa o teño recoñecido, e dito
tamén, que foi grande, enorme, a miña sorte de nacer despois da vida de Xesús,
XX séculos despois, que así fun bautizado, ilustrado, beneficiado con ese
anticipo do Ceo como son os Evanxeos, unha auténtica visión do que nos
espera..., se o merecemos!
Eu puiden non existir, e tamén
nacer nun territorio pagán... ¿Estouche agradecido, téñoo demostrado, compartín
a miña dita cos infieis para axudarlles a coñecerte...? ¡Moito me temo que
houbo lagoas no meu vivir, no meu discorrer, así que, mea culpa, Señor; faime o
favor de escoitar os meus golpes de peito, estes que lle estou dando ao teclado
do meu ordenador!
-.-
Salmo 9. Gracias a Deus que xulga
os pobos. “Douche gracias, Señor, de todo corazón, e proclamo as túas
marabillas. Alégrome, relouco contigo e canto o teu nome, Altísimo”.
¿Podería esperar unha gloria
meirande que a de aprender, cos arcanxos, a cantarche louvanzas Arriba, na
Gloria? ¡Como daquela non terei orellas, xa non serei un xordelas! Só unha
desgraza pode amargarme a miña eternidade: ¡Que non lle deixen entrar a algún
daqueles que tanto amei, séxase, parentes e amigos! ¡Non o permita Deus! Aquí
teño un problema, outro: Portarme ben para facerme digno de ser imitado. ¡Oh,
Deus, que grandeza a de ser imitado, pero nunca na soberbia senón na humildade,
que esa é a miña, máxima, aspiración terreal!
-.-
Salmo 10. A fachenda dos malfeitores.
“O Señor reinará (¡reina!) para sempre, e acabaranse os xentís na súa terra. Ti
acolles, Señor, o desexo dos pobres: confórtaos e aténdeos; defende o dereito
do orfo e do oprimido, e que ningún mortal exerza máis a insolencia”.
Fachenda tamén a tiven eu, pero o
de malfeitor, ¡que eu saiba!, penso que non; se ata aquí me fuches librando das
tentacións, desas dos malfeitores, Señor, no pouco que me quede..., alúmame na
fe, para que non me extravíe no resto!
-.-
Salmo 11. A cadaquén o seu
merecido. “O Señor é xusto e ama a xustiza: os rectos gozarán da súa
presencia”.
Se merezo moito, moito se me dará;
pero, se é pouco..., ¡ai, Deus, non me deixes quedar na fronteira, que xa tiven
moitos destinos, e apetéceme, moitísimo, que o último, o definitivo, sexa na
Central da Nosa Empresa, no mesmísimo Ceo! Cando cheguei a Ifni puxéronme na
última mesa, ¡pero dentro, dentro da oficina! Confórmome con outro tanto, e se
para iso teño que sufrir algo de purgatorio, pois ben está, que as cousas boas
teñen o seu prezo!
¡Empecei
de último e, grazas a aquel ¿purgatorio?, acabei de primeiro, así que, xa teño
experiencia!
-.-
Salmo 12. Aínda virá a hora da
xustiza. “Pola opresión dos humildes e os xemidos dos pobres, agora mesmo me
levanto -di o Señor-: porei en salvo a tódolos que o arelan”.
¿Arelar? ¡Señor, eu son un deses,
así que, agarda por min, unhas horas, ata que me confese e cumpra a penitencia,
para, seguidamente, axeonllarme na túa Eucaristía, acolléndome a ela, que ben
sei que así estarei a salvo, serei indultado!
-.-
Salmo 13. ¿Por canto tempo aínda,
Señor? “¿Canto tempo aínda, Señor, me seguirás esquecendo? ¿Por canto tempo me
escondera-la túa cara? ¿Canto tempo aínda hei levar angustia na alma, pesar no
corazón, o día enteiro? ¿Ata que día me poderá o inimigo?”
Señor, xa estou afeito aos
aprazamentos, pero o importante sempre é que non sexan definitivos. Lémbrate
que me/que nos casaches por poderes, ¡a tres mil quilómetros de distancia!; un
martes e trece; despois diso, a miña Nechma, a miña “Estrela”, tardou un mes en
baixar do avión, pero..., ¡chegou! Sa, salva, e, polas trazas, namorada. Con estes,
e outros, antecedentes, aprendín que as cousas que tardan en vir son máis
queridas, máis anheladas; a outra é que esta prórroga convenme moito, porque
así, nela, estou facendo estes exercicios espirituais, de penitencia.
-.-
Salmo 14. Non hai quen faga o ben.
“O Señor observa os homes desde o Ceo para ver se hai algún asisado, algún que
pregunte por Deus. Andan todos desviados, por xunto corrompidos; non hai quen
faga o ben, non hai sequera un”.
¡Perfectos, perfectos, poucos, pero
medianos algún si que hai, o que pasa é que locen /lucimos máis cos outros...,
porque somos máis ampulosos, máis vaidosos, pero Deus coñécenos a fondo! Señor,
quítame a vaidade que poda ter, para que o meu próximo só vexa en min un bo
cristián, que é a miña aspiración meirande.
-.-
Salmo 15. A hospitalidade do Señor.
“¿Quen, Señor, se hospedará na túa tenda? ¿Quen habitará no teu monte santo?”
Ben sabes que veño do monte, da
parroquia de Montecubeiro, que é santa porque está dedicada ao San Ciprián, e
tamén porque foi convento de frades, ¡dominicos, nada menos!, así que, montaraz
son, pero aspirante á túa tenda, tamén. Levo viaxado moito, aquí na terra, con
ou sen “Guías Turísticas”, pero tamén teño a Biblia, ¡que esa si que é a mellor
Guía, a única, para non perderse no Camiño do Ceo, no teu!
-.-
Salmo 16. No camiño da vida.
“Bendigo ó Señor que me guía e mesmo de noite me ensina no meu íntimo. Teño ó
señor sempre diante; con el á dereita non caerei”.
¡Claro, claro, xa o sabía, pois
estou bautizado, e ademais, o dito, teño a Biblia, así que o Camiño está claro,
téñoo despexado; só poden torcerme o mundo, o demo, ou a carne!
-.-
Salmo 17. Como a meniña dos meus
ollos. “Gárdame coma á meniña dos teus ollos, escóndeme á sombra das túas ás
dos malvados que me asaltan, dos inimigos que me cercan”.
Señor, tómamo como unha metáfora
pois ben sei que Deus, todo en Deus, é luz e palabra, así que estou no teu
Libro; ou mellor dito, quero estar, sempre, para sempre!
-.-
Salmo 18. Canto de vitoria. “Eu
gardo os camiños do Señor e non son rebelde ó meu Deus; teño á vista os seus
preceptos, non eludo os seus mandatos; son sincero diante del e gárdome do
pecado. O Señor retribúe a miña rectitude e a miña pureza de obrar na súa
presencia”.
¿Isto, tratándose de min,
tratándose dun pecador, non será unha utopía? ¡Señor Todopoderoso, fai que se
cumpra en min, non me licencies do teu Exército!
-.-
Salmo 19. Os Ceos pregoan. “A lei
do Señor é perfecta: reconforta a alma; a declaración do Señor é firme: fai
sabio ó inxenuo; os mandatos do Señor son rectos: aledan o corazón; o precepto
do Señor é limpo: ilumina os ollos; o temor do Señor é puro: permanece por
sempre; as decisións do Señor son verdadeiras: enteiramente xustas”.
¡Os Ceos pregoan; toda a obra de
Deus pregou; os relixiosos pregoan; pero aquí abaixo estamos tan distraídos cos
pregóns dos políticos que nos tapan os outros! ¿Será cousa de quita-los
audífonos para escoitar só a Deus?
-.-
Salmo 20. Oración polo Rei. ¿O rei
é o transmisor dos bens de Deus para o pobo? ¡Cando o rei se porta ben, si! Daquela,
“Dálle, Señor, a vitoria ó rei; escóitanos cando te chamamos”.
-.-
Salmo 21. Bendición para o rei. O
que xa che dixen, Señor, pero, se se porta mal, que veña a república!
-.-
Salmo 22.O xusto que sofre. “Eu
falareilles de ti ós meus irmáns, louvareite no medio da asemblea”.
Si, fareino, máis primeiro pídoche
dúas cousas: A primeira, a miña absolución, pois mal se pode predicar coa boca
sucia; despois diso, como non son teólogo, só podo utilizar como espello a
exemplaridade dos meus actos; copiada de Xesús, e da súa doutrina, por suposto!
-.-
Salmo 23. O bo pastor. “O Señor é o
meu pastor: nada me falta. Ós pastos verdecentes lévame a repousar, lévame a
beber ás augas tranquilas: El repón as miñas forzas. Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome”.
Señor, eu disto entendo, algo, pois
gardei ovellas na miña infancia; cabras non, pois meu avó nunca as quixo por
aquilo de que saltaban aos hortos, fosen propios ou alleos. Pastorear é moi
bucólico, pero ten a súa responsabilidade..., maiormente se abundan os lobos!
¿Lobos? ¡Dá igual chamarlles lobos que demos; o problema está en distinguilos
pois, por veces, os lobos preséntanse con aparencia, con pel de cordeiro!
Agradézoche, Señor, aquel oficio da miña infancia, pois serviume, polo menos
algo, para comprender a necesidade do pastor, e se é o Bon Pastor, que grandeza
e que seguridade tan grandes as miñas se me acolles no teu curral, a salvo dos
lobos!
-.-
Salmo 24. O rei glorioso. “¿Quen
poderá subir ó monte do Señor? ¿Quen poderá quedar no seu santuario?”
Estas preguntas tiñamos que facelas
antes de pecar, daquela das tentacións..., para tomar a decisión correcta, a
santificadora, en vez da pecaminosa. O caso é que a resposta sabiámola xa desde
o bautizo, desde a caneta, pois, desde a máis remota infancia algúns tivemos a
sorte de que nos ensinasen a persignar, e tras diso, a rezar, pero..., a alma
tiñámola bautizada, pero o corpo, non, pois o bautizo refírese á alma; o corpo
víñanos, vénnos, do ventre da Avoa, da Eva, e sempre trae soberbia, salvo no caso
da Virxe María, por suposto, predestinada para ser nai purísima nada menos que
do Fillo de Deus!
-.-
Salmo 25. Móstrame os teus camiños.
“Móstrame, Señor, os teus camiños, ensíname os teus sendeiros; diríxeme na túa
verdade, apréndeme, pois ti es, Deus, o meu salvador e estoute a esperar todo o
día”.
¡Cantos camiños levo recorrido,
tódolos da miña aldeíña, en particular aquelas costas que tiñamos para subir á
igrexa parroquial, pero eu entendía que se trataba do teu templo, simplemente
iso, así que chegou a primeira comuñón, e daquela descubrín, ou me dixeron, que
aquela viaxe era o teu camiño, o Camiño de subir ao Ceo! ¡Señor, que gracia tan
especial aquela da última cea: “Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan e,
dando gracias, partiuno e déullelo ós seus discípulos, dicindo: -Tomade e
comede: isto é o meu corpo”. (Mateo 26, 26; Marcos 14, 22-26; Lucas, 15,20).
Estoume lembrando do oportuno que
foi o noso Párroco, don Benito, cando, despois da comuñón, nos pasou ás
encuastras do convento, e alí, ao abeiro, presentouse a súa Ama cunha cesta de
libras de chocolate. ¡Comemos chocolate a fartar! Aquela festa tiña o seu
simbolismo pois confirmábanos o banquete celestial que viñamos de celebrar, a
Grandeza na que estabamos participando!
-.-
Salmo 26. Invocación do inocente.
“A miña conducta é inocente. Sálvame; ten compaixón de min. O meu pé mantense
no bo camiño; nas asembleas bendigo ao Señor”.
Isto que che digo é a miña utopía,
o que de verdade quixera ser; máis para isto, para que poda expresarme así, preciso,
de antemán, a túa bendición, o teu perdón. Despois diso xa poderei cantar, con
toda propiedade, este salmo, o 26.
-.-
Salmo 27. Na terra da vida. “O
Señor é a miña luz e salvación, ¿a quen hei de temer? O Señor é o meu castelo,
¿ante quen hei de tremer?”
Está amencendo, chega o sol polo
Este; e eu rezando, aquí, no meu “refuxio”, no meu “castelo”, desde o que me
dirixo co máximo fervor ao Señor do Castelo celestial. Explicareime: Aquí había
unha pedreira, no medio desta carballeira; e daquela, cando os franquistas
perseguiron a meu pai, para que non o atopasen viña durmir aquí, envolto nunha
trapeira e rodeado de sapos e de pinchorras, pero aínda eran peores aqueles que
se poñían de cara ao sol..., ¡para disparar! ¿Disparábanlle ao sol? ¡Algo parecido:
disparábanlles a todos aqueles que querían romper as cadeas da súa escravitude
histórica!
Para min, esta ¿igrexa? está
dedicada a meu pai, un cristián tan cristián, que, por Semana Santa, e na
parroquial, andaba tres ou catro Calvarios, ¡de memoria! ¡Así o perseguiron
aqueles que tiñan a Deus na lingua, pero non nos feitos!
-.-
Salmo 28. Súplica e acción de
gracias. “Escoita o meu lamento cando berro cara a ti, e levanto as miñas mans
cara ó teu templo”.
Señor, ben ves, e ben sabes, que as
levanto desde o meu ¿templo?, desde o meu refuxio, e daquela bérroche pedindo
que me permitas volver para xunto de meu pai, agradecido que lle estou por...,
por aquilo que dixen no seu funeral: “Meu querido pai, ensináchesme a rezar, e
tamén a ler; gracias; mais agora pídoche que me ensines o Camiño do Ceo, ese
por onde subiches ti!”.
-.-
Salmo 29. Linguaxe da tempestade.
“O Señor pon o asento sobre as augas; pon asento de rei eterno. O Señor dálle
forza ó seu pobo; o Señor bendí ó seu pobo coa paz”.
¡Cantas tempestades, e guerras, me
cubriron, me ameazaron, un atentado incluído, no que me esfargallaron este
coche, e menos mal que me/que nos protexeu coa súa resistencia aceirada,
pero ti, Señor, ¡máis aceiro có
aceiro!, estabas cerca de min, e cubríchesme co paraugas da túa protección!
¡Que me falta? Darche as máis expresivas gracias, que é como me ensinaron para
cando os favores fosen grandes, excelsos!
-.-
Salmo 30.Gracias pola vida.
“Lóuvote, Señor, que me liberas e non deixas que o inimigo faga riso de min,
Señor, meu Deus, eu suplico, e ti sándasme; sácasme do abismo e mantesme na
vida, lonxe dos que baixan ó sepulcro”.
Isto é precisamente do que acabo de
lembrarme; de lembrarme e de agradecercho. Non só me salvaches a min, senón, e
tamén, á miña dona e ao meu fillo, que nos puxeches baixo a protección daqueles
franciscanos de Safí: P. Pais, P. Gonzalo, Frei Xosé... Como xa os tés aí
Arriba, permíteme darlles as gracias, e tamén axeonllarme diante deles, posto
que agora, como xa daquela, son, eran, anxos teus!
-.-
Salmo 31. Nas túas mans está o meu
porvir. “Amade ó Señor tódolos xustos: o Señor garda ós leais e dálle-lo seu
pago ós soberbios. Sede fortes e valentes os que esperades no Señor”.
Se eu tivese lectores, diríalles
isto mesmo: Que amen ao Señor se queren ser xustos; que non queiran percibir o
pago da soberbia; que sexan fortes e valentes..., pois o Inimigo nada pode
contra Deus! Intentouno, varias veces, e sempre fracasou!
-.-
Salmo 32. Perdoáche-la miña culpa.
“Feliz o que ten perdoada a súa culpa, encuberto o seu pecado. Feliz aquel a
quen o Señor non lle ten en conta o seu pecado e non leva fraude no espírito”.
¡Ata de cravado nunha cruz
perdoaches! ¡Vaia exemplo, e nin así aprendemos! En canto a min, e iso que
tamén son pecador, canto me custa perdoarlles aos que pecan contra min, repito,
un pecador empedernido; as que me levan feito son veniais, e aínda así!
Se repaso os Evanxeos, parándome na
Semana Santa, observo que entre os meus pecados hai unha serie deles que se
parecen, ¡moitísimo!, aos daqueles que participaron no teu Calvario; a eles,
perdoácheslles; ¡non me exclúas, Señor, que cho pido con toda a humildade da
que sexa capaz, que non é moita, pero, bastará para facerche esta impetración?
-.-
Salmo 33. Cando á palabra creadora.
“A palabra do Señor é recta, e tódalas súas obras son leais: El quere o dereito
e a xustiza; a súa misericordia enche a terra”.
¡Por algo dicimos “Palabra de Deus”
ao rememorar os Evanxeos! Esta Palabra, se se escoita, dá os seus froitos,
porque Deus mesmo faina xerminar e madurar a través de camiños que non sempre
podemos verificar, e dun xeito que non coñecemos (Cfr.v.27). Todo isto fainos
comprender que sempre é Deus quen fai medrar o seu Reino. Por isto rezamos o,
“¡...veña a nós o teu Reino!” É El quen o fai medrar. O home, nós, somos
simples colaboradores, que contemplamos e nos aledamos pola acción creadora
divina, esperando os seus froitos.
¿Esperando os seus froitos, os
froitos da súa verba? ¡Iso depende de nós, de como sexa a nosa terra; lembremos
aquela parábola do sementador: (Mateo 13, 3-9; Marcos 4, 1-9; Lucas 8, 4-8).
“Unha vez saíu un labrego a sementar. E ó bota-la semente, parte dela foi
caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e comérona. Outra caeu entre as
pedras, onde apenas había terra: naceu de contado, porque a terra non tiñan
fondura, pero non ben saíu o sol, queimouna, e, como non tiña raíz, secou.
Outra parte caeu na silveira, e ó medraren as silvas afogárona. Outra caeu en
boa terra, dando froito; unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta. ¡Quen teña
oídos que escoite!”. ¡Orellas témolas todos, pero algunhas, tal que as miñas,
son de burro; grandes, pero pouco sensibles; vou ter que poñer os audífonos da
fe!
-.-
Salmo 34. Prosperidade para os
pobres. “O Señor escoita ó pobre que o chama, e líbrao de tódalas aperturas. O
anxo do Señor acampa en torno ós seus fieis, e dálles seguridade”.
¡Que distinto é o Ceo de como funciona
a terra! Nos meus anos de Banca, ademais de balances e de avalistas, para dar
un préstamo sempre esixín, sempre me esixiron que esixise..., que o cliente
fose rico, e non só rico, pois tamén tiñamos que pedirlles informes aos seus
competidores; se os competidores falaban mal del, do peticionario, iso era unha
proba evidente de que merecía fiarlle, fiarse del, porque os pobres, maiormente
os pobres de espírito, aquí na terra non prosperan!
-.-
Salmo 35. O oprimido espera
xustiza. “Eu alegrareime no Señor, folgareime co seu socorro. Dirá todo o meu
ser: “Señor, ¿quen hai coma ti, que defendes ós humildes dos poderosos, ós
pobres e indixentes dos que os despoxan?”.
Señor, repasando a historia de
España atopei unha Historia de ladróns: Primeiro roubáronnos os romanos, e
despois, de grandiños, roubamos nós aos americanos, aquilo da Torre del Oro,
etc. Tamén viñeron os impostos, as gabelas, os foros...; a miña familia comendo
pan centeo para que os caciques comesen pan trigo... O xeneroso fuches ti, que
te quedaches escondido en pan ácimo..., para quitarnos a fame que tiñamos de
Deus! ¡A Eucaristía si que é maná do Ceo, ti mesmo, de corpo presente, pero
vivo, polos séculos dos séculos!
-.-
Salmo 36. Vinganza e providencia.
“Alonga o teu favor ós que te recoñecen; a túa providencia ós rectos de
corazón. Que os pés do soberbio non me atrapen, que non me mova a man do impío.
Aquí abaixo (na terra) caen os malfeitores, e, de caídos, non poden máis
erguerse”.
Está mal redactado, ou mal
traducido: Ti non cultivas a vinganza senón a xustiza. E logo que a túa
providencia é absoluta, pero tes un inimigo, Satanás, que gusta de ficharnos
para a súa lexión dos malvados; ¡por favor, aplícame a túa providencia, para
que me vaia librando das súas tentacións, pois eu son, quero ser, dos teus, do
teu Exército!
-.-
Salmo 37. ¡Hai un porvir para os
xustos! (Tanta felicidade me dá isto, que teño que exclamalo, poñelo con
exclamacións! “A salvación dos xustos vén do Señor: El é o seu refuxio no tempo
da angustia. O Señor axúdaos e líbraos, líbraos dos malvados e presérvaos,
porque se acollen a El”.
Meu pai, na pedreira, a ti se
acolleu, Señor; e eu, devoto teu, gracias ao seu ensino, ¡iso tamén!, tamén
busco refuxio na mesma pedreira, en memoria súa, contento do seu futuro, Aí, no
Ceo, coa esperanza de que a min me alcance o mesmo porvir!
-.-
Salmo 38. Eu confeso a miña culpa.
“As miñas culpas sóbenme á cabeza, como carga que non podo aturar; as miñas
chagas feden e deitan pus, por culpa dos meus erros”.
Señor, que lixeiriño me sentía
cando só tiña faltas infantís, alí, na miña aldeíña, pero agora, con medio
mundo vivido e recorrido, o peso do meu fardo abáfame; xa sei que os pecados
descárganse nese porto chamado confesionario, pero, ¿por que me dá vergoña
confesarme se non a tiven para pecar?
-.-
Salmo 39. A medida dos meus días.
“Móstrame, Señor, cal é o meu porvir, cal a medida dos meus días, para que entenda
o efémero que son”.
Que a vida é curta sabémolo cando
nos chega a senectude, pois, mentres, parécenos que non terá fin, que temos
tempo para todo, para pecar e para arrepentirnos; ¿e se nos colle a morte en
pecado? ¡Daquela, dies irae, dies irae!
-.-
Salmo 40. Non escondo a túa
xustiza. “Proclamo a túa salvación na asemblea; non pecho os meus labios: ben o
sabes, Señor. Non escondo no peito a túa xustiza; anuncio a túa fidelidade e o
teu auxilio. Non encubro o teu amor e a túa verdade diante da gran asemblea”.
Perdón, Señor, que estou mentindo:
Se predicase a túa xustiza, daquela tería que dar exemplo, para que o teu
Evanxeo avanzase polo mundo adiante, para colaborar niso. Pasei tres anos de
mecanógrafo no Consejo Supremo de Justicia Militar, e alí, co que vin, co que
me fixeron escribir, perdín a fe na xustiza, maiormente cando mecanografei
aquel expediente, ¡aquela novela!, que lle inventaron ao General Aranda, no 49,
cando o pasaron á Reserva, ¡forzosa!
En vista diso, deformado por aquela
experiencia, non caín na conta de que a túa xustiza, Señor, é a perfecta, así
que, desde hoxe, vouna proclamar!
-.-
Salmo 41. Conforto na enfermidade.
“Eu digo: “Señor, ten compaixón de min, sándame, que teño pecado contra ti”.
¡Pero que ofuscado vivín, que sempre
lles tiven medo ás enfermidades do corpo; se cadra, máis cás da alma, cando o
verdadeiro perigo, o perigo eterno, está nas anímicas, e non nas anémicas!
-.-
Salmos 42/43. A miña alma ten sede.
“¿Por que desacougas, miña alma, e por que andas inqueda? Espera en Deus.
Volverei aínda a louvalo: miña salvación, meu Deus”.
Sede era aquela do deserto,
primeiro en Ifni, e despois no Sáhara; e menos mal que había uns mouriños polas
rúas, vendendo a “El Ma Lu”, a auga doce. Iso para o corpo, pois con aqueles
franciscanos, P. Santiago e Fr. Xosé, máxime naquela Adoración Nocturna, ¡canta
sede nos quitaron, ou máis exactamente nos deron, da auga de vida eterna!
A miña dona e mais eu, nesta foto,
estamos de branco; ¿teríamos, tamén, branca a alma?
-.-
Salmo 44. Érguete e redímenos. “Nós
mesmos, Deus, oímolo, e nosos pais nolo contaron: a obra que fixeches nos seus
días, nas idades remotas”.
Señor, comezando polo Xénese:
Despois da nosa caída, expulsados do Paraíso, e aloxados nas cavernas, tivemos
o primeiro dos purgatorios, o terreal; daquela prostración fúchesnos redimindo,
animados, esperanzados polos teus profetas, e cando viches que a humanidade,
unha parte dela, a que, con todo non ser perfecta, mellor te obedecera, o pobo
xudeu, que acadara un nivel cultural, mínimo, para entenderte, dignácheste
concedernos a visita redentora, definitiva, do teu Fillo, Xesús. ¡Que gracia, e
que satisfacción, nacer e criarme no esplendor do cristianismo!
-.-
Salmo 45. Unha cantiga para o rei.
¡O meu rei es Ti, meu Señor! Nunca o fixen ben na terra, pero o meu neto, que
che canta no Coro Cantabile, cantarache por min no meu funeral, que mo ten
prometido!
-.-
Salmo 46. O Señor está connosco.
“Deus é para nós refuxio e forza, axuda certa na angustia. Por iso non tememos,
aínda que a terra trema e os montes abalen cara ó mar; aínda que fervan e
escumen as súas augas e se estremezan os montes coa súa furia”.
Nesta confianza, nesta esperanza,
esperar polo meu funeral non é ningunha tristura; antes ben, será cousa de
celebrar o meu ascenso..., se é que San Pedro me deixa entrar!
-.-
Salmo 47. O rei de toda a terra.
“Deus sobe entre aclamacións; o Señor, ó son de trompetas. “Cantádelle a Deus,
cantádelle, cantádelle ó noso rei”. Deus é o rei de toda a terra: cantádelle
con xeito”.
Miguel, meu queridísimo Miguel,
¿tomaches nota do que tedes que cantar, niso, nos meus funerais?
-.-
Salmo 48. A cidade do noso Deus.
“Nós festexamos, Deus, o teu amor dentro do teu santuario”.
Cidade do noso Deus é todo o orbe,
pero aínda quedan curros aos que non chegamos predicando a túa doutrina.
Perdóanos, Señor, a nosa molicie, que xa levamos vinte séculos desde as túas
ensinanzas, e aínda non cumprimos aquel precepto teu: (Mateo 28, 18-20; Marcos
16, 14-18; Lucas 24, 36-39; Xoán 20, 19-23; Feitos 1, 9-11). “Xesús,
achegándose, díxolles: -Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e
facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo
e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu
estarei sempre convosco ata a fin do mundo”.
Señor, ¿que che parece se ordenan
ás mulleres, para que teñamos máis predicadores; e logo que as mulleres adoitan
ser máis convincentes? Me parece que este non será un mal pensamento xa que o
propio Xesús, de resucitado, foi ás mulleres a quen primeiro se apareceu; ¡quería que lle servisen de testemuño!
-.-
Salmo 49. O porvir dos satisfeitos.
“Non desacougues se alguén se enriquece e aumenta os bens da súa casa, pois
nada levará consigo cando morra, nin a súa riqueza irá tras el. Aínda que en
vida se gabe: “Admiran o ben que vives”, irá xuntarse con seus pais. O home na
opulencia non reflexiona: é coma os animais que perecen”.
Pasei a vida, profesionalmente,
entre ricos, e parecéronme felices; un engano, pois o que eran é hipócritas. De
aquí en diante só lles chamarei “ricos” aos santos que Roma suba aos altares,
tal que aquel parente da miña dona, bispo de Manila, José María Díaz Sanjurjo.
Martirizouno Tu Duc, así que, agora, xa sei quen foi o rico, e non precisamente
aquel Tu Duc, aquel tirano de Tonkin, último emperador do Vietnam, ¡con 104
concubinas, e aínda así morreu sen descendencia!
-.-
Salmo 50. Chamada a xuízo. “Dille
Deus ó impío: ¿Para que recíta-los meus mandatos, e levas na boca a miña
alianza, ti que despréza-la instrución e botas ás costas os meus preceptos? “
¿Oiría ben? Esa voz igual vai por
min, contra min, que recito os mandatos do Señor, ¡de memoria!, pero, no de
cumprilos..., así e así! Son ancho de costas, e levo carrexado moitos feixes,
na miña aldeíña, pero tamén algún que outro pecado..., dos que me estou
arrepentido..., agora!
-.-
Salmo 51. Miserere. “Apiádate de
min, meu Deus, pola túa bondade; pola túa misericordia, borra o meu pecado;
lávame ben da miña iniquidade, límpame da miña culpa”.
Estoume lembrando de que na miña
escola, hoxe abandonada, ¡ascenderon a Grupo Escolar!, cando errabamos nalgún
exercicio, o mestre, que tamén se chamaba Xesús (Jesús Rojo López), facíanos
borrar, para con iso corrixir.
¡O Mestre Divino, Xesús tamén nos
ordenou borrar: (Mateo, 4,17; Marcos 1, 14-15; Lucas 13, 5). “E desde aquela
empezou Xesús a predicar, dicindo: -Arrepentídevos, que xa está aí o Reino de
Deus”.
Os predicadores sempre me dixeron,
¡doutos que son!, que o perdón comporta o nacemento dunha nova criatura...
¿Volver a nacer? ¡Eu xa renacín co bautismo, pero despois viñeron as tentacións,
e como a carne é débil...! Perdón, Señor, e dáme forzas, dáme tino, para
corrixirme, para non ter que borrar de novo a pizarra da miña conciencia!
-.-
Salmo 52. Malos e bos terán a súa
recompensa. (Mentres que para os malos non haberá un porvir satisfactorio,
¡recompensa negativa!, os xustos louvarán a Deus, gozarán de Deus, polos
séculos dos séculos!).
-.-
Salmo 53. Non hai quen faga o ben.
“Pensan os parvos para si: “Deus non está”.
¡Vaia se está, está en todo tempo,
en todo lugar, e ademais ten un libro, o “Libro da Vida” onde vai apuntando as
feitas e mailas desfeitas! Iso do libro é unha metáfora, pois, como é Señor de
vivos e de mortos, só ten que mirar para nós para saber se lle somos fieis.
¡Claro que hai quen faga o ben: fano tódolos que aman e respectan a Deus; o que
non sei é se son maioría; en todo caso, que conten co meu voto, que me apunten
ao seu partido!
-.-
Salmo 54. A miña axuda. “Deus é a
miña axuda, o Señor é quen sostén a miña vida”.
Para calquera cousa asegurámonos,
subscribimos unha Póliza, pero, a partires do bautizo, dámonos por asegurados,
pero non é así: os riscos seguen, así que apuntémonos aos Evanxeos, que son o
único seguro de seguranza máxima. ¡Firmounos no Calvario, co seu sangue, o
propio Mesías, e despois veu o Espírito Santo para refrescarlles a memoria aos
evanxelistas, de modo e maneira que non se lles esquecese nada que fose
importante e transcendente!
-.-
Salmo 55. O refuxio da violencia.
“Eu invoco ó meu Deus, e o Señor hame salvar. Á tarde, á mañá, e ó mediodía, quéixome
suspirando, pero el hame escoitar. Sacarame con ben da loita, aínda que sexan
moitos contra min”.
Por aí din que hai un millar de
diabros... ¿Contaríanos; todos? Coa violencia que retratan acotío os mass
media, penso que ata serán máis; ou iso, ou é que teñen moitos prosélitos,
moitos adictos!
-.-
Salmo 56. Do meu peregrinar ti
levas conta. “Do meu peregrinar ti levas conta: recolle as miñas bágoas no teu
odre. ¿Non están xa no teu libro? Os meus inimigos recuarán o día en que eu te
chame: ben sei que Deus está por min”.
De igrexa en igrexa, e de parroquia
en parroquia... Se prestase máis atención ás Misas que levo oído, seguro que a
estas horas xa sabería misar, pero, ás veces..., igual que facía aquel
cabaleiro do romance de Riello:
Pa misa diba un
galán – caminito de la iglesia;
no diba por ir a
misa – ni pa estar atento a ella,
que diba por ver
las damas – las que van guapas y frescas.
...
-.-
Salmo 57. Namentres pasa a
aflición. “Apiádate, Deus, apiádate de min, pois en ti busco agarimo; busco agarimo
á sombra das túas ás, namentres pasa a aflición”.
Moitas veces a nosa, ¡a miña!,
aflición foi simplemente por non acadar certos antollos; ¡aflición compre tela,
sempre, polas consecuencias dos nosos pecados, pois as outras cousas, as outras
peripecias, comparativamente, son..., borrascas transitorias!
-.-
Salmo 58. Requisitoria ós
gobernantes. “¿De verdade sentenciades con xustiza, gobernantes? ¿Xulgades con rectitude
entre os homes? Non. Co voso corazón tramades aleivosías, e as vosas mans esparexen
violencia pola terra”.
¡Ai, Deus, que bo fuches coa
humanidade ao non darme responsabilidades de goberno, que así os malos foron
outros, aínda que tamén os houbo bos, tal que o sogro de miña tía Ramona,
Nicolás Salmerón y Alonso, que deixou a Presidencia por negarse a firmar
sentenzas de morte!
Salmerón, pai
e fillo; de miña tía, aquí, non teño fotos.
-.-
Salmo 59. Líbrame dos malfeitores.
“Líbrame, Deus, dos meus inimigos, deféndeme dos que se erguen contra min;
líbrame dos malfeitores, sálvame dos sanguinarios”.
Sanguinarios, por exemplo, aqueles
do camión, no ano 1957, acometéndome adrede, e total para que o Banco se
quedase sen un directivo; ¡pero había, quedaban, outros! Tamén é verdade,
Señor, que lles debo moito, ¡moitísimo!, aos inimigos, se cadra máis que aos
amigos, pois foron os inimigos os que me espertaron, os que me estimularon para
sobrepoñerme ás dificultades. Os peores inimigos son aqueles amigos que...;
¡raza de víboras, lles chamou Xesús!
-.-
Salmo 60. Pobo rexeitado, en
desfeita. “Axúdanos ti no aperto, pois a axuda do home é va. Con Deus facemos
fazañas; el esmagará ós nosos opresores”.
¿A axuda do home...? ¡A de algúns,
si, pero, outros..., o que dixen antes: Os inimigos espertan aos covardes!
-.-
Salmo 61. Ó agarimo das túas ás.
“Escoita, Deus, a miña súplica, atende a miña oración. Chámote desde o cabo da
terra co corazón desfalecido”.
Mira se te chamo “desde o cabo da
terra”, que vivo a un paso do Finis terrae! Pero como é redonda, o sol vai e
ben, lembrándome que o fixo Deus para alumarnos; para alumarnos os ollos do
corpo, pois o que é a luz da conciencia, iso incúmbelle máis ben ao respectivo
anxo da garda, que fai de gafas..., se as poñemos!
-.-
Salmo 62. Só en Deus acouga a miña
alma. “Soamente en Deus acouga a miña alma; del vén a miña salvación. El é a
miña rocha, o meu acorro, o meu castelo. Xamais eu caerei”.
Non caerei..., se me acollo á miña
fe de cristián! Por algo, e para algo, rezo a diario: “Anxo da miña garda, doce
compañía, non me desampares, nin de noite nin de día, ata que me poñas en paz e
alegría cos santos, con Xesús e con María".
-.-
Salmo 63. Saudade infinita. “Deus,
meu Deus, por ti madrugo, de ti ten sede a miña alma; por ti devece o meu
corpo, en terra reseca, sedento e sen auga”.
Así, dun xeito parecido, foron os
nosos dez anos na África Occidental. Alí estaban os de Alá, pero tamén os teus,
os de Acá, presididos por aqueles benditos franciscanos. Tódalas sedes son malas,
pero cando se conserva a auga do bautismo a sede meirande é a de achegarnos á
Eucaristía, ese don que restaura as forzas da alma.
-.-
Salmo 64. Palabras velenosas. ¡Levo
oídas tantas, en oito décadas, que é un milagre non acabar contaminado!
-.-
Salmo 65. Ti coidas da terra. “Ti
coidas e réga-la terra, enriquécela de mil maneiras: os ríos de Deus van cheos
de auga. Para dá-lo trigo prepára-la terra: réga-los sucos, achánza-los
terróns, fala amolecer coas chuvias e bendi-las súas sementes”.
Señor da terra e do Ceo,
reflexionando neste salmo relembrei a miña crianza nesta terra preciosa,
galega, que merece máis cariño do que lle damos; ¡foi un dos teus regalos,
tantos que me/que nos levas feito!
Bergland,
antes de que a deformase a Concentración Parcelaria.
-.-
Salmo 66. Aclama a Deus, terra
enteira. ”Aclama a Deus, terra enteira, canta a gloria do seu nome; réndelle o
honor da louvanza; dille: ¡Que sorprendentes son as túas obras! Polo teu moito
poder adúlante os teus inimigos, axeónllase a terra toda ante ti, e canta
salmos ó teu nome”.
Teño que aterme aos salmos
tradicionais, bíblicos, pois este zoqueiro non é capaz de ofrendarche as rimas
que tu mereces, Señor, Señor da Palabra!
-.-
Salmo 67. Lóuvente os pobos todos.
“Deus se apiade de nós e nos bendiga, móstreno-la luz da súa presencia. Que se
coñezan na terra os seus camiños, e en tódolos pobos a súa salvación”.
... en tódolos pobos a súa
salvación? ¡Xa o teño dito: imos amodo na evanxelización, ordenada polo propio
Mesías, e iso que temos o Domund (Domingo Mundial das Misións); a ver se agora
cos televexos os cristiáns nos damos a coñecer un pouco máis dos pobos pagáns!
-.-
Salmo 68. Desde o Sinaí ó
santuario. Desde Sinaí ao convento dominico do meu Montecubeiro, pasando polo
eremitorio da Valga do Santa Estevo, chegaron as novas dos teus mandamentos; despois
diso, os nosos emigrantes levaron as novas a América..., pero aínda falta
profundar na mística!
-.-
Salmo 69. Pobre e enfermo. “Estou
esgotado de berrar, a miña gorxa está rouca; os meus ollos anúbranse agardando
ó meu Deus”.
Por unha parte, si, estou
agardando, cos meus achaques, máis por outra pídoche, Señor, que non me leves
tan axiña; ¡déixame face-lo purgatorio antes, aquí abaixo, na terra, que me
apetece, moito, subir limpo!
-.-
Salmo 70. Ven axiña. “Relouquen e
alégrense contigo tódolos que te buscan. Que sempre poidan dicir: “Deus é
grande”, os que aman, (¡os que amamos!), a túa salvación”.
(Mateo 16, 24-27; Marcos 8, 34; 9,
1; Lucas 9, 23-27). “Entón díxolles Xesús ós seus discípulos: -Se alguén quere
vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz, e que me siga.
Porque quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero a quen a perda pola
miña causa, poñeraa a salvo. Pois ¿de que lle serve ó home gaña-lo mundo se
perde a súa vida? E ¿que pode dar un home para recobra-la súa vida? Porque o Fillo do Home ha vir coa gloria de seu
Pai entre os anxos; entón pagará a cadaquén conforme á súa conducta”
-.-
Salmo 71. Darasme vida de novo.
“Desde a mocidade ensínasme ti, Deus, e aínda hoxe eu canto (alédome) dos teus prodixios.
Agora, na vellez e na calvicie, non me abandones, meu Deus, para contarlle do
teu brazo á xeración presente, e do teu poder a tódalas vindeiras”.
¿Vida, de novo? ¡A eterna será a
auténtica, pois esta, a presente, é tan só o preparatorio dunha carreira, a
carreira de subir ao Ceo!
-.-
Salmo 72. Os bens da era mesiánica.
“Bendito sexa o Señor, Deus de Israel, o único que fai marabillas. Bendito sexa
por sempre o seu nome glorioso e que a terra se encha da súa gloria. Amén”.
¡Iso: Amén; que así sexa, pois así
foi!
-.-
Salmo 73. A sorte dos malvados.
“¡Que bo é Deus cos rectos e cos limpos de corazón! Mais eu por pouco non
esvaro, por nada os pés non se me van, por envexa dos fatuos, á vista da
prosperidade dos malvados”.
¡Prosperidade transitoria, aparente,
que non é boa, ni é eterna!
-.-
Salmo 74. Ruínas que fan chorar.
(Tal que as do meu convento de San Cibrao, aló en Montecubeiro; nunha ocasión
quixen mercalas, pero o bispado de Lugo díxome que non estaban en venta. ¡Eu
quería esas ruínas para facer exercicios espirituais, por se, vivindo onde eles
vivirán, se me contaxiaba algo das virtudes daqueles frades!).
-.-
Salmo 75. Deus é quen goberna.
“Dámosche as gracias, Deus, dámosche as gracias, invocámo-lo teu nome e
contámo-las túas marabillas”.
Por suposto que é Deus quen
goberna, quen nos goberna, pero, a veces, na Historia, houbo usurpadores da súa
función, tal que aquel don Hermenegildo que ata nas moedas se poñía “Francisco
Franco Caudillo de España por la gracia de Dios”. Pero moita culpa tamén a
tiveron aqueles que, no sitio da Eucaristía, metíano e sacábano debaixo do
palio.
-.-
Salmo 76. Para salvar ós oprimidos.
“Cando te ergues, Deus, para xulgar, para salvar ós oprimidos da terra, a
carraxe humana proclama a túa gloria, e os salvados da túa ira serán a túa
coroa”.
Xa sei que o dito é unha forma de
falar, pois a ira non é cousa, atributo de Deus, pero a xustiza, si.
-.-
Salmo 77. O meu espírito esculca. “Ergo cara a Deus a
miña voz e clamo; ergo cara a Deus a miña voz e El escóitame. Busco ó Señor na
hora do aperto, a miña man téndese na noite sen repouso, e a miña alma refuga o
consolo. Relembrando a Deus son un xemido; meditando encólleseme o alento”.
¡Si que se me encolle; tantos anos
pecando, e Deus aguantándome! Teño claro que agarda pola miña conversión, pola
miña penitencia! Na miña aldeíña din que, Máis vale tarde que nunca. ¡Fago meu
ese adaxio!
-.-
Salmo 78. As leccións da historia.
“O que oímos e sabemos, o que os pais nos contaron (¡o que nos dixeron, pois o
que é contar só se contan os contos!), non llelo podemos calar ós fillos;
témolo que dicir ás xeracións vindeiras: as glorias do Señor, o seu poder, e os
milagres que fixo!”.
-.-
Salmo 79. Vinganza do sangue
vertido. “Que vexamos cos nosos ollos entre as xentes a vinganza do sangue
vertido dos teus servos. Que chegue ata ti o pranto dos cativos, e que o teu
brazo poderoso salve os condenados á morte. Págalles sete veces ós veciños o
oprobio, Señor, co que te aldraxan. Nós, o teu pobo, ovellas do teu rabaño,
cantaremos polas xeracións as túas louvanzas”.
Señor, non hai guerras lícitas,
pois todos, aínda que de distintas razas e de distintos pensares, somos irmáns;
todos vimos da Eva e do Adán. Caín e Abel...; Abel contra Abel, nunca, que
sempre é Caín contra Caín. ¡Ponme, Señor, nas filas de Abel, con tódalas súas
consecuencias!
-.-
Salmo 80. Móstrate, e seremos
salvos. “Restáuranos, Deus dos exércitos; móstrate, e seremos salvos”.
Para restaurarnos, Señor, xa
mandaches ao teu Fillo, Deus coma Ti, Trinitarios que sodes, e pasaron XX
séculos..., pero seguimos verdes, crús! ¿Cando aprenderemos a facer un bo uso
do noso albedrío, ese regalo inmerecido; e sobre o de inmerecido,
desagradecidos!
-.-
¡Señor,
chegando á miña década, a dos oitenta, vou parando cos Salmos, que xa pouca
saliva me queda! Aquí me tes, Señor, neste banco dos acusados,
confesándome a través do meu ordenador, ordenando un pouco as miñas ideas, as
miñas lembranzas, o meu arrepentimento; e de todo isto saco unha conclusión:
que se en algo fun bo, aínda puiden ser mellor; e se en algo pequei, aínda
puido ser máis. ¿A quen debo a vacina?
-Ante todo, a ti, Señor, que me
situaches nunha casa pobre pero honrada, daquelas que rezaban o rosario acotío.
-Aos meus padriños; aos meus veciños;
pero, en particular, aos sucesivos cregos da parroquia, que moito rezaron polos
seus fregueses, aínda que despois, nalgún caso, nin aos funerais lles fomos!
¡Como me gustaría saber redactar
para que as miñas verbas resultasen gratas, inesquecibles! En todo caso aí as
tedes; o que vos podo xurar é que son sinceras, pese ao fariseísmo do século no
que me tocou vivir!
-.-
¿Dos
meus inimigos, que?
¡Oh,
si, é verdade, que se me esquecía! Xa dixen que lles debo moito, e as
débedas son para pagalas! En vista diso voulles
dedicar estas reflexións, se algún me queda, e se algún quere lerme.
A propósito, ¿que dixo o Mestre
acerca dos inimigos, que receita nos deixou? Busco nos Evanxeos e sáeme Lucas,
no seu 6, 27-38; pero tamén temos a Mateo, 5, 38-48; 7, 1-2; etc.
“ Pero a vós, que me escoitades,
dígovos: Amade ós vosos inimigos, facédelles ben ós que vos odian, bendicide ós
que vos maldín e rogade polos que vos calumnian; ó que che zoupe nunha meixela,
preséntalle a outra; e ó que che leve o manto, non lle prives de levar tamén a
túnica. Ó que che pida, dálle; e ó que che leve o teu, non lle reclames nada.
Así que tratade á xente tal e como queredes que vos traten a vós. Se amades os
que vos aman, ¿que facedes de máis? Os pecadores tamén aman ós que os aman a
eles. E se lles facedes ben ós que vos fan ben, ¿que mérito tedes? Os pecadores
fan outro tanto. E, se non emprestades máis que cando esperades cobrar, ¡poucas
gracias! Os pecadores tamén se emprestan entre eles para cobraren despois outro
tanto. Vosoutros non; vós amade ós vosos inimigos, facede o ben e emprestade
sen esperardes nada a cambio. Así teredes unha gran recompensa e seredes fillos
do Altísimo, pois El é bo cos malos e desagradecidos. Sede compasivos como o
voso Pai é compasivo. Non xulguedes, e non vos xulgarán; non condenedes, e non
vos condenarán; perdoade, e hanvos perdoar. Dade, e darásevos a vós: unha boa
medida -acugulada, rebordada, apertada- seravos botada no voso regazo; pois coa
medida que midades hanvos medir a vós”.
¡Amén!
¡Virxe
Milagrosa, na terra, no meu Montecubeiro, a miña dona e mais eu tivemos a honra
de sacar en procesión a túa imaxe, nosa tamén xa que nos concediches a gracia de
que se nos ocorrese traerte de Madrid, dos Padres Paúles; nesta lembranza pídoche,
pedímosche, que fales co teu Fillo, que nos recomendes, para que as nosas almas
tamén vaian en procesión..., directamente da terra ao Ceo!
Xosé
María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario