martes, 16 de enero de 2018

TIME IS RUNNING OUT




TEATRO PARA AFECCIONADOS


TIME IS RUNNING OUT

Xosé María Gómez Vilabella
-.-


Time is running out






¡Escápase o tempo; detédeo, aproveitádeo!

Teatro crítico para nenos.

Debate infantil sobre o Estado da Cultura
que atoparon ao vir a este mundo.

-.-



Argumento – escenificación

Khronos, que preside o Tribunal da Historia, aparece con barba branca, obviamente postiza xa que se trata dunha obra representable por nenos, por estudantes. Ten diante súa unha clepsidra, que é o emblema tradicional da súa función.

Detrás da Presidencia, unha árbore ramificada, coas polas das ciencias e das artes, polo estilo do emblema do Instituto Superior de Investigacións Científicas.


Abre e cerra as sesións, flanqueado por unha Secretaria e por un Secretario, estes sen ningún disfrace, coa roupa de cada día, que farán de Cronistas da Historia.

Cruza o escenario, con paso vacilante, o Século XX, que arrastra unha túnica longa, que poderá ser de amianto, tea de amianto, (para evitar un incendio), coma a cola dun cometa, séxase, botando chispas, de artificio; unha especie de ninot que comezase a arder.

Gabinete saínte.- Gráfanse con S, e un subíndice por cada neno. Tres nenos e unha nena, evocando aquel, xa histórico, ¡25 % para as mulleres! Visten ao uso actual, pero con roupa un tanto pasada de moda, e deben maquillarse simulando algo de barba nos nenos, e engurras na cara dos catro, para evidenciar a súa antigüidade, a súa periclitación. Levarán un letreiro ben visible que diga, XER. SÉCULO XX (Xeración do século XX).

Gabinete entrante.- Gráfanse cun E, e mailo correspondente subíndice. Tres nenas e un rapaz, expresando con esta composición a evidente evolución/revolución feminista dos últimos anos, séxase, a crise do varón. Os catro vestirán traxes espaciais, como de científicos do espazo; e levarán, tamén todos eles, un letreiro que poña, XER. SÉCULO XXI (Xeración do século XXI).

Escenificación libre, movéndose os nenos con naturalidade e con soltura. O resto xa se deduce dos diálogos e das situacións sucesivas.
-.-

Papeis:

Khronos, tirando das súas barbas:
-¡Que o diabro nunca me leve se entendo este mundo; o actual, quero dicir, e iso que só levamos XX séculos diso que chaman cultura cristiá, séxase, consolidada, sublimada! O mundo vello, o antigo, o mítico, o de meu pai, o de Zeus, aquel si que era divertido…, ¡por sinxelo e por inxenuo! ¡Oh Deus dos deuses, canto gocei con aqueles humanos das cavernas, cos cavernícolas, pois aqueles omnívoros devoraban canto pillasen, pero, no demais, eran homes de boa fe!

Secretaria de Khronos:
-Xefe, iso que acaba de dicir, ese exabrupto…, ¿prefire que non conste en Acta, nesta Crónica cronolóxica, non si?

Khronos:
-¿Pour quoi, mon amour…?

Secretaria:

-Señor…, coido que se trata dunha boutade extemporánea, digamos que resulta impropia para unha reseña histórica!

Khronos:
-Muller, fai o que queiras, que desta civilización, destes humanos que se están apartando da propia esencia da súa humanidade, estou farto; e para máis INRI, viñeron esas guerras da Mesopotamia… ¡Mira que foron notables aqueles topetazos cos que arrincou este século XXI…, e iso que estes occidentais presumen de conta-lo tempo a partires de Xesús Cristo, o Deus dos deuses, o Deus da Paz!

Os Secretarios escriben de continuo, sen case alza-la vista.

Khronos:
-¡Señores, ábrese a sesión, e con isto iníciase un debate sobre o Estado da Cultura nos comezos deste século, do XXI!

Secretario:
-Señor, coa venia, vou ler as Actas dos ceses, das despedidas deste Gabinete, ben longo por certo xa que arranca daquel Maio do 68, aquel do Coxo Manteca…, ¡que así se puxo de moda iso de coxear, pois, os que non o fan da dereita, víranse da esquerda!

Khronos:
-Coido que tes razón, pero, ¿que foi daquel Coxo omnipresente ao que alcumaban "Manteiga" que non o vexo nesta Sala das Autoridades?

Secretario:
-Mire, Señor, agora coxéanlle todos, que xa llo dixen, e por iso confúndense cos outros! A dificultade estriba en distinguirlles a pata…, con tanto malapata solto, séxase, no seu transfuguismo transfugado!


Khronos:
-O que me ten intrigado é que foi dos augures que preconizaban aquilo de, “¡A imaxinación ao poder!”. Seica din de min, de min mesmo, que, “tempus fuxit”, mais, polas trazas, vou ser o único inmutable, o único permanente!

Secretario:
-¿Señor, vostede, que ten a Eternidade ao lombo, non se decata de que as mexericadas sempre pasan pola Historia como ao traveso dun vidro? ¡Quere dicirse, sen rompelo nin manchalo! Aquilo foron choscadas, promesas grafíticas, de superficie. Os máis daqueles rapaces acabaron na corrupción máis abxecta; e xa que vén ao caso, lémbrese que Nerón comezou dándolle á lira para rematar dándolle ao tizón! Tamén hai aquel dito de que, “¡Detrás de min virá quen bo me fará!”.

Khronos:
-¿E logo, ti, Secretario dos meus segredos, non esperas milagres, non agardas pureza nas novas xeracións, nas presentes?

Adiántase a Secretaria, quitándolle o uso da palabra ao Secretario.

Secretaria:
-Meu Khronos, poño a Venus por testemuña, e que as parcas rabenen a miña lingua vaticinadora se me equivoco: ¡Miúdo século imos ter cun predominio de femias mandando e dirixindo en tódolos ámbitos do saber, da empresa e da política! ¡Por fin acadamos o cénit da civilización!

Khronos:
-Muller, entón, ¿que diferenza hai? Se é por estudos, tamén os tiñan os vellos; ¡máis cós de agora, pois estes da esquerda incluso deron latín, a fortiori, naquel Bacharelato antigo!

Secretaria:

-Señor, os anteriores farfallaron os sete farfallares, e prometeron moito pero fixeron pouco. ¡Malditos juppies! Agora entrarán os meus, ou máis exactamente, as miñas, as miñas conxéneres, unha xeración de calzón unisex, estas mozas do calzón roto e do pelo curto, pero coas ideas longas, de largo alcance. Nós estreamos a mellor das utopías, a máis sa, a máis pura: ¡Mens sana in corpore sano!

Secretario:
-Estou contigo nesa esperanza de que virán tempos mellores cós herdados…

Secretaria:
-¡Amén! Nós renegamos das drogas, do tabaco, do alcohol…; ¡en xeral, de tódalas dilapidacións dese patrimonio hixiénico, ecolóxico e cultural que nos foi legado polos entregos deste país dos paisanos, das paisaxes e do paisanaxe, que así lle chamou Unamuno!

Khronos:

-Daquela, para ir ao positivo, para ir ao futuro, deixemos falar ás Ministras entrantes; que nos presenten as súas bases, as súas ideas, as súas formulacións socioculturais… ¡En definitiva, o seu contiño, as súas promesas electorais!

Nisto, que se levanta unha nena, con moita soltura, desenvolta e ben preparada, segura de si mesma.

Rapaza E-1:
-Queridos e respectados Colegas saíntes: A vosa xeración, aquela do Maio francés, só nos trouxo dexeneración, mais agora, neste XXI, entramos nós, que somos os seus netos, e vimos dispostos a come-lo mundo, ¡pero con salsa verde, de verde ecolóxico!

Khronos:
-Iso de come-lo mundo…; ¡mal te vexo, que está cru!

Rapaza E-2:
-Señor, un respecto para a nova xeración, en particular esta do CPI de Castroverde, estas promesas do futuro mundial, e non se ría da miña Colega, por menor que sexa… ¡En idade, que non en entendemento! Mire, Señor, é certo que o mundo está verde, verde e desequilibrado: A economía, cos nosos antecesores, medrou nun desequilibrio abraiante, en progresión negativa, maiormente por culpa de esquilmar ao terceiro mundo, fose nas materias primas, ou na man de obra barata, contratada en precario as máis das veces! E tamén está ese buraco que fixeron na capa do ozono…

Levántase un rapaz do Grupo S para replicarlles aos seus sucesores, ao seu relevo.

Rapaz S-1:
-A modo, rapaza, que os progres tamén afloraron na miña xeración, e daquela fixéronos abandonar as colonias, os protectorados, os centros provedores de materia prima, coa agravante de que os deixamos antes da súa maduración cultural, integral; por culpa diso tivemos importantes conmocións… Estoume lembrando, para por un exemplo, que deixamos a nosa Guinea nada máis saber que tiña xacementos petrolíferos… ¡Pois ben, daquelas tormentas, daqueles utópicos, veñen estes lodos, esta crise, estas miserias actuais!

Rapaz E-4:
-O voso endeusamento, o voso endebedamento, meus colegas periclitados, debeuse á velocidade acelerada dos descubrimentos do século XX, que non fostes capaces de asimilalos pragmaticamente, e de paso, maltratastes a ecoloxía!

Rapaza E-1:
-Aquí, neste debate do Estado da Cultura, trátase de ser construtivo, de construír o futuro. ¿Que nos pide o pobo, que nos esixen os nosos representados, ademais de panen et circenses?

Rapaza S-4:
-¡Pan e pasteis, por suposto!

Rapaza E-1:
-Colega, non lle fagas caso, que os saíntes son uns fracasados; e xa que te fuches ao latín, voute advertir que, de mínimus non cúrat Praetor! Nós, os da última xeración, que nos estamos preparando para rexe-lo mundo, deixamos a procura do pan para aos agrónomos, e as artes escénicas para aos danzantes. O noso, o noso baile, é, fundamentalmente, dispoñer o preciso para que dancen os recursos ociosos: ¡nin capitais en paro, nin persoas NINIS, desas coa man no peto!

Rapaz S-1:
-Nós acadamos as xornadas reducidas, aquelas das 48 horas; e sostivemos as Bolsas, salvo, acaso, aquela tronada de catro atronados, de catro especuladores; refírome á caída de Nova York do ano 1929, pois estoutra, a do 2008, fixéstela vosoutros, os economistas actuais, que farfallades moito pero economizades pouco.



Cambio de xeración. Cambio de século.

Rapaza E-3:
-O noso non será traballar máis, senón facelo mellor, con máis acerto: ¡traballos de paz para a paz, mentres que no século último, no XX, de cada oito horas de traballo, tres levounas o demo por efecto dos derrubes e dos consumos bélicos! O noso será, deberá ser, a constancia no traballo, a permanencia e maila utilidade do produto, particularmente na investigación. Alzaremos o listón da ciencia para posibilitar novas técnicas, tendo presente, asumindo, sempre, que, gutta cavat lépidem non bis sed saepe cadendo, que para os que non sabedes latín, ¡nin despois de habelo estudado!, significa que, a gota fura na pedra simplemente caendo, non un par de veces senón moitas, con asiduidade!

Os saíntes fan xestos de desconformidade, pero calan.

Rapaza E-2:
-Para ir ao gran, ao pragmático, xa que o noso será a eficacia empresarial, ¿que remanentes, que plusvalías xeraron estes predecesores, estes do XX? ¡Que nolo diga o Presidente, que o explique Khronos!

Khronos:
-Precisamente para efectuar unha analítica construtiva, crítica, é para o que estamos aquí, nesta ágora; para iso celebramos este Auto de Fe, de fe no futuro, ¡que non é unha carnavalada!

Rapaza E-3:
-¡Pola miña parte vou engadir que aquí trátase de aceptar o noso herdo, a nosa continuidade, rigorosamente a beneficio de inventario, acolléndonos en España ao artigo 1.011 do noso Código Civil; por ende, ¿a masa hereditaria, o patrimonio socio-cultural-económico que estamos a recibir neste relevo xeracional, secular, é ou non é positivo? ¡Para esta análise suxírolles que aporten demostracións, evidencias, balances…!

Rapaz S-3, vacilante:
-Iso, estas comparanzas, estes baremos de méritos non son doados de establecer! Tede presente que, comparando os bens cós males…, ¡tódolos tempos, tódolos lugares, tódolos pobos, son iguais! Vosoutros, os entrantes, os da nova xeración, predicaredes, planificaredes, prometeredes…, pero non convenceredes xa que, en definitiva, o péndulo sempre retorna ao punto inicial, e se non me credes, preguntádelle a Foucault!

Rapaz E-3, con xestos de desconformidade, de desconcerto:
-¿Quen dixo iso, que relación ten o traseiro coas catro témporas, ou o touciño coa velocidade, ou a física có dirixismo económico? Aquel dogmatismo, aquelas rixideces, aquel fatalismo do XX, traduciuse nun papanatismo, nun pasotismo, nun lastre, que nós estamos dispostos a eliminar…, así teñamos que reinventar a Inquisición! O voso conformismo, iso das especulacións cómodas, iso de medrar sen molestarse en engadirlles valor ás cousas, conduciunos ao estancamento socio-económico. ¿Queredes parar o tempo? ¡Daquela agarrádeo polo rabo; detédeo, parádeo, aproveitádeo, que ben vedes que foxe…!

Di isto último ao ver que Khronos se vai da reunión, e daquela cólleno os do Grupo “E”, os entrantes, para facelo volver ao seu sitio.

Rapaza: E-1
-Colegas, non insistades, ¿ou non vedes que estes parvos do XX están periclitados, obsoletos, coa vista lagañosa, envoltos nas sabas das súas propias cataratas? Eles fracasaron, e precisamente por iso a nosa preferencia, a nosa opción, a nosa indignación, debe estar centrada en coñecer as cousas polas súas causas… Para dicircho no seu latín, xa que tanto presumen estes entregos de que se pasaron a vida durmindo con Afrodita, ¡acta est fabula!, que para os desmemoriados significa que se acabou a ficción, que se levanta Acta da mesma, pois o teatro da vida esixe máis de ciencia e menos de ficción, séxase, menos cinismo!

Rapaz S-1:
-Nesta comparanza dos bens cos males acredito eu, que mo dixo meu avó desenganado de que cortar a cana en Cuba era peor que cavar na touza…, ¡tal que nas Bouzas de Vilabade, que por algo fixeron delas un pasteiro!

Rapaza E-2:
-Por favor, vello cesante, non insistas con esas filosofía baratas, de rueiro, que nós non temos, nin cultivamos, aquel dogmatismo voso, inxenuo, do XX; aquel crer nas verbas antes que nos feitos evidentes, evidentes ou evidenciables. Aquelas verborreas, aquelas arengas castrense - mitineiras, foi o que vos levou, foi o que dominou, en vinte séculos de mareo, de evolución - involución, empezando pola dinamita de don Alfredo Nobel e terminando pola bomba H, aquela de hidróxeno. ¿Que houbo, que tivestes, nos intermedios? ¡De notable só a guerra fría, os aduaneiros e mailos espías!

Rapaz S-3:
-Como saíntes, como vellos, débesenos un respecto, aínda que máis xusto sería un agradecemento. Sen ir máis lonxe: Comezamos o noso século, o XX, cunhas escoliñas de “a ferrado”, invernais e curtas; pero, á forza de pedilas, o Estado deu en conceder Agrupacións Escolares, unha por cada Municipio, con transporte e comida incluídos. ¡Moito desagradecemento sería non agradecernos isto ás xeracións do século XX! ¿Sabedes que aínda onte, a mediados dese XX, os nenos e mailas nenas adoitabamos facer, nalgún caso, que tal foi o meu, máis dunha legua, máis de cinco quilómetros, que con ida e volta fan dez, tal que desde o Pereiro a Maxide, atrochando pola neve e pola lama das corredoiras, para ir ás escoliñas de daquela? ¡Ah, e de comida, un cachiño de pan e queixo, por veces mouro e duro, cando non, balorento! Se non o sabedes, a culpa é dos vosos pais por non tervos informado, pero, se volo teñen dito, e o esquecedes, neste caso o desagradecemento será voso; como pouco, un pecado de omisión!

Intervén Khronos, facendo xestos de pacificación en vista de que os parlamentarios se exaltan:
-O agradecemento sempre foi un baleiro na Historia dos pobos, e por iso é obriga dos profesores rectificar, corrixi-las desviacións, rescatar esa virtude, que é unha das básicas para a civilización consciente. Para que se me entenda correctamente: agradecemento non é sometemento senón espontaneidade cordial; séxase, unha virtude natural do corazón, pero tamén das mentes sans, nobres, libres pero cultivadas!

Rapaza E-3:
-¡Non admitimos leccións do Pretérito! Nós, a xeración do XXI, estamos aquí, neste Centro de Castroverde, dispostos a darlle a volta ao mundo, a soterra-los erros dos nosos entregos; a triunfar, en definitiva! Acabaremos cos traballos por conta allea, cos horarios ríxidos, coas crebas empresariais…, ¡porque o faremos, todo, cando e como nos pete, simplemente manexando robots informáticos, que traballarán por nós e para nós! Con iso, ¡todos a gozar, todos a folgar, empezando agora mesmo, xa! Eu, e coma min os meus colegas, dicímoslle ¡Adeus! a ese Pretérito, simplemente dándolle as costas! Colegas, facede coma min: ¡saltade, cantade e bailade, pois o Futuro é noso! ¡Viva o Futuro, folgado e despreocupado, viva o Botellón, vivan os ni-nis, viva a Boa Vida, vivan os eucaliptos, que son boísimos para o catarro, e abaixo as landras e mailas castañas, pois era moi incómodo soutalas!

Sen máis, baixan o pano
-.-


EPÍLOGO

Aparece en escena unha velliña, levando dous netos da man, de curta idade; neno e nena.

Velliña:
-¡Deus, como cambiou o noso Castroverde! Xa non hai feiras, xa non hai traballo, xa non hai xente, que se foron para a Lúa neses foguetes dos Hervei, e quedei soa, ao cargo destes netiños, que mos deixaron seus pais..., mentres eles non volvan ricos…, se é que volven! Lémbrome que aquí, aquí mesmo, nisto que foi Centro Escolar, eu despedinme do Pretérito coa esperanza de que o Futuro, cos seus adiantos, cos seus robots, nos permitiría vivir sen traballar, pero…, ¡co que non contabamos era con esta soidade!

Neno:
-Avoíña, ¡teño fame!

Velliña:
-Daquela, meu neno, toma outra pílula destas de nutrición calculada, pois agora xa sabes que non quedan panadeiros, nin fornos do pan…

Nena:
-Eu tamén teño fame… Avoíña, dixéchesnos que antes, cando te criaches, as nais dábanlles a teta aos nenos… Daquela, como miña nai se foi á lúa, ¿teño que seguir de biberón, con leite de améndoas, por días de vida?

Velliña:
-¡E biberón houbese, pois, ben o sabes, meniña, que os veciños desta bisbarra cansáronse de criar vacas, e agora, desde a lúa, só nos poden mandar leite das súas cabras!

Nena:
-Pero, avoíña, ese leite é amargo, coma os codesos do Codesal… ¡Non me gusta!

Neno:
-Avoíña, xa que estamos tan mal neste país selvático, eucaliptado, pura selva, abandonado despois de tantos séculos de litigar por un ferrado de terra, por que non emigramos, nós, tamén nós, agora que nos tes a medio criar… ¡Envíalles un e-mail aos nosos pais para que che manden tres pasaxes para o próximo foguete!

Velliña:
-¡Meus nenos, tedes razón, que vai ser inevitable, e canto antes mellor, pois, como isto segue a monte, sen xente que o traballe, logo se porá a silvas esta rampla de Castroverde…, e daquela acabaranse as viaxes ao espazo!

Séntase diante dun ordenador e vai lendo o que escribe:
-Queridos fillos, sendo inminente o peche desta rampla dos lanzamentos espaciais de Castroverde, cheíñas de toxos que están as estradas de ir a Lugo, encarézovos que nos mandedes tres billetes no primeiro dos retornos, para reunirnos con vosoutros nesa lúa tan próspera, que así gozarémola todos, de consuno, os cinco!
Nesta espera, moitos bicos desde a Terra…

¡Ah, que se me esquecía! Non deixedes de esperarnos na Estación da Terceira Fase Luar…, para non perdernos! De aquí, como regalo, só vos levarei amoras, amoras das silveiras, pois é o único comestible, ecolóxico, que nos queda.

Deica logo, queridos,

Khronos, que reaparece en escena:
-¡Estívolles ben a estes terráqueos…, por apresurarse! Querían pasarlle diante ao tempo, darme a volta coma se fose unha calceta..., abandonar a terra para irse de emigrantes á lúa…, e que conseguiron? ¡Nada, ou peor que nada: converter Castroverde nun silveiral, tal e como estivo ao comezo dos séculos, naqueles tempos da Cova da Valiña! A vida ten o seu ritmo, que de nada vale poñer o carro diante dos bois; e logo que as utopías adoitan ser guapas, pero o pragmatismo iranos dicindo cales valen e cales non! ¡En definitiva, así o quixeron estes humanos, estes humanus que ían para sapiens, e quedáronse en humus!

Cae o pano.
-.-

 

O autor dando unha conferencia no CPI de Castroverde.

Xosé María Gómez Vilabella

-.-

O Autor non terá inconveniente en permitir que se represente calquera destas obras sempre e cando se faga co seu consentimento previo, del ou dos seus herdeiros, e, por suposto, con un mínimo de dignidade escénica. Se para entón estou reunido con San Pedro, que ninguén me interrompa; nese caso, falen cos meus herdeiros, que de seguro respectarán estas instrucións.





Xosé María Gómez Vilabella

1 comentario:

Unknown dijo...

Boas:
Preguntábame se me saberías dicir de que ano é o escudo de Galicia da Casa do Concello de Castroverde. Leo que foi inaugurada no ano 1951 e restaurada en 2006-2007, pero descoñezo se o escudo coincide con algunha destas datas.
Moitas grazas