O CEO COMEZA AQUÍ
Xosé María Gómez Vilabella
Explícome;
tratarei de facelo:
Isto non son os
Evanxeos, que os temos, completos, en cantidade de libros relixiosos, senón un
espigueo deles, captando puntos, guías, sinais orientativos do camiño a seguir,
que estimo útiles para o noso camiñar, para a nosa práctica cotiá, relixiosa.
-.-
A nosa,
particular, transformación, concretamente a dos bautizados, comeza aquí, aquí
mesmo, xa na terra. A miña comezou nesta pía, así que lle agradezo ao veciño
que a substituíu que deixase, que gardase, a pía vella, de relicario, na
miña/na nosa parroquia. ¡Seguro que xa ten cobrado, seguro que lle pagou
Deus..., pois Deus é xeneroso, infinitamente xeneroso, con quen lle fai apostolado!
Aquel día, o da Transfiguración,
abriuse o Ceo, para que os terráqueos tivésemos un adianto, un anticipo, unha
ventá aberta ao noso entendemento, para ver, para comprender, que o Ceo estaba
en comuñón coa terra, ¡e que Xesús, Fillo de Deus, deus e home, nunha soa
persoa, tiña as chaves, e por tanto compartía a súa gloria coa humanidade
pecadenta. Con un só requisito para a nosa emigración definitiva: ¡Primeiro,
bautizarnos; e despois, arrepentirnos..., para volver a limparnos!
-.-
¡Estamos
salvados! ¡Deo Gratias!
Lucas 9, 28-36; Mateo
17, 1-8; Marcos 9, 2-8. “Oito días despois..., colleu a Pedro, a
Xoán e mais a Santiago, e subiu ó monte a orar. Mentres estaba orando cambiou o
aspecto do seu rostro, e os seus vestidos viraron brancos e resplandecentes. De
súpeto apareceron dous homes falando con el; eran Moisés e mais Elías. Tiñan un
aspecto glorioso e falaban do seu éxodo que remataría en Xerusalén. Pedro e
mailos outros caían co sono, pero, manténdose espertos, contemplaron a súa
gloria e ós dous homes que o acompañaban. Cando eles se arredaron, díxolle
Pedro a Xesús: -Mestre, ¡que ben que esteamos nós aquí! ¿Queres que vos fagamos
tres tendas, unha para ti, outra para Moisés, e outra para Elías? Pero non
sabía o que dicía. E mentres falaba, unha nube cubriunos coa súa sombra; eles
quedaron moi asustados ó entraren nela. Entón unha voz dixo desde a nube: -Este
é o meu fillo, o Elixido: escoitádeo. Cando a voz acabou, Xesús apareceu só. E
eles gardaron silencio. Non lle dixeron a ninguén nada do que viran naqueles
días”.
¡Non dixeron nada, non se atreveron
pois aquel si que era un Secreto de Estado, un secreto celestial; non o dixeron
ata que o Espírito Santo, despois da Resurrección do Fillo de Deus, lles deu
coraxe para ser, e proclamarse, apóstolos, embaixadores da Redención!
Aclarémonos: Daquela non foi que os
apóstolos predilectos, aos que hoxe chamaríamos “Ministros in pectore”,
acompañasen a Xesús ao Ceo; ao Ceo, non, pero á antesala do Ceo, si. O que
viron foi unha ¿entrevista? na sala de espera, na que, ao igual que outras
ánimas limpas, Moisés e mais Elías agardaban polo momento crucial da Redención,
séxase, pola Paixón, Morte e Resurrección de Xesús, que ía ser a inauguración,
a apertura, da Porta Santa, da Porta do Ceo.
Naquela conversa, que os apóstolos
non entenderon xa que se falou na lingua celestial, na divina, o que parece
lóxico é que Xesús lles anticipou aos entrevistados, para que informasen na súa
sala de Espera, tamén chamada Seo de Abraham, que estaba próxima a apertura do
Ceo, do grande, do solemne, do definitivo.
Xesús, aínda na terra, máis ben
lles tiña que parecer un profeta, outro, pero nisto acudiu o Pai á entrevista,
confirmándolles, tanto a Moisés como a Elías, a Pedro, a Xan, e a Santiago, que
Xesús era Fillo seu, e por tanto triunviro, un só Deus aínda que visible en
tres persoas, que é como se nos vén representando a Divindade para facilitarnos
o seu entendemento, séxase, un misterio, o que aquí abaixo entendemos e
acatamos como “Santísima Trindade”.
Daquel milagre, daquela, os
apóstolos concernidos non falaron, pero cabe supoñer que ben lembraron aquel
feito ao presentárselles o Mestre resucitado. Daquela diríanlle ao Tomé:
Desculpa que non cho tivésemos advertido cando foi a súa transfiguración, na
que Deus o recoñeceu como Fillo unixénito, e por tanto con dúas naturezas, pero
quedámonos tan pampos, tan cegos da luz celestial que nunca, ata o de agora,
soubemos expresar a grandeza de Deus; éramos pecadores, non anxos, así que
aquilo quedábanos alén do noso entendemento. Por algo nos sentimos tan felices,
daquela, naquel sitio, con aquela visión; claro, era felicidade celestial, un
anticipo da gloria, e tanto, que se de nós dependese achantaríamos no sitio as
tres tendas que se nos ocorreu facer, cravadas naquel santo lugar, que, como
che dicimos, era un anticipo do Ceo, tal cal.
O Mestre ben que lles viña
anticipando que entraba nos seus poderes a apertura do Ceo definitivo, para
toda a humanidade doente daquela soberbia iniciática, pero aquela novidade era, foi, tan extraordinaria
que non foron capaces de captala en toda a súa plenitude ata que viron ao seu
Xesús resucitado. Por certo: aqueles varóns, que viñan do machismo tradicional,
logo esqueceron que o Resucitado a quen primeiro se presentou foi ás mulleres.
¡Haberá que lembrárllelo aos sucesores de Pedro, por se o teñen esquecido!
“La transfiguración les hizo abrir los ojos
del corazón al misterio de la luz. La luz de Dios presente en toda la historia
de la salvación. Y cuando, en el colmo del éxtasis, de la alegría, Pedro grita,
soltado toda la adrenalina acumulada: “¡Qué bien se está aquí”! (Mt 17,4).
No disimuló su felicidad. Incluso quiso atraparla y guardarla. Ellos vieron la
luz, tu vestimenta deslumbrante. Intuyeron, quisiste que así fuera, intuyeron
la Divinidad. Que ver, no se puede ver. Y quisieron quedarse allá. Y no en una
acampada de verano. “Si quieres, haré tres tiendas...” (Mat. 17,4) Pero
la visión desapareció y tuvieron que bajar a la cotidianidad”. (Juán
Manuel del Río Lerga. Teólogo. Misionero Redentorista. No seu “Jesús y mis
recuerdos primeros”).
¡Ai, Deus, que escuridade a dos
primeiros séculos; aquela noite herdada, aquel Paraíso perdido! Co Ceo aberto,
aberto de novo, a humanidade xa é feliz; ¡se aqueles entregos tiveron
esperanza, a esperanza que dá a fe, agora, os cristiáns, temos seguranza; o Ceo
deixou de ser “outro mundo”, porque pasou a ser o noso, salvo que renunciemos á
herdanza!
-.-
¿Onde comeza o
Ceo?
¡Para os cristiáns, na pía bautismal! E logo, cal é o papel da terra? ¡Este
planeta, esta herdanza, vén a ser un aula universitaria, universal, na que
facemos a carreira da santidade..., que é a única que confire o título desde
o mesmísimo ingreso! ¿O diploma? ¡Dáos San Pedro na Porta Coeli, mesmo de
fronte, segundo se entra na sala grande, que é onde nos recibe a comunidade dos
fieis, que son, que a forman, todos aqueles que nos ensinaron a rezar! ¿Así que
ensinar a rezar é un mérito? ¡Iso, ademais dunha obriga: “... Xesús,
achegándose, díxolles: -Déuseme todo poder no Ceo e mais na terra. Ide, pois, e
facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo
e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu
estarei sempre convosco, ata a fin do mundo” (Mateo, 28, 18-20).
Que ben se está aquí; que ben se
durme coa conciencia tranquila... ¡Ollo cos pensamentos superficiais, porque
poden ser enganosos, farisaicos! Para estar ben, para seguir ben, para seguir
unha ruta correcta, por pedregosa que sexa, hai que levar de guía, de farol, os
evanxeos; e polo que fai á conciencia, ollo tamén, que non sempre a temos
esperta: ¡Educa-la conciencia é a ximnasia máis esixente..., ¡porque a temos
que educar diariamente, acotío, pois do contrario..., dórmese, entumécese!
Daquela, ¿é difícil ser cristián?
¡En absoluto; non hai cousa máis gratificante..., pois imos cobrar en gloria
celestial, uns réditos que son eternos! Pero, ¿aquí na terra...? ¡A terra,
coas nosas perspectivas, Ceo é, entremés do Ceo!
¿De onde lles veu a fortaleza aos
mártires? ¡Da Paixón de Cristo, de verse ás portas do Ceo, do de Arriba, do
Definitivo! Señor, mártir, ou non, dáme forzas para seguirte, para cargar
coa miña cruz; e grazas polos cireneos que puxeches no meu Calvario!
-.-
Naquela procesión axudei a levar a
túa cruz, (con Trabada do Gruñedo, outro mestre coma min, dos de a ferrado),
pero aquela imaxe era lixeira; despois tiven outras que se me fixeron máis
pesadas, guerra de Ifni incluída, pero nunca, ¡nunca!, meu querido Xesús, botei
de falta a túa axuda, que me / que nos axudaches a saír con ben de tódolos
calvarios. ¿Como teño que pagarche? ¡Xa mo tes dito por medio dos teus
apóstolos: “Porque o Fillo do Home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos;
entón pagará a cadaquén conforme á súa conducta” (Mateo 16, 27).
Se Xesús nos aplicase a Lei do
Talión, a cada pecador daríalle unha cruz semellante á súa, e diríanos: “Eu
padecina polos teus pecados; agora tócache a ti!”. ¡Ca; nin o fixo, nin o fará,
porque o Fillo do Home é o máis home, o máis caritativo de todos; mulleres
incluídas, por suposto!
-.-
Preparativos para
a mudanza
¿Que facemos ante
a perspectiva, ¡neste caso, seguridade!, dun desprazamento, dunha viaxe, dun
cambio de domicilio? Antes cá equipaxe, documentarnos: datos,
referencias, guías, planos, postais... Todo isto para un simple desprazamento,
sexa por terra, mar ou aire. ¡Xa! Pero, para a viaxe á eternidade? ¡Como non
sabemos o día..., despreocupación, xeralmente absoluta!
A viaxe á eternidade esa si que é
mudanza, aínda que só espiritual pois o corpo para esta viaxe non ten
pasaporte, que Deus non lle dá entrada..., de momento!
Ora ben, ese traslado require máis
atención da que lle prestamos: A equipaxe espiritual comeza coa auguiña da pía
bautismal; e despois, o ambiente que vexamos ao noso redor, tan importante, e
tan decisivo, para ir enchendo as nosas maletas. Non esquezamos que o Ceo
comeza na terra; e por iso a equipaxe comeza no berce familiar. ¡Ai, Deus, que
privilexio tan grande, indescritible para un simple escribidor, por moi parte interesada
que sexa, que estea, nisto das mudanzas humanas! E por outra parte, os teólogos
explícano dun xeito tan grandilocuente que axuda pouco a entender o planing
desta viaxe.
¿Hai axencias a estes efectos?
¡Case nada: toda a Igrexa Católica! Pero somos tantos, e tan xordos, que se nos
escapan as mensaxes. O caso é que en todo o demais somos mestres, emperrados en
transmitir as nosas ideas, así sexa discutindo, pero no máis íntimo, no máis
persoal, nesta mutación das almas que, sen deixar de selo, pasan a ser ánimas,
anda o Satán a berros e non nos deixa oír con claridade. ¡Que malos foron, e
son, aqueles anxos felóns, soberbios, traidores; Señor, non nos deixes caer na
tentación, e líbranos dos seus males!
Un emigrante, tanto a ida como á
volta, non se despega da súa maleta; ¿e o noso Catecismo, que?
O emigrante
terráqueo non se cansa de matinar; e nós, os da eternidade, que?
-.-
Preparando a
equipaxe
Abnegación.
Mateo 16, 24. “Entón
díxolles Xesús ós seus discípulos: -Se alguén quere vir comigo que renuncie a
si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga”.
Renunciar a un mesmo non é
abandonarse, que non o dixo nese sentido; non é ser pasota de min mesmo senón
renunciar aos meus caprichos, aos caprichos do meu corpo, dándolle preferencia
absoluta a lei de Deus; ¡os Dez! Ou máis exactamente os once, pois mandamento
tamén é, aínda que tácito, reparar no posible as omisións que puidesen danar ao
meu próximo.
Marcos 8, 36. “Pois, ¿de que
lle serve ó home gaña-lo mundo enteiro, se perde a súa vida?”. ¡A vida eterna,
a dos santos, de par dos anxos; que esa si que é riqueza!
Lucas 9, 26. “Quen se
avergoñe de min e das miñas palabras, tamén o Fillo do Home se avergoñará del
cando veña na súa gloria, na do seu Pai e mais na dos santos anxos”. ¡Caramba,
esa si que é boa: Se Xesús nos repudia, adeus Gloria, adeus herdanza;
desherdados, a perpetuis!
“En el bautismo hemos
escogido ese modo de ser humanidad. Lo hemos escogido de una vez para siempre;
pero hemos de estar siempre aprendiendo lo que al bautizarnos escogimos ser”. Díxonolo Santiago Agrelo,
Bispo de Tanxer, un predicador que sabe predicar a doutrina do Gran Predicador.
-.-
Acción de gracias.
¡Señor, por tantas cousas, todas
importantes; só o Deus da Bondade pode ser tan xeneroso..., e nós, os pecadores,
tan desagradecidos!
O Magníficat de
María tamén, con ela, e grazas a ela, pode e debe ser noso, compartido.
Lembremos que Xesús, na cruz, a través de Xoán, fíxonos adoptivos de María, da
súa propia nai, así que, con iso déusenos en herdanza, para nai adoptiva, a
propia nai de Cristo!
Lucas 1, 49.53. “O seu nome
é Santo; a súa misericordia chega xeración tras xeración a tódolos que o temen.
Manifesta o poder do seu brazo, desbaratando os plans dos soberbios. Derruba do
seu trono ós poderosos, e fai subir ós humildes; ós famentos éncheos de bens, e
ós ricos despídeos baleiros”.
Mateo 14, 19.21. O
cerimonial de Xesús bendicindo e repartindo o pan, que foi un anticipo da
derradeira cea: “E mandando recostar á xente na herba, colleu os cinco bolos e
mailos dous peixes, ergueu a mirada ó Ceo, dixo a bendición, partiu os bolos e
déullelos ós discípulos, que á súa vez llos pasaron á xente. Comeron todos ata
fartarse, enchendo coas sobras doce cestas. Os que comeron eran uns cinco mil,
sen contar mulleres e nenos”. ¡O poder e maila magnificencia de Deus, inmenso,
absolutos, na persoa do seu Fillo; laus tibi Christe!
Lucas 24, 28. 31. “Ó
entraren na aldea onde ían fixo como que quería seguir para adiante. Pero eles
porfiáronlle, dicindo: -Quédate connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase
enriba. Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendíxoo,
partiuno e déullelo. Entón abríronselles e recoñecérono; pero el desapareceu”.
Os xudeus, só despois da resurrección de Xesús, foron purificando a súa fe.
¡Xesús, que cousa, que milagre tan
completo, tan absoluto: a través da eucaristía, co seu corpo, corpo e sangue,
quedácheste, segues, connosco; e se temos en nós mesmos o corpo e mailo sangue
do Fillo de Deus, en visita sacramental, como se pode dicir que non estamos no
Ceo? ¡Témolo con nós, veu a nós..., e quedouse connosco; non só nos abriu as
portas do Ceo, senón, e tamén, que nolo anticipou, así que estamos, ou podemos
estar, participando del!
Aquí na terra dámo-las grazas por
un favor calquera, así sexa do solto; ¿e da Santa Eucaristía, que?
-.-
Acepción de
persoas.
Mateo 22, 15.22. “Entón os
fariseos fóronse reunir para veren o xeito de pillalo nalgún dito. E
mandáronlle algúns dos seus discípulos e dos partidarios de Herodes, que lle
preguntaron: -Mestre, sabemos que es sincero, que ensína-lo verdadeiro camiño
de Deus e que non andas con miramentos, porque non te deixas levar polos
respectos humanos. Dinos, logo, ¿que che parece: está permitido pagarlle o
tributo ó César, ou non? Xesús, captando a malicia, contestoulles: -¿Por que me
queredes comprometer, hipócritas? Mostrádeme a moeda do tributo. Eles
presentáronlle un denario. E el preguntoulles: ¿De quen é esta imaxe e de quen
fala esta inscrición? Contestáronlle: -Do César. Entón replicoulles: -Pois logo
dádelle ó César o que é do César e a Deus o que é de Deus. Ó oíren isto ficaron
pasmados e, deixándoo, marcharon”.
¡Que ben definida deixou Xesús a
fronteira entre o humano e mailo divino, entre o terreo e mailo celeste! Aquí
abaixo témo-los dous poderes: o humano, que é unha permisión, unha concesión
transitoria, instrumental, séxase, un instrumento para tratar de mante-la paz
entre Caín e Abel; e convivindo con iso, o acatamento de Deus, do Creador, do
Xefe Espiritual; por ende, aquí tamén manda o Ceo, somos unha..., digamos, unha
especie de Colonia do Ceo, así que non caben sublevacións!
Con todas estas leccións,
certificadas cos milagres de Xesús, e
rubricadas indelebles coa Resurrección, ¿como pode haber fariseos, como
poden ter crédulos as relixións falsas, as equivocadas, as imaxinativas? ¡Está
claro: baséanse no denario, no material, no prezo das comodidades, dos vicios e
das falsidades! ¡Todo iso é tan apetitoso para os corpos, e tan negativo para
as almas!
-.-
Adopción divina.
Mateo 5, 9. “Ditosos os que
traballan pola paz porque eles serán chamados fillos de Deus”. ¡Se son así
chamados é que o son, que o somos; admitidos, adoptados, non repudiados!
Dámonos a paz, pero, ¿é de veras
que nos desexamos a paz? ¿Fillos de Deus, e non queremos a paz? ¡Coidado con
iso, pois o que non quere a paz, a paz que nos deu o propio Cristo, está
renegando da súa filiación, está desertando, e xa sabemos a que lles espera aos
desertores da Igrexa!
Se quixésemos coñecer a definición
máis completa, e á vez elocuente, do que é o Ceo, temos que utilizar a verba
“Paz”, pois iso é o Ceo, nunha soa verba: ¡Paz! Algo xa intuímos aquí na terra,
¡en definitiva, unha parte, unha antesala do Ceo!, pois ben a gusto que nos
sentimos entre xente pacífica, que se é pacífica tamén é pacificadora.
¿Rebeldes, maléficos? ¡Os satánicos! A primeira proba que nos deron diso xa foi
o propio Satán, enganando á nosa Eva.
Mateo, 12, 48.50. Xesús non
se cansa de reiterarnos a súa familiaridade, a súa cordialidade cos que lle son
fieis a Deus: “El respondeu: -¿Quen é a miña nai e quen son os meus irmáns? E
sinalando coa man os seus discípulos, dixo: -Velaí a miña nai e mailos meus
irmáns. O que cumpre a vontade do meu Pai Celestial ese é o meu irmán, a miña irmá
e maila miña nai”.
¡Como podemos ler, lembrar, oír,
estas verbas de suma fraternidade no Fillo de Deus sen emocionarnos? Cando se
está coa familia, na casa da familia, na nosa Casa estamos, séxase, no Ceo,
nese Ceo no que non hai partillas, xa que todos somos iguais, tratados con
igual consideración no campo da fraternidade; ¡no noso! ¿Sabedes de alguén que
teña renunciado a unha herdanza positiva? ¡Pois eu, non, e iso que traballei
nun Banco, moitos anos, que é por onde acaban pasando as herdanzas lucrativas!
Mateo, 28, 9. 10. ¿E ás
mulleres, tamén as adoptou o Fillo de Deus? ¡Xaora; que ata o fixo con
preferencia! Foi precisamente ás mulleres ás que nomeou embaixadoras,
¡ministras!, súas: “Entón Xesús saíulles ó encontro dicindo: -Alegrádevos.
Elas, achegándose, (achegándose ao Resucitado, que así as admitiu, coa máxima
familiaridade), abrazáronlle os pés e prostráronse ante el. Xesús díxolles
(reiterando a súa concesión de fraternidade): -Non teñades medo: ide avisar a
meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me verán”.
¿Aínda non está claro que Xesús,
Deus e Home á vez, incluso de Resucitado, tratou ás mulleres como irmás, a elas
tamén, e con todo agarimo? En canto aos homes, non alardeemos de machismo, e as
mulleres que se deixen de complexos, que se para o Xefe, para o Xefe Máximo,
somos iguais, ¿a que veñen os nosos preitos, as nosas partillas? Deus, na
Creación, fíxonos diferentes, diferentes no físico pero non no anímico, porque
así tiña que ser..., ¿ou como ía ser posible a reprodución, a multiplicación, a
conservación da especie?
Xoán, 1, 12.13. “Pero a
cantos a recibiron, -ós que cren no seu
nome- déulle-lo poder de seren fillos de Deus. Estes non naceron do sangue, nin
da vontade da carne, senón de Deus”. Está dito en metáfora, pero enténdese ben:
¡A nosa filiación, esa chamada á filiación divina, está, vén, da palabra de
Deus; todos da mesma; daquela, ¿por que uns se parecerán a Caín e outros a
Abel? Ese maldito Satanás, ese anxo desagradecido, cando se cansará de
guerrear?
Xoán, 20, 15.18. ¡É como
para terlles envexa ás mulleres; envexa, que rabia, non! Aparición á Magdalena:
“Xesús preguntoulle: -Muller, ¿por que choras? ¿A quen buscas? Ela, coidando
que era o xardineiro, díxolle: -Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches,
que eu o collerei. Xesús díxolle: -¡María! Ela, virándose, exclamou en hebreo:
-“¡Rabbuni!” (que quere dicir “Mestre”). Xesús díxolle: -Sóltame, que aínda non
subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns (¡con que cariño tratou,
sempre, aos seus discípulos, aos seus seguidores!), e dilles: “Subo onda meu
Pai e voso Pai (¡enésima afirmación da súa fraternidade!), o meu Deus e o voso
Deus”. María Magdalena foilles contar ós discípulos que vira o Señor, e que lle
dixera estas cousas”.
¡Hai que ler os Evanxeos
engorde..., para entendelos ben, e de entendidos, atendelos!
-.-
Adoración. ¿Que fan
os anxos no Ceo? ¡O propio deles: adorar a Deus! ¿E nós, aquí na terra, xa que
é outro Ceo? ¡De momento, o que mellor se nos dá é adorar as riquezas, e coas riquezas,
ou para conseguilas, o mando! Pero eu tiven un Mestre que nos dicía: “Para
mandar hai que saber obedecer; mandar e obedecer, as dúas, por tempos, segundo
as circunstancias!
A adoración verdadeira leva consigo
unha fondura interior, que excede o culto oficial; algo que non se queda en
exterioridades porque é froito do Espírito. Xoán 4, 23.24. (Xesús, á
Samaritana). “Pero chega a hora -é xa agora- en que os verdadeiros adoradores
adorarán ó Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o
Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e
verdade”.
¿Adorar en espírito e verdade? ¡Si,
ho; está claro: Adoramos a Deus incluso cando temos, cando sentimos, un dolor.
Tamén adoramos, podemos adorar, nas circunstancias alegres. A verdade mesma
pode ser, ¡é!, un medio de adoración; adoramos a Deus cando actuamos con
verdade, con tódalas consecuencias da verdade.
O noso espírito, a nosa alma, é o
centro da nosa volición e das nosas emocións. Así, adorar en espírito é facer
algo que está alén do físico. Non adoramos simplemente dobrando os xeonllos;
adoramos a través dunha postura do corazón, dos sentimentos (Salmo 51:17). En
definitiva, que a nosa oración está en liña coa adoración no Ceo. (Salmo 148:
1-2; Efesios 6:12; Apocalipse 4:8). ¡Outra evidencia de que xa estamos no Ceo;
polo menos, entrando, de camiño a...!
Adorar co corpo é darlle ordes á
alma para que faga uso da súa independencia, para que se eleve ao Ceo dos
espíritos. Iso é mandar, mandar en nós mesmos, que pode ser o mando máis
difícil. Tamén o dixo, tamén nolo advertiu Xesús na súa oración sacerdotal
(Xoán 17, 1-26). “Erguendo os ollos ó Ceo, dixo: -Pai, chegou a hora:
glorifica ó teu Fillo de xeito que o fillo te glorifique a ti; conforme lle
deches poder sobre todo home, para que dea vida eterna a tódolos que ti lle
deches. (E nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus
verdadeiro, e a quen mandaches, Xesús Cristo). Eu glorifiqueite na terra,
rematando a obra que me deches a facer. E agora, Pai, glorifícame onda ti, coa
gloria que eu tiña onda ti, antes de que o mundo existira”
“Eu manifesteite ós homes que me
escolliches do mundo. Eran teus, e déchesmos, e gardaron a túa palabra. Agora
coñecen que todo canto me deches vén de ti, pois entreguéille-las palabras que
ti me encomendaches, e eles recibíronas; coñeceron verdadeiramente que saín de
onda ti, e creron que ti me mandaches. Eu rógoche por eles; non che rogo polo
mundo, senón polos que me deches, pois perténceche; todo o meu é teu; e o teu,
meu; e neles quedo glorificado. Eu xa non vou estar no mundo, pero eles quedan
no mundo, mentres eu vou onda ti. Pai santo, coida ti mesmo dos que me
entregaches, para que sexan un coma nós”.
...
“Pai, os que me deches, quero que,
onde estou eu, estean tamén eles comigo, para que contemplen a miña gloria, a
que ti me concediches, porque me amabas xa antes da fundación do mundo. Pai
xusto, o mundo non te coñeceu, pero eu coñecinte, e estes coñeceron que ti me
mandaches. Eu manifestéille-lo teu nome e llelo seguirei manifestando, para que
o amor co que me amaches estea neles, e tamén eu estea neles”.
Aclaración dos teólogos: A unión
existente entre o Pai e Cristo é o fundamento da unión que debe existir entre
os cristiáns. Tal unión fará que os homes comprendan que Xesús é o mandado do
Pai, e que este nos ama de verdade.
¡Queda aclarado e xustificado, ao
máximo, á perfección, o carácter da adoración divina; e por conseguinte, a
sincera fraternidade que nos ten que unir nas devocións e na oración!
-.-
Alegría.
Se fósemos crentes
profundos a alegría de estar chamados a vivir, ¡a sobrevivir!, por toda unha
eternidade, no Ceo, tiña que facernos saltar, bailar, de gozo; tanto, que nin
os Seises da catedral de Sevilla!
Lucas, 10, 21. 24. O Evanxeo
é para os sinxelos. “E naquel momento exclamou cheo de gozo do Espírito Santo:
-Bendito sexas, Pai, Señor do Ceo e mais da terra, porque lles agachaches estas
cousas ós sabios e ós prudentes, e porque llas revelaches á xente humilde. Si,
meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume tódalas
cousas, e ninguén coñece ó Fillo a non
se-lo Pai, nin coñece ó Pai a non se-lo Fillo, e aquel a quen o Fillo llo
queira revelar. Volvéndose ós discípulos, díxolles á parte: -Benia os ollos que
ven o que vós vedes. Porque é ben certo que moitos profetas e reis arelaron
ve-lo que vós vedes, e non o viron; e oí-lo que vós oídes, e non o oíron”.
Cos Evanxeos na man, vemos e oímos
todo aquilo que os mesmos profetas quixeron ver e oír. ¡Que afortunados somos;
canta alegría nos concedeu o Señor! ¿Poñemos interese en gozala; e gozándoa,
agradecémoslla a Deus?
A alegría é algo propio da vida
cristiá. ¿quen non se pon contento, ledo, ao recibir un bo regalo? Daquela,
onde hai mellor regalo que na auga bautismal, xa que simboliza o lavatorio dos
nosos antecedentes penais! Filipenses, 3, 1; 4, 4; 1
Tesalonicenses, 5,16. “Meus irmáns, estade alegres no Señor”. “Estade
sempre alegres no Señor. repítovolo: estade alegres. Que todo o mundo vexa o
bos que sodes. (Paulo e Timoteo, pregúntovos: ¿se real e xeralmente fósemos
bos, se os infieis visen algo máis de bondade nos cristiáns, arestora, neste
século XXI, verdade que xa non habería
ateos, nin ateos nin infieis!). “O Señor está a chegar... (¡A por nós, para levarnos
ao Ceo!) Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as
vosas peticións con oracións de súplica e acción de gracias. E a paz de Deus,
que supera toda intelixencia, custodiará os vosos corazóns e os vosos
pensamentos en Cristo Xesús”. Grazas Paulo, grazas Timoteo, que mellores
consellos cós vosos, imposible; para daquela, e para hoxe, tamén!
En canto aos tesalonicenses ( 1ª 5,
16.22), Paulo insiste na súa teima da alegría; ¡bendita teima! “Estade sempre
alegres. Orade constantemente. Dade gracias en tódalas ocasións, que isto é o
que Deus quere de vós como cristiáns. Non apaguéde-lo Espírito; non
desprecéde-las palabras inspiradas. Examinádeo todo e agarrádevos ó que é bo.
Arredade de toda especie de mal”.
¿Arredarnos do mal? ¡Ai, xa, pero
resulta que o mal é tan atractivo para as persoas de conciencia laxa! ¡Vai ser
cousa de poñer a punto as conciencias, de puílas coa lima da penitencia!
A existencia cristiá, comezada no
bautismo, é unha vida na alegría do Espírito; ¡non o esquezamos!
-.-
Altar
Xa que temos a Deus en todas
partes, toda a terra é altar seu; daquela tratémola como tal, como o que é.
Prestóunola, iso si. ¿E que renda nos cobra? ¡Barata: confórmase con que lle
esteamos agradecidos!
Feitos 2, 46. 47 “Todos a
unha asistían diariamente ó templo, partían o pan nas casas, comendo con
alegría e sinxeleza de corazón. Louvaban a Deus, e eran ben vistos por todo o
pobo”.
Nestas dúas frases todo un
Catecismo; todo lles era altar, e así o trataban. ¡Isto é exemplaridade, isto é
para recordalos imitándoos; xa que estamos no seu altar, que máis razóns
precisamos para adorar a Deus?
-.-
Amigo
¿Verdade que a todos nos gusta
presumir dos amigos que sexan importantes, daqueles que destaquen no noso
entorno? ¡Pois aí temos ó Mestre, ao Mestre dos mestres; ou dános vergoña que
se saiba que somos cristiáns?
Mateo 26, 48. 50. O amigo,
non; o inimigo: “O traidor déralles esta contrasinal: -A quen eu lle dea un
bico, ese é, prendédeo. De seguida achegouse a Xesús e díxolle: -¡Saúde,
Mestre! E bicouno. Xesús respondeulle: -Amigo, ¿e para isto viñeches? Entón,
adiantáronse, botáronlle a man enriba a
Xesús e prendérono”.
¡Esa escena reproducímola nós
mesmos cada vez que pecamos! Xesús entregouse, ¡paixón voluntariamente
aceptada!, para redimirnos dos nosos pecados...; ¡e nós, imitando,
reproducindo, a Xudas, volvemos a traizoar a súa doutrina! ¡De amigos
traidores, libera nos, Domine! ... e perdóano-las nosas ofensas, como tamén
perdoamos nós a quen nos ten ofendido; e non nos deixes caer na tentación, mais
líbranos do mal. Amén.
-.-
Amor
¡Todo o bo é amor;
sempre que amemos as cousas boas, claro, pois as outras son..., xa sabemos de
quen!
Na Biblia dánsenos estas
referencias, así que, como son moitas, y moi fondas, recoméndovos que as
vexases, e as repasedes, no libro do amor, séxase, na nosa Biblia:
-Que o amor sexual (de ben
entendido, por suposto) é obra de Deus.
-Que Deus fixo, ¡fixo, e fai!,
pacto de amor co home.
-Que Deus ama ao pobo
gratuitamente.
-Que o amor do Pai ben se
manifestou no Fillo, no Fillo e co Fillo.
-Que Deus é amor, ¡amor por
excelencia!
-O amor universal de Deus busca a
resposta do home; ¡home e muller, por suposto!
-O amor é dun don; ¡un don que vén
de Deus!
-O amor é comuñón; o amor, pola
contra, é desunión.
¿Chéganos? ¡Pois a
meditalo..., para non esquecelo!
-.-
Anxos
¡Mirade se somos importantes no
baremo de Deus que ata nos puxo un de garda, individual! (Eu, modestia á parte,
teño un a maiores: un neto, apadriñado e apelidado por San Miguel; que padriños
tivo tan atinados!).
Díxosenos que na ultratumba ímonos
parecer aos anxos...; ¡daquela, miúda adopción! Eu confórmome con ser adoptivo,
con ser lexítima curta, ¡que xa non é pouco! A ver se o merezo..., que esa é
outra!
O anxos con Xesús. Mateo, 4,
10.11: “Entón replicoulle Xesús: Arreda, Satanás, porque está escrito “Só ó
Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto”. Deixouno Satán, e
achegáronse os anxos para servilo”. No 13, 36.43: “Entón, deixando á xente, foise para a
súa casa. Achegáronselle os seus discípulos e pedíronlle: -Explícano-la
parábola do xoio na leira. El respondeu: -O que sementa a boa semente é o Fillo
do Home; a leira é o mundo; a boa semente son os fillos do Reino; o xoio son os
fillos do Malo. O inimigo que a sementa é o Satán; a sega é a fin do mundo, e
os segadores son os anxos. E así como se entrecolle o xoio e se bota ó lume,
así pasará na fin do mundo. Mandará o Fillo do Home os seus anxos, e quitarán
do seu Reino tódolos escándalos e a tódolos que fan o mal; e botaranos no forno
do lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes. Entón, os xustos
resplandecerán coma o sol no Reino de seu Pai. Quen teña oídos que escoite”.
Os meus oídos andan medio
atascados, incluso cos audífonos postos, pero aínda conservo algo de vista, así
que tomarei boa nota destas recomendacións: Anxo da miña garda, doce
compañía, non me desampares, nin de noite nin de día; non me deixes só, que me
perdería.
Aparicións do
Resucitado.
Aquí temos que descubrirnos,
descubrirnos e axeonllarnos, porque este é o broche definitorio la divindade de
Xesús Cristo, segunda persoa da Santísima Trindade. A realidade da Resurrección
é irrebatible. Este é o mellor telescópico para ver o Ceo, para palpalo, para
achegarnos á Gloria:
Mateo 28, 1-20: “Pasado o
sábado, na alborada do primeiro día da semana, María Magdalena e maila outra
María, (¡Benditas mulleres, canto fixestes por contribuír a redimir á Avoa; ben
que lle pagastes a débeda de xénero que tiñades con Adán!), foron visita-lo
sepulcro. (¡As mulleres, e os homes, mentres, acazapados, coma coellos!). Entón
produciuse un gran terremoto xa que o anxo do Señor, baixando do ceo, removeu a
lousa e sentouse enriba dela. Tiña o aspecto dun relampo e o seu vestido era
branco coma a neve. Os gardas tremeron co medo, ficando coma mortos. Mais o
anxo díxolles ás mulleres: -Non teñades medo; ben sei que buscades a Xesús o
crucificado. Non está aquí; resucitou tal e como dixera. Vide ve-lo sitio onde
estaba. E ide axiña dicirlles ós seus discípulos: “Resucitou de entre os mortos
e vai diante de vós para Galilea: alí o veredes”. Isto é o que vos tiña que
dicir. Elas marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor pero cheas de
gozo; e correron para comunicárllelo ós discípulos. Entón Xesús saíulles ó encontro
dicindo: -Alegrádevos. Elas, achegándose, abrazáronlle os pés e postráronse
ante el. Xesús díxolles: -Non teñades medo: ide avisar a meus irmáns que
marchen para Galilea, que alí me verán”.
¡Ver a Deus, a
Xesús Cristo, resucitado; que marabilla! Despois deste
coñecemento temos que facernos á idea de que, nós mesmos, ao entrar no Ceo,
cando teñamos a Deus visible, coa brancura celeste, se alí tivésemos corpo o
máis seguro sería desmaiarnos, pero como xa imos de ánima, de espírito, como
será esa emoción? ¡De premio; absoluta, absolutamente feliz! ¡Meu Señor Xesús
Cristo, aquí na terra dáme as cruces que me purifiquen dos meus pecados, pero
non me negues a túa visión celestial, que é o mellor que pode desexar todo
cristián, que ben anunciado nolo tés! O caso é que, mentres os parentes e os
amigos do defunto / da defunta, choran pola perda material, a súa ánima estará
gozando co premio más completo e máis absoluto. ¡Deo gratias!
Para máis goce da gloriosa
Resurrección de Xesús temos outras ventás; entre elas: Marcos 16, 1.20;
Lucas 24, 1.49; Xoán 2O, 11, 21, 14; Feitos 1, 3ss;
1 Corintios 15, 3.8. ¡Grazas; un millón de grazas, testemuñas fieis, que
tivestes a valentía de declarar a verdade, aínda que era perigoso, á costa do
voso martirio, que foi outra proba da vosa verdade!
Os gardas, asombrados, mortos de
medo.
-.-
¿Apóstolos?
¿Apostolado?
Si: De segundas, por delegación,
por extensión, sómolo tódolos bautizados; outra cousa é que exerzamos esta
responsabilidade. Coma eles, coma os doce, a nosa misión é predicar. ¿Con ou
sen púlpito? A primeira de todas é predicar co exemplo, que para iso pouca
tribuna e pouca oratoria precisamos.
Mateo 10, 12. 14: “Ó entrar
na casa, saudade. Se a casa é digna, veña a ela a vosa paz; pero se non é
digna, que a vosa paz volva convosco. E se alguén non vos acolle nin escoita as
vosas palabras, saíde daquela casa ou daquela vila e sacudide o po dos vosos
pés”. No 28, 16.20: “Os once discípulos (aínda non elixiran a Matías)
fóronse para Galilea ó monte onde Xesús os citara. E véndoo, postráronse ante
el, anque algúns dubidaban. Xesús, achegándose, díxolles: -Déuseme todo poder
no Ceo e mais na terra... (¿Vedes? ¡Xesús ten igualdade de atribucións no Ceo e
mais na terra; logo é que somos dun mesmo reino, os do Ceo, pero tamén os da
terra!)... Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos... (¡Discípulos
daqueles discípulos, apóstolos continuadores, iso é o que somos, esa é a nosa
responsabilidade, seguir facendo discípulos!)... , bautizándoos no nome do Pai
e do Fillo e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar canto vos mandei.
Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo”. Como aqueles
apóstolos, os directos, eran mortais, para que o apostolado chegue “... ata a
fin do mundo”, obviamente quérese dicir que
a Igrexa, estruturada en xerarquías, con atribucións xerárquicas por suposto,
fórmase cos relevos sucesivos.
Marcos 16, 14. 16: “Por
último, aparecéuselles ós Once mentres estaban á mesa, botándolles na cara a
súa incredulidade e a dureza de corazón, por non creren a aqueles que o viran
resucitado de entre os mortos. E díxolles: -Ide polo mundo enteiro... (¡Polo
mundo enteiro!)...anunciando a Boa Nova a toda a creación. Quen crea e se
bautice, salvarase; quen non crea, condenarase”.
Tomemos boa nota pola conta que nos
ten: ¡Ou condenación, ou salvación! A dúbida ofende esta intelixencia que nos
regalou Deus. ¡Ateos, espertade, que moitos, e bos avisos levamos recibido,
todos, dos máis intelixentes aos máis torpes!
Lucas 24, 45. 49: “E abriu
os seus entendementos para que comprendesen as Escrituras. Engadiu: -Así está
escrito: O Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e
predicarase no seu nome a conversión e mailo perdón dos pecados a tódolos
pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto. E eu
heivos mandar o don prometido por meu Pai. Mentres tanto seguide na cidade, ata
que se vos revista co poder que vén de arriba”.
Abriulles o
entendemento... ¿E nós, testáns, indecisos, que facemos coa nosa
estupidez, facéndolle caso a Satán, a ese traidor, que non tivo bastante co da
Eva e pretende seguir coas súas? Xuremos a bandeira de Cristo acudindo ao Noso
Pai, da mañá á noite: “... non nos deixes caer na tentación, mais líbranos
do mal. ¡Amén!”
Xoán 15, 16.27; e 20,
21.22: “Non me escollestes vós a min,
senón que vos escollín eu a vós; e púxenvos para que vaiades e levedes froito e
o voso froito permaneza; de xeito que todo o que lle pidades ó Pai no meu nome,
volo conceda. (... ¡Así é como hai que pedir, así é como temos que rezar:
Pedíndolle ao Pai no nome de Xesús. Así foi daquela, pero tamén vale hoxe, pois
a palabra de Xesús é palabra de Deus. Infalible, divina. O pecado fundamental
do mundo consiste en non crer en Xesús, o que leva consigo non crer no Pai. Esa
falta de fe a pesar dos signos que Xesús fixera foi consecuencia de preferi-las
tebras á luz. Por conseguinte, o mundo é culpable. ¡Tomemos nota!).
“Isto volo mando: que vos amedes
uns a outros. (Mirade que insistiu nesta ¿recomendación? ¡Recomendación,
non; obriga!). ... “Cando veña o Paráclito que eu vos hei de mandar de onda
o Pai, o Espírito da Verdade que vén do Pai, dará testemuño acerca de min; e
tamén vós daredes testemuño, pois levades comigo desde o comezo”.
Vexamos e comparemos: Eu si que levo
con Xesús desde os meus comezos..., desde o mesmísimo bautizo! ¡Deo gratias!
O mesmo Xoán, no seu 20,
21.22: “El díxolles outra vez: -Paz convosco: como o Pai me mandou a min, tamén
eu vos mando a vós. E dito isto alentou sobre eles, e díxolles: -Recibide o
Espírito Santo: a quen lles perdoéde-los pecados, quedaranlles perdoados; a
quen llelos reteñades, quedaranlles retidos”.
¡Confesión, confesión; confesión
con propósito de emenda, pero sen reserva algunha; lembremos que a Igrexa, os
seus Ministros, están facultados, desde Cristo, e por Cristo, para perdoarnos!
¿Imos desperdiciar este privilexio salvífico?
-.-
Arrepentimento?
¡E logo; que menos; indispensable,
e lóxico tamén, para que a confesión borre; sen escatimar que no arrepentimento
tamén vai a obriga de restituír, de reparar!
O Papa confésase; e eu, non?
Esta foto é todo un Catecismo; así
que vaiamos ao tema da predicación de Xesús ao respecto:
Mateo 4, 17: “E desde aquela
(desde que Xesús soubo que encadearan ao Bautista, retirouse a Galilea e
comezou a predicar o arrepentimento) empezou Xesús a predicar, dicindo:
-arrepentídevos, que xa está aí o Reino de Deus”. ¡Oh, milagre: baixou o Ceo
á terra, e fundíronse; Xesús comezou a repartir credenciais!
Marcos 1, 14. 15: “Cando
prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anuncia-la Boa Nova de Deus,
dicindo: -O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e
crede na Boa Nova”.
Señor, neste punto
tiña que axeonllarme, pero, de xeonllos, non podo teclear: nin as
verdades nin o meu arrepentimento, que o quero facer público e notorio para
pedirlle a Deus, pero tamén ao meu próximo, a tódolos que teña ofendido,
perdón! Escusas, non, que iso non vale xa que o pecado é voluntario, sae e
prodúcese abusando do noso libre albedrío; daquela, mea culpa, mea culpa, mea máxima culpa.
Lucas 13, 1.5; 15,
7.10. No 13, 1.5: “Naquel intre presentáronse algúns para contarlle o
caso aquel de cando Pilato mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios
que ofrecían. El respondeulles: -¿Coidades que eses galileos eran máis
pecadores cós demais porque acabaron así? Non tal, e asegúrovos que como non
vos arrepintades acabaredes todos igual. ¿Seica pensades que aqueles dezaoito
que morreron esmagados pola torre de Siloé eran máis culpables cós outros
habitantes de Xerusalén? Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides,
todos acabaredes igual”. No 15, 7.10: “Pois asegúrovos unha cousa: no
Ceo haberá máis alegría por un pecador que se converta que por noventa e nove
xustos que non precisen conversión. E, ¿que muller que teña dez moedas e perda
unha, non acende a luz, e non varre a casa, buscándoa con coidadiño ata
atopala? E cando a atopa, chama polos amigos e veciños para dicirlles:
“Alegrádevos comigo que atopei a moeda perdida”. Asegúrovos que outro tanto
se alegran os anxos por un só pecador que se converta”.
Xa o sabedes, xa o sabemos: ¿quen
non se alegra dándolles boas novas aos amigos? ¡Pois os nosos arrepentimentos
ata os anxos os celebran!
A avaricia
¡Uf! Disto temos un refrán ben
expresivo, que o di todo: A avaricia rompe o saco! E meu padriño engadía: No
pecado sempre vai a penitencia, as consecuencias, que non se fan esperar!
-.-
Bautismo
¡Signo de morte
para o pecado; e de vida para o pecador! O bautismo cura e
vacina, á vez.
Marcos 10, 35.39:
“Achegándose os fillos de Zebedeo, Santiago e mais Xoán, dixéronlle; -Mestre,
nós queríamos que nos fixésede-lo que che imos pedir. El preguntou: -¿E logo,
que é o que queredes que vos faga? Contestáronlle: -Concédenos que na túa
gloria sentemos un á túa dereita e outro á túa esquerda. Respondeulles Xesús:
-Vós non sabedes ben o que pedides. ¿Seredes capaces de bebe-lo cáliz que eu
teño que beber, e recibi-lo bautismo que eu teño que recibir? Respondéronlle:
-Somos. Xesús replicou: -O cáliz que teño que beber, si que o beberedes, e
tamén recibiréde-lo bautismo que eu teño que recibir, pero o de sentardes á
miña dereita ou á iña esquerda, iso non depende de min concedelo, senón que é
para os que está reservado”.
Eu tamén son egoísta, que no Ceo
quero estar cerca daquelas persoas que tanto quixen, e que tanto ben me fixeron
aquí na terra; ¡con todos eles, sen excepción, que por iso lle pido a Xesús, de
todo corazón, que nos perdoe a todos, e nos salve, e nos xunte de novo; como
somos moitos, moito ocuparemos, pero o Ceo é..., iso, coma Deus, infinito!
Lucas 12, 50: “Hanme
bautizar cun bautismo, ¡e xa me tarda a hora de que se cumpra!”. Tiña que verse
co Bautista, e tardáballe, non porque o precisase senón para instituílo, digamos
que, oficialmente, para ben da humanidade. Acordémonos de que cando hai perigo,
pode anticiparse un bautismo “de socorro”, séxase, previo, provisional. ¿Como?
Derramando auga, aínda que sexa sen bendicir (Can. 853), sobre a cabeza do
bautizando, dicindo ao mesmo tempo a seguinte fórmula: “N. N. , eu bautízote no
nome do Pai, e do Fillo e don Espírito Santo”. (Sen dicir amén nin agregar máis
palabras).
O bautismo é, á
vez, a sinal de incorporación a Cristo e á comunidade cristiá. ¡Unha chave, a
chave da entrada no templo divino!
(Ademais de bautizarme, ademais dos
efectos e do alcance do bautismo, meus padriños tiveron comigo unha especial
atención: Achegarme á Sagrada Familia, familiarizarme con ela, con dous nomes
prestados, que moito lles agradezo: José María).
-.-
Camiño
Xoán 14, 1. 7 “Nos vos
agoniedes; crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas
moradas; doutro xeito, ¿teríavos dito que vos ía amañar un lugar? E cando vaia
e vos amañe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu,
esteades vós tamén. E a onde eu vou, vós ben sabéde-lo camiño. Díxolle Tomé:
-Señor, se non sabemos onde vas, ¿como imos sabe-lo camiño? Xesús respondeulle:
-Eu son o camiño, a verdade e a vida; ninguén chega onda o Pai máis que por
min. Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde
agora o coñecedes e o tedes visto”.
¡O que sabe o camiño non se perde;
o problema está en esquecelo, e iso é tan fácil, que ben llelo dixo Xesús aos
seus discípulos naquela traxedia da horta das oliveiras: (Mateo 26,
40.41): “E, volvendo onda os discípulos, atopounos durmindo. (¡É o que facemos
os pecadores, que nos durmimos con facilidade no cumprimento das nosas
obrigas!). Díxolle a Pedro: -¿Non podedes velar comigo nin tan sequera unha hora?
Estade á espreita e orade, para que non entredes na tentación. O espírito
está disposto, pero a carne é débil”.
Camiño das Andoriñas, polo que
moito levo camiñado e meditado. Ao fondo, o Mons Ciro, o monte da traxedia
medulliense, da que tamén moito levo cavilado.
Caminante, son tus huellas
el camino y nada más;
Caminante, no hay camino,
se hace camino al andar.
Al andar se hace el camino,
y al volver la vista atrás
se ve la senda que nunca
se ha de volver a pisar.
Caminante no hay camino
sino estelas en la mar.
el camino y nada más;
Caminante, no hay camino,
se hace camino al andar.
Al andar se hace el camino,
y al volver la vista atrás
se ve la senda que nunca
se ha de volver a pisar.
Caminante no hay camino
sino estelas en la mar.
Antonio
Machado
Como os pasos dados, ¡que xa o dixo
o poeta!, son irreversibles, antes das decisións, meditacións!
A chegada da hora
marcou o momento máis importante da existencia terrea do Fillo de Deus. Foi tan
importante que nola relata Xoán, no seu 17, 1.26, ao pe da
letra, así que merece unha lectura reflexiva, que ben, que mal, llela dedicamos
ás cousas profanas, as mundanas, esquecéndonos do Testamento de Xesús:
“Isto dixo Xesús. Logo, erguendo os
ollos ó Ceo, dixo: -Pai, chegou a hora: glorifica ó teu Fillo, de xeito que o
fillo te glorifique a ti; conforme lle deches poder sobre todo home, para que
dea vida eterna a tódolos que ti lle deches. (E nisto consiste a vida eterna:
que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro, e a quen mandaches, Xesús
Cristo). Eu glorifiqueite na terra, rematando a obra que me deches a facer. E
agora, Pai, glorifícame onda ti, coa gloria que eu tiña onda ti, antes de que o
mundo existira.
“Eu manifesteite ós homes que me
escolliches do mundo. Eran teus, e déchesmos, e gardaron a túa palabra. Agora
coñecen que todo canto me deches vén de ti, pois entreguéille-las palabras que
ti me encomendaches e eles recibíronas; coñeceron verdadeiramente que saín de
onda ti, e creron que ti me mandaches. Eu rógoche por eles; non che rogo polo
mundo, senón polos que me deches, pois perténcenche; todo o meu é teu; e o teu,
meu; e neles quedo glorificado. Eu xa non vou estar no mundo; pero eles quedan
no mundo, mentres que eu vou onda ti. Pai santo, coida ti mesmo dos que me
entregaches, para que sexan un coma nós.
“Cando eu estaba con eles,
coidábaos no teu lugar. Ti entregáchesmos; eu agarimeinos, e ningún deles se
perdeu, fóra do fillo da perdición (Xudas), de xeito que se cumprise a
Escritura. Mais agora estou indo a ti, e falo estas cousas no mundo para que
teñan eles a plenitude do meu gozo. Eu déille-la túa palabra, e o mundo
aborreceunos, pois eles non son do mundo, como tampouco eu non son do mundo.
Conságraos na verdade: a túa palabra é verdade. Como ti me mandaches ó mundo,
así os mando eu a eles; e por eles conságrome eu, para que tamén eles sexan
consagrados na verdade.
“E non che rogo só por estes, senón
tamén polos que han de crer pola palabra deles; que todos sexan un, como ti,
Pai, en min, e eu en ti; que tamén eles sexan un en nós, para que o mundo crea
que ti me mandaches. E a gloria que ti me deches déillela a eles, para que
sexan un como nós somos un. Eu neles e ti en min, para que cheguen á perfecta
unidade, de xeito que o mundo recoñeza que ti me mandaches e que os amaches a
eles, como me amaches a min.
“Pai, os que me deches, quero que,
onde estou eu, estean tamén eles comigo, para que contemplen a miña gloria, a que ti me concediches, porque me amabas
xa antes da fundación do mundo. Pai xusto, o mundo non te coñeceu, pero eu
coñecinte, e estes coñeceron que ti me mandaches. Eu manifestéille-lo teu nome
e llelo seguirei manifestando, para que o amor co que me amaches estea neles, e
tamén eu estea neles”.
Aclaracións e
puntualizacións que destes pasaxes fixeron os tradutores deste Evanxeo:
O da “chegada da hora” xa quedou,
arriba, comentado.
Xoán, recollendo palabras de Xesús,
dinos que a salvación vennos polo coñecemento de Deus, un coñecemento
que non é só intelectual, senón toda unha comunidade de vida con Deus. Esta
vida eterna, para Xoán, comeza xa aquí abaixo, (¡Que vos dicía eu, que son
un aprendiz de teoloxía, un catecúmeno: Que o Ceo comeza aquí, aquí na terra!),
pois xa aquí son salvados os que honran a Deus crendo en Xesús Cristo.
Xesús é o “profeta semellante a
Moisés”, anunciado no libro do Deuteronomio (18, 18), que había de
proclama-las palabras que Deus lle encargara.
Xesús roga polos que creron nel.
Os que están sometidos ó “príncipe deste mundo” xa non teñen remedio, pois
non quixeron escoitar a Xesús, preferindo as tebras á luz, vindo Xesús como
viñera para salva-los homes polo amor que o Pai lles tiña e lles ten.
Na pregaria de Xesús estaban
incluídos tamén tódolos homes que habían de crer pola súa palabra, transmitida
polos seus discípulos, verbalmente ou por escrito: ¡nós!
A unión existente entre o Pai e
Cristo é o fundamento da unión que debe existir entre os cristiáns; e esta é
consecuencia da unión que Cristo, intimamente relacionado co Pai, ten con eles.
Tal unión fará que os homes comprendan que Xesús é o mandado do Pai e que este
os ama de verdade. (Agora que témo-las mulleres tan celosas dos homes, dos
seus, supostos, privilexios, non sexamos sexistas e lembremos que en toda a
nosa literatura a verba “homes” é xenérica, abarca os dous sexos, varóns e
femias).
No epígrafe 17, 24 fai
alusión a Xénese 45, 13, na redacción do Targum Neophiti, onde se di que
Xosé lles mandara ós seus irmáns que lle contaran ó pai toda a súa gloria en
Exipto.
-.-
¿Que? ¡Moito dan
que estudiar os Evanxeos, ¿non si?, pero máis tempo lles dedicamos, tiramos
pola ventá, ás fantochadas, intranscendentes, deste mundo!
-.-
Cea pascual –
Eucaristía.
Cando se quere
moito, cando se ama moito, ¿verdade que non quixésemos separarnos, pero nunca, nin
por un intre, do ser querido? ¡Pois iso, e máis cá iso, foi o que nos fixo
Xesús quedándose connosco, a perpetuis, baixo as formas sacramentais!
Mateo 26, 17: “No primeiro
día dos Ácimos os discípulos fóronlle preguntar a Xesús: -¿Onde queres que che
preparémo-la cea pascual? El respondeu: -Ide á cidade, a casa de (fulano) e
dicídelle: “O Mestre di: ´O momento está preto; vou celebra-la Pascua cos meus
discípulos na túa casa´” Os discípulos fixeron tal como Xesús lles mandara, e
prepararon a Pascua”.
¡Deus, que días máis angustiosos
para o Fillo do Home, sabendo, como sabía, que Paixón lle esperaba; iso si,
voluntariamente aceptada!
-.-
A DERRADEIRA CEA.
O lavado dos pés.
Xoán 13. 1. 5: (Humildade
fraterna, plenitude de amor, antes da Eucaristía). “Antes da festa da Pascua,
sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa
que amara ós seus que estaban no mundo, amounos ata a fin ... E mentres ceaban
-xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregara-,
sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, e que saíra de Deus e ía onda Deus,
ergueuse da mesa e deixou a túnica; collendo unha toalla, cinguiuse con ela.
Despois botou auga nunha almofía e comezou a lavárlle-los pes ós discípulos e a
secárllelos coa toalla que levaba cinguida”.
En canto á
eucaristía.
Mateo 26, 26. 29: “Mentres
estaban a comer, Xesús colleu pan e, dando gracias, partiuno e déullelo ós seus
discípulos, dicindo: -Tomade e comede: isto é o meu corpo. E collendo unha
copa, dando gracias, déullela dicindo: -Bebede todos dela. Que isto é o meu
sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos para o perdón dos pecados”.
Comentario do tradutor: Cando os
xudeus celebraron a Alianza con Deus no Sinaí selárona co sangue dun año. O
sangue de Xesús, novo año pascual, sela a Nova Alianza na cruz. A
Eucaristía renova perennemente a Alianza.
Marcos 14, 22. 27: “Mentres
estaban a comer... Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das
Oliveiras. Díxolles Xesús: -Todos ides tropezar na vosa fe, como está escrito: Ferirei
ó pastor e espallaranse as ovellas. Pero cando resucite, irei diante de
vós a Galilea”.
Lucas 22, 17 e 19: “E
collendo unha copa, deu gracias e dixo:...” “E collendo pan, deu gracias,
partiuno, e déullelo dicindo: -Este é o meu corpo, que se entrega por vós;
facede isto en lembranza miña”.
¿Ante esta entrega
do propio Xesús, do propio Fillo de Deus, ¿que podemos dicir? ¡A min só se me
ocorre axeonllarme e darlle, de todo corazón, as máis expresivas gracias, pois
mellor regalo cá este, divino, celestial, imposible!
-.-
Ceo
¿Ceo e terra; ceo
na terra; a terra tamén é do Ceo, tamén é Ceo? Non fará falta que o volva a
expoñer: Somos terra de Deus, creada por Deus; daquela estamos no Ceo, estamos
camiño do definitivo, do eterno, pois a terra desaparecerá algún día, pero o
Ceo non, nunca!
Morada de Cristo e dos
benaventurados.
Mateo 3, 15. 17: “Xesús
respondeulle: -Deixa, que agora convén que cumprámo-la vontade de Deus. Xoán
(Xoán Bautista) accedeu. Tan pronto como foi bautizado, Xesús saíu da auga. E
velaí que se abriron os ceos, e viu o Espírito de Deus baixar como unha pomba
ata pousarse enriba del. E oíuse desde o ceo unha voz que dicía: -Este é o meu
fillo benquerido, o predilecto”. No 5, 1. 12: Explica os méritos, o
programa, as recomendacións que nos levan ao Ceo; as benaventuranzas. No 20,
1: “Porque o Reino do Ceo parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a
contratar xornaleiros para a súa viña; etc., etc.”
Marcos 1, 11: “E unha voz
deixouse oír desde o ceo: ...” No 16, 19: (Na Ascensión): “O Señor,
despois de lles falar así, elevouse ó Ceo, e sentou á dereita de Deus”.
Lucas 3, 21. 22:
Confirmación mesiánica. A voz do Pai revela solemnemente o misterio de Xesús.
“Durante un bautismo xeral, e despois de se bautizar tamén Xesús, mentres
oraba, abriuse o ceo e baixou sobre el o Espírito Santo na aparencia corporal
dunha pomba. Entón oíuse unha voz desde o ceo: -Ti e-lo meu fillo benquerido, o
meu predilecto”.
Xoán 1, 51: “E concluíu:
-Con toda verdade volo aseguro: habedes ve-lo ceo aberto, e os anxos de Deus
subindo e baixando onda o Fillo do Home”. No 6, 35-40: “Xesús
respondeulles: -Eu son o pan da vida: quen vén onda min non pasará fame, e quen
cre en min endexamais terá sede. Pero xa vos dixen que, aínda que vistes, non credes. Tódolos
que o Pai me entregou, virán onda min. E a quen vén onda min, non o botarei
fóra. Pois eu baixei do ceo non para face-la miña vontade, senón a vontade
daquel que me mandou. Esta é a vontade daquel que me mandou: que non perda a
ningún dos que me entregou, senón que
os resucite no derradeiro día. Esta é, polo tanto, a vontade do meu Pai: que
todo aquel que ve ó Fillo e cre nel, teña vida eterna, e eu resucitareino no
derradeiro día”. No 14, 1. 3: (Repasemos) “Non vos agoniedes: crede
en Deus, e tamén en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito,
teríavos dito que vos ía amañar un lugar? E cando vaia e vos amañe un lugar,
volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén”.
A terra sublevárase, pero nisto,
naquilo, que o Deus da bondade, compadecido dela, xerou un fillo, ¡nunha
Virxe!, dándolle atribucións para que asumise a súa reconquista; co Mesías
volvemos a ser do Ceo, volvemos a ser Ceo!
-.-
Conciencia
¡Pero, haina? ¿E
logo, como é iso de que digamos, dos malos, que non teñen conciencia? ¡Téñena,
pero é que non a formaron ben, ou que se lles deformou!
Unha conciencia
sa, boa, imparcial, esixente, ben a ser coma a voz, sen voz, do noso anxo da
garda: interpreta todo o que lle di, todo o que lle manda o anxo, e
transmítenolo, sempre con oportunidade. ¿Como estudia, como aprende a
conciencia? ¡Escoitando os bos consellos; mais para saber se son bos, hai que
cotexalos coas ensinanzas dos Evanxeos, que niso está a carreira da vida
salvífica de todo cristián!
Romanos 13, 5: (Hai que
obedece-las leis). “Así, compre obedecer non só por medo ó castigo, senón por
deber de conciencia”. No 14, 23: “... e todo canto non se fai con boa
conciencia é pecado”.
Corintios 8, 12: “...
pecando contra os irmáns e ferindo a súa débil conciencia, pecades contra
Cristo”.
A importancia de
coñecerse, de coñecer a propia conciencia: Conciencia moral é esa voz
interior que nos obriga a actuar dunha forma concreta, e tamén nos di se son
correctas ou non as nosas accións. É a capacidade de xulgar non só as nosas
accións senón, e tamén, as dos demais, como boas ou malas.
-.-
Concordia entre
irmáns.
Como irmáns en Cristo Xesús sómolo
todos, a Concordia é un mandato universal. Concordia Carballedo, da casa de
Marzo de Vilabade, miña querida bisavoa paterna, non cheguei a coñecerte, pero,
polas referencias túas, transmitidas polo teu fillo, por meu avó, aquí na terra
facías honor ao teu nome en tódolos teus actos, así que, se Deus me deixa
entrar no Ceo, no salón onde ti esteas, pídoche de antemán que me recibas; e
tamén de antemán que lle pidas a Deus que a concordia reine, para sempre, aquí
na terra, entre os teus descendentes! ¡Grazas, Avoíñas!
Romanos 12, 17.21: “Non
volvades mal por mal a ninguén: que todo o mundo vexa que procuráde-lo ben. No
posible, en canto dependa de vós, mantede a paz con tódolos homes. Meus
queridos amigos, non tomedes por vós mesmos a vinganza; deixade máis ben que
actúe a ira de Deus, pois está escrito: “miña é a vinganza, eu darei o
merecido”, di o Señor. ”Se o teu inimigo ten fame, dálle de comer; se
ten sede, dálle de beber: obrando así amoreas brasas acesas enriba da súa
cabeza”. Non te deixes vencer polo mal, senón vence o mal á forza de ben”.
No 15, 5. 6: “Que o Deus da paciencia e do consolo vos faga ter un mesmo
sentir entre vós, conforme ó exemplo de Cristo Xesús. Para que cun só corazón e
unha soa boca louvedes a Deus, Pai do noso Señor Xesús Cristo”.
1 Corintios 1, 10: “Irmáns,
polo nome do noso Señor Xesús Cristo: rógovos que vos poñades todos de acordo e
que non haxa divisións entre vós; ó contrario, axeitádevos todos nun mesmo
espírito e nun mesmo pensamento”.
Efesios 4, 1. 3: “Por tanto,
eu, preso polo Señor, pídovos que camiñedes segundo a dignidade da chamada que
recibistes, con total humildade, sinxeleza e paciencia, aturándovos uns a
outros con amor, esforzándovos por mante-la unidade do espírito no vencello da
paz”.
Filipenses 2, 2. 4: “...
facede completa a miña alegría levándovos ben, tendo un mesmo amor, unha soa
alma, unha mesma idea. Non fagades nada á retesía nin por fachenda. Que
cadaquén pense humildemente que os outros son máis cá el. Non mirar cada un
polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que llela ten ós outros”.
Temos pecados de toda clase; o
mundo da convivencia cheira que apesta. O que non é Abel, chámase Caín, así
que, limpos, limpos, fora das monxas e dos frades..., coido que poucos!
Daqueles doce, un deles saíu traidor; aínda que nisto non podo, nin sei,
opinar, pois daquela facía falta unha traizón, e por ende un traidor, para
consuma-la acción do noso Redentor. ¡Moita paciencia ten Deus con Satán, pero
halle chegar o seu día..., que xa nolo anunciou o propio Mestre!
¿Que podemos facer cando hai irmáns
que non acougan? ¡Querelos máis cá nunca, á vez que se lle pide a Deus que faga
un milagre, outro máis!
-.-
Condenación
Con só teclear
esta verba xa tremen os dedos. ¡Libera nos, Dómine!
A actitude fronte a Cristo xa
decide a condenación. Xoán 3, 36:
“Quen cre no Fillo, ten vida eterna; pero quen non obedece ó Fillo non verá a
vida, pois a ira de Deus pesa enriba del”.
¿Auto condenarnos? ¡Pois si, que
esta estupidez existe; cultívase no noso albedrío..., regándoa con pecados!
Daquela, ¡libera nos, Señor!
-.-
Confesión
Xa vimos ao Papa
confesándose; ¡iso é predicar co exemplo!
-.-
Coñecer a Deus
Para coñecer, para ver, por
exemplo, un iceberg que se está esfarelando, pagamos o luxo de viaxar nun deses
cruceiros que cruzan a friaxe. ¿E para coñecer a Deus, ao Deus que nos criou,
ao Deus que nos pode salvar, en que, e como, lle pagamos? Pensar nisto si que
nos derrete o pasotismo; ou debera!
Coñecer a Deus é coñece-la obra
salvadora de Xesús. Lucas 10, 22. 24: “Meu Pai ensinoume tódalas cousas,
e ninguén coñece ó Fillo a non se-lo
Pai, nin coñece ó Pai a non se-lo Fillo, e aquel a quen o Fillo llo queira
revelar. E volvéndose ós discípulos, díxolles á parte: -Benia os ollos que
ven o que vós vedes. Porque é ben certo que moitos profetas e reis arelaron
ve-lo que vós vedes, e non o viron; e oí-lo que vos oídes, e non o oíron”.
Coñecemento, fe e bautismo. Romanos
12, 1. 3: (Culto espiritual). “Rógovos, logo, irmáns, pola misericordia
de Deus, que ofrezáde-los vosos corpos como sacrificio vivo, santo, grato a
Deus: como o voso culto espiritual. E non vos instaledes no mundo presente.
Transformádevos, máis ben, pola renovación da mente, para que podades coñecer
cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto. En virtude da
gracia que se me deu, dígovos, por tanto, a todos e a cada un de vós: que
ninguén se teña por máis do que convén, senón que un se teña no que se debe
ter, conforme á medida da fe que Deus lle deu a cadaquén”.
Filipenses 3, 8: “... todo
me parece perda comparado co grande que é coñecer a Cristo Xesús, o meu Señor”.
Claro que todo o demais son
bagatelas; a grandeza do ser humano está en coñecer a Deus, en coñecelo para
acatalo!
¡Pensade na
fortuna que tivemos de nacer na era cristiá, en territorio cristiá, de familia
cristiá! E con iso démoslle as máis expresivas gracias a Xesús Cristo, noso
Redentor.
-.-
Consagración
(“Santificación”).
Consagración do home a Deus.
Vexamos: 1 Corintios 2, 14. 17: A salvación “en Cristo”. “Doulle gracias
a Deus, que, unidos a Cristo, nos leva decote ó seu triunfo e que por medio de
nós espalla por todas partes o perfume do seu coñecemento. Porque somos recendo
de Cristo para Deus, tanto entre os que se salvan como entre aqueles que se
perden: para estes somos un cheiro de morte, para morte; para os outros, un
recendo de vida, para vida. E nestas cousas, ¿hai alguén capaz abondo? Nós, de
feito, non imos traficando coa mensaxe de Deus, como fan outros, senón que
falamos con transparencia, como quen é de Deus, en Cristo”.
1 Timoteo 4, 14. 16: “Non
descóide-lo carisma que hai en ti, que se che deu pola profecía coa imposición
de mans dos “presbíteros”. Coida estas cousas, mantente nelas, para que todos
vexan como progresas. Preocúpate de ti e da doutrina; mantente en todo iso,
que, facéndoo, salvaraste ti e salvara-los que che fagan caso”.
Hebreos 10, 19. 24:
Exhortación á fe, esperanza e caridade. “Pois logo, irmáns, xa que temos
entrada libre no santuario, (¡no Ceo!), debido ó sangue de Xesús, un vieiro
novo e vivente que El nos abriu a través da cortina, isto é, a través da súa
carne, e, xa que temos un gran sacerdote á fronte da casa de Deus, manteñámonos
con criterios sans na súa presencia con plenitude de fe. Xa que estamos limpos
por dentro de toda consciencia de pecado e xa que estamos lavados por fóra con auga
limpa (¡bautismo!), manteñámo-la esperanza indefectible que profesamos, pois
quen prometeu é fiel. E considerémonos uns ós outros de xeito que nos sirvamos
de estímulo para o amor e para as boas obras”.
Santiago (¡O noso Santiaguiño!) 1,
2. 8: “Cando vos vexades envoltos en diferentes tentacións, meus irmáns,
tédevos por moi ditosos porque xa sabedes que aquilo que somete á proba a vosa
fe xera paciencia. Pero cómpre que a paciencia vaia acompañada de boas obras,
de xeito que sexades perfectos e completos sen fallardes en cousa ningunha. Se
algún de vós está necesitado de sabedoría, que lla pida a Deus, que llela dá a
todos abondosamente e sen roñar; e a ese tal tamén lla ha dar. Pero compre que
pida con fe e sen dubidar para nada, que quen dubida é coma as ondas do mar,
que o vento abala e leva de aquí para acolá. Un home así non pense recibir
cousa ningunha do Señor: é un indeciso e un inconstante en tódolos seus
camiños”.
Cando optamos por un oficio, ou por
unha carreira, ¿verdade que poñemos corpo e alma en cumprir, el lograr os
proxectos? ¡Pois na carreira do Ceo con máis razón!
-.-
Convivencia
familiar. Referencia histórica; circunstancias dos tempos de Paulo. Daquela era
incontestable o predominio do marido. Interpretación correcta, actual.
En Efesios 5, 21. 24: “Sede
ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo: as mulleres sométanse ós
propios maridos, como se fose o Señor, pois o marido é cabeza da Igrexa, o
salvador do Corpo. E, como a Igrexa se somete a Cristo, así tamén as mulleres
ós seus maridos, en todo”.
Isto hai que velo no seu contexto
histórico: Paulo buscaba a paz fogareña, nin máis nin menos. E como daquela a
muller, nalgún caso, estaba considerada aínda menos que unha escrava,
recomendáballes ese sometemento para que non se puxesen en perigo; para que
fosen respectadas polo seu carácter de compañeiras, non de servas, nun ambiente
de paz, pacífico. Isto non lle daba dereitos de opresión ao marido, como
tampouco Cristo oprimía a Igrexa; eran unhas comparanzas pacificadoras.
Téñase en conta que as fillas de
Eva, ao longo da Historia Antiga, viñeron padecendo a penitencia que lle
correspondía á nosa Avoa: ¡castigo da súa soberbia, que os Adáns, miopes eles,
egoístas eles, non vían, non recoñecían que Adán acepto aquela proposta, aquela
insubordinación, indirectamente, ¡pero, aceptouna!
O Novo Testamento tenlle que dar, e
dálle, unha volta sociolóxica ao papel da muller, entronizando á Virxe María;
¡Unha muller pecou, pero outra redimiu, aceptando e cumprindo á perfección a
xeración e mailo coidado do Fillo unixénito de Deus!
Cristo ben que enxalzou á muller na
súa vida pública; ¡repasemos os Evanxeos! Pero a historia da humanidade é
lenta, e tardan en borrarse aquelas desigualdades, tantos séculos cultivadas.
En definitiva: ¡Interpretemos ben a
Paulo; e nos casamentos, actualicemos a liturxia das Misas de Desposorios!
-.-
Corpo
Como tendencia ó pecado e ó
egoísmo. Algúns: Romanos 6, 2. 12: (Mortos ó pecado, vivos en Cristo).
“Os que xa morremos ó pecado, ¿como imos vivir aínda nel? ¿Ou ignorades que a
cantos nos bautizaron para Cristo Xesús, bautizáronos para unirnos á morte
del? Enterrámonos, logo, con el polo
Bautismo para a morte, para que, como Cristo foi resucitado dos mortos pola gloria
do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova. Pois se fomos enxertados nel
pola semellanza dunha morte coma a del, seguro que tamén o seremos por unha
resurrección semellante”.
No 7, 22. 25: “Na intimidade
do meu ser comprázome coa Lei de Deus, pero vexo outra lei no meu corpo, que
lle fai a guerra á lei da miña razón, escravizándome a lei do pecado que levo
no meu corpo. ¡Pobre de min! ¿Quen me librará deste meu corpo, instrumento de
morte? ¡Pero, si: gracias a Deus por medio de Xesús Cristo o noso Señor! Así
que, eu mesmo coa razón sirvo á Lei de Deus, pero cos baixos instintos á lei do
pecado”.
No 8, 10, 13: “Se Cristo
está en vós, o voso corpo certamente está morto por culpa do pecado, mais o
Espírito é vida por causa da xustiza. Se o Espírito do que resucitou dos mortos
a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo dos mortos vivificará os
vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós. Polo tanto, irmáns,
somos de certo debedores; pero non da baixa condición, para vivirmos segundo
ela. Porque, se vivides segundo tal condición, teredes que morrer, pero, se coa
axuda do Espírito mortificáde-las obras do corpo, viviredes”.
1 Corintios 9, 26. 27: “Eu,
pola miña parte, corro, pero non ó que saia; loito, pero non dando golpes ó
aire. Ó contrario, castigo duramente o meu corpo e trátoo como a un escravo:
non vaia suceder que despois de lles predicar ós outros, quede eu
descualificado”.
Teñamos presente
que o corpo é o sustento da nosa alma; e se o corpo se dá a vicios...,
mánchanos a alma!
-.-
Corrección
fraterna
Empezando por min: Que me corrixan
dos meus defectos, que os teño; ou logo, non son mortal, un mortal pecador?
¡Agradézoo!
Mateo 7, 1. 5: “Non xulgar
ós demais... (¡Que pena privarnos dese pracer, tan xeneralizado; co moito que
nos gustou..., desde os tempos de Caín!). “Non xulguedes para que non vos
xulguen a vós. Porque co xuízo que xulguedes hanvos xulgar a vós, e coa medida
coa que midades hanvos medir a vós. ¿Por que reparas no lixo que hai no ollo de
teu irmán e non te decatas da trabe que hai no teu? E, ¿como lle vas dicir a
teu irmán: “Deixa que che quite o lixo que tes no ollo”, tendo ti unha trabe no
teu? ¡Hipócrita! Quita primeiro a trabe do teu ollo e logo verás mellor para
quita-lo lixo do ollo de teu irmán”.
No 18, 15. 18: “Se teu irmán
peca contra ti, vai e repréndeo; pero ti só con el. Se te escoita,
conquistáche-lo teu irmán. Se non te escoita, leva contigo un ou dous, para que
por medio de dúas ou tres testemuñas quede resolto o asunto. Se non vos
fai caso, dillo á comunidade, sexa para ti como un pagán ou un recadador de
impostos. Asegúrovos que o que atedes na terra será atado no ceo, e o que
desatedes na terra será desatado no ceo”.
¡Que ben entendiches o mandato
evanxélico, Martín Dumiense, cando elaboraches o teu De correctione
rusticorum!
Tamén Lucas fixo por recordarnos
este mandato, ou consello, no seu 17, 3. 4: “Se o teu irmán che
fai mal, repréndeo; se se arrepinte, perdóao. E se te ofende sete veces no día
e sete veces volve a ti dicindo: “Síntoo moito”, perdóao”.
¿E no caso
contrario, se son eu o ofensor? ¡Non sei; é tan difícil de pronunciar ese
“Síntoo moito”, tanto en galego como en castelán!
-.-
Cumprimento
Plenitude salvífica que existe en
Cristo e que é comunicable ós homes.
Xoán 11, 23. 27: “Xesús
díxolle: -Teu irmán resucitará. Marta respondeulle: Ben sei que resucitará na
resurrección, no día derradeiro. Díxolle Xesús: -Eu son a resurrección e a
vida. Quen cre en min, anque morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non
morrerá endexamais. ¿Cres ti isto? Ela respondeu: -Si, Señor: eu creo que ti
e-lo Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ó mundo”.
Romanos 15, 20. 21: “De tal
xeito que tiven a honra de evanxelizar onde nunca se falou de Cristo, para non
edificar enriba de alicerces alleos, senón como está escrito: “Verano
aqueles ós que aínda non se lles falara del, e comprenderán aqueles que nunca
oíran”.
Filipenses 4, 19. 20: “O meu
Deus, pola súa parte, cubrirá tódalas vosas necesidades, conforme a súa riqueza
con magnificencia en Cristo Xesús. Gloria a Deus, noso Pai, polos séculos dos
séculos. Amén”.
Colosenses 1, 9-12: “Por
esta razón tamén nós, desde o día en que soubemos disto, non deixamos de rezar
por vós. Pedímoslle a Deus que vos encha de coñecemento da súa vontade, con
todo o saber e intelixencia que dá o Espírito. Así daredes como froitos toda
clase de obras boas e medraredes no coñecemento de Deus; estaredes enfortecidos
en todo coa súa potencia magnífica para serdes con ledicia pacientes e
constantes a toda proba; e darédeslle gracias ó Pai que nos fixo merecentes de
participar na herdade dos santos, na luz”.
¡Isto, Señor,
precisamente isto é o que che pido a través deste ordenador: Que ordenes a miña
vida para que resulte fortalecido, para poder algún día, pola miña idade xa
próximo, participar nesa herdade dos santos, nesa luz da que nos falaron Paulo
e Timoteo! ¡Gracias, Señor, por cumprir en min, e tamén na miña xente, as túas
promesas, esas promesas universais!
-.-
Demo
Na miña infancia aos nenos malos
chamábanlles demontres; agora xa non, debe ser que, a Deus gracias, daqueles xa
non quedan.
¿Hai xerarquías entre eles, entre
os diabros? ¡Para min, ao meu entender, todos son satánicos! Deles, libera nos
Dómine! ¡Amén!
Mateo 12, 43. 45: O que lle
vai pasar á xeración malvada: “Cando o espírito inmundo sae do home vai polos
ermos adiante buscando acougo sen atopalo. Entón di: “Volverei á casa de onde
saín”, e ó chegar atopa a casa desocupada, varrida e ordenada. Entón vai, colle
consigo outros sete espíritos aínda peores cá el e establécense alí; resultando
que, ó final, aquel home acaba estando peor do que ó principio. Así lle vai
pasar tamén a esta xeración malvada”.
Non fai falta ser médico, nin fai
falta ser crego, para caer na conta de que as recaídas son peores cá
enfermidade; ¡ollo con elas, así que, volvamos á vacina, volvamos a reza-lo
Noso Pai! ... non nos deixes caer na tentación..., pois Satanás non
acouga na súa rebeldía!
No 25, 41. 46: Un proverbio
ben clariño: “E diralles logo ós da súa esquerda: -Arredade de min, malditos;
ide para o lume eterno preparado para Satán e para os seus anxos. (O exército
dos anxos rebeldes a Deus). Porque tiven fame e non me destes de comer; sede, e
non me destes de beber; fun forasteiro e non me acollestes; estiven en coiro e
non me vestistes; enfermo e na cadea e non me visitastes. Eles replicáronlle:
-Señor, ¿cando te vimos famento ou sedento, forasteiro ou en coiro, enfermo ou
na cadea e non che acudimos? El responderalles: -Asegúrovos que canto deixastes
de facerllo a un destes máis pequenos, deixastes de facermo a min. Estes irán ó
castigo eterno, e os xustos á vida eterna”.
¡Ai, Deus, e con estas
perspectivas, seguimos na nosa soberbia? ¡Coidado coas desercións, que as
castiga Deus, con toda xustiza! Na miña infancia os cregos predicaban moito acerca
da atrición, pero os de agora, post-Concilio Vaticano II, inclínanse pola
contrición. Pola miña parte, este aprendiz de cristián inclínase a pensar que
as dúas son boas, segundo os casos, segundo as situacións, pois tamén é bo
terlle medo ao inferno, séxase, a ese reinado de Satanás.
Mentres vivimos estamos na máis
importante das eleccións
-.-
Día. O do xuízo do Señor.
Recordare, Iesu
pie,
quod sum causa tuæ
viæ;
ne me perdas illa
die.
Acuérdate, piadoso
Jesús
de que soy la causa
de tu calvario;
no me pierdas en
este día.
Mateo 10, 12. 15: “Ó entrar
na casa, saudade. Se a casa é digna, veña a ela a vosa paz; pero se non é
digna, que a vosa paz volva convosco. E se alguén non vos acolle nin escoita as
vosas palabras, saíde daquela casa ou daquela vila e sacudide o po dos vosos
pés. Asegúrovos que o día do Xuízo será máis levadeiro para Gomorra e
Sodoma do que para aquela vila”.
¡Ai, Deus, como será o Día do
meu xuízo? ¡Só levarei de defensa as miñas obras, as boas; e de acusación,
as malas!
No 12, 36. 37: “Asegúrovos
que toda palabra falsa que digan os homes háselles ter en conta no día do
Xuízo. Pois polas túas palabras declararante xusto e polas túas palabras
condenarante”.
¡Vaia; hai que ter conta do que se
di, e non só do que se fai! Na miña terra, ao pé do río Azúmara, adoitamos
dicir: Pola boca morren as troitas. ¡Daquela, coidado cos anzois de Satanás!
-.-
Discípulos
Os cristiáns, que
tivemos un bo Mestre, ¡o mellor do mundo!, ¿imos suspender, imos ser discípulos
vagos, malos, malos e maléficos? ¡Sería imperdoable!
Mateo 5, 1. 2: Anuncioulles
como era o camiño, por onde se ía á dita verdadeira. “Vendo Xesús a multitude,
subiu ó monte e sentouse. Achegáronselle os seus discípulos, e el, tomando a
palabra, ensinábaos dicindo: ...“ (Expúxolles as benaventuranzas, que
representan un auténtico programa do que é o Reino de Deus).
Marcos 6, 1. 5: “Saíndo de
alí, foise para a súa vila, acompañado polos seus discípulos. Cando chegou o
sábado, empezou a ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía
abraiada: -¿De onde lle veñen a este todas esas cousas? ¿Que sabedoría é esa
que lle ensinaron, e como pode facer tantos milagres pola súa man? ¿Non é este
o carpinteiro, fillo de María e irmán (primo) de Santiago, Xosé, Xudas e mais
Simón, e as súas irmás (as primas) non viven aquí connosco? Estaban realmente
escandalizados. Pero Xesús díxolles: -Non hai profeta máis desprezado que na
súa terra, na súa casa, ou entre os seus parentes”.
Lean, lean os Evanxeos, e
asombraranse de que os seus discípulos fosen tan tardos en crer, con todo o que
lle oían e lle vían facer; os discípulos, e cos discípulos os veciños en xeral.
Xa o dixen antes: O Fillo de Deus tardou en vir á terra porque a xente aínda
estaba verde, verde e inculta; a terra non estaba abonada, nin sequera cos
Profetas que tiña habido, para a semente do Novo Testamento. ¡Aínda hoxe nos dá
pereza poñernos a camiñar por un camiño tan ben trazado, tan ben explicado!
-.-
Educación
Disto aínda sabemos pouco.
¡Dígollelo eu, que fun “mestre, pero dos de a ferrado”!
-.-
Escándalo
Mateo 13, 41: “Mandará o
Fillo do Home os seus anxos, e quitarán
do seu Reino tódolos escándalos e a tódolos que fan o mal...”
No 18, 7: “¡Ai do mundo
polos seus escándalos! É irremediable que haxa escándalos, pero, ¡ai do home
que provoca escándalos!”
En Romanos 14, 12. 13:
Evita-lo escándalo dos irmáns. “Por tanto, cada un de nós dará conta de si a
Deus. Non nos xulguemos uns a outros, mais ben coidade de non lle pór ó irmán
nin tropezo nin escándalo”.
No 15, 1. 2: “Nós, que
estamos seguros, temos que atura-las debilidades dos inseguros, e non
compracernos a nós mesmos. Cada un de nós compraza ó seu próximo para o ben,
con miras á edificación”.
¡Que pouco nos paramos nisto de ser
edificantes! (No Dicionario. Edificante: 1. Que produce elevación moral. 2. Que
serve, ou pode servir, como modelo de virtude). Sabémolo, entendémolo, pero,
que pouco o practicamos! Dásenos mellor o de construír rañaceos..., e a ver
como facemos cos seus escombros o día que haxa que demolelos! Pois cos
escándalos algo parecido: vanse construíndo, elaborando, pero, desmontalos?
-.-
Esperanza
Con un bo
comportamento, no sitio da esperanza teremos seguranza.
Baséase, aséntase,
fundamentalmente, na resurrección e no poder vivificador de Deus ou de Cristo
resucitado.
Feitos 23, 6: “Sabendo Paulo
que unha parte deles eran saduceos e outra fariseos, berrou en medio do
Sanedrín: -Irmáns, eu son fariseo, fillo de fariseos, e quero dicir que é por
causa da nosa esperanza na resurrección dos mortos, polo que se me xulga”.
Romanos, 4, 23. 25: “Estas
palabras non se escribiron soamente por el (por Abraham), senón tamén por nós.
Pois tamén nos vai “valer” a nós que cremos naquel que resucitou dos mortos a Xesús, noso Señor, que foi entregado
por culpa dos nosos pecados e resucitado por mor da nosa xustificación”.
No 8, 20. 24: “Porque a
creación está sometida ó fracaso; non pola propia vontade, senón polo poder
daquel que a someteu, anque coa esperanza de que tamén a mesma creación será
liberada da escravitude da corrupción e levada á salvación gloriosa dos fillos
de Deus. Pois sabemos que toda creación vén xemendo ata hoxe e coma con dores
de parto. E non só isto, senón que nós mesmos, que temos xa as primicias do
Espírito, xememos dentro de nós, degorando pola filiación, pola liberación do
noso corpo. Pois é en esperanza como estamos salvados. Ora, a esperanza do
que se ve non é esperanza, pois o que un xa ve, ¿como o pode esperar?”.
No 15, 13: “Que o Deus da
esperanza encha de alegría e de paz a vosa vida, para que rebordedes na
esperanza pola forza do Espírito Santo”.
1 Corintios 15, 18. 22:
“Resultaría tamén que os que finaron en Cristo pereceron completamente. Ora, se
a esperanza que temos en Cristo é soamente para esta vida, nós sómo-los máis
dignos de lástima entre tódolos homes. Pero non: Cristo resucitou dos mortos
como primicia dos que adormecen. Porque xa que por un home entrou a morte,
tamén por un home chegou a resurrección dos mortos. Igual que todos morren
por Adán, así tamén por Cristo todos revivirán”.
2 Corintios 1, 9. 10.
“Porque tivemos sobre nós a sentenza de morte. Así aprendemos a non poñérmo-la
confianza en nós senón en Deus, que resucita ós mortos. El foi quen nos librou
de tan evidente perigo de morte e hanos de seguir librando -confiamos nel, que
nos librará no futuro-, se colaborades tamén vós coa vosa oración”.
Gálatas, 5, 5: “Porque a nós
o Espírito móvenos a agardar da fe os bens da xustificación esperada”.
Etc. Con estas
citas coido que temos abondo para nutrirnos de fe, esperanza e caridade, pero
se nos queda sede..., abride a nosa Biblia, que vos saturará, e convencerá, por
incrédulos que sexades!
-.-
O Espírito de Deus
/ O Espírito de Xesús.
Mateo 3, 16. 17: “Tan pronto
como foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos, e viu o
Espírito de Deus baixar como unha pomba ata pousarse enriba del. E oíuse desde
o ceo unha voz que dicía: -Este é o meu fillo benquerido, o predilecto”.
Mateo 12, 15. 18: “Xesús, ó
sabelo, ordenou ir para outro lado, seguido por moitos e curando a todos. E
mandoulles que non o descubrisen, para que se cumprise o que dixera o profeta
Isaías: “Velaquí o meu servo, o meu elixido, o meu amado, a miña regalía.
Apousarei o meu Espírito sobre el, para que anuncie o Dereito ás nacións”.
Mateo 28, 18. 20: “Xesús,
achegándose, díxolles: -Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide,
pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e
do Fillo e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar canto vos mandei.
Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo”.
¡Está con nós a Santísima Trindade;
Deus non nos abandona, proba absoluta de que estamos redimidos, pola súa
misericordia! ¡Aleluia!
Lucas 4, 16. 18: “Chegou a
Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga.
Ergueuse para face-la lectura, e déronlle o libro do profeta Isaías.
Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía: O
espírito do Señor está sobre min...”
Romanos 8, 9. “Pero vós non
vivides así, senón conforme o Espírito, posto que o Espírito de Deus habita en
vós: se alguén non ten o espírito de Cristo, ese tal non é de Cristo”.
E no 8, 14: “Cantos se
deixan guiar polo Espírito de Deus, eses son fillos de Deus”.
¡Alá; xa temos “lazarillo”, xa
temos guía espiritual, xa estamos no Ceo, polo menos na mesmísima fronteira; e
aínda hai quen diga que esta terra é un inferno: Esta terra, collidos da man de
Deus, xa é do Ceo!
-.-
O Espírito Impuro.
Poder da Igrexa sobre estes espíritos.
Lucas 10, 20: “Con todo, non
vos alegredes de que os espíritos se vos sometan; alegrádevos, máis ben, de
que os vosos nomes estean escritos no ceo”.
Feitos 5, 16: “Viña moita
xente das vilas veciñas de Xerusalén e traía enfermos e atormentados por
espíritos impuros, e todos quedaban curados”.
Espíritos impuros, por que? O
Espírito Santo é puro porque achega a Deus; fainos puros para achegarnos a
Deus; fainos puros coma Deus, e por tanto, dignos de achegarnos a Deus, mentres
que o espírito impuro separa de Deus aos homes.
-.-
Espírito Santo
¡Ai Deus, canto
lle debemos; por algo os Evanxeos non se cansan de mencionalo, así que, como é
moito o que del hai que dicir, o que del hai que saber, mellor abrides a
Biblia, para no perder puntada! Acordádevos do que din nas nosas aldeíñas
polos malos bailadores: ¡Ese pérdese nos puntos! Pois non fagamos outro tanto
coas lecturas, coas que nos deben ser preceptivas.
-.-
Eucaristía
Aquí non caben omisións, pois canto
digamos, canto nos intercomuniquemos acerca dela, con ela, todo será pouco para
achegarnos a este misterio:
Prometida por Cristo. Mateo 6,
11: “Dános hoxe o noso pan de cada día”. Os Padres da Igrexa tamén o aplicaron
ó pan eucarístico. No 14, 19: O cerimonial co que Xesús bendí e reparte
o pan (no milagre da súa multiplicación), xa é un anticipo da derradeira cea.
Xoán 6, 32. 71: “Entón
díxolles Xesús: -Con toda verdade volo aseguro: non foi Moisés quen vos deu o
pan do ceo; meu Pai é quen vos dá o verdadeiro pan do ceo: pois o pan de Deus é
o que baixa do ceo e lle dá a vida ó mundo. Dixéronlle entón: -Señor, danos
sempre dese pan. Xesús respondeulles: -Eu son o pan da vida: quen vén onda min
non pasará fame, e quen cre en min, endexamais terá sede. Pero xa vos dixen
que, aínda que vistes, non credes. Tódolos que o Pai me entregou, virán onda
min. E a quen vén onda min, non o botarei fóra. Pois eu baixei do ceo
non para face-la miña vontade, senón a vontade daquel que me mandou. Esta é a
vontade daquel que me mandou: que non perda a ningún dos que me entregou, senón
que os resucite no derradeiro día. Etc., etc”.
Instituída por Cristo: Mateo 26,
26. 29: “Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan e, dando gracias, partiuno e
déullelo ós seus discípulos, dicindo: -Tomade e comede: isto é o meu corpo. E
collendo unha copa, dando gracias, déullela dicindo: -Bebede todos dela. Que
isto é o meu sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos para o perdón dos
pecados. E asegúrovos que desde agora non volverei beber este produto da viña
ata o día que o beba, noviño, convosco no Reino do meu Pai”.
Marcos 14, 22. 26: “Mentres
estaban a comer, Xesús colleu pan, deu gracias, etc.”
Lucas 22, 14. 20: Todos
relativos ao mesmo, á institución eucarística.
1 Corintios 11, 26 e
seguintes: Condicións para participar nela: “Polo tanto, cada vez que comedes
este pan e bebedes este vaso, anunciáde-la morte do Señor, ata que el volva. De
maneira que quen coma o pan ou beba o vaso do Señor indignamente, terá que
responder do corpo e do sangue do Señor. Examínese cada quen a si mesmo...
Etc.”
Xa existía na primeira comunidade:
Feitos 2, 42. 46. Vida dos primeiros cristiáns: “Eran perseverantes en
escoita-la ensinanza dos apóstolos, na comuñón de vida, no rito de partiren o
pan, e nas oracións. Etc”. No 20, 7: “O domingo estabamos reunidos para
parti-lo pan. Etc.”
A primeira comuñón dos fillos
súbenos ao Ceo, pero, a dos netos? ¡A dos netos confírmanos que os fillos
souberon educar e instruír! ¡Deu-los bendiga, a todos eles. E que eses froitos
sigan na súa/nosa descendencia. Amén!
A primeira comuñón do primeiro dos
nosos netos
-.-
Evanxeo
Este servidor, que ten algunhas
condecoracións militares, sente unha sensación íntima moi agradable cando as
pon na solapa das súas americanas. Se isto ocorre coas cousas cativas, nimias,
-honores mundanos-, por que non exhibimos, con lexítimo orgullo, o título
máximo, que é o de ser cristián, o de estar bautizados?
Se eu fose o Papa, ¡Deus me libre
de tal, pois levaría á Igrexa á súa descomposición!, recomendaría aos cristiáns
levar na solapa, ou na cadea do pescozo, o noso distintivo colosal: a Cruz
de Cristo!
Se exteriorizásemos a nosa
distinción, o noso signo, seguro, seguro, que se multiplicarían as conversións.
Non fan falta sotanas, que chega con “alzacuellos”, para distingui-los
clérigos, pero, ¿as cruces? ¡As cruces, ás que tan adictos fomos os galegos,
que incluso temos os cruces dos nosos camiños ateigados de cruces...; iso si,
de pedra!
Cruceiro de San Cibrao
Hoxe en día non hai fogar onde
falte o Código da Circulación, pero, ¿os Evanxeos? Sequera hainos nas dúas
linguas, e logo que xa non temos analfabetos, a Deus gracias, así que os
podemos ler, todos; ¡lelos, interpretalos, e cumprilos!
Como os imos ler, deteñámonos, polo
menos, nos capítulos seguintes:
-Xesús predicou o Evanxeo do Reino,
e de Deus.
-O Evanxeo é o mesmo Xesús Cristo.
-Debe ser predicado; ¡predicado e,
cumprido!
-Por ende, debe ser testificado con
feitos e aínda co mesmo martirio, se tal heroicidade se nos presenta.
-Debe ser recibido coa conversión e
coa fe.
-O seu contido é a salvación
inaugurada e realizada por Cristo.
-Anuncialo é unha función sacra.
-O seu anuncio é medio de
comunicación da salvación e do Espírito Santo.
-A súa formulación ten un contido
doutrinal, e tamén unha praxe moral.
-Debe ser profesado externamente.
(Ah, que dicía eu: aquilo dos distintivos!).
-E anunciado polo pobo crente,
séxase, por todos e cada un de nós.
-Implica unha vida especialmente
digna.
-O non aceptalo carrexa o xuízo
escatolóxico do castigo de Deus.
¡Para aprender a ler, o Silabario;
para aprender a ser cristiáns, os Evanxeos!
-.-
Expiación
Moi grande debe ser o Purgatorio,
con tanto que levamos ao lombo! ¡E menos mal que hai responsos, e que nas
necrolóxicas se piden oracións, pero, dánnolas, dedícannolas?
Do pecado e da cólera de Deus pola
oración xa nos falaran os do Antigo Testamento, pero vou citar aquí algo do
Novo, tal que a
Hebreos 7, 25: “Por iso pode
levar á plenitude da salvación para sempre ós que por El se achegan a Deus, xa
que en todo momento vive para interceder por eles”. Conclusión dos teólogos: “O
sacerdocio de X. C. resucitado e entronizado caracterízase con tres trazos
fundamentais: a intercesión, o carácter mediador do noso achegamento a Deus, e
o seu poder de levar á plenitude e á consumación salvíficas.
No 9, 24: “De feito que o
Mesías non entrou nun santuario de feitío humano, copia do verdadeiro, senón
que entrou no mesmo Ceo, para poder presentarse agora diante do mesmo Deus a
favor noso”. ¡Mestre, ti que lavaches os pés aos teus discípulos, humildemente
che pido que laves a miña conciencia, o meu rocho, co teu perdón, para que o
meu purgatorio sexa o máis levadeiro posible!
1 Xoán 2, 1. 2: “Meus
filliños, escríbovos estas cousas para que non pequedes; pero, se algún peca,
temos quen nos defenda diante do Pai: Xesús Cristo, o xustificador. El é quen
expía os nosos pecados; e non só os nosos senón tamén os de todo o mundo”.
1 Xoán 4, 8. 10: “O que non
ama, aínda non coñece a Deus, porque Deus é amor. O amor de Deus fíxose ver
entre nós en que Deus mandou ó mundo o seu Fillo Unixénito, para que nos dese a
súa vida. Hai amor dentro de nós, non porque nós teñamos amado a Deus, senón
porque el nos amou a nós e mandou o seu Fillo para que expiase os nosos
pecados”.
-.-
Familia
Nunha familia ben avida o Ceo
pálpase mellor; nunha familia ben avida hai silencio, un silencio grato, e no
silencio medítase mellor. Eu, pola miña parte, moi agradecido lles estou a Xosé
e a María, pois, ademais de prestarme o seu nome, bebín da auga de Rois, que
tanto fai florecer as rapazas coma as rosas, ¡outras rosas, aínda que non o
sexan de nome!
Nas nosas Vodas de Ouro
A Igrexa, familia de Deus. Esposa
de Cristo.
Efesios 3, 14. 19: “Por esta
razón axeónllome perante o Pai, de quen toma nome toda paternidade no ceo e
mais na terra, para que vos conceda -segundo a riqueza da súa gloria- que se
robusteza poderosamente en vós o home interior por medio do seu Espírito; que
Cristo habite pola fe nos vosos corazóns, e que teñáde-la vosa raíz e o voso
alicerce no amor, de xeito que podades comprender, con todo o pobo crente, o
ancho, o longo, o alto e o profundo que é o amor de Cristo, que supera todo
coñecemento; e así quededes cheos da plenitude total, que é Deus”.
No mesmo Efesios 5, 31..33:
“Por iso deixará o home a seu pai e mais á súa nai e unirase á súa muller e
serán os dous un único ser”. Grande misterio é este e eu refíroo a Cristo e
á Igrexa. En calquera caso, todos e cada un de vós debe ama-la súa muller como
a si mesmo; e a muller, que respecte ó seu marido”. ¡Xa o fan, pobriñas, pois,
a estas alturas do século XXI aínda seguimos no imperio do machismo!
Colosenses 3, 13. 15:
Aturádevos uns ós outros e perdoádevos cando un teña queixa do outro; como o
Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós. E, por riba de todo isto, cinguídevos
co amor, que é o vencello que todo o une e leva á perfección. Que a paz de
Cristo goberne os vosos corazóns, xa que a ela vos chamaron coma membros dun
mesmo corpo. Sede tamén agradecidos”.
-.-
Fe.
O vello Catecismo dicía, ¡dicíalles
aos iletrados!, que ter fe era crer “no que non vimos”. Agora engadiríamos:”...
no que non limos, tanto e tan explicado, tan demostrado, que o temos nas
Sagradas Escrituras!”.
Sobre da fe fanse libros, libros
enteiros, e aínda así queda moito sen explicar. Como mostra, podemos comezar
por Xoán, que no seu 4, 39. 42, vén a dicirnos que a fe é froito da
palabra evanxelizadora: “Moitos samaritanos daquela vila creron nel pola
palabra da muller, que declaraba: “díxome todo canto eu fixen”. Por iso os
samaritanos chegados onda el rogábanlle que se quedase con eles; e quedou alí
dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. Dicíanlle despois
á muller: -Xa non cremos polo que ti nos dixeches: nós mesmos o escoitamos e
sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo”.
-.-
Felicidade
Isto é o que
buscamos, o que ansiamos, todos, pero, onde se atopa, e como se busca? Tíñana
naquel Paraíso o Adán e maila Eva, pero..., a maldita soberbia, estimulada polo
maldito Satanás!
O feito de ser cristiáns, coa dita
que nos espera se sabemos, e queremos, selo, ¡pero, de verdade!, por desgracias
que nos ocorran, ¡somos felices! Os malos tragos son iso, ¡tragos!, pero a
continuación, se os levamos con paciencia, cobraremos en especie: ¡A gloria
celestial, eterna!
Pola fe no Mesías e na súa mensaxe:
Mateo 11, 2. 6: “Xoán, oíndo
falar na cadea das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a preguntarlle:
-¿Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro? Respondeulles Xesús: -Ide e
contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo: os cegos ven e os coxos andan,
os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e ós pobres
estáselles anunciando a Boa Nova. ¡É ditoso quen non se escandalice de min!”
Tamén Mateo, no seu 13, 16.
17: “¡Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven; e mailos vosos oídos,
porque oen! Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos arelaron ve-lo que vós
vedes, e non o viron; oí-lo que vos oídes, e non o oíron”.
Lucas, 7, 22: O mesmo que
Mateo: “... ide e contádelle a Xoán...”
Lucas 10, 23 Insiste e
recalca no de “...Benia os ollos que ven o que vós vedes...”
Lucas 11, 27. 28. A
verdadeira felicidade. “Mentres el dicía estas cousas, unha muller de entre
a xente (¡Benditas mulleres, que ben pagastes coa vosa fidelidade a Cristo
aquela infidelidade da Avoa!) exclamou en voz alta: -¡Ditoso o ventre que te
levou, e os peitos que te criaron! Pero el respondeulle: Ditosos máis
ben os que escoitan a palabra de Deus e a gardan”.
Xoán 20, 28. 29: “Tomé
respondeulle:-¡Meu señor e meu Deus! Xesús díxolle:-¿Tes fe porque me viches?
¡Benia os que creron sen veren!”.
1 Pedro 4, 14: “Se se burlan
de vós por serdes cristiáns, felicitádevos, porque o Espírito dá gloria, isto
é, o Espírito de Deus permanece sobre vós”.
-.-
Fermento
Miña naiciña, miña querida Irene,
con esta verba no teclado estoume lembrando de cando me ensinaches que sen
fermento non podía haber, non podíamos ter, un bo pan. ¡Ai, “nena”, como te
chamaba meu pai, aquilo era certo, pero non o é menos que, sen fermento,
desoutro, do espiritual, non pode haber cristianismo; por iso, a necesidade da
total transformación do home mediante a súa acollida ó Reino!
Mateo 13, 33: “Díxolles
outra parábola: -O Reino do Ceo é semellante ó fermento que unha muller amasou
en tres medidas de fariña ata que todo levedou”. ¡Isto é un bo exemplo do que
fixo na terra, coa súa vida, o Fillo de Deus: amasarnos, e de paso, amansarnos!
Lucas 20, 21: “Así
dixéronlle (aínda que con intención retorta): -Mestre, sabemos que falas e
ensinas rectamente, e non te deixas levar polos respectos humanos, senón que
mostras o camiño verdadeiro de Deus... Etc”
-.-
Festa
A grande: O
domingo, Día do Señor.
Mateo, 28, 1: “Pasado o
sábado, na alborada do primeiro día da semana., María Magdalena e maila outra
María foron visita-lo sepulcro...” ¡As
mulleres, como son, que ata madrugaron para achegarse ao sepulcro do Mesías; e
nin con esas, pois os sucesores de Pedro queren telas de amas de chaves; amas,
elas, pero, as chaves..., consérvanas eses sucesores, en exclusiva!
Marcos, 16, 1: “Pasado o
sábado, (as tres Marías)... ¡Iso, o Domingo, que ese si que foi Día de Festa!
¿E non será que as teles, cos seus programas tardíos dos sábados, estean
atentando contra as Misas dominicais? Domingos eran aqueles das nosas aldeíñas,
que había que madrugar para deixar o gando mantido; o gando, si, pero as
persoas, co xaxún rigoroso, a pé, pois as igrexas parroquiais quedaban, case
sempre, a unha legua de camiño, ¡de corredoira!
Xoán 20, 1. 29: Lendo, e
meditando, o relato que fai Xoán acerca da Resurrección de Xesús, dan ganas de
chorar..., pero de ledicia, de ledicia e de agradecemento!
-.-
Fillos de Deus.
Os que traballan
pola paz, os que imitan o perdón de Deus, os que se deixan levar polo Espírito
Santo; fillos de Deus e herdeiros seus, fillos de Deus pola fe en Cristo Xesús;
etcétera, etcétera, que desenrolar esta filiación é tan longo coma o Camiño do
Ceo. ¡Gracias, Señor, pola túa Adopción, pola túa Salvación; séxase, pola túa,
infinita, Misericordia!
Mateo 5, 9: “Ditosos os que
traballan pola paz porque eles serán chamados fillos de Deus”.
Mateo, 5, 44. 45: “Pero eu
dígovos: amade ós vosos inimigos, e pregade polos que vos perseguen. Así
seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saí-lo seu sol sobre malos
e bos, e chover sobre xustos e inxustos”.
Lucas 6, 35. 36: “Vosoutros
non; vós amade ós vosos inimigos, facede o ben, e emprestade (¡Daquela aínda
non se inventaran os Bancos, no que eu traballei tantos anos!) sen esperardes
nada a cambio. E así teredes unha gran recompensa e seredes fillos do Altísimo,
pois El é bo cos malos e desagradecidos”.
Romanos 8, 14: “Cantos se
deixan guiar polo Espírito de Deus, eses son fillos de Deus”.
Gálatas 3, 26. 27: “Todos
vós sodes fillos de Deus pola fe en Cristo Xesús, porque os que os bautizaron en Cristo vestíronvos de
Cristo”.
Gálatas 4, 6. 7: “A proba de
que sodes fillos del é que Deus mandou ós vosos corazóns o Espírito do seu
Fillo, que exclama ¡Abbá! (que quere dicir “¡meu Pai!”). Polo
tanto, ti xa non es escravo, senón fillo. E, por seres fillo, tamén, gracias a
Deus, es herdeiro”.
¿Vedes como somos, proclamados,
herdeiros? ¡A filiación témola clara, a Deus gracias!
Etc., etc.
-.-
Fin (= Xuízo)
Mateo 28, 16. 20: Os
teólogos afirman que este é o punto cume do evanxeo de Mateo: a misión
universal. A fórmula supón unha teoloxía e unha liturxia avanzada dentro xa da
comunidade cristiá. “Os once discípulos (aínda non designaran a Matías, repito
e aclaro) fóronse para Galilea ó monte onde Xesús os citara. E véndoo,
postráronse ante el, aínda que algúns dubidaban. Xesús, achegándose, díxolles:
-Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus
a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo;
ensinándolles a gardar cando vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre
convosco ata a fin do mundo”.
Por moito que repitamos este
capítulo, este “ordenamento sacerdotal”, nunca nos pode aburrir, porque nestas
verbas do Mestre, ¡do Mestre Resucitado!, está explícita a finalidade da
función de Xesús, e con ela, a nosa, a de tódolos discípulos, dos alí
presentes, pero tamén dos que herdamos aquel mandato, sexan clérigos ou
segrares. ¡Só o Fillo de Deus podía ser tan concreto, e tan expresivo, en todo
canto dixo e fixo!
-.-
Froito. Froitos
para a vida eterna.
Lucas 12, 17. 21: “Púxose
entón a cavilar: “¿Como vou facer, que non teño onde mete-lo froito? ... Así é
quen atesoura riquezas para si, pero non é rico para Deus”. Isto das
riquezas..., ¡hai que ter coidado con elas, pois a entrada no Ceo non se paga
con cartos senón con obras de misericordia!
Romanos 7, 4. 5: “Así que,
meus irmáns, tamén vos quedastes mortos para a Lei mediante o corpo de Cristo,
para pertencedes a outro: a aquel que resucitou dos mortos; de xeito que demos
froitos para Deus”.
Colosenses 1, 10: “Así
daredes como froitos toda clase de obras boas e medraredes no coñecemento de
Deus”.
¿Témolo claro?
¡Aquí sementamos..., para recoller no Ceo, así que, miúdo negocio, como para
prestarlle toda a nosa mellor atención! ¿Hai algunha dúbida?
-.-
Gloria. Deus é o
Deus da gloria.
Feitos, 7, 54. 56: Martirio
de Estevo. “Ó sentiren isto, adoecían e renxían os dentes contra Estevo. Pero
el, cheo do Espírito Santo e cos ollos cravados no Ceo, viu a gloria de Deus e
a Xesús de pé, á dereita de Deus, e dixo: -Ollade, vexo o Ceo aberto e ó Fillo
do Home de pé, á dereita de Deus”.
Valga do Santo Estevo, en
Montecubeiro. Aquí houbo un eremitorio, xunto dun rego que aplanaron as palas
da Concentración Parcelaria.
-.-
Glorificar a Deus
ó ve-las obras de Cristo
Mateo 9, 4. 8: “Coñecendo
Xesús o que pensaban, díxolles: -¿Que cavilades nos vosos adentros? ¿Que é máis
fácil dicir: “perdoados quedan os teus pecados”, ou dicir: “érguete e anda?”.
Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar
pecados -díxolle ó tolleito-: “érguete, colle o teu leito, e vai para a casa”.
E erguéndose foise para a súa casa. Vendo isto a xente, asombrouse e
glorificaban a Deus por darlles tal poder ós homes”. Concorda con Marco, 2,
12.
Lucas 2, 20: “Os pastores
volvéronse glorificando e louvando a Deus por canto viran e oíran (en Belén),
tal como lles fora anunciado”. Do mesmo: 5, 25. 26: “E así foi: erguéndose
no intre diante deles, colleu o leito e foise para a súa casa, louvando a Deus.
Todos ficaron pasmados, e cheos de temor louvaban a Deus, dicindo: -¡Hoxe si
que vimos cousas nunca vistas!”. No 7, 14. 17: “E achegándose, tocou o
cadaleito -os que o levaban pararon-, e el mandou: -Rapaz, falo
contigo:¡érguete! O morto incorporouse e empezou a falar; e Xesús entregoullo á
súa nai. Todos quedaron impresionados e loaban a Deus, dicindo: -Un gran
profeta xurdiu entre nós. Deus visitou ó seu pobo. E por toda a Xudea e a súa
comarca correron estes comentarios”.
As obras de Cristo foron
excepcionais, divinas, e temos tantas referencias delas nos evanxeos que non é
cousa de citalas aquí. Non houbo termo medio: Dos que as presenciaron, uns
loaban a Deus, e outros...; os de Satán, coma sempre, bramaban!
-.-
Gracia, agraciar,
conceder unha gracia.
Don gratuíto da salvación, que
Cristo nos comunica.
Feitos 15, 40. 41: Paulo,
pola súa banda, escolleu a Silas e,
encomendado polos irmáns á gracia do Señor, marchou atravesando Siria e
Cilia e animando as comunidades”.
Romanos 11, 5 ss: En Israel
Deus reservou un “resto”. “Da mesma maneira, tamén neste intre de agora
reservou un resto elixido por pura gracia. Ora, se foi por gracia, non foi
polas obras; outramente a gracia xa non sería gracia”.
“Caer en gracia...”, dicíase moito
na miña bisbarra; aquel/aquela que nos cae en gracia é porque algo especial
ten, algo que nos agrada. ¡Ai, Deus, que podo facer eu para caerche en
gracia? Por de pronto, e para empezar, arrepentirme das miñas faltas, e de
seguido procurar ser útil a esta humanidade, por Deus creada. Fíxonos para o
ben, así que aos malos pasoulles/pasounos coma ás árbores sen sostén, sen
esteos, ¡que medramos verdes e torcidos, torcidos e retortos, agarrados ás
cousas materiais, coma as hedras!
Colosenses 1, 6: “Tamén
entre vós, como en todo o mundo, o Evanxeo da froitos e medra desde o día que
escoitastes e coñecestes de verdade a gracia de Deus”.
-.-
Igrexa
Foi fundada polo
propio Xesús. É o noso toldo, o noso alboio; baixo esta cobertura
estamos abeirados, camiño da nosa salvación; daquela, obriga moral, pero tamén
material, a nosa: facer por ela, contribuír ao seu sostén, á súa expansión, á
súa labor catequizadora, expansiva.
Mateo 16, 18. 19: “E eu asegúroche
que ti es Pedro, a Pedra; e sobre esta pedra vou edifica-la miña Igrexa; e as
portas do Inferno non prevalecerán en contra dela. Dareiche as chaves do Reino
do Ceo: todo o que ates na terra ficará atado no Ceo; e todo o que desates na
terra, ficará desatado no Ceo”.
1 Corintios 11, 16: “... se
alguén ten gana de discusións, saiba que non temos tal costume, nin tampouco as
igrexas de Deus”. No 12, 28: “Na Igrexa dispuxo Deus primeiro Apóstolos,
logo profetas, en terceiro lugar mestres”. ¡Somos do terceiro lugar, séxase,
Mestres; nun exército diríase, Oficiais! ¡Ás túas ordes, Señor!
Gálatas 1, 11. 12: “Porque
fágovos saber, irmáns, que o Evanxeo que eu predico non é cousa de homes xa que
nin o recibín nin o aprendín de home ningún, senón que mo revelou Xesús
Cristo”.
Efesios 1, 22. 23:
“Someteuno todo baixo os seus pés e deullo por riba de todo como cabeza á
Igrexa, que é o seu corpo, a plenitude daquel que enche todo en tódalas
cousas”.
Filipenses 2, 5. 11: O
exemplo de Cristo. “Tede entre vós a mesma actitude de Cristo Xesús. El,
con ser de condición divina, non se agarrou cobizosamente á súa categoría de
Deus, senón que se espiu do seu rango, asumiu a condición de escravo; fíxose un
home normal e presentouse como tal; abaixouse a si mesmo, facéndose obediente
ata á morte, ¡con morte na cruz! Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo e lle
concedeu un título que está por riba de calquera título, para que ante o título
de Xesús se dobre todo xeonllo, no Ceo, na terra, e mais no abismo, e para
que toda lingua proclame para gloria de Deus Pai que Xesús Cristo é o Señor”.
-.-
Imaxe. Os
cristiáns, imaxes de Xesús Cristo.
Romanos 8, 26. 30: O
Espírito en nós. “Do mesmo xeito, tamén o Espírito acode a axuda-la nosa
debilidade. Nós non sabemos como debemos orar para pedi-lo que convén; pero o
Espírito en persoa intercede por nós con
xemidos máis fondos cás palabras. É o Deus que escruta os corazóns, coñece a
intención do Espírito, pois el intercede polos santos, conforme á vontade de
Deus. Sabemos ademais que todo colabora para o ben dos que aman a Deus, dos que
foron escolleitos segundo os seus designios. Pois El distinguiunos primeiro e
predestinounos a reproducírmo-la imaxe do seu Fillo, de tal maneira que El sexa
o primoxénito entre moitos irmáns. E a eses que predestinou, tamén os chamou; e
a eses que chamou, tamén lles deu a súa gloria”.
Os teólogos: A oración
cristiá nace das profundidades do “novo ser”: é o Espírito mesmo de Deus quen
promove os nosos mellores desexos e oracións, que son así conformes ó plan de
Deus: a nosa salvación é felicidade. Distinguiunos: coñeceunos,
no senso bíblico, que inclúe amor, predilección. Predestinounos: a
salvación é iniciativa gratuíta de Deus, non mérito do home; o que non
significa que o home non coopere, acollendo ou refugando. Paulo describe
un proceso: o da Historia da salvación: non fala de individuos, senón dos
cristiáns como “pobo”.
¡Canto lles
debemos aos teólogos polas súas explicacións, pois sen eles nadaríamos na
escuridade, en moitas cousas; son os “políticos” do cristianismo!
-.-
Irmán. Dise dos
que cren / cremos en Xesús.
Mateo 12, 48. 50: “El
respondeu ó que llo dicía: -¿Quen é a miña nai, e quen son os meus irmáns? (Xa
está comentado).
-.-
Liberdade. A
liberdade cristiá non debe dar pé ás paixóns.
Gálatas 5, 19. 23: “As obras
dos baixos instintos tédelas ben á vista: fornicación, adulterio, libertinaxe,
idolatría, bruxerías, xenreiras, liortas, cobiza, retesías, discordias,
faccións, envexas, bebedelas, enchentes, e cousas polo estilo. Xa vos avisei
ben avisados de que non herdarán o Reino de Deus os que tal fagan. En cambio
o froito do Espírito é o amor, alegría, paz, paciencia, agarimo, bondade,
formalidade, mansedume e dominio de si. Contra isto non hai lei que valla”.
¡Dígovolo eu, que
xa vin de todo neste mundo, así que, -penso-, estou cargado de experiencias,
das boas, pero tamén das malas! Xa o dicía meu Avó: ¡Hai que aprender en cabeza
allea..., para non expoñe-la nosa!
-.-
Louvanzas. Acción
de gracias. A Deus sempre lle daremos poucas, poucas e rís..., porque, aínda
que sexan profundas, dámolas de moi abaixo a moi arriba!
Marcos 14, 26: “Despois de
cantaren os Salmos, (¡as loanzas!, saíron para o Monte das Oliveiras”.
Romanos 1, 24. 25: “Por iso
Deus abandonounos (aos homes) ás cobizas dos seus corazóns e chegaron a
envilece-los seus propios corpos por trocaren o Deus verdadeiro por un falso, e
por honraren e daren culto á criatura en lugar do Creador. (¡Bendito e louvado
El sexa. Amén!)”.
¡Iso; bendito e
louvado El sexa. Amén!
En Romanos 9, 5: “... a eles
pertencen os patriarcas; e deles vén Cristo como home. O Deus que está sobre
todo sexa bendito por séculos. Amén.
-.-
Canción relixiosa.
Alabaré
Alabaré,
alabaré, alabaré, alabaré
Alabaré a mi Señor
Alabaré a mi Señor
Juan
vio el número de los redimidos
Y todos alababan al Señor
Unos cantaban otros oraban
Y todos alababan al Señor
Y todos alababan al Señor
Unos cantaban otros oraban
Y todos alababan al Señor
Alabaré,
alabaré, alabaré, alabaré
Alabaré a mi Señor
Alabaré a mi Señor
Todos unidos
Alegres cantamos
Glorias y alabanzas al señor
Gloria al Padre
Gloria al Hijo y
Gloria al Espíritu de amor
Alegres cantamos
Glorias y alabanzas al señor
Gloria al Padre
Gloria al Hijo y
Gloria al Espíritu de amor
-.-
Xa que estamos de
louvanzas, non sigo: Déixovos estes apuntes para que poñades as vosas; para que
poñades, para que cubrades, da vosa parte, as miñas omisións; lembrade que son,
soamente, que só fun, un simple mestre dos de a ferrado; ¡senón o último deles,
case!
-oOo-
Xosé María Gómez
Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario