martes, 19 de enero de 2010

AS FEIRAS DE CASTROVERDE NO SÉCULO XX -III-


.../...
                                                   Presentación en Lugo, “Sargadelos”,
do libro
 
As feiras de Castroverde no século XX
1ª edición.



Dignas Autoridades, señoras, señores, estimados amigos:

Entendo que falar das feiras é un tópico, así que incluso pode ser aburrido porque é tratar de algo cotián, de algo inherente á propia civilización, a tódalas civilizacións, habidas e por haber. Entendo que as feiras arrancan do Paraíso Terreal, ¡se é que o houbo! ¿Por que Eva lle deu aquela mazá, que seica estaba prohibida, ao seu home? ¿Non sería un coqueteo, unha escena de puro márketing; en definitiva, un troco, o primeiro deles, o primeiro dos intercambios? ¡Douche esta mazá se me dás unha aperta, se me dás un bico, se me fas un fillo..., ao que chamaremos Caín! O tal Caín, pola súa parte, foi o primeiro dos especuladores: Ofrecíalle a Deus o peor das súas colleitas, na súa soberbia de morgado, e tíñalle envexa ao irmán, ao Abel, porque o segundo, en vez de trocarlle as primicias dos seus rabaños por unas cantas espigas de trigo, ¡sacrificaba aquelas reses ao Señor! Pero non parou aí a cousa, pois detrás de Caín, detrás daqueles labregos, un fillo de Caín, que se chamaba Henoc, segundo a Biblia, meteuse a Construtor, que así empezou iso de venderlles aquelas chozas de pallabarro, de adobes, aos pastores, aos descendentes de Abel, propiciándolles unhas concentracións multitudinarias, tipo Torre de Babel.

A ciencia do troco recollérona, explicárona, elocuentemente, os romanos, tan pragmáticos eles, con só tres palabriñas, e para iso curtas, pero significativas: Do ut des! ¡Douche para que me deas!

Como vemos, isto da división do traballo, isto da complementariedade, por moito que teorizase o economista Henry Fayol sobre organización racional e científica, tempos mortos, camiños críticos, optimización de esforzos, minimización dos insumos, coordinación de funcións, e demais técnicas e perfeccionismos do mundo económico, é tan só unha formulación para estudiantes, pois, todo iso, absolutamente todo, xa se vén facendo desde as orixes da humanidade. Con máis ou con menos acerto, con máis ou con menos picardía, con moita ou pouca efectividade, pero a produción, os trocos, as feiras, a oferta e maila demanda, traémolos nos xenes, desde as mesmas orixes da civilización.

Daquela cómpre deducir que non será tanta vulgaridade falar das feiras xa que, facéndoo, do que realmente estaremos tratando é da propia Historia da Civilización. Por certo, ¿que tiveron de común, todas elas, tódalas civilizacións, e máis concretamente as antigas; para nós, as orientais? ¡Pois, o transporte, as caravanas! Os nosos avós aínda coñeceron aquelas recuas dos maragatos...; e apelidos típicos da Maragatería, por Castroverde quedan uns cantos. Hoxe podemos mercar a distancia, sen presenza física e sen diñeiro físico, mesmo por Internet. Conectados, contactados, entre as redes electrónicas e mailas empresas de transporte, mándannos, recibimos, de todo, ¡a domicilio! ¡De todo, e de tódolos Continentes!

Con estes adiantos, en presenza desta revolución galopante, tanto no industrial coma no mercantil, haberá que engadir un novo capítulo ao Tema das Idades Históricas: Á Media poderemos seguir chamándolle así, pero a Moderna deixou de ser tal, e iso de “Contemporánea” hai que trasladalo ao século XXI, ao presente. O século XX, no que temos que situar o cumio das feiras clásicas, xa é pretérito, ¡pasou á Historia! Trátase dun onte, próximo no tempo, pero afastado en canto á evolución económica, á presente, á do noso mundo cultural, actual.

Neste campo dos relevos, nesta transmisión do facho olímpico, o castelo de Castroverde segue sendo un símbolo, o máis concreto que temos, e por ende, o máis significativo, pero a súa torre da homenaxe quedouse niso, ¡nunha homenaxe aos nosos devanceiros! Hoxe en día tiranizan outras torres; en certo modo, outro feudalismo: ¡As torres de transmisión por ondas! A susodita Internet, a telefonía sen fíos, etcétera. Ordes, consignas, acatamentos e supeditamentos autenticamente mercantís, que nos pasa unha xente, uns axentes, descoñecidos, invisibles, pero que teñen imperio pois actúan en función de ordeno e mando xa que dirixen, informan, forman ou deforman, as nosas vidas, as nosas apetencias, o noso traballo; ¡en definitiva, o noso futuro! A súa auctoritas é real, aínda que invisible; actúan case que por suxestión telepática, pero resulta, en moitos casos, en múltiples situacións, dunha forza indiscutible, meirande cá que nunca tiveron o feudalismo e maila Igrexa xuntos.
 
Volvendo ao pretérito, e concretándonos á bisbarra de Castroverde, a vitalidade destas terras quedou reforzada, fomentada, con aquela Vía romana que unía o Lucus Augusti coa Gigia ástur, devida no século IX en Camiño de Santiago. A primeira etapa, como sabemos, apoiábase no Campamento de Romeán, pasando polo Castrum de Vallis Viridis, hoxe Castroverde, para subir despois á Vacariza, que non “vaquería” por suposto, onde “vacaban”, onde repousaban, aqueles milites, e con toda seguridade permutaban os cabalos, soltando os seus naqueles pasteiros e levándose os que lles tivesen preparados, os de refresco.

Cando os suevos estableceron aquela división territorial dos 11 condados, o noso, o de Castroverde, colleu, ou xa tiña, o nome da zona: Campo de Flammosos, polas ondas do cereal; e de aí, o río, de igual nome, que se vai formando con tódolos regatos da parte de Bolaño, daquel Bolannio, que foi probablemente o Castroverde primitivo, xa que a Bolaño pertencen as terras de Valverde, séxase, o Vallis Viridis. O que hoxe nomeamos Castroverde Vello, ao sopé do castelo, non é máis que un burgo iniciado, habitado, polos serventes, polos servos da propia fortaleza.

Esta situación dunhas terras singularmente produtivas, tronzadas polo Camiño Primitivo, e por tanto acollidas á protección reguenga do mesmo, ademais da xurisdición feudal, obviamente xeraron, tiveron que xerar, un trasfego enorme, que nos levou ás importantísimas feiras por nós coñecidas.
 
Non sei se vos decepcionará o que vou dicir seguidamente, aquí e agora, pois este libriño que me honro en presentarvos está titulado en pretérito pero a súa intencionalidade vai en futuro. ¡Si, si, en futuro! Trátase dunha xanela aberta ao pasado para que albisquemos pola mesma a claridade deste amencer do século XXI. Parece un paradigma, pero coido que é unha realidade. Quixen lembra-la feira vella para mostrarlles aos rapaces algo que sabemos os vellos, tan ben ou mellor cá eles: Que non só no universo material, senón, e tamén, no cultural, nada se perde, nada esvaece: ¡simplemente, transfórmase!

As feiras pasaron, están pasando, subindo que non caendo, do plural ao singular. ¡Así de sinxelo, e así de complexo! Empezaron con aqueles trocos do home primitivo, e desde que houbo camiños, tal que pasou en Castroverde coa Vía romana, á que hoxe chamamos Camiño Primitivo de Santiago, por iso, porque o é, fíxose posible transporta-los produtos ata onde houbese unha concentración humana que os precisase, ou apetecese, tal que un castro, e tras dos castros, as villae romanas, os castelos, os burgos, etcétera. Por suposto que nesta evolución, para pasar do troco, da permuta, á compra - venda, xurdiu a moeda, e tras da moeda, sucesivamente, para facilitar a translación, o transporte cómodo e seguro dos contravalores: inventouse a letra de cambio, o cheque, a obriga de pago, a tarxeta electrónica..., ¡e mailo que veña tras de nós, se é que algo queda por inventar!

Para abreviar, que este tema, con todo ser singular, abarca un mundo, o noso, o universal: ¡Que das feiras en plural, das comarcais, pasamos, estamos pasando, á feira individual, singular, persoal, que é tanto como dicir, á feira global, ou globalizante! Todos, dun xeito ou doutro, estamos en plena produción, directa ou indirecta, desde a caneta ao ataúde; pero tamén en pleno consumo. ¡Daquela, a vida é unha feira, convertémola nunha feira, nun tráfico, nun intercambio, nunha interdependencia global, conxunta, e todo iso con un ritmo de progresión xeométrica! Se nos paramos en puntualizacións, a feira actual xa comeza antes do natalicio: aparatos de observación, médicos, medicinas, etcétera, para continuar con iso mesmo, amén das neneiras, das garderías infantís, e por aí adiante.

Para darnos unha idea do que consumimos, dicíndoo en expresión vulgar, abonda con darse unha volta polas vilas e cidades, á noitiña, e dete-los ollos nesas reas de containers que tanto nos estorba para aparca-los autos. Asegúrovos que diso estou impresionado, pois a materia prima, obviamente, é limitada, e o día que rematemos coa explotación do terceiro mundo, cando baleiremos a produción deses países subdesenvolvidos, ¿que nos levaremos á boca, con que nos abrigaremos, de que serán as camas, prescindiremos do papel...? ¡Ese será, ese pode ser, o remate das feiras! A única saída, e non a prazo longo, estará na reciclaxe e na moderación consumista, ademais da agricultura e da inventiva, por suposto, salvo que emigremos para un planeta habitable, ¡se é que os hai!

Aínda están recentes aquelas utopías de certos teóricos que daban por periclitado o sector primario, propoñendo un transvase urxente ao sector dos servizos. A profecía saíulles bastante ben grazas a esa piratería que se está facendo coa materia prima deses países aos que chamamos Terceiro Mundo, pero, ¿e mañá...? ¡Mañá será preciso volver ao rego, aos cultivos ecolóxicos, igual que se volveu ao millo, desenganados desa prestidixitación da química irresponsable!

Antes aludín ao Camiño de Santiago como Vía de Cultura e de Prosperidade. ¿Pero sabedes onde me teño lembrado del, onde profundei na súa transcendencia? Foi polos anos Sesenta, nada máis e nada menos que no Aaiún, vendo e conversando con aqueles tuaregs das caravanas, que baixaban ata o Congo e retornaban por Mauritania, uns; e outros collían cara ao nordés, chegando a Alxer e a Tunicia. De volta viñan cargados de billetes, mesturados no fondo dun saco, que daban un bo traballo para clasificalos, para aplicarlles o contravalor, e remitirllos ao que entón se chamaba Instituto Español de Moneda Extranjera. ¡Iso, exactamente iso, era/foi, o Camiño de Santiago, que así comezou o Mercado Común Europeo: Uns, cara a Roma, e outros, cara a Santiago! Cargadiños de mercancía e de moedas, levando e traendo, deténdose nas feiras, e moi especialmente na de Castroverde, que tan á man lles caía. ¡Claro que tamén rezaban, algúns, pero do que ninguén se libraba era da feira, das feiras, traer e levar, falar, intercambiar, e por suposto, cazar, cazar e asar, que iso contribuíu, moito, ao auxe do Primitivo, que casualmente tronza o país por terras de gran riqueza cinexética, particularidade que non podemos esquecer para entender aqueles desprazamentos a tan longa distancia!

¿Que podemos ver, que temos que ver, por esta xanela aberta ao pretérito? Partindo de que o presente non existe, e menos coa velocidade vivencial deste intre que estamos vivindo, no que pasan as cousas tal que unha paisaxe vista desde un tren AVE, repito que só nos queda mirar ao futuro. E só hai un xeito de facelo: ¡preparándonos para o relevo do facho, de xeración en xeración! Preparación individual, por suposto, pois toda capacitación será pouca dada a competencia estudantil que teñen, e que lles espera, aos nosos fillos, e aos fillos dos fillos, así sucesivamente, que isto tamén vai en progresión xeométrica! Pero, referíndonos a unha zona concreta, a unha bisbarra do noso entorno, como poda ser o caso de Castroverde, hai, haberá, que especializarse en algo no que por certo estamos atrasados: ¡o cooperativismo, a asociación, a concentración de capitais...! Tanto para producir como para vender. ¡Este é o gran reto se non queremos perder o tren da prosperidade!

Con isto dito, se este libriño non leva aos rapaces a este raciocinio, a esta mentalización, daquela é que perdín o tempo, sexa porque non me souben expresar, sexa porque non me saiban ler, ou entender! Xa quedou anticuado aquel dito de que falamos da feira segundo e como nos foi nela; no sucesivo será máis certo, máis actual, falar da feira ¡segundo e como actuemos nela!

¡Pois iso, e nada máis por hoxe: preparémonos e actuemos, que o futuro xa está aquí, e non se presenta doado, nin dado nin doado! Tampouco o foi aquel pretérito, pero temos que agradecérllelo aos nosos devanceiros xa que, daqueles traballos seus, daqueles esforzos, daquela xenerosidade, chegamos ao que chegamos.

Pero aínda me queda unha importante evocación, de tipo patrimonial, se me permitides expresala coas propias verbas dunha paisana nosa, a Mestra Enriqueta Otero, que deixou dito: ¡Moito é o que temos recibido..., así que moito estamos obrigados a conservar, a perfeccionar, e a transmitir!

Grazas, moitas grazas, a vosoutros, pero tamén aos nosos vellos, aos nosos devanceiros, a todos aqueles que fixeron posibles as feiras, en particular a nosa, a de Castroverde.

Xosé María





Compoñentes do Grupo "Zuncurrundullo"
na Feira da Artesanía de Castroverde,
do ano 2008,
esperando a que eu, servidor, pronunciase o Pregón da mesma.
PREGÓN
na
II Feira de Artesanía e Produtos Gastronómicos de
Castroverde.
26 de Agosto do ano 2007

O ligue nas feiras



Ilustrísimos Sres., e demais  autoridades, amigas e amigos:  ¿Que vos pode dicir este avó, este patriarca; que podo lembrar das feiras tradicionais do noso Castroverde, agora que todo é feira, do norte ao sur, e do leste ao poñente; agora que no hai rural, que desapareceron aquelas limitacións do rural?

¡Pero algo queda, si señores: Quedou a descendencia, a consecuencia, daquelas feiras, daquelas reunións periódicas, tan anheladas e tan necesarias, metade lúdicas, folclóricas e festeiras, e a outra metade económicas!

Empecemos por diferenciar a feira da mañá, a propiamente mercantil, a do gando, a do artesanado, da feira da tarde, que era a festiva, a da mocidade. Retornados os vellos, viñan, achegábanse á feira, os mozos, a segunda xeración, a da futura substitución. ¡Achegábanse, dixen! ¡E tanto que se achegaban, que se tal non fixesen, Castroverde, sen aqueles xuntoiros, acabaría deserto; non existiría!

As parroquias, coa súa Misa dominical, servían para confesarse pero non para pecar, salvo que fose por omisión. E despois da Misa, por moitos anos, o preceptivo foi cantar o Cara al sol, brazo en alto, así como pregoar os bandos do todopoderoso Sr. Alcalde. Recollíase o correo, ¡e para a casiña, atizarlle ao caldo, e pensa-lo gando, para te-la tarde libre por se viñan os mozos axudarlles ás rapazas do lugar a levanta-la sella, pois os outros levantes quedaban para despois de lidas as amoestacións!

Os domingos de feira eran outra cousa: coñecíase á xente de fóra da parroquia, había presentacións, dábanse referencias, interviñan os chufóns… ¡Ai aqueles chufóns, aqueles esculcadores, canto ben facían, canto unían; pero ás veces tamén desunían, tronzando, desviando, amores infantís...! ¡Total, por uns calzóns interiores, daqueles de baeta colorada! Iso si, de perneira longa, e cunha abertura suficiente para cirichar ao lonxe por tras destes carballos do Campo.



O chufón presentaba e refería; despois, se a esculca preaba, discutíase a dote, no seu momento, pois ademais da súa contía era preciso convencer ao patrucio receptor do xenro, ou da nora, de que aqueles cartos, aqueles reás, ademais da cómoda, ou da hucha, cheíñas de roupas da cama, da tea, tiñan que ser recoñecidos na horta de xunto da casa, ou no prado da fouciña, que era a forma leguleia de rebordar os terzos do mellorado.

Feitas as presentacións, viña o paseo por entre as reas destes pendellos, pois, mentres os tendeiros recollían, os rapaces conversaban, parrafeaban:

-¿É certo que non tes palabra doutro rapaz? ¡Mira que se a tes, deixámolo para outro día, que eu son pacífico, e non me gustaría partirlle a cara ao teu mozo!

-Hoxe non a teño, pero se che intereso vaime dicindo as túas intencións, pois aos meus anos non estou para perde-lo tempo, ¡e menos cun descoñecido!

-¿Descoñecido? ¡Non, muller, que ben coñeces a categoría do home que che deu as miñas referencias!
           
-Daquela, por que che intereso?
           
-¡Muller, quen sementa en mala terra, malos fillos lle esperan!

-O meu receo é que din que o que lonxe vai casar, tacha leva ou a vai buscar…

-Pois eu o que vexo en ti é unha muller sa e ben feita, que mellores non has temos na miña parroquia… E xa que todo empeza ao dereito, ¿podo collerte de ganchete?
           
¡Así, máis ou menos así, comezaban os ligues e remataban as feiras, as mercantís. Pero aínda queda algo por facer, algo que dicir: ¡Aquela litrona coa que se celebraban os encontros…! Iso da litrona vén de vello: Agrupados os rapaces por vínculos de amizade ou parroquiais, era preceptivo achegarse á rosquilleira: Os mozos ocupábanse do viño escumoso, do cava, da champaña, imitación que se lograba engadíndolle a cada neto de tintorro unha botelliña de gasosa, que en ocasións, para que a mona fose máis redonda, completábase cunhas copas de “Anís del Mono”, amén da consabida augardente do país.

Nas festas parroquiais as oportunidades eran escasas, maiormente porque as clausuraba a Garda Civil mesmo ao solpor. Pero, ¿o retorno das feiras? A camiñada era longa, e daba para todo. Algún que outro rapaz chegara a ter un foco, unha lanterna de pilas, que non sempre conviña acender.
           
-Muller, é que estas pilas duran tan pouco…!

-¡Pois víñanos ben nesta corredoira tan lameira!

-¡Por iso non te preocupes, que nos pasamos ao atallo, ao carreiro!

Atallar sempre daba resultado pois permitía algún que outro desvío; ¡caritativo, iso si! A mirada lánguida da moza, e os brazos forzudos do rapaz facían o resto, así que ela, ¡miña xoia!, de agradecida e de perdidos nestes montes do traxecto, ¡que menos que darse un bico, e tras do bico unha aperta, así fose no monte de Venus!

Dos bicos pasábase ao namoro…, ¡e daqueles namoros da feira viñan os fillos bravos, que por algo brotaran, naceran, do monte! Se o rapaz era de lei, e tiña o servizo militar cumprido, a inmediata era acudir ao cura para encargarlle as amoestacións; previa petición de man, por suposto. ¡Pedíase a man desde que o importante xa estaba dado, entregado! Pero tamén podía ocorrer aquilo de que,

Unha noite na eira do trigo
unha moza choraba
polos desdéns que lle fixo
aquel ingrato galán.

¿Que a festa non remataba en voda? Tampouco era unha desgraza, que desas había moitas; e logo que as irmás descarreiradas resultaban xeitosas e aproveitables para gardarlle ao morgado a facenda miúda!

Xa sei que todo isto é simplemente un esbozo, catro raias, pois a pintura do último século no noso rural está en branco: os que a viviron, non sabían redactar; e os que sabían redactar, fixérono desde a cidade, convertidos ao castelán, ou esquecida a súa infancia. Por tanto, a súa óptica é irreal, ou superficial, ou afectada, así que o mundo rural, en particular o dos nosos avós, e incluso o dos nosos pais, quedou esquecido, sen pena nin gloria, cando non falseado.

¿Que podemos salvar deste patrimonio? ¡Lamentablemente, pouco, e iso que habería moito que dicir, moito que analizar, moito de que falar! Se os rapaces quixesen escoitar aos vellos, non sería difícil organizar parladoiros, tal que semanais, para que os novos preguntasen e os vellos respondesen. Aqueles contos da lareira xa non son posibles, entre outras circunstancias, porque non quedan lareiras; pero os parladoiros, si. Algo leva feito a nosa telegaita cos seus programas de investigación rural, pero iso de preparar aos vellos, e poñerlles gravata para que saian maquillados en pantalla, guapos e sorrindo, incluso cando relatan traxedias, iso é artificioso, ¡non é verídico!

Eu empezaría preguntándolles aos rapaces: ¿Interésavos coñecer a realidade, os divertimentos, pero tamén as traxedias, do noso antonte? ¿Sabedes de certo de onde vides? Aquel que ignora as súas raizames que non presuma de culto, que non diga que é de Castroverde. ¡De Castroverde é todo aquel que, cando se mira nun espello, recoñece e acepta a herdanza recibida, a saiba do seu sangue, saturado de clorofila!

Os pendellos, e cos pendellos a feira nova, xa están oficialmente inaugurados, reactivados; o que falta agora é restaurar as tradicións. Collámonos, pois, de ganchete, e iniciemos un paseo por esta rea dos tendeiros, que con iso renderemos un tributo de admiración e de agradecemento aos nosos proxenitores. Pero conste que non é unha figura retórica, pois, se o señor Alcalde nolo permite, tan pronto como eu remate con este rollo, precedidos polo noso meritísimo Zuncurrundullo, que recolleron e honran o mellor zume deste Castro Verde, imos dar unhas voltas, arriba e abaixo, collidos de ganchete, digo, novos e vellos, polo mesmo recinto, sagrado recinto, onde se namoraron os nosos devanceiros, sen os cales, ¿que seríamos hoxe? ¡Nada! ¡Un baleiro, un deserto, un inculto!

¡Viva e reviva Castroverde, berce de tantas familias hoxe esparexidas polos cinco Continentes! ¡Viva a mocidade, continuadora e conservadora deste gran Patrimonio, tanto económico como cultural!

Xosé María Gómez Vilabella


EXPOSICIÓNS, FEIRAS E MERCADOS.
Feira, do latín ferïa.
Portugués: feria. Francés: foire. Italiano: feria. Inglés: fair, market. Alemán: markt, messe. Árabe: al-sûq.
Para os romanos, "ferïa", comezou significando día de festa, pero como deron en celebrar os seus mercados precisamente as advocacións do seu Olympus, acabaron nomeando a parte polo todo.

En canto aos árabes que, coas súas caravanas, seguramente foron os máis feirantes deste mundo, cando barracaban os camelos nas inmediacións dun centro de consumo, a tal emprazamento - celebración chamábanlle "Al-sûq", séxase, zoco ou mercado. Na Península, ¡por onde andaron, que aquí non, pois ao noso Castroverde non chegaron, precisamente, segundo se di, por obra e por graza da argucia daquel comes, aquel veciño do Bolo e mailo Año = Bolaño, que non os deixou entrar no Lugo murado, e por conseguinte, no seu alfoz, tampouco!, no resto dela, da Península, a toponimia recolleu aqueles fastos, que aí temos, por só mencionar un caso, a "Plaza del Azoguejo", de Segovia, ou do zoquiño, do Zoco Pequeno. Na Coruña, con ou sen mouros, pero si con evidente contaxio pois a gran cultura árabe, así fose tan só por osmose, abarcouno todo, ou case todo, segundo un documento do ano 1244 recollido por González Garcés, M., ao mercado do peixe tamén se lle chamaba O Azougue: "... in Crunia in azougue de piscato..."

Falar do outro "azougue", do "Hg", aínda que ten unha certa relación, sería abusar da paciencia dos meus, ¿posibles?, lectores, pero, xa que de impaciencia vai, no galego temos: Ser un azougue, te-lo azougue..., que é tanto como se un inquedo, un desacougado, un fervello... Tamén temos azougaría = balbordo.
En canto ao noso vocábulo feira, incorporado ao campo da súa celebración, Machado, J.P., localizou referencias destas concentracións comerciais e sociais nun escrito do ano 1117, onde se le: "Facta carta in terra Sanctae Mariae, ubi vocant Feira..."
O concepto de mercado, no senso económico, abarca desde a máis humilde das feiras dun lugar calquera ata as máis altas finanzas internacionais.
Os mercados eran, e son, nesta acepción do termo, celebracións de maior frecuencia cás feiras, e convertéronse, paulatinamente, nas grandes poboacións, en diarios. Os "Súper" son iso mesmo, en concepción moderna, empresarial, a local cerrado.
A feira, as feiras en xeral, toda feira, cumpre unha función informativa, pero tamén formativa: ¡Ensina! Dinamizan e potencian a produción. ¡Tiran de nós cara arriba! Na práctica non existen feiras especializadas pois, aínda que leven ese nome pola supremacía do produto aportado, no seu contexto e/ou no seu recinto sempre teremos outras achegas, outros alicerces, máis ou menos visibles, máis ou menos directos.
Sintetizando, poderíamos dicir que a feira, o mercado, é o extremo final, a meta, de tódolos procesos produtivos. Xeralmente celebrábanse as feiras para darlles saída aos produtos excedentarios, pero outras hai/houbo nas que se trata de estimular, oficialmente, un artigo pouco coñecido, pero que merece o fomento da súa elaboración. Tamén están, con nacenza no século estudado, no XX, esas feiras de tal produto ou lambetada gastronómica, que no fondo teñen máis de pretexto festeiro, turístico, que de mercado.
Curiosidades: Non había escola nin enterros nos días de feira. O que non tiña nada que comprar, ou que vender, tamén ía: ¡simplemente a ver, para relacionarse coa xente, ampliar coñecementos! Os nenos levábanse, xa queda dito, para aprender; os mozos ían a mocear. As Cortes de Cádiz, ¡aquilo da "Pepa"!, liberalizaron e impulsaron estas celebracións. A máis completa, e podería dicirse que a máis rural, do Noroeste de España, a de Barcelos (en Portugal): ¡cada labrego, un artesán! En xeral tratábase de evitar os grandes desprazamentos dos animais: porcos, ovellas e cabras; o vacún levábase a máis lonxe; e máis aínda o cabalar. En Cartelle (Ourense) un crego chegou a ter feira propia, para o gando propio e tamén aquel no que participaba: caseiros, e cabanas. Este crego, no ano 1745, esixiu aos seus parceiros que lle mostrasen o seu gando unha vez ao ano, que llo levasen ao seu pazo; de aí naceu a súa feira! En todo lugar de España os mercados e mailas feiras francas, quere dicirse, sen alcabalas ou similar, foron escasos; o importe destas alcabalas ía, claro está, para o señor da xurisdición local.

Feiras medievais. Nas máis grandes era preciso inscribirse con antelación, evitando así a competencia con vendedores clandestinos, ou non pertencentes ao gremio respectivo.
As actividades mercantís non desapareceron ao completo durante a Alta Idade Media, a pesares daqueles trastornos ofensivo defensivos que nos levaron ao feudalismo. Polos séculos VIII e IX a economía agraria predominou radicalmente en todo o Occidente de Europa, particularmente na Península Ibérica. Así se foron xerando pequenos mercados de tipo local, (xa queda dito que máis ben ao sopé do noso castelo), onde tamén se vendían os aveños e mailos trebellos daquela coñecidos para as actividades do país.
Mentres, en paralelo, polo Sur e polos países mediterráneos, máis concretamente desde o século X, ao compás do progresivo desenvolvemento da nosa industria incipiente, percibiuse un aumento do comercio xeral, máis ben nos territorios musulmáns e bizantinos, que produciron cousas suntuarias das que a nós, probablemente, nos chegarían poucas, e as que chegasen irían directamente aos pazos eclesiásticos e aos feudais, sen pasar polas feiras labregas.
Aqueles mercados, aquelas feiras da nosa bisbarra, realizáronse baixo a protección da autoridade pública, feudal por suposto, que garantía a seguridade das persoas e das transaccións, nun ámbito territorial reducido, mediante a chamada paz do mercado, que viña a ser unha custodia xurídica bastante rigorosa, asumida paulatinamente polos Reis baixo a súa potestade de mando e de castigo (bannus, cautum, coto regio, etc.). No caso concreto do noso Castroverde teríamos dúas concorrencias xurídicas, dúas proteccións, a paz mercantil e maila paz do Camiño, outorgada por papas e reis ao Camiño de Santiago.
Os vellos do lugar falaban e non paraban das anécdotas que lles deparaban aqueles arrieiros do país, que aínda os citaban polo seu nome, e/ou polos nomes e alcumes das casas respectivas, pero a palma dábanllela aos maragatos (astorganos), que non viñan precisamente nun AVE, senón a pé, polo Camiño Ancho, polo de Castela, pois o mular das recuas traíano, ¡e levábano!, ben cargado. Estes abastecementos fóronse extinguindo pouco a pouco, quere dicirse, en canto Bonifacio Pereira deu en ofrece-lo seu camión!
Non localicei constancia escrita, pero a lóxica dime que aqueles xudeus acollidos ao Corgo, ¡cantidade!, cando a expulsión da raíña Sabela, co comerciantes que sempre foi esa raza, e dada a nosa proximidade xeográfica, ¡no mesmo condado!, moito tiveron que influír nos subministres de Castroverde.
(Anécdota: Nunha ocasión pregunteille en Madrid a un médico procedente do Corgo, da familia Jacob, que có lle dera por estudar medicina tendo as raizames nunha aldea..., pero o insigne tapoume a boca: "¿Que outra cousa podía facer vindo de xudeus..., e máxime agora que está prohibida a usura?").
Entre as feiras estranxeiras que sobreviven con vigor e con tradición, para nós os galegos a máis coñecida, a máis visitada, a que nos resulta máis familiar, neste caso concreto a máis analóxica co que era a de Castroverde a finais do século XX, seguramente sexa a de Barcelos, xa citada, entre Viana do Castelo e Braga, que se vén celebrando tódolos xoves.
Feiras de mostras. O seu principal inimigo son os catálogos e demais mostrarios industriais, así como as convencións que se celebran nos hoteis por representantes das firmas produtoras, e por último a Internet, xa que ilustran aos interesados nos produtos das mesmas, explicando características técnicas, mostras, formatos, fotografías, manexo e mecánica, etcétera, así como particularidades de prezo e de posta a disposición do cliente. Por esta evolución divulgativa, as Feiras de Mostras resultaron moi afectadas, de interese decrecente, que o van suplindo, principalmente, con complementos ou atractivos turístico - gastronómicos.
Diferenzas entre feiras e exposicións. Sucintamente: Produciuse a primeira diferenciación importante cando á entidade artística Society of Arts, de Londres, se lle ocorreu, en 1761, e despois en 1765, expoñer na súa sede obxectos varios xunto con maquinaria agrícola, cun carácter simplemente informativo. Como imitación daquela experiencia, a últimos do século XVIII celebráronse exposicións industriais en Xenebra, 1789; en Hamburgo, 1790; en Praga, 1791; etcétera. Como estes eventos tiveron un éxito grande, importante, fóronse consolidando as exposicións específicas, sen venda directa, se ben, en moitos aspectos, compleméntanse as ofertas, realizándose operacións a través dos delegados das firmas expositoras. Francia culminou estes experimentos en 1798, inaugurando en París unha exposición monumental con obxectos de arte decorativo, principalmente manufacturas de Sèvres e dos Gobelinos, que reuniu 110 expositores no Campo de Marte.
Exposicións internacionais. A primeira foi en Londres, no Palacio de Cristal, de Maio a Outubro de 1851. Concorreron á mesma 13.937 expositores, calculándose que a visitaron, ¡coas dificultades de desprazamento daqueles tempos!, seis millóns de persoas.
Feirantes. Se cada un fala da feira segundo como lle foi nela, tamén é obvio mencionar que sen feirantes non hai feira, ¡nin boa nin mala!
Nun senso amplo, podémoslle chamar "feirante" a calquera que pise o real dunha feira, así non vaia á mesma cun propósito mercantil concreto, pois a diversión actual feira é, ¡que non adoita ser gratuíta! Concretamente os casoiros dos nosos avós, moitos e deles, das feiras saíron, que nelas se concertaban, ¡e ben que duraban!
Miúdos feirantes aqueles chufóns, que así lles chamaban de postos a concertar casamentos..., que de paso, polo seu tráfico de influenzas, merecían e recibían senllos calzonciños, ¡de baeta colorada!, en gratificación polos bos servizos, ¡servizos de experto, obviamente! Chanzas á parte, aquela prenda non era desprezable xa que, no primeiro terzo do século XX, non se estreaban ata o día de subir ao tren para incorporarse ao Servizo Militar.
Entre os feirantes, digamos que, profesionais, tamén había clases, ¡ouh logo!, pois non alternaban os xateiros cos ovelleiros, nin os tratantes de porcos coas cereiros, poño por caso, que se desprezaban recíproca e olimpicamente.
Por procedencias, as máis significativas eran as dos compradores de mular, leoneses ou zamoranos, que retornaban coas bestas atadas de cabeza con cola, Camiño Ancho adiante, en dirección aos seus latifundios. Burros e bestas derreadas ían parar aos xitanos, grandes entendidos en cuestión de imaxe, que rapaban e cardaban as bestas, deixándoas de exposición!
O comercio en xeral, maiormente o de abacería, era arte maragata; destes maragatos, unha vez coñecida e sopesada a riqueza do noso país, moitos deles establecéronse todo por aquí abrindo casas de comercio, hoxe fundidos co resto da cidadanía; algún dedicouse á hostalería, que a tiñan ben practicada dada a súa procedencia do entorno do Camiño Francés, Astorga, Castrillo de los Polvazares, etcétera. Os ovos e todo o aviar, o despece do porco, os queixos e maila manteiga, ían directamente para Lugo, centro acumulador e reexportador, ademais do propio consumo capitalino, que daquela non era moito. O lanar saía en dirección a Zaragoza, onde o reexportaban para Barcelona, dicíndolles aos cataláns que era produción aragonesa. En canto ao vacún, aqueles compradores, ¿autorizados ou mandados?, do franquismo, pagaron pouco máis que de requisa, pero gran parte do de Castroverde non acabou nos cuarteis senón no macelo da Coruña, onde coñecían a calidade dos nosos produtos tan ben ou mellor cá nós, cós da propia bisbarra. O cal, pero este material xa non pasaba pola feira, ía directamente, en grandes carretos, para as obras de Lugo, pero unha parte tamén foi para face-las casas da Coruña, onde certo veciño de Serés chegou a ter un gran almacén de distribución.
O feirante, comprador, ou tratante, adoitaba ir ás feiras provisto da súa blusa moura característica, coas tesoiras grandes de marca-lo gando ben visibles no peto superior. Cando ían dacabalo, denotábanse ao lonxe pola súa, inconfundible, capa encerada, á que lle dicían "o encerado". Outros complementos destes personaxes, tan admirados como odiados, eran as súas caxatas, que só as utilizaban nas distancias curtas; para a defensa persoal, no franquismo estiveron autorizados a portar arma curta, pistola ou revólver, ¡sempre que tivesen acreditada a súa adhesión inquebrantable aos Principios do Glorioso Movemento Nacional. Non era para menos dado que os pagos das entregas efectuábanse ao contado, e non precisamente en billetes grandes, que os paisanos non llelos quería, ¡que non tiñan quen llelos cambiase! Para que nada lles faltase, ao lombo, ou ao dos seus axudantes, os arreadores daquel gando portaban un bo feixe de cordas e de leas; iso sen conta-los xuramentos e demais picardías cos que trataban de impresionar, ou case atemorizar, aos nosos paisanos.
Superado o século XX, e co euro no peto, ¿que tal nos levamos coa EU, con eses da Feira Grande? Regular, e menos mal que dedicamos, nestes últimos anos, gran parte das súas axudas, dos seus Fondos de cohesión, estruturais, que nos depararon, ¡a cambio de certas, de moitas, renuncias onde os prexudicaba a nosa competencia!, a promover, nesta España dos nosos pecados, pirámides en serie, antollos faraónicos, monumentos sen xeito nin dereito, pois, deste modo, aínda hoxe podemos presumir de pobres, situándonos en torno ao 75 % do PIB medio europeo. Como din os mouros, referíndose aos "godos" peninsulares: "¡Vesaf la fantasía!". A parte positiva deste consumo, ¡que non insumo!, está en que así podemos presumir de "Rexión Obxectivo 1". se cadra ata o ano límite, ao 2013, sen que nos dea vergoña estira-la man! ¿Que lle tocará disto a Castroverde? Non o sei; depende, coma sempre, do tino que teñan os nosos conseguidores, vulgo..., ¡iso no que estades pensando!
No noso complexo galaico, ata poderíamos imaxinar que as feiras e mailos "mercadillos" son/eran, a últimos do século XX se entende, un expoñente do atraso rural. ¡Pois vaian, para eses miñaxoias, estas cifras obtidas de estudos europeos efectuados nos anos 1996/7, e por tanto, finiseculares! Nas poboacións urbanas da CEE estaban visitando con regularidade os seus "mercadillos" dun 27 a un 30 % dos consumidores; e no rural, un 60 %. Parece que hai dúas circunstancias de fonda raizame: O comprador, aínda que coas présas do inminente século XXI, dá/daba, e segue dando, por suposto, que os hábitos non se extinguen con só cambia-la folla do calendario, moita importancia á relación prezo/calidade; e logo está o compoñente lúdico da compra, a relación entre asistentes, e mailo trato persoal entre os habituais dun mercado concreto, a ambos lados do toldo.
-.-


ANÁLISIS DE MERCADOS
Nin este é un libro de Economía nin pretende selo: Simplemente un relembro, que para algún rapaz puidera servirlle de apuntes mínimos, tendentes a familiarizalo con ese léxico un tanto abstruso, ¡acaso comparable có dos médicos, que tamén o é!, que veñen utilizando políticos, periodistas e empresarios, para falarnos da feira, ¡pero da súa!
Cando empezabamos a entende-la feira de Castroverde, ¡zas!, metéronos no Mercado común, e de aí, na Unión Europea, niso que agora chaman a CE. E dinnos que ten como finalidade, ¡oxalá se cumpra!, "promove-la paz, os seus valores e mailo benestar dos seus pobos..." Por divisa, a "Unidade na diversidade". ¡Xuntos pero non revoltos! En todo isto da CE houbo algo de trágala, con pouco ensino, con poucas explicacións, e como os de Castroverde xa non estamos no feudalismo..., pois, nada, que queremos sabe-la letra, e non só a música!
Xa que non nos libramos desta aridez das feiras, en vista de que todo, ou case todo, no mundo moderno, no actual, é feira, pura feira, ¡pois de folclore pouco queda!, metamos no peto este pequeno dicionario, máis ben conceptual, por se nos vale de andador para empezar a suplir inseguridades, carencias elementais, empezando polas interrogantes que lle compren a todo produtor:

Que producimos / ou que poderíamos producir; que vendemos, o que poderíamos vender? ¿Cales son as avantaxes dos nosos produto; resistencias que atopan / atoparían; onde reside o seu meirande interese e/ou a súa aceptabilidade; competencia establecida, ou previsible?
¿A quen vendemos / venderemos? Adquirentes por necesidade, por moda, por hábito, por gusto, por luxo, por prexuízos, por tradición...? ¿Quen se beneficiará / apetecerá isto que vendemos, ou que poderíamos vender?
¿Onde venderemos mellor? ¿Na casa / na feira/ no almacén acumulador? ¿Zonas de maior poder de compra; distribución; difusión de medios; alcance da nosa publicidade / divulgación / conexións; publicidade indirecta, tal que a fomentada por organismos interesados na promoción de determinado produto; que pautas seguen os competidores?
¿Cando venderemos / cando convén vender? ¿Estacións ou tempadas de maior venda; conservación e / ou adiamento do produto; quebrantos / intereses negativos que produce un almacenamento / retardo nas saídas da produción; cambios climáticos; estacións; temporadas de uso / consumo; costumes de comerciantes polo miúdo (detall) no mesmo sector?
¿Como venderemos? ¿Fórmulas para entrar en contacto coas necesidades e gustos do consumidor; actuación de intermediarios; solvencia do adquirente cando non pague ao contado; coñecemento dun mínimo, do básico, da lexislación vixente sobre cheques, letras, pagarés (obrigas de pagamento)...; Leasing; custe bancario dos adiamentos; avantaxes / quebrantos, directos / indirectos de cada sistema de vendas de posible opción; valor relativo dos estímulos emocionais ou intelectuais que podamos suscitar, ou que existan de por si no potencial adquirente?
¿Medios de competitividade? Iso que agora chaman, dogmaticamente, agresividade, que non é precisamente learse cos potenciais clientes / provedores. As técnicas destas mensaxes agresivas, ¡outro produto do século XX!, de arte pasaron a ciencia, pero os compradores comezamos a estar aburridos de moitas delas, así que empezan a ser contraproducentes.
Neste mundo de interrogantes, estes son algúns dos vocábulos mal dixeridos:
Accións.- Aínda queda xente de moitos cartos que non distingue entre accións, participacións e valores de renda fixa.
Acta de Adhesión de España á CE.-Aquel tratado, longamente xestionado, ¡non nos querían, téndonos por rémora!, firmouse no Palacio Real de Madrid o 12-6-1985, ¡tras vinte anos de andaina, de peticións / claudicacións! Na primeira das súas Declaracións prometíase o reforzo da cooperación coa América Latina; ¡e serviu para que nos metésemos, por aló adiante, en inversións catastróficas para España! Na segunda estaba o miolo de certas reconversións, moitas delas nefastas para a nosa agricultura.
Acta Única Europea.- Porque asume os tres Tratados nos que se fundamenta xuridicamente a existencia da Comunidade.
Ampliación da CE.- Empezaron Alemaña, Francia, Italia, e os tres países do Benelux. Despois incorporáronse o Reino Unido, Dinamarca e Irlanda. No ano 1981, Grecia. Portugal e España incorporáronse, xuntos, o 1º de xaneiro de 1986.
¿É verdade que estamos nunha feira da que pouco sabemos; unha feira, unha neneira, que nos batuca cando, canto e como quere? ¡Moito me temo que si, que nos están alzando, que nos deixamos alzar, do sector primario ao dos servizos sen deternos no secundario, que é a mocidade de toda economía, unha fase irrenunciable suposto que nela está a potencia económica, as vendas, as exportacións, de todo país que se prece de produtivo e de moderno! Os servizos en economía son foguetes que só están ben na festa da abundancia; ¡coma quen di, diversión de xubilados!
¿Non nos dá vergoña que en España aínda esteamos no 2 ou 3 por cento do PIB en canto á produtividade agro-gandeira, e nos cheguemos ao 20 % na industrial? Isto só nos leva, só pode levarnos, a unha recepción de fondos estranxeiros, polos que nos cobran os réditos que lles peta, para consumilos principalmente nunha construción de vivendas que só tería bo fin se a nosa poboación laboral, produtiva, fose en aumento. ¡Nin os autos nin os pisos repetidos se comen; as patacas, si, que por certo tampouco nos dá vergoña ter que importalas de Francia! Mentres os nosos emigrantes mandaron cartos, a débeda externa íase disimulando, pero..., ¡estanse acabando os retornos! En economía é un pecado confundir pesimismo con realismo; ¡sexamos, pois, realistas!
Ampliación do campo de acción da comunidade.- Polo TUE (Tratado da Unión Europea): Creación, a partires do 31-12-1993, do Fondo de cohesión; definición dos fondos estruturais (FEDER, FEOGA e FSE); promoción da investigación e do desenvolvemento (I+D); e protección do medio ambiente.
Apreciación dunha moeda.- Desaparecida a pesetiña, auga bailamos co EURO, maiormente fronte ao dólar, que é o principal competidor..., ¡de momento, pero ollo ao empuxe dos chinos, que xa non precisan selos de correos para os seus mendigos!
Balance de capital.- O saldo dos investimentos directos.
Balanza corrente.- O saldo das transaccións comerciais (exportacións con importacións), máis rendas e transferencias.
A Balanza de pagamentos, suma das balanzas correntes e de capital, ven sendo negativa par España desde lonxe, ¡e sen trazas de escarmento! A isto os nosos vellos chamábanlle "Tirar a casa pola ventá". España, na data de redactar esta segunda edición do presente libro, debe, ¡eu tamén, eu con ela, en tanto en canto son un dos seus contribuíntes - gastadores!, por riba do 150 % do noso PIB. ¡Merquemos espellos, que os precisamos para mudar de cara, para abrandala!
Banco Central Europeo.- Correspóndelle, en exclusiva, autoriza-las emisións do Euro. O principal obxectivo do Sistema Europeo de Banco Centrais é mante-la estabilidade dos prezos.
Banco Europeo de Inversións (BEI).- Creouse no Tratado de Roma para conceder préstamos ás rexións pouco favorecidas para modernizar e reconverter empresas, proxectos de interese comunitario, etcétera.
Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI).- No seu Informe do ano 1993 sobre Tecnoloxía dos Alimentos xa destacaba, como circunstancias sobresaíntes, ¡ás que, por certo, pouco caso fixemos!, que:
-A produción da industria alimentaria, aquí en España, tería, a curto prazo, crecementos reais nulos, e incluso negativos.
-Que era previsible que as importacións (artigos que virían de fóra, moi competitivos en prezos e calidades), seguisen aumentando.
-Que urxía implantar novas tecnoloxías, e acudir a un cooperativismo meirande en tódolos estamentos, así como potencia-la área do noso márketing. ¡En Castroverde, pero niso estamos á altura dos veciños, isto non se divulgou; se cadra foi que nolo pasaron en alemán, e como aquí os suevos xa nos pasamos ao latín do ora pro nobis..., que recen por nós!
Ciclo económico.- Flutuación da actividade económica con expansións e contraccións seguidas en moitas ramas dunha actividade. Fases principais: Depresión, caracterizada por un algo grao de desemprego e un baixo nivel de consumo en relación coa capacidade de produción. Recuperación, fase na que os niveis de emprego, renda e consumo reinician o crecemento, acompañados, xeralmente, dunha recuperación dos prezos. Auxe, situación caracterizada polo pleno emprego dunha parte das industrias. Recesión, que é a fase na que se deprimen os mercados. ¡Os mercados e maila xente que deles depende!
Cidadanía europea.- O Tratado de Maastricht deunos a cidadanía europea, pero sen suprimi-las nacionalidades.
Cohesión económica, social e territorial.- Por moito que a fomenten desde Bruxelas, con normas, obras, subvencións, etcétera, se o individuo non pon algo, ¡moito!, da súa parte, ¡leite ao río!
Comisión Europea, ou simplemente, "Comisión".- É unha das institucións básicas sobre as que se asenta a CE. Os comisarios da mesma son responsables dos diversos aspectos da política comunitaria. Neste marco institucional tamén entran: o Parlamento Europeo, o Consello europeo, o Consello de Ministros, tamén chamado, simplemente, "Consello", e mailo Tribunal de Xustiza da Unión Europea.
Comité das Rexións.- Ten carácter consultivo.
Comité Económico e Social.- Están representadas as agrupacións con intereses económicos e sociais. Correspóndelle outorga-la súa conformidade ás proposicións da Comisión antes da súa aprobación polo Consello de Ministros.
Consello de Europa.- Que non debe confundirse co Consello Europeo. É unha organización internacional de cooperación.
Consello de Ministros.- Outra das institucións básicas. Decídese sobre uns 76 votos, dos que lle corresponden a España, 8.
Consello Europeo.- Este órgano actúa como foro onde participan os Xefes de Estado e de Goberno, así como o Presidente da Comisión Europea. Cada mandato é de seis meses.

Converxencia.- Iso de achega-lo nivel das economías dos países membros. (En Castroverde sempre se dixo que aquel que non quere ser rico, nunca da pobreza sae).
Cooperativas.- Como termo é unha palabra doada, que ata soa ben; na práctica, non tanto!

Coordinación das políticas económicas.- Lévanse a cabo a través da fixación anual das "orientacións xerais".
Demanda elástica.- Cando a cantidade demandada dun produto aumenta sensiblemente ante unha alteración do prezo. O efecto contrario chámase, obviamente, demanda inelástica.
Dereito comunitario.-A primacía do Dereito comunitario está asegurada, sobre todo, polo efecto directo, ou a aplicación directa, das súas normas, sexan primarias ou derivadas. O Defensor do Pobo Europeo é accesible para todo cidadán da Unión, para toda persoa, física ou xurídica, que resida ou teña o seu domicilio social nun Estado membro da mesma.
Desamortización.- Censos e foros.- As últimas vendas efectuáronse xa avanzado o século XX. Consecuencias das mesmas: Contribuíu dun xeito importante e decisivo á transformación do réxime xurídico da propiedade agraria, á vez que foi ocasión e puntal para que se consolidase a revolución burguesa; iso amén de que fixo fronte ás necesidades da Facenda Pública ao longo de dous séculos. O negativo está, estivo, en que aquelas recadacións foron mal administradas polos poderes públicos. Concretamente en Castroverde as vendas de censos e foros, naqueles tempos en que se produciron, superaron en importancia ás vendas de propiedade plena.
Desenvolvemento sostible.- Crecemento económico susceptible de satisface-las necesidades das nosas sociedades en termos de benestar a curto, medio, e, sobre todo, a longo prazo.
Desertización.- En ecoloxía a desertización está causada, basicamente, pola contaminación; e nos asentamentos humanos, pola emigración.
Dimensión de mercados.- Tamaño da demanda dun produto nun mercado, que se pode medir en número de unidades físicas ou en unidades monetarias.
Economía de escala.- Dado o noso minifundio, interésanos moitísimo non perdela de vista. Refírese aos beneficios obtidos / obtibles pola redución de custes de produción unitarios, emanados do aumento de volume dunha empresa ou actividade.
Ecotaxa.- Gravame sancionador tendente a penalizar unha substancia ou unha actividade que xere efectos negativos sobre o medio ambiente.
Empresa.- Tan só significa "unidade económica de produción". ¡E nós viñamos dicindo que un labrego non é un empresario!
EURO.- Só para que non se nos esqueza: 1 euro = 166,386 pesetiñas. Rexe desde o 1º de xaneiro do 1999, pero os billetes e mailas moedas saíron á rúa o 1º de xaneiro do 2002.
Europeización dos estudos. Programa de intercambio de estudantes "Erasmus".- Para o éxito do Mercado Único urxe contar con profesionais ben formados e, ¡intercambiables! De coñecementos e de preparación ao máis alto nivel posible, cun desprazamento ascendente do nivel actual, pero, ¡reducindo por abaixo!, que sexan capaces de operar ao traveso das fronteiras nacionais e culturais... ¡Vellos, á escola; ou que esperades, que nola traian ás casas!
Exaccións agrarias.- Dereitos variables percibidos na fronteira exterior da Unión Europea sobre importación de produtos provenientes de terceiros países.
Fondos Estruturais, de Cohesión e Agrícolas.- Son: FEDER, FSE, FEOGRA... Pretenden actuar mediante a concesións de subvencións en favor de sectores subdesenvolvidos. Son peixes para o pobre..., ¡en tanto non chega a ter unha boa cana!
Ganancias estáticas de integración.- Segundo Viner, os procesos de integración económica producen efectos de intensificación de comercio entre os países membros, e de desviación fronte a terceiros.
Holding.- É unha verba inglesa, e por tanto soa con "j" inicial. De malas consecuencias para o minifundista. Significa grupo financeiro que posúe ou controla a maior parte das accións de varias empresas, ¡para facelas bailar segundo conveña aos seus mandantes!
Lei de Engel.- Co vella que é, e coa importancia que ten, parámonos pouco nos seus efectos. Engel dixo que, "cando a renda aumenta, os gastos de consumo de bens tamén aumentan, PERO en proporción decrecente os gastos dedicados a bens de primeira necesidade, e en proporción decrecente os dedicados a bens de luxo. ¿Entendeuse? ¡Seguro que si, pero outra cousa é aplicalo!

Macroeconomía.- ¡Ollo, que non quere dicir economía boa! Óeselles moito a certos políticos, o que non garante que a coñezan, e menos aínda que a rolden. É simplemente a parte da Teoría Económica que se ocupa do estudo das magnitudes agregadas dunha economía e do seu comportamento e interrelación. Non parece quedar moi claro, pero aquí trátase simplemente de que non nos vendan unha mula falsa, ou sen amansar.
Política Agrícola Común (PAC).- Foi a primeira e a más desenvolvida das políticas estruturais comunitarias. Os seus piares básicos son, e foron, a política de mercados e a política de estruturas.

Política Social.- Arranca da "Cumbre" de París do ano 1972. O primeiro dos seus textos importantes aprobados foi o relativo á Sanidade e á Seguridade no Traballo.
A Produtividade, que é a relación, o ratio, por cociente, entre o valor dunha produción e o custe dos medios de produción que interveñen nela. Para aumentar resultados, ou incrementamos o N (numerador), ou diminuímos o D (denominador), que neste caso refírese aos custes do proceso. Así:

N / D menor que N + i / D; N / D menor que N / N - i´ , sendo i un engadido, e i´ unha minoración dos insumos.
Produto Interior Bruto (PIB).- Cando oímos dicir aos políticos "Pe y Be", é que se refiren a isto. é un concepto sinxelo da captar pero difícil de explicar:

P.I.B. é o resultado de engadir ao Produto Nacional Bruto, ¡con perdón!, calculado ao custe dos factores, os pagos de rendas netas realizados polos factores de produción estranxeiros. Doutra maneira: É o valor monetario total da produción corrente de bens e servizos dun país durante un período de tempo (normalmente un ano). Non se teñen en conta os bens e servizos que son froito do traballo informal (doméstico, intercambio de servizos entre amigos, etcétera), e tampouco, por suposto, a economía somerxida, tan importante nesta pícara España. ¡Descansen!
Racionalización.- Tampouco é o que parece: Trátase da reorganización dunha empresa ou industria co obxecto de dotala de máis eficacia nos seus procesos. ¡Vén a ser como se un médico puxese a dieta aos gordos!
Stocks. Regulación de stocks.- Os do leite sempre están con isto ás voltas; ¡co doado que é dicir, "cantidades existente", recomendable, sexa en almacén ou nun mercado concreto, nun momento dado!

Para que aos de Castroverde non nos entre complexo con estas grandezas da UE traiamos a colación aquel proverbio escocés que afirma que,
Moitas cousas pequenas
en moitos lugares pequenos
feitas por moita xente pequena
¡poden transforma-lo mundo!
Aquí báixome do púlpito, pois algún dos meus paisanos vaime maldicir por complicarlle a vida, co ben que se estaba polo século XX arriba, sen libros, sen tele, sen xornais, sen idiomas, sen ese prurito, ese proído, ao que deron en chamar internet...; ¡iso si, con mel e filloas, e a contos tras da lareira!
-.-
SE A PESETA FALASE

Se a peseta falase, daquela a analítica dunha feira, de tódalas feiras, sería unha cousa certa, certa e completa. Como non é así, só nos queda acudir á memoria histórica, e un pouco á imaxinación.

Aínda que falemos en singular, cada día de feira tiña dúas edicións: Pola mañá, as transaccións. A muller, coa cesta de vimbios; e o home, arreando no gando. Se eran de cerca, procuraban regresar cedo para que a xuventude se expansionase á tardiña: algunha compra persoal, os saúdos e mailas presentacións, o paseo, ¡o ligue, que dirían hoxe! Destas reunións da mocidade saíron mais emigracións que casamentos: ¡Voume, que isto non ten arranxo...! ¿Para onde? ¡Estou pedindo cartas de reclamación para Cuba, Arxentina, México, Venezuela...! Daquela, se te vas, ¡tras de ti, eu! ¡Acórdate de min!
A emigrar ensináronnos os suevos, pois os romanos viñeron noutro plan, primeiro para vingarse dos cartaxineses, e despois para..., ¡para ensacar e levar! Naquel famoso foedus que lles concedeu Roma, os suevos atopáronse cun terzo da Gallaecia en grácil doazón ou arrendo..., pero os nosos, estes de agora, sempre pagaron a pasaxe, fose ao pai fose ao amigo, para empezar nova vida no Novo Mundo, na terra prometida. ¡Fóronse por falta de terra, cando tantas cousas quedaban aquí sen facer, de estar ben dirixidos!
Nada prexudicou tanto a Galicia nos últimos séculos como a fuga de cerebros: Primeiro, aquela éxida dos feudais, que por moito que oprimisen tiñan algunha ilustración e certa capacidade organizativa; un nivel cultural que aínda non fora transmitido ao pobo raso, simplemente porque non lles conviña eleva-los seus servidores..., para que non deixasen de selo! Todo por aquí a pouca ilustración que se esparexeu, que se divulgou, veunos directamente da Igrexa, pero..., ¡con dous peros! A Igrexa estaba dirixida desde Valladolid, os bispos eran casteláns na súa inmensa maioría, así que non imbuíron, o éxtase polo alleo, e o autoodio polo propio! Os cregos procedían xeralmente da fidalguía, ¡e actuaban como tales! Nobres e clérigos saíron, por tanto, uns notables transportistas, así que, no país, incluso producindo a tope como foi o caso de Castroverde, non innovaron, ¡fóra das súas construcións, iso si, fabulosas! Máis ben nos descapitalizaron; a tal punto, que cando chegaron as sucesivas desamortizacións, redimi-los foros e todo iso, ben se deitou dos nosos segundóns, ¡dos nosos!, que non só pagaron / devolveron as pasaxes, senón que renunciaron ás lexítimas en moitos casos, e incluso mandaron / aportaron letras, ¡letras bancarias, das de cobrar!
A pesares destes atrancos, o labrego da bisbarra de Castroverde, aínda que sería máis exacto e máis completo dicir "das terras, do vello condado de Chamoso", sobresaíu nos últimos séculos dun xeito pasmoso, aínda que cun aspecto negativo para a prosperidade territorial, xa que, precisamente pola súa capacidade, polo seu nivel cultural, sentiu a chamada do medio urbano, e aló que se foi, ¡desnatando a canada! Cando se fale de "fuxida de cerebros" hai que xeneralizar pois, un mozo / unha moza do rural ben criados, fortes, sans, instruídos, que nos deixasen, ¡cerebros eran! ¡Cerebros, que os brazos son máis doados de substituír!
No século XX non houbo carreira máis completa cá de labrego; na nosa bisbarra, cunha multiplicidade de funcións e de producións, todos eles polifacéticos. ¡A feito!
En Letras, conservaron a lingua, e exercitárona con plenitude, pese ás imposicións, libros en castelán, os latíns da igrexa, e demais atrancos. Digna de mención foi a Corrida do Galo - Tribunal da Pascua celebrada na Meda en 1948, con certos papeis en galego cando estaba prohibido o seu uso en actos públicos; a Garda Civil, alí presente, non se atreveu a actuar. ¡Actuaron os sobreviventes, os galeguistas!
En Ciencias, ¡marabillas! Concretamente en botánica os nosos sempre souberon máis que Linneo.

De Veterinaria..., ¡cada gandeiro, un menciñeiro!
Como Artesáns, todo por aquí non houbo labrego que non fose, asemade, zoqueiro, carpinteiro, ferreiro... ¡O malo será se tardamos en ter ese Museo Etnográfico polo que veño "clamando no deserto", pois as palleiras murchan as ferramentas!
De presente, a cabalo de dous séculos, esgotado un ciclo e aínda dubidoso o seguinte, compre lembrar aquilo que dicía Unamuno dos Matemáticos, "Sólo piensan delante de un encerado..." Pero xa non é actual, nin exacto, pois as matemáticas estimulan e disciplinan o cerebro, pero si hai que poñerse en garda fronte a alta especialización que parece esixirnos este século XXI. Os que seguen sendo polifacéticos son os políticos, pero é unha aparencia que ofrecen diante do micro, que despois, á hora, de afondar nos problemas, o que mellor saben, o que mellor fan, é nadar e garda-la roupa. Cada situación e cada profesión esixe, certamente, un alto grado de especialización, pero, de postos en pé no noso Castroverde, hai que ponderar que a terra que pisamos é un tesouro, ¡apta para mil funcións! Outro dito que anda por aí é aquilo de certo Economista americano, que dicía: "O que só sabe Economía, nin Economía sabe".
Aprendamos, pois; adquiramos, pero sen perde-lo herdado, que todo patrimonio, froito de mil afáns e de mil suores dos antepasados, amén de sagrado, é útil!
A feira de Castroverde, e quen desta fala, fala da Historia Económica dun lugar, dunha bisbarra, dun hinterland, naceu, ¡como todas!, dunhas reunións máis ben relixiosas, ou mítico relixiosas, nas que os concorrentes, en torno á cova ou á tenda do feiticeiro, do druída, intercambiaron cousas cos castrexos das proximidades: froitas, reses, pedriñas de sílex...; ¡que sei eu! ¿Aquí, todo por aquí, a primeira delas non sería aí no Castro de Xivil, mesmo diante da Cova da Valiña, no noso Val Verde? Intercambiábanse cousas sobrantes, ou renunciadas, sacrificadas, para obter outras aínda máis perentorias, máis cobizadas, precisas para atender necesidades primarias, ou consideradas como tales.
Aquelas reunións nas tendas tribais, e máis tarde ao redor dos templos, ¡do que non se librou nin sequera o de Xerusalén!, é seguro que motivaron enfrontamentos, roubos, enganos, pero pouco a pouco, ¡máis ben amodo!, o ser humano foise civilizando. Xeralmente á forza de ceder e de perder, pois para chegar a rico pola vía rápida, que adoita ser a indigna, nada mellor que ser bruto, ¡un animal! A cambio diso, eses tales non gozan das cousas exquisitas do espírito, da sensibilidade, que son artigos de mala feira. En todo, e máis en todos, foise evolucionando, pouco a pouco, ata lograr ese rectum balanceiro no que hoxe tentamos vivir, uns e outros, pois a onde non chega o amor funciona o temor, sequera sexa por desagrado, pola repulsa social que reciben e perciben os disolventes sociais.
Cun salto adiante na historia da humanidade chegamos ao medievo, ¡que non queda tan lonxe como poda parecer a primeira vista! Castroverde, tomado por módulo feiral, -que daquela era coñecido por Castro Verde, antes de que, coas présas, nos dera por xunta-las verbas adxectivas-, represéntasenos con facilidade; e quen di Castroverde, di calquera outro lugar da nosa xeografía, da nosa cultura.
Os xerarcas do medievo, fosen eclesiásticos ou civís, (¡Os feudais tiñan más de militares que de civís!), decatáronse das avantaxes e das maquías que lles traería a creación e mailo fomento daqueles mercados locais, así que deron en fomentalos, concedéndolles aos feirantes dereitos de asilo e de hospitalidade, amén dos "fueros" franquiciados, tal que para ser xulgados por tribunais especiais en caso de delito, e outras proteccións e seguridades xustas, estimulantes da concorrencia e das transaccións.
Pola Historia literaria sabemos que concorrían ás feiras, tras da súa pitanza, ¡que cada un xanta do que canta!, xograres e voandeiros, músicos ambulantes, comparsas de cegos, pícaros, etcétera, que entretiñan aos curiosos, actuando principalmente no patio de armas dos castelos, ou nos claustros conventuais, ¡á procura dun cobre ou dunhas febras! Benito Vicetto, autor de "El Caballero Verde", (Madrid, 1844), namorouse do noso Castroverde, precisamente porque o trouxeron unha vez á nosa feira, e coa mesma, púxose a redactar: "... elevábanse en aquel tiempo las altas y oscuras torres de Castroverde...".
Acudindo ao Dereito español podemos empezar por unha verba xermánica, traída polo suevos, a wadiatio, que vén a ser unha fides fa que permite establecer responsabilidades negociais. ¿Quen non escoitou iso de paga-la robra, iso de convidar aos intervintes, aos colaboradores dos tratos? ¡Pois aí tedes un tipo de wadia! "Roboratio robra", neste contexto, era a alleación pública, wadiada, de bens, na que interviñan os fermes como testemuñas, fiadores ou persoas de autoridade.

Por alí andaban as arrhas, ¡e non só nas vodas!, que eran aquelas sinais que percibían os vendedores, comprometéndose coa súa recepción, con aquelas entregas iniciais, a paga-lo duplo da cantidade recibida como sinal..., ¡se recuaban! (O trasacordo sempre foi inimigo das arrhas, incluso nas vodas!).
Tiñan a palmata, que aínda funciona hoxe, pois seguimos pechando os tratos coa chave dunha aperta de mans, ou un moquete no ombro: ¡Que si, ho, que che levo o xato no falado..., aínda que vale bastante menos, que me pasei na miña apreciación! A palmata foi, inicialmente, un xuramento sacro, unha promesa de tradición arcaica, inviolable, un compromiso de fidelidade, unha fides pacta.
En definitiva, que sempre houbo pícaros nas feiras, e por ende, precaucións, a pesares de que os romanos nos ensinaron aquilo de que pacta sunt servanda, pero as amarras sóltanse! No noso Castroverde sempre se dixo que, contra esquecementos..., ¡documentos! Aqueles contratos perfeccionábanse, calquera que fose o sistema wadiado, cunha roboratio, ou robra, verba que aínda conservamos nesta bisbarra, manifestada formalmente nun convite, ao que se lle chamou alboroc, (alborpoque), xantar ou comida de robra.
As feiras que perduran adoitan levar consigo unha alta concentración anhídrida, ademais da alcohólica. ¿Que tal che foi...? ¡Tiven que aparcar, como de costume, en fileira dobre!
A todo isto, mirando cara adiante, coido que non estaría mal traer a conto aquelas teses de Maslow, un filósofo e psicólogo americano, falecido na década de 1970, que, no seu libro, "Motivación e personalidade", conseguiu unha síntese moi suxestiva, e de paso unha lei de xerarquía dos grupos de necesidades que impulsan ao ser humano, necesidades e/ou apetencias que son o miolo das feiras, o gran secreto desta nova concepción delas, á que vimos chamando márketing. Segundo Maslow, as "marchas" deste gran móbil que é o mercado son as seguintes:
. Necesidades fisiolóxicas.
. Necesidades de seguridade.
.Necesidades sociais: ser aceptado pola comunidade, amor, influenzas, etcétera.
. Necesidades da propia estima: chegar a ter confianza nun mesmo, e tamén as que se relacionan coa propia reputación, o recoñecemento por parte dos demais, status social, etcétera.
. Necesidades de autorrelación: desenvolvemento continuo do sentido creador do home.
A satisfacción das necesidades.- Se producimos para satisfacer necesidades, como disto sempre hai, daquela..., ¡véndese todo! Pois, non, rapaz/a, que a cousa non é tan sinxela: En Economía enténdese por "necesidade" toda sensación de carencia, natural ou provocada polo propio márketing. Por consumidor e/ou por usuario entendemos o que todos sabemos, que isto está máis claro, e coido que non precisa matizacións. Tamén se pode falar de que hai cen tipos de márketing, incluso un márketing de ideas, pero isto é doutra feira.
Para simplificar e para xeneralizar ao máximo posible, quedémonos con este resume: Márketing é a serie de actividades que dirixen o fluxo ou corrente dos bens e servizos desde o produtor ao consumidor. ¿Sinxelo, non si? ¡Claro, tanto como pasa-lo Pradairo..., agora que non hai toxos, agora que os eólicos mandan as chorimas, lo menos, lo menos, para Santiago!
¿A elección de produtos...? ¡Aí, precisamente nesta galladura é onde empezan as "feiras" modernas! O Avó / a Avoa, tíñano fácil: ¡Copiar do veciño, preferentemente dos da Casa Grande, que por algo se daban de fidalgos! Pero hoxe en día é perigoso copiar dos veciños: Se é para comprar a ollo, a vulto, sen sequera entende-los catálogos, eses libriños de letra miúdas escritos nos cen idiomas de moda..., ¡máis trastes ao rocho! E se é para vender, ¡ollo á saturación, presente ou probable, dos noso mercado! ¡Estamos remando no mar da globalización, así que non hai puntos cardinais, e sae o sol alí onde acendemos a lámpada!
En definitiva, que con estas complicacións logo sería mellor darse ao vaseo, ¡ao botellón!, e de paso á brisca; do que non, durmi-las vinte e catro, e que corra a feira, pero, tras do sono vén a fame, e daquela, ¿que lle metemos ao pote se non temos verzas na horta?-
-.-

A TRAS-TENDA DA NOSA FEIRA
Non hai, non pode haber feira, se a concorrencia de produtores e de consumidores, estean en presenza ou representados polos seus intermediarios. Castroverde, particularmente nos últimos séculos, gozou dunha situación privilexiada.
Dunha parte, as terras de aluvión extensas, edafoloxicamente privilexiadas, sen atrancos naturais que as illasen, salvo, se acaso, a serra do Pradairo - Puñago, de non difícil accesibilidade, e que, a maiores, ten a bendición de ser unha arteria acuífera de alta fecundación. Liberadas estas terras, aínda que tardiamente, de señoríos, foros e grandes terratenentes.
Da outra, a relativa proximidade coa capital provincial, que se ben nos últimos anos actuou de absorbente desintegrador do feiral, nas primeiras décadas do século XX mamou ampla e intensamente do peito castroverdense.
Como coroa, a súa encrucillada de bos camiños: Primeiro, para as recuas; despois, para os carromatos; e por último, para a tracción mecánica.
En canto aos camiños, ¿quen nos di que os romanos, nos seus desprazamentos cara ao nordés, non utilizaron e perfeccionaron as vías celtas, aquelas rutas dos castros, que vinculaban aos lucenses cos ástures, e á viceversa, gallaécicos todos eles? De aí a Vía Lucus Augusti - Gigia; de aí un camiño practicable, e non só para as bestas de carga.
Despois, ou xa daquela, esa cruz centrada en Castroverde que é, que foi, o Camiño Ancho de Castela.

Certo é que o noso clima tende a enlama-las vías, pero non o é menos que a nosa pedra, de fácil extracción, resultou axeitada para calzar e para repoñer as corredoiras. A proximidade, entre si, por abundancia, dos núcleos poboacionais, amparados non só polo castelo senón e tamén por unha pléiade de igrexas, mosteiros, casas fortes..., deu a estes camiños unha seguridade alta, satisfactoria, fronte aos asaltos do bandoleirismo feiral, circunstancia non sempre concorrente noutros lugares do país galego.
A primeira estrada de Lugo foi inaugurada no ano 1773, e chamábanlle "Camino Real de Madrid a Coruña". Nós quedamos a poucas leguas da mesma, e para iso, con dous accesos preferentes: O que é hoxe Estrada C-630; e tamén o Camiño Ancho, en parte utilizado, seguido, pola DP 1611. Estas circunstancias son / foron altamente positivas, para nós e para os maragatos, uns arrieiros avezados, que así puideron amplia-lo seu negocio coa utilización de galeras e carromatos. Se acudimos en busca de orixes aos cemiterios da bisbarra, que sempre ofician de árbores xenealóxicas, atoparémonos con algún Besteiro, Cordero, Pollán, Rodríguez, Valcarce..., en xeral procedentes dun namoro maragato.
Castroverde pechou o ciclo económico da última década do século XX con estas cifras:
-Unha poboación caída en picado, que se reduciu á metade desde o ano 1950, no que pasabamos de 8.000 almas para os nosos 174 Km2. de superficie útil.
-Ao remate do século estábamos dedicados ao agro e á gandería o 83,3 %; á industria, o 1,8 %; á construción, o 3 %; e aos servizos, un 11,9 %.
Máis de 700 explotacións de vacún, co cuádruplo de vacas por explotación comparativamente co resto da Galicia rural.
14.236 Has. en produción, das que 3.376 estaban destinadas a solo cultivado; 2.350 a prados; e o resto, a masa forestal.
588 ovellas, e 12 cabras, en 59 explotacións.
717 tractores. 1328 equipos de traballo en solo. 112 equipos de sementeira. E 102 equipos de recolección.

Rematamos o século con pouca especialización en frondosas, e sen case enxertos (de castiros, froiteiras, etcétera), atidos máis ben á repoboación natural, "inter-silveiras", que, como é sabido, non enderezan nin equidistan as árbores. ¡E menos mal que non avanzou moito esa peste, hoxe tan galega e tan xeneralizada, do eucaliptus!
Un dos aspectos decadentes do Castroverde finisecular, apreciable nada máis poñerse en camiño da feira, por calquera dos moitos accesos desta bisbarra, na década de 1990, foi o esmorecemento da nosa sempre vizosa horticultura, que daba xenio contemplala, poño por caso, na década de 1950, tanto pola súa cantidade como en variedade. ¿Culpables? Máis ben o culto da vaca, que se tornou excluínte: ¡Cartos do leite versus leitugas leñosas, amargas, dos desertos de Almería!
Por aqueles anos, digamos que en pura curiosidade metafísica, cansei de preguntarlles aos meus paisanos se fixeran analiza-las súas terras para mellor coñecer a potencialidade e carencias a suplir; á porra non me mandaron, ¡que para corteses, Castroverde!, pero houbo quen me dixo, metaforicamente por suposto, que lle quedara o sacho no cemiterio de cando enterraran a seu pai.

De turismos, que non de turistas, o século finou ao grande; case todos de segunda man, pero, ¡ao grande! Nas décadas de 1970 a 1990 chamaba a atención que o Norte de Portugal, eminentemente agrícola, estaba enfrontándose á crise ocasionada polo retorno masivo dos seus colonizadores a base dunha complementariedade agricultura - artesanado, na que o mundo rural acudía ás feiras con pequenos furgóns nos que igual levaba que traía abonos, produtos vendibles e ferramentas artesáns para o agro. Aportaban un alto valor engadido, e os consumidores mercaban directamente do produtor, con prezos accesibles. En paralelo, daba gloria asomarse pola feira do noso Castroverde onde os "turismos" tocaban..., ¡a un por persoa!
Aquí estamos falando de como rematou o século XX, pero coido que non sobra botarlle unha ollada ao futuro previsible. Para velo de lonxe non falarei por mi mesmo, que estou excesivamente cerca, pero permitídeme que me luza cunha pluma allea, neste caso a de Gonzalo Fernández, un economista de Ferrol, afincado en Madrid, que dixo en certa ocasión algo que para min segue de actualidade.
Aos efectos, utilizo aquí un artigo de Perfecto Conde, coido que aséptico, profesional, e sen tendencia política, que sintetiza axeitadamente as ideas do economista precitado: Está ocorrendo..., "un intenso proceso de desagrarización económica, social e cultural, que ten, como consecuencia máis importante, a perda progresiva e rápida da capacidade de ocupación e de sostemento do medio rural por parte da actividade agraria. En consecuencia, despoboamento agrario do mundo rural, abandono produtivo de terras, recursos, instalacións, vivendas e aldeas; falta de capacidade para conserva-lo espazo tradicionalmente agrario e crecente forestación e selvatización non sempre produtiva. Tamén, abandono do patrimonio histórico e cultural".
En verbas tamén propias, pero xa directas, do repetido Gonzalo Fernández: "Este é un proceso en gran parte irreversíbel, e o sector agrario non ten solución para estes problemas, pero o mundo rural si pode tela"... "O concepto de desenvolvemento rural que se vén utilizando é excesivamente restritivo xa que non engloba o conxunto da economía rural non estritamente agraria. A nova economía rural implica as actividades agrícolas, gandeiras e forestais; as industrias agroalimentarias e as de produción de pensos e outros inputs; as industrias forestais; determinadas industrias produtoras de enerxía renovábeis a partir da biomasa, residuos forestais e agrarios, pequenos aproveitamentos hidráulicos, etcétera; o turismo rural e a satisfacción doutras demandas do ocio; a caza e a pesca; acuicultura en augas continentais; a agricultura e a gandería ecolóxicas; o aproveitamento do bosque; a identificación, valorización e utilización de recursos en instalacións de carácter agrario que quedaron inexplotados; conservación da natureza e do patrimonio cultural; a conservación da paisaxe; a creación de capacidade endóxena de desenvolvemento do medio rural; o remozamento e a reprofesionalización da poboación rural; a potenciación do asociacionismo; a modernización como soporte e factor do desenvolvemento; a prevalencia da calidade como factor de competitividade, as denominación de orixe e as certificacións de calidade e de seguridade dos produtos".
Primeiro é perfecciona-lo produto, por suposto; poñer en mercado produtos de alto valor engadido (1), e despois..., ¡vender! Mais non se crea que o pano se vende na propia arca, por bo que sexa; ¡non señor, hai que presentalo, e para presentalo levalo á feira! En resumo: ¡cultura emprendedora! (1) Valor engadido é o valor que unha unidade económica, individual ou colectiva, incorpora, engade, á produción dun ben ou dun servizo por medio da aplicación, da dedicación, dun traballo, sexa directamente, con meros esforzos persoais, ou, se o caso o require, insumindo capitais.
Logo parece unha tiranía iso de pedirnos, iso de pedirlle ao labrego, empresario agrícola en definitiva, que innove máis do que xa innovou nos últimos cincuenta anos, que arrisque máis do que leva arriscado en cuestión de dúas xeracións, pero a feira, o mercado, son así, ¡outro Neptuno, que traga aos propios fillos!
O lastre consiste en que, en tres cuartos de século, tivemos que pasar do arado romano á informática, e iso é moito pedirlle ao home do rural, abafado de tantas artes e de tantas mañas. Aos teóricos do I + D + i tenlles sen coidado a limitación da leira, a amortización da maquinaria, tanta e cadora máis variada, máis complexa, con más avarías, e tamén a carencia de persoal cualificado para as labores de temporada, os abusos e as tramas do intermediario...; tantos e tantos factores que non se amorean, ou resolven, dándolle á Internet, pero algo hai que facer, que nas cidades nada sobra e moito falta, pois as únicas @ arrobas que teñen, que temos, son esas do correo electrónico! Sobrevivirán, en todo tempo e lugar, aqueles que mellor se adapten, que mellor evolucionen, pero á présa, pois en España, e iso que tamén temos, que tamén nos queda, algo de latinos, non reza, non se cumpre, ese afirmativo dos italianos de que, qui va piano va lontano!
A feira dos pisos.- ¡Esa si que foi feira! Aínda que este asunto desbordaría un libro, coido que non podemos saírnos pola tanxente neste opúsculo das feiras do século XX sen facer unha alusión ás dos pisos. Feira foi, pero mal camiño leva polas corredoiras, excesivamente trilladas, especuladas, do século XXI. Historicamente, a que máis cartos moveu, consumiu, no último terzo do noso XX, (q.e.p.d.)
As súas raizames están na circunstancia de que emigraron os minorazos, máis ben eses, así que, ¡meus pobres!, tan pronto como xuntaron catro divisas, coa saudade dun posible retorno, aínda que non sempre probable, ¡a por piso, casa cuberta, así fose de xestas, pois a casa matriz, sabido é, era do morgado! Como outras inversións xeralmente non tiñan, que outras fórmulas éranlles pouco coñecidas, e nin para facelas era propia a galopante inflación dos anos 1960/1980, do concepto vivenda pasouse ao de inversión especulativa En vivendas. Claro está que as puideron facer, con notable economía, en réxime de cooperación, pero..., ¡nin Normas satisfactorias, nin ganas de cumprir as existentes! (De propósito, dou fe, como testemuña presencial, pero non caso insólito, de como nas xuntas dunha certa Cooperativa de Vivendas Protexidas, o representante de "Sindicatos" facía mutis polo foro, oportuna e xa anticipadamente, para que a directiva da mesma lanzase os seus camelos e lograse a aprobación maioritaria, cando non unánime, dos seus chanchullos crematísticos e alegais, por non dicir, ilegais.
O diñeiro da nosa emigración, -cantidades inxentes, ¡en divisas!, bastante máis do que recollían as estatísticas do IEME pois aos empregados da Banca / Caixas, naquelas fichas de cesión, ordenábaselles, e cumpriámolo por ser máis simple, poñer "Turismo", concepto máis brillante, politicamente, que o de mendigos retornados-, máxime coas facilidades que tiñan as pesetas convertibles, estaba chamado a fomentar un desenvolvemento sostible que abocase nunha gradual, progresiva, industrialización das nosas vilas, ¡engadindo, de paso, valores aos produtos do campo!, pero non se quixo, nin se fomentou, que nos interesaba, o retorno eficaz deses produtores. ¡España va bien!, foi unhas daquelas consignas demagóxicas, así que todo foron circunstancias disuasorias, habilmente administradas, co cal, saltando en cabriola malabarista do sector primario ao terciario, os pobres sentíronse clase media, e esta subiuse aos automóbiles da burguesía.

Tras do primeiro dos pisos, logo da vivenda, tan necesitada e tan merecida, pasouse ao segundo, e incluso do segundo ao terceiro. ¡A especular, macho! Os elevados, aqueles que antano vivían do cupón, pasaron a facelo dos extratipos bancarios, rematando en doutores da especulación. Pero a todo isto, nin o Promotor perfeccionaba, que non sabía nin quería; nalgún caso bastaba con subornar oportunamente...; nin o Especulador esixía, ¡que tampouco sabía nin quería! Nesta inercia, a Banca decatouse de que iso das hipotecas inmobiliarias, experimentado, exercido de vello, polas Caixas, era rendible e cómodo, unha escritura notarial e pouco máis, sen cortapisas de taxacións posto e suposto que nesa feira especulativa, aínda que o cliente caese en morosidade, outro viría que abondo pagaría. ¿Que escaseaba o Pasivo? ¡Con traelo do estranxeiro..., a débeda externa, problema de Estado, que non propio! Así foi como se pragaron as cunetas das estradas de acceso ás vilas con torres hercúleas, e algunha herculina, tamén! En mil casos, novecentos espantallos espantosos, ¡estrangulantes de todo urbanismo estético, racional! Nesta conxuntura histórica, se o noso Castroverde non foi das vilas peor tratadas debeuse precisamente a que se mantivo..., ¡en su lugar, descanso; ar!
¿Interesámonos pola ecoloxía despois da súa agonía? ¡Daquela compre reactivala, resucitala!

A desaparición das feiras,
ese esgotamento das vendas, esa desaparición das achegas, da produción propia, é dramática; en varios aspectos: Un círculo vicioso, ou máis que vicioso, pezoñento. Non se vende porque non temos produción que lle interese ao mercado. E nada, ou pouco, compramos do propio porque..., o dito, non existe! ¡Que son duras esas leitugas que nos exporta ese Magreb desértico! ¡Non importa, que máis duro é darlle ao sacho para cultivalas! ¡Como imos ter feiras, se a feira globalizouse, internacionalizouse! E logo que, para ir de paseo ata a Veiga do Olmo, non é preciso que sexa domingo de feira.
¿Saben os nosos habituais das feiras quen, ou que é, iso da Organización Mundial do Comercio, abreviadamente, OMC? ¡Pois espílanse, traten de que lles sexa presentado ese rapaz, que é un potencial violador das feiras; e logo que non ten cara, pero ten feitos, consecuencias perigosas!

Os factores negativos son varios, e teñen a súa interdependencia:
-Non se cultiva porque non hai cultivadores, polo menos a gran escala; fóronse ou cambiaron de actividade porque, cunha política económica de salón, de mal encamiñada a súa actividade esta non lles era satisfactoria, rendible.
-Aínda temos o problema do minifundio, é certo, pero tamén o é que onde se practicou a Concentración Parcelaria, -a oficial, que pola de carácter privado, incriblemente, a xente non entra-, unha gran parte dos predios de substitución estanse dedicando a cultivos pasivos, e incluso a eucaliptos, así sexa no que deberan ser hortas ou prados da fouciña.
-Os homes non entramos na cociña, e as mulleres trinan por saír delas. Consecuencia directa: ¡LATAS E BOTES, BOTES E LATAS! Comidas de emerxencia, esquecéndonos, pouco a pouco pero inevitablemente, dos alimentos ecolóxicos, sans e saborosos; nutritivos, en definitiva. Os nenos botan tripa, a caries avanza, e os vellos apoltronámonos, descalcificámonos.

Os produtos locais, puramente ecolóxicos, nesta bisbarra de Castroverde, que é o tema que nos ocupa, foron paulatinamente desprezados; desprezados e desprazados, substituídos; nun par de xeracións; así que, recuando na calidade de vida, esquecéronsenos dúas cousas importantísimas: O saber producir, e mailos sabores do antano producido.
Ademais da calidade de vida, ¡iso, calidade de vida!, están os prezos, en parábola ascendente: Ofértannos produtos de igual nome, traídos de miles de quilómetros, que se elevan ao cadrado, cando non ao cubo, entre intermediarios, cámaras e transportistas, pero aquí xa non ofertamos os nosos, na nosa feira..., ¡porque ninguén os produce, polo menos en cantidade vendible! Por outra parte, dito sexa a modo de exemplo, cando hai produción, como pode ser o caso das mazás e das fabas, veñen os almacenistas doutras partes, que teñen industrias e marcas rexistradas..., como artigos seus! Para confirmar estas reflexións, un tanto coloquiais, de síntese, abonda con probar unha leituga, talmente plastificadas, procedentes deses invernadoiros das antípodas; ou comparar as características organolépticas dunha mazá collida directamente da árbore, no seu tempero, con outra de igual tipo, pero..., ¡pasada pola cámara!
¡Castroverde, segues sendo verde, pero máis agrisado, co engadido de que agora cheiras a eucalipto! ¡Deus te ampare e te reactive, que te estás convertendo en papel hixiénico..., para media Europa!
Indo ao pragmático, ao positivo: ¿Quen se encarga de forma-los labregos axeitadamente, ou dito doutra maneira, de actualizalos, de especializalos, de convencelos para que opten pola recuperación, avaliación e lexitimación dos seus coñecementos específicos, así como das posibilidades de adaptación ás condicións, ás esixencias, da demanda crecente, previsible, de produtos netos, ecolóxicos, que, loxicamente, está chamada a irromper neste século agora comezado, no XXI, desenganados, paulatinamente, das mortallas coas que despedimos o tan controvertido XX, que avanzou a tombos, mal usando infinidade dos seus adiantos científicos?

Volvemos ao millo, ou máis exactamente, incrementamos a súa produción, pero, ¿cando? ¡Cando se descubriu, na propia corte, no peto dos nosos ingresos, daquelas fariñas tan cómodas como infectas! Dicían os nosos vellos: ¡O que queira criado fiel, que se serva el! ¡Pois nisto, algo parecido! Non se trata de aborrecer a división do traballo, que custou séculos adoptala, postos de xeonllos na autosuficiencia, pero é que xa traspasamos a súa fronteira, montados no péndulo de Foucault! O que compre, obviamente, é ocuparse, preocuparse, por obter coñecementos propios, axeitados á nosa produción, contrastados, se non suficientes que sexan polo menos progresivos, para ir por bo camiño cara á potenciación dos recursos ociosos, tantos que temos na repetida situación de, ¡en su lugar, descansen; ar!
Quedounos o interior libre, baleiro, desocupado, case diría que odiado, repudiado, así que nunca mellor ocasión tivemos para reforma-las estruturas, poñelas ao día; reordena-las paredes, levanta-lo parqué... O malo será se nos colle sen ideas, sen iniciativas; sen proxectos ou preguiceiros; tanto aos administradores coma aos seus administrados. Daquela é o momento de botarse as mans á cabeza, de escandalizarnos polas torpezas cometidas, e tirar das posibilidades actuais, que non en todo foron a menos. Botarlle peito e acadar un pulo pragmático, creador. ¿Que os nosos veciños se desfán daquelas leiras que tantos afáns lles custaron aos seus antepasados, para mercar un apartamento na praia, xeralmente da cabida dun sarcófago? ¡Mellor así, que despois precisarán manxares, pois a area non é comestible! Para daquela seremos poucos a producir e moitos a consumir..., mentres lles duren os cartos das súas especulacións!
Isto da división non pode ser tan elemental como repartirnos en exclusiva as vacas, o bosque e maila horta. Ao contrario, que ata pode ser máis divertido, máis gratificante, unha certa alternancia; en terras propias, propias e apropiadas, axeitadas, como é o noso caso. Cansei das vacas porque non me dan días libres... ¡Daquela fai roga, acorda unha alternancia co teu veciño! Quero eucaliptos porque as nogueiras vellas vendinllas á Fábrica de Armas da Coruña para que convertesen as miñas noces en culatas das súas máquinas de guerra, e plantadas de agora non darán noces nin madeira válida ata que os netos sexan mozos... ¿Nese caso, para quén aforras se non o fas para a túa descendencia? Non sacho cebolas, que me doen os cadrís, e téñenas na tenda, sen terra e ben presentadas... ¡Si, pero son de Chile, pasadas para conxelación dunha cámara! Dunha, non, ¡de varias!
Este invento da globalización, froito dos novos adiantos en conservación e transporte, ten as súas avantaxes, sobre todo para as empresas transaccionais, que lles comprar aos países desenvolvidos e/ou máis traballadores; por nada, a estilo Colón, que lle daban o ouro e maila prata dos indios a cambio dunhas doas de vidro, e para iso, nin fabricadas en España senón importadas de Italia e dos Países Baixos. Empacan ben os produtos, iso si; papel vistoso, información en vinte idiomas, e unhas imaxes marketerizadas, que mostran incluso mociñas indíxenas, tentadoras, das do embigo ao aire! Só lles falta poñer vendas, ¡a nós, que non ao produto, para vender momias. Con iso, de paso, inventaron as terras a folgado; ¡as nosas! E perdéronse postos de traballo onde o traballo habitual era precisamente fabricar alimentos, pero coa máquina da Natureza, que é a perfecta; fabricar e ofertar aos veciños, directamente, sen intermediarios, sen falsificacións. Polo pecado de omisión, avanzaron as silveiras e retrocederon as hortas, as pataqueiras, os amorodos azucrados a pleno sol... O medio ambiente descendeu de medio a un cuarto..., ¡ao cuarto - despensa das compras por Internet! E coa mesma, os produtos alimentarios puxéronse ao nivel da auga: ¡inodoros, incoloros e insípidos!
Antibióticos, conservantes, transxénicos, hormonas de falsa volumetría...; diverso, pero non divertido! No rural tivemos certos soños de grandeza non apropiados: Cando empezaron a vir os mobles de chapa, lisos e brillantes, houbo quen medio regalou, en troco, aquelas cómodas, aquelas camas, talladas en madeira maciza, nobre, ¡do país!, carballo, castaño, cerdeira, nogueira..., feitos polos carpinteiros, ¡do país!, acaso con moita suor e pouco pulso ou pouca lixa, pero moita paciencia, moita destreza, moito amor, perdurables e resistente á couza. En definitiva, que alguén, ¡moitos!, cambiaron os ollos polo rabo, incorporándonos con iso á nova feira, ¡a dos ouropeis!
A todo isto, ¿que nos fallou, qué apagou as nosas feiras? Nós mesmos, ¡un suicidio! Por fascinación, por insolidarios, por autoodio, que nos deu en parecer que era de bárbaros aquilo de unirnos en cooperativas, máis ou menos como facían os nosos castrexos, que naqueles tempos da..., incultura?, ¡cada castro, unha cooperativa! A globalización inventárona os romanos, só que foi unilateral e unidireccional: ¡a Roma con todo, e para todo! Daquela ten a súa graza que o Mercado Común arrincase dun Tratado de Roma!
Como conclusión, ou como reflexión, se me fose dado, colgaría de dous carballos, precisamente na entrada do recinto da feira, máis ou menos alí onde mendigaban aqueles que eran incapaces de producir, por incapacidade física que non da outra, este cartel testamentario, de despedida do século XX, postulando un desenvolvemento ecolóxico, natural e sostible: Un solo san como é o da bisbarra de Castroverde pode producir máis con Agricultura Ecolóxica que un solo degradado pero con insumos agronómicos.
¡Daquela, irmáns, a producir, que as feiras resucítanse con produtos; e o polbo, de sobremesa!



A modo de complemento circunstancial de lugar.
Para mellor entender as nosas feiras, aínda que sexa engadir lastre, coido que non sobra rememorar un pouco a xénese a maila evolución da nosa emigración, fose interior ou exterior, que tanta repercusión e transcendencia tivo nas economías locais.
O despoboamento do medio rural, ou o que é igual, a permuta de homes por eucaliptos, para min é, debera ter sido, o contrario do que se ten dito nalgunha literatura oficialista dos últimos anos. Non foi o custe do desenrolo económico industrial, senón, e máis ben, o custe dos erros das sucesivas planificacións, que as quixeron facer, que as fixeron, dándolle lume ao forno por arriba e coa soleira en frío. Non, non señor, que non se aprende todo nos libros de política económica, escritos xeralmente por eses teóricos de calefacción no despacho. Non se pode, non se debe, en ningunha circunstancia, pasar a salto de mata do sector primario ao terciario: cómpre instruír, para seguidamente producir; e producir para vender cousas, que iso dos servizos virá de seu, pero despois, coa economía interna sostida, forte, previsora, resistente. Noutras verbas: ¡fabricar, perfeccionar, engadirlles valor ás cousas! Máis insumos e menos consumos, máis exportación e menos importación. ¡Levar á feira, pero, para traer dela o menos posible, e nunca, ou por excepción, o superfluo! ¡Ese é o segredo do superávit, que outra receita non ten!
O primeiro de todo, en particular para Galicia, daquela da posguerra, era facer estudios de campo, fondos, por pequenas comarcas, acoutando zonas segundo as súas particularidades; e unha vez analizada obxectivamente a súa particularidade e maila súa capacidade produtiva, crea-la infraestrutura ad hoc, con pragmatismo e sen farois imperialistas, xeneralizados, que a estas alturas da civilización son meros espellismos no deserto da brutalidade. Non tódalas terras eran, son, boas para pasteiros, que tamén as temos óptimas para hortalizas, froiteiras, madeira..., así que merecían, e por ende, requirían, aplicacións técnicas evolucionadas, pero flexibles, que tampouco cabe o dirixismo económico hermético, axeitadas e axustadas ás sucesivas e progresivas esixencias do mercado potencial de cada época. Como mínimo, isto debeuse facer polos cincuenta / sesenta, se non antes, fomentando de paso unha concentración parcelaria privada, urxente, eficaz, que ninguén coñece mellor as súas comenencias cós propios propietarios, en paralelo, en sincronía, coas posibilidades emerxentes da mecanización agrícola. Iso si, asistida tecnicamente, oficialmente, co cal teríamos unha loxística básica para o paso seguinte, para a industrialización xeneralizada.
¿Que gañou este país cos seus transvases prematuros, incorporando, de súpeto, man de obra non cualificada, que ían de soprarlle ao lume das lareiras? Aquela improvisación foi cuarteleira. ¡Claro, España estaba dirixida desde os cuarteis! Así ocorreu que, con malos principios, e por engado, poucos medios, a nosa evolución foi de tartaruga. ¿Que facía falta un mecanógrafo que soubese redactar oficios, ou un chofer de coche oficial? ¡A ver, quinto, ti, o dos ollos azuis, suave e suevo, submiso, que te conformas co terzo baldío e que fuches sancristán na túa parroquia...!

Unha vez evolucionado o sector primario, alcanzadas as posibles cotas do seu desenrolo potencial, era o momento de que os fillos, paulatina e cientificamente preparados, se incorporasen aos restantes sectores da actividade económica, pero transitando de realidades a realidades, e non de realidades a utopías. Deste xeito:
. Iríanse do campo os excedentes, por suposto, pero faríano por pura vocación, ou por imantación urbana. Desprazaríanse os realmente excedentes, aqueles que non tivesen, ou non puidesen, ou non quixesen, labra-las terras, coidar do gando, planta-las árbores convenientes... En definitiva, que se trasladarían con vocación e competencia; ¡nunca por autoodio!

. O campo houbese chegado ao cume da súa produtividade sen abandonos prematuros; sen traumas e sen retardos.
. A industria nacería, evolucionaría, florecería, con diversidade e con capacidade de produción e de xestión. En consecuencia, arraigarían aquelas industrias que fosen capaces de competir en mercados abertos, globalizados. A especulación quedaría limitada aos malabaristas do xogo.
. A propia evolución natural do campesiñado xeraría unha industria transformadora local asentada nun cooperativismo ou nun accionariado solventes, que lle houbese evitado ao país esas especulacións dos axentes financeiros, alleos á tradición agro-gandeira, á vez que se asentaban no país aquelas, ¡colosais!, remesas dos emigrantes. ¿Que foi daqueles excedentes de Pasivo obtidos pola Banca en Galicia ao longo do século referido, e superficialmente estudado? ¡Que llelo digan os madrileños, os cataláns, os vascos...; e de paso, que lles dean as grazas!
Esta análise tan sucinta, superficial, coloquial, de veciño a veciño, trata, lamentablemente, de algo irrecuperable, así que, como dicía aquel xitano do Carqueixo, "¡Desde que a burra vai no pó, xó burra, xó!", pero explica, pretende explicar, por se algo ten de instrutivo, aquela loita estéril, aquel esforzo baldío, contra vento e marea, dos nosos labregos, xoguetes daqueles experimentos pseudo desenrolistas, de salón, de cómodo sitial, que padecemos ao longo de tantos anos. Aqueles erros, aquelas superficialidades, aquelas incompetencias, ¡zapateiro aos teus zapatos!, e non se tomen en mal sentido, leváronos a un monocultivo tardío e xeneralizado que, como ben sabe o lector, sexa este da urbe ou do campo, chegou á súa mocidade castrado polos acordos duns eurócratas poderosos, e por tanto, unidos, arrexuntados, fronte ao débil, ao incompetente.

Tampouco podemos ignorar, ¡ao César o que é do César!, ese gran esforzo de adaptación dos técnicos agrícolas, moitos deles foráneos. Algún andaluz coñecín que pasou directamente das olivas aos castiñeiros... ¡Meu pobre!
Non me estraña que esteamos cansos de traballar para o vento mareado. Só unhas anotacións, para non abusar da paciencia do lector: Tense recoñecido pouco, e para iso tardío, o soporte loxístico de Galicia, non só nos tres anos de guerra senón na súa interminable post. As colleitas do 36 mantiveron a fronte de Asturias, e máis aló, tamén; pero entre o desacougo de moitos, e maila ausencia daqueles mozos chamados a filas, xa casados os máis vellos, e a pesares das axudas e colaboracións veciñais de todo tipo, xa naquel outono, pero máis nos seguintes, quedaron as terras a folgado. O gando non se podía sacar á feira porque o requisaban, a prezos arbitrarios, irrisorios, aqueles tratantes con "patente de corso", mal falados e mal chamados "Abastecedores del Glorioso Ejército Nacional".
Chegou a primavera do 37 e as cavas do monte, imprescindibles naquel tipo de explotación agrícola, que gravitaba máis sobre o cereal que sobre a gandería, quedaron, seguiron, a toxos, coa consecuencia de que, ao non rozar, tampouco e fixo o esterco de costume, nin na corte nin no curral, imprescindible para as nosas terras ácidas, e por engado, carentes de abonos minerais. As mulleres e mailos vellos botaron man do arado, incluso do de ferro, que xa abundaban daquela, por riba das súas forzas, e así, mal que ben, a pataqueira foise conservando, ¡ata o punto de ter que engadirlle á masa das bolas patacas cocidas!
Con iso tamén viñeron os incendios da post: En parte, para facer decruables, cavables, os montes, tan pronto licenciaron aqueles que non pasaran á escala da "cuchara", ou non ingresaran de Gardas, ou non emigraran á División Azul, que era a única saída posible pois América tivémola pechada, e algúns países, tal que México, por moitos anos. Outros incultos arderon por medo, en virtude do chisqueiro daqueles Gardas, matóns, e por tanto asustadizos, aos que aterrorizaba que se encovasen neles os "fuxidos". Iso amén de catro vinganzas persoais, veciñais, pois naquelas circunstancias odios e motivos abundaban, sendo milagroso que non houbese máis vendettas das executadas.
De posto a cargantear, ídesme permitir unha cita de Castelao, ¡o castelán máis galego de tódolos tempos!, que escribiu en 1935, desterrado daquela en Badaxoz: "A miña terra é un país de minifundios, poboado por xente algo rica e por xente bastante pobre, ou pobres de todo. Os ricos comen e beben dabondo como para morrer de apoplexía. Os pobres comen o que teñen, e do que teñen". Entre liñas leo: "¡Comen todo o que teñen!". Non o dixo así, pero enténdese. Isto tamén significa que sen excedentes mal se pode progresar.
Pasando polo cribo o pasado:
. A dieta alimenticia nesta parte do país antes da guerra era algo vasta pero bastaba; despois dela, ¡castañas, que era o que máis abundaba!
. É difícil atopar na Historia unha sociedade que satisfixese aos mozos. Daquela os nosos, tan pronto puideron, e carecendo de comprensión e de canles evolutivos no propio país, tan pronto lles deixaron..., fuxiron, emigraron!
. Entroulles un desacougo con respecto ás limitacións de seus pais. O Cid, e tamén Hamlet, sen buscar outros, en vez de vingarse deles, vingáronos. Pero aquí o terror franquista foi superior, puido coa insatisfacción social das novas xeracións, así que non cristalizaron en movementos revolucionarios como ten ocorrido noutras terras e noutros tempos. Saint Just era un adolescente, e ningún dos seus compañeiros tiña máis de 30 anos. As revolucións de 1830, de 1848, e de 1871, en Francia; a rusa, de 1917; o outubro polaco; a revolución húngara de 1956; o Maio francés; a caída do muro de Berlín, etcétera, foron cousa de rapaces insatisfeitos. Os nosos tiveran abondo coa guerra in-civil, incivilizada, ¡se é que hai algunha que sexa civil, civilizada!, así que, provistos dunha maletiña de madeira, a mesma ou parecida á que levaran seus pais ao cuartel, emigraron!
Ata o desastre de 1898, Coruña e Vigo foron as cidades preferidas polos indianos para o seu asentamento definitivo; o deles, e non eles, o seu peto, canalizándose así o fluxo monetario, as economías, nuns casos cara ao papel do Estado, e noutros, cara ás cidades ou zonas de despegue industrial. Ultimamente xa non viñan grandes fortunas senón grandes economizadores do pouco, que se radicaron no propio rueiro ou nas vilas de cabeceira, dedicándose preferentemente a promove-la construción, en particular os que estiveron en Venezuela, servíndolles de testaferro aos estraperlistas, aos especuladores, da etapa interior. Os asentados no interior convertéronse, de sempre, en filántropos, pero non sempre por pura xenerosidade, senón, en moitos casos, por vinganza persoal, íntima, tal e como lles pasou cos seus "haigas", dándolles así, pretendendo darlles, un galletazo moral ao cacique, ao usureiro que lles arruinara a casa, á noiva que optara por un Garda, ou por un morgado. Sei dun retornado que o primeiro que fixo ao volver de Cuba foi matarlle os cans a un veciño xactancioso, precisamente ao dono da Casa Grande, que os tiña de "Garda de Corps"! Aqueles ¿indianos? distinguíanse, ademais dos falares e das afectacións asimiladas, pola súa leontina de ouro para o reloxo de ídem, o sombreiro "Panamá", o bastón de cana, a man no chaleco, etcétera.
A prensa de América, e maila Sociedade de Fillos de Tal Parte, formaron un embigo espiritual, pero ao seu retorno poucos lograron asociarse, fose cós de aquí ou cos seus colegas. Sementaron este país, iso si, de cruceiros, de locais para escolas, feixes de libros que lían pero non entendían, a nova campá, as obras do cemiterio, o palco da música, os candeeiros de prata para a súa devoción preferida, manto da Virxe... Boas intencións e bo exemplo, pero unha semente que non caeu en terra fértil. Porén, a súa influencia resultou integradora, reformista, estimulante, mais as circunstancias locais eran superiores á súa preparación, á súa organización, á súa fortaleza, ao seu ascendente.
A emigración europea discorreu dun xeito diferente: Non se fixo para encher, senón para transportar, estuda-los fillos, chegar ao piso, ao tractor, aos "establos", ao coche..., e sempre coa intención de volver canto antes.
A todo isto, a muller do rural, como ben expuxo o noso paisano Manuel Cordero Pérez cando insistiu en pedir, ¡en esixir!, o voto para elas, secundando a Clara Campoamor, nas constituíntes de 1931: "Hay una tierra -¡que bella es!-, Galicia, en donde la mujer rinde a la familia y a la sociedad más esfuerzo que el hombre. Este, sugestionado por la leyenda del bienestar de América, unas veces, e impulsado por la necesidad siempre, vino emigrando, dejando a la mujer al frente de la hacienda y de la familia. Y cumplía su cometido con tal heroísmo, que bien merece nuestra admiración..." ¡E por ende, ten dereito a voto, cousa que logrou don Manuel en colaboración coa santanderina.
A muller do rural, digo eu tamén, viviu polo traballo e para o traballo, insaciable del. Faenas agrícolas, ama de casa, cociñeira sen medios, educadora, enfermeira, parteira, báculo dos seus vellos... Case non saía da casa, agás para ir á horta e demais faenas agrícolas. Misiña, rosario, novena, feira... Os seus parladoiros eran as fontes e mailos lavadoiros comunitarios; na pía tiña a súa radio, o seu televexo, a revista dos chismes..., ¡e incluso a esculca, o seu "casting"! Por engado, limitadas no Código Civil e agravadas no Penal, en mil maneiras; unha vergoña para o Réxime franquista..., ¡se vergoña tivese!
Volvendo ao rego: Os xiros de América, aquelas "letras", foron o gota a gota dun país que estivo cen anos na UCI, particularmente co agoiro da redención dos foros. Un retornado de Cuba, Waldo A. Insua, na Voz de Galicia do 24-1-1900, alertaba aos seus paisanos acerca do risco que lles tiña emigrar no entanto, "... no se efectue sino en condiciones ventajosas para los llamados a realizarla, de modo que al abandonar su patria tengan una relativa seguridad de hallar en el que ya para ellos es un país extranjero un poco de respeto para sus menguadas vidas y la debida retribución a la árdua, penosa, y casi siempre mortal labor que tendrán que desempeñar". Pésimas foron as circunstancias despois da nosa derrota fronte aos Estados Unidos, iso é certo, pero, como dixo o Cordobés en certa ocasión, "más cornás dá el hambre!", así que os nosos paisanos, entre que non lían periódicos, e aínda que os lesen, peor era o ruxir das súas tripas, cadora se foron máis, en progresión, pois cantos máis ían aló máis cartas de reclamación viñan, a face-las Américas, aquelas expectativas que nos abrira co seu descubrimento, aquel, suposto, fillo do bispo de Mondoñedo. ¡A facelas..., desde que outros as desfixeran!

O Profesor Bustelo calculou que no século XIX emigraron, entre legais e clandestinos, uns 900.000 galegos. Isto trouxo, entre outras consecuencias, que, a comezos do XX, segundo estudos de Vicenti, ampliados por Villares Paz, entraban en Galicia, remesadas polos emigrantes de América, uns 50 millóns de pesetas, ¡das de daquela!, ao ano. Esta cantidade era suficiente para redimi-los nosos foros, todiños, en 3 anos, pero, esfumados, emigrados, aqueles cartos, de mil maneiras que sería longo de analizar, tardouse niso, na redención dos foros..., ¡30 anos!

Como ve o lector, doutras saímos, así que, en tempos de crise, ¡economía e produtividade, que sempre iremos cara ao verán da recuperación, e no verán veñen as colleitas..., se temos as labores feitas, ou como agora se di, "os deberes". ¿Onde quedou aquilo dun, "... mañana, que nos promete paz, justicia y pan"? Ben-Cho-Shey, ben, que diría José Ramón e Fernández-Oxea. ¡Se cadra foi por culpa da "pertinaz sequía", como dicía Franco, pero..., a nosa "sequía", e coa galega a de toda España, foi, estivo, na falta de cerebros reitores, que os houbo, que os tivemos, pero dedicáronse ao seu, á empresa propia.
Xosé María Gómez Vilabella

-.-

EPÍLOGO

... mas a pátria é un iman,
mesmo quando a universalidade
do home sai finalmente dos
tacanhos limites do planeta.

Miguel Torga


Aquí tedes ao vello Xosé María,
¡un zoqueiro daqueles das feiras de Castroverde
do século XX!
que volta ergueito,
enriquecido con mil e máis experiencias,
e "namorado a rabiar, coma se fose un neno"
das terras, sen par, do seu Castroverde.

E volta a peito descuberto,
pluma en "ristre", cal fidalgo manchego,
recuperando os seus recordos
vivenciais...

Vén polo Campo da Feira adiante,
ollando, estudando e gozando,
como fai anos fixera
de zoqueiro traballando...
Xosé María Gómez Vilabella, zoqueiro, mestre dos de a ferrado, directivo do Banco Exterior de España, -hoxe xubilado-, empedernido estudoso e escritor impenitente, vólvenos a regalar cun libro extraordinario que, seguindo as pautas de anteriores publicacións súas, trata con deliciosa profundidade un tema etnográfico.

Na primeira parte do libro, estruturada en oito poemas fermosos, retrocede no tempo para percorre-la Feira de Castroverde conseguindo que o lector se sinta atrapado polo embruxo do castelo e, seguro que coa celosa vixilancia do Sr. Casiano, participe nos tratos, cumpra o rito de come-lo polbo, e deguste as cereixas de cedo que maduran nos vales da Ribeira de Piquín.
A lingua feita arte deixa o primeiro plano e pasamos á segunda parte do libro; aquí dispara o autor a súa vea docente.
Nunha liña, por outra banda moi súa, de humor aberto, analiza as crecentes e cambiantes situacións da sociedade rural, desde un tempo próximo pasado a un futuro inminente xa prefigurado, sabedor de que o feito educativo ha de acompañar, se non preceder, a toda transformación comprometida co progreso social.
Manexando datos, comparacións e posibilidades, enuncia unha serie de pautas, innovadoras unhas, correctoras outras, que ao meu entender, fan do libro unha ferramenta de inestimable valor pedagóxico, cun obxectivo inmediato: subirnos, ¡dunha vez!, ao tren do progreso que, hoxe por hoxe, pasa pola sociedade mercado europea. É por iso que merece un posto de primeira fila nas bibliotecas dos Centros Educativos da nosa Comunidade Autónoma.
Non podemos rematar sen facer outra valoración de índole, así mesmo, pedagóxica: Este libro transpira, en tódalas súas follas, un algo básico, aínda que cuantitativamente escaso hoxe en día, como é o AMOR ás nosas raíces, ao noso patrimonio cultural, capacidade de amor iniciado na infancia, que medra e se esparexe; en fin, que encomeza cantando -canto etnográfico- para concluír, ao traveso dun documentado estudo, indicando o camiño a seguir para acada-lo desenvolvemento dun país rico que pode adormecerse, acaso por cansazo histórico, e non nos espelimos.

Estas son as conclusións que tirei da súa lectura,
Eduardo Carreira González

Que foi Director do Colexio Público da vila desde principios de 1980; e Rexedor de Castroverde entre febreiro de 1971 e marzo de 1975.

-oOo-
¡Cave ne cadas!

¡Home / muller, non caias, non decaias, non te deas á fachenda,
que aínda nos queda moito sen facer!

Debuxo: A. Trillo
-.-

Xosé María Gómez Vilabella

-.-



Meus netiños, non coñecestes aquelas feiras, pero aquí vos deixo un retrato delas.
Xosé María Gómez Vilabella
-.-



En Radio Voz – Lugo
19-3-2007

Isto foi o que dixen con respecto ao libro das feiras:

Trátase dun libro de difícil clasificación, e non precisamente porque sexa abstruso de materias, ou escuro de redacción; coido que non: unha, porque o meu estilo, en toda a miña obra, adoita ser coloquial; e a outra porque, dada a intencionalidade pedagóxica do mesmo, tiven que simplificar conceptos e termos para facelo accesible ao sector primario, que son os que máis precisan desta temática, hoxe en día, precisamente, en certo modo, porque os mass media faládeslle á xente en termos socioeconómicos para os que non están preparados, que non hai sinaturas divulgativas disto, ad hoc, axeitadas para o campesiño, para o produtor agro-gandeiro.

Este libro das Feiras de Castroverde vén a ser un cóctel, xa que entra cunhas evocacións das feiras clásicas, das que culminaron no século XX, deténdose nunhas lembranzas do artesanado e das actividades agrícolas hoxe practicamente desaparecidas; a seguido gloso a lexislación vixente sobre feiras, mercados e produtos. Da análise das exposicións, das feiras e do mercado, cunha especial detención na terminoloxía usual, actual, termos económicos xerais, e tamén dos específicos da Unión Europea, versa a segunda parte. En resumen, que tratei de lembrar, e de ensinar, deleitando, modalidade que foi quedando en desuso, precisamente por esa présa, por esa simplificación, por eses cadros sinópticos dos apuntes estudantís, que só son bos para aprobar con pouco esforzo.

Con isto aclarado, entendo que non é unha vulgaridade falar das feiras, pois, facéndoo, do que realmente estaremos tratando é da propia Historia da Civilización. Por certo, ¿que tiveron de común tódalas civilizacións, ou máis concretamente as antigas; para nós, as orientais? ¡O transporte, as caravanas! Os nosos avós aínda coñeceron aquelas recuas dos maragatos...; e apelidos típicos da maragatería, por Castroverde quedan uns cantos. Hoxe podemos mercar a distancia, mesmo por Internet. Conectados, contactados, entre as redes electrónicas e mailas empresas de transporte, mándannos, recibimos, de todo, ¡a domicilio! ¡De todo, e de tódolos Continentes!

Con estes adiantos, en presenza desta revolución galopante, tanto no industrial como no
mercantil, haberá que engadir un novo capítulo ao tema das Idades Históricas: Á Media poderemos seguir chamándolle así, pero a Moderna deixou de ser tal, e iso de “Contemporánea” hai que trasladalo ao século XXI, ao presente.

O XX, o século XX, no que temos que situar o cumio das feiras clásicas, xa é pretérito, ¡pasou á Historia! Trátase dun onte, próximo no tempo pero afastado en canto á evolución económica, á presente, á do noso mundo cultural, actual.

Para nós, neste campo dos relevos, nesta transmisión do facho olímpico, o castelo de Castroverde segue sendo un símbolo, o máis concreto que temos, e por ende, o máis significativo, pero a súa torre da homenaxe quedouse niso, ¡nunha homenaxe aos nosos devanceiros! Hoxe en día tiranizan outras torres; en certo modo, outro feudalismo: ¡As torres de transmisión por ondas! A susodita Internet, a telefonía sen fíos, etc. Ordes, consignas, acatamentos e supeditamentos autenticamente mercantís, que nos pasa unha xente, uns axentes, descoñecidos, invisibles, pero que teñen imperio pois actúan en funcións de ordeno e mando xa que dirixen, informan, forman ou deforman, as nosas vidas, as nosas apetencias, o noso traballo; ¡en definitiva, o noso futuro! A súa auctoritas é real, aínda que invisible; actúan case que por suxestión telepática, pero resulta, en moitos casos, en múltiples situacións, dunha forza indiscutible, meirande cá que nunca tiveron o feudalismo e maila Igrexa xuntos.

Volvendo ao pretérito, concretamente á bisbarra de Castroverde, a vitalidade desta terra quedou reforzada, fomentada, con aquela Vía romana que unía Lucus Augusti coa Gigia ástur, devida no século IX en Camiño de Santiago. A primeira etapa, como sabemos, apoiábase no antigo Campamento de Romeán, pasando polo Castrum do Vallis Viridis, hoxe Castroverde, para subir despois á Vacariza, de vacar, que non “vaquería”, por suposto, onde repousaban aqueles milites, e con toda seguridade permutaban os cabalos, soltando os cansados naqueles pasteiros, para levar os que lles tivesen preparados, os de refresco.

Cando os suevos estableceron aquela división territorial dos 11 condados, o noso, o de Castroverde, colleu, ou xa o tiña, o nome da zona: Campo de Flammosos, polas ondas do seu cereal; e de aí, o río central, de igual nome, que se vai formando con tódolos regatos da parte de Bolaño, daquel Bolannio, que foi, probablemente, o Castroverde primitivo, xa que a Bolaño (terra de bolos, formas de bolos, como Bolonia, dun xeito parecido a como Montecubeiro significa monte en forma de cubos) pertencen as terra doVal Verde, séxase, Vallis Viridis. O que hoxe nomeamos Castroverde Vello, ao sopé do castelo, non é máis que un burgo iniciado, habitado, polos serventes, polos servos da propia fortaleza.

Esta situación dunhas terras singularmente produtivas, tronzadas polo Camiño antigo, ao que hoxe demos en chamar Primitivo, e por tanto acollidas á protección reguenga do mesmo, ademais da xurisdición feudal, obviamente xeraron, tiveron que xerar, un trasfego enorme, que nos levou as importantísimas feiras por nós coñecidas.

Non sei se decepcionará o que vou dicir seguidamente, aquí e agora, pois este libriño está titulado en pretérito pero a súa intencionalidade vai en futuro. Trátase, pretendo que se trate, dunha xanela aberta ao pasado para que albisquemos a claridade deste amencer do século XXI. Parece un paradigma, pero coido que é unha realidade. Quixen lembra-la feira vella para mostrarlles aos rapaces algo que sabemos os vellos, tan ben ou mellor cá eles: Que non só no universo material, senón, e tamén, no cultural, nada se perde, nada esvaece: ¡simplemente, transformase!

As feiras pasaron, están pasando, subindo que non caendo, do plural ao singular. ¡Así de sinxelo, e así de complexo! Empezaron con aqueles trocos do home primitivo, e desde que houbo camiños, tal que pasou en Castroverde coa Vía romana, á que hoxe chamamos Camiño Primitivo de Santiago, por iso, porque o é, fíxose posible transporta-los produtos ata onde houbese unha concentración humana que os precisase, ou apetecese, tal que un castro, e tras dos castros, as villae romanas, os castelos, os burgos, etc. Por suposto que nesta evolución, para pasar do troco, da permuta, á compra-venda, xurdiu a moeda, e tras da moeda, sucesivamente, para facilitar a translación, o transporte cómodo e seguro dos contravalores, inventouse a letra de cambio, o cheque, a tarxeta electrónica..., ¡e mailo que veña tras de nós, se é que algo queda por inventar!

Para abreviar, que este tema, con todo ser singular abarca un mundo, o noso, o universal: ¡que das feiras, en plural, das comarcais, pasamos, estamos pasando, á feira individual, singular, persoal, que é tanto como dicir, á feira global, ou globalizante! Todos, dun xeito ou doutro, estamos en plena produción, directa ou indirecta, desde a caneta ao ataúde; pero tamén en pleno consumo. ¡Daquela, a vida é unha feira, convertémola nunha feira, nun tráfico, nun intercambio, nunha interdependencia global, conxunta, e todo iso con un ritmo de progresión xeométrica!

Para darnos unha idea do que consumimos, dicíndoo en expresión vulgar, abonda con darse unha volta polas vilas e cidades, á noitiña, e dete-lo ollos nesas reas de containers que tanto nos estorba para aparca-los autos. Asegúrovos que diso estou impresionado, pois a materia prima, obviamente, é limitada, e o día que rematemos coa explotación do terceiro mundo, cando baleiremos a produción deses países subdesenvolvidos, ¿que nos levaremos á boca, con que nos abrigaremos, de que serán as camas, prescindiremos do papel...? ¡Ese será, ese pode ser, o remate das feiras! A única saída, e non a prazo longo, estará na reciclaxe e na moderación consumista, ademais da agricultura e da inventiva, por suposto, salvo que emigremos para un planeta habitable, ¡se é que os hai!

Aínda están recentes aquelas utopías de certos teóricos que daban por periclitado o sector primario, propoñendo un transvase urxente ao sector dos servizos. A profecía saíulles bastante ben grazas a esa piratería que se está facendo coa materia prima deses países aos que chamamos Terceiro Mundo, pero, ¿e mañá...? ¡Mañá será preciso volver ao rego, aos cultivos ecolóxicos, igual que se volveu ao millo, desenganados desa prestidixitación da química irresponsable! Esta é a miña profecía: ¡Hai que espelirse, que o esixe a Unión Europea, e Lugo, coa riqueza natural que temos, merece unha explotación racional e pragmática! ¡Ou iso, ou pasar ao furgón de cola! O que me doe é que sexamos tan pouco dados ao cooperativismo, ao asociacionismo e á concentración de capitais.

Grazas, e boas noites,
Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: