miércoles, 20 de enero de 2010

OS MEUS CAPITÁNS -II-

.../...

MANUEL CORDERO PÉREZ,

outro luceiro meu,

ou máis exactamente,

aquel satélite da familia Salmerón.

 

Os musulmáns peregrinan á Meca, pero a miña, o meu Santuario, está no que queda da casa onde naceu e se criou este ilustre veciño, que, pese aos seus detractores, foi máis Cordero que Cordeiro.






Para mellor identificación, que nas súas biografías detectei varios erros, indaguei, investiguei, no noso Concello, as partidas de nacemento da súa época, e aquí queda a súa, que lle fago este altar:



É imposible que naquelas conversas familiares do ano 35 non se falase do Cordeiro de Riomol, do Besteiro do Corgo,  e de tantas e tantas persoas como levaba protexidas a tía Ramona, pero o neno, cos seis 5 anos, abondo fixo con reter as anécdotas anteriormente exposta; despois veu a guerra, ¿civil?, e con ela, e menos diante dos nenos, como temas transcendentes, deses da lareira, só tivemos o rezo do Rosario en familia.

Con Lombardero, daquela en Madrid, eses temas tiveron a súa resurrección, pero tampouco demasiado pois o soldadiño, entre o Supremo e maila suprema dedicación á Academia da calle da Bola, nervioso, temeroso, de que non lograse as oposicións bancarias antes da licencia militar, e tivese que volver para o meu Bergland, ¡a cavar na chousa!, a miña participación nas conversas familiares foron un tanto lacónicas.

Con iso e con todo, co meu carné de Investigador (o número 6, facilitado que me foi polo neto do Xeneral Martínez Campos, tamén xeneral), cando me puxen a seleccionar datos para o meu libro Castroverde. Bosquejo Histórico Geográfico, eses nomes sacros volveron ao meu altar dos veciños ilustres.

Xa anticipo que Cordero naceu en Riomol (Castroverde) en 1885 e morreu en Buenos Aires no 1941, durante o seu exilio. Fillo de labradores, estudou as primeiras letras nas escolas de Furís e de Barreiros, en Castroverde, para marchar, aos 17 años, a Madrid, á casa dun parente, onde comezou a traballar na fábrica Pan de Viena, propiedade da familia do escritor Pío Baroja. En 1905 ingresou na Asamblea Socialista de Madrid. Foi concejal do Ayuntamiento madrileño e deputado nas eleccións de 1923, cargos que repetiu en 1931. Defendeu nas Cortes o voto feminino, en representación de la minoría socialista, apoiando, facendo posible, a proposta da santanderina Clara Campoamor. Tras da guerra, exiliouse a Francia e á Arxentina.

...

Cando saíu a “C” da Enciclopedia Gallega se volvese a ter cerca ao Silverio Cañada (xa o coñecía de frecuentar a súa librería de Gijón) miúda aperta lle ía dar, pero restándolle un punto pola errata de que  noso Manuel Cordero (seu pai poñíase “Cordeiro”) Pérez no naceu no 1881 senón no 1885, segundo consta na Partida que deixo fotocopiada. Aquela ampla biografía confirmaba moitos dos meus datos, das miñas lembranzas, e como é tan importante paso a copiala literalmente:

...

CORDERO PÉREZ, Manuel. Político e dirixente sindical socialista que naceu en Castroverde (Lugo) no ano 1881 (non; 1885). Marchou moi novo para Madrid e os primeiros anos tívose que dedicar ós mesteres máis humildes (mozo de recados nunha taberna, despois nunha tenda de ultramarinos e finalmente panadeiro) antes de ingresar no Partido Socialista Español, ideoloxía que perseverou fervorosamente ata a súa morte.

Verdadeiro autodidacta, aprendeu a ler e a escribir na escola da Casa del Pueblo madrileña, e converteuse posteriormente nun lector infatigable.  O progresivo aumento do seu caudal de coñecementos, unido ó seu talento, forxaron a vigorosa personalidade de Cordero, que moi axiña había de resplandecer en tódalas esferas da sociedade na que le tocou actuar. A súa voluntariosa vocación polo estudio levouno a domina-lo francés e o ruso, iniciándose incluso no alemán.

(Aquela foi a época, a fase, na que contactou Cordero con nosa tía e cos Salmerón, tan afrancesados que eran os Salmerón, e por engado, vinculados á Institución de Libre Enseñanza).

Laborioso, disciplinado e consecuente, gañou rapidamente o cariñoso afecto do seu paisano Pablo Iglesias, que chegou a confiarlle misións de gran responsabilidade, e pasou a ser unha das figuras sobresalientes do seu partido, contando co respecto e adhesión de moitos correlixionarios.

Vendo que Manuel Cordero era un dos principais animadores do sindicato de Artes Blancas, a Xunta para a Ampliación de Estudios (Aclaro:  A Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE) foi unha institución creada no 1907, no marco de la Institución Libre de Enseñanza, para promover a investigación e maila educación científica en España. Foi desmantelada en 1939 trala derrota republicana na Guerra Civil, e a partir da súa estrutura creouse o Consejo Superior de Investigaciones Científicas), enviouno á industria panadeira de Losana, Florencia e Boloña, para perfecciona-lo oficio. Posteriormente elixírono concelleiro por Madrid, e a súa actuación foi tan brillante que a corporación comisionouno a Colonia, Brandemburgo, Viena e Budapest para estudia-las reformas municipais nas devanditas cidades europeas.

Co golpe de estado do xeneral Primo de Rivera, o 13 de setembro de 1923, Cordero publicou ó día seguinte, en El Socialista, un artigo no que condenaba esta violencia e facía unha serie de consideracións que resultaron proféticas. Pola súa iniciativa, e coa axuda dos compañeiros de deputación, Pablo Iglesias, Julián Besteiro, e outros, enviáronlle, o día 18, un documento a Melquíades Álvarez, presidente do Congreso, recordándolle a súa obriga de defende-los foros das institucións constitucionais.

En 1931, nas eleccións de abril que trouxeron a II República, volveu a ser elixido concelleiro por Madrid, e seguidamente desempeñou os cargos de tenente alcalde e deputado provincial, dende o último dos cales realizou unha admirable labor nos campos da medicina e a asistencia social.

Deputado por Madrid nas Cortes constituíntes, nomeárono xefe da minoría socialista, e despois formou parte da Comisión de Responsabilidades, da que foi elixido Presidente. Á fronte de tan importante e difícil xestión interveu honestamente en todo momento, rexeitando calquera tipo de suborno e mantendo con rixidez moral o espírito de xustiza -norte sempre da súa vida- como no caso do sinistro proceso do millonario mallorquino Juan March, que lle ocasionou unha campaña enormemente difamatoria e tenebrosa, que Cordero soubo aturar con estoica serenidade. O propio Cordero contouno chegado a Bos Aires nun artigo que publicou en La Vanguardia, no que, entre outras cousas, dicía: ¿De qué creen ustedes que me acusaban aquellos mercenarios de la pluma, subvencionados por el contrabandista y banquero Juan March?, ¿de haber robado?, ¿de haber cometido algún delito de cohecho? No, qué disparate. Me acusaban de ser un enchufista. Yo he sido, según decían esos mercenarios de la pluma y profesionales del chantaje, el primer enchufista de la República Española. Y mientra, adulaban a Alejandro Lerroux, hombre de moral tarada, atacaban violentamente a Azaña, a Marcelino Domingo y a otros hombres de conducta moral intachable. Yo tuve la suerte y el alto honor de ser el primero de los atacados. ¿Por que? En mi conducta al frente de la Comisión de Responxsabilidades hay que buscar la explicación. Yo no soy hombre cruel, pero soy inflexible en el cumplimiento de mi deber. Me ha tocado presidir el enjuiciamiento del ex rey, de sus consejeros, que eran todos o casi todos duques, marqueses y generales. Desempeñé mi gestión sin ensañamiento, con objetividad absoluta, pero sin dejar torcer o retorcer el procedimiento judicial. Tuve la desgracia de que cayera bajo la jurisdicción de la Comisión Juan March, hombre de gran poder económico y de una fuerza corrosiva ilimitada...

(Alto aquí, lector, que tes que soportar unha anécdota persoal, miña, que aínda hoxe non teño a seguridade de saber se obrei con valentía ou con estupidez: Nunha daquelas visitas que fixen a Mallorca, coa miña dona, chamadas “do Imserso”, nas que fixen moitas amizades, en particular cooperando, por anos, na revista “Adiala” do Centro Galego, non sei se Deus ou o diabro leváronme a conversar, sentados neste curro do Palau March,


cunha nora do propio Don Juán:

-Señora, permítame que me presente pués, aunque indirectamente, algo tengo que ver con los March: Yo soy nativo del mismo pueblo que Manuel Cordero...

O que dixen a continuación, foi para os meus adentros:

-¡Así que coñeces ao detalle a historia familiar...!”

Pero xa non me oíu, pois a señora tivo abondo coa primeira das frases; levantouse coa velocidade dun raio, e foise, a cen, escaleiras arriba. ¡Despois din, polo mundo adiante, que os galegos somos prudentes e reservados!)

...

“Juán March había acumulado su fortuna haciendo contrabando de tabaco en el Mediterráneo, es decir, robando al Estado. Su flotilla de contrabandistas se hizo famosa en las suaves y azules aguas de aquel mar. Sus agentes cayeron miles de veces en manos de la justicia, pero el soborno de los jueces les salvaba siempre. Y cuando eran condenados, las condenas eran siempre leves.

...

(Teño que meter outro paréntese porque neste punto do relato chégase á apoloxía de San Manuel Cordero: Fóra da Virxe María, quen fixo outro tanto por redimir á Eva? As mulleres quedaran, aínda estaban, desacreditadas, e o machismo seguía cabalgando nelas, sen miramentos: ¡Non podían elixir, nin aos propios maridos, canto máis aos políticos do seu país! Clara Campoamor, tivo a idea, fixo a proposta, pero..., véxase senón a película de cine que se fixo do caso..., as esquerdas  estaban convencidas de que as españolas, que viñan de oito séculos de machismo agareno, acatarían o asesoramento confesional..., ¡votando ás dereitas! Este comezo da arenga de Cordero debíano aprender, e saber, as nosas galeguiñas, ¡xunto co Credo, porque foi a súa Redención!)

...

“Hay una tierra, -¡qué bella es!-, Galicia, en donde la mujer rinda a la familia y a la sociedad más esfuerzo que el hombre. Éste, sugestionado por la leyenda del bienestar de América, unas veces, impulsado por la necesidad siempre, vino emigrando, dejando a la mujer al frente de la hacienda y de la familia. Y cumplía su cometido con tal heroísmo que bien merece nuestra admiración...”

...

Foi membro da directiva da Internacional Socialista e acudía a Xenebra en varias ocasións como delegado da Oficina Internacional do Traballo. Pertencía, ademais, á xunta executiva do Partido Socialista e da UXT (Unión Xeral de Traballadores). Notable escritor, colabora en diversos periódicos españois, particularmente en El Socialista e La Libertad, ambos de Madrid, e os seus artigos distinguíronse polo seu estilo sinxelo e a singular altura do seu pensamento. É autor de Los socialistas y la revolución española (Madrid 1932), importante libro no que esclarece moitos puntos da política española ata entón non tratados.

Durante a Guerra Civil permaneceu en Madrid, onde continuou traballando no Concello e na Diputación Provincial, soportou as dificultades da cidade ameazada e renunciou a abandonala, a pesar do ofrecemento de postos máis afastados do perigo e da loita. Ó remata-la guerra puido fuxir a Francia, despois trasladouse a Casablanca, e finalmente marchou para A Arxentina, en decembro de 1940. En Bos Aires colaborou en varias publicacións, mentres a súa esposa traballaba de modista para poder subsistir nunha cidade para eles nova e descoñecida. Cando aínda non se cumprira o ano da súa chegada, Cordero enfermou e foi internado no hospital Tornú, onde faleceu o 24 de abril de 1941, deixando o exemplo da súa pureza e o desmentido máis rotundo, coa súa humildade, ós seus viles difamadores. Enterrárono no mausoleo do Centro Gallego, e despediron os seus restos Alfonso Rodríguez Castelao, a máxima representación da súa patria galega, e figuras españolas de tanto relevo como Augusto Barcia Trelles ou Luis Jiménez de Asúa”.

Firma: o ourensán Alberto Vilanova Rodríguez. ¡Para vergoña nosa, esta recesión biográfica non a fixo ningún Castroverde, e nin sequera un lugués!

-oOo-

Pasa a

OS MEUS CAPITÁNS -III-

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: