miércoles, 20 de enero de 2010

OS MEUS CAPITÁNS -I-

 



 

OS MEUS CAPITÁNS,

AS MIÑAS ESTRELAS.

 

Nicolás Salmerón y Alonso

Manuel Cordero Pérez

Enriqueta Otero Blanco

-.-

 

¡Sempre ás vosas ordes!

Xosé María Gómez Vilabella

-.-

 

Nicolás Salmerón y Alonso

Limpándome os mocos co teu paniño, por ti, meu querido e admirado Salmerón, sufrín o primeiro dos “arrestos” franquistas. ¿Teño que volver a referir aquel episodio?

Aquel paniño, que llo dera á miña madriña súa irmá Hortensia Ramona, nora de don Nicolás, (Nora do Alonso, pois noso tío era o seu primoxénito, séxase, García, Nicolás Salmerón y García, avogado, farmacéutico e periodista, casado en Lugo coa criada, con nosa tía, Hortensia Ramona Lombardero San Miguel, que daquela aínda era analfabeta pero os Salmerón puxéronlle institutrices, unha delas francesa, así que tan ben aprendeu o francés que, tempo adiante, incluso lles fixo traducións aos da Institución Libre de Enseñanza), que o tiña miña avoa, o paniño, ben gardado na súa hucha, ¡na do chocolate!

A todo isto, aquel Pepiño estaba farto de participar na escola de Maxide naquel reiterativo “Cara al sol”, co que despedíamos as leccións da tarde, aquelas da “secta” franquista, así que o meu bendito Nicolás soproume a ¿comenencia? de saca-lo seu paniño, que aquel día levábao escondido no peto do meu pantalón de pana, para, facendo que me sonaba, mostrarllo ao Mestre como un escudo familiar, e por tanto, ¡de cu para ao sol!

O Mestre, de momento, nada me dixo, que ata sería para non escandalizar aos outros nenos, pero á saída púxose na porta e a min agarroume polo xersei de lá, aquel tan guapo, que mo fixera miña nai coa lá que lle mandou súa prima desde Montevideo. ¡Mira que ter que mandarnos lá deste Montevideo aos de Montecubeiro! O Mestre:

-De castigo, voute deixar aquí dentro, un par de horas..., ata que se vaia o sol..., para que non esteas tanto Cara ao Sol!

O neno oíu e calou, pero, ¡matinou!

-¡Estás moi equivocado se pensas que podes cos de Montecubeiro!

Tan pronto como lle oín pechar por fora, o Pepiño achegouse a unha das ventás que daban ao horto do señor Evaristo, e sen máis precaucións..., ¡tirouse, escapou, pola ventá!

A cara que puxo o Mestre cando volveu para abrirme, para levantarme o arresto, non lla vin, que eu xa estaba no meu Bergland. Ao día seguinte tamén disimulou; ¡os dous, el e mais eu! O que non disimulou foi meu pai, que, ao chegar á casa, cando lles contei a miña ¿Xura de Bandeira? cos Salmerón, díxome:

-Aos políticos chámaselles así porque..., porque teñen, e compren, a política de disimular as súas apetencias, e para que non esquezas esta lección, toma... (E deume unha labazadiña, máis ben simbólica, que me doeu só na moral, séxase, menos cós meus xeonllos cando bicaron aquel horto do Evaristo).

Querido e admirado Don Nicolás: Como xa lle xurei a súa bandeira, cando nos vexamos Aí Arriba, nesa República dos Xustos, por favor, fágame unha caricia..., para premiarme por aquel acto da miña adhesión inquebrantable!.

-.-

 

As fotos que conservamos na familia: Os Salmerón, pai e fillo.

 



O cemiterio dos Lombardero San Miguel; igrexa de Librán.

Cando comecei a entender iso dos apelidos, que aínda non tería cinco anos, lémbrome que lle dixen á avoíña:

-Xa me levou meu pai para ensinarme por onde se foron os Gómez, aí en San Cibrao, e os Vilabella, aló en Luaces, pero fáltame por coñecer o sitio onde están soterrados os teus, séxase, os Lombardero e mailos San Miguel.

-Mira, neno, a tía Ramona, miña irmá, mandounos unha carta dicíndonos que agora en Agosto vai vir no coche de teu tío Alfonso, para pasar o verán connosco. Daquela vai querer ir a Librán, a Catatrigo, onde nacemos e nos criamos, ámbalas dúas, pero irá nas eguas, que así aproveita para despedirse da nosa xente, pois como vai velliña igual non volve por aló...; en vida, quero dicir. Se os de Pousadela nos prestan a súa egua, igual te levan a ti, con eles. 

-E vai traer ao seu home?

-Neniño, non, non pode, que está viúva desde o ano pasado; e tamén lle morreron os fillos, xa de pequeniños. O seu home, que era o morgado doutro Nicolás, aquel gran señor que foi Presidente da outra República, descansan, os dous Nicolás, esperando pola resurrección, nun panteón que seica é grandísimo, en Madrid, nun cemiterio que chaman “El Civil”, que debe ser onde están os civilizados.

 




Panteón dos Salmerón, onde tamén xace a tía Ramona.

-.-

-Madriña, fálame dos Lombardero e dos San Miguel...

-Falareiche mañá, que iso vainos levar un día...

...

O apelido Lombardero seica comezaron a utilizalo uns asturianos, que tiñan de oficio dirixir e disparar lombardas. Lombarda, ademais das leitugas coloradas, era un arma de fogo portátil moi antiga.

O segundo da avoa, San Miguel, seica o colleron algúns xudeus, cando a súa expulsión, facéndose, ou simulando, ser católicos, para que non os botasen do país.

...

-Meu irmán José Antonio, casou coa Carme, que era irmá de teu avó; dobre vínculo, que se chama. Cando morreron, os seus fillos, que aínda eran nenos, foron recollidos por meu irmán José, que xa estaba daquela en Baracaldo; e cando lle morreron os seus, que tivo dous ou tres pero morreron de nenos, miña irmá Ramona levou con ela, para a casa dos Salmerón, aos nenos de Bilbao. Naqueles anos morría moita xente moi nova, incluso de nenos... Xa que menciono aos Salmerón, tes que saber que, cando o seu sogro se negou a firmar sentenzas de morte, que se sostivo en que a vida é cousa de Deus, e que só o Deus que nola deu nola pode quitar, por graves que fosen os delitos, veuse, botárono para Lugo, de Profesor. Para daquela o fillo, o morgado, outro Nicolás, tan listo coma o pai, xa era avogado, periodista e farmacéutico. Namorouse da criada, que era guapísima e moi lista; casaron e puxéronlle mestras, que eles chamaban institutrices... Pero da tía teño moito que contarche, que foi boísima, e non só para a familia senón para políticos procedentes da Valeira, de Castroverde e do Corgo... ¡Isto outro día, pois as comidas e mailas leccións, fanse pouco a pouco, mastigando ben para mellor dixerilas!

...

Outro día, si, que ata me explicou que a casa de Catatrigo é nova, e que a pagaron os Salmerón. O día da inauguración, que viñeron de Madrid os Salmerón, nun coche de cabalos, invitaron á metade do lugar... E quedáronse a durmir, estreando camas e colchóns, pero o tío Nicolás, que tusía moito, levantouse á media noite, para cerra-las ventás. Daquela, aproveitando que había lúa, quedouse un intre no peitoril contemplando a paisaxe, pero, nisto...

-José Antonio, cuñado, vén a la ventana, que nos han puesto escaleras de mano!

O cuñado, que tiña licencia de caza, ademais de darlles para atrás ás escadas, fixo uso da escopeta, así que os ladróns, escondéndose, quedáronse coas ganas de subir en busca das maletas da familia Salmerón. ¿Quen foi? ¡Iso saberíao o Cura de Librán..., se é que se confesaron!

-.-

 



A primeira vez

 

Da primeira saín parvo de todo, e menos mal que a parteira, aquela señora Manuela do Rego, lle axudou a miña nai, pois, como fun o primeiro, a pobre non tiña práctica, ¡nin práctica, nin sitio!

Pero aquel Agosto do 35, no que estaba a cumprir, ¡como agora se di!, os cinco anos, grazas á visita de nosa tía Ramona, para daquela xa viúva de Salmerón, abrín os ollos, con todo o asombro imaxinable: ¡Estaba descubrindo que, fora da miña bisbarra, existían outros mundos, outras máquinas, outras moedas, outros conceptos culturais! ¡Foi o meu renacer; e aquelas lembranzas nunca as esquecerei!


O Ford do tío Alfonso.

 


As moedas de 5 pesetas, en prata, das que facía uso a tía Ramona, e para iso, sen pedirllas!

 

Meu pai leunos unha carta da tía Ramona:

-Menos mal que hoxe foi domingo, e que pedín o correo á saída da Misa, que se non chega a tempo esta carta..., daquela terían que da-la volta, fose para Lugo, ou xa para Madrid.

Miña nai:

-E logo...; terás que ir mañá á Cardona, con dúas ou tres eguas, para traelos...

-Si, pero non: Que me di meu cuñado que os espere na Cardona de Luaces, iso si, alí na estrada, que se o camiño dos carros, o que vai da Cardona a Veiga, non está lamacento, que el vai meter o coche, e deixalo en Veiga...

A actual estrada CP 16-11, daquela non estaba nin en proxecto, pero, atreverse co auto...? Cousas do tío Alfonso: Un Carrodeguas metendo un Ford T polo camiño dos “carros” das vacas!

Ao día seguinte, sen eguas, andando, levoume meu pai ata Luaces, onde esperamos aos madrileños na estrada LU-760, ¡que esa si que estaba feita, empedrada, en parte por miña nai, que de solteira traballou naquelas obras coma o máis forte dos varóns!

A Cardona, Trasín, o Mazo... Apretados no coche, e o Ford saltando polas pedras da corredoira... Eu, feliz: ¡Estaba descubrindo a locomoción a motor! ¡Ah, pero, no Mazo, ademais das pedras estaban os toxos, que tiñan alfombrado o curral, para que se lles fixese esterco! A primeira que se apeou foi a tía Romona, e díxolle ao dono da casa:

-¡Tienes que retirarnos todo esto, para un lado del camino, que ya te pagaré!

¡Vaia se lle pagou: Cinco pesetas, en prata! O do mazo, que nunca tal propina vira, nin a tivera nas mans, axeonllouse, e bicoulle as mans á tía Ramona, tan agradecido coma se lle abrise as portas do Ceo! Aquela escena serviume para descubrir a eficacia do diñeiro; hoxe penso que foi o meu sino, traballar nun Banco, manexando diñeiro alleo!

En Veiga non había toxos, pero alí estaba un tal “Pirinas”, que se nos ofreceu para subirnos as maletas, ata Bergland, no seu carro das vacas. Outras cinco, tamén de prata; ¡e tamén, de xeonllos, as gracias! ¡Viñeran os Reis Magos, e iso que estabamos en Agosto!

-.-

Teatro en Montecubeiro

 

Agora voume referir a outro dos fachos que alumaron o meu espertar, pero non preciso dar o seu nome, que xa o ten o lector aquí abaixo, nesta lista dos Mártires da Cultura, séxase, de Montecubeiro: Arximiro Rico Trabada.


O domingo anterior á festa patronal, San Ciprián, coa tía Ramona na egua da casa, fomos todos..., ¡ao teatro, ao teatro de San Cibrao! ¿Teatro en San Cibrao, no ano 1935? ¡Se me pedides que o xure, tamén o fago!

-Papá, mira o que fixeron, o que puxeron, nese corredor da Casa da Unión: ¡Unha saba de colores, colgada dun pau!

-¡Fillo...! Pero é mellor que cho explique a tía Ramona, que sabe máis cá nós destas cousas!

A tía, apeándose da egua, e apartándonos para diante da casa do Cuco, para nos estorbar á xente que ía chegando, que se estaba aproximando:

-Pepito, ese lienzo es una bandera, la bandera de la España republicana, símbolo de la unidad y de la grandeza de España. La pusieron aí para que la miremos con respecto, como si fuese una cosa sagrada..., puesto que sagrada es! Ya sabes que venimos para ver teatro, precisamente una obra en la que actuará mi sobrina Asunción... El teatro también  sabes que es una literatura imaginativa, una representación de como es la vida, o de como puede ser, unas veces jocosa y otras dramática, pero siempre aleccionadora. La bandera es lo contrario del teatro: es la realidad misma, y como no podemos abarcarla, referirla, explicarla, utilizamos ese paño, listado con tres colores, para recoger, con el rojo, la sangre vertida para lograr lo que somos; el amarillo significa el oro, pués de oro es la cultura española, valiosísima; y el morado...; el morado es máis difícil de explicar pues recoge la suma de dramas que empapó nuestra Historia. ¿Lo vas entendiendo?

-Tía, yo también quiero ser Maestro..., para explicar las cosas tan bien como usted lo hace.

-Pero yo nací, y me crié, analfabeta. Después puse interés en aprender..., cosa que también espero hagas tu, si quieres emular, imitar, a las familias Gómez Lombardero, y Vilabella Fernández, de las que procedes! ¿Piensas honrarlas?

Pouco máis falamos, porque o local da Unión era pequeno, e tiñamos que apresurarnos para non quedar fóra.

Quen dirixía aquel teatro?

Se o digo eu, igual dicides que son subxectivo, así que vos paso á Internet: Argimiro Rico Trabada exerceu como mestre e fixo por libre os estudos de Maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela, (1924-1927). Foi mestre nas escolas da Fontaneira e San Bernabé. Organizou e foi director da Unión Cultural San Bernabé. Organizou a Festa da Árbore na escola do San Bernabel o 10 de maio do 1934. Visitaba asiduamente Montecubeiro, de onde procedía súa nai, participando en actividades culturais desenvolvidas pola Unión de Labradores de Montecubeiro, en mitins, como o do 14 de abril de 1936 para celebrar a festa da República, no que pronunciou un discurso defendendo a cultura como factor de liberación.

En outubro de 1937 un grupo de falanxistas fórono buscar á súa casa e levárono atado cara o monte. Nunha taberna do camiño (en Riojuán) detivéronse a beber deixando a Argimiro atado á fachada; ao saír pegáronlle patadas e insultárono. Seguiron camiñando ata o lugar elixido onde lle cortaron os testículos e a lingua, sacáronlle os ollos e rematárono de varios tiros”.



¿Que; un heroe, outro, non si, que daquela non escaseaban!

A Unión de Montecubeiro...

O documento fundacional, a súa reprodución, non o conseguín, pero o seu “introito” si, así que o comparto co lector:


Que facía, que fixo, a Unión?

No cultural, continuar a escola dos frades: ¡Con dicir que, polos anos 30 do século XX, Montecubeiro, a súa Unión, xa tiña unha biblioteca circulante que facilitaba libros aos seus asociados, de quince en quince, séxase, para devolver nos domingos de Meira!

De onde nos veu aquela fogueira cultural aos de Montecubeiro?

De onde ía ser, dos frades, dos Dominicos! Pero antes cos Dominicos xa tivéramos aos seus antecesores, aos Beneditinos; e antes, aínda máis: ¡Os eremitas!

¡Montecubeiro, Monte Cuperio, ou máis explicitamente, Monsanto, cantas obrigas me impós! ¡E xa non teñamos algunha relación parental con aqueles das primae noctis, nunha bisbarra que tivo máis cregos que labregos!

A máis antiga debeu ser a Valga do Santo Estevo,


Nesta vagada estaba a fonte e maila ermida, hoxe soterradas.

tan esquecida que nin os Peritos da Concentración Parcelaria viron as ruínas, nin as ruínas nin a fonte, ¡e alisárono todo! E os do país..., calados! Eu non tiven culpa, pois daquela xa estaba na Coruña..., desterrado, para máis INRI!

O Santiago de Foxos. Daquela eu estaba en África, pero nunha colonial, na que preguntei pola capela, dixéronme que, por non invadir un horto, ao abrir a pista do lugar..., achaiaron a capela! ¡E menos mal que a súa imaxe principal, Santiago Matamouros, para daquela xa estaba na parroquial de San Cibrao!


Santiago, dacabalo, no altar da dereita.

 


No central, á dereita do Patrón, San Ciprián, está a imaxe da Virxe Milagrosa, doada por nós.

A capela maldita, por outro nome, O Zarro Novo. Ata que pararon de enterrar dentro da igrexa de San Cibrao, os abortiños, os suicidas, os que se declararan ateos..., enterrábanos aquí, aquí mesmo, no medio do monte. Meu padriño ensinoume a rezar por eles, que me dixo: “Que o Ceo os xulgue; cousa nosa é pedir por eles, meus pobres, tan soíños que están..., sen  ninguén que os defenda!


No Zarro Novo, con meu avó.

A capela do San Sidro, da Cernada, no Ribón. Si, da “cernada”, porque alí tiñan os frades unha criba hidráulica, que separaba a fariña do salvado. Inicialmente non creo que estivese dedicada ao madrileño, pero cando veu casar para ese lugar aquel Sidro Valcarce..., pois iso, que é unha advocación tardía, tardía e traída, que de aí veñen as miñas dúbidas.

A Capela da Santa Petronila, ao Barreiro. Inicialmente foi a capela do cárcere dos frades, arriba da Picota. Na miña crianza tíñanlle moita devoción as rapazas..., porque lle pedían, e concedíanlles, que as casase con un señorito..., para que as tivese de man branca!

O santuario da Fonte de Matahomes. Si, ho, ese sitio, alí abaixo do Cepomundín, onde o Rei usurpador, aquel Silo das Asturias venceu, matou, aos últimos resistentes da súa Galicia insubmisa. No Cronicón de Alfonso III lese, “Populos contra se rebellantes in Monte Cupeiro”. Pero no sitio da cruz hai un erro, pois a fonte está algo máis abaixo, exactamente onde nace o Río d´ Osos, ¡de tantos ósos, non osos, como alí afloraron! 


Quixeron poñer a cruz onde se vise desde a estrada, pero non xunto da fonte.

A capela do Santo Adrián; no lugar de Santadrao. ¡Pobre Adrián, que por devotos hoxe en día ten un bosque de silvas!

Aínda hai restos de máis oratorios, pero..., xa que vos apetece esquecelos, non vos cansarei coas miñas lembranzas!

Centrándonos nos últimos frades, aqueles que padeceron/gozaron? da desamortización de Mendizábal.

Primeiro, séxase, antes cos dominicos, estiveron os beneditinos; despois dos ermitáns por suposto. Do ano 1249 hai un documento que recolle o litixio xurdido pola deposición do abade Pedro Isolino, coa elección de Martín., etc. Isto chamou a atención do papa Inocencio IV, que ordenou a apertura dun expediente informativo.

A anexión do mosteiro de San Cibrao de Montecubeiro ao convento de Santo Domingo de Lugo foi a finais do século XV.

A restauración-reforma da igrexa está datada no ano 1787.

-.-

A carta que deu a volta por París

Na miña infancia dicíannos que os nenos viñan de París...; sería ou non sería certo, pero aquela carta de aló veu, que meu pai conservaba o sobre, ¡e tiña selos de Francia! Por remite: “Hôtel de Ville de París”.

¡Para vir de Madrid a Lugo, daquela da Guerra..., había que pasar por París! Así o evidenciaba aquel sobre, que contiña una carta do..., Maire de París! Viña en español, pero aquel señor, para min que non sabía francés, que era, “madre” ou “padre”. Meu pai díxome que se trataba do Alcalde de París, ¡nada menos! Ao primo Lombardero, que seguía en Madrid, para informarnos da morte da tía Ramona non se lle ocorreu nada mellor que pedirlle ao Alcalde de París que nos reexpedise a triste noticia, dada a afectuosa relación que tiña con eles a tía Ramona. Meu pai xa sabía que o Axuntamento de París complementara a súa aportación ao panteón familiar con unhas coroas de loureiro (metálicas) amén dunha inscrición orixinal do inmortal Clemenceau, etc., etc. ¡O fulgor das estrelas, que se ve desde lonxe!

-.-

·         Papá, que é iso do miraguano?

Non me atrevín a preguntar ata que volveu meu pai, aquel sábeotodo que tiven de pai, de levar na nosa egua ao primo Lombardero, que só durmiu con nós unha noite porque quería coller en Luaces a Liña de Trigo para chegar a Lugo antes de que se fosen os da remesa do diñeiro.

·         Espera un pouco, que vou subir ao cuarto novo, ao da escola, para coller un deses libros que teño escondidos no faiado..., por se a Falange..., daquela do cuarteliño mandado polo creteino López de Haro!

¡E menos mal que os tivo escondidos, que mirade o que lles pasou aos de Sarille do Campo nun daqueles rexistros dos fachas de Montecubeiro:

“-Mi Sargento, aquí tienen un libro rojo; que hago?

Efectivamente, o libro, titulado, “Devociones al Sagrado Corazón”, tiñas as tapas “rojas”.

“¿Rojo...? ¿Y lo dudas: quémalo!

Cando baixou meu pai da escada de subir ao faio, leume isto: “El Miraguano, o sea, el Coccothtrinax miraguana, también conocido por Kapot, es una materia prima muy estimada para relleno de cojines, almohadas, colchones, etc., que se extrae del fruto de la palmera de miraguano o árbol del algodón de seda. Se trata de una fibra vegetal y ecológica, muy lisa y extremadamente suave. Dicho material se caracteriza por ser de lo más ligero y elástico, 100 % granulado y muy flexible”.

A véspera, xa de noite, chamou á porta meu tío de Pousadela, que viña con el o primo Lombardero, o do Banco de España, e traían, no carro das vacas, un colchón, ¡en seda!

·         Vin a Lugo nun camión do Banco, que lles trouxemos unha remesa de diñeiro, e aproveitei para traervos este colchón, que era no que durmía o tío Nicolás (Nicolás Salmerón y García, ou seu pai? Isto non nolo explicou). En Lugo baixoumo ao coche de Trigo ese mozo..., O Curuxo, e subiumo á baca. En Luaces deixeino na obra de Silva e fun ata Pousadela, para que aquí o Pepe o recollese co carro...

Mirade, isto é só un símbolo de cariño familiar, pois os franquistas, do patrimonio dos Salmerón, aquela mina de Almería, a farmacia, os pisos do Barrio de Salamanca..., ¡todo nolo arroubaron, que só nos deixaron os mobles que había na casa da tía Ramona...

¡Tan só un símbolo, mais para min foi un tesouro, unha herdanza real, durmir, criarme, no colchón onde pensaban, onde matinaban, os Salmerón..., todo un relicario!

-.-

Os outros mobles dos Salmerón

Tomei posesión deles, ¡posesión delegada!, en Outubro do ano 1948, ingresado, ¡por tres anos!, no Batallón de Infantería do Ministerio do Ejército, onde me destinaron, como mecanógrafo, ao Consejo Supremo de Justicia Militar, ¡durmindo, iso si, no Banco de España, pabellón 20, que o habitaba daquela Pepe Lombardero: ¡O pabellón era do Banco de España, pero os mobles..., foran do piso dos Salmerón!

Naquel ¿voluntariado?, ¡voluntariado á forza, que outros medios non tiña para volver ao Bacharelato!, pasei os tres anos compatibilizando a dactilografía ¡un milleiro de secretos de Estado!, coas clases na academia Centro de Estudios Mercantiles y Económicos, onde o seu Secretario, Don Ignacio Ruiz Huerta, me proporcionou..., ¡unha beca! Mirando para atrás, presuncións fóra, moito me levo preguntado como foi capaz de tanto esforzo aquel zoqueiriño de Bergland; a quen tiña no Ceo, que tanto e tan ben me levaba da súa man?


¡Un zoqueiriño..., neste palacio,

daquela Consejo Supremo de Justicia Militar!

Daquela moito me falou o primo Lombardero de nosos tíos, dos Salmerón, incluíndo a detalle o ¡roubo! dos franquistas, birlándonos aos herdeiros a nosa participación no inmenso patrimonio dunha familia tan nobre e tan rica!

·         Voute levar ao cemiterio Civil, pero non contes con entrar, que só nolo permiten os parentes, e para iso un único día, o de Defuntos. Está subindo, á esquerda, na estrada de Vicálvaro, fronte ao cemiterio do Este... Rezaremos polos tíos desde o seu portalón, e en Novembro volvemos... Mesmo fronte ao panteón dos tíos, está o de Pablo Iglesias...


De Pablo Iglesias volveu a falarnos o gardián do cemiterio, un galego, que nos dixo: “Aquí só se pode entrar voando, saltando as tapias, como fan a miúdo eses que lle traen flores a don Pablo, e despois bótanme a min a roña, que non é a primeira vez que me atribúen que os deixei pasar...!

¡E nin con esas o canonizaron!

Dejó la Presidencia de la República por negarse a firmar sentencias de muerte... ¡Outro tanto non fixeron os Papas, tódolos anteriores ao papa Francisco, que: “El Papa aprobó la nueva redacción del ítem 2267 del Catecismo con el prefecto de la Congregación para la Doctrina de la Fe, el cardenal Luis Ladaria. ... El nuevo texto del Catecismo dice que “la dignidad de la persona no se pierde ni después de haber cometido crímenes gravísimos”.2 ago 2018

Os Salmerón en Lugo.

La Voz de Galicia. “La memoria sale de paseo”, de Juán Soto. 14-5-2016. Rebautizos coyunturales... “Enfrente (de la Agencia Tributaria), el recuerdo del viejo Méndez Nuñez, es decir, de La Española, la fonda que en 1876 acogió al desterrado Nicolás Salmerón”. Ao deixar a fonda colleron de criada á Ramona Lombardero San Miguel. O fillo (outro Nicolás, outro sabio, outro humilde) namorouse da criada; ¡e que valores non tería aquela criada para que a incorporasen á súa familia os ilustres Salmerón!

-.-

Nicolás Salmerón y García. Avogado, farmacéutico, periodista, etc. Xa lle preocuparon nos seus días os contratos colectivos: Aquel libro seu, “El Contrato colectivo del trabajo”, anticipándose ás inquedanzas sociais, que non é pouco; e por engado, aquela humildade súa de casar coa criada...!

-.-

¡O que queira saber algo máis dos Salmerón que vaia a Internet, pois dos Mestres nunca se sabe, nunca se aprende abondo!

-.-

Os secretos históricos

son como bombas de explosión, tardía pero estrondosa, que nos fan escarramelar os ollos, en tódalas direccións, e con tanta impresión, con tanta iluminación, que nos ensinan definitivamente.




Por poñer un exemplo, aquel gadañador..., ¡a gadaña era o símbolo da morte, non si?, aquel ¿señorito?, laureado e con estrelas de oito puntas, aquel López de Haro..., ¡y Del Rey!..., “  Estando en junio de 1937 prestando servicio en Talavera de la Reina, fue trasladado a la Comandancia de Las Palmas, continuando al mando de destacamentos en dicha población hasta que en julio volvió a Lugo, tomando parte en acciones de guerra en esta provincia y en la de León”,

que fundou un cuarteliño, para compracer a don Hermenegildo, en San Cibrao, na propia Casa da Unión. Con aqueles 15 inocentes no Ceo, ¡a sus órdenes!, verdade que merecía outra laureada? Tamén a merecía eu, e tamén por inocente, que lle aguantei a filla, aló en Ifni, seis anos de veciña, sen saber a que tiñamos! Descubrino fai poucos días, aquí na Coruña, buscando cousas en Internet. ¡Se o chego a saber antes, houbéselle mostrado o paniño de Salmerón, máis ou menos como fixen co Mestre de Maxide! ¡Encima do que fixo, ou do que permitiu facer, seu pai, no meu Montecubeiro, aguantarlle a filla, a filla e mailo xenro...! O sogro de caza por Montecubeiro, e o xenro, aló en Ifni, 20 anos despois, disparándolles aos gatos da súa azotea..., para que non lles comesen o bacallau que puxera a secar!

-.-

Apréndese do bo, pero tamén do malo; o quid está no discernimento. A vida é unha contenda: Os bos están no Exército de Deus, e os malos..., do outro lado!

-.-

 

Das espigas do millo ás brazadas daquel miraguano.

Fóiselle perdendo o medo á Falange, e coa Falanxe aos gardas, así que, nas lareiras, ou cerca delas..., volveulles a voz aos nosos avós, e..., falaron! ¡A escola familiar espertou, e..., aprendemos, ensináronnos, todo ou parte, do noso pasado! A guerra, pero tamén a posguerra, foron..., un período de hibernación!

Aquel colchón, ¡aquel miraguano!, falaron, fíxolle falar á miña xente, lembrando, relembrando, canto eles sabía dos Salmerón, e en especial da tía Ramona, aquela protectora, tan xenerosa que foi e non só coa familia, pois seica protexeu, entre outros que agora non lembro, ao Manuel Cordero Pérez, Julián Besteiro Fernández, e a unhas cantas criadas, criadas na súa bisbarra natal, todas elas procedentes da Valeira.

-oOo-

Pasa a

OS MEUS CAPITÁNS -II- 

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: