miércoles, 20 de enero de 2010

OS MEUS CAPITÁNS -III-

.../...

Ai miña Enriqueta, que no Ceo quero ir á túa escola,

para recuperar, para aprender, o que me quedase sen escolar,

pois,

se no Ceo me poñen de Anxo da Garda,

quero cumprir o que me quedase sen facer.

Aquelas verbas túas, primeiro en Madrid, e despois aquí na Coruña:

“É moito o que recibimos, o que fixeron, para nós e por nós, os nosos entregos,

así que a nosa obriga,

indiscutible, ineludible,

é aproveitar o recibido, melloralo, perfeccionalo,

e transmitilo

ás xeracións sucesivas!”

Meu Deus, despois do Evanxeo, ninguén mellorou o teu ensino, miña querida e admirada Enriqueta!


No teu enterro, ¡na túa subida aos Ceos, eu acudín ao periódico provincial, El Progreso, para exclamar, para dicirche:

 

El Progreso, 5-11-1989

Necrolóxicas

¡Chegou Enriqueta!

 

Enriqueta Otero, filla preclara de Castroverde ou, se o prefires, luceiro de Miranda -xurisdición que con Montecubeiro compuxo o triunviro municipal de Castro o Verde-, ¡xa estás na gloria! Na gloria de Deus, e tamén na da Historia.

 

Dende San Cibrao ó Páramo pasando pola Meda tiñan que soa-las campás, pero non acostumamos a tocalas nos enterros; onde si te recibiron, ¡seguro!, con tódolos sinos repenicando foi no alén, que alí hai xustiza e alí comprendéronte.

 

¿Sabes cal foi o primeiro lostregazo que tivo o meu entendemento cando a TVG deu a noticia -¿triste noticia, alegre noticia?- do teu pasamento? Do máis simple: Tiven envexa dos nenos da Agrupación Escolar de Castroverde porque eles naceron oíndo falar de ti; e, por suposto, que tamén do noso veciño Manuel Cordeiro. Eu tiven, nos meus tempos, que facer de policía para ir descubrindo algo de vosoutros; e para iso contraditorio en moitísimas fontes consultadas.

 

¡Ah, Manuel Cordeiro, ou Cordero! O teu mestre, aquel analfabetiño que gracias á escola adulta da “Casa del Pueblo” madrileña chegou a mestre de mestres, seguro que foi o primeiro en darche a benvida dende o pináculo da gloria. Estouno vendo:

 

-¡Enriqueta, Enriqueta Otero; por aquí, sube máis arriba, que esta é a gloria dos fillos ilustres de Castroverde!

 

-Pero, Manuel, ¿ti aquí? ¡Que alegría! Nembargantes debe haber algún erro pois véxote á dereita do bispo Osorio de Vilabade! ¿Ou non é este señor tan campechano aquel Bispo-Vicerrei que andou polos Ángeles de California, xa antes de inventarse o cine? ¿Non será que aquí volveuse comediante?

 

-¡Miña Enriqueta, nosa Enriqueta, vouche contestar, eu mesmo! Comprendemos a túa sorpresa pois vés dunha España faranduleira, con ou sen democracia; pero tempo terás de ir comprendendo que este é o mundo que fixo Deus, o verdadeiro, que o de Curros quédanos abaixo, ou máis exactamente, debaixo. ¿Non suspiraches, non loitaches ti por unha humanidade igualitaria, comprensiva, fraterna? Pois, miña rapaza, ¡xa estás nela!

 

-¿Rapaza, eu?

 

-¡Si, rapaza, que aquí serás eternamente xoven! E ten por seguro que eu entendo diso; non esquezas que deixei o meu tesouro dedicado a dota-las doncelas de Castroverde, así que decátate que aquí os piropos á muller galega son verdadeiros. Pero máis che digo, que aquí tés, á miña dereita, ó Manuel Cordeiro, que daquela, nas Constituíntes da República, non se quedou á zaga da Campoamor, e mesmo lle estalou o corazón no Parlamento cando dixo aquilo de: “Hay una tierra, -¡que bella es!-, Galicia, en donde la mujer rinde a la familia y a la sociedad más esfuerzos que el hombre. Este, sugestionado por la necesidad siempre, vino emigrando, dejando a la mujer al frente de la hacienda y de la familia. Y cumplía su cometido con tal heroísmo que bien merece nuestra admiracion”.

 

-Foi valentía, si; que daquela o PSOE aínda tiña medo de que os cregos torcesen o voto das mulleres.

 

-¡Mira quen vai falar de valentía! Valente ti, miña Enriqueta, como o proban as túas feridas; o meu foi só de palabra.

 

-Eu, daquela, cando me levaron sen cura-las feridas ó cárcere da Coruña, ben pensei que me levaba o demo.


No ano 1962, diante da Porta de Alcalá.

 

-¡Ca, muller; o demo  nunca, que estaba aquí, á miña esquerda -fíxate no que che digo, á miña esquerda polo social que foi-, este gran Bispo e paisano, pregando por ti!

 

-¿E se me queriades convosco, por que non subín daquela?

 

-Era cedo para ti, que aínda tiñas que ser exaltada mesmo, mesmo, na terra en que te perseguiron. Pero tamén faltaba outro requisito: Ti aínda non fundaras “O Carriño”, e non tiñas en que vir. Pero diso do pasamento das persoas honradas -que non sempre son as que reciben honras aló abaixo- quen máis che entende é aquí o señor Bispo Osorio; ¡que che fale el!

 

-Pois logo, en dúas palabras: Ti sabes que Elías subiu ó Ceo nun carro de lume...! ¡Non, non penses mal, que non era o lume das toxeiras! ¡Pois ti, Enriqueta, subiches no teu carro da fraternidade!



Daquela entoaron tódalas persoas salvas de Castroverde, que eran maioría, (eu vin en sonos como lle mandaron a un demo cativeiro que apartase ás outras- un fatadiño pequerrecho de envisos- para os antros do olvido, para que non encordiasen), un canto pracenteiro. Cantaban na lingua dos anxos e por iso só collín a música; pero soaba deste xeito: ¡Chegou, chegou, a nosa Enriqueta! E vén de gañar a pulso un preito, porque loitou pura, sen vendetta. ¡Veuse nun carriño por cadaleito!

 

Xosé María Gómez Vilabella

-.-

 

Repasando as túas leccións, as de daquela, que no Ceo, se me deixan entrar, penso volver á túa escola.

 

Herdanzas?

 

¡Tantísimas! ¡Tíñante por atea...; estúpidos, coa de ética católica que tiñas herdada de teu tío, do Cura, que ben o demostrabas cos teus feitos!

 

A nosa mellora foi aquel bautizo, e iso por ter nado na Idade Contemporánea, con vinte séculos de madurez católica. ¡Pobre Adán, e pobre Eva, canto sufrirían xerando fillos en pecado, naquel irremisible retroceso! E as xeracións sucesivas, ¡pobriños!, máis cerca dos animais que dos anxos.

 

A todo isto ese Satanás, gozándoa, dándose de vitorioso, pero, ¡que equivocado! Probablemente non matinou que a misericordia de Deus, sen deixar de ser xusta, é infinitamente bondadosa: ¡Deus estaba disposto a facerlle un fillo, por xeración e non por creación, á muller perfecta, á neta perfecta, á Virxe María; e despois crialo na pobreza, para que nos sirva as xeracións sucesivas de modelo social; mozo aínda, e canso de predicar, de exemplarizar, deixaríase traizoar, cunha paixón “voluntariamente aceptada”, redimíndonos do pecado, ¡do pecadísimo da soberbia fronte ao Creador! Coa súa Paixón, Morte e Resurreción, abriríanos, ¡despecharía!, as portas do Ceo. Etc., etc. ¿Medimos, valoramos, apreciamos, esas indulxencias do Fillo de Deus con seus irmáns, descendentes, fillos, daqueles pecadores do Paraíso inicial?

 

Volvemos ao pecado, un novo, outro, outro desagradecemento, outra soberbia, se non nos axeonllamos con toda veneración ante o Santísimo Sacramento do Altar, do noso Xesús, que nos deu a fórmula para invitalo á nosa casa, ¡que en definitiva é a súa! Non pararse nestas reflexións é tanto como saltar as trincheiras que nos separan, ¡agora!, do exército satánico, pasarse ao inimigo, esquecer iso que temos nos Evanxeos, tan clariño en Lucas 4, 1; ou en Mateo 4, 1-11; ou en Marcos 1, 12-13:

 

Lucas: Entón Xesús, cheo de Espírito Santo, volveu do Xordán, e o Espírito levouno deserto adiante, durante corenta días, onde o tentou o Satán. Naqueles días non probou bocado, pero ó cabo deles sentiu fame. E díxolle o Satán:

-Se é-lo Fillo de Deus, manda que estas pedras se volvan pan.

Respondeulle Xesús:

-Está escrito: “O home vive de algo máis ca de pan”.

Despois levouno a un outeiro e mostroulle un intre tódolos reinos do mundo. Díxolle o Satán:

-Dareiche todo o seu poder e toda a súa gloria, porque mos entregaron a min e doullos eu a quen quero: Se me adoras todo será teu.

Respondeulle Xesús:

-Escrito está: “Adorarás ó Señor, o teu Deus, e só a El darás culto”.

Levouno logo a Xerusalén e plantouno no cumio do templo e díxolle:

-Se é-lo Fillo de Deus, bótate de aquí abaixo, que está escrito: “Mandará ós seus anxos para que te garden”; e tamén: “Levarate nas súas mans para que non se manquen os teus pés nas pedras”.

Xesús respondeulle:

-Está mandado: “Non tentarás ó Señor, o teu Deus”.

Rematadas as tentacións, o Satán deixouno ata o tempo axeitado.

 

¿Vedes como traballa Satanás, e como Xesús, dándonos exemplo, lle mandou un ¡Vade retro, Satana? O diabro non descansa, e canto máis arriba nos ve, máis interese pon en mancarnos, en apartarnos de Deus, séxase, da verdade absoluta, certa, da que nos mostrou o propio Xesús coa súa Ascensión!

 

¡Canto tempo lles dedicamos aos vicios, as tentacións, e que pouco ás virtudes! Pasounos contigo, querida e admirada Enriqueta, que nin o Cura, Mato non, o da parroquia, estivo no teu enterro. A porta da igrexa estaba aberta...; a porta si, ¡por se ía algún desde Coruña, tal que a miña dona e mais eu, a rezar por ti, pero, os demais? Aquela bandeira tricolor que te envolveu, escandalizounos!

 

O noso pan de cada día...

 

hai que pedilo no Nosopai, e despois ir á panadería, pero non sempre foi tan fácil conseguilo. ¡Canto traballo, e cantos traballos, levan pasado os nosos entregos para..., para retroceder ao pan integral, que é o mellor de todos!

 

 

Daqueles muíños de man pasaron séculos para que no meu Montecubeiro chegásemos aos trinta “muíños de herdeiros”, que eu coñecín: ¡Vinte e nove e máis o “dos Gómez “. Aquela soberbia do Paraíso, de aceptarlle a Satán a pretensión de igualar ao Deus Creador, canto perdemos nela, con ela, e menos mal que Galicia se salvou do diluvio universal, como nolo demostra o feito de que Noé, ao baixarse da arca, fundase Noia!

 

Ai miña Enriqueta, que traballoso era, aínda nos teus anos, aquilo de cava-los montes, e despois entolar, e despois estende-la cinsa, e sementa-lo trigo, restándolles unhas fanegas á artesa fermentada! Mira se eran dignas de devoción as nosas searas, que os propios romanos, e iso que xa dominaban a metade do mundo civilizado, estarrelaron os ollos ao achegarse á nosa terra, e ver como o vento formaba olas co baile, coa flama das espigas; tanto lles impresionou o espectáculo que deron en chamarlle flammoso (Chamoso, que vén de flamma = chama, fogo).

 

Maiormente co diñeiro que foi vindo da nosa emigración, nosos pais mercaron tractores... Iso si, daqueles que saldaban os casteláns, cansos, esfargallados de tanta sementeira castelá. Aínda así, de enferruxados, corrían máis que unha tal Enriqueta, aquela das muletas, por causa e por culpa do tiroteo á que foi sometida na súa imprentiña de Lugo, aquela na que elaboraba uns folletos que saías a repartir por Lugo adiante, tapados con ovos de pita no teu cesto da feira..., pois daquela aínda non tiñas un simple carriño!

 

Entre os teus alumnos, e algún que outro das outras escolas, avanzando no estudo da composición dos alimentos nutritivos, chegaron a conclusión de que fora pasarse de listos ao de eliminar o salvado, aquilo de dedicárllelo aos “irmáns” da ceba, así que hoxe en día preferimos, ¡iso din os médicos!, o pan integral. O que tu dis: ¡Hai que perfecciona-los coñecementos para que os gocen as xeracións sucesivas!

 

Nisto dos experimentos:

 

A civilización require moita atención porque é lentísima: Levamos 40 anos analizando os outros corenta, aqueles do franquismo, e aínda así non estamos inmunizados das caídas, dos retrocesos, ditatoriais! ¡Quen nos dera terte, hoxe en día, no teu Carriño, aí en Lugo, explicándolles aos rapaces de hoxe en día que aquel Hermenegildo non era galego...; ¡era Franco, pero un franco sen franqueza! ¿Lémbraste, amada Enriqueta, que aínda estabas ti neste mundo cando á Codorniz se lle ocorreu publicar, editar, un parte atmosférico que dicía: Reina en España un fresco General procedente del Noroeste de España. ¡Custoulle tres meses de arresto maior, de calabozo!


 


O teu parto foi a Democracia...

 

Pero pouco viviches desde aquela; axudaches, moito, na xeración da Democracia, pero apenas nada, parida, chamáronte do Ceo para, desde Arriba, seguir de Mestra nosa, de Ama de Cría, ¡axudándonos na nosa rexeneración!

 

Por tantas cousas, por tantas ensinanzas, querida Mestra, non me cansarei de loarte, bendita Enriqueta!

 

Xosé María Gómez Vilabella

 -oOo-

No hay comentarios: