domingo, 3 de enero de 2010

TOPONIMIA DE CASTROVERDE





TOPONIMIA DE CASTROVERDE

Xosé María Gómez Vilabella
Neste mapa de Castroverde, inserido na Gran Enciclopedia Galega, detéctanse, entre outros, os seguintes erros: A estrada de Castroverde a San Cibrao vai polos Vilares, e non por Sarceda; a que vai por Sarceda é posterior, e trátase da DP-1611. O río Azúmara nace en Sarceda, precisamente nas fontes do mesmo nome, entulladas ao construír a citada DP-1611. Nos mapas posteriores, de detalle, entre outros erros, está que dan o nome de Río Azúmara ao Ribón, afluínte do antedito. Aínda que non o reflictan os mapas, na estrada de Castroverde a San Cibrao-Gondel-Luaces, hai un indicativo que pon "Montecubeiro" onde corresponde poñer "San Cibrao", que é o lugar inmediato, capitalidade de Montecubeiro; o de termo de Montecubeiro tiña que estar, debe estar, na subida ao Vitureiro, lindando con Bolaño. Etcétera, etcétera.
-.-
Desde que a burra vai no po, xo burra, xo! Pasadas as oportunidades veñen as lamentacións, pero estas nunca, ou case nunca, solucionan as omisións, as perdas ocasionadas polas omisións.
Unha omisión, local, das grandes, das que doen a todos aqueles que añoramos o berce natal, foi a que tiveron os cregos, os párrocos, polos anos 1940/1960, en non facer unha recompilación toponímica, ou máis exactamente, de microtoponimia, da súa parroquia respectiva. ¡Na micro está, estivo, o latexo vital das nosas aldeíñas; ou dito doutro xeito, o ADN dos nosos valores patrimoniais!
Houbo unha excepción, ben meritísima por certo, que foi a do crego Nicanor Rielo Carballo, que no ano 1995 editou o seu libriño, ¡o seu librazo!, “Microtoponimia de Arcos”. Arcos de Frades. Pol.

Naqueles anos déronse estas circunstancias, positivas a estes efectos. Os curas, xeralmente cunha soa parroquia, ou se tiñan máis eran anexas, pequeneiras, estaban folgados, e tiñan:
.O único latín, perfeccionado, da parroquia, que lles permitía, se se puxesen a iso, afondar na orixe e no significado das verbas.
.A confianza dos paisanos, que llelo contaban todo, que llelo confesaban todo, fose de índole moral ou material.
.Un cabalo, ou un mulo, vehículos que lles permitía visitar, recorrer, tódalas fincas, monumentos, e demais restos históricos conservados e/ou lembrados.
.Por engado, os labregos, despois da guerra, despois daquela, cotián, autosuficiencia, estaban de lúa de mel coas finquiñas, fosen propias ou do veciñanza, porque tiñan nelas o seu único, previsible, futuro, así que, tanto as querían, que o sabían todo delas, nome, antecedentes, etc. Ao de hoxe, coido que non me aventuro se digo, se opino, que a metade dos nosos dos nosos paisanos xa non saben onde están os marcos da metade dos seus eidos; e de nomes, procedencia ou tenencia, foros, etc., ¡cero!
A microtoponimia reforza, e nutre, a toponimia das aldeas; sen pararse un pouco na súa micro pouco se pode deducir dunha boa parte da historia local.
Teño ao meu alcanza a Toponimia/fonética/normativa/tipoloxía, do Concello de Castroverde, por aldeas, en orde alfabética, pero..., ¡un esqueleto! Á parte e ademais da súa simplificación, do seu laconismo e das súas omisións, para máis omisión, nas parroquias que tiveron Concentración Parcelaria, tal que Montecubeiro (a parroquia máis grande de Galicia, en extensión), ¡polígonos e parcelas!. O dito, ¡un esqueleto, unha pobre e mala referencia nominal, que non histórica!
-.-
De profundis clamavi...
De profundis clamavi ad te, Domine (Salmo 130). Non vos penso recitar aquel poema, desgarrado e desgarrador, tráxico, de Charles Baudelaire, nin se trata de que esteamos caendo nun abismo, pois, se crise habemos, xa o sabemos, que isto, o de ter coñecemento delas, é o primeiro dos pasos para saír, para uparnos; e logo que as crises, tódalas, só son puntos de inflexión, por veces dolorosos, pero sempre necesarios para endereza-los rumbos, para volver á dirección correcta..., ¡cando se pode!
Vén a conto de que temos enferma de morte a microtoponimia, a toponimia miúda, e non só en Castroverde, pero tempos virán de ¿memoria histórica? nos que nos preguntemos: ¿Señor, como se chamaba aquela leira, aquela pataqueira, da que tanta mantenza tirabamos nos tempos da miña crianza?
A crise do rural, e con ela a da súa toponimia, vén de vello, que xa a presentira Unamuno cando reflectiu aquel pensamento de que, "¡Que inventen ellos!". Eles, por suposto, pois os españois somos máis listos, e sabemos pasar directamente do sector primario ao dos servizos. Neste salto moral, nesta corda do autoodio, emperrados en que non fai falta engadir valor ás cousas, ás nosas, ¡que inventen, que innoven, que transformen outros!, chegamos á vergonzosa, vergonzosa e vergonzante, mutilación dos nomes, un tesouro herdado, patronímico, ao que estamos renunciando. ¿A beneficio de inventario? ¡Non; a beneficio da ingratitude! Dá grima ver que, incluso nos mapas oficiais, coido que como consecuencia de que se fai pouca labor de campo, ou esta é superficial, ou preguntan a quen odia ao seu propio país, saen cantidade de nomes xeográficos errados ou dislocados, pero, se vos fiades de min, ¡de min e dos propios feitos!, non citarei outros lugares para non alongar este artigo, este profundo suspiro.
Caso sanguento xa é o das parroquias concentradas, nas que o nome dos predios refundidos, agras incluso, pasaron a ser un número. ¡Un número, unha cifra, onde os nosos entregos puxeron a súa alma, as súas lembranzas, o seu agradecemento aos predecesores respectivos! Dar nomes, conservar nomes, sen desvirtualos nin degradalos, é unha obriga moral, incluso egoistamente, pois..., ¡trátase dun tesouro histórico, patrimonial, memoralista, noso!
¿Que se pode facer, cal é o remedio? ¡Só hai un: fomentar, sensibilizar a conciencia colectiva! ¿Que vos parece se facemos no noso Castroverde un catálogo de nomes, parroquia a parroquia, antes de que morramos os vellos do lugar, de cada lugar, ou cheguen as pas da concentración desconcentrando a nosa atención patrimonial? ¡Por min, mans á obra, desde xa!
-.-
CAMPO DO VAL, CAMPO SANTO



Santo, si, e non por cemiterio; ou se cadra, tamén. Aquí está enterrada boa parte da historia de Montecubeiro, comezando polos seus propietarios iniciais, iniciais en tanto en canto máis abaixo, máis aló, non temos forma de indagar, de coñecer.

Aquí estivo o solar daquel home de prol, Ares de Maxide, Comendador do convento cisterciense de Meira. Deste pozo milagroso beberon xeracións e xeracións do lugar de Maxide, e transeúntes tamén; milagroso xa que milagro foi que saíse auga nun pozo perforado á man, sen maiores profundidades, nun lugar bastante seco; fontes na contorna hainas, varias e boas, pero ubícanse máis ben nas ladeiras que rodean esta aldeiña, que nunca pasou das oito casas.

Circúndano unhas leiras que tiveron a gallardía de chamarse Campo de Ares, ¡o campo daquel Ares de Maxide, Comendador de Meira!, pero iso foi antes de que asomasen pola zona eses iconoclastas da Concentración Parcelaria. Acaso por isto mesmo, por un respecto e por unha evocación da toponimia local, histórica, sacra, urxe e procede deixar constancia das evocacións correspondentes a tan sacro e singular terreo.

O camiño que lle dá, ¡ou daba!, acceso, tamén é unha Vía sacra; ¡sacra, e dolorosa! Aquí morreron uns cantos galos, a espada limpa, ¡sucia!, colgados de trelos; iso si, despois da Sentenza correspondente. ¿Delitos atribuídos? Entre outros, pasarse ás casas, aos poleiros dos veciños, para galear unhas pitas que non lles correspondían, en detrimento das propias, das asignadas pola propia dona. Isto dos galeos ilícitos…, en tódolos tempos, en tódalas épocas! ¡Que certo aquel dito que tanto repetía o Isidro do Campo (do outro Campo, do de Vilarín), de que, “La jodienda no tiene enmienda”!

A propósito: Nas inmediacións está outro pozo, o Pozo Maldito, o dos irmáns Pérez. Tamén haberá que deixar constancia diso…, máis ben por se serve de escarmento! Eran dous irmáns, aqueles Pérez, donos da casa que despois se chamou de Abraira, tan iguais, tan afíns, tan idénticos, que se namoraron da mesma rapaza; e como aquí non había un Salomón que propuxese repartila, cortándoa polo medio, máis ou menos pola regaña, ¿que se lle ocorreu a un deles, concretamente ao maior, ao máis forte? ¡O máis sinxelo: Zouparlle ao outro na caluga, cunha bros, e desde que caeu sen sentido, alí mesmo, nos propios currais, cargou con el, e…, tirouno dentro do seu pozo, que por certo era moi fondo! A continuación, ou irse para a Lexión ou quitar billete para Arxentina? Pareceulle máis cómodo o segundo, e aló morreu, en América, pero despois de venderlle as propiedades, a de Caín e mais a de Abel, a un intermediario! A tal momento, se no Ceo se cumpre a Lei do Talión, aquela vítima debe estar no Ceo, e o matón noutro pozo, nun pozo sen fondo, nese que chamamos Caldeiras do Pedro Botero.

Aínda me queda sen historiar este cruceiro, ben artístico por certo, cuberto coa pátina dos séculos, pero algo haberá que deixar para outra ocasión pois aos lectores de hoxe en día pásalles coma a aqueles das coplas, ¡que con catro estrofas teñen para un día! Cousa que tampouco é de estrañar, pois primeiro son os apuntes, e sen apuntes non hai carreira; sen carreira, preferiblemente técnica, preferiblemente superior, como non sexa que entren na política, que para iso vale calquera, que demostrado está!

-.-


A Serra da Ferradura


Os verdes de Castroverde, vistos desde a serra da Ferradura.

Non está nada ben falar mal dos veciños, así que, cando non o merecen, o mellor é calar. Mais, neste caso, tratándose de bretóns, cos que compartímo-la Serra da Ferradura, tamén chamada do Pradairo, (que iso de “Punago” é un invento de certa Empresa, confundindo nome e situación pois o Puñago precede á Vacariza, onde hai outro erro pois “Vacariza” ven de “vacar”, séxase, dun posto de relevo de monturas daqueles romanos, na súa Vía Lucus Augusti-Lucus Asturum-Gigia, e non das vaquiñas teixas dos suevos), eles, os bretóns, polo val de Fonteo, e nós, os de Castroverde, destoutro lado, o que compre é falar ben xa que ben se portaron, ¡uns veciños excelentes!, que incluso as nosas eguas se pirraban polos seus cabalos… A eles chamabámoslles, “Os do Val de Fonteo”; e a nós dicíannos, “Os do Val Verde”, que aínda hoxe se chama así a agra que separa, ¡ou une!, Bolaño con Castroverde.

En certa ocasión na que fomos a por augas férreas…; pero non vos podo dicir a onde pois aquela fonte, de presente, xace debaixo do entullo dunha desas pistas da famosa Concentración… O caso é que lle pedín explicacións ao meu padriño e avó, como tiña por costume:

-Avoíño, isto da Ferradura…, polo ferro, non si?

-Si, e non. Máis ben por aquilo de que foi neste sitio onde perdeu a ferradura un meirego…
-.-


Historia do escudo de Castroverde



Foi aprobado no Pleno do 25-03-1992: O primeiro dos cuarteis, en campo de sinople, verde, un castelo de prata, mazoado de sabre e aclarado de gules. O segundo, en campo de gules, roxo, un año de prata, deitado, acompañado no cantón sinistro do xefe, dun bolo de ouro.
Coroa condal, que tal lle corresponde xa que foi cabeceira do Condado de Flammoso, un daqueles 11 da división sueva. Precisamente nas inmediacións do noso castelo nace o río Chamoso, que a toponimia sempre foi a testemuña máis fidedigna da que pode valerse a Historia. E nace precisamente, rega cos seus efluvios incipientes, a inxente pradería do Val Verde… Aquí compre lembrar que El Rei Afonso III subscribiu algúns documentos nesta fortaleza, ¡acaso propiedade, posesión e pertenza dalgún antepasado seu!, encabezándoos: In Castrum de Vallis Viridis…
O castelo, o que del queda, fíxose por obra e gracia dos Condes de Lemos, acaso con algunha reforma posterior, con evidente perfeccionamento por parte dos seus ilustres adquirentes. ¡En 1514 o daquela propietario, Alonso Niño de Castro, Meiriño Maior de Valladolid, vendeulle a vila, fortaleza e terras de Castroverde e de Luaces, ó conde de Altamira, (en 5.500.000 marabedís, que por entón era unha fortuna!

En principio foi castro, que castro era cando os romanos proxectaron, pontearon, empedraron, cabalgaron…, ao traveso das súas terras, a Vía Lucus Augusti – Gigia.

O bolo e mailo año teñen o seu aquel, que ben interesante sería coñecer onde remata a lenda e/ou empeza a Historia. Aquí témolo por certo, bona fide, así que, tal e como nolo contaron nosos avós:
Ao cerco de Lugo, ¿714?, daquela que nos acometeron os de Alá, (aqueles veciños aos que se lles pediu un empréstemo de forzas e acabaron de usureiros, quedándose coa leira, ou máis exactamente, coa metade dela), acudiu en socorro seu o noso Conde, o de Flammoso, e como estas terras de sempre foron a mellor despensa de Lugo, abriuse paso cun fato de vitelas, ovellas, carneiros, cabras…, amén do trigo e doutros abastecementos.
Xa dentro de murallas, irredutibles, por suposto, chegou o día da Pascua grande, da Kevira musulmana. Aquel cabaleiro, doído da indixencia dos sitiadores, tiroulles aos crentes de Mahomet, en vivo, para que puidesen cumprir co seu ritual, un fatado de ovellas e de carneiros, amén do pan suficiente para que nada lles faltase en tal solemne ocasión. Os muslimes reflexionaron: Eles aguantan as xeadas…, e logo que están ben abastecidos, incluso con hortas intra murallas…; ¡daquela, mandémonos mudar!
Mudar, mudáronse, pero non cara a Astorga, de regreso, camiño do Sur, pois os moi ladinos, ¡que moito aprenderan dos xudeus!, nada máis saír de Lugo colleron a Vía do Castro Verde, dispostos a depredala en canto alí quedase. Sabedor diso o Bol-año, que tal alcume lle quedou, arremeteu tras deles, feito un xabaril, e non parou ata que os exterminou…, ¡precisamente en Covadonga, na Cova da Señora!
O alcume, o sobrenome, “Bolaño”, de apelido quedou, incluso dando xentilicio á parroquia berce das súas mesnadas; tanto inzaron os descendentes daquel señor, tan xeneroso como valente, que este apelido non é raro atopalo hoxe en día incluso nas Américas.
-.-

Lugares da parroquia de Montecubeiro

O Albaredo   Albar. Branco, da cor da neve; parece deberse a que estivo poboado de carballos albar. 
O Barreiro     Barrento. Pola súa proximidade ao convento, foi aí onde os frades tiveron o seu cárcere-reformatorio. A “Picota”,       que dá nome a unha parte de San Cibrao, quedaba intermedia co cárcere. É famosa a súa capela de Santa Petronila.
Bascuas          Abunda en Galicia este topónimo, que se cre o tomaron aqueles lugares onde houbo asentamentos de xente que viña das Vascongadas.
Berlán (Bergland) Está clarísimo que foi unha fundación dos suevos, “terra de / ou con vistas a montes. Co tempo foi perdendo consonantes.
A Cabanela   Inicialmente un alboio ou pendello.
As Cavozas    Depresión ou valgada fonda, que iso é, precisamente onde o río Azúmara incorpora ao Ribón.
O Campo       Era o campo, o campo de cultivo, as hortas o convento.
Castelo           Nas abas do Medullius; unha fortaleza remota; seguramente fixeron as casas co resto da fortaleza que lle daba nome a este lugar.
Cepomundín ¿O cepo do mundo? Cepos poñíanse para cazar... O deste lugar debérono ter como o cepo central, o eixe do mundo.
A Cernada     Os nosos frades ignoraban que o farelo é máis nutritivo cá fariña, así, ¡baixaban ao seu muíño da Cernada, e despois de moer, “cernían”!
Cubula           Se Monte-cubeiro lle debe a toponimia os cubeiros que forman a parroquia actual, Cubula, ou Cogula, que das dúas maneiras ven sendo chamada, está ben claro que os nosos frades, ao contemplar ese lugar desde o seu convento, o cubeiro dese monte tivo que parecerlles, nada máis e nada menos, que unha “casula” aberta.
O Escouredo  Eu teño visto, ¡dou fe diso!, cantidade de escoiras que ía levantando o arado ao traballa-las súas agras, as que rodean este lugar. ¿Explicación? ¡Que era no escouredo onde fundían o ferro obtido no monte contiguo, chamado, antes da Concentración, o Monte da Ferreira.
O Fato            ¿Non sería aquí, nas inmediacións do propio convento, onde os frades tiñan o seu fato lanar, nestes pasteiros actuais?
Foxos              Outro topónimo ben claro: os “foxos” que se facían para caza-lo lobo, ao seu paso entre o Ferradura, os Campos de Cirio e mailo Monciro. Tivo unha capela dedicada a Santiago, pero, por non ceder terreos para o pasto da pista actual, derrubárona, e a imaxe pasou á igrexa parroquial.
A Graña        Outra evidencia: nesas agras de pan levar, inmediacións do seu castro, os antigos tiveron o seu graneiro, “granarium”; aínda que tampouco se pode descartar que, na nosa lingua, unha graña é “unha extensión de monte baixo sen cultivar”.
O Gruñedo    ¡Agruños, amigo; ben saborosos por certo! ¿Non vos gusta o “Pacharán”? Agruños = abruños = endrinos. 
Insua              No cumio dun monte, e rodeadas de ríos, ¿que é senón unha ínsua, unha illa?
A Laxe           As laxes desa ladeira desapareceron; utilizáronse para construír as casas de Veiga.
Maceda          Maceiras. Unhas mazás exquisitas.
Maxide           Hai máis en Galicia; e todas teñen ameixas!
O Pereiro       Un pereiro pode ser a árbore dos peros, pero neste caso refírese a un penedo, penedo no que por certo houbo unha torre dos Altamira, controlando o paso entre as súas propiedades de Castroverde e mailas de Luaces.
O Podriqueiro Podricos chámaselles aos ocos dos castiros vellos, ¡tanto que había nese lugar, que hoxe, nin xente nin castiros; eucaliptos, si!
O Pombal       Os frades tiñan as cousas repartidas; un lugar para cada cousa, e as pombas, o pombal, cabe da casa do sancristán!
Pumarín         O pumar rin, o pumarciño, debeu desaparecer hai moito tempo, pois eu, alí, sempre vin pumares en vigor, boísimos.
Sagaruxe        Con Sagaruxe confeso que o teño difícil. Saga, do nórdico “saga”, ou do alemán (suevos) “sage”. No latín termos “sagaris”, que é un río da Frigia, e tamén un nome de varón. No gótico o que máis se lle aproxima é “sagufe”. ¡Que pase o seguinte!
San Cibrao    Ou Cipriano. Teño en común co Santo que el tamén andou por África, concretamente por Cartago, así que me honro en pertencer á súa parroquia.


Santadrao Adrián, outro Santo, pero este coa capela alí en Santadrao, abandonada ou pouco menos. Martirizouno Diocleciano.


Sarceda          En España levan este apelido, uns de primeiro e outros de segundo, arriba das 200 persoas. Pode derivar de “sarcitus”, lugar de sardos; bringas para cestos. O lugar é húmido, (fontes do río Azúmara), así que é óptimo para este tipo de vexetación.
Soutullo          Souto de castiros, pequeneiro.
Teixeda          Terra de teixos, teixoeiras.
A Valiña        Un val pequeno, máis ben unha ladeira.
A Veiga          ¡E tanto que o é, unha veiga preciosa!
Verducedo     ¡Claro, verdoso, verdescente; sendo de Castroverde...?
Vilar               Vilar importante.
Os Vilares      En plural.
Vilarín            Vilar pequeno, un apéndice do outro vilar.
O Vitureiro    Vitorioso o teu fundador, non si?

Como apreciará o lector, a topografía desta parroquia impresionou aos seus poboadores.
-.- 

¿Como chegaron os romanos a Castroverde?



Diana, a cazadora.

¿Como foi que deron chegado ao Castro do noso Val Verde? ¡Da única forma posible: Cazando, facendo diana, que esa era a intendencia de entón! Así llo agradeceron á súa Diana, pois, nada máis situarse en Lugo, onde temos hoxe unha casa brasonada das da Rúa Doutor Castro, nos seus alicerces descubriuse, no ano 1842 un magnífico mosaico, do tempo de Augusto, ou de Traiano, de arredor do ano 117, que pertenceu a un templo adicado a Diana. É o coñecido Mosaico de Batitales, hoxe no Museo Provincial.


¿De paso, matando celtiñas? ¡E logo, meus pobres, pois eran poucos, e para iso, illados, castro a castro, rodeados no Medullius, cercados por aquelas Centurias, que non podían saír a cazar, que non os deixaban os invasores…, aínda que eles si, con toda clase de armas, desde frechas a venablos!

¿Volverán aqueles romanos? ¡Coido que aqueles non, que aínda seguirán no purgatorio, purgando as que nos fixeron pasar, aquel holocausto do Mons Ciro, entre outros, pero os que si están vindo, volvendo, son os cazadores de arco, que seica se está poñendo de moda! ¡A Historia repítese, pero os de agora son benfeitores, que nos van librar deses perigos das nosas estradas, deses animais atraídos polos faros dos autos, particularmente nesta circulación somnolenta da Semana Santa!

-.-


Castroverde visto polo retrovisor



Sartegos de Recesende

Só podo opinar das miñas apreciacións, das miñas visións, das miñas emocións de cando o rememorei desde: Madrid, Marrocos, Ifni, Aaiún, Canarias, Andalucía, Xixón, Estremadura, Valencia, Cataluña, Mallorca…, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña…, puntos, lugares, nos que me asentei por semanas, e nalgún deles, por meses, e incluso por anos, pois oitenta de trotamundos dan para moito; de verdade vos digo que as visións son diferentes segundo o lugar, pero en todo caso o noso verde, coa lupa da morriña, faise esmeraldino, brillante, indeleble.

Sempre, ou case sempre, falamos do noso lugar visto desde o barrelo, desde as fiestras do noso niño, do niño dos nosos pais, pero as apreciacións difiren cando se ponderan desde un palco exterior, máis ou menos afastado, pois daquela a sensibilidade, os sentimentos, están imbricados en paisaxes de múltiples contrastes.

Para comezar as miñas andanzas, naquel tren dos corenta, ¡vinte horas de Lugo a Madrid!, cos ollos chorando por culpa do fume, pero tamén da nostalxia, nunca tiven mellor ocasión para ollar aos meus adentros, á miña procedencia: ¡Deixaba un mundo coñecido por outro que nunca vira, en verbas de Rosalía! Deixaba aquelas teixas, e iso que un fato delas ía tras de min, nun mercancías, embarcadas en Lugo polos tratantes daquel Antón de Marcos…, como de costume, para mante-los madrileños! Se puidese abrir as ventás, se mo permitise o fume, sería capaz de albiscar aqueles chorros de suor da miña xente segándolles aos casteláns…, un trigo que seguía racionado! No meu asento de madeira non había suor pero si humidade, das bágoas daquelas mulleres, daquelas mozas da miña bisbarra, que optaban por cria-los seus fillos co leite da Cachorra, deixados ao coido dos avós, mentres elas, para paga-los consumos, ¡para pagar o que outros consumían!, ían vender, malvender, as súas tetiñas, as súas aleitadas, aos señoritos da Villa y Corte. ¡Isto non se apreciaba, ou pouco, desde o propio Castroverde!

Cando sobrevoei o Estreito para entrar en Marrocos, entón, e nunca como entón, comprendín aqueles trinta días que lle dedicaban ao charco grande, camiño de Cuba, camiño da Arxentina, maiormente, aqueles emigrantes do noso Val Verde, que só volvían á terriña se lograban que lles ruxisen as moedas no peto. ¡O que máis lles ruxía eran as súas tripas, baleiras de tanto xaxún, de tanto economizar!

En Ifni, nada máis aterrar, os meus ollos deron con aquelas chumbeiras que bordeaban o campo da aviación. ¡Ai, Deus, onde aterrei, onde me metín, que aquí non hai figueiras, que as deixei quedar no meu Bergland!

En Aaiún, xa desde o avión, a miña imaxinación levoume a matinar que outro tanto lle pasaría ao meu Castroverde se os nosos inimigos, de telos, nos lanzasen unha bomba atómica. Certo é que alí abaixo había un oasis, pero era de palmeiras e non de carballos, e menos de castiros, pero máis roxo cá franxa da bandeira de España, que por algo lle chamaban Sequia El Hamra! O meu fillo, Pedro Paulo, a falta da besta de seu avó, que a tal momento estaría pastando en Montecubeiro, no Zarro Vello, aprendeu a montar en camelo, precisamente diante da casa na que vivíamos; unha casa do Banco, con cúpulas para a calor, pois dos corenta poucas veces baixaba. ¡Daquela si que lles envexei aos de Castroverde a carballeira do seu Campo da Feira, precisamente aquel no que eu vendía as zocas do meu ripeiro, de quince en quince!




A Canarias fun, fomos, tantas veces, que xa logo nos considerábamos veciños das illas. Castroverde tamén é unha illa, unha illa verde, coa diferenza de que eu prefiro as vistas do Miradoiro con todo ser máis baixo que ese rañaceos ao que chaman Teide.

En Andalucía, por moitas estradas que recorrese sempre se me viña á memoria aquela promesa da Sabela de Castela de non mudar de camisa ata que caese Granada. ¡Sucia! Tanto, como cando ordenou que non “cejasen” na “castra y doma de Galicia”. ¡Pero aos de Castroverde aínda ninguén os castrou nin domou!

O de Xixón foi o máis grato, principalmente por dúas circunstancias: Porque alí arriba tamén teñen un Lugo, outro Lugh, o de Llanera. E logo que á Xixia chegaba, ou comezaba, o Camiño de Santiago, o antigo, o Primitivo, que é tanto como dicir, o do meu Castroverde. Daquela moito falei diso, con moita xente, pero tíñase tan esquecida a Vía Romana que ata no meu Castroverde ignoraban que o lugar de San Miguel do Camiño lle debía o apelido a Santiago, créndose, nesa inopia, que se trataba simplemente do camiño que traían os maragatos cando ían cos seus bocois do viño; ¡un erro, pois o viño chegaba polo outro, polo Ancho, mentres que a auga, complementaria, esa si que viña da serra, dos mananciais da nosa Serra!



O Camiño en San Miguel

En Estremadura o que máis me preocupou foi que criasen os porcos debaixo das súas aciñeiras..., mentres os nosos se privaban das landras…, por encerralos no cortello! ¿Sería un atavismo que nos viñese daqueles alxubes do castelo, e iso que xa levaran as cadeas, e mailos cadeados, para o Museo de Lugo?

Valencia decepcionoume ao ver que lle botaban verdura ao arroz en vez de marisco. En Castroverde faciámolo con leite e azucre; ¡son uns pobres: eles teñen o azar das noivas, pero as vodas rumbosas facémolas nós, con vodas e tornavodas, xamón e lagostas!

En Cataluña axeonlleime, pois o seu Monserrat tamén é sacro para nós posto que alí mesmo, naquelas Cortes do 39, o noso Castelao presentou aquel Estatuto de Autonomía que foi o lévedo do que temos hoxe nesta Galicia dos meus…, dos meus soños, aínda que tamén dos meus pecados!

Se non lle quixese a Mallorca o que lle quero, non houbese aguantado unha década de enviarlles artigos ao Centro Galego para a súa periódica  “Adiala”, sección “Aventuras turísticas”, nos que ben veces me teño referido ao meu Castroverde, tentando exportarlles algo das nosas belezas turísticas.

O dos países estranxeiros deixareino para outro día, pois é largo de contar, e por ende, imposible de resumir. Nesta idea, e nesta promesa, deica logo meu caro lector!

-.-


Schwarzwald = Selva Negra (Alemania)

Cando fun ao encontro do noso irmán de Beja (Castro Verde de Portugal), no ano 1987, non levaba preconceptos: era un homónimo, e iso chegábame e satisfacíame, pero cando estiven en Suíza, e aproveitei para entrarme en Alemaña desde Basel, confeso que ía nervioso, expectante: ¡Unha Selva Negra tiña que superar na intensidade do verde e na beleza ecolóxica ao meu Castroverde! Pois, non; ¡en absoluto!

Aquí o retrovisor foi rotundo: As casas, algunha, un pouco máis coidadas cás nosas, pero o que é o campo...! O noso Páramo, e máis chámanlle así, é un cacho de paraíso comparado coa súa Schwarzwald! Agora entendo por que os suevos fuxiron da súa Xermania para asentarse na Gallaecia, particularmente na zona de Castroverde.

¿E de Basel, ou Basilea, que? ¡Ata que chegaron os nosos só falaban dous idiomas: alemán e francés! Pois iso tamén o facemos en Castroverde, coa de emigrantes retornados que acolle a Asociación de Pensionistas e Xubilados, e logo que, a maiores, cortamos o castelán, acotío, maiormente entre a xente inculta.

O verde de Suíza tampouco está mal, pero o que está requetebén son os seus silencios nocturnos, pois o botellón celébrano de día. De noite, descansan, que así están eles de lúcidos, de pulcros e de exactos, ¡que nin que fosen reloxos! Coido que debe haber moitos reloxeiros..., ¡para exportación, claro, pois eles acóllense ao sol, como facían os nosos vellos! Os galos en Castroverde tíñanse para a Pascua, e non como espertadores. Limpos, pulcros, económicos, os suízos..., ¡que sempre traballaron co diñeiro alleo! Entre os seus inventos, o que máis me alucinou foi ese automatismo dos seus inodoros, un mecanismo que non permite abri-las súas portas se previamente non se tirou da cadea. En definitiva, que saben distinguir entre insumos e consumos, e logo que non paran de engadir valor as cousas. ¡O único do que carecen é de crises, maiormente socio-económicas!

¿Dos franceses? ¡Non lles cambio a torre do noso castelo, e iso que está medio esquecida, e medio derruída, tamén, pola súa Eiffel! Das francesas… O día que lles dea ás mozas de Francelos por acicalarse con Rêve d´Or, van cheirar mellor cá elas!

En canto a Portugal… ¡Foi unha pena que non nos tratásemos antes con eses parentes! Estabamos equivocados pois de Portugal todo por aquí só se coñecían os serradores, aqueles da serra enmarcada, e parecíannos atrasados. ¡Si, si, atrasados, cando a súa serra era máis liviá, máis cómoda e máis precisa que a nosa de aire, aquela que requiría almorzar cun quilo de touciño!


Serra antiga, portuguesa.

De presente estamos no mesmo cesto cós veciños, niso que chamamos Unión Europea, pero cando se esperten os fillos de Breogán…, ai daquela! ¡Daquela temos que volver a pasarlles diante, que por algo nos pasamos a vida estudiando…, pola falta de traballo! O que hai que procurar é organizarse para non ter que emigrar, xa que con iso mandámoslles os rapaces criados, forzudos e ilustrados, para que logo nolos devolvan…, escarranchados!

Xosé María Gómez Vilabella


No hay comentarios: