domingo, 3 de enero de 2010

¿MORRER?


¿Morrer?
¡Morrer, non; nacer, si!

  
A agonía é a escaleira para subir, para entrar.

  
Xosé María Gómez Vilabella

Xoán 11, 25-26: “Díxolle Xesús: Eu son a resurrección e maila vida. Quen cre en min, anque morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. ¿Cres ti isto? Ela (a irmá de Lázaro) respondeu: -Si, Señor: eu creo que ti é-lo Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ó mundo”.

Había de vir, e veu! Cumpríronse os vaticinios dos profetas: Predicou unha doutrina salvífica, fixo toda clase de milagres, resucitou mortos..., e por se isto fose pouco, resucitouse a si mesmo! ¿Quen se atreve a dicir que non era Fillo de Deus? Só Satanás pode ser capaz de negar, de desobedecer, ao noso Redentor.

¿Esa escaleira...? ¡Aquí abaixo chamámoslle agonía, e bendita sexa se nos sirve de purgatorio; polo que a min respecta, ¡fóra eutanasias, deixádeme subir polo meu pé, cando Deus me chame, cando me teña maduro, cando El me abra as portas do Ceo!

A morte é o comezo da vida, da vida eterna; isto de aquí abaixo, unha vez liberados do pecado orixinal, é simplemente un uniforme, ¡un uniforme de estudante, do que nos liberaremos tan pronto como culminemos a carreira terreal! ¿Volveremos a ter corpo? ¡Si, pero distinto, unha especie de lembranza do de aquí, un corpo anxélico, de resucitado! Sabedores deste milagre, de xeonllos, infinitamente agradecidos, ¡Deo Grátias!



-.-  

¿Medo a morte? Iso é unha hipocrisía: ¡A verdade, o medo que levamos enriba, xa desde antes de estar calvos, é o medo ao exame! Sexamos sinceros, que ben demostrado está, que ben nolo levan predicado, explicado, que despois do transo vén a eternidade. ¿Eternidade? Iso que non está nos calendarios, iso que poderíamos chamar futuro perfecto, ou completo. A contradición está en que, coñecedores da que nos espera, para ben ou para mal, sigamos cos nosos vicios, cos nosos pecados, cos ollos pechados aos mandatos divinos, ¡aos mandatos de quen está disposto a salvarnos a pouco que o obedezamos! Ben se di que non hai peor cego có que non quere ver. De postos a matinar, preguntémonos: ¿Pode compararse o premio da virtude co castigo da maldade? Pois, aínda así, desde Eva para acó, pouco adiantamos. A ver se de aquí en diante, ¡agora que somos, que estamos, máis letrados!

Xesús tardou en mostrarse, ¡téñoo por seguro!, porque nin o seu pobo, o pobo escollido, acababa de madurar, o suficiente para asimilar a súa doutrina; ¡os propios apóstolos, despois de acompañalo tres anos consecutivos, seguían miopes, tanto, que tivo que baixar o Espírito Santo para abrirlles a mente, para esclarecelos! O caso é que  nos paramos pouco na gravidade do pecado orixinal, na obcecación que nos deixou, e así pasou que, século tras século, non profundamos o suficiente nas verdades da fe.

¿Crer o que non vimos? ¡Pero se está escrito, desde os profetas aos apóstolos, que deron a súa vida testemuñando os seus informes, as súas crónicas de testemuñas presenciais...; que máis necesitamos? Decatémonos de que a metade do que hai nos libros de Historia son opinións dos historiadores sucesivos; tan só a Biblia é unha historia exacta, fidedigna, testemuñada. A outra historia, a profana, ten contradicións; a Biblia, non, ningunha, que nola testemuña o propio Resucitado. No meu país aos teimudos chámanlles “burros”, ¡e teñen razón, que só nos falta ornear!

Morrer é vivir; comezar a vivir, pois isto da terra foi, é, ¡o dito!, un ensaio, unha afiliación voluntaria ao exército de Cristo, unha aceptación da Verba de Deus, para reiniciarnos, ¡como lle pasa ao meu ordenador!; para volver a ser o que estabamos destinados a ser..., que o perdemos por aquela soberbia inicial de facerlle caso a Satanás, que nos incitou a ser deuses, ¡cando de feito, de privilexios, xa o éramos! Aquela maldita soberbia..., ¡e menos mal que Deus, misericordioso, nos perdoou, sacrificando ao seu propio fillo para merecer a nosa inmerecida Redención! Con iso e con todo, aínda seguimos coa soberbia ao lombo; ¡maldito Satanás, que non tiñas abondo coa túa sanción, e provocaches outra, tamén terrible! E menos mal que lle veu á señora Eva unha neta purísima, santísima, que aceptou criarlle a Deus un Fillo, o Redentor daquela infausta traizón, pois traizón foi, gravísima e grandísima, aquela do pecado orixinal; iso, orixinal, orixe de tódolos que ensaiamos, de tódolos que cometemos despois, ao longo dos séculos.

Meditando naquela sublevación do Paraíso, é inconcibible a paciencia que tivo con nós o Creador; ¡infinita; infinito o pecado, e por conseguinte, infinita a misericordia, a benevolencia divina!

Do noso Catecismo. O primeiro dos pecados:

397 “O home, tentado polo diabro, deixou morrer no seu corazón a confianza co seu creador (cf. Gn 3, 1-11), e, abusando da súa liberdade, desobedeceu o mandamento de Deus. Nisto consistiu o primeiro pecado do home (¡do home e da muller!), (cf. Rm 5, 19). En adiante, todo pecado será unha desobediencia a Deus e unha falta de confianza na súa bondade.

398 Neste pecado, o home preferiuse a si mesmo en lugar de a Deus, e por iso desprezou a Deus: fixo elección de si mesmo contra Deus, contra as esixencias do seu estado de criatura e, por tanto, contra o seu propio ben. O home, constituído nun estado de santidade, estaba destinado a ser plenamente “divinizado” por Deus na gloria. Pola sedución do diabro quixo “ser coma Deus” (cf.Gn 3, 5), pero “sen Deus, antes que Deus non segundo Deus” (San Máximo o Confesor, Ambiguorum liber: Pax 91, 1156C).

399 A Escritura mostra as consecuencias dramáticas desta primeira desobediencia. Adán e Eva perden inmediatamente a gracia da santidade orixinal (cf. Rm 3,23). Teñen medo de Deus (cf. Gn 3, 9-10) de quen concibiron unha falsa imaxe, a dun Deus (naturalmente) celoso das súas prerrogativas  (cf. Gn 3,5). 

Foi terrible, pero, ¿como foi posible que herdásemos esa lacra, ou é que daquela non había herdos “a beneficio” do inventario?


¿Tedes oído falar dos enxertos? ¡Si! ¿E nin con esas entendedes a propagación do pecado orixinal? ¡Pois está claro!

A primeira conclusión xa é que os fillos daqueles pecadores, séxase, Adán e maila Eva, foron xerados..., ¡despois de pecar! Se os xerasen antes, non habería, non terían, non teríamos, contaminación. ¡Seríamos unha especie de anxos, outra!

Pero como, de desvirgada Eva polo Satanás, de perdida a súa virtude, achegouse ao seu Adán..., ¡demasiado!, a puga ía infectada, e..., ¡a concepción foi pecaminosa! ¿Onde temos a alma? ¡Incrustada no corpo, animando o corpo, que de aí vén iso de chamarlle ánima, porque o anima..., ata que se cansa diso! Introducida a puga, consumouse o enxerto, ¡con tódalas consecuencias! O enxerto, a ramificación, o vástago, saíu, formouse..., ¡con tódalas esencias dos pais, un alma somerxida, somerxida nun corpo! Como xa estaban embobados polas tebras do pecado, caeron na luxuria, non foron capaces de absterse. ¡Comezaban, ou mellor dito, seguían as consecuencias!

¿De onde nos vén a morte, o medo á morte? ¿De onde vai ser, das consecuencias naturais que tivo para as nosas almas aquela soberbia, aquela insubordinación atroz, aconsellada que non nata, unha proba máis, aínda que lamentable, de que alma e corpo son un cóctel, un cóctel que se fixo amargo cando o bateu Satanás!
-.-
  

¿Morrer? ¡Non; vivir, si! Xoán, en 3, 9-17: “Respondeulle Xesús (a Nicodemo): -Como Moisés alzou a serpe no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel, teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus ó mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna. Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus. Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ó mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal, odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras. Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras porque están feitas como Deus quere”. Grazas ao Mestre, xa temos a receita; agora poñámonos a tratamento..., se queremos vivir!

Non temos a Xoán entre nós, pero quedounos, deixounos, a súa receita, saída da propia boca do Doutor Eximio, Xesús o Cristo; a quen temos é a Fr. Santiago Agrelo, Arcebispo de Tanxer, que é un verdadeiro transmisor, ¡outro! Nun dos seus escritos, dicía, díxonos: Tanto amó Dios al mundo que dio a su hijo único para que tenga vida eterna”. Despois diso, explicou: “Intuyo, hermano mío, hermana mía, que la vida, siendo lo que ya tenemos, es sobre todo lo que aún no tenemos, lo que esperamos alcanzar, porque Dios lucha por ello, y nosotros nos unimos a esa lucha con la pasión  que en nuestros corazones pone el amor de Dios”.  ¡Este home non é un “agrelo”, unha “agriña”, senón un agra, un agra de trigo, por certo que ben sementado!

-.-
  
A próxima vez, definitiva!



A miña rapaza, que tantas veces ten sacado á súa Milagrosa, tenme dito que o seu último desexo é subir para xunto dela, ou polo menos para onde a poda ver directamente, en persoa, que non en imaxe; e polo camiño do Ceo que o seu neto Miguel (do Coro Cantabile da Coruña), lle cante algo axeitado, algo que harmonice coa ledicia dun encontro tan desexado. Eu, pola miña parte, se é que quedo aquí abaixo para unha subseguinte chamada, penso acompañala na “súa” procesión con un bo ramo de flores, precisamente das dela, desas das nosas “Andoriñas”.


¿Por que rosas, e por que roxas? ¡Como nos casamos a distancia, por poderes, teño con ela esta débeda: un ramo para a noiva, que simbolice o ardente que estaba o meu corazón! Así, cando a perda, quedarei pedíndolle que, xa que na primeira vez foi ela a que se puxo de viaxe, na segunda que me saque un bo billete, e que me deixen achegarme para o reencontro, xa que mo prohibiron naquel aeroporto de Sidi Ifni!



¡Deus, que ledicia vai ser volver a xuntarnos, pero desta vez no Ceo, por arriba dos avións!
-.-


¿Por que fan milagres os santos? ¡Obvio: porque morreron, e de mortos, están vivos, ¡están no Ceo! Os milagres non os fan os santos: Os santos interceden, interceden e logran; se logran, é que teñen mando, ou polo menos influencia; daquela trátase de que a súa ánima, o seu espírito, está cerca, en contacto co Todopoderoso. ¡Ten poderes!

¿Que se considera milagre? Segundo a Igrexa, que eu niso non teño vara, ¡nin opino nin mando!, son milagres, pode e deben considerarse tales, aqueles feitos que superan as forzas da natureza, realizados por Deus fora do común de toda a natureza creada, que cabe atribuílos á intercesión, ¡a recomendación!, dun servo de Deus ou dun beato. ¿Válevos? ¡A min, si; tal cal!

Con toda seguridade que se producen millóns, millóns de milagres, acotío, ¡tantos santos que temos Arriba, sabidos ou non!, pero non é tan fácil catalogalos pois en Roma, a estes efectos, os feitos, a súa análise, ten que pasar pola censura dun tribunal de médicos, e outro de teólogos, xente ilustrada e acreditada, que non admiten xamóns nin outras recomendas.

¿Ten importancia que a un, a un calquera, o fagan beato, ou santo? Para eles, non, que xa o son, que xa gozan desa categoría, ¡por días de vida! Daquela, como a vida é eterna, o que logre esa situación non precisa títulos, que xa os ten, imprescritibles, no Escalafón Celeste. Ben o dixo San Pablo: “Os santos xa correron a carreira, e gañaron a coroa...” ¡Os que temos necesitade de santificación somos estes de abaixo, estes aos que chaman “vivos”, que pouco o somos se non facemos por santificarnos, ¡coa de oportunidades que nos dá Deus!

Xa que hai milagres, autenticados, curacións e feitos indemostrables para a nosa ciencia, como é que segue habendo cretinos, ateos, que insisten en que do Ceo ninguén volveu? ¡Se veñen do Ceo os seus feitos, é que en espírito volven; volven no que teñen, pois o barro deixámolo aquí, xunto co outro barro!
-.-


Será cousa de levarse ben con San Pedro..., xa que ten as chaves do Ceo! Teño para min que as portas do Ceo abríronse, rachouse o velo inconsútil que as tupía, daquela que... Témolo en tódolos evanxelistas, pero Lucas concreta: (23, 24-26): “Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata a media tarde. Pois houbo unha eclipse de sol. E o velo do Santuario rachou polo medio. Entón Xesús pegou un berro moi alto e dixo: -¡Meu Pai! Nas túas mans entrego o meu espírito. E dicindo isto, morreu”.

Aquel foi o instante sublime, marabilloso, definitivo: ¡Morrendo o Fillo do Home morría a morte e comezaba a vida! As chaves xa as tiña San Pedro (Mateo 16, 17-20). “E Xesús contestoulle: -Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás, porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai, que está no Ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra; e sobre esta pedra vou edifica-la miña Igrexa; as portas do Inferno non prevalecerán en contra dela. Dareiche as chaves do reino do Ceo: todo o que ates na terra, ficará atado no Ceo; e todo o que desates na terra, ficará desatado no Ceo. Mandoulles ós discípulos que non dixesen nada (aínda, de momento) de que El era o Mesías”. ¿Que, ten as chaves, ou non as ten? Pero tiña que eclipsarse o sol (primeiro) para que a terra deixase de ser un fin, e pasase a ser un medio. ¡Vaia regalo que nos fixo o Fillo do Home coa súa Paixón, Morte, e Resurrección! Penso que llo sei agradecer, pero o que non sei é como expresalo para que se entenda a ledicia que sinto a tal momento!

¿E daquel símil de pasa-lo camelo polo ollo dunha agulla, que? Do Mestre, do Mestre daqueles alumnos, xa se vén dicindo que tiña que ensinar con parábolas axeitadas ao nivel da súa época, para que o entendesen, para impresionalos un pouco, para abrandalos, ¡e encima opinamos que tardou en vir! Tanto se se referiu a unha porta das de Xerusalén, a unha corda, ou ao que fose, que iso non ten importancia porque a verdade estaba, e segue estando, en que os ricos, ¡os ricos que fan mal uso da súa soberbia e da súa riqueza, médralles tanto a barrigola que o teñen difícil para..., para merecer! Díxoo o Mestre, que nunca mentira se lle colleu en canto dixo, pero tampouco facía moita falta unha explicación pois o simple sentido común xa nolo afirma. (¡O problema está, que xa o estaba daquela, en que o sentido común é o menos común dos sentidos!).  

-.-
  
Tres vidas temos: ¡tres responsabilidades! ¡Ai, Deus, que pouco nos decatamos diso! Na primeira, curtiña, de arredor dos nove meses, o Adán pouco se preocupa por nós, pero temos á Eva para coidarnos, aferrada ao seu cordón umbilical. ¡Canto lles debemos ás nais, que xa nos queren e nos coidan, antes de coñecernos, a risco de que sexamos con elas uns desagradecidos!

Téñome preguntado, a min mesmo que non aos médicos, pola causa de que as mulleres, estatisticamente, vivan máis cós homes, pero coido que din coa explicación concluínte: Deus, agradecido ás mulleres polo seu labor, pola súa colaboración na crianza dos anxos humanos, tenlles conmutado a pena purgativa, esa que transmitimos desde o Paraíso, pola eficacia santificadora deses nove meses, así que, ¡conmutación!, extensible ás que non xestaron pero en disposición estaban, todas, de facer o mesmo. Aos homes chámannos antes porque, se ben colaboramos na fase inicial, despois diso, ¡á taberna! Temos as débedas pendentes, e chámannos para saldar contas, de tal xeito que, fóra dos mártires, a nosa entrada directa, séxase, sen depurativo, debe ser máis ben escasa.

No ensino dos nenos antes comeza a nai a falarnos, así que máis parte teñen elas en que sexamos capaces de ler, e se non lemos hoxe en día, ¡que pouca narración oral nos queda!, ¿como chegaríamos a coñecer a Biblia, esa historia da nosa relixión, esa historia sacra da que só deducimos verdades, ¡verdades que nos veñen da inspiración do Espírito Santo nos textos sagrados! Unha muller, aquela Eva, que nun principio nos apartou do Ceo, pero outra, tempo adiante, acollendo ao Fillo de Deus, volveunos cara a El, e de paso, cara ao Ceo. No meu criterio as mulleres non merecen o purgatorio; eu non llelo daría, e Deus, que é incomparable en misericordia, coido que tampouco o fará!

Esta non é a balanza do Ceo.



Defectos = Virtudes. ¡Un cinco: aprobado!

Pesados con este tipo de báscula, co que usamos aquí na terra, o exame sería fácil, pero no Ceo son máis listos, máis meticulosos. Parten da premisa de que aquel que logra virtudes partindo dun pasado escuro (un feto xerado por uns pais con malos hábitos ou tendencias, criado nun medio execrable, cun entorno renegado, etc.), se aínda así chega a ser virtuoso, as súas virtudes son puro diamante, de moitos quilates. En paralelo, aquel que coleccionou defectos a pesar de desenrolarse, de criarse, nun ambiente virtuoso, as súas taras teñen iso de agravante, ¡e complican os contrapesos!

¿Que pensábamos, que San Pedro non é o patrón daqueles “Fiel contraste” que controlaban os instrumentos de pesas e medidas? ¡No Ceo hai equidade, rectitude, Xustiza (da de maiúsculas), así que non valen os trucos terreais; pero..., tamén hai misericordia, pois de non habela esa fronteira sería dificultosa, moitísimo!

Unha agravante das peores, ¡xa o dixo o Mestre, que o temos recollido en Lucas 17, 1-3)!, é o escándalo: “Díxolles ós seus discípulos: -É irremediable que haxa escándalos; pero ¡ai de quen os provoca! Máis lle valía que lle colgasen unha pedra de muíño no pescozo e que o largasen ó mar antes que escandalizar a un destes pequeniños. Andade con coidado!”. Tomemos nota, que ben advertidos, ben aconsellados, estamos!

Na segunda fase: A vida é un rosario de penas e de ledicias; ¡rosas con espiñas! Para as penas, resignación; e para as ledicias, moderación.


Resignación non é pasotismo, covardía, senón enfrontamento cos medios lóxicos e posibles, pero sen abatemento, sen desesperación; algo parecido a como Cristo exclamou ante a inminencia dos sufrimentos aos que, voluntariamente, se sometía: “-Abba, meu Pai, ti pódelo todo, arreda de min este cáliz. Pero non se faga o que eu quero, senón o que queres ti”. (Marcos, 14, 36-37).

En canto ás ledicias, hai que tomalas con moderación, ¡pero tamén  con agradecemento! A moderación é un equivalente da mesura, e tamén da prudencia, dentro do círculo da humildade. Identifícase coa temperanza, que é a meirande das virtudes cardinais. O seu vicio é a desmesura, a soberbia, o orgullo. Xa llo dicía Don Quijote a Sancho: “Llaneza, Sancho, que toda afectación es mala, malsana!”.
-.-



¡Aleluia, aleluia, que veño do Ceo! Do Ceo, exactamente, non, pero dunha aproximación, si. Veño da igrexa de San Nicolás, de ver, e de escoitar, o Coro “Cantabile”. Isto non o poden mellorar os anxos, por ben que o fagan! Sinto non telo gravado, para que non me chamedes mentireiro, pero fotografado, si, que aquí poño, aquí vos traslado, este coro anxelical; e nel, o meu neto Miguel.



Cantaron coma o que son, ¡coma anxos, con música doutro anxo, que así foi Händel. Georg Friedrich Händel foi coñecido, ademais de compositor, como unha persoa xenerosa; moito. O seu bo facer levábao a que os nenos non sufriran; dividiu os seus activos entre os seus servidores e varias organizacións benéficas, incluíndo o Hospital de Nenos Expósitos. Foi soterrado na Abadía de Westminster.

Nesta igrexa (San Nicolás) retiraron a eucaristía, do Sagrario á Sancristía. ¿Para que, se canto alí se tocou e cantou foi música celeste, tocada e cantada polos anxos do Cantabile? Händel foi ben honrado, pero con el os anxos do Ceo; ¡seguro, segurísimo, que no Coro do Altísimo conectaron coa Coruña, en anxélica sincronía!
-.-

Na estrada da vida, na que leva á vida, os anxos aceleran, e os demos frean.


Xesús feliz cos nenos, e á viceversa, tamén!

Xesús, o Mestre dos mestres, non se cansaba de falar deles e con eles. ¡Ai daqueles que se teñan por relixiosos e prexudiquen aos nenos, pois eses falsarios non son de Xesús senón do seu inimigo, de Satanás!

Os Evanxeos están saturados de nenos; unha escolma:

En Mateo:

18: 1-6. “Naquel momento acercáronse os discípulos a Xesús para preguntarlle: -¿Quen é o máis importante no Reino do Ceo? El chamou por un meniño e púxoo no medio deles, e dixo: -Asegúrovolo: se non cambiades e non vos facedes coma nenos, non entraredes no Reino do Ceo. Quen se faga pequeno coma este cativo será o máis importante no Reino do Ceo. E quen acolla a un meniño coma este no meu nome, acólleme a min. Pero quen escandalice a un  destes pequenos que cren en min, máis lle valería que lle colgasen unha pedra de muíño ó pescozo, e que o largasen ó fondo do mar”.

18: 10. “¡Coidadiño con desprezar a un destes cativos! Asegúrovos que os seus anxos, no Ceo, están sempre contemplando o rostro do meu Pai Celestial”.

18:14. “Do mesmo xeito, a vontade do voso Pai Celestial é que non se perda ningún destes pequenos”.

19: 13-14. “Leváronlle entón uns nenos, para que lles impuxese as mans, e rezase por eles. Pero os discípulos rifábanlles. Mais Xesús díxolles: -Deixade que os nenos se acheguen a min, non llelo privedes, porque deles é o Reino do Ceo”.

En Marcos:

9: 36-37. “E collendo un neno, púxoo no medio deles e abrazándoo dixo: -Quen acolla a un destes nenos no meu nome, acólleme a min; e quen me acolle a min, non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou”.

9: 42. “E quen escandalice a un destes pequeniños...”

10: 13-16. “E leváronlle uns nenos para que os tocase. Pero os discípulos rifábanlles. Mais a Xesús non lle gustou aquilo e dixo: -Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo impidades, porque deles é o Reino do Ceo. Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus non entrará nel. E abrazounos e bendíxoos e impúxolle-las mans”.

En Lucas:

9: 46-48. “Entón empezaron a discutir sobre quen deles era o máis importante. Xesús léndolle-lo pensamento, achegou un neno a si e díxolles:-Quen acolle a este neno no meu nome, acólleme a min, e quen me acolle a min, acolle a quen me mandou; porque o que é máis pequeno entre vós, ese é o máis importante”. 

18: 15-17. “E levábanlle tamén os meniños para que os tocase. Pero os discípulos rifábanlles. Entón Xesús chamounos e dixo: -Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo privedes, porque dos que son coma eles é  Reino de Deus. Asegúrovos que aquel que non reciba como un neno o Reino de Deus non entrará nel”.

En definitiva que:  nenos = anxos. Anda por aí un Catecismo dos nenos, que nos pode servir de espello, ¡de espello e de pizarra, para volver á escola! Algo do que di, por se nos sirve de lección:

-Os nenos poñen moito corazón no que fan; os maiores, contaxiados do mundo, poñémolo na froita prohibida, máis ben niso.

-Os nenos son flexibles e adaptables. A nosa flexibilidade, a dos ¿grandes?, consiste máis ben en aperta-la man..., ¡para que non se nos escape aquilo que conseguimos apreixar!

-Se se fan algún prexuízo, logo o esquecen. ¿Nós? ¡Nós cultivámolos, os vicios, na mellor das nosas terras, na que debíamos coidar para te-lo horto das virtudes!

-Divírtense con pouca cousa, pero choran en presencia das malas. ¿Choramos nós polos nosos pecados, polas nosas malicias?

-Para eles o mundo está cheo de cousas asombrosas. Os grandes só nos asombramos do listos que son aqueles ladróns que rouban sen ser descubertos.

-Para os nenos compartir é divertido. Ao medrar, só nos resulta divertido medrar máis có veciño, pasarlle diante, ¡aínda que o fagamos dopados!

-Se se caen, levántanse. Se quebra un maior, logo busca asesores que lle digan a forma de quedarse co capital a outros debido; ¡coñecín tantos especialistas, tantos asesores, nos meus días da Banca!

-Non teñen medo a relacionarse. Pero de chegados a certa idade, o único que non nos amedrenta é relacionarnos con xente viciosa..., con tal de que sexan, ou nos parezan, divertidos!

-Expresan sen receo as súas emocións. De maiores, nestes casos acudimos ao armario das nosas caretas, ¡tantas que fomos coleccionando!

-Miran as cousas coma se fose a primeira vez que as ven, buscándolles novos atractivos. De grandiños a nosa meirande atención poñémola nos cartos, nos billetes, que nos gustan todos, así veñan infectados con tódalas miasmas do mundo fiduciario.

-Son tan honestos que sempre din a verdade, aínda que non lles conveña. Pero logo aprendemos a farfallar; a culpa é daqueles gregos, tan teatrais eles: Empezaron coa filosofía, e acabaron facendo teatro!

-A súa mente non ten límites; tratan de aprender, cada día, cada hora... Entre nós, aqueles que aprenderon a vivir coa suor dos de enfronte, deixan de utilizar o seu pano.

-Non lles preocupa o ridículo. ¡E a nós, tampouco..., desde que nos cansamos de mirarnos no espello! Agora, en moitas cousas, témoslle envexa ao home das cavernas, e copiamos no propio corpo o que eles pintaban nas covas! ¡Se volvésemos a usar o espello, cantas cousas nos quitaríamos de enriba...; iso si, se fosen eliminables!
-.-   

Receitas do noso Médico Espiritual (do Papa Francisco): “A vida cristiá é un combate permanente. Requírese forza e valentía para resisti-la tentacións do diabro e para anunciar o Evanxeo. Pero esta loita é molto bella porque nos permite celebrar cada vez que o Señor vence na nosa vida”.

¿A nosa arma defensiva? Témola perfecta no Noso Pai, nesa lección perfecta, divina, do noso Mestre: “... non nos deixes caer na tentación, e líbranos do mal”. ¡Do mal, pero tamén do maligno, que é como hai que entendelo! Isto como vacina, e despois de caídos, ¡a confesión! (De propósito. Eu teño un mal pensamento: Iso de que os cardeais vacilen tanto en dar Ordes ás mulleres, ¿non será porque teman ás complicacións que poden presentárselle ao catolicismo o día en que confesen elas?).
-.-


O que din os teólogos: “Toda vida é un cruce de camiños”. Aquí o tedes:


Monseñor José H. Gómez, Arcebispo de Los Ángeles.

“Jesús, por su amor y por su misericordia, quiere acercarse a cada uno de nosotros en nuestro viaje. Él quiere recorrer con nosotros el camino de nuestra vida. Y así como los discípulos que iban camino de Emaús, nosotros a veces estamos demasiado distraídos; podemos estar heridos, lastimados por las decepciones de la vida, y esto impide que nuestros ojos lo reconozcan.

“Pero Jesús se acerca para estar con nosotros, sin importar en qué punto estemos en el camino dela vida. Podemos estar hundidos en la desesperación o perdidos como el hijo pródigo en el pecado y en una mala vida. Pero Jesús viene a buscarnos.

“Hoy y en este momento, Jesús viene una vez más a nosotros. Por lo tanto, debemos entregarle nuevamente nuestros corazones a Él. Hemos de invitarlo a nuestras vidas, tal como lo hicieron los primeros discípulos cuando le dijeron: “Quédate con nosotros”.

“Tenemos que permitir que sus palabras de amor ardan nuevamente en nuestros corazones. Necesitamos unir nuestras vidas a su vida en la Eucaristía; tenemos que dejar que Él abra nuestros ojos para conocerlo “en la fracción del pan”.

“Así como sus primeros discípulos, nosotros tenemos que tomar también hoy nuestra cruz y caminar en pos de Jesús, siguiéndolo en tanto que Él lleva su cruz delante de nosotros”.

Pola miña parte, gracias, e  un aplauso!
-.-


Xa que estamos, desde o bautizo, no exército vencedor, ¿por que queremos alistarnos, pasarnos ao perdedor? ¡Imbéciles que somos! Non arrepentirse de algo pecaminoso equivale a un alistamento diabólico. ¿Oes, e se o diabro se arrepentise...? ¡Non, non pode, porque é espírito; “como tampouco hai arrepentimento para os homes despois da morte”! ¿Pero, que dis? Se non me credes, lede a San Juán Damasceno.
-.-

¡Que pouco lembramos ao Damasceno, e canto lle debemos, tanto no relixioso como no simplemente cultural! Voume referir tan só ao seu criterio con respecto ás imaxes, agora, no XXI, que nos pirramos polo que vemos, así estea o orixinal a miles de quilómetros.

O iconoclasta León o Isaúrico dicía daquela que os católicos adoraban as imaxes. (Iconoclasta = destrutor de imaxes). Entón, Juán Damasceno respondeulle  que nosoutros non adoramos imaxes, senón que as veneramos, cousa totalmente distinta. Adorar é crer que unha imaxe é un Deus que pode facer milagres; e iso si que é pecado de idolatría. Pero venerar é renderlle culto a unha imaxe porque nos recorda, porque nos lembra, un personaxe que amamos moito, por exemplo, a Xesús Cristo, á Santísima Virxe, ou un santo.

O que nos prohibe a Santa Biblia é facer imaxes para adoralas, pero non prohibe veneralas. San Xoán Damasceno deixou dito nos seus escritos: “O que é un libro para aos que saben ler, é unha imaxe para os que non len. O que se ensina con verbas ao oído, ensínallo unha imaxe aos ollos. As imaxes son o catecismo dos que non saben, ou non poden, ler”.

Din autores moi antigos que o emperador León, por rabia contra San Xoán Damasceno polo ben que escribía en favor das imaxes, mandou á traizón que lle cortasen a man dereita, coa que escribía. Pero o santo, que era devotísimo da Santísima Virxe, encomendouse a Ela con gran fe, e daquela a Nai de Deus curoulle a man cortada, así que, con ela reposta, escribiu sermóns moi fermosos acerca da Nosa Señora.
-.-

A conciencia, ese carné persoal, permanente, e á vez, evolutivo.




Temos escolas de conducir, pero, onde están as de conducirnos? ¡Onde vai ser: na casa, na familia, no entorno de cada quen!

Aos nenos ademais de facelos hai que educalos para que, sen deixar de ser nenos, pasen a ser persoas, persoas normais, herdeiros do Ceo, opositores permanentes á vida eterna, ¡á Vida!

Coa conciencia pásanos algo parecido ao que ocorre coas árbores que ornan e limitan as estradas, que canto mellores son os autos, canto máis rico é o chofer, menos caso lle facemos á natureza. ¡Veña correr, veña auxe; adoramos os instrumentos que fixo o home e desprezamos aqueles que nos fixo Deus! O chamado “progreso” do home sen conciencia realmente é, un..., retroceso!

Sempre me preocupou este tema, e moito teño lido sobre o mesmo; lido, si, pero, ¿sabido? Máis ou menos o que teño libado vén a ser o seguinte:

Que a conciencia moral non é de natureza estática pois merece, e debe ser, atendida, en progresión sostida..., porque sempre cabe, e merece, ser perfeccionada se queremos que nos aconselle ao ritmo da nosa evolución; ¡da nosa, pero tamén da do mundo circundante!

¿Por onde empezamos; ou teñen que comezar os nosos pais/titores? Non hai leira tan difícil de arar coma a da conciencia, así que primeiro será rozar, desbravar. ¡Ah, pero iso é labor dos pais! ¡Xaora que o é, así que o pobriño que naza cuns pais a monte terá dúas tarefas: copiar o bo do seu entorno, e tamén aconsellar nos pais desde que teña a idade de facerse oír! ¿Fillos educando nos pais? ¡Non é tan raro agora que os fillos, moitos e deles, superan o nivel cultural dos seus entregos; e que ben resulta, que meritorio é!

Unha descompensación témola, ¡outra!, en que non todos reciben, ¡ou recibimos!, da natureza unha disposición idéntica, axeitada, para ir formando iso que chaman “xuízo recto”; para algúns é fácil, ou relativamente fácil, pero outros somos máis tardos en apreciar tódolos aspectos éticos dos nosos actos, así como as relacións coas normas da moral, ¡da moral ben entendida, porque neste mundo tan cambiante hai para escoller!

Tamén temos que loitar coas enfermidades do espírito, coa ignorancia, cos prexuízos, cos hábitos, ¡e iso que din que o hábito non fai ao monxe! ¡Ah, e tamén coas paixóns, que son eses tiróns que nos torcen a moral, cadora máis; canto máis altos estamos, ou máis vellos somos, máis freos e máis esteos precisamos! Unha mente débil, débil ou debilitada, é un mal xuíz axuizando o valor ético das propias accións; ¡daquela tendemos a confundir capital con intereses!

Pautas a seguir no noso percorrido:

-Estudar con amor a verdade e maila lei, ¡a Lei de Deus, por suposto!, considerándoas como Camiño. Para iso temos que ilustrar, ou por mellor dicir, lustrar, ¡limpar!, as adherencias negativas, alumando a nosa conciencia sobre o ben, ¡o ben común, e non só o propio!, coas luces da verdade, que son as nítidas, as inmaculadas. Dito doutro xeito: Ser fieis á verdade, que só se logra mediante a Fe, a Palabra de Deus, e maila ensinanza da nosa Igrexa; da católica, por suposto.

Nunha ocasión díxolles o Papa Francisco aos bispos de Francia: “Os Pastores deben formar as conciencias chamando bo ao que é bo, e malo ao que é malo”. ¡Sinceridade, sinxeleza e claridade; este Papa é tan claro coma a súa sotana: enténdeselle canto di!

Estamos seguros, podemos estalo, de que obramos con conciencia recta, con honestidade de conciencia, cando poñemos tódolos medios ao noso alcance para levar un vida recta, amando ao próximo “coma a nós mesmos”. Matizarei: Que por veces, nalgunhas decisións, somos os nosos peores inimigos, así que, en tal caso, se lle ocasionamos ao próximo o mesmo..., pobriños eles!

Non pode haber, non nos podemos permitir, diverxencias entre o ensino da Igrexa e maila nosa conciencia. Tamén dixo o Papa: “O Maxisterio da Igrexa foi instituído por Cristo noso Señor para ilumina-las conciencias”. ¡Está claro!

Xunguir as vacas antes de poñelas ao carro; reflexionar antes de obrar:

Comecemos por ser virtuosos xa que só as virtudes, ¡ese código de conducta da alma!, nos poden garantir que a nosa conciencia non se presta a xustificar os nosos comportamentos defectuosos, vulgo, pecados.

Fraquezas da conciencia:

Conciencia laxa é esa enfermidade que nos leva a subestimar a inmoralidade de certas accións, así como a responsabilidade dos nosos actos. ¿Menciñas? Cultivar o hábito de examinar con obxectividade as dúbidas que se nos presenten, collerlle amor á verdade, á verdade rotunda, por moito que doa; aterse ao confesor, etc.

O escrúpulo, que é unha especie de febre anímica: a obsesión da dúbida no campo moral. Angústianos, aínda que o recoñezamos como fóra de razón, pero se nos detemos en calcular as consecuencias dos nosos actos estaremos vacinados contra os escrúpulos inxustificados.

¿Que máis? Este tema é infinito, pero algo haberá que deixarlle ao lector para que se exercite domando a súa propia conciencia.
-.-

 
Se nos propoñen pasa-la noite velando as armas para, ao día seguinte, ser armados cabaleiros, ¿verdade que nos sentiríamos orgullosos e satisfeitos da honra recibida? ¿Si? ¡Pois aí o temos: A vida é coma unha noite velando armas, para ao día seguinte ser investidos cabaleiros do Ceo! ¡Maldita impaciencia a nosa se non aceptamos unhas regras tan liviáns!

A noite está aquí; xa estamos nela; e despois vén o amencer, e co amencer a Gloria prometida, a Vida Eterna, que nola prometeu Deus por boca do seu Fillo. Paulo díxolles aos romanos, cousa que acepto pois tamén vale para min: “Cerca de ti está a palabra, na túa boca e no teu corazón. Pois esa é a palabra da fe que anunciamos. Porque, se confesas coa túa boca que Xesús é Señor, e cres de corazón que Deus o resucitou dos mortos, serás salvo. Pois é crendo co corazón como se chega á xustificación; e é confesando coa boca como se chega á salvación. Porque di a Escritura: Todo o que crea nel non quedará defraudado”.

Outro si digo: A clave da porta do Ceo tamén a temos ao alcance dos arrepentidos. (Lucas 23, 40-43). “Pero contestoulle o outro, reprendéndoo: -¿Seica non temes a Deus, ti que sófre-la mesma condena cá el? Nós, polo menos, recibímo-lo que merecemos, pero este non fixo mal ningún. E dicíalle: -Xesús, lémbrate de min cando entres no teu reino. Xesús respondeulle: -Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso”. ¡Hoxe, daquela mesmo, sen sequera purgatorio! Eis aquí a meta do noso camiño, a plenitude da vida, a intimidade do abrazo con Deus; é, foi, o último don de Cristo, precisamente ao traveso do seu Sacrificio, da súa morte, abríndonos a Gloria coa súa Resurrección. ¡Laus tibi Christe!



¡Mira ti por onde (San Dimas) foi o primeiro dos santos que subiu á Historia, ao Ceo, “canonizado” polo propio Xesús!
-.-   

Entrar no Ceo, empezar a vivir de verdade, Aló Arriba, sen achaques, sen dores, sen penas, é unha cousa tan grande, tan excelsa, que nos custa imaxinala, facernos á idea de que temos ese dereito, esa herdanza..., por obra e graza daquel Neno de Belén, daquel carpinteiro que colaboraba con San José facéndolle huchas bonitas á súa Nai! ¿Seremos capaces de agradecer esta inmensa misericordia? ¡Se nos portamos ben, si!


-.-


¿Como somos aló por dentro? Interesante pregunta, pero vaiamos á resposta; e para someternos a este estudio comecemos por preguntarnos, ¿por que nos lembramos máis, moitas veces e moito máis, das penas e das desgracias, das persoas que nos fixeron algún dano, que das ledicias, ou daqueles que nos fixeron sentir a felicidade?

Os científicos, cos seus experimentos, veñen afirmando que se trata da hormona noradrenalina, popularmente coñecida como hormona da “loita”, ou da “fuxida”, que se libera nas glándulas adrenais cando estamos sometidos a unha forte tensión emocional. Daquela, no cerebro, -din eses investigadores-, esta hormona actúa sobre un receptor, o GluR1, aumentando a sensibilidade química das neuronas e maila fortaleza das súas conexións. Desta forma, e por esta causa, esas lembranzas dolorosas quédannos gravadas a fondo, o que se di “a fogo”.


Neses eventos traumáticos, coa noradrenalina seica colabora o cortisol. A primeira aumenta a frecuencia cardíaca e controla a resposta de loita ou fuxida. Ao parecer, no cerebro, a noradrenalina ademais de funcionar como un potente neurotransmisor actuará como importante mensaxeiro químico que aumenta a memoria. Os investigadores seica descubriron que as experiencias negativas lémbranse máis facilmente cando un evento é o suficientemente traumático como para liberar cortisol despois do mesmo, e só se a noradrenalinase se libera durante pouco tempo despois dos feitos. Engaden que, se se puidesen reducir os niveis de norepinefrina inmediatamente despois dun evento traumático, sería posible que se evitase este mecanismo, con independencia de canto cortisol se libere despois do evento. Tamén se di que as mulleres, ¡máis sensibles elas!, son dúas veces máis propensas a desenrolar trastornos por estrés e traumas que afectan á memoria, como no trastorno por estrés postraumatico. 

Pero tamén os hai que din que, polo fenómeno Fading Affect Bias (FAB), a información das emocións consideradas como negativas bórranse da mente máis rápido que as positivas; e que isto está comprobado que pasa en tódalas razas, en tódalas culturas. ¡Daquela, Amén!

Logo está iso de que algunhas cousas se nos queden gravadas, arquivadas indefinidamente, mentres outras voan, esváense, disólvense coma un azucre na auga. Se lles facemos caso aos psicólogos, estes dirannos algo así como que, “o aferrarnos ás boas lembranzas, deixando atrás as malas, axúdanos a tourear situacións desagradables, e de paso a manter unha actitude positiva ante a vida”. ¿Si? ¡Pois tamén vale!

Dicía un tal Jackob, que a vida é un proceso activo, non pasivo; que morrer é doado, e que hai mil maneiras de facelo. Pero vivir non é fácil, e require conseguir cousas moi concretas de forma constante. Séxase: a “recompensa” que nos dá algo bo é dunha magnitude inferior có castigo que nos dá algo malo. Tódolos seres vivos buscan, buscamos, o bo, e tratan, tratamos, de evitar o malo, pero, por exemplo, se un coello ve unha cenoria ao lado dun zorro, ¿que fará? ¡Evitará ambas! A cenoria non lle garante a vida, pero o zorro si que lle garante a morte. Por tanto é necesario que a lembranza do zorro (a intensidade emocional asociada a ese recordo) sexa máis importante que a lembranza da cenoria. ¿Así que damos por suposto que a afirmación “recordamos máis o malo que o bo” é certa? ¡Pois que pena que así sexa!

¡Vaia lío!

Eu, servidor, para os meus adentros, e sen discutirlles aos científicos, ¡que nunca llo tolerarían a un simple zoqueiro, nado e criado naquela aldeíña do Montecubeiro!, a cousa está clara: ¡é un problema de acatamento da nosa cruz! Das molestias, renegamos; e aínda que por veces digamos, “Vaia por Deus”, aló por dentro estamos cabreados. (Cabreados vén de “cabronada”, cousas do cabrito, séxase, do diabro, ese soberbio, ese desagradecido, sempre emperrado en malograrnos a Vida Eterna).

Por outra parte, as ledicias sábennos a pouco, e tan sedentos estamos delas que nos emborrachan, esquecéndonos de ofrecerllas ao noso Creador, ao noso Dador, ao noso Redentor!

Se eu fose Cura, ¡pero se aínda non me curo a min mesmo!, recomendaría, nas traxedias, acordarnos do Calvario. ¡O que sufriu o Fillo do Home constituíndose en vítima para rescatar aos homes, mulleres incluídas! A nós, aos pecadores, aos delincuentes, que pouco se nos pide, que pouco castigo temos..., para o que merecemos!

Al ledicias son propinas que Deus nos vai proporcionando..., como dicía aquel Cura da carreira curta, “por diócesis”, para anticiparnos o coñecemento da paga definitiva, esa paga extraordinaria que nos ten reservada para cando empecemos a..., ¡a vivir! Para que tamén desertásemos, para que se malograse a misericordia de Deus, aqueles espíritos soberbios, na súa guerra, non vacilaron en comparti-la súa desgraza con outra soberbia, ¡coa daquela presumida, con aquela Eva! Pero, muller, ¿como fuches tan incauta? ¡E menos mal que detrás veu a Virxe María, e contribuíu á túa redención; á túa, si, querida avoa, pero tamén á miña..., se renuncio á herdanza maldita, conditio sine qua non!
-.-
   

A lista de favores recibidos ao longo dunha vida é algo infinito, pero, en común, os do XX temos os seguintes, e tamén algún outro que, para abreviar, déixoo no tinteiro, digo, no teclado:

-O de nacer neste século. Coa igrexa católica moi depurada de certas manías e desviacións, que tiveron no Vaticano II un padriño ilustrado e sincero: Aquel latín, que nin os cregos dominaban; os púlpitos, que só eran bos para bracear pois en lugar de fraternidade o que impoñían era ditadura; os curas, dándolles o cu aos fregueses, coma se o Santísimo fose unha exclusiva deles; aquelas bulas coresmais, tan propicias para que os ricos fatigasen aos pobres poñéndose dacabalo deles; os velos das mulleres, cando xa levabamos vinte séculos desde que a Virxe María deu a cara por todos nós... ¡Por se isto fose pouco, Don Hermenegildo, o asasino meirande da Historia de España, entrando e saíndo das igrexas baixo palio!

-No material, guerras e ditaduras á parte, cartillas de racionamento, conflitos e miserias adherentes e adhesivas, desde a caneta á caixa de pino, ¡canto non nos fomos superando!

E logo que viñeron:
.A luz eléctrica para o medio rural.
.A televisión, cos seus raios de tubos catódicos.
.No 1969 o home deixou de estar na lúa coa imaxinación..., e pisouna!
.Desenrolo da electrónica: teléfono sen fíos, computadoras, etc.
.Internet.
.Invención das aeronaves e dos foguetes.
.Descubrimento da penicilina e invención dos antibióticos. (A penicilina, polo anos 48/50, vendíase de estraperlo na Gran Vía, na trastenda do bar de Perico Chicote, traída dos EEUU polo pilotos Ansaldo, Pombo, ou Cortón).¿Era estraperlo? ¡Era a saúde dos ricos!
.Aplicacións da electrónica aos electrodomésticos.
.Enerxía nuclear ou atómica,
Desenrolo da xenética e descubrimento da estrutura do ADN.
...
¡Perdón por excederme; xa paro!

Señor..., os que nacemos na aldea tiñámoslles envexa aos da capital, pero..., ¿hoxe?¡Hoxe non cambiaríamos Belén por Xerusalén! Aqueles aires purificados por un millón de árbores; aqueles paxariños piando ao redor noso; aquelas flores, regadas automaticamente  do ceo cada vez que chovía; aquela quentura do lume da lareira; aquelas nais que, se tiñan que axudar nos traballos de fóra, con levarnos nunha cesta, nunha pelica daquela ovella da festa do Santo... ¡O peor era ter que ir á Misa, andando, e xa non fose costa arriba, pois daquela, os nenos, igual cós vellos, cansabamos!

Esquecíaseme: A rapazolada do arredor, cantando os Reis, de casa en casa, con aquela fe, con aquel encanto, con aquel misticismo, que moito lle tiña que agradar ao Neno Deus!

  

 
¿Un amencer coma este, coa estrada ata a porta da casa, e o Medullius de fondo, onde, Señor, onde tes outro Paraíso..., de quitado o do Ceo? Nun sitio así apetece agardar pola resurrección que nos tes prometida. ¡Por algo Santiago elixiu Galicia para traernos a nova evanxélica: Falar do Ceo aos sobreviventes do Medullius, se algún quedou, era unha misión celeste; unha resurrección, outra; un  retorno ao Edén!

Deus fixo a terra toda, pero non a fixo igual, que algúns espazos reservounos para premiar aos que lle fosen máis fieis. ¡Eu quero ser deses, Señor; eu quero parte nesa herdanza, así que, para merecer, non me importa padecer, puni-los meus pecados..., antes de que sexa tarde!

Nacer en Galicia, participar nesta herdanza, obriga a moito: ¡Obriga a ser exemplares co próximo; e coidadores coa nosa vexetación, xa que é paradisíaca! Ben que a botamos en falta cando emigramos, e por iso, ao lonxe, éntranos a morriña, a nostalxia; da nosa xente, pero tamén da nosa terra!

Daquela, ¿por que a abandonamos, ou por que idolatramos nos eucaliptos? ¿Que nolos trouxo un frade? ¡Meu pobre; igual está no purgatorio por culpa diso!
-.-

   
  ¿Quen dixo que non hai cousas boas?  ¡Hainas, pero só as ven os agradecidos, os que dan grazas a Deus por telas, por velas, por compartilas!


Ben o dixo Xesús, que temos que imitar aos nenos para ver a Deus; ¡pero o desagradecemento céganos! ¡Señor, quéroche ser agradecido, por tantas cousas, pero en especial pola túa xenerosidade abríndonos a porta do Ceo. Por favor, un máis; outro favor: non me deixes fóra pois quero vivir contigo, cos meus, con todos aqueles que viven en Ti, contigo, na Eternidade!
-.-


OS MANDAMENTOS

Para min son 12: 1O de obrigación; e 2 de devoción. Os de “obrigación”, séxase, obrigatorios, son aqueles de Moisés, explicados polo Mestre.

No Novo Testamento os Dez Mandamentos son ratificados polo Fillo de Deus, adquirindo un sentido máis fondo. Nas súas manifestacións, Xesús Cristo móstrase como Señor dos Mandamentos, pero tamén de toda a Lei. O expresado polo Mestre ao mozo rico deixa en claro que a vida eterna só pode ser acadada cando a persoa, ademais de dar cumprimento aos mandamentos, segue a Cristo. (Mt 19: 16-22; Mr. 10: 17-21). A diferente interpretación dos Dez Mandamentos no novo pacto débese a que, conforme ás profecías de Xeremías 31: 33-34, a Lei de Deus non só está escrita naquelas táboas de pedra senón que é dada na mente e escrita no corazón. Cumprindo o mandamento do amor a Deus e ao próximo cómprese toda a Lei (Paulo aos romanos: 13:8-10) “Quen ama ao seu próximo non lle fai mal. Verdadeiramente, o amor é o pleno cumprimento da Lei”.

En canto aos meus, eses que chamo de “devoción”:

Os dous son nocturnos. Intento cumprir o de Arrepentimento lamentándome dos meus erros, dos meus desamores para con Deus, e por conseguinte, para co próximo. E desde que me acusa o corazón pásolle recado ao cerebro para que poña en obra o mandamento da Reparación, con propósito firme de reparar, de corrixirme, séxase, confesión de boca e satisfacción de obra. A continuación adoito rezar:

Con Deus me deito, e con Deus quero levantarme; que a Virxe María me cubra co seu manto, nesta cama e sempre. E ti, Señor, dáme penitencia en vida, e na morte salvación, que se morro esta noite, me sirva de confesión. ¡Amén!



Os meus netos, diante do Pensador.

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: