sábado, 5 de julio de 2008

CASTROVERDE na Historia e no presente -VIII-



.../...

San Pedro de Serés


Camiño da Igrexa,
pero díxome un bromista que garde ben esta foto,
que isto, algún día, chamarase,
¡Avenida de Cristina!



É anexa de San Xurxo de Rebordaos, tendo un certo parecido as igrexas respectivas. CP 27126. Co templo no medio das casarías. Serés, de Serinii, xenitivo de Serinius, e este de Serus?

¡Terra de ortigas, boa terra! Humedécea a fonte de Cincobo e maila das Labradas Vellas, así como o regato das Campelas. O Augueiro ou Angueiro. Altitude máxima nos termos, 683 m. Pero a mellor riqueza veulle dos fornos do cal, e da subseguinte carrexa deste material, que chegou a haber "depósitos" do seu cal na propia Coruña.

Desde Serés non se perdan unha subidiña ao Mons Ciro, ascensión que resulta suave, amais das súas vistas e das súas evocacións. Tamén foi señorío dos condes de Altamira, ¡que xa o eran antes de subirse ao Monciro!

Igrexa no medio do lugar, con cemiterio ao lado. A nave é rectangular, ás dúas augas, armada en madeira con tres vigas tirantes. O pavimento é de terrazo. Coro alto aos pés. Frontis coa porta alintelada; un ventanal e unha espadana de dous vans e cimacio. Unhas volutas das que se eleva un floreiro en cada estrema. O presbiterio é máis amplo e máis elevado cá nave; ás catro augas, cun arco triunfal de medio punto. O ceo en catro planos, cunha viga tirante. Sancristía na parte posterior, a tres augas, con dous accesos desde o presbiterio. Todo o templo loce boas pezas de granito nas partes máis nobres; as outras están encaladas. Como pezas escultóricas: Un retablo neoclásico, cun corpo de tres forneliñas e un frontón cunha pintura de Cristo crucificado, e fondo de Xerusalén. San Pedro, de 1,00 m. A Virxe María, san Roque e mailo san Xosé, todos eles de 0,80 m. No lateral dereito, abeirado cun arco, un retablo sinxelo, de trazas renacentistas, que se vén utilizando para o Monumento do Xoves Santo. Un sagrario cun relevo de Cristo atado de mans. Dúas imaxes: O san Roque, de 0,80, e o san Silvestre, de 0,95 m. No esquerdo, tamén cunha arcada, neoclásico, sinxelo. Unha Inmaculada, das de vestir, e un Cristo en cruz de madeira, no cimacio. Unha cruz de metal dourado, de tipo procesional, renacentista, na sancristía, de 0,55 m. O cáliz é sinxelo, de prata cicelada, de 0,22.




San Tomé do Souto das Torres




O Camiño Primitivo, amais da igrexa,
está sinalado por este cruceiro,
¡co seu miliario indicando o rumbo!


Caeron as torres, pero a súa lembranza quedou na toponimia.

(Tomé, do arameo: xemelgo). Freguesía anexa de San Paio de Arcos. ¿U-las torres? Está claro: cubrían, protexían, estratexicamente, a Vía romana; e de paso servían de "fielato" para cobra-las peaxes, as recadacións, primeiro para Roma, e despois para os feudais! Queda a casa "da Torre", e tamén as chousas "das Torres". ¡Algo é algo!

CP 27146. Accesos: Desde a C-630, inmediatos. Augas: Augueiro, que baixa de Serés. E logo están as fontes de Baixo e de Riba, amén dunha terceira, importante, que mana pola parte das Carballeiras, de par do Camiño de Santiago. Altitude máxima, 520 m. É unha terra bastante chá, abondosa en arboredo: carballos, castiros, bidueiros, piñeiros, froiteiras, etc. Hoxe en día con poucos veciños, pero con explotacións fortes.

A igrexa está un pouco illada, e ten arredor o adro-cemiterio; de fronte, pista en medio, o campo da festa do Milagres. Fábrica sinxela, harmoniosa e ben conservada; de tradición románica. A nave é rectangular, con cuberta ás dúas augas, de lousa con armadura de madeira sostida por tres vigas tirantes. Paredes caleadas, coas partes máis nobres en pedra gra. a porta lateral sur está cega, en arco de medio punto e sen impostas. Unha ventá seteira en cada lateral. Pavimento moderno, de terrazo. O frontis con porta alintelada, dunha arquivolta, en aresta. Descansa no muro a través de impostas lisas. Tímpano monolítico; machetas de cuarto bocel e xambas lisas, en aresta. Ventá seteira. Espadana de dous vans e pináculo con óculo e albardiña tonda. A espadana parece obra posterior.

O presbiterio é máis reducido cá nave; cuberto ás tres augas. Arco triunfal de medio punto, dobrado, en aresta. A rosca inferior descansa mediante unha rústica imposta no muro; a inferior faino en pilastras. Un ventanal no lado sur. Coro aos pés do templo. Tiña un retablo sinxelo, neogótico, dunha forneliña, que está retirado. Consérvase unha talla de san Pedro, de 1,00 m; e outra do santo Antón. Populares, do século XVII.




San Salvador de Soutomerille



Soutomerille é para velo, para velo sen présas, pois, describilo, ¡é imposible! Así que, máis que verbas, estamparemos algunhas fotografías.


Pouca imaxinación fai falta para ver pasar por aquí as cuadrigas dos romanos.



Nunha revolta do Camiño Primitivo. Actualmente sen vivendas. Para decatarse de algo, para empezar a coñecer, a investigar, a descubrir, compre levar unha fouciña; ou mellor, unha fouce.

Anexa de San Xoán de Barredo. ¿Souto amarylis? ¿Souto marelo? ¡Qui lo sa! O que si sabemos é que, hoxe por hoxe, é un souto multicolor, pero..., ¡de humanos abandonado! E non será por falta de auga, pois ademais do río Romeán, e do regato do Agriño, que desemboca no río da Barranca, ten as fontes do Romeiro (na Pallota), a do monte de Soutomerille, a da Horta Nova (por xunto do seu minicemiterio, ¡catro tumbas!, a de Virille, a das Cambas, a da Vila, e maila do Curral de Abaixo.

CP 27142; pero non o precisan, que non queda ser vivo a quen escribir! Accesos: Pregunten en Vilar de Cans, ou nas areeiras da Pallota; pero mellor ampárense nun Guía que os acompañe, que a xente dos lugares próximos é moi comunicativa. ¡Abofé que si! Altitude máxima, 563 m., no seu castro.

Son ben explícitas as referencias documentais acerca do mosteiro de Soutomerille, aínda que a presenza doutros lugares próximos, como Romeán e Vilafrío, substituíndo o de Soutomerille en varias escrituras poda deixar dúbidas, e de feito todo iso é algo que infunde sorpresas, admiración, respecto e veneración. Parece seguro que no privilexio da igrexa de Lugo, outorgado por Afonso III no ano 897, a referencia que fai de San Salvador de Ramilani (Romeán) alude ou encobre a de Soutomerille. Na mesma liña haberá que interpretar unha venda datada no 1005, na que se fala do templo de San Salvador de Romeán e dos seus monxes. Noutros documentos noméase a igrexa de San Salvador de Vilafrío, que tamén pode ser esta mesma de Soutomerille.

Esta igrexa foi reedificada a comezos do XVII no mesmo terreo da / ou das primitivas, conservándose algúns restos que demostran que a vella / ou vellas, eran de estilo mozárabe. Consta de nave rectangular coa bóveda de rajuela, arco triunfal de medio punto e ábsida tamén rectangular, coa bóveda similar á da nave, dividido polo retablo de pedra en dúas partes correspondentes ao presbiterio e á sancristía. O carácter renacentista da obra acúsase sobre todo no frontis, que se adorna cun frontón recto, partido pola base; no tímpano figura un escudo dun lis, unha lanza e un castelo. Encima da porta aparece a inscrición dativa da obra: REEDIFICATVM + ANNO 1619 / PER DOMINUS LICENCIATOS ALFONSVM / ET PETRVM LOPEZ PALLIN, FRATRES. O contorno da porta ornaméntase cunha decoración sinxela no marco, que se repite sobre das alas do tambanillo. Coroa o cimafronte unha espadana de granito cun só van.

Tres tramos separados por arcos de medio punto sobre das pilastras de superficie refundida, con estrobos ata o tellado no exterior, complementan o interior da nave. A ábsida é máis reducida, como se reflectira unha planta mozárabe. Aos lados do arco triunfal, no espazo dos muros, ábrense dúas fornelas rectangulares enmarcadas por unha moldura sinxela coroada por unha imposta ou tornachuvias. O retablo maior é de pedra, cerrando toda a cabeceira, e componse de dous pisos. Na parte baixa centra o espazo unha forneliña de arco redondo cun oco rectangular a cada lado. A porta da sancristía na parte esquerda, e unha lacena no outro flanco. O remate ten un oco central de aresta sogueada, e a cada un dos lados o mesmo escudo da fachada e dous pináculos apiramidados. No testeiro da ábsida consérvase unha preciosa ventá mozárabe de 0,90 x 0,72, coas catro seteiras coroadas con arquiños de ferradura. Os reconstrutores colocaron surmontada unha inscrición alusiva a esta pedra: QVAM SIT ANTIQVA ECCLESIA LAPIS INF / FERIOR TESTATVR.

No pavimento atopáronse tres inscricións en pedra lousa, tamén de época visigoda. Dúas laudas sepulcrais custódianse no interior, do século XVII, brasonadas cos seus correspondentes escudos; son de Andrés López Pallín e outros parentes seus. Muros de granito en fiadas horizontais, pavimento de laxes e tellado de lousa. Este edificio parece ocupa-lo sitio dunha medorra ou prominencia sacra.

Castro de Soutomerille, con covas de condución soterrada. Pena con coviñas. Atopáronse dous muíños de man, xunto con distintas pedras talladas e utensilios puídos, que seica os levou Ricardo Polín para o Museo da Fonsagrada, por non habelo en Castroverde. Ao lado da igrexa un sartego solto.

Casa Torre de Arriba, e outra casa forte, chamada de Abaixo; ambas con vestixios de fortaleza; cárcere de couto, portas de arco en granito, e algún perpiaño.


¡Non se pode saír de Soutomerille sen volver a vista atrás!




San Tomé de Tórdea


¡Uih se as pedras falasen! O turista aquí presente detivo a vista no cartel indicador dunha excursión para vellos..., ¡pero a mellor de todas tena diante dos seus ollos! En verbas do experto, reiteradamente citado, Jaime Delgado, esta igrexa é un auténtico museo, salientando as tres épocas que reflicte: Prerrománica, pola súa fiestra ou ventá lobulada; románica, entre outras características polas fiestras daquela época, similares ás que ostentan as igrexas de Espasande, Uriz, Cellán e maila Pumarega; barroca, do mil setecentos e pico, polas innovacións da súa última restauración. E logo están os sinais imbricados en portas e paredes, así como as súas pinturas, de símbolos evanxélicos, que puideran ser de arredor do ano mil cincocentos. ¿É, ou non é, un museo?


San Tomé (Tomás) é o titular de 45 parroquias de Galicia. ¡Devoción fonda e expansiva! CP 27125. Accesos: A 8 km ao sur da capitalidade, na conca do río Tórdea, afluente do Neira. Un só lugar.

Non se sabe a que é debido, pero aquí sempre houbo xente animosa e ocorrente, célebre nas feiras de Castroverde polos seus dicires. Cóntase que lle dixo un xateiro a un paisano: ¡Pago unha xerra e cerrámo-lo trato!". "¿O qué, ho? ¡A min só me tordea a auga do Tórdea!".

Fontes: Suaira, da Torre, da Curuxa, do Barranco, e maila Pinguela. Os prados réganos coa Xed, coa fonte do Ouro (¡vaia luxo!), e coa do Couso. Nesta fonte do Ouro orixínase o rego dos Ramos, nome que tamén é ben significativo. O regato da Regueira, outro nome elocuente, fórmase coa fonte da Torre, e tanto se entrega, tanto fecunda, que acaba escorrido.

A igrexa, como queda indicado, é unha magnífica peza de sabor medieval. A restauración pode corresponder ao século XV ou XVI. Nave ás dúas augas, con lousa sobre armazón de madeira, de tres vigas tirantes. Lateral norte con ventá seteira. Lateral sur, seteira e porta cun lintel triangular e un relevo radial. No interior presenta tímpano lobulado triangular. Esta porta podería corresponder á fábrica primitiva; no acceso dela, á dereita, pía da auga bendita, de 0,62 m., algo basta.

No frontispicio portada de arco de medio punto, sen impostas, de doelas irregulares. Ventá seteira, cornixa bocelada, campanil dunha troneira, con campá, en granito. O presbiterio é algo máis baixo e reducido que a nave; rectangular, ás dúas augas. Arco triunfal de medio punto, impostas e pilastras.

O retablo é sinxelo, dun corpo con tres furnas e ático. Catro columnas salomónicas e un ornato de acios, espellos, rombos, etc. San Tomé, apóstolo, de 0,70 m, que é o titular. San Roque, de 0,70. Cristo, de 0,42. Unha talla da Virxe, de 0,48, co Neno, e coroa de madeira, popular, dos séculos XIV-XV. Pía bautismal de 0,95, cun anel central, e no corpo inferior un relevo de dúas cruces de Malta; no medio delas a data, de 1511. Pé semicilíndrico, que acaba en base cadrada. É similar á de Cellán de Calvos. Cáliz de prata, de 0,25. Copón de prata. Cruz parroquial de metal, con cebola. Pezas do século XIX.

Baixo o señorío dos condes de Altamira no A. Réxime.




Santa María de Uriz



Igrexa de Uriz, pequena pero airosa, cunha pía bautismal de cando se bautizaba de pé, por inmersión.


¡Unha caixa de caudais pois conserva, entre outros valores, esta pía, única por estes lares, pura ourivería en pedra, que se chegan a tela en Roma seguro que cobraban por ensinala!

O nome vén de ourizo, ou de ourive; o sitio préstase para as dúas posibilidades. Ao sur de Castroverde, nun chan entre os montes Pedreda e Pedroucos. Freguesía encapsulada entre Espasande, Cellán de Mosteiro, Miranda, Tórdea e Goi. CP 27125. Lugares: A Eirexe e Uriz. Na parte oeste, un castro.

Terra chá, con moito arboredo. Son importantes e abondosas as súas fontes: A da Eirexe, a de..., Mazacollóns (así é como me dixeron que lle chaman, e supoño que non sería de broma). Está nun montiño ao que chamaron Guarte, pero o nome primixenio esqueceuse desde que os veciños lle mazaron nese lugar o que tiña naquel sitio...; ¡a todo isto, uns din que foi por violar unha moza, e outros que por roubar un par de untos de porco! O caso é que tomaron a xustiza pola súa man e, ¡eunucárono! Tamén teñen a fonte da Bica, ou do Bicarelo; e a de Teixeiro, que manda as augas ao mazo. Á fonte pública tamén lle chaman dos Parrafeos, ou das Pernas Vistas, en alusión ás lavandeiras do lugar. Teñen un "Alcatraz", que non é unha prisión, nin tampouco un pelicano, senón un restaurante... ¡Xente ocorrente, simpática e divertida; si, señor! O regato do Fabal iníciase precisamente na Bica de igual nome.

O templo pertence ao románico tardío; podería ser do século XIV. Nave rectangular cuberta ás dúas augas con armadura de madeira, e dúas trabes tirantes. Unha porta lateral sur, con arco de medio punto, cego ao exterior por un tímpano monolítico; a ras do muro descansa en xambas. Unha ventá seteira en cada lateral da nave. Cornixa corrida sobre uns bastos e biselados capiteis. Portada en arco de medio punto, cun tímpano monolítico que descansa en machetas e xambas. Unha ventá seteira e espadana dun só ven, cunha albardiña ás dúas augas. A ábsida é semicircular, máis baixa e reducida cá nave. Arco triunfal de medio punto, dobrado exteriormente, en aresta, sobre impostas e pilastras sinxelas. A ventá seteira do testeiro presenta indicios de atoparse cuberta polo encalado. Corre os muros unha robusta cornixa sobre capiteis biselados que soportan a cuberta e maila bóveda, dun cuarto de esfera.

Esculturas: Na última restauración retirouse o retablo grande, conservándose dúas columnas algo bastas, salomónicas, de acios. Santa María, de 0,90 m, titular; santo Ambrosio, 1,00 m; san Brais, 0,70; san Xosé, de 0,45; san Mateo, de 0,65 m; santo Antón, de 0,65 m; outro san Brais, de 0,56 m; Cristo, de 0,45. Son pezas populares, do século XVI. A súa famosa pía é unha peza moi interesante: Pé cun anel groso, base de copa ampla invertida, cunha repisa cadrada e catro garras. Fondo galonado e corpo amarrado por dous aneis acordoados e paralelos que delimitan unha franxa dividida en rectángulos, decorado cada un con espirais dobres, follas, motivos xeométricos, etc. Diámetro superior 0,95 m, por 0,70 de alto.

Igual que a maior parte das parroquias desta bisbarra, foi señorío dos condes de Altamira.




Santa María de Vilabade



¡Descubrámonos, que estamos diante da catedral de Vilabade!
¿Que? Para opinar hai que entrar, pois as fotos queren, pero...,
¡non poden!


Freguesía situada de par da capitalidade, tanto, que vén a ser un barrio desta, a súa media laranxa. Por parte, está chamada a se-la Cidade-Xardín de Castroverde. Desta parroquia case sería mellor non dicir nada para que a descubra o propio turista, o visitante, o peregrino..., ¡que non quedarán defraudados coa sorpresa! Para que non lles falten forzas, beban, auga da montaña, baixada do propio ceo, e coada, mineralizada, nos xistos, nos xistos e nas vetas ferruxinosas da propia Ferradura: Na do Romeiro (non do "romeu", que iso é un arbusto), ás beiras do Camiño de Santiago (o Primitivo, o da Invención ou Descubrimento), a carón da capela do Carme. ¡Por tanto, auga bendita, que igual mata a sede como apaga as chamas do Purgatorio! Tamén están as fontes do Caxigal, que regan da Vacariza en baixo. A fonte da Bica, que baixa encanada, ¡e menos mal que non está racionada! A da Liñeira (que non leñeira), e outras próximas, que integran e nutren a traída da vila de Castroverde. Tampouco se poden esquecer as fontes das Forxas, ¡e bo tempero que daban, mellor có toledano!, en Frontoi, un nome rotundo, evocador.

Esta parroquia sitúase, pousa, aos pés da vertente suroeste da serra do Pradairo, tamén chamada da Ferradura, ou do Miradoiro, que acada alí arriba, cara ao norte, nun vértice xeodésico notable, a altitude de 1.029 m; con respecto a Alacante, por suposto. É unha zona en declive pero con bastante chaira, ao sopé da serra. Exuberante arboredo.

Aquí existiu un convento de franciscanos, do que se conserva unicamente a igrexa, sucesivamente reformada e ampliada, que está declarada Monumento Histórico Nacional. Mantense a tradición de que o mosteiro foi fundación directa do propio San Francisco de Asís, concretamente no 1214, de volta de Santiago para Oviedo, polo Camiño Primitivo das Asturias. San Francisco pasou por aquí, pola ruta do tan repetido Castrum de Vallis Viridis (Castro do Val Verde), con varios compañeiros, entre eles, frei Bernardo de Quitaval, e tan namorado como era da natureza, namorouse deste terreo e das súas vistas; obviamente seducido e entusiasmado, tamén, pola proximidade doutros centros de recollemento da bisbarra, Soutomerille, San Martiño de Bolaño, etc.



O templo. Coas xenerosas reconstrucións e ampliacións, para dicilo en verbas dun experto en arte relixiosa, o recordado Elías Valiña, outro namorado da natureza, pero tanto ou máis da arte e dos Camiños, "A igrexa de Vilabade é unha peza de singular interese".

Erixiuse esta obra, a actual, nos anos 1457 a 1468, e o seu promotor foi Fernando de Castro, segundo reza unha lápida incrustada na entrada deste templo: ANO DEL NASCEMENTO DEL NRO SALVADOR XPO / DE MIL E CATROCENTOS E CINCOENTAE SETE 7 ANOS COMENCO EL NOBLE CABALLERO DON / FERNANDO DE CASTRO ESTE MONASTERIO A / SERBICIO DE DIOS E DE LA VIRGEN SANTA / E ACABOLA... /... (As dúas últimas liñas foron borradas; por qué?) ¡É un de tantos enigmas das reviravoltas da historia!

A comunidade franciscana extinguiuse, non se sabe cando, pero á nacenza do que logo sería bispo Osorio, franciscanos por aquí debían quedar, posto e suposto que el mesmo ingresou nesta Orde. Este bispo, que chegou a arcebispo de Puebla de los Ángeles (California), e a vicerrei de México, don Diego Osorio de Escobar y Llamas, ordenou e satisfixo certas obras de reforma e/ou complementarias, a mediados do século XVII. Non se conservan, ou non se localizaron, os planos destas obras, que determinarían con precisión cal foi a fábrica de Fernando de Castro e cales os engadidos do seu parente Osorio.

Estratexicamente situado, dominante, no propio Camiño, con dúas praciñas, en fronte a principal, que a comparte co pazo do Vicerrei. Esta praciña foi utilizada tradicionalmente para as ruadas, quedando o pórtico para os parrafeos da mocidade. Tamén se celebraban aquí as feiras do liño.

Precede ao frontispicio un nobre pórtico renacentista, de cinco arcos sobre piares e escalinatas de acceso no arco central. Frontón triangular, marcado por unha moldura saínte rectilínea que descansa en pilastras. Acrótios flameiros nos extremos, e cruz no vértice. No medio, escudo co emblema dos Osorio, ou Ossorio. O pórtico, de trazado máis humilde, esténdese ao longo do primeiro tramo do lateral sur da igrexa. Esta obra está incursa nas ampliacións do bispo Osorio, antes aludidas.

O frontispicio ten unha portada gótica de acceso, abucinada, de tres arquivoltas, capiteis vexetais e columnas entregas con basamento elevado e individual. Tímpano reducido, decorado con tres rosetas. Sobre da portada, tornachuvias, que descansa en modillóns con bustos humanos; e un escudo cos tortiños ou roeis dos Castro, condes de Lemos. Rosetón de seis lóbulos radiais, abucinado.

Unha cornixa corrida, en nivel inferior ao da nave, que secciona horizontalmente todo o frontis, como base dun frontón; século XVII. Os laterais, de incipientes volutas, acaban en espadana de dous corpos, con dúas troneiras no primeiro; balconada exterior sobre ménsulas e balaústres de pedra. Unha troneira no corpo superior e un pináculo tondo.

A nave é de planta rectangular, con muros robustos, elevados en cantería, con dous contrafortes exteriores en cada lateral, coroados os dous primeiros por pináculos. En cada lateral ábrense dúas ventás pequenas, abucinadas, de oxiva moi marcada, aximezadas. Cornixa corrida sobre rudos modillóns. Cuberta de dúas augas, e unha terceira por sobre do testeiro.

Interiormente esta nave divídese en tres tramos por arcos de oxiva que descansan sobre pilastras, adheridas, así mesmo, ás que soportan os arcos formeiros, reservando aos muros laterais a única función de axudar a contrarresta-lo empuxe da arquería interior. As bóvedas destes tramos son de oxiva con sensibles arestas marcadas por lunetos que parten dos arcos formeiros laterais. O cuarto tramo interior, delimitado polos estribos exteriores, corresponde ao presbiterio. A bóveda de oxiva ofrece unha nervadura de catro terceletes e unha clave central. O testeiro ocúpao totalmente o retablo. O coro ou tribuna descansa sobre un arco deprimido rectilíneo.

A reforma de Diego Osorio dotou dun novo aditamento a cabeceira do templo: sancristía e corpo superior ou oratorio, con dous vans no testeiro para a sancristía, e un para o oratorio. Foi declarado Monumento Nacional o 16 de novembro do ano 1979; e seguidamente fixéronselle algunhas reparacións, máis ben de conservación.

Todo o conxunto do edificio loce boas pezas de cantería, e cóbrese de lousa, a dúas vertentes, máis unha terceira por sobre do testeiro. Esta construción disfraza a súa traza románico-gótica co conxunto renacentista no que o barroco galego dá leccións de liñas e de proporcións. O campanario, que é de arco triplo, cunha fermosa balconada pegada, sufriu as envexas do trono, que nunha ocasión mandoulle unha terrible descarga eléctrica, rompendo perpiaños e esnaquizando os balaústres; aquela tronada motivou ás autoridades, que así, nesta ocasión, e con este motivo, lembráronse de que era pecado non atender debidamente á conservación deste milagre en pedra.

Para descubri-la verdadeira fachada, despois dunha primeira ollada xeral, despois do éxtase inicial, convén subir, amodo por suposto, pola súa escalinata, xa que se descobre en cada estirón un novo alicerce. O soportal mostra unha fronteira que é unha obra de perfecto equilibrio eurítmico: Os cinco grandes arcos, de medio punto, coas pilastras pegadas nos intermedios, simulan soster un entaboamento coroado por un ático triangular e moldeado que lle dá centro e homenaxe ao escudo das bandeiras, dos loureiros e das palmas. Daquela decatarémonos de que no escusón loce o M coroado dos Baamonde-Montenegro.

Desta perspectiva dixo o periodista Trapero Pardo, nunha boa descrición, que traspoñe-los arcos do porche é algo así como traspoñe-los limiares do tempo, pois, deixando atrás os estilos herrerianos, desvélanse estas columnas góticas da portada, mostrando, de paso, por sobre da oxiva afiada, en mármores brancos, os roeis dos Castro, que son tal que unha sinatura que o construtor desta eirexa quixo deixar para perpetua-la súa memoria.

Máis arriba está o óculo, un rosetón finamente calado; e por abaixo os canzorros, tallados, que representan figuras humanas e de animais; tal parecen desprenderse do plano dos perpiaños graníticos para conversas cos visitantes, contándolles, de paso, a historia do templo, dos frades que o maxinaron e desexaron, dos canteiros que o puíron, e da despensa ubérrima do país nutrinte. ¡Oh México lindo, exótico e afastado, vicerreinado polo bispo Osorio, que proporcionaches a prata, transvasada ao inexpugnable armario metálico que se conserva arriba, na sancristía..., hoxe baleiro!

Retablos. O maior, que é un interesante conxunto escultórico, renacentista-barroco, de mediados do XVII, en castaño nu, é dicir, á cera. De 7,50 m. de base, ocupa todo o testeiro. Atribúese a Francisco Moure, célebre autor do coro catedralicio de Lugo, e doutras importantes obras en Monforte, Ourense, etc. Configúrao un elevado piso con tres rúas e catro columnas compostas, de fustes ornamentados con múltiples e variados relevos. Dúas portas de acceso á sancristía, que se abren no banco e no sotabanco que corresponden ás rúas laterais. No primeiro dos espazos da parte central, elévase un artístico expositor de dous corpos, flanqueado o primeiro deles por dúas columnas en cada lateral. No segundo corpo, unha fornela que acolle a talla de Santa María, titular, con decoración de anxos soltos a ambos lados. Coroamento de cúpula e capuliño, que fan como de pedestal a unha segunda forneliña do corpo central, que garda outra talla de Santa María, xiratoria, adaptada ao culto do oratorio, que se eleva por sobre da sancristía; ao seu lado, anxos oferentes. Nos laterais, forneliña de venera, que acolle a san Xosé e a san Xoán Bautista. O ático, de remate tondo, anímase coa escenificación de Santiago Matamouros, acompañado de guerreiros e de anxos. Nos laterais, dúas tallas de santas. As esculturas do expositor, Santiago Matamouros, e as demais imaxes, parecen ser de factura posterior ao retablo, xa do barroco-rococó.

Retablos laterais. No presbiterio, lateral sur, baixo un arcosolio de medio punto, retablo barroco dunha forneliña, dúas columnas salomónicas e festóns. Un frontón quebrado enmarca o encadramento do Santo Cristo, 1,00 m. Ático decorado cun rosetón semicircular, con follaxe varia. Ao pé, tallas exentas: Dolorosa, 0,90; e san Xoán, de igual altura. Un bo conxunto. Século XVII. Na nave, tamén lateral sur, un retablo sinxelo, de 2,00 m., con dúas columnas de estrías, aneladas no terzo inferior. Basas áticas e capiteis corintios. Santiago Peregrino, con aspecto de tradición románica. Conxunto popular; século XVI. Outras pezas escultóricas: Unha Inmaculada, de 0,75, santa Bárbara, 1,20; santa Catarina, 1,12; santa Lucía, 072; santo Antón, 0,65. Boas tallas todas elas; do século XVI. Na sancristía: Cristo, de 1,13 m, gótico popular, século XV; articulado, de descendemento. Caixoneira, de 4,50 m. Boa. Popular. Do século XVII.

Dándolle outro repasiño ao templo, así, en plan turista, ¡que o merece! Empecemos por busca-las vieiras rebaixadas nos granitos do costado interior dereito, que nos certifican a tradición dos peregrinos -Camiño Primitivo do Campus Stellae-que lle rendían unha segunda visita despois de repoñe-la auga das cabazas alí arriba, nas abas do Pradairo, nesa fonte do Peregrino, do "Romeiro", cabo da ermida do Carme. O retablo maior, en particular, non é para unha simple ollada senón para levalo consigo, fotografado, ¡coma quen leva unha estampa! Arriba está o brasón dos condes de Lemos, que xa se dixo, pero o mellor é o colectivo desta obra singular: As súas columnas, que chaman á seguridade e á serenidade ornamentais. Ramallos colgantes, similares aos que Casas utilizou no claustro da catedral de Lugo na capela da Virxe dos Ollos Grandes. Frontóns moldeados que simulan servir de sustento a algunha das partes do corpo do retablo. O Señor Santiago, que porporciona a única desazón ambiental co seu aire lanzado e aguerrido, interpretación dunha época, por outra parte, coa espada flamíxera mal disposta, non se sabe se en contra dos mouros ou dos mal cristiáns.

Na parte central observamos ese pequeno oco, cunha orla de relevo, para abriga-la imaxe da Virxe sedente, co Neno no xeonllo da dereita. A este camarín pódese acceder desde a sancristía, para bica-la imaxe, que xira sobre da súa peaña. O retablo de castiñeiro está policromado pola nobre pátina dos anos.

Crentes ou non que sexan os visitantes, este sagrario ou ostensorio, colocado no centro do retablo maior, inspira respecto e devoción: É unha peza orixinal, tanto polo seu tamaño como polas súas características. O corpo central, flanqueado de columnas que imitan as platerescas dalgúns templos, dá acollemento a este sagrario. E por sobre deste corpo central, noutro máis reducido, a imaxe da Virxe desprega o seu manto; ao sopé acóllense dúas figuras, posiblemente dos fundadores desta igrexa. O conxunto remátase cunha bovediña peraltada, con lanterna, que vén ser como una redución do corpo primeiro do ostensorio; figuras de anxos, como símbolo das virtudes, rodean esta peza orixinal, que pode cualificarse como unha das máis belas e máis valiosas no seu estilo de cantas existen en Galicia, competindo en harmonía co ostensorio de Celanova. Outros anxelotes, separados, parecen formar conxunto, e flanquean o camarín da Virxe; un deles levanta, por sobre da cabeza, unha cartela na que se le "IANVA"; o outro ostenta na súa inscrición "COELI", alusiva ao título de, Porta do Ceo, que se dá á Virxe na súa ladaíña.

A capela do Carme


Excelente miradoiro, como para quedar apampado coa beleza circundante, tal e como lle pasou co paxariño ao abade Ero do mosteiro de Armenteira.

Desta igrexa-santuario gárdase documentación no AHN desde o ano 1487. ¡De cando Colón aínda non soñaba coas indias! En documentación do ano 1605 fálase do hospital que tivemos cabe deste Camiño, coa advocación de San Gabriel, ¡por aquilo do arcanxo que acompañou a Tobías! Neste caso a protección que se impetraba era para os romeiros de Santiago. Tamén existen documentos do capelán desta ermida, pero estes son do século XVIII.

Esta capela dá soporte físico-moral á Confraría do Virxe do Carme, ¡eis o seu estandarte!, fundación, beneficio-capelanía, protexida, reforzada a súa dotación inicial, polo omnipresente Excmo. Sr. D. Diego Osorio de Escobar y Llamas (ou Lamas), arcebispo-bispo de Puebla de los Ángeles, capitán xeneral-vicerrei de México, segundo consta das Reales Cédulas datadas o 29 de xuño do ano 1664, reinado de Felipe IV. Este arcebispo asignou, no ano 1661, -segundo queda dito-, unha considerable cantidade, ¡en prata!, que hoxe en euros sería unha millonada, a máis de para a conservación desta capela e fomento de obras pías, ¡para casa-las doncelas de Vilabade! (Unha das que percibiu un deses dotes aínda foi miña bisavoa Concordia Carballedo, natural da casa de Marzo, de Vilabade, que llo teño oído referir a meu avó Xosé Gómez Carballedo).

Do Libro da Confraría do Carme, datado a "... veintinueve días del mes de agosto del año de mil seiscientos siete... / ... Nosotros, Don Juán de Montenegro - Páramo y Neyra y Doña Isabel María Ana de Ossorio y de Ulloa, marido y mujer, vecinos de la Puebla de Burón, (Nota: eran os administradores do Conde de Altamira), y avecindados al presente en esa Villa de Villabad, DECIMOS: Que por cuanto Don Pedro de Montenegro Páramo y Doña Isabel de Neira y Santiso, su legítima mujer, padre y madre de mi el dicho Don Juán de Montenegro, fundaron en los términos de esta Villa, en el sitio que llaman de la fuente del Romero, una Ermita de la vocación de Nuestra Señora del Carmen, con intención de fundar en ella su Santa Cofradía..."

Esta familias (Montenegro, Osorio, Ulloa...) converteron Castroverde, e particularmente Vilabade, nunha pequena corte señorial.




San Pedro de Vilalle



¡Que a gusto se debe sentir a ánima de D. Álvaro de Rois!

Arc. de Bolaño, do Bisp. de Lugo. CP 27124. Accesos: Inmediata á C-630; como a 2 km da capitalidade. Esta freguesía está nunha chaira que permite a serra do Pradairo, zona da Vacariza, gozando dun ramal do Camiño Primitivo, que se bifurca algo máis arriba. Unha soa entidade de poboación. Augas: A Valiña e mailo rego do Monte. Maior altitude: Na Vacariza, uns 900 m.

O templo é unha peza barroca, do século XIX, elevada sobre planta rectangular. Muros de pedra revocados de morteiro. Cuberta de lousa. A nave cóbrese ás dúas augas sobre armadura de madeira cunha trabe tirante. Frontispicio de porta con lintel, óculo e unha esvelta espadana de dúas troneiras e de volutas, cun van.

Presbiterio máis elevado cá nave, cuberto ás catro augas. Arco triunfal de medio punto que descansa sobre impostas saíntes e pilastras. Un escudo que se atopa no pavimento do presbiterio, partido, presenta na primeira parte catro barras alternas con tres troitas. Na segunda parte un castelo de dous corpos cunha base de ondas. Aos pés do escudo lese: "AQUI ESTA ENTERRADO D. ALVARO DE ROIS I GAIOSO, REGIDOR DEL CONDADO DE LUGO..."

No AR foi señorío dos condes de Altamira.


Pasa a
CASTROVERDE -IX-

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: