sábado, 5 de julio de 2008

SEÑOR, PERDÓN.

 

SEÑOR, PERDÓN…, 


POLOS DE OMISIÓN, TAMÉN POR ESES!

Xosé María Gómez Vilabella

Dedicado ao meu Párroco actual,

D. Amador Martínez Santos,

que me fai gozar oíndo e vendo o ben que ensina Catecismo aos nenos.

Xosé María Gómez Vilabella

 

-.-

Si vis pacem, para bellum é una máxima latina que significa «Se queres a paz, prepárate para a guerra». ¡Daquela, armémonos; escollamos as armas! Os que se poñan de parte de Satanás, téñeno claro: a súa arma, ofensiva que non defensiva, é a soberbia. Para os cristiáns, que ben nolo receitou o Mestre, a nosa arma, única, insubstituíble, é a humildade.

O Mesías, en Xoán 14: “Se alguén me ama, gardará  a miña palabra, (¡Xurará a súa bandeira!), e meu pai amarao, e viremos onda el, e faremos vida con el. O que non me ama, (o que non é humilde!), non garda as miñas palabras, e a palabra que escoitades de min non é miña, é do Pai que me mandou”.

Máis adiante: “Déixovo-la paz, dóuvo-la miña paz (¡a única auténtica, a verdadeira, a que só se consegue con humildade!): eu non vola dou como o mundo a dá... Díxenvolo agora, antes de que suceda, para que, cando suceda, creades”.

¿Que armas utilizaron Satán e maila Eva naquel pacto diabólico do Paraíso? ¡A soberbia, que non houbo outra: unha invitación falsa e un desagradecemento endemoñado, un uso, ou mellor dito, un abuso, do libre albedrío!

¿Como nos veu a Redención? ¡Coa humildade, pola humildade doutra muller, María, que esa si que foi humilde, serva de Deus!

-.-

A nosa herdanza, avergoñados que estamos dela, explícase pouco: Adán e Eva tiveron os fillos fóra, xa expulsados, do Paraíso; e así como o noso corpo é un froito do deles, a nosa alma tamén é un desgaxe, unha tira, da deles, así que, se no material se transmiten os xenes, no espiritual, tamén hai, tamén temos, unha especie de ADN, sucio, endemoñado. ¡Outro, que non fose Deus, un Deus xeneroso e misericordioso, nin se molestaría en redimirnos!

¿Aquela soberbia dos Avós prexudicou a fauna e maila flora? ¡Tamén, seguro que si, por máis que non o vexa escrito: dun dominio e dun control absoluto do edén, posto ao noso dispor polo propio Creador, pasamos a un estado salvaxe, tan animais ou máis có máis animal de tódolos animais..., serpe excluída, por suposto!

¿Onde temos retratada a humildade? ¡Témola nos Evanxeos: Mt 6, 9-5; 7, 7-11; Luc 11, 1-4! Lucas resumiuno así: “Dunha vez despois de estar El orando en certo lugar, un dos discípulos pediulle: -Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán ós seus discípulos. Respondeulles: -Cando recedes, dicide: Pai, ¡sexa santificado o teu nome! Pai, ¡Veña o teu Reino! Dános cada día o noso pan. E perdoa os nosos pecados, como tamén perdoamos nós a todo o que nos debe; e non nos sometas á tentación”. No 9-13, do mesmo capítulo, o Mestre concluíu: “-Por iso dígovos: Pedide e recibiredes, buscade e atoparades, petade e abrirásevos. Que todo o que pide, recibe; o que busca, atopa; e a quen peta, abriráselle. Ou logo, ¿que pai hai entre vós que, se o fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra? Ou se lle pide un ovo, dálle un alacrán? ¡Porque se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar cousas boas ós vosos fillos, ¡canto máis o Pai Celestial dará o Espírito Santo ós que lle pidan!”.

Reflexión: O propio Xesús, ¡Fillo de Deus, séxase, da máis alta Nobreza, da Omnipotente, da Divina!, noso Mestre perfecto, ensinounos o significado e maila execución da humildade por medio da súa palabra e do seu exemplo; ¡desde o berce ao calvario! Os cristiáns, os verdadeiros, os fieis, pois os outros non o son, non o somos, desexan que as súas palabras, e con elas os feitos, reflexen un sentimento interno de humildade, de contrición e de submisión á vontade divina.

¡Ai, Deus, para que aprenderíamos a ler se despois non lemos os Evanxeos, ou de lidos non os practicamos?  ¡Da soberbia, libéranos Dómine!


A soberbia, de Jacob Matham


-.-

 


Señor, ti ben sabes que puiden ser confesor, nada menos que en Herbón, pois ocasión tiven, pero…, quedeime en pecador! Dobremente pecador: Polo que fixen mal, podendo facelo ben; e tamén, polo ben que deixei de facer nas ocasións que Ti, Señor, me fuches dando nos meus oitenta e tantos.

Aquilo dos franciscanos de Herbón... Coido que xa o teño referido: Naqueles triduos dos anos 40, un frade dos de Herbón foi predicar ao meu Montecubeiro, e..., ¡tomounos o catecismo! Soberbia á parte, dos nenos seica fun o que mellor lle soubo a doutrina, tanto do dereito coma do revés. Entón, aquel frade, propagandista da fe, díxolle a meu pai: -Déixeme levar comigo ao seu fillo, que de balde, en Herbón, chegará a frade! Pero meu pai, non sei se por respectar a miña condición de morgado, ou porque na súa crenza estimaba que, se deixaran casar aos clérigos, e lles substituían as sotanas por clergymáns, deixarían de chamarlles “sobriños” aos propios fillos, alegou que..., ¡que pensaba casalo na casa, para a casa! Con iso, a oferta, e posible vocación, malogradas, frustradas: ¡No sitio dun confesor, un pecador!

Por estas circunstancias, Señor, non levo alzacuellos; ¡nin o levo, nin o merezo! O meu sambenito foi unha pluma de bancario, ¡instrumento xudaico, que en definitiva iso fun, iso exercín, coa atenuante de que algo tiña que facer..., para comer!


Comezarei o meu exame deténdome na gravidade dos males que, podendo, non temos evitado, sexa porque, de cegos coas vaidades mundanas, non fomos capaces de ve-las súas consecuencias, ou pola covardía de non tomarnos as molestias que esixían as fórmulas correspondentes. ¡Señor, en ambos casos, peccáta mea, omisión culpable!

Como dixo Manuel Sánchez-Palacios, “Sancristán que vende cera e non ten cerería, de onde é a súa peccáta mea se non é da sancristía?”. Pois iso: Facer o mal é propio do diabro, séxase, da miña herdanza, pero, facer o ben? ¡O ben non é noso, somos delegados, administradores duns talentos que nos encomendou o Señor, así que compre traballalos, multiplicalos! ¿Como se multiplican? Para comezar, predicando co exemplo, sendo exemplares, levemos ou non alzacuellos, pois algo de administradores temos todos, incúmbenos a todos.

Paren de lerme, por favor llelo pido, e vaian a Mateo 25, 14-15 e 19-21, onde atoparán a parábola do criado fiel, fiel e cumpridor: “Xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito. Pasa a gozar da festa do teu amo”. ¡Mecachis! ¡Así que había que utilizar e administrar aqueles talentos? ¡Claro; eran prestados! Non o digo eu, que o dixo o propio Xesús; e ademais, nunha parábola, para que entendésemos e aprendésemos a lección!


En parábolas tamén falaba meu avó, pero con un matiz, pois el contaba os contos verdes en metáforas grises; así resultaba que só o entendían os pícaros, ¡maiormente os que xa fixeran a mili! Con Xesús foi ao revés, que o entendían os bos, os chamados ás obras de misericordia, os inocentes.

-.-

Talento, de que clase? O noso dicionario dá tres ou catro acepcións, e todas son positivas. Daquela non podo alegar que o meu sexa / fose escaso dadas as miñas circunstancias familiares: ¡pobres, pero, honrados!

Meu pai, ¡meu mestre!, era daqueles de “a ferrado”, así que non teño atenuantes de orfandade. ¿O resto da familia? ¡Todos a xogo, sen excepción! Entón, se algo omitín, ou en algo non estiven acertado, peccáta mea, mea culpa, absoluta!

V/ . Ne recordéris peccáta mea, Dómine.

R/. Dum véneris iudicáre sǽculum per ignem.

 

Nas omisións tamén podemos ter, como dicimos dos actos delituosos, atenuantes e agravantes. O baremo delas está arquivado na nosa conciencia, se a temos cultivada, pois o de pulila tamén é responsabilidade persoal. ¿Cultivar a conciencia? ¡Non hai horto máis difícil de sachar, maiormente para aquel que se críe rodeado de folgazáns! ¿Unha picaña? Témola en J. Krishnamurti, que nos deixou dito: “A función da educación está en axudarte (¡en axudarte!) desde a nenez; non en imitar aos outros, senón en ser ti, ti mesmo, todo o tempo”. Ti mesmo, si, pero cadora mellor, máis puído, cepillando a conciencia acotío..., para librarnos do po do camiño, das contaminacións ambientais!

 

Auto educación. Educación ad intra. Configurarnos a nosoutros mesmos.

 

Na autoeducación, con ela, o home fórmase, partindo da heteroeducación, conforme á súa vontade autónoma, de desenrolo interior; o mesmo individuo é quen busca a información, e despois de analizada incorpóraa ao seu cúmulo, ao seu almacén, dos coñecementos.

 

O fin educativo é a formación de persoas libres, conscientes e responsables de si mesmos, capaces da súa propia determinación; o seu cultivo está na formación da conciencia moral, séxase, na capacidade de discernir entre o ben e o mal.

 

¡Que importancia ten, e que pouco valoramos a nosa auto educación! É un dos fallos, unha carencia das máis xenéricas, maiormente nesa idade, tan decisiva, sen retorno fácil, na de adquirir a personalidade, na de soltarse do andador paternal. Ben dicía, e ben aconsellaba, o Padre José Kentenich: “Procuremos ter dominio sobre nosoutros mesmos; e para iso observemos, localicemos, onde está a nosa fortaleza, pero tamén as nosas debilidades. Se nos coñecésemos (a fondo, quería dicir) non lle tiraríamos tan facilmente pedras ao próximo..., porque nel tamén hai unha mestura (formativa)!”.

 

Iso é o que somos, unha mestura, un cóctel, complexo e mal axitado, pero sempre estamos a tempo de neutralizar os ingredientes perniciosos. ¿Sempre? ¡Case sempre, pero máis vale tarde que nunca!

 

Vemos a realidade ao noso xeito, aínda que non sempre con acerto, séxase, con visión clara e exacta; por iso compre afondar na percepción dos coñecementos, botarlle máis tempo á reflexión, e non darnos por satisfeitos coa primeira, superficial, impresión que nos formemos da magnitude e do alcance das circunstancias concorrentes. Pero fagamos todo isto, estas depuracións mentais, co farol dos evanxeos aceso, á luz e coas recomendacións profundas, certas, divinas, da palabra e dos feitos do Gran Mestre, que é o noso conselleiro, Único, Perfecto, Inmutable, válido para tódalas situacións, para tódalas culturas e para tódolos séculos.

 

Non se trata, pois, de opoñer unha rebeldía fronte á cultura que nos rodee, que nos asedie, senón de atemperar as nosas cualificacións, aprendendo a libar o néctar, a parte boa, á vez que nos desentendemos dos erros, dos conceptos malignos, negativos, que nos vaia traendo, inoculando, o mundo circundante. Se imos á tenda, ao almacén, escollemos, ¿non si? Pois no mercado das ideas, outro tanto,  que para algo nos ten que valer o noso criterio. Ao respecto sobra explicar que criterio é o xuízo ou discernimento que ten unha persoa, que nos prové dunha actitude persoal para tomar decisións sobre nosoutros mesmos ou sobre outras persoas, cousas ou situacións. ¡O noso criterio constitúenos en xuíces de nós mesmos, así que, outra responsabilidade, na que tampouco caben omisións!

 

Vemos, acotío, nas opinións que nos ofrecen os mass media, que nunha boa parte dos coloquios non se di máis que conto, labia, razoamentos ocos, e incluso inconexos; con iso e con todo, teñen audiencia, seguidores e votantes; pero o oínte que teña afán de sabedoría, propia, selectiva, meditará, reflexionará, absténdose de tragar, enteiras, esas pílulas de tanta actualidade.

 

De propósito: Cando se xeneralizou a fabricación dos instrumentos de medición foi unha praga a picaresca da súa utilización, pirlos (pilóns) falsos, marcacións, etc., ata o punto de que as autoridades de entón viron necesario crear un control dos mesmos, xeralmente provincial, que denominaron Fiel Contraste de Pesas y Medidas. Aqueles técnicos, así autorizados, estampaban o seu cuño, a marteladas, para evidenciar que o instrumento era legal.

 

Outra anécdota: O metro orixinal, de platino iridiado, que se conserva no Museo de Pesas e Medidas de París, foi idea do noso veciño ástur, Agustín de Pedrayes, que, no ano 1798, propuxo que se medise o cuadrante do meridiano terrestre comprendido entre Dunquerque e Barcelona. Actualmente o “metro” patrón relaciónase coa velocidade da luz.

 

Outro caso do  noso país foron os ferrados do cereal, que eran máis grandes os daqueles mosteiros que cobraban rendas e foros. Todo isto pasou onte mesmo, e corrixiuse, pero, hoxe, ¿quen controla as trolas que nos contan, e non só as dos fabricantes? Certo é que temos, que hai, diversidade de controis para produtos, pero as ideas seguen, terán que seguir sendo, persoais; a censura delas está, debe estar, no propio criterio do oínte..., ¡se é que nos esforzamos nisto da autoeducación!

 

Neste furacán da globalización das comunicacións, ¡tamén das comunicacións!, un certo paraugas témolo, obtémolo, buscando datos básicos que nos permitan racionalizar as nosas decisións, as propias accións; así poderemos elixir, decidir, partindo de feitos constatados, comprobados, tal que, usando índices numéricos fiables. Con datos na man non será tan azaroso comprobar unha situación, basear plans de futuro, medir avances e/ou retrocesos, determinar prioridades, solicitar ou prever medios e remedios, calibrar as consecuencias probables das opcións posibles, etc., etc., pero isto é factible, adoita selo, no material, pois no espiritual temos que volver, sempre, á inspiración evanxélica, válida, ¡non fai falta dicilo, que ben nolo demostrou o Mestre!, para cada época e para tódalas circunstancias.

 

Tamén haberá que ter en conta que ese diluvio de datos que agora nos atorda fainos máis voadizos, máis tornadizos, que unha folla de papel. Son os gobernos os entes que mellor poden controlar a suma de situacións persoais, cos seus medios, cos seus aparatos, con esas técnicas de medición de tendencias, así que, pola contra, a persoa individual, a personalidade, esfúmase, cadora máis.

 

A todo isto, a virtude? Na tradición ética occidental a virtude é considerada como condición indispensable do ser humano. ¡Menos mal, pero, con reservas, pois nesta sociedade actual, tan materializada, o que se busca, o que parece primar, é, ante todo, o éxito, o trunfo material, a calquera prezo! ¡Pois non, non debe ser así, pois a moeda da virtude é mellor, máis aurífera, có trunfo material que podamos conseguir no campo persoal, así que non vale desbaratala facéndoa soltos, moeda de cambio! Teñamos presente que a virtude, esa selectividade moral, é a única solución, o único que permite ao home perfeccionarse individualmente, e por ende, salvarse.

 

Abundado, e concluíndo, no tema, non perdamos de vista, tampouco, aquela aserción de John Stuart Mill de que o desexo de felicidade é o fin (que deben ter) das nosas accións, pois, sen ese desexo, non é posible nin sequera acadar a virtude. ¡Cantos pensadores teñen matinado nestas preocupacións, e con iso e con todo, nós, os da presente xeración, trasnoitando!

 

¿En definitiva, é difícil a auto educación? Desde que sabemos ler, desde que nos deixaron ler os Evanxeos, non, en absoluto, pois o Mestre deixounos perfectamente explicadas, e coa rúbrica do Espírito Santo, todo tipo de leccións, para todo tipo de situacións. Antes do Vaticano II a clerecía, que viña asustada desde aquilo de Lutero, tíñalles pánico ás interpretacións erróneas, pero os da miña xeración tivemos a sorte de que aquela apertura nos collese en idade propiciatoria, así que..., ¡aos evanxeos, fonte limpa; lelos e aproveitalos, que nós xa tivemos ressourcement, e tamén aggiornamento! ¿Que nos falta aos católicos? ¡Predicadores, que diso é do que estamos máis escasos; entre que hai poucos, e o pouco caso que lles facemos...!

-.-

 


No Concilio Vaticano II

En Galicia, a Deus gracias, -a Deus, e de paso, aos teólogos-tradutores-, temos a Biblia de Sept, unha xoia, tanto teoloxicamente como no seu rigor literario; ¡é para sentirnos felices!

A 50 anos do último Concilio é digno e xusto recoñecerlle ese favor que nos fixo aos segrares de corresponsabilizarnos, un pouco, polo menos un pouco, no apostolado da Igrexa. Así se recolle no documento Lumen Gentium, núm. 31: “Por laicos enténdese a tódolos cristiáns, agás os membros do orde sagrado e do estado relixioso recoñecido na Igrexa. Son (¡somos!) pois os cristiáns incorporados polo bautismo, que forman (formamos) o Pobo de Deus e que participamos das funcións de Cristo, Sacerdote, Profeta e Rei: Eles realizan (realizamos), segundo a súa condición, a misión de todo o pobo cristián na Igrexa e no mundo”. ¡Por fin, recoñecéronos como membros da familia, e non simples invitados!

¿Que aínda queda algo sen facer? ¡Moito, segundo o vaian requirindo as circunstancias, para aplicar o II, ¿ou un Terceiro?, aos tempos cambiantes, evolucionados, pero teñamos paciencia, pois temos un bo Papa..., se lle deixan selo! Por de pronto, pidámoslle ao Espírito que nos perfeccione a título individual, pois algunhas cousas hai que limalas de abaixo arriba, comezando polo puímento dos segrares!

-.-

Pasotismo, pasotas = laissez faire, laissez passer, le monde va de lui-même = Deixen facer, deixen pasar.

Os árabes, ¡en definitiva, parentes; uns copións, que seica o copiaron dos chinos!, tamén o aceptan: Séntate na porta da túa casa e verás pasar o cadáver do teu inimigo! Dino así, pero en árabe.

Meu avó, e iso que non tiña nada de árabe, pero moito de providencialista, interpretábao así: Co pecado sempre vai a penitencia; non hai pecado sen consecuencias, sexan propias ou alleas! Daquela, se non queremos consecuencias, propias ou alleas, abstención, humildade; acción si, pero da constructiva.

¡Estámosche  bos se non nos enfrontamos ao mal, ao mal vivir, que é igual a vivir mal; así que, ou loitar, ou enterra-los talentos! Liberdade, si, pero, libertinaxe, saltearse os mandamentos? Se Deus nos di que amemos ao próximo coma a nosoutros mesmos, non debemos permitirlle malos tratos, séxase, desviarse naquilo que nós mesmos debemos, queremos, e temos que evitar. ¿Como; a fungueirazos? ¡Non tal, que para algo temos a intelixencia, e coa intelixencia, a elocuencia! Que non teña que repetirse aquela convención, aquela recriminación de Unamuno: “Vencereis pero no convencereis!”. ¡Esa é a boa receita: predicar, predicar para convencer, e non para vencer!

A predicación ten que comezar na infancia, coa infancia; facer apostolado desde a caneta, que así axudámoslle ao Redentor a redimir. Ou para que nos deu, para que nos prestou, os talentos? Cando “pasamos”, cando perdemos a motivación no que facemos, do que facemos, daquela volvémonos grises, mediocres. ¿Como se sabe, como se calibra, como se mide? Actuando sen présas e sen agresividade; por algo se di que o malo do ignorante é que ignora o que ignora; nesta ignorancia, para non caer en accións irreversibles, vaiamos amodo, suai suai, como din os mouros. Tampouco hai que confundir iso de “darlle tempo ao tempo” co pasotismo, coa pasividade.

Houbo unha psicóloga, Marina Martín-Artajo, que referíndose á prudencia deu este consello: “Unhas veces o pasotismo pídenos, esíxenos, intervención, e outras, sosego, cariño e coidados”. ¿Con que se mide isto? ¡Coa prudencia! A mesma especialista danos unhas indicacións para centrar o concepto, para distinguilo:

.  Anerxia, que é a falta de resposta alérxica fronte a un estímulo ou antíxeno.

. Abulia, falta total de motivación, desinterese, infra-esixencia, funcionamento unicamente desde o principio do pracer.

.  Estado de ánimo deprimido, con desilusión e desesperanza.

. Fatiga fisiolóxica, por culpa de esforzos físicos e mentais, tales como saídas nocturnas, exames, deportes, etc.

. Tamén pode tratarse dunha forma de rebeldía encuberta, (que ao parecer aínda está de moda).

Anécdota referente ao pasotismo: Daquela da guerra había un sancristán na miña parroquia (Alfonso da Cordeira) que, ¡xa entón, antes de inventarse este vocábulo!, recomendaba: “Auga que non vas beber..., déixaa correr!”. Daba ese consello, pero el ben que medía o alcance das circunstancias pois cando o puxeron de camisa azul, ¡para perseguir aos rojos, aos ateos!, o primeiro que fixo foi coller a escopeta e presentarse na forxa dun ferreiro (o Vicente da Ponte) para pedirlle que lle torcese un pouco o canón daquela arma, para que ao apuntarlles aos perseguidos o seu tiro saíse desviado..., que así el participaba pero non mataba!

-.-

As sucesivas metamorfoses

 

Témolas no corpo, pero a alma tampouco é estática; ¡evoluciona, facémola evolucionar, nun sentido ou noutro!

¿Como eran os corpos do Adán e da Eva antes da súa caída, antes da súa traizón? Por pura lóxica tiñan que ser anxélicos; non sei se con alas, pero anxélicos, si. A podremia veulles / veunos despois, ao cambiar de bando, ao cambiar de amo.

Imos ganando fortaleza, aínda que con achaques frecuentes, ata un momento en que eses achaques poñen o punto final: ¡chega un intre en que a alma se cansa de tanta corrupción, e daquela emigra, co desexo de volver ao Paraíso!

Para os corpos fomos elaborando tratamentos e medicamentos, pero a alma témola un tanto descoidada, pasando por alto, ¡tantas veces!, que é necesaria a nosa cooperación ás gracias que nos veñen de Cristo a través da súa Igrexa; grazas que viñeron para todos, incluso para os que nunca oíron pronunciar o seu Santo Nome, que tamén os salva o mesmo Cristo, pero os que recibimos os “talentos” temos unha responsabilidade meirande. ¿No reparto, que; non parece lóxico que Deus deixe fillos sen herdanza, ou si? ¡Iso é imposible, pero aqueles que foron mellores na terra, aqueles que se molestaron en atenderlles aos talentos, recibidos, prestados, tamén é lóxico que Arriba teñan mellora, que sexan gratificados xenerosamente!

Imos medrando no físico, pero, no espiritual? Aquí hai que recoñecer, hai que matizar, que non tódolos nenos pasan á fase adulta nun ambiente propicio. Os máis arroupados terán menos frío, perfeccionaranse máis facilmente, pero iso conleva a obriga de compartir a capa, como fixo San Martiño, de ensinar aos que tiveron peores oportunidades.

Outra anécdota: Cando ingresei no Banco pronto detectei que os Xefes trataban de escondernos coñecementos que eran básicos para a nosa función. ¿Por que o fan? Pregunteillo a un dos xefes, que fora profesor meu na academia das oposicións. Resposta: -¡Tamén ti o farás, que se trata dun arma defensiva..., para que os novatos non lles pasedes diante! Daquela non se me ocorreu, pero se fose hoxe replicaríalle, facéndome portavoz dos evanxelistas: “Ide, e facede discípulos a tódalas nacións...” ¡O egoísmo, a soberbia de ser morgados, que frea o apostolado, e con iso, estámonos freando a nós mesmos!

Partir, compartir:


O Mestre, en Juan 14,6, ben que nos avisou: “Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis que por min”. Daquela, torpeza é ir por mal camiño, pero desviar ao próximo, mostrarlle rutas equivocadas, a sabendas, iso é moi grave, mesmo satánico!

-.-

A orella de Malco...


Juán, 18 -11 “Pero Xesús díxolle a Pedro: Mete a espada na vaíña; ¿ou acaso non hei bebe-lo cáliz que me deu o Pai?”

Xa non son tempos de defende-la relixión coa espada, senón coa lingua, cos feitos, cos exemplos. Hoxe, “Estamos chamados a vivir de misericordia porque a nosoutros en primeiro lugar aplicóusenos misericordia”. (cf. Papa Francisco, Misericordiae Vultus, n.9).

Pero ter misericordia non exime, tamén inclúe, predicar, transmiti-las verdades evanxélicas, compartir! Deus Fillo, igual có Pai, e co seu Espírito Santo, queren evanxelistas, e non pasotas. Cargar coa cruz, si, pero evitar, no posible, cruces innecesarias que sexan consecuencia, que resulten, ou podan resultar, do noso pasotismo.

Que dixo, que nos dixo, Xesús, que nos ordenou no seu testamento post mortem? (Mateo 28, 20). “... ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que estarei sempre convosco ata a fin do mundo”. O mundo non se acabou cos apóstolos, pois aquí estamos os seus sucesores, tanto os clérigos coma os laicos, así que esta orde é un auténtico apoderamento, un apoderamento irrevogable, no que participamos todos, todos aqueles que tivemos a sorte de coñecer a Cristo a través dos seus Evanxeos.

Para que o entendesen aqueles cernís, aqueles brutiños do seu entorno, Xesús faloulles, explicoulles, con parábolas sinxelas, de seu intelixibles; ¡pois así temos que facer nós cando damos con interlocutores cernícalos, abaixarnos ás explicacións sinxelas, pero sinceras, e por ende, convincentes.

Acabo de lerlle ao teólogo Manuel Cabada Castro: “... o que verdadeiramente importa é que cada quen poña ó servizo dos demais os dons que Deus lle deu. Porque -como ben sabemos- Deus non precisa dos nosos servizos. El é en si mesmo absolutamente autosuficiente. Precísannos, en cambio, de cantos, máis preto ou máis lonxe de nós, teñen algunha relación connosco. Unha vez máis, a medida ou a tradución máis correcta e máis exacta do noso suposto amor a Deus é o amor que teñamos ós nosos irmáns.” ¡Cabal, xusto, amigo Cabada! ¡Así se evanxeliza!

-.-

¡Vinte séculos, e aínda estamos así! Sinceramente, pouco fixemos pola expansión do cristianismo, en tanto tempo, e co que avanzaron os medios de comunicación de masas. A estas horas, se fósemos cumpridores do mandato divino, non deberían quedar infieis, e tampouco ignorantes, da Boa Nova. ¿Onde, como, e cando, fallamos; onde están, onde estiveron as nosas omisións?

Certo é, tamén, que temos ao diabro na oposición, empuxando firme para tirarnos ao abismo, para apartarnos do Ceo, do que el mesmo foi expulsado, por traidor. Na súa ousadía incluso tentou a Deus feito home, pero Xesús, á vez que o devolvía aos abismos, deixounos a lección de como hai que tratalo: “Xesús respondeulle: -Tamén está escrito: ´Non tentarás ó Señor, ó teu Deus´. Mateo, 4:7 ¡Non volveu ata o Calvario, onde a levou cadrada, pois alí, do mal, resultou un ben: a nosa salvación, a definitiva!

Na loita entre o ben e o mal temos que elixir campo, e non sempre o facemos, que aí está a nosa debilidade: ¡sexamos agradecidos, poñámonos de parte do Creador, do gañador, que é Deus, que sempre o será, polos séculos dos séculos! Se así o viñésemos facendo, todo o orbe estaría santificado, pero, ao fallar na execución das Leis Divinas, o triunfo algo avanza, ¡como non podía ser menos!, pero, amodo, e non con bos modos.

¿Que o diabro aínda conserva un poder tentador? ¡Iso é simplemente porque non o arredamos coa espada fulminante, coa da humildade, coa oración; en definitiva, coa exemplaridade!

-.-

¿Exemplaridade? Este pecador, este servidor, este comodón, coñeceu dous casos de exemplaridade magnífica e frutífera, dignos de mención, entre outros por suposto. Ambos en África:

. O Páter Pumariño, padriño do meu fillo Pedro Paulo, capelán, ¡en tres guerras! Levarse ben cos franciscanos víñalle de raza xa que era primo de Monseñor Aldegunde, daquela Arcebispo de Tanxer.

 


. O arcebispo Monseñor Francisco Aldegunde Dorrego, nado o 12 de marzo do ano 1896, en Chamoso (Lugo).

 

 

Francisco Aldegunde Dorrego, do que moito, e ben, me ten falado, o meu compadre, seu primo, Capellán, ¡de tres guerras!, foi o seu facho, o seu guía, o seu modelo, o seu estímulo, na relixiosidade. Desde Ifni foino visitar varias veces a Tánger. (Incluso nunha daquelas viaxes aproveitou para mercar alí una “barra” de ouro, que ma ensinou á volta. ¿Que fixo con aquel tesouriño? ¡Iso non cheguei a sabelo!).

 

Aldegunde Dorrego, Vicario Apostólico de Marrocos, presentouse como tal  ao Clero e ao pobo de Tánger, con Letras Credenciais Vaticanas, do 2 de Febreiro de 1949. Elevado o Vicariato Apostólico de Marrocos á dignidade de ARCHIDIÓCESIS, co nome de TINGITANA, o 14 de Novembro de 1956, foi ao mesmo tempo elixido como seu Primeiro Arcebispo. O 17 de Decembro de 1973, por motivos de idade (77 años), presentou a súa dimisión. Morreu o 16 de Outubro de 1983.

 

Os Aldegunde procedían da parroquia de San Cristovo, tamén de Chamoso.

-.-

 

As simpatías que tivo entre os musulmáns de Marrocos logo estou por dicir que igualaban, se non superaban, ás que lle tiñamos os cristiáns. Aquel home predicaba co exemplo, tanto ou máis que coa palabra: sinxelo, afable, comunicativo... Que eu saiba, non foi canonizado, pero, meréceo!

. Outro caso notable foron aqueles franciscanos de Sidi Ifni: Fray José e mailo Padre Santiago. ¡Cando me pesa non terlles feito unha foto cando os vía rodeados de cativos musulmáns, bicándolles o seu cordón franciscano! Aquilo foi un milagre, un milagre edificante: Non tiveron que dicir, “Deixade que se nos acheguen os nenos...” Non houbo musulmán que llelo impedise, polo ben que facían e pola simpatía que se lles tiña nas dúas relixións.

Anécdota cruel: Os franciscanos foron expulsados de Ifni, coa anuencia do Nuncio, única e exclusivamente porque o P. Santiago, obedecendo ao bispo de Canarias, Pildaín, non lle deu a comuñón á cuñada dun militar de altísima gradación..., ¡porque ía comungar escotada e pintarraxada!

(Isto foi antes do Vaticano II)


-.-

A miña dona é neta de José Rielo Sanjurjo, que era curmán do mártir, canonizado no ano 1988, José María Díaz Sanjurjo...

 


Casa troncal dos Sanxurxo, de Mondriz. Estado actual.

Non é doado convivir coa parenta dun mártir..., que non perdoan nin os veniais! Díaz Sanjurjo, sendo bispo de Manila tivo dó dos infieis de Tonking, e aló se foi, para evanxelizalos, pero tan valente e tan vehemente debeu ser que aquel Mandamáis, un tal Tu Duc, vietnamita, poñéndose de parte do diabro mandou que lle cortasen o garneato. Ten moito mérito ser mártir, ¡o máximo!, pero tamén é boa a prudencia, a sutileza, para coller indefenso ao diabro!

Con ese parentesco séntese obrigada a ser perfecta, ¡ela tamén!, así que, ¡imaxinarvos o que é convivir cunha santa, pois ademais de selo son esixentes! A maiores, foi adestrada na Normal de Lugo... ¡Bromas á parte: que Deus lle premie, e lle pague, o que leva educado, primeiro en min, e tamén nos nosos fillos! O malo do caso estará en que Deus, cando me pida conta dos talentos, incluirá a exemplaridade recibida da cónxuxe, así que, daquela..., outra débeda, a maiores!

Anda por aí o dito de que, antes de morrer, o agónico ten, e ve, como unha película, un repaso de toda a súa vida; igual sería máis exacto dicir que esa ¿película? é o propio xuízo nas portas de San Pedro, así que será prudente levar borradas, amortizadas, as malas accións, e subliñadas as boas, as exemplares.., para merecer o plácet da película!

-.-

A exemplaridade apostólica


¡A funcionar, por parellas, coma a Garda Civil!

Xa que somos apóstolos, sucesores dos Apóstolos, continuadores da súa obra, e todo iso por mandato divino, sería bo que fixésemos un curso de cristiandade, imitando, aprendendo deles; non si?

“Recibiréde-la forza do Espírito Santo, que virá sobre vós, e seréde-las miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría, e ata os confíns da terra”.

Ah; pero nós non tivemos Pentecostes! E logo, o Bautismo non foi unha admisión no cristianismo? ¡Estamos admitidos na herdanza; daquela somos administradores dela!


«Cando veña Él, o Espírito da verdade, ensinaravos toda a verdade» (Juan 16:13) 

 ¡A iso imos, ata onde sexamos capaces!

Non temos que inventar nada, como fixeron os falsos profetas desas pseudo relixións que por aí andan esparramadas, cheas de absurdos e de contradicións, e non obstante, cridas e cumpridas por moita xente. A doutrina cristiá é perfecta, perfectamente demostrada, co cuño irrebatible da resurrección de Cristo, e todo iso testemuñado polos Apóstolos de mil maneiras, incluso co sacrificio das propias vidas na defensa da verdade absoluta. Daquela, ¿por que non avanzamos máis á présa? Pois..., pola miña culpa, e comigo, a desta caterva de pasotas, tan dados que somos á comodidade e ao desagradecemento.

¿Cabe mellor regalo có de bautizarnos? Nese caso, ¡sexamos agradecidos, compartámolo; sexamos testemuñas, catequicemos!

“Ti, Señor, que coñeces os corazóns de todos, amosa cal destes dous escolliches para ocupar neste servizo do apostolado o lugar que Xudas deixou para ir ó sitio que lle correspondía”. Feitos 1, 26. Eu, servidor, non me chamo Matías, pero si Xosé María, así que..., se non hai outros mellores, preséntome voluntario, para predicar..., se non é cos feitos, de pobres que son, a ver se de palabra, en galego, que igual soa como Galilea!  Para comezar, invocarei ao profeta Xoel, aquel que dixo: “... todo o que invoque o nome do Señor será salvo”. ¡Ai o tedes: Eu tamén quero salvarme, e para iso, no que de min dependa, ensinareilles o Camiño aos meus lectores, se é que algún teño, ou me queda!

Non teño afillados, que ninguén se fiou do meu bautizo, pero aínda estou a tempo; podo comezar acordándome de Pedro, que dixo: “Arrepentídevos e cambiade, que cada un de vós se faga bautizar no nome de Xesús para o perdón dos seus pecados, e recibiréde-lo don do Espírito Santo. Porque a promesa é para vós e mais para os vosos fillos e para tódolos que están lonxe, tantos como queira chamar o Señor noso Deus”.

Tódolos crentes vivían unidos, e tiñan todo en común. ¡Daquela volvamos ás andadas, pidamos os votos para Xesús de Nazaret, pois ese Salvador é o único que non falla: é católico, é universal! E se nos ameazan os inimigos, chamemos tamén a Pedro para que nos defenda, que lles dirá aos tales, como fixo aquel día en Xerusalén: “Xulgade por vós mesmos se está ben diante de Deus obedecervos a vós antes cá a El, porque non podemos deixar de falar do que temos visto e sentido”.

¡Que sublimes as vivencias daqueles crentes iniciais; non poderíamos imitalos, nós; sequera imitalos? “A comunidade dos crentes tiña un só corazón e unha soa alma, e ninguén consideraba como seu o que posuía, senón que tódalas cousas eran comúns”. Feitos 4, 32. Hai, e houbo, adoradores de ídolos que tamén predicaron a fraternidade, pero a cristiá vennos do Mestre, do propio Fillo de Deus, o único que foi capaz de multiplica-lo pan, o único que se quedou con nós, baixo a forma do pan eucarístico. Con estas verdades, sabidas e demostradas, ¿como somos tan egoístas con este pan? ¿E se Deus, de castigo polo noso egoísmo, nos nega a entrada no banquete celestial? ¡Non quero nin pensalo! Certo é que nos redimiu, pero algo de egoísmo quedounos... ¡Claro; deixóunolo para que fagamos méritos, para que participemos na loita, para que poñamos algo da nosa parte, para que lle demostremos que estamos dispostos á penitencia; xa nolo dixo no Noso Pai, invitándonos á humildade: ... perdoa as nosas ofensas, como tamén nosoutros..., etc.!

-.-

 

 

¡Señor, tírame do cabalo do orgullo; a min, tamén!

“Entón Ananías, poñéndose en camiño, entrou na casa, e impoñéndolle as mans, díxolle: -Irmán Saulo, quen me manda é o Señor Xesús, que se che apareceu cando viñas polo camiño, para que recóbre-la vista e te enchas do Espírito Santo”.

¡Señor, Señor, cantos Ananías, cantos cregos puxeches no meu camiño para que me predicasen, para que me abrisen os ollos, pero a min..., un cegarato impenitente, custoume ve-la luz evanxélica! Agora que vou vello, déixame acelerar, sequera sexa para recuperar algo do tempo perdido, que vexan en min, polo menos, un pecador arrepentido! Modestia á parte, algo xa fixen, que lle puxen ao meu fillo, Pedro Paulo..., séxase, acollino á súa protección  ¿Foi un sopro de Deus? ¡Coido que si!

“Daquela, a igrexa tiña paz en toda a Xudea, Galilea e mais Samaria. Crecía coma un edificio, progresaba na fidelidade ó Señor, e coa asistencia do Espírito Santo ía aumentando en número”. ¿Daquela, por que houbo eclipses, freadas posteriores? ¡Xa o veño dicindo: Porque o diabro non se durmiu, e os cristiáns, si! Agora que está tan de moda acelerar, aceleremos, tamén, na comunicación doutrinal!

“Bernabé foi a Tarso en busca de Saulo e, cando o atopou, levouno para Antioquía. Durante un ano enteiro estiveron xuntos naquela Igrexa, adoutrinando a moita xente. Foi en Antioquía onde por primeira vez ós discípulos lles chamaron “cristiáns”. ¡Vaia, ho, para ter froito, para recoller, hai que sementar! ¿Tomamos nota?

“Por aquel tempo o rei Herodes botou man dalgúns membros da Igrexa para os maltratar. Mando matar con espada a Santiago, irmán de Xoán, e, vendo que iso lles agradaba ós xudeus, mandou prender tamén a Pedro, etc.” Hoxe en día sentímonos heroes se nos prenden por calquera burrada política, pero, ¿por defende-la fe cristiá, por defende-las verdades da nosa Salvación? ¡Hai que meditar nisto, analizar esta covardía, tanto que ten de acomodaticia, séxase...., pasotismo!

Os maquiavelos dos partidos políticos captan, e pagan, manipuladores do pensamento para que lles fagan guións pedagóxicos cos que catequizar aos votantes... ¡Arre, demo, que cousa; e nós, os cristiáns, que temos a verdade absoluta nos Evanxeos, predicada de balde nas igrexas, domingo a domingo, perdemos o tempo ollando para as mozas...”que van guapas e frescas...”! (Romance de Riello: Pa misa diba un galán - caminito de la iglesia  / no diba por ir a misa – ni pa estar atento a ella, / que diba por ver las damas – las que van guapas y frescas!”.



 ¡Cantas veces terei feito de galán de Omaña! (Mellor que non o saiba a miña muller..., por se acaso!)

-.-

 


 

Despois de celebradas as vodas cotiáns con un exame sincero e recíproco, amigable, deténdose o tempo necesario na análise do que fixeron mellor, pero tamén do que fixeron peor, ao longo do día, a promesa recíproca de seguir en harmónica comunicación, que debe selarse con un bico matrimonial máis convivencial que erótico. O paso seguinte, xa quediños, é, debe ser, invariablemente, cada noite, solicitar a bendición da Divindade rezando, pedindo e prometendo: “Con Deus me deito, e con Deus quero levantarme; que a Virxe María me cubra co seu manto, nesta cama e sempre; e Ti, Señor, dáme penitencia en vida, e na morte, salvación, que se morro esta noite me sirva de confesión”. Noso Pai, Ave María e Gloria, rezados en común. Outro bico, e a continuación, xa de costas, en posición fetal, o exame individual:



Rapaciño/a, fuches sincero/a co/a rapaz/a; pórtaste ben: con el, con ela, contigo mesmo, co próximo...? Daquela, se te arrepintes, pero de verdade, con sinceridade, mañá serás máis feliz cá hoxe! ¡Que o dixo o propio Xesús, e repetiuno o noso Santiago na súa carta ás tribos que estaban na emigración. Sant. 1 -25: “... quen afonda no coñecemento da lei perfecta, a que dá a liberdade, e quen se mantén nela, non para a escoitar e a esquecer deseguida senón para poñela por obra, ese será feliz na súa actuación”. ¿Queremos ser felices, queremos durmir serenos, con conciencia recta e tranquila? ¡Aí o temos, que é ben doado: afondar no coñecemento da lei de Deus! Para estas reflexións non hai mellor sitio co silencio da cama; nada de contar ovellas no insomnio, que iso faino calquera, pero os crentes temos outras contas que botar!

Miña nai, ¡Santa Irene!, cando me vía na cama facíame unha cruz na fronte, á vez que me dicía: “Agora, meu neno, a soñar cos anxos!”. Daquela interpretábao como que o seu desexo era que non tivese pesadelos na miña durmida, pero desde que me / que nos viñeron os fillos, e tempo adiante os netos, entendín mellor aquel imperativo: ¡que me quería de anxo, que fixese por imitalos!

 

 

¡Deus, tanta xente boa que un leva coñecido, e co doado que é imitala a pouco que nolo propoñamos!

-.-

Falando de parentes. Coido que os predicadores deben explicar, de vez en cando, que, cando nos evanxeos se fala de “F. de Tal, irmán de...”, non se pode interpretar no senso actual dese tratamento, deste parentesco, senón que os semitas empregaban o termo “irmán” para referirse a primos e parentes. ¡Ollo, que este equívoco, este error, ten orixinado interpretacións disparatadas nas lecturas relixiosas!

Temos a lamentable experiencia das consecuencias, das desviacións, que trae a interpretación errónea dunha verba ou dun concepto naquelas desviacións dos nestorianos nas que se baseou Muhammad para afirmar, absurdamente, que o noso Xesús foi “creado e non xerado” cando a realidade, obviamente, foi a contraria, que ben nolo recorda o Credo: “... que foi concibido por obra e gracia do Espírito Santo...”

Séntense moi a gusto co machismo do seu Al Qurán pero teñen en riba unha forte ameaza pois as súas mulleres, dun tempo a esta parte, están copiando, moito, das occidentais, particularmente das europeas; entre outras sublevacións, pronto lles dirán que están fartas das ablacións, dos haréns, e de parirlles media ducia de fillos, así que..., as súas desviacións bíblicas iranlles a menos, en tódolos aspectos!

-.-

 

Paulo no Areópago grego. ¿Por que nos engurramos cando nos parece ter sabios enfronte, e así desaproveitamos a ocasión de catequizalos? Memoricemos aquela arenga de Paulo, que mellor non se pode dicir:

“Atenienses, vexo en todo que sodes moi relixiosos, pois andando por aí e mirando para os vosos monumentos de culto, incluso atopei un altar con esta inscrición: “Ó deus descoñecido”. Ben, pois o que venerades sen o coñecer, é o que eu vos anuncio: o Deus que fixo o mundo e todo o que nel hai, o Señor do ceo e mais da terra, non habita en santuarios feitos pola man dos homes, nin o serven mans humanas, coma se precisase de cousa ningunha El, que a todos dá vida e alento. Dun só home quitou a raza humana, para que habitasen toda a terra, e estableceu os lindeiros dos seus tempos e mais dos seus territorios, para que o buscasen a El e o encontrasen, aínda que fose atoutiñando. En realidade non está lonxe de cada un de nós, posto que nel vivimos, nos movemos e existimos, como algúns dos vosos poetas dixeron: “porque somos incluso da súa caste”. Así que, sendo da liñaxe de Deus, non debemos pensar que a divindade sexa semellante ó ouro, á prata ou á pedra, traballados pola maña e a imaxinación do home. Ora ben, pasando por alto os tempos de ignorancia, agora manda Deus ós homes que todos en todas partes se arrepintan. Porque estableceu un día no que ha xulga-lo mundo con xustiza por medio do home que El determinou, dándonos a todos a garantía disto, resucitándoo de entre os mortos”.

Paulo, querido Paulo, patrón da parroquia á que pertenzo actualmente, e na que tes uns cregos, uns apóstolos, que che copiaron a elocuencia, faime partícipe da súa valentía para imitalos, ¡para imitalos!, na súa evanxelización, para atreverme cos amigos que, ademais de sabios, téñanse por ateos. Mais, agora que o penso, coido que ateos non son, que non os hai, non pode habelos; ¡en todo caso, desinformados! A culpa dos seus erros igual é máis miña que deles..., por non falarlles dese Deus que lles é descoñecido, como lles pasaba aos atenienses! 

Non sei se sería co mesmo cabalo, con aquel de antes, pois non vexo que se diga nos “Feitos dos apóstolos”, pero o caso é que Paulo foi un trotamundos incrible. Estoume lembrando do que lle pasou en Éfeso, na segunda viaxe, cando lles preguntou a uns daqueles bautizados por Xoán: “-Recibíste-lo Espírito Santo, cando abrazáste-la fe? Eles respondéronlle: Nin sequera sentimos dicir que haxa un Espírito Santo. Entón díxolles: -E logo, ¿que bautismo recibistes? Eles responderon: -O bautismo de Xoán. Entón díxolles Paulo: -Xoán bautizaba con un bautismo de conversión, dicíndolle ao pobo que cresen no que viña despois del, é dicir, en Xesús”. (En vista diso, Paulo bautizounos no nome de Xesús, e coa mesma veu sobre eles o Espírito Santo; comezaron, ¡eles tamén!, a falar en linguas estrañas, e a profetizar). De Éfeso, a Xerusalén, pasando por Macedonia e Acaia; despois, Roma. ¡Pobre cabalo, se o levou consigo!

-.-

Nas nosas aldeíñas, sempre filosofando, non se cansaban de aconsellar: Non deixes para mañá o que podas facer hoxe..., por se chove! Caramba, aquilo si que era ter ansia no material, no laboral, no cotián, pero, no relixioso? ¡No relixioso o que non fagamos hoxe xa o fará o crego mañá, nos funerais, que para iso están os responsos!

Os responsos alivian aos do purgatorio, pero, quitar do inferno? ¡Do inferno quitámonos nós, nós mesmos, en vida, pois a cadea perpetua gánase pola oposición a Deus deses lacazáns que non teñen a humildade de acatalo, deses que perden a fe e non se agachan para recuperala!

-.-

Hoxe en día.

 


Señor, agora que estou esperto e me lembro daquilo do Éxodo, 17 -11-12: “Cando Moisés erguía as mans, vencía Israel; cando as baixaba, vencía Amalec”. Daquela a posta do sol, ¡era a posta do sol! Hoxe en  día, sol posto, lámpadas acesas! Non fai falta levanta-los brazos, que chega con darlle ao interruptor; e con iso xa che estamos levando a contraria, Señor, séxase, pecando, pecado moral, e a maiores, pecado mortífero, derrota segura!

Coas lámpadas acesas tentamos levarche a contraria, alonga-los días matando o sono: radios, televexos, espectáculos de todo tipo... ¿Señor, é ou non é verdade que nos deches a noite para repoñer forzas, e de paso para reflexionar no silencio das nosas camiñas?

Se eu fose médico dos corpos opinaría que restarlle horas ao sono, tal que durmir menos de 6, é, produce, como pouco:

-Que afecta a diferentes sistemas, desde o cardiovascular, neuro endocrino, dixestivo, respiratorio..., e incluso ao inmunolóxico.

-Incrementa ata 4 veces o risco de desenrolar ou morrer dun accidente cerebro vascular en persoas da mediana e da terceira idade.

-Eleva ata un 48 por cen as probabilidades de desenrolar ou morrer dunha enfermidade cardíaca.

-Etc., etc.

¿Que facemos os predicadores (ou aprendices de tales) que non lles dicimos aos nosos gobernantes que paren de atentar contra a vida, contra a saúde, dos seus votantes, co doado que teñen dar normas para a nocturnidade, ou é que lles gusta así? Isto no que se refire á saúde física, que tamén habería que falar da inmoralidade dos noctívagos.

-.-

“Este creyente, malo pero creyente, que cada domingo os acompaña al misterio de la Eucaristía, y que parece llevaros a un remanso de paz, en realidad os está llevando a una guerra, y es bueno que lo sepáis. Los creyentes, con nuestras misas y nuestras mesas, con nuestros ritos y nuestras oraciones, no estamos tratando de salvarnos a nosotros mismos, y mucho menos pretendemos salvar a Dios; luchamos para que la salvación de Dios alcance al hombre, a todo hombre que viene a este mundo, primero al pobre, luego al indiferente; luego, si es todavía posible, también al del escándalo orgulloso”. (Jesucristo, Rey del Universo, por Santiago Agrelo Martínez, Arcebispo de Tánxer, en Galicia Digital, do día 26-11-2017).

¡Esta é a loita, si Señor, pois o contrario sería pasarnos ao outro exército, ao de Satán, que por desgracia xa ten demasiados seguidores, pero, Deus mediante, nós, que estamos de parte de Deus, e non do diabro, acabaremos vencendo, que para algo Xesús tivo unha Paixón, voluntariamente aceptada, resucitando ao terceiro día, segundo testemuñan os evanxelistas!

Xa que resucitou por si mesmo, daquela, ¡hoxe, e sempre!, era Deus, Segunda persoa da Santísima Trindade... Pois si, e non só resucitou, senón que subiu ao Ceo, en presencia dos mesmos apóstolos; índose, quedou, tamén se quedou con nós..., ¡na Eucaristía! ¿Que máis probas necesitamos? Falando de probas: Unha proba, a mellor de todas, de que Xesús quere ás mulleres como apóstolos foi que..., ¡que se lles apareceu a elas antes que aos varóns! Digámolo en voz alta, e se é preciso, por escrito, por se o teñen esquecido eses cardeais de Roma!

O caso é que as mulleres, ¡vese nos políticos!, ante o público (e non só ante os esposos) son máis convincentes que os homes; daquela, ¿non será un error evanxélico deixalas en simples diáconos?

Agora que hai mulleres nos exércitos da nosa cultura, na Cultura Superior, na Eclesiástica, na de Cristo Rei, que? Igual chegan a velas no presbiterio os nosos netos..., desde que non queden Curas, desde que o celibato sexa inoperante!

-.-

 


Curación da sogra de Pedro (Mat 8, 14-15; Mc 1, 29-31; Luc  4, 38-39)

“Ó que saíu da sinagoga, entrou en casa de Simón (Pedro). A sogra de Simón tiña unha febre moi alta, e pedíronlle por ela. Achegándose a onde estaba , ordenoulle á febre que a deixase, e deixouna. De seguida ergueuse ela, e púxose a servilos”.

¡So ogra!, que así dicían na miña aldea os maleducados cando querían referirse a unha sogra que lles caese antipática. ¡A miña, de ogro, nada, que era unha santa, e ben que a botei en falta cando..., cando a chamaron de Aló Arriba, do Alto! Que tivese sogra o primeiro dos Papas faime pensar..., pero..., “doutores ten a Igrexa que nolo saberán explicar!”.

Acaba de saír desta miña/vosa casa unha santa, ¡Santa María Luísa!, que lle veu traer a comuñón á miña dona, que está de “clausura” por culpa das súas cadeiras, das dúas. (Ela di que Deus lle mandou o purgatorio en vida, e como tamén é unha santa, outra, ata terá razón).

Como é natural, púxenme de xeonllos na presenza do Altísimo, pero en certo modo tamén diante dela, diante da señora Luísa, porque me conmocionou que chegase a ver unha dama trasladando, compartindo, a Eucaristía. ¡Deus a bendiga, Amén! Tiven unha prima, a única curmá que tiven, Mercedes Cora, que representaba ás mil marabillas aqueles papeis das súas once películas, pero esta María, esta Luísa..., que só lle falta levar sotana en vez de faldra! ¡Deus a bendiga, Amén!

Na prehistoria: Irán aló tres cuartos de século. A igrexa distaba da miña casa natal cousa dunha legua. A nosa veciña, Josefa de Brais, non querendo morrer sen outra visita de Xesús Sacramentado pediume que lle fose polo Cura... O seu marido tiña besta, e nós non, pero, tendo un neno na veciñanza...! Co medo de que fose morrer no ínterim, dinlles ás miñas zocas un bo aceleramento, pero..., ¡outro pero!, o señor Cura aínda non tomara o seu chocolate, así que me desesperei esperando na súa cociña. Por fin arrancamos, pero en silencio porque me recomendou que, polo camiño, non lle contestase a ninguén..., ¡xa que levabamos o Santísimo! Outra legua..., pero desta vez tocando a campaíña cando pasabamos por diante de alguén, ou dalgunha casa. O Señor tamén estivo calado, permitíndolle á veciña que tivese a paciencia de non despegar para o infinito ata que El chegase. Aquí e agora, que aínda non se fora a señora Luísa cando se me veu esta lembranza: ¡Deus, como cambian os tempos; os tempos, non, nosoutros mesmos, que somos distintos a cada minuto que pasa; o único que permanece nun Presente Eterno é o Único, que por algo e para algo é o Único Deus verdadeiro!

-.-

Volvamos cos apóstolos, coa evocación dos seus Feitos, deixando a Paulo en Roma: “... que botou dous anos enteiros nunha casa alugada, onde recibía a tódolos que o viñan visitar predicando o reino de Deus e ensinando o que se refire ó Señor Xesús Cristo, con audacia e sen impedimento algún”. ¿Con audacia, eh? ¡Pois así é como temos que predicar os cristiáns, á imitación dos nosos mártires, con audacia!

Carlos Osoro, arcebispo de Madrid, referíndose á viaxe do Papa a Kenia, Uganda e República Centroafricana: ¡Qué propuesta más audaz la que nos hace el Papa con este viaje! Los cristianos tenemos que hacer una movilización general y proponer la fe con entusiasmo, con hechos y con palabras. Nos está pidiendo, a quienes formamos parte de la Iglesia, que dediquemos nuestras energías a proponer el mensaje del Evangelio, haciéndolo creíble con obras a todos los hombres. Hablar de Dios no es imponer obligaciones a las personas; es compartir una alegría que nos desafía a actuar con la misma bondad con la que actuó Jesús. No se conforma con que denunciemos las situaciones con más y más declaraciones, el Papa busca cambiar las cosas. Esto es lo que nos dice en La alegría del Evangelio cuando pide que la economía esté al servicio de las personas y no al revés, que no convirtamos la sociedad en una dictadura de la economía que al final no tiene rostro ni fin. La persona en el centro de todo, donde la puso Dios mismo cuando nos creó. A todas las personas hay que hacerles llegar la noticia que nos dio Jesús: que el amor es algo concreto. Los cristianos hemos conocido que el amor tiene rostro, es Jesucristo, no es una idea. Y ese Amor que nos ha sido dado como el regalo más grande debe entrar en otros rostros. Porque se ama a las personas. Un mensaje que enciende corazones apagados, da sentido a la vida y nos hace a los hombres más humanos”.

-.-

Audacia e..., sorrisos!

Nós, a xeración da guerra, criados na guerra, pois guerra tamén é / foi a retagarda, non soubemos rir, non vimos sorrisos, non aprendemos a vivir con felicidade; ¡estamos xustificados, en certo modo, pero, os que viñeron despois?

Ao presente, con este progreso do XXI, falando a distancia e todo iso, lamentablemente segue a melancolía; ou é que se me figura, consecuencia da miña miopía? Só vexo sorrisos nas tendas, e para iso dúralles un instante, o intre que dedican a contar os meus cartos!

¿Que se pode facer para remediar esta situación? A miña dona, que é moi observadora, ¡é mestra pero ten vocación de periodista!, opina que lle temos medo ao Xuízo, que as vemos vir de lonxe. ¡Vaia, ho, e nin con esas tratamos de lavar o expediente!

Meditando un pouco en todo isto, fáiseme que os cristiáns temos dous grandes motivos para sorrir: A ledicia que debe quedarnos daquela auga bautismal que nos lavou tan a fondo que incluso nos purificou a alma, anticipándonos, de paso, o título de cristiáns; e logo que esa mesma impronta, esa titulación, ao facernos apóstolos de Cristo, debe animarnos, ten que animarnos, a ensinar sorrindo, afablemente, para que os catecúmenos se convenzan de que estamos en posesión da verdade, que lles ensinamos verdades absolutas, e por tanto, felices e incontrovertibles!

A quen temos que pedir que nos axude a poñer cara de felicidade é á Virxe das Dores, pois ninguén coma ela nos pode comunicar a esperanza de que, detrás das dores, coas dores, é como mellor se gaña o Ceo; que despois da Cruz, redimidos polo seu propio Fillo, nós tamén subiremos; ¡mellor dito, subirannos, invitados pola Sagrada Familia!

A pouco que meditemos farásenos obvio que poñer cara de tristeza é unha mala presentación no noso papel evanxélico. ¿Como van a animarse os infieis, os incrédulos, se nos vén desanimados a nosoutros, aos supostos crentes?

Daquela é certo que temos medo, precisamente por crentes, precisamente por saber que teremos, que nos espera, un xuízo persoal? Pois, tranquilos, que nese xuízo os acusadores seremos nós, nós mesmos, ninguén máis, pero se levamos borrada a cartilla dos feitos impuros..., laureada ao canto! ¡Que Xuíz máis benévolo é Deus, que non hai outro que lle permita ao reo salvarse dos seus delitos simplemente co propósito, co firme propósito, iso si, de confesarse, de cumprir a penitencia; ¡poñendo o máximo interese en evita-las omisións, por suposto, decatándonos de que iso tamén son tentacións, tentacións consentidas!

Unha advertencia: o sorriso, para ser eficaz, ten que ser sincero, cristiá; nunca de tendeiro! Ante esa tentación mercantilista lembremos que Xesús, na súa vida publica, só castigou, ¡a lategazos!, aos tendeiros do templo: “-¿Non está escrito que a miña casa será a casa de oración para tódolos pobos? Pois vós convertéstela en cova de bandidos...” (Marc. 11, 15-18; Mt. 21, 12-17; Luc.19, 45-48; Xn. 2, 13-22)



-.-

 

Cave ne cadas!

 


Por vitorioso que tornes das túas vivencias, faille caso ao teu escravo, á túa conciencia! ¿Ou é que non notas que, a cada intre, empúrrate a propia arrogancia, esa soberbia que che inspirou Lucifer, ¡precisamente o derrotado!, ese ego que che fai presumir do temporal, do prestado! Ante todo, humíllate; aprende a ser emperador de ti mesmo, que é máis difícil e máis meritorio que selo de Roma; contrólate!

Certo é que as caídas son fáciles, pero temos a caiada da fe, aínda que pouco nos apoiamos nela! Témonos por vencedores, con Lucifer derrotado; pois non, non exactamente, pois o diabro foi vencido pero non desaparecido; segue envexoso, cadora máis, pois o triunfo irremediable do cristianismo teno desesperado. Enganou á Eva, pero veu María e pisoulle a cabeza; ¡é tan soberbio, tan torpe e tan maligno, que se nega a admitir as derrotas, e volve, e volve...; iso si, por detrás da cruz, como fai o zorro cando vixía ás pitas por tras do palleiro!

Sentímonos tan emperadores que esquecemos a verdadeira situación: Non somos emperadores senón soldados de Cristo, soldados da verdade; e así estamos no bando da luz, da humildade, no exército de Cristo Rei; enfronte, os diabros, eses traidores que se lle sublevaron a Deus, ao Deus da xustiza e da perfección. Sendo anxos, como farían esa animalada? Saberémolo con detalle no outro mundo, pois neste abonda con loitar, con loitar na causa xusta, acollidos ás bandeiras dos dez mandamentos, que poucos son para tanto premio como é o que nos espera. O noso Comandante tennos tan cerca que, en vez de defendelo nós, deféndenos El; verdade que si, Santa Teresa, verdade que o temos ata na lareira, xunto dos potes?


Teresa de Ahumada e de Cepeda, ti querías ir á mourería, con teu irmán, para acadar o martirio; pois eu tamén fun, xunto coa miña dona, alén do Estreito, ¡dez anos en Ifni, guerra e atentados incluídos!, pero non en busca do martirio, aínda que estivemos a punto de telo; ¡nós fomos en busca de diñeiro, e de ascensos, que non é igual senón todo o contrario!

-.-

Guerra e paz, (en ruso Война и мирVoiná i mir), de León Tolstói (1828-1910), que a comezou a escribir nunha época de convalecencia tras romperse un brazo ao caer dun cabalo, nunha partida de caza, en 1864. Pois eu tamén caín; non dun cabalo, senón dacabalo dos anos; caín, decaín, e comezo a ter rota a memoria, así que, ¡eu tamén, a reflexionar, antes de que sexa tarde!

¡Deus, que pouco tempo dedicamos á reflexión! ¡Claro, dánnolo todo feito, que só hai que ir á tenda...! Pero o forno dos pensamentos é individual, persoal, así que temos que atizarlle..., nós mesmos, in person!

-.-

Precaucións, para evitar desavinzas.

 

 

Sempre se dixo que vale máis precaver que curar, pero..., a profilaxe non adoita coñecerse, ser coñecida, e/ou estar doada!

Pola vida adiante somos tan evolucionistas, cambian tanto as nosas circunstancias, que mesmo podería dicirse que somos distintos, minuto a minuto, e o    que está ben nunhas circunstancias, nas seguintes sería contraproducente. Este mareo circunstancial esíxenos vivir alerta, e reaccionar con prudencia, pero, ¡sen demora! ¿Cumprímolo? ¡Ás veces!

Factores emocionais, profesión, entorno... ¿De onde sopra o vento no intre da decisión? Se nos colle enfadados, ou deprimidos, ou iracundos..., acertar é máis difícil. Daquela pidámoslle a Deus serenidade, imparcialidade, e que nos sopre o Espírito; ¡que arrede a Satanás, pois adoita disparar maldades poñéndose detrás da cruz! ¡Ai, Deus, que boíño é Fulano / Mengana; e non será máis certo que poñen esa cara para enganarnos, para levarnos ao seu horto? Se nos enganan as aparencias, mal actuaremos; para atinar coa profilaxe correcta hai que tomarlle o pulso ao contrincante, e iso non é doado nesta vertixe das personalidades.

Os factores emocionais, parentescos e/ou veciñanzas, son auténticos caretos; ¿que, ou quen, hai detrás? Non é bo analizar con desconfianza, pero si cos ollos da intelixencia; con cariño, por suposto, pero, espertos! A empresa familiar é moi guapa, pero esixe máis atención; non desconfianza, atención. Os nosos avós, aqueles do século XX, adoitaban dicir: “A confianza mata ao galego”. ¡Pois a desconfianza, tamén; así que, ollos abertos e, para adiante! Compre manter un equilibrio, establecer un “protocolo familiar” cariñoso pero vixiante, que nos evite as guerras internas, desenganos que sexan irreparables por tardíos!

Cando estudamos Economía, Empresariais, ou similares, os textos formativos dinnos que nas empresas familiares o seu funcionamento non se debe contaxiar pola espontaneidade; aconsellan establecer regulacións claras e sinceras; que os socios se sintan cómodos pero non como na súa casa, adoecéndose. Que o traballo delimitado axuda a previr problemas. Etcétera, etcétera. Se iso procede no mundo mercantil, para a paz familiar outro tanto, ou parecido, que tamén é un negocio, positivo ou negativo, segundo os casos!

¡Señor, que pracer máis puro, máis gratificante, iso de levarse ben de portas para dentro; non hai mellor negocio! Pero o caso é que non hai receitas específicas; hai que ir preparándose, cultivando o criterio segundo se van coñecendo os feitos de cada quen!

Mateo 7, 15-20; e Lucas 6, 43-44. “¡Gardádevos dos falsos profetas que veñen onda vós con aparencia de ovelliñas, pero no fondo non son máis que lobos rapiñeiros! Polos seus froitos coñecerédelos. ¿Ou é que se recollen uvas dos espiños, ou figos dos abrollos? Así, toda árbore de boa caste produce froitos xeitosos, e toda árbore de mala caste produce froitos ruíns. Non pode unha árbore boa producir froitos ruíns, nin unha árbore ruín producir froitos de calidade. Toda árbore que non produce froitos bos, córtase e bótase no lume. Así que polos seus froitos é como os coñeceredes”.  Está claro: hai que mirarlles os feitos, pois os ollos, en contra do dito, non sempre son o espello da alma!

-.-

Matinar, si; maquinar, non.


Il Pensatore, di Rodin.

De metidos no XXI, para ser Rei, ¡Rei de min mesmo!, precísanse 4 Conselleiros: Un Teólogo, para non caer en contradicións relixiosas. Un Psicólogo, para defenderme dos amigos falsos; ¡defenderse dos inimigos é máis doado! Un Economista, que nos ensine a administrar a nosa bolsa, a de minúsculas. Un Avogado, leal e legal, que nos defenda das estrapucias do próximo. Médico xa temos, na Seguridade Social. E de Matemáticas, contando polos dedos...!

¡Ai, pobres nenos os deste XXI, a que vos espera, co complicada que se puxo a vida cotiá! Con iso, a nosa obriga, a dos pais, a dos avós, a dos coidadores, a dos profesores..., é cousa seria, pois require moito esforzo para poñernos á altura que nos incumbe! Se había materia para pensar, daquela, nos tempos de Rodin, se vivise hoxe, ¿como nos retrataría? ¡Seguro que coas dúas mans na cabeza!

A nosa principal obriga, ¡pero a de todos!, é ensinar aos nenos a pensar, xa desde a caneta; a pensar ben, a discernir, a tomar decisións sopesadas, maduras, imparciais! Incumprilo é outro pecado, sobrevido, consecuencia dos pecados anteriores, que refillan, que xeran novas e malignas consecuencias. Precisamente os erros dos políticos están demostrando que xestionar os conflitos non é cousa doada, e menos para simples afeccionados como adoitan ser eles. ¡Hai que bota-las mans á cabeza, á nosa, á propia, para esixirlle concentración, meditación, matinación!

Das maquinacións é mellor non falar, para non cultivalas, pois pode ocorrer, como pasa nos mass media cando explican os trucos dos criminais, que, sen querer, están ensinando a roubar e a matar sen consecuencias. Dos casos individuais, dos seus detalles, tamén deberamos ter Secreto de Estado!

-.-

Volvendo ao tema dos conflitos, que ten máis importancia da que lle damos.


Que vexan en nós un mal exemplo é outro método, eficacísimo, de xerar conflitos. As consecuencias virán despois, por veces moito despois, xeralmente na nosa ausencia, noutro escenario, así que, aínda que para daquela teñamos cambiado de vida, reflexionado, xa non haberá ocasión de sabelo, e por tanto, de desdicirnos. ¡De aceso o monte, quen o apaga?

Satanás, que sempre está atento ás debilidades, debe gozar de raio cando nos ve escandalizar; ¡e o caso é que estabamos avisados!

Agrava a situación o feito de que os nenos cáptano todo, xa desde a caneta, e nós, a maiores, pensando que non se decatan! Volvendo a vista atrás lémbrome que na miña aldeíña moito veleno nos inxectaron aqueles veteranos da guerra, que volvían dela xactándose da súa valentía: mortes, incendios, desfeitas ao inimigo, violacións... ¡E menos mal que na maioría das casas tiñamos pais, avós e tíos responsables, pois, do que non, aquela contaminación, de aparencia gozosa, ía ser peor cá de Sodoma e Gomorra. Aínda que o dixesen un tanto a medias, os rapaces entendiámolo todo. Agora que se fala tanto da violencia de xénero cabe pensar se unha parte dela virá de lonxe, concretamente daquelas intoxicacións, daquela guerra...

Para os criados no campo: lograr un bo cultivo non sempre é doado, pero se deixamos unha leira a monte, aos poucos non hai arado que a roce! ¡Algo parecido!

O feito de que a muller, nas últimas xeracións, rompese as cadeas do fogar, pasando, traspasando a terceiros, unha boa parte da educación dos fillos, estase notando nos conflitos e nas carencias dos rapaces actuais.

Estas conmocións do XXI, nalgún aspecto son positivas, pero noutros negativas; iranse corrixindo na medida ou proporción en que os avances da civilización desacrediten as desviacións dos escandalosos. ¡Hai tantas cousas que corrixir, tantos parafusos que apertar, que moito tempo e moita paciencia se precisará para ir asentando os egos! ¿Quen o fará? Non é tarefa individual senón responsabilidade colectiva, así que, comecemos por un mesmo, para que outros nos imiten, ¡se é que resultamos, se é que somos, imitables nas cousas positivas! Eu apúntome a colaborar; coa axuda de Deus, iso si, pois, como me tiren ao mar coa pedra do meu muíño, sen saber nadar...!

-.-

 A boa sementeira, o Catecismo.

 


Xosé Manuel Carballo Ferreiro, o Mago da Catequese. Chamouno Deus, no ano 2017, para darlle os froitos da súa sementeira.

O principal Mandamento do catequista é ter unha boa formación..., para non deformar, en vista do pegadizos que son os erros! Se encima é un mago, e se chama Carballo..., hai que subilo aos altares! Se o santoral seguise sendo cousa do pobo raso, neste caso concreto xa estaba feito!

Das moitas leccións que nos deixou este superhome, ¡sacerdote!, hai un paragrafo na súa serie de artigos en Galicia Digital, “¿Casan, ou non casan, humor e relixión?”, que o debíamos levar no peito, coma unha medalla, ou coma un antídoto: 

“Non me cabe dúbida de que un mundo que, coma a España do trinta e seis, anda sobrado de crispacións, guerras, tensións, frustracións e amarguras, tamén anda moi necesitado de persoas que aporten gracia, distensión e alegría. De persoas que repartan válvulas de escape para aliviar a presión cotián, sen caer na pura e irreflexiva evasión dos problemas”.

¿Está claro? ¡Claro, si, pero pouco exercido, tamén; esta é unha das tantas receitas que non cumprimos!

Comezando polo fogar, que é o templo inicial; despois do bautismo, claro. A receita que dan os bos pedagogos é esta; con estas verbas, ou parecidas:

-Os avós deben seguir as pautas educativas aconselladas para os pais. ¡Vasos comunicantes, igual nivel!

-Os pais non poden, non deben, restarlles autoridade aos avós; se en algo disenten, fagan as discusións desde que os nenos estean durmidos, ¡e coas portas cerradas!

-Nunca ceder ás chantaxes dos nenos, salvo que teñan eles a razón.

-¿Mentiras aos nenos? ¡Ningunha, coa única excepción da dos Magos!

-Se na casa hai signos e imaxes relixiosas, a catequese familiar será máis eficaz.

-Espiarlles os curmáns, e tamén os compañeiros de clase e/ou de xogos, pois, se vemos indicios de contaminación, hai que vacinalos, illalos, a tempo.

-¿O resto? ¡Pregúntenlle ao párroco, que eu non pasei de sancristán!

-.-

O equilibrio familiar


A carreira matrimonial hai que levala ao altar ben sabida, ou, do contrario, volver en Setembro, seguir madurando. Sería interesante unha estatística que mostrase a mutabilidade dos frechazos; o matrimonio, coma o pan na artesa, ten que levedar, pois un / unha non se casa cunha foto senón coa mentalidade que hai detrás da foto!

Ademais do Decálogo que recibiu Moisés, tan explícito que xa o di todo, andan por aí 10 consellos domésticos, familiares, que axudan, moito, a cumprir os da Lei de Deus:

1.     Aceptar a autoridade dos pais, que pola súa experiencia e amor, saberán educar aos seus fillos, aínda que algunhas veces lles doa a ambos.

2.     Calar, se o que se vai dicir non serve para manter a paz e soamente vale para aumentar a discordia, tendo moito coidado ao facelo, pois algunhas veces o que cala outorga ou consinte.

3.     Comprometerse toda a familia a falar sen berrar, educadamente, cando se presente unha discusión ou un problema.

4.     Ter moi claro cales son as principais virtudes e valores humanos que deben conformar á familia e cumprilos e facelos cumprir por todos.

5.     Fomentar co exemplo a firmeza e maila amabilidade, propoñendo regras íntegras, claras, concretas e respectuosas con cada idade, características e situacións, para que trunfe a xustiza, a liberdade e maila caridade.

6.     Impulsar que tódolos familiares e amigos sexan queridos e respectados, para que iso repercuta como exemplo na sociedade.

7.     Manter sempre unha comunicación aberta, de forma que poda fluír o dialogo entre todos y sobre tódolos temas, pois cada un dos membros da familia é igual de importante ante os demais.

8.     Permitir que todos podan expresar a súa opinión, para que sexa escoitada con atención antes de ser xulgada.

9.     Promover que todos falen ben de todos, evitando as murmuracións, os falsos testemuños, as mentiras e as medias verdades.

10.  Respectar a cada un da familia e facerse respectar por eles, fomentando as demostracións de cariño e de tolerancia, evitando as situacións de violencia, vinganza, odio e rancor.

 

Nas outras carreiras danse diplomas, titulacións; pois na matrimonial o mellor certificado é a emocionante celebración dunhas vodas de ouro, que sempre testemuñan que a convivencia foi..., aurífera! Por se vale de exemplo, esta:

 


No ano 2003..., e seguimos funcionando! (Anécdota: A Virxe que se ve no altar doámola nós, recén casados; seguro que tivo algo de culpa, ¡moita!, da nosa felicidade.

Lin no “Diari de Tarragona – Montse Martínez Bastida, que, “Cuando se crea una empresa es un momento de mucho entusiasmo en el que los socios están concentrados en cuestiones como la financiación, abrir mercado, contratar personal, etc. Pero hay que mirar un poco más allá y recordar que al inicio deben tomarse algunas sencillas precauciones y evitar así llegar a futuras situaciones que puedan complicar la continuidad de la empresa”. ¡Se estas recomendacións se fan no mundo empresarial, por que non no matrimonio, que é o noso negocio vital, o definitivo?

Xa sei que hai cursos prematrimoniais, e son bos, pero tamén se necesita do seu complementario: espiar, coñecer a fondo os comportamentos familiares e sociais da / ou do, que vai ser novo socio da ¿empresa? familiar.

-.-

Marta e María; ¿unha, ou dúas?


Lucas 10, 38-42. “Cando ían de camiño entrou en certa aldea, e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María, que sentada ós pés do Señor, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa; e achegándose a El, díxolle: -Señor, ¿non che importa que miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote unha man. Pero o Señor respondeulle: -Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar”.

Lendo e relendo isto un decátase de que as dúas foron necesarias para o caso; ou dito con máis precisión, que as dúas, na práctica, facían unha, complementábanse! San Benito de Nursia debeu tirar deste episodio a súa consigna, o seu precepto, aquel Ora et labora; ¡seguro! María, oraba; e Marta, laboraba. As dúas foron necesarias para atender debidamente ao Señor.

¿Que a mellor parte era, foi, a de María? Naquel intre, si, pero do traballo de Marta ía saír o almorzo, que tamén era bo, ademais de oportuno! Unha parte era mellor cá outra, ¡vale!, pero, complementábanse. Xesús, de ben mirado, de ben lido, non dixo o contrario, senón que estableceu categorías entre o espiritual e mailo material.

Neste cadro, o pintor debera darlle unha faciana máis vella, con “v”, a María, se quixese resaltar que a espiritualidade gaña cos anos; e que o materialismo, os afáns materiais, van a menos. Certo é, tamén, que a vellez trae os seus gastos, os seus imprevistos, así que nunca está de mais “laborar” para aforrar, na idade propicia.

Xesús non desautorizou a ningunha das dúas; ¡simplemente estableceu categorías! Era o seu, propiciar a Salvación, pois para os materialismos xa traballa Satanás; o seu foi bo, sempre oportuno, sempre en plan de indicarnos o Camiño. Criado na casa dun carpinteiro, e carpinteiro el mesmo, ata os trinta anos segundo tódolos indicios, é a mellor demostración de que enxalzou o traballo, que non viviu, que non quixo vivir, do maná do ceo.

E de paso, predicou? ¡Pois claro, asemade, que xa o facía de neno, tal que daquela que o deron por extraviado cando de feito lles estaba ensinando ¡aos doutores do templo! Lucas, 2, 41-50. “E resulta que, ó cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. Tódolos que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións”.

¡Pero se o temos todo, absolutamente todo, nos Evanxeos! Se os lésemos, se quixésemos entendelos, entendelos e cumprilos, maldito se falta facían as leis civís en ningún país dos que se teñen por civilizados. ¡Co Catecismo, paz na terra, pois o resto son sancións, convivencia forzada neste caos da torre de Babel, que teñen que atarnos..., porque trampeamos, porque non nos entendemos!

-.-

Disxuntiva: ¿por que este divorcio, por que imos os vellos á Misa, e os novos á praia?

 

¡Meus pobres, que o fan para poñerse negros..., coma se tivesen poucas negruras na vida! ¿Ou será porque, de vellos, temos máis cerca o exame final, e daquela éntranos o medo, e co medo o arrepentimento polas omisións gozadas / padecidas? ¡En certo modo vai ser unha consecuencia daquelas omisións!

No XX, cando os curas se subían ao púlpito, e de alí non daban baixado, esquecéndose de que os crentes, ademais de crentes, chegaban cansos, ¡a veces cunha legua de corredoira, ou máis!, e logo que tiñan que volver para as súas casas, para almorzar, pois eles non tiñan Ama que lles fixese o chocolate, había / concorrían ás igrexas máis mozos que vellos. ¡Que alguén mo explique, que non o entendo! ¿Ou si? Cavilando un pouco atopei a solución: No último século non había fútbol; nin fútbol, nin tele, nin botellón, nin bailes á media noite, así que os rapaces ían á Misa, en parte, como espectáculo!

Moito tardou en vir o Vaticano II, coa falta que facía poñer o latín a descansar; ¡ou iso, ou falar todos en latín! O que tiña de bo era que, como tampouco nos deixaban ler a Biblia na lingua de cada quen, por se a interpretabamos mal -penso-, aqueles cregos, en particular os da carreira curta, traducían / interpretaban, eles si, á súa maneira.

A propósito: De cativo, nunha parroquia chamada Gondel, tiven clara a orixe, a comprobación, deste aserto. Unha parte vina, e a outra explicouma meu avó, que tamén estaba presente: Aquel cura queixábase de que lle ían pouco, e poucos, á Misa, así que, acordándose dos milagres dos apóstolos, díxolle ao sancristán: -Cando eu suba ao púlpito, ti, desde a tribuna do fondo, axitas un tizón, con boa brasa. Dito e feito. O crego, desde o púlpito: -Bien queridos feligreses, vengo observando que tenéis poca fe en la oración, cuando que su poder es milagroso. Así, si yo impetro: ¡Que caigan rayos, rayos que abran los ojos a los pecadores, rayos caerán! Nisto oíuse a voz do sancristán, tan inocente e tan obediente, que exclamou, en voz alta por suposto: -¡Ao carajo, señor Cura, que non podo facer o milagre porque..., porque vostede tardou en avisarme, e acabóuselle a brasa ao tizón!

¿Daquela, non houbo milagre? ¡Si que o houbo, pois contaban que, desde aquel día, aqueles fregueses non se cansaban de ir ao confesionario arrepentidos da súa pereza, da súa incredulidade, tanta, que obrigaran ao señor Cura a face-lo milagre da elocuencia, e iso co pouco persuasivo que era!

Bromas á parte, o drama estaba en que daquela acudíamos pero non entendíamos; e agora, que entendemos e nos explican,  non imos! ¿Que milagre, que tizón, nos fai falta, agora, para estimularnos? Xa o sei: ¡O medo á morte, que é universal, pero tarda en vir; e logo que nos levantamos tarde, insomnes, en parte por culpa dos mass media nocturnos!

-.-

O fariseísmo, avanza ou retrocede?


 

Desde que acenda o cigarro douche a caixa dos mistos!

Neste caso trátase dun fariseísmo bo, útil, pois o peor, o tabaco, resérvao para si o cacique, mentres que os mistos, se algún quedaba, podíanlle servir ao mendigo para quenta-las mans no lume..., á falta doutro abrigo!

Co desenrolo das liberdades, ¡xo, cabalo, non vaiamos caer na foxa da libertinaxe!, as carautas foron a menos; non precisamos facer estatísticas, que se nota ben, en tódolos ámbitos.

Carautas, carautas de todo tipo, onde foron a máis é na política, pois, coa competencia sobrevida, e maila mamandurria in crescendo, vese e óese cada discurso que precisaríamos dun tradutor neutral, unha espalladoira, que nos fose separando o trigo da palla.

Un signo notable, visible e palpable, da decadencia do fariseísmo témolo nas igrexas, singularmente ao darnos a paz, aquilo de darse a man con regateo, pouco máis que tocándose a punta dos dedos. ¡Aquilo crispábame! Hoxe abren máis a man, e algúns / algunhas incluso cha apertan con afecto. Á dereita sempre poño á miña dona, así que o primeiro pax tecum é para ela; despois diso vólvome á esquerda para buscar a man seguinte, que case sempre é a doutra muller; xa se sabe, por cada home, na igrexa, tres mulleres, xeralmente viúvas. ¡Agora dan a man chea!

¿Son aquelas que daban a punta dos dedos, as mesmas? ¡Pois, claro; pero agora están desenganadas da vida, xa miran ao redor, feos incluídos! Outra variante que se aprecia nestas viúvas é que deixaron de levar tacón alto; coido que será porque xa se libraron da obsesión de igualar ao marido, en altura física, pois na outra sempre estiveron, e foron, altísimas. (Tamén influiría iso que lles din os médicos de que o tacón esaxerado trae malas consecuencias dos corenta para arriba).

Volvendo, ou seguindo, no fariseísmo: Lucas parouse moito en trasladarnos a semellanza dos fariseos feita polo propio Xesús, e a min sintetizáseme todo naquela advertencia tan rotunda: “-¡Coidadiño co fermento dos fariseos, que é a hipocrisía!”. Lucas, 12 : 1.

¡De fariseo a pasota, un paso!

Danos pena que vaia tan pouca xente á Misa, pero é mellor así, que vaian os fieis, e non aquelas manifestacións farisaicas presididas coas selas maxistrais de cabeceira dos mangantes; perdón, pois debo dicir “dos mandantes”!

-.-

Ao César o que é do César



¿Fai falta reiteralo? ¡Coido que si, pois acotío estamos vendo intromisións absurdas: Mandos da Igrexa politiqueando, e politiqueiros que meten o nariz en asuntos puramente relixiosos, non sempre para ben!

Volvamos a ler: “Mostrádeme un denario. ¿De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición? Contestáronlle: -É do César. Xesús replicoulles: -Pois logo ó César o do César; e a Deus o de Deus”. (Lucas 20, 24-25). Por se fose pouco explícito, podemos ir a Mateo 22, 15-21; ou a Marcos 12, 13-17. ¡Pois, nin coas advertencias do Mestre, e van vinte séculos de controversias, tanto, que onte mesmo, no XX, metemos a Franco baixo palio! O chiste irreverente era: -¡Baixo palio, a Santa Hostia! Resposta: -¡Si, claro, pero é que Franco é a “rehostia”.





¡Cave ne cadas, que se caes acábasenos a mamandurria a uns cantos!

Eses preitos entre o ateísmo e maila Inquisición, se non fosen dramáticos serían risibles, pura comedia. Na miña aldea tíñano claro, que por algo dicían: “¡Zapateiro, aos zapatos, e zoqueiro..., ás zocas!”.

-.-

 

Cando nos queda sede...


Xoán, 4 : 13-14. “Xesús contestoulle: -Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna”.

¡Grazas, Señor, pero a veces somos insaciables, e queremos máis, máis auga, máis explicacións, precisamente cando a nosa sede é grande! Por poñer un exemplo: Aqueles Ite Missa est, do P. Manuel Espiña, seguidos dun saúdo, dun pequeno coloquio, dunha despedida cordial e próxima, enchían a alma. A alma con sede é insaciable, e iso é bo, ¡mesmo apostólico!

Xa sei que hai poucos sacerdotes, así que teñen présa, que os esperan na seguinte igrexa, e na outra, e na outra..., pero algún fregués quedaría saciado, agradecido, se as Misas rematasen, como ocorre nas conferencias científicas, con un explicativo “Rogos e preguntas”. Temos o Evanxeo, e a continuación, xeralmente, a homilía. ¡Xa; pero...; o pero está precisamente nos que estiveron atentos, que lles pode quedar unha sede atroz por darlle outro sorbo ao tema!

-Doutor, a receita xa ma deu, pero, por se non entendo o prospecto, vostede, que é un experto, explíqueme as dúbidas...

¡O Evanxeo explícase por si mesmo! Si, conforme, pero 5 ou 10 minutos, despois da Misa por suposto, igual poden servir para afianzamentos, para clarificacións persoais, de prospecto para aplicar o tratamento receitado. A homilía cortada en seco, ou cos micrófonos baixos, ou cunha audiencia pouco catequizada, pode resultar un tanto seca, e incluso ditatorial.

Volvamos a vista atrás: O vello catecismo, aquel do padre Gaspar Astete, dicía aquilo, tan oportuno, de que, “Doctores tiene la Santa Madre Iglesia que os sabrán responder”. ¡Pois iso! Os nenos tiñan, e seguen tendo, na súa Catequese, se non doutores si iniciados que lles aclaran as dúbidas, as interpretacións. Saímos do Catecismo e pasamos á Homilía preceptiva: ¿Quen, como, e cando, se nos explican as dúbidas, quen nos apaga a sede adicional, suscitada precisamente polo trago anterior? Se estou acertado, nalgún Concilio tratarase o tema, e igual deciden, os Doutores, claro, poñerlles ás Misas un minuto de explicación post para os..., para os indocumentados!

-.-

Da Torre de Babel aos rañaceos do XX

 



 



 

A cousa, -din que-, comezou coa multiplicación das linguas; ten lóxica, pero a idea de vivir cerca do ceo foi a máis, así que da multiplicación das linguas pasamos á multiplicación das ideas, e con isto caemos na multiplicación das torres. ¡Coidado que somos pretensiosos!

O de entenderse non é doado. Xa o dixo Juan da Valeyra, “Todos somos galegos e non nos entendemos!”. Pero non é exacto: O que son, somos, coa miña excepción, é filósofos, que por iso discutimos en busca da verdade. Tan filósofos que por veces pecamos de incrédulos; así temos o caso do señor Sant Iago que, farto de que lle dixesen: “-Déixemo pensar”. Ou: “-Teño que consultalo coa muller”. Ou: “-Todo iso é tan milagroso, que lle agradecería me dea probas...” Decidiu volver á Terra Santa, para consultar con Pedro aqueles problemas. Daquela os mellores barcos ían e viñan de Tarragona, da Tarraco Nova..., pero, ao chegar á Caesar Augusta, parouse a contemplar os pilares daquel templo maxestoso, que estaba en construción. Ao mirar para unha columna decatouse de que lle falaba, desde o alto, nada menos que a Virxe María: “-Pero, Santiaguiño, como lles fas este desplante aos nosos galegos, tan filósofos eles que de fariseos non teñen nada?” Sanct Iago, apeouse do cabalo, e posto de xeonllos diante do mesmo pilar prometeulle á Virxe non só retoma-la predicación senón, e tamén, esperar pola resurrección da carne medio a medio de Galicia.

Os baturros presumen da súa Virxe, pero o caso é que esa aparición foi de Corredentora..., precisamente para nós, para os galegos, que por algo nos gusta vivir cerca do ceo, en forma columnar!

-.-

Iso non vai comigo!

¡Pois si que vai, que non pasa cousa algunha neste mundo tan globalizado que, para ben ou para mal, moito ou pouco, non deixe de afectarnos; así, se o que fan outros, en particular os do noso entorno, me afectada, daquela, en reciprocidade, o que fago eu tamén afecta aos demais!

Se un bo / ou un mal día, sae Trump trasladando a súa embaixada para Xerusalem, declarándoa capital dos xudeus, revolucionará, alporizará, ao mundo musulmán, ¡tantos que son, machistas que son, e por tanto, especialistas na proliferación! ¿É xusto este desprazamento, este recoñecemento? Sería discutible pois na Historia está o deicidio xudeu, orixe e causa de tantas controversias, mais, de presente, había / gozabamos dun equilibrio de paz relativa, que a saber que consecuencias nos trae, ao mundo enteiro, esa decisión unilateral e unipersoal. (Unipersoal, exactamente, non, pois compracer aos xudeus pode ser moi rendible para os ricos da USA).

Por moito que se fale deste tema, da transcendencia dos feitos individuais, nunca será abondo, dada a fraqueza humana. Se queremos velo claro tiremos unha pedra nun depósito de auga estancada: ¿verdade que fabricaríamos unha serie de ondas concéntricas? ¡Pois, aí o temos! Daquela esforcémonos por irradiar exemplaridades, bondades, fe no Deus auténtico, no Único, tratando, á vez, na medida das nosas forzas, de paralizar, de neutralizar, as pedradas de Satanás.

-.-

 

 

O Ceo empézase a gozar na terra, pero coa conciencia limpa.

Tamén gozan os outros..., diabolicamente, que non é o mesmo. Gozar honestamente é unha boa ximnasia; boa para o corpo, pero máis aínda para a alma.

Éxtase = Estado da alma caracterizado por certa unión mística con Deus e a suspensión maior ou menor do exercicio dos sentidos.

Tiven que ir ao dicionario porque esta sensación, que debe ser propiedade dos santos, nunca a sentín. O que si tiven, nalgunha ocasión, a Deus grazas, foi a resignación de acoller os sufrimentos dos que gocei / padecín como ofrenda ao Altísimo por irme sacando de certas fochas que, inicialmente, parecían tétricas.

Xa que entrei no dicionario: Da resignación din que é a actitude de ánimo de quen acepta ou asume algún suceso adverso, etc., e logo que a aceptación asóciase a un entendemento do que se parte para cambiar, alguén ou algo. A estes efectos a solución que mellor me resultou, advertido desde neno por miña madriña, foi a de encomendarme á Virxe das Dores: ¡O que Ela sufriu para Co-redimir os meus pecados, e eu, que son un pecador, bailando no aquelarre! Virxe Santísima, dáme paciencia para facer, para colleitar, algún mérito neste Val das Bágoas, pois diso non estou sobrado!


¡Aí tes a túa nai!

Superadas as traxedias e subidos de novo ao vehículo da normalidade, ben ingratos somos se non lle agradecemos a Deus o gozo de ir camiño do Ceo, achegándonos á meta que nos prometeu por medio da segunda persoa da Santísima Trindade. ¡Ata ao ladrón arrepentido, coma El crucificado, lle prometeu Cristo: “Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso”. (Lucas, 23. 43). ¡Isto non é esperanza; isto é seguridade, vindo de quen veñen aquelas promesas!

-.-

Axudar ao próximo

Falando de facer méritos: ¡Campo e oportunidades temos, así que é cousa de aproveitar este transo térreo!

O meu modelo é, ten que ser, debe ser, a Verónica. Pedro ía para Papa, pero a Verónica foi a primeira misioneira da Igrexa, a primeira persoa que predicou co exemplo. ¡Así llo premiou Cristo, xa en vida, dedicándolle a súa foto!

 


Eu creo na Verónica, por máis que o machismo da época non recollese a súa intervención, pero..., ¡seguro que a houbo! As mulleres, desautorizadas pola Avoa, por Eva, pero levadas polo seu instinto maternal, sempre fixeron por lavar a súa honra, sempre foron misericordia pura. Tanto que admiraban a Xesús as súas paisanas, ¿como non ían sufrir cos seus sufrimentos, como non se ían doer do Mestre, como non ían limparlle, con piedade, os seus ollos desencaixados polas malicias e pola incomprensión xudía?

En cambio, os homes ben que se ocuparon dos homes, que ata subiron á Historia a un labrego de Cirene, que casualmente volvía da leira, (Mateo, 27: 32), “Ó saíren atoparon un home de Cirene, chamado Simón; e obrigárono a leva-la cruz de Xesús”. (Máis ben foi axudarlle a levala). O da leira dino Marcos, en 15: 21, e tamén Lucas, en 23: 26.

¿Onde estou, a cal teño imitado? Señor, perdón, mea culpa, pois, e non só no de labrego, senón e tamén, en cargar coas cruces, ¡porque me conviña, ou porque non puiden evitalas!, ao Cireneo quen o imitou fun eu! No sucesivo, no que me quede, permíteme pasar ao lado da Verónica, darlle o meu voto, imitala niso de apiadarse dos teus sufrimentos, ¡meus en definitiva! ¡Ai Verónica, Verónica, bendita sexas, pois, ademais da túa obra divina, o exemplo que nos deches é impagable! ¡Que Deus cho pague, que xa o ten feito, como demostrado queda!

Nesta vida danche cruces por calquera cousa, ¡eu teño unhas cantas, por aquilo de Ifni!, pero a Gran Cruz pola que suspiro, a Gran Cruz que espero da túa benevolencia, Señor, é a de imitarte, a de seguirte: Ti, Camiño do Calvario, realizando a miña Redención; eu, un labrego, outro, que volve da horta, contemplando impasible o teu Viacrucis, mais espero, e desexo, cambiar de actitude, contribuír no sucesivo a secar as bágoas do próximo, tanto como alcance o meu pano, que é máis pequeniño có da Verónica, pero..., polo menos imitareina!

-.-

 

O problema da transmisión



Esta é a miña, e por tanto, persoal, reflexión; daquela, que ninguén me tome en serio xa que non son teólogo. Sei que existo porque penso, pero, ¿saberei pensar posto e suposto que o único que fago, ¡que facía!, ben feito, eran as zocas?

O altar das miñas zocas

Penso, e por tanto digo: ¿Onde está a alma? No propio corpo, que é o seu portador transitorio, séxase, neste, e durante este, tránsito terreal!

A outra pregunta que me fago é a seguinte: ¿O Adán e maila Eva, cando tiveron os fillos, antes ou despois da súa terrible, e por tanto punible, soberbia, aquela que lles inculcou Lucifer, aquela sublevación, consentida, aceptada, contra o Ser Supremo, seu Creador? Para min está claro, isto si: pecaron antes de te-los fillos, que aí está o misterio desa maldita herdanza. ¡Tiveron os fillos despois de enxurradas as súas almas!

Lanzados do Paraíso, perdidas as súas facultades inmunolóxicas, tanto do corpo como das almas respectivas, entregáronse á paixón, e..., ¡xeraron! Daquela, onde tiñan as almas? ¡No seu corpo, por suposto, así que, ao unilos, coa semente traspasaron alma e corpo, unha semente, un gaxo das dúas cousas, e como ambos pecaran, como ambos desertaran..., ¡xeraron pecadores!

Daquela as almas non as recibimos ao nacer exterior senón que se inician, acompañan, na nacenza, na formación interior, que é a verdadeira nacenza do ser, pois iso de saír ao exterior é simplemente unha emancipación nutritiva; de formados, de conformados, xa robustos, sóbranos o cordón umbilical!

Efectuada esta transmisión, esta conxunta, completa, alma e corpo, hai que deducir que tódolos métodos abortivos son criminais: ¡Matamos un novo ser; un ser vivo, feito, con toda a herdanza recibida, aínda que non fale, aínda que non respire! ¡Invisible, pero, todo un drama; un drama que lle pasa inadvertido á humanidade, pero non a Deus!

A Virxe María, concibida sen pecado orixinal... ¡Claro e rotundo, pois Deus non ía xerar un Fillo nunha muller pecadenta, impura! Aquí cabe preguntarse: ¿Non lle viría xa de súa nai, de Santa Ana, que a concibise por obra e graza do Espírito Santo, e non de Xoaquín, outro San Xosé? Non precisamos sabelo, pois, para salvarnos, chéganos con cumprir a vontade de Deus. ¡Fagámolo, e non nos pasemos, como fixo Eva, Eva e mailo seu Adán, mal aconsellados, e eles, obedientes ao inimigo malo, a ese inimigo promotor dos malos pensamentos! ¡Vade retro, Satana! (Marcos 8, 33)

-.-

As comunicacións:

De Deus comigo, e miñas con Deus. As ganas de romper os silencios.

 


Que Deus se comunica comigo, ¡de mil maneiras!, téñoo ben sabido, ben experimentado; pola miña parte, maiormente cando estou no campo, na súa soidade, daquela séntoo moi cerca e fálolle; trato de facelo co corazón na man!

Nas cousas que me levan pasado, en especial nos perigos dos que fun saíndo dun xeito visiblemente milagroso, sentín que Deus estaba cerca, que tiraba de min para sacarme dos abatementos; faloume en silencio, pero, faloume!

Pola miña parte, salvo cando me chamou para o convento de Herbón, e non fun, no resto, fose polo día ou pola noite, e por veces, ¡moitas!, con moito atraso, sempre procurei acordarme de darlle as grazas; abusando de confianza, iso si, porque sempre lle chamei de Ti, mentres usaba o vostede, incluso para falar cos meus inimigos.

¿Fun unha excepción? ¡En absoluto, pois Deus é tan bo compañeiro que incluso lles fala a eses que din ser, e proclamarse, ateos! Os seus “Cave ne cadas” non son en latín senón na lingua de cada quen, sexa ou non cristián.

Outro tema, outra circunstancia, son as conversacións restrinxidas, breves ou inexistentes, con todos aqueles que me deron o seu afecto ao longo dos anos. ¡Ai, Deus, que ganas levo de falar cos meus, coa miña xente, tanto cos parentes como cos amigos! ¿Señor, darasme esa oportunidade? Cada vez que preguntei a algún teólogo se se fala no Ceo, ademais de loar a Deus, a súa resposta foi lacónica: “Aló non temos lingua, pero si comunicación espiritual”.

A mecánica neste caso é o de menos, non importa; o que si me importa é poder comunicarlles canto os quixen, canto os admirei, canto deles me lembro; e á vez pedirlles perdón pola pouca atención prestada xa que se me ían os ollos para as belezas térreas, fosen mulleres ou flores.

Se é posible esa comunicación, como xa están santificados espero o seu perdón..., se é que non esgotei a cota das setenta veces sete!

-.- 

¿Por que non participamos na Catequese dos Adultos?

 


Cando Xesús chama á nosa porta, ¿por que non lle abrimos?

Con respecto ás Catequeses dos adultos, Roma tennos dito que, ao dalas, as informacións deben ser sempre exactas e actualizadas; que os argumentos teñan unha concatenación lóxica, e que o discurso faga referencia, tamén, aos datos da experiencia, da cultura e da ciencia, que son moi significativos nos tempos actuais. Que a Catequese dos adultos terá un éxito meirande se se presenta aberta ao encontro entre fe, cultura e ciencia, para unha mutua integración, respectuosa das competencias recíprocas. ¡En definitiva, sabendo o que se fai, e facendo o que se di!

A nosa vida en Cristo. (Carta de Paulo aos Romanos, 12, 1-2). “Rógovos, irmáns, pola misericordia de Deus, que ofrezáde-los vosos corpos como sacrificio vivo, santo, grato a Deus: como o voso culto espiritual. E non vos instaledes no mundo presente. Transformádevos, máis ben, pola renovación da mente, para que poidades coñecer cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle agrada, o perfecto”.

A renovación da mente, xa que logo, ten que ser, debe ser, unha disciplina continua e progresiva. Tras das carreiras, o máster; e á continuación, manterse ao día; pois en relixión, o mesmo, e non quedarse coa elementalidade infantil, coa da catequese infantil.

Hoxe as ciencias adiantan que é unha barbaridade..., dixeron en “La verbena de la Paloma”, (música de Bretón e libreto de Ricardo de la Vega). Isto, que é verdade, que adiantan en progresión xeométrica, trae consigo unha esixencia, a de afondar na teoloxía para enfrontarnos ás desviacións dos científicos, pois con tal de descubrir unha formuliña, un remedio, endiósanse, súbense aos cangos, e téñense por deuses, eles, en completo ateísmo. ¡Atérrame, preocúpame, este desequilibrio entre relixión e ciencia!

Daquela, que piden, ou más exactamente, que esixen os niveis da cultura actual? ¡Apostolado, simplemente apostolado! E para discutir cos sabios, ou que por tal se teñen, non hai outra que avanzar pola teoloxía, superar aquel catecismo escolar. Que xa temos as homilías? ¡Si, pero iso só vale, só forma, aos que van á Misa!

Señor Santiago, non permitas que a nosa Gallaecia volva a ser terra de misión..., co traballo que che deu convencer aos nosos entregos!



Santiago ante a Virxe do Pilar

-.-

É moi san pasar polo quirófano... , para os corpos, pero tamén para as almas! Iso pensaba eu, daquela, en “Junio do ano 2014”, cando dediquei, e subín ao meu blog, un libro así titulado,
Dedicado ao Dr. D. Javier Rodríguez-Rivera García, urólogo,

emperrado en extirpar os pólipos da miña vexiga,
pero eses condenados, eses “fénix”,
de cando en vez renacen das súas cinsas.

 

Moi agradecido,

 


 

Xosé María Gómez Vilabella

 

pero esta semana, que volvín a pasar por outro dos quirófanos de don Javier, tiven a sorpresa de que, por tras da cruz, tamén pode andar o diabro. Por se a alguén lle serve de escarmento, vouno referir ao pé da letra:

Separadas as dúas camas por esa colgadura, ou saba, branquísima, pero que non impide a clara audición dos lamentos respectivos, propios das circunstancias, outro operado... Varón, por suposto, xa que lle vira as barbas cando me levaron á, para min, bendita habitación 208. O tal ¿señor? falaba, ou discutía, que diso non estou certo, cunha señora, que polo ton da súa voz xa debía estar entrada en anos. A operación do encamado non debeu ser moi dolorosa xa que falaba forte, levando naquela conversa o que se di, o que se entende, por “a voz cantante”.

Eu, servidor, na miña convalecencia, tiña as orellas tan desexosas daquel silencio que tiñamos no deserto do Sáhara, ¿seguirá habéndoo?, que prefería deitarme nunha duna areosa que naquela cama de brando colchón. O meu fillo, na súa incómoda sela dos acompañantes, a tal momento estaría durmido xa que lle oía un respirar profundo, pero eu..., de Morfeo nin os brazos, para canto máis os abrazos! O veciño, que non paraba, fosen explicacións ou improperios. ¡Tres ou catro veces invocou a Deus, pero... para ofendelo!

Se chego a ter forzas, ou forza de vontade, ou as dúas, o que me apetecía era berrarlle:

-¡Oia, veciño, que para iso de “cagarse” xa temos a saba de debaixo!

O meu escándalo tamén tiña / tivo moito de sorpresa, con medio século de distancia, pois aquel tipo de blasfemia, ¡a Deus grazas!, non volvera a oílo desde a miña infancia, na miña remota aldeíña, e para iso só, tan só, a catro incultos, ou rebeldes, pois as dúas cualificacións merecerían, asemade.

En paralelo, outro pecado meu, dos de omisión, pero..., ¡seguín calado! Tan só ao día seguinte, cando me deron a “alta”, e como fórmula de despedida, díxenlle:

-Quede con Deus, e que tamén El vaia comigo, para que non teñamos que vernos de novo..., nunha habitación destas! (Disimulei).

El, por toda resposta:

-¡Adeus, señor!

Daquela estiven a punto de dicirlle:

-¿Vostede sabe o que significa iso de “Adeus”? ¡Pois élle..., “A Deus te encomendo, e que El te acompañe”!

Outra vez covarde. E logo din que “é máis doado predicar que dar trigo”! Estou cambiando de opinión pois, a tal momento, custaríame menos esforzo, se trigo tivese, darlle unha fanega, que botarlle un predicote ao tal veciño.

Por se a presente vale de predicote..., ¡ata o Ceo, amigos!

Xosé María Gómez Vilabella

-.-

 

Hermanos, morir habemus.

 



Xa o sabemos, pero..., Señor, dáme un pouco máis de purgatorio aquí na terra, que lle teño medo ao outro!

Falando da morte; tomándoa en serio: A partir da paixón, morte e resurrección de Cristo, este vocábulo perdeu o seu significado; agora deberamos chamarlle Vida, ¡a vida con maiúsculas!

Matinando en como será a entrada no Ceo, ¡a entrada na vida eterna, na pura, na perfecta, na indolora!, coido que son capaz de formarme unha imaxe mental lembrando aqueles gozos meus de cando volvía á casa paterna despois das miñas ausencias: ¡Deus, que goce, aquelas apertas, cos pais, cos avós, cos amigos, cos veciños, cos carballos da nosa carballeira...! Pois entrar no Ceo ten que ser algo parecido: ¡Volvemos, tornamos, ao Paraíso, do que nos botaron aquelas miserias, aquelas tentacións; volvemos á Casa de Deus!

¿Os espíritos, as almas, abrázanse? ¡Espiritualmente, si! Daquela, quen estará na porta agardando pola miña chamada? Espero que mos presente o meu “chofer”, o meu Anxo da Garda, ao que lle pido, desde xa, que toque a bucina ao pasar pola Aduana de San Pedro para que se decaten da nosa chegada, para que saian a esperarme, de ser posible todos aqueles polos que teño rezado, ¡xa que creo na Comuñón dos Santos!

Arriba si que se cumprirá, á perfección, aquel indicativo do Mestre: ”Coñecerédelos polos seus froitos”. Alí só estarán os bos, os purgados, así que cabe esperar que brillen coma o sol, ¡ou máis! ¡Deus, que día de goce me espera..., con tal de que suba lavado, perdoado!

-.-

 

Baixándonos ao Dereito Penal español.

Xa o teño medio esquecido, ¡pero está nos meus libros! Repasemos:

La omisión, en derecho, es una conducta que consiste en la abstención de una actuación que constituye un deber legal. Cumpliéndose los requisitos legales, la omisión puede constituir un delito, cuasidelito o una falta.

Así como la acción es un obrar positivo, un hacer, la omisión, en cambio, consiste en un no hacer, en un no actuar, en un abstenerse.

1,- La omisión debe ser considerada causal siempre que el acto o los actos omitidos en el caso concreto hubieran evitado la producción del resultado desaprobado por el Ordenamiento jurídico. (S. 25-6-62).

Las acciones y omisiones penadas por la Ley se reputan siempre voluntarias, a no ser que conste lo contrario.

La relación de causalidad entre la acción u omisión imprudente y el resultado, no ha de ser simplemente material, sino eficiente e ideal, o lo que es lo mismo, consecuencia natural, directa e inmediata de la actividad subjetiva del agente, con su mal precaver, en función de causa determinante o principal del evento que mude el mundo exterior; y si coexisten en la imprudencia diversas culpas, concurriendo a la efectividad del evento, los perjudicados con su conduta , sólo ha de valorarse a efectos penales la más relevante o trascendente. (S. 17-2-1969).

Art. 338 bis.- El que pudiendo, con su intervención inmediata y sin riesgo propio o ajeno, impedir un delio contra la vida o que cause grave daño a la integridad, la honestidad o la seguridad de las personas, se abstuviere voluntariamente de hacerlo, será castigado con la pena de arresto mayor o multa de (entonces)  de 10.000 a 20.000 pesetas o con ambas penas.

Art. 489 bis. El que no socorriere a una persona que se hallare desamparada y en peligro manifiesto y grave, cuando pudiere hacerlo sin riesgo propio ni de tercero, será castigado con la pena de arresto mayor o multa de…

Para máis ampliación, véxase o novo Código Penal español, que en vez de acudir á catalogación exhaustiva dos distintos tipos de comisión por omisión, acude a unha tipificación xenérica a través dunha fórmula xeral.

-oOo-

 

Xosé María Gómez Vilabella


No hay comentarios: