sábado, 5 de julio de 2008

CASTROVERDE na Historia e no presente -VI-



.../...
San Cosme de Barreiros



(Cosme. Sanctus Cosmas. Grego: universo, limpo, disposto en orde). San Cosme é o patrón tradicional do gremio dos barreiros, ¡así que de ceramistas vai/ía a cousa! Anexo de San Pedro de Riomol.

CP 27124. É unha freguesía aprisionada / apertada entre as de Cellán de Calvos, Frairía, Masoucos, Riomol e maila Pumarega. Intégrana San Cosme e mais Barreiros. Na aba do monte de Mordei. (Nunha ocasión pregunteille a un señor co que me crucei ao pé dese Mordei se coñecía o significado de tal nome, e soltoume unha gran parrafada na que me deu a entender que os frades da Frairía puxeran nel un cruceiro para que os veciños meditasen na morte de Cristo, -mor Dei-, no Calvario. ¿Daquela, quén son eu para discutir cos vellos dese lugar, nin dese nin de ningún outro?).

Terra chá, fértil, ben regada e con boas casarías; e logo que teñen ese monte mítico, o de Mordei... ¿Que máis se pode ofrecer, qué máis se pode pedir?

A fonte do Batán, que nos trae a evocación dos seus teares, nace no Pedregal, que foi unha pequena morena glaciar. Perpetúa a lembranza daqueles batáns onde se zoupaban as teas para feltralas, para compactalas, e de paso para darlles suavidade. A fonte da Churriana, que tomou ese nome da proximidade da casa dunha artesá especializada en facer e leva-los churros ás romaxes e ás feiras; esqueceuse o seu nome primitivo.

Aquí a igrexa é o único humilde, que non pobre, coas partes máis nobres en pedra gra, e revocado o resto dos muros. Nave ás dúas augas, cunha trabe tirante que amarra a cuberta. Unha ventá ao sur. Frontispicio cunha portada de arco de medio punto, sen impostas. Espadana dun só van. Presbiterio algo máis elevado e amplo cá nave, ás catro augas. Sancristía no lateral sur do presbiterio. Arco triunfal de medio punto, en aresta, con impostas sobre pilastras. Retablos e imaxes: Sinxelo, con catro columnas salomónicas; as dúas interiores mutiláronas para colocar un camarín. San Cosme, de 0,58 m, titular, cun recipiente de apócemas, bastón, sombreiro e capa. Semidourado. Unha boa peza. Virxe de 0,55 m, co Neno; talla popular. Santo Antón Abade, de 0,67 m, cun libro, báculo, capa e barba cumprida. Tallas do XVI-XVII. Sancristía. A cruz parroquial é de metal, de 0,70. Cáliz de prata cicelada, de 0,22. Dous confesionarios primitivos. Cemiterio xunto da igrexa.

Barrerios, no A R , xunto con Frairía, Furís e Masoucos, foi da xurisdición de Neira de Rei, controlada polo marqués de Montaos.




Santa Baia de Bolaño




(Olalla - Baia. Grego: ben falada, elocuente). Isto de Bolaño tanto pode vir daquela lenda do bolo + un año, da que se fixo mención ao describi-lo escudo de Castroverde, como debido ás bolas de Xivil, da Croa, e do Chao do Outeiro, de 666, 652 e 600 m, respectivamente, que presidente estas terras. Bolo = idea semántica de elevación ou cabezo. Tamén temos a posibilidade de que arrinque do precéltico abod, que indica auga; auga en abundancia, charcas, mananciais... Neste suposto a fonía, a deformación fónica, iría de Bodaño a Bolaño. Para don Nicandro Ares pode proceder do nome persoal Bullanius (LE 350). Este erudito comprobou as seguintes referencias: que na doazón de Afonso III, ano 897, vén Monasterium Sancti Martini de Bolanio, et ecclesiam S. Eolalie (ES XL 388). Nun repartimento de bens feito no ano 1120 polo bispo Pedro III aos cóengos lucenses noméase hereditates Sancti Martini e Sancte Eolalie et ceteras villas in Bolanio (ES XLI 2999). E así, noutros. No ano 1277 (CDF) póñenlle Bolanno.

Bisp. de Lugo. Sendo arciprestado, é unha freguesía anexa a Santiago de Castroverde. CP 27122 e 27129, segundo lugares. Accesos: Bolaño está a un tiro de pedra da Vila de Castroverde, precisamente pola súa aba máis viridis, máis pratense! Pola DP 1611.

Lugares: Bolaño. O Grandón (algo así como monte alto ao final dunha gándara, granda, ou pedregal). Nabeda (ou de nabega, nabal, ou da medicamentosa nébeda, porque o que é de nava, terra baixa e pedregosa entre montañas, iso aquí non cadra. É un auténtico "palco" contemplativo, que pasou de ter tres vivendas a unha soa, así que desde alí son os donos do mundo).

O Pedrón. Pereiroá (pereiroa, algo que ten que ver coas pereiras, ou cos pereiros, rochedos; ¡coas pereiras e coa música, que vaia palco proscenio alzaron no campo da festa da súa capeliña!). Ver foto:


Rodinso (que pode proceder de tantas cousas que ata será mellor esperar por un erudito que afonde no tema). San Fitorio (aquí don Nicandro inclínase a pensar que teña relación con Sanctus Victurius, ou Victorius, ¡e calquera lle discute!). Por último, o que debeu ser, o que foi, primeiro: San Martiño! ¿Cal dos Martiño, a cal deles invocamos aquí, ao de Tours ou ao de Dume? ¡Non dá igual, pois, aínda que ámbolos dous foron grandes homes, e como santos, dos de primeira fila, se o padroado correspondese ao de Tours, iso significaría que andou por aquí o dumiense, "corrixindo rústicos", e que foi el, precisamente el, quen fundou o eremitorio, dedicándollo ao seu admirado predecesor, de igual onomástica!

Os seus termos lindan con Montecubeiro, Vilariño de Castroverde, Pena, Rebordaos, Vilabade, e tamén, nunha punta, con San Miguel do Camiño.

Augas. O río Chamoso (arteria principal do vello condado de Flammoso), que se vai formando, entre outros, polas seguintes achegas: Riazor (rego do Azor), que empeza na serra e baixa co nome de Catidonia, ou Calidonia (das calcarias). O de San Martiño, ou da Valiña, que ten por sentinela o muíño de Gervasio, salvado milagrosamente da DP 1611 grazas a unha curva de trazado difícil que se viu no dilema de entrar no cemiterio ou abate-lo muíño, pero aquí houbo salvación, tempero, para ambas reliquias. O Flammoso, tal e como lle corresponde á súa rega cerealista, cargouse de muíños, case desde a súa nacenza, pois un pouco máis abaixo témo-lo muíño dos Madarro, seguido do de Pestana. O rego de Xivil, ou de Pena, pola outra banda do lugar, ¡da vila nai!

Na croa de Xivil (ollo con este nome, que tanto pode vir da súa forma, un monte cunha especie de xiba, ou chepa, como por ser abondoso en xibas, que é unha planta parecida ao sanguiño) alcánzanse os 667 m. Ao seu redor, nas súas abas, canteiras de calcaria, innúmeras, abandonadas. No ano 1833 Guillerme Schult , ¡outro xermano, outro suevo, outro correcamiños!, na súa descrición xeolóxica de Galicia puxo de manifesto a existencia de antimonio neste monte de Xivil. Tamén estiveron denunciadas, a principios do XX, dúas pertenzas de mineral de ferro.

Na parte de San Martiño están as louseiras de Veiga Seca, de lousa azul, cun outeiro próximo que excede dos 650 m.

Hai unha fonte que procede do monte Real; e logo están as do Barrio, as do Batán, Xivil, San Martiño... O que é sede, por aquí non pasan, nin a xente nin os prados, ¡que son os mellores do mundo, segundo opinan os técnicos do Catastro!

Casaróns impecables e coidados, algúns enormes, que pregoan o poderío, pasado e presente, desta parroquia. ¿Que houbo en Bolaño, na antigüidade, ademais do santuario de San Martiño e do seu ramal do Camiño Primitivo? ¡Ah; iso está sen descubrir e, por tanto, sen demostrar! Do recente conformémonos coa sona da súa banda de música, competidora coa de Pena, e á viceversa, por case todo o século XX.

Restos históricos: Ademais da Cova da Valiña, tratada noutros apartado, está a constancia de que o mosteiro de San Martiño xa existía no século IX. Cítase nun escrito de Afonso III, do 897. No XIV contaba cun hospital de peregrinos (evidencia do trazado ou ramificación do Camiño Primitivo, e polo tanto, da Vía romana. A capela de San Martiño crese que é da época da do San Miguel de Celanova; e segundo López Ferreiro, a ábsida desta igrexa pódese considerar do século X.

A parroquial está un pouco illada das casarías, presidindo unha paisaxe magnífica e feraz, cunha altitude no seu soarego de 565 m. Atrio amplo, e cemiterio adxunto, esquinando coa estrada DP 1611, que é a de circunvalación de Lugo. A nave cóbrese ás dúas augas, sobre catro arcos de medio punto, con bóvedas de canón de barrote; lunetos que parten dos arcos formeiros. A fronte, en boa cantería; porta alintelada; óculo; torre de catro vans, con acceso desde o exterior a través dunha escalinata polo interior do muro. Presbiterio algo máis elevado e saínte cá nave, con dous fachais ao sur; bóveda de aresta, do mesmo material que a nave. Sancristía na parte posterior. Todo o templo leva unha cornixa corrida, de pedra. É obra do século XIX. Retablos e imaxes: O maior, neoclásico. Santa Eulalia (Baia, Alla, ou Balla, segundo sitios e épocas), 0,78 m, titular; ático cunha pintura de Cristo. O lateral Norte, sen maior interese; Inmaculada, de 0,65; Santo Antón, de 0,53. No lateral Sur, un santo innominado, de 0,57 m; e San Roque, de 0,50 m. Na sancristía dous cálices sinxelos, de prata; un cristo, de 0,50 m; e un bo moble para roupas.

López Ferreiro deixounos unha reseña dos sartegos desta localidade, "que estaban destinados para gente rica y acomodada".

Foi un dos floróns, -señoríos-, do Conde de Altamira.



Forno do cal, de Pepe Dorrego;
foi o último dos construídos nesta bisbarra.




San Salvador de Cellán de Calvos


Acaso veña do latín cella, cela, cuarto pequeno; celeiros, pequenos habitáculos rodeados de muros, para garda-lo pan, etc. Amor Meilán escribe Cellán de Campos. No 1352 cítase San Salvador de Çella de Moesteiro (Liceo Franciscano 1997). Iso dos "calvos" puido referirse a calvelos, zonas con pouca ou nula vexetación. Como freguesía é un anexo de Santa María da Pumarega; Arc. de Bolaño e Bisp. de Lugo. Duns anos a esta parte veñen celebrando como festas patronais as da Virxe do Bo Parto.

CP 27143. Pódese ir desde Castroverde (4 km mal contados), ou desde Sobrado; e tamén baixando da parte de Vilalle, segundo a procedencia do visitante. Nunha altura á aba O. do monte das Devesas. Confina: Polo N, con Covelas, E, coa Frairía; S, con Barreiros, e algo coa Pumarega. Pecha polo O co outro Cellán, e tamén con Pereiramá. O terreo participa de monte e de chan, con soutos de frondosas dun robusto arboredo; a parte destinada a prados e demais cultivos é de boa calidade, así que, ¡de calveiros, nada!

Lugares: Cellán de Calvos, Pereirón (lembremos que un pereiro tamén é unha prominencia rochosa), A Viladónega (¿a Vila da Dona, da Señora?), e Vilar.

Augas: O Fervenza, que se explica por si mesmo. Fontes: A de Abaixo (abaixo do lugar). A do Espiño, que nace en Catarmán (o nome é difícil, pero a súa auga excelente) e de aí vaise para Cellán de Mosteiro. A de Entrefontes, ou do Pozo. A das Rascadiñas, que nace en Centeás (agra dos centeos). E logo está a da traída, tamén chamada de Armillán (¿de Aremirus?) polo lugar do seu nacemento. Pero aínda nos quedan a do Vilar, a da Viladónega, a do Real, a Rega do Ferreiro, a do Prado Novo... ¡Non se dan probado, e iso que todas son boas!

Cativa como freguesía, pero enorme na súa potencialidade económica: Castiñeiros, carballos, algún piñeiro, froiteiras...; e magníficas praderías. As casas son, case todas, de boa cantería; xeralmente de planta cadrada.

A igrexa téñena, ¡elevárona, e nunca mellor dito!, no lugar de Cellán, con bos accesos. Atrio-cemiterio xunto do templo. Nave ás dúas augas, cunha trabe tirante; porta alintelada, e espadana dun van. Cabido a tres augas, sobre piares cadrados. O presbiterio é máis amplo e elevado cá nave, ás catro augas. Cornixa e ventá ao S. Arco triunfal de medio punto, sobre pilastras. Retablo de pouco valor: O Salvador, de 0,70 m, de traxe talar; santo Antón, de 0,40; e unha talla da Virxe, de 0,23. Pía bautismal do ano 1815. Cáliz de prata. Sancristía na parte posterior do presbiterio.

Pola parte O., a 200 metros, a croa, ou castro, de Cellán. Ao S., noutro outeiro, a croa, ou castro, de Vilar, Ámbolos dous están cubertos de carballos e de matogueira.




San Pedro de Cellán de Mosteiro



¡Onte!



¡Hoxe!

(Pedro, do latín: Pedra firme coma a rocha). Os dous Cellán son anexos da Pumarega. CP 27143. Situación: Nunha chaira dominadas polos montes dos Outeiros e Cabreiral. O seu termo confina coas freguesías de Espasande, Pereiramá, Cellán de Calvos, Uriz, Miranda, e maila Pumarega.

Augas: O Mosteiro e mailo Tórdea. A fonte do Barranco, que non se chamaría así de nacer nas alturas, pero resulta peor coa que temos entre Cellán e Espasande (a dos Cagallóns, con perdón), que haberá que pensar en cambiarlle o nome se seguen chamándoa así. Zona de moito arboredo e de bos pastos.

A igrexa é, ¡era!, románica, asentada nun outeiro, cun atrio-cemiterio ao redor. No século XII había un mosteiro neste lugar, que non debeu ser grande a xulgar polos vestixios que quedaron na igrexa. A nave era románica, cuberta de lousa sobre armadura de madeira. Muros laterais simétricos, cornixa basta, sete modillóns e unha seteira por lenzo. Porta no lateral sur, cun arco apuntado, cego ao exterior por un tímpano alintelado. No frontis, de bos perpiaños, a porta principal cun arco de medio punto, a pano co muro; impostas de nacela; tímpano monolítico por sobre das xambas. O presbiterio, cun arco triunfal, é unha obra posterior. Máis amplo e máis elevado que a nave; ás catro augas. Sancristía no lateral norte, en plano inferior, ás tres augas.

Retablos e esculturas: O maior, barroco, sinxelo; catro columnas salomónicas de acios. San Pedro, de 0,70 m, boa talla, barroca, do século XVIII. Santiago peregrino, de 0,75, século XVI. Virxe do Carme, de 0,65, século XVII. Santa Lucía, de 0,50 m. Un santo, 0,80, con hábito e báculo. E santo Antón, de 0,64 m. Pezas mediocres, séculos XVII - XVIII. Santo Anxo, de 0,60, basto. Cristo, de 0,40 m, popular. Cáliz de prata coa inscrición: "Me dio Dn Ml Dotº Cura de SnJvº D Camba con vn ornato a Nra Sra de los RRMos sita en la Ygla DSn Po D Sellan D Mosteiro Año 1796". Pía bautismal, dun metro, cunha moldura dórica, circular, que a divide en dúas partes. No corpo inferior, a cruz de Malta e un II611, que pode significar 1611. O estado actual do templo vello é ruinoso en grado sumo.




San Miguel de Covelas



A igrexa de Covelas non é como para escondela, pero..., ¡téñena tan gardadiña nesta revolta da estrada que o turista dá con ela grazas á altura do seu campanil!

¿Covas, furnas funerarias? Unha cubela é unha costa, un terreo en pendente (da familia do topónimo Cubeiro (de Caraño, Monte Cubeiro, etc.) Tamén pode ser un terreo entre dous montes. Por outra parte, unha cuvela é, ou pode ser, unha inscultura rupestre en forma de pequena cova. O nome desta parroquia veuse escribindo e pronunciando con inseguridade, con vacilación entre o "o" e mailo "u"; entre o "b" e mailo "v"... ¿Con qué carta nos quedamos? O sitio é bo, que é o que importa, así que decidan os veciños do lugar, que son os que mellor o coñecen e máis lle queren, Arc. de Bolaño e Bisp. de Lugo.

CP 27125. Accesos: A un paso da vila. Nunha chaira, na aba do monte Marrondo, que domina polo E: polo O témo-lo Bidueiros (bidus, betulas). Confina con Vilariño de Castroverde e con Vilalle, con Recesende e Pereiramá, con Cellán de Calvos e coa Frairía.

Lugares: Covelas, A Eirexe, A Granda (granda, ou gándara, terra baixa, xeralmente areosa, húmida, e con vexetación brava, de pouca altura), O Souto e Marrondo. (Marrondas son os illós, fontes ou pozas con tremedal ao redor; marroa, aínda hoxe se di da vaca que non empreña; marrondo/a é, pois, un concepto xenérico de bravío, sen decruar ou de natureza salvaxe). En Marrondo está a leira do Santo, que tanto pode evocar unha doazón pía como o asentamento dunha ermida -hoxe desaparecida- dun santo, ou considerado como tal. Entre Covelas e Pereiramá está o monte do Castelo, con 607 m. Isto dos "castelos" que tanto se repite na nosa toponimia lévanos a pensar que moitos fortíns defenderon esta bisbarra na antigüidade.

Pola parte oeste, dous outeiros: val do Outeiro e Castelo, cubertos de árbores. Unhas rochas grandes, formando ocos, que reciben o nome de covas dos Mouros.

Fontes: A da Vila, que nace nunha carballeira e é conducida ata o lavadoiro. As mozas cantábanlle, de paso que lavaban as súas canelas: "Se lavas na fonte da Bica / por guapa pasarás; / e se xa o es..., / con isto mellorarás". ¡Augas así non as teñen en cas Cadaquén! Aínda que, con semellante fonte, servidos ían, Deus abriulles outras, como a dos Pisasapos, a do Pousafoles, a da Virtude, a da Auga Alta, a de Lagares, e, para sobremesa, a da Pateira.

Bos casaríos; construcións en pedra gra. Arboredo de castaños, carballos, pinos e bidueiros, maiormente. Unha veiga fértil.

A igrexa está un pouco illada, cun atrio-cemiterio ao redor e bos panteóns de granito e de mármores. É anexa de San Pedro de Vilalle. A nave cóbrese ás dúas augas, sobre madeira, con dúas vigas tirantes. Cornixa acanalada e ventá ao sur. Frontispicio granítico; porta de arco de medio punto, sen impostas. Unha xanela rectangular e espadana de dous vans. Piso de cantería e coro alto aos pés. O presbiterio está máis elevado cá nave; ás catro augas, con cornixa acanalada. Arco triunfal de medio punto, sobre pilastras. Sancristía no lateral norte, con accesos desde a nave e presbiterio, cuberta coa prolongación das augas da nave.

Retablos e esculturas: O maior, que é barroco, sinxelo, con catro columnas salomónicas; acios. San Miguel, dun metro, titular, no ático; Virxe do Rosario, de 0,80, pintada e policromada, do século XVII, con san Xoán da Cruz e maila santa Tareixa aos laterais, de 0,50. Coroan o retablo unha Virxe de 0,75 m., e un santo Bispo, de 0,70 m. Na nave, retablo lateral norte, barroco, con dúas columnas, de acios; unha forneliña, cunha Virxe de vestir. Estivo dourado. Nunha peaña, o san Roque, de 0,65, pintado e policromado. Pía bautismal e dúas de auga bendita; cruz parroquial de madeira, de 0,86; dúas lámpadas de metal; cáliz de 0,22, cun releve lineal na base, do século XVII, de prata cicelada; copón baixo, de 0,10; e Sagrario expositor co Agnus Dei.




Santiago de Espasande.



Aínda que só sexa por admirar estes canzorros non se pode pasar de largo pola DP 1611 sen baixar a Espasande.

Freguesía anexa da parroquia de Goi. CP 27125. Cantos máis "Espasandes" temos, e logo que están dispersos: Un en Cedeira, outro en Teo, outro en Riotorto, etc., máis enigmática se nos fai a procedencia, a derivación real, deste topónimo, pois non se trata dun derivado local, tribal. Algo houbo, por suposto, acaso no celta, ou incluso no precelta, que lle deu tal raíz. Por Riotorto arraigaron os bretóns, pero, ¿e noutros lugares, tan separados xeograficamente? En canto ás terminacións -ende, -inde, -endo, os lingüistas fanas partir de -sindi, xenitivo de sindus, e este do gótico sinths, "camiño, ou expedición militar". ¡Por aí, por aí andará a cousa! Para don Nicandro Ares, e fagámoslle caso unha vez máis, que nisto da toponimia é un mestre, ¡nisto tamén!, abonda con pensar nun posuidor, de bo nome Spassandus. ¡Daquela moitos debeu haber, xa que tanto se espallaron!

Está situada nunha chaira, nas abas da serra de Tórdea. Deslinda con Monte, Pereiramá, Cellán de Mosteiro, Uriz e Goi. Polo O ten o Camiño Real, hoxe estrada de circunvalación, alcatranada, que viña do Ribeiro de Monforte para seguir a Castro, a Mondoñedo, e tamén á Fonsagrada, unha vez bifurcado en Castroverde. Espasande foi célebre nos últimos séculos polo seu liño, excelente, que o manufacturaban con primor nos seus teares artesáns. Xebraban a facenda en dous currais: O de Arriba e o de Abaixo. Outra particularidade é que alguén terá que ir buscándolle outro nome a unha das súas agras, que vén en certos papeis como "Agra de Indo a Espasande". ¡É abraiante cómo se vai perdendo, ou terxiversando, a toponimia, incluso nos mapas oficiais!

Augas: van ao Tórdea. Fonte de Neira, tamén chamada Bica de Neira, que nace no Góldrao de Ribón (¿de Gulduradis?), da que se conta esta lenda: Morreu ao nacer un fillo de Moza, no intre en que ela enchía unha sella de auga; e para disimula-la súa deshonra, escaravellou un pouco coas mans, soterrándoo. Aos poucos foi a por outra sella unha veciña honrada, que oíu berrar: "¡Naiciña, que non me bautizaches; socórreme, bótame auga de socorro!". A veciña, compasiva, baleirou a súa sella por riba da terra removida, dicindo: "Sexas quen sexas, e así sexas fillo de mala nai, con intención de bautizarte, bautízote. ¿Chégache?". Debeulle chegar pois naquel sitio nunca máis laios se oíron. Fonte do Pazo, que nace preto do mesmo Góldrao de Ribón, e rega os prados das Veiguiñas. A lenda desta última, que tamén a ten, é longa de contar, así que invito ao turista para que lles pregunte aos vellos do lugar. ¡Ás vellas, non, por favor, que lles pode saír a roibén! Queda a do Leiro Novo, que manda as augas para os prados de Espasande.

En canto ás vivendas palafitas deste lugar, das que tanto se ten opinado, escaravellen, que logo atoparán os seus puntais, que seica eran de piñeiros requeimados.

Montes: Canteira do Bidueiro e mailo Forno da Vella. Boa pradería. Pinos, carballos, bidueiros... É un sitio agradable, pintoresco e acolledor, do que non se esquecerán, en particular da súa igrexa.

No castro, hoxe cuberto de árbores e de matogueira, a 50 m. da igrexa, exhumouse un muíño de pedra, de man, que está no Museo Etnológico do Cebreiro. ¡Outro achado do noso Castroverde ciscado polo mundo, pero a culpa é nosa, por non facerlles sitio ás cousas valiosas, patrimoniais!

Igrexa parroquial do románico popular, con nave rectangular e ábsida semicircular. Cun atrio-cemiterio. O templo actual conserva toda a súa fábrica, coa excepción do frontispicio e da sancristía, que se lle uniu ao lateral norte, cegando con iso parte da nave, e tamén da ousia. Esta igrexa é unha peza elegante e sobria. A nave, esvelta, cóbrese de lousa, ás dúas augas, sobre armadura de madeira. Os muros están algo caleados. O lateral do sur está resgado por unha seteira. A sancristía, como cega parte da nave, só deixa ao descuberto catro modillóns; no interior percíbese a seteira lateral. Frontispicio cunha porta sinxela a lintel, unha ventá rectangular e espadana din só van. Piso de madeira. Coro alto aos pés. No lateral norte, arco de acceso á trasteira-sancristía. A ábsida é semicircular, máis baixa e reducida cá nave. Forte cornixa corrida sobre once modillóns, historiados algúns; dous bustos humanos e un modillón con dous bustos infantís. Arco triunfal, dobrado, en aresta; impostas bastas; descansando sobre pilastras a arquivolta intradorso; a superior sobre do muro. Por enriba do arco ábrese unha seteira, cun bo derramo interior. A ábsida cóbrese cunha armadura de madeira. Ventá ao sur. Segundo o experto en románico, Jaime Delgado, esta igrexa e maila de Uriz son as que mellor conservan os trazos orixinais deste estilo.

Retablos e esculturas: O maior é barroco, sinxelo; Santiago peregrino, de 0,80 m, descalzo; santo Antón, de 0,47; santa Lucía, de 0,47. Conxunto do século XVII. Lateral dereito, neoclásico; sinxelo; Piedade, de 0,75, unha boa peza, do século XIX, cun Cristo caído sobre da súa perna e do brazo dereito. Lateral esquerdo, barroco; humilde, con relevos de rocallas; Inmaculada, de 0,50; san Roque, de 0,50; san Ramón, de 0,60. Tallas mediocres; do século XVIII. Na sancristía, unha custodia moderna, en metal prateado, de 0,45. Cáliz, de 0,20; século XVII. Copón, de 0,23, en prata, moderno. Outro cáliz, de 0,22, coa inscrición: "Este cáliz LºDO Pº LºPEZ D Castro Platero a esta igla D Espasande DoNES Bautizado Pª EL Sº DEL SSº Sacram Aº / 1655".




Santa María da Frairía



Do provenzal fraire, e do latín fratre. Terra, ou terras, dos frades. Freguesía anexa a Furís. A 5 km de Castroverde. CP 27124. Delimitan esta parroquia Vilalle, Covelas, Cellán de Calvos, unha punta de Barreiros e Masoucos, cun radio de2 km escasos.

Lugares: O Albardeiro (artesán, fabricante de albardas; do árabe Al barda); o Castro; a Folgueira (terra abondosa en folgueiras: felgos, fentos, fieitos); a Frairía (localización da igrexa); a Nogueira; 0 Peredo, e Sucastro (da parte de abaixo do castro).

Augas e montes: Rego de Cazás. Fontes: a Paragüeira, a de Folgueira, e maila colectiva da Frairía (a propiamente dos freires). Estribos meridionais da serra de Mordei (Vacariza), que nestes termos acada os 909 m. Monte do Agro, con 720 m.

A igrexa é unha peza curiosa, que excede da liña tradicional. Presenta unha agradable perspectiva, con adro e cemiterio en torno. Fábrica de tres naves, separadas por dúas arcadas de medio punto, que descansan nun piar central e en dúas pilastras pegadas ao frontispicio e ao presbiterio. A nave central cóbrese ás dúas augas, con robusta armazón de madeira e tres vigas tirantes; as laterais tamén a dúas augas, perpendiculares á central. Desde as laterais, dúas escalinatas, a través dos piares centrais, que dan acceso a dous púlpitos de base pétrea e enreixado de ferro. O frontispicio, en pedra gra, un pouco saínte, corresponde tan só á nave central. Porta con padieira en pezas. Unha cornixa corrida delimita o frontón que coroa a espadana, de dúas troneiras, cimacio triangular cun ollo e tres pináculos. Coro alto aos pés da nave central. Piso de formigón. O presbiterio, máis amplo e alto cás naves, a catro augas. Cornixa moldeada en gola. Arco triunfal de medio punto. Ceo da cúpula sobre unhas pendentes bastas.

Retablos: O maior, de 5,10 m, barroco, de estípites; século XVIII. Dous corpos, con tres rúas cada un. Catro columnas de estípites no inferior, e dúas no superior. Decoración de relevos estilizados. Asunción, de 0,80 m, sentada sobre un nimbo de nubes, con tres anxos, da época do retablo. Virxe co Neno, de 0,80; boa. Santiago peregrino, século XVI. Santo con espada, de 0,60 m. Coroa o retablo un medallón rectangular cun releve da Virxe dando a man a un frade dominico. Relevos de querubíns, de 1 x 0,45. Na nave lateral sur, dous retablos. Un deles con dúas columnas salomónicas de acios; sinxelo, sen tallas. Outro humilde: Virxe coas mans xuntas, de 0,75; século XV, popular. Virxe co Neno, coroa de madeira, de 1 m, do século XVI. Anxo cun dragón aos pés, de 0,62. Nave lateral norte: Cristo, de 1,45; popular; do século XVII. Cruz parroquial de prata repuxada e cicelada, de 0,65 x 0,43. Broche do cáliz, catro óvalos, dous discos na parte superior; relevos de follas e de espellos. Brazos con repuxados de tema vexetal. Placa sen cruz, lisa, tanto no anverso coma no reverso. No brazo inferior, lateral dereito, punzón: "D.DI.M.DE..N.S.S.D." Século XVII.

Hai unha capela dedicada ao san Xoán.




Santo Estevo de Furís



¡Hai que coidar este pousadoiro
que é dos poucos que se conservan no país!




¡Pero a igrexa, dous pasos máis abaixo do cruceiro,
tamén merece tódolos honores!


Furís, ¿de furados, furnas? ¿Acaso polos ocos de antigas cámaras sepulcrais? (Estevo, vén do grego: Coroado de loureiro, vitorioso). O grande estudoso da toponimia galega, xa tan repetido Nicandro Ares, que se detivo especialmente neste enigma de Furís, saca as súas conclusións partindo dunha escritura do ano 917, na que unha tal Gilvira, muller do conde do Ero e fundadora, con el, do mosteiro de Ferreira de Pallares, Guntín, lle outorga a este cenobio "medietate de villa que dicunt Fusines que est segus monte Cupeio". Deste xeito, Fusines, ou Furines, pasaría, de boca en boca e de orella en orella, a Furís. En todo caso, a cousa parece ter un matiz latino, derivando dun possessor Furinius (Furius é un xentilicio que significa furioso, arrogante, ou algo así). Houbo un Camilo Furio, vencedor en Veyes.

A igrexa parroquial, adicada ao Santo Estevo, foi matriz das de Miranda, Frairía, Masoucos e Barreiros.

CP 27123. Lugares: A Abelleira (colmeares, ou tamén lugar no que se da ben a herba abelleira, ou sexa, a melissa officinalis). A Azoreira (ou azureira, abundancial de azores, como pasa co rego de Riazor, entre Bolaño e Castroverde, aínda que pode ser máis prosaico xa que en galego "azureira" tamén significa "lugar cativeiro"). O Couso (cousos chamóuselles ás construcións herméticas onde se gardaban os cereais despois da malla, na propia seara, ata que os recollesen os recadadores do Señor, ¡que non darían abasto posto que toda a colleita lles coincidía a un tempo!). Dese sistema de cercados impenetrables sae o de chamarlles así aos hortos pequenos, se están ben cerrados. Nesta bisbarra o de "Couso" quedou na toponimia, en varios lugares, e tamén pasou aos apelidos. Furís de Abaixo, ou O Río; e Furís de Arriba, ou A Eirexe. Latadal (latado/a é unha armazón, dun carro, dun tellado, ou mesmo das varas de cura-los chourizos, así que, algo de varas ou táboas). Lourentín, que é un xenitivo. E maila Pereira. Dos termos de Castroverde confina con Riomol, Mirandela e mailo Páramo.

En augas, o Augueiro e mailo Agreado. A fonte das Lamelas, que fertiliza unha serie de praderías antes de casar co regato do Acevedo. Boa auga por certo, que ademais de ser boísima para beber, dálle bríos a un muíño panceiro. Montes: Marco da Lagoa (942 m.), Cabanela (925 m.), e mailo castro de Furís, con 822 m.

O templo parroquial domina a maior parte dos lugares desta freguesía, cun atrio-cemiterio en torno. É amplo; renacentista. Dúas naves e un espazoso trasteiro ao longo de todo o lateral Norte. Tres arcos sobre piares separan as dúas naves. A principal leva un arco faxón á altura do primeiro dos piares par apoio da cuberta. A nave lateral protéxese con outro arco faxón á altura do segundo piar. Frontispicio con boa cantería, e tres portas en lintel. Espadana de dous corpos, dúas troneiras no inferior e unha no superior, con abundante decoración barroca. O presbiterio na mesma liña da nave principal, pero máis elevado; cuberto ás catro augas. Ceo de barrote lucido. Arco triunfal de medio punto. Sancristía na parte posterior, máis baixa e reducida; ás tres augas. A porta da nave principal está protexida por un soportal amplo, de planta cadrada, sobre columnas monolíticas que levan unha base corrida de granito, que na parte inferior adaptouse para asentos. Altar maior cun retablo neoclásico, sinxelo. Santo Estevo, de 1,10m, que é o titular; santo Anxo, tamén de 1,10. Tres medallóns con pinturas, no corpo superior. Púlpito con fuste e peaña granítica. Pía bautismal cadrada, de 1,00 x 1,00, con ángulos cortados.

Ao nacente de Furís está o monte da Casiña, no que se conserva unha croa notable na que se localizaron vestixios históricos, entre eles unha cabeza con trazos elementais, boca, ollos, nariz... ¿Que foi dela?




Santa María Madalena de Goi



E a un lado, os sartegos:



¡Catro alicientes ten esta igrexa: O edificio en si mesmo, e logo que está upado nun castro, cunha carballeira por contorno, e tamén unha "familia" de sartegos! ¿É, ou non é, un museo polivalente?

(Madalena. Hebreo: Natural de Magdala. Magdala é a forma grega da hebrea Migdal, torre). Como Goián, Goiás, etc., parece tratarse dun topónimo derivado dun nome persoal de orixe xermánica. Nisto tamén hai opinións variadas, así que, ¡a escoller! Arc. de Maestrescolía e Obisp. de Lugo. De Goi son anexos parroquiais Espasande e Tórdea. CP 27125.

É unha das freguesías máis reducidas do municipio de Castroverde, pero está localizada nun val pintoresco e fértil, na aba oriental do monte Bidueiros e á marxe do río Goi. Polo sur confina con terras do Corgo. O castro de Goi, emprazamento da igrexa, está a nos 496 m.

En augas, o Uriz, que vai ao Tórdea. Fonte Fría, ou Fonfría, que é a máis importante. A do Lagarto, e outras menores. O rego de Goi é lavadoiro-bebedeiro. Montes: de Goi (635 m), Forno da Vella (632), e mailo Castro de Uriz (500m).

O templo parroquial, sobre o castro antedito, está ao SE do lugar. Os sartegos, en rocha viva, están mesmo ao lado da igrexa. Nesta mesma localidade apareceron varios muíños prehistóricos. A igrexa resulta algo modesta para o contorno que a acolle. Frontispicio con espadana, nave ás dúas augas, presbiterio algo máis elevado e saínte. Sancristía na parte posterior. Cantería. Retablos de pouco valor. Imaxes: santa María Madalena, cun vaso de ungüento; santo Antón, de 0,66; san Roque, de 0,65; santo Anxo, de 0,65. Outra María Madalena, moderna; Inmaculada, de 0,80, algo basta; san Bernabé, de 0,27; san Ramón, de 0,68. Dous cálices de prata: o de 0,21 é do século XVII; e o de 0,26 do XIX. Cruz parroquial de metal.




Santiago de Masoucos



A Masoucos, igual que pasa co Santo André de Teixido, segundo a tradición do lugar, van de mortos os que non foron de vivos. ¿É por iso que non pechan a porta...?

¿Campo, morea, de mammulas ou mammas, mamas ou mámoas? ¿É por qué non de massa, "masías", mansións? Massa auri, chamábanlles aqueles romanos aos lingotes de ouro. ¿Queda algo...? Sexa como sexa, o certo é que vén de algo importante. É anexa de San Pedro de Riomol. CP 27124. Situada nunha chaira, na aba da serra de Mordei, concretamente entre a Frairía e Riomol. Tamén confina coa Esperela.

Lugares: Masoucos e Trascastro, separados por un outeiro coroado por un castro no que levantaron o templo parroquial, con adro e cemiterio.

En augas: O rego de Masoucos, tamén chamado Cubeiro. ¿Pero, de fontes...? Vaian contado: Abelleira, Alargo, Barral, Caspalledo, Cubeiro, Grobiña (unha groba é un lugar estreito, de paso, pero tamén lles chamaban así os romanos aos seus lavadoiros das areas auríferas), Lamas, de Masoucos de Arriba, dos Polos (que algúns din "dos Piollos", polos mosquitos, claro!), Reboira, Senela, Travesela, e maila de Trascastro. Montes: A Devesa, que acada os 798 m.

Templo: Presenta unha nave rectangular, co teito de madeira a dúas augas sobre tres vigas tirantes. Unha porta no lateral sur. Frontispicio con cantería de bos bloques. Porta con lintel. Espadana dun corpo con dúas troneiras e unha campá. Cimacio, cunha troneira e tres pináculos. Protexe o acceso un amplo e forte cabido, cerrado por unha repisa cun só acceso frontal; sobre da repisa, como baseamento corrido, elévanse seis piares que soportan o teito, a tres augas. Pola parte inferior unha repisa corrida, ou podio, que serve para asento. O presbiterio é algo máis amplo e elevado cá nave, e cóbrese ás catro augas; con muros caleados, igual que a nave. Arco triunfal de medio punto, rebaixado, de impostas saíntes e pilastras. Sancristía na parte posterior, na mesma liña, pero máis baixa, a tres augas, con dúas portas de acceso desde o presbiterio. Retablo maior sinxelo, neoclásico, sen tallas. O retablo sur, de 2 m, é barroco, con dúas columnas salomónicas con motivos de vide. Santiago peregrino, de 0,70, titular; santa María Madalena, de 0,80, de xeito romántico; O Salvador, de 0,80 m, bendí coa dereita e sostén a bóla do mundo na esquerda. Tallas populares, século XV. Cáliz sinxelo, de prata, de 0,21 m.

O castro, que serviu como localización para esta igrexa, xa é pouco perceptible. Dos sartegos aquí descubertos algún aproveitouse nas reformas da tapia do adro.




Santiago da Meda



Meda, do latín meta, montón ou columna cónica. Pode referirse á existencia de mámoas prehistóricas, ou a pequenas altura. (Ollo, que non se pronuncia Meda, senón Méda, co "e" aberto). Arc. de Terrachá e Bisp. de Mondoñedo.

CP 27293. Accesos: Indo de Lugo, pola 630, despois de Bascuas, cóllese unha desviación á esquerda, precisamente a que pasa por Gondar. De utiliza-la 640 hai que apartar á dereita en dirección Lea-Suegos, e de chegados a Córneas xa estamos nos termos da Meda. Lugares: Córneas e maila Meda. Aínda que só ten estes dou núcleos de poboación, trátase dunha parroquia de considerable extensión territorial, que chega a confinar con Castro de Rei.

Empecemos por Córneas, unha zona que converteu as súas inmensas chousas en pasteiros, logrando así unha gandería espectacular. A súa etimoloxía pode proceder do precéltico carn, ou corn, pedra, lugar de pedregullo, tal que ocorre cos lugares franceses de Corn e Cornas, ou co inglés Cornwall.


Aquí temos o carballo da casa de Pedro Ferreiro, en Córneas,
para recordarnos que neste lugar non só hai pedras e vacas
.

A capela de Córneas é un edificio rectangular, de 7,00 x 5,30, con dúas vertentes, e lousa no pavimento. Muros de mampostería. Retablo salomónico, de 1,92, de catro columnas, con tres furnas no piso principal e un oco no remate, sen pintar, con esculturas de san Diego de Alcalá, de 0,52, e mailo santo Antón de Padua, de 0,57 m.; obra popular, de pouca calidade. A imaxe de san Roque, que é o titular, xa non se conserva.

Hai quen di que os vellos da Meda sempre transmitiron a tradición de que o Lugo antigo estivo alí, e que diso vén o apertamento das súas casas. ¡Ten a súa lóxica! Despexada a zona de inimigos / opositores coa vitoria do Medullius, parece propio que conservasen as súas defensas, os seus campamentos, por moito que lles tirase o "Lucus", o bosque sagrado dos celtiñas. Había que seguir conquistando en dirección a Asturias, e de alí á Cantabria, para cerra-la chousa, para enlazar coa Tarraconense. ¿Para iso, onde ían ter mellor loxística que na zona de Castroverde? O de Lugo podían consideralo como unha meta, un terreo axeitado, pero, de momento, ¡a carballos! A inmediatez do Miño, as augas termais... Pero todo iso iría ben, sería oportuno..., ¡para cando consolidasen o seu establecemento zonal, que en principio, e non tan provisionalmente, tiñan os castros conquistados e mailos seus campamentos de Andión, Castelo do Mons Ciro, Romeán...! E logo que as murallas, obra lenta, e por tanto tardía, levaron o seu tempo, entre facerse coa man de obra e cos materiais; ¡máis dun século!

En augas, moitas. ¡Quén llela dera a aqueles nativos, subidos cos seus rabaños ao monte Medullius (logo, Mons Ciro), que só dispoñían das dúas lagoas, e para iso, unha delas pequerrecha! En Córneas: a de Córneas, a dos Seixiños, a da Parcería, a do Perexil, a fonte Rubia, a da Zarra do Ferreiro, etc. Na Meda: para empezar, a Dos Namoros; e despois, a das Veigas, a do Dero, da Carballosa, de San Fitoiro, da Ribeira, das Fontaleiras, ou Fontaneiras, a de Peizás, a do Real, a das Rozas, a Rubia... Polo lugar, ¡máis ben vila!, pasa o regato da Cuba; e logo están o da Carballosa, o das Veigas, o de San Fitoiro, o Couso dos Lobos, os Paraños, a Fontela, o das Xesteiras, o das Salgueiras, o das Augas Revoltas... ¡Con iso e con todo, aínda se me puido esquecer algún!

Montes: Pena Libreira, que acada os 636 m; pena dos Coios, con 629 m; monte Cabana, 621m; monte da Rebola, con 582 m. No Alto do Cruceiro están a 602 m.

Canteiras: famosas as que producían a pedra daquel famoso cal da Meda que, en competencia co obtido noutros lugares deste filón, que empeza en Bolaño e desaparece en Arcos de Frades, amalgamou non só unha boa parte das paredes lucenses, senón, e tamén, das herculinas. Esta é outra xustificación de que os romanos permanecesen na Meda e no seu contorno, que a precisaban para facerlle a cerca ao seu, ¡ao noso!, Lucus.

Son numerosos os documentos medievais que fan referencia a esta freguesía. Un deles, do ano 1130, menciona o rego da Ameneda (ameneira). En 1032 figura como límite do Castro Santo de Labio con motivo dunha cesión ao bispo de Lugo D. Pedro, efectuada polo Rei Bermudo III. O convento de dominicos de Montecubeiro cobraba aquí algunhas rendas, segundo se deduce dunha escritura de venda realizada por esta institución a San Domingos de Lugo, no ano 1633.

A igrexa parroquial foi reconstruída en 1910, conservándose da anterior o frontis, parte dos muros da nave principal e a espadana, que é de dous vans. Planta de cruz latina coa sancristía no brazo da cabeceira. Escultura de Santiago Peregrino, de 0,88 m, policromada, da segunda metade do século XVII. Escultura de Cristo, repintada, que parece obra do século XVIII. Imaxes de san Xosé e do santo Antonio de Padua, modernas.

Prehistoria e etnografía.- Castro da Croa, co nome de Os Castros para os terreos lindantes. As Medorras, nun lugar próximo aos Castros. Sitio dos Castelos, ben elocuente por si mesmo... ¡Medullius, Lugo antigo! Agra do Foxo (foxos, trapelas para captura-los lobos que cruzaban de Monciro para a Granda da Amurín, ou A Mouriña, e viceversa, onde seica houbo unha villae Maurinii, xenitivo de Maurinus), xa nos límites con Suegos. Terreos de Cabos Anchos, onde se mantén a tradición de que por alí, nalgún recuncho, están soterrados catro santos, ¡catro! Seguramente daquelas persecucións dos romanos... Un cruceiro de brazos alongados, de granito, con inscrición, nun cruzamento de camiños entre Córneas e a Meda. Monte da Pedra Chantada; ¿unha pedra fita, un menhir...?

A Meda, con Barredo e Moreira, pertenceron á xurisdición de Lugo.




Santiago de Miranda



CP 27144. Terra cha e fértil, na estrada que vai, ¡ou vén!, a Sobrado de Picato, con fácil e agradable acceso desde a N-VI; e tamén desde a A-6. Altitude máxima, 607 m. Iso de Miranda parece un hidrónimo. De Miranda é como se chama a fonte de Arriba, de arriba do lugar. En todo caso aquí non teñen que mirar ao lonxe, pois é bo e grato todo o que teñen nos seus arredores. Esta parroquia está situada, asentada, nun val ameno e frondoso, circundado pola serra ou monte de igual nome, que a domina polo leste.

Ao N do lugar hai un castro, hoxe convertido en terras de labor, no que apareceron vestixios de sepulturas. Como freguesía é anexo de Santo André de Mirandela. A importancia de Miranda evidénciase coa lembranza de que tivo feira propia, inaugurada o 12 de outubro do ano 1924.

O templo ocupa a parte máis alta do lugar, cun adro e co cemiterio ao redor. Nave cuberta ás dúas augas, cunha cornixa corrida que soportan uns canzorros bastos, de tendencia románica. Porta a lintel. O presbiterio é máis reducido cá nave, cun arco triunfal apuntado. Sancristía na parte posterior. O retablo maior, neoclásico, con catro forneliñas. Santiago Matamouros, cun musulmán aos pés, de 1,15 m; boa peza, titular; San Roque, de 0,65. Retablo lateral dereito, de estípites, dous encadramentos. Virxe dos Remedios, de 0,90 m. A pía bautismal é de 0,80 m, con círculos en relevo e unha cruz no medio; aos pés, relevo dun busto humano. Pía da auga bendita tamén de 0,80 m, chantada no muro sur, con galóns.




Santo André de Mirandela.



En Mirandela, agora que escasea a cera, utilizan de candeeiro unha castiñeira: ¡En vez dun cirio, un piñeiro!

CP 27144. Arc. de Bolaño e Bisp. de Lugo. Entre Miranda e Furís. Lugares: Mirandela e Outeiro das Vellas. ¿Das vellas? ¡Iso será hoxe, pero ese nome xa rexía cando eran mozas! ¿Por qué?

Augas: Rego de Miranda, que baixa do monte. Por aquí temos a fonte do Allo, que outros din da Alla; o nome é accesorio, pois o importante é a sede que mata. Desde logo, o que é a allos non sabe, que eu probeina. Altitude máxima, no monte do Outeiro, 644 m.

Sitio pintoresco, no valiño dun rego que baixa da serra do Rañadoiro, (rañadoiros, porcións de terreo pelado), de Furís. ¡Se será fértil este lugar que ata lle nacen piñeiros nos ocos, nos podricos das árbores!

O templo está un pouco illado, na parte alta, cun adro ao redor e cemiterio limítrofe. Nave rectangular de 6,20 x 10,20 m. Porta alintelada. Esquinais e vans en granito. Cuberta ás dúas augas, con tres vigas tirantes. Presbiterio de 5,70 x 3,20, máis alto e reducido cá nave, ás catro augas. Sancristía na parte posterior, na mesma liña do presbiterio. Retablo maior neoclásico, dun corpo e ático. Santo André, de 1,00 m., titular. Santo Antón, tamén de 1,00 m. Un retablo pequeneiro no lateral Sur, do século XIX, con rocallas.

Unha ermida antiquísima, dedicada ao Divino Salvador.






Santa María de Monte



Dise que non todo o monte é ourego...,
¡pero aquí si: ademais de ourego, prados e pazos!

Monte, do latín mons, montis. É anexa de Paderne. CP 27143. Na aba da serra Bidueiros, cun val fermoso; ¿cal non o é aquí por Castroverde? Boa pradería e casarías grandes.

Augas: O regato das Lagas, ¡das lagas do liño!, e mailo do Camiño de Baixo, que nace nas Bidueiras. Fontes: a de Arriba, a do Cano do Lugar, a do Carballiño, a da Costa, a da Nabeira, e maila do Regato.

Montes: canteira do Bidueiro, con 602 m. Ademais de utilizarse para sacar pedra de construción, dela fanse moas de afiar.

Templo moderno, de 1929. Amplo, cun adro ao redor e cemiterio adxunto. Bos muros, de granito visto nas partes máis nobres, e caleado o resto. De planta rectangular, 9,50 x 20,80 m, con dúas capeliñas en cadanseu lateral. Frontispicio cunha porta en arco de medio punto; reloxo e torre dun corpo con catro troneiras. Non ten retablo maior. En peañas: Inmaculada, de 1,05 m.; santo Antón, de 0,90 m; Neno Deus, de 0,60 m. Retablo lateral esquerdo sinxelo, do século XVIII, procedente da igrexa antiga, de dous corpos con catro columnas decoradas con rocallas; Virxe co Neno e peaña de tres anxos, de 0,70; san Roque, de 0,65; a Virxe do Carme, de 0,85; santo Bispo, de 1,00 m; santo Papa, de 1,00 m. Cáliz de prata, de 0,23, século XVIII; copón de copa plana, de 0,15, en prata, século XVII. Pía bautismal de mármore, moderna.

Ademais da igrexa parroquial hai unha capela coa advocación de santo Antón, de propiedade particular.

García Teijeiro menciona os sartegos da casa de Camba, engadindo que tamén os descubriu en Bidueiros, en Espasande, en Rebordaos, no Outeirín de Recesende, etc. Segundo o propio García Teijeiro, o uso destas sepulturas estendeuse á época da monarquía asturiana (quere dicirse, Gallaécica, pero con residencia preferencial en Oviedo), especificando que tamén as teñen por xunto da porta da igrexa de San Antolín de Bedón, o que equivale a confirmar que se trata dunha liña de poboación sueva que seguiu a Vía Lucus Augusti-Lucus Ásturum-Gigia.

Pasa a CASTROVERDE -VII-

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: