A XENEROSIDADE NA NOSA CONTRIBUCIÓN…,
TEN PREMIO!
Xosé María Gómez
Vilabella
Dedicado ao meu Párroco actual,
D. Amador Martínez Santos,
que me fai gozar oíndo e vendo o
ben que ensina Catecismo aos nenos.
Xosé María
Gómez Vilabella
Contribución.-
A nivel xeral, unha contribución é un aporte, sexa voluntario ou forzoso, sexa
a unha persoa, unha campaña, unha organización, etc.
Cando falamos de
“contribución”, este termo tráenos á memoria os pagos que, directa ou
indirectamente, lle facemos ao Estado, ao Erario Público... ¿E logo, as outras,
as outras contribucións; as persoais, as que lle debemos ao próximo, estea
próximo ou lonxe? De estoutras fálase, e faise, pouco, pero tamén son obrigatorias, máxime para os bautizados.
Aquela parábola do
samaritano bo? ¡Foi outra lección maxistral, das do Mestre, así que convén
lembrala, tela presente!
Lucas
10:
29-37. “Pero o xurista, querendo xustificarse,
preguntoulle a Xesús: -¿E quen é o meu próximo? Xesús replicou: -Unha vez un
home baixaba de Xerusalén a Xericó, e asaltárono uns bandidos, que, despois de
roubalo e de bourar nel, deixárono medio morto. Cadrou a baixar polo mesmo
camiño un sacerdote, que, ó velo, deu un rodeo e pasou de largo. Igual fixo un
clérigo, que tamén pasaba por alí. Pero un samaritano, que ía de camiño polo
mesmo lugar, ó velo, sentiu mágoa; e achegándose a el, curoulle as feridas con
aceite e viño, e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha
pousada e coidouno. Ó outro día colleu dous denarios, deullos ó pousadeiro, e
díxolle: “Coida del, e cando eu volva xa che pagarei o que gastes de máis”.
-¿Quen dos tres che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?
El respondeu: O que practicou a misericordia con el. Díxolle Xesús: -Pois ti
vai e fai outro tanto!”.
Rotundo e claro,
non si? Daquela, a cumprir!
Paulo.
Carta aos romanos. (15: 25-27). “Arestora vou ir a Xerusalén para
facer un servicio ós irmáns, pois Macedonia e Acaia quixeron facer unha colecta
a prol dos pobres que hai entre os santos de Xerusalén. Así o quixeron, e con
razón, posto que están en débeda con eles. Porque, se os xentís tiveron parte
nos seus bens espirituais, deben tamén á súa vez partillar con eles os
materiais”. ¡Ademais de predicar, dar trigo! ¿E nós, que, que facemos, que xa
temos recibido vinte séculos de apostolado; para cando o noso aprobado, a nosa
Licenciatura?
-.-
Os
cestos comézanse polo fondo: ¡É de ben nacidos ser agradecidos! ¿Ai,
si? Daquela:
Señor, Creador
Omnipotente, douche as máis expresivas gracias..., por tantas cousas! Unha das
principais é, foi, que me permitises nacer nesta terra de privilexio, neste
Edén galaico, precisamente no seo do catolicismo, cousa, privilexio, nunca
bastante recoñecida; nin recoñecida, nin agradecida. Por se antes non o fixen,
agora, si: ¡Douche as gracias; de corazón; e perdoa a demora, se é que a houbo!
Señor, vou facer
unha mención sucinta, que tamén quero ser dos agradecidos. Voume lembrar de
todos aqueles, ¡dalgún, xa que foron moitos!, dos que te valiches para quitarme
do barro, para criarme, para educarme, para ensinarme a distinguir o ben do
mal. Nisto último aínda estou verde, ¡e cos meus anos!, pois o teu, ¡o noso, xa
que é común!, inimigo, Satanás, desde aquilo da Eva non se cansa de intrigar,
así que temos un problema de discernimento que nos dá que tecer, ¡e non para!
Xa sei que o teu Fillo, o Ben Amado, na súa oración ensinounos,
¡recomendounos!, pedir iso tan profundo, ¡tan necesario!, de que, “... líbranos
do mal”, que ben traducido, do arameo, da lingua na que falaba o Mestre,
significa “líbranos do maligno”,
pero ese cabrón é tan cabrón que non acougará ata que ti, Señor do Ceo, o
peches no inferno, definitivamente, ¡pero con sete chaves!
Cronoloxicamente,
o meu, ¡o noso!, agradecemento, o inicial, o primordial, debe ser para esa
parella que nos xerou. ¿Si? ¡Si, e non! Si, por criarnos, por nutrirnos, por
educarnos, por instruírnos, por levarnos da man, afectuosamente, en tantas
cousas! O que resulta máis escuro foi o de xerarnos, pois..., de postos a
brincar, igual non pensaron nas consecuencias, na responsabilidade do seu
brinquete!
Grandísimo, e
seguramente que xa lles pagaches, Ti, por nós, o seu apostolado, foi o daqueles
padriños bautismais, padriño e madriña, madriña e padriño, un par de apóstolos.
Case nada: ¡lavarnos do pecado orixinal, precisamente coa receita que lle deu o
noso Salvador, Xesús, ao seu primo, ao Xoán!
Isto último faime pensar: ¿Os de antes, que? Deus,
na súa bondade infinita, cando nos redimiu fíxoo para todos, naqueles tres días
que estivo cos defuntos, axudándolles a entrar no Ceo. Hoxe, coa nosa
tecnoloxía, diríamos que estivo dándolle ao ascensor da gracia, subíndoos ao
Ceo; de paso, deixou as portas abertas para os que viñésemos detrás,
particularmente os bautizados. ¡Que día tan grande aquel do teu Nacemento; que
regalo nos fixo teu Pai, que lección de humildade..., naquelas pallas!
Nunhas pallas,
¡tiven o honor desa equiparación!, tamén miña nai, asistida pola señora Josefa do Rego. Seica era costume poñe-las
nais nunha saba de liño, enriba dun brazado de palla e cerca da lareira, ¡para
que non se arrefriase a cría ao saír dun lugar quente para entrar na friaxe da
terra! ¡Señor, outro privilexio que agradecerche; a Ti, e por ti, á señora
Manuela do Rego!
De bautizados
pásase á confirmación. Este sacramento débollo, no meu caso, ao bispo de Lugo,
alí en Luaces... Os rapazolos do meu lugar, pícaros eles, gastáronme o bromazo
de que o bispo me ía dar..., ¡unha hostia! Deuma, si, pero, consagrada! De
paso, alistoume nas filas do exército do Espírito Santo; pero non para unha
guerra, senón para a paz, para esa paz impartida na terra polo propio Xesús
Cristo. A única guerra que temos, que debemos cumprir, ¡obrigatoriamente
ademais!, é esa que ten Deus cos anxos rebeldes. ¡Pobre daquel que deserte, do
que se pase ás filas do inimigo, ás do diabro! Xa llo dixo o Mesías cando se
atreveu a tentalo: “¡Vade retro, Satana!”.
Outra obriga teño
coas persoas que me protexeron, coas que me consellaron: ¡Moitísimas! Tamén as
houbo que, co seu mal exemplo, invitáronme a desertar, mais, para esas, como
tamén nos ensinou o Mestre, “... así como nós perdoamos aos que nos ofenden...”
Díxoo, mandouno o Mestre, así que, por min, ¡fágase a túa vontade, señor!
Xa o teño dito
noutras ocasións: Débolles máis, moitísimo máis, aos inimigos que aos amigos,
pois os malos puxéronme en garda, estimuláronme para reflexionar, para
coñecerme mellor, para distinguir no seu espello o cariz e mailas consecuencias
das súas malicias.
Confeso que levo
recibido moito, pero, ¿pagueille ao próximo con igual moeda? Prégolles aos meus
avogados que, nese xuízo da Porta de San Pedro, aleguen que vontade non me
faltou, pero..., a carne, desde aquel tropezo do Paraíso, é débil, que xa o ten
recoñecido o Mestre desde aquel día da oliveira! (Mateo 26,41).
-.-
...
así como nosoutros perdoamos aos que nos ofenden... “2844 La oración cristiana
llega hasta el perdón de los enemigos (cf Mt 5,
43-44). Transfigura al discípulo configurándolo con su Maestro. El perdón es
cumbre de la oración cristiana; el don de la oración no puede recibirse más que
en un corazón acorde con la compasión divina. Además, el perdón da testimonio
de que, en nuestro mundo, el amor es más fuerte que el pecado. Los mártires de
ayer y de hoy dan este testimonio de Jesús. El perdón es la condición
fundamental de la reconciliación (cf 2 Co 5, 18-21) de los
hijos de Dios con su Padre y de los hombres entre sí (cf Juan Pablo II, Cart.
Enc. DM 14).”
Facémola boa,
¡facémola mala!, se non perdoamos, así que, como lles dicía Millán Astray aos
seus lexionarios:”¡Oído al parche!”. ¡Atentos á orde!
A nosa obriga está
en devolver ben por mal. ¿Que é difícil? ¡E logo, en que se diferencia un
cristián dun pagán? Neste mundo os cargos, as categorías, teñen o seu aquel de
vantaxes; en contrapartida, obrigas! A meirande das categorías é, está, en ser
cristián; por conseguinte, aí está a nosa responsabilidade; apostólica, nada
menos!
Os que teñen
condecoracións ben se xactan delas levándoas, exhibíndoas, por riba da súa
roupa; e os militares van de uniforme; ¿en canto á cruz de Cristo, que? ¡Fora
dos cregos e das monxas, se a levamos é ben escondida, debaixo da garabata!
Tampouco é de regulamento porque a nosa credencial, a suprema, está nos feitos;
en facelos ben feitos, que non en presumir deles.
Dicía o vello
Astete: “¿Es cristián? r/ Si, pola gracia de Deus!”. ¡Pois, xa que temos esa
gracia, honrémola, fagamos un bo uso dela; que se vexa, que se note, que se
transmita con e na exemplaridade!
Cantos máis
periódicos lemos, máis radio oímos, e máis tele vemos, máis medran as
catástrofes, as malicias, as traizóns... ¿Será que antes tamén as había, pero
que nos pasaban desapercibidas por carencia de mass media? En todo caso, que
Deus nos ampare, pois boa falta temos diso. ¿De quen é a culpa? En boa parte,
dos cristiáns, porque nos comportamos como renegados. ¡Señor, se ti foses
ministro de Hacienda xa nos tiñas subido as contribucións, pero, es tan
misericordioso! Ao que se ve, déixanos a iniciativa, así que, ¡arriba coas
contribucións, que as temos baixas, cutres que somos! Compre dar exemplo,
compre revisar as nosas conductas; ¡acudamos aos Evanxeos, e se non oímos ben,
poñámonos audífonos para escoitar as homilías!
¿Os que non van á Misa, que? ¡Pois será cousa de que
o Papa outorgue indulxencias aos que van..., en vista de que agora todo o facemos por intereses, por recadar en
vez de contribuír!
¿Volver á
Inquisición? ¡Nunca; en absoluto; iso gustaríalle a Satanás! A nosa Inquisición
ten que ser, debe ser, individual: Facer exame de conciencia, xulgarnos a nós
mesmos, impoñernos restitucións, saír da nosa pasividade contributiva, predicar
co exemplo, imitando ao samaritano, que niso está a solución. Cal fillo
pródigo, volver á casa paterna, á Igrexa!
Temas para reflexionar
¡Que ben o dixo o
que isto dixo! Quen tamén o dixo superior foi San Paulo na súa Carta aos
Gálatas (Gal 6, 7-10): “Non vos levedes a engano, que de Deus non hai quen faga
riso. Conforme sementes, recollerás. O que semente baixos instintos, dos baixos
instintos recollerá podremia; pero o que semente no Espírito, do Espírito
recollerá Vida eterna. Non cansemos de face-lo ben, que, como esmorecer non
esmorecemos, cumprido o tempo habemos ter boa colleita. Polo tanto, fagamos ben
a todos, mentres temos tempo, maiormente ós nosos irmáns na Fe”. Daquela, ¿a
que esperamos, por que esperamos?
Os romanos,
¡pagáns, si, pero “cobráns” máis aínda!, ben dicían, e ben practicaban, o seu:
“Do ut des”, Douche para que me deas! Pois os cristiáns aínda somos, aínda
debemos ser, más prácticos cá eles pois contamos co compromiso bíblico de que
Deus paga..., ¡o cento por un! ¿Un cento? ¡Máis aínda, pois a Gloria Eterna non
é avaliable coas matemáticas fenicias: é infinita! ¿Sabendo isto, e somos
cutres co próximo? ¡Merecemos que os burros nos chamen “burros”, pois nós tamén
levamos a carga..., sen sentila!
Dar é bo, pero,
quitar? ¡Nalgún caso, si! Estou pensado, e voume referir, a unha media hora de
televisión, pois, se lla restamos para dedicala á meditación nocturna, iso é
valiosísimo: ¡Media hora de meditación, na cama, como complemento doutras
piedades, é gloria pura, gloria anticipada! Nas grandes empresas, tal que nos
Bancos, levan un balance diario, cotián; daquela, para nós, hai empresa
meirande cá da nosa salvación? Coas reflexións nocturnas apreciaremos as
perdas, pero tamén as ganancias; de onde vimos e para onde vamos. En
definitiva, trátase de poñer a traballar a conciencia, que é, ou debe ser, o
noso contable.
¿A
conciencia? ¡Non
hai esmeril máis duro, así que, para que nos pula hai que comezar por pulila;
si, a ela! Todo o día, cada día, pero dun xeito especial na quietude da cama.
O hábito non fai
ao monxe..., pero axúdalle! Desde que se colle o hábito de examinar a
conciencia polas noites, de día en día ímonos facendo máis frades, máis
relixiosos. Se fósemos perfectos, tal que os anxos, e para iso algún deles
tamén pecou, abusando dese libre albedrío que dá Deus ás súas criaturas, non
precisaríamos limar asperezas, pero somos como somos, fillos de Eva, así que
levamos ao lombo esa herdanza, e non queda outra máis cá de retornar á limpeza
do bautismo, ¡tantas veces cantas sexan necesarias! ¿Como? ¡Lavando os hábitos,
os malos hábitos; castigando a conciencia cando esta se nos desmande;
amansándoa, coma quen amansa unha fera!
Seica foi o
arcebispo Fulton Sheen o que dixo que “o exame de conciencia, en lugar de
inducir tristeza convértese nunha ocasión de ledicias”. ¡Tivo razón! Claro que
dá tristeza rememorar os pecados, pero co arrepentimento, de confesados, a alma
medra, goza coa ledicia do propósito da emenda.
A confesión empeza
por min mesmo, en min mesmo, traendo á memoria os deslices, para renegar deles;
o burro sentirá máis ou menos a carga que leve, pero, unha vez descargado,
séntese outro!
Pecar, xa o
sabemos, é desertar das milicias de Cristo, pero no arrepentimento está a
amnistía, o retorno a casa do Pai. ¡Ben nolo explicou o Mestre explicándonos,
aplicándonos, a parábola do fillo pródigo!
Os cinco pasos que
recomendaba San Ignacio de Loyola:
1.- Poñerse,
situarse, (despois de persignado, claro), na presenza de Deus, agradecéndolle
que nos dese a ocasión do arrepentimento.
2.- Pedirlle,
agradecerlle, esa gracia que actúa, tan reiteradamente, “non unha vez, nin
sete, senón setenta veces sete”, na nosa vida.
3.- Agradecerlle
que sigamos tendo memoria; unha memoria reflexiva, crítica.
4.- Reflexionar,
comparando días: ¿Imos a mellor; imos a peor?
5.- Mirar ao mañá;
facer plans de mellora; ¡facelos, e cumprilos!
Os atletas
adéstranse acotío; non si? ¿E os cristiáns?
É moi doado
separarse, illarse da Igrexa, desertar, así que, en evitación dese perigo
recorramos diariamente, noite si e noite tamén, á bandeira de Cristo, ese
Cristo que se deixou crucificar para redimirnos, ¡por iso e só por iso, na súa
paixón, voluntariamente aceptada!
A miña dona e mais
eu, que non nos dá vergoña poñelo por escrito, ¡todo o contrario!, antes de
darnos o bico nocturno, “Ata mañá, amor; se Deus quere!”, rezamos, ao unísono:
“Con Deus me deito e con Deus quero levantarme; que a Virxe María me cubra co
seu manto, nesta cama e sempre; e ti, Señor, dáme penitencia en vida, e na
morte salvación, que se morro esta noite me sirva de confesión. Amén”.
Santa Teresa de
Avila, esa Santa que tanto admira a miña dona, na que tanto se inspira, ¡ambas
admiten, e confesan, que Deus tamén anda entre os pucheiros!, dicía, afirmaba:
“Unha das principais razóns do pecado, ¡das sen razóns!, está en non darse
conta da presencia permanente de Deus”. Claro que Deus está connosco, desde
sempre e sempre, pero se nos durmimos sen lembralo, é tanto como darlle as
costas; negarlle, e negarnos, as boas noites, e coas noites, os días.
-.-
Contribucións:
Positivas e negativas.
Dar, a virtude de
dar, sempre é positiva; a de recibir, en certas ocasións é negativa. O que dá
da porque llo pide o corazón, a súa bondade, a súa xenerosidade; para o que
recibe, tratándose dun folgazán, dun folgazán en boa idade e con boa saúde,
aproveitarse das doazóns é un vicio, un fomento dos seus vicios.
Boa parte dos
crimes xeráronse na pasividade dos seus feitores, na súa vagancia, na súa...,
na súa inmoralidade! Xa sabemos que non abunda o traballo, o traballo xusto,
rendible, pero, así sexa sachando nos hortos, ou coidando vellos e/ou
impedidos, a comida gánase sempre; ¡iso, gánase, merécese! Darlles a eses
malandríns é tanto como axudarlles a cultivar os seus vicios, pois, empézase
folgando, e acábase roubando, ou incluso matando. ¡A ociosidade é a nai de
tódolos vicios, de tódalas deformacións! Así, cando se nos presente unha dúbida
razoable, acudamos ao cepillo de Cáritas, ou doutras institucións similares,
pois nelas hai distribuidores que coñecen a parroquia, que saben, bastante ben,
a quen dar e como dar.
O Mestre
multiplicou os pans e mailos peixes, pero..., ¡para favorecer aos que o
seguían, e tamén para evidenciarlles a súa divindade! Non llos multiplicou a
San Xosé, pois colaborando no seu banco de carpinteiro gañaron, gañaban, o pan
de cada día coa suor propia, da súa fronte, e non coa suor do de enfronte.
¡Tomemos, diso, boa nota, que non é para menos!
É necesario, é
prudente, e por veces o necesario está en esforzarse niso, en distinguir ao
verdadeiramente necesitado da nosa axuda dos encordiantes finxidos. A
mendicidade con falsidade separa, illa do mundo produtivo, a seres capaces,
pero pasotas; delincuentes por oficio e por natureza, constitúen un obstáculo,
tanto para a orde pública como para a prosperidade do país; con isto, e con
todo, hai que aplicar criterios selectivos fundados, misericordiosos, para non
caer en extremismos, como pasou, por poñer un exemplo, en España, coa Ley de
vagos y maleantes, do 4 de agosto do ano 1934 (Tratamiento de vagabundos,
nómadas, proxenetas y otros comportamentos antisociales), que, na súa
aplicación práctica, esaxerada, exhaustiva, converteu España nun campo de
concentración exasperante.
-.-
¡Que
bela é a sinceridade! Se fósemos algo máis sinceros, canto sentido
non tería esta familia de verbas: amor, paz, confianza... Pero a sinceridade
ten que, debe, comezar por min mesmo, pois, se me empeño en enganarme tamén
acabarei collendo o hábito de enganar aos demais.
¿Gústanos a xente
directa, franca (con minúsculas), aberta; esa que mira de fronte? ¿Verdade que
si? ¡Pois ao próximo tamén lle gustaremos nós se optamos pola verdade e pola
sinceridade! A maiores tamén está, nun sentido práctico, que para ser
mentireiro precísase unha memoria de elefante; xa se di que, “antes cae un
mentiroso que un coxo!”
A sinceridade
fórxase no crisol da intimidade familiar, pois unha educación sen o sal da
sinceridade é unha comedia, un ensaio de comediantes, unha..., ¡o dito, unha
farsa!
Pero a sinceridade
tamén hai que administrala, porque se dan ocasións nas que pode resultar
ferinte. ¡O de sempre: hai que saber ser, e saber estar; e xa que temos dous
verbos para auxiliarnos, utilizalos!
¡Iso, aprender;
aprender, prender, frear a lingua, a lingua e mailos feitos, pois os cabalos desbocados non dan resultado!
¿Entendido? ¡Para
algo nos deu Deus a intelixencia, para entender, pero..., tamén hai que
cultivala, desenrolala, aplicala!
Francisco de
Quevedo á raíña Isabel de Borbón (primeira esposa de Felipe IV), para dicirllo nunha
aposta, sen que se ofendese, colleu dúas flores, e ofreceullas: “Entre el
clavel blanco y la rosa roja, su majestad es-coja...” Quevedo mentiu? Fíxoo con
mentira piadosa, neste caso por unha broma? ¡A veces hai que ser un Quevedo
para dicir unha verdade seria, sen ofender e sen mentir, cousa que require
enxeño.
Tamén existe,
tamén se dá, o “sincericidio”, que é unha especie de sinceridade sen prudencia;
é a expresión dunha realidade obxectiva, pero sen bondade, sen beleza e sen
unidade. Non se trata de mentir senón de escoller con prudencia a forma de
presentar respostas para preguntas inoportunas; ¡séxase, un malabarismo
dialéctico!
Os filósofos din
que, por veces, requírese valor para falar o necesario no momento axeitado,
pero tamén para calar cando así se deba facer; daquela, ser sincero é, por
veces, ser valente.
De Descartes: É
prudente non fiarse moito de quen nos teña enganado algunha vez.
Mark Twain: Hai
tres clases de mentiras: as mentiras propiamente ditas, as malditas mentiras,
e, por veces, as estatísticas.
De
Forges
Jacinto Benavente:
Non está mal unha mala mentira cando defendemos con ela unha boa verdade. ¡Que
pícaro; autor teatral tiña que ser!
¿Queremos
contribuír na feitura dun mundo limpo, xeneroso, pacífico, sen traizóns? Daquela
aprendamos a ser sinceros, pois é unha virtude do máis benéfico.
-.-
O que levamos
recibido ao longo da nosa vida, por curta que sexa, é inconmensurable, infinito; pola contra, ¿que levamos dado, que
podemos incorporar á civilización, e tamén ao benestar, do noso mundo, do
circundante? Esta é unha das preguntas que nos poden facer no tribunal do
Ceo, cando nos chamen a declarar, cando depoñamos sobre o noso balance. Non é
para asustarse, pero si para precaverse; ¡por se acaso, aprovisionemos as alforxas!
Un dos meus avós
máis remotos supoño que foi aquel cavernícola da Cova da Valiña, no Vallis de
Castrum Viridis, ¡que a saber como se chamaba daquela! El criouse cos
rinocerontes, e eu cos porcos, que xa hai distancias. ¡Canto choveu desde
aquela, e cantas herdanzas se foron transmitindo! O dito: A contribución
recibida é inmensa, desde a caverna a este piso con ascensor no que vivo agora.
Habitacións, moblaxe, alimentos, vestimenta, medios de transporte..., e sobre
todo, ideas. Como tardou en haber un pobo, unha raza, capaces de entender a
mensaxe divina, o neno Xesús demorou a súa visita, ¡non o ían entender, e aínda
así, daquela, grazas aos seus milagres e a intervención do Espírito Santo! Veu,
explicouse, fixo milagres, resucitou de entre os mortos..., e con iso e con
todo levamos vinte séculos nebulosos, cunha boa parte da humanidade vivindo nas
seitas e no paganismo. ¡Que horrible, e que fonda, foi a caída do pecado
orixinal, aquela soberbia inspirada por Satanás! Pero vai sendo hora de que nos
esforcemos por abri-los ollos, por contribuír a abrirllos ao noso próximo...,
xa que nos temos por cristiáns!
Moito admiro, e
moito me lembro do parente da miña dona, (que é neta de José Rielo Sanjurjo),
aquel dominico, San José María Díaz Sanjurjo, (que foi canonizado no 1988),
vítima do Tu-Duc, aló no Vietnam, quen, estando tan cómodo de bispo e de
profesor, en Manila, lanzouse a predicarlles aos veciños infieis. Se abundase
en nós, nos que nos chamamos seguidores de Cristo, esa valentía, ese apostolado,
esa entrega, esa contribución, arestora xa sería coñecido e adorado o Calvario,
desde onde sae o sol ata o seu ocaso.
Casa troncal
dos Sanxurxo, de Mondriz. Estado actual.
Non é doado convivir
coa parenta dun mártir..., que non perdoan nin os veniais! Díaz Sanjurjo, sendo
bispo de Manila tivo dó dos infieis de Tonkin, e aló se foi, para
evanxelizalos, pero tan valente e tan vehemente debeu ser que aquel Mandamáis,
un tal Tu Duc, vietnamita, poñéndose de parte do diabro mandou que lle cortasen
o garneato. Ten moito mérito ser mártir, ¡o máximo!, pero tamén é boa a
prudencia, a sutileza, para coller indefenso ao diabro!
Con ese parentesco
séntese obrigada a ser perfecta, ¡ela tamén!, así que, ¡imaxinarvos o que é
convivir cunha santa, pois ademais de selo son esixentes! A maiores, foi
adestrada na Normal de Lugo... ¡Bromas á parte: que Deus lle premie, e lle
pague, o que leva educado, primeiro en min, e tamén nos nosos fillos! O malo do
caso estará en que Deus, cando me pida conta dos talentos, incluirá a
exemplaridade da cónxuxe, así que..., outra débeda, a maiores!
¡Sangue de
mártires, semente de cristiáns!, que así o dixo, e así o escribiu, Tertuliano,
no ano 197 d. de C.
Os mártires
axúdannos a descubrir o gran valor do testemuño dado a Cristo ao doarlle por
completo a vida. É un don que lles pode ser pedido a algúns nun momento dado,
pero que se nos pide a todos día tras día, hora tras hora. San Ambrosio:
“¡Cantos aínda hoxe son mártires en secreto, e dan testemuño ao Señor Xesús!”.
Neste mundo ególatra, neste XXI, dubido que queden moitos desa xenerosidade; en
todo caso, sempre serán poucos! (Eu, sendo civil, teño medallas militares,
pero, ¿ir predicar ao Vietnam? ¡Non sei se me atrevería, aínda que mo pedise o
espírito, pero a carne..., a carne é débil!).
Por pedir, pedimos
que veña a nós o teu Reino...; ¡iso, recibir, pero non esquezamos que a
recepción implica agradecemento, contrapartida!
-.-
As obras de misericordia
O
Papa Francisco: “As obras de misericordia espertan en nós a esixencia
e maila capacidade de facer viva e operante a fe coa caridade. Estou convencido
de que a través destes simples xestos cotiáns podemos cumprir unha verdadeira
revolución cultural, tal e como foi no pasado”.
José
María Castillo: “Encontramos a Deus na medida en que nos facemos
profundamente humanos; só así poderemos ser autenticamente “divinos”.
Pero volvamos á fonte primixenia, aos
Evanxeos:
Anuncio
da verdadeira dita (Mc 9, 50, Lc 6, 20-23; 14, 34-35). Comezando por
Mateo 5: “Vendo Xesús a multitude, subiu ó monte e sentouse. Achegáronselle os
seus discípulos, e el, tomando a palabra, ensinábaos, ¡ensinábaos!, dicindo:
-Ditosos os que
teñen espírito de pobres, porque deles é o Reino do Ceo.
-Ditosos os que
choran, porque eles serán consolados.
-Ditosos os non
violentos, porque eles herdarán a terra.
-Ditosos os
famentos e sedentos de xustiza, porque eles ficarán fartos.
-Ditosos os
misericordiosos, porque eles serán tratados con misericordia.
-Ditosos os de
corazón limpo, porque eles verán a Deus.
-Ditosos os que
traballan pola paz, porque eles serán chamados fillos de Deus.
-Ditosos os
perseguidos por causa da xustiza, porque deles é o Reino do Ceo.
¡Todo
un programa! Abrangue:
-O espírito que
debe animar aos fillos do Reino.
-Como debía
entenderse o cumprimento das leis xudías.
-O desprendemento
das riquezas.
-As relacións co
próximo.
-Que pertencer ao
Reino supoñía, ¡supón!, unha praxe divina, salvadora.
Por máis que estea
claro, superlativamente claro, dados os malos entenderes que temos ao noso
redor, algo compre dicir, algo compre lembrar, para explicárllelo aos
incrédulos:
Xesús non maldixo
as riquezas, xa que de Deus veñen. ¿Veñen? ¡Todas, non, pois algunhas, moitas,
son elaboración, ofrecementos de Satán para tentarnos! O fondo da cuestión está
no bo uso que fagamos delas, como as administre o noso espírito, e que as
enfoquemos para o ben, en boa conciencia.
Os
perigos e mailas insatisfaccións da riqueza. A riqueza ten moito de incubadora: Incuba soberbia, e ben
sabemos que a caída daqueles avós estivo na soberbia que lles infundiu Satán
invitándoos a ser coma Deus.
Un sudafricano,
rico e famoso, Elon Musk, seica dixo, seica opinou, que a felicidade dos ricos
pode chegar a ser relativa porque o materialismo provoca que, ao comprar algo,
gocen diso inicialmente, pero que deseguida queiran mellorar. Tamén opina que,
se es de clase media, xa tes un gran número de oportunidades para facer o que
desexes coa túa vida, así que, se non es feliz, non será por causa do diñeiro.
“Non está permitido que te queixes de nada, nunca. E como a maioría da xente se
imaxina que ser rico é o nirvana, non che está permitido mostrar en público
ningunha necesidade ou frustración. Es un ser humano, pero a maioría da xente
non te trata como tal”. ¡Que pobriños son os ricos, e nós, os pobres, sen sabelo!
Outros din que as
riquezas son unha fonte, un manancial de goces e de tranquilidades, PERO, ISO
SI, se somos prudentes, se nos capacitamos para satisfacer as nosas
necesidades, para compracer os nosos gustos; se aforramos para as emerxencias,
e tamén para a xubilación... ¡Ah, que me quedaba: E tamén para dar con
xenerosidade na Igrexa, para facer obras de caridade...; cousas así, obras de
misericordia! Estes positivismos linllos a George Paul Wood. Dareille a razón,
pois parecen atinados.
Pero
volvamos ao Evanxeo, por se acaso nos desviamos. Lucas 12: 15. “E
logo díxolle á xente: -Atención: gardádevos da cobiza, que por moito que un
teña non por iso a súa vida depende dos seus bens”.
¿A cobiza? ¡Máis
ou menos témola todos, desde Adán; que non se nos esqueza! Por cobiza matou
Caín a seu irmán Abel. ¡Terrible!
-.-
A
egolatría. ¡Todos,
pero todos, cristiáns incluídos, levamos, conservamos, na ara do noso cerebro,
unha deusa omnipresente, a que chaman, vulgarmente, Egolatría, pero eu prefiro chamarlle Soberbia..., porque a entronizamos co pecado orixinal, daquela
que..., daquela que nos sublevamos, capitaneados por..., por ese diabro, que
non quero nin nomealo!
¡Somos
uns gatiños pero témonos por leóns!
Bertrand Regader
dixo que iso do “ego” (eu), e “latría” (culto, admiración), é propio de certas
persoas, dalgúns... Xa sei que é moi ousado corrixir aos sabios, mais para min
teño que a egolatría, máis ou menos visible, máis ou menos educada, ou
disimulada, témola todos: ¡Quedounos, conservámola, herdámola! Tamén sei, ¡e
non teño dúbidas!, que o bautismo indúltanos, bórranos o pecado orixinal; iso
na alma, pero o noso corpo vén daqueles avós, así que teño claro que
conservamos a egolatría no propio ADN.
¿Auto admiración,
culto idolátrico? ¡Lamentablemente, si; a humildade serve para disfrazalo,
pero..., aló por dentro? Se repasamos os Evanxeos observaremos a insistencia do
Mestre en recomendarnos humildade; tanta insistencia era, foi, porque, supremo
coñecedor da humanidade, ben sabía El, ben coñecía os nosos defectos, as nosas
carencias, así que se esforzou en cambiarnos de espello. ¿Agradecémosllo?
¡Nisto, como en tantas cousas, uns desagradecidos!
Moito levamos
inventado, ideado, en materia de disfraces, pero a egolatría é tan poderosa,
tan deusa, que nos custa disimular: Eu son bo, listo, misericordioso, xeneroso,
traballador... ¡Non tanto, amigo, pois, quen máis quen menos, levamos tido as
nosas omisións, os nosos pecados! Había un refrán que..., pero xa non o
escoito: Dime de que presumes, que eu che direi do que careces! Neste XXI
somos, ou témonos, por tan sabios que xa aborrecemos a experiencia dos vellos;
estamos endeusados cos adiantos da tecnoloxía, tanto, que xa nos parangonamos
co Creador.
O señor Bertrand
Regader, ao que antes me referín, fixo unha lista das actitudes e das conductas
dos ególatras, que me permito reproducir aquí polo que podan ter de boas
orientacións e de bos consellos:
-Os ególatras
teñen unha percepción esaxerada sobre os seus atributos e calidades.
-Confiren gran
importancia ao diñeiro, e tamén ao poder, ás influencias persoais.
-Teñen sentimentos
de grandeza pois están seguros de que na súa vida lograrán grandes metas,
obxectivos brillantes.
-Aínda que podan
gozar de habilidades sociais máis que suficientes, adoitan ser individuos
solitarios; e iso pode deberse, polo menos en parte, a que xeran certo refugue
social cando os outros se decatan da súa (especial) egolatría.
-Mostran un gran
apego por tódolos aspectos que reforcen a súa imaxe de persoas con éxito..
-Gústalles, gozan
de xerar envexa e celos nos demais.
-Poden tender á
superficialidade labrando amizades instrumentais, ¡iso, instrumentais!, que
lles permitan ou axuden a acadar certos propósitos; séxase, a ganar status.
-Distorsionan a
realidade, e nalgún caso poden ter dificultades para levar a cabo un análise
racional sobre a súa valía persoal.
-Nalgún caso poden
ser persoas con pouca empatía, pouco dispostos a ofrecer axuda e soporte ás
outras persoas.
-Non soportan
recibir críticas, tomándoas como algo persoal.
-Poden tender a
compararse constantemente cos demais, enfadándose se consideran que alguén ao
que supoñen de valía inferior cá eles está nun posto de traballo mellor, ou ten
unha vida máis acomodada.
-En certos casos
percíbeselles unha tendencia ao exhibicionismo, tal que facendo alarde de
logros materiais e económicos, como forma de reforzar a súa auto-percepción de
persoas de gran valía e status social.
...
Non sigo, pois con
isto xa temos en que pensar. ¿Encaixamos nalgún dos tipos, nalgún dos casos?
¡Daquela poñámonos a puír a nosa conciencia, con lixa que sexa! ¡Deus, que
satánica, que velenosa, é a egolatría, e nós, torpes de nós, cultivándoa,
adorando nela!
-.-
Ditosos
os que choran... ¡Isto, como todo, hai que entendelo no seu contexto! Claro
que os choros piden, necesitan, consolo, pero iso son os sinceros, pois tamén
hai bágoas de crocodilo! ¡Si; como é iso? Os bichos fano para manter hidratados
os seus ollos; pero os “malos bichos”, ou “bichos malos”, adoitan/adoitamos
facelo para presentar, con disimulo, os arrepentimentos finxidos, hipócritas;
choran/choramos, fan que choran, coa finalidade de acadar algo vantaxoso,
séxase, ilícito. Entendeuno ben Bartholomaeus de Glanville, aquel que dixo: “O
crocodilo chora sobre a súa presa, de morta, e despois diso, con iso, cómea!”.
¿A que se refería
Xesús cando afirmou “felices os que choran, porque serán consolados? Non, non
se refería aos crocodilos, nin a aqueles que os imitasen; en absoluto;
referíase aos que tiñan dor, pena, fose polos seus pecados, fose por
sufrimentos físicos e/ou morais, sempre que os levasen con fe e con
resignación, séxase, redentores. Precisamente os seus sufrimentos do Calvario
déronnos a felicidade eterna, a Redención.
No Calvario tamén
chorou a Virxe, súa Nai, nosa nai; seguro que moitísimo, e non precisamente por
falta de fe, senón por abundancia dela. Como Nai do Fillo de Deus ben sabía a
transcendencia daquel padecemento: Choraba polo que facían sufrir ao seu fillo,
naturalmente, pero tamén, todo xunto, pola pena que sentía de que aqueles
matóns, fosen xudeus ou romanos, estivesen participando, caendo, nun deicidio.
Igualmente choraba por nós, polos incrédulos futuros, dorida de que sangue de
tanto valor fose derramada “inutilmente por moitos e para moitos”. Xesús
díxolle, daquela, ao discípulo amado: “-Velaí a túa nai”. Tamén falou con súa
Nai, nos mesmos termos, “Muller, velaí o teu fillo”, pero fíxoo por Xoán,
directamente para Xoán, pois a Santísima Virxe, concibida sen pecado orixinal,
¡Deus non ía xerar o seu Unixénito nunha pecadora!, ben sabía, tíñao no seu
corazón, que, ao ser Nai de quen se daba por irmán noso, nai nosa era, asemade!
Os humanos
choramos de dúas maneiras: por dentro, e para dentro; por fóra, e para fóra.
Non fai falta explicalo, que ben o sabemos, todos, sen excepción. Sáennos as
bágoas nas desgrazas, na perda dos seres amados, na perda dos bens materiais,
etc., e daquela choramos con ganas, coa dor verdadeira. O material sempre
afecta ás glándulas, pero tamén abunda, lamentablemente, o ficticio, iso das
“lágrimas” de crocodilo. No inmaterial, tal que nos nosos arrepentimentos,
sexan do mal que fixemos, ou do ben que, podendo, non fixemos, choramos por dentro, a soas,
sendo nesas ocasións, -penso eu-, cando Deus máis disposto está a consolarnos.
¿Como? ¡Obviamente subíndonos a nota no balance que leva de cada ánima, de cada
un de nós!
¿Cando empeza o
consolo, a consolación de Deus? ¡As “recomendacións” de Deus, en Deus, sempre
son instantáneas, inmediatas! Producen efecto desde o intre en que maduramos o
noso arrepentimento; pode ocorrer que non o sintamos no noso intelecto, pero
está aí, asegúranolo a fe, a fe evanxélica, tan asentada e demostrada que está nos Evanxeos.
Pouco prezo é unha
bágoa, aínda que sexa das boas, das de agradecemento, se a cambio recibimos
¡unha eternidade! Amén.
No profano: Na
nosa Galicia, nesta “Terra rica de xente pobre”, que dixo Castelao, afeitos
como viñamos a chorar, a pedir abaixando a testa, moito uso fixemos daquel dito
que era, “O que non chora non mama”.
-.-
Ditosos
os non violentos (os mansos) porque eles herdarán a terra. ¿Que é
máis difícil de amansar, un home ou unha muller, un cabalo ou unha egua?
Amansar,
tranquilizar, aplacar...; no presente de indicativo dáse a cousa por feita: Eu
amanso, ti amansas, el amansa... ¡Xa; en teoría, pero na práctica non é tan
doado; mira que hai séculos que saímos das cavernas e aínda gozamos coas
corridas dos touros..., polo que nos gusta amansar..., ao próximo!
De Garcilaso de la
Vega: “Aunque harto sabía don Diego que era irrevocable toda
resolución que tomaba su prima, y que su carácter era más firme que la roca en
que descansaba el castillo al que ella había dado su nombre, todavía don Diego
hubiera querido contestar a aquel discurso y procurar amansar a la dama; pero ella lo estorbó retirándose de súbito a su
habitación más reservada, cerrando la puerta de golpe”. ¡Onte coma
hoxe; e se cadra, mañá peor!
¿Como son os
mansos do Evanxeo, os mansos amansados pola relixión? ¡Uiiih, cústanos
traballo entrar
polo aro, e iso que nolo recomendou o Mestre! O Mestre, que nolo recordou Mateo
no seu 11, 29), ben que nos dixo: “Cargade co meu xugo e aprendede min, que son
bo e humilde de corazón, e atoparades acougo para as vosas almas; porque o meu
xugo é levadeiro, e a miña carga leve”. As benaventuranzas, para entendelas,
para acatar con plenitude o seu espírito, hai que repasalas, asimilalas no seu
conxunto, sen illar ningunha, que así teremos unha idea das riqueza orixinaria
dos termos evanxélicos. ¿Aceptado? ¡Pois, como din os mariños: “Avante toda!”.
Posuír a terra non
é dominala senón estar por riba do terráqueo, encamiñándonos ao Ceo. Itero e
reitero: As benaventuranzas son o auto retrato de Xesús; El é o verdadeiro
pobre, o manso, o puro de corazón, o perseguido pola ¿xustiza?... ¡Mestre en
todo, e por todo!
Gandhi estaba tan
namorado, tan asombrado do sermón da montaña, que chegou a dicir: “Non me
importaría se alguén demostrara, (¡unha hipótese, claro!), que o home Xesús en
realidade nunca viviu, nunca existiu, e que canto se le nos Evanxeos é soamente
froito da imaxinación dun autor..., porque o Sermón da Montaña permanecería,
¡sempre!, verdadeiro ante os meus ollos”. Témo-los Evanxeos, doutrina perfecta;
temos os seus milagres; paixón, morte e Resurrección, e aínda así, ¡bravos! Se
non fose unha fanfurriñada, eu diría que, ¡nin Deus nos amansa! Este bravío
tamén serve para evidenciar o grave que foi aquela soberbia do Paraíso Terreal.
A proba máxima,
excelsa, da mansedume de Cristo, no seu dobre aspecto de humildade e de
paciencia, témola na súa paixón: ningún xesto de ira, ningunha ameaza, sendo,
como era, Deus, Segunda Persoa Trinitaria. “Insultado, non respondía con
insultos; ao padecer, non ameazaba” (1 P 2,23).
A promesa, ligada
á benaventuranza dos mansos , “posuirán a terra”, realízase en diversos planos,
ata a terra definitiva que é a vida eterna, -reflexións do P. Raniero
Cantalamessa-, pero certamente un dos planos é o humano: a terra son os
corazóns dos homes. Os mansos conquistan a confianza, atraen as almas. O santo
por excelencia da mansedume e da dozura, San Francisco de Sales, tiña o costume
de dicir: “Sede o máis doces que podades, e recordade que se atrapan máis
moscas cunha gota de mel que cun barril de vinagre”.
-.-
Ditosos os
famentos e sedentos de xustiza, porque eles ficarán fartos. Cando
Xesús Cristo di isto é porque se refire a aqueles que claman por unha xustiza
divina, que non se gana con un traballo duro, ou por diñeiro ou sacrificio, e
moito menos por conflitos penosos, porque
é concedida gratuitamente por Deus!
Para os teólogos,
nosos mestres acuais, a xustiza divina
lógrase, merécese, aceptando con fe a Cristo, séxase, cumprindo a vontade da
plabra de Deus. Neste sentido, unha persoa acada a xustiza espiritual se obra
con bondade, se vive na verdade e se practica a mansedume.
Ao vivir dun xeito
correcto, conforme co propósito, cos mandamentos de Deus, deseitando o odio, a
condena, o rancor, e todos aqueles males que nos alonxan do bo camiño, ábrese autenticamente,
directamente, a ruta que conduce ás gratificacións espirituais, séxase que,
“benaventurados, etc.”. Os famentos e sedentos atopan aplacar a súa necesidade
de xustiza en Xesús Cristo, xa que El como fillo de Deus posee tódolos
elementos para saciar as almas coa dita de obter a paz espiritual co perdón dos
seus pecados, e por conseguinte, coa vida eterna que só Deus outorga.
Da
loita grande e estrutural dixo o noso Francisco: “Bienaventurados los que tienen hambre y sed de
la justicia» es otra gran afirmación de Jesús dirigida a quienes
«luchan por la justicia, para que haya justicia en el mundo». La realidad nos
muestra, cuán fácil es «entrar en las patotas (panda de amigos, xeralmente mozos) de la corrupción», formar parte de «esa
política cotidiana del doy para que me des» donde «todo es negocio». «Cuánta
gente sufre por estas injusticias». Precisamente ante esto «Jesús dice: son
bienaventurados los que luchan contra estas injusticias». Lo que hay
que saber es que esto de desear justicia «es una doctrina a contracorriente»
respecto a «lo que el mundo nos dice» (Misa en Santa Marta 9 de junio de 2014).
O P. Luis Serentha expresouno así:
“Ben aventurados os que teñen fame e sede de facer a vontade de Deus, séxase,
os que así se expresan: o meu alimento, o alimento co que fago medrar a miña
vida, así como o corpo medra co pan e coa auga, non é a miña vontade senón a
vontade de Deus. Eu teño fame de Deus, teño sede de El; El é o meu gozo, o que
El me revela cómoo e béboo coa mesma avidez coa que o sedento e mailo famento
toman a auga e comen o pan”.
¡Teñamos, pois, fame e sede de
meditación, pois sen meditación a alma pasa sede e fame, moitísima!
-.-
Ditosos
os misericordiosos, porque eles serán tratados con misericordia.
¡Mans que non dades, que esperades!
Unha das cousas que máis transgride o ser humano é a misericordia, sendo moi
comúns os casos de relacións tensas ou rotas por motivacións coma a envexa,
chismes, rancores..., que por veces terminan, ou poden acabar, en consecuencias
fatais.
“... como nós perdoamos aos que nos
ofenden...” Se non somos misericordiosos, para que lle rezamos ao noso Pai? Con
Deus non hai bromas: Ou se está con El, ou contra El. E se estamos con El temos
que imitar as súas bondades..., para recibir a súa, que ben nos dixo que será,
que é, infinita.
“...
El mensaje de la Divina Misericordia constituye un programa de vida muy
concreto y exigente, pues implica el obrar. Una de las obras de misericordia
más evidente, pero quizás más difícil de poner en práctica, es la de perdonar a
quien te ha ofendido, a quien te ha hecho daño, a quien consideramos un
enemigo. ¡Cómo es de difícil muchas veces perdonar! Y, sin embargo, el perdón
es el instrumento puesto en nuestras frágiles manos para alcanzar la serenidad
del corazón. Dejar caer el rencor, la rabia, la violencia y la venganza son
condiciones necesarias para vivir felices» (Misericordiae vultus, 9)…” Da mensaxe do Papa Francisco para a XXXI Xornada Mundial
da Xuventude 2016. Como esta mensaxe non se pode mellorar, e nin sequera
igualar, poñamos aquí un punto e á parte.
-.-
Ditosos
os de corazón limpo, porque eles verán a Deus. ¡Nada desexo
máis, pero..., co natural egoísmo de que esa vista sexa permanente, eterna, e
non só para min senón para todos aqueles que veñan detrás de min, para cantos
de min descendan ou dependan, pois a miña gloria, se chego a acadala, sería
menor, cativeira, se por culpa miña, se polo meu mal exemplo, ou por deficiente
educación, por racanería nas miñas contribucións, non deixase aos meus ben
instruídos na doutrina cristiá!
Carta de Paulo e de Timoteo aos
filipenses (3: 20,21): “Pero a nosa patria está no Ceo, onde nos agarda un
Salvador, Xesús Cristo, o Señor. El ha transforma-lo noso pobre corpo,
reproducindo en nós a gloria do seu propio corpo con ese poder que lle permite
someter incluso o mesmo universo”. No 4: 1, din: “Por tanto, meus irmáns tan
queridos e que tanto me faltades (boto en falta), miña alegría e coroa,
¡seguide así, firmes no Señor, queridiños!”
¿Firmes, no Señor? ¡Pois claro; ou
non somos soldados de Cristo, seguidores do Noso Capitán, do mesmísimo Rei da
Gloria?
O Catecismo da Igrexa Católica fai
este resume dunhas expresións de San Agustín: “Alí descansaremos e veremos;
amaremos e loaremos. Isto é o que acontecerá no fin sen fin; ¿e que outro fin
temos senón chegar ao Reino que non terá fin?”
-.-
Ditosos
os que traballan pola paz, porque serán chamados fillos de Deus. Serán
“chamados” porque o serán efectivamente, serán os seus predilectos.
“Si vis pacem, para bellum”. Se
queres a paz prepárate para a guerra. Isto dicían, querían e facían, os
romanos, pero só é válido para os países belicosos, non para os cristiáns.
Para nós a paz vennos de Cristo
Xesús, que ben nos dixo, e así o recolleu Juan (14: 27) “Déixovo-la paz,
dóuvo-la miña paz: eu non vola dou como o mundo a dá. Non vos agoniedes, nin
teñades medo”. Xesús é o “príncipe da paz” (cf Is 9, 5-6), e por iso nos deixa
a paz, unha paz distinta da que promete o mundo. Xesús non nos evita as
tribulacións (16,33), pero ao final participaremos da vitoria de Cristo sobre o
espírito mundano: a paz de Cristo, en definitiva, refírese á salvación.
A paz, ademais de don, é tamén unha
tarefa, unha tarefa ineludible. A
condición para ser canais da paz é permanecer unidos ás fontes, á vontade de
Deus. Dante fíxolle dicir a un alma do purgatorio: “Na súa vontade está a nosa
paz”. ¡Que ben dito, séxase, bendito!
O secreto da paz interior está no
abandono total, pero sempre renovado, á vontade de Deus; axuda a conservar e a
reencontrar esa paz do corazón repetir, con Santa Teresa de Avila, “Que nada me
turbe, que nada me espante, pois todo pasa, pero Deus non se muda. Daquela a
paciencia acádao todo, pois o que ten a Deus, nada lle falta; só Deus chega e
basta”.
O noso Patrón (Santiago), sempre
práctico, na súa carta (3, 16-18), recoméndonos: “ Pois onde hai celos e
liortas, alí dáse, tamén, o descontento, e toda clase de ruindades. Pola
contra, a sabedoría que vén do Ceo é, primeiramente, pura, e despois, pacífica,
sinxela, acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen
finximento. O froito da xustiza seméntana coa paz os que van facendo a paz”.
Daquela, a paz, faise? ¡Faise,
PERO, se as dúas partes se aveñen a razoar, pois unilateralmente, por moito que
se desexe...! Tamén por iso ten tanto mérito; tamén por iso..., polo difícil
que é de lograr en moitas ocasións! A propósito, unha suxestión: Na igrexa, ao
darnos a paz, a esas persoas que só che alargan a punta dos dedos, non estaría
de máis apertárllelos ben, para que noten os latexos do noso corazón. Os que
estivemos nalgunha guerra, das armadas, quero dicir, ben sabemos que as
defensas adoitan ser inevitables, e diso vén o dito de que, a mellor defensa é
un bo ataque. ¡En todo caso, sen pasarnos, sen asañamento!
¿Estamos atentos á Misa, na Misa?
Daquela non nos pasará desapercibido, por mal que funcionen os altofalantes, a
impetración do Celebrante: “Señor Xesús Cristo, que dixeches aos teus Apóstolos
´a paz vós deixo, a paz vós dou´, non mires os nosos pecados senón a fe da
Igrexa, e conforme á túa palabra concédelle a paz e mala unidade”. De seguido,
estendendo as mans, nun sino de xeral bendición: “A paz do Señor sexa sempre
con vosoutros”. ¿Que paz nos dá, oficiando como Ministro do Señor? ¡A
auténtica, a desinteresada, a de Deus!
Este tema é infinito, mais, de
momento, cerrémolo coa Carta de Paulo aos Efesios (2: 13-19). “ Pero vós, que
antes estabades lonxe, agora, gracias a Cristo Xesús, estades cerca, no sangue
de Cristo. El é a nosa paz: o que dos dous pobos fixo un só, derrubando a
medianeira divisoria -a inimizade-, e abolindo na súa carne aquela lei de
mandamentos e normas, para crear en si mesmo cos dous unha nova humanidade,
facendo a paz; e reconciliando con Deus ós dous nun único corpo por medio da
cruz, matando nel mesmo a inimizade. El veu e anunciou a paz: paz para vós -os
de lonxe-, e paz para os que estaban cerca: porque por El temos uns e outros
acceso ó Pai, nun mesmo Espírito”. ¡Ai
Pauliño, Paulo, que ben che pintou que Deus te tombase do teu cabalo da
soberbia e da ignorancia; pide por min: o meu non é un cabalo, pero é un burro!
-.-
Ditosos
os perseguidos por causa da xustiza, porque deles é o Reino do Ceo. Hai que
entendelo ao dereito: Refírese aos que proclamaron a xustiza de Cristo, e por
iso chocaron co mundo, e foron perseguidos física ou verbalmente.
Ser perseguido é un indicativo de
que se transita polo camiño correcto, abrazados a Deus. Daquela o perseguido
sentirá a compañía de Xesús nas súas accións; pero o premio para o perseguido
polos seus actos será glorioso; por iso, Ben
aventurados os perseguidos por causa da xustiza porque deles é o Reino
celestial.
Facer o que é xusto non é un camiño
de paz e de tranquilidade; é un camiño de persecución, de incomprensión, de
refuse; o que é xusto, a vontade de Deus, pode significar para moitos o
desmonte de grandes imperios, o recoñecemento de estruturas de pecado, e de
exclusión, ou a aceptación de que se está oprimindo ao propio irmán. A
recompensa, pois, será o resultado de facer o que é xusto; o reino dos ceos non chegará, non culminará, mentres prevaleza a
inxustiza institucionalizada.
-.-
Ditosos
vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa:
Alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa no Ceo; do mesmo
xeito perseguiron ós profetas anteriores a vós.
As persecucións
sempre foron semente de cristiáns; aí temos, por poñer un exemplo, o caso da
China onde os cristiáns están aumentando de día en día, mentres Europa se
materializa, tamén de día en día. ¡Deus se apiade de nós!
¡Señor, perdón; e de perdoado súbeme ao
Ceo, para loarte e bendicirte con todos aqueles que me ensinaron a ser
cristián!
-.-
SEÑOR,
PERDÓN…,
POLOS
DE OMISIÓN, TAMÉN POR ESES!
-.-
Señor, ti ben sabes que puiden ser
confesor, nada menos que en Herbón, pois ocasión tiven, pero…, quedeime en
pecador! Dobremente pecador: Polo que fixen mal, podendo facelo ben; e tamén,
polo ben que deixei de facer nas ocasións que Ti, Señor, me fuches dando nos
meus noventa anos.
Aquilo dos franciscanos de
Herbón... Coido que xa o teño referido: Naqueles triduos dos anos 40, un frade
dos de Herbón foi predicar ao meu Montecubeiro, e..., ¡tomounos o catecismo!
Soberbia á parte, dos nenos seica fun o que mellor lle soubo a doutrina, tanto
do dereito coma do revés. Entón, aquel frade, que moi listo, ou moi psicólogo,
non debía ser, díxolle a meu pai: -Déixeme levar comigo ao seu fillo, que de
balde en Herbón, a frade chegará! Pero meu pai, non sei se por respectar a miña
condición de morgado, ou porque na súa crenza estimaba que, se deixaran casar
aos clérigos, e lles substituían as sotanas por clergymáns, eles deixarían de chamarlles “sobriños” aos fillos
propios, alegou que..., ¡que pensaba casalo na casa, para a casa! Con iso,
vocación frustrada: ¡No sitio dun confesor, un pecador!
Por estas circunstancias, Señor,
non levo alzacuellos; ¡nin o levo,
nin o merezo! O meu sambenito debera ser unha pluma de bancario, ¡instrumento
xudaico, que en definitiva iso fun, coa atenuante de que algo tiña que
facer..., para comer!
Comezarei o meu exame deténdome na
gravidade dos males que, podendo, non temos evitado, sexa porque, de cegos coas
vaidades mundanas, non fomos capaces de ve-las súas consecuencias, ou pola
covardía de non tomarnos as molestias que esixían as fórmulas correspondentes.
¡Señor, en ambos casos, peccáta mea, omisión culpable!
Como dixo Manuel Sánchez-Palacios,
“Sancristán que vende cera e non ten cerería, de onde é a súa peccáta mea se
non é da sancristía?”. Pois iso: Facer o mal é propio do diabro, séxase, da
miña herdanza, pero, facer o ben? ¡O ben non é noso, somos delegados,
administradores duns talentos que nos encomendou o Señor, así que compre
traballalos, multiplicalos! ¿Como se multiplican? Para comezar, predicando co
exemplo, sendo exemplares, levemos ou non alzacuellos, pois algo de
administradores temos todos, incúmbenos a todos.
Paren de lerme, por favor llelo
pido, e vaian a Mateo 25, 14-15.
19-21, onde atoparán a parábola do criado fiel, fiel e cumpridor: “Xa que
fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito. Pasa a gozar da festa do teu
amo”. ¡Mecachis! ¡Así que había que utilizar e administrar aqueles talentos?
¡Claro; eran prestados! Non o digo eu, que o dixo o propio Xesús; e ademais,
nunha parábola, para que entendésemos a lección!
En parábolas tamén falaba meu avó,
pero con un matiz, que el contaba os contos verdes en metáforas grises; así
resultaba que só entendían os pícaros, ¡maiormente os que xa fixeran a mili!
Con Xesús foi ao revés, que o entendían os bos, os chamados ás obras de
misericordia, os inocentes.
-.-
Talento, de que clase? O noso
dicionario dá tres ou catro acepcións, e todas son positivas. Daquela non podo
alegar que o meu sexa / fose escaso dadas as miñas circunstancias familiares:
¡pobres, pero, honrados!
Meu pai, ¡meu mestre!,
era daqueles de “a ferrado”, así que non teño atenuantes de orfandade. ¿O resto
da familia? ¡Todos a xogo, sen excepción! Entón, se algo omitín, ou en algo non
estiven acertado, peccáta mea, mea culpa, absoluta!
V/ . Ne
recordéris peccáta mea, Dómine.
R/. Dum véneris iudicáre sǽculum per ignem.
Nas omisións tamén podemos ter, como
dicimos dos actos delituosos, atenuantes e agravantes. O baremo delas está
arquivado na nosa conciencia, se a temos cultivada, pois pulila tamén é
responsabilidade persoal. ¿Cultivar a conciencia? ¡Non hai horto máis difícil
de sachar, maiormente para aquel que se críe rodeado de folgazáns! ¿Unha
picaña? Témola en J. Krishnamurti, que nos deixou dito: “A función da educación
está en axudarte (¡en axudarte!) desde a nenez; non en imitar aos outros, senón
en ser ti mesmo todo o tempo”. Ti mesmo, si, pero cadora mellor, máis puído,
cepillando acotío na conciencia..., para librarnos do po do camiño, das
contaminacións ambientais!
Auto educación.
Educación ad intra. Configurarnos a
nosoutros mesmos.
Na autoeducación, con ela, o home fórmase,
partindo da heteroeducación, conforme á súa vontade autónoma, de desenrolo
interior; o individuo mesmo é quen busca a información, e despois de analizada
incorpóraa ao seu cúmulo de coñecementos.
O fin educativo é a
formación de persoas libres, conscientes e responsables de si mesmos, capaces
da súa propia determinación; o seu cultivo está na formación da conciencia
moral, séxase, na capacidade de discernir entre o ben e o mal.
¡Que importancia ten, e que pouco valoramos a nosa
auto educación! É un dos fallos, unha carencia das máis xenéricas, maiormente
nesa idade, tan decisiva, sen retorno fácil, na de adquirir a personalidade, na
de soltarse do andador paterno. Ben dicía, e ben aconsellaba, o Padre José
Kentenich: “Procuremos ter dominio sobre nosoutros mesmos; e para iso
observemos, localicemos, onde está a nosa fortaleza, pero tamén as nosas
debilidades. Se nos coñecésemos (a fondo, quería dicir) non tiraríamos tan
facilmente pedras ao próximo..., porque nel tamén hai unha mestura
(formativa)!”.
Iso é o que somos, unha mestura, un cóctel, complexo e mal axitado, pero sempre
estamos a tempo de neutralizar os ingredientes perniciosos. ¿Sempre? ¡Case
sempre, pero máis vale tarde que nunca!
Vemos a realidade ao noso xeito, aínda que non
sempre con acerto, séxase, con visión clara e exacta; por iso compre afondar na
percepción dos coñecementos, botarlle máis tempo á reflexión, e non darnos por
satisfeitos coa primeira, superficial, impresión que nos formemos da magnitude
e do alcance das circunstancias concorrentes. Pero fagamos todo isto, estas
depuracións mentais, co farol dos
evanxeos aceso, á luz e coas recomendacións profundas, certas, divinas, da
palabra e dos feitos don Gran Mestre, que é o noso conselleiro Único, Perfecto,
Inmutable, válido para tódalas situacións, para tódalas culturas e para tódolos
séculos.
Non se trata, pois, de opoñer rebeldía fronte á
cultura que nos rodee, que nos asedie, senón de atemperar as nosas
cualificacións, aprendendo a libar o néctar, a parte boa, á vez que nos
desentendemos dos erros, dos conceptos malignos, negativos, que nos vaia
traendo, inoculando, o mundo circundante. Se imos á tenda, ao almacén,
escollemos, ¿non si? Pois no mercado das ideas, outro tanto, que para algo nos ten que valer o noso
criterio. Ao respecto sobra explicar que criterio
é o xuízo ou discernimento que ten unha persoa, que nos prové dunha actitude
persoal para tomar decisións sobre nosoutros mesmos ou sobre outras persoas,
cousas ou situacións. ¡O noso criterio
constitúenos en xuíces de nós mesmos, así que, outra responsabilidade, na
que tampouco caben omisións!
Vemos, acotío, nas opinións que nos ofrecen os
mass media, que nunha boa parte dos coloquios non se di máis que conto, labia,
razoamentos ocos, e incluso inconexos; con iso e con todo, teñen audiencia,
seguidores e votantes; pero o oínte que teña afán de sabedoría propia,
selectiva, meditará, reflexionará, absténdose de tragar, enteiras, esas pílulas
de tanta actualidade.
De propósito: Cando se xeneralizou a fabricación
dos instrumentos de medición foi unha praga a picaresca da súa utilización,
pirlos (pilóns) falsos, marcacións, etc., ata o punto de que as autoridades de
entón viron necesario crear un control dos mesmos, xeralmente provincial, que
denominaron Fiel Contraste de Pesas y Medidas. Aqueles técnicos, así
autorizados, estampaban o seu cuño, a marteladas, para evidenciar que o
instrumento era legal.
Outra anécdota: O metro orixinal, de platino
iridiado, que se conserva no Museo de Pesas e Medidas de París, foi idea do
noso veciño ástur, Agustín de Pedrayes, que, no ano 1798, propuxo que se medise
o cuadrante do meridiano terrestre comprendido entre Dunquerque e Barcelona.
Actualmente o “metro” patrón relaciónase coa velocidade da luz.
Outro caso do
noso país foron os ferrados do cereal, que eran máis grandes os daqueles
mosteiros que cobraban rendas e foros. Todo isto pasou onte mesmo, e
corrixiuse, pero, hoxe, ¿quen controla as trolas que nos contan, e non só as
dos fabricantes? Certo é que temos, que hai, diversidade de controis para
produtos, pero as ideas seguen, terán que seguir sendo, persoais; a censura
delas está, debe estar, no propio criterio do oínte..., ¡se é que nos
esforzamos nisto da auto educación!
Neste furacán da globalización das comunicacións,
¡tamén das comunicacións!, un certo paraugas témolo, obtémolo, buscando datos
básicos que nos permitan racionalizar as nosas decisións, as propias accións;
así poderemos elixir, decidir, partindo de feitos constatados, comprobados, tal
que, usando índices numéricos fiables. Con datos na man non será tan azaroso
comprobar unha situación, basear plans de futuro, medir avances e/ou
retrocesos, determinar prioridades, solicitar ou prever medios e remedios,
plantexarnos as consecuencias probables das opcións posibles, etc., etc., pero
isto é factible, adoita selo, no material, pois no espiritual temos que volver,
sempre, á inspiración evanxélica, válida,
como deixo dito, para cada época e para tódalas circunstancias.
Tamén haberá que ter en conta que ese diluvio de
datos que agora nos atorda fainos máis voadizos, máis tornadizos, que unha
folla de papel. Son os gobernos os entes que mellor poden controlar a suma de
situacións persoais, cos seus medios, cos seus aparatos, con esas técnicas de
medición de tendencias, así que, pola contra, a persoa individual, a
personalidade, esfúmase, cadora máis.
A todo isto, a
virtude? Na tradición ética occidental a virtude é considerada como
condición indispensable do ser humano. ¡Menos mal, pero, con reservas, pois
nesta sociedade materializada o que se busca, o que parece primar, é, ante
todo, o éxito, o éxito a calquera prezo! ¡Pois non, non debe ser así, que a
moeda da virtude é aurífera, o mellor que temos, o mellor que podemos conseguir
no campo persoal, así que non vale desbaratala facéndoa moeda de cambio!
Teñamos presente que a virtude, esa selectividade moral, é a única solución, o
único que permite ao home perfeccionarse individualmente.
Abundado, e concluíndo, no tema, non perdamos de
vista, tampouco, aquela aserción de John Stuart Mill de que o desexo de
felicidade é o fin (que deben ter) das nosas accións, pois, sen ese desexo, non
é posible nin sequera acadar a virtude. ¡Cantos pensadores teñen matinado
nestas preocupacións, e con iso e con todo, nós, os da presente xeración,
trasnoitando!
¿En definitiva, é difícil a auto educación? Desde que sabemos ler, desde
que nos deixaron ler os Evanxeos, non, en absoluto, pois o Mestre deixounos
explicadas todo tipo de leccións, para todo tipo de situacións. Antes do
Vaticano II a clerecía, que viña asustada desde aquilo de Lutero, tíñalles
pánico ás interpretacións erróneas, pero os da miña xeración tivemos a sorte de
que aquela apertura nos collese en idade propiciatoria, así que..., ¡evanxeos,
fonte limpa; lelos e aproveitalos, que xa tivemos ressourcement, e tamén
aggiornamento! ¿Que nos falta aos católicos? ¡Predicadores, que diso é do que
estamos máis escasos; entre que hai poucos, e o pouco caso que lles facemos...!
-.-
No Concilio Vaticano II
En Galicia, a Deus gracias, -a Deus, e de paso, aos teólogos-tradutores-,
temos a Biblia de Sept, unha xoia, tanto teoloxicamente como no seu rigor
literario; ¡é para sentirnos felices!
A 50 anos do último Concilio é digno e xusto recoñecerlle ese favor que
nos fixo aos segrares de corresponsabilizarnos un pouco, polo menos un pouco,
no apostolado da Igrexa. Así se recolle no documento Lumen Gentium, núm. 31: “Por
laicos enténdese a tódolos cristiáns, agás os membros do orde sagrado e do
estado relixioso recoñecido na Igrexa. Son (¡somos!) pois os cristiáns
incorporados polo bautismo, que forman (formamos) o Pobo de Deus e que
participamos das funcións de Cristo, Sacerdote, Profeta e Rei: Eles realizan
(realizamos), segundo a súa condición, a misión de todo o pobo cristián na
Igrexa e no mundo”. ¡Por fin, recoñecéronos como membros da familia, e non
simples invitados!
¿Que aínda queda algo
sen facer? ¡Moito, segundo o vaian requirindo as circunstancias, para aplicar o
II, ¿ou un Terceiro?, aos tempos cambiantes, evolucionados, pero teñamos
paciencia, pois temos un bo Papa..., se lle deixan selo! Por de pronto,
pidámoslle ao Espírito que nos perfeccione a título individual, pois algunhas
cousas hai que limalas de abaixo arriba, comezando polo puímento dos segrares!
-.-
Pasotismo, pasotas = laissez faire, laissez passer, le monde va de
lui-même = Deixen facer, deixen pasar.
Os árabes, ¡en
definitiva, parentes!, tamén o aceptan: Séntate na porta da túa casa e verás
pasar o cadáver do teu inimigo!
¡Estámosche bos se non nos enfrontamos ao mal, ao mal
vivir, que é igual a vivir mal; así que, ou loitar, ou enterra-los talentos!
Liberdade, si, pero, libertinaxe, saltearse os mandamentos? Se Deus nos di que
amemos ao próximo coma a nosoutros mesmos, non debemos permitirlle malos
tratos, séxase, desviarse naquilo que nós mesmos debemos e temos que evitar.
¿Como; a fungueirazos? ¡Non tal, que para algo temos a intelixencia, e coa
intelixencia, a elocuencia! Que non se repita aquela convención, aquela
recriminación de Unamuno: “Vencereis pero no convencereis!”. ¡Esa é a boa
receita: predicar, predicar para convencer, e non para vencer!
A predicación ten que
comezar na infancia, coa infancia; facer apostolado desde a caneta, que así
axudámoslle ao Redentor a redimir. Ou para que nos deu, para que nos prestou,
os talentos? Cando “pasamos”, cando perdemos a motivación no que facemos, do
que facemos, daquela volvémonos grises, mediocres. ¿Como se sabe, como se
calibra, como se mide? Actuando sen présas e sen agresividade; por algo se di
que o malo do ignorante é que ignora o que ignora; nesta ignorancia, para non
caer en accións irreversibles, vaiamos amodo,
suai suai, como din os mouros. Tampouco hai que confundir iso de “darlle
tempo ao tempo” co pasotismo, coa pasividade.
Houbo unha psicóloga,
Marina Martín-Artajo, que referíndose á prudencia
deu este consello: “Unhas veces o pasotismo pídenos, esíxenos, intervención, e
outras, sosego, cariño e coidados”. ¿Con que se mide isto? ¡Coa prudencia! A mesma especialista danos unhas indicacións para
centrar o concepto, para distinguilo:
. Anerxia, que é a
falta de resposta alérxica fronte a un estímulo ou antíxeno.
.Abulia, falta total de
motivación, desinterese, infra-esixencia, funcionamento unicamente desde o
principio do pracer.
. Estado de ánimo
deprimido, con desilusión e desesperanza.
. Fatiga fisiolóxica,
por culpa de esforzos físicos e mentais, tales como saídas nocturnas, exames,
deportes, etc.
. Tamén pode tratarse
dunha forma de rebeldía encuberta, (que ao parecer aínda está de moda).
Anécdota referente ao
pasotismo: Daquela da guerra había un sancristán na miña parroquia (Alfonso da
Cordeira) que, ¡xa entón, antes de inventarse o vocábulo!, recomendaba: “Auga
que non vas beber..., déixaa correr!”. Daba ese consello, pero el ben que medía
o alcance das circunstancias pois cando o puxeron de camisa azul, ¡para
perseguir aos rojos, aos ateos!, o
primeiro que fixo foi coller a escopeta e presentarse na forxa do ferreiro,
para pedirlle que lle torcese un pouco o canón daquela arma, para que ao
apuntarlles aos perseguidos o seu tiro saíse desviado..., que así participaba
pero non mataba!
-.-
As sucesivas metamorfoses
Témolas no corpo, pero
a alma tampouco é estática; ¡evoluciona, facémola evolucionar, nun sentido ou
noutro!
¿Como eran os corpos do
Adán e da Eva antes da súa caída, antes da súa traizón? Por pura lóxica tiñan
que ser anxélicos; non sei se con alas, pero anxélicos, si. A podremia veulles
despois, ao cambiar de bando, ao cambiar de amo.
Imos ganando fortaleza,
aínda que con achaques frecuentes, ata un momento en que eses achaques poñen o
punto final: ¡chega un intre en que a alma se cansa de tanta corrupción, e
daquela emigra co desexo de volver ao Paraíso!
Para os corpos fomos
elaborando tratamentos e medicamentos, pero a alma témola un tanto descoidada,
pasando por alto, ¡tantas veces!, que é necesaria a nosa cooperación ás gracias
que nos veñen de Cristo a través da súa Igrexa; grazas que viñeron para todos,
incluso para os que nunca oíron pronunciar o seu Santo Nome, que tamén os salva
o mesmo Cristo, pero os que recibimos os “talentos” temos unha responsabilidade
meirande. ¿No reparto, que; non parece lóxico que Deus deixe fillos sen
herdanza, ou si? ¡Iso é imposible, pero aqueles que foron mellores na terra
tamén é lóxico que Arriba teñan mellora, que sexan gratificados!
Imos medrando no
físico, pero, no espiritual? Aquí hai que recoñecer, hai que matizar, que non
tódolos nenos pasan á fase adulta nun ambiente propicio. Os máis arroupados
terán menos frío, perfeccionaranse máis facilmente, pero iso conleva a obriga
de compartir a capa, como fixo San Martiño, de ensinar aos que tiveron peores
oportunidades.
Outra anécdota: Cando
ingresei no Banco pronto detectei que os Xefes trataban de escondernos
coñecementos que eran básicos para a nosa función. ¿Por que o fan? Lle
preguntei a un dos xefes, que fora profesor meu na academia das oposicións.
Resposta: -¡Tamén ti o farás, que se trata dun arma defensiva..., para que os
novatos non lles pasedes diante! Daquela non se me ocorreu, pero se fose hoxe
replicaríalle, facéndome portavoz dos evanxelistas: “Ide, e facede discípulos a
tódalas nacións...” ¡O egoísmo, que frea o apostolado, e con iso estámonos
freando a nós mesmos!
-.-
Partir e compartir:
O Mestre, en Juan 14,6,
ben que nos avisou: “Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o
Pai máis que por min”. Daquela, torpeza é ir por mal camiño, pero desviar ao
próximo, mostrarlle rutas equivocadas, a sabendas, iso é satánico!
-.-
A orella de Malco...
Juán, 18 -11 “Pero Xesús díxolle a
Pedro: Mete a espada na vaíña; ¿ou acaso non hei bebe-lo cáliz que me deu o
Pai?”
Xa non son tempos de defende-la
relixión coa espada, senón coa lingua, cos feitos, cos exemplos. Hoxe, “Estamos
chamados a vivir de misericordia porque a nosoutros en primeiro lugar
aplicóusenos misericordia”(cf. Papa Francisco, Misericordiae Vultus, n.9).
Pero ter misericordia
non exime de predicar, de transmiti-las verdades evanxélicas. Deus Fillo, igual
có Pai, e co seu Espírito Santo, queren evanxelistas, e non pasotas. Cargar coa
cruz, si, pero evitar, no posible, cruces innecesarias que sexan consecuencia
do noso pasotismo.
Que dixo, que nos dixo,
Xesús, que nos ordenou no seu testamento post mortem? (Mateo 28, 20). “...
ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que estarei sempre
convosco ata a fin do mundo”. O mundo non se acabou cos apóstolos, pois aquí
estamos os seus sucesores, tanto os clérigos coma os laicos, así que esta orde
é un auténtico apoderamento, un apoderamento irrevogable, no que participamos
todos, todos aqueles que tivemos a sorte de coñecer a Cristo a través dos seus Evanxeos.
Para que o entendesen
aqueles cernís, aqueles brutiños do seu entorno, Xesús faloulles, explicoulles,
con parábolas sinxelas, de seu intelixibles; ¡pois así temos que facer nós
cando damos con interlocutores cernís, abaixarnos ás explicacións sinxelas,
pero sinceras, e por ende, convincentes.
Acabo de lerlle ao teólogo Manuel
Cabada Castro: “... o que verdadeiramente importa é
que cada quen poña ó servizo dos demais os dons que Deus lle deu. Porque -como
ben sabemos- Deus non precisa dos nosos servizos. El é en si mesmo absolutamente
autosuficiente. Precísannos, en cambio, cantos, máis preto ou máis lonxe de
nós, teñen algunha relación connosco. Unha vez máis, a medida ou a tradución
máis correcta e máis exacta do noso suposto amor a Deus é o amor que teñamos ós
nosos irmáns.” ¡Cabal, xusto, amigo Cabada!
-.-
¡Vinte séculos, e aínda estamos así! Sinceramente,
pouco fixemos pola expansión do cristianismo, en tanto tempo, e co que
avanzaron os medios de comunicación de masas. A estas horas, se fósemos
cumpridores do mandato divino, non deberían quedar infieis, e tampouco
ignorantes, da Boa Nova. ¿Onde, como, e cando fallamos?
Certo é, tamén, que
temos ao diabro na oposición, empuxando firme para tirarnos ao abismo, para
apartarnos do Ceo, do que el mesmo foi expulsado, por traidor. Na súa ousadía
incluso tentou a Deus feito home, pero Xesús, á vez que o devolvía aos abismos,
deixounos a lección de como hai que tratalo: “Xesús respondeulle: -Tamén está
escrito: ´Non tentarás ó Señor, ó teu Deus´. Mateo, 4:7 ¡Non volveu ata o Calvario, onde a levou cadrada, pois
alí, do mal resultou un ben: a nosa salvación, a definitiva!
Na loita entre o ben e
o mal temos que elixir campo, e non sempre o facemos, que aí está a nosa
debilidade: ¡poñámonos de parte do gañador, que é Deus, que sempre o será,
polos séculos dos séculos! Se así o viñésemos facendo, todo o orbe estaría
santificado, pero, ao fallar na execución das Leis Divinas, o triunfo avanza,
¡como non podía ser menos!, pero, amodo, e non con bos modos.
¿Que o diabro aínda
conserva un poder tentador? ¡Iso é simplemente porque non o arredamos coa
espada fulminante, coa da humildade e coa oración; en definitiva, coa
exemplaridade!
-.-
¿Exemplaridade? Este pecador, este servidor,
este comodón, coñeceu dous casos de exemplaridade magnífica e frutífera, dignos
de mención, entre outros por suposto. Ambos en África:
. O arcebispo de
Tánxer, Monseñor Francisco Aldegunde Dorrego, nado o 12 de marzo do ano 1896, en Chamoso (Lugo).
As simpatías que tivo
entre os musulmáns de Marrocos logo estou por dicir que igualaban, se non
superaban, ás que lle tiñamos os cristiáns. Aquel home predicaba co exemplo,
tanto ou máis que coa palabra: sinxelo, afable, comunicativo... Que eu saiba,
non foi canonizado, pero, meréceo!
. Outro caso notable
foron aqueles franciscanos de Sidi Ifni: Fray José e mailo Padre Santiago.
¡Canto me pesa non terlles feito unha foto cando os vía rodeados de cativos
musulmáns, bicándolles o seu cordón franciscano! Aquilo foi un milagre, un
milagre edificante: Non tiveron que dicir, “Deixade que se nos acheguen os
nenos...” Non houbo musulmán que llelo impedise, polo ben que facían e pola
simpatía que se lles tiña nas dúas relixións.
Anécdota cruel: Os
franciscanos foron expulsados de Ifni, coa anuencia do Nuncio, única e exclusivamente
por obedecer ao bispo de Canarias, Pildaín: non lle deron a comuñón á cuñada
dun militar de altísima gradación..., ¡porque ía comungar escotada e
pintarraxada!
(Isto foi antes do
Vaticano II)
-.-
A
exemplaridade apostólica
¡Veña,
a funcionar, por parellas, coma a Garda Civil!
Xa
que somos apóstolos, sucesores dos Apóstolos, continuadores da
súa obra, e todo iso por mandato divino, sería bo que fixésemos un curso de cristiandade, imitando,
aprendendo deles; non si?
“Recibiréde-la
forza do Espírito Santo, que virá sobre vós, e seréde-las miñas testemuñas en
Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría, e ata os confíns da terra”.
Ah; pero nós non tivemos
Pentecostés! E logo, o Bautismo non foi unha admisión no cristianismo? ¡Estamos
admitidos na herdanza; daquela somos administradores dela!
«Cando veña Él, o Espírito da verdade, ensinaravos toda a
verdade» (Juan 16:13)
¡A iso
imos, ata onde sexamos capaces!
Non temos que inventar nada, como
fixeron os falsos profetas desas pseudo relixións que por aí andan
esparramadas, cheas de absurdos e de contradicións, e non obstante, cridas e
cumpridas por moita xente. A doutrina cristiá é perfecta, perfectamente
demostrada, co cuño irrebatible da
resurrección de Cristo, e todo iso testemuñado polos Apóstolos de mil
maneiras, incluso co sacrificio das propias vidas na defensa da verdade
absoluta. Daquela, ¿por que non avanzamos máis á présa? Pois..., pola miña
culpa, e comigo, a desta caterva de pasotas, tan dados que somos á comodidade,
ao desagradecemento.
¿Cabe mellor regalo có de
bautizarnos? Nese caso, ¡sexamos agradecidos, compartámolo; sexamos testemuñas,
catequicemos!
“Ti, Señor, que coñeces os corazóns
de todos, amosa cal destes dous escolliches para ocupar neste servizo do
apostolado o lugar que Xudas deixou para ir ó sitio que lle correspondía”. Feitos 1, 26. Eu, servidor, non me
chamo Matías, pero si Xosé María, así que..., se non hai outros mellores,
preséntome voluntario, para predicar..., se non é cos feitos, de pobres que
son, a ver se de palabra, en galego, que igual soa como Galilea! Para comezar, invocarei ao profeta Xoel, aquel que dixo: “... todo o que
invoque o nome do Señor será salvo”. ¡Aí o tedes: Eu tamén quero salvarme, e
para iso, no que de min dependa, ensinareilles o Camiño, o verdadeiro, aos meus
lectores, se é que algún teño, ou me queda!
Non teño afillados, que ninguén se
fiou do meu bautizo, pero aínda estou a tempo; podo comezar acordándome de Pedro, que dixo: “Arrepentídevos e
cambiade, que cada un de vós se faga bautizar no nome de Xesús para o perdón
dos seus pecados, e recibiréde-lo don do Espírito Santo. Porque a promesa é
para vós e mais para os vosos fillos e para tódolos que están lonxe, tantos
como queira chamar o Señor noso Deus”.
Tódolos crentes vivían unidos, e
tiñan todo en común. ¡Daquela volvamos ás andadas, pidamos os votos para Xesús
de Nazaret, pois ese Salvador é o único que non falla: é católico, é universal!
E se nos ameazan os inimigos, chamemos tamén a Pedro para que nos defenda, que lles dirá aos tales, como fixo
aquel día en Xerusalén: “Xulgade por vós mesmos se está ben diante de Deus
obedecervos a vós antes cá a El, porque non podemos deixar de falar do que
temos visto e sentido”.
¡Que sublimes as vivencias daqueles
crentes iniciais; non poderíamos imitalos, nós; sequera imitalos? “A comunidade
dos crentes tiña un só corazón e unha soa alma, e ninguén consideraba como seu
o que posuía, senón que tódalas cousas eran comúns”. Feitos 4, 32. Hai, e houbo, adoradores de ídolos que tamén
predicaron a fraternidade, pero a cristiá vennos do Mestre, do propio Fillo de
Deus, o único que foi capaz de multiplica-lo pan, o único que se quedou con
nós, baixo a forma do pan eucarístico. Con estas verdades, sabidas e
demostradas, ¿como somos tan egoístas con este pan? ¿E se Deus, de castigo polo
noso egoísmo, nos nega a entrada no banquete celestial? ¡Non quero nin pensalo!
Certo é que nos redimiu, pero algo de egoísmo quedounos... ¡Claro; deixóunolo
para que fagamos méritos, para que participemos na loita, para que poñamos algo
da nosa parte, para que lle demostremos que estamos dispostos á penitencia; xa
nolo dixo no Noso Pai, invitándonos á humildade: ... perdoa as nosas ofensas, como tamén nosoutros..., etc.!
-.-
¡Señor,
tírame do cabalo do orgullo; a min, tamén!
“Entón Ananías, poñéndose en
camiño, entrou na casa, e impoñéndolle as mans, díxolle: -Irmán Saulo, quen me
manda é o Señor Xesús, que se che apareceu cando viñas polo camiño, para que
recóbre-la vista e te enchas do Espírito Santo”.
¡Señor, Señor, cantos Ananías,
cantos cregos puxeches no meu camiño para que me predicasen, para que me
abrisen os ollos, pero a min..., un cegarato impenitente, custoume ve-la luz
evanxélica! Agora que vou vello, déixame acelerar, sequera sexa para recuperar
algo do tempo perdido, que vexan en min, polo menos, un pecador arrepentido!
Modestia á parte, algo xa fixen, que lle puxen ao meu fillo, Pedro Paulo...,
séxase, acollino á súa protección ¿Foi
un sopro de Deus? ¡Coido que si!
“Daquela, a igrexa tiña paz en toda
a Xudea, Galilea e mais Samaria. Crecía coma un edificio, progresaba na
fidelidade ó Señor, e coa asistencia do Espírito Santo ía aumentando en
número”. ¿Daquela, por que houbo eclipses, freadas posteriores? ¡Xa o veño
dicindo: Porque o diabro non se durmiu, e os cristiáns, si! Agora que está tan
de moda acelerar, aceleremos, tamén, na comunicación doutrinal!
“Bernabé foi a Tarso en busca de
Saulo e, cando o atopou, levouno para Antioquía. Durante un ano enteiro
estiveron xuntos naquela Igrexa, adoutrinando a moita xente. Foi en Antioquía
onde por primeira vez ós discípulos lles chamaron “cristiáns”. ¡Vaia, ho, para
ter froito, para recoller, hai que sementar! ¿Tomamos nota?
“Por aquel tempo o rei Herodes
botou man dalgúns membros da Igrexa para os maltratar. Mando matar con espada a
Santiago, irmán de Xoán, e, vendo que iso lles agradaba ós xudeus, mandou
prender tamén a Pedro, etc.” Hoxe en día sentímonos heroes se nos prenden por
calquera burrada política, pero, ¿por defende-la fe cristiá, por defende-las verdades
da nosa Salvación? ¡Hai que meditar nisto, analizar esta covardía, tanto que
ten de acomodaticia, séxase...., pasotismo!
Os maquiavelos dos partidos
políticos captan, e pagan, manipuladores do pensamento para que lles fagan
guións pedagóxicos cos que catequizar aos votantes... ¡Arre, demo, que cousa; e
nós, os cristiáns, que temos a verdade absoluta nos evanxeos, predicada de
balde nas igrexas, domingo a domingo, perdemos o tempo ollando para as
mozas...”que van guapas e frescas...”! (Romance de Riello: Pa misa diba un
galán - caminito de la iglesia / no diba
por ir a misa – ni pa estar atento a ella, / que diba por ver las damas – las
que van guapas y frescas!”.
¡Cantas veces terei feito de galán de Omaña!
(Mellor que non o saiba a miña muller..., por se acaso!)
-.-
Despois de celebradas as vodas
cotiáns con un exame sincero e recíproco, amigable, deténdose o tempo necesario
na análise do que fixeron mellor, pero tamén do que fixeron peor, ao longo do
día, a promesa recíproca de seguir en harmónica comunicación, que debe selarse
con un bico matrimonial máis convivencial que erótico. O paso seguinte, xa
quediños, é, debe ser, invariablemente, cada noite, solicitar a bendición da
Divindade rezando, pedindo e prometendo aquilo de: “Con Deus me deito...”. Noso
Pai, Ave María e Gloria, rezados en común. Outro bico, e a continuación, xa de
costas, en posición fetal, o exame individual:
Rapaciño, fuches sincero coa
rapaza; pórtaste ben: con ela, contigo mesmo, co próximo...? Daquela, se te
arrepintes, pero de verdade, con sinceridade, mañá serás máis feliz cá hoxe!
¡Que o dixo o propio Xesús, e repetiuno o noso Santiago na súa carta ás tribos
que estaban na emigración. Sant. 1
-25: “... quen afonda no coñecemento da lei perfecta, a que dá a liberdade, e
quen se mantén nela, non para a escoitar e a esquecer deseguida senón para
poñela por obra, ese será feliz na súa actuación”. ¿Queremos ser felices, queremos durmir serenos, con conciencia recta e
tranquila? ¡Aí o temos, que é ben doado: afondar no coñecemento da lei de
Deus! Para estas reflexións non hai mellor sitio co silencio da cama; nada de
contar ovellas no insomnio, que iso faino calquera, pero os crentes temos
outras contas que botar!
Miña nai, ¡Santa Irene!, cando me
vía na cama facíame unha cruz na fronte, á vez que me dicía: “Agora, meu neno,
a soñar cos anxos!”. Daquela interpretábao como que o seu desexo era que non
tivese pesadelos na miña durmida, pero desde que me / que nos viñeron os
fillos, e tempo adiante os netos, entendín mellor aquel imperativo: ¡que me
quería de anxo, que fixese por imitalos!
¡Deus, tanta xente boa que un leva
coñecido, e co doado que é imitala a pouco que nolo propoñamos!
-.-
Falando
de parentes. Coido
que os predicadores deben explicar, de vez en cando, que, cando nos evanxeos se
fala de “F. de Tal, irmán de...”, non se pode interpretar no senso actual dese
tratamento, deste parentesco, senón que os
semitas empregaban o termo “irmán” para referirse a primos e parentes.
¡Ollo, que este equívoco, este error, ten orixinado interpretacións
disparatadas nas lecturas relixiosas!
Temos a lamentable experiencia das
consecuencias, das desviacións, que trae a interpretación errónea dunha verba
ou dun concepto naquelas desviacións dos nestorianos nas que se baseou Muhammad
para afirmar, absurdamente, que o noso Xesús foi “creado e non xerado” cando a
realidade, obviamente, foi a contraria, que ben nolo recorda o Credo: “... que foi concibido por obra e gracia do Espírito
Santo...”
Séntense moi a
gusto co machismo do seu Al Qurán pero teñen en riba unha forte ameaza pois as
súas mulleres, dun tempo a esta parte, están copiando, moito, das occidentais,
particularmente das europeas; entre outras sublevacións, pronto lles dirán que
están fartas de parirlles media ducia de fillos, así que..., irán a menos, en
tódolos aspectos!
-.-
Paulo
no Areópago grego. ¿Por que nos engurramos cando nos parece ter sabios
enfronte, e así desaproveitamos a ocasión de catequizalos? Memoricemos aquela
arenga de Paulo, que mellor non se pode dicir:
“Atenienses, vexo en todo que sodes
moi relixiosos, pois andando por aí e mirando para os vosos monumentos de
culto, incluso atopei un altar con esta inscrición: “Ó deus descoñecido”. Ben,
pois o que venerades sen o coñecer, é o que eu vos anuncio: o Deus que fixo o
mundo e todo o que nel hai, o Señor do ceo e mais da terra, non habita en
santuarios feitos pola man dos homes, nin o serven mans humanas, coma se
precisase de cousa ningunha El, que a todos dá vida e alento. Dun só home
quitou a raza humana, para que habitasen toda a terra, e estableceu os
lindeiros dos seus tempos e mais dos seus territorios, para que o buscasen a El
e o encontrasen, aínda que fose atoutiñando. En realidade non está lonxe de
cada un de nós, posto que nel vivimos, nos movemos e existimos, como algúns dos
vosos poetas dixeron: “porque somos incluso da súa caste”. Así que, sendo da
liñaxe de Deus, non debemos pensar que a divindade sexa semellante ó ouro, á
prata ou á pedra, traballados pola maña e a imaxinación do home. Ora ben,
pasando por alto os tempos de ignorancia, agora manda Deus ós homes que todos
en todas partes se arrepintan. Porque estableceu un día no que ha xulga-lo
mundo con xustiza por medio do home que El determinou, dándonos a todos a
garantía disto, resucitándoo de entre os mortos”.
Paulo, querido Paulo, patrón da
parroquia á que pertenzo actualmente, e na que tes uns cregos, uns apóstolos,
que che copiaron a elocuencia, faime partícipe da súa valentía para imitalos,
¡para imitalos!, na súa evanxelización, para atreverme cos amigos que, ademais
de sabios, téñanse por ateos. Mais, agora que o penso, coido que ateos non son,
que non os hai, non pode habelos; ¡en todo caso, desinformados! A culpa dos
seus erros igual é máis miña que deles..., por non falarlles dese Deus que lles
é descoñecido, como lles pasaba aos atenienses!
Non sei se sería co mesmo cabalo,
con aquel de antes, pois non vexo que se diga nos “Feitos dos apóstolos”, pero
o caso é que Paulo foi un trotamundos incrible. Estoume lembrando do que lle
pasou en Éfeso, na segunda viaxe, cando lles preguntou a uns daqueles
bautizados por Xoán: “-Recibíste-lo Espírito Santo, cando abrazáste-la fe? Eles
respondéronlle: Nin sequera sentimos dicir que haxa un Espírito Santo. Entón
díxolles: -E logo, ¿que bautismo recibistes? Eles responderon: -O bautismo de
Xoán. Entón díxolles Paulo: -Xoán bautizaba con un bautismo de conversión,
dicíndolle ao pobo que cresen no que viña despois del, é dicir, en Xesús”. (En
vista diso, Paulo bautizounos no nome de Xesús, e coa mesma veu sobre eles o
Espírito Santo; comezaron, ¡eles tamén!, a falar en linguas estrañas, e a
profetizar). De Éfeso, a Xerusalén, pasando por Macedonia e Acaia; despois,
Roma. ¡Pobre cabalo, se o levou consigo!
-.-
Hoxe
en día.
Señor, agora que estou esperto e me
lembro daquilo do Éxodo, 17 -11-12:
“Cando Moisés erguía as mans, vencía Israel; cando as baixaba, vencía Amalec”.
Daquela a posta do sol, ¡era a posta do sol! Hoxe en día, sol posto, lámpadas acesas! Non fai
falta levanta-los brazos, que chega con darlle ao interruptor; e con iso xa che
estamos levando a contraria, Señor, séxase, pecando, pecado moral, e a maiores,
pecado mortífero, derrota segura!
Coas lámpadas acesas tentamos
levarche a contraria, alonga-los días matando o sono: radios, televexos,
espectáculos de todo tipo... ¿Señor, é ou non é verdade que nos deches a noite
para repoñer forzas, e de paso para reflexionar no silencio das nosas camiñas?
Se eu fose médico dos corpos
opinaría que restarlle horas ao sono, tal que durmir menos de 6, é, produce,
como pouco:
-Que afecta a diferentes sistemas,
desde o cardiovascular, neuroendocrino, dixestivo, respiratorio..., e incluso
ao inmunolóxico.
-Incrementa
ata 4 veces o risco de desenrolar ou morrer dun accidente cerebrovascular en
persoas da mediana e da terceira idade.
-Eleva
ata un 48 por cen as probabilidades de desenrolar ou morrer dunha enfermidade
cardíaca.
-Etc.,
etc.
¿Que
facemos os predicadores (ou aprendices de tales) que non lles dicimos aos nosos
gobernantes que paren de atentar contra a vida, contra a saúde, dos seus
votantes, co doado que teñen dar normas para a nocturnidade, ou é que lles
gusta? Isto no que se refire á saúde física, que tamén habería que falar da
inmoralidade dos noctívagos.
-.-
“Este
creyente, malo pero creyente, que cada domingo os acompaña al misterio de la
Eucaristía, y que parece llevaros a un remanso de paz, en realidad os está
llevando a una guerra, y es bueno que lo sepáis. Los creyentes, con nuestras
misas y nuestras mesas, con nuestros ritos y nuestras oraciones, no estamos
tratando de salvarnos a nosotros mismos, y mucho menos pretendemos salvar a
Dios; luchamos para que la salvación de Dios alcance al hombre, a todo hombre
que viene a este mundo, primero al pobre, luego al indiferente; luego, si es
todavía posible, también al del escándalo orgulloso”. (Jesucristo, Rey del Universo, por
Santiago Agrelo Martínez, Arcebispo de Tánxer, en Galicia Digital, do día
26-11-2017).
¡Esta
é a loita, si Señor, pois o contrario sería pasarnos ao outro exército, ao de
Satán, que por desgracia xa ten demasiados seguidores, pero, Deus mediante,
nós, que estamos de parte de Deus, e non do diabro, acabaremos vencendo, que
para algo Xesús tivo unha Paixón, voluntariamente aceptada, resucitando ao
terceiro día, segundo testemuñan os evanxelistas!
Xa
que resucitou por si mesmo, daquela era Deus, Segunda persoa da Santísima
Trindade... Pois si, e non só resucitou, senón que subiu ao Ceo, en presencia
dos mesmos apóstolos; índose, quedou, tamén se quedou con nós..., ¡na
Eucaristía! ¿Que máis probas necesitamos? Falando de probas: Unha proba, a
mellor de todas, de que Xesús quere ás mulleres como apóstolos foi que..., ¡que
se lles apareceu a elas antes que aos varóns! Digámolo en voz alta, e se é
preciso, por escrito, por se o teñen esquecido eses cardeais de Roma!
O
caso é que as mulleres, ¡vese nos políticos!, ante o público (e non só ante os
esposos) son máis convincentes que os homes; daquela, ¿non será un error
evanxélico deixalas en simples diáconos?
Agora
que hai mulleres nos exércitos da nosa cultura, na Cultura Superior, na
Eclesiástica, na de Cristo Rei, que? Igual chegan a velas no presbiterio os
nosos netos..., desde que non queden Curas, desde que o celibato sexa
inoperante!
-.-
Curación da sogra de Pedro (Mat 8, 14-15; Mc 1, 29-31;
Luc 4, 38-39)
“Ó
que saíu da sinagoga, entrou en casa de Simón (Pedro). A sogra de Simón tiña
unha febre moi alta, e pedíronlle por ela. Achegándose a onde estaba ,
ordenoulle á febre que a deixase, e deixouna. De seguida ergueuse ela, e púxose
a servilos”.
¡So
ogra!, que así dicían na miña aldea os maleducados cando querían referirse a
unha sogra que lles caese antipática. ¡A miña, de ogro, nada, que era unha
santa, e ben que a botei en falta cando..., cando a chamaron de Aló Arriba, do
Alto! Que tivese sogra o primeiro dos Papas faime pensar..., pero..., “doutores
ten a Igrexa que nolo saberán explicar!”.
Acaba
de saír desta miña/vosa casa unha santa, ¡Santa María Luísa!, que lle veu traer
a comuñón á miña dona, que está de “clausura” por culpa das súas cadeiras, das
dúas. (Ela di que Deus lle mandou o purgatorio en vida, e como tamén é unha
santa, outra, ata terá razón).
Como
é natural, púxenme de xeonllos na presenza do Altísimo, pero en certo modo
tamén diante dela, diante da señora Luísa, porque me conmocionou que chegase a
ver unha dama trasladando, compartindo, a Eucaristía. ¡Deus a bendiga, Amén!
Tiven unha prima, a única curmá que tiven, Mercedes Cora, que representaba ás
mil marabillas aqueles papeis das súas once películas, pero esta María, esta
Luísa..., que só lle falta levar sotana en vez de faldra! ¡Deus a bendiga,
Amén!
Na
prehistoria: Irán aló tres cuartos de século. A igrexa distaba da miña casa
natal cousa dunha legua. A nosa veciña, Josefa de Brais, non querendo morrer
sen outra visita de Xesús Sacramentado pediume que lle fose polo Cura... O seu
marido tiña besta, e nós non, pero, tendo un neno na veciñanza...! Co medo de
que fose morrer no ínterim, dinlles ás miñas zocas un bo aceleramento, pero...,
¡outro pero!, o señor Cura aínda non tomara o seu chocolate, así que me
desesperei esperando na súa cociña. Por fin arrancamos, pero en silencio porque
me recomendou que, polo camiño, non lle contestase a ninguén..., ¡xa que
levabamos o Santísimo! Outra legua..., pero desta vez tocando a campaíña cando
pasabamos por diante de alguén, ou dalgunha casa. O Señor tamén estivo calado,
permitíndolle á veciña que tivese a paciencia de non despegar para o infinito
ata que El chegase. Aquí e agora, que aínda non se fora a señora Luísa cando se
me veu esta lembranza: ¡Deus, como cambian os tempos; os tempos, non, nosoutros
mesmos, que somos distintos a cada minuto que pasa; o único que permanece nun
Presente Eterno é o Único, que por algo e para algo é o Único Deus verdadeiro!
-.-
Volvamos
cos apóstolos, coa evocación dos
seus Feitos, deixando a Paulo en Roma: “... que botou dous anos enteiros nunha
casa alugada, onde recibía a tódolos que o viñan visitar predicando o reino de
Deus e ensinando o que se refire ó Señor Xesús Cristo, con audacia e sen impedimento algún”. ¿Con audacia, eh? ¡Pois así é como temos que predicar os
cristiáns, a imitación dos nosos mártires, con audacia!
Carlos Osoro,
arcebispo de Madrid, referíndose á viaxe do Papa a Kenia, Uganda e República
Centroafricana: “¡Qué
propuesta más audaz la que nos hace el Papa con este viaje! Los cristianos
tenemos que hacer una movilización general y proponer la fe con entusiasmo, con
hechos y con palabras. Nos está pidiendo, a quienes formamos parte de la Iglesia,
que dediquemos nuestras energías a proponer el mensaje del Evangelio,
haciéndolo creíble con obras a todos los hombres. Hablar de Dios no es imponer
obligaciones a las personas; es compartir una alegría que nos desafía a actuar
con la misma bondad con la que actuó Jesús. No se conforma con que denunciemos
las situaciones con más y más declaraciones, el Papa busca cambiar las cosas.
Esto es lo que nos dice en La
alegría del Evangelio cuando pide que la economía esté al
servicio de las personas y no al revés, que no convirtamos la sociedad en una
dictadura de la economía que al final no tiene rostro ni fin. La persona en el
centro de todo, donde la puso Dios mismo cuando nos creó. A todas las personas
hay que hacerles llegar la noticia que nos dio Jesús: que el amor es algo
concreto. Los cristianos hemos conocido que el amor tiene rostro, es
Jesucristo, no es una idea. Y ese Amor que nos ha sido dado como el regalo más
grande debe entrar en otros rostros. Porque se ama a las personas. Un mensaje
que enciende corazones apagados, da sentido a la vida y nos hace a los hombres
más humanos”.
-.-
Audacia e..., sorrisos!
Nós, a xeración da guerra, criados
na guerra, pois guerra tamén é / foi a retagarda, non soubemos rir, non vimos
sorrisos, non aprendemos a vivir con felicidade; ¡estamos xustificados, en
certo modo, pero, os que viñeron despois?
Ao presente, con este progreso do
XXI, falando a distancia e todo iso, lamentablemente segue a melancolía; ou é
que se me figura, consecuencia da miña miopía? Só vexo sorrisos nas tendas, e
para iso dura un instante, o intre que dedican a contar os meus cartos!
¿Que se pode facer para remediar
esta situación? A miña dona, que é moi observadora, ¡é mestra pero ten vocación
de periodista!, opina que lle temos medo ao Xuízo, que as vemos vir de lonxe.
¡Vaia, ho, e nin con esas tratamos de lavar o expediente!
Meditando un pouco en todo isto,
fáiseme que os cristiáns temos dous grandes motivos para sorrir: A ledicia que
debe quedarnos daquela auga bautismal que nos lavou tan a fondo que incluso nos
purificou a alma, anticipándonos, de paso, o título de cristiáns; e logo que
esa mesma impronta, esa titulación, ao facernos apóstolos de Cristo, debe
animarnos, ten que animarnos, a ensinar sorrindo, afablemente, para que os catecúmenos
se convenzan de que estamos en posesión da verdade, que lles ensinamos verdades
absolutas, e por tanto, felices e incontrovertibles!
A quen temos que pedir que nos
axude a poñer cara de felicidade é á Virxe das Dores, pois ninguén coma ela nos
pode comunicar a esperanza de que, detrás das dores, coas dores, é como mellor
se gaña o Ceo; que despois da Cruz, redimidos polo seu propio Fillo, nós tamén
subiremos; ¡mellor dito, subirannos, invitados pola Sagrada Familia!
A pouco que meditemos farásenos
obvio que poñer cara de tristeza é unha mala presentación no noso papel
evanxélico. ¿Como van a animarse os infieis, os incrédulos, se nos vén
desanimados a nosoutros, aos crentes?
Daquela é certo que temos medo,
precisamente por crentes, precisamente por saber que teremos, que nos espera,
un xuízo persoal? Pois, tranquilos, que nese xuízo os acusadores seremos nós,
nós mesmos, ninguén máis, pero se levamos borrada a cartilla dos feitos
impuros..., laureada ao canto! ¡Que Xuíz máis benévolo é Deus, que non hai
outro que lle permita ao reo salvarse dos seus delitos simplemente co
propósito, co firme propósito, iso si, de confesarse, de cumprir a penitencia;
¡poñendo o máximo interese en evita-las omisións, por suposto, decatándonos de
que iso tamén son tentacións, tentacións consentidas!
Unha advertencia: o sorriso, para
ser eficaz, ten que ser sincero, cristiá; nunca de tendeiro! Ante esa tentación
mercantilista lembremos que Xesús, na súa vida publica, só castigou, ¡a
lategazos!, aos tendeiros do templo: “-¿Non está escrito que a miña casa será a
casa de oración para tódolos pobos? Pois vós convertéstela en cova de
bandidos...” (Marc. 11, 15-18; Mt. 21, 12-17; Luc.19, 45-48; Xn. 2, 13-22).
-.-
Cave
ne cadas!
Por vitorioso que tornes das túas vivencias,
faille caso ao teu escravo, á túa conciencia! ¿Ou é que non notas que, a cada
intre, empúrrate a propia arrogancia, esa soberbia que che inspirou Lucifer,
¡precisamente o derrotado!, ese ego que che fai presumir do temporal, do
prestado! Ante todo, humíllate; aprende a ser emperador de ti mesmo, que é máis
difícil e máis meritorio que selo de Roma; contrólate!
Certo é que as caídas son fáciles,
pero temos a caiada da fe, aínda que pouco nos apoiamos nela! Témonos por
vencedores, con Lucifer derrotado; pois non, non exactamente, pois o diabro foi
vencido pero non desaparecido; segue envexoso, cadora máis, pois o triunfo
irremediable do cristianismo teno desesperado. Enganou á Eva, pero veu María e
pisoulle a cabeza; ¡é tan torpe e tan maligno, que se nega a admitir as
derrotas, e volve, e volve...; iso si, por detrás da cruz, como fai o zorro
cando vixía ás pitas por tras do palleiro!
Sentímonos tan emperadores que
esquecemos a verdadeira situación: Non somos emperadores senón soldados de
Cristo, soldados da verdade; e así estamos no bando da luz, da humildade, no
exército de Cristo Rei; enfronte, os diabros, eses traidores que se lle
sublevaron a Deus, ao Deus da xustiza e da perfección. Sendo anxos, como farían
esa animalada? Saberémolo con detalle no outro mundo, pois neste abonda con
loitar, con loitar na causa xusta, acollidos ás bandeiras dos dez mandamentos,
que ben poucos son para tanto premio como é o que nos espera. O noso Comandante
tennos tan cerca que, en vez de defendelo nós, deféndenos El; verdade que si,
Santa Teresa, verdade que o temos ata na lareira, xunto dos potes?
Teresa de Ahumada e de Cepeda, ti
querías ir á mourería, con teu irmán, para acadar o martirio; pois eu tamén
fun, xunto coa miña dona, alén do Estreito, ¡dez anos en Ifni, guerra e
atentados incluídos!, pero non en busca do martirio, aínda que estivemos a
punto de telo; ¡nós fomos en busca de diñeiro, e de ascensos, que non é igual
senón todo o contrario!
-.-
Guerra
e paz, (en ruso Война и мир, Voiná i mir), de León Tolstói (1828–1910), que a comezou a escribir nunha época de convalecencia tras
romperse un brazo ao caer dun cabalo, nunha partida de caza, en 1864.
Pois eu tamén caín; non dun cabalo, senón dacabalo dos anos; caín, decaín, e
comezo a ter rota a memoria, así que, ¡eu tamén, a reflexionar, antes de que
sexa tarde!
¡Deus, que pouco tempo dedicamos á
reflexión! ¡Claro, dánnolo todo feito, que só hai que ir á tenda...! Pero o
forno dos pensamentos é individual, persoal, así que temos que atizarlle...,
nós mesmos, in person!
-.-
Precaucións,
para evitar desavinzas.
Sempre se dixo que máis vale
precaver que curar, pero..., a profilaxe non adoita coñecerse, ser coñecida,
e/ou estar doada!
Pola vida adiante somos tan
evolucionistas, cambian tanto as nosas circunstancias, que mesmo podería
dicirse que somos distintos, minuto a minuto, e o que está ben nunhas circunstancias, nas seguintes sería contraproducente.
Este mareo circunstancial esíxenos vivir alerta, e reaccionar con prudencia,
pero, ¡sen demora! ¿Cumprímolo? ¡Ás veces!
Factores emocionais, profesión,
entorno... ¿De onde sopra o vento no intre da decisión? Se nos colle enfadados,
ou deprimidos, ou iracundos..., acertar é máis difícil. Daquela pidámoslle a
Deus serenidade, imparcialidade, e que nos sopre o Espírito; ¡que arrede a
Satanás, pois adoita disparar maldades poñéndose detrás da cruz! ¿Ai, Deus, que
boíño é Fulano / Mengana; e non será máis certo que poñen esa cara para
enganarnos, para levarnos ao seu horto? Se nos enganan as aparencias, mal
actuaremos; para atinar coa profilaxe correcta hai que tomarlle o pulso ao
contrincante, e iso non é doado nesta vertixe das personalidades.
Os factores emocionais, parentescos
e/ou veciñanzas, son auténticos caretos; ¿que, ou quen, hai detrás? Non é bo
analizar con desconfianza, pero si cos ollos da intelixencia; con cariño, por
suposto, pero, espertos! A empresa familiar é moi guapa, pero esixe máis
atención; non desconfianza, atención. Os nosos avós, aqueles do século XX,
adoitaban dicir: “A confianza mata ao galego”. ¡Pois a desconfianza, tamén; así
que, ollos abertos e, para adiante! Compre manter un equilibrio, establecer un
“protocolo familiar” cariñoso pero vixiante, que nos evite as guerras internas,
desenganos que sexan irreparables por tardíos!
Cando estudamos Economía,
Empresariais, ou similares, os textos formativos dinnos que nas empresas
familiares o seu funcionamento non se debe contaxiar pola espontaneidade;
aconsellan establecer regulacións claras e sinceras; que os socios se sintan
cómodos pero non como na súa casa, adoecéndose. Que o traballo delimitado axuda
a previr problemas. Etcétera, etcétera. Se iso procede no mundo mercantil, para
a paz familiar outro tanto, ou parecido, que tamén é un negocio, positivo ou
negativo, segundo os casos!
¡Señor, que pracer máis puro, máis
gratificante, iso de levarse ben de portas para dentro; non hai mellor negocio!
Pero o caso é que non hai receitas específicas; hai que ir preparándose,
cultivando o criterio segundo se van coñecendo os feitos de cada quen!
Mateo 7, 15-20; e Lucas 6, 43-44.
“¡Gardádevos dos falsos profetas que veñen onda vós con aparencia de ovelliñas,
pero no fondo non son máis que lobos rapineiros! Polos seus froitos
coñecerédelos. ¿Ou é que se recollen uvas dos espiños, ou figos dos abrollos?
Así, toda árbore de boa caste produce froitos xeitosos, e toda árbore de mala
caste produce froitos ruíns. Non pode unha árbore boa producir froitos ruíns,
nin unha árbore ruín producir froitos de calidade. Toda árbore que non produce
froitos bos, córtase e bótase no lume. Así que polos seus froitos é como os
coñeceredes”. Está claro: hai que mirarlles
os feitos, pois os ollos, en contra do dito, non sempre son o espello da alma!
Matinar,
si; maquinar, non.
Il Pensatore,
di Rodin.
De metidos no XXI, para ser Rei,
¡Rei de min mesmo!, precísanse 4 Conselleiros: Un Teólogo, para non caer en
contradicións relixiosas. Un Psicólogo, para defenderme dos amigos falsos;
¡defenderse dos inimigos é máis doado! Un Economista, que nos ensine a
administrar a nosa bolsa, a de minúsculas. Un Avogado, leal e legal, que nos
defenda das estrapucias do próximo. Médico xa temos, na Seguridade Social. E de
Matemáticas, contando polos dedos...!
¡Ai, pobres nenos os deste XXI, a
que vos espera, co complicada que se puxo a vida cotiá! Con iso, a nosa obriga,
a dos pais, a dos avós, a dos coidadores, a dos profesores..., é cousa seria,
pois require moito esforzo para poñernos á altura que nos incumbe! Se había
materia para pensar, daquela, nos tempos de Rodin, se vivise hoxe, ¿como nos
retrataría? ¡Seguro que coas dúas mans na cabeza!
A nosa principal obriga, ¡pero a de
todos!, é ensinar aos nenos a pensar, xa desde a caneta; a pensar ben, a
discernir, a tomar decisións sopesadas, maduras, imparciais! Incumprilo é outro
pecado, sobrevido, consecuencia dos pecados anteriores, que refillan, que xeran
novas e malignas consecuencias. Precisamente os erros dos políticos están
demostrando que xestionar os conflitos non é cousa doada, e menos para simples
afeccionados como adoitan ser eles. ¡Hai que bota-las mans á cabeza, á nosa, á
propia, para esixirlle concentración, meditación, matinación!
Das
maquinacións é mellor non falar, para non cultivalas, pois pode ocorrer,
como pasa nos mass media cando explican os trucos dos criminais, que, sen
querer, están ensinando a roubar e a matar sen consecuencias. Dos casos
individuais, dos seus detalles, tamén deberamos ter Secreto de Estado!
-.-
Volvendo ao tema
dos conflitos, que ten máis importancia da que lle damos.
Que vexan en nós un mal exemplo é
outro método, eficacísimo, de xerar conflitos. As consecuencias virán despois,
por veces moito despois, xeralmente na nosa ausencia, noutro escenario, así
que, aínda que para daquela teñamos cambiado de vida, reflexionado, xa non
haberá ocasión de sabelo, e por tanto, de desdicirnos. ¡De aceso o monte, quen
o apaga?
Satanás, que sempre está atento ás
debilidades, debe gozar de raio cando nos ve escandalizar; ¡e o caso é que
estabamos avisados!
Agrava a situación o feito de que
os nenos cáptano todo, xa desde a caneta, e nós, a maiores, pensando que non se
decatan! Volvendo a vista atrás lémbrome que na miña aldeíña moito veleno nos
inxectaron aqueles veteranos da guerra, que volvían dela xactándose da súa
valentía: mortes, incendios, desfeitas ao inimigo, violacións... ¡E menos mal
que na maioría das casas tiñamos pais, avós e tíos responsables, pois, do que
non, aquela contaminación, de aparencia gozosa, ía ser peor cá de Sodoma e
Gomorra. Aínda que o dixesen un tanto a medias, os rapaces entendiámolo todo.
Agora que se fala moito da violencia de xénero cabe pensar se unha parte dela
virá de lonxe, concretamente daquelas intoxicacións.
Para os criados no campo: lograr un
bo cultivo non sempre é doado, pero se deixamos unha leira a monte, aos poucos
non hai arado que a roce! ¡Algo parecido!
O feito de que a muller, nas
últimas xeracións, rompese as cadeas do fogar, pasando, traspasando a
terceiros, unha boa parte da educación dos fillos, estase notando nos conflitos
e nas carencias dos rapaces actuais.
Estas conmocións do XXI nalgún
aspecto son positivas, pero noutros negativas; iranse corrixindo na medida ou
proporción en que os avances da civilización desacrediten as desviacións dos
escandalosos. ¡Hai tantas cousas que corrixir, tantos parafusos que apertar,
que moito tempo e moita paciencia se precisará para ir asentando os egos! ¿Quen
o fará? Non é tarefa individual senón responsabilidade colectiva, así que,
comecemos por un mesmo, para que outros nos imiten, ¡se é que resultamos, se é
que somos, imitables nas cousas positivas! Eu apúntome a colaborar; coa axuda
de Deus, iso si, pois, como me tiren ao mar coa pedra do meu muíño, sen saber
nadar...!
-.-
A boa sementeira, o Catecismo.
Xosé Manuel
Carballo Ferreiro, outro Mago da Catequese. Chamouno Deus, no ano 2017, para
darlle os froitos da súa sementeira.
O principal Mandamento do
catequista é ter unha boa formación..., para non deformar, en vista do
pegadizos que son os erros! Se encima é un mago, e se chama Carballo..., hai
que subilo aos altares! Se o santoral seguise sendo cousa do pobo raso, neste
caso concreto xa estaba feito!
Das moitas leccións que nos deixou
este superhome, ¡sacerdote!, hai un paragrafo na súa serie de artigos en
Galicia Digital, “¿Casan, ou non casan, humor e relixión?”, que o debíamos
levar no peito, coma unha medalla, ou coma un antídoto:
“Non me cabe dúbida de
que un mundo que, coma a España do trinta e seis, anda sobrado de crispacións,
guerras, tensións, frustracións e amarguras, tamén anda moi necesitado de
persoas que aporten gracia, distensión e alegría. De persoas que repartan
válvulas de escape para aliviar a presión cotián, sen caer na pura e
irreflexiva evasión dos problemas”.
¿Está claro? ¡Claro, si, pero pouco
exercido, tamén; esta é unha das tantas receitas que non cumprimos!
Comezando polo fogar, que é o
templo inicial; despois do bautismo, claro. A receita que dan os bos pedagogos
é esta; con estas verbas, ou parecidas:
-Os avós deben seguir as pautas
educativas aconselladas para os pais. ¡Vasos comunicantes, igual nivel!
-Os pais non poden, non deben,
restarlles autoridade aos avós; se en algo disenten, fagan as discusións desde
que os nenos estean durmidos, ¡e coas portas cerradas!
-Nunca ceder ás chantaxes dos
nenos, salvo que teñan eles a razón.
-¿Mentiras aos nenos? ¡Ningunha,
coa única excepción da dos Magos!
-Se na casa hai signos e imaxes
relixiosas, a catequese familiar será máis eficaz.
-Espiarlles os curmáns, e tamén os
compañeiros de clase e/ou de xogos, pois, se vemos indicios de contaminación,
hai que vacinalos, illalos, a tempo.
-¿O resto? ¡Pregúntenlle ao
párroco, que eu non pasei de sancristán!
-.-
O
equilibrio familiar
A carreira matrimonial hai que
levala ao altar ben sabida, ou, do contrario, volver en Setembro, seguir
madurando. Sería interesante unha estatística que mostrase a mutabilidade dos
frechazos; o matrimonio, coma o pan na artesa, ten que levedar, pois un / unha
non se casa cunha foto senón coa mentalidade que hai detrás da foto!
Ademais do Decálogo que recibiu
Moisés, tan explícito que xa o di todo, andan por aí 10 consellos domésticos,
familiares, que axudan, moito, a cumprir os da Lei de Deus:
1. Aceptar
a autoridade dos pais, que pola súa experiencia e amor, saberán
educar aos seus fillos, aínda que algunhas veces lles doa a ambos.
2. Calar,
se o que se vai dicir non serve para manter a paz e soamente
vale para aumentar a discordia, tendo moito coidado ao facelo, pois algunhas
veces o que cala outorga ou consinte.
3. Comprometerse
toda a familia a falar sen berrar, educadamente, cando se
presente unha discusión ou un problema.
4. Ter
moi claro cales son as principais virtudes e valores humanos que deben
conformar á familia e cumprilos e facelos cumprir por todos.
5. Fomentar
co exemplo a firmeza e maila amabilidade, propoñendo regras
íntegras, claras, concretas e respectuosas con cada idade, características e
situacións, para que trunfe a xustiza, a liberdade e maila caridade.
6. Impulsar
que tódolos familiares e amigos sexan queridos e respectados, para que iso
repercuta como exemplo na sociedade.
7. Manter
sempre unha comunicación aberta, de forma que poda fluír o dialogo entre
todos y sobre tódolos temas, pois cada un dos membros da familia é igual de
importante ante os demais.
8. Permitir
que todos podan expresar a súa opinión, para que sexa escoitada con atención
antes de ser xulgada.
9. Promover
que todos falen ben de todos, evitando as murmuracións, os
falsos testemuños, as mentiras e as medias verdades.
10. Respectar a
cada un da familia e facerse respectar por eles, fomentando as
demostracións de cariño e de tolerancia, evitando as situacións de violencia,
vinganza, odio e rancor.
Nas outras carreiras danse
diplomas, titulacións; pois na matrimonial o mellor certificado é a emocionante
celebración dunhas vodas de ouro, que sempre testemuñan que a convivencia foi
aurífera; por se vale de exemplo, esta:
No
ano 2003..., e seguimos funcionando! (Anécdota: A Virxe que se ve no altar
doámola nós, recén casados; seguro que tivo algo de culpa da nosa felicidade!
Lin no “Diari de Tarragona – Montse
Martínez Bastida, que, “Cuando se crea una empresa es un momento de mucho
entusiasmo en el que los socios están concentrados en cuestiones como la
financiación, abrir mercado, contratar personal, etc. Pero hay que mirar un
poco más allá y recordar que al inicio deben tomarse algunas sencillas
precauciones y evitar así llegar a futuras situaciones que puedan complicar la
continuidad de la empresa”. ¡Se estas recomendacións se fan no
mundo empresarial, por que non no matrimonio, que é o noso negocio vital, o
definitivo?
Xa sei que hai cursos
prematrimoniais, e son bos, pero tamén se necesita do seu complementario:
espiar, coñecer a fondo os comportamentos familiares e sociais da / ou do, que
vai ser novo socio da ¿empresa? familiar.
-.-
Marta
e María; ¿unha, ou dúas?
Lucas 10, 38-42. “Cando ían de
camiño entrou en certa aldea, e unha muller chamada Marta acolleuno na súa
casa. Esta tiña unha irmá chamada María, que sentada ós pés do Señor, escoitaba
as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa; e
achegándose a El, díxolle: -Señor, ¿non che importa que miña irmá me deixe a
min o traballo? Dille que me bote unha man. Pero o Señor respondeulle: -Marta,
Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas. María escolleu a mellor
parte, e esa nunca se lle vai quitar”.
Lendo e relendo isto un decátase de
que as dúas foron necesarias para o caso; ou dito con máis precisión, que as
dúas, na práctica, facían unha, complementábanse! San Benito de Nursia debeu
tirar deste episodio a súa consigna, o seu precepto, aquel Ora et labora; ¡seguro! María, oraba; e Marta, laboraba. As dúas
foron necesarias para atender debidamente ao Señor.
¿Que a mellor parte era, foi, a de
María? Naquel intre, si, pero do traballo de Marta ía saír o almorzo, que tamén
era bo, ademais de oportuno! Unha parte era mellor cá outra, ¡vale!, pero,
complementábanse. Xesús, de ben mirado, de ben lido, non dixo o contrario,
senón que estableceu categorías entre o espiritual e mailo material.
Neste cadro, o pintor debera darlle
unha faciana máis vella, con “v”, a María, se quixese resaltar que a
espiritualidade gaña cos anos; e que o materialismo, os afáns materiais, van a
menos. Certo é, tamén, que a vellez trae os seus gastos, os seus imprevistos,
así que nunca está de mais “laborar” para aforrar, na idade propicia.
Xesús non desautorizou a ningunha
das dúas; ¡simplemente estableceu categorías! Era o seu, propiciar a Salvación,
pois para os materialismos xa traballa Satanás, e foi bo, sempre oportuno,
sempre en plan de indicarnos o Camiño. Criado na casa dun carpinteiro, e carpinteiro
el mesmo, ata os trinta anos segundo tódolos indicios, é a mellor demostración
de que enxalzou o traballo, que non viviu, que non quixo vivir, do maná do ceo.
E de paso, predicou? ¡Pois claro,
asemade, que xa o facía de neno, tal que daquela que o deron por extraviado
cando de feito lles estaba ensinando ¡aos doutores do templo! Lucas, 2, 41-50. “E resulta que, ó cabo
de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando
con eles. Tódolos que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas
contestacións”.
¡Pero se o temos todo,
absolutamente todo, nos Evanxeos! Se os lésemos, se quixésemos entendelos,
entendelos e cumprilos, maldito se falta facían as leis civís, en ningún país
dos que se teñen por civilizados. ¡Co Catecismo, paz na terra, pois o resto son
sancións, convivencia forzada neste caos da torre de Babel, que teñen que
atarnos..., porque trampeamos, porque non nos entendemos!
-.-
Disxuntiva:
¿por que este divorcio, por que imos os vellos á Misa, e os novos á praia?
¡Meus pobres, que o fan para
poñerse negros..., coma se tivesen poucas negruras na vida! ¿Ou será porque, de
vellos, temos máis cerca o exame final, e daquela éntranos o medo, e co medo o
arrepentimento polas omisións gozadas / padecidas? ¡En certo modo vai ser unha
consecuencia daquelas omisións!
No XX, cando os curas se subían ao
púlpito, e de alí non daban baixado, esquecéndose de que os crentes, ademais de
crentes, chegaban cansos, ¡a veces cunha legua de corredoira, ou máis!, e logo
que tiñan que volver para as súas casas, para almorzar, pois eles non tiñan Ama
que lles fixese o chocolate, había / concorrían ás igrexas máis mozos que
vellos. ¡Que alguén mo explique, que non o entendo! ¿Ou si? Cavilando un pouco
atopei a solución: No último século non había fútbol; nin fútbol, nin tele, nin
bailes á media noite, así que os rapaces ían á Misa, en parte, como
espectáculo!
Moito tardou en vir o Vaticano II,
coa falta que facía poñer o latín a descansar; ¡ou iso, ou falar todos en
latín! O que tiña de bo era que, como tampouco nos deixaban ler a Biblia na
lingua de cada quen, por se a interpretabamos mal -penso-, aqueles cregos, en
particular os da carreira curta, traducían / interpretaban, eles si, á súa
maneira.
A propósito: De cativo, nunha parroquia
chamada Gondel, tiven clara a orixe, a comprobación, deste aserto. Unha parte
vina, e a outra explicouma meu avó, que tamén estaba presente: Aquel cura
queixábase de que lle ían pouco, e poucos, á Misa, así que, acordándose dos
milagres dos apóstolos, díxolle ao sancristán: -Cando eu suba ao púlpito, ti,
desde a tribuna do fondo, axitas un tizón, con boa brasa. Dito e feito. O
crego, desde o púlpito: -Bien queridos feligreses, vengo observando que tenéis
poca fe en la oración, cuando que su poder es milagroso. Así, si yo impetro:
¡Que caigan rayos, rayos que abran los ojos a los pecadores, rayos caerán! Nisto
oíuse a voz do sancristán, tan inocente e tan obediente, que exclamou, en voz
alta por suposto: -¡Ao carajo, señor Cura, que non podo facer o milagre
porque..., porque vostede tardou en avisarme, e acabóuselle a brasa ao tizón!
¿Daquela, non houbo milagre? ¡Si
que o houbo, pois contaban que, desde aquel día, aqueles fregueses non se
cansaban de ir ao confesionario arrepentidos da súa pereza, da súa
incredulidade, tanta, que obrigaran ao señor Cura a face-lo milagre da
elocuencia, e iso co pouco persuasivo que era!
Bromas á parte, o drama estaba en
que daquela acudíamos pero non entendíamos; e agora, que entendemos e nos
explican, non imos! ¿Que milagre, que
tizón, nos fai falta, agora, para estimularnos? Xa o sei: ¡O medo á morte, que
é universal, pero tarda en vir; e logo que nos levantamos tarde, insomnes, en
parte por culpa dos mass media nocturnos!
-.-
O
fariseísmo, avanza ou retrocede?
Desde
que acenda o cigarro douche a caixa dos mistos!
Neste caso trátase dun fariseísmo
bo, útil, pois o peor, o tabaco, resérvao para si o cacique, mentres que os
mistos, se algún quedaba, podíanlle servir ao mendigo para quenta-las mans no
lume..., a falta doutro abrigo!
Co desenrolo das liberdades, ¡xo,
cabalo, non vaiamos caer na foxa do libertinaxe!, as carautas foron a menos;
non precisamos facer estatísticas, que se nota ben, en tódolos ámbitos.
Carautas, carautas de todo tipo,
onde foron a máis é na política, pois, coa competencia sobrevida, e maila
mamandurria in crescendo, vese e óese cada discurso que precisaríamos dun
tradutor neutral, unha espalladoira, que nos fose separando o trigo da palla.
Un signo notable, visible e
palpable, da decadencia do fariseísmo témolo nas igrexas, singularmente ao
darnos a paz, aquilo de darse a man con regateo, pouco máis que tocándose a
punta dos dedos. ¡Iso crispábame! Hoxe abren más a man, e algúns / algunhas
incluso cha apertan con afecto. Á dereita sempre poño á miña dona, así que o
primeiro pax tecum é para ela;
despois diso vólvome á esquerda para buscar a man seguinte, que case sempre é a
doutra muller; xa se sabe, por cada home, na igrexa, tres mulleres, xeralmente
viúvas. ¡Agora dan a man chea!
¿Son aquelas que daban a punta dos
dedos, as mesmas? ¡Pois, claro; pero agora están desenganadas da vida, xa miran
ao redor, feos incluídos! Outra variante que se aprecia nestas viúvas é que
deixaron de levar tacón alto; coido que será porque xa se libraron da obsesión
de igualar ao marido, en altura física, pois na outra sempre estiveron, e
foron, altísimas. (Tamén influiría iso que lles din os médicos de que o tacón
esaxerado trae malas consecuencias dos corenta para arriba).
Volvendo, ou seguindo, no
fariseísmo: Lucas parouse moito en trasladarnos a semblanza dos fariseos feita
polo propio Xesús, e a min sintetizáseme todo naquela advertencia tan rotunda:
“-¡Coidadiño co fermento dos fariseos, que é a hipocrisía!”. Lucas, 12 : 1.
¡De fariseo a pasota, un paso!
Danos pena que vaia tan pouca xente
á Misa, pero é mellor así, que vaian os fieis, e non aquelas manifestacións
farisaicas, presididas coas selas maxistrais de cabeceira dos mangantes;
perdón, pois debo dicir “dos mandantes”!
-.-
Ao
César o que é do César
¿Fai falta reiteralo? ¡Coido que
si, pois acotío estamos vendo intromisións absurdas: Mandos da Igrexa
politiqueando, e politiqueiros que meten o nariz en asuntos puramente
relixiosos, non sempre para ben!
Volvamos a ler: “Mostrádeme un
denario. ¿De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición? Contestáronlle:
-É do César. Xesús replicoulles: -Pois logo ó César o do César; e a Deus o de
Deus”. (Lucas 20, 24-25). Por se fose pouco explícito, podemos ir a Mateo 22,
15-21; ou a Marcos 12, 13-17. ¡Pois, nin coas advertencias do Mestre, e van
vinte séculos de controversias, tanto, que onte mesmo, no XX, metemos a Franco
baixo palio! O chiste irreverente era: -¡Baixo palio, a Santa Hostia! Resposta:
-¡Si, claro, pero é que Franco é a “reostia”.
¡Cave ne cadas, que se caes acábasenos a
mamandurria a uns cantos!
Eses preitos entre o ateísmo e
maila Inquisición, se non fosen dramáticos serían risibles, pura comedia. Na
miña aldea tíñano claro, que por algo dicían: “¡Zapateiro, aos zapatos, e
zoqueiro..., ás zocas!”.
-.-
Cando
nos queda sede...
Xoán, 4 : 13-14. “Xesús
contestoulle: -Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez; pero o que beba
da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei
converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna”.
¡Grazas, Señor, pero a veces somos
insaciables, e queremos máis, máis auga, máis explicacións, precisamente cando
a nosa sede é grande! Por poñer un exemplo: Aqueles Ite Missa est, do P. Espiña, seguidos dun saúdo, dun pequeno coloquio,
dunha despedida cordial e próxima, enchían a alma. A alma con sede é
insaciable, e iso é bo, ¡mesmo apostólico!
Xa sei que hai poucos sacerdotes,
así que teñen présa, que os esperan na seguinte igrexa, e na outra, e na
outra..., pero algún fregués quedaría saciado, agradecido, se as Misas
rematasen, como ocorre nas conferencias científicas, con un explicativo “Rogos
e preguntas”. Temos o Evanxeo, e a continuación, xeralmente, a homilía. ¡Xa;
pero...; o pero está precisamente nos que estiveron atentos, que lles pode
quedar unha sede atroz por darlle outro sorbo ao tema!
-Doutor, a receita xa ma deu, pero,
por se non entendo o prospecto, vostede, que é un experto, explíqueme as
dúbidas...
¡O Evanxeo explícase por si mesmo!
Si, conforme, pero 5 ou 10 minutos, despois da Misa por suposto, igual poden
servir para afianzamentos, para clarificacións persoais, de prospecto para
aplicar o tratamento receitado. A homilía cortada en seco, ou cos micrófonos
baixos, ou cunha audiencia pouco catequizada, pode resultar un tanto seca, e
incluso ditatorial.
Volvamos a vista atrás: O vello
catecismo, aquel do padre Gaspar Astete, dicía aquilo, tan oportuno, de que,
“Doctores tiene la Santa Madre Iglesia que os sabrán responder”. ¡Pois iso! Os
nenos tiñan, e seguen tendo, na súa Catequese, se non doutores si iniciados que
lles aclaran as dúbidas, as interpretacións. Saímos do Catecismo e pasamos á
Homilía preceptiva: ¿Quen, como, e cando, se nos explican as dúbidas, quen nos
apaga a sede adicional, suscitada precisamente polo trago anterior? Se estou
acertado, nalgún Concilio tratarase o tema, e igual deciden, os Doutores,
claro, poñerlles ás Misas un minuto de explicación post para os..., para os
indocumentados!
-.-
Da
Torre de Babel aos rañaceos do XX
A cousa, -din que-, comezou coa
multiplicación das linguas; ten lóxica, pero a idea de vivir cerca do ceo foi a
máis, así que da multiplicación das linguas pasamos á multiplicación das ideas,
e con isto caemos na multiplicación das torres. ¡Coidado que somos pretensiosos!
O de entenderse non é doado. Xa o
dixo Juan da Valeyra, “Todos somos galegos e non nos entendemos!”. Pero non é
exacto: O que son, somos, coa miña excepción, é filósofos, que por iso
discutimos en busca da verdade. Tan filósofos que por veces pecamos de
incrédulos; así temos o caso do señor Sant Iago que, farto de que lle dixesen:
“-Déixemo pensar”. Ou: “-Teño que consultalo coa muller”. Ou: “-Todo iso é tan
milagroso, que lle agradecería me dea probas...” Decidiu volver á Terra Santa,
para consultar con Pedro aqueles problemas. Daquela os mellores barcos ían e
viñan de Tarragona, da Tarraco Nova..., pero, ao chegar á Caesar Augusta,
parouse a contemplar os pilares daquel templo maxestoso, que estaba en
construción. Ao mirar para unha columna decatouse de que lle falaba, desde o
alto, nada menos que a Virxe María: “-Pero, Santiaguiño, como lles fas este
desplante aos nosos galegos, tan filósofos eles que de fariseos non teñen
nada?” Sanct Iago, apeouse do cabalo, e posto de xeonllos diante do mesmo pilar
prometeulle á Virxe non só retoma-la predicación senón, e tamén, esperar pola
resurrección da carne medio a medio de Galicia.
Os baturros presumen da súa Virxe,
pero o caso é que esa aparición foi de Corredentora..., para nós, que por algo
nos gusta vivir cerca do ceo, en forma columnar!
-.-
Iso
non vai comigo!
¡Pois si que vai, que non pasa
cousa algunha neste mundo tan globalizado que, para ben ou para mal, moito ou
pouco, non deixe de afectarnos; así, se o que fan outros, en particular os do
noso entorno, me afectada, daquela, en reciprocidade, o que fago eu tamén
afecta aos demais!
Se un bo / ou un mal día, sae Trump
trasladando a súa embaixada para Xerusalén, declarándoa capital dos xudeus,
revolucionará, alporizará, ao mundo musulmán, ¡tantos que son, machistas que
son, e por tanto, especialistas na proliferación! ¿É xusto este desprazamento,
este recoñecemento? Sería discutible pois na Historia está o deicidio xudeu,
orixe e causa de tantas controversias, mais, de presente, había / gozabamos dun
equilibrio de paz relativa, que a saber que consecuencias nos trae, ao mundo
enteiro, esa decisión unilateral e unipersoal. (Unipersoal, exactamente, non,
pois compracer aos xudeus pode ser moi rendible para os ricos da USA).
Por moito que se fale deste tema,
da transcendencia dos feitos individuais, nunca será abondo, dada a fraqueza
humana. Se queremos velo claro tiremos unha pedra nun depósito de auga
estancada: ¿verdade que fabricaríamos unha serie de ondas concéntricas? ¡Pois,
aí o temos! Daquela esforcémonos por irradiar exemplaridades, bondades, fe no
deus auténtico, no Único, tratando, á vez, na medida das nosas forzas, de
paralizar, de neutralizar, as pedradas de Satanás.
-.-
O
Ceo empézase a gozar na terra, pero coa conciencia limpa.
Tamén gozan os outros...,
diabolicamente, que non é o mesmo. Gozar honestamente é unha boa ximnasia; boa
para o corpo, pero tamén para a alma.
Éxtase
=
Estado da alma caracterizado por certa unión mística con Deus e a suspensión
maior ou menor do exercicio dos sentidos.
Tiven que ir ao dicionario porque
esta sensación, que debe ser propiedade dos santos, nunca a sentín. O que si
tiven, nalgunha ocasión, a Deus grazas, foi a resignación de acoller os
sufrimentos dos que gocei / padecín como ofrenda ao Altísimo por irme sacando
de certas fochas que, inicialmente, parecían tétricas.
Xa que entrei no dicionario: Da
resignación din que é a actitude de ánimo de quen acepta ou asume algún suceso
adverso, etc., e logo que a aceptación asóciase a un entendemento do que se
parte para cambiar, alguén ou algo. A estes efectos a solución que mellor me
resultou, advertido desde neno por miña madriña, foi a de encomendarme á Virxe
das Dores: ¡O que Ela sufriu para Co-redimir os meus pecados, e eu, que son un
pecador, bailando no aquelarre! Virxe Santísima, dáme paciencia para facer,
para colleitar, algún mérito neste Val das Bágoas, pois diso non estou sobrado!
¡Aí tes a túa
nai!
Superadas as traxedias e subidos de
novo ao vehículo da normalidade, ben ingratos somos se non lle agradecemos a
Deus o gozo de ir camiño do Ceo, achegándonos á meta que nos prometeu por medio
da segunda persoa da Santísima Trindade. ¡Ata ao ladrón arrepentido, coma El
crucificado, lle prometeu Cristo: “Asegúroche que hoxe estarás comigo no
paraíso”. (Lucas, 23. 43). ¡Isto non é esperanza; isto é seguridade, vindo de
quen viñan aquelas promesas!
-.-
Axudar
ao próximo
Falando de facer méritos: ¡Campo e
oportunidades temos, así que é cousa de aproveitar este transo térreo!
O meu modelo é, ten que ser, debe
ser, a Verónica. Pedro ía para Papa, pero a Verónica foi a primeira misioneira
da Igrexa, a primeira persoa que predicou co exemplo. ¡Así llo premiou Cristo,
xa en vida, dedicándolle a súa foto!
Eu creo na Verónica, por máis que o
machismo da época non recollese a súa intervención, pero..., ¡seguro que a
houbo! As mulleres, desautorizadas pola Avoa, por Eva, pero levadas polo seu
instinto maternal, sempre fixeron por lavar a súa honra, sempre foron
misericordia pura. Tanto que admiraban a Xesús as súas paisanas, ¿como non ían
sufrir cos seus sufrimentos, como non se ían doer do Mestre, como no ían
limparlle, con piedade, os seus ollos desencaixados polas malicias e pola
incomprensión xudía?
En cambio, os homes ben que se
ocuparon dos homes, que ata subiron á Historia a un labrego de Cirene, que
casualmente volvía da leira, (Mateo, 27: 32), “Ó saíren atoparon un home de
Cirene, chamado Simón; e obrigárono a leva-la cruz de Xesús”. (Máis ben foi
axudarlle a levala). O da leira dino Marcos, en 15: 21, e tamén Lucas, en 23:
26.
¿Onde estou, a cal teño imitado?
Señor, perdón, mea culpa, pois, e non só no de labrego, senón e tamén, en
cargar coas cruces, ¡porque me conviña, ou porque non puiden evitalas!, ao
Cireneo quen o imitou fun eu! No sucesivo, no que me quede, permíteme pasar ao
lado da Verónica, darlle o meu voto, imitala niso de apiadarse dos teus
sufrimentos, ¡meus en definitiva! ¡Ai Verónica, Verónica, bendita sexas, pois,
ademais da túa obra divina, o exemplo que nos deches é impagable! ¡Que Deus cho
pague, que xa o ten feito, como demostrado queda!
Nesta vida danche cruces por
calquera cousa, ¡eu teño unhas cantas!, pero a Gran Cruz pola que suspiro, a Gran Cruz que espero da túa
benevolencia, Señor, é a de imitarte, a de seguirte: Ti, Camiño do Calvario,
realizando a miña Redención; eu, un labrego, outro, que volve da horta,
contemplando impasible o teu Viacrucis, mais espero, e desexo, cambiar de
actitude, contribuír no sucesivo a secar as bágoas do próximo, tanto como
alcance o meu pano, que é máis pequeniño có da Verónica, pero..., polo menos
imitareina!
-.-
O
problema da transmisión
Esta é a miña, e por tanto,
persoal, reflexión; daquela, que ninguén me tome en serio xa que non son
teólogo. Sei que existo porque penso, pero, ¿saberei pensar posto e suposto que
o único que fago, ¡que facía!, ben feito, eran as zocas?
Penso, e por tanto digo: ¿Onde está
a alma? No propio corpo, que é o seu portador transitorio, séxase, neste, e
durante este, tránsito terreal!
A outra pregunta que me fago é a
seguinte: ¿O Adán e maila Eva, cando tiveron os fillos, antes ou despois da súa
terrible, e por tanto punible, soberbia, aquela que lles inculcou Lucifer,
aquela sublevación, consentida, aceptada, contra o Ser Supremo, seu Creador?
Para min está claro, isto si: pecaron antes de te-los fillos, que aí está o
misterio desa maldita herdanza. ¡Tiveron os fillos despois de enxurradas as
súas almas!
Lanzados do Paraíso, perdidas as
súas facultades inmunolóxicas, tanto do corpo como das almas respectivas,
entregáronse á paixón, e..., ¡xeraron! Daquela, onde tiñan as almas? ¡No seu
corpo, por suposto, así que, ao unilos, coa semente traspasaron alma e corpo,
unha semente, un gaxo das dúas cousas, e como ambos pecaran, como ambos
desertaran..., ¡co seu ADN xeraron pecadores!
Daquela as almas non as recibimos
ao nacer exterior senón que se inician, acompañan, na nacenza auténtica, na
formación interior, que é a verdadeira nacenza do ser, pois iso de saír ao
exterior é simplemente unha emancipación nutritiva; de formados, de
conformados, xa robustos, sóbranos o cordón umbilical!
Efectuada esta transmisión, esta
conxunta, perfecta, completa, alma e corpo, hai que deducir que tódolos métodos
que non sirvan para evitar un encontro dos espermatozoides cos óvulos, é
criminal: ¡Matamos un novo ser; un ser vivo, feito, xa feito, con toda a
herdanza recibida, aínda que non fale, aínda que non respire polos seus
pulmóns! ¡Invisible, pero, todo un drama; un drama que lle pasa inadvertido á
humanidade, mais non a Deus!
A Virxe María, concibida sen pecado
orixinal... ¡Claro e rotundo, pois Deus non ía xerar un Fillo nunha muller
pecadenta, impura! Aquí cabe preguntarse: ¿Non lle viría xa de súa nai, de
Santa Ana, que a concibise por obra e graza do Espírito Santo, e non de
Xoaquín, outro San Xosé? Non precisamos sabelo, pois, para salvarnos, chéganos
con cumprir a vontade de Deus. ¡Fagámolo, e non nos pasemos, como fixo Eva, Eva
e mailo seu Adán, mal aconsellados, e eles, obedientes ao inimigo malo, a ese
inimigo promotor da soberbia e dos malos pensamentos! ¡Vade retro, Satana! (Marcos 8, 33)
-.-
As
comunicacións:
De
Deus comigo, e miñas con Deus. As ganas de romper os silencios.
Que Deus se comunica comigo, ¡de
mil maneiras!, téñoo ben sabido, ben experimentado; pola miña parte, maiormente
cando estou no campo, na súa soidade, daquela séntoo moi cerca e fálolle; trato
de facelo co corazón na man!
Nas cousas que me levan pasado, en
especial nos perigos dos que fun saíndo dun xeito visiblemente milagroso,
sentín que Deus estaba cerca, que tiraba de min para sacarme dos abatementos;
faloume en silencio, pero, faloume!
Pola miña parte, salvo cando me
chamou para o convento de Herbón, e non fun, no resto, fose polo día ou pola
noite, e por veces, ¡moitas!, con moito atraso, sempre procurei acordarme de
darlle as grazas; abusando de confianza, iso si, porque sempre lle chamei de
Ti, mentres usaba o vostede, incluso, para os inimigos.
¿Fun unha excepción? ¡En absoluto,
pois Deus é tan bo compañeiro que incluso lles fala a eses que din ser, e
proclamarse, ateos! Os seus “Cave ne cadas” non son en latín senón na lingua de
cada quen, sexa ou non cristián.
Outro tema, outra circunstancia,
son as conversacións restrinxidas, breves ou inexistentes, con todos aqueles
que me deron o seu afecto ao longo dos anos. ¡Ai, Deus, que ganas levo de falar
cos meus, coa miña xente, tanto cos parentes como cos amigos! ¿Darasme esa
oportunidade? Cada vez que preguntei a algún teólogo se se fala no Ceo, ademais
de loar a Deus, a súa resposta foi lacónica: “Aló non temos lingua, pero si
comunicación espiritual”.
A mecánica neste caso é o de menos,
non importa; o que si me importa é poder comunicarlles canto os quixen, canto
os admirei, canto deles me lembro; e á vez pedirlles perdón pola pouca atención
prestada xa que se me ían os ollos para as belezas térreas, fosen mulleres ou
flores.
Se é posible esa comunicación, como
xa están santificados espero o seu perdón..., se é que non esgotei aquela cota
das setenta veces sete!
-.-
¿Por
que non participamos nas Catequese de Adultos?
Cando Xesús
chama á nosa porta, ¿por que non lle abrimos?
Con respecto ás Catequeses dos
adultos, Roma tennos dito que, ao dalas, as informacións deben ser sempre
exactas e actualizadas; que os argumentos teñan unha concatenación lóxica, e
que o discurso faga referencia, tamén, aos datos da experiencia, da cultura e
da ciencia, que son moi significativos nos tempos actuais. Que a Catequese dos
adultos terá un éxito meirande se se presenta aberta ao encontro entre fe,
cultura e ciencia, para unha mutua integración, respectuosa das competencias
recíprocas. ¡En definitiva, sabendo o que se fai, e facendo o que se di!
A
nosa vida en Cristo. (Carta de Paulo aos Romanos, 12, 1-2).
“Rógovos, irmáns, pola misericordia de Deus, que ofrezáde-los vosos corpos como
sacrificio vivo, santo, grato a Deus: como o voso culto espiritual. E non vos
instaledes no mundo presente. Transformádevos, máis ben, pola renovación da
mente, para que poidades coñecer cal é a vontade de Deus: o bo, o que lle
agrada, o perfecto”.
A renovación da mente, xa que logo,
ten que ser, debe ser, unha disciplina continua e progresiva. Tras das
carreiras, o máster; e a continuación, manterse ao día; pois en relixión, o
mesmo, e non quedarse coa elementalidade infantil, coa da catequese infantil.
Hoxe as ciencias adiantan que é
unha barbaridade..., dixeron en “La verbena de la Paloma”, (música de Bretón e
libreto de Ricardo de la Vega). Isto, que é verdade, que adiantan en progresión
xeométrica, trae consigo unha esixencia, a de afondar na teoloxía para
enfrontarnos ás desviacións dos científicos, pois con tal de descubrir unha
formuliña, un remedio, endiósanse, súbense aos cangos, e téñense por deuses,
eles, en completo ateísmo. ¡Atérrame, preocúpame, este desequilibrio entre
relixión e ciencia!
Daquela, que piden, ou más
exactamente, que esixen os niveis da cultura actual? ¡Apostolado, simplemente
apostolado! E para discutir cos sabios, ou que por tal se teñen, non hai outra
que avanzar pola teoloxía, superar aquel catecismo escolar. Que xa temos as
homilías? ¡Si, pero iso só vale, só forma, aos que van á Misa!
Señor Santiago, non permitas que a
nosa Gallaecia volva a ser terra de misión..., co traballo que che deu
convencer aos nosos entregos!
Santiago ante
a Virxe do Pilar
-.-
É
moi san pasar polo quirófano... , para os corpos, pero tamén para as
almas! Iso pensaba eu, daquela, en “Junio do ano 2014”, cando dediquei, e subín
ao meu blog, un libro así titulado,
Dedicado ao Dr. D. Javier Rodríguez-Rivera García, urólogo,
emperrado en extirpar os pólipos da miña vexiga,
pero eses condenados, eses “fénix”,
de cando en vez renacen das súas cinsas.
Moi agradecido,
Xosé María Gómez Vilabella
pero esta semana, que volvín a
pasar por outro dos quirófanos de don Javier, tiven a sorpresa de que, por tras
da cruz, tamén pode andar o diabro. Por se a alguén lle serve de escarmento,
vouno referir ao pé da letra:
Separadas as dúas camas por esa
colgadura, ou saba, branquísima, pero que non impide a clara audición dos
lamentos respectivos, propios das circunstancias, outro operado... Varón, por
suposto, xa que lle vira as barbas cando me levaron á, para min, bendita
habitación 208. O tal ¿señor? falaba, ou discutía, que diso non estou certo,
cunha señora, que polo ton da súa voz xa debía estar entrada en anos. A
operación do encamado non debeu ser moi dolorosa xa que falaba forte, levando
naquela conversa o que se di, o que se entende, por “a voz cantante”.
Eu, servidor, na miña
convalecencia, tiña as orellas tan desexosas daquel silencio que tiñamos no
deserto do Sáhara, ¿seguirá habéndoo?, que prefería deitarme nunha duna areosa
que naquela cama de brando colchón. O meu fillo, na súa incómoda sela dos
acompañantes, a tal momento estaría durmido xa que lle oía un respirar
profundo, pero eu..., de Morfeo nin os brazos, para canto máis os abrazos! O
veciño, que non paraba, fosen explicacións ou improperios. ¡Tres ou catro veces
invocou a Deus, pero... para ofendelo!
Se chego a ter forzas, ou forza de
vontade, ou as dúas, o que me apetecía era berrarlle:
-¡Oia, veciño, que para iso de
“cagarse” xa temos a saba de debaixo!
O meu escándalo tamén tiña / tivo
moito de sorpresa, con medio século de distancia, pois aquel tipo de blasfemia,
¡a Deus grazas!, non volvera a oílo desde a miña infancia, na miña remota
aldeíña, e para iso só, tan só, a catro incultos, ou rebeldes, pois as dúas
cualificacións merecerían, asemade.
En paralelo, outro pecado meu, dos
de omisión, pero..., ¡seguín calado! Tan só ao día seguinte, cando me deron a
“alta”, e como fórmula de despedida, díxenlle:
-Quede con Deus, e que tamén El
vaia comigo, para que non teñamos que vernos de novo..., nunha habitación
destas! (Disimulei).
El, por toda resposta:
-¡Adeus, señor!
Daquela estiven a punto de dicirlle:
-¿Vostede sabe o que significa iso
de “Adeus”? ¡Pois élle..., “A Deus te encomendo, e que El te acompañe”!
Outra vez covarde. E logo din que
“é máis doado predicar que dar trigo”! Estou cambiando de opinión pois, a tal
momento, custaríame menos esforzo, se trigo tivese, darlle unha fanega, que
botarlle un predicote ao tal veciño.
Por se a presente vale de
predicote..., ¡ata o Ceo, amigos!
Xosé
María Gómez Vilabella
-.-
Hermanos, morir habemus.
Xa o
sabemos, pero..., Señor, dáme un pouco máis de purgatorio neste mundo, aquí na
terra, que lle teño medo ao outro!
Falando
da morte; tomándoa en serio: A
partir da paixón, morte e resurrección de Cristo, este vocábulo perdeu o seu
significado; agora deberamos chamarlle Vida,
¡a vida con maiúsculas!
Matinando
en como será a entrada no Ceo, ¡a entrada na vida eterna, na pura, na perfecta,
na indolora!, coido que son capaz de formarme unha imaxe mental lembrando
aqueles gozos meus de cando volvía á casa paterna despois das miñas ausencias:
¡Deus, que goce, aquelas apertas, cos pais, cos avós, cos amigos, cos veciños,
cos carballos da nosa carballeira...! Pois entrar no Ceo ten que ser algo
parecido: ¡Volvemos, tornamos, ao Paraíso, do que nos botaron aquelas miserias,
aquelas tentacións; volvemos á Casa de Deus!
¿Os
espíritos, as almas, abrázanse? ¡Espiritualmente, si! Daquela, quen estará na
porta agardando pola miña chamada? Espero que mos presente o meu “chofer”, o
meu Anxo da Garda, ao que lle pido, desde xa, que toque a bucina ao pasar pola
Aduana de San Pedro para que se decaten da nosa chegada, para que saian a
esperarme, de ser posible todos aqueles polos que teño rezado, ¡xa que creo na
Comuñón dos Santos!
Arriba
si que se cumprirá, á perfección, aquel indicativo do Mestre: ”Coñecerédelos
polos seus froitos”. Alí só estarán os bos, os purgados, así que cabe esperar
que brillen coma o sol, ¡ou máis! ¡Deus, que día de goce me espera..., con tal
de que suba lavado, perdoado!
-.-
¡Abracemos, irmandemos, o Oriente co Occidente,
e o Norte co Sur!
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario