.../..
Andragoxía negativa
no mundo empresarial.
Descubrino nada máis ingresar no Banco Exterior de España, e despois
verifiquei que era un mal endémico, polo menos español. Os xefes de medio pelo
¡pechaban! con sete chaves os secretos do seu carguiño: había moito que espiar
e moito que observar para ir descubrindo os gaxes do oficio. Claro que estaban
os programas das oposicións: Auxiliares, Oficiais, Subxefes, Apoderados...,
pero a técnica empresarial ía máis aló, ad infinitum!
Se che digo, se che explico, se che aclaro esas dúbidas, saberás outro tanto
coma min, ¡ou máis!, e na próxima promoción podes pasarme diante..., ¡de balde!
Estas suspicacias non eran boas para o capitalismo, freaban os seus éxitos, e
nas alturas sabíase, pero o mal era endémico, incurable. ¿Receitas? ¡As
asesorías externas, encargar traballos, dar becas de estudios...!
En particular a pequena empresa asentábase en catro técnicas rudimentarias,
que só as debían coñecer os partícipes da confianza, leais á casa, ou ao
parentesco. Isto era un freo pero tamén un seguro de vida, de vida mediocre
pero latente. Romper esas atumes custoulle a España practicamente todo o século
XX, atopándose despois con outras cadeas: Que as desconfianzas, mal ou ben
baseadas, impediron grandes acumulacións de capital, malogrando así as
exportacións. Os capitalistas convertéronse nunha especie de masóns, herméticos
entre si, inmunes á crítica e á censura popular. ¡Eran poucos e estaban ben
irmandados nas súas falcatruadas! Á xeración do XXI, que lle tocou padecer as
consecuencias daquel secretismo empresarial, incúmbelle, para o sucesivo,
abri-los ollos e esixir transparencia!
-.-
Os secretos comerciais
e a lealdade dos empregados.
Unha cousa son as técnicas internas de traballo ás que acabo de referirme,
e outra ben distinta os secretos comerciais. Con capacitacións estancadas,
auténticos socalcos da elaboración, mal se pode avanzar porque un produto é
sempre unha suma de intervencións complementarias; as reservas teñen que estar
na lealdade dos empregados fronte á empresa, que iso é outro cantar, así que
convén explicalo.
Todo consiste, pois, en simultanear a formación persoal, profesional, coa
posta en práctica de medios conducentes a ganarse a confianza e maila adhesión
deses mesmos empregados. Dito doutro modo: Comunicación formativa ad intra, e
un hermetismo cordial ad extra, fronte á competencia.
Que a “información é poder”, non se lle oculta a ningún empresario; pero
hai dous poderes: O que ten, o que adquire a empresa capacitando aos seus
operarios, no interior; e consecuentemente o que logra no mercado competitivo
vendendo os froitos da súa sincronización formativa. Disto dedúcese que non
melloramos a competitividade se os mecanismos internos non funcionan, e non
evolucionan, con aportacións recíprocas, séxase, de perfecta engrenaxe e compañeirismo.
Como o mercado cambia con rapidez e os secretos comerciais poden ser
descubertos, independentemente, por outros, aconselláselles ás empresas que non
se sustenten unicamente nos secretos existentes, nos que desempeñen, senón que
poñan empeño constante en elaborar novos métodos, novas invencións comerciais,
a fin de seguir sendo competitivos.
En canto aos inventos físicos, aos inéditos, xa temos, en principio, a seguridade que nos
dá o Rexistro de Patentes e Marcas.
De portas a fóra dunha empresa determinada é precisamente ese secretismo o
que fai avanzar as ciencias xa que existen outras persoas, outras empresas,
outros inventores, interesados en romper o teito dos produtos existentes. Se
houbese vasos comunicantes expeditos, ¿quen se molestaría en competir, en idear
novos sistemas, novos produtos?
De portas a dentro desas empresas que elaboran produtos tóxicos, nocivos ou
ilegais, o hermetismo ten un aspecto negativo, outro, xa que aquel produtor
honrado que estea disposto a denunciar o mal causado sempre estará exposto a
coaccións e vendetas que o suman en terribles dilemas; deberan estar previstas
proteccións e recompensas para estes delatores, que en definitiva son heroes
sociais.
En definitiva, que coa globalización e coa comunicabilidade actual,
multiplicando e facilitando a divulgación, cadora é máis difícil o hermetismo
empresarial. No campo da ética, tan ético, tan honrada e tan necesaria é a
lealdade á propia empresa como que esta o sexa cos seus empregados compartindo
xenerosamente eses beneficios que se obteñen, ou incluso multiplican, grazas ao
sixilo profesional.
-.-
Avanzamos?
Si, desde a caneta; o ritmo é variable, xa que depende de moitos factores,
internos e externos. Do repetido Knowles dicíase que desenrolara a súa sede de
saberes aos catro anos, acompañando a seu pai a visitar granxas e ranchos, nos
que preguntaba máis que un inquisidor, do divino e do humano. Tiñan discusións
sobre o significado da vida, o ben e o mal, relixión, política, o éxito, o
fracaso, a felicidade, etcétera, etcétera. Segundo deixou recoñecido o propio
Knowles, despois de darlle a súa opinión seu pai adoitaba preguntarlle o seu
punto de vista sobre o tema, e iso facíao sentir que lle respectaban e valoraban
os razoamentos. ¡O contrario do que adoitamos facer cos cativos, en xeral, que
sempre os invitamos a non meterse, a non interferir nas conversas dos maiores!
Sobre esta base, ampliou coñecementos estudando literatura, historia, ciencias
políticas, e ética do dereito internacional. Resumindo: cimentou ben para
construír mellor, con bos materiais, seleccionados.
Na espira cultural, por pouca memoria que se teña, na variedade de temas
está a argamasa máis efectiva, a de mellor liga para construír o edificio dos
nosos coñecementos. Nunca chegarás a coller o Ceo coas mans, que non e cousa
nosa, pero si nos elevaremos paulatinamente das cavernas, dos antros escuros.
A lareira dos Gómez
de Bergland
Naqueles círculos familiares, calorosos e cordiais, das vellas lareiras,
nas que a comunicación era absoluta e cordial, as persoas saían moi dotadas de
principios, e maduras no seu saber estar. A cultura xeral abarcaba pouco, pero
a onde chegaba, a solidez e maila serenidade eran encomiables: ¡en particular aprendían
a ser pais, que xa non é pouco!
O feito de enfrontarnos a novos retos formativos coa conseguinte
satisfacción dos logros obtidos, convértese nun acicate e nun estímulo que nos
permite redobrar esforzos. ¡Multiplicámonos a nós mesmos, nun proceso xeratriz imparable!
E unha vez obtidos os resultados enriquécennos as experiencias desta
aprendizaxe, capacitándonos para novos desafíos, con novos proxectos de vida.
No profesional, a adquisición de novas habilidades, destreza e roza de
obstáculos, representa un camiño expedito, unha nova vía, para mellorar
efectivamente o desempeño laboral nas distintas áreas, fortalecendo o espírito
creativo e innovador en pro da obtención de resultados efectivos, in crescendo.
Á diferencia do pedagogo o andragogo ten, supóñenselle, niveles análogos ou
aproximados no cultural; hai unha aproximación entre facilitador e
participante, que proporciona unha confianza comunicativa. Xa non se trata do
neno que ve ao profesor situado nas alturas dun muro illante e inexpugnable;
vense, enténdense, comunícanse, con respecto si, pero sen altivez
ofensivo-defensiva. Ambos poden ser críticos con respecto aos coñecementos
compartidos, transmitidos. Teñen conciencia dos seus deberes, dereitos e
responsabilidades. Hai entre eles confianza e comunicabilidade para discutir
puntos escuros ou pouco iluminados. Teñen conciencia dos seus deberes, dereitos
e responsabilidades. Poden debater, se lles resulta oportuno, sen complexos
disuasorios. Supónselles a madurez necesaria para presentar como dubidosos os
temas escuros ou deficientemente estudados. En definitiva, establécese unha
confianza que facilita a comunicabilidade.
-.-
Vasos comunicantes da
cultura
Non son tan perfectos coma os da física porque non asimilamos, non
anosamos, nin transmitimos, todo o que recibimos, pero unha parte si, sempre.
A globalización, co dinamismo dos procesos, obriga a unha atinada e
continua reidentificación dos papeis de cada un de nós; obriga a reconstruír o
mal construído. Neste contexto teñamos presente que o saber non só é camiño
para o recoñecemento da realidade senón que tamén xera saber; ¡auto xera!
Na sociedade do coñecemento a posesión dun capital-saber é condición
necesaria para participar con eficacia e con competencia no devir dos
acontecementos que afectan ao presente, pero tamén ao futuro da humanidade.
Nesta orde de cousas, o progreso das ciencias e das técnicas de xestión e
de produción fai necesario establecer mecanismos que permitan e soporten a
formación de profesionais. Por outra banda, o actual dinamismo das actividades
empresariais esixe dispoñer dunha alta capacidade de adaptación para esta
realidade social vertixinosamente evolutiva, cadora máis complexa e mutable.
O crecemento do nivel de coñecementos, no sistema actual, que veño chamando
de “vasos comunicantes”, orixínase precisamente desde as aportacións de todos e
de cada un de nós na medida en que nos corresponda e sexamos capaces, pero o resultado
obtido, iso que chamamos cultura, repercute positivamente en tódolos
participantes dunha maneira proporcionada, que non igualitaria. A unidade
temporal deste destino, pensado para as persoas, é a vida; a cultura e mailo
coñecemento son en si mesmos rendementos vitais e vitalicios. Ademais a cultura
e mailo coñecemento son capitalizacións da vida, aportacións e zume da vida na
súa total dimensión. En definitiva, que adquirir máis coñecementos e mellorar a
propia cultura é a única maneira que ten o home de non perder o seu tempo;
precisamente, o tempo de formación non é só de preparación para a vida: ¡xa é
tempo de vida! A educación, pois, non acaba nunca: ¡levámola de par nosa,
connosco, indisoluble co noso ser, pero tamén co noso estar!
-.-
Un culturizador
silente, anónimo pero eficaz, no século XX, foi o Exército.
Ao caladiño, porque lles interesaban as armas secretas para resaltar o
ascendente dos mandos, a disciplina férrea, o control na desocupación,
etcétera, pero o caso é que..., fixeron Patria, que non todo foi minguala!
Particularmente, algo lle debo á Academia de Analfabetos do Ferrol, na que
meu pai, quinto do 17, (1917), foi nomeado, no Rexemento Zamora, Cabo Instrutor
da mesma. Ensinou, pero tamén aprendeu, pois licenciouse, ¡licencia militar!,
apto para Mestre, que o foi para o resto da súa vida, ¡de a ferrado!
Preguntaron quen sabía ler, escribir e contas; a puntuación máis alta seica foi
a súa, a de meu pai, e coa puntuación, os galóns de Cabo!
A Andragoxía seguiu facendo das súas, aquende e alén do Estreito, pois dou
fe, podo dala, de que ao Comandante Capelán Pedro Sánchez Pumariño, meu
compadre por máis datos, colleuno o ataque a Sidi Ifni, 23 Novembro 1957,
exercendo de Xefe da Academia de Analfabetos no Grupo de Tiradores de Ifni. ¡Daquela
aínda os había, moitos! Non houbo toque de “Generala” porque sería alertar aos
propios atacantes, pero si un relevo instrumental, instantáneo, pois para
lanzar granadas defensivas os lapis estorbaban, non servían!
Este paternalismo cos soldados tivo o seu aspecto negativo no
anquilosamento das mulleres pois, aínda que os rapaces lles puidesen escribir
cartas desde os seus cuarteis, ¿que outras mulleres llelas lían? ¡Como moito,
as da Casa Grande, precisamente as máis competititvas, as que menos as comprendían!
No franquismo, sabido é que o Exército foi unha máquina de obedecer, unha
escola de cidadáns na que se inculcaba o espírito militar, o amor a España, a
fidelidade cega ao xefe do Estado..., e mailos desfiles vistosos, que nin para
iso tiñamos medios xa que, de terminado o anual da Vitoria, retirábanselles os
uniformes noviños para que os cheirase a próxima quinta. Nestas circunstancias,
o oficial era un educador civil á vez que un instrutor militar ao que se lle
encomendaba a formación integral do cidadán, aínda que non estivese realmente
preparado para iso: elementariedade xeneralizada, de cabo a xeneral! Medios
técnicos poucos: uns avionciños que se ían recheando de bencina, cunha lata,
varias veces, por exemplo, desde a Península a Ifni; en canto aos económicos, permisos
particulares a tutiplén..., para mellorar o rancho dos outros, e de paso, a
conta “B”. ¡Nestas circunstancias, os analfabetos..., á academia dos ídem!
No ano 1983 xa non ingresou ningún analfabeto no Exército do Aire, pero si houbo
recrutas que non terminaran a E.G.B., aos que se lles deron 347 certificados de
E.P. Na Armada, naquel ano, 1.492 analfabetos, dos que obtiveron o certificado
de Escolaridade 92. De Terra tamén teño datos, pero máis atrasados: Na quinta
de 1979 aínda se incorporaron 5.759 analfabetos, dos que só concluíron 580
sabendo ler e escribir.
-.-
O paradoxo dos
saberes en España.
O sarcástico Pío Baroja, en 1904, nun faladoiro no Nuevo
Café Levante, seica dixo: “A verdade é que en España hai sete clases de
españois: Si, como os sete pecados capitais. A saber:
1) Os que non saben;
1) Os que non saben;
2) os que non queren saber;
3) os que odian o saber;
4) os que sofren por non saber;
5) os que aparentan que saben;
6) os que triunfan sen saber, e
7) os que viven gracias a que os demais non saben. Estes
últimos chámanse a si mesmos "políticos", e, ás veces,
"intelectuais".
Os que non sabían, ou pouco, eran multitude. ¿Non quixeron, ou non
puideron? Penso que máis ben a segunda circunstancia. Os que algo sabían
fóranse para América; eles dicían que a civilizar, pero fixérono máis ben para
mestizar, e de paso, encumarse á conta dos nativos.
O de non querer saber é bastante latino; ¡non é que non queiramos saber, o
que non queremos son as molestias de aprender!
Ninguén odia o saber, pero si os hai que viven molestos e molestados porque
os demais saiban, porque se esforzaron, porque nos pasaron diante. ¡A maldita
envexa, que tamén nos debe vir daqueles consellos demoníacos do Paraíso!
Tivémolo ben claro nos alzados do 36!
¿Sufrir por non saber? Enfermidade transitoria pois toda idade é boa para
recuperar..., polo menos algo!
Aparentar sabenza é bastante común, sobre todo nas clases altas, altas pero
cambaleantes, que senten pánico ante os avances dos seus competidores.
¿Trunfar sen saber? ¡É a debilidade máxima, esa inestabilidade dos que
subiron por un golpe de sorte e non teñen nin unha rama á que acollerse! ¡Un
auténtico purgatorio!
Lamentablemente, o grupo sétimo constitúe unha especialidade, un equilibrio
circense, de mal porvir.
-.-
Orandum est ut sit mens sana in corpore sano./
Débese pedir que se nos conceda unha mente sa
nun corpo san.
Juvenal engadía:
Pedide un alma forte que careza de medo á morte,
que considere o espazo da vida restante entre os regalos da natureza,
que poda soportar calquera clase de esforzos,
que non saiba de ira, e que estea libre de (malos) desexos,
que crea que as adversidades e os terribles traballos de Hércules son mellores que as satisfaccións, a fastosa cea e a pracenteira cama de plumas de Sardanápalo.
Móstroche o que ti mesmo podes darte, coa certeza de que a virtude é a
única senda para unha vida tranquila.
(Asurbanipal ou Sardanápalo foi un rei asirio que
era representado polos antigos gregos
como un sátrapa disoluto, apegado aos luxos e praceres sensuais
ao mellor estilo das cortes orientais).
Con isto, Juvenal quería indicar que hai un
equilibrio entre o corpo e maila mente, e que ambas cousas hai que mantelas en
estado de marcha. Estudos recentes, realizados con persoas, e tamén con
animais, deron como resultado que o exercicio físico mellora a capacidade de
aprender e de recordar. Atidos a estes estudos chegouse á conclusión de que a
duración e maila intensidade de cada actividade poden, sen lugar a dúbidas,
afectar á nosa capacidade cognitiva, aínda que non necesariamente de maneira
beneficiosa, así que, prudencia, moderación, experimentación, e tomarnos o
pulso a miúdo, o outro!
Segundo a profesora Maren Schmidt-Kassow, “O efecto
beneficioso probablemente responde á suavidade do exercicio, porque unha
actividade suave en intensidade implicará niveles de excitación psicolóxica
baixos pero notables, o que axudará a preparar o cerebro para a entrada de nova
información, e para a codificación desa información nos seus recordos”.
Disto séguese que, se tes un exame en poucas
horas, probablemente o fagas mellor se permaneces sentado e tranquilo. Na mesma
liña, esta profesora indicaba que un exercicio demasiado enérxico pode
estimular en exceso o corpo e mailo cerebro, monopolizando tódalas fontes de
atención cerebrais e deixando pouca enerxía para a creación de lembranzas sólidas.
Por aí anda o trasacordo do día seguinte, con un día de descanso polo medio.
A criterio de Walter Bixby, profesor na Elon
University de Carolina do Norte, “se tes un exame en poucas horas,
probablemente o fagas mellor se permaneces sentado e tranquilo; non obstante,
se o exame é ao día seguinte, non che fará mal estudiar mentres estás activo; e
se esa actividade física é suave, probablemente che axude no resultado do exame”.
En definitiva, que convén facer exercicio, pero sen pasarse; o de sempre, prudencia...,
e iso a pesares de que os moi traballadores sempre dixeron que as medias só son
boas para os pés!
-.-
Succionamos,
absorbemos, recibimos, pero..., o almacén?
A importancia de almacenar, ordenado e ben clasificado, en perfecto estado
de uso, é algo ao que lle damos pouca importancia ata que, pasados os 40,
observamos que os nosos abastos, polo menos algún deles, entran en data de
caducidade. Os científicos adoitan chamarlle MO, ou sexa, Memoria Operativa. ¡É
operativa se funciona!
O curioso, de difícil explicación fisiolóxica, é o feito de que na
ancianidade atópase con facilidade unha lembranza de situacións moi concretas da
infancia. ¡Estiveron en conserva! Isto lévanos a pensar que temos dúas cámaras
de conservación diferenciadas: Un almacén onde a información se mantén de forma
permanente, ao que se deu en chamar Memoria a Largo Plazo (MLP), e outro que
tería un carácter máis transitorio e inmediato, a Memoria a Corto Plazo (MCP).
Con respecto a este último almacén dispoñemos dun traballo de Jevons (1871) que
parece ser foi o primeiro en realizar unha investigación sistemática acerca da
capacidade humana para manter e recuperar á consciencia unha serie de ítems presentados simultaneamente.
Os alfinetes da memoria. É curioso, pero non inexplicable, o xeito que temos de asociar pequenos
indicadores con episodios remotos, tanto os gratos coma os ingratos; os
intranscendentes non, pois eses non hai forma de traelos ao presente. Un son,
un olor, un color..., ou un simple obxecto, tal que unha rosa. Non podo ver
unha rosa roxa sen lembrar aquela tarde, no Paseo dos Cantóns, en Lugo, que vin
de lonxe á rapaciña que me tiraba dos ollos, pero ¿como me achego a ela, como
farei para ligar unha conversa? Na parte máis interior daqueles xardíns
escandalizaba unha roseira que as tiña grandísimas; disimuladamente, coas mans
ás costas, arrinquei, ¡roubei!, unha daquelas rosas... ¡E resultou, que me
contestou cun sorriso, e despois, a cambio, deume unha foto; iso si, con poucas
verbas, que as tiven que poñer eu para seguir conversando!
Ademais de guapa, santa.
Falando de esquecementos e de lembranzas, esquecíaseme dicir, recordar, iso
que se conta do experimento de Jevons: Estaba interesado en preguntarlles aos
seus amigos, cantas fabas lle viran tirar sobre da mesa. Facía como que
baleiraba un peto do que tamén saíran uns cantas fabas, que recolleu ipso
facto, sen tardanza nin comentarios. Pasaran uns minutos cando lles fixo a enquisa,
comprobando que, ¡todos, ou case todos!, se lembraban do número cando as fabas
non pasaban de 6. Diso deduciu que había grandes diferencias na medida da
memoria inmediata ou a corto prazo, fronte á retención permanente ou a longo
prazo. Por exemplo, os malabaristas aprovéitanse de que non damos incorporado á
memoria os escamoteos rápidos. Un orador lento transmite, e recólleselle;
esas/eses metralladores dos espectáculos actuais, se o fan adrede para que non
lles captemos as ideas, ¡ou a falta delas!, acertan.
-.-
Refrixerador /
conxelador
Algo así, salvadas as distancias, dito só como concepto ilustrativo,
figurativo, temos eses dous tipos de almacenaxe: a MCP e maila MLP. Á memoria
de corto prazo os científicos tamén lle chaman memoria primaria ou memoria
activa, e vén a ser a capacidade para manter na mente de forma activa unha
pequena cantidade de información, de forma que estea dispoñible para botarlle
man nun corto período de tempo. ¡O refrixerador conservador dos consumibles
inmediatos! Ao conxelador, MLP, pasamos directamente aqueles artigos que están
chamados a un uso ou utilización distante. ¿Vale o exemplo? ¡Moito, non, pero,
aproxímase!
Non teño tan claro iso de que os nenos almacenan ao tun-tun, sen
clasificar, pois teñen, de cando en vez, algunha saída, algunha sentenza, que
logo parecen gregos resucitados. O que mo saiba explicar, que me mande un
correo, un e-mail, que o subirei á miña cátedra!:
É indubidable que os coñecementos teñen, de por si, a facultade ordenativa,
secuencial, pois se dela carecesen xa non serían asumibles, asimilables. O
perigo está en que ao neno, na súa inocencia, válelle todo, funciónanlles mal
os depurativos, os coadores, así que os maiores debemos extremar con eles as
matizacións para que non almacenen distorsións ou envelenamentos. Grave
responsabilidade esta, á que non adoitamos prestar unha atención escrupulosa,
pedagóxica; o contraveleno está en que a súa inocencia sente repugnancia, desde
lonxe, a certos vicios dos adultos, en particular ás obscenidades.
Para que lles queden ben almacenados, ben clasificados, os saberes, reproducibles
de primeira instancia, o pedagogo ten que esmerarse en dar trigo limpo, sen
palla nin pamplinas; limpo, e coas aplicacións explicadas, matizadas, para que
o educando perciba interese na súa receptividade, para que lles abra os cinco
sentidos.
Moi diferente será a receptividade do aprendiz se toma conciencia de que o
sabido pode terlle aplicación próxima no tempo, pero tamén no espazo
memorístico. Estoume acordando de que un veciño da casa da Nogueira, ¡un de
tantos, pois eran nove ou dez!, que cando lle preguntei por que non ía con nós,
cos outros veciños, á catequese parroquial, díxome, ex-cathedra,
Cáthedra
“Os que volven do Servizo (servicio militar) din que no cuartel non piden o
Credo, que alí é outro deus, outras crenzas!”. Se eu fose cura, daquela sabería
contestarlle a xeito, pero, como non o era, nin o son, teño enriba este pecado
explicativo, de omisión. ¡Non chega con saber cousas; hai que saber explicalas!
-.-
A letra con sangue
entra?
¡Que equivocados estaban aqueles avós! ¡Nisto, eh, que noutras cousas, en
moitas, estudadas agora atropelada e superficialmente..., retrocedemos! A
palmeta excitaba o medo pero repudiaba a retentiva, que a deixaba reducida ao
odio, distanciador entre docente e discente.
A memoria, como é lóxico, sempre interesou, pero o que é estudala a fondo,
per se, na cultura occidental non se fixo ata o século XIX, no que comezamos a
distinguir entre MCP e MLP. A últimos do XX desenrolouse un modelo clásico,
explicativo, do funcionamento da memoria, que asume e resume que tódolos
recordos, tódalas lembranzas, pasan directa e paulatinamente do almacén a corto
prazo a outro definitivo ou de longo prazo. Os eruditos ben saben que esta
teoría foi desenrolada por Atkinson e por Shiffrin, que lle puxeron a
denominación de “modelo modal” e/ou “modelo multialmacén”. Os menos doutos non
vemos, non entendemos, ese trasfego de “bocois”, salvo que algunha urxencia
requira avivar o lume, a fermentación; cremos, máis ben, que se trata dun proceso
de cocción, de maduración ou depuración de lembranzas, que as fai máis neutras,
máis obxectivas.
Traballando nestes estudos, os científicos inventaron unha serie de trucos
para distorsionar a memoria das súas inventadas, pero, a primeira vista, o importante,
o definitivo, é que nunca se esquece o ben apreso, aquilo que nos emocionou,
activa ou negativamente, no intre de entrar nese coñecemento; teremos cortinas
por diante, pero xa se descorrerán, xa se acenderá a luz tempo adiante, se a
vontade quedou, se permanece traballando. Por parte, o esforzo por esquecer
episodios desagradables é a cousa máis inútil deste mundo, pois cando tiñamos
por idas esas negras sombras, as condenadas, aos pés dos nosos cabezais tornaban
facendo mofa, ríndose do sufrinte; só as despexaremos definitivamente no
suposto de chegar ao convencemento de que neste mundo non hai mal que por ben
non veña, ¡depurándonos!
Indo ao práctico: A “memoria do traballo”, ou “memoria operativa” é un
marco, un cadro, de traballo teórico que se refire ás estruturas e aos procesos
que interveñen no almacenamento temporal e na manipulación (uso práctico, non
desvirtuación) da información. Un tal Alan Baddeley desenrolou un modelo de
funcionamento da memoria de traballo que inclúe dous mecanismos de almacenaxe
da información a curto prazo: o chamado “bucle fonolóxico”, e maila “axenda
visoespacial”.
A maior parte dos estudos realizados sobre a MCP desenroláronse empregando
material verbal. Máis recentes son os estudos sobre a memoria visual e sobre a
memoria espacial, ambas a curto prazo.
Ciencias á parte, o que non admite dúbidas é que a memoria, máis que aquel
“Fósforo Ferrero” da miña crianza, o seu exercicio, pide, ¡esixe!, forza de
vontade, ganas de saber e de ser, pasos á fronte, sempre con decisión, coa
autoestima de que non nos tomen por máis burros do que realmente sexamos!
-.-
O trasacordo galego
Cando Camoens chamou cautos aos
galegos, non quixo chamarnos traidores senón reservados. Escarmentados de
diferentes vexacións ao longo da nosa Historia, demos en ser cautos e
recatados; non para facer dano algún senón para que non nolo fagan. Isto é
laudatorio: ser sinxelo dun modo natural, e saber ser cauto nas ocasións.
Esta prenda, esta virtude, apropiada e cultivada, característica máis ben
do rústico galego, ten un nome, propio e apropiado: o trasacordo. Timeo danaos,
et dona ferentes, (Temo aos dánaos (gregos) incluso cando traen regalos),
que dixo Virxilio. Esta cautela prudentísima que usamos os galegos apréciase
especialmente cando nos atopamos na emigración, ante o descoñecido.
Da verba “cauto” dixo frei Martín Sarmiento que “ten moitos sentidos bos, e
poucos ou ningún malos”. Explica que “cauto vén do verbo latino “caveo”, e
recorda as moitas veces que Xesús lles ordena aos seus discípulos que fosen
cautos, para o que cita parcialmente (dando o resto por sabido) estas palabras
del recollidas polo evanxelista San Mateo no capítulo10. versículo 16: “¡Vede
que vos mando coma ovellas entre lobos! Así que sede prudentes coma as serpentes,
e sinxelos coma as pombas”.
-.-
Autoestima.
A nosa percepción avaliativa.
As necesidades
humanas, segundo Abraham Maslow.
¡Coidado co pesimismo pois poden bloquearnos os complexos, os nosos sentimentos
de culpa, así como os pensamentos negativos sobre o que somos, o que facemos,
ou deixamos de facer!
Aumentar, axustar, equilibrar, a autoestima é vital para que nos sintamos
ben con nós mesmos. Dicía o Isidro do Campo, que foi meu veciño en Bergland, e
en certas filosofías infantís o meu mestre: “Non hai mellor vida cá dun só
levándose ben”. Agora digo eu: ¿Facemos por levarnos ben con nós mesmos?
A autoestima é a valoración que facemos de nós mesmos sobre a base das
sensacións e das experiencias que fomos incorporando ao longo da vida.
Todo ser humano, sen excepción, polo feito de selo xa é digno dun respecto
incondicional dos demais, pero tamén de si mesmo. Somos persoas e compre
demostralo para, consecuentemente, comportarnos como tales, e tamén para esixir
xusta correspondencia.
Os autos do meu garaxe:
Auto recoñecemento, que ten un retrovisor que me di como creo que son; así
recoñezo as miñas necesidades, habilidades, potencias e debilidades; as
calidades corporais pero tamén os valores psicolóxicos. Vexo nel, dime, como
son as miñas accións, como actúo e por que o fago; que sinto en cada tipo de
circunstancias.
Auto aceptación. A miña matrícula é única; acéptome como son, e así me
mostro. Como son, e me teño, por falible, só me cabe lavar o auto, poñelo
presentable para que realmente sexa aceptado, con agrado, polos demais.
Auto valoración. Esa tendencia a buscar e a valorar todo aquilo alcanzable
que me faga sentir orgulloso de min mesmo.
Auto respecto. Sempre con reciprocidade. Algo así coma o “Do ut des” dos
romanos; ¡douche para que me deas! Defínese como o convencemento de que tanto
os desexos como as necesidades de cada un son dereitos naturais, así que, se
para min si, para ti tamén.
Auto superación. Aquilo dos emigrantes: “Cando volvas, trae o mellor coche
que “haiga”! Se son consciente do meu nivel, procurarei por tódolos medios
¡honestos! ao meu alcance non só non retroceder senón acelerar, dentro das
miñas capacidades e potencialidades por suposto. A auto superación vaise
logrando ao sumar pequenos logros diarios; o pouco é algo, e de poucos fanse os
moitos.
Auto eficacia. Cando se sae adiante, cando se mellora, por pouco que sexa,
evidenciamos eficacia nos medios e nos procedementos utilizados; tiramos
experiencias positivas, construtivas. Para que haxa eficacia é indispensable
coñecerse, saber que mandos debemos utilizar.
Auto dignidade. Poñer, e recibir, seguridade no que fago; é o pulso de que
o que fago está ben feito, tanto se o mido cos meus baremos como cos niveis do
meu entorno..., considerando que estes sexan obxectivos!
A auto eficacia e maila auto dignidade son pilares insubstituíbles e firmes
da autoestima.
O desenrolo da auto estima positiva aumenta a capacidade de tratar aos
demais con respecto, benevolencia e boa vontade, favorecendo as relacións
interpersoais enriquecedoras e evitando as destrutivas.
Segundo José-Vicente Bonet, “A importancia da autoestima apréciase mellor
cando cae un na conta de que oposto non é a heteroestima, ou estima dos outros,
senón a “desestima” propia, trazo característico dese estado de suma
infelicidade ao que chamamos depresión”.
¿Depresión? ¡Lanzarse ao baleiro sen paracaídas! Se a temos, se nos entra,
corramos ao médico, pero nunca, nunca xamais, ás drogas, que son o suicidio dos
covardes.
-.-
Nunca falta un cireneo...
que nos axude a levar a cruz. Pero hai que ser sociable, hai que merecelo;
e tamén hai que corresponder.
Á primeira vista, a vida urbana é unha cocteleira de descoñecidos; deambulamos
sen sequera ceder o paso; preguntamos sen anticipar un simple e cortés, “por
favor”; nin levantamos o paraugas para que crucen os que van sen el; pero cando
hai unha catástrofe, a xente acude en masa, proba de que aínda non se perdeu
todo, de que aínda quedan cireneos..., mellores cá aquel, pois escrito está que
o fixo obrigado, mandado polos romanos, que temeron que o Cristo non lles chegase
vivo ao Monte Calvario!
¡Deus, cantos cireneos levamos tido ao longo da vida, e que pouco
agradecidos nos mostramos con eles!
-.-
Puímentos
A lixa da personalidade non está á venta: ¡é de fabricación caseira! Xa na
adolescencia, nesa idade tan crítica e tan necesitada de orientacións, (¡que
non sempre se reciben!), os rapaces senten a íntima necesidade de temperarse,
de forxar unha identidade, de parecerse aos seus maiores, en particular aqueles
proxenitores, aqueles irmáns, aqueles profesores, que consideran atípicos, e
para iso teñen que ir descubrindo as súas potencialidades, ¡puíndose!
Se o rapaz se sente inseguro, pouco valioso, corre o perigo de buscar esa seguridade
que bota en falta por camiños aparentemente fáciles e gratificantes, pero
falsos, equívocos, que lle resultarán destrutivos, anuladores da personalidade,
como é o caso da drogadicción.
Algunhas receitas para mellorar a autoestima:
. Exame cotián para localizar os nosos fallos, indagando nas causas, e
facerlles fronte..., sen demora, xa ao día seguinte!
. Confiar en que temos armas suficientes para defendernos de nós mesmos;
todo consiste en sacalas do almario; ¡si, do almario, do almario da alma!
. Centrarnos no positivo. Todos temos algo bo: coidalo con primor, e de
paso, borrón e conta nova ás malas tentacións.
. Gozar cos éxitos, e de paso convencernos de que somos capaces diso e de
máis aínda acudindo ao noso almacén da forza de vontade, que é un manancial
inextinguible..., con tal de que saibamos muxilo, extraelo!
. Experimentar nos fracasos; analizar obxectivamente as causas, e buscar a
receita axeitada para vacinarnos contra as nosas fraquezas.
. Se nos comparamos estamos perdidos, que nos virá a desesperación, a
impotencia; só hai unha comparación admisible: compararme co que fun onte, e
ver a forma de puírme para lograr o lustre de mañá. O meu espello debo ser eu, día a
día, e izarme a min mesmo, coma se fose unha bandeira, que iso son, a miña
bandeira, unha bandeira que ten de mastro o propio corpo.
En canto ás metas, o que se recomenda é,
. Que sexan sinceras, queridas, acaídas e posibles.
. Divisibles, para que as podamos facer por etapas, ou fases, segundo nos
permitan as nosas forzas.
. Medibles, para que, ao ponderalas, podamos apreciar os logros e aprontar
enerxías para a súa consecución.
. Realistas. Iso si, pois as utopías son propias dos magos, e deses, fóra
do circo, poucos hai.
. En definitiva, sinceridade, que non hai peor engano que enganarse a un
mesmo, no que sexa!
-.-
Estudiar, vicio ou
virtude?
Se lle chamamos vicio, non o hai máis pracenteiro; pero se o aceptamos como
virtude..., lévanos ao Ceo! Claro que non tódolos días apetece, e o cansazo
físico repudia o estudio, pero sempre teremos á man un curro solitario,
tranquilo, ben aclimatado, para falar sos, porque estudiar é iso, falar con nós
mesmos, discutir con nós mesmos. De discutir con outras persoas estaremos fartos,
pero facelo con nós mesmos conforta.
De recluídos, de postos á mesa, ou espanzullados na butaca, o alivio é
inmediato; tanto, que incluso charlamos sen gastar saliva. O libro é ademais o
único interlocutor que podemos despedir, eludir, desairar, sen crearnos un
inimigo.
Razóns para estudiar, para seguir estudiando, para non parar de facelo? ¡Tantas
como para vivir, pero poden sintetizarse nunha soa: apropiarnos sen roubar, que
xa é o colmo!
Vivindo auto construímonos; estudiando vivimos, multiplicámonos, medramos,
evolucionamos, tendemos á perfección. Nos comezos, ¿que outra cousa útil
poderíamos facer, ademais de que nola impoñen, e precisamente en ben noso? Isto
trae de consecuencia subseguinte premios e/ou castigos domésticos, así que a
elección e doada. Compracemos aos pais e aos profesores, que tamén é un
estímulo. Cos estudios, por medio deles, indagamos o futuro, inclinándonos cara
á profesión posible para a que nos sintamos proclives. Nos libros atopamos
resposta a uns cantos inquéritos dos que a vida nos vai provendo. Se me educo,
se me auto educo, álzome socialmente, e de paso capacítome para ser útil, para
corresponder con esta sociedade que me está..., aguantando e soportando!
As sinaturas, os temas “rollo”? O amor propio debe levarnos a prestarlles a
mellor atención, o máximo esforzo posible, precisamente por iso, porque
vencelas ten máis mérito. ¿Cantas cousas incómodas, e incluso de risco, facemos
na vida tomándoas a deporte? ¡Pois que mellor deporte que culminar, superar,
dominar, un tema árido, encrespado, agreste!
Unha recomendación infalible é que non se pode, non se debe, estudiar a
estilo “empollón” senón reflexionando a cada intre; subliñar, tomar apuntes,
valerse de dicionarios e demais libros de consulta...
Alternancia de estudios e/ou traballos. A preferencia pode ser: Comezar
polo fácil para quentar motores, para sentirnos acelerados cando nos poñamos co
difícil. Ou o contrario, atacar primeiro as dificultades, e, de cansados, o
fácil? Pois non, non caben regras xa que cada persoa vai consolidando os seus
hábitos, e acabará por decidirse segundo a súa experiencia ou estado de ánimo
de cada momento lle diten.
-.-
Crear hábitos de
estudio.
Conta a memoria natural, a capacidade memorística, por suposto, pero a
formación de hábitos axeitados de estudio son o mellor predictor do éxito,
entendendo por “hábito” a facilidade adquirida para a súa execución mediante o
adestramento nas diversas actividades que implica.
O estudio, como actividade humana, ten que someterse a certos principios de
racionalidade e de economía; ¡é un traballo, non é un xogo! A onde queremos
chegar? Como en tódalas actividades racionais: Obter o máximo rendemento
posible con un esforzo admisible. ¡Cuestión de organización, como todo na vida!
Organización? ¡Elemental, querido Watson! Por tratarse de algo persoal, e
por conseguinte, circunstancial, o alumno/a axustará o seu tempo segundo o teña
dispoñible ás distintas áreas de aprendizaxe. O estudio será máis levadeiro,
agradable e eficaz, con menor fatiga mental se evitamos as acumulacións de
última hora; ¡é o castigo dos preguiceiros! Condiciónate a un traballo diario,
metódico, que así creas hábito e favoreces a concentración. Rompe a tempo coas
indecisións, coas improvisacións, que son outras tantas rémoras.
Planificación? ¿Pódese construír unha torre sen planos? ¡Pois nos estudios
ídem de lenzo! Trátase de algo persoal, que ninguén nola pode aconsellar porque
ninguén entra nos nosos arquivos. Coñecemos o noso tempo, e tamén as nosas
potencias; dito doutro modo, os nosos materiais, así que, con estes datos persoais,
definiremos as características posibles da nosa `torre`. A planificación ten
que ser práctica, axeitada á persoa, e por ende, ao tema; e non embarullarnos
en filigranas que despois non sexamos quen de realizar. ¡Medible e medida!
Flexible, iso tamén, pois non somos propiamente un reloxo, e cámbiannos as
circunstancias cadora. Xa que ten que ser flexible, será rectificable,
acomodaticia. ¿Escribila, apuntes? Tamén o fago eu cos santos e cos cumpres da
parentela; é unha cousa boa cando se ten moito a que atender. A planificación
aforra tempo e esforzo, dúas economías importantes.
Vístome segundo a onde quero ir... Pois en materia de estudios, algo
parecido. ¿Onde estou, e a onde vou? Partindo do que teño, calcularei o que me
falta; pero nunca botar a andar sen saber para onde, que tempo fai, que
precisarei para andar o camiño... A meta ten que ser aceptable, tanto na moral
como na ética; por min, por suposto, pero tamén polos demais, nos demais, pois
nin os lobos andan sos!
Recomendacións que adoitan facer nos colexios:
. Estudiar tódolos días o mesmo tempo e, de ser posible, ás mesmas horas.
. Dedicar ao estudio as horas nas que o rendemento sexa máis alto.
. Non trasnoitar, pero tampouco madrugar excesivamente.
. Poñer a orde de estudio de cada materia de acordo coa propia curva de
traballo, para mellora-lo nivel de concentración.
. Distribuír o tempo de estudio para cada materia de acordo co grado de
dificultade e coa esixencia persoal.
. Estudiar en períodos seguidos, intercalando pequenos descansos despois de
cada período.
. Concretar, ter claro, definir, o que teño, ou quero, estudiar en cada
período.
. Por encima de todo, ineludible se quero avanzar: constancia, constancia,
constancia....; e non desanimarme se nos primeiros días se nos atranca un tema,
unha materia: as dificultades véncense acelerando, botándolles corazón, peito e
cabeza.
Cando, e como, descansar nos estudios? Se vas normal, non frees nas rectas,
non o fagas nos momentos de maior rendemento. Se a mente che pide descanso,
faino tan só cando observes que o teu rendemento e maila túa concentración
decaen. Non aproveites os descansos para ocupacións que che fagan perder a
concentración; (se perdes ese programa, outros virán, pois o que é televisión,
sobra!). De cando en vez, fai exercicios de relaxación; ¡de relaxación, ¿eh?,
pero non de abandono! Nos períodos de estudio os descansos, os recreos, as
relaxacións, deben ser curtas, pero sen normas ríxidas ou concretas, xa que iso
depende do funcionamento dos nosos motores.
-.-
Onde e como estudiar.
Escenarios.
Estes efectos, estas comodidades, estas vantaxes de hoxe en día, que lonxe
nos deixan das cavernas! Pero unha caverna con boa claridade, ciencia pura! O
profesorado adoita facer estas recomendacións: Lugar cómodo pero austero...,
que nos aquiete. Silencio, que nin moscas! A música para os descansos, e se é
desafinada, nin iso. A tele..., en su lugar, descanso! A luz tamén debe ser
axeitada, fría e non distante; para os zurdos, pola dereita. A luz produce
fatiga se é demasiado intensa ou directa. A temperatura ideal para o
rendemento, na nosa raza, sexa estudio ou traballo, ¡xa o dixeran Frederick Taylor
e Henry Fayol ocupándose da organización científica e racional do traballo!,
anda entre os 18 e os 22º C.
Con ser todo isto importante e medible, non perdamos de vista que o cerebro
é moi sensible ao nivel do osíxeno; ¡ollo ás ventás! (Que a gusto me sentía eu,
co libro debaixo do brazo, gardando nas vacas, alí en Montecubeiro, a 500 m. sobre
o nivel do mar; ollada ao libro e ollada ás vacas, e aínda así!).
En canto á mesa, nin estudiando nin traballando me sentía a gusto nun
taboleiro deses de xefatura, e peor aínda recargado de papeis. O estudio pide,
esixe, soidades de todo tipo; así que cando vexo na tele eses grandes homes rodeados
de moreas de papel, penso: ¡Canto dano estás facendo, que así é como debe estar
o diabro, con tantas follas de ruta simultáneas! Variar de local tampouco é bo
porque sempre haberá algo que nos chame a atención, que nos descentre.
Esa teima dos apuntes. ¡Ten a súa ciencia! Captar, sintetizar, esquematizar,
e de paso, escribir, non é doado, e por engado os profesores adoitan ter pouca
consideración co alumnado: ¡Soltan o seu rollo, metrallan, e, ata mañá! Algúns
trucos, agora que a taquigrafía quedou demodé: Letra sinxela, seca, áxil, de
pouco grafismo. Especializarse en abreviaturas de uso propio, persoal. O
caderno que sexa de follas de recambio para poder retirar e/ou intercalar. Deixar
marxe para anotacións ou aclaracións posteriores. Para logo non liarse, comezar
con data, tema e algún indicativo que facilite a reinterpretación. Habilidade
para anotar unicamente as ideas principais, as xeratrices do temario. Non
levantarse do sitio ata que intercalemos aclaracións ou anotacións que
concreten o asunto. Por último, ¿pasar a limpo os apuntes? Nunca o fixen, pero
observo que é usual facelo para que non se evaporen as ideas principais, clave
da explicación. Nisto, como en todo, aterse aos hábitos persoais pode facilitar
as cousas.
-.-
Delegacións educativas
Entre os divorcios e mailo traballo da muller fora do fogar, asistimos a un
proceso inusitado de delegacións educativas “a fortiori”. É un problema de
difícil resolución satisfactoria e/ou completa.
Nestas delegacións comezamos polos avós, seguimos polas garderías e
rematamos nos centros escolares, aos que lles ampliamos a función instrutiva
acumulándolles unha boa dose educativa.
Os avós asumen esta responsabilidade nunha idade na que teñen acumulada
experiencia pero fáltanlles forzas, azos, para facerse obedecer. En paralelo, os
nenos, que o cheiran todo, observan que as vicisitudes dos pais os apartan dos
seus proxenitores, así que se crían nun ambiente de independencias prematuras,
arrefriando con eles as comunicacións formativas e pasando ao colo dos avós.
Pola súa parte as garderías igual o teñen máis fácil pois os cativos non
botarán tanto en falta a calor fogareña, e serán máis dóciles. En todo caso
asumen unha responsabilidade educativa suplindo os fogares.
Polo que respecta aos centros de estudio, aínda que só sexa para lograr un
nivel aceptable de disciplina e de convivencia, non lles queda outra que
tourear eses “novillos” bravos, que llelos dan, que os reciben, sen burladoiro
posible, así que teñen que simultanear a instrución, que era o deles, coa
educación elemental delegada.
Os nenos desta xeración, segundo vaian medrando e formándose, auto
formándose, teñen outra carga, a maiores: auto puírse en aspectos que as xeracións
anteriores, ¡felices nós!, recibían, recibimos, na calor do fogar. ¡Pobriños! O
único que isto ten de bo será que, con esta nova esixencia, faranse máis
conscientes de que vivir a vida, vivila honestamente, é un asunto sumamente
persoal e urxente.
-.-
¡En definitiva, isto é o que nos pide a vida; sempre, e de sempre: crear,
participar na creación! ¡Na positiva, obviamente! Pero iso de conectar con
xeito require arte, ganas de facer o ben e de facelo ben feito! Daquela
poñámonos a navegar: ¡Avante toda!
O mar da vida adoita ser, adoita estar, bravo; somos os primeiros en
embravecelo cando nadamos contra corrente, que non sempre é inevitable.
O noso gran dilema sempre é, e sempre será, Quieta, non movere, ou si? Se nos detemos no sistema xurídico, por
analoxía, este preito téñeno resolto os anglosaxóns, e chámanlle “common law”:
“Estar ao decidido e non perturbar o xa establecido, o que está quieto”. Quere
dicirse, que se deben respectar as decisións precedentes, os “precedentes”. En
Inglaterra un só precedente constitúe dereito e xera obrigación. Pero os latinos
somos máis inquedos e impórtanos un beldro a resolución casuística en tanto en
canto non se repita no tempo e xere un costume. Hai, por tanto, unha diferencia
metodolóxica radical entre os dous sistemas: No dereito continental moderno,
como ocorría no dereito romano, o énfase non está no caso individual en
particular senón nunha serie ou grupo de casos que crean unha práctica xeneralizada.
Un latino é, somos, máis ingobernables, máis..., inquedos! ¿Ou haberá que
dicir, máis creativos? Por outra banda, xa que tan críticos somos, ou tan
creativos, por que seguimos tan lonxe da perfección? ¿Consultamos pouco coa
almofada? ¡Inclínome a pensar que durmimos pouco, así que o noso cerebriño anda
esgotado coas imaxinacións volubles, tanta tele, tanto cine irreal, fantástico...!
A mellor receita para conectar cousas, ideas perfectibles: Levalas á cama,
cedo e con pouca cea; ao amencer teremos dúas luces abrentes: a interior, e
maila do sol.
-.-
Pasar páxina
To be, or not to be- that is the
question: ¡Esa era a “question”
no drama Shakesperiano, pero na miña filosofía, na normal, na dos seres
normais, a cuestión é outra, distinta! Hai que ser, que para iso somos, para
iso nacemos: feitura do Deus que nos fixo, así que, a imitalo! Dentro das nosas
limitacións, por suposto. O Fillo de Deus, encarnado nunha virxe para tomar
forma humana, comportouse con exemplaridade, púxonolo fácil: ¡imitémolo!
Tamén tivo tentacións porque Lucifer, na súa ousadía, non se priva de nada,
pero ben que o arredou con catro verdades, anulándolle aquelas pretensións,
máis ou menos así formuladas: “Ti desconfías de min. Fas mal. Eu son a
sabedoría da terra. Podo ser mestre teu para ensinarche a triunfar. Mira: o
importante é triunfar. Despois, cando un está imposto, cando ten engatusado o
mundo, pode conducilo a onde queira. Pero primeiro hai que ser como lles gusta
a eles, coma eles. Seducilos facéndolles crer que os admiramos e seguimos o seu
pensamento”. ¡Algo así, pero, nin con esas, que a verdade estaba en Xesús, con
Xesús! Pola nosa parte digámoslle, tamén con Cristo, igual que Cristo: Vade
retro, Satana!
Nas tentacións de altiveza o procedente é pasar páxina, quitarse os
loureiros da cabeza, precisamente para iso, para ser, para ser o que realmente
se é, ou se quere ser, un ser digno e sensato! Outra cousa é non ser, séxase,
defraudarse a un mesmo.
As aparencias afuman, volatilizan a personalidade, converten a vida nun
carnaval de excesos; o realismo, a sinceridade, por crúa que resulte a veces,
fai da persoa un ser sociable, digno de convivir cos mellores, de aspirar cos
mellores ao premio eterno, ao definitivo. As glorias indignas son fume de
carozo con cheirume de xofre; páxinas borrosas pero imborrables,
indestrutibles, que enxurran a nosa biografía. Por iso compre pasar páxina, canto
antes, antes de que a tentación se faga destrutiva e transcendente nas súas
consecuencias.
-.-
Non hai unha metodoloxía ad hoc para construír a
personalidade humana porque..., porque a casuística sería infinita: hai que ir
resolvendo segundo se presentan os casos, as circunstancias, as
posibilidades...!
Porén, a infancia ten o
campo máis delimitado, máis experimentado, máis visible. Con unha boa dose de
cariño e un certo nivel de medios económicos, crear, puír, á vez, un santo e un
sabio é tarefa factible. Iso si, con moita atención ás torceduras, tan fáciles
e catastróficas se non son enderezadas a tempo. ¿Quen é capaz de tutelar unha
árbore medrada?
Levalos de man..., que tamén nos levaron a nós! Aquí xa temos dous pecados:
Renegarlle a Deus da encomenda que nos fixo dun dos seus anxos, e de paso, un
desagradecemento para con aqueles que nos coidaron a nós. Claro que, a maior
responsabilidade, mérito meirande.
Nunca sobra a Pedagoxía, pero ese vínculo paterno-filial xa aluma de por
si, a tal punto que máis vale amor sen pedagoxía que pedagoxía sen amor, sen
ganas, sen vocación. O leite segue ao parto; a intuición educativa, tamén. Isto
é tan evidente que non se precisan máis explicacións.
Algo que non se pode descoidar na educación é o cultivo da perseveranza: Os
nenos traen tendencia a distraerse, ¡mil cousas que lles chaman a atención, e
para iso, simultáneas! Cos estudios, levalos polo camiño da amenidade, da
importancia do tema no que se está en cada momento. As vantaxes de ir avantaxado
nos deberes. Que os problemas e demais dificultades resólvense atentos a
tódolos datos, ¡a todos! Que un despiste pode estragar os xogos, os resultados.
Facerlles ver o grato que é lograr as metas propostas. Cordialidade, entusiasmo
nas boas notas e alentos de recuperación para as malas. Manualidades que esixan
concentración. E mil cousas máis, que saen soas cando nelas poñemos cabeza e
corazón, asemade.
Sen perseveranza non logramos fortaleza de ánimo, e sen ánimo estamos
derrotados de antemán: ¡De postos a andar, chegar ao final!
-.-
Quen diga que ao neno
non lle custa vivir, é que non foi neno.
O neno, os nenos en xeral, traen moito ímpeto, pero vense rodeados de
atrancos, de dificultades, da mañá á noite, e cadora máis. Por isto mesmo necesitan
máis reforzos, máis protección, máis comprensión, e se llela negamos,
desespéranse, péchanse en si mesmos, fanse esquivos.
Escola de Millares (Valeira, Lugo) que aínda conserva o
seu escudo.
O neno que se cría na aldea ten o mundo máis reducido e pode abranguelo
mellor, pero os traslados son readaptacións ao medio, e tarde ou cedo, aínda
que que só sexa para ampliar estudios, terá que ir, ou permanecer, na urbe,
nestas urbes monstruosas e inhumanas que nos inventamos nos dous últimos
séculos. ¡De pouco serviu aquel escarmento da Torre de Babel!
Os medios de comunicación reduciron, acurtaron, estes desencaixes, co
conseguinte alivio ou atenuación, pero á larga o cosmopolita séntese máis
aclimatado, aínda que nunca desde o primeiro día. Iso de recorrer toda una rúa
sen cruzamento con ningún coñecido, por máis que os urbanícolas digan o
contrario, é unha miseria humana; ¡claro que o estamos suplindo coas tabletas
telefónicas, coas que, a falta de presentes, falamos, ou tratamos de falar, cos
ausentes!
Na formación do carácter as mudanzas tenden a ser boas porque, nesas
readaptacións, facémonos máis sociables, máis extravertidos, e o neno pode
ganar en auto confianza ao ir vencendo esas dificultades, e de paso, mellora as
súas habilidades sociais.
A Asociación Americana de Psiquiatría Infantil y de la Adolescencia,
confeccionou unha Lista de pasos para
facilitar los traslados de los niños, na que recomendan: -Explicar aos
nenos dunha forma clara o por que do traslado, a súa necesidade e/ou comenencia.
Familiarizar ao máximo aos fillos coa nova área de residencia, tal que usando
mapas, fotografías, guías turísticas, periódicos locais... Tamén describir e
ponderar as vantaxes da nova residencia e lugares que o fillo poderá visitar e
gozar.
Unha vez realizado o traslado, recomendan que os nenos participen en
actividades locais de grupo. No íntimo, procede, e convén, facelos partícipes
nas decisións de moblaxe, decoración, utilización do entorno, tendas, etcétera.
Todo iso evitando a ruptura coas relacións establecidas na residencia anterior,
cousa que agora é posible grazas á telefonía.
No particular, poño de testemuñas aos meus fillos de que ben tratamos de
cumprir estas premisas no noso traslado desde Xixón á Coruña, e eles dan fe do
agradable que lles resultou un cambio tan brusco en mil aspectos, na súa idade
colexial para máis impacto.
-.-
Explicacións de
contido sexual.
O neno, gradualmente, necesítaas, aínda que non se atreva a pedilas. Pero
isto é materia que se lles dá mellor ás nais, o que tampouco significa mutismo
no pai, de ser requirido ou interrogado. Paulatinamente: Tacto, prudencia,
delicadeza, realismo; que se descubra a si mesmo, e que descubra as novidades
con recato, como un coñecemento científico máis.
Nisto tamén leva vantaxe o neno criado na aldea, atento á reprodución e
cría dos animais. Outra vantaxe é criarse con irmás. Pola miña parte só podo
engadir que me axudou moito asistir a unha escola mixta: ¡As outras non deberan
existir, pero, existen!
Domar o instinto reprodutor non é tarefa fácil: Nin do propio interesado
nin do seu entorno familiar; particularmente deste. Pero hai que meditar nas
consecuencias; meditar e facer que mediten. Non sabemos como estaban previstas
as cousas aló atrás, daquela do Paraíso, pero, despois da cáida, fillos; fillos e fillas, tiveron, que así nos traspasaron as consecuencias do seu pecado, do orixinall.
Se non houbo máis que unha parella iniciática, o incesto foi inevitable. Claro
que, feitos uns animais na brutalidade e coa soberbia daquela caída, igual nin se decataron
diso!
Advertencia importantísima: Non caiamos na simplicidade materialista de pensar que Deus ten un almacén de almas inéditas e que lle remite unha a cada neno, segundo sae á luz, para que a estree. Lembremos como foi a transmisión nos corpos, pero tamén nas almas, do pecado orixinal: Ao xuntarse os gametos non só se xera un corpo senón que tamén lle enxertamos un alma, partindo das nosas, formándose unha especie de partenoxénese, pero común, unitaria, por fusión, da parella fecundadora. Así, toda acción postcoital, abortiva, é un crime, no prazo que sexa, pois, ¡con un corpo, xunto con un corpo, matamos un alma, mandámoslla a Deus, pero o xuízo non vai ser do feto, meu pobre, senón noso!
Ata os paxariños nos ganan nos preparativos da reprodución, pois todos
eles, salvo se acaso o cuco, ben que se preocupan de face-los niños nun medio
que lles proporcione certa seguridade, e de paso, abastecementos axeitados e
suficientes. ¡Nada de carta a París, e despois, na fronteira, que pase o que
pase! Enxendrar, xerar,
irresponsablemente é outro pecado de orixe, outra tentación luciferina, de
consecuencias aterradoras. Logo veñen os abortos, eses crimes que se pretenden
ocultar baixo a fórmula farisaica de, “interrupción voluntaria do embarazo”. ¡Á
interrupción da tentación pasional, querido animal, é ao que hai que ir, tanto
homes como mulleres! ¿Aquilo da Eva, sería unha mazá, ou sería concupiscencia,
acaso co propio Lucifer?
-.-
O razoamento
¿Así que todo isto para aprender a razoar; tan difícil é? Cando nos poñemos
a razoar é como se nos puxésemos a racionar: Tomamos unhas doses de
coñecemento, sentámolas nunha especie de parlamento, e abrimos a sesión por
quendas: suxestións, diatribas, asesorámonos, pros e contras, para acabar votando.
¿Quen gaña? Os votos veñen de atrás, así que a maioría, aquelas inclinacións
que teñamos máis cultivadas, serán as gañadoras! Visto do outro lado: As ideas
predominantes son as que nos fixeron así, desta maneira; ¡somos así, decidimos
así, porque nos fixemos así no noso proceso vital! Por tanto, a decisión final,
a predominante, será un razoamento vitorioso en nós mesmos, coas doses de
prudencia que nos caractericen.
A función da memoria no razoamento é presidencial: Vai sinalando as roldas,
as oportunidades, aos grupos de coñecemento almacenados; ¡ábrelles quenda, e
ponos a discutir, a comparar, a formular advertencias!
A estes efectos, a comunicabilidade entre os nosos “almacéns”? O cerebro,
por cultivado que o teñamos, non pode debater, subministrar, simultaneamente,
ideas inconexas, así que as vai examinando, proporcionando, na orde de
preferencia que lle dite o noso carácter. E como os caracteres son mixtos, que
non os hai puros, singulares, tamén aquí se produce unha alternancia de ideas,
que se irán desenrolando con preferencias para os antecedentes máis gravados ou
mellor aceptados.
¿Que somos complexos? ¡Iso ademais de retortos, pero unha auto educación
pode coas tentacións, cos decaementos; Deus mediante, iso si!
Toma de decisións. En definitiva, para que razoamos? ¡Para tomar decisións, pequenas ou
grandes, íntimas ou externas, que é o que estamos facendo día por noite, salvo
nas horas nas que o sono nos anestesia! ¿Aféitome hoxe, ou déixoo para mañá?
¡Os meus conselleiros cerebrais debáteno, e eu, servidor de min mesmo, acabo
decidíndome!
Daquela as decisións teñen o seu proceso, que pode ter infinitos espazos e
variantes; e tamén un inimigo, que son as precipitacións, así que é bo ir por
etapas, botarlles un tempo acorde coa importancia e coas circunstancias, pero
nunca frear en seco. Isto último non me cansarei de dicilo, comezando por
recomendarmo a min mesmo.
Se coñecésemos de antemán as consecuencias, obviamente dubidaríamos menos,
pois temos o caletre dispoñible para pensar, medir e contar. Co pensamento, tiramos
de datos; despois medímolos, sopesámolos, e aló por dentro fálanos un árbitro,
unha especie de amigo que nos advirte das consecuencias de cada tipo de
resolución. ¿Estamos encantados? ¡Algo así, pero, coidado coas figuracións
porque o corpo é moi vago, e como tal,
tolambrón: daquela non descoidemos o estudo das consecuencias!
-.-
As cautelas.
Son os freos dos nosos cabalos, en particular do cabalo do orgullo, que
sempre é temerario. Sen esa capacidade cautelar, ¡coa de precipicios que ten a
vida...! Precipitación = precipicio.
A definición máis sinxela, e á vez máis concreta, pode ser esta: Cautela é
a precaución e mailo coidado postos no noso proceder. ¡Vaia, unhas cancelas!
Os riscos poden ou non ser detectables de antemán, así que o escudo cautelar
ten que formar parte do noso uniforme habitual, cotián. Así dicimos que actuar
con cautela é dotarnos dunha protección apriorística que impida un dano
potencial, sexa para nós ou para terceiros. Tanta importancia ten socialmente,
que tanto a cautela como a contracautela dan moito xogo no campo do dereito.
De Robert Burns: “Lémbrate (sempre) que a cautela e maila prudencia son as
raíces da sabedoría”.
Do outro lado temos a imprudencia, que vén a ser a falta de tacto, de
mesura, ¡de cautela!, de precaución, de discernimento e de bo xuízo, por parte
dos actuantes.
¡Que complicados somos, pero temos unha intelixencia feraz, produtiva,
digna de ser cultivada; e de cultivada danos escolta..., de por vida!
¡Ollo tamén: A cautela non é debilidade senón todo o contrario, fortaleza
en acción!
-.-
As présas
Xa o teño contado: Volvíamos da Misa de cedo meu padriño e mais eu. A
igrexa de Montecubeiro dista de Bergland, polo camiño vello, unha media hora a
paso normal. Nisto que vemos, baixando do Escouredo, á señora María Antonia do
Roxo, corre que te correrás, arrastrando nunhas zoquiñas lampas. –Señor José,
vou para a Misa de tarde; ¿chegarei a tempo..., antes de que o señor Cura cerre
a porta? Meu padriño: -Se vas engorde, chegarás; só se vas engorde. ¡Nin se
despediu, e como era costa abaixo, deulle ao acelerador! Ao instante, que nin
pasara un minuto, oímos uns berros desesperados: -¡Señor José, señor José,
auxilio...! Volvemos sobre os nosos pasos; o espectáculo era dantesco: A señora
María Antonia, espatarrada no chan, véndoselle a fanguela..., e cunha zoca
rota! ¡Tropezara nun dos mil croios do camiño de carro! Pesaba bastante,
demasiado para un neno, e tamén para un vello, pero entre os dous conseguimos
upala, e coa mesma retornala á súa casa, “suai-suai”, que diría o moro, entre
os dous..., coa zoca sa, pois a outra, a rota, alí quedou. Cada pouco houbo que
descansar pois no pé da zoca rota quedáralle unha deda desconxuntada, ¡e menos
mal que meu padriño, que era albeite, sóubolla compoñer!
A presión dos acontecementos, se non lle poñemos o “Stop”, lévanos ás
precipitacións, escravízanos. Esa presión, coa subseguinte sensación de sufoco,
fainos tomar decisións precipitadas, pouco maduras, pouco axeitadas; e como
consecuencia desta cultura da inmediatez, abocada ao “facer” e ao “ter”, apenas
nos queda tempo para “ser”, ¡para ser nós mesmos, ese tipo, ese modelo, que nos
convén ser!
Dixo Isaac Newton: “Se fixen descubrimentos valiosos foi por ter máis
paciencia que calquera outro talento”. ¡Igual tiña razón!
-.-
O saber, ocupa lugar?
¡Iso é o bo do caso, que a esponxa do saber é..., unha esponxa; canto máis
lle damos a gardar máis admite, e máis asentados se senten os coñecementos!
Pero a base, a cimentación, ten que ser ampla, pois as columnas, a
especialización excesiva, só é boa para as torres, e non adoitan ser cómodas.
Un certo polifacetismo danos seguridade e permítenos amplas xanelas para gozar
de panorámicas máis amplas, más suxestivas, máis satisfactorias. Calquera oficio é máis completo se o dotamos
dun bo arsenal de ferramentas especializadas; o oficial traballará máis
comodamente; elixirá para cada fase do proceso que siga, e a peza resultará, se
non perfecta, si tendendo a!
Estudar, aprender, leva o seu tempo... Pero vagar, e divagar, tamén
consumen, e por veces custan máis, incluso en diñeiro! Pois isto é cuestión de
hábito, que aquí o hábito si que fai ao monxe! Difícil o ten aquel a quen lle
concedesen excesivas vacacións pois acomodar o corpo a novos sacrificios é...,
iso, un sacrificio, outro, e non todos están dispostos! Díxenlle unha vez a un
mendigo de aspecto robusto: -Se che proporciono instrumental, iríasme rozar
silvas? Contestación: -É máis cómodo mendigar! –Daquela, toma, cinco euros,
para que sigas mendigando, que ti es outra silveira!
-.-
Afirmar a
personalidade.
O básico é: Non nos enganemos a nós mesmos e aprendamos a descubrir, a
coñecer, e a recoñecer, o que está ben e o que está mal! ¡Uf; que difícil, pero
necesario, conveniente!
Desde que comezamos a coñecernos, a manexar os nosos resortes mentais, o
que máis presa corre é seguir pola vía do entusiasmo, que é a mellor, a alcatreada.
Con pesimismo, pola vía do pesimismo, a vida levaranos ao fracaso,
indefectiblemente. ¡Mirade que grave é isto!
Vivir con entusiasmo tampouco é vivir nas nubes, no irreal, pois ben real é
tomar conciencia de que as dificultades son vencibles, case sempre..., con tal
de poñer esforzo e medios!
Todo, absolutamente todo, nunca pode cambiar, pero algo si, e ese algo pode
ser satisfactorio se o sazonamos cunha dose de ledicia. Dixo Masdeu Brufal
(Josep) que, “Perdendo o tempo, o talento e maila enerxía emocional nas cousas
que están fóra do noso control, metémonos na recta da frustración, da miseria e
do estancamento”. Daquela inverte, invertamos, a nosa enerxía nas cousas que
podamos controlar e actuemos sobre elas, ¡xa, desde agora mesmo!
Poñamos fe nas cousas: A nosa mente ten que crer na posibilidade das cousas
para tirar forzas que nos leven á fin proposta. Non sempre poderemos controlar
o que nos pase, pero si controlar e dirixir as nosas reaccións na dirección
proposta; previamente meditada, por suposto.
Aceptemos as cousas tal e como son, tal e como veñen; se podemos encarreiralas
ao noso xeito, ben, perfectamente; do que non, busquemos alivios,
contrapartidas; dentro do posible, obviamente.
Consellos do neurópata Josep Masdeu Brufal: “Cultiva a alegría positiva e
limpa, centrándote naquilo que podas controlar. Non o podes cambiar todo, pero
sempre se pode cambiar algo. Perdendo o teu tempo, o talento e maila enerxía
emocional nas cousas que estean fóra do teu control, terás unha receita para a
frustración, a miseria e mailo estancamento. Dedica a túa enerxía ás cousas que
podas controlar e actúa sobre elas, ¡desde xa!, pois a mente ten que crer que
se pode facer algo antes de intentalo. Non podemos controlar todo o que nos
pasa, pero si, ¡polo menos algo!, o como reaccionar ante as cousas. En
definitiva: que esteamos agradecidos polo que temos pois a nosa actitude é
fundamental para estar ben, para sentirnos ben, e por ende, para mellorar”.
Eu engado: Non depreciemos as cousas pequeneiras de cada día pois os poucos
fan moitos; non hai pedra, grande ou pequena, que non estea feita de átomos
pequenos; pois a felicidade tamén anda por aí, sumando e gozando da suma. A
calidade de vida é a cotiá, a que imos cociñando e gozando paso a paso. Un golpe
de fortuna, poño por caso, pode darlle a felicidade ao momento presente, pero a
vida é un sumatorio de presentes, e a saber se non nos esnafra un exceso de
velocidade para a que non estivésemos preparados. Os musulmáns confórmanse co
seu fatalismo: “O que queira Mulana (Deus)!”; nós tamén temos o noso, que aínda
é máis práctico: “A Deus rogando, e co mazo dando!”.
-.-
Subir, medrar, afianzarse.
Cando nos falan de subir e/ou de medrar sempre o entendemos no sentido
económico, no da prosperidade material; non está mal, tratándose dun egoísmo
lícito, pero tamén existe o outro, o da
consolidación da nosa personalidade, o da madurez do noso carácter. De
propósito: Entre os centos, senón miles, de definicións recentes dos doutos na
materia, vou escoller, pola súa claridade, a definición de “personalidade” feita
polo británico (que emigrou á USA) Aldous Leonard Huxley: “O que alguén é (o
que chega a ser) depende de tres factores: do que herdou; do que as
circunstancias fixeron del; e do que, elixindo libremente, fixese das súas
circunstancias e da súa herdanza”. Daquela hai que admitir que temos
limitacións, pero tamén posibilidades para vivir a vida ao noso xeito, ao noso
gusto.
Nestas limitacións, bo é estar atentos ás nosas evolucións para ilas
controlando, para evitar, coa oportuna auto corrección, unha conducta irregular
que poda ser perigosa nas nosas relacións sociais; e/ou incluso para a nosa,
propia e persoal, evolución.
Ollo tamén a certas psicopatías que, no mundo actual, resultan simpáticas e
atractivas para un amplo segmento de
devotos das excentricidades! Son individuos que tenden a operar, a
manifestarse, en formas demagóxicas e grandiosas, aparentemente liberais, pero pretensiosas
e insaciables. A Historia evidéncianos que este tipo de “führers” tardan en ser
descubertos; ¡teñen ao diabro de avogado!
Dos trastornos da personalidade non vou falar pois iso corresponde aos especialistas; eu só son, só
pretendo ser, un avó que dá consellos elementais aos rapaces. Nestes consellos
do que si advirto seriamente, e non me cansarei de repetilo, é da necesidade do
auto perfeccionamento, que non só poden matar impunemente os malos médicos, que
hai moitas formas de facer dano, incluso un dano inconmensurable, sen
intencionalidade, simplemente con só restarlles importancia a cousas que a
teñen, que a teñen ou a comportan.
Venlle de raza, dicimos! Algo pode ser, algo diso pode haber, pois
científicos temos que se paran a estudiar estas posibilidades, pero o que si
teño claro é que os hábitos, tanto os bos coma os malos, arraigan nas familias,
quédanse, perduran, así que as infancias..., críanse nese contaxio!
-.-
Pasa a
VIVIR A VIDA. ADVENTO
-III-
Xosé María Gómez
Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario