¡Deica logo, Nicanor!
Nicanor Rielo
Carballo,
Sacerdote, Lic.
en Ciencias Sociales, Escritor, etc.
¡Para min, San
Nicanor!
Xosé
María Gómez Vilabella
Aquí ía o seu corpo, entrando no
cemiterio de Arcos dos Frades, pero a súa alma, naquel momento, xa estaba
Arriba, moi arriba, á dereita, no sitial dos santos.
Se as canonizacións seguisen
sendo cousa e atribución dos fregueses,
o polígrafo-sacerdote, Nicanor, ao de hoxe xa levaría unha tempada nos altares, que ben merecido o deixou, desde Pol aos Peares, e viceversa!
o polígrafo-sacerdote, Nicanor, ao de hoxe xa levaría unha tempada nos altares, que ben merecido o deixou, desde Pol aos Peares, e viceversa!
-.-
Como non puiden asistir aos actos conmemorativos que lle dedicou a Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada á persoa e á obra de Nicanor Rielo Carballo (1932-2000), para que
“non as blinde o esquecemento nin o silencio”, eu, vello amigo e
admirador seu, que por tal me teño, sumeime a esa homenaxe aportando a
necrolóxica que lle dediquei na data do seu óbito, publicada no periódico El
Progreso, do día 15-3-2000. Se daquela lle dixen, “Deica logo”, hoxe, agora,
que son máis vello, coido que con máis razón; ¿non si, meu querido e admirado
Nicanor?
-.-
Necrolóxica no diario El Progreso
Necrolóxica no diario El Progreso
15.03.2000
Coido que nada se podería desexar, nin pronunciar con máis comenencia, con
máis egoísmo, que esta invocación, porque, se queremos un Ceo, ¿que mellor
destino, que mellor compartimento, que o de situarnos/ou que nos coloquen, no
Alén, preto de Nicanor, de Nicanor Rielo Carballo? ¡Pero é de egoístas formular
esta petición, insisto e confeso!
Un home todo alma, dos bos e xenerosos, tal e como os pedía Pondal ao abeiro dos seus rumorosos: Sabio e santo, santo e sabio. ¡Meu Deus, que rara avis nos emprestaches! Un Melquisedec, pero no XX, cargado de bondade e de erudición. ¡Demasiado peso para un simple mortal! Por se algo lle faltase, este Ero tamén se retirou á súa Armenteira, á súa ermida dos Peares: paxariños, árbores..., ¡co marmalle escumoso, coa música de fondo, fraterna, desa aperta dos dous ríos máis barulleiros e máis caudalosos da nosa Galicia!
Da súa bondade, salvo que o suban aos altares, pronto nos esqueceremos, que é o que adoita pasar entre mortais. Pero, ¿da súa erudición...? Entre o publicado e mailo inédito, un feixe! Daquela, ¿quen se atreverá a redactarlle unha lauda? Eu, desde logo, non, pois condensar a súa biografía nunha frase…, ¡como non a grave o propio Deus cos lóstregos do Sinaí!
Nicanor: Nike, vitoria. Aner, andrós. home. ¡Pero que intuición a de seu tío e padriño, aquel Cura de Arcos, don Manuel Rielo Lenza, que tanto se preocupou por ensinarlles aos seus labregos os últimos adiantos en técnicas agrícolas! Con un tío así, con nun aio semellante, ¿quen se atreve a saír mal falado, ou mal galego; mal estudante, ou mal cristián?
Xa me declarei egoísta, pero agora cómpre un agradecemento: Conservo, e conservarei como ouro en pano, unha carta de Nicanor na que me di que gastou unhas moedas que ía administrando para vitaminas, para laranxas, en mercar, na librería Balmes, o meu libro Castroverde; no ano 1951. ¡Un codio daqueles tempos, un seminarista que fai tal sacrificio, semellante esforzo e privación, para informarse, un pisco, dun municipio lindeiro co seu, estaba visto que ía preferir os libros antes que o clásico chocolate clerical!
Con tantas evocacións, ¿por onde tiro? Voume quedar co home, na súa humanidade, simplemente, pois para evocar a súa erudición, eruditos, doutores, ten este país, ¡que saberán responder!, como dicía o Astete. Un mal reflexo podería ser: ¡Pasou facendo o ben, así que, sic itur ad astra! Pero resulta lacónico, pouco expresivo; se cadra é máis exacto dicir: ¡Foi tan importante, que moita intelixencia tivo que poñerlle á cousa para lograr iso tan difícil de pasar desapercibido! Falaba cos vellos, adorábano os mozos, entendíase cos nenos... ¿Parécevos doado? ¡Coido que non! Atoparse cun sabio, que ademais é santo, e conversar con el nas encrucilladas da vida sen que nos abraie, sen que nos acovarde, sen que nos entre complexo, ¡esa arte moita ciencia ten, moi grande ha de ser quen tal faga, quen tal motive, quen tal perfección acade!
Os que o coñecestes ben sabedes que non esaxero, que máis ben me quedo curto, pero non debo estenderme porque os que tiveron a carencia de non coñecelo persoalmente van pensar que lle estou queimando incenso. Para os do coñecemento intelectual, aí quedan os seus traballos, ou máis que traballos, os seus gozos. ¡Canto non deixaría inédito nesa cela dos Peares! E tamén, ¡tamén!, nese museo, privado, dos irmáns Rielo, en Arcos de Frades. ¿Nos Arcos dos Frades? Iso era antes, que de aquí en diante mellor se nos acaerá actualiza-la súa amada toponimia: ¡Arcos dos Curas Rielo!
Agora que me decato: ¡Igual lle dá a alguén por propoñer a súa canonización, e daquela, meu pobre, moído vai, que declaralo Santo sería un roubo, unha redución! Santo, si, ho, pero máis cá iso, moitísimo máis, pois a santo chega calquera, pois o fol das grazas santificantes seica é infinito! É máis difícil ser un home cabal, cabal e sinxelo, humilde e culto, honrado, con criterio..., ¡e pasar desapercibido! Nalgúns puntos da terra danse os diamantes, ¡pero en bruto! Un home vitorioso de si mesmo, pulcro e puído, todo pulchre, bene recte, cos pes na terra e a cabeza no Ceo, ¡non hai xema máis rara!
En definitiva, que deixa un gran baleiro, polo moito que abarcaba, pero está ben aló, pois tal e como andan os mundos, moitas xefaturas debe haber vacantes, ¡que moitos anxos se precisan para levarnos da man, para facernos a garda! Nicanor, Sit tibi terram levis; a do esquecemento terreal, quero dicir, que no Ceo xa estás, cousa, circunstancia, da que nos congratulamos, pois o resto..., ¡o resto, fume de carozo!
Xosé María Gómez Vilabella
-.-
Algunha das obras de Nicanor
Ademais de artigos periodísticos, e
outros en revistas relixiosas:
El libro lucense
Escolma de Carballedo
Dende o meu lar
A romaxe do Faro
e
En
Arcos de Frades (Pol)
-.-
Homenaxe a Nicanor Rielo Carballo
viernes, 07 de junio de 2013
Intervención de Xulio Xiz (con aportacións de Xosé Manuel Carballo) na
homenaxe rendida en Castro de Carballedo a Nicanor Rielo Carballo o vintecinco
de maio de 2013.
Un sabio chamado Nicanor
Eu veño falar dun sabio chamado Nicanor sen máis autoridade que a admiración pola súa figura, pola súa persoa, agradecendo á Asociación de amigos do románico da comarca de Chantada a súa invitación para estar hoxe aquí. Quen verdadeiramente tiña que estar aquí hoxe, como case en todo lugar, era Xosé Manuel Carballo, intelectual como Nicanor, crego como Nicanor, fondamente galego como Nicanor.
Un sabio chamado Nicanor
Eu veño falar dun sabio chamado Nicanor sen máis autoridade que a admiración pola súa figura, pola súa persoa, agradecendo á Asociación de amigos do románico da comarca de Chantada a súa invitación para estar hoxe aquí. Quen verdadeiramente tiña que estar aquí hoxe, como case en todo lugar, era Xosé Manuel Carballo, intelectual como Nicanor, crego como Nicanor, fondamente galego como Nicanor.
…
-.-
Outra homenaxe
rendéuselle en Mosteiro, na Casa do Concello de Pol, na que se presento un
libro que lle dedicamos con aportacións de varios autores.
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario