miércoles, 20 de enero de 2010

A RECUPERACIÓN DA TESTOSTERONA



TEATRO PARA AFECCIONADOS


A RECUPERACIÓN DA TESTOSTERONA

Xosé María Gómez Vilabella
-.-


A Recuperación da Testosterona





VAIVÉNS DA HISTORIA: ISTO PASARÁ NO SÉCULO XXII

ACTO PRIMEIRO

Escena I

O patio dun cárcere, dun penal. Varios homes de diferentes idades; todos de saias, preferiblemente con cadros escoceses, e coa camiseta raiada, de presidiario. Sentados no propio chan os que non caiban nos bancos do fondo; encrequenados. Comentan entre si, murchos pero excitados, nerviosos, coa natural rabecha propia das súas circunstancias, por outra parte, ben visibles.

Ataúlfo, que se lle nota que é o lobo, o mandón, o caporal do grupo. (Ataúlfo = Adolfo. Athal ´nobre´, wulf ´lobo´; -lobo nobre-:
-¡Rapaces, que tempos aqueles! ¿Lembrádesvos? ¡Quen nolo ía dicir! Contaba meu avó que el tiña, e manexaba, tódalas chaves, todas, de quitado a da hucha e maila da despensa, que esas controlábaas miña avoa, pero, ¿do demais? Do demais, todo el: a da casa, a do hórreo, a do pozo, a da palleira..., ¡e incluso as da igrexa, que para algo era sancristán, en Castroverde! ¡Que humillación vernos así! ¡Quen nos ía dicir que chegaríamos a estar dominados, explotados, encarcerados, polas propias mulleres! ¡Isto si que é violencia de xénero, e non aquela nosa, a anterior, pero estívonos ben, por facerlles unha Lei á súa medida!

Os colegas seguen como ausentes, abúlicos, abstraídos nos seus pensamentos, na súa propia melancolía, e nin caso lle fan. En vista diso, Ataúlfo levántase e diríxese aos máis próximos:
-¿A ver, que; estades adurmiñados, ou parecedes? ¿Quen de vosoutros se lembra de como eran as cousas, daquela, antes, antes desta revolución, da Feminina, á que moitos chaman Revolución da Proxesterona?

Narciso, un ídem, un guapo, outro matón, que aspira a se-lo segundo deste grupo de presidiarios. Ten debuxadas, que non tatuadas, nos brazos, dúas femias, en coiro, unha en cada brazo, como adorando nelas, sometido a elas:

-¡Cómame nunca Tal, eu si, que levo dez anos de trena..., e total, por facerlle as beiras a unha alegre desas, de mal nome María dos Quintos, que despois de pagarlle, vai e denúnciame, por violación nada menos, alegando que a desvirguei..., daquela, volvendo da feira! De penitencia, a maiores, xa vedes, estas tatuaxes idolátricas...

Ataúlfo:
-¿María dos Quintos...? ¿Non sería unha que os estreaba, e de paso afrouxáballes a carteira..., para que non llela arroubasen no cuartel?

Narciso:
-¡A mesma! Esa muller, desde que as tetas se lle volveron correas, e á falta de quintos, casou cun Xeneral retirado, ¡digo, que a retirou! E cando aquel da faixa se foi á súa trincheira, quero dicir, á súa cova, á definitiva, ela deu en facer favores, ¡cobrados!, a tódolos insatisfeitos desta bisbarra, empezando por min!

Agora intervén un que é, ou se dá, de Avogado, de nome Xusto; leva pendentes de arame nas orellas, e tamén no nariz:
-O teu caso, Narciso, ¡se chego a defenderte eu...! Daquela houbo aleivosía, en efecto, pero foino por parte desa furcia que dis, que se che tirou á petrina sen piedade…, para que repetises, para cobrar dobre!

Ataúlfo, que volve a intervir:
-Certo é que, daquela, naqueles tempos, naquela crise, fraqueamos, todos, quen máis quen menos, e démoslles ás nosas mulleres unha vitoria doada, que nos levaron á cadea, a tódolos homes deste país, dándose testemuños, elas, recíprocos e falsos. ¡Todo un pobo, un por un, en cuestión de meses...! Pero a causa prima, prístina, estivo naquela mora, aquela Aisa, aquela que inventou os aditivos da proxesterona…, para que tódalas criaturas de Marrocos fosen mulleres, librándose daquel machismo esaxerado que tiñamos, e practicabamos, os homes!

Outro, que aínda non falara, ao que chamaban, e érao, Químico, pero o seu nome de pías é Lucas. Este leva unha melena feminina, rizada coa permanente, que lle chega á cintura:
-Estívonos ben, colegas, ¡por brutos!, que Brutus era aquel sobriño do César, o daquela conspiración, un dos que o mataron, ¡que así lle foi...! Se non houbésemos sido tan brutos, tanto os mouros coma nós, Aisa non se houbese parado en preparar unha adulteración da pílula anticonceptiva, esta que xera mulleres en vez de evitalas!

Alberte, un presidiario que se ten por ilustre, e que estivera moi atento, métese na conversa para facer unha análise da situación. Este leva unhas cellas postizas, grandísimas, e os beizos pintados de carmín:
-Esta cousa, aquela rebeldía das mozas, xa sabedes que empezou por aqueles catro animais que deron en maltrata-las súas mulleres ao perder, ao compartir con elas, os seus calzóns, e cos calzóns, a supremacía, que esa é a razón de que así, pouco a pouco, fixéronse co mando, en tódolos campos, arrebatándonos os calzóns, e cos calzóns, o mando, deixándonos, en pago, as súas saias, en exclusiva! Pola miña parte estou co Químico en que esa Aisa non caía na conta de fabricar un mundo de amazonas se non estivese farta de tanto machismo…, global, universal!

Xan, un home de poucas palabras, que pon cara de amargado. Leva un colar, meirande que aqueles de perlas que usaba dona Carmen:
-A máis sádica foi a miña, que me quixo envelenar, e agora aí a tedes, ela, de Oficial de Prisións, nada menos; e eu, feito un eunuco!

Narciso:
-A túa defensa débeslla ao Lucas, que lle hidratou aquel arsénico que che estaba preparando para rematar contigo, para acabar co seu dominante! Foi un mérito, si señor; nisto si, que outro tanto non fixo este Picapreitos, ¡este Xusto tan inxusto, que maldito un recurso nos vai gañar!

Xusto, o Avogado:
-¿E como...? Na Audiencia, mulleres; no Supremo, debaixo das togas, sorrisos verticais, ¡sempre verticais! Á Presidenta do Goberno dinlle Matilde. E á Vice, Alegría. O Defensor do Pobo é unha Defensora. No Banco de España manda unha tal Conchita Dourado... E para que nada faltase, en Madrid, esa Rexenta que nos puxeron, tamén elas, saltándose a Lei Sálica, chámase María Cristina!

Ponse a cantaruxar:
¡Que si, que no, que María Cristina nos quiere gobernar..., y para putear, al Mariscal Topete le dieron por el ojete con el acero de su propio sablete! ¡Tarariii...!

De asustados, estes homazos persígnanse, todos, todos á vez, desexosos de esconxura-lo inimigo malo. Despois diso fala Ataúlfo:
-¿Oes, ti, Avogado das silveiras, digo eu que poderías apelar ao Papa, tal que mandándolle un e-mail, un correo electrónico..., tal que se entras no despacho da Directora, nun descoido seu?

Xusto:

-¡Tu si que estás papado! Compréndoo, ¡co tempo que levas aquí, e sen radio, así, incomunicados...! O último Papa morreu estando nós neste penal; e desde aquela van tres Papisas, ¡tres, que se din representantes da sogra de Pedro, e como as elixen de vellas, resécanselles os miolos!

Narciso:
-¿De verdade? ¡Pois…, o que nos faltaba! Entón só vexo dous camiños, dous: Ou que este lobo, este Ataúlfo, nos organice unha sublevación, e que sexa efectiva, pechando nunha cela á nosa Directora; ou...

Xusto, o Avogado:
-¡Veña, vaidoso, atrévete, que ti xa non es un neno!

Narciso:
-¡Que o digas! Con iso das pílulas selectivas..., o dito, que agora as nosas mulleres só conciben femias, e para iso, programadas, que calquera día deixan de sacarnos para fóra, semanalmente, para iso do seu vis-à-vis, que logo van dar na aberración de clona-las Xefas, e daquela os abázcaros, os machos, sobramos, ¡que non nos van precisar, nin sequera para iso, para unha consolación!

Xusto:
-¿Que, Narciso, atréveste, ou non? ¡Á sublevación, digo e repito! ¡Coas parolas, coa verba, nunca as venceremos! ¿Vencer a unha muller destas de calzón, destas do século XXI, só con dialéctica? ¡Iso, na vida!

Narciso:
-¡Para dicilo, atrévome; mais, para facelo, non! Aquí o Lucas, este Químico, xa que tanto sabe, podía facer outro invento, tal que outra pílula, outra, ou falsearlles as que están tomando, que as puxese, a todas, vellas e mozas, en estado de boa esperanza…, pero esta vez de machos! Deste xeito veríanse obrigadas a liberarnos deste presidio, destes Campos de Concentración, ¡sequera fose para que lles fagamos o caldo, e lles paseemos os nenos! ¡Unha de dúas!

O matón, Ataúlfo:
-¡Pois eu prefiro apelar á sublevación, por cruenta que sexa, que un home é un home, e xa que perdemos aquela Revolución, aquela do XXI, hai que darlles un escarmento, que xa me tarda! ¡Temos que volver a cabalgar, así ladren ou rinchen; tirarnos do armario cando nos pete, e do xeito que nos pete!

Xusto:
-A ver, Lucas, a ver se te pos a facer esa beberaxe, e faina con xeito, para que de aquí en diante conciban nenos, só nenos; quero dicir, todos varóns, ¡para terzar a carga destas amazonas!

Lucas:
-¡Outro que tal fala! ¡Ti es unha Rita, un avogado dos imposibles! Nese suposto, eu tería que inventar esa pílula, e con ela ir á Sanidade, que é precisamente onde traballa, agora, esa María dos Quintos...; e trampearlles a máquina para meterlles pílulas novas, modificadas, nos envases das outras, desas que toman actualmente, mais, para iso, eu tería que ser un Mago facendo milagres! Tamén está a cousa dos ingredientes...

Quédase matinando, co petelo na man, coma un sabio:
-¡Claro que se pode facer, coido que si! ¡A nova pílula sería efectiva a base de testosterona refinada…, ¡que diso temos, e podemos dar, todos, todos nós, ben concentrada por certo á forza de tanta abstinencia como padecemos! ¡Rapaces, eureka!


 Escena II

Entra no patio a Directora do Penal, escoltada por dúas Gardas, todas elas marimachos, musculosas, agresivas, brandindo cadansúa porra.

Unha das Gardas:
-¡Veña, abellóns, abázcaros, túzaros, poñédevos en pé, que vos vai falar a nosa Directora, dona Aurelia!

Os presos están remisos, pero acaban obedecendo, tesos e respectuosos, coma soldados ben adestrados.

Directora, que fala con enerxía, dura, imperativa, afeita que está a mandar:
-¡Rapaces, aquí, neste patio, de tanto folgar ides dexenerando; estades feitos uns torpes...! Vou ter que mandarvos ás louseiras de Montecubeiro, a traballos forzados..., ¡so pena de reducirvos o condume!

Xusto, erixíndose en portavoz de todos eles:
-Dona Queloutra, ou como diaños se chame...

Directora:
-Para vosoutros, peladores de patacas, eu son dona Aurelia!

Xusto:
-Iso de dona Aurelia é demasiado para unha simple, pois é simplemente Xefa de Prisións, pero, dada a nosa situación, ¡vale! Só lle quero dicir que iso, iso dos traballos penosos, forzados, cos que nos ameaza, está prohibido..., ¡pola Convención de Xenebra, nada menos! ¡Apelaremos ao Tribunal de La Haya!

Directora, dirixíndose á Garda que fai de Cabo:
-Anótame este pelón pelado..., xa que se ten por defensor das causas nobres! O que necesita este home é unha purga..., ¡con rícino! E xa non lle demos unhas fregas con ortigas, empezando pola súa entreperna..., ¡pero iso terá que ser quitándolle as bragas, despois dunha ducha fría..., para que lle faga efecto!

Ataúlfo:
-Directora, vostede ten a sorte de cara grazas aos tempos que corren, pois noutros, noutros tempos, tal que no XX, en vez da súa violencia, da súa violación, ía te-la nosa!

Directora, ignorando aquelas bravatas do Ataúlfo:
-O obxecto principal desta visita, desta inspección, é para dicirvos que estamos autorizando ás vosas mulleres para sacarvos de paseo, ¡dous días, seguidos! ¡Iso si, con correas e bocal..., para amansarvos..., algo máis, máis aínda!

Ataúlfo:
-¿Dous días seguidos, dous días de liberdade? ¡Vaime parece unha lúa de mel!

Directora:
-Terá que ser con tódalas medidas de seguridade, responsabilizándose as vosas consortes, ¡baixo fianza!

Narciso:
-¡Pois eu, non; eu non quero saír! ¿Para que me fagan bailar cun oso, coma o ano pasado? ¡Para iso, quedo; aquí mesmo, así sexa aferrollado!

Directora:
-¡Xa, xa; feo coma un oso...! ¿Que máis quixeras que parecerte a un oso; ti, que es medio home, que ben me dixo a túa dona que a partir do terceiro, e para iso, semanal..., ¡nin escorras!

Ataúlfo:
-Rapaces, ¿que vos dixen...? ¡Tempos aqueles...!

Directora:
-Niso tes razón, que é no único en que a tés. Desde logo, para vosoutros aqueles tempos..., ¡ía dicir, gloriosos, pero é máis certo chamarlles ignominiosos, do machismo, son irrecuperables! ¡Eses non volverán pois agora que non temos rivalidades e non loitamos por un macho, agora que nos sobrades, todos, a eito, estamos, e estaremos, tan unidas, que o noso triunfo será definitivo!

Xan, que seguira calado:
-Vostede, señora Directora, esquécese de que este mundo, sen parir machos, pouco lles vai durar…

Directora:
-¡Mira o caladiño…! Rapaz, cando nos apeteza unha contrarrevolución, daquela, con deixar de tomar as nosas pílulas, volveremos a xerar nenos…, pero, domesticados, amansados por nosoutras, desde a caneta, pois o mundo do machismo está periclitado, grazas a Deus, e tamén grazas a esa mora, a esa Aisa que Alá bendiga!

Lucas, o Químico, garatuxeiro, persuasivo:
-Dona Aurelia, estimada Directora, estiven matinando, mentres a escoitaba con atención, que máis útil que nesas louseiras ás que se referiu, eu podería selo no seu laboratorio, xa que tanto lles baixaron os índices industriais desde que mandan vostedes, o sexo débil, ¡é un dicir!, tal que facendo cultivos asimilables de hormonas vexetais; entre outras aplicacións, para que medren os seus carballos..., ¡á falta doutros!

Ao ver que a Directora se ía sen contestarlle, indicio de que lle aceptaba a súa proposta, Lucas volveuse cara ao Xan:
-Xanciño, prepara a túa testosterona, afórraa, non a malgastes coa túa muller, que a vou precisar no laboratorio para facer esa falsificación...! A Directora, ¿sabes?, evidentemente non é tan lista como se fai, pois picou, e con iso dáme unha oportunidade para manipular nos laboratorios deste país…

Xan:
-Agora enténdoo: Ela é consciente de que sen carballos non hai landras, e sen landras incluso os porcos de pata negra cébanse touciñosos e fofos.

Volve a Directora, e fala moi agarimosa:
-Querido Lucas, estiven matinando na túa proposta, e coido que non é mala idea iso de rexenerar os carballos e mailos castiñeiros, que certamente témolos infectados da tiña…, á condición de que logres unhas árbores froiteiras, pois madeira temos abonda, ¡por moita que utilicemos no voso lombo! Mais, para iso que propós, precisarás axuda, ¿ou non?

Lucas, que se lle mostra submiso e afectuoso:
-Dona Aurelia, aquí hai dous estudantes, dous chapóns, que cursaron Bioloxía daquela, daquela cando mandabamos os homes, no XXI... Estanlle tan débiles que por aló, nesas louseiras, non lle van arrincar lousa, ¡como non sexa un pizarriño dun furco...!, e xa que se dá de práctica, déixeme formar ese equipo, con eles. Pero, se non me cre, daquela consulte coa Economista do Penal, ¡con esa que nos administra a dieta!

Directora:
-Aceptado; con tal de que ese produto entre en fase industrial antes de..., ¡antes do próximo inverno, antes de nove meses! Agora pasade ao comedor, que xa dispuxen a vosa dieta, ben ecolóxica e ben ampla por certo: ¡nabos con leitugas e leitugas con nabos! ¡Unha delicia!

Vanse correndo, todos, que lle pasan por diante á propia Directora, ¡de esfameados que están!
Baixa-lo pano.


ACTO SEGUNDO

Escena I

O mesmo patio do penal, e os presos no mesmo plan, con nugalla. Álzase o pano. Paséanse con parsimonia, sen Gardas nas portas, que llelas deixaron pechadas. Óese ao Ataúlfo:
-Xa que se foi esa Directora... Á volta desta vis-à-vis verase quen de nós foi o máis macho, o que deu máis testosterona... E xa que temos dous días, eu conto con dedicarme á miña, ¡dia por noite!, a ver se a estimulo para que me levante esa querela falsa, esa dos supostos malos tratos polos que chamou ao 016, e me meteron no cárcere...

Narciso:
-Vou tentar roe-la miña cabezada..., ¡que así fuxo, e mal será que non dea coa María dos Quintos, a ver se agora me protexe, a ver se protexe o seu pan, aínda que me teña pechado, escondido, tal que no faio da casa!

Lucas:
-¡Sorte a vosa, que eu, aquí, cos biólogos, quedarei traballando, que non trebellando, neste laboratorio! O malo é que, se vos pasades nas entregas, nesa vis-à-vis, á volta non me daredes, entre todos, nin un centímetro cúbico da vosa testosterona que tanto a precisamos, ¡por escorridos! ¿De verdade queredes que fabrique esa pílula, esa pílula da nosa liberdade, da definitiva? ¡Daquela, escollede: aforrar, ou gastar!

Quédanse quietos, parados, pensativos, e toma a palabra Xusto, arengándolles aos demais:
-¡Este facultativo ten razón! ¡Temos que declararnos en folga sexual, pero todos, o que se di en folga fálica! Aínda que vos zurren, día por noite, vosoutros, ¡nin gota, reserva absoluta!

Fan acenos de asentimento, todos, sen excepción. Xusto:
-¿Que, Lucas; satisfeito?

O aludido asente, que si, e nese intre empezan a entrar as súas mulleres con cadansúa verza, que llela amosan, tal que se fai coas bestas para aquietalas, para que se poñan a comer nas verzas, deixándose anesgar, cinchar e arramalar.


Escena II

A muller do Ataúlfo, que será a máis corpulenta, de nome, Gala:
-¿Que, vánseche quitando eses fumes, agora que che demostrei que ademais de coser, sei manexar o noso tractor, ¡eu soíña!, e amansa-los nosos cabalos, ¡eu soíña!, e anesgar os homes, dentro e fóra do ring, do cuadrilátero? ¡E para iso, eu soíña!

Ataúlfo, polo suave, facendo un esforzo por mostrarse submiso:
-Muller, se cho admito, ¿desta vez deixarasme lavar os teus pratos...? ¡É para lamber algo dos teus guisos, pois aquí, con isto do ecoloxismo puro, social..., xa ves!

Gala:
-¡Diso falaremos na casa..., e terá que ser segundo te portes na cama, na miña!

A do Narciso, Rosa de nome:
-¿Narciso, marica, ve-lo lobo, velo Ataúlfo? ¡Mira como claudica, e mais presume de pedigree! A ver se aprendes deste veciño, que así me dicías, ti, daquela, ¡só que en feminino! Querías que traballase para ti, que te mantivese de balde, pola túa cara bonita... Pois desta vez, se queres perrusalda terás que facer a ensalada, ti, ti só; ¡e lavarme as bragas, pois, contando contigo, dinlle permiso de sabadete á miña mandadeira! ¿Estamos?

Narciso non contesta, pero dobra a bisagra en sinal de acatamento, ata case bica-lo chan. Nisto a muller do Avogado vaino sacando por diante deles, tirando do seu ramal, pero Xusto trata de recuar:
-¡Aquí o tedes, que con iso de poñerse aquela toga quería competir comigo, que son a Xuíza; e forzar as miñas Sentenzas, a pesares de que me chamo Clemencia!

Narciso:
-Perdón, señor, digo, señora; perdón de todo corazón, que xa sei que pequei...!

Clemencia:
-Desta vou aproveitar para que o meu Xusto varra os estrados do Xulgado, ¡que de tan estrados, xa nacen fungos, por tódolos curros! ¡É o que ten xulgar homes, que se espapallan diante da Miña Señoría, e con iso vanse dos ouriños...!

A portavoz das mulleres daqueles que van pasar o fin da semana traballando, ¡ou máis ben conspirando!, no laboratorio do Penal:
-Directora, nosoutras protestamos, enerxicamente, e pedímoslle ese Libro das Reclamacións, que estes tres maricas, os nosos, nosos cónxuxes, se se plantan así, en folga de celo, é que o fan por onanismo, negándonos o dereito conxugal...

Directora:
-¿Reclamacións? ¿De quen, e por que...?


A Portavoz:
-¡Porque isto vai en contra da nosa Constitución, da Feminina, que nos dá dereito a usa-los machos, a tiralos, cando menos, unha vez á semana!

Directora:
-Iso que pedides vulnera o Regulamento das Prisións Estatais, que non se lles pode pedir aos homes que folguen tendo ganas de traballar. Se queredes que trebellen no voso particular trebello, miñas colegas, daquela tedes que pedir o seu arresto domiciliario, ¡depositando a fianza correspondente!

A Portavoz:
-¿E non será máis certo que alguén lles estea pasando bonecas inchables..., e por iso refusan as de carne, as peludas? ¡Esiximos un rexistro carcerario, inmediato, ou..., apelaremos á Raíña Rexente!

Directora:
-Queridas colegas, vosoutras ide preparando esas fianzas, arrexuntando os cartos, que non vos hai outro procedemento, pero tamén é condictio sine qua non comprobar os vosos domicilios para asegurarnos de que tedes grillóns nas casas, e cepos, e portas, e ventás de seguridade..., ¡contra os maridos insubmisos!

Portavoz:
-¿É que non lle parecemos de fiar? ¡Decátese de que somos mulleres, xente da roca!

Directora:
-¡Non, non é por aí; trátase de que non vaia se-lo diaño que teñamos que lamentar violacións periféricas, no propio barrio...!

A Portavoz:
-Eses trámites que nos propós, ¿arranxaranse de aquí ao Nadal, antes dos nevaríos?

Directora:
-¡Coido que si, que influirei no que poda...! E agora ide en paz, tranquilas, que polo si ou polo non, antes de pasa-los tíos ao laboratorio heinos meter na ducha fría, por debaixo do cero, para conxelarlles as gónadas..., ¡que as van ter así de aquí ao Nadal, e daquela, vosoutras, con tal de quentalos ao baño María...!

Despídense da Directora, tódalas mulleres, unha por unha, sen deixar de arramalar nos seus homes. De últimos vanse os tres do laboratorio, escoltados polas dúas Gardas e pola propia Directora.

Co patio xa baleiro, cae o pano.







ACTO TERCEIRO,
que vén a ser o Epílogo

Escena única

AUDIENCIA PÚBLICA. Un letreiro ao fondo da Sala así o indica. Preside Xusto, ¡que agora é Xuíz! As mulleres de antes, incluída a Directora, todas elas en bancos corridos, sen respaldo, que se supón son os das acusadas.

Xusto:
-Debo proclamar, e proclamo, que aquí, aquí e agora, neste Tribunal, que xa é da Nova Constitución, da Unisex, xulgaremos con equidade, ¡sen asomo de vendeta, nin cousa que se lle pareza!

Gala, a muller de Ataúlfo:
-Para que haxa equidade, ten que haber igualdade de oportunidades; aquí formouse un Tribunal de resentidos, de homes aldraxados, que neste plan está o meu Ataúlfo, que por algo ten nome de lobo: ¡aquí o tedes, de Fiscal do Rei, dese Rei que volveu do seu desterro, precisamente para casar con María Cristina, coa Rexente...!

Prodúcese un certo balbordo. Fala Xusto:
-¡Orde, orde na Sala, que do contrario fago despexar, e daquela xulgaremos ás nosas mulleres en ausencia súa, tal e como fixeron elas connosco, daquela da súa Revolución...., sen darnos defensa, nin ganas dela! Señor Fiscal, xa que de alusións vai, pode intervir vostede, pois o atestado destas responsabilidades atestado está, que xa se dá por sabido, ¡por sabido e por lido!

Ataúlfo, levantándose:
-Daquela, ¡coa venia! Sabido que os nosos abusos, os dos varóns, naquela crise da nosa civilización, a de finais do XX, principios do XXI, de tan nerviosos que nos puxemos coa ascensión da muller, tanto no mundo intelectual coma, seguidamente, no laboral, carreounos aquela Revolución Feminina de tan infaustas consecuencias para a convivencia pacífica, íntima e complementaria, que nos levou aos homes ao cárcere...

Rumores na Sala. O Fiscal conclúe:
-¡Si, a nós, ao sexo débil, ao sexo que volvemos ser, grazas a Deus!

Rosa, a do Narciso, que fai de Defensora:
-¡Grazas, grazas señor Fiscal..., que ata debe ser a primeira vez que unha Defensora lle dá unha aperta ao Fiscal! Pero indo ao miolo da cuestión: ¡Que recoñezades os vosos erros, aqueles abusos..., moito mérito ten, e pido un aplauso das miñas defendidas para estes homes valetudinarios, ¡que o son porque o verdadeiro valor está en recoñece-los feitos, en asumilos!

Ataúlfo:
-¡A ver, Narciso, que fas que non lle tapas esa boca á túa muller, que volve aos seus melindres, aos encantos femininos! ¡Imos volver a caer na súa trapela, na dos seus afagos!



Narciso, presumido pero tímido:
-¡Non, non podo, que non sería xusto, pois cada quen ten dereito a defenderse coas armas que ten..., e elas teñen esta, a do seu sorriso! Mira, ho, falando de mulleres, aí abaixo, no público, estou vendo á María dos Quintos..., que se non fose por ela, polo seu arrepentimento, que desde o seu posto de Controladora do Laboratorio deu aquel cambio das pílulas..., empaquetando as novas, as nosas, esas do novo invento de Lucas, as da testosterona..., nunca volveríamos a ser homes, a leva-los calzóns!

Lucas, o Químico:
-Ben certo é, e agradecidos que lle estamos, ou debemos estar, todos nós, pois agora puxémolas a parir, que ben as vedes, todas, novas e vellas, no seu estado da boa esperanza..., ¡causa remota, definitiva, da nosa liberación!

Ataúlfo, que segue sendo un bruto, ou máis ben aparentándoo:
-Pouco mérito ten iso de liberarnos..., ¡que foi para saír do Penal entrando seguidamente na cociña de cada quen, a fregar!

Asubiada xeral, tanto delas como deles.

Xusto, que agora é Xuíz:
-¡Orde, orde! Pactamos, daquela que fixemos as nosas paces, un clima de igualdade e de fraternidade, sen distinción de sexos, así que, abreviemos, que elas teñen que parir, ¡que é o seu!, e nosoutros, asemade, soster as nosas casas, ¡coa suor dos homes! A elas, ¡miñas pobres!, co traballo córreselles a maquillaxe, e con iso póñense feas..., ¡cousa que non queremos, ninguén! ¿Verdade que non?

Ataúlfo:
-Xa que o Xuíz non consinte o noso desquite, ¿que fago eu, aquí, que falta fai un Fiscal?

Levántase a que foi Directora do Penal:
-Eu teño moito de que ser perdoada, así que vos pido desculpas, no meu propio nome pero tamén no de tódalas mulleres deste país.

Xuíz:
-Daquela, xa que hai propósito da emenda, colectivo, por ámbalas partes, ¡nin mulleres zunadas nin homes brutáns!, este Xuízo non ten razón de ser, así que, en vista diso, dou este preito por sobresido. ¡Dixen! ¿Algunha alegación, sexa baril ou feminina?

Unha daquelas Gardas, a que estivera calada nas escenas anteriores:
-Pois eu entrego, aquí e agora, a miña porra, ¡porras!, pois para porra, coa do meu home chega e sobra....

A outra Garda:
-Aquí está a miña, e se en algo abusei, ensínovos as miñas nádegas..., -fai que levanta as saias, -¡para que mas devolvades!

Os homes levántanse e fanlles a venia ás mulleres. Un deles:
-As cachas dunha muller non están para ser azoutadas, senón para sentalas nos nosos xeonllos, ou polo menos nun coxín de seda, de Damasco! E como vexo que hai unanimidade nisto, en todo o que expreso, propoño manda-lo Porteiro desta Audiencia a por flores para estas señoras, pero tamén a por coxíns de seda para as nosas femias, tan boíñas que son…, quero dicir, que se fixeron..., ¡agora, desde que recoñeceron o noso rol, o rol dominante!

Gala:
-Rapaces, xa que gañamos este Xuízo, polo visto a partes iguais, quere dicirse, en táboas, propoño que nos disfracemos, todos, ¡de boas persoas!, e con iso darémoslle alegría á vida, que total son catro días, e compre gozala; ¡a poder ser, en paz e con boa compaña!

Ataúlfo:
-Muller, queres dicir, comigo, co teu home de par túa, sempre xuntos, un de par do outro, sempre a partes iguais, en todo?

Gala:

-Iso quero dicir, exactamente iso, e xa que volvemos a ter paz, propoño que se biquen as parellas, así sexa en público, comezando por min, ¡que onde hai bicos, o divorcio malógrase! ¿Si, ou non si, lobiño de Xaneiro?

Moita algarada, moita felicidade, apertas e todo iso. O pano vai caendo, amodo, amodo, mentres se oen os sons cálidos, excitantes, dunha marcha nupcial, ¡de tornavodas!

Xosé María Gómez Vilabella
-.-

O Autor non terá inconveniente en permitir que se represente calquera destas obras sempre e cando se faga co seu consentimento previo, del ou dos seus herdeiros, e, por suposto, con un mínimo de dignidade escénica. Se para entón estou reunido con San Pedro, que ninguén me interrompa; nese caso, falen cos meus herdeiros, que de seguro respectarán estas instrucións.





Xosé María Gómez Vilabella


No hay comentarios: