DE PURA CERNA
Xosé María Gómez Vilabella
Baía de
La Habana
Do Pradairo ao Vedado
Auga salgada
na bocana do seu porto: ¡Dúas: sal mariña e sal das bágoas,
que primeiro foron as dos escravos negros, e a continuación as dos nosos galegos!
-.-
Dedicatoria:
Á miña filla María da Estrela, que algo tivo que ver coa nosa emigración xa que
foi xerada en África, para nacer, ao retorno da mesma, en Lugo.
Xosé María
-.-
¡Quen canta
e baila, os seus males espanta!,
que iso dicimos, e facemos,
os de Montecubeiro.
Singraduras:
Da muiñeira
á rumba, e da rumba ao chotis.
Música e bágoas.
¡Menos mal que Herminia tiña moita cerna e pouca albura,
tal que os pradairos da súa serra da
Ferradura!
-.-
Esquema deste relato:
Tese. Trátase de formular, utilizando a biografía da nosa Herminia, un canto, unha loa, sobradamente merecida, á muller emigrante, particularmente transatlántica. Secretos inconfesables, carencias, morriña... Por ende, dela/delas, non se pode facer unha literatura que non sexa cordial, forte e doente, porque, doutro xeito, resultaría falsa e anacrónica, fóra de contexto con respecto á mentalidade e ás vivencias daquelas infelices naquelas negruras dos séculos XIX/XX.
Fitos de referencia. Estamos nunha perspectiva consolidada, pousada, asentada, que deriva daquela Guerra (1895 / 1898), de:
Separación, con respecto a España; ou de
Unión, de adopción, con respecto ao Tío Sam.
Tempus. Como núcleo, esta acción, esta reflexión, situámola, iníciase, no primeiro terzo do século XX. ¡Onte, onte mesmo!
Estrutura. Predominan os diálogos reflexivos, acaso en prexuízo da fluidez narrativa, pero isto obedece a unha construción inevitable, de resalte, de contraste de contidos, que neste caso ten que ser, en honor á verdade, á realidade, fondamente humana, coloquial, introspectiva e intimista.
Xustificación. Con respecto á nosa emigración, en particular á transoceánica, pásanos o mesmo que coa lúa: A parte de acó, a visible, de tan inmediata que é, que foi, pode ser monótona, e por veces, insignificante. En verbas de Juán Soto, a emigración galega está saturada de rupturas de vínculos, con perda de referentes e de coñecemento directo. En definitiva, que todo, ou case todo, maiormente na parte de aló, foi escurantismo, pois nin eles contaban, nin os da casa lles preguntaban, ¡para canto máis os veciños, terceiras persoas!
Resultante. Precisamente nesas lagoas, neses piagos, puxen a navegar este bosquexo, con catro bits por remos. Simplemente catro pinceladas de aproximación. En esencia, un chisco de reparación histórica; ¡algo así! Por outra parte, o aporte das nosas migracións é inconmensurable; tanto, que nin cabe nos libros, ¡se acaso, no peito! Non obstante estas dificultades, en honor á nosa Herminia, á súa lembranza, que o ten merecido, ¡avante toda, paisanos, que nesta páxina saímos para América, de par súa, feitos unha sombra!
Campus. Tratándose da nosa emigración, as fontes principais hai que buscalas no rural, no interior. ¡Media ducia de fillos, ou máis, salvo que a moza casase de vella! Manaron, e mamaron, todos eles, dun rural carente de oportunidades; limitado, engurrado, e coas cavadas, coas decrúas, esgotadas; como pouco, desde o XIX. Un medio, un mundo, un país irritado e irritante; profundo, e ademais saturado de parasitos e de intermediarios, de conseguidores, vulgo caciques, dos que cumpría fuxir, salvo que foses un fidalgo! Nestas circunstancias era cousa de irse tras do sol, ao lonxe, canto máis mellor, que por aló adiante, nese Poñente, estaba, descubrira o propio Colón, aquela Cuba incógnita, unha Cuba de ouro..., ¡aparente! Suxestiva, magnética, romántica..., da que contaban e non paraban aqueles homes que foran á guerra, en particular aqueles milites, aqueles galegos, do famoso, ¡do calamitoso!, VII Batallón.
-.-
¡Terra na Habana....!
E para máis facilidades, sen aixada, sen sacho; só con tombar a cana: unha machetada, un corte limpo, e..., ¡zas! ¿Que máis se podía pedir naquelas angueiras habituais, crónicas, cotiáns, que o noso pan de cada día? ¡Pan limpo, fresco, sen balor! ¿Naqueles tempos, aquí, con aquelas fames endémicas, en constante depresión, con aquel desespero, que nin cartos había para redimi-los foros, para acadar un mínimo de independencia económica? ¿Aquel sometemento, en corpo e alma, ao rendeiro do lugar, de cada lugar, de todos os aseñorados, que eran os máis? E tamén, ¡tamén!, para dota-las mozas, e para paga-las cotas do servizo militar, en guerra constante con esa África tan témera e tan temida!
Como os galegos non pedimos, nin esiximos, que non vai co noso carácter, coa nosa idiosincrasia..., ¡daquela, emigramos!
...
esa triste, infeliz y lejana isla estará ahí después del último indio,
y después del último español,
y después del último americano,
y después del último de los cubanos,
sobreviviendo a todos los naufragios,
y eternamente barrida por la corriente del golfo:
blanca y verde, imperecedera y eterna.
Guillermo Cabrera Infante
Pasado o seu centenario, (Guerra de Cuba, 1895-1898), ¡Grito de Baire!, será digno e xusto facer unha evocación, metade historia / metade lenda, daqueles próceres de ámbolos dous países:
Por España lidaron, ¡e perderon!, Martínez Campos, Weyler, Vara del Rey, Ambrosio Feijóo, Eloy Gonzalo (aquel tío da lata, ese que fixo famoso o Rastro de Madrid, ¿ou foi á viceversa...?), enfrontados ao gran Martí, a Maceo, a Máximo Gómez..., que se non acadaron unha independencia plena porque pasaron de matamala a matapeor, polo menos si que o intentaron. Mais, o que é para este autor, afeccionado aos antiheroes, e acaso, tamén, para algún dos meus, posibles, lectores, heroicidades meritorias, caladiñas, privadas, son / foron aquelas do pobo raso; ¡aquelas, si!
Os sufrimentos, as valentías, dunha barafunda de cen mil paisanos, nosos, de onte mesmo, homes e mulleres, nenos aínda, amontoados / embarcados naquelas tolas náuticas, naqueles barquiños do fume, ¡todo fume, e menos mal que estaban afeitos ás lareiras e ás moreas dos propios terróns!, ameazando un naufraxio en cada milla, soprase de onde soprase, con lúa ou sen ela...
Listos e dispostos, eles, todos, para reencher aqueles ocos das explotacións caribeñas nos anos seguintes á..., ¿derrota, liberación, traspaso?, con tres ou catro semanas de horizonte verde-mar, durmindo nunha mestura tal que nin na corte das ovellas! Abrazados ao atado da súa muda...; ¡e para iso, non todos, que poucos a levaban! Algún, en zocos. Sen calzón interior, por suposto, e grazas que o Caribe é quente, e quenta á xente, de mil maneiras, ¡fomentando, de paso, a mestizaxe!
Todos de consuno, dispostos a loitar; ¡en contra do que fose, pero maiormente da fame! Listos para refugar o seu caldo de verzas, ¡e verzas houbese, que as tiñan que compartir cos seus veciños do cortello! Deixaron, cada un, cadanseu pote familiar pendurado das gramalleiras respectivas, ¡e dentro do pote, o último torresmo da tempada! Pero aló adiante, mar adiante, en Cuba, ¡terra había!, que tal lles dicían, a pesares de ser unha illa, un caimán durmido, un bolo de masa, estreito e longo.
Así, con esta bagaxe, botaron a andar, ou máis ben, a navegar, embarcados, estibados ao tun-tun, aqueles milleiros, ¡que nunca un mapa viran!, naquel éxodo, naquela esperanza atroz, cara á terra prometida. Uns, amparados, coa esperanza posta nun Aarón que os reclamaba desde a outra beira, pero os máis deles ían/fóronse da man do propio azar.
Quen encadra perfectamente, exactamente, neste cadro das nosas aventuras / desventuras tropicais foi unha señora da miña parroquia, das casarías de Vilar, da que moito se ten falado na miña infancia; ¡tanto, que non se me vai da retina, por moito que cambie de gafas! Unha muller única, dunha peza: ¡o que se di, sen sámago, cerna pura! Xa a coñecedes, por fóra, quero dicir, que a vistes aquí, nesta portada.
Nesta evocación pretendo conta-la súa historia co máximo rigor posible porque creo que o deixou merecido; e logo que ma sei ao detalle, por circunstancias que non veñen ao caso.
Por outra banda, tamén quixen facerlle caso ao crítico Joan Fuster naquilo seu de que, en toda narrativa que se prece, sobra a metade, pero, na práctica, de postos a relatar, resulta que, ou se contan as cousas coas tonalidades precisas ou se está calado, pois sen carga-los grises, sen descubrilos, non hai contrastes, non se forman imaxes.
Para grises, aqueles que pintou Castelao referíndose precisamente á emigración transoceánica; un Castelao que se non era bo pintor, bo debuxante e bo sociólogo si que o foi, que iso ninguén o dubida:
Vin o triunfo e maila derrota de moitos galegos,
pero endexamais ollei a súa felicidade.
-.-
Había..., ¡existe, hai, segue producindo, pero está descoñecida, incluso concentrada, ou reconcentrada, parcelada; séxase, desfigurada; máis que renovada, avellentada!, unha parroquia moi grande, moito, con máis superficie que algúns concellos; e importante, tamén, moito; aló arriba, no interior deste país; exactamente na provincia de Lugo. Tan montesía, tan..., ¡montaraz!, que derivou o seu topónimo da propia orografía: ¡Monte dos cubeiros! Tal que un camión de barricas de carballo ciscadas polas abas do Pradairo. ¡Monte Cubeiro! Bidueiros, freixos, carballos, castiñeiros, pradairos...; ¡máis ou menos, ao terzo, como nas partillas! E logo que ten, ¡tivo!, tantas ermidas como fontes; e cada fonte xerou un río, ¡dos grandes! Unha ducia deles, que por algo lles chistou aos eremitas; por iso se pousaron neste Couto aqueles frades... Sibaritas eles, tal que o deposto Frei Isolino, motivador dun incidente que deu lugar a que o Papa Inocencio IV, no ano 1249, deixase de lado a súa inocencia e mandase abrirlles aos nosos frades un expediente informativo...
Entón, ¿esta xente de Montecubeiro provén/vimos daqueles frades...? ¡Ben puidera ser, pois naquelas soidades ninguén discutía tal xurisdición, tales dereitos, prima noctis incluída!
Aqueles frades..., ¡a cal máis testán!, eran tan ferreños que, por dúas veces, asentaron o seu convento na cabeceira do Couto. Será que daquela xa existía iso do trasacordo... Un priorado, que esa foi a súa xerarquía, dedicado, de primeiras, ao San Martiño, aquel da capa compartida... E despois, anos, ou séculos, máis tarde, pasáronlle a garda, o padroado, ao glorioso San Cibrán, que tamén lle dicían, e din, Cibrao, ¡santo da boa mao! Suponse que foi para facerlle contrapeso ao Señor Santiago, aquel Matamouros... Disto contaban aqueles frades que o noso San Cibrán, sendo bispo de Cartago, enfrontouse a un tal Valeriano, e tamén a un tal Galieno, así que, o natural nestes casos: ¡decapitárono! Foi a mellor forma de facerse santo..., sendo mártir! Concretamente nunha praia, no ano 295, que iso din os eruditos. Os bérberes decapitárono, en efecto, que iso é histórico, pero aqueles frades do noso Monte Cubeiro upárono, definitivamente, a 800 metros por sobre do nivel do mar, ¡nunha peaña de cerna de carballo! Alí segue, que alí está, na igrexa parroquial, entronizado e sen couza que o decapite, ¡coa mitra atestada! Porta un báculo, tamén de carballo, por suposto, ben lixado, pois a estes do Monte non se lles escapa un detalle...; ¡os únicos que fuxían da parroquia, e algún deles para non volver a pisala, eran os emigrantes!
San Cibrán
En canto á función daquela granxa, ¡daquela granxería!, frades e
criados, consontes eles, recadaron, primeiro, para o mosteiro de Lourenzá, e
despois para o de Lugo, que era máis grande, residencia dos grandes, ¡e por
ende, máis comían, máis larpaban!
Con isto dito, falta o principal para o tema que nos ocupa, que nos preocupa: Que foi a primeira parroquia de todo Galicia que mandou un emigrante ás Indias. ¡Mal precedente! Digamos, para os incrédulos, que o Arquivo de Indias segue en Sevilla: Aquel intrépido, ¡ou esfameado, que tanto monta!, foi un tal Pedro Muñiz de Carvajal, que marchou ao Perú, traspasando Despeñaperros. Polo Wad-al-Quevir abaixo, ¡polo río grande! E despois, pola mar océana, ¡que todo lle era pouco! Embarcou, -que o rexistro está datado, indeleble-, no ano 1560, e fíxoo en calidade de criado dun tal Licenciado Briviesca de Muñatones.
Aquel rapaz, o tal Pedro, era fillo de Ana Muñiz, do mesmo Monte Cubeiro, que outro non hai, que o tivo bravo; enténdase, de solteira, antes de casar con un Carvajal. ¡Outro de carballo! Don Cristovo sería, ou non, galego, da vella Gallaecia, que ese nunca declarou o seu berce, a súa real procedencia; nin en Lisboa, nin en Palos, nin en Sevilla... ¡E tampouco en Granada, e iso que se trataba da Santa Fe! (¿Falaríalle á Raíña, poderíalle falar de cerca, por culpa daquela camisa, aqueles votos tan sucios da Sabela?) Polo que fai ao noso Pedro, aquel Pedro Muñiz de Carvajal, aquel si que era galaico, sen a menor dúbida, que se identificou sen complexos nin receos: ¡como que era do Monte, do noso, do propio Montecubeiro!
Ítem máis, máis efemérides deste lugar, algunha delas tan notable que sería pouco gravala en bronce: A última resistencia, a definitiva, heroica, dos nobres galegos contra as mesnadas, en contra das mesnadas, ou máis particularmente, en contra dos tributos daquel Rei impositor, abusivamente imposto, ¡inefable!, de mal nome don Silo das Asturias, aquí foi, aquí mesmo, neste Monte dos Cubeiros, que diso dá fe o Cronicón daquel Afonso III: Populos Galletiae contra se rebellantes in Monte Cuperio...
Tempo adiante, moito, case onte, na de 1936, esta parroquia foi declarada, oficialmente, Zona de Guerra! ¡Dramático honor, dramático error!
¿Quen nos fundou o cuarteliño de San Cibrao? ¡Nada menos que aquel personaxe, Excmo. Sr. D. José López de Haro del Rey, futuro General, ¡laureado!, da Garda Civil! Con abonos dobres para os gardas e para a Falange; quere dicirse, con abonos de campaña. (Falanxe, para os eruditos: ¡Un cacho-un-deo! Tódolos dedos teñen falanxe, falanxina e falanxeta, ¿non si? ¡Tres ósos! Por contra, aquilo das frechas, ¡cinco!, non era un cachondeo senón a man enteira: ¡unha metonimia!) Do que non hai constancia é de que fose tomado este Couto, esta parroquia. ¡Nin tomada, nin vencida; nin daquela, nin nunca! Iso, si, custou quince mortes, quince fusilados, no 37, entre homes e mulleres. Pero houbo una excepción, para confirma-la regra: ¡Aquelas heroicidades medulliensis, fuxindo dos romanos cara ao Monte das Lagoas, (hoxe Mons Ciro, do nome do conquistador), despois de que nos copasen o Azúmara, que é outro río, ademais de aurífero, montecubeirense por nacenza! Aqueles castrexos defendéronse con heroicidade: ¡con paus e pedras! Castro da Graña, ¡terras de pan levar! O de Maxide, onde dispoñían dunha grade de ouro para grada-los folgados. Castro de Sarceda, ou dos Manantíos, antemural dos castelos, ou dos valados, daquel mons tomado, cercado, trotado, por Ciro, por sobre da cinsa dos nosos entregos. Groba da Ínsua, onde lavaron o noso ouro aqueles fillos da Loba Capitolina..., ¡por se non estivese limpo dabondo!
Daqueles romanos, fóra das Vilas e dos Vilares, nesta parroquia pouca constancia hai, pouco quedou, que nin restos deixaron, salvo, se acaso, as minas férreas, entre elas as do Iladrán, así que os suevos, ¡que eran máis suaves!, deberon atopa-lo noso Couto baleiro, ou case, xa que nel fundaron unha parroquia, a do Santo Estevo, na Valga de igual nome. Ao terreo circundante, aos outeiros inmediatos, chamáronlles, con toponimia importada, pero explícita, ¡Bergland! Con isto sabido, ou mostrado, ¿pode considerarse, pode chamarse, irredenta, a parroquia actual? ¡Coido que non, que parecería excesivamente rotundo, e incluso pretensioso!
Tantas cousas pasaron neste Monte, neste monte e nos seus cubeiros, nas súas abas, nestes vales, que, se fósemos a contalas polo miúdo, ¡nin con tódalas súas árbores, tres leguas de bosque en cruz, para tirar o papel necesario, fose de ámboa ou de máquina! De momento coido que bastará con saber algo da nosa Herminia, ¡que é outra reminiscencia xermánica! Saíu de ermín, grande, poderoso; un semideus da mitoloxía nórdica, así que, lembrémola, presentémola, que ben o merece, e se houbese algo máis de agradecemento cara aos emigrantes, ¡monumento teríamos, ou faríamos!
-.-
Herminia, unha criatura agraciada, ¡ou desgraciada, segundo a perspectiva, segundo o ángulo que dela tomemos! Unha muller singular; si, talmente. ¡Sobranceira, única! ¡Unha sorpresa, que moito deu que falar; moitísimo! Para ben e para mal, que iso da unidade de criterio..., ¡só nos irracionais! Daquela alzarémola do chan, do esquecemento dos nosos paisanos, para levala aos papeis, empapelándoa, definitivamente, ¡para honra e gloria da súa sona, que non foi cativa! Xa que non lle fan, xa que non lle poñen esa estatua, que diso non hai trazas tal e como vai esta parroquia...., ¡talmente a ceacú!
O miolo da cousa, a índole do seu tempero, aqueles azos, aquelas forzas, casemente titánicas, foron obtidas, tiradas, da propia fraqueza, ¡que aí está o mérito! A súa fuxida desesperada, cara adiante, ¡sempre adiante! Esa catapulta que a levou..., ¡a onde a levou!, estivo, xerouse, debeuse, a un incidente familiar, un contratempo do máis común, ¡aquel das ovellas...! E todo por culpa duns lobos...
Por culpa dos lobos, en efecto, ¡Manuel incluído! Manuel, si; outro, outro lupus, aquel ..., ¿señor? ¿Manuel? ¡Deus connosco, segundo o santoral! E fará falta que o estea, tratándose daquel home...!
Manuel, Manuel de Maxide, precisamente dese lugarciño onde naceu e se criou aquel frade comendador do mosteiro cisterciense de Meira, Ares de Maxide, era un tipo arrevesado, complexo; acomplexado diríamos hoxe. Un..., arquetipo, que acaso non caiba neste relato, salvo que non entremos en detalles, por capacidade que teña este ordenador, este aparello, este tear no que estou tramando, informatizando, a dedo, estas biografías, tan singulares, tan distintas.
Ao señor chamábanlle así, de Maxide, Manuel de Maxide, polo nome do rueiro da súa procedencia. Un fulano deses que meten medo aos pícaros; ¡e aos grandes, tamén, se se terza! De atopalo nunha corredoira o mellor era subirse aos valados, ¡antes de darlle a paz! Máis ben por causa da besta, do seu estoupar nas pozas, que se lle daba ben o de facer de centauro. Bambeando na cabeza, que non a controlaba; nin a cabeza nin a besta, acaso por culpa daquela augardente do Cuco...!
O tal Cuco adoitaba pasa-los invernos tras dos tizóns da súa lareira, xogando coa tise ao dobre ou nada; tusindo a todo volume. A señora Vitoria, súa filla, que de "Cuca" só tiña as grazas, prestadas, atendía á clientela no entrementres, cuquiña e simpática que era, ¡menos á hora de cobrar!
Volvendo ao noso Manuel, nunca se soubo que a torda desmontase ao bo do señor, pois o que é para a casa onde casara, séxase, para o Vilar da súa dona, ¡eles volvían! Animal sobre animal, por suposto; ¡un centauro perfecto, compacto! Aínda que estivese amencendo, pero, ¡o que é volver, volvían! A besta, para roer no toxo; ben picadiño por certo, que niso Manuel non escatimaba, que para iso dáballe ao ril con soltura, ¡por comenencia! Ao panameño tardáballe por quenta-las zocas na lareira, que máis dunha vez retirounas fumeando...; decatábase diso polo cheiro das súas medias de la; ¡só por iso!
Manolón era alto e fraco, tal que unha panca desas de sacudi-los castiros. ¡Era o que pasaba con aquelas avitaminoses, que a uns encollíanselles os ósos, e aos outros estirábanselles! Antollos xenealóxicos, supoño.
No caso deste Manuel, que era fillo dun arrieiro, e os machos, daquela, utilizábanse para a carga, ¡só mercadorías!, escangallouse de tanta andaina, sempre polas corredoiras, detrás dos machos de seu pai: ¡desde o barrelo, desde a caneta, ata que lle saíu a barba! Seguramente diso lle viña aquela identidade, aquel complexo bestial, de centauro, pois o tal Manuel chegou a ter montura propia, tempo adiante, cos catro dólares que gañou en Panamá, naquelas obras interminables, infectas, do seu famoso Channel, que daquela a maquinaria estaba máis ben no brazo de panca daqueles pancáns estranxeiros, pois os gringos só pagaban, ¡ou mal pagaban!, á vez que dirixían, ¡que era o seu! Alto e osudo, por tanto; coas fazulas recachadas. Á súa propia dona, dona Silvina, -Silvina, que non silvestre, e iso que a pobre sempre viviu asilvestrada-, dicía que as tiña así, deformadas, as fazulas do seu home, de tanto darlle ao dente, mais, como era un corpo desagradecido, de mala entraña..., ¡roía pero non enchía!
Acaíaselle malisimamente mal dobra-los cadrís; tanto, que un dos seus ditos máis reditos era aquel de que, ¿Quen sería o fillo de puta que inventou isto de dobra-las bisagras para gaña-lo pan? Como era un mal costume, segundo o seu criterio, segundo a súa experiencia, de retornado do Panamá automedicouse: ¡deuse á virtude de cabalgar, no que fose! ¿Non si, señora Silvina? E menos mal que lle saíu goro, pois dous ou tres folgazáns non hai casa que os resista, ¡nin ricas nin pobres!
Para completar o cadro, un retoque facial, final: Manuel gastaba un bigote notable, inesquecible, inconfundible, ¡áspero coma unha vasoira! Bífido para máis personalidade, que se coidaba moi, moito, a miúdo, de retorcerlle as puntas, ¡as pugas!, imitando a un amigo seu, seguramente un sosias mexicano, do que falaba a miúdo, e sempre con grandes chufas, para darlles a saber aos veciños do seu Montecubeiro a importancia da xente coa que se tratara por aló adiante, naquel entremares panameño. Tanto falaba del, que ata debeu ser o seu único cuate na ditosa Panamá, naquel inesquecible canal.
Pelo crecho, delongado por riba das orellas, tanto ou máis cá palla de cubrición dun palleiro, que así lle resultaban fuxidíos, xordos, aqueles pavillóns; só oía, só atendía, ás comenencias, ao que lle conviña atender. Se chegan a decatarse diso os carrizos, ou máis exactamente, se del se confiasen, daquela..., ¡daquela farían o niño nas propias orellas do señor Manuel! Presumía de indiano e demostrábao coas credenciais á vista: Un bastón, unha caxata, de bambú, desas de mando en praza, que para si a quixese un coronel do Tercio. Empuñadura labrada en prata, embutida polo menos un palmo. Leontina de ouro; apagado, murcho, así que, ou era baixo ou estaba sucio. De pendantif, pendurando da leontina, unha moeda, grande e cotrosa, tamén de ouro, por suposto, cos elos mal soldados, pero nunca a perdeu. ¿Aquel dólar tiña, ou non tiña, o seu cóndor emblemático, regulamentario? Se cadra, si; igual o tiña, pero aló abaixo, debaixo, ao fondo, ¡por debaixo da lorda!
No resto, a estampa do ínclito Manolón podía pasar, pero..., ¡o inadmisible era aguantarlle aquelas xenreiras, crónicas, reiterativas, perseverantes, perversas! ¿Daquela, deixámolo pasar, escoitámolo? Haberá que facer un esforzo para non tirarlle este libro..., ¡tal que ao cello! Acheguémonos, pois, nunha daquelas ocasión propicias...; ¿propicias para o seu xenio, ou máis exactamente, para o seu..., mal xenio?
-...
-¡Herminia, golfa, que es máis golfa có de México! ¿Onde estás?
Oíra falar dun tal "Golfo de México", e como aqueles mexicanos, ante os ollos dos norteños, daqueles gringos que lle pagaban ao Manuel, só servían para chamar pola morte..., ¡el, listo que era, asociaba!
A rapaciña, aínda que fose xorda, que non o era, asomou engorde, con precaución; pasiño a paso, témera, arrastrando nas súas zoquiñas lampas. O caso é que non se daba afeito aos ouveos do padrasto, así que todo receo era pouco, máxime naquelas circunstancias, pois tarde ou cedo tería que confesarlle a súa, suposta ou certa, neglixencia.
Presentouse acarapuchada cun paniño de percal, coas puntas anoadas por debaixo do petelo, que apenas a resgardaba daquela cifra que baixaba da serra a tal momento. E viña apertando, con intermitencia, as pálpebras dos seus olliños, ¡dos seus ollazos, fondos e mouros!, choromiqueiros polo fume da cociña, unha lareira de pouco tiro, atizada con leña ruín para máis pobreza. ¡Galbana, preguiza, imprevisión no corte e nos transportes daquel provedor do combustible, aquel inefable, incombustible, Manuel!
Antes de contestarlle, sopesando o que ía dicir para non caer nunha provocación, para non producir unha chispa que lle fixese saltar o pañol da pólvora, aquela santabárbara peluda, osuda, do seu padrasto, que a tiña a punto, sempre, detívose un anaco, como a cinco pasos do seu domador, e deu en refrega-las mans co seu mantelo de liño caseiro, da tea. ¡Máis cerca, non, pois, entre o brazo e mailo cinto...! O perigo estaba nun radio de dous metros, que o tiña ben sabido, sabido e comprobado; ¡comprobado e medido!
-¡Mande! ¿Que se lle ofrece, que quere que tanto berra? ¡Vai alarma-la veciñanza, que pensarán que pegou o lume na eira!
Mais ao iracundo Manuel non lle servían aqueles pregos de descargo:
-¡Condenada! ¿Estás xorda, ou faste?
-Señor, eu..., estaba cerca; aí, na cociña, lavando as cuncas da cea para poñe-lo almorzo... E teño que atenderlles ás papas, que van bufar, que mas encargou mamá, así que..., ¡despache, sóltema pronto, se fai o favor!
Pero Manuel non estaba polas papas; nin polas papas nin polas cuncas, e menos polos encargos da Silvina, que as tiña máis saborosas coa fillastra, ¡de natureza persoal!
-¿Quen xebrou a facenda miúda..., onte?
¡Ah; era iso! ¡Xa estamos! ¡Terra, ábrete, e trágame! -Pregou Herminia na súa oración mental. Chegara o momento de rende-las contas, así que a rapaciña, escondendo as mans por tras do mantelo, acaso para facer de tripas corazón á forza de apertalas, ou para que a prenda lle servise de escudo defensivo, medio balbuciu, tremelando:
-¿Era iso? Pois, funlle eu...; eu e mailo Toño de Polín! -Acabou por confesar, amparándose na evocación da súa testemuña.
Na montaña, particularmente na nosa, perdura a vacilación nominativa, o costume de chamarlle á xente ora polo apelido, ora polo toponímico do lugar, do punto xeográfico de referencia, de procedencia, asemade, ou alternativamente co propio; ou polo alcume dalgún antepasado que dese especial renome á casaría. Neste caso, a rapaza referíase ao Toño de Polín, ou de Cas Colás; séxase, un fillo de Colás Polín, de alí mesmo, do mesmo Vilar, porta con porta coa de Silvina.
Toño leváballe dous ou tres anos á Herminia, que de mozo a moza nesa idade non se notan. Seu pai, un Nicolás apocopado de Colás, era a antítese do seu veciño Manuel. Miúdo pero rexo; un home que non tivera que emigrar dada a súa preeminencia de morgado, aínda que si o facía, eventualmente, interiormente, de ano en ano, de caporal de rogas para as segas de Castela, encabezando unha cuadrilla notable. Sendo do Monte, do Montecubeiro..., ¡que outra lle quedaba! Colás e mailo seu equipo empalmaban as seituras castelás coas de Chamoso, principiando polo Corgo, unha terra máis ben árida, seca, pero menos, na que se anticipaba a seitura dúas ou tres semanas con respecto ás agras de Montecubeiro.
Nos invernos, Colás zoqueaba, de casa en casa, así que, entre unhas e outras, a súa veciñanza co Manuel era ocasional, case accidental. Con aquel hábito, con aquela asiduidade, manexaba as ferramentas dos seus oficios, os fouciños e mailo legre, con igual soltura e con total seguridade; con mestría, ás dúas mans; ¡mellor que un duelista fitando con un florete! Manuel, pola súa parte, nunca dos xamais se lle atrevería ao menor desafío persoal, pero transportoulle aquela zuna, que xa era crónica, ao seu rapaz, ao fillo, ao Toño.
-.-
No día de marras, o teimudo Manuel seguía alí mesmo onde o deixamos, coa bile na gorxa, referíndose aos dous rapaces, maldicindo, renegando deles, disposto a crucificalos se tal lle fose posible:
-¡Larpeiros, baldrogas, que viñestes ao mundo para comer..., á miña conta, de bóbilis-bóbilis!
-¿Señor, desta vez, que lle fixemos? Vostede é que non para...; ¡xa me dá
vergoña dos veciños!
A rapaza ben o sabía, pero cumpríalle ganar tempo, a ver se no ínterim lle
viñan forzas para enfrontarse á traxedia, ás iras do padrasto; ou daba
aparecido súa nai.
-¿Non o sabes, pirixeleira? Falta o marón, e mailas ovellas; dúas, esas da
estrela branca... Precisamente dúas que fan por tres, das mellores..., ¡que
para decatarse diso non fai falta contalas!
Herminia vacilou, petrificada, pero deseguida recuou acordándose das papas, que
ían bufar, e coa mesma, o balbordo do Manuel sería dobre.
-¡Para aí, mocosa, que estou falando! ¡¡Herminia!! -Bradou.
-¡Señor, desculpe, agarde por min, que se afuman as papas...! ¿Non cheira ao
queimado? ¡Despois, cando as pape, queixarase delas!
-¡Cómate ese diaño que che sopra as alegacións, e iso que non tes presente a
túa avogada, esa defensora das silveiras, esa muller que protexe aos tramposos!
¿A ver, esa resposta...?
A rapaza, que iniciara o camiño de retorno cara á cociña, ante aquel imperio
xupiteriano avanzou recuando, desfacendo o camiño, retrocedendo en dirección ao
Manuel, en dirección á espada flamíxera; ¡dous pasos! Daquela virouse para
contestarlle, excitada, pero fíxoo coa boca pequena, sen alza-los ollos daquel
chan enlamado, metade barro, metade neve:
-¡Foi..., que se foron..., coas do Toño! Estarán na corte, na súa...! -Mentiu;
tiña que defenderse, do asustada que estaba.
-¿Coas do Toño, facéndolle esterco ao Colás...? ¡Mal raio te parta, que non fas
cousa de xeito! Vai por elas, xa, que as ovellas comen no monte e cagan na
corte, ¿ou con que imos abona-la horta? ¡Esperta, mocosa, ou prefires que cho
diga coas esporas!
Aquel esperta non o diría con máis bravura un almogávar, pero Herminia,
mal que ben, estaba afeita ás descargas, ás cargas e ás descargas, do padrasto,
así que lle respondeu con evasivas, que ben sabía que aquel era un encargo dos
seus, unha pexa, unha misión imposible.
-Señor, non teña présa, pois..., desde que almorcemos..., enseguida..., que
temos que volver á serra!
Pelexarse co Manuel non era para unha nena tímida, coitada, criada sen pai e
con pouca relación externa, nun lugarciño montañés, pero, de metida naquel
renuncio, ¡a ver! Co panameño, experimentado que o tiña, as mentiras
piadosas..., ¡nin en Coresma! Xa que logo, había que trampear, ¡como puidese,
como se lle ocorrese! As filípicas do Manuel sempre prosperaban, medraban,
expandíanse..., ¡coma a néboa da montaña!
-¡Que serra nin que leches! ¿É que non tes ollos na cara? ¿Non ves que
está nevando a callón, co monte fechado? ¡Hoxe non hai parcería, que tes que
leva-las nosas aos baixos, ao pasteiro de Río Pedroso! ¡Espile, mocosa, e fai o
que che mando! Isto de que as mulleres non vaian ao cuartel..., ¡nin ao cuartel
nin ao Panamá, coa falta que vos fai!
Resistirse ao Manuel, así, inerme, moralmente desarmada, ¡nin no cuartel nin en Panamá! Abateuse:
-Señor, a verdade é que..., ¡matounas o lobo! Xa foi onte, aló arriba; por
xunto desas penas da Ferradura...; ¡e non me atrevín a dicirllo! Síntoo ben,
moitísimo; ¡afellas que si!
A rapariga, ante as fauces, tamén lobunas, do Manuel, quedouse alucinada, sen
forza nin verbas para seguir, para facerlle ao tirano unha confesión detallada.
Falou e recuou, asemade, pois aqueles lategazos do Manuel...; ¡xa levara
outros, e se cadra con menos motivo!
Este episodio, tal e tamaña desgraza, sublimada por culpa daquela bile
expandida, habitual no padrasto, no Manuel, hai que ponderalo no contexto
socio-xeográfico da época: aquela pobreza, aquel machismo, aquelas teimas...
Tempos escuros e duros, de comezos do XX, que non hai peor crise nerviosa cá
dunha fame crónica.
Nestes lugarciños montesíos vivíase, fundamentalmente, da facenda miúda, que
así a tiñan entronizada, ponderada: Crías para a feira; e da feira, no tren,
para Madrid, Zaragoza, Barcelona... La para o fuso; e do fuso á parafusa, ás
agullas. Tamén para o tear; máis ben para tramar pois o que é urdir, urdíase,
xeralmente, con liño, igualmente da casa, que no Montecubeiro..., ¡boísimo, a
carros, tanto, que ao río Azúmara aínda queda alguén que lle diga, Río das
Lagas! Queixos, carne para as festas, pelicas para as canetas dos nenos...
Todo iso, das ovellas, que as cabras non teñen la, ¡pero dan cabritos! Cabritos
saborosos, ¡para os cabritos, para os caciques, para os señoritos...!
Encima e/ou en pago das súas godalladas, papábanlles aqueles rabaños, enteiros;
unhas crías aneiras, tenriñas, xeralmente ao forno, ¡seu compango habitual,
desde Carnaval ao San Froilán!
A vaquiña era outra cousa: Un tesouro, o máis grande, pero, ¡á parte! Con
tracción propia, incorporada, incluída. As vacas de cada lugar, por aquel
entón, contábanse cos dedos, pero a facenda miúda era máis numerosa, ¡por
ducias! Coa particularidade de que o vacún, cando Montecubeiro deixou de ser
dos frades, pasou a ser de cabana, ¡de cabana posta!, xeralmente a
medias co señor da Casa Grande, co burgués, co tendeiro, co xateiro..., ¡que
eran os capitalistas, os tiranos da época!
-¿Que dis, desgraciada? -Bradou Manuel coa boca grande, aberta, dun palmo. E seguiu ruxindo, coma un león, por debaixo daqueles bigotazos. Con toda a fortaleza dos seus pulmóns, enormes, aínda que algo afumados; máis por culpa dos mataquintos que pola súa estancia na cociña. -¡O que pasou é que as perdiches, extraviáronse, mentres brincabas co Toño, retratándovos aló arriba, espanzullados na neve! ¡As ovellas e mailo marón...! ¡Coma se o vise! Esparexéronse, que a tal hora van...; ¡lo menos que van é en Caraño! ¡Cómame o demo, que así foi, que coñezo os bois cos que aro!
Herminia, con un certo aplomo, co que lle daba estar dicindo a verdade, xa que
tal era inevitable, agora si:
-Non, señor, fóronlle os lobos; mesmo diante nosa...; ¡xúrollo por estas, que
son cruces!
-¡Que o demo me leve...! ¿Deixaches facer esa dellada; dúas ovellas,
precisamente as mellores, as da estrela branca, e mailo marón? ¡Arrenego fo!
¡Acabadora, filla do demo, filla daquel Amadeo, que te hei matar! ¡Heiche
quita-los ollos, que non che serven nin para tornar dos lobos! ¡Cabra,
malnacida!
A rapaza insistiu nas súas razóns; ¡e a nai, ausente, que non viña...!
-Mire, señor, decátese de que foron dous; dous lobos, dous..., ¡que pegaron coa
facenda! ¡Así, de súpeto, que nin os vimos saír da toxeira! Éranlles grandes,
grandes, coma..., coma burros; e nós, ao ladiño, ou por tras deles, coas
pedras, coio vai e coio vén, pero, ¡nin así!
Manuel, pragmático, só que á súa maneira:
-¿Como é que non puidestes...? Non había máis que agarra-las ovellas, e tirar
delas, forte que forte, que as outras xa escaparían costa abaixo, que esas
feras non poden cos dous..., ¡botándolle afouteza! ¡Badulaques, foles de
cinsa...!
A rapariga propúxolle razoar:
-¿E quen, quen se atreve, quen se achega, cos lobos trincándolle-lo pescozo...?
¡Vostede ben fala..., pero aquí, na eira, de lonxe!
-¡Cabra, máis que cabra, que te atreves a replicar! Xa sei o que pasou, que
estarías entretida, brincando co Toño, facendo a lebre escura por tras dos
toxos... ¡Di a verdade, di a primeira, empeza a dicilas, aprende!
-¡Xa llo dixen, recoiro, carajo...! ¡E non me desespere, non me faga
xurar, que antes me vou desta casa..., tan pronto volvan eses trapeiros, que me
vou con eles, para aprender os seus camiños; a pedir que sexa!
Manuel, inflexible, naquel tole-tole da súa tolemia, con tódalas obsesións a
punto, particularmente con aquela fixeza no Toño, intentando desbancalo a
tempo, antes de que lles arraigase aquel visible namoro. Botalo do seu posto de
mando, que xuntar dúas casiñas nunha aldea, por modestas que fosen, iso dá
forzas. ¡Daríallelas aos rapaces, en contra súa, e xa non tiña idade para
tornar ao Panamá, ás obras do Canal, que se cadra xa o remataran! Casara con
unha viúva á que lle sobraba aquela filla; ¡única, pero sobráballe! E coa
filla, un veciño, ¡aquel xenro potencial! Abaixou un pouco o diapasón, pero as
súas verbas, se brados eran, de brados non saían; reiterativo, disposto a facer
un escarmento, afianzando a súa autoridade, ou máis ben, a súa tiranía:
-¡Cabra, máis que cabra, que desta escorréntoche ese lampantín; que vaia buscar
moza á feira de Castro, que na Terra Chá non hai lobos! ¡Cómame o demo, heino
capar, que xa llo podes dicir...; co coitelo de mata-los porcos, co mesmo, que
xa o teño afiado!
-Señor, que teima colleu co Toño, que ningún mal lle fixo, que se chega a facerllo..., ¡quéroche un conto! Toño ben que me axuda, pola serra adiante, co grande que é, e coa de toxos que hai..., ¡que se por el non fose, as nosas ovellas tíñaas que gardar vostede! Si, vostede, que eu soa non alcanzo con tanto labor..., ¡e para defendelas do lobo, menos aínda! Vostede faino todo co seu berrar... ¡Que non, que non se pode repicar e ir na procesión!
-¿De que falas, mocosa, porca do demo? ¡Heiche corta-las guedellas co mesmo coitelo, que xa sei por onde empezar..., para que vexas vi-los lobos, de lonxe! ¡Como está mandado!
-Señor, o que foi, foi; e non foi por culpa nosa. ¡Como terei que dicirllo!
-¿Remóntaste? ¿Que fas aí, empantanada coma un amieiro? ¡Quítate de diante,
date de pernas, e sube ao sitio, ás carreiras, que eses lobos sempre agochan as
sobras, que algo poderás traer, sequera un pernil! Quero velas, aquí mesmo,
diante miña; o que quede das ovellas, e fai por atopalas, que se non as
esfolo..., ou a ti, ou a elas, heiche mete-lo coitelo pola regaña, que así
escorrento nese Toño..., ¡xa que nin vale para escorrenta-lo lobo!
A cativa resistíase ao absurdo, sequera fose por simple instinto de
conservación; desesperadamente, con amezas ou sen elas, sentíase levitada, nun
punto indefinido do aire. ¿Cerca do Manuel, lonxe do Manuel...? ¡Mesmo no
inferno, upada nunha lapa, pero cos pés no barro! Chegou a sentirse mareada,
tanto, que xa non vía os zocos do Manuel, e iso que o tiña, que o seguía tendo,
diante súa, cerca, imprudentemente cerca. A tal momento os seus ollos,
bagoentos, extraviados, só divisaban aquel vulto do hórreo, por tras do
padrasto, nun movemento oscilante. ¿Movíase a eira, movíase o hórreo? ¡Movíase
todo, absolutamente todo! Todo, menos aquel Manuel, que seguía achantado, alí
mesmo, na eira, na propia eira, no propio país, pois ao Panamá non volvera, non
volvía..., ¡nin con cadeas!
Nada, que o cérbero seguía, e seguiría, de sentinela, polo menos ata que vise á
fillastra coas empeñas calzadas, camiño da serra, en busca daquela carnaza...,
¡se é que os lobos non tiveran invitados, no entre tanto, para compartir os
seus trofeos, a súa depredación!
Naquel calvario, no calvario daquel absurdo, aquela nena, Herminia, nin sabía
se era de carne ou de palla, persoa ou paxelo mollado, mollado por aquela suor
fría que lle entrou. Á desesperada fixo outro esforzo, outro máis, para volver
en si, para defenderse nas inclemencias daquel trebón imparable:
-¿Señor, para que teño que ir, así, nevando, despois de tanto tempo...; ou
quere que chame polos lobos, a berros, para que me axuden a busca-la súa
carnaza?
-¡A min non se me replica, mocosa!
-¡Si, señor...; non señor, que nin sei o que digo! ¡Miña naiciña, onde estarás,
que eu soa, con este lobo...; outro, peor cós da serra! Mire, se o quere oír:
Onte, desde que baixamos para mete-la facenda, coas pernas sangrando, que a
neve non nos deixaba ve-los toxos, Toño e mais eu tentamos volver aos cumes...;
por iso, para atopa-las ovellas, o que delas quedase, se algo esconderan...; e
mais témoslles pavor ás feras, ámbolos dous, que Toño non lle é un lobo coma
vostede; pero non puidemos subir..., coa néboa, sabe? ¡Ai se houbese lúa, ou se
visen os carreiros, ou fixese noite estrelada...! ¡Daquela, así durmísemos á intemperie,
mesmo por xunto das penas...!
Aquelas razóns eran nimias, inoperantes ante as fixacións, ante as filosofías,
ante os sofismas paranoicos do seu padrasto.
-¿Non tiñas lingua para dicirme iso, iso mesmo, onte? ¡Onte tiña que ser! ¡Só tes lingua para ofenderme, desalmada!
-¡Señor, xa llo estou dicindo; dígollo a tal momento, que ben cedo é, que aínda
non tomámo-la parva!
Toda razón reflectida nas orellas do Manuel transformábase, transformábaa,
nunha falacia:
-¡Onte, onte tiña que ser, que daquela ía eu, así fose con un fachuzo de
pallas, con estrelas ou sen elas, con néboa ou sen ela, que eu non son da caste
dese Toño! ¿Noite estrelada? ¡A señorita quere unha noite boa, coa lúa e coas
estrelas aló arriba, penduradas do ceo! ¡E tamén un gaiteiro, supoño! ¿Para que,
para bailar con ese mocoso, aí arriba, nos tesos, nos cumes da serra...? ¡O
dito, que che vou maza-las costelas, que vou facer de ti un home..., ¡por
muller que naceses! ¡Ata que véxa-las estrelas, mesmo de día!
Herminia, xa sen forzas, resistindo inutilmente, coa esperanza de que non lle
pegase..., desta vez!
-Señor, pídolle de xeonllos, que xa non me teño en pé, que se aveña a razóns,
pois vostede ben sabe que os lobos fan a despensa entre os toxos, e se hai
neve, daquela mellor! Se a fixeron, por aló estará a carnaza, nun mato
daqueles; ¡hoxe coma onte, que era moitísimo para comer dunha sentada! E
despois esta pobreza nosa, que por non ter nin temos un cadeliño para levalo
connosco ao monte; nin Toño nin nós, que somos os únicos desta veciñanza, que
vostede non quere mante-los cans...
-¿Un cadelo...? ¡Xa tes o Toño! ¡¡Gau..., gau...!!
Non lle mandou levantarse pero fíxoo ela en vista da inutilidade do seu xesto,
da súa petición de clemencia.
-Mire, se quere vir comigo, que ao mellor aínda chegamos a tempo, que eu soa
non me atrevo... ¡Señor, decídase!
-¡Onte, onte tiña que ser, que chegaba co que aluma a neve..., por néboa que
houbese! ¡Dúas ovellas, que se di pronto...! ¡Catro, pois o marón valía por
dúas! As outras terán que empreñar de peor raza, dese marón do Colás...!
A mociña redundou nos seus argumentos, que outros non tiña, pois aquilo de
botarse ao monte, ela soa, en busca da despensa lobeira, con aquelas
inclemencias, con aqueles toxos cubertos de neve... ¡Para morrer, que fose de
morte matada, e non buscada; que a matase o propio padrasto!
-A noite éralle de lobos, que xa llo dixen; sarabiando sen parar...; e despois,
esa néboa, á tardiña, que aínda segue... Tampouco é cousas de ir agora,
maiormente se non vén vostede..., tal e como está a serra, co grande que é!
¿Por onde lle parece que podo buscar, eu soa; ou quéreme meter na boca daqueles
lobos? Na dun xa estou..., ¡que para iso non teño que moverme deste sitio!
A última parte non a entendeu Manuel, ¡e menos mal!
-¿Noite de lobos? ¿Lobos a min? ¡¡Grrr..., auggg!! ¡Nin dez, que os domino con
croios, ás dúas mans, tantos que temos na serra...! Toño, cun fachuzo de
pallas, e ti, cunha mantelada de seixos..., ¡asunto!
Herminia, cando o padrasto deu en rila-los dentes para imita-los lobos, perdeu
aquel autocontrol, o pouco que tiña, o pouco que lle quedaba, o pouco que a
sostiña, e soltouse a rir, rota, nerviosa, histérica, pero iso non agravou as
cousas pois aquel enfado do Manuel, por esta vez cansouno, pero seguía de
fiscal do caso, inmóbil e inmutable, así que se atreveu a espetarlle:
-Mire o que son as cousas, que tamén pensamos no fachuzo; si, de verdade, pero
Toño desanimouse, que se nos ía apagar..., ¡co nevarío! ¿Sabe? Caían unhas
falopas coma..., ¡coma queixos!
Manuel, aburrido de tanto porfiar con aquela fillastra que se resistía á graza,
que non se desintegraba, que non acababa de esfarelarse, mal que ben amainou un
tanto naqueles bramidos:
-Ese Toño..., ¡un covarde! ¿Non sabedes que temos un farol, o grande, ese de
petróleo, o da mina, aquel que trouxen das Américas?
-Como vostede aínda non viñera desa maldita taberna..., que ultimamente tarda
máis en vir có mesmo Cuco, que por algo lle chamarán así, polo tardío digo
eu..., pois..., ¡que non nos atrevemos sen a súa venia!
-¿Non llo puideches dicir á túa nai, e daquela, os tres, co farol, á serra?
¡Morcegas, ámbalas dúas, que vos librei de pedir polas portas, pero aínda
estades a tempo..., se seguides acabando coa vida, co capital, co meu!
-Señor, que xa non é a primeira vez que me pega por andarlle co farol sen o seu
permiso... ¿Lémbrase, ou non lle convén?
A tal momento apareceu Silvina con unha cesta asentada nunha rodela de trapos,
feita unha ouca do que lle pingaba aquel desxeo das verzas; ¡entre tala e tala,
unha goteira! Pousou á présa, na soleira do hórreo, e secouse a fronte; a
fronte e despois os ollos, co mesmo mantelo, para enfrontarse seguidamente ao
seu home, catro pasos máis adiante, poñéndose coas mans en xerra, nos cadrís;
ríxida, retadora, tentando amainar na fera:
-Manuel, pero home, sempre igual, que te oín desde o fondo da cortiña, ¡que nin
que ardese a fonte da Bica! ¿Que vos pasa..., desta vez? ¡Ai, ho, que non te
podo deixar coa filla, que moito che estorba! ¡Pois ben sabías que a tiña, que
de cerca viñeches! Sempre nella, dálle que dálle, a berros, que non sabes falar
con xeito, ¡por razón que teñas! Sempre chamando a atención, que nin que
estivésedes nesa guerra de África... Ti aínda es mozo, e podes irte á Lexión; á
liorta, digo, que contigo, os mouros..., ¡de cu!
Ante aquelas reconvencións da Silvina algo amainou aquel basilisco:
-¡Que vai pasar, o de sempre: esta filla do Amadeo, que vai acabar comigo;
comigo e co que trouxen, con esta facenda, que é miña, miña propia, que vén
daquelas vinte cabezas, que as merquei eu, eu mesmo, cos dólares e coas dores
do Panamá! ¿Non sabes o que pasou? Seguro que cho dixo, pero ti, avogada das
silveiras, sempre de comadre, de alcaiota, ¡traizoándome! Esta mocosa e mailo
seu mozo, que lle deixaron quedar ao lobo catro cabezas, catro, pois o marón
valía por dúas, e nin se molestaron en axotalos, nin en trae-la carnaza que
lles sobrou, que de tanta carne, nin a metade comeron... ¡Seguro! ¡Cómaos o
demo..., a ámbolos dous, que sobran neste mundo!
-¡Pero, home, Manuel, acouga, que esa desgraza xa foi, e foi grande, pero non
sexa o diaño que aumentes nela, que esta rapaza, de farta que está, igual se
nos tira ao río, ou se vai da casa..., cos trapeiros..., que mo ten prometido,
de coitada que está! Co que che leva aguantado tamén me iría eu, e xa non me
vaia con ela, que daquela quedas a monte, de vez..., ¡o pouco que che falta!
-Dirixíndose á filla, imperativa: -Nena, ti, á cociña; larga, que se ten que
haber lea, que me zurre a min, se se atreve, que logo chamo a berros polo
Clodio do Herdeiro... ¡Ese achanta ao demo que sexa, que ten escopeta, que por
algo é do Somatén!
Xa a soas, o matrimonio aínda debateu naquel rosario de improperios, que
acougar naquel lagarto esgotaba ás dúas; ¡ás dúas, asemade! Manuel seguiu
esbardallando, pois aquel home tiña folgos para todo; ¡para todo menos para o
traballo cotián!
-.-
-...
-¿Que non son que, que non son doadas de gardar? ¡Muller, para estes xarelos,
non, que andan por aí, soltos, de parrafeo continuo, coma se fosen mozos, que
ben os vexo, cando tiñan que dedicarse a facer pola vida! Heille dicir ao Colás
que escorrente no fillo, ou...; daquela non respondo, que unha escopeta tamén a
podo comprar eu... Se está folgado, que o mande para América, que é grande, e
hai terra para todos, que deixei moito sen facer, sen achaiar, daquela que vin;
e do que non, para África, que é terra quente, a terra dos piollos patos, que é
o seu. ¡A toca-la trompeta!
Manuel, disparado naquelas peroradas interminables, coma sempre sen freo, non
estaba para razóns; nin aquel día nin nunca, pois o seu era impoñe-los seus
ditados, co ascendente que lle daba aquel pasaporte de indiano, aquela
experiencia de retornado, ¡que se veu para o seu Maxide deixando por aló tanta
terra, un traballo, un canal, inacabado! Proseguiu:
-De hoxe en diante, ¿decátaste?, o lobo sereino eu, pero nin así, que se me respectase esa mala criatura xa escorrentaría neles, xa; ¡a tempo! ¡Me cago en Tal, heina brear, ou deixo de chamarme Manuel!
-Mira, ho, vai parando, que Herminia non ten culpa de ser filla do meu home, do
primeiro, do Amadeo, que en paz descanse, que se te oe desde o Ceo, daquela...,
¡Deus me libre! ¡Aquí só hai unha culpa, a miña, por casar contigo! Así Deus me
conserve, que se chega a ser hoxe..., ¡nunca as débedas che deixo pagar, e que
levase o diaño estes leiros!
Pero a Silvina fíxoa boa, que se pasou unha legua, pois aquel home outro tanto
non lle aguantaba. ¿Aquel desagradecemento no desempeño da súa propiedade, casa
incluída...? ¡Non, iso non; era demasiado! Sen devolverllas, sen replicarlle,
dirixiuse á corte do forno, un alpendre no que gardaba a egua, aquela torda...
-¿Ai si, vaste? ¿Vaste de morros, sen almorzar? ¡Daquela que te leve o
patanexo; antes hoxe que mañá, que así esbarres no xeo, por aló adiante, lonxe,
na mesmísima Ponte do Real! -Clamando ao Ceo: -¡Ai Amadeo, se me escoitas, que
ti oías ben, un favor che pido: que os empurres, ben forte, cando pasen pola
ponte; aos dous, ás dúas bestas! De favor cho pido: empúrrame as dúas..., ¡a
ver se Manuel amolenta polo Ribón abaixo!
Aquel Xúpiter tronante volveu a aparecer, por un intre, na porta do cortello, e
desde alí á escaleira do hórreo, que adoitaba usala de pousadoiro para subirse
á besta. Ía feito un rancheiro, un americano, con aquelas esporas de cromo, de
lanza, criminais, perfectamente axustadas aos seus zocos, ¡do corenta e catro!
E coa fusta na man, con aquela fusta que o facía sentirse un capataz, un gachupín
do Canal. Por suposto que nin se despediu da súa muller, da Silvina, que
nin para ela mirou.
-¿Vaste, condenado? ¡Daquela, que sexa noramala! Este camorras vaise da casa,
vaise do lugar, pero ten que volver, terá que volver, e se volve..., ¡ai se
volve, vai se-la miña, que non lle quito a tranca á porta! ¡Así Deus me salve
que te deixarei morrer aí fóra, no curral, co frío, coma un can!
Manuel oíuna, por suposto que si, de cabo a rabo, pero foise impasible,
espolando canto deu de si aquela lanza, aquel pincho tan afiado..., ¡que nin
pola cancela tirou! Silvina, coa calma recobrada, agarrouse á cesta e pasou
aquelas verzas á cociña, ¡que a vida seguía, e o pote agardaba pola verdura!
-¡Herminia, filliña, fixéchela boa! E menos mal que cheguei a tempo, pois o que
é hoxe..., ¡amolábate ben amolada, que mesmo te ía ferir coa fibela do cinto, e
xa non fose na cara, que este animal, tarde ou cedo, vaiche deixa-la súa marca,
de por vida!
Apertuxada na nai, cabe da lareira:
-Mamaíña, deféndeme, que ben sabes que non foi descoido..., que cho contei!
-Seino, muller, seino, pero descoidáronse os dous Antonios, ámbolos dous, o
fillo de Colás e mailo Santo Antón... ¿Lembrácheste de rezarlle o responso...,
ao milagreiro?
-¡Pois, co medo que collín, co que collemos, esquecéusenos! Mamaíña, vouno
apuntar co lapis, que para un caso así, se me alucino, daquela tiro do papel...
Segundo o ía escribindo consultáballe á nai se era así, exactamente así, coas
verbas de rigor, para non equivocarse, para que tivese eficacia, ¡tanta que se
lle atribuía ao responso do Paduano!
...
El peligro se retira, y los pobres van remediados; cuéntenlo los socorridos
y díganlo los paduanos... ¡Amén!
...
Apertando
outra vez na nai, chorosas ambas:
-¡Naiciña, cantos desgustos che dou! Eu teño unha maldición co teu home, co padrasto, que nunca acerto; endexamais..., ¡que xa parece da raza dos lobos!
-Muller, non xures, que desa raza non é. A verdade é que de certo non o sei,
pero coido que non; mais, algo recastado..., ¡si! Ten que selo, pois, do que
non...; ¡do que non, non se explica tanta maldade, tanta ruindade, nun ser
humano!
A rapaza, cos folgos recuperados, tirouse ao colo da Silvina e cubriuna de
bicos, outra vez; despois diso tornou ás dúbidas:
-¿Coñeciches á súa nai? ¿Non sería unha bruxa, unha mala muller, unha desas que
fornican aló arriba, no Miradoiro, nas noites de lúa, que din que soben
cabalgando nas vasoiras do forno? No verán seica o fan co mesmísimo diaño; e no
inverno, cos lobos, que neste tempo o diaño aterece co frío! Non me estrañaría
que fose desas..., ¡polo parecido desta criatura! ¿Non din que os cachos tiran
ás olas...? ¡Daquela, aí o tes!
A nai medio se riu; ríronselle os nervios, que non ela:
-Sentido ten, e así o teño oído, eu tamén, pero, neste caso...! Non, miña
filla, non; neste caso, non, que tampouco nos pasemos. E déixate de saloucos,
que para pucheiro chega este das papas. Abrígate, que despois de comelas imos
leva-la facenda ao Río Pedroso; agora mesmo, desde que lles bote o feo ás
vacas. Como paran soas, que para as cabras vou arrincar catro hedras das
cañotas do souto..., ¡despois diso imos á serra, aínda que só sexa para que nos
quede a conciencia tranquila! ¿Lémbraste onde foi esa carnicería dos lobos?
-¡E non hei; de por vida! Pero mellor será contar co Toño, que o aviso
deseguida..., que el, para o rastro, ten ollos de curuxa, por máis que este
nevarío borraría as poutas deses ladróns!
-Paréceme ben, que o Toño vai para home, e un home sempre empeita ás mulleres!
Oes, que traia unha colmeira..., ¡por se damos con eses amigos, ou con un
lobishome do xeito do noso Manuel! Dille que veña abrigado; cando menos, con un
mandil..., ¡que fai un frío de carambelos, un tempo do diaño!
-Mamaíña, do diaño, non, que moito renegar do teu home, e xa falas coma el...,
¡pecado tras pecado!
-¡Que lle vou facer, miña nena, que teño que pelexarme coas mesmas armas; coas
del, ou parecidas! Mira, muller, o noso Manuel é coma a raña, e menos mal que
non me zosca, que xa é algo, que outros de por aquí fano, pero tamén é certo
que ti búscalas, pois nunca papá lle chamaches, e outro pai non tes...,
¡á parte de Deus!
-¡Naiciña, por costume que sexa, iso non mo pidas, que non podo; non me sae!
Este Manolón, que por aí chámanlle desta maneira, o que é meu, meu padrasto é,
que o outro, o que me fixo, o verdadeiro, ¡coido que está no Ceo!
Silvina colleuna de ganchete, facendo de nai e de irmá, asemade.
-¡Por iso, muller, por iso hai que xogar coas cartas que nos veñen! Dez anos,
dez, que leva por aló o noso Amadeo, que se di pronto, que xa é antigüidade,
así que, arestora, debe ter un bo cargo no Ceo..., ¡co boíño que era, e co mal
que administraba!
-Que morreu, dez anos, pero do Purgatorio saíu fai pouco, que mo dixo o señor
cura, daquela, no Nadal, cando lle fun levar aqueles queixos da facenda...
-¿Que che dixo, que? ¡Ese cura tolea!
-Non, coido que non, que mo razoou ben razoado. Díxome que moito responsaba no
papá, e que estaba seguro de que o tiñan cerca da porta, listo para saír; que
el faría os medios para que Deus lle perdoase o resto, daquela mesmo..., ¡por
ser Nadal!
-¡Ese papón...; é un papón da manteiga, dos queixos e de canto se lle poña por
diante, así que ten coidado con el! ¡Dez anos papándonos responsos...! Ese
crego logo fai coma os avogados...; ¡estira nos preitos! Pois non, muller, non
é así, que o noso Amadeo subiuche ao Ceo pola escaleira grande; ¡eu coñecino mellor
có cura! Mira, sabes que che digo, que aínda non cho dixen: Cada vez que lle
encarguei responsos a don Serafín sempre lle dixen que eran polo defunto,
pero..., ¡mentinlle! Tiven que mentirlle, que do que non, non mos cantaba; ¡por
un vivo, non! Sempre lle mentín, que a miña intención ía polo noso Manuel, pois
este Manolón, este renegado..., ¡este precísaos en vida, desde xa!
Deron en rirse, ámbalas dúas, e moito lles prestou, que boa falta lles facía
aquel desabafo para tempera-los nervios, tantas veces e tan a miúdo postos á
proba, requeimados polos motivos máis diversos.
A tal hora pintaban grises na serra; un gris intenso, sucio, cinsento, propio
daquela manta de néboa, por riba dunha saba nívea. Na serra da Ferradura, no
gran Monte dos Cubeiros, e tamén, ¡tamén!, naquelas familias inopias, que mesmo
chegaban á desesperación, ao drama familiar, ¡pola simple perda dunhas reses
miúdas!
Todo negrura, todo espesura, que o branco da neve duraba pouco; nas abas,
pouco, pero aló arriba, no Miradoiro, naquel salón das bruxas, do mes
non baixaba; ¡dous, se empalmaban os nevaríos!
Aqueles rabaños, aínda que cativeiros, eran o seu tesouro; auténtico, único;
unha fortuna naqueles tempos de tan pouco valor engadido, pois a nosa xente
traballaba un ano enteiro, arreo, canto lles daba de si o corpo, con todo o
esforzo posible e con todo tipo de penalidades. ¡En definitiva, para seguir no
mesmo sitio, no mesmo nivel onde estaban, onde empezaran; simplemente para
conservar aquel grao de pobreza, para non apearse daqueles mínimos vitais!
A única excepción, dalgún xeito, era a Casa Grande de Vilar, a do Herdeiro;
¡unha, unha soa en toda a bisbarra! Viñan tendo de todo; de todo e para todos,
debido, fundamentalmente, á súa xudaica e inveterada tradición de amaña-los
casoiros con xeito, con xente de solvencia, de dote nunca inferior á deles,
esculcados os cónxuxes, de xeración en xeración, posiblemente desde os romanos
xa que encabezaban o vilar. Iso á parte e ademais de que ninguén recordaba, nin
oíra, nunca, que na Casa Grande se parisen máis de dous ou tres fillos: O da
casa, o cura, e mailo militar; que de ser mulleres, ou monxas ou amas,
esparexéndose polas parroquias veciñas, que así tiñan de cregaxe nos seus
enterros; ¡e todos con Misa! ¿Abstención, ou efectos da ruda? ¡Ninguén o sabía,
porque eles non o dicían!
Nas outras casas, ¡un cento delas!, sempre se viviu á defensiva, pois cando non era o lobo, os lobos eran; e cos lobos, as fames, as epidemias, que se cebaban naquela desnutrición, con aquelas anemias galopantes, perniciosas. Os trabucos, as vendas con pacto de retro... ¡Enfermidades do corpo e do espírito, asemade, inseparables, interactivas!
Para os pobres, dúas alternancias, dúas, particularmente para os minorados:
Emigrar, ¡e grazas que se abrira a emigración, que deran en saír aqueles
vapores que entraban na Coruña, ou máis ben, que se ían abordar á Marola, en
alta mar, lonxe, sen control das Autoridades, que así evitábanse, uns e outros,
certos requisitos! Perderse no baleiro transoceánico, con máis esperanzas que
posibilidades dun retornar compensatorio, farturento. ¡Desintegrarse,
despersonalizarse! A outra saída era o celibato, ¡forzoso! Garda-las ovellas do
morgado, inverno por verán, que montes había, ¡diso había! E pulmonías tamén,
¡incluso dobres!
Polo que fai aos cartos, se algo se xuntaba, se algo se facía, ou viñan de
América, xiros, letras de emigrantes..., ¡daquela, á hucha, seguros, limpos,
envoltiños nun pano! Ante todo, para aparta-los herdeiros, empezando polos
tíos! ¡Ánimus meminisse hórret!
¿De
amores...? ¡Ah, si; diso, moito, que os pedía o corpo, pois na pobreza e na
guerra é cando a carne, o instinto de conservación, o de reprodución, máis
carne pide..., para que veña outra, fresca, de substitución! E logo que os
programas de natalidade, fóra da ruda..., que por outra parte, o que é por todo
Montecubeiro, aqueles frades boa ansia tiveron de ensinarlles a usala
univocamente, ¡para uso externo, tal que para as cataratas dos ollos!
Toño, o de Cas Colás, aquel rapaz noviño pero rexo, tanto como adoitaban selo
tódolos mozos que se curtían á intemperie, co gando e na labranza, compañeiro
de Herminia naquel pastoreo da facenda miúda, ademais doutras inclinacións
persoais, afectivas, producidas polo roce cotiá, pola proximidade física,
accedeu encantado niso de subir á serra, con elas, coas veciñas, para
rastrexala en busca daquela carnaza, daqueles restos, cabaleiro el, ¡colmeira
en man! Ben oíra, desde a súa eira, aqueles berros, aquelas imprecacións do
Manuel, e ben sabía de que ía o conto, aquela trafulca, aquela reconvención,
pero..., ¡cada un na casa dun, e Deus na de todos!
Á parte da zuna persoal que lle tiña Manuel, maiormente polo seu entendemento
coa rapaza, coa fillastra, había outras xenreiras vexetativas, latentes,
múltiples, veciñais, tales que o reparto das augas na presa, na tapacuña do Río
Pedroso, que uns partíanas segundo a superficie, mentres outros aducían que de
sempre foran de madruga, séxase, á pilla-pillota, que aquel acordo de
partición do ano tal non chegara a ser efectivo, que non o firmara non sei
quen. A parcería no muíño de herdeiros, porque un veciño comprara a parte dun
morto que nunca alí moera! A distribución, en terzos de terzos, nas anadas da
cava, naquel zarro de Vilarín, que uns pronunciaban Vilar Pequeno, ou
Villarino, e outros, Villarrín, acentuando no adxectivo..., ¡no que todos
querían para si o lote dos fondais! E máis, e máis..., que a convivencia entre veciños
pobres logo é máis rin cás especulacións, cás sutilezas, cós atropelos, dos
veciños ricos, pois, ¡onde pouco hai, mal se reparte!
Toño, de presente, nin as castañas lles arroubaba aos veciños, que todo o pedía de favor, e así lográbase aquel equilibrio comunitario, en tantas cousas comunitario, que, mal que ben, ía tirando para adiante en espera de mellores ocasións, de que alguén se cansase daquelas porfías perralleiras, de media cadela!
A neve fora engrosando e callando ao longo da noite, compactándose coa xeada,
así que, seguir rastros no cume da serra logo era como seguilos con un dedo
mirando aos tendidos do ceo, á lúa, ás estrelas... O que si era bonito, mesmo
musical, aquela sinfonía do chas-chas, aqueles vidros das pociñas
relucentes, pulsados á brava cos cravos das zocas de empeña, que soaban coa
alegría dun violín, dispostos a derreterse coa cordialidade daquela xentiña que
os pisaba sen querer, tan só pola falta de terreo seco e firme.
As mulleres, pola súa parte, ían coas mans abeiradas por debaixo do dengue
respectivo, uns paxelos de la, cuadrangulares, que tanto facían de dengue como
de touca. En canto aos mandís, pardentos os de ambas, co pico achantado, ben
amarrado, e coas cintas de dril, na cabeza, comezaban a branquearlles, divinamente,
coa divindade inmaculada das falopas. Toño, diante delas, facendo a derrota,
abríndolles paso, tentando no chan, mazando coa colmeira nos toxos altos e
rebeldes, medio dobrados sobre dos carreiros, ¡sentiuse un adaíl! Á Silvina, de
cando en vez, chamáballe prima, e non ía descamiñado pois algo parentes
aínda eran. ¿Quen non, nunha parroquia de cen veciños, con unha endogamia de
séculos? ¡Menos mal que daquela non había análises, e as incompatibilidades, as
dexeneracións xenéticas, atribuíanselles aos meigallos, ao ollo da camareira,
da veciña do cortello!
Despois de mil zigzagueos, o rapaz, por moito que quixese rumbar, presumir, auxiliar, sentiuse esgotado no seu rol de apisoadora, e decantouse, pousou o traseiro non seixos dun derrego, co marco en medio, entre os fentos nevados, ¡que ata se mancou, e moito, en salva parte! Xa ben arriba, nas lindes da parroquia, por sobre das chousas de Caraño:
-Prima, o que é por aquí, todo por aquí, por onde estamos agora, ao redor desta
pena, xa ve que non quedan rastros; ¡nin dos lobos nin das ovellas! Ben que lle
dixen, onte, á súa Herminia que era mellor volver á serra co farol do Manuel,
pero esta nena é tan coitada que non se atreveu a collerllo! A verdade é que eu
tampouco, que llo debera dicir a vostede, pero, por se lles bufaba ese home,
esa fera... Fora mellor facelo, que el, ao visto, polo que lles dixo, quería
esfola-las ovellas, aproveitarlles a carne, o sobrante, que ata non sei se
serviría para comer, do que as mazaron tirando delas, esganifando, e logo que
esa carnaza vai ter espiñas coma as troitas..., ¡achantadas dos toxos! De
presente, -O rapaz seguía dándolle á tarabela, en parte para quita-lo frío, e
tamén para quita-lo medo-, agora ben ve que non podemos facer cousa algunha,
nada de nada, aínda que durmamos aquí, nesta saba branca, con esta cuarta de
neve..., ¡que con menos grosor entérraos o señor Afonso nese cemiterio do adro!
E mais o sitio foi por aquí, cen varas arriba ou abaixo, que me lembro destes
toxos, destes arnais...
Seguiron algo máis, impasibles ao desalento:
-Mire, señora, Herminia e mais eu estabamos aquí, aquí mesmo, talmente por
xunto destes seixos, nos asentos desta peneda; eu, dándolle á harmónica, que ma
trouxo de África o Pepe da Peruxa, e a súa filla cantaruxando unha dos Reis, un
de cu para o outro, para vixia-la facenda, do pico ao fondo, o rabaño enteiro.
Pendentes das cabras, ¿sabe?, que as tiñamos máis abaixo, depenicando
carqueixas. Sempre ao tanto, preocupados de que non se ciscasen, pois
maiormente as brancas, as ovellas brancas, desde que dá en nevar póñense
invisibles, que as traga a terra, que nin cos anteollos do señor cura, con eses
que usa para ler o Canon..., ¡e de paso para olla-las mozas, no seu Dóminus
vobíscum!
-Toñiño, vai calando, que se che formarán carambelos nos dentes..., e daquela
parecerás un xabaril! -Propúxolle Herminia, pero o rapaz seguiu no seu papel de
guía:
-Ben sei que os lobos sepáranse, e baixan, e baixan, á contra do vento, que
costa abaixo tódolos santos axudan, e por veces chegan aos casaríos, ¡que iso
sempre pasa cando neva no Miradoiro! Pero o caso foi que as cabras non os
ventaron, que estaban por abaixo, máis abaixo, xa llelo dixen, e as ovellas,
miñas pobres...; esas..., as ovellas, sempre son ovellas; cousa máis torpe...,
¡na vida!
Silvina, case desexando que nos aparecese aquela carnaza, aquel sobrante:
-¿E ti viches se tras deles, daqueles dous, viña a procesión, a manada? ¡Como é
Xaneiro...!
-¡Ai, señora, non; iso, non, que só se presentaron dous, pero os outros podían
estar de brincadeira...! Mire, o máis vello deles, mataba; e o outro, que tal
parecía unha cría do ano pasado, carrexaba, que ata non se vía forte para iso;
pero o grande, o grande éralle témero, cuns ollos...! ¡Botaba lume! Igual as
levaron lonxe, que tempo tiveron, en toda a noite; unha noite pecha, ¡das que
lles gustan aos lobos! Nós, pola nosa parte, que as cabras, aos poucos, deron
en choutar, bo apuro pasamos para arrexunta-la facenda, ¡que llo digo eu!
Ámbolos dous ás carreiras, arrexuntando e dándolles ás outras para abaixo, pois
as mortas, mortas estaban! E logo, estas cavadas, tan vellas, cos toxos podres,
que levarán cinco anos sen ve-lo eixado..., ¡e o monte convén renovalo! Mire,
cos toxos coma aguilladas, sangrando, ¡ámbolos dous coma dous nazarenos!
-¡Xa o sei, meu Toño, que diso entendo, que tamén gardei ovellas, nesta serra,
que fun moza, eu tamén, unha moza solteira! Cabras, non, iso non, que meu pai
tíñalles noxo, ¡por iso de que collen a raña! Pero ti non fales, que nós, co
mandil de tapabocas, menos mal!
A cativa, que estivera calada cocendo nas súas ideas:
-Mamá, e Toño, imos dar outro repaso, maiormente para que nos quede a
conciencia tranquila, tal que por xunto da Fonte das Eguas, que teño para min
que eses lobos abríganse nos matos, por sobre das chousas de Caraño, ou ao
redor da fonte férrea, por iso da humidade, pois coa humidade vén o desxeo, ¡e
a neve esborrállase, de seguidiña!
O protector:
-Prima, non lle deixe ir por aí, tan cerca da fonte, que se vai atrollar! O terreo,
neste verdín, xa o ve, está trillado das eguas, e se metémo-lo pé nunha poza,
nesta parte brañega, ¡daquela adeus ovellas, e adeus mulleres! O que é de por
aquí, de achantadas, nin catro lobos, dous para cada unha, ¡que faría falta un
trelo...!
A rapaciña conformou:
-Mamá, neste caso darémoslle a razón ao Toño, que cómpre volver para xunto das
outras, das que temos vivas, que eses lobos, se tan cobizosos son, e se
baixaron ás casas, igual pegan coas outras, a por outra ración, e daquela..., ¡libera
me, Dómine!
Silvina, tamén:
-Teredes razón, terédela, ámbolos dous, que isto, como Deus non as resucite,
outro arranxo non vos ten. E se pasa algo coas do pasteiro, nós, daquela, co
saco ao lombo..., ¡esta mesma noite!
-Mamá, se nos bota ese home, se nos bota da casa o teu Manueliño, -Ironizou-,
nós..., ¡para Cuba! ¡Ujujú..., que xa me vexo con un vestido de seda, coma
aquel que trouxo esa Dolores do Peruxo!
-.-
Cuba, a illa do caimán durmido, a illa das esperanzas espertas! ¿Ou era a dos desesperos? Si que o foi, ambivalente, ¡e para moitos! Unha cartilla de aforros, un fondo de previsión, pero..., ¿a que prezo? Os que o sabían, os que experimentaran o prezo daqueles aforros, morreran, a feito, sen contalo, sen dicilo; ¡e total, para que?
-¡Herminia, -contestoulle a nai, con prudencia, -tes que parar con isto para
non caer nunha soberbia, que peores nos poden vir!
-¿E logo, señora, por que non? Aló fálase en castelán, e como xa o damos aquí,
na escola do señor Tellado, que ben di que, ¡Cuando a Cuba fueres, haz lo
que vieres…! ¡Estoulle capacitada, mamaíña!
-¡Imposible! Eu, por vella, e ti, por nena, que ata non sei quen me dixo que
nesa Cuba das grandes calores, só queren mozas... ¡Uih, iso chéirame mal; coma
a cadela aos cans, que ata nunca me parei nese mal pensamento!
Daquela non se falou máis, nada de importancia, que tiñan abondo con evita-los
toxos tombados polo nevarío, que facían pídola ao pisalos. A neve, axeada,
cristalina, rutilante, tal que unha miríade de diamantes, alumóulle-lo
carreiro, de sobra para atinar coas casarías, sen outros contratempos que
aquelas espiñadas, ferida sobre ferida. Abaixo, no pasteiro, por tras das
casas, había pouca herba, pero a que quedaba sen roer arrefriáballes o fociño
ás pobres ovelliñas, que nin se abaixaban para collela. No resto do lugar, co
Manuel na taberna, ¡paz!
O padrasto fora compracido naquela busca absurda, coa esterilidade que cabía
presumir, máxime con aqueles rigores climáticos, amén da axilidade do canis
lupus, dos dous, acaso pai e fillo, que resultou demostrada. O listiño do
Manuel, na súa xactancia de coñece-la serra, a serra e maila súa familia, a
lobona, esquecérase de ponderar que estaban en Xaneiro, mes de amores, de
rivalidades, de machismo, de celo... Gregarismo das manadas, festíns
nupciais... Depredación absoluta: ¡o que precisaban, o que almacenaban, o que
depreciaban...!
Aló de noite, ás tantas, desde que se calmaron aqueles cans de palleiro, polo menos un en cada casa, de quitado na do Manuel e na do Colás; co rosario rezado a carón das lareiras respectivas; e cos lobos encovados no mato, nos abeiros da serra, extinguidos aqueles ouveos, aqueles urros de demarcación, convocadores da loba... Durmida, en definitiva, toda ou case toda a natureza sensible. Alborotados os ríos, que de noite oíanse de lonxe as súas fervenzas, medio fluídos e medio axeados, a punto de carambelo, como cumpría á estación. Con tantas cousas periclitadas, adurmiñadas, resoou, naquela quietude absoluta, case fantasmal, con nerviosa insistencia, o cadeliño de ferro forxado que servía de martelo, de petador, no portal da currada da señora Silvina.
-Toc, toc; toc, toc.
Pero a boa muller nin se molestou en asomarse pola ventá, que xa estaba afeita
ás chamadas desaboridas, ás alarmas, fosen nocturnas ou diúrnas.
-A modo, Manuel, petallón do nabo; ¡xa vou! -E foi, pero rosmando, rosmando e
facendo, segundo se poñía aquelas zocas lampas, as de estar na casa, e
botándose por riba dos ombros un dengue, de calquera maneira, encima da súa
camisola de estopas.
-Toc, toc; toc, toc.
Manuel, que non quitaba a man do petador, empoleirado na egua, sen apearse
dela, dálle que dálle, que nin que estivese tirando do badalo dunha campá para
tocar a rebato. Silvina, en paralelo, desde dentro, loitando coa tranca:
-¡Condenado de home, que maneira de abusar! Non petaches así na botella do
Cuco... Non, ho, que ben aguantou nas túas mans, que seguro que quedou
escorrida...; ¡por dentro, e ben sucia por fóra, que a estou vendo!
-Toc, toc. ¡Sil..., Silvina...; abre, que aterezo de frío!
A berros, que non sabía, que non vía nin oía, que a súa muller estaba a un
furco del, loitando, por dentro, con aquela tranca da porta, inchada da
humidade, esforzándose por correla para un daqueles buracos das marcacións. En
vista de que non calaba, tamén deu en berrar, aínda que non tanto, para
acalalo, que a estaba poñendo nerviosa con aquelas sacudidas, que se lle
crebaban os brazos, sen luz, ás tentas..., e cos toxos da estrume feríndoa,
buscándolle as canelas, pois, coas présas, nin se parara a poñe-las medias.
-A modo, Manuel, que che vén ao pelo refresca-la cachola; aí fóra, á intemperie...
Inchou a tranca...; un tarugo mal feito, de madeira verde, que todo é humidade,
e daquela non a dou quitado. ¡Dódame a quen a fixo, que fuches ti, que nunca
cousa boa..., salvo aquilo de irte ao Panamá! ¡Ai, ho, que burros deben ser por
aló, nesoutro mundo, e iso que lle chaman o Novo Mundo, para que chegases a
gañar diñeiro..., e xa non fose arroubado!
Agora oíuna, pero estaba desesperado, insistente, apremante..., que nada lle
apetecía tanto como salta-la parede da eira, que ben o podería facer upándose
no arnés se estivese sobrio, para entrar desde alí pola porta da caseta da
herba, para axudarlle á súa muller naquel atranco dunha tranca atrancada.
-Toc, toc. ¡Veña, veña; Silvina, espílete, que morro de frío, con esta manta mollada, e vaise arrefriar a besta..., que vén suada!
Ela contestoulle tamén a berros, para que a oíse desde fóra, desde o curral:
-Mira, ho, síntoo pola besta...; ¡máis que por ti, o dobre! Se tes sono, durme
no curral, e pon os toxos de almofada; ou vaite para xunto dese can do
Herdeiro, que a tal momento é a compañía que mellor che vai... Pasa, home,
pasa, que xa está; ¡uih esta chavella, o que me deu que facer! Pasade os
dous... ¡Pero agáchate, só animal, que vas dar coa cachola na pedra do lintel;
e despois da pedra, nos cangos! ¡Arrenego...; como ves; e iso que hai lúa...!
¿Caíches? ¿Tiráronte no Ribón? ¡Ai, logo; xa sei quen foi; que Deus llo pague á
besta! Vés máis enlamado có porco do Santo Antón... Ponlle unha manta á egua,
outra, unha que estea seca, ou mesmo un limpeiro..., ¡folgazán! E para ti
vouche baixar unha muda, á cociña..., ¡que así non podes subir ao sobrado, que
o pos pingando! E mais iso de subir..., ¡esta noite quedabas do mellor na corte
da cocha, acariñando nela! ¡Non, miña pobre; se me oíches, querida marrá, non
gruñas, que non che deixo ao Manuel, que vas enfermar ti, co que cheira ao
alcohol, que non estás afeita aos porcos..., desde que te capamos!
Ademais de vir, e de estar, feito un torgallo, sucio, mollado, coa roupa
evidenciando unha caída, desta vez indiscutible, tal que no máis fondo dunha
corredoira, aquel homazo seguía con aquela obsesión, coa que o levou á curda
subseguinte, á enésima:
-Sil..., Sil..., Silvina; ¿apar..., apareceron..., esas ovellas? ¡Hip; a súa
carnaza, onde está, onde a puxeches? ¿Eses rapaces, trouxérona?
-¿E ti preguntas polas ovellas, maldito? ¿Non dixeches que es o mesmísimo lobo?
¡Daquela pregúntalles aos teus irmáns!
De camiño para a cociña, arrimándose ás paredes:
-Sil..., Silvina..., xa empezamos?
-¡Si, ho, empezar empezamos, pero nunca damos rematado; outra vez, que xa che
abrín a porta! ¿Lémbraste? ¡Nunca tal fixese...! Pero o malo, o inimigo malo,
está en ti, dentro de ti, que sempre empezas e sempre acabas levado do demo,
que así te trata, que só hai que verte! Mal para todos..., ¡menos para os
taberneiros!
-¡Recoño, eu non bebo..., do teu!
Cabreouse tanto que, entre os nervios, a chea, e maila escuridade, tropezou con
algún saínte e caeu estrapallado nas lastras da cociña. Silvina, coas mans como
adoitaba poñelas, en xerras, no van, nin se molestou en tirar del, que o deixou
uparse só, inestable, loitando coa gravidade:
-¡Ai, ho, é unha mágoa, que se fose do meu, co pouco que me queda..., non che
fiaban! Veña, apártate de aquí, que che vou quentar unha pota de auga..., ¡para
que quites esa lorda! E despois voute subir ao sobrado, por unha caridade, que
agora adoitamos usa-la camariña, esta, a da cociña, que a preciso para bota-los
feixes do verde..., pero tampouco estabas mal nela, acotío, tódalas noites, a ver
se coa humidade das herbas te levaba o demo para un sitio seco, tal que ao
inferno, que o tes merecido polo que nos fas sufrir, ¡e para máis inri,
sen fundamento!
Despois de todo aquilo, e de repoñer a tranca, ás apalpadas, máis por rutina
que por seguridade, que alí pouco había que roubar, Silvina foi tirando do seu
home, do seu tirano, xa baldeado e mudado de roupa, cara ao sobrado, esqueiras
arriba. Por fin déronse metido na cama, e a boa da muller arroupouno, con
cantas mantas tiñan, perdoándolle, de paso..., ¡transitoriamente! Aos poucos
deron en suar, entre as trapeiras e mailo bafo que subía da corte das ovellas
filtrándose polo sámago da tarima vella, con buracos coma puños. Aquela suor
salvounos: Á Silvina, para amolentar naquela molleira, na que atrapara aló
arriba, polos cumes da serra, busca que te buscarás, infrutuosamente, naquela
pescuda inútil, pois os lobos non deron razón do seu celeiro! ¿E do Manuel, que?
¡Nin mantas precisaba, que as resistía todas, incluso as ganas de traballar,
pois, ou non as tiña, así, de nacemento, ou as vendera no Panamá, naquela obra
do channel, ou se lle esqueceran abandonadas nun daqueles catres!
De costas ao seu roncón, Silvina persignouse para pregarlle a Deus que lle
amolentase aquel homazo que se lle enrolaba nas mantas, acaparándoas; e que
tanto lle atordaba na filla do seu Amadeo, aquel home sensible, dos bos, dos
poucos, e por ende, odiado do seu rival, do segundo..., ¡aquel que foi ás
sobras!
-¡Santa Providencia bendita, ou mo coces, ou do que non, fai o favor de levalo,
lonxe, tal que ao Purgatorio, que este homazo precisa volta e media, ou dúas,
dúas voltas; dúas ou tres, que ben as resiste, nas brasas do inferno! Mira,
Señor, outra cousa: ¡Despois de cocido, de ben escaldado, non mo poñas por
xunto do Amadeo...! ¡Pídocho polos teus cravos, que este é capaz de pegarlle
unha labazada, no Ceo que sexa!
¡Ai, Señor, Señor, -Seguiu rezando á súa maneira, a media voz, con perigo de
que a oíse aquel roncón da gaita, pero non foi así, pois, coa calor, quedárase
de pedra, -ben sei que é pecado matinar nisto, mais, coas ganas que lle teño,
que non o dou quitado da cabeza, nin á de tres, que non me sae, que este fulano,
este Manuel, nesa Panamá do diaño, maldito sachada debeu dar nesa foxa da que
tanto fala, da que tanto presume...! Que Deus me perdoe, pero teño esta
sospeita no caletre: ¿Verdade, Señor, que este fulano, no que Ti pouco ou nada
debes mandar, foi un ladrón, ou un asasino, ou é que botou nunha vella...? Se
cadra esganouna, ou lle deu canto tiña con mentiras, ou de aburrida..., que
esta cousa que durme aquí, aquí comigo, aquí ao lado, e por veces faino
derriba, fochica que te fochicarás, que nin dá fochicado, que se llo consinto é
tan só por ir tendo algún remexo na espera de que escampe, para que non lle dea
por mata-la miña filla, ou peor cá iso..., que este Manolón, que lle deron en
chamar así, e ben chamado está, o que é traballar..., cunha aixada, co pico e
coa pa..., ¡na vida!, que nunca o fixo, nin o fará; ¡ou si, se é por milagre!
¡Ai, Deus, perdoa, pero como ninguén mo di..., eu quixera adiviñalo!
Discorreu e discorreu, pero quedouse coas dúbidas, coas mesmas que tiña, que
Deus non lle falaba, non lle contestaba, nin por soños, e logo que o seu
Manuel, tan calado para as súas cousas, ¡só para as del!, nunca dera indicios
da procedencia daquela fortuniña, por moito que lle preguntasen ou lle
insinuasen.
Por sobre do día, despois de que cantasen os galos, o de Peruxo incluído, que
xa era vello e non se daba présa en chama-las pitas para o seu galeo, durmiuse;
de cansada, pero máis ben de aburrida daquela vida oca, miserenta, nun
permanente rife-rafe, naquelas trafulcas crónicas. Unha vida de pouco zume, ou
que ela non acertaba a espremelo, quedándolle, iso si, aquela esperanza de que
a súa Herminia, da que lle dixera o señor cura que tal nome era suevo,
significando grande, ou forte, tería mellor fortuna cos mozos, tal que se
callaban aqueles namoros, que ben os viña observando, coa particularidade de
que o Toño parecía rexo, ¡que rexo, teso e bo, para unha muller, tres sortes
son!, en verbas do mesmo párroco.
¡Xa son grandiña, que me veu...!
Pola corredoira que vai, ¡que ía, antes desa Concentración Parcelaria que gozou / padeceu esta parroquia!, de Vilar a Sagaruxe, un día de tantos, ao serán, chegando á primavera, e polo camiño da escola, da escola privada, ¡unha institución, daquelas de a ferrado!, concretamente do señor Tellado, que a daba, que a poñía, na propia vivenda. Nun animado parrafeo, cos cartapacios en cadansúa fardela, para que non collesen humidade.
-Toño, do que vimos falando, que me parei a matinar nisto, ti sempre, e de sempre,
estás convencendo en min, acalándome, pero a verdade é que, por moito que o
digas, por moito que me animes, non podo vivir co meu padrasto...
O rapaz tentou de serenala, e para máis confianza, colleuna da man:
-Non esaxeres, que aínda non te papou!
-¡Xúrocho; e mais non fai falta que o faga, que ben o sabes! Desde aquel día
dos lobos...; ¿non te lembras?
-¡E non hei! ¡Nunca máis gorda nos pasou na nosa crianza!
-Pois iso, que sempre está roñando: cando non é comigo, faino con miña nai, ou
coas dúas á vez. ¡Colle esa teima cada dous por tres! Tenme manía, ¿sabes?, que
ben lla noto; ¡cadora máis! E ti tampouco saes ben librado desta guerra...
Cheguei a pensar que calquera día pega comigo, que ese é capaz de forzarme se
venta que xa son muller, así que terei que esconder os meus trapiños, ou
lavalos lonxe da casa, tal que aló arriba, na serra. Todo o fai por vinganza,
¿sabes?, pero non sei de que, como non sexa deses celos que lle ten ao meu
pai..., ¡que en paz estea! Tal xenreira, agora de morto..., ¡é de tolos!
Por máis que discorrese, e por vontade que puxese, Toño non era quen de atopar
solucións pois aquel problema persoal resultáballe desproporcionado,
fatidicamente insoluble; o único que podía facer, ou intentar, o único que se
lle ocorría, era acougar na rapaza, animala, alentala canto lle fose posible:
-Miña nena, despois do que levamos falado..., ¡é que nin sei que dicirche! Se
esta ferida fose do corpo, árnica; pero como é da alma..., ¡daquela, sufre! ¡Só
iso: sufre, e cala!
-¿Sufre ou xofre, que como ese Manuel é un diaño, igual lle sentaba ben unha
cunca de xofre, do de desinfecta-las cortes?
O rapaz pasou por alto aquela chanza, máis dramática que sarcástica:
-Oes, agora que dixen iso da alma, ¿e se falases, ti, ou túa nai, co señor cura? É cuestión de que colla ao Manuel polas lapelas, aló arriba, no atrio do convento, mentres estea sobrio; quero dicir, antes de que entre na taberna do Cuco, ¡que daquela pode confesalo ben confesado! ¡Polo menos, coa regra da atrición!
-¡Toñiño, iso non vale! ¿Non te lembras que sempre di que é ateo, que aprendeu
esa relixión dos que non a teñen, por aló adiante, nese Panamá do diaño? ¡O
único se lle zosca don Serafín co hisopo, á traizón, polas costas; na caluga
que sexa, coma quen mata un coello!
Toño, parándose, refolgou a fondo para bota-los diaños, para que non pegasen
con el, pois aquela idea de Herminia..., ¡de Deus non viña!
-¡Muller, que te pasas...! Mira, o mellor é que non lle atendas, que te fagas a
xorda, que non lle fagas caso; cara adiante, polo teu camiño, á túa maneira,
pero cos ollos ben abertos para que non te zosque; iso si, facéndote a
xorda..., ¡que nunca choveu que non escampase, nin na meirande das invernías!
Eu, no teu caso, o que faría é achegarme á túa nai, cadora máis, coma os pitos
coa pita; ou comigo; pero non andes soa, nunca, e de noite, menos..., ¡por se
acaso!
-De noite non hai perigo, que Manuel sempre rúa, acotío, salvo cando
enferma...; ¡e de enfermo, mentres tuse non ladra!
-Mira, nena, por un se acaso, che repito; caladiña e lonxe, que encirrar ao
Manuel é coma encirra-lo can de Penelas, que canto máis o atacas máis rebinxe
se pon. Agora, que logo vén o verán, coa secura...; coa secura, digo, vaise
quedar sen saliva, e para daquela vólvese mudo, ¡coma as penas da Ferradura!
Herminia detívose, encarándoselle ao rapaz para darlles máis énfase aos seus
argumentos:
-Meu Toño, esta cousa non é para bromas; nin para rir, que ti ben falas, que
teus pais son xente... ¡Xente, xente! ¿Entendes? Pero, se vivises co Manuel, coma
eu, acotío, día si e día tamén, daquela...; ¡daquela, quéroche un conto!
O mociño, máis fatalista, pero tamén máis cuco, máis posibilista, e incluso
algo machista, tentou de imbuírlle resignación, aquilo tan campesiño de, ¡dáme
pan, e chámame Xan!
-Miña nena, para remata-lo conto entendo que terás que seguir así, coa cruz, e
do que non, pon estopas nas orellas, polo menos ata que eu volva de servir a El
Rei, que daquela casamos, e coa mesma, véste para a miña casa, que se aínda non
chegases aos vinte e tres...; ¡xa sabes, iso da maioría das mulleres!, daquela
fágote depositar ca casa dun veciño, ¡polo Xulgado que sexa!
Xa naqueles tempos, atoparse con un labrego que non fose entendido en Leis...,
¡nin no propio Montecubeiro! A proposta fíxolle graza á rapaciña:
-¿Teremos que chegar a iso? ¡Se tal facemos, o meu padrasto vaivos queimar o
palleiro! ¡Ai, Toño, que me dis, que largo mo fías! Non aguantarei tanto, que é
imposible, co que nos tolea esa fera, ese borrachuzas. Cheguei a tal punto no
meu desespero que xa prefiro arrincarlle unha ovella ao lobo antes que come-las
papas diante do Manuel, ¡que sempre me olla coma quen esmaga unha limacha!
O rapaz, compasivo, pasoulle unha man pola meixela:
-¿Ti, unha lesma, co guapiña que es...? ¡Cómao o demo, que se non fose polo
escándalo, habíalle amosar unha navalla!
Herminia, máis prudente, propúxolle:
-Meu Toño, vaiámonos de aquí, que a única receita vai ser fuxir; ¡del, e desta
miseria, que nos fai depender do seu pan, do seu pan e dos seus cartos! Pero
xa, de contado, ti e mais eu, para Cuba, pois con iso deixámolo en paz; e
daquela, como di o cura cando nos manda saír da igrexa, ¡Laus tibi Christe!
-Muller, ti falas ben, pero as cousas non son tan
doadas...
-¡Si que son! Voulle escribir á tía Henriqueta contándolle canto nos pasa, que
de seguro nos manda as pasaxes..., ¡para dous, ou para tres! Toñiño, decídete;
¡faino por min! -E coa mesma colgóuselle do colo, agarimosa, persuasiva,
estampándolle na meixela un bico, ben sonoro e bastante coactivo, pero o rapaz
tiña as zocas achantadas na lama da corredoira, no país; ¡no país e nos propios
deberes, tanto filiais como fraternos, así que aquela chuchiña non foi prezo
suficiente para arrincarlle a deserción proposta.
-¡Herminia, ten formalidade! ¡Que non, que non pode ser, que cho teño dito, e
ti veña arrandear! Pensa en miñas irmás, nas dúas... ¿Que lles fago; a elas,
pero tamén aos patrucios? Coa pouca saúde de miña nai, e o pai zoqueando; nos
veráns, segando; case sempre por fóra, ao xornal! ¿Que será deles se non lles
gardo a facenda, maiormente no inverno, que as mulleres tedes que aprender a
coser para casarvos algo ben, o mellor que se poda? Despois está a cava, catro
fanegas de sementeira, que as penso entolar eu mesmo, que nos darán a vida...
¡Así deixamos un leiro a prado, e aumentamos unha vaquiña..., así sexa das de
cabana! Nestas circunstancias, di a verdade, ¿podo escapulirme...?
Pero a rapaza, pola súa parte, tíñao claro:
-¡Iso ten arranxo! Levámolas connosco; ás túas irmás, digo, e que aprendan polo
mundo adiante, que en Cuba teñen boas costureiras, do mellor, que moi traxadas
che veñen esas que volveron, tal que a Dolores de Peruxo...! ¡Nin sei se
vestirá mellor a Raíña de España, que ata será imposible pasarlle diante á
Peruxa!
Por estas o rapaz non entraba, que aquilo de leva-las irmás para Cuba... ¡Iso non estaba ben visto, aínda non! Ninguén daba explicacións, pero o sentir xeral era ese; ¡palpábase! Dubidoso:
-Daquela terei que esperar que casen..., que así afrouxa o pote, e redúcese o
consumo, que meus pais, eles sos, arránxanse con pouco, con algo menos. Iso
contando con que casen para cerca, para que lles boten unha ollada aos vellos.
E logo que eu son o da casa, o morgado..., ¡cousa que esqueces a miúdo! ¿Como
podo traizoar as leis do herdo, maiormente se ninguén o fai? E agora, cálmate,
miña rula, aguanta tres horas, ata saír da escola, que estamos chegando a Cas
Tellado, ¡e van notar que choraches!
-Toño, para non chorar só teño unha receita..., ¡fuxir! ¡Do que non, tírome ao
pozo do Herdeiro...!
-Cala, muller, non digas pecados, que xa falaremos diso, pero noutro momento,
noutro lugar, que se nos fai tarde, que non dabas baixado da serra, e eu, no
curral, agardando...!
-Pois non entro en Cas Tellado, que espero aquí, aquí mesmo, nesta currada.
-¿Deches en tola? ¡Primeiro falas do pozo, e agora saes con isto...? ¿Fóiseche
o siso, ou que? -Reprendeuna o rapaz, bastante irado por aquela porfía.
-Ándoche mal, peor que tola, que me fixen muller, ¿sabes?, que me veu, iso...,
¡e dáme vergoña ir á escola, así, sendo moza! Igual se decatan, e rinse de min,
co burleiros que son os máis deles! ¿Unha muller que xa é muller, e que aínda
vai á escola...? ¿Onde tal se viu? Sonche grandiña..., ¡que me veu! ¡Hoxe
mesmo! ¿Enténdelo?
Ao rapaz deulle vergoña, vergoña allea, que lle fixese aquela confidencia.
Naqueles tempos, naquelas circunstancias, un ano ou dous, a maiores, dun rapaz,
de tódolos rapaces, significaba ir, mentalmente, dous ou tres por detrás das
raparigas, pois a elas instruíanas súas nais..., ¡e aos mozos, no cuartel, os
veteranos! Había certas cousas que un home non debía saber, e de sabelas, non
podía, non debía, darse por informado. A instrución paterna aos rapaces
consistía en ensinarlles a traballar, principalmente no de fóra, na labranza,
¡que non era pouco! Os mecanismos da xeración estaban á vista na cabana
gandeira, ¡pero as vacas non teñen regras! Abraiado, nin case soubo que
contestarlle:
-Muller, se o fas, se te pos así porque teñas ganas de chorar, daquela aguanta
un pouco, que tres hora de escola, se estás atenta, logo pasan, e á volta
choras comigo, apertadiños nunha boa aperta, mesmo aí adiante, nese carriozo da
Regueira...
Pero a rapaza ía por outro lado:
-Vanmo notar, Toñiño, que igual lles cheiro, e logo que me dixo mamá que as
mulleres poñémonos coloradas coma rosas..., ¡nestes días! Unha moza, na
escola... ¡Por máis que o padrasto me trate de mocosa, agora, coa regra, sonche
moza!
Toño medrou, empetusouse para facerse acatar, para volvela ao rego:
-¡Non cho consinto...! ¿Ou é que non queres instruírte? Terás que entrar, terás
que facelo, que temos que aproveita-lo ferrado; e faranos falta saber algo
máis, maiormente de contas, que no de ler e mais no de escribir, ti estás ben,
¡mellor có cura! De saír algún día polo mundo, que non nos enganen nos
tratos...; ¡nin nas moedas, que cada país seica ten as súas!
-Toño, meu Toño, xa sei abondo, que sei para escribirche, desde Cuba que sexa,
que mo recoñeces; e do resto..., para máis adiante, que estudarei en por min,
tódolos días co libro na man, pero ten que ser lonxe, onde ninguén me coñeza,
¡onde non se rían de min!
-.-
Cuba, ¡sempre Cuba!, que esa era a súa obsesión, o seu horizonte, o seu soño; aquela esperanza, fonda, verde, nunca murcha, redentora de tódalas calamidades. Moda ou necesidade, Cuba; ¡sempre Cuba! Cuba ou Arxentina, para o caso, que incluso as consideraban próximas, que outra terra nullius, para nós, para os galegos do interior, non había, ou non a coñecíamos, pois aquilo do mapamundi, así, en abstracto, un debuxo cuns nomes rarísimos, non era doado de entender. Ese era o único, ou o principal dilema, dadas as circunstancias da inmensa maioría dos nosos paisanos. Ninguén falou, ninguén falaba da independencia cubana, como tal concepto; a expresión, a aplicación popular, xeral, era, viñese ou non viñese a conto: ¡Anda, que máis se perdeu en Cuba...! Na lóxica do paisano, se moito perdera España é que moito lles quedou aos outros. ¡Daquela, ao ataque, á reconquista, ao reparto! En consecuencia, volver a Cuba, a por Cuba, emigrar a Cuba, recuperala co traballo, no primeiro cuarto do XX era embarcarse para Covadonga, inicia-la reconquista, outra, tal e como fixeran, en tempos, aqueles hispano-suevos!
O mocete seguía en positivo; e porfiaba, insistía, con teimosía; obviamente
polo ben da súa compañeira de penalidades, única amiga e veciña, porta con
porta, currais amecidos. Case que irmá; ¡ou acaso, máis, algo máis!
-Herminia, párate a pensar, que nunca se sabe abondo, pois do escribir pásase
ao redactar; xa sabes, iso de darlles forma ás ideas, que tal lle respondiches
aquel día ao mestre, ao señor Tellado. E tampouco fagas caso deses que din que
face-las obrigas é cousa dos homes. ¿Estamos? Ti sabes que nesta parroquia, desde
que non hai frades no Convento, e grazas ás escolas destes escolantes do lugar,
pois iso, que imos tirando; ¡e nunca peor, que noutras parroquias nin escola
teñen!
-Meu Toño, algo é algo, xa o sei; e non me tomes por desagradecida, pero moito,
tampouco, que nas capitais teñen escolas tituladas, desas do Estado. ¿Serán
doutro Deus? ¡Terei que preguntarllo a don Serafín, na catequese!
-Si, muller, xa o sei, tal que en Lugo, que llelas paga o Concello, pero iso
está..., a catro leguas, ben medidas! Esas fanas para os señoritos, tal que
para o morgado do Herdeiro, que vai a cabalo desde aquí, que corta pola Granda
da Amurín, e despois quédanse por aló, el e maila besta, facéndose que é veciño
de Lugo. De media fonda, seica, de domingo en domingo, que daquela vén para
presumir, maiormente na Misa, que ese só se axeonlla ante Deus, pois para nós,
se lle falas, contéstache cun, ¡Hola!, e pouco máis, pero sempre en
castelán, ¡e coa mesma, xa se vai, apártase de nós!
-Apártase porque lle cheiramos ao esterco, a montesío, pero ben que repón do
mesmo condumio, do noso, das nosas cousas, das do país, que ben lle arriman
canto lle entra nas alforxas: xamón, patacas, queixos, chourizos, castañas,
mazás...!
-Por iso, muller, por iso, tamén por iso, que para defendernos destes señoritos
hai que saber redactar, hai que entender o que poñen eles nas obrigas...; ¡que
menos!
-¿As obrigas? ¡Aí falaches! As obrigas son das mulleres; ¡todas, de sempre!
-Herminia, a ver se tes formalidade, ¡que tampouco é así! Refírome ás obrigas
dos cartos, ¡aos recibos! Mira o caso: As obrigas das débedas de teu pai seica
estaban mal redactadas, con prazos curtos, e non sei que máis trapalladas, que
de non ser así, ese Manuel non as mercaba, que non era preciso, e daquela,
todos felices, que xa se irían pagando, co tempo, pouco a pouco! Este home,
este Manolón, mercando aquelas obrigas de usura mercou á túa propia nai, ¡coma
quen compra unha escrava!
Despois daquel extenso e intenso debate a ceo aberto, corredoira adiante,
despois daquelas deliberacións e porfías, reiniciaron a marcha, achegándose a
Cas Tellado.
-Desta vez gañas, meu Toño, pero que non te tente o diaño dicirlles aos rapaces
que xa son..., ¡iso que son, o de que xa me veu, que de aquí en diante terei
que axuntarme coas mozas, que será o meu sitio, incluso na igrexa!
-E logo, que remedio, que tes que aprender a dividir..., ¡sequera sexa para repartir
comigo!
-¿Repartir, o que...?
-¡Muller, as empanadas! Era unha chanza... O caso é que xa tes pagado, que o
teu..., o teu padrasto, o outro día tróuxolle ao mestre, ao señor Tellado, unha
fanega..., ¡de trigo! Polos catro meses, así que tedes pagado, que nós aínda
non, que lle daremos centeo..., ¡en canto vaia meu pai coas zocas á Fonsagrada,
e volva coa besta cargada! Traerá dúas fanegas, que por aló o froito, o cereal,
está algo máis barato. ¿Daquela, de que te queixas; quéixaste dun home que che
paga a escola en trigo? ¡Ingrata!
-¡Ai, si, en trigo! Foiche cousa da mamá, que porfiou co Manuel, para que me
ensinasen algo máis. Díxome que se chamaba..., que se chama..., recomendación!
-Pasa diante, que imos entrar, que estamos entrando; e mais douche consellos en
contra miña, que se moito aprendes, daquela igual te escribes co fillo do
Herdeiro, desde Cuba. Xa sabes o de, ¡Carmiña, Carmela, o zapato pide a media,
a ser posible, de seda!
-¡Si, ho, pero tamén se di que, cases ben, cases mal, casa cos do teu igual!
Dáme consellos, Toñiño; sempre, que che hei facer caso. ¡Nunca para outro vou
mirar, nin que os vexa en coiros!
-¿Xúrasmo? ¿Nin que os vexas en coiros, tan en coiros coma o boi do Herdeiro
cando se achega ás vacas? ¡Ai, logo; daquela téñote segura!
A nena da serra, ¡desde aquel día moza!, encrucillou os dedos, e bicounos
ritualmente, relixiosamente. Quedaba comprometida, na mellor das nosas
tradicións, que unha palabra en Montecubeiro, educados no rigor daqueles frades
dominicos, aos que tanto lles conviña estimula-la lealdade..., ¡cruza-los dedos
era unha sentenza!
Aquel inverno completouno Herminia, que volveu á escola de Tellado tódolos
días, sempre amparada e animada polo seu Toño, ¡canto deu de si aquel trigo!
-.-
...por un mundo que non vin!
¡Deixo a
casa onde nacín,
deixo a aldea que coñezo,
por un mundo que non vin!
Rosalía
Dous invernos despois daqueles episodios causais, daquel incidente dos lobos, dominadas as catro regras na escoliña do señor Tellado, días e días de pastoreo nas abas da Ferradura, sempre co mesmo horizonte, co mandil ao lombo, ou nel sentada, chegoulle á Herminia aquela carta de América, tan esperada que xa a tiña desesperada! Que viñesen os Magos por Nadal, naqueles días miserentos, era posible pero improbable, aleatorio, mais, o que é a Carta de América, á que se lle chamaba, xenericamente, Carta de Reclamación, esa, tarde ou cedo, subscrita por uns ou por outros, pola familia ou polos veciños, chegáballes a todos, a tódolos galegos que se visen en aperturas; iso é, en aperturas, que por antollo viáxase ida por volta, pero ninguén emigra; ¡nin hoxe, nin daquela! E logo que, ¿quen non tivo parentes e/ou amigos da familia, indianos, de corazón aberto, comprensivo, filantrópico, dispostos a pagarlle, ou polo menos anticiparlle, o importe dunha pasaxe?
Ímola reproducir tal cal, no propio zume, co seu chapurreo, cos seus equívocos,
faltas incluídas:
+ Querida sobrina te esta escribiendo por mi una conpañera de este oficio
del carajo que lo es de Ourense aquí del hotel que lo sabe acer mejor que yo
para que asi la entiendas. Ponemos las señas del Toño de Polin ese de cas colas
que tu me mandaste para que no se entere el Manuel que lo pediste en la tulla.
De lo que me dices de los lobos no sabemos lo que quies dicir mi amiga piensa
que se comieron ls lobos al Manuel cuando guardaba las obejas pero yo le
conozco desde aquella de la infancia y le juro a la Remedios que no puede ser
que nunca los lobos se comieron a los otros ni sequera en el monte cubeiro. Sea
lo que sea tu dices de venirte comigo pero la cosa es que tanvien aqui los ay y
bien feroches por cierto que nos esplotan sen piedade como al taxi pero desto
non lo deberas dicir por ai que aqui en Cuba ca uno vive como puede y de lo que
puede y jolines que tampoco lo chapelee el rapaz. Si no ties mas remedio que
zafarte del Manuel yo el pasaje te lo jiro que plata es la unica cosa que me
sobra que de las otras me falta de todo maiormente la familia y nunca peor.
No te espricamos nada mas que como eres lista ya le digo a la Remedios ques la
que escribe y yo firmo con el garabato que se esplique poquito que mi niña va
entender y esa cosa de que a buenos entendedores las razones sobran que si eres
como la Silvina ya lo entendras.
Esta que lo es y que te manda chuchiñas para que las repartas a cestas como si
estibieses espallando nel trigo.
Enriqueta Fernandez Garcia de la Habana oy que es el dia de san Jose bendito
del año veinti y dos.
(Garabato da tal Henriqueta)
Nese Vilar do Pradairo, parroquia de Montecubeiro, Herminia deixara de ir á escola particular, aquela do señor Tellado, pagada a ferrados de froito, fose trigo ou centeo, que tiña como meta o coñecemento das regras aritméticas, ¡catro!, amais daqueles supostos sobre réditos simples, ¡e pouco máis! O que non parara, nin podía facelo, era de garda-las ovellas, xeralmente na serra, mañá por noite, do inverno ao verán, e do verán ao inverno, sempre en compañía do seu Toño, de quitado na época das cavadas, ou dos terróns, da sega ou das mallas.
A pesares daquela perda, sen aquel carneiro marón, do Manuel, outro quedara,
que outro había no cortello dos Polín, así que a facenda foi a máis, e boa
falta facían dous pastores para controlala, monte arriba e monte abaixo,
axotándoa, de paso, dos vedros trigais. Nas ocasións nas que o Toño non podía
acudir, ían súas irmás, fose a Laura ou a Dolores, e por veces ambas, para
axudarlle á Herminia, pero esta facía por emanciparse daquelas cativas, máis
ben torpes, coas que de pouco ou de nada podía conversar naquelas soidades
interminables, alienantes, da súa serra, máis súa que de ninguén, acotío
visitada..., ¡e acotío sufrida!
No día en que deu chegado aquela carta, ¡a carta de América!, despois dunha
travesía de tres meses entre o barco e mailas outras demoras, hoxe inadmisibles
e incomprensibles, amén das vacilacións que tivese a propia Henriqueta antes de
encomendarlla ao servizo de Correos, por verse obrigada a confesar a súa vida,
as súas vivencias, Herminia ía, atopábase, naquela Serra do Pradairo, tan
familiar que xa lle resultaba consubstancial co seu propio ser, ¡máis aínda có
catre no que se estalicaba polas noites!
-¿Eh, rapaz, a que vés hoxe, que se che perde no monte; vas ou vés de mozas?
¿Como é que non subiron túas irmás, sequera fose para axudarme a baixa-la
facenda, que non hai diaño que as dea arrincado desta maldita restreba do Rego
do Couto? ¿Como é que non fuches mallar á Cernada, á casa de don Sidro?
-Precisamente por iso, que fun, que levo por aló toda a semana, e ao remata-lo
traballo subín a San Cibrao, á taberna, para baixar cousas para a festa do
Santo. Xa sabes, o azucre e mailo aceite..., ¡que en tal ocasión hai que
tira-la casa pola ventá, que é unha vez ao ano! Daquela...; pero mellor
afalamos ás ovellas para xunto desas penas, que é un sitio descuberto de toxos,
para entretelas outro pouco, que queda moito día, e hoxe teño que dicirche unha
cousa... ¡Unha cousiña cousa; bonita, bonita...!
A rapaza sentíase a gusto co seu galán, pero tamén lles temía ás consecuencias
de tanta proximidade en solitario:
-Pódela ir soltando, que é máis tarde do que dis, que o sol está a caer...!
¿Sabes para onde vai?
-¿Quen? ¿Onde...? ¡Non vexo a ninguén!
-¿Quen vai ser, paspán? ¡O sol! Ese non se queda por tras dos Campos de Cirio,
segundo parece desde aquí, que segue voando, voando, aí arriba, polo ceo, e non
para ata chegar ás Américas, para aló do mar, que desde alí dá a volta, só que
polo outro lado, e por iso volverá mañá, ben cedo, que ese viaxeiro nunca se
esquece de volver! Mira canto nos quere, e que ben obedece a Deus... ¿Pero ti,
de que ías; ou é unha broma?
-Muller, aquí non, que se decatan as ovellas, que mira como levantan o bico para ollarnos... Ímonos máis arriba, por xunto das rochas, ou a cabalo delas, que che traio un segredo..., ¡de altura! ¿Adiviña, adiviñanza, que cousa será, que de mollada, fala, e se non a mollas, rasca!
-¡Boh! Iso é a lingua, a lingua na boca; pero tamén pode ser a pluma, se non se
molla no tinteiro..., pero non estou para adiviñas; ándoche farta de tanto sol
e de tanto frío, por tempos, que xa podía vir mesturado; e logo estas ovellas,
tan paponas, que ata lles falo engorde, con cariño, pero só me contestan, ¡bee!,
como ríndose de min, das miñas ganas de parolar con elas..., ¡por falta de
xente ao meu redor!
Ao rapaciño apetecíalle facela rabiar:
-Muller, igual nos tes envexa aos desa cidade, aos que vivimos aí abaixo, nesas
casarías do lugar; un lugar de sete veciños..., ¡case tantos como hai en Lugo!
-¡Burro! Na invernía, polo temporal; e agora, de verán, polo distraídos que
andades nesas parcerías dos veciños. Prefería darlle ao malle, nunha eira, por
moito que pese, e por mal que se dobre, que nese caso é cuestión de untalo ben,
co vergallo do cocho...
Toño non vía tan mal iso de que as mulleres andasen, con preferencia, na
soidade do monte; un traballo que se consideraba livián, así que o seu era
seguir coas pullas:
-Non, non é a lingua, nin tampouco a pluma, aínda que o pareza; e do outro...,
¿quen se queixa de folgar? A mais de que iso ten arranxo, que mañá veñen Laura
e maila Dolores, ámbalas dúas no teu sitio, que imos empeza-lo palenque na Casa
Grande, e ben sabes que o Herdeiro quere que lle vaias ti, en por ti, para
axudarlles, ¡polo ben que arxilas na gra! ¡Claro, tes estes braciños que Deus
che deu, tan largos e tan guapos, tan áxiles...! ¡Como me gustaría comelos!
A rapaza desviouse do piropo: ¡estaban en soidade, e ben a advertira súa nai
dos perigos moceiros!
-¿Tes fame, vindo de traballar dunha casa rica?
-¡Pois por iso, que moito ten o que pouco gasta!
-Nesa chamada do Herdeiro algo hai, que o noso Manuel, para que non lle fagan
subi-la palla ao palleiro, quédase atendendo ao pote; e ben que nos manda, ¡ás
dúas!, ás casas de fóra. Ten graza, que nós ímoslles dous, miña nai e mais eu,
cinco ou seis días, ¡seguidos!, canto lles dure a malla, e eles págannos con
manda-lo criado á nosa eira para darlle ao malle, como moito, un día!
Toño, máis submiso ás serventías tradicionais na bisbarra:
-Muller, tamén levades as vacas ao touro, cada vez que anaturan; as tres vacas,
que fan, catro ou cinco veces ao ano! E logo está esa cousa do reparto dos
Consumos, en Castroverde, ¡que miúdo favor ese do noso cacique, que sempre vos
deixa quedar por pobres! Daquela, favor por favor, que o Herdeiro ten dereito a
gañar, que por algo é o veciño máis rico destas casarías, ¡e ata non sei se o
será de toda a parroquia!
Herminia, un tanto celosa, aludindo á filla do Herdeiro, máis ou menos da mesma idade:
-¡Toño, que te vexo vir, que te vas cos ricos! ¿Non se che antollará
Rosalía...?
O rapaz, que non, que aquelas uvas estaban verdes:
-¿Rosalía, a do Herdeiro? Esa vaiche de Igrexa, que a estudan para Ama, coma
súas tías, e coma as tías das tías, que por algo a teñen na cociña, de man
branca..., ¡que supoño será para ensaia-los pistos, que non vaia envelena-los
cregos! ¿Sabes por que lle chaman Herdeiro? ¿Non? Ese alcume venlles de que
sempre se amañaron para quedarse coas lexítimas dos irmáns, fosen machos ou femias,
que daquela, con iso, ao morgado, ¡tres terzos! ¡A unidade, enteiriña!
-Cambia, muda de conversa, que aínda non me deches o recado, e xa témo-las
ovellas arrexuntadas!
O rapaz tiña ganas de facela rabiar, outro pouco, no que fose:
-Teño unha cousa...; ¡aquí mesmo, no peto! Unha cousiña cousa que se parece a
unha lousa, e mais pizarriño non é, que non o precisa, nin falta que fai, pois
o pizarro de escribir téñoo eu, ¡no peto do pantalón!
Herminia mostrou os acenos do seu enfado antes aquelas chanzas do seu Toño:
-O que ti queiras, mal becho, e distráeme para que volvan aqueles lobos, que
así bótame Manuel para Cuba. ¡Definitivo! E con iso, reclámote!
-¡Quente, quente, que se ao lume fose, mesmo desaparecía; e coas muxicas íase a
propia cinsa!
-¡Tarabelo! ¡Vaite por aí arriba, e non pares ata o Miradoiro! Vailles dar
unhas apertas aos lobos, que a tal momento, así á tardiña, seguro que están
brincando coas meigas da campa...
-Muller, achégaste ao caso..., niso da aperta! Trátase dunha aperta, das de
verdade, que ma tes que dar ti, ti mesma, que dos lobos nada quero..., ¡que
teño dezaoito, e ti poucos menos, pero nin con esas, véndonos acotío...! ¿Dásme
agora esa aperta pola que tanto levo esperado? ¡Hoxe merézoa, e que sexa cos
corpos ben aconchegados!
-¡Non te pases, Antón, que nos está vendo Deus...! -A rapaza púxose fera ao
velo aproximarse ladina e suavemente. -Primeiro temos que subir ao Convento,
para que don Serafín nos diga esas palabriñas do casoiro..., ¡pero, se non te
animas a ir comigo, daquela, nada, abstención coresmal! ¡Nin agora, nin nunca!
-¿Ir contigo..., a Cuba? ¡A onde vou contigo é ao pendello da herba, que alí o
rebufo do feo faranos ferver a manteiga, gota por gota! Se cambias de opinión,
iso está feito, cando queiras, que vai sendo hora... ¡Muller, ti e mais eu, con
tantos anos de querenza...!
-¡Toño, non sexas can, que ben o sabes: nin na herba, nin nos toxos, que se
queres arrolarte, faino coa loba! Ou vés comigo, xuntos, a busca-la sorte, ou
non haberá casoiro..., ¡polo menos ata que volva de Cuba!
-¿E se non volves? Daquela váiseme ir..., iso, a manteiga; ¡xa sabes, polo
calzón abaixo!
-¡Volvo, ho, volvo, que sen ti, eu..., media persoa! De Cuba, o que quere,
volve; os que non volveron, ¡á forza!, foron aqueles da Guerra do 95 ao 98,
pois aqueles..., ¡aqueles non quixeron que os enterrase o noso Afonso da
Cordeira!
-Falando de Cuba: ¡Salta perico, e tírate ao río, que todos chegan ao mar, e
tras do mar atoparás unha cartiña carta, que ma traerás no teu piquiño pequerrechiño!
A verdade, sen máis pullas, é que me deron unha cartiña carta, ao meu nome, que
está escrita cunha pluma mollada..., ¡e por iso, fala! Esta adiviña era doada,
¿non si?
-¡Bobo! ¿É unha adiviña, ou é de verdade? ¡Mira que me fas rabiar...! Logo se
mete a noite, que minguaron os días, que xa se lles nota, e temos que baixa-las
ovellas, e descansar, e facer forzas, que a malla do Herdeiro non é a festa do
Santo! ¿A que agardas? ¿Esperas polos zapatos do defunto? ¡Pois eu, defunta me
quedo, aquí mesmo, se non mo dis pronto!
Toño, por fin, deu quitado aquel sobre, engurrado de tanto telo no peto. Nin
que dicir ten que Herminia, ao velo, púxose a danzar, subida nun croio, voltas
e máis voltas, pero o rapaz mostraba e retiraba aquela misiva, con aqueles
xogos, con aqueles malabarismos, con aquelas picardías xuvenís, moceiras.
-.-
-¿Toñiño, ves como foi de lei? ¡Tardou, pero contestoume! ¡Aínda que cha vexo na man, cústame crelo! ¿É dela, verdade? ¡Moita espera foi, que moito lle recei á Santa Petronila!
-¿Por que? Polo correo fun eu..., ¡e mais non me rezas!
Chegara, xa a tiñan, xa estaba nas mans daquel rapaz, así que tampouco corría
présa abrila, lela, pois Herminia estaba segura de que unha negación non era,
non a contiña, ¡que para dar negativas non se escribe unha carta! Sentíao,
notábao aló por dentro, así que parou de irritarse por aquelas picardías do
Toño, e incluso se parou a contarlle unha historia haxiográfica:
-¿Non sábe-la cousa? ¡Pois éche ben guapa! Petronila era unha moza romana...
-¿Unha romana, desas de pesa-los xatos?
-¡Animal! Era unha moza daqueles romanos, que se fixo católica. E tamén había
un mozo, de boa casa e de boa caste, que a pretendía...
-¿Clodio, o fillo do Herdeiro..., non si? ¡Se o pillo chiscándoche o ollo...!
-¡Bobo! Ademais daquel pretendente, Petronila tiña un noivo, tamén católico, ao
que lle quería de verdade, que estaba na Lexión Estranxeira, casualmente por
aquí, nisto da Gallaecia... Escribíanse e todo iso. Pois ben, o de por
aló, o rico, comproulle ao carteiro unha das cartas, que por aí se informou da
causa daqueles desaires... Nada, ¡ou todo!, que mandou que lle cortasen o
gañote, dunha tallada, que a moza, ¡ou del, ou de ninguén! Por iso Petronila
foi mártir, avogada dos inocentes, dos bos..., ¡e castiga aos malos, maiormente
esas parellas que se arrexuntan sen pasar polo Sacramento! ¿Sabíalo?
-Muller, esa historia da Santiña da capela do Barreiro xa a sabía, ¿ou tesme
por forasteiro? Neste caso, no teu, moita fe, pero..., ¡tardábache o milagre!
¿Non si?
Herminia buscou no seu maxín unha explicación daquel fallo da Santa; aquela
morosidade...
-É que..., igual ía mal o aderezo, que miña nai tíñao de fai anos; ¡ou se
mudara de lugar...! Pero vese que o carteiro deu con ela, e iso que esa Cuba,
máis que unha cuba debe ser unha adega! O nunca visto de grande... ¿Nunca te
paraches a pensar, meu Toño, na cantidade de xente que vai aló, de ano en ano,
e hai prata, prata e comida, para todos? A ver, ho, que de chanzas chega, ¿que
di Henriqueta?
-¡Muller, non o sei; non podo sabelo, que non a lin, aínda que vén ao meu nome,
que niso quedaramos, que ti mesma llo pediches por culpa do Manolón, pero, como
vin o remite, o remite e mailo selo, túa é!
-¡Veña, rapaz, lee; ti mesmo! ¿Que non...? ¿E logo, tanto que presumías na
escola de ler ás carreiras...?
-¡Pero esta non é miña! ¡Xa cho dixen!
-¿Entón, como sabes que vén de Cuba, sen lela? -Non aguantaba por máis tempo as
retesías do seu rapaz.
-¡Muller, outra vez...! Seino polo selo, e polo remite, que sen iso as cartas
non viaxan! Toma, e mais non debera darcha, que se chego a queimala...,
¡daquela sempre estarías aquí, comigo, neste país!
A rapaza lía, e relía, bicando na carta a cada intre, pero sen soltar prenda.
Agora foi Toño quen se cansou de esperar polas novas.
-¿Herminia, quedaches muda? Polo tempo que pasou, debíchela ler..., ¡catro
veces!
-¡Cinco! ¡Que mal redacta a nosa Henriqueta, pero é moi boa!
-Se me dás un bico, léocha eu; e de lida, explícocha. Si, muller, que non é de
balde, que cho devolvo..., na punta do nariz; e se pode ser, máis abaixo,
cadora máis abaixo, ata as mesmas zoquiñas, que tamén o merecen..., ¡polo que
carrexan! Se estiveses casada comigo, daquela non precisabas zocas, que te ía
levar no colo, mañá por noite!
-¡Vaia teima con iso das chuchas! ¿Sabes o que di miña nai? Que cos bicos e co
vento, avéntanse as saias, e daquela, ¡frufrú, chinchín! Disto da carta
entendín abondo, por agora; o suficiente; e coa mesma, vou gardala, aquí no
peito, non vaia ser que se me perda nestes carreiros da serra, que pode pasar
un veciño... ¡Vai por dous anos que son moza, moza e sen emigrar, achantada por
tras destas ovellas, que nin que fose unha retrasadiña!
Estaba visto que non lla ía mostrar, que algo raro debía conter, así que o
rapaz non puido disimular a súa curiosidade:
-¿A ver, muller; mándachos...? ¿Non chos manda, ou é que non os ten? ¡No sitio
dunha carta, co tempo que lle botas, xa parece unha confesión!
-Mándame a dicir que se me decido, noutra...; que noutra virán os xiros, as
letras...; ¡iso, as letras dos cartos! ¿Chégache, pelmazo?
-¿Daquela, vaste; si, de verdade? ¿Arríscaste a perderme...? ¡Ai, muller, mira
que ti e mais eu non facemos mal casoiro! ¡Que va! E trigo non che vai faltar,
tanto que levo entolado...!
-¡Como hai Deus que o fago, meu Toño, que me vou! Pero ti, tranquilo, que en
chegando, a pouco que gañe, mándoche a pasaxe, a túa..., ¡nun xiro deses, ou
por un propio!
O rapaz no sabía como poñerlle atrancos para retela, para conservala naquel
rueiro, cerca de si, con casoiro ou sen el.
-¿Tan decidida estás, sen outra matinación...? Herminiña, esa América queda
lonxe, moito...; ¡no quinto coño, como di o teu Manuel!
-¡Outro mal falado!
-¡Muller, de verdade, que témo-lo mar de por medio; coido que máis do que te
figuras! ¿Lémbraste do que nos dixo Tellado naquel problema? Que esa Habana
está para alá do meridiano dos 82º. Daquela bótalle a conta: Se 360º fan as 24
horas do día..., quere dicirse que a metade fan 12. E así, a metade da metade
queda en 90º, co que veñen a ser 6, ¡seis horas completas! Se restamos os 7º de
Lugo, e quen quita 7º atópase en Cuba con 75º do noso cuadrante...; que se os
comparamos cos 90º das 6 horas, veñen a ser..., ¡un sexto menos! Logo, quen de
6 quita un, un sexto..., ¡cinco, cinco horas de diferenza, polo sol!
¿Enténde-la cousa, miña currusca? Acórdate disto, que cando ti papes a parva,
eu xa estarei coa merenda, que aquí imos por diante; ¡nisto do sol, claro, que
no demais van eles!
¡Nada, que non houbo apeo! Herminia disimulou unha bágoa, unha por cada ollo; e
volveron a sentarse naqueles seixos, un anaco máis, e iso que se achegaba a
noite, alleados por completo nas súas coitas, pero tamén nas súas esperanzas,
nos seus avatares respectivos. Abandonados en si mesmos pois a facenda, de ben
mantida, e cansa dun día de sol completo, ininterrompido, aínda non se
escamallara.
O solpor, xa por encima dos Campos de Cirio, chiscou un adeus no cuarzo da
pena, naquel pereiro tan amigo, tanto, que lles servía de abeiro habitual, e
con iso deulles uns reflexos, un si é non é sinistros, difractados, pero
aqueles rapaces tan inocentes e tan alienados nas súas interioridades, nin diso
se decataron, que non estaban para captar mensaxes, aínda que mensaxes fosen!
Postos á baixada, coas ovellas enveredadas, deron en asubiar uns sons
coñecidos, coma dous cativos camiño da feira; e así ata que os detiveron
aquelas badaladas das campás de San Cibrao, segundo se dicía fundidas polos
frades con máis prata que bronce, que por algo dixo delas o poeta local, Lois
do Cando:
Do tempre desta campá
non se ten escoitado outra.
¡Que alegre nas procesións!
¡Como repenica á gloria!
¡Que ben esconxura ó trono
ca súa lingua maxestosa!...
¡E que triste toca a morto,
cando hai morto na parroquia!
-Herminia, a modo, párate; non oes...? ¡Temos que rezar o Ánxelus!
-¡Ai, Toñiño, reza ti; vai por diante, que non teño apetencia de abri-la boca,
que ata non sei por que temos que atenderlle ao toque de Oración, que eu
síntome no Ceo, e no Ceo non se reza con oración vocal, que alí tense de todo,
posto na mesa, e sen pedilo!
-.-
A chucha do día do Santo
Naqueles días da malla os veciños andaron, traballaron, como de costume, en parcería, de casa en casa, dálle que dálle ao malle, coaña que te coañarás e criba que te cribarás. Grazas que Silvina convenceu ao Manuel para que lle fixese outros traballos, daqueles secundarios, rutineiros, no entrementres, das dúas casas pois o Colás facía falta nas eiras de todo o lugar, que era un experto en palleiros, en asentárlle-la palla coa inclinación precisa para que esvarase a humidade naquelas invernías da montaña; redondealos, escolmalos, envealos, e todo iso.
Naquela época non se podía prescindir dos útiles; nin dos forzudos, nin dos
artistas. Tan afanados, todos, uns no traballo principal, e os outros nas
substitucións, ou nas labores auxiliares, complementarias, pois o verán galego
ben sabemos como é, ¡como foi!, e máxime para tanta manualidade colectora, pois
daquela, as máquinas..., ¡quen as viu! Os nosos rapaces, Herminia e mailo Toño,
nin ocasión tiveran de falar con calma das súas cousas, dos seus proxectos; en
definitiva, unha simple carta, pero, ¡inmensa! Desbordante de imperfeccións
gramaticais, pero máis, aínda máis, de misterios e de leccións. A ocasión
veulles días máis tarde, a mediados de setembro, coa festa do Santo, do Santo
Patrón, San Cibrao.
Entrados nos Vinte, xa chegara ao país algún diñeiro da emigración ultramarina,
en cantidades apreciables, e as casas, maiormente con iso, ían librándose,
paulatinamente, daquelas "obrigas", daqueles foros, daquelas teixas
en cabana... ¡Aquela si que foi unha Guerra de Liberación!
Todo iso, aquel progreso incipiente, emerxente, aquelas avantaxes, reflectíanse
singularmente na grandeza das festas parroquiais, anuais, rivalizando entre si
as freguesías contiguas, pois entre arxentinos e cubanos adoitaban paga-la
pólvora, e coa pólvora, o ramo; tamén á banda de música, á de Bolaño ou á de
Pena, co seu director - fundador - mestre de solfexo, Afonso da Cancela; ¡outro
castroverdense que se quedou sen estatua! E logo que empezaba a haber algún
médico en Lugo; aínda que poucos, doados de coñecer e de relacionar, ¡pero
difíciles de pagar! Con algunha medicina na botica, amén das menciñas dos
curandeiros, case sempre pos, herbas, mesturas, catro químicas, combinadas
segundo unha receita maxistral..., ¡ou non tanto! Por parte, unha mellor
nutrición, coas tises e demais epidemias en franca regresión... ¡Xolda, en definitiva;
con motivos para tela, ben merecida!
...
-Meu Toño, ¿a onde me levas por este cómaro, tan lonxe do adro? Á Misa fuches,
que comigo comungaches, mais agora non andas con boas intencións, pero...
¡pérdeste, pérde-lo tempo, que eu dou conta de min, que non bebo; nin bebín nin
beberei, que non lle fago a competencia ao Manuel, nin sequera nas festas, fóra
desa auguiña da nosa fonte, tan boa que é e tan mala de carrexar, que non me
dou afeito a iso das sellas bailando na cabeza, nunha rodeliña...!
-¡Muller, non sexas esquiva, que só estamos por tras da horta do convento..., a
vinte pasos do torreiro! E logo que te vin atraendo para aquí, de boa fe, pola
man, coma dous nenos, para estar algo a soas, apartados desa bulla, que
deixamos a medias aquilo da nosa carta...
-¿Pode saberse que andas matinando?
-Herminiña, miña Herminiña, estou rabiando por saber que decisión tomas; e se a
tomas, de que xeito vas face-las cousas, que eu son parte neste asunto, unha
parte interesada, moito! ¿Ou xa non, xa non me queres agora que tes esa carta
de reclamación..., por dentro do teu xustillo?
-Pero, home, párate; ¿como cho teño que dicir? Aquí, aquí mesmo; sentémonos
neste arró, que sentados nesta parte do campo, mal non facemos, coido que non,
que nos ven pero non nos oen; e coa música soando, aínda menos; ¡así acéptoche
que me xebres da festa! Tamén che quería falar eu, que moito me andou na cabeza
aquilo dos graos, esa cousa da diferenza horaria... ¿Que dixeches, seis horas
de diferenza? Debe ser porque o sol é así de grande, moi pesado, e por iso vai
amodiño, vagaroso, pois pasar do Leste ao Oeste, tan só polo noso horizonte,
lévalle desde o lusco ao fusco..., ¡que nin que fose un carreto con vacas
esfameadas!
-Non, muller, non é exactamente así, que quen camiña é a terra. ¿Explícocho?
Seino de certo, que mo contou Tellado; ¡a historia é dun tal Galileo...!
Aquela disquisición, aqueles coñecementos xeográficos, tíñana sen coidado; ¡os
seus problemas eran outros, persoais!
-¿Toñiño, sabes que che digo...? Aínda que se durma pouco, por aló, e aínda que
toquen á Misa de cedo ben cedo, por culpa dese sol..., ¡eu penso afacerme, que
durmo menos có galo! ¡E cando esperto, dous rosarios!
-¿Dous? ¿Repartes as indulxencias co Manuel?
-¡Adiviñaches! Un, por nós, a ver se chegamos a ter sorte na vida; e outro polo
meu pai, coa condición de que, se xa non precisa sufraxios, que vaian pola
ánima do Manuel..., ¡anticipados, para que o amolente Deus!
-Se te casas comigo, axúdoche nese oficio de reza-lo rosario; ¡cada un, un; pero dos de cinco misterios!
A rapaza nin con esas, a pesares da súa relixiosidade, ou precisamente por iso.
Sentáronse na parede do cómaro, mesmo por tras das ruínas do convento, xunto da
cerca da súa horta, collidos das mans. Herminia retíñallas máis ben para que o
rapaz non fixese outro uso delas.
-¡Toño, que cho veño dicindo, e ti, nin caso! Aquí cheguei á estrema, ao
lindeiro, e co padrasto, ¡punto final! Ben cho levo dito, pero ás mulleres só
nos escoitan os cregos, ¡que se cadra é por iso de que eles tamén levan saia!
¡Agora teño quen tire do meu trelo, quen tire de min!
-¡Mira que es teimuda! Pois, de non ter remedio, déixame quedar neste país, no
noso, ata servir a El Rei, ¡que máis demora tampouco cha pido!
-Meu Toño, se che mando pesiños, daquela igual chegan a tempo de que pagues
Cota, ou seguro, iso que se paga para que vaia outro ao Servizo no teu lugar...
Toño, aforrallón e algo marulo, escandalizouse:
-¿Pagar, eu, por unha cousa que pode facer cada quen? ¡Nin co teu diñeiro nin
co meu! Neste tempo, no do meu Servizo, ti vaste desenganar, en América; ¡e se
che vai mal, daquela volves comigo! Do que non, máis adiante..., con miñas
irmás casadas, igual me animo, e vou eu, que quen é capaz de segar o que eu
sego tamén corta esa cana do azucre, que seica é un traballo duro, dos máis
fortes. ¿Ruliña, paréceche ben?
A mociña calou, pero deu en pinga-lo ollo.
-¡Muller, o que nos faltaba! ¿Queres que che afonden, coma unha poza, eses
ollos tan frescos, e tan guapos; tan guapos e tan riseiros?
-Meu Toño, foi que me representei, por un momento, que nos estabamos
despedindo, xa..., ¡para América!
A súa diferenza de sensibilidades era notable, así que o rapaz nin se decatou
daquela crise emocional, por outra parte tan motivada.
-¿Cando lle respondes á tía Henriqueta? Ti chámaslle tía, que o é, pero de min
é prima; séxase, prima terceira do meu pai, que as nosas casas saíron dun
tronco común, que seica veñen dun criado do convento que casou cunha pastora
das ovellas dos frades, así que nós seguimos en familia, pois a familia dura
moito..., ¡habendo trato!
-Toñiño, se tivese aquí un cartapacio e mailo tinteiro, agora que estamos ben
mantidos e ben folgados, aquí, na festa, que nin ganas de bailar teño, e iso
que esa música soa de gloria, que ata parece que canto máis lonxe mellor se oe,
nesta calma dos hortos... Pois iso, que me poñía a escribirlle á tía
Henriqueta, de contado, para que me mande eses cartiños; ¡de serlle posible,
antes do Nadal, antes dos nevaríos!
-Herminia, vólvocho a dicir... Tanta calor, que aló moita debe facer, que só tes que fixarte na clase de roupa que traen eses que volven... ¡Deus nos asista, que tempos nos esperan! Por se acaso, vouche dar unha aperta, ¡que as feitas, cóntanse! E xa que non bailas, bailemos doutra maneira, cos corpos xuntiños..., ¡agora que se puxo o sol!
A rapaza, intuíndolle as intencións, separouse algo, previsora.
-¡Ai, muller, que nin que fose pegar contigo, que é tan só para ensaia-la nosa
despedida!
-¡Tes boa penela, botarlle ese conto...! ¡Que non quedas só, rapaz, que che
quedan as ovellas, as cabras, as árbores, e mailos penedos da serra, tan ben
que os coñeces; e logo está a festa..., esta, a do Santo, un bispo!
-¡Muller, non sexas cutre, que todo iso doucho..., a cambio dunha aperta! ¿É
moito pedir entre mozos que están chamados a casar?
O pillabán estivera atento, calculador, ao paso dun nubro, e daquela, minorada
a luz, achegouse..., ¡no intre de máis escurecemento! Naquel cómaro, sos,
illados do barullo e da curiosidade festeira... Collida de sorpresa,
conquistada nun momento de hipersensibilidade, Herminia deixouse querer, e
correspondeulle, ¡con toda a súa alma! Pero aqueles brazos do cavador
calcularan mal, ou máis exactamente, non calcularan, así que lle deu as
queixas:
-Toño, que son de carne..., ¡e confúndesme cun feixe!
-¡Muller, o que non é de palla son eu, que de tanto que me doe o peito, preciso
que mo acalentes! Abrazar, abraceite, abrazámonos, ¡como é debido!, pero
fáltanos a chucha grande, a boa, esa de boca con boca..., ¡que se non ma dás,
morro!
-¡Vai empezando...! ... ¡Non, ho, para aí, que che dixen que foses
empezando..., pero a morrer! ¡Ladrón, que es un ladrón, que mo fixeches á
trapela, e iso non vale, non é decente!
-Daquela dáma ti, pero que sexa pronto, coa boquiña aberta, antes de que pase
esta nube..., ¡xa que che dá vergoña facelo á luz do sol! Si, muller, faino;
¡ou déixamo facer, agora que non hai ninguén ao noso redor!
-Este biquiño voucho dar, vouche deixar..., ¡se non te pasas! ¡Que te vexo vir,
que despois das apertas dos brazos os homes queredes as outras; xa sabes, as
das pernas..., que te entendo, que as túas mans non paran quedas, pero,
esoutro..., ¡iso despois da igrexa!
Porfioulle, buscándolle os beizos reiteradamente, asegundando, repetindo con
paixón infantil pero ardente, o que se di un refresquiño:
-¿E logo, non estamos cerca da nosa igrexa, que incluso a pasamos, que aquí xa
son as encuastras do convento?
-¡Coa estola, rapaz! ¡Terá que ser coa estola do casoiro; así, ou nada! ¿Queres
as cousas de despois da voda sen pasar polos requisitos previos...? Carneiro,
que es un carneiro, para de turrar en min, que nós van ver..., ¡e xa tiveches
unha ración de bicos!
-¡Herminia, tivémola, que tamén che din cariño! Es unha condenada, unha
mesquiña, que sempre me deixas con fame... ¡Xúrocho!
-¿Tes fame? Pois daquela salta esa parede, que tras dela, verzas hai; e se
cadra, repolos, que media horta está a repolos... ¡Tanto lle gustan a don
Serafín, que así está el de repoludo!
-¿Verzas? ¡Ag, que noxo; nin verzas nin repolos, que iso é un prato de diario!
O cura estache barrigudo dos torresmos, que cho digo eu, e non do que a min me
dan, ¡pois tan pronto me achego...!
-¡Que che vou facer! Oes, aí adiante, nese campiño do Afonso, hai codesos, e
como son amargos, igual che gustan para as lombrigas..., ¡se tanto che pica a
barriga! Do que non, vén para Cuba, que alí, de casados, faremos canto se deba
facer, e así farásenos máis curto..., ¡aos dous!
-Muller, diso, non; por agora, non, que xa o temos falado. ¡Tan mansiña que
pareces, mesmo unha ovella, e hai que ver co mo tornas de min, do meu
cariño...!
A rapaciña zanxou, ¡tan rotunda que nin a Paz de Zanjón!
-Eu sempre torno dos lobos..., ¡por máis que me facedes pouco caso!
¿Esquecíchelo?
No torreiro continuaba o baile, pero finalizaría enseguida, entre lusco e
fusco, pois aquel cura era medio agareno, e tan pronto deixaba de distinguirse
un fío mouro dun branco, cortaba o Ramadán! A súa inxenuidade non lle permitía
decatarse de que as picardías non estaban no torreiro senón no camiño de volta,
¡nos atallos das corredoiras!
-.-
¡Non sacho máis!
Coa carta das Américas gardada en sitio seguro, primeiro no xustillo e despois no fondo da hucha de súa nai, Silvina, Herminia pasou aquel inverno máis feliz cás andoriñas cando se abeiran nas tépedas do Magreb, tanto ela coma elas á espera dunha primavera venturosa, prometedora, que a librase, definitivamente, das inclemencias e dos riscos da serra, da serra e do seu circundo. De paso, das carraxes do padrasto, aquel Manuel, aquel Manolón, tan inefable como inaguantable.
Silvina, pola súa parte, cheirando novidades, presentíndoas, aproveitaba
tódalas ocasións propicias para incita-los namoros daqueles rapaces, da súa
filla co Toño, co fillo de Colás, amañando, de lonxe, un casoiro que lla
enraizase naquel lugarciño de Vilar, unindo, de paso, dous morgadíos forzosos,
varón el e única a súa filla, que por cativeiros que fosen..., ¡eran dous! Na
súa resignación, naquel sometemento aos infortunios, prefería aqueles males,
pobrezas tales, coñecidas, habituais, aos eventos americanos, tan
contraditorios segundo certas versións daqueles retornados que ían chegando,
reincorporándose á parroquia.
No intre en que retomamos esta historia témo-las dúas mulleres sachando no
horto, da parte de abaixo das casas, opándoo, rompéndolle a costra, o terrón,
máis que polas herbas para que o terreo collese tempero, para que entrase en
cocción, en purga que se dicía, coa inminente mellora do tempo, coa quentura
primaveral.
Despois daquelas hortas, que nunca se construíron edificacións no fondo dos
lugares senón do medio para arriba, con tal de que houbese fontes próximas,
principalmente por razón de carreta-lo esterco, viñan as leiras do froito, os
fondais; e no fondo máis fondo do val, a rega, a pradaría. Hoxe en día todo iso
está refundido por obra e por graza, ou por desgraza, deste monocultivo das
leiteiras.
Do Manuel, naqueles eidos, nin trazas! Se cadra aló arriba, máis arriba, moi
arriba, cerca do Convento, vella atalaia, milenario cenobio daqueles frades que
gozaban contemplando o milagre das súas carballeiras. Na vila, na taberna,
dándolle á brisca, farfallando como de costume; explicando, outra vez, a
fondura daquel canal transoceánico, aquelas obras nas que gañara, ou tal dicía,
aqueles dólares tan escorregadizos que, escorréndose, facían as delicias do
taberneiro de San Cibrao, Cuco de mal nome, ou de nome exacto, que
outros aniñaran no Canal, na cana, ou na Pampa, para ir directos á súa filla,
aquela Vitoria tan pirixeleira..., ¡que os alcumes nunca foron gratuítos!
-...
-¡Mira que ben estamos, que aí vén ese Toño para axudarnos a sacha-la horta!
Herminia ergueuse, incorporouse, apoiada na picaña, e apresurouse a limpa-la
suor co propio mantelo, a falta dun paniño. Despois ollou ao lonxe, cara a onde
lle indicou súa nai, para o carreiro serventío daquelas propiedades:
-¡Uih, non sei se será verdade que veña de roga, que trae a camisa de flanela,
a dos días santos! ¡Este foi busca-lo Entroido, e faltan tres días, así que vén
de baleiro...! ¿Que fas por aquí, presumido, con esas galas de mocear, vestido
desa maneira...? ¿Andas ás mozas, xa de mañá, coma os gatos? ¡Ah, folgazán...!
O rapaz sorriulle á mociña, deténdose xunto delas. Chiscoulle un ollo á súa, e
díxolles, garatuxeiro, á vez que explicativo:
-Se lles fai falta unha man, tamén se lles bota; ¡ao pescozo que sexa! Pero
isto da sacha non se me dá, que me sobran forzas, e daquela fondo demasiado,
¡un furco de máis! Vénseme o esterco nos dentes do raño... O caso é que fun á
igrexa, de cedo, que aínda estaba o cura coa criada...; ¡quero dicir, rezando
nos maitines, non pensen mal! -E chiscou outra vez o ollo.
-¡Tolo! ¡Non fales do que non viches! ¡Home tiñas que ser..., e como tal, mal
pensado!
-Herminia, perdón, que agora vai en serio: Fun buscar o viático para a señora
Manuela de Freire, e ao verme o señor Ignacio deume outra carta, no Correo; e
mais non cha debera traer, ¡por se é o que penso...! ¡Cousa boa non é; para
min, o peor, que xa te vexo nese país do azucre!
Herminia, engurrando o cello, impaciente, amoscada:
-¡Veña, ho; dáme ese sobre e déixate de prosmadas, que se as novas son novas, se son tenriñas, tamén o serán para ti, se é que me queres...! ¡Tarde ou cedo, pero boas!
Silvina desoíu aquela porfía, aquel regateo da carta, e interesouse pola saúde
da veciña, que o resto podía esperar:
-¿E logo, como queda esa muller, tira dos folgos?
-Pois, a medias; trouxéronlle o médico de Serés...; ¡xa sabe, ese ao que lle
chaman Sufre, que logo parece un carro do carreto, rung-rung, que sempre
di, "Anímate; aprende a sufrir e a calar"! Seica deu esperanzas,
pero, por parte, a parteira, esa Laura do Rego de Berlán, ¡que esa entende de
mulleres, esa si!, recomendoulles que avisasen ao cura; e daquela...
-¿Daquela, que; don Serafín, que...? Ese, para a cousa dos pasaportes, onde pon
o ollo..., ¡ou festa, ou despedida!
-¡Señora Silvina, estalle tan afeito aos enterros, que os osma desde o
convento! Díxolles que é do mesmo parecer, que a parteira ten razón, ¡que a
señora Manuela leva moitos anos ao lombo! A pobre está xibosa, co espiñazo coma
a lúa minguante, que se puxo crequena de tanto carrexar feixes, ¡co lonxe que
teñen as terras...! A herba, a ferraña, o calexo..., ¡que poucos cambios levan
feito, que nin ocasión tiveron! Iso da chepa apértaa no peito...; ¿nas
costelas, sabe?, que lle saen para fóra! Terán que ir pensando no funeral, e
nos responsos, pois..., catro duros son seguros, á conta de catro burros!
Nova reprimenda de Herminia:
-Toño, a modo, que logo vén o Precepto, e despois vaiche dar vergoña contarlle
ao propio don Serafín iso de que te ris del, ¡do propio párroco!
Silvina, que tamén, pero máis preocupada polas consecuencias materiais,
territoriais:
-¿Daquela avisarán ao escribán...? Iso sempre, para que non haxa liortas nas
partillas, que por pouco que se teña, habendo lexítimas curtas é unha lea, que
hai que compartir, ¡e por veces nin se sabe como!
-¡Non llo sei, pero, total, para o que ten que deixar...! A súa dote papárona
en aparta-las cuñadas, ou iso se di, e logo que non fixeron compras, ¡que eu
saiba! Don Serafín hoxe si que estaba feito un serafín, revestido e todo, que
cando se pon de boíño, logo parece un anxo; sacramentouna, así que, ¡untura
do zapato, ou voda ou catafalco!
Silvina, adoutrinando:
-¡Ai, ho, vaia teima, que só aos rapaces se vos ocorre chancearse coa morte! O
viático, se non cura, o que é matar, tampouco. Son falares da xente descrida...
¡E que Deus nos valla, que moita temos nesta parroquia! Demasiada, que se cadra
vénnos daquela enchente de frades, pois o moito leva ao pouco, e por parte, o
pouco leva ao moito! Xogadas de Deus, que ten o seu xeito de abalar para que
caian as maduras; ¡será para ir facendo sitio! Desde que se perdeu Cuba,
daquela, en vida de meu pai, a xente botouse tras do peso..., ¡e as ánimas, ao
purgatorio!
Volveuse cara á filla ao verlle o que estaba facendo, aquel xesto rompedor,
iconoclasta, aquela defección:
-¿Nena, toleas? ¿Por que arrebolaches esa picaña, unha cousa de Deus, unha
ferramenta, que nos mandou traballar coa suor da fronte..., e non coa dos de
enfronte? ¿Enfadácheste polo que vos estou dicindo? ¡Son consellos bos, dunha
nai preocupada, que teño a responsabilidade da túa salvación...!
-Señora, punto, como di Tellado, que eu non sacho máis, que se uns perderon esa
Cuba, outros ímola gañar, como se gañou aquela reconquista de España, empezando
pola nosa Galicia, que aquí, daquela, mantivemos o gando para manter e soportar
aqueles guerreiros que foron á Gallaecia do Leste para libera-la Cova da Nosa
Señora... Agora, de presente, nesta recuperación de Cuba, eu farei canto poda e
se precise..., ¡así sexa atizarlles aos fornos da cana do azucre! Queda dito, e
con dúas testemuñas, que se fai falla voulles preguntar aos de Cabanela onde
vive ese escribán, ese dos testamentos..., ¡para que vos dea fe do que prometo!
A nai, presentindo e temendo o abandono das súas leiras:
-¡Ai, Deus, como se vai poñer todo isto! ¡Quedará a monte, e algún día haberá
que volver a rompelo...! ¡Meu hortiño, este eido, quen te verá de hoxe en
diante, pecho de herbas, apoderado das ortigas, co que me custa dobra-los cadrís,
que xa teño os meus anos! -Botándose as mans á cabeza, torturada por aquela
traxedia familiar, non por esperada menos dolorosa.
-¿Mamaíña, sabes que che digo? ¡Que non me dás pena, que tes contigo ao
Manolón, que moito lle aguantas, así que fai por dobralo; na sacha e no demais,
que tamén se agacha para cincha-la besta, e diso o condenado non se queixa! En
parte tes ti a culpa; ti soa, por consentidora, que mesmo nos ten de
criadas..., ¡mentres lle dá ao cóbado, ou á brisca! A primeira sublevación xa a
ten enriba: eu mesma, que ben me leva amargado; e tras de min, naiciña, se fai
falla, bótao, bótao da túa casa, que se desempeñou as leiras, a casa, a
lareira, as paredes e mailo lousado, son cousa túa, propiedade túa, que isto
vén dos nosos mortos, que por aí andan os seus espíritos, por toda a casa,
esperando a súa resurrección!
Toño, véndose excluído daquel arranxo, daquela composición, ou descomposición,
familiar:
-¿E logo, eu, eu non conto? ¿É que non vos vallo, non queredes a miña axuda?
Precisamente agora, a tal momento, que ía quita-la camisa nova para expurgar
nestes couceiros..., ¡coma se fosen meus!
Herminia ollouno fixamente, pensativa, concentrada, pero sen perde-lo tino, nin
o tino nin o sorriso:
-¡Mírao, mamá; olla, que xa ten peliños no peito! ¡Un home...! O que quere este
home, agora que chegou ao que chegou, non é axudarnos..., ¡é que o vexa eu,
feito un adulto! -Dirixíndose ao rapaz: -Pouco che queda; a ti tamén; nin de
sachar nin de cavar, que en cousa de dous ou tres anos volvo por aquí, feita
unha cubana, desas do abano, con eses falares tan doces e tan agarimosos que
teñen, que por algo veñen da terra do azucre! Daquela volvo por ti, cacho feo!
Ou veño, ou te reclamo, que vén a ser o mesmo. ¡Uuu-ju-juuuú! ¡Que leda
estou! ¡Chegou a miña, e xa vou facer o ato, que me embarco, así sexa na casca
dunha noz!
Silvina non daba creto ao que estaba oíndo; ¡aquela moza non era a súa filla,
que xa non lle temía ao Manolón!
-¡Ai, Deus, esta Herminia deu en tola; deu en tola, ou ma cambiaron! Pola ánima
de teu pai, para de saltar, contente, que non estamos na festa. Veña, muller,
cóntanos, pero de vagar, con xeito, con sentidiño, que é o que che pasa, que é
o que che di túa tía... ¿É da miña Henriqueta, non é? ¡Serás tola, que non paras
de darlle bicos ao papel, que nin que fose unha estampa da Virxe! Un papel é
unha cousa que ten conta do que lle poñen... ¡Non está bendito, non é unha
estampa!
-¡Naiciña, meu Toño, estas cousas que veñen de Deus, son do Señor, tan santas,
ou máis, cá pía da auga bendita, que a fixo un canteiro! Daquela deixádeme
brincar, ou do que non, mal me vexo; ¡coma un foguete, que non hai quen me
pare! ¡Chispón, fogo! Mirade se estou leda que a tal momento, se chega a estar
por aquí o noso Manuel, que iso perde, por folgazán, por solitario, dáballe
unha chucha, ou tres, ou catro..., xa que foi el, cos seus desprezos, quen me
lanzou á gloria!
A nai, entrando en resignación:
-¡Sendo así...; brinca, muller, brinca, así te subas aos pomares, por riba das
follas, que para chorar tempos virán! Que Deus te bendiga, e que che dure a
xolda, ¡así morras de risa! A ti acabaríanseche as penas, cousa da que me
aledo, que vaia o diaño con elas, pero, ¡ao Toño e a min, empézannos!
-¿Por que? ¡Naiciña, non amargues a festa, que destas é a primeira...!
-¡Miña filla, ti es boba...! ¿Por que vai ser? ¡Por terte lonxe, na fin do
mundo, niso que chaman o Novo Mundo, que para min vai ser Outro, o Outro Mundo,
o de nunca volver..., que xa cho dixen! ¡Verte así, coa carta na man, é igual
que verte facendo no ato, na fardela...! E menos mal que se queda o teu mozo,
este Toño..., ¡para lerme as túas cartas! Polo menos ata que o chamen para
servir a El Rei... ¡El Rei e mailo que cadre, que iso de África, polo que
contan, non é verde pero está verde! ¡Ai quen tivese cartos, coma o Herdeiro,
que lle tocou Melilla ao seu morgado, pero pagan esa Cota, e daquela...,
daquela pintan ouros!
Toño estivera calado, cocendo naquelas verbas, naquelas reflexións das dúas
mulleres, e á vez impaciente por sabe-los detalles da misiva, que estaba sendo,
que fora, un embaixador de excepción, co seu nome no enderezo da carta pero sen
coñecer a embaixada, a mensaxe:
-¿Herminia, vas dicirnos o que che di, dunha vez? ¡Ben ves que estamos cocidos,
aburados de tanta espera!
Pero a moza compraceuse en facelo rabiar, que agora tocáballe a ela:
-¡Toño, que non cho digo..., por pasmón! Abriras a carta, que contigo veu, e no
teu peto estivo! ¡Debíchela traer en sitio quente, que aínda o está!
-Herminia, non sexas boba, non te fagas a interesante, que eu son o teu
carteiro, o teu conivente, o de Cuba, ¡pero un carteiro non pode abri-las
cartas! ¿Sabíalo? ¡Ben que cho dixen..., aquel día...!
-¡Entón, porrón-pom, que aquí o pon...; pero non cho digo, que tamén sei gardar
un secreto!
Toño, dálas si, pero que llas fixesen, que lle fixesen rabiar..., ¡e menos
tratándose dunha muller!
-Estasme amolando, que xa perdo a paciencia; ¡ti mesma dis que iso de dicir e
non dicir son parrafeos dun cativo! ¡Estoume cansando deste xogo, que tes idade
para asenta-la cabeza!
Herminia formalizou; ou iso, ou encirra-lo mozo:
-Aló vai, que tedes pouca correa! Henriqueta di que...; ¡uih, canto a quero! -E
volveu a bicar na misiva, naqueles papeis tan sobados. -Di que me manda eses
cartos, os da pasaxe, polo señor Gregorio da Bica do Escouredo, que virá de
Cuba..., ¡"nun ratito"! Entendo que será cousa de dous ou tres meses,
así que hai que preguntarlle á súa familia, telos sobre aviso, que se non
chegou, estará a punto de facelo!
-¿Que, que máis; nin memorias para min..., nada? -Inquiriu Silvina.
-Máis, moito máis, que di que mos manda dobrados...; ¡dobrados, non, ao dobre!
Será por se teño algún imprevisto... Aquí pon: ...quiero que vengas bien
vestida, que te vayas a Lugo y copies de las señoritas, pero de las decentes...
¿Que vos dixen eu? ¡U-juujuuuh! ¡Que feliz son, que desta, punto;
acabóusenos a miseria! Como di Manuel, ¡habendo chourizos, ao carallo coas
papas! Moito chiculate vou papar: ¡un Ama de Cura, talmente a Ama do
Cura!
Silvina non daba asimilado aquel milagre, así que se persignou:
-¡Ai, ho, que cousas, cantas voltas dá o mundo! ¡Que Deus llo pague, que eu xa
non; imposible, que nunca poderei...! -Rompeu a chorar, a callón, un salouco
tras do outro.
-¿Eh, mamá, cando pensas parar? ¡Vaste quedar máis seca que un viorto de
pallas!
-¡Ai, filliña, teño unha irmá que é unha santa! Outro tanto ninguén fixo por
nós; ¡que Deus e maila Virxe, e coa Virxe, a nosa Santiña, esa Petronila do
Barreiro, lle conserven a saúde; que ma traian de volta, algún día, ao noso
Vilar, e que sexa para ben, que poidamos vernos, aquí mesmo, nesta terra onde
nos criamos, onde sachamos, onde quitamos estas verciñas, onde rimos e
choramos, onde xacen os nosos defuntos...!
-A iso chegaremos, mamaíña, que ti aínda es moza... -Animouna, ou máis ben fixo
por animala.
-¡Tesllo que dicir, tesllo que pedir, que non se che esqueza; tan pronto
chegues, que eu, cunhas cousas e coas outras, vou madura, e logo irei para
xunto desa Manuela de Freire, que sempre me deu aprecio! ¡Que lle vou facer;
son agradecida, dun sorriso que sexa!
Herminia fixo que se enfadaba para aliviarlle o pranto:
-Sóde-la mesmísima Compaña, que vos deu por falar dos enterros nun día de
festa, precisamente hoxe...! Mamaíña, ti sempre con Deus; que se con Deus me
deito, que se con Deus me levanto, e despois, á hora da verdade, saes con esas.
¡Unha descrida da Divina Providencia! ¡Pois existe, que ben se palpa nas
ocasións!
-Muller, é que..., despois dos ufidos, o que é nesta vida sempre veñen os
choros; e tras do verán, o inverno. ¡Éche coa emoción!
-¿Estás tranquila...; xa?
-Estou, muller, estou, pero o malo vai ser como llo dicimos ao Manuel! Con
tanto segredo entre mans, tanto tempo... Vainos brear a paus por non terllo
dito, de antes, de antes de pedi-la túa pasaxe, que desde que foi aquilo das
ovellas, aquela perda tan grande..., ¡roña por todo! ¡Vaino tomar a traizón!
Toño, máis frío, de portas a fóra, quixo abri-la gaiola, libera-lo paxariño,
aconsellando:
-É cousa de dicirllo con indirectas, a grolos..., ¡que el de grolos entende!
Propoño que llo diga meu pai, que algo de respecto teralle, que se algunha vez
discutiron, o que é ás mans nunca chegaron!
Silvina, que non as tiña todas consigo:
-¿Respecto, Manuel...? ¡Nin ao cura! ¡Ai, ho, e non lle dixo o outro día, cando
lle reclamou eses tegos dos esconxuros, que por aló, no Panamá, os curas están
casados, pola propia Igrexa! Que son os mellores, e que lles chaman
protestantes pero que non protestan por nada, que mentres se ocupan da muller e
dos fillos, deixan ao demo en paz; ¡ao demo, e tamén á criada! ¿Vistes
cousa...? Con iso das borracheiras vai a peor, que agora pasouse do viño á
bebida branca, ¡e menos mal que a besta dá conta del, que leva tempo sen tiralo...!
Herminia, arrimando candea ás críticas de súa nai:
-¡Deus, canto lle deben querer eses de San Cibrao! Disque o Cuco vai facer unha
casa nova..., ¡á conta do Manuel! Se eu fose taberneira, habíalle poñer unha
cadeira de veludo diante da xerra, polo estilo desa que ten don Roxelio, o
médico de Reigosa, para presidi-la Misa, alí, por xunto do altar maior...
-E nós tamén, Herminia, que lle debemos unha caridade...; lémbrate de que Xesús
perdooulle ao bo ladrón, ao bo! Se lle quixésemos algo máis, merecido ou non,
maiormente eu, daquela igual non se ía da casa, polo menos tan a miúdo... Voume
ter que confesar sen esperar polo Precepto, a ver que me di o señor cura, que
el ten a obriga de coñecer ao Manuel, que dixo este domingo aquilo de que, El
buen pastor conoce a sus ovejas... Se coñece ao Manuel, ben listo é..., ¡ou
lle sopra Deus!
Toño, aquel Toño aínda rapaz, tratou de ser home, tal e como lle ensinaran a
selo, pero tampouco puido resisti-la pingueira, así que disimulou facendo que
ía mexar por tras dun sebeiro; e cando conseguiu serenarse, co pano das bágoas
xa no peto, ben mollado por certo, volveu para xunto das mulleres no seu
interese por disimular aquel pranto que lle producía separarse da súa Herminia.
Á volta, aínda de roibén, dirixiuse á Silvina:
-Señora, eu...; non sei se podo meterme na súa vida, pero a min paréceme que ao
señor Manuel vaille gustar que se marche esta Herminia polo mundo adiante. Esa
xenreira vénlle de que esta rapaza é filla do primeiro, ¡do Amadeo! Está doído
de que tivese que ser o segundo... ¿Entende? Aos homes dóenos non ser os
primeiros..., ¡tal que niso do virgo! ¡É o que oio dicir! Mais, de presente,
coido que se arranxarán as cousas en ben, ¡que cando non poida roñar coa
Herminia, como non lles berre á vacas...!
Abatida como estaba, dobrou as pernas e deixouse caer no chan, na terra removida, coa picaña nas mans, mesmo coma se adorase un Cristo. A filla, que o entendeu perfectamente, fixo os posibles por aloumiñala deixándose caer de par súa, coa cabeza no seu regazo:
-Mamá, non chores, que este pillabán do Toño leva razón; ¡sempre a ten! Xa
veredes de aquí en diante, sen a fillastra de por medio...; ¡coma se casases
con el de..., de...! ¿Toño, como se di?
-Nupcias, muller; de primeiras nupcias, que así lles chama don Serafín!
Aínda sen levantarse da terra, cabe de súa nai, agarimándose reciprocamente:
-Teño que facerche un encargo, meu Toño; un encargo tremendísimo, aquí mesmo,
por diante de miña nai..., que vai ser a túa..., ¡a maiores!
-¿Un encargo? ¡Cen; os que queiras!
O rapaz axudoulles a erguerse, ás dúas, e quedouse preto delas, mesmo abrazando
nas dúas mulleres, unha con cada brazo. Herminia concretou:
-Toño, cando me vaia, que mires por ela, por esta muller; e se lle faltase
algo, se lle falta algunha cousa, o que sexa, que ben sabes que ela non
escribe, que ti serás o noso cadillo, o noso cordón... ¡Iso do embigo! Cando
xunte algún carto, prata, que así lle din en Cuba, ou sexa, tan pronto lle
devolva a pasaxe á tía Henriqueta, xa farei por redimirlle ao Manuel aquelas
obrigas que nos pagou..., se mas quere pasar a min, ¡así meta os xiros na
bebida! Fareino; iso, e máis que poida, para que miña nai volva aos bens de
seu; e que teña forza na propia casa, ¡doutra volta! ¿Non irás fallar...? ¿Rapaz,
si, ou non si?
Aquelas dúbidas, aquelas precaucións, molestaron ao Toño nas súas, frecuentes,
suspicacias:
-¿Muller, como podes dicir tal cousa? ¿Tan pouco creto me dás que me tes que
pedir..., iso, que mire por túa nai? ¡Eu quedo por fillo desta Silvina, por
días de vida! Vaite tranquila, sen receos, e non te marees nese vapor, que eu,
aquí, achantado coma un destes couceiros, para sempre! Mais lle digo, señora,
que se chegase a ter complicacións co seu Manuel, daquela vénse connosco, á
miña casa, que lle deixo a miña cama, pois eu abáixome á cociña, á camariña que
foi dos avós, por tras da lareira... E a ti, Herminia, o máis que che digo é
que rezarei por ti, maiormente para que non che entren esas febres das que
falan os que foron á guerra de Cuba...; e mais os de agora veñen dicindo que xa
non as hai, pero non sei se o fan por disimular, ¡para presumir de que veñen
rexos e fortes!
Herminia sacou azos de onde puido e quixo minorar o
dramatismo daquela situación, que se estaba prolongando e tensando:
-.-
-¡Que febres nin que farrapos de gaita: a min non hai febre que me tombe, que
só enfermei das lombrigas!
Silvina, algo recuperada pero sen darlle ao sacho, atenta ao coloquio dos
rapaces:
-¡É verdade, e curounas co zume dos codesos, en leite! Forte é, grazas a Deus,
que se afixo a todo aí na serra, pero o malo é se non lle presta esa comida da
Habana, ¡que aló escasean as vacas!
-Mamá, iso heino botar de menos..., ¡porque nacín para estrela, e gústame
ve-las miñas irmás, esas da Vía Láctea!
Toño, que se perdera naquela metáfora:
-¿Estrela, ti? ¡Muller, como guapa, moito, pero as estrelas son outra cousa,
unha cousa do ceo!
-¡Burro! Sequera eras o mellor alumno do señor Tellado... Ese camiño que se ve
aí arriba, de noite, chámase Vía Láctea, ¿non si? ¡Camiño do leite! ¿De que
está feito? ¡De estrelas! Daquela, se me gusta o leite é que son unha estrela!
¡Que tamén sei montar adiviñas! Agora, de alivio, para estirarvos a cara, vou
cantar unha habanera: Cuando volví de Cuba, y miré para tu balcón, me
encontré con una vieja arrimada a un bastón, que por todo saludo me dijo,
¿quién es este señor?
A nai, escandalizada por aquelas versatilidades dos dous rapaces:
-¡Cala, muller, que esa canción é dos que volven, e ti aínda estás aquí, ás
voltas co teu petate..., que aínda non chegaron eses cartos!
Herminia, con outra pirueta:
-Chámanlle habanera... -Aclarou, insistente, -e din que as viñeron
cantando aqueles que perderon a guerra do 95...
O resabido do Toño, querendo lucirse:
-Esa guerra perdémola por culpa dos nosos mandamáis, e non dos soldados,
particularmente por aquilo de meter os nosos barcos, todos xuntos, na boca de
La Habana, ¡que logo viñeron os gringos, e pecháronlles a saída...!
-¡Xesús, que cousa, canto sabe este rapaz! ¿Toño, quen che dixo todo iso,
tantas cousas...? ¡Pero debes coidarte de non falalo en Castroverde, pois
daquela, os Gardas..., xa sabes!
-Señora Silvina, para aprender, ou ver ou ler; mais, neste caso, nin isto nin
aquilo, que o meu todo é de orella, de falar co mestre.
Neste punto fixo un á parte, contrariado de que a moza volvese, no ínterim, ás
cantigas e ás danzas.
-¡Que habaneras, nin que estrelas, nin coplas de cego! ¡Xa está ben, Herminia,
a ver se tes formalidade, que non quero que te afagas a cantar onde non estea
eu, coma se foses unha rula chamando polo rulo, que é como fan esas fulanas dos
cabarés de Lugo, aos que seica vai o Antón de Sarceda, ¡outro Herdeiro!, pero
ti naciches para ser a miña muller, ¡en exclusiva! ¿É ou non é verdade, señora
Silvina?
A nai, aínda que sen chegar ao fondo daquela arroutada de celos do rapaz, quixo
cadullar, ao seu xeito, tirándolle partido á rabecha do Toño:
-¿Rapaz, que falares son eses; ou é que me estás pedindo a filla en santo
matrimonio?
Así que Toño, compracido, oportunista, aceptou a lazada, premendo naquel
compromiso:
-¡Si, señora; xa que o di, lévame polo atallo! ¡Así Deus me salve que só
casarei coa Herminia, coa miña benaventurada entre tódalas mulleres...; pero
iso será se se porta ben, por aló, nesas Américas, e se vostede o permite, que
a falta de pai, esta rapaza é súa, ao completo! ¿Entende? Por iso quero que se
comporte, que teña siso, que sexa formal, e que non fale cos mozos, cos
outros...; ¡que xa é grandiña para andar con semellantes risos, con estas
xareladas propias dunha cativa...!
A interesada aquietouse, sorprendida por aquel enfoque, por máis que non
chegase ao fondo daqueles pactos.
-Toño, ese permiso de casamento teracho que dar ela, Herminia, ela mesma, en
por si, pois agora que se nos vai, ¡adeus mando! Pero o que é por min, que Deus
vos bendiga..., ¡polos séculos dos séculos, amén!
Con estas, fíxolles, aos dous, empezando pola filla, o sinal da cruz nas
frontes respectivas; ¡liturxicamente, piadosamente, con tenrura maternal!
-¡Amén! - Responderon eles, ao unísono, ámbolos dous. Pero Toño, un tanto
receoso, quixo rubrica-lo acto:
-¡Deu-la oia, señora! ¿Deu-la oia, que para esa viaxe tan longa, tódalas
alforxas son poucas!
Herminia, mentalmente, xa estaba aló, xa levaba tempo en Cuba. Veuse, retornou, espertou daquel soño, simplemente, transitoriamente, para aquela bendición promisoria de súa nai, naquel rito matriarcal, ausentándose, retornando, ao instante, a cabalo da súa enorme imaxinación e das súas ilusións inconmensurables. A nai, molesta, estrañada polo súbito silencio da filla nun acto tan fondo e tan simbólico, increpouna:
-¿Muller, como é que non dis nada, con tanta cousa...? ¿Non oíches que te
solicitou este rapaz, en casamento? ¿Valo deixar nun simple, Amén Xesús? Unha
promesa destas é unha cousa seria, moito, para unha muller decente! O menos que
podes facer é darlle as grazas ao teu pretendente... ¡Vén de costume!
Costumes dunha patria potestade que, de facto, ataban e sometían, ata o
mesmo día do enterro dos patrucios, ou incluso máis aló, influíndo desde o alén
por virtude dos vellos compromisos, das cen promesas e das mil esixencias.
¡Nunca fagades isto, nin aquilo, nin o de máis aló; non lle perdoedes a Fulano
de Tal, nin a Mengano...; estade atentos para merca-la leira tal...; non
pinchedes aquela árbore...; e que ese veciño se sirva polo del, que non abuse,
que se respecte esta Casa...! Etcétera, etcétera.
-¡Digo, señora, digo que se algo teño de meu é a lingua! Dixen, ¡Amén! ¿Ou é
que teño que botar unha firma...? Daquela déixeme o seu sacho, que aquí mesmo,
nesta terra herdada dos nosos avós, que é tan sacra coma o mellor dos papeis,
con catro picañadas asino eu, ¡co nome e coa rúbrica! ¿Válevos?
Asentiron, así que a rapaza proseguiu co seu razoamento:
-Vosoutros, ámbolos dous, veña pasarme o adival polas costas, polas costas e
pola lingua, mais non todo será da miña parte, digo eu, que aquí o Toño non sei
se aprenderá a baixa-los ollos cando se cruce coas veciñas, que me estou
decatando que lle espesa a barba, e con iso os homes póñense empeitados, que
daquela mexan para arriba, que mo ten dito vostede, ¡vostede mesma! E logo vén
esa cousa do Servizo, que xa o di Lucas de Campos, e mais non é faroleiro, que
aló en África as mouras chapan..., por unha cadela! ¿E se a Rosalía do
Herdeiro non atopa un crego de bo ver, para irse á súa reitoral, de Ama,
daquela, que? ¿E se a narnexa de Peruxo non se vai para ese Madrid do Rei, onde
ten esa tía...? ¡Eu tamén podo ser celosa se me dá por aí!
Toño, á defensiva, amoucado, sorprendido por aquela inesperada filípica:
-Só mirarei ás rapazas, sexan do lugar ou de lonxe..., ¡se non teño cartas!
¡Quedas avisada!
-¡Ai, ho, cousa máis fácil! Teralas, ho, teralas; abondas, pero..., ¡con
devolución no día en que te canses de min! A contrasinal póñoa eu: ¡Cartas
devoltas significará que se casou o meu Toño; se cadra, coa propia Rosalía!
Pola miña parte, e despois de catro bágoas, ¡métome nun convento! O que non sei
é se teñen monxas na Habana, que como é unha terra bendita, daquela...,
¡daquela igual sobran!
Sen máis conversa, pois con tantas emocións e con tanto falar, de temas tan
diversos, nin saliva lles quedaba, e iso que foron beber, por veces,
directamente, coa boca no pichoco, á rega dos prados.
Toño, sen a camisa, foi busca-la picaña lanzada por Herminia ao cómaro
medianeiro, e coa mesma deu en sachar, con enerxía, por entre dos couceiros, á
présa e sen levanta-la cabeza.
¡Deus, que terra tan fecunda, tan fonda e tan húmida, mesmo sangrante, aluvión
puro, mantillo perfecto, explotada, mal explotada, entón, sen apenas
técnica, sen ferramentas idóneas, sen análises nin emendas minerais, sen
directrices..., por unha xente tan pobre, e á vez tan pouco amparada polos
poderes públicos, en xeral máis incompetentes cós propios labregos!
Herminia deu en meter herbas e flores na boca, coma se fose enramallar a
palleira, ¡as primeiras daquela primavera de tan bos auspicios!, e aos poucos
manifestoulles que xa era hora de subir á serra para busca-las irmás do Toño,
que aquel día tocáralles a elas, para axudarlles a baixa-la facenda, e
seguidamente atizarlle ao pote, ¡sacrosanto caldiño de verzas!, que o sol ía
ben arriba, case no derrego das doce...
Polo camiño foi matinando, imaxinando, discorrendo como serían, ou como non
serían, aqueles barcos da travesía para que tanto custasen os portes, os
billetes... ¿Avanzarán igual que se eu tiro unha estela polo río Pedroso
abaixo...? ¡Ai, non, pois as estelas dan en tropezar unhas coas outras, e coas
herbas, coas oucas, coas pedras, cos cantos rodados, e páranse, e xiran, e por
veces quédanse no sitio...! ¿E se o barco tropeza cunha illa, ou con outro
deses vapores, e se afunden, ámbolos dous, e non queda unha táboa á que
subirse...? ¡Non o queira Deus, que aínda non estou preparada para que me
xulgue!
A verdade, a certeza, é que aqueles barquiños de entón moi seguros non eran, e
se algún fallaba en alta mar, só Neptuno o sabía. ¡Inseguros e sen seguro, pois
o seguro obrigatorio, estatal, cunha indemnización de 3.000 pesetas por persoa,
non entrou en vigor ata o primeiro de Xaneiro do ano 1921. Arfando sen parar,
ameazando naufraxio, acotío, pero a Providencia ía facendo o resto.
Barco da Mala Real Inglesa, que non tiñan inconveniente en recoller contrabando humano na Marola coruñesa.
Abundaban os barcos da Mala Real, ingleses, case que en monopolio, que tocaban
na Coruña, lugar de embarque común para a xente de Lugo. Aqueles cargadores,
aqueles armadores, estaban dispostos a estibar mozos, mozos e mozas, pouco
menos que se patacas fosen: ¡nunhas caínzas, a reverter, cantos coubesen, nas
bodegas e na cuberta, que só quedaban libres as chemineas. Para máis
explotación, por riba diso, tamén os embarcaban por aló adiante, na Marola,
lonxe do peirao, para non esixirlles un rexistro sanitario, ou por se os mozos
estaban en idade de quintas.
Tales barquiños, da Mala ou da boa, empezaban a cargar en Xixón, ao terzo,
mozas, mozos e..., carbón! Aínda que saísen cargados, ao completo, como o
carbón avagaba no paso, no tránsito, do Cantábrico ao Atlántico, que ademais é
a contracorrente, de chegados á Coruña, ¡reposición! Despois da Coruña, Vigo,
¡outras mil padas, outro baleiro! E con iso, con este alivio..., corenta galegos
ás caínzas! Deste xeito, con estas compensacións sucesivas, a liña de
flotación, ao mínimo; quere dicirse, ao mínimo de alto por sobre das vagas,
polo menos ata despois das Canarias!
Brazos e máis brazos para unha economía de bíceps, maiormente para Cuba, co
aquel da cana, do tabaco, da caoba, do níquel... Había que, cumpría, conviña,
compensa-lo baleiro da escravitude negroide, interrompidas, prohibidas, aquelas
reposicións, aquelas levas tan baratas e tan doadas..., ¡inventadas en
Granada! ¿Que nos quedamos sen mouros, que se sublevan, que son levantiscos...?
¡Galegos de reposición, ás Alpujarras que fose, Pampaneira abaixo!
-.-
Falando en serio, ou por mellor dicir, seguindo en serio: aquela escravitude, a americana, a negroide, tocara á súa fin en Cuba, paulatinamente, con dificultades, pero tivo un acelerón no ano 1868 cando aquel francmasón liberal, Carlos Manuel de Céspedes, sabedor, obviamente, de que para os negros a súa Virgencita del Cobre era, en realidade conceptual, por asimilación, ¡Oshím!, raíña, deusa do amor, das liberdades, das augas doces..., proclamou, denunciou, dramaticamente, segundo cumpría, posto de xeonllos no propio Santuario, aquel salvaxismo, aquel mercado humano, que tan anacrónico se tornara.
Desde logo, a Virxe, a Virxe e tamén Oshím, conxuntamente, asemade, en boa
harmonía cristián - pagá, algo fixeran. ¡Moitísimo, definitivo! Como portavoces
seus, os países occidentais, os máis deles, doéronse daquelas noventa etnias,
¡noventa, ou máis!, ben sufridas por certo; entre elas, os yorubas, ou lucumís,
os congos, os carabalíes, os mandingas, os ewe-tohi,
os hamitos...
Aquela escravitude, ¡aquela!, foi abolida,
oficialmente, no ano 1886. ¡Onte! O último buque cargado de escravos africanos
do que se ten constancia arribou ao porto de La Habana no ano 1873. Esta
liberalidade débeselles, mal que nos pese, aos ingleses, ás súas presións;
cousa tardía, imposta; vergoñenta para España, ¡se houbese vergoña histórica!
-.-
Nota histórica:
Remesa de escravos para Cuba
María Cristina de Borbón-Dos Sicilias: Forzada a dimitir no ano 1840 cando transcendeu que estaba implicada en negocios de tráfico ilegal de escravos. Coa familia real actuaban, compartían, algúns colaboradores seus moi directos, así como armadores cataláns, vascos e andaluces, coa complicidade das oligarquías coloniais (terratenentes e militares) de Cuba.
-.-
Aínda así, aquelas remesas, sucesivas, masificadas, de forza galega, substitutiva das forzas fieis, ¡infieis!, escravas, tranquilas e submisas, non foron suficientes para atende-la demanda illá, cubana, naqueles días, naqueles tempos de gran expansión económica. Tamén é rigorosamente certo, historicamente certo, que, entre os anos 1913 e 1927, uns 250.000 negros libres, orixinarios, transplantados, das próximas Haití e Xamaica, recibiron autorización, ¡facilitáronllela! para instalarse no Leste e no Centro daquela Cuba tan acelerada e tan florida; para poñelos a traballar arreo, principalmente naquelas plantacións do tabaco e da cana do azucre, naqueles ingenios que venderan os cataláns recentemente, paulatinamente, aos, ¿protectores, liberadores, explotadores...?, americanos.
Periclitada aquela escravitude racial, forzosa, iniciouse, co século XX, a
voluntaria, catapultada polas dificultades, polas miserias e polos atrasos do
país orixinario, maiormente para a nosa xente, tan comprimidos que estaban aquí
por culpa dos foros, pero tamén porque xa ía decruado o terreo útil; carentes,
en substitución diso, dunha industrialización que neutralizase aquel excedente
demográfico, así que os nosos paisanos estrearon, decatáronse, xa polo XX
arriba, con Nicolás Guillén, de que, ¡Mi patria es dulce por fuera / y muy
amarga por dentro!
Para mellor entender as vicisitudes dos nosos emigrantes naquela etapa
postcolonial de Cuba, -¿acabárase a colonia, ou foi simplemente que mudaran de
amo, de muiñeiro, pero non de ladrón?, -igual convén darlle un repasiño, noutra
paréntese deste relato, aos principais fitos daquel relevo, permitíndosenos as
necesarias traducións:
24-12-1897 Comunicación do Subsecretario de Guerra dos Estados Unidos ao
Tenente Xeneral N. S. Miles, Xefe das forzas norteamericanas en Cuba: ...
Resumindo: A nosa política debe ser, sempre, apoiar ao máis débil en contra do
máis forte, ata que obteñamos o exterminio de ambos (¿cubanos e españois?) á
fin de anexionarnos esa perla das Antillas...
15-02-1898 A explosión do acoirazado Maine custou 260
vidas, dos 355 marines americanos do buque. ¿...? ¿Interesáballes aos
españois esta provocación tan absurda, tan estúpida, esperta-lo león da Metro?
¡Evidentemente, non; en absoluto! Á parte de que hai outras probas, está
clarísimo que non tivemos arte nin parte nun incidente, ¡nun accidente!, tan
inoportuno. ¡Ou oportuno, segundo para quen! Por alí andaron, remexendo naquel
pote, naquela santabárbara do Maine, algúns illáns manipulados, captados por algún
ilustre maquiavelo: ¡cálculos, inducións..., a prezo protector!
10-12-1898 Firmouse aquela paz, en París; ou, por mellor dicir, aquela entrega.
¡Aos USA, por suposto!
01-01-1899 Ás doce en punto, mediodía no meridiano dos 80º O., arriouse a
bandeira española, concretamente no Castelo do Morro, izándose, no seu lugar,
esa das estrelas e das barras, con vinte e un canonazos. ¿De soberanía? Aqueles
patriotas, os verdadeiros, aqueles cubanos - cubanos..., ¡quedáronse de pedra!
¡Saían do lume e caían no remol!
25-02-1901 Aprobación no Senado, na USA, da Emenda Platt... ¡Unha emenda á
Constitución..., doutro país! Unha emenda na que, como é sabido, prohibíaselles
aos cubanos, ¡contra todo principio de soberanía!, concertar acordos
internacionais. ¡Inefable!
Dominada a illa daquel xeito tan ladino, tan de latrocinium, e
controlados os seus, inxentes, recursos económicos por uns mandos estranxeiros,
avezados colectores, noutro idioma para máis complicación e para máis
monopolio, para máis exclusión, ¿que lles esperaba aos nosos, aos nosos
emigrantes, que chegaban, que arribaban, cunha preparación, cunhas técnicas
rudimentarias, simplemente manuais? O que xa sabemos: ¡asimilarse aos negros,
aparentemente liberados da súa escravitude, da formal, para competir con eles,
entre si, por un anaco de pan..., e xa fose branco!
Pasado o Centenario, aínda estremece rememorar a ignorancia, a ignorancia e
maila fame, pero tamén a audacia, aquela decisión teimosa dos nosos paisanos,
aqueles avós que foron capaces de emigrar para un país do que saíra España coas
muxicas no rabo, tan ignoto e tan remoto, tan distinto, doutro cuadrante, con
outro ritmo, con outra efervescencia.
De postos a filosofar, ¿merecen esta evocación, esta lauda, ou damos a súa
historia por arquivada, arquivando, con ela, a nosa gratitude? Neste caso
concreto, sequera sexa por mera curiosidade, imos seguir con Herminia, de par
súa, coma un chip, tal que metidos naquel ato, no seu, por suposto que
de liño, de liño caseiro, ¡da propia tea!
-.-
Ahorita...
“La Isla se norteamericanizará (sic) gradualmente, y a su debido tiempo contaremos con una de las más ricas y deseables posesiones que hay en el mundo...”
Leonard Wood. Interventor Militar en Cuba, de 1899 a 1902
Habana, inverno do vinte e dous. Pero antes de seguir
con esta historia, coa persoal, botémoslle unha ollada, outra, aínda que sexa
de esguello, unha pequena actualización, á Xeral, á do país receptor,
transoceánico, que, con tanta decisión como ignorancia, ía descubrir Herminia,
aquela moza aínda nena da que vimos falando con familiaridade, nun encomio ben
merecido. Filla dunha nai sumamente relixiosa, e con ela, a filla; ámbalas
dúas. Unha cativa submisa, normal en todo; e coido que bastante representativa
da xeneralidade, do ser e do estar das nosas mulleres, das nosas galegas,
aquelas avoas do primeiro cuarto do XX. ¡Coma quen di, onte!
¿Formación, ambiente, idiosincrasia da nosa rapaza? O dito: normal, acadarmada
polas súas desgrazas, segundo no seu caso lle correspondía. Para máis matiz,
para máis detalle: orfa; orfa de pai, cun padrasto que volveu queimado,
deformado, das Américas; algo atrabiliario, e por ende, un amargado emperrado
en amargar. Afeita aquela mociña, acomodada, pero nunca bastante, ás
inclemencias daquelas abas brañegas do Pradairo, ¡1029 m. por sobre do mar, que
en Galicia é unha elevación apreciable! A maior detalle, unha excelente
sachadora dos hortos; pastora das ovellas, no resto, habitualmente, e como tal,
témera dos lobos. Instruída nunha escola de pago, ¡pagada en trigo!, que por
entón era un privilexio, unha sorte, unha boa iniciativa daquela analfabeta que
era súa nai.
Ata aquí nada de particular, ¡en absoluto!, pois, máis ou menos coma esta
rapaza, por aqueles tempos, camiño de Cuba, de Cuba ou da Arxentina,
principalmente para eses destinos, un milleiro, ¡cada mes!
No ano do seu embarque presidía en Cuba, ¡na terra prometida!, aquel Alfredo
Zayas, máis coñecido na illa polo alcume de, El Chino, que resultara electo nas
eleccións do ano 21. Mais, quen realmente gobernaba..., ¡non, que non era así:
imperaba!, nesa chave do Golfo, fronteiriza entre o universo anglosaxón e mailo
sangue latino, latinos e mestizos nunha alta porcentaxe, ¡que xa é unha
diferenza cos norteños!, foi o xeneral Crowder. ¡Crowder, que non Zayas, era o
que, co pretexto de loitar en contra da corrupción, real, existente, ¡iso é
verdade, a única verdade!, naquel rol paternalista, protector, poñía e quitaba,
quitaba e poñía, alternaba ao seu pracer, en consonancia coas consignas recibidas,
representadas, aos membros daquel pseudogoberno caribeño, bananeiro, facéndoos
danzar unha danza siux; séxase, ao seu compás!
Consecuencia directa, emerxente, daquela Emenda, da Platt, foi un, Tratado
permanente determinando las relaciones entre los Estados Unidos y la República
de Cuba... Asinouse o 22-05-1903 polo Presidente Theodor Roosevelt, de parte
dos USA. A outra, a outra consecuencia, igualmente directa, foi aquela
singular, singular e progresiva, "protección", que desembocou nun
estado sen Estado, ¡nun Estado da máis absoluta colonización económica!
Por aquelas datas, en tempos da nosa Herminia, ese ser microscópico, extraviado
naquel formigueiro xigantesco, neocolonial, boísima ela, guapísima ela, pero
mínima para a perspectiva, aos efectos ianquis, daqueles invasores que, vía
dólar, chegaron a controlar, dun xeito provocativo, absorbente, entre outras
actividades, onerosas e ominosas todas elas, o 90 por cen das minas de níquel e
das haciendas cubanas; o 80 dos servizos públicos; o 50 dos ferrocarrís,
etcétera. E tamén, en participación cos ingleses, a totalidade do subministro e
das industrias relativas ao petróleo... ¿Cuba, Estado soberano? ¡Nin sequera
asociado! Así que, como din os propios ianquis, ¡No comment...!
Equivocárase de vaticinio aquel eximio vate, José Martí. ¡Parcialmente! “... y en crespa espuma de oro / besan tus pies sumisos…”
Espuma de ouro, si; pés submisos, tamén; pero..., ¡aquela submisión foi
contraria, inversa; e a corrente do ouro, tamén! Martí levantou aos mambises,
¡fácil que estaba, doado que lle foi, froita madura!, simplemente coa forza
corrente do seu cálamo currente, ocorrente, lírico, dramático... Co seu estro,
co seu sopro poético, deulles ás aos nativos, pero..., ¡falláronlle aqueles
motores, aqueles resortes! Empezando polo seu, que o devorou súa propia nai,
¡outro Neptuno!, impedíndolle ser, impedíndolle estar, ¡impedíndolle saír fóra
da súa gaiola, que non chegou a voar! Caeu ferido da á, mortalmente ferido,
abatido precisamente con chumbo, que é a única forma de facer que descendan as
aguias, ¡a fortiori! Os seus mambises, animosos e ben ensinados, de momento
alzáronse, e algo voaron, pero..., ¡sempre en proximidade, vixiados, acosados
por ese cóndor que se retrata nas moedas do dólar, cérbero do coloso ianqui!
Aquela ocupación veciñal, mixta, e por tanto, militar, norteamericana por
suposto, foino á luz do día, descarada, intensísima, particularmente desde 1917
a 1920. Desembarcados en ondadas progresivas, aparentemente, oficialmente, en
apoio do Xeneral adepto, Mario Menocal, que xa tivera dificultades cos
liberais, daquela, cando lle impugnaron a súa reelección, disque fraudulenta.
Tras da militar, ou máis ben, asemade, acrecentouse a ocupación económica
referida, o control directo, galopante, dos principais sectores, cos vicios
incluídos, ¡de sobremesa, como é notorio!
Por aqueles tempos, nesa febre imperialista, espoliadora, sucedéronse varias
ditaduras. ¡Ditabrandas en realidade, pois a dureza estaba, poñíaa de seu,
impoñíaa, aquel Protector, o auténtico Soberano, USA! E así sucesivamente, con
diversos golpes de Estado, máis ou menos descafeinados, pero sempre co aval,
con ese gardacostas norteño cérberando os seus propios intereses; ¡os do Tío
Sam, por suposto!
No ínterim, os nosos emigrantes ao pairo, a velas vir: de servizo doméstico, ou
similar; cangando coa lorda, submisos, soterrados na máis supina ignorancia de
canto se cocese no salón contiguo, naquel de estilo imperio, o dos anglos, que
nunca, ou case nunca, chegaron a percibir, a ver, a sentir, quen, ou en virtude
de que, ou que te, maquinalmente, canto vía facer, canto se lle ordenaba, canto
se lle bruaba, ¡en inglés que fose! Por veces, máis do preciso; máis do que
sabían e do que podían, erguéndose sobre si mesmos, témeros de caer en desgraza,
de volver ao seu país de baleiro, con aquela voráxine, con aquela pobre e
natural ambición insatisfeita, ao lombo. E sempre coa posibilidade angustiosa
de caer, de recaer, naquela nada da que procedían, e da que fuxiran, ¡metade
temerarios, e a outra, esperanzados!
¿Voráxine? ¡Si, en efecto, e grande; por activa e por pasiva, que miúdos eran
aqueles gachupíns espremendo limóns, aproveitándose dos amargores alleos! Por
tanto había que aguantarse, e incluso restituír, que tal llelo esixía o pai, e
por veces o propio vinculeiro, ¡outro emperador!, directa ou indirectamente,
aqueles cartiños aprontados para a pasaxe, afianzándose, seguidamente, de
serlles posible, e como pouco, o importe do retorno. Nacer de portas a fóra,
como entón se dicía, comparti-lo terzo miserento da lexítima cos outros irmáns,
pouco lexítimo era, pero..., ¡as circunstancias!
¡Mira que ben mantidos volven...! Que non, padriño, que non, que os bandullos,
de afeitos ás caldufadas, ínchanse, ópanse, e salvo que o exercicio, a
obediencia americana, de machete fose, aquilo da cana...; pois iso, que
aparentaban vitela, pero foille de patacas esgrevias; ¡como moito, bananas con
cachelos, e cachelos con bananas! Ben o consignou, que máis elocuentemente,
imposible, aló, ao Sur, no cemiterio bonaerense, no Colón, para a
posterioridade incrédula, aquel sufridor que o fixo gravar, aquel que sufrira
da súa propia emigración, case tantos anos como tiña, como levaba, desde 1858 a
1920: Non máis emigración, nin caldo de grelos, nin aturuxos e milicroques.
¡Máis elocuencia e máis sinceridade cá súa, presente ou póstuma, imposibles!
Razón tiña aquel testador, pero, remedio, non, que non llo puxeron os que esa
obriga tiñan, ¡os dirixentes deste país! A nosa, relativa, prosperidade, estaba
sen espigar, que madurou tardía, maiormente con aquelas remesas
transpirenaicas, posteriores, do último terzo do século XX; principalmente con
elas; ¡por moito en lauda que alguén fixese gravar unha sentenza tan exacta,
mesmo estarrecedora, pero máis ben prematura!
Naquelas circunstancias, despois diso, alén das foulas mariñas, entregados á
febre superadora, remuneradora, amasando coas propias mans nas propias
Américas, ¿esperar deles, dos nosos emigrantes, de todos eles, un comportamento
exquisito, ou rigorosamente ético? ¡Non, non sempre, que iso sería utópico,
excesivo! Naquela loita, naqueles afáns, sen catar un periódico os máis
deles..., ¿sublevalos, dignificalos, ou preguntarlles polas consecuencias da
Emenda Platt? ¿De que...? ¿Preguntarlles por algo que lles soaba, por veces, ao
prato, ou á prata...? ¡Sería moito pedir! Pero lóxico é comprendelos,
desculparlles certas faltas, algunha avaricia, e incluso certas presuncións no
seu retorno, ¡se é que o tiñan, se é que a iso chegaban!
De postos a esculcar, internados nesta saga da nosa Herminia e dos seus
achegados, retraídos á problemática da socioloxía convivencial, aquela que
tanto alarmou aos da Xeración do 98, e da que tanto esperaron, haberá que darse
unha voltiña de recapitulación, de síntese, outra, por sucinta que fose, en
busca das causas remotas, polos anos precedentes adiante, aínda que tampouco
estaría mal, que logo se facía, unha ollada, outra, aos encubrimentos daquel
descubrimento colombino. ¿Pour quoi? Simplemente porque na historia da
humanidade nada se coceu rápido, pois os revulsivos históricos, coma os
volcáns, teñen fondas as súas raigañas, por máis que as erupcións agromen de
súpeto:
Viña este país, camaleónico onde os haxa, pois incluso no mapa semella,
representa, evoca, un caimán adurmiñado, estarricado por sobre dunha camada de
cons, dun fomento, ou dunha traxectoria, impulsada a base de escravos, ¡a tanto
por ducia! Procedentes, na súa maior parte, do Senegal, pero tamén de Angola.
Paulatinamente, ou non tanto, xa que en cada barquiño, en cada galeón, daqueles
dos negreiros, estibaban, premían, de cincocentas a seiscentas almas..., por
máis que entón non faltase algunha que outra espada ao servizo da cruz, que
dixese, que sostivese, que filosofase, que non a tiñan...; ¡iso, alma! Ou que,
de tela, sería de ébano, ¡ebanistas eles! Nesta traxectoria aqueles xuros ben
rendibles eran, foron; ¡moito! De seu, por economía meramente animal, pois, con
aquelas razas inzoas..., ¡de cada dous, tres! E iso de ano en ano, mentres lles
durase a fertilidade...
Por alí andaban, confundidos entre si, reproducíndose a salto de mata, en
alivio recíproco, mesturándose entre si, amén dos mulatos, que esa si que foi
unha colleita das de pilla-pillota, ¡outra!, así mesmo de gran fecundidade,
entre outros, que dito queda aló atrás, pero nunca sobra repetir para mellor
fixar aquela mestura, os Araras, os Carabalis, os Congos, os Lucumis, os
Yorubas... Se non fose polos partos prematuros, polas febres, pola
desnutrición, polas carencias hixiénicas..., ¡un enxame perpetuo, progresivo!
Do sangue indio, do aborixe, non quedou practicamente nada por culpa de que o
colonizador inxectoulles, naquelas paradas súas, ¡nosas!, ardentes, hispanas,
¿civilizadoras?, aquel mal crónico, africano, que nos viña, polo menos, que se
saiba, desde a conquista de Granada! Algún que outro Siboney, si, que tan rexos
eran que o resistiron todo, incluso aqueles tormentos dos pilotos colombinos,
infrinxidos a traizón para que lles indicasen a cova do ouro, o horto das
especias, os coutos da caza... Da parte de acó da illa, da oriental, moraban os
Tainos, unha xente hospitalaria e culta, entendidos en agricultura, pero tamén
en cerámica; bos tecedores..., ¡e tan guerreiros, tan guerrúas, que lles temían
os propios Caribes! No Poñente, nas terras baixas, unhas ducias de
Guanajuatbeyes, que nin eran moitos nin se fixo gran cousa por conserva-la súa
etnia, así que, con catro sementes das nosas, infecciosas, e con outras tantas
vexigas bobas..., ¡ao sartego, pasando polo mangleiral!
A riqueza natural desta illa, desta Ant-Illa, era moita, inconmensurable;
variada pero difícil de explotar; complicada, que non chegaba con criba-las
areas! Requiríanse brazos musculosos, e vidas baratas, de fácil reposición.
¿Onde, cantos e como? De esgotados, de eliminados aqueles nativos, fose directa
ou indirectamente, voluntaria ou involuntariamente...; ¡pois en África,
triangulando con España, nesa canteira universal dos escravos! Máis dun millón
de negros, ¡case nada!, importados, vendidos, revendidos, permutados,
traspasados, cedidos ao longo de tres séculos ominosos, do XVI ao XIX, pero,
principalmente, entre 1715 e 1815, que foi o apoxeo daquel tratamento colonial
escravista, rotunda e incriblemente inhumano de visto cos nosos ollos, coa
cultura actual.
A comezos do XIX constituían, entre negros e mulatos, máis da metade da
poboación, que así acadou esa importancia, esa notoriedade, esa difusión, a
santería dos cubanos. Grazas aos seus ritos, mistificados pero cunhas raiceiras
fondas, inabarcables, aqueles negros conservaron o esencial das súas crenzas; e
igualmente as súas danzas, os ritmos e mailos cantos.
Por séculos tamén, as súas linguas, máis ou menos castrapizadas, que de aí,
amén dos americanismos, lles vén esa xerga tan rica e tan complexa; tan
complexa que, por veces, raia na incoherencia, cando non na contradición in
termis, adxectiva.
Incluso conservaron, e nos transmitiron, algo da súa culinaria, en tanto en
canto lles foi posible asimilala e realizala.
Ao de hoxe dan calafríos aquelas inmolacións, aquelas desfeitas, aquelas
desintegracións humanas, pero efectuáronse, iso si, a conciencia, xa que, mesmo
en África, no intre da súa erradicación, antes de subilos a bordo, antes de
aliñalos coma sardiñas, aqueles..., ¿irmáns?, foron bautizados; a conciencia,
comenenciudamente bautizados, dotados dun nome cristián, que se lles facía
necesario, pois, ¿que negreiro era capaz de pronuncia-lo seu nome propio, o
orixinal, o tribal?
A últimos do XIX apareceron no Caribe outros emigrantes, procedentes doutra
Fisterra, ¡120.000 culíes chinos! Non foron moitos, relativamente, pero
contribuíron á policromía racial. ¿Especialidade? Ir, o que é ir, foron para
corta-la cana, pero apreciouse, de seguida, que facían unhas boas bogadas,
cinsentas e meticulosas, esmeradas, limpiños eles e sucios os outros, así
que..., ¡non demoraron na cana, que se pasaron, que os pasaron, á súa especialidade,
á lavandería profesional!
No Caribe nunca faltou traballo, ¡e co traballo, traballos! ¡Dramas,
desprazamentos...! ¿O rol do explotador? Tódalas razas en acción, por suposto:
¡a mete-la man no saco, que esa virtude é universal, pero, significativamente,
tradicionalmente, aquela situación controlárona os brancos, canto máis brancos
e máis roibos, mellor! É unha constante histórica, sociolóxica, tamén
universal, pois, ¡canto máis rico é o territorio, máis présa se dá o
colonizador en baleiralo, en buscarlle o cu ao saco do seu tesouro!
Primeiro foi aquela busca do ouro; febril, preconcibida, que xa fascinou aos
Pinzón, afastándose, insubordinándose, aínda non ben chegado aquel convoi das
carabelas ás, supostas, Indias; ¡e miúdas diverxencias, transcendentes, as que
tiveron con don Cristovo, que de aí lle veu, ao Colón, e por Colón, ao seu
fillo, aquel empeño en seguir ocultando a súa orixe real, familiar, por culpa
daquela desobediencia, daqueles preitos, que se deberon, en principio, ao tal
Alonso! Alonso Pinzón, o primeiro dos europeos buscadores de ouro naquelas
Indias..., ¡e non se lle recoñece! En definitiva, que pouco se luciron aqueles
pioneiros porque a suposta riqueza, esa, a áurea, tan cobizada de sempre,
naquelas illas resultou inapreciable, e tan efémera que pronto se esgotou.
A seguinte, a inmediata, foi a trasfega do casabe, actividade á que o
colonizador, de asentado no país, de fundados os seus enclaves, as súas
factorías, dedicou, constrinxiu, aquel resto, aquel puñado de amerindios; e
tras dos indios, esgotados e/ou esparexidos, apelou, deuse, aplicouse, aos
primeiros continxentes da negritude. ¡Látego, que é a mellor forma de cansar
aos rebeldes, ou non tan rebeldes! Pero diso, desas consecuencias, non se
decataron, ¡que non hai peor cegueira cá da avaricia!
Naquelas sabas herbáceas, duras, nutritivas, dáse bastante ben a gandería, así
que, o paso seguinte foi a exportación, principalmente de coiros, tan
celebrados pola marabilla do seu repuxado, ¡outra Córdoba!, que tiveron unha
demanda excelente, moi rendible.
Outro paso adiante, pero moi adiante, moi adiado, foi o cultivo da cana do
azucre, coa subseguinte elaboración do ron. A cana empezou a valorarse para a
extracción do guarapo, cun instrumental sinxelo, rudimentario, pero ante a
demanda, mundial, do azucre, construíronse, xa por sobre do ano 1590, os
primeiros trapiches, que tanto se podían mover con tracción animal como coa
humana, pola abundancia de negros, máis baratos cós machos; ¡máis, moito máis!
En canto ao tabaco, aquela difusión, internacional e rapidísima, dos seus
nicotínicos, a cousa foi diferente, que llela deron feita, en todo o seu
proceso: O colonizador aprendeu dos indios a cultivalo, a conservalo nas follas
de yagua. O que non aprendeu deles foi a expandilo, a vendelo, pois tivo que
inventar un mercadeo ad hoc; mais para iso, e para máis, deixaban ás costas,
atrás, todo un mundo: ¡o outro, o vello, o cultivado, o sibarita, afanoso de
obter novas sensacións, novos goces, novas cicutas! Por suposto que na herdanza
dos vegueros, delicada función, altamente rendible, prescindiron dos mestres
nativos; deseguida, pero non os substituíron pola negritude..., para non
desperdiciar o fume, para que non houbese minguas nunha colleita tan
vaporosa..., ¡e tan valiosa!
Con isto de por medio, con semellantes intereses, ese arquipélago do Caribe
pronto se converteu nun paraíso do enriquecemento sen causa; ¡sen causa, e sen
mesura! O réxime de comercio foi controlado con firmeza por España, evitando
posibles desviacións, illando escorras, e a pesares diso, ou precisamente por
iso, tirou dos piratas, corsarios e/ou contrabandistas, dos que moito sabemos
mal sabido grazas precisamente ás deformacións, aos trucos, do cine americano,
que bo partido lles sacaron recreándoos na pantalla, se ben á súa maneira, con
pouco rigor histórico.
De feito, o contrabando reproduciuse, agrandouse, daquela que votaron en
Norteamérica a Lei Seca. Roldando por ese caimán andaron, navegaron, entre
outros de menos sona, pero tampouco desprezables no seu savoir-faire, o tal
Francis Drake, Henry Morgan, Francisco Nau, Diego Grillo..., secundados polos
seus alumnos, que foron moitos e ben instruídos, seducidos, todos eles, polos
nosos galeóns, particularmente polos arxentíferos.
Estas fases da evolución cubana tiveron un alto, unha paréntese, en Agosto do
ano 1762, data na que a Historia pasou unha folla, ¡a dobre folio! Os ingleses
deran en matinar, con bo cálculo, meticulosamente, que aquela tulla dos
tesouros caribeños estaría mellor de ben gardada..., ¡gardada por eles mesmos,
in person! Aló que se foron, cos preparativos aceirados, pólvora seca e todo
iso, así que, nun santiamén, ocuparon La Habana, abríndolle ese porto de
excepción, ben abeirado e ben situado, ao comercio mundial; ¡séxase, ao anglo!
Imperialistas eles, calculadores eles, así fose polos dedos: one, two, three...
Contaron, e deron por sentada, unha permanencia definitiva, pois, de postos
nesa tesitura, nesa seguranza, impuxeron certas cousas, moitas, ¡nun só ano que
lles durou a estancia, pouco máis que unhas vacacións! O tempo foi curto, pero
a influencia enorme, desmesurada, da que aínda se derivan certas ideas, que
para entón foron revolucionarias; entre estas, a liberdade de cultos e mailas
loxas masónicas, que lles sobreviviron con forza, chegando a súa influencia aos
movementos revolucionarios do XIX.
As contradicións entre os intereses e mailas tendencias crioulas con respecto
aos gobernantes españois, entre elas as dun bo número de cataláns que chegaron
a controlar as principais explotacións agroindustriais e mercantís,
desembocaron naquela revolta do 10 de outubro de 1868, acaecida no dominio
azucreiro da La Demajagua, mesmo ao Sur de Manzanillo, onde o terratenente
Carlos Manuel de Céspedes, francmasón para máis datos, invitou aos seus
compatriotas a sublevarse en contra do poder colonial; quere dicirse, en contra
das cargas reais, fiscais; ¡un cúmulo de abusos impositivos! E de paso,
anunciou a liberación dos escravos, ¡que miúda herexía foi iso para tan píos
explotadores!
Despois de Manuel de Céspedes, sucesiva pero incluso simultaneamente,
cultivaron a liorta independentista, Antonio Maceo, José Martí, e algún outro.
Para o prócer Martí non houbo discurso, non houbo paralaxe, entre a espada e
maila pluma. A todo isto, naquelas liortas, o veciño imperioso, o todopoderoso,
encirrante e feliz co xiro dos acontecementos, de paso que alentaba nas
revoltas, naquel descontento progresivo, colonial, foi inmiscíndose na
cuestión, dando consellos..., ¡e algunha que outra arma, pero só as precisas
para axudar sen engrandecer, listiños eles!
En definitiva, metendo a culler naquel pote saboroso, efervescente, en
particular co episodio do cumio, aquel do 15 de febreiro de 1898, que lles
facilitaron a propia mecha, a sabotaxe, a espoleta coa que voaron o barco
propio, o seu Marne, pretexto definitivo para establece-las hostilidades dun
xeito directo, e por tanto, eficaz.
O 18 de abril do mesmo 1898, días despois daquel sanguento episodio, a Cámara
de Representantes e mailo Senado, de consún, votaron unha enérxica Resolución
esixíndolle ao Colonizador que se retirase de Cuba; ¡da súa, da deles, da cuba
do seu ron! Os combates foron curtos, pero resolutivos, incluída aquela
destrución da Armada Española, en Santiago de Cuba, do 3 de xullo, de tal xeito
que o 10 de decembro, tamén do 98, firmouse en París aquel tránsito, aquela
independencia - dependencia de Cuba, coa cesión aos Estados Unidos das Colonias
de Puerto Rico, Guam e Filipinas! ¡Sic transit gloria mundi!
Pasaba, periclitábase, a gloria española, empezando unha orde nova; iniciábase,
formalizábase, aquela intromisión, aquela interdependencia, ou máis aínda:
¡América, para os americanos! ¡Para os Norteamericanos, para os E.U.A., que así
non se dicía, que así non se escribía, pero así era como realmente había que
entendelo! Un novo xeito, pero similar ao antigo nos seus efectos; ¡enganante,
e por tanto, esganante! (Un triunfo periodístico dos gringos, iso tamén, pero
hai que dicilo entre parénteses, catapultas á parte, pois non é doado de
demostrar).
Con aqueles incidentes, e con aqueles accidentes, empezou outro mercadeo, se
ben máis discreto, indirecto, sutil, dos recursos humanos: ¡inaugurouse a feira
dos asturianos, a dos galegos, a das mulatas..
Chegados a este desenlace, en virtude da repetida Emenda Platt, a daquel
senador de feliz memoria, ¡no seu país!, Orvill Platt, os Estados Unidos
recoñeceron, ¡abrogáronse!, o seu dereito a intervir en Cuba, ... cada vez que
la paz social y la seguridad de los ciudadanos estén amenazadas... As
consecuencias foron, naturalmente, as previsibles naquela situación de
interdependencia: A primeira, que os cataláns colleron medo, ou precaución,
pois de todo habería, e coa mesma, déronse présa en venderlles os seus
negocios, as súas participacións, o que delas quedase, aos protectores, aos
americanos, co cal a empresa, aquel muíño caribeño, cambiou de dono, mudou de
muiñeiro. ¡E ben que se notou aquela transferencia, aquela monetarización,
aquela repatriación de capitais, na subseguinte evolución catalá!
Polo que respecta aos galegos, nosos antepasados, antepasados de moitos, de
moitísimos dos nosos, que se estaban informando daquela, tardiamente, das
inxentes posibilidades caribeñas, en modo especial polos numerosos
excombatentes, que contaron, que difundiron, xunto coas chufas das súas
heroicidades, as gabanzas, as marabillas..., ¡dunha terra de tres colleitas!
Non ían, que os embarcaban as circunstancias, constrinxidos nas adegas polos
grillóns espaciais do embarcador, escravos da súa propia sombra; ¡da súa, da
nosa, negra sombra...! Aquela pobreza endémica, progresiva, crecente..., por
tantas cousas e por tantas causas que non veñen ao caso, ou que si veñen, pero
son de tese, e por tanto merecerían un estudo máis fondo, máis específico.
Para alá se foron, co ato ao lombo, case sempre de noite para que ninguén os
vise saír, pudibundos, co síndrome do seu auto odio, que para logo terían,
serían, as festas, o auto bombo do seu retorno triunfante..., ¡sempre e cando tornasen
prateados, dourados, pois do que non a súa propia dignidade non lles permitiría
volver! Na imperdible, eclipsaríanse, desintegraríanse, abonando cos seus
restos esa leira do Novo Mundo.
De Ourense, por Vigo; e de Lugo, por Coruña. A saída, o embarque máis usual,
que subliñar nunca é malo, didacticamente, facíase naquelas dornas..., ¡para
colle-lo vapor en alta mar! ¿A prol deles? En certo modo, si; nalgún caso
concreto, si, pero máis lle conviña á Compañía, pois deste xeito servíanlle
todos, e podíaos admitir sen papeis, sen seguro, sen recoñecemento sanitario, e
incluso sen a licenza militar. ¡Todos a bordo, dispostos a face-las Américas,
coa culler na man! Algún fuxía de crimes, ou doutras responsabilidades, ás
veces secretas, e outras falsamente imputadas; ou de persecucións políticas,
que tamén as houbo, demasiadas, que eses, todos eses, con tal de non ir á
fronte, ou á cadea..., ¡trágame mar!
Unhas Américas de lendas douradas, pois a Negra, aquela do, De las Casas,
quedaba lonxe. Unhas Américas onde se esperaba pantrigo; sempre de trigo, en
abundancia, por máis que ás veces só atopasen relón, tal que no fondo dunha
artesa exhausta, baleirada de antemán!
No 1919, coa Lei Seca Americana, ou a pretexto dela, presentouse, invadiu Cuba,
principalmente La Habana, un novo tipo de conquistadores: aqueles fanfarróns,
aqueles runfasters, dispostos a todo con tal de apaga-la sede, tódalas sedes;
pero diso, os gringos, bos patriotas, cunha historia curta, e por tanto, tenra,
delicada, non fan, non sacan películas; ¡non lanzaron pedras á propia despensa!
Bares, cabarés, picadeiros, apostas... Tirando daqueles fíos, tensando
trapelas, tras daqueles arames invisibles, ¡invisibles para os nosos!, estaban,
rumbaban, preaban, os contrabandistas, os tafures, os aventureiros, os
caloteadores, os gángsteres, os testaferros, e mailos seus gardacostas. ¡Todo
un catálogo, todo un mostrario da morralla humana!
Os nosos, no ínterim, ¡meus pobres!, ao sumo foron, chegaron, ascenderon, á
categoría de comparsas, pois sempre, ou case sempre, actuaron á súa zaga, ao
espigo, á restreba, ás basuritas. Servidores..., ¡do que fose, que non había,
non lles deixaban moito onde escoller! Para o que gustasen mandar aqueles
mandantes, aqueles mangantes, pois a fame da súa retagarda, aqueles trabucos,
aquelas ignominias históricas..., ¡cojoneras son, eran, que tal lles dicían en
Cuba!
Aínda así, os nosos souberon ser xenerosos; por veces, alén do prudente,
aportando máis do que tiñan, ¡do emprestado! Abondosos e xenerosos, pródigos
incluso, naquelas remesas, aquelas dotacións, que serviron tamén, de paso, para
casa-las irmás, evitándolles a súa emigración. Amén das imaxes, dos ornamentos
e dos arranxos parroquiais, camiños e accesos, escolas, novos cemiterios, a
festa do Patrón...
Construír escolas e dotar bibliotecas, iso foi o colmo daquela xenerosidade
e/ou daquel complexo: Proporcionar instrución, dar cultura, ou medios para
obtela; dar imperio, opar aos fillos dos caciques, aos podentes, aos
vinculeiros...; a todos aqueles que contribuíran, e contribuirían, a remitilos,
a embarcalos, ou incluso, tal que na guerra de 1936, a perseguilos, a
forzarlles o exilio, o reembarque indesexable, facilitándolle ao próximo, ao
seu competidor, por veces ao inimigo, con ese tipo de mecenados non sempre
recoñecidos, unha inserción elitista, un mando, ¡do que eles mesmos careceran e
seguían carecendo! ¿Quen dá, quen deu outro tanto, para obter unha
reciprocidade escatimada, ínfima? ¡Pois iso pasou en Galicia..., nun pretérito
non tan pasado nin tan arredado!
-.-
Quen leva irmás a Cuba é que non as ten, que de telas, non as levaría!
Dito popular
Por aquelas datas chovera torrencialmente na Habana,
facendo, de paso, como de costume, unha calor graxenta, esmagante. Na enseada
do Atarés, aqueles peiraos quedáranse desertos de humanidade, xa aos primeiros
sopros da enxurrada, una de tantas, frecuentes, pero máis abondosas entre Maio
e Outubro; coa única fidelidade, coa única permanencia, dos capitáns daqueles
oito ou dez barquiños de cabotaxe confiados ás amarras, abanándose en tódalas
direccións posibles, dispostos a fuxir pola Boca para percorre-los sete mares
antillanos, seu roteiro habitual; ou a batallar entre si, amura con amura, á
vez que en contra dos pantaláns, turrando cos muros, pétreos que non de azucre,
que non todo Cuba é, nin era, nin foi nunca, de pan doce; nin ourego nin
ouro..., ¡mal que lles pesase aos seus panexiristas!
A tal momento, os primeiros que se acocharon nos edificios próximos foi aquel
grupo de marines do Liberty, un transporte americano, USA, caporal naquela
badía, rodeado daquelas cascas que parecían envolvelo, escoltalo, facerlle a
benia, coma a un coloso, naquelas augas ferventes, foulanas.
Aquel transporte, personificándoo no seu Capitán, ben podía sentirse, pasearse,
arrogante e fachendoso, da popa á proa, pola súa honrosa colaboración naquela
enésima singradura; curta pero ampla; rica singradura, ¡proveitosa!, de
aprovisionamentos - espoliacións unidireccionais, melaza incluída. Por inanes,
e tamén por serlle inútil, deixara de bramarlles aos seus
cargadores/descargadores; xente do seu rol e/ou da colla, así que botoulle a
chave ao portalón para irse con eles, tras deles, esqueiras abaixo, fuxindo
colectivamente daquela tormenta, da exterior, para mergullarse noutra, máis
grata pero igual de ruidosa: ¡ron, cócteles, naipes, mulleres...!
Alí adiante, nas inmediacións, esperábanos unhas mozas augardentosas,
pretensiosamente doces pero afónicas de tanto cantaruxar, de tanto trasfegar
ron, de tanto dicir bobadas, pero tamén daqueles risos teatrais, incitantes...
¡Cimbrantes elas, ou xa non tanto! De tódolos pigmentos posibles e/ou
coñecidos. Consumo propio, oferta da casa; mercadoría fácil, abondosa naquela
rede de antros escuros, moi escuros, ¡na luminosa Habana! Pintarraxadas, tanto
as mozas coma os seus cubís; aqueles antros, aqueles catres, aqueles tumbaderos
(Tumbaderos, tumbaeros = tumbonas, pero tamén pousadas, ¡pousadas por
horas!)... Todo en situación perfecta, cómoda, perpendicular á badía inmediata;
un servizo fácil, accesible nunha simple escapada desde aqueles
embarcadoiros/cargadeiros.
Estamos, situámonos, nas rúas dos Oficios, de San Pedro, do Santo Ignacio...
¡No día de marras, a Arca de Noé, en pleno diluvio!
Por diante da barra, nun daqueles establecementos tan..., ¿recargados?, uns
tragaperras; todo, máquinas incluídas, fedendo ao acedo, ao aire viciado, á
lixivia, tan acolledores coma as mesmísimas fauces dunha balea podre, pero todo
servía ao seu fin primordial. Alí, á esquerda, nun lateral, de pé, espreitando
diante daqueles butacóns dominantes, de coiro Chester, na propia tarima do
piano, un Wallis meramente decorativo pois era inútil aporrealo naquela
barafunda, con aqueles invasores bébedos, irados; para aqueles barafustas, máis
atentos á desharmonía e ao barullo que aos acordes, pois incluso os irritarían
ou molestarían, estaba, temos, localizamos, ao gringo - patrón daquel
establecemento, ¡e de catro máis, idénticos, ou polo menos similares! Un gentleman:
Traxe de seda cru, ouro vello; pelame crecha e roiba, case que de millo; con
dúas notabilidades nos dedos: unha sortella moi aquilatada, de moitos quilates,
rutilante coma un luceiro; e por parte, aquel veguero inseparable, dos de
Vuelta Abajo, dos bos, dos grandes, engarabitado, lapeante, ¡pouco menos que un
fachuzo de pallas!
Facendo que non facía, no seu estilo habitual, axexante, controlador, aquel
Míster, o tal Merton, non perdía comba cos seus ollos saltóns, de
escualo voraz; ¡saltóns, pero perforantes! Pendente de cada tapete, de cada
mesera (Mesera = que atende ás mesas, insinuándose, de paso, aos clientes), de
cada dólar, en todas as súas fases, fose captable ou desembolsado, que se aínda
non saíra dos petos, da chupa daqueles mariños, aquelas tentacións botaríano
fóra, ¡evadiríaselles! Todo isto no miolo daquela barafunda tan fera e tan
feraz, tan rendible, baixo tódalas formas do vicio entón coñecidas, garito
incluído, catre incluído, botella incluída...
Notábase, exhibíano, que aqueles marines do Liberty tiñan a paga fresca; a
paga, si, pero o corpo máis ben sedento, que non sedentario, e iso a pesares
daquela molleira torrencial, que soaba rítmica e penetrante no lastrado das
rúas; ¡o único ritmo naquel cadro inharmónico!
Tan absorto e tan calculador estaba aquel Míster, coas súas contas, coas súas
ganancias, progresivas e avarentas, ollando a orde que emanaba daquel desorde
chafalleiro, dominado, principalmente, polos seus propios compatriotas, que nin
se decatou de que Henriqueta, unha moza das súas, unha madama súa,
manxupeira dos seus propios bordeis, unha moza medio vella, ou unha vella medio
moza, segundo se lle mirase á pel ou á roupa, máis ben escasa de tela en todas
as súas medidas, vestida de praia máis que de salón, desmarcárase da súa labor
habitual, cotián, de presenta-las rapazas, de instruílas, de coordinalas, de
controlalas, achegándoas ao lume, a tódolos lumes imaxinables, e fartábase de
chamalo polo seu nome oficial:
-¡Eh, Míster, Míster Merton! ¿Apampouse, afogou neste fume do seu tabaco, ou
emborrallouse na súa prebe?
O interesado, o aludido, co leite acedo dun gánster curtido, avezado,
intolerante e intolerable, endeusado naquel imperio das súas maruladas:
-¿Que, que che pasa, que queres, así, a deshora, aquí, en público? ¿Algunha
lea? ¿Non ves que están entrando eses mariños, coa paga fresca? ¡Baixa desta
tarima, que te quero aí abaixo, ahorita (Ahorita = xa, de inmediato) mesmo,
trajinando (Trajinando = persuadindo, captando) neles, atizando neles, e de
paso espile esas novatas, tan ridículas que logo parecen ursulinas! ¡Veña, que
lle dean ao traseiro, que os quenten; e rápido, que se amaina este trebón,
daquela lárganse, todos, a cen, que os volven a chamar!
Henriqueta, a todo isto, impasible, flegmática, sen moverse do sitio:
-¡Pois, iso, hoxe non, que non pode ser, que me teño que ir ao peirao, así
trone, que xa o fai!
-¿Como; irte, para onde; de que falas?
-¡Ao peirao, que xa llo dixen! ¡De todas, todas, así se afunda esta tarima, e
con ela este maldito tugurio, ao completo!
-¿Que dis...? -Merton, entre desconcertado e sorprendido por aquela
sublevación.
-¡Digo que baixe esa gallaruza (Gallaruza = vampiresa, e ademais, folgazana),
esa Lulú, para aquí, á barra, que neste choio fai falta moito aquel, moito
sorriso e pouca oficina, que estes pagan a metálico! ¿Ou é que retirou á
gringa? ¿Tena estoxada, tal que para un café con leite...? ¿Con leite, ou sen
el, a pau seco? No meu criterio, demasiada Lulú, demasiado boneca; ¡unha cadeliña
de lá para un can de palleiro, para un aguacatero (Aguacatero = coma un
aguacate; aplícase aos cans vulgares e fracos; tamén despectivamente ás persoas
aparentes e insípidas) coma vostede!
Aguantar, o que é aguantar, aguantoulle aquela perorada, aparentemente sen
inmutarse, pero a bile subiulle ata os ollos, que mesmo lle alampaban:
-Repite iso, que che casco; aquí mesmo, en público que sexa!
Merton non dera asimilada aquela rebelión a bordo do seu bordel, un antro no
que el o era todo: amo, dirixente, flaxelador se se terzaba..., ¡a maiores da
posible intervención dos seus catro recadadores, que sempre acudían no intre
oportuno: no seu desvalemento, ou cando se lle acomodaba; a onde non daba
chegado, ou cando non lle conviña facerse notar!
-¡Que non, Míster, que me tomo este día libre; e co de hoxe, o de mañá, día por
noite! ¿Que por que...? ¡Xa o ve: cansei de darlle veo á maquina da súa
putería, que todo isto vai de mal en peor, e xa fede coma a corte do cuxo!
Aquel homazo, aquel gringo, o tal Merton, seguía coa boca aberta, dun furco,
pero insolitamente calado, sen ousar interrompela.
-¡Así lle arda esta merda de hotel, que nesas estamos, roxando neste forno, que
logo parece que cocésemos no cal, con estes tabacos cheirentos...!
-¿Vacacións...; oín ben?
-¡Si, vacacións; dous días, que pouco é, para o caso...!
-¿Ti, collendo vacacións, en plena zafra, con isto cheo, con este furacán que
nolos mete para dentro sen que teñades que saír, nin sequera á soleira?
¡Estaría boa, se che valese!
-Está dito, e non me faga falar, que hoxe..., ¡punto!
-¡Vale, vale; punto; de momento, que mañá traio outra, que contigo pouco se
perde, que só tiras dos da terceira...!
-¡Tiro, e déixome tirar, por moitos da primeira! ¡Da primeira...! ¿Oíu, Míster?
Daquela peche esa boca, e abra eses ollos de quenlla, que así decatarase dos
que veñen por min, ¡e a por min, que tamén os hai! Pola miña culpa, pola miña
grandísima culpa, grandísima zorra que son, que fun, e que tal lles parezo, que
aínda os toleo, que os espapallo con dous meneos! Ten que saber que quen tivo
retivo, e para bibijagua (Bibijagua = persoa hábil e industriosa, que se dá
maña para todo, ou para moito), aquí, nesta habana, eu, ¡con abano ou sen el,
que son máis famosa cá María dos Quintos de Lugo! Ben se nota nesa maldita
caixa..., ¡se estou cerca!
-¿Deches en tola? Terei que retirarte..., ¡pero ao Asilo dos vellos, de
animadora deles, que é o único que me falta por controlar!
Queta, Henriqueta,
quedouse reflexiva, indecisa, pero só por un intre:
-¡Que porras, voulle falar claro! ¡De verdade! O caso é que me chega unha
sobriña... Si, de veras, nese vapor que veu de Galicia, que estará atracando aí
abaixo..., se lles deixa este vento tolo! Díxome un marulo destes, que xa
pasou, ou que estará a pasar, pola Boca, aí polo Morro...
-¿Quen, un cómplice, un mariño que che encubre esta deserción? ¡Supoño que será
para irte con el, tal que ao seu camarote! ¿Facédelo no barco? ¡Supoño que será
para sacudirvos mellor, a pracer, co resorte da ondada! ¡Orixinal, en efecto,
que nunca tal se me ocorrera! ¿Un barco..., de bordel? ¡Terei que pensalo!
-Non. non é así, que non entendeu cousa. Foille ese de aí, ese cachupín
(Cachupín/gachupín = cachopo = español establecido en Norteamérica, ou que
traballa para os gringos), ese da colla, que con ese, nada, nada de nada, que é
marica. A mais de esperala, téñolle que buscar acomodo; á sobriña, digo; nun
sitio decente; e tamén un traballo decoroso, decente...; pero, con tanta
indecencia coma a que temos neste podriqueiro, a cousa ponme dos nervios, mais
é a miña obriga, que me vai niso a propia redención, que eu enténdome...!
-¿Un traballo, para unha rapariga...? ¿Que traballo?
-Non lle sei, aínda non; algo de man, algo que se faga só coas mans, pois para
usar o chumino chego eu, que xa o teño saído coma unha vaca; ¡eu, e mailas
miñas amigas, catro desgraciadas daqueles tempos...!
Sublevación tras sublevación, Henriqueta mostrábase inflexible, anovada;
¡demasiado para as disciplinas daquel tunante! Tiña que pararlle aquelas
iniciativas, novas, imprevistas, da súa sempre leal colaboradora:
-¿Que lle vas buscar, que? ¡Nin o soñes! Déixate de alilayas (Alilaya = escusa frívola, pretexto van), que esa moza pode ser a túa substituta. Traballará aquí, comigo, que para o teu oficio non necesita letras; ¡nin letras nin leccións, que llas dou eu, eu mesmo! Así compensarédesme pola perda do teu revellín (Revellín = atractivo de muller, coquetería), vieja moringa (Moringa = coco, fantoche)!
-¿Sabe que lle digo? ¡Que se poña na porta; vostede, si, vostede, a ver quen
pasa, que algún día lles tocará aos homes face-la rúa...!
Merton, o imperturbable, pero naquela ocasión disposto a negociar:
-Se non queres dicirllo directamente, nese caso, fareino eu! Preséntasma,
doulle un paseo no Buick, ensínolle a praia, mércolle un taparrabos, e xa está!
Do que non, que a trasfegue Lulú, que lle amose un cartucho de pesos, dese bote
das galas (Galas = propinas, atencións) para que aprenda que mellor afán (Afán,
afanar = gañar un diñeiro fácil) cá este..., ¡en todo Cuba!
-¿Nin en todo Cuba...? ¡Agarde e verá, que iso está por ver!
Merton decatouse de que estaban chamando a atención, pois Henriqueta, nerviosa
coma nunca, espallaba en tódalas direccións posibles, así que cambiou de
táctica, achantándose:
-¡Veña, pasa ao despacho, que imos concretar, que aquí pérdeste; pérdeste ti, e
de paso fasme perder a paciencia, cacho gallega!
Fóronse indo cara ao reservado do Merton, aquel curro onde recibía aos
invitados de fachenda, ¡ou aos que quería ameazar sen testemuñas! Henriqueta,
sosténdolle a mirada en todo momento, apelou, xuntou forzas, co remangue que
aínda lle quedaba, reservado para situacións estremas, decisivas, que xa non
era moito, pero naquela ocasión sentíase redentora ante a vida, ante a chegada,
da súa sobriña, que a facía a tal momento disposta a pasa-la lista de saída.
¡De saída do barco, e de entrada en aduanas!
Na súa arribada a La Habana, na dela, últimos do Noventa, que se fora de
criada, ou máis ben de neneira, que tal se crera, fixérallo crer un capitán da
mesma parroquia, coñecido e amigos dos seus; un mercenario, un tipo daqueles da
do 95, en goce dun permiso, que contaba e non paraba daqueles fillos que tivera
en Cuba, cunha mulata guapísima, riquísima, pero el quería crialos, facelos
acompañar, por unha neneira da súa terra, que lles falase dela, incluso en
galego, para non americanizalos... ¡Andrómenas súas, simples amocelos! Resultou
que, mulata si, e fillos tamén, un nado e outro de camiño, pero aquel Capitán
guerreaba por onde podía, e quería cartuchos de reposto, anovados,
inocentes..., ¡para a súa fusila! Henriqueta picou, deixouse picar, deixárona
picar, rematando co seu sacro naqueles diváns cheirentos dunha cantina militar!
Apreso aquel oficio, e como era enérxica, mandona, afeccionada aos dólares...,
¡acabou de alcaiota, sometida ao imperio dos Merton!
-...
-Míster, perde o tempo; e non me sexa rebencudo (Rebencudo = obstinado,
teimudo, con mala intención), que lle estou falando con moito siso, talmente en
serio. ¡Á miña sobriña non a relaja (Relajar = faltar ao decoro, prostituírse)
ningún gringo..., así se chame Merton! Saiba que comigo acabouse aquela recua
das picúas (Picúas = coimas, meretrices), e non se poña matón, que non teño
pelos na lingua, que mos levou o vento, á forza de mentir, á forza de
disimular!
-¡Queta, achántate, e vai parando, que ben sabes como as gasto...!
-Oia, Merton, póñase algunha vez deste lado da mesa, que eu tamén sei guerrear,
que non hai mambises (Mambises = aqueles insurrectos de Cuba) cativos..., ¡nin
inimigo miúdo! Seille catro cousas, ¡pero ben sabidas e ben demostradas!, das
súas raqueadas (Raquear = dar calote, estafar), dos seus subornos, dos seus
matóns, das que lles fai aos amigos..., ¡amén dos seus embarques clandestinos
de ron!
-¡Ja, jaa, jaaa!
-¡Ríase canto queira, e páseo ben, de paso, que igual é o último que fai, que
iso de levar o seu ron nos buques da Mariña de Guerra...! ¡Iso élle un conflito
internacional, que sei a quen lle interesa saber o como, o por que, e mailo cando,
que mo van agradecer máis de catro mandos do noso Alto Mando!
-¿Non podes calar, maldita zambeque (Zambeque = necia, idiota)? ¡Torpe, máis
que torpe, que estás tirando terra aos teus ollos..., coma quen lla tira a un
cadaleito!
Pero a nosa Henriqueta, feita un carballo daqueles da serra do Pradairo, tamén
chamada da Ferradura, todo cerna, cerna pura, cargante e dura, temeraria, ¡coma
un seixo!
-O dito, Míster, que me dá igual dicirllo aquí, neste curro, ou diante da
catedral, que aí fóra tampouco teño nada que perder, pois, se me mata, ou me
manda esfolar..., ¡daquela pago por min! Vostede é un burro, que nin se decata
de que lle perdín o medo! Mire, o dito: vén para aquí, para La Habana, a miña
sobriña, a que me herdará, ¡pero só no bo!, e eu, daquela, tocando o zoco...,
¡ao cemiterio dos Chinos, tan feliz!
Merton, despois de engurra-lo cello unha vez máis, e co puro apurado, esfumado,
fose por prudencia ou por comenencia, apañou un sorriso forzado, artificioso,
de circunstancias, e dispúxose a pactar:
-Xa que te aciguatas (Aciguatarse = tornarse, volverse bobo, imbécil ou lelo),
daquela fareiche un trato. ¿Esa rapaza..., sabe cociñar?
-¿Míster, vostede cre que cociñar é tan doado coma isto de darlle ao cu debaixo
dun gringo, por cebado que estea? A sobriña só ten..., coido que son
dezaoito...; e logo que vén dunha aldea...!
-¡Daquela, mellor, que non traerá resaibos, e pode aprender correctamente.
Faina bañarse, que lle poñan a permanente, e despois lévaa á miña casa, ao
Vedado, á Mansión Merton. E dille á Lady, de parte miña, que se trata dunha
parente túa, que se quedará con ela, que así cho mandei eu, sequera sexa para
moverlle esa cadeira das rodas, á vez que lle axuda á nosa cociñeira.
¿Entendido?
Henriqueta, de afeita ás trapalladas, á dobre moral daqueles gringos, con algo da súa retranca, da que aínda lle quedase nalgún recuncho dunha mente tan machucada, matizou a súa resposta:
-¿E se non a quere Lady Robynia; ou se vai vostede, e lle di por tras que non,
que nones, que do dito, pío, que non a colla..., para tela dispoñible, vostede?
¡Míreo ben, que se lle axeita retorce-las cousas! Coas que teño ao lombo,
gringos a min..., ¡plin, que lles levo metido un cento de purgacións! Algo se
merecen, ¿non si? ¡Pois iso, por abusóns...!
Merton tiña unha dialéctica máis rotunda, aínda máis:
-¿Se non quere..., que? ¿Quen lle vai pagar á mucama, de onde saen os pesos que
se queiman acotío na Mansión...? Polo que fai á Robynia, moito presumir de que
é filla dun Lord...; títulos, pergameos asinados pola raíña Vitoria, Lady a
todas horas..., ¡pero os cartos remanan dese ron que me botas en cara!
-Do ron, si, supoño, pero tamén das camas que facemos...; ¡das que facemos,
non; das que desfacemos! Nós, entre mulatas, galegas, e algunha que outra
descarreirada, que ata non sei de onde vén tanto coño, tanta carne fresca...
Pero vou ao caso: ¿Que pasa coa Agar, coa cociñeira...? ¡Vostede algo trenza,
ou algo tronza, que o coñezo...! Dixo Cristo non sei que dos froitos...; pois,
os seus, ¡os seus non son comestibles!
En Cuba é ben sabido, de vello, que a un americano só se lle descompón o tipo,
a dignidade, a serenidade, se se dá de bruzos coa filosofía galaica.
-Pero, esta apangada (Apangada = lela, necia, estúpida)...! Con Agar pasa
simplemente que esa morena perdeu facultades; está cansa, e incluso medio
xorda, ou se fai..., e non lle vén mal unha aprendiz que poda substituíla...,
¡por se vai a peor!
Henriqueta, satisfeita si, pero, ¡faltábanlle os cadullos, que por algo era
galega, de pura cerna, de pura raza!
-¡Aceptareille, pero cunha condición...!
Con iso provocouno en demasía, que o gringo non estaba afeito a aturar aquel
tipo de réplicas, de contradicións:
-¡Mesmo che tiro aos ollos esta alcántara (Alcántara = vasilla, ataño, ola)...,
para que espertes á realidade! ¿Estás ti como para poñerme condicións baixo
ameazas? Anda, vaite, que desta libras, e quítate eses birrións (Birrións =
pintura, maquillaxe excesivo), que por moito que disfraces a cara, de vella non
te libras. Mírate ao espello, que xa tes o mapa de Cuba nos teus ollos de
bruxa, alongados de tanto mirarme de esguello!
Henriqueta, medrándose no castigo, volveu ao seu remangue, ofendida:
-¿Estas temos? Daquela, por face-lo oso comigo (Face-lo oso = poñerse
fanfurriñeiro), impóñolle dúas condicións. Dúas, a saber: Que non o tente o
demo prostituí-la miña rapaza..., ¡nin darlle ocasión diso! E tampouco se lle
ocorra dicirlle..., ¡nunca dos xamais!, en que gaña a prata súa tía. ¿Estamos?
Míreo ben, que teño unha boa menciña para os babujales (Babujales = meigos,
bruxos) coma vostede... ¡Como non disimule os meus pecados, os meus, voulle ao
gañote, co coitelo da cociña que sexa! ¡Como que me chamo Queta! ¿Decatouse
diso, gargallán do carallo?
-¡Quieta Quetiña, calma, e déixate de perretas (Perretas = rabuxas, mal humor),
que che concedín máis do que mereces..., incluso en tempo! Prometo respectala,
pero se me buscas outras, un relevo, e que estean biyayas (Biyayas = que se
mostren solícitas, atractivas), de bo ver, pois ultimamente estás traendo
material sobrante, xa paridas e desfeitas, despedidas doutros negocios,
retiradas do señorío...; ¡mantidas mal mantidas! Para aquí quero material de
estrea, do trinque!
Henriqueta, obtida aquela proposta, largou cabos, soltouse:
¡Non sei; xa falaremos diso! Agora é difícil, que veñen máis curtidas, e
incluso con ganas de volver ao seu país...; todo calculado, a tempo fixo, coa
palabra comprometida, e por veces amparadas dos que fomos pioneiros... Pero
vostede, de ben pensado, co rico que é, ¿por que non se vai, tal que ao
Varadero, á outra casa, á das súas vacacións, e nese caso fainas definitivas,
dunha vez por todas, librándose deste puto negocio das putas? O que tiña que
facer é coidar da súa Robynia, ¡tan boíña que é! ¿Non lle parece que xa está
ben de mocear...? ¡E logo que vostede tampouco é un guayabo (Guayabo = rapaz,
mozo, en idade deportiva, ou de levar guayabera)!
Algo máis distendida, créndose vencedora, incluso se permitiu aquelas puntadas,
aqueles consellos; e como lle pareceu que o tiña receptivo, acalado, engadiulle
outra recomenda:
-¡Non me irá dicir que se lle endureceu a virtud (Virtud = órgano masculino)
cos anos? ¿Eh, tío quenlla, dígnase contestarme?
O gringo, aquel impertérrito empresario, aquel polifacético do xogo, do ron,
das jineteras (Jinetera = veloz, que fai a ximnasia na cama), de canto fose
rendible e se puxese a tiro, retrucoulle índose ao seu, volvendo ao seu:
-Dime, perla do Caribe, Henriqueta guapa..., ¡desde que te laves!, ¿onde gardas
a taleiga dos pesos, iso que vas deixar en herdo? ¡Teralos por aí, ciscados,
supoño; como moito, ao dous; acaso nunha banqueta desas que creban cinco en
cada lustro...! ¿Ti entendes de papeis, de asegura-los cartos, de poñelos a
medrar...? ¡Mira que che estou ofrecendo unha participación, aquí, comigo, a
maiores desas comisións que tes asignadas..., agora que estás para o retiro!
¿Enténdesme? Non me fuches moi leal, non, que ben cheiro as túas raspiñadas,
pero devólvoche o cento por un..., como din que fai Deus! Estás pasada, xusto
para o retiro, e daquela, asociada comigo..., ¡pos os pesos a medrar! ¿Aceptas,
que che estou ofrecendo máis do que mereces?
Queta, nin con esas, que coñecía demasiado ben ao Patrón; e o que non sabía
del, intuíao:
-Mire, voulle ser Santa Clara: aló, no meu rueiro, que lle din Vilar, e iso que
está ao sopé da serra, as pitas que fan tratos cos renartes..., ¡perden a
pluma!
-¿Chámasme raposo; a min, a quen tal oferta che fai? ¡Desagradecida; pero ti o perdes! ¿Que vés a dicir con esa papurreta (Papurreta = simpleza, necidade), con esa metáfora tan..., tan torpe e tan inxusta? ¡Traduce, que ben sabes que domino o castelán, pero ti..., ¡ti es gallega!
-¡Si, son galega, pero algo sei, polo menos das cousas da miña crianza; cousas
que vostede non capisca, e iso que é un pillo, pero, de listura, un comiño!
Como seguía diluviando, que así, aínda despois de atracados, non os deixarían
baixar, e non había présa por acudir á espera da sobriña, habida conta, tamén,
de que Merton puxo interese en felparlle os aforros, e cando aquel home
trasfegaba un negocio, os outros agardaban, que non se ía, nin deixaba ir, ata
enlobetar o adival ben enlobetado, Queta permitiuse un curto arrecheo nun
daqueles Chester, propios do ricachos, e no entrementres volveu ás
recomendacións:
-Preguntoume pola miña taleiga... Pois, mire, e voulle falar coma se estivese
de confesión: A tal momento cambiábaa, coas bragas incluídas, pola saúde e pola
vergoña que me fixeron perder nesta puta Habana certos confrades seus...,
¡empezando por certo Capitán, e iso que aquel non era ianqui! Agora que a cousa
non ten remedio, ¡xo burra, xo! Pero esa pratiña, pouca ou moita, ten que valer
para unha obra de caridade, para que esta sobriña viva con decencia..., ¡dentro
do que aquí é decencia, que xa sei que non estamos na miña parroquia!
-Con decencia vivimos todos, que darlle á xente o que precisa, en troques do
que a un lle sobra..., ¡coido que non é mal trato, para ninguén!
Pero Queta non ía por aí, senón todo o contrario:
-¿Non tiña présa? ¡Pois eu, en vista de que con vostede non fai milagres nin o
propio Deus..., que El tampouco salvou a Satanás..., terei que despedirme! Pero
lémbrese de que fixemos un trato, un pacto, que eu non entendo de letras, nin
das do Banco nin das outras, pero de honra, si! Tómeme en serio, tío Merton,
que lle convén. Mire, por se lle quedan dúbidas, e dito isto, voume; ¡agora, si!
Para demostrarlles aos meus que sabía defenderme, que estaba maduriña para saír
polo mundo, para enfrontarme aos cabróns do camiño, aproveitando que estabamos
de matanza, alí, na propia aldea..., ¡matei un porco! Como llo conto, tal cal,
cun coitelo así de grande; ¡ben ás cheas coma eses machetes da cana!
¿Entendeume? Daquela acórdese diso, por se lle fai dano á miña Herminia..., ¡ou
por se lle entra a tentación de facerllo!
Acurralado con aquelas filosofías ameazantes, con aquela filípica, tan
dialéctica como rotunda, Merton deu por resolta a cuestión e dispúxose a saír
do seu reservado, pero, xa na porta, encarouse con aquela empregada -
comisionista, cómplice pero arrepentida:
-¡Gata salvaxe! Ás veces es melosa, incitante, e incluso atractiva; pero
outras..., ¡co coitelo na man! ¡Gallega tiñas que ser!
Queta plantoulle cara, unha vez máis, saíndo con el ao salón:
-Nisto de salvaxe..., conforme! Nisto si, que por algo me ten aquí, de
encargada, que a vostede os santos non se lle achegan, por colonia que se bote,
que fede a xofre, a pecado, ¡de lonxe!
Así se xestionou aquel emprego doméstico da moza, de Herminia, medio a medio
dunha tormenta..., ¡patronal! E con outra por fóra, na rúa, no peirao, en todo
Cuba, naquel trópico, no de Cáncer, co tempo facendo das súas, tan a miúdo
desaforado.
Herminia entrou,
iniciouse, ambientouse, arrolada por un daqueles tifóns tan levantiscos que,
cando collen carreira, ¡aos douscentos chegan! ¿Bo agoiro, ou mal presaxio?
¡Aínda é cedo para levanta-lo pano!
O certo, o xa sabido, é que, en parte, e debido directamente á tormenta, aos
incidentes dela, aquela rapaciña librouse, case de milagre, dunha putería tan
de moda, ou tan en necesidade, segundo se mire, grazas á puta de súa tía, que
despois de todo foi unha puta de conciencia, arrepentida. Desgraciadamente puta
debido a que non tivo, non tivera, no seu momento, outra puta desenganada, e
rica, que a protexese daqueles putañeiros, en particular dos gringos, aqueles
controladores, aqueles empresarios de bordel que, para abarcalo todo, tamén lle
daban ao ron..., ¡aproveitándose dunha Lei Seca! Dito así, todo isto parece un
abracadabra, pero era, foi, realmente, unha traxedia, terrible, xeneralizada,
cotián, típica, ¡e como tal, dificilmente evitable!
Mentres, no seu Vello Mundo, naquel Vilar, no seu, ¡seu antes do éxodo!, naquel
Vilar do Monte, do Montecubeiro, estarían todos, seguro que estaban a tal
momento, envexando a sorte daquela rapaciña que se foi de noite, levada a Lugo
polo Toño, en dúas eguas, xa cerca do día, para que avanzase noutra escuridade,
na de Cuba, aínda que iluminada artificialmente; un país luminoso de seu,
brillante, fértil, azucrado, próspero, propicio..., ¡e non obstante,
afuracanado!
¡Que miraxes e que idealizacións produce a distancia, e coa distancia, a
información nesgada, indirecta, interesada, obtida, recibida, de terceiros,
fose de boa ou de mala fe! Máxime cando se olla, cando se axexa, co espírito
presto á tentación, coa mirada extraviada, ou incluso cobizosa, e sempre, ou
case sempre, ignorante, ¡supinamente ignorante!
-.-
Pasa a
DE PURA CERNA
-II-
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario