.../...
“Faltriquera = Bolsillo de las
prendas de vestir, en especial el que llevaban
atado las mujeres
a la cintura debajo del vestido o delantal”.
“¡Así que tiven que ler isto no meu dicionario
para que alguén me falase desa cousa secreta das mulleres, ¡unha delas!, e
total, para que? ¡Catro cadelas escondidas, de feira a feira!”
Darío, se falasen as faldriqueiras das
nosas mulleres, canta intimidade, cantos secretos, cantas economías lles
coñeceríamos. Despois do corazón, a faldriqueira; e por veces, antes! Concretamente
na nosa Galicia, na rural, as faldriqueiras merecen un altar, ou un mastro,
pois foron bandeira antes de existir a que temos actualmente por tal.
(A representación moderna e oficial do
escudo galego foi fixada no ano 1972 pola Real Academia Galega (RAG). A RAG
propuxo á Xunta de Galicia conservar a memoria da bandeira galega antiga dentro
da moderna. O resultado foi a superposición das armas ou escudo galego sobre a
bandeira civil, formando o que en vexiloloxía se denomina "Bandeira
Institucional". A bandeira "de estado",
"institucional" ou "oficial" galega é a que debe figurar
nos actos oficiais do goberno e institucións galegas).
Dúas matrices, dous úteros, utilizaron as
nosas nais para criarnos; as dúas interiores, ocultas, ben gardadas. Da
biolóxica moito se ten dito e escrito, aínda que nunca sobra dado o seu papel
vital; pero, da de liño da tea? Co moito que levo lido, e confeso que aínda non
atopei unha liña que a recoñeza, tamén, como vital. Sen as faldriqueiras,
daquela, sería posible, de paridas, criar?
Vexamos: A primeira xa era que, cando
había parto próximo, fose na parentela ou na veciñanza, a súa faldriqueira ía a
menos porque na feira inmediata apenas había vendas: ¡O que había era un cesto
acogulado para levarllo á parida, miña pobre, que necesitaba nutrirse con
largueza para aleitar con abundancia; en definitiva, para que as criaturas
“subisen ao poleiro”, que é como daquela se dicía.
A partires diso, e con iso, os primeiros
beneficiados das faldriqueiras eran / fomos os nenos. Daquela, ¿sobra un
agradecemento para esta segunda matriz? ¡Pois vai sendo hora de que o teñamos,
de que o mostremos, de que o demostremos!
-.-
“Fallecer =Faltar o acabarse una cosa”.
“Nunca pensei que puidese haber erros nun dicionario: Cando eu morra, daquela,
segundo isto, dirán que..., que falecín! ¡Mentira, pois entón será que nacín,
que nacín para a vida eterna pois esta de aquí foi coma a Mili, un servizo
transitorio, aprender a instrución! Se non fose para asegurarnos a vida eterna,
a definitiva, para axudarnos a nacer, todo un Fillo de Deus ía molestarse en
padecer o que aquí padeceu?”
Perdón, Darío, que aló atrás dixen que
morreras cando o realmente certo é que naciches, que te licenciaches na segunda
fase. Segundo ti, ¡e tes razón!, hai tres vidas: na matriz da nai, na casa de
cada quen, e logo está a nacenza definitiva, pois o que falece, o que
desaparece, é que pasou polas fases prenatais, ¡polas da incubación térrea!
Agora que estás no Ceo, e que me les desde aí Arriba, ¿verdade que os abortos
tamén nacen, tamén teñen no Ceo as súas almas? (¿E se os querubíns fosen nenos
abortados? ¡Ten a súa lóxica!).
-.-
“Fanfarrón = Que se precia y hace alarde
de lo que no es, y en particular de valiente”. “Tamén nisto están equivocados
pois o meu Sarxento chámase “Mazarrón”, que así está na “Orden del Día”;
deberan poñer aquí o seu retrato, para evitar malos entendidos”.
Querido Darius, es listo pero todo non o sabes. Aquel Sarxento, antes da
guerra, era, coma ti, un cavador, pero chegoulle unha orde, de parte de don
Hermenegildo, e non tivo outra que incorporarse ao Batallón de Montaña. Pasados
tres anos, longos coma tres lustros, seguro que seu pai xa casara na casa ao
segundo, así que outra lle quedaba máis que reengancharse? Fanfarria non foi a
del senón a de don Hermenegildo, montar unha guerra a base de mouros, de mouros
e de cavadores, e para iso, con avións prestados, prestados por un
contrabandista!
-.-
“Fayado = En Galicia, desván, que por lo
común no es habitable”. “¡Si, ho, outra que tal! O faiado da miña casa está
habitado, e ben que barullan, que debe haber medio cento de leiróns.
Comenteillo a un compañeiro e díxome que os leiróns fan coma os lobos, que se
pegan polas femias...; iso será, que tamén os homes da miña bisbarra se pegan
entre si simplemente por ceder o baile a parella; que non sería se o baile
tivese dereito de pernada!”.
Querido amigo, querido veciño, iso de
“faiado” puxéronllo os veciños da Marronda, porque eles teñen faias, e ca súa
madeira evitaban que as telarañas lles caesen nos ollos mentres durmían. ¡Dúas
cousas, dúas vantaxes: a beleza de abri-los ollos e contemplar a madeira! ¿Non
me preguntas pola outra? ¡Direicho: Así as súas mulleres non poñían
inconveniente en mirar para arriba, por feos que fosen os maridos!
-.-
“Feria = Cualquiera de los días de la
semana, excepto el sábado y domingo”. “O que fixo este libro sabe menos cós da
miña bisbarra, que precisamente facemos as feiras, alternando Meira con
Castroverde, domingo si, e domingo non. Agora caio: Debérono facer os curas,
para que non lles falten fregueses, pois ir a Misa é incompatible con ir á
feira: unha, polo tempo, e outra porque as Misas deberan ser despois das
feiras..., para confesa-los pecados!”.
Cos compañeiros da Asociación de Amigos do Patrimonio
de Castroverde nunha das súas “Feiras da Artesanía”.
Nos días curtos xa pouco ou nada se vai,
¡se ía!, ás feiras, e nos largos hai día para todo. Hoxe en día para pecar non
fai falta ir á feira, que chega e sobra con ver as aberracións dos mass media! ¿Que son os mass media? ¡Ti,
Darío, sábelo ben, que te pillou aquel periodista in fraganti!
-.-
“Fermento = Cualquiera de las substancias
coloidales, solubles en agua y elaboradas por las células, que intervienen en
el desarrollo de muchos procesos bioquímicos actuando a la manera de los
catalizadores inorgánicos”.
“¡Miña nai querida, se chego a dicirche
que iso que pos ti na artesa, no medio da masa, para que leide o pan, non é
formento senón fermento, ías tolear, así que, cando volva para a casa, voume
gardar moi moito de dicirche verbas científicas! O que as inventou debe estar
ben folgado para así retorcer as cousas naturais!”.
Se non é a señora Dolores de Mirón metendo o pan no
forno, parécese a ela!
Darío, agora te decatas do moito que saben
/que sabían, nas nosas aldeíñas, ignorado que o sabían? Se tivesen que aprender
en libros o que lles ensinaban nas súas casas simplemente vendo, vendo facer,
nos lles chegarían para acabar a carreira os cincuenta anos de vida media que
vivían daquela, e para iso as mulleres, pois os homes, máis inocentes, xa os
levaba Deus antes, tres ou catro anos antes..., porque tiñan o Purgatorio máis
curto!
-.-
“Forzudo = Que tiene grandes fuerzas”.
“Mira ti por onde tanto se é forzudo en galego como en castelán! Daquela que me
expliquen o por qué lles temos que ir segar a Castela... ¡Que seguen eles, xa
que son igual de forzudos, ou é que presumen diso, sen selo?”
Chegada de segadores galegos á Estación del Norte
(Madrid). Foto do ano 1940.
Darío, era un problema de magnitudes, e
tamén estacional: Galicia adoita ter os invernos máis crús e prolongados, así
como as mulleres máis graciosiñas, e por iso a prole aquí era máis numerosa;
¡partilla tras partilla, as leiras encolleron! A outra era que a sega viña
antes en Castela, cousa dun mes, así que os nosos rapaces ían aló..., para
adestrarse!
-.-
“Fraga = Entre madereros, la madera inútil
que es necesario cortar para que las piezas queden bien desbastadas en la
primera labra”. Estamos confinando con Castela, e qué diferenzas temos! Eu
sempre oín chamarlles “fragas”, aos montes “illados e pouco accesibles, con
gran diversidade de fauna e flora constituída por caducifolias, herbas, mofos e
liques”. ¿Quen precisa máis escola, os casteláns ou os galegos?”
¿Acordaríase Darío disto daquela que
mandaba en Galicia o señor Fraga? Pola lei dos topónimos, parece claro que os
antepasados deles viviron nunha fraga, pero el saíu cultivado de raio! Aquí en
Galicia seguimos téndoas, e para mostra, aquí vai unha foto das fragas da
Marronda!
-.-
“Gabardina = Ropón con mangas ajustadas,
usado por los labradores en algunas comarcas”. “¡Pois xa teñen que ser ricos,
que na niña só a teñen os de casa grande, tal que eses que teñen caseiros! O de
"caseiros” tamén é outra, pois por aquí arriba, por aquí adiante, chaman
“caseros” aos donos das casas, e na miña terra son caseiros os que traballa e
viven en casa allea. ¡Moito queda sen facer neste mundo para igualalo, aínda
que só sexa nos falares!”
-.-
“¿Guerra? = Non fai falta estar nela para
participar, como pasou na miña parroquia. O outro día o Capitán, ese que é da
Academia, díxonos en latín, aínda que despois explicouno, que, “Si vis pacem
para bellum”. Explicouno dicindo que se queremos a paz teremos que prepararnos
para a guerra. A miña quinta chegou tarde para a de España, que xa rematara,
pero estiven tentado de preguntarlle ao Capitán se, de metidos noutra, se
avanza marcando o paso, ou a todo correr”.º
Darío, se eu fose ese Capitán, e me
preguntases iso, responderíache meténdoche un tiro polo traseiro no caso de que
che dese por correr cara ao Escouredo! Agora unha pregunta persoal: ¿Quince
fusilados na nosa Parroquia, en Montecubeiro, é, ou non é, guerra? ¡Teremos que
preguntarlle ao laureado López de Haro, que daquela mandaba, e ¿organizaba?, os
cuarteliños da nosa provincia!
Servidor, lembrándome deles. Daquela eu tiña sete
anos.
-.-
“Licencia = O capitán, hoxe, díxonos que
para mañá non hai teórica, ¡que nos dan a licencia! Pois, coa “licencia” na
man, eu, ¡adeus dicionario castelán, que volvo cos galegos, e os Perineos para
os gabachos. ¡Amén!”
-oOo-
Nada
máis, que nada engadiu ata a contraportada final, onde puxo:
“Como di o noso Cura, o de Montecubeiro,
Dóminus vobiscum. Que Deus ampare e bendiga aos quintos que veñan tras de
min, pois mala herdanza lles queda, que isto das quintadas que aquí se estilan
non llas desexo ao peor dos meus inimigos. Eu voume, que xa me deron esta
papeleta color rosa á que chaman “Licencia”. Licenciáronnos precisamente na
época de queimar os terróns no Zarro Novo, así que estarán esperando por min.
¡Ten graza, voume librar dos fumes do Sarxento Andarribia para envolverme nos
do tren Correo, e a continuación, queima-las tolas do Zarro! Está visto que
nesta vida todo é fume, así que…, voume do Exército botando fume! A única
dúbida que teño a tal momento é se queimar este dicionario, ou gardalo para
cando teña fillos, que así coñecerán, e crerán, as penalidades dun soldado,
maiormente nos montes de Jaca.”
Firmado e rubricado: Darío.
-.-
Este dicionario, aínda que está acoutado
en prosa, para min é un poema, o gran poema do gran poeta Darío, un poeta que
afondaba nas verbas, que non todos o fan!
Xosé María Gómez
Vilabella
-oOo-
Post
scriptum
OS MUNDOS, CONCÉNTRICOS, DE DARÍO
Dous, que dous tivo: A súa ventá do
Poñente, desde a que divisaba a canle do Azúmara, un río pequeneiro, que goza
fecundando as veigas de Montecubeiro, para irse despois, paseniño, a renderlle
contas ao pai Miño; e tamén o de gran
alcance, configurado no periódico El Progreso, do que Darío foi subscritor.
Volvo a ocuparme do meu veciño, e non
obstante, amigo, porque se deu o casual de que, estando na miña finca das
“Andoriñas”, cuns rapaces de Villarín que me estaban axudando a rozar os
valados, pasou un coche a máis velocidade da que adoitan permitirse os veciños
do lugar, cousa que nos chamou a atención. Xosé Luís, que as cheira de lonxe,
dixo:
-Ao chegar á casa do Pacio seguiron en
dirección ao Escouredo; xógovos o meu xornal deste día a que son os herdeiros
do Darío de Mirón, que seica ían vir para facer inventario do que deixou, e coa
mesma traer un “Mudanzas” para levar aquilo que lles resulte de valor.
Pola miña parte fun tan mal educado que
nin lle contestei. Tiña no peto as chaves do meu coche, e aló me fun, pola
pista adiante, tamén a cen:
-Celebro coñecervos… E perdoade que me
autopresente, de súpeto, pero dáse o casual de que Darío e mais eu fomos
grandes amigos, así que teño o maior interese en comprarvos aquelas cousas que
non vos sirvan a vosoutros, en particular os periódicos atrasados…, que me
consta que tiña o costume de gardalos, e debe ter un palleiro deles,
principalmente El Progreso, que era o seu favorito.
-¡Que casualidade! Precisamente era o
primeiro que pensabamos queimar, pois con tanto papel, nesta casa abandonada,
hai perigo de incendio para todo o demais.
Foron tan amables, tan xenerosos, que nin
mos quixeron cobrar; máis é, agradecéronme que llelos retirase. O custe estivo
no gasóleo pois fixen non sei cantas viaxes para dalos retirado. Despois do
transporte, custoume unha semana ordenalos por datas, función na que observei
que tiña subliñado, a lapis, uns cantos sucesos que, evidentemente, lle
resultaron notables, dignos de comentario. ¡Estaba visto que fixera co
periódico algo similar ao do seu dicionario Moliner! Abundando nese criterio,
eu mesmo farei, aquí e agora, unha reseña, unha especie de anuario dos feitos subliñados
que me parecen máis dignos de reflexión:
Do ano 1938 non está a colección completa,
pero si un atado, de varias datas, nos que só subliñou as referencias á batalla
do Ebro, do que teño que deducir que o afectou dalgún xeito, acaso familiar.
Chamoume a atención, especialmente, que, encabezando este paquete, tivese o
noso Darío unha fotografía das ruínas de Corbera de Ebro. O que é indubidable é
que el non a fixo, que nin tería máquina, sendo visible que é posterior aos
bombardeos, coa herba brotada nos curros dos paredóns.
De 1939 tamén poucos exemplares. Varios
subliñados, e todos referidos ao III Año Triunfal, así que nin os comento
matinando que non é grato furgar nas feridas que subxacen debaixo daqueles
titulares grandilocuentes.
Datados en 1940 só localicei un exemplar,
precisamente un que trata, que refire, e tamén coa grandilocuencia da época, a
entrevista de Hendaya. Manuscrito, á marxe, pero non me parece a letra de
Darío, alguén puxo, entre signos de admiración: “¡Cabróns. Comigo que non
conten!”. E digo eu, ¡estes de Montecubeiro, con eles non poden…, nin fusilando
quince!
¡Elocuente, por si mesma, non si?
Do ano 1941 a colección xa ten máis
periódicos; completa, non, pero hai uns cantos. A min chamoume a atención un
que ten marcada a nova da saída de ¿voluntarios? para a División Azul. Darío,
ou quen fose, subliñou a verba “voluntarios”; ¿faríao con ironía, isto tamén?
Eu, co pensamento voando aos meus coñecidos, ¿voluntarios?, recei de inmediato
un Paternóster polo meu veciño, Xulio do Roxo, que ese si que foi voluntario;
coñecendo como era de lanzado, non teño a menor dúbida de que foi voluntario,
dos primeiros, e se non chegou avanzando ata Moscou tivo que ser porque alguén
llo impediu!
Lei Constitutiva das Cortes, do 42. Esta
nova está subliñada de cabo a rabo. Este periódico fala da (futura, por
suposto) elaboración das leis, PERO co pero maiúsculo, xigantesco, imperial, de
que, unha vez elaboradas, sancionaríaas o Invicto. Aquí, nunha marxe, tamén hai
caligrafía, pero eu, que non son un experto, tampouco me atrevería a xulgar que
sexa letra do propio Darío. Di, con boa caligrafía, iso si: “¡Esas cortes van
cheirar máis cás miñas!”. ¡Montecubeiro seguía “Sen tomar”, que afirmou aquel Matías
de Perán, aquel da “Directa”, un día en Lugo, aínda que seguramente o dixese
noutro senso!
Do ano 43 non localicei ningún;
precisamente por aqueles meses traballou para nós, así que non lle quedaría
tempo para ler periódicos, e logo que o gran filósofo Darío concertaría cos
gregos en que, Primum vivere, deinde
philosofare!
Do 44 hai varios, pero subliñado pouco;
localicei un periódico que fai alusión á invasión do Valle de Arán, o “maquis”,
pero dio tan entre liñas que lle debeu pasar inadvertido ao Darío pois o único
que apuntou, nun deles, foi: “Aquí estamos tan esfameados, entre as cartillas
do racionamento e maila censura, que estes periodistas de hoxe en día tamén están
esfameados…, incluso de noticias!”. E digo eu: ¡Pero qué analista tivemos no
Darío, tan discreto que nin os seus veciños fomos quen de coñecelo en toda a
súa dimensión, en tantas dimensións!
No 1945 deberon chamarlle moito a atención
o Fuero de los Españoles e maila Ley de Referendum Nacional pois nas páxinas
onde se deron estas novidades anotou un pensamento idéntico: “En vez de “fuero”
debera dicir, “forro”, o forrados que están algúns, e o que aforramos os
demais, incluso en saliva, que nin falar nos deixan!”.
Nun dos números de decembro do ano 1946 coméntase e descríbese unha
manifestación en Madrid, na Plaza de Oriente, que máis nutrida, ¡medio millón
de…, ¿de cristiáns?, nin máis exaltada, nunca
a tiveron aqueles Reis do pazo de enfronte. Os ministros
Girón de Velasco y Fernández Cuesta no se cansaron de berrar: "Franco
sí, comunismo no". Darío anotou: “¡Vaia por Deus, son tan inimigos do
comunismo que ata se quedarán cos montes comunais!”.
1946. ¡Veu Eva
Perón! Darío escribiu na marxe dun daqueles periódicos que daban a noticia: “¡Estes
periodistas…, sempre a medias! Díxome o señor Celestino, e ese débeo saber xa
que vai tódolos días a Castroverde, polo correo, que Perón lle mandou un
telegrama á súa muller, que seica di: “Evita besos y abrazos”. ¿Tan puta é esa
señora? E os periodistas, sen dicilo!”
A partires deste
ano son tantos os periódicos, e tan numerosas as anotacións do Darío, que me
canso de transcribilas. Cando nos vexamos Arriba, no Ceo, voulle preguntar que
cómo foi capaz de disimular o seu aquel irónico, pois tiñámolo por pícaro,
pero…, tanto?
Entre as
anotacións que lle coñezo, e as miñas lembranzas daquel pasado convivencial,
hoxe non teño dúbidas de que o noso imponderable Darío, ademais de pensador,
foi un home de ben, un solitario con criterio, especie que non abunda. De todo
isto non me parece difícil deducir cal era a súa visión do mundo circundante.
Hai persoas que
pasan desapercibidas, valendo moito, e outras, que farfallan o que non ten
amaño, partindo de nada, que nada ou pouco teñen no seu interior: fachadas brillantes
e interiores baleiros. ¡Que difícil de coñecer é a xente!
En canto á súa
ventá…, ¿qué se dirían, respectivamente? Pois eu penso que, máis ou menos:
Ante todo, unha
gran decepción cada vez que baixase a vista pois a tal ventá daba, miraba, por
encima da eira dos Marianos, seus veciños. Alí criáronse catro mozas, de par
súa, a cal máis fermosa, pero…, ningunha o aceptou! ¡Pobre Darío, que xa é
ilusión facerse catro ilusións sucesivas, e fallarlle todas! Nunca me atrevín a
preguntarlle a causa daqueles desaires, pero inclínome a pensar que se
ilusionaban cos de fóra, cos de lonxe; ¡a vaca do veciño sempre deu máis leite
cá miña! Darío, a tódolos efectos, era como da casa: ¿Demasiado coñecido? ¡Non,
pouco coñecido, precisamente por iso, pois realidades son as de cerca, e
ilusións as de lonxe!
Decepcionado das
inmediacións, non parece aventurado matinar que Darío ollase ao lonxe, por riba
da eira do Mariano. Ao lonxe estaban / de momento están, os lugares de Sarceda,
Castelo, Veiga… Máis alá, en derredor seu, o resto do mundo. ¿Decataríase Darío
de que ao redor de cada persoa xira o mundo, a totalidade do mundo? ¡Por iso,
todos e cada un somos eixe, un eixe inconmensurable, o eixe do mundo!
Darío pasou
desapercibido, incluso para as veciñas, para aquelas mozas de Mariano… ¡Pero que
pasase desapercibido non lle resta importancia! Ninguén pasa por este mundo sen
deixar rastro; bo, ou malo, pero, rastro! ¿Os desapercibidos sono, fórono,
porque a súa personalidade era neutra, nin boa nin mala, nin lista nin torpe,
nin feos nin guapos? ¡Que va, pois todos, incluso as medianías, influímos no
resto da irmandade! E se cadra, máis, máis do que pensamos! Eu mesmo aprendín
de Darío; e coido que non fun o único. Precisamente os exemplares son os
mellores, eses que parecen vexetar en vez de vivir; os silenciosos, os que non
alborotan, os que non conmoven nin revolucionan. En definitiva, os Daríos,
tódolos Daríos!
No meu criterio,
este home mereceu o Ceo, aínda que só sexa porque non fixo mal a ninguén, polo
menos con notoriedade. ¿Parécevos pouco, nos tempos que corren?
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario