lunes, 11 de enero de 2010

DARÍO -II-

.../...



“Aconsejar = aconsellar”. “¡Porras; qué manía de mete-la jota por todo o dicionario arriba, e aquí en Aragón a de baila-la jota en lugar da nosa muiñeira, que é máis melosiña; dálle coa xota, que ata iso de fornicar o din con ela, co ben que soa o noso elle, e de paso, o efe! Neste cuartel o único bo que aconsellan é que disparemos primeiro, e que preguntemos despois…, ¡ao morto! Que si, ¡e teñen razón!, pois, ¡vida por vida, primeiro a miña! Para consellos, meu padriño. ¡Deus, cánto sabe, e qué ben aconsella! Sempre me dixo que nunca bique unha rapaza, sexa en público ou en privado, que se empeza por arriba e acábase por abaixo; ¡para fillos bravos, chega coa semente dos pradairos!”.

Outra vez tes razón, querido analista, querido amigo, querido Darío. Non teño a menor dúbida de que o noso común padriño lle levou, daquela, ao Cura da parroquia un quintal de sal, que así saíches! Lembraraste que no noso lugar había un dito que era, “Os consellos, para ser efectivos, teñen que ser pedidos…, de antemán, e mellor aínda por escrito!”. Se tal se fixese, maldito un consello habería, pois á nosa xente aínda lle custa confesarse oralmente, canto máis facelo coa escrita. ¿Verdade que che pintaron ben, nas peripecias da vida, aquelas titorías, aqueles consellos, do noso, común, padriño? Estou seguro de que está no Ceo polas súas credenciais, que eran moitas, pero en particular aquilo dos seus consellos, que era o mellor pasaporte dos que levou na súa caixa, de ameneiro pintada de caoba…; si, aquela que nos vendeu Daniel de Piñeiro, outro vivo, outro ben aconsellado, que herdou de tódolos mortos da bisbarra, e xa cobraba antes có Cura. ¡Ese tamén disparaba…, e despois preguntaba!
-.-




Darío nesta entrada debeuse cansar da letra “A”, e meteuse co “B”, empezando por



Os galos e maila pita Isabel II

“Bastardo”. “¡Vaia, ho, por fin atopei unha verba que se di igual coa miña lingua! A diferenza pode estar en que nos libros só veñen os bastardos dos Reis de España… ¡Pois, non, que tamén os houbo en Montecubeiro! Estoume lembrando daquel carallán que tiña unha porta entre a súa alcoba e maila da filla dos caseiros, así que, cando a súa dona se lle poñía de cu, a caseira dáballe a cara, e tanto lle deu, que pariu dous fillos, en dous anos! Por alí díxose que os recoñeceu aquel galo, de conformidade coa súa, coa sacramental, pero como os escribáns son tan caladiños, iso saberase de certo cando cheguen as partillas dese touro bravo, que el si que o era, e non os seus meniños! Ou lle secou o manancial, ou é que tapiaron aquela porta, pois outros refillos non houbo, que se saiba, nin propios nin alleos, e de habelos tido, saberíase, como se soubo dos outros!”.

¡Darío, non sexa mal pensado,  e lémbrate daquela película, que igual a puxeron en Jaca, ¡tamén en Jaca!, que se titulaba, “Que el Cielo la juzgue!”.
-.-




“Batracio”. “¡Mira cómo lles chaman aos sapos en castelán! O outro día oínlle esa verba ao Sarxento Andarribia, que así lle berrou a un soldadiño ventrelludo que marca mal o paso: ¡chamoulle sapo! Daquela dixen para min, ¿Non será que ese pobriño se chame Pancracio, coma o señor Pancracio de Cobula? Así e todo, un dicionario é unha cousa boa, que tamén serve para saber se te insultan os do outro lado, os da outra fala”.
-.-






Baionetas caladas. ¡Na paz si que o están!

“Bayoneta”. “¡Co que as odio, e ata veñen neste maldito dicionario! Con chamarlles polo seu nome, “coitelos de destripa-los homes”, chegaba e sobraba. ¿A onde irían buscar este mal nome? ¿Chegado o caso, e con todo o que nos teñen explicado na teórica, sería eu capaz de facer co inimigo algo parecido ao que fai meu padriño cos porcos? De entrada xa vexo unha diferenza, que el mátaos primeiro, e despois esfólaos! Aquí nestes pendellos de xunta ao cuartel colgan eses sacos para que os afuraquemos coas…, ¡iso, coas bayonetas! Tamén meu padriño colga os porcos, denantes, pero…, ¡o pero, o diferenza, é grandísima! O Sarxento sempre nos di, ¡Adelante, que son franceses! Que eu saiba, este Sarxento, na de España, non furacou franceses, senón españois, dos que lles tocou estar do outro lado. Coa chispa que ten, eu bótolle que destripou un cento de paisanos, ou máis!”.

Darío, calma, que don Hermenegildo xa morreu, e ao Tejero non lle fan caso!
-.-




“Bizma”. “¡Estes casteláns son o que son e son como son! ¿Non lles chega con pizmarse e van, e repiten, pois o de “bi” dixéronme na escola de San Cibrao que significa face-las cousas dúas veces? Daquela bronquite que collín de cativo, aló nas louseiras da Mouriña, libroume don José, aquel Médico de Serés, pizmándome con media bota de pez, ben quentiña, no peito, e a outra media detrás, no costeleiro, pero, ¿e se lle da por repetir a dose, quitar unha pizma e poñerme outra? Iso da “bizma” haberá que deixalo para eses da cara dura, pois, se dura teñen a cara, o peito, qué?”.

O de “bizmar” non foi malo, mentres se agardaba pola penicilina!
-.-




“Borde = beira, vera, e non sei cantas cousas máis. ¿Así que face-las beiras, e ronda-las mozas é a mesma cousa? Aquí vou consultar co Maestro Armero, pois é o que máis sabe máis das ánimas, polo menos desas entrañas dos canóns. Eu tiña para min que ‘borde’ era un estúpido, un pesado, máis ou menos coma o Sarxento Andarribia, e vai esta María Moliner e cámbiame as bisagras. Logo está esa canción que di, “Ay limón, limonero, siempre florecido, a tu ‘vera’ me dijo un mocito falso y embustero…”. Moi grave debeu ser aquilo da Torre de Babel, da que nos dixo o señor Cura que fora a causa “de la confusión y multiplicación de las lenguas”. Se non me licencian pronto, cando volva ao meu Escouredo igual lle chamo “Oscuridad”, ou “Vera”, xa que está á beira do camiño que levan os de Berlán para subir á Misa. Disto da Misa: Ten a súa graza, que os de abaixo soben á Misa, e da campá para arriba, ¡baixan, abáixanse á Misa! O que nunca se baixa do altar, nin para darnos a comuñón, é o noso Cura, e encima diso, dános o cu, e fala en latín! Se é que piden latín no Ceo, nós, os leigos…, nin con responsos nin sen eles!”.
-.-



Aquelarre (macho cabrío) de Goya.

“Cabrón = El que consiente el adulterio de su mujer”. “¡Vaia, ho, o que me faltaba por oír, que neste caso sería por ler! Aló en Montecubeiro, ademais de castrón tamén se lle chama cabrón ao macho das cabras; e aquí, en castelán, o home que non é macho resulta ser, ou chamarse, cabrón! Aquí temos o caso do noso Sarxento ao que tódolos meus compañeiros, sen excepción, pero por tras, chámanlle iso, cabrón, e mais está solteiro! Para saír de dúbidas o peor que podo facer é preguntarlle, a el mesmo, os motivos desa nomeada, pero…, ¡sendo cómo é, é capaz de aplicarme a baioneta do meu propio fusil! Ben di meu padriño: “Agua que no has de beber, déjala correr”.
-.-




“Casamentero = Que propone una boda o interviene en el ajuste de ella. Se dice más bien del que con frecuencia entiende en tales negocios, por afición o por interés”. “¡Destes hainos na miña parroquia, pero comigo dan na ferradura, e non no cravo, pois unha escollenza tan importante non é para ser delegada nun chufón, que por algo e para algo levan ese nome!”.

Amigo Darío, para que non me chames “casamenteiro”, nin “chufón”, vouche dar o meu consello tirado dun home célibe, e por tanto, neutral, Fray Luis e León, que, na “Perfecta casada” deixou dito que:
De manera que el hombre que acertare con una mujer de valor, se puede desde luego tener por rico y dichoso, entendiendo que ha hallado una perla oriental, o un diamante finísimo, o una esmeralda, o otra piedra preciosa de inestimable valor. Así que ésta es la primera alabanza de la buena mujer, decir que es dificultosa de hallar. Lo cual, así es alabanza de las buenas, que es aviso para conocer generalmente la flaqueza de todas. Porque no sería mucho ser una buena si hubiese muchas buenas, o si en general no fuesen muchos sus siniestros malos. Los cuales son tantos, a la verdad, y tan extraordinarios y diferentes entre sí, que, con ser un linaje y especie, parecen de diversas especies. Que, como burlando en esta materia, o fue Focílides o fue Simónides, el que lo solía decir, en ellas solas se ven el ingenio y las mañas de todas las suertes de cosas, como si fueran de su linaje: que unas hay cerriles y libres como caballos, y otras resabidas como raposas, otras ladradoras, otras mudables a todos colores, otras pesadas, como hechas de tierra; y por esto, la que entre tantas diferencias de mal acierta a ser buena, merece ser alabada mucho”.
Chegou tarde o meu consello, ou non che interesou, que te fuches solteiro!
-.-




“Dáricos = Moneda persa que hizo acuñar Darío”. “¡Eu non fun; Deus me libre de tal, pois as pesetas, na miña casa, sempre foron, sempre viñeron, da feira, das nosas vendas: xatiños, ovellas, pitas...,!”.

Tranquilo, Darío, que esa culpa non a levas. Foi outro Darío, un de aló de Persia... ¿Ou tíñaste polo único Darío do mundo? Certo é que outro coma ti non o hai, non o temos, pero dese nome máis houbo e máis virán, que o mundo é grande, e a xente, de posta a nomear, gústalle a lembranza dos grandes, dos que fostes, e sodes, grandes!
-.-





“Dasonomía = Ciencia que trata de la cría, conservación, cultivo y aprovechamiento de los montes”. ¡Outra que tal: Toda a vida no monte, gardando as ovellas, cavando, botándolle trigo ás cavadas..., e agora sáenme os casteláns chamándolle..., iso, “dasonomía”! Xa caio: ¡Póñenlle o de “mía” porque o queren todo, todo o trigo para eles..., e despois que llelo seguemos os galegos, encima!”.

Darío, non te pases, pois o caso é que nos teñen envexa porque o galego comezou a utilizarse na escrita dous séculos antes có castelán; daquela, para pasar diante, para atallarnos, montáronse iso que chaman Real Academia, que é un forno de cocer verbas, empanadas de letras, que nolas venden nas librerías. ¿Quedas tranquilo?
-.-



“Datar = Poner la data. Haber tenido principio una cosa en el tiempo que se determina”. ¡Ladróns, que ata as datas nos roubaron eses casteláns dos castelos roubados aos mouros! E despois di o Sarxento...; pero o que non di é que o di coas verbas que xa estamos esquecendo no meu Escouredo. Un día voulle explicar que o Escouredo foi un almacén de escouras, de cando os romanos tiraban o ferro do monte das Ferreiras..., roxando con carballos do Carballo do Val! Teño que facelo, para que vexa que vimos dos romanos..., séxase, de antes de Franco, pois o Francolas de onde veu é do Ferrol!”.

Querido amigo, si, e non; tamén non, porque:


Os francos, ata o bautizo de Clodoveo I, eran pagáns. Don Francisco, ao contrario, era cobrán, ¡cobraba!, que ata requisou as nosas xatas para mante-los seus mouros, na de España. Só se salvaron os porcos porque Mahoma lles tiña prohibido o “jalufo”. E vouche dicir o motivo: Daquela abundaba a triquinelosis, unha peste grave, xeneralizada,


e como non se coñecía o remedio, Muhammad ordenou prohibir o jalufo: ¡Morto o can, acabouse a rabia!
-.-



“Decibelio = El logaritmo decimal del número que expresa la relación por cociente de dos potencias o intensidades que se comparan”. “Fíxena boa con este dicionario, que agora descubrín que aínda teño cousas sen aprender, así que, de licenciado, en vez de ir ás mozas, tal que aos fiadeiros, vou ter que ir ao nocturno do señor Gómez..., para seguir aprendendo! Pero o caso é, ¿pasaría el dos decimais, séxase, de decimais a decibelios?”.

Agora que están os dous no Ceo, e que alí non fai falta ir á escola, que o saben todo de todo, ¿de qué falarán? Tampouco poden ir á mozas pois no Ceo dos cristiáns, polo que din os cregos, non hai haréns!
-.-




“Declarar = Manifestar o explicar lo que está oculto o no se entiende bien”. “Aló en Montecubeiro, na miña parroquia, chámaselle “declaración” ao feito de abrirlles o peito, ¡o delas, non, o dos rapaces!, as mozas casadeiras. Neste caso: ¿Onde está o oculto, pois o amor salta dos ollos, faise nos ollos, cos ollos, así que se entende cunha simple ollada?”.

Darío, que tamén temos as “declaracións” das testemuñas nos preitos. Claro, como ti no es preiteante, non entendes diso. Daquela, un consello: Apréndete aquela maldición dos xitanos, aquela que di: “Pleitos tengas, y que los ganes!”.
-.-




“Defecar = Expeler los excrementos”. “¡Así que iso é o que lle pasou ao fillo da Panceira de Vilar! Xa que vén a conto, vouno dicir: Cando nos subiron ao tren en Lugo para traernos aquí a Jaca, viña comigo, que somos da mesma quinta, o Panceiro. E aló adiante, aproveitando a escuridade do túnel do Oural, Panceiro abrir a ventanilla para..., ¡para defecar! Alí ninguén o vía, pero tan pouco se vía que só baixou os calzóns de fóra, que os outros levábaos de estrea, e non estaba afeito a usalos. ¡Non expeleu, que lle quedaron  o calzón, así que, ¡meu pobre!, tivo que quitar, alí mesmo, o segundo dos calzóns, e tiralo fóra, pola mesma ventá! Aconselleille que non lo diga a súa nai, e bo está de facer pois, como é analfabeto, as cartas escríbollas eu, eu mesmo!”.

Aquí, como dixo o inglés, pola miña parte, ¡No comment!
-.-



“Delfín = Título que se daba al primogénito del rey de Francia”. “Non sabía eu que os Campos de Vilar fosen reis de Francia. Da familia, polo menos, seguro que si, que por algo lle chaman Delfina á filla, á primeira. E mira ti que eu tiña pensado falarlle, pero, ¿de familia real? ¡Chégame con “servir ao Rei”, a este Rei que agora chaman “Caudillo de España por la gracia de Dios”!

Darío non chegou a falarlle, seguro que non, pois a Delfiniña marchouse para Buenos Aires... ¡O dela era irse a Francia!


A Delfina e mailo delfín.
-.-




“Demanda = Súplica, petición, solicitud”. “¡Sempre pensei que demandar era esixir! Daquela, esa serra da “Demanda” seguirá en pleito?”.


Darío, agora, desde Arriba, vela ti mellor cá min. Eu, se me decido, para ir vela, e falarche desde o seu cume, xa sei que a esta serra rioxana éntrase desde Ezcaray, ou Valgañón, ou Ojacastro, etc., pero mellor espero a que se quite a neve!
-.-



“Derecho = Recto, igual, seguido, sen torcerse a un lado ni al otro”. “Cando volva do Servizo e vexa ao Celestino das Cavozas voulle dar un repaso, que lle direi, “Celestino, derecho, derecho”, a ver se así aprende a arar dereito, que desde o Escouredo vénselle os regos e é unha vergoña que se torza desa maneira. ¿Será que se deita encima da rabela do arado?”.

Meu Darío, o “Derecho” éche moi torcido, ou mellor dito, retorcido. ¡Dimo a min, que para estudalo tiven que matricularme na UNED!
-.-




“Ebanista = El que tiene por oficio trabajar en ébano y otras maderas finas”. “¿Ebanista? ¡Se lle chamo así a meu irmán Balbino vaime ter por idiota; non ves que o meu é o castiro, a madeira de castaño? E terá razón”.

Si, Darío, que o noso é o castaño; mellor có ébano, pois ademais da madeira está o froito, as benditas castañas, que fixeron posible a supervivencia dos suevos; ou máis exactamente, entre as castañas e mailas vacas teixas!


¡A chave da nosa despensa!
-.-




“Economizar = Ahorrar, cercenar los gastos y guardar para lo porvenir”. “¡Estou nunha escola diso, ou logo de onde van saca-las pesetiñas que garda este cuartel na caixa “B”? Menos mal que trouxen unha medias de lá, das ovellas de miña tía María, calcetadas por miña nai, pois, sen elas, e co rancho racionado, igual me licenciaban tolleito!”

Darío, isto non se ensina nas nosas escolas, pois en Galicia xa nacemos, e nos criamos, con esa virtude. ¡Economizar onde non hai é unha verba que sobra, así que economicemos saliva deixando de falar dela! Lémbroche aquela definición tan exacta, que coido é de Castelao: “Galicia é unha tierra rica, de xente pobre”. ¡Daquela somos pobres porque nos rouban, ou que outra explicación ten a cousa?
-.-



“Epístola = Carta, misiva, que se les escribe a los ausentes”. “¡Outro descubrimento: Cando o Cura di que vai ler a epístola tal ou cal, está chamando ausentes aos presentes? Á volta voume meter sancristán..., para que me ensine..., se segue con esa criada tan guapa!”



Non sexas mal pensado, Darío. Aquelas epístolas eran dos apóstolos, que llelas escribían aos crentes ausentes. En canto ao asunto da rapaza..., ¡non confundas epístolas con pistolas, pois aos curas, aínda que a teñen, cástranos no seminario!
-.-





“Falange, falangina y falangeta = Existe una proporción en la longitud de las falanges y los huesos metacarpianos. La longitud del Metacarpo es igual a la suma de falange proximal más la suma de la falange medial y distal. La longitud de la falange proximal es igual a la suma de la falange media y distal”.

“Este si que foi un bo descubrimento! Agora entendo que meu padriño lle chamase á Falange..., ¡un cachondeo, un cacho dun dedo!”.

Darío, “cave ne cadas”, coidado con caer en desgraza, pois as ditaduras son, iso..., duras! Por se non o sabías, vouche dicir que en certa ocasión suspenderon a publicación da “Codorniz” simplemente por dar un parte meteorolóxico, no que dicían unha verdade científica; esta: “En España reina un fresco general procedente del Noroeste”.
.../...
Pasa a
DARÍO –III-

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: