martes, 19 de enero de 2010

ANXOS E DIABROS NA CALOR DO FOGAR



TEATRO PARA AFECCIONADOS


ANXOS E DIABROS NA CALOR DO FOGAR

Xosé María Gómez Vilabella
-.-



Anxos e diabros na calor do fogar



Da igrexa sae o noivo convertido en marido, todo ledo porque conseguiu unha virxe, pero de portas a fóra está o mundo, están os diabros, envexosos da súa felicidade..., e daquela dispóñense a intervir, sen esperar á consumación!

Matrimonio rato et non consummato

Esposo. Ten presente que xa estás esposada, ¡de por vida!, así que, lémbrate do que nos dixo o Crego: Quérote como esposo, ¡iso, que estás esposada! Eu, pola miña parte, e no que de mi  dependa, entrégome, prometéndoche ser fiel, tanto na prosperidade como na adversidade, e na saúde, pero tamén na enfermidade, e así amarte e respectarte tódolos días da miña vida. ¿Valo esquecer?

Esposa. (Mirando para outro lado, á vez que lles sorrí aos que lles tiran o arroz). Este pensa que son imbécil...; pobre de min, canto terei que amansar neste lobo... (Despois, volvéndolle a cara, pero un tanto seria, a media voz). ¿Xa empezamos con esixencias machistas? ¡Lémbrate do que che dixo...; ¡si, a ti! Douche compañeira, que non serva; trátaa como Cristo trata á súa Igrexa! ¿Estamos?

Esposo. Si, compañeira; iso quere dicir que pagaremos a escote o banquete..., porque ti trouxeches o dobre de invitados, así que tamén recibirás o dobre de obsequios...

Esposa. Querido, ti dixéchesme que nos casaríamos a gananciais..., así que tamén te beneficiarás dos meus regalos! ¡A voda que a pague teu pai, pois el foi contigo á miña petición, e ti, que tanto presumes de Economista, tes a obriga de saber que lle corresponde pagar ao que recibe a mercadoría!

Nisto achégaselle un diabro cornudo ao noivo, agora marido, e dille á orella: ¡Xa que se dá de mercadoría, trátaa coma tal; sácalle proveito!

Esposa. Marido, que fas; falas só...? ¡Pareceumo!

Esposo. Muller, escapóuseme un pensamento, que o traía en secreto: Nunca che preguntei se fixeches a análise da fecundidade..., pero, tanto se a fixeches coma se non, debérasmo ter dito!

O anxo achégase á muller: A violencia de xénero empezará se te deixas montar; ¡atácalle!

Esposa. Se tan firme estás nese coñecemento, ¿non será que tes fillos naturais, Deus sabe con quen! Eu veño virxe, e cando deixe de selo, daquela virán os nenos, que será o certificado máis certo, o único fiable! ¡Home desconfiado, pouco honrado!

Esposo. Aló en Xerbolés houbo unha muller que se casou embarazada doutro home...; ¡aquela non precisou análise!

Esposa. Marido, sé discreto, que temos moita xente ao redor... ¿Non oes que nos piden que nos biquemos; a que esperas? ¿Xa esqueciches que eu non quería facelo ata despois da voda..., e ti insistiches!

Bícanse, pero coma no cine, algo teatrais, con pouca efusión..., porque xa non lles ten graza, de repetido que o teñen! Despois de bicados, mentres lles tiran o arroz, un de costas para o outro, como falando cos seus invitados.

Esposo. ¡Pouco me faltou para que lle pisase a cola; estas mulleres, como son: non teñen rabo e póñeno postizo!

Esposa. ¡Recén casados, e xa se pon de costas! ¡Pois esta noite heime vingar, que me vou poñer de costas, eu tamén..., e daquela, a ver que di!

Os camareiros poñen unha mesa diante do público, como se fose a do banquete, e os noivos baixan, e séntanse nela. Nisto preséntase de novo o anxo, con dúas mazás grandísimas nun cesto pequeniño. Dilles o anxo:

Anxo. Como xa fostes redimidos, Deus abriuvos o Paraíso, e aquí vos pon as mazás boas, as da árbore boa. ¡A ver que facedes con elas, en particular este Adán, que non se lle queden na gorxa!

Esposo. Esta non se chama Eva, senón Manuela..., pero as mazás prefíroas en sidra..., por se acaso! Vou esperar a que morda, ela, de primeiras, pois, tratándose de mulleres meu Avó dicía que non son de fiar as que non saben fiar..., e esta, que traballa nun Banco, antes que calcetar prefire contar diñeiro!

Esposa. ¡Meu amor, que fas, que non mórde-la mazá!

Esposo. Non esquezas que son un cabaleiro, deses que dan preferencia ás damas! Ora ben, se queres igualdade de trato, agora que tanto falades diso, podemos roer da mesma, un por cada lado!

Roen os dous da mesma mazá.
Esposa. ¡Afellas que está saborosa! ¿Vas ser sempre así; vasme ter de par túa, e nunca debaixo? ¡Pensa que estamos no XXI, e tanto avanzamos as mulleres, que só nos falta misar!

Esposo. ¡Misar, e confesar! ¡Ai de nós, pobriños homes, o día que vos metades no confesionario, pola parte de dentro..., tendo que confesarvos as nosas debilidades...! Daquela será verdade que o sexo débil se tornará forte..., e con iso, o 016 terá que ser para nós, indefinidamente!

Nisto volve a presentarse o diabro e fálalle ao noivo:

Diabro. ¡Daquela, defendédevos! ¿Onde se viu, no reino animal, que é o voso, unha femia acabalgada nos machos? ¡Iso non o fan  nin os equus africanus asinus, e vosoutros, o homo sapiens, ides ser menos?

Anxo, que se pon no medio. ¡Macho, que es máis macho cós machos; tan macho coma os mulos, coma os equus asinus mulus! Colle a Biblia e párate no Xénese: “Da costela do home formou unha muller e presentoulla ao home”. “Por iso deixa o home a seu pai e á súa nai para xuntarse coa súa muller e faceren un mesmo corpo”. ¡Daquela sodes un só, un só, así que, a compenetrarvos tocan!

Esposa. Meu ceíño, que nos está mirando toda esta xente, estes invitados, e se non me sorrís van pensar que estamos tramando o divorcio..., tan de moda que se puxo!

Esposo. Agora que o dis... Tan pronto volvamos da lúa de mel, iremos ao notario..., para escriturar as nosas capitulacións, pois ti es máis rica cá min, e aínda o serías máis se me acusases de violencia de xénero! Nese documento imos poñer que renuncias ao uso do 016, por de balde que sexa, e eu, pola miña parte, en compensación, vou renunciar a ter queridas..., se non pagan elas!

Esposa, poñendo un aceno de escandalizarse. ¿Queridas? ¿Un harén? ¡Non te tentaría o demo..., daquela que estiveches de periodista en Rabat! ¡Se me dixeses isto, onte, ou mesmo esta mañá...!

Esposo. Muller, vai calando e non poñas esa cara..., que está o fotógrafo apuntándoche coa máquina! O día de mañá que dirán os nosos fillos..., ao ve-lo álbum!

Achégase o fotógrafo e dilles: Señora, atópase mal? Igual lle conviña saír ao fresco..., e facemos as fotos despois!

Esposa, que non lle fai caso ao fotógrafo, e dille ao esposo. Estamos aquí de pasotas, dándolles motivo aos invitados para celebrar unha festa, pero a nosa, a da nosa intimidade, está sen planear. Esta noite durmiremos aquí, neste hotel, pero, despois? Aínda non me dixeches a onde me levas de lúa de mel...

Esposo. Xa che dixen que eu vou a Benidorm; e ti, a onde queiras!

Diabro. ¡Así se fai, poñerte duro, pois o que é suecas, coas tetas ao aire, coma en Benidorm en ningún sitio!

Anxo. Muller, non llo consintas, que abondo fas con perdoarlle as súas aventuras de solteiro..., se é que as tivo! ¡Agora sodes matrimonio!

Esposa. ¡Ben, vale; ti a Benidorm, e eu para a casa de meu pai, que mañá chamo ao 016!

Esposo. Contrólate, Manuela, que estás poñendo cara de pouco amigos, e vancho notar. ¡Es ti a que vai quedar mal diante dos invitados! Xa que te pos estúpida, por esta vez, sen que serva de precedente, douche o mango da tixola: Daquela iremos..., aos Baños de Molgas, que é a onde foi miña avoa!

Os invitados insisten nos seus “Vivan os noivos”, e estes levántanse para corta-la tarta. Neste día acábanse as discusións e cae o pano.
-.-



No balneario. Nunha cama de matrimonio, ambos con pixama. O esposo, sentado nela, en ademán pensativo; fala só:

Esposo. ¡Esta miñaxoia; esta Manuela...; nin que fose de manteiga! Só me aceptou un cariño alegando que os anxos falan con ela, e danlle consellos, e dinlle que non se deixe avasalar polo seu macho, pois é compañeira, pero non serva! ¡Daquela, se espera que a fecunden os seus anxos mal a vexo, que seica son asexuados...!

Nisto aparece o diabro:

Diabro. O dela chámase coqueteo, facerse de rogar, venderse cara..., para que a mimes, para que a solicites con agarimos..., que así tiven que facer eu coa Eva!

Esposo. Esta comeu, comigo, das mazás boas, pero no de amansala vai ser cousa de facerme o distraído, agardar que me desexe, que non aguante máis no seu coqueteo... ¡Voulle deixar facer o papel das viúvas, que devecen polo que xa non teñen!

Esposa. (Espreguizándose). ¡Cariño, ola, bos días! ¿Con quen falabas; xa veu o camareiro para traernos o almorzo, ou temos que levantarnos, e ir ao comedor?

Esposo. Así que, cariño? ¡Pois o cariño demóstrase con feitos, pero os teus teñen máis de ronquidos que de agarimos! En canto ao xaxún..., ti non estás de pasar fame, que tes boas nádegas...; ¿ou son de folgar...?

Esposa. Se volves ás metáforas, terás que falar coa almofada, pois eu, en vista diso, póñome a roncar!

Esposo. (Cambiando de tema). Despois do almorzo pasarei pola sauna, que estas mozas do balneario seica dan friccións..., e pídemas o corpo..., á falta doutros exercicios!

Esposa. Agora entendo ao insaciable... ¡Mouro, que es un mouro...; pero ti non irás ao sétimo, ao das hurís, pois, aínda que un tanto verde, es cristián...; polo menos, bautizado!

Esposo. ¿Tamén che dixo o anxo que é propio dunha recén casada mostra-las uñas? ¿Non sería o diaño, disfrazado de anxo...?

Esposa. ¡Veña, dáme un bico, que aínda estamos no comezo da historia, e non me casei para divorciarme en plena lúa de mel, coa de molestias e gastos que ten unha voda!

Bícanse, e, de momento, paz e gloria.
-.-


No comedor do balneario:

Esposa. Estiven matinando que se temos un fillo chamarase Xosé María; de ser nena, María Xosé.

Esposo. O importante non será o nome senón a educación que sexamos capaces de darlles. Por outra parte, agora a moda está en poñerlles nomes de artistas do cine, tal que...

Esposa (Interrompendo). Marido, meu amor, os nomes implican avogacía, poñer ao neófito baixo unha protección divina, e se utilizamos, se comprometemos, aos de Belén, preito ganado!

Esposo. Sempre me dixeron que as mulleres sodes comenenciudas..., e tiñan razón..., polo que vexo en ti! Se xa lles escolles o nome, o paso seguinte será a carreira!

Anxo, falándolle á muller: San Xosé facía arados..., así que un oficio de porvir será a labranza, máxime agora que os arados teñen tracción mecánica. Pensa que o pan de cada día pídese no Noso Pai!

Esposa. (Que acepta). Con esas terras tan boas que ten teu pai, e que algún día herdarás..., volver ao trigo sería boa idea!

Esposo. ¿Sabes cal é a parte mellor do trigo? ¡O farelo! Se isto ocorrese na especie humana, vosoutras, que tedes unha aparencia externa deliciosa, seriades o farelo; e nós, os varóns, os do corazón, seríamos a fariña. ¿Váleche?

Nisto achégase o anxo á muller e dille:

Anxo. Aproveita esta ocasión, aproveita esta debilidade do teu home!

Esposa. Marido, ¡xa está ben de discusións, así que fagamos un pacto! A miña proposta é esta: Eu xuro e prometo que, de aquí en diante, agora de casada, serei a metade de pilla do que ti pensabas que era; e ti comprométete a ser a metade de bruto do que eu mesma pensaba que eras. ¿Aceptas?

Paran de comer e danse un bico; ¡pacto selado!

Esposo. Teu pai, en dote, doouche o piso no que imos vivir na Coruña...; por iso estiven pensando que me incumbe..., si, a min, mercar, aportar, unha casa de campo, para os fins de semana; daquela, eu cazo, e ti calcetas, para non aburrirte. Trouxen esta foto para ensinarcha, deste pazo está anunciado, en venta... (Móstralle a foto). 



Esposa, despois de ollar a fotografía. ¡Non está mal, pero quédanos máis cerca a praia de Gandarío, que tamén trouxen a foto, e alí, nun apartamento, eu báñome, para poñerme morena, ¡que así gustareiche máis!, e ti aproveitas para pescar... A ti gústache a caza, e a min, o pescado..., desde que está pescado!



Anxo. Todo isto é prematuro, así que, ide calando!

Como non se poñen de acordo, gardan as fotos e paran de discutir. Cae o pano.

-.-


Pasou un ano...




Pasou un ano...; os nenos, neno e nena, xemelgos, están no berce, e seus pais ao redor, sorríndolles, que mesmo os adoran. Alguén canta. Música de fondo.

Esposa. Estes anxos son nosos, ambos de ambos, xa que os fixemos conxuntamente, conxuntamente conxuntados. ¡Que Deus nos castigue se lles somos infieis, se non aproveitamos o seu nacemento para consolidar a nosa, definitiva, concentración!

Esposo. Pola miña parte, conforme; sen reservas de ningún tipo: así que, pacto selado! O meu tributo, a miña aportación, consistirá en admitir que, sen deixar de ser home, pasarei a ser medio muller; quere dicirse, algo pícaro. E ti, pola túa parte, deixarás de levar tacóns, pois non precisarás elevarte para dá-la talla, para igualarme. ¡Dende hoxe, medirémonos por dentro! Así que, Laus Deo; aquí paz, e despois, gloria!

O anxo aplaude, e o diabro retírase xesticulando e dando voces. O diabro dille ao anxo: ¡Aquí chos deixo; todos para ti, pois eu, con estes, fracasei!

Os esposos bícanse diante dos nenos (dos monecos), e cae o pano.
-.-


Finish coronat opus

Xosé María Gómez Vilabella

 -.-

O Autor non terá inconveniente en permitir que se represente calquera destas obras sempre e cando se faga co seu consentimento previo, del ou dos seus herdeiros, e, por suposto, con un mínimo de dignidade escénica. Se para entón estou reunido con San Pedro, que ninguén me interrompa; nese caso, falen cos meus herdeiros, que de seguro respectarán estas instrucións.





Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: