DA COVA DA VALIÑA AO
MEDULLIUS
Monciro = Mons Ciro
Esta coroa de néboa
cíngueo precisamente polo val onde os romanos circundaron aos nativos con estacas.
Xosé María Gómez Vilabella
Na lagoa pequena do Medullius, aquel día de verán, seca.
Dedicado ao meu neto Andrés (Andrés Nó Gómez),
á miña dereita,
agradecéndolle o afecto que lle ten á terra dos seus entregos.
Xosé María
Deixemos para outra ocasión o noso castelo, outrora capitalidade do Condado de Flammoso, coa torre respectada polos Irmandiños e agora deixada da man de quen ten as responsabilidades do seu coido; adentrémonos, pois, nas terras do Vallis Viridis, daquela Bolannius e hoxe Bolaño, que merecen a nosa atención preferente, sequera sexa pola súa idade vetusta.
De chegados á ponte do río Chamoso, en Bolaño, a esquerda é a que nos leva ás terras do seu Vallis Viridis, pero, ¡amodiño, pois á rúa é estreita, e por ende, perigosa!
-.-
A COVA DA VALIÑA
Idealizada
Fun á Cova da Valiña,
que así lle chaman pola súa situación,
nun día outonal,
para xuntarme, no remate da vida, cos entregos da miña parentela,
con aqueles devanceiros,
con tódolos que para min traballaron, sufriron e loitaron;
maiormente os paleolíticos, unha xentiña esforzada,
axeada co frío do noso esquecemento,
¡aínda máis!
Foi unha chamada de querenza,
supoño,
case uterina;
¿acaso da propia Eva,
de miñas avoas sabidas, a máis remota?
Mirádeo ben,
que as relacións e mailas reaccións do Alén son imprevisibles:
¿A quén vos parece que mandaron para alí,
asemade;
a quen atoparía, eu, na boca desa Cova,
na mesmísima Valiña?
¡Pois,
cunha parenta,
descoñecida polos anos, que non esquecida,
coa que levaba lo menos vinte, de ausencia recíproca!
Ditosos estes ollos, que por fin te ven...,
¡en saúde!
¿Que fas aquí, rapaza,
quén te chamou, qué voz te nomeou,
ou é que viñeches de propia iniciativa, sen pálpito nin reclamo?
Díxome, por toda resposta,
e coido que o fixo con franqueza:
De conta propia estou, coido que si,
que xa me apetecía volver, meditar, discorrer con respecto á vida
neste silencio elocuente,
neste intre no que só falan as follas da fraga…
¿Escoitas, percíbelo?
En definitiva, petoume un reencontro con esta familia,
¡túa e miña!
¡Ou foi así, ou é que o soñei no desacougo das noites urbanas,
que me teñen farta eses ruxidos estraños,
inhumanos!
Dupliqueille, convencido do que dicía:
No meu caso,
con esta experiencia, non sei se vital ou supersticiosa,
xa sei onde teño a miña chamada,
a definitiva;
por lei de vida e para unha data inmediata,
así que me dixen e lle dixen:
¡Coido que é cousa de familia retornar á nosa cova;
esta, esta da Valiña...!
¿E logo, ti, que tan convencido te vexo,
qué esperas facer aquí;
consideras que é un bo sitio para transitar, para espera-lo tránsito?
¡Ai, muller, iso non se pregunta,
que este lugar paréceme óptimo para purga-los pecados,
maiormente os da nosa desidia ecolóxica...,
que algún deses terei,
ou teremos,
sequera sexa polo contaxio humanoide!
¿Tal que...,
se me permites a confianza?
¡Muller, en particular, a queima do meu combustible
vital,
sen alumarlle ao mundo, ou case nada!
Agora,
axuntados polo noso fado,
sei de certo que transitan, que andan por aquí,
ao redor noso,
polo menos en espírito,
aqueles entregos, aqueles paleolíticos,
que por algo reclaman as nosas visitas,
que por algo nos fan vir ata aquí,
¡a pares, nada menos!
Ela dubidaba, que así mo expresou:
¿Será por culpa das castañas, esa afección familiar,
tan nosa,
que mellores que estas de Xivil non as hai, en parte algunha?
¿Estes entregos quererán unha ofrenda,
algo que nos sexa familiar,
ou particularmente querido, tal que estas castañas...,
asadas nun ara,
aquí arriba, nestas pedras calcarias?
Como eu dubidaba, aínda máis cá ela, cadora máis,
non souben que contestarlle,
e así despedímonos, co propósito de non demora-las nosas visitas,
no futuro...,
¡se é que o había!
Esther deulle ao gas, e foise no seu auto,
escandalizando aos paxariños que llo tomaron a mal.
Eu, despois de darlle un
¡deica logo!,
quedei por alí, outro pouco, encrequenado, soñador...,
ata que me deu por choutar de ledo!
Despois diso, púxenme a soutar,
¡unha puchada!
Ofrendeinas con respecto e con devoción:
¡Aquí as tedes, avoíños;
aquí tedes esta oblata, a froita dos vosos castiros,
que vos dedico estas renacenzas do voso,
do propio plantío,
séculos antes daqueles romanos
por vosoutros efectuado,
pois o que é eses...!
Eses,
aqueles da braga rabela, por traer, só nos trouxeron o arado,
e para iso, triangular.
Fixérono á mala fe, precisamente para que lles arásemos nós,
seus escravos,
esta Agra,
¡das Sete Cancelas chamada!
¡Ladróns, que máis valía o que, de noso, se levaron,
castañas incluídas,
pero, como falaban en latín...,
embelecáronos!
Sentinme tan a gusto, tanto, que con iso notei que lles agradaba
a miña ofrenda,
así que soterrei aqueles froitos, con todo agarimo,
no terreo contiguo,
auspiciándolles ás castañas un bo plantío,
¡e coa mesma, despedinme!
Fíxeno con bágoas nos ollos, e cun afectuoso, premonitorio,
¡deica logo!
A miña despedida foi emotiva e sincera,
moito,
¡afellas que si!
Avoíños, ben vexo, ben noto no meu espírito,
que sodes xente de paz,
así que me prace volver convosco,
quedarme por aquí, cabe vosa,
definitivo,
moito mellor que con algún dos vivos,
que a eses tales, máteos o diaño,
¡máteos!,
pero que sexa cunha enchente de castañas podres,
co verme por dentro,
¡para que lles fure as tripas!
-o-
que así lle chaman pola súa situación,
nun día outonal,
para xuntarme, no remate da vida, cos entregos da miña parentela,
con aqueles devanceiros,
con tódolos que para min traballaron, sufriron e loitaron;
maiormente os paleolíticos, unha xentiña esforzada,
axeada co frío do noso esquecemento,
¡aínda máis!
Foi unha chamada de querenza,
supoño,
case uterina;
¿acaso da propia Eva,
de miñas avoas sabidas, a máis remota?
Mirádeo ben,
que as relacións e mailas reaccións do Alén son imprevisibles:
¿A quén vos parece que mandaron para alí,
asemade;
a quen atoparía, eu, na boca desa Cova,
na mesmísima Valiña?
¡Pois,
cunha parenta,
descoñecida polos anos, que non esquecida,
coa que levaba lo menos vinte, de ausencia recíproca!
Ditosos estes ollos, que por fin te ven...,
¡en saúde!
¿Que fas aquí, rapaza,
quén te chamou, qué voz te nomeou,
ou é que viñeches de propia iniciativa, sen pálpito nin reclamo?
Díxome, por toda resposta,
e coido que o fixo con franqueza:
De conta propia estou, coido que si,
que xa me apetecía volver, meditar, discorrer con respecto á vida
neste silencio elocuente,
neste intre no que só falan as follas da fraga…
¿Escoitas, percíbelo?
En definitiva, petoume un reencontro con esta familia,
¡túa e miña!
¡Ou foi así, ou é que o soñei no desacougo das noites urbanas,
que me teñen farta eses ruxidos estraños,
inhumanos!
Dupliqueille, convencido do que dicía:
No meu caso,
con esta experiencia, non sei se vital ou supersticiosa,
xa sei onde teño a miña chamada,
a definitiva;
por lei de vida e para unha data inmediata,
así que me dixen e lle dixen:
¡Coido que é cousa de familia retornar á nosa cova;
esta, esta da Valiña...!
¿E logo, ti, que tan convencido te vexo,
qué esperas facer aquí;
consideras que é un bo sitio para transitar, para espera-lo tránsito?
¡Ai, muller, iso non se pregunta,
que este lugar paréceme óptimo para purga-los pecados,
maiormente os da nosa desidia ecolóxica...,
que algún deses terei,
ou teremos,
sequera sexa polo contaxio humanoide!
¿Tal que...,
se me permites a confianza?
¡Muller, en particular, a queima do meu combustible
vital,
sen alumarlle ao mundo, ou case nada!
Agora,
axuntados polo noso fado,
sei de certo que transitan, que andan por aquí,
ao redor noso,
polo menos en espírito,
aqueles entregos, aqueles paleolíticos,
que por algo reclaman as nosas visitas,
que por algo nos fan vir ata aquí,
¡a pares, nada menos!
Ela dubidaba, que así mo expresou:
¿Será por culpa das castañas, esa afección familiar,
tan nosa,
que mellores que estas de Xivil non as hai, en parte algunha?
¿Estes entregos quererán unha ofrenda,
algo que nos sexa familiar,
ou particularmente querido, tal que estas castañas...,
asadas nun ara,
aquí arriba, nestas pedras calcarias?
Como eu dubidaba, aínda máis cá ela, cadora máis,
non souben que contestarlle,
e así despedímonos, co propósito de non demora-las nosas visitas,
no futuro...,
¡se é que o había!
Esther deulle ao gas, e foise no seu auto,
escandalizando aos paxariños que llo tomaron a mal.
Eu, despois de darlle un
¡deica logo!,
quedei por alí, outro pouco, encrequenado, soñador...,
ata que me deu por choutar de ledo!
Despois diso, púxenme a soutar,
¡unha puchada!
Ofrendeinas con respecto e con devoción:
¡Aquí as tedes, avoíños;
aquí tedes esta oblata, a froita dos vosos castiros,
que vos dedico estas renacenzas do voso,
do propio plantío,
séculos antes daqueles romanos
por vosoutros efectuado,
pois o que é eses...!
Eses,
aqueles da braga rabela, por traer, só nos trouxeron o arado,
e para iso, triangular.
Fixérono á mala fe, precisamente para que lles arásemos nós,
seus escravos,
esta Agra,
¡das Sete Cancelas chamada!
¡Ladróns, que máis valía o que, de noso, se levaron,
castañas incluídas,
pero, como falaban en latín...,
embelecáronos!
Sentinme tan a gusto, tanto, que con iso notei que lles agradaba
a miña ofrenda,
así que soterrei aqueles froitos, con todo agarimo,
no terreo contiguo,
auspiciándolles ás castañas un bo plantío,
¡e coa mesma, despedinme!
Fíxeno con bágoas nos ollos, e cun afectuoso, premonitorio,
¡deica logo!
A miña despedida foi emotiva e sincera,
moito,
¡afellas que si!
Avoíños, ben vexo, ben noto no meu espírito,
que sodes xente de paz,
así que me prace volver convosco,
quedarme por aquí, cabe vosa,
definitivo,
moito mellor que con algún dos vivos,
que a eses tales, máteos o diaño,
¡máteos!,
pero que sexa cunha enchente de castañas podres,
co verme por dentro,
¡para que lles fure as tripas!
-o-
Sobrepasadas as casas de Bolaño, sóbese en dirección a Carballedo cruzando o Valverde. Agora hai un letreiro indicativo, onde se poden deixar os autos; a pé, por un sendeiro, á dereita, a cova queda a uns 180 metros da pista onde deixamos os coches.
Esta cova está nas lindes do Val Verde, a uns 620 m. sobre o nivel do mar, mirando para a agra das Sete Fontes. ¡Un xacemento do Paleolítico superior, con restos de actividade humana, datados en..., ¡en 12.000 anos de antigüidade!
Xa na Cova
Cos da Asoc. Amigos do Patrimonio de Castroverde.
Aquí falamos de moitas cousas, evocacións diversas, e tanto, que incluso Pablo Castedo lles tocou unha muiñeira aos espíritos do xacemento; ¡pero eles non contestaron!
¿Que opinarían de nós aqueles cavernícolas? Como pouco dirían: ¡Tanto presumir de entregos e resulta que nin Museo teñen, así que os restos, aquí e así deixados, deixados hoxe en día están ciscados, algúns en Lugo e outros en Vilalba! O primeiro dos desacatos foi desfacer a entrada da nosa cova para extraer a pedra marmórea coa que elaboraron cal para cubri-las casas novas, pero despois veu a moda de asomar as pedras esgrevias, e o cal..., ao entullo! Menos mal que aquel señor de Bolaño, don Darío Trashorras, ¡que merece o don porque se portou con nós mellor cós que viñeron detrás!, mandou parar coa canteira, e foi a Lugo para mostrar o seu achado. ¡Ben lle pintou, pois cando subiu pregamos por el, acaso librándose do purgatorio; seguro que si!
¡Que pena non poder falar con aqueles entregos, pero día virá, Deus mediante! De momento, evoquémolos.
¿É a única cova da bisbarra? Xa o preguntei noutro libro, concretamente no “CASTROVERDE na historia e no presente”. A única explorada, a única analizada, si. Os vellos do lugar falaban doutra, relativamente próxima, no mesmo filón calcario, con estalactitas e estalagmitas, que é o propio delas, pero..., pasou á historia por obra e gracia dunhas economías mal dirixidas e mal entendidas ao construír unha estrada da Deputación, a CP 16-11, que encheron a cova de formigón..., para no ter que desviarse uns metros!
Quen non era técnico pero si un home de ben, un inculto ben culto, foi aquel D. Darío...
Don Darío Trasorras, de Bolaño, o dono-descubridor desta Cova da Valiña. Os seus antepasados e/ou os seus veciños tiñan esfargallada media cova, os primeiros 15/20 metros dela, que o fixeron inocentemente para utilizar a pedra calcaria...
Pero don Darío descubriuna, ou díxoo, que vén a ser o mesmo, no ano 1962. No a soterrou, non a escondeu, nin a explotou como tal canteira, senón que informou dela, participouna, e iso a pesar do que lle prexudicaba a leira. O seu fillo, Rubén Darío, levoulle ao Museo de Lugo, concretamente ao seu director, D. Manuel Vázquez Seijas, un feixe daqueles ósos, que foron obxecto dunha publicación de D. Manuel, no ano 1965. No 1971 D. Felipe Arias Vilas confirmouno e ampliouno no seu Catálogo prehistórico da Bisbarra de Castroverde.
Hoxe é un tanto perigoso asomarse polas inmediacións da cova porque así quedaron, cubríndose con todo tipo de maleza no seu contorno as canteiras de pedra calcaria, amén dunha mina de antimonio abandonada, etc.
O museo de Castroverde aínda non pasou da fase verbal, ¡promesas dos políticos!, así que os restos da Valiña andan espallados, ¡e xa non se perdan!, entre Lugo, Santiago e Vilalba. ¡Máis de medio milleiro de obxectos de óso, pedras, e outros elementos fosilizados, entre eles, excrementos humanos; case nada!
Esta Cova, así, con maiúsculas, é un tesouro, pero, de presente, un tesouro escondido, espoliado, alleado. ¡Para os de Castroverde pouco menos que pirateado, e o que queda, sen protección, que nin cerres ten!
Empecemos por coñecer que foi investigada, sistemática e cientificamente, por arqueólogos da Universidade de Santiago nos anos 1987/88. Aqueles traballos foron reollidos en varias publicacións da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Monumental. Segundo estas, trátase dunha caverna de cinco galerías, una delas de 15 m, e tres de 8 m; posiblemente habitaron nelas vinte ou trinta individuos durante o Paleolítico superior inicial.
O equipo que levou a termo esta escavación estivo formado por uns vinte expertos, algún deles estranxeiro, dirixidos polos doutores César Llana e María José Soto Barreiro, que deixaron constancia de que,
-a pesar do rexuvenecemento continuo dos solos sometidos á dinámica de ladeira;
-a elevada acidez de gran parte dos solos galegos, que impide a conservación de restos óseos;
-e mailo emprego como materia prima de cuarzos, gres, cuarcitas, etc., con ausencia en xeral, do emprego de sílex e carencia de estruturas, algún xacemento podía haber, podía quedar, que nos permitise adestrarnos no coñecemento do Paleolítico superior de Galicia, e ese resultou ser o caso da nosa Cova da Valiña.
As súas características ao efectuarse a prospección de 1987, segundo Antonio Martínez Cortiza, César Llana e María José Soto, eran as seguintes:
Entrada ao suroeste, de 1,50 m de longa, por 1,65 m de altura. A cámara principal cun eixe lonxitudinal de 8,5o m , e a transversal dun máximo de 2 m; teito abovedado de 1,50 m, como máximo. No fondo da cámara principal un burato que dá paso a unha segunda cámara, a nivel inferior, duns 5 m de eixe lonxitudinal. Outra pequena cámara comunicada ao exterior. Calculan que, cos barrenos dos anos sesenta, (a canteira de pedra calina), polo menos 15 m deste xacemento víronse afectados, destruídos.
Dito nunha apertada síntese:
A campaña 1987/88 dos investigadores aludidos puxo de releve 130 pezas correspondentes a lascas, soportes de tipo laminar, núcleos, fragmentos naturais e debris. En canto á macrofauna do primeiro nivel arqueolóxico díxosenos que o total de ósos identificables recuperados nas dúas campañas acada os 225, pertencentes a 14 especies distintas, das que o animal mellor conservado é o coello; 98 restos identificados que representan un número mínimo de 7 individuos. Esta mostra ósea seica é a maior das recuperadas na Comunidade Galega entre as pertencentes ao Pleistoceno, o que lle permitiu ao equipo investigador determina-la presenza de especies ata entón inéditas para Galicia, como foi o caso da hiena e mailo rinoceronte.
O resto das especies identificadas complétase co cervo, o corzo, grandes bóvidos, xabaril, cabalo, lobo, oso das cavernas, ou pardo, marta, castor e lebre.
Incisións nos restos óseos. Oito evidencias para o nivel arqueolóxico 1: estas incisións parece que se orixinaron por dúas tarefas diferentes: a desarticulación e o descarnado, faltando as resultantes dos procesos de separación da pel e do despezamento.
Estudo da industria lítica do nivel arqueolóxico antedito: Adscríbese esta industria dentro do marco do Paleolítico superior inicial, relacionándose co complexo cultural Perigordiense.
Esta riqueza de achados -opinan estes investigadores-, que ademais foi incompleta polos estragos da canteira e demais movementos de terras, invita a practicar un posterior e meticuloso recoñecemento deste bolo (Dos seus bolos = Bolaño) de Xivil, abondoso en calcarias, e por tanto, en grutas.
Monciro visto desde a finca "As Andoriñas"
¿Vimos de lonxe, non si? ¡Isto, e mailo
que queda sen contar, sen contar e/ou sen descubrir! Aquí por Castroverde de
certo nos pillou a glaciación europea, aquela de fai 25.000 anos, ¡onte!, a
mesma que formou a morena de Río Pedroso, en Vilar -Montecubeiro, pero esta non
a busquen pois os veciños, primeiro en carros e despois en tractores, ben que
se encargaron de saquearlle os seixos, principalmente para esfarelalos, e facer
con eles, entre outras utilidades, eiras de formigón; iso na segunda metade do
século XX. Nestes 6.000 anos que seica levamos de poboamento, moito se fai e moito
se desfai!
Daquela, por onde empezamos? En canto á Prehistoria, entre a acidez do chan e as desfeitas dos homes, ¡mulleres incluídas!, temos todo pouco menos que varrido. ¡Iso afirman os especialistas!
Dos oestrimnios, ou celtas, ou como queiramos chamarlles ás tribos aquelas, parece obvio que empezasen a poboar nas terras chás e nas beiras dos ríos... ¡Os accesibles, por suposto, pois beirar, poño por caso o Sil, iso nin a pé, e dacabalo, como viñan os romanos, menos aínda! En canto á miña terra, Montecubeiro, teño por certo que a deixaron para o final, pois mentres ouro atopasen nos entronques do Azúmara e do Lea, co Miño, aí por Castro, Arcos e Luaces..., ata Ínsua, ata as engrobas de Ínsua, ou ás de Pumarín, non subiron!
Do Megalítico quedounos, que se saiba: un dolmen en Marrondo, coñecido como "a cova dos Mouros", (¡pobres mouros, que sempre se lles botou a culpa de todo canto fose antigo e/ou descoñecido!). Unha caverna que estivo habitada, en Bidueiros, chamada, "Forno da Vella". (¡Outra: meterse coas vellas!). Unhas palafitas que din que había en Espasande, cando foi pantanoso, pero como eran de madeira, e encima sen tratar, con iso da acedume da terra, ¡adeus! Certos indicios fan cavilar que puideron estar alí por onde chaman O Xuncal. Mámoas, medorras..., ¡diso tamén había, pero onte, antes de poñerse de moda facer achaios coas palas escavadoras! Hóuboas en varios sitios, entre eles nos Campos da Eiladrán, Montecubeiro, (cheguei a velas), e tamén no monte de Serés, en Miranda, na Valiña de Bolaño, por xunto da Cruz das Louseiras (Montecubeiro), etc.
Aras, ou altares, en Soutomerille, chamadas "pedras das Pozas". Nos Augueiros de Rebordaos, nos Bidueiros, etc.
Pozos sepulcrais son, ¡eran!, os chamados "Pozos" de Pena.
Sartegos en Goi, en Bolaño, en Recesende, en Rebordaos... Pero este tipo de enterramentos antropomorfos parece ser que foron máis tardíos, case recentes.
A cultura castrexa. Tivo unha importancia grande nesta bisbarra, como o testemuña a toponimia, castros, croas, castelos ou castedos, etc., se ben en certos lugares, con tantos achaiamentos, xa se precisa de pico e pala para atoparlle os alicerces. Pero non podemos limitarnos ás raíces celtas xa que está demostrado que non eramos ningún deserto antes daquelas migracións dos pobos indoeuropeos, hoxe coñecidos co xenérico de "celtas". Haberá que pensar máis ben nun sincretismo étnico e cultural. Por esta zona seica nos emparentamos cos poemanos, que non eran máis nin menos que unha daquelas cincuenta ramas dos callaeci, kallaiko, ou kaleikói, aos que se referiu Estrabón. Fosen "poemanos", ou poetas, o que teño claro é que de mala raza non vimos...; ¡se acaso algo prosaicos!
Amais do monumentum central, castrexo, verde que te quero verde, como dixo o único andaluz que escribiu algo en galego, García Lorca, nesta bisbarra non hai parroquia que non se xerase en torno, ou mesmo sobre, un monumento deste tipo, verdadeiras alcazabas, fortalezas en suma; ás veces, incluso, esnaquizándolles os muros para aproveita-la pedra ou para un mellor asentamento. Ata hai quen opina que ese, suposto ou certo, individualismo dos galaicos, non é outra cousa que un atavismo herdado daqueles castrexos. O caso foi que tales recintos -defensivos, convivenciais, cooperativos- tiveron a súa parte negativa cando chegaron as hostes romanas e os circundaron, pretas as filas, en grandes sintagmas, hastatis, príncips e triarii. Outra cousa foi vencelos no monte Medullius, ou da Meda, ou Mons Ciro..., ¡que aí concorrían ducias de castros, e centos de castrexos, evacuados á desesperada!
As distintas formas, ou formulacións, modus vivendi, etc., destes fortíns, domicilio habitual, en certo modo tribal, non son do caso neste simple retrato dunha bisbarra, pero algo hai que dicir, algo hai que pensar, sequera sexa en honra da nosa topografía. O primeiro que chama a atención ao explorador dos castros son as súas particularidades, as súas coincidencias ou analoxías, e os seus emprazamentos, sempre en prominencias naturais que desen pouco traballo, doadas de reforzar, fose con terra e/ou con pedras. Como conditio sine qua non, obviamente, ¡auga! A seguridade e maila comodidade de abastecerse: fontes e/ou ríos permanentes, próximos, accesibles, sen maiores refluxos estacionais. Iso explica a densidade destas croas nunha zona que vai desde as ribeiras do Miño ata a Serra do Pradairo-Puñago. Ben que o aprenderon e o transmitiron os nosos devanceiros, que nunca unha casaría se asentou sen fontes próximas, nin no alto do monte nin no empozamento dun río. Máis é, que, ata que viñeron as pistas das concentracións, tiradas a cordel, nunca camiño houbo que non bordease unha fonte, incluso prescindindo de visibles e fáciles atallos. ¡Deus, qué diferenza en Portugal, onde nunca estrada se fixo que non deixase un ensanchamento, un mínimo de área, para gozar das fontes do camiño tradicional!
Sen prexuízo desta limitación conceptual, hai que sinalar que estas fortificacións constaban, adoito, dun foso, e por veces, dous ou tres, con amurallamento de cachotería. As vivendas eran reducidas, pegadas entre si, ou case, e circulares, para achantar no medio o pau da súa cubrición, fose con palla, xestas, uces, codesos ou outro tipo de ramallada. A forma cadrada é cousa dos romanos. ¿O retrete? ¡Lonxe, campo a través, chovese ou nevase, onde herbas houbese! Claro que tamén coñecían o penico de barro, que iso non foi invento romano, que xa está ben de atribuírlles tódolos adiantos! Por aquí déuselles en chamar croas aos castros, que é unha contracción de coroas, dada a súa forma redondeada.
Castro e museo de Viladonga, sobre o Azúmara.
Tamén se observa que cada castro resultaba visible desde, polo menos, outro. Se a distancia era curta, valía un corno; e do que non, as fogueiras e mailos tizóns, igual que facían os indios no outro continente. Certos achados en terras próximas aos castros fan pensar, ou intuír, que non toda a familia, máis ben endogámicas, vivía, ou durmía, nas croas, senón que empezaron a rozar os arredores, e non só para un despexe defensivo, senón, e tamén, para iniciar cultivos horto - froitícolas, así como unha incipiente cultura cerealista, amén da caza e da pesca, que daquela aínda tiñan que ser básicas e superabundantes. Por suposto que, á forza de andar e de comunicarse entre si, coa veciñanza, terían limpos os carreiros, circunstancia que lles permitiu aos romanos un avance sostido e amplo polas zonas axeitadas para a súa penetración neste país, ¡precisamente na parte que máis lles conviña para subir ao norte sen illarse demasiado do seu desembarcadoiro brigantino! Iso ademais das queimas estratéxicas, nas que tan expertos eran os romanos.
Na zona da súa probable, ¡probable e posible accesión, dada a xeomorfoloxía desta bisbarra!, e sabido que ademais de cerca-la península como defensa e como vinganza fronte aos púnicos, o que máis lles interesaba era o ouro azumareño, cabe supoñer que tivemos dúas penetracións desde o Miño, que viñan na súa procura desde Portugal, ou máis exactamente desde o Lima, ou Limia: Pola parte do actual Corgo, Flammoso, terra bastante cha e frumentaria; nin menos dunha centuria nin máis dunha cohorte. E pola outra, Miño arriba, pola súa esquerda, que en Lugo daquela non se pararon, que alí nada se lles perdía, nin había, chegarían ás desembocaduras do Lea e do Azúmara, cursos que seguiron, terras chas, ricas, ben poboadas, o que significaba afianza-la súa loxística, e de paso facerse cunhas terras defendibles nas que esperar polos seus contactos marítimos da costa occidental. Moitos, aqueles romanos non eran, así que parece prudente calcular que por estoutra frecha ou penetración avanzou o resto, ou sexa, nin menos dunha centuria nin máis doutra cohorte.
Queda por indicar que os castrexos eran máis ben ágrafos, así que non lles busquemos inscricións literarias. Se algún pacto, algunha tesserae hospitalis fixeron cos romanos -coñécense cinco-, escribíronos os propios romanos, e por suposto, en latín, que era a lingua dos vencedores. Coa chegada de Roma, cativos e desarmados os nativos, tódolos superviventes pasaron á condición de stipendiarii, situación que implicaba traballar para a reo, esforzarse, multiplicar a produción..., ¡pois a poboación xa a multiplicarían xerando hispano-romanos! As murallas de Lugo e todo iso, establecerse nesas revoltas do Miño, veu máis tarde, moito despois, pois o urxente era establecer campamentos de control, de recadación e de militarización, na zona dominada, pero varios, estratexicamente situados, tal que en Andelón (Andión), na Meda, en Romeán, etc. O de Lugo foi un luxo, e os luxos só se cultivan unha vez afianzada a prosperidade: termas, muralla de pedra e non simples cercas de estacas afiadas, etc. Para iso facía falta moita xente; ou polo menos, sometida, habituada a servilos. Pensar doutro xeito non parece pragmático, ¡e sabido é que para pragmáticas e disciplinadas, as hostes romanas!
Obras de asedio romanas
-.-
Convén ter presente, para que non nos imputen un tribalismo absurdo, que a
sociedade castrexa, sen deixar de ser fortemente endogámica, mantiña os seus
vínculos coa colectividade circundante. Cada individuo, a guisa de apelidos,
citaba o seu origo, o su castellum, o seu castro, engadindo o populus,
o pobo; como se dixésemos, a parroquia, tal e como entón se entendía.
Pola súa parte, os romanos, afianzada a conquista, preferiron te-los nativos abaixo, e subirse eles ao recinto, fóra daquelas cidadelas onde, máis ou menos, algunha resistencia, algunha rebeldía, lles podían presentar, que xa non era cousa de reconquistar cos lexionarios, así que os foron "apeando" paulatinamente. Á parte da lóxica, están os achados que demostran que os romanos seguiron moito tempo arriba, incluso xerando as coñecidas villae cos seus circundos. Trouxéronnos o arado, un máis moderno, coa rella de ferro, así como outros aveños, co cal, nós, aqueles nativos..., ¡a producir, que Roma tiña moitas bocas ociosas! O de que trouxeron os castiros parece unha mentira, pois nas escavacións residuos de castañas atopáronse; será máis certo que foron eles os que aprenderon de nós a comelas con mel, ¡e levaron a receita!
Reivindicación do Medullius
Esta epopea merece un punto e á parte. Os historiadores levan séculos buscándolle a localización, tirando dos fíos do seu carrete literario, pero todo iso sobre do papel, con catro indicios trabados, pescados co anzol da súa pluma. No meu criterio, mentres non aparezan os xacementos correspondentes, irrefutables, tal que se logrou con respecto ás guerras cántabras, algo posteriores, coas escavacións do campamento romano de Cildá, campo de operacións que vai desde o Cantón Espina del Gallego, ¿ou do Galaico?, etc., o mellor que se pode facer é patear a zona de Castroverde, circundar o Monciro (Mons Ciro), embocando os percorridos, segundo queda dito, tanto pola parte do Corgo como pola de Castro de Rei.
Confeso humildemente, sen pretensións, que levo unha boa parte da miña vida e da miña atención dedicada a este problema, non só por vocación histórica senón, e tamén, porque pasei entre militares máis dunha ducia de anos, e esta circunstancia algo tivo que contaminarme, dándome ocasión e prurito para determe e afeccionarme ao estudo da xeoestratéxica, en particular a dos exércitos romanos, valéndome de canta bibliografía caeu nas miñas mans, particularmente na ben nutrida biblioteca do Casino Militar de Sidi Ifni.
Indo ao gran:
Eu comezaría por situarme no Lima, ou Limia, Lethes para os romanos, ese río do esquezo, do esquecemento, para seguir coa legio imaxinativamente. Empezarei cunha broma, que a cousa é seria: ¿por qué aquel temor dos lexionarios...? Obvio: na Lusitania oíran falar do agarimo das galegas, das galaicoas, do seu prendemento, do seu envolvente..., ¡ata o punto de que ningún lusitano retornara do norte! ¡Daquela ese era o río, mítico, do esquecemento! Se non fose porque ao Décimo Junio Bruto, facendo gala do seu nome, se lle ocorreu vadear o río, e chamar desde o outro lado para que visen que as galaicas aínda estaban lonxe, encastradas nos seus castros, ¡pata crebada e na casa!, hoxe non estaríamos con estas pescudas.
Do Lima pasaron ao Miño, que ben cerca lles caía; e de aí para adiante, ¡a despoboar, que xa poboarían eles coa mestizaxe! Entre a sorpresa, os carreiros de castro a castro, aquela disciplina dos milites romanos, o seu sistema de avance en sintagmas de 16 x 16 que impoñía pavor, armados ata os dentes, e con algún cabalo, os castrexos..., ¡brazos arriba! En canto ás castrexas..., ¡que o imaxine o lector!
De chegados aos Peares a ninguén se lle ocorrería meterse polas estreituras e polas fragas do Sil, que faltaban vinte séculos para que se inventasen os catamaráns da Ribeira Sacra. Seguiron cara ao norte, que tampouco ignoraban que por mar se podía dobrar a Fisterra, e que a consigna perpetua de Roma era cercar aos inimigos, e nunca meterse en lugares de difícil retirada. Ao de hoxe, ningún xeneral con mando romano -infantería, cabalería e armas romanas- ousaría meterse cara ás Médulas, así, de entrada, afastándose excesivamente da costa... ¡Iso podía esperar!
Tamén por lóxica, de castro en castro, dos sitiados ou alertados, alguén fuxiría para o seguinte, e sempre cara ás montañas norteñas, ao defendible e/ou máis oculto. Así foi xuntándose moita xente pero mal armada, mal organizada; cos rabaños por diante, que era a súa loxística. ¿Onde atoparon, uns e outros, a fortaleza máxima, céntrica, dentro das súas posibilidades de opción? ¡No Monciro; fragoso, rodeado de vales, e por tanto, de castros, coa particularidade de que tiña, e ten, dúas lagoas no seu cume! Por pouco que os nativos, aqueles castrexos, tanto os do Flammoso coma os da Terra Chá, coñecesen o seu contorno, outra saída, outro refuxio, non tiñan. ¿Pasarse á Serra de Meira, ou ao Pradairo, ou cara á Fonsagrada...? Iso levaba máis tempo, conducindo o gando; era máis difícil, máis bravo, máis descoñecido; e logo que, de reunidos os castrexos de toda a zona, ben coidaron que os romanos ou serían deles vencidos ou retrocederían cara ao Miño. Pero nisto equivocáronse pois os romanos tamén eran especialistas en valados de estacas chantadas, que así o ordenou o seu xefe, aquel Ciro..., ¡co cal o estado de sitio era sostible incluso con poucas forzas, utilizando a cabalería para rolda-lo cerco, ininterrompidamente!
Con respecto a Lugo, ou Lucus, non se erixe un simple pazo, para canto máis unha cidade, ata ter controlado, pacificado, dominado, en plena produción, un amplo circundo. ¿Que foi primeiro, fundar Lugo ou someter e afianzar os seus arredores? Vencidos os nativos no Medullius, ¿que lle faltaba á Meda, á Meda de Castroverde, para constituír o mellor emprazamento, o mellor campamento director das actividades a emprender na súa zona?
Aténdonos ao holocausto medulliense: O que dixeron, o que referiron, Floro e Orosio, por novas que recibiron de Tito Livio, segundo este fragmento sacado da Rerum Romano Fun, Epítome II, 33, 50 (Floro), foi que: " ... No último lugar, o asedio do Monte Medulio, ao que rodeaba un foxo de XV millas, sen interrupción, vixiado constantemente pola presenza daqueles soldados de Roma... Cando os bárbaros se decataron da súa extrema situación, á porfía apresuráronse a busca-la morte no medio de banquetes, polo fogo, polo ferro e mailo veleno, que o obtiñan dunhas árbores chamadas teixos (taxus), trala operación de espremelos... Así, a maior parte, libráronse da servidume (aos romanos, por suposto), pois aqueles indómitos loitadores considerábana peor cá morte..."
Teixoeiras, teixedas, no contorno do Monciro (de Mons Ciro, ou monte de Ciro), lémbroas eu, en cantidade, que incluso quedou algo na toponimia, proba evidente de que sempre as houbo; máis é: ao teixo sempre se lle tivo unha especie de mitificación, utilizándoo para certos rituais, como para enramallar os palcos da música nas festas desta bisbarra, levar á Misa de Ramos, etc. Foi desaparecendo porque nas inmediacións das casas, e nas lindes das leiras, optouse polas froiteiras, despexando o máis posible no resto dada a conveniencia de labrar, facer pasteiros, plantar castiñeiros, etc., pois incluso se chegou a sementar xestas para estrumes e leña, segundo se foron acurtando as propiedades. O teixo é de crecemento moi lento, e non interesaba alén do seu aspecto decorativo; como moito, un por cada casa.
Orosio, no seu Historiarum, VII, 21, 7-9, amplía: "Ademais, as partes ulteriores de Gallaecia, as que chegaban ata o océano (¡ataques combinados con desembarcos no golfo ártabro!), conquistáronas os legados Antistio e Furnio, que despois de grandes e de duros combates asediaron o monte Medulio, que se ergue xunta ao Miño (¡para quen subiu, desde a Lusitania, polos vales do propio Miño e dos seus afluentes -Neira, Tórdea, Chamoso, Lea, Azúmara, que para máis coincidencia todos e cada un deles conduce, deriva, ás inmediacións do monte do holocausto...-, Monciro "Miño" era, e non, poño por caso, as montañas do Sil!), no que se tiñan refuxiado gran multitude de homes... (¡Gran cantidade de homes, por suposto: os fuxidos de tantos castros como entornan o Monciro; cos seus rabaños, tamén por suposto, que ben sabían eles, ou algún deles, que no cume dese monte contaban coas lagoas!)... Escavando un foxo de XV millas en derredor completaron o cerco. Cando aquela turba de homes vigorosos e feros se decatou de que non podían aguanta-lo asedio (¡seguro que foi no verán e lles escaseou a auga, entre eles e mailos rabaños!), nin competir na loita pola súa evidente inferioridade, (¡seguramente en armas, que non en xente!), daquela decidíronse polo suicidio voluntario, por medo á escravitude. Así, todos á porfía, déronse morte polo fogo, polo ferro, e mailo veleno..."
¿Quen quere máis evidencias? Aquí hai que puntualizar que iso de que o foxo co que rodearon o noso Mons, que logo tomaría o nome do xefe da expedición, Ciro, quedoulle polos séculos o de Mons Ciro, tivese unhas XV millas, ben doado é de medir abrazando as abas deste monte castroverdense polos seus puntos de apoio máis neurálxicos, máis estratéxicos. ¡Non tiveron pouca brega os hastatis, lanzando costa arriba, por encima do seu valado de estacas! O tal Ciro non só deu nome ao monte das súas fazañas senón, e tamén, á parroquia, á Villae que lle adxudicaron en premio ou recompensa, Cirio (que non vén de "cera"), con toda probabilidade asentando a súa residencia no Castro de Rois, que a saber cómo se chamaba daquela pois o de Rois = Xunqueira en lingua xermánica, puxéronllo máis tarde os suevos, cando atoparon abandonado este lugar. Este castro é un dos máis amplos e mellor situado de tódolos existentes nas proximidades do repetido Mons Ciro.
Monciro parécese á coroa dun sombreiro, coa curota chaira, afundida, na que certamente existen dúas lagoas. ¡Fácil de subir cos feridos e co gando daqueles castrexos fuxidos, que chegarían exhaustos, de loitar e de correr diante dos invasores! Contaban tamén cos vales do seu contorno natural, relativamente ben defendibles: as Veigas dos Feás, o Castelo, Folgueiras, Córneas..., e Serés. Recoñezamos ben esta zona, que de aquí sairá a luzada esclarecedora para entender definitivamente o por qué e mailo cómo da súa, futura, fundación de Lugo.
Despois do Medulio, cercado e dominado tamén o noso Lucus, ¡a por outros, a por outros Lucus, faldreando as montañas ástures: á dereita, Astorga; e á esquerda, Lugo de Llanera! Pero, no ínterim, transportes para a súa Roma insaciable: ouro, cobre, ferro, trigo, viño... Segundo Plinio, houbo un ano no que Roma se levou de por aquí..., 70.000 libras de ouro! (Leron ben: setenta mil libras de ouro, o que significa dúas cousas: que había moito, e que dispoñían de milleiros de escravos para cribarlles as areas!). Como remate, ¡a caixa forte!, vulgo, murallas de Lugo, con termas e todo, cercada. (¿Feita polos romanos? ¡En absoluto: dirixida por eles, a lategazos, iso si, pero as pedras arrincáronas, e subíronas, os propios lucenses!). A mellor caixa de seguridade do mundo, feita para ser eterna, para dominar e irradiar romanización por toda a Gallaecia: ¡O Lucus de Augusto! No Finis Terrae para que soubesen os cartaxineses, os púnicos, e máis tarde os bárbaros, que todo Occidente era seu, outro faro, amais do herculino, coma se nada, coma quen lle pon un marco a unha chousa de máis de medio millón de km2! ¡Quitáronnos a terra, a terra e mailos seus tesouros, pero trouxéronnos o Dereito..., o dereito a obedecelos!
Lagoa grande de Monciro, xeada.
Fotografía de J. Gómez Fórneas.
No verán do ano 2017, coa lagoa seca,
invadida de vexetación.
Un pouco de lóxica militar
ANTECEDENTES OU
FONTES HISTÓRICAS
Estrabón, que nos
chama “Gallaice famae majores populi”. (Como no conto do Carballeira de Serés e
maila bailarina do café Mercantil: ¡Ai Carballeira, árdeche o eixo? E
Carballeira berroulle desde abaixo: ¡Pronto me viches, condenada!). Igualiño
pasou con Estrabón, que nos viu, que nos cualificou a distancia; pero aos
romanos, ademais da nosa “fama” persoal tamén lles chegou a dos nosos aurifes,
a daqueles torques e fibelas que levaban os Oestrimnios, os Saefes...; os
celtas, en xeral!
Os teixos (Taxus)
son un xénero de árbores, coníferas, da familia Taxaceae, propios de zonas
montañosas con ambientes frescos e húmidos; prefiren terreos calcarios. ¿Onde
está unha das principais vetas calcarias de Galicia? Pois, nada máis e nada
menos que, partindo de Castroverde, polos actuais Bolaño (a Croa de Xivil),
Serés, a Meda, Córneas, Suegos…; exactamente o cinto xeolóxico do Mons Ciro,
que só abandona o cal pola parte das Veigas dos Feás. Por se faltaban probas,
esta é a terra dos teixos, abranguendo o monte do holocausto! Incluso hai un
lugar acasarado, Teixeda (de Montecubeiro). Coa auto destrución, coa súa
inmolación, aqueles celtiñas libráronse, entre outras servidumes, da
escravitude de arrincar e carretar pedras para a futura muralla no bosque
dedicado a Lugh, auténtica “caixa forte” dos romanos.
Orosio
(Historiarum VII, 21, 7-9). “Ademais as partes ulteriores de Galicia… (¡Logo
non son As Médulas, pois esas están na parte interior, de par de Ponferrada!),
que abundantes en montañas e selvas (referíase ás carballeiras e aos bosques de
bidueiros, claro está) chegan ata o Océano, conquistáronas os legados Antistio
e Furnio, despois de grandes e duros combates (¡Castro a castro, ben-sei-ora!).
Asediaron o monte Medullius, que se ergue xunto ao Miño (visto polas lexións
andaregas, o Medulio, logo Mons Ciro, ben preto está do Miño!) no que se tiñan
refuxiado gran multitude de homes; escavando un foxo de XV millas (dato que
concorda co dito por Floro) en derredor, completaron o cerco”. (XV millas ven a
ser o circundo de Monciro trazado polos vales que forman as súas abas.
¡Recórrano, bordéeno e comproben, que doado é, e accesible, tamén!).
Segue Orosio: “Cando aquela turba de homes
vigorosos e feros se decatou de que non podían aguantar o asedio, nin competir
na loita pola súa, evidente, inferioridade, decidíronse polo suicidio
voluntario, por medo á escravitude. Así, todos á porfía, déronse morte polo
fogo, o ferro e mailo veleno”.
Octavio (que
aínda non era “Augustus”), tiña experiencia dabondo para saber que os inimigos
non se deben ter ás costas, así que despachou para acó, dez, novas cohortes,
para sumalas coas vinte que andaban por Levante e polo Sur, capitaneadas polos
xenerais Carisio, Antistio e Firmio. Pero, “oído ao parche”, que dicía Queipo
de Llano, porque temos que leva-lo paso, xa que houbo dous tipos de guerras:
Monumento a Viriathus, en Viseu
A primeira, uns
cen anos antes do Medulio, a de Viriato, en Portugal, entre Viseu e o Douro,
¡D´ouro!, que foi unha colisión co groso dos aliados, -lusitanos e galegos
fronteirizos-, concentrados para facerlle fronte a un formigueiro de romanos
procedentes da parte de Mérida, que ameazaban aos lusitanos fronteirizos coa
Gallaecia, e por tanto, tamén a estes. Alí pasou…, “o que pasou”, dito nesta
frase tan galaica que fixo súa Iglesias Corral. Di Orosio que alí (o 9 de xuño do ano 137 a. de C.) morreron 50.000,
entre lusitanos e norteños. Escravizaron a 6.000, e fuxíronlles uns 4.000. (Que
repasarían o Douro probablemente por onde ten agora Sandemán os seus viñedos).
A “laureada” para Décimo Junio Bruto (“bruto” si que o foi, con semellante
matanza!), consistiu en que Roma lle dese o cognome de “Galáico”.
(“Matagaláicos” lle habería que chamar!).
¿Que fixeron os
romanos a continuación? Non fai falta que o diga expresamente a Historia, pois
é doado de colixir: Os poucos que quedaron vivos… (Isto hai que entendelo:
romanos vivos quedaron moitos porque as vangardas enfrontadas aos luso-galáicos
serían, como de costume, os terzos de
estranxeiros, que sempre formaban as vangardas), ao mando de milites profesionais, e con algún
reforzo restado á retagarda, non se detiveron, por suposto que non, que sempre
foi de elemental estratexia explotar a moral da vitoria. Iso de arrefriar un
exército vitorioso, como inexplicablemente fixo Napoleón en Moscova, trae malas
consecuencias. Así que, obviamente, galláronse en dúas columnas para abranguer
máis terreo; o mesmo que se fosen turistas pois a partires daquel nove de xuño o
resto, franqueadas as portas da Gallaecia Sur, sería un paseo militar.
Unha columna iría
bañarse á Costa da Prata, e a outra, seguramente a dos estranxeiros, ou con
predominio deles, refugaron os montes da Bragança, adiantándose polas chairas
de Chaves, onde se detiveron para facer unha ponte, e logo tiraron cara a
Verín, pero baixando ao Lima; máis ou menos pola lagoa de Antela, onde tamén se
bañaron, que boa falta lles faría, de suados que ían, por xullo arriba. De
cansos, entre que se lles pasara a fogaxe da vitoria, e co sol enriba, non é de
estrañar que se rebelasen ao cruzar o “río do Olvido, do Esquecemento”,
precisamente ese, o Lima, que para nós é o Limia. ¡E tan Limia, xa que fixo de
limiar, de preliminar do seu achegamento!
Miliarios romanos. Lobios. Serra do Xurés.
Sobre do ano 60
(a. de C.), xa nos tempos do primeiro triunvirato, viñeron, mandaron, aos
legados Caio Antistio Vetus e Caio Furnio. Como era lóxico en tales circunstancias, apresuraron os
adestramentos, pediron navíos a Roma para que lles gardasen as costas
occidentais, e requisaron cabalos, ademais do condumio correspondente; ¡toda
unha loxística! Daquela o formigueiro estaba, bulía, entre Braga (Braccara) e mailo Miño (Minius); namentres, os celtas do Norte
asubiaban na coroza dos seus castros, ou detrás das ovellas no seu minifundio,
na súas castras, na súa independencia castrexa. ¡A forza vén da unión, e á
debilidade vaise polo individualismo, polo illamento social! Os celtas terían
algún mensaxeiro, algún “corre, vai e dilles”, pero o seu sistema de poboados
non era propicio para comunicarse as novas de interese xeral, e menos para
organizarse, para globalizar etnias nos preparativos dunha defensa común fronte
a un inimigo da potencialidade de Roma.
¿Que plans, que
estratexia, traerían, e seguirían, sucesivamente, os romanos? ¿Reiniciar as
operacións na Limia, achegarse a Ourense e rubir desde os Peares á dereita,
polas estreituras do Sil, onde os nativos os podían abater naquelas angosturas
con só roular pedras monte abaixo, e para iso por ambas orelas? ¡Isto non se
lle ocorrería nin ao que asou a manteiga! O traballo que lles faltaba para
atenazar esta península tiña que ser unha especie de blitz krieg, que diríamos hoxe. O Leste e mailo Sur xa eran deles,
e ben sabían, ben se terían informado de que índose ao interior poderían acabar
bloqueados e inmobilizados nos nós montañosos.
¿Que podían estar
informados das riquezas auríferas do Sil? ¡Admitido, pero iso non urxía, que
primeiro conviña cercarnos, que foi o que sempre fixeron, por tradicional
estratéxica, en cantos territorios cobizaron! Tamén cumpría facer escravos con
antelación, pois eles viñan a conquistar e non a cavar, que esa función
reservárona, sempre, en todo tempo, en todo lugar, para os nativos, para os
sometidos. Por outra parte, xa os mercadores das zonas costeiras lles terían
informado de que ouro, e moito gando, tamén o había relativamente cerca da
costa, en terreos máis accesibles, particularmente nas beiras do Azúmara.
É obvio que
optaron por orellar o Miño, sen descartar que pola costa subise, asemade, un
exército menor, comerciando, informándose, e copando os castros costeiros, que
tamén tiñan a súa importancia estratéxica. A ruta para os barcos tíñana ben
sabida e ben experimentada, dos fenicios e dos gregos, polo menos ata Noia. Por
certo, que de Medulio no Aloia, en absoluto: nin os nativos tiñan alí ningún
desespero, nin podían ser moitos; nin os romanos precisaban subir ao monte para
pasar á Gallaecia Norte, que a tiñan aínda sen a súa “pax romana”; en cambio,
pola parte da Ponte do Lima, e logo por Monçao, tiraban cara a Ourense con toda
facilidade; mentres, en paralelo, os seus barquiños irían subindo, costeando,
máis ben de noite. ¡Ninguén forza as portas tendo a chave delas!
As forzas de
terra, as lexións, foron subindo, pois, cara ao Norte, en manobras envolventes,
e sen saírse dos vales, tanto pola facilidade dos aprovisionamentos, esenciais
e variados, das terras chas, feraces, pródigas en carnes, e tamén en froitos,
como polo seu clásico orde de formacións para a marcha. Disto poderíase falar,
poderíase escribir, moitísimo, pero estamos en plan de entendelo con un cómodo
laconismo. O “varrido” sistemático de celtas, sen deterse moito na súa
escravización pois un número excesivo de escravos ocasionáballes, ademais dun
incremento en manutención, unha asignación de gardiáns, cando o seu plan, e co
plan o éxito, estaba en someter a base de asaltos masivos os castros da terra
cobizada. Tamén hai que ponderar que os celtas fuxidos, aqueles castrexos
evacuados, irían diante dos romanos, buscando o abeiro dos bosques norteños, os
bosques do Lugh, así que cadora os romanos, ao cubrir máis espazo, se sentirían
máis diminuídos de forzas atacantes. ¿Escravos? ¡Xa os farían máis arriba, máis
adiante, cando tivesen dominados os puntos clave da xeografía galaica!
En canto ás
tropas, embarcadas tiñan que cubrir moito terreo, pero non parece probable que
fixen grandes detencións ata chegar ao seo brigantino. Desde as Mariñas de
Betanzos subirían algúns infantes en descuberta, que tamén era preciso cerrar o
copo, así que os máis mariñeiros irían ao Cantábrico, á parte da Veiga do Eo,
ou incluso ata o confín, ata o castro de Coaña, para internarse Navia arriba,
pois máis aló o terreo era difícil en grado sumo. Coas súas barquiñas máis non puideron facer,
e se deron chegado ao Navia xa foi esforzo, xa. Unha estratexia para a
infantería clásica, sexa por terra ou por mar, non se pode realizar só a base
de ocupar puntos neurálxicos; iso veu co paracaidismo. ¿As guerras cántabras?
¡Iso despois, máis tarde, con ataques polo interior!
Pero deixemos por
un momento os mapas coas frechas das columnas de penetración, cerco e
ocupación, e apuntemos unhas nocións de intendencia e de armamento e
construción:
Temos aos nativos
da Gallaecia, aos aborixes, pegadiños ás augas correntes, ás fontes e aos
bosques, que eran as súas divindades, e de paso, o seu sustento. ¿Onde estaba o
terreo ideal, de arraigo; as fontes e mailos prados, as zonas de caza abundante
e fácil? Pois, primordialmente, onde era fácil producir e cazar cos medios de daquela,
na chaira de Lugo e nas bocarribeiras que apuntan contra o Castro Verde de
Bolannio, no curso alto do Miño e dos seus primeiros afluentes da esquerda,
terras feraces, de aluvión. Por outra parte, ¿cantos nativos, cantos habitantes
habería daquela nestas terras de fácil e abundante produción natural? Segundo
Plinio, a Gallaecia tiña uns 280.000 homes, de 24 etnias, na bracarense, que xa
foran sometidos na primeira das expedicións, e quedaban libres, insubmisos, uns
160.000, ao Norte, en 16 etnias ou pobos, que eran moitísimo inimigo como para
esquecerse deles e dirixirse primeiro Sil arriba, para abrir o Monte Furado e
criba-lo seu ouro, á parte e ademais das dificultades orográficas xa apuntadas.
Ouro tamén había noutras partes máis accesibles, como demostran os achados
posteriores; por certo, que destes uns foron aos museos, e outros que…, ¡que
hai que oír falar deles aos dos Filipes, (Arias e Senén), e un faise cruces!
¿Gandería? Moitas
cabras, coma sempre ata o XX, nas bocarribeiras; e logo o clásico, tamén de
sempre por aquí, o que mellor se deu nos prados chairegos, nestes vales abertos
de media montaña, de Lugo: ovellas, vacas, cochos, cabalos… ¡Abundante e fácil
despensa para aqueles invasores!
¿Alimentación,
pois? Ademais das carnes e de algunha hortaliza, que nos castros atopáronse
fouciños e aixadas, esperábanos os trigais de Flammoso (Flamma = chama, que tal
lles pareceron de mexidos pola airexa; Chamoso = Castroverde + Corgo); e
despois as castañas, ¡que non as trouxeron eles, que xa as había no país!, as
landras, o millo pequeno… (O “maíz” e a pataca viñeron séculos despois,
concretamente de América).
Trigales
de Flammoso. (Pero agora con eucaliptos de fondo).
Explotacións
mineiras? Coñecemos a súa referencia ao traveso de Plinio e de Estrabón, así
como, fisicamente, por restos e pezas atopadas nas escavacións castrexas:
estaño, ferro, ouro… En canto a luxos: fíbulas, torques, etcétera; traballos
primorosos. A obtención do ferro incrementouse notablemente durante a
dominación romana, pero máis aínda cos suevos.
¿Armas? A
primeira, o “aturuxo”: forte, enérxico, sonoro, que xa define unha bravura. E
logo os escudos dos nativos, “caetra”, pequerrechos e redondos, feitos de
nervios de animais, trenzados; cota de liño entretecido; espadas curtas e
puñais envaiñados en coiro ou en madeira, segundo os casos. Xente de a pé,
infantería castrexa, e por tanto de pequenas unidades; máis ben autodefensa
circular e familiar, como indican os castros; neles, as súas salas, tamén
circulares, de consello. Non eran os nosos celtas xente de agruparse en
columnas: eran defensivos pero non conquistadores, como foi o caso dos
atacantes, das lexións romanas. O de Viriato é á parte, distinto: xente sureña,
con outras circunstancias; aló abaixo foi unha especie de cruzada, seguramente
predicada polos druídas. Quebradas daquela –no 137 a. de C.- as portas da
Gallaecia, o resto, ata o 26, tamén a. de C., foi unha defensa domiciliaria; e
domiciliaria a conquista, por conseguinte.
Con esta
información , sucinta e previa, do inimigo que ían bater aqueles romanos,
volvamos aos mapas do seu “Estado Maior”, ás frechas das súas columnas:
. Braga-Barcelos, Valença-Tui,
Monçao-Salvaterra,… Dúas bifurcacións de orixe: Pola beira do Miño ata pasar as
angosturas de Portomarín; e pola costa, ocupando paulatina e sucesivamente as
Rías Baixas. Desembarco, ou costeira, no seo de Brigantium; un faro e todo iso;
outro desembarco polas Rías Altas. Pouco despois as columnas enlazarían así:
. As que avanzaron polo Miño arriba
foron dominando as cuncas do Neira, do Tórdea e do Chamoso. O Tórdea e mailo
Chamoso nacen en Castroverde, nas inmediacións do Monciro; e o Neira un pouco
máis arriba. Plantan campamentos: no Castro do Valverde, en Romeán, na Meda…
(Meda, o Lugo antigo, o inicial, tradición que conservaron os vellos deste
lugar; Medulla = médula, meollo,
tuétano; o máis interior, as entrañas, dun corpo ou dun territorio. ¡Medullius,
en definitiva!).
. As forzas procedentes das rías
brigantinas, de superadas as actuais Pontes de García Rodríguez, ocupan a Terra
Chá, e reúnense coas tropas que seguisen Miño arriba; repoñen forzas coa carne
dos rabaños dos castros, hoxe Castro das Ribeiras do Lea, Castro do Rei,
etcétera. Seguramente levaron a peor parte na loita: unha, porque naqueles
barquiños moitos non puideron vir; e logo que este internamento fíxose por unha
zona abundantísima en castros, ademais dos xa citados; por conseguinte, moito
tiveron que rezarlle a Marte. Montaron un campamento no actual Andión (e
puxéronlle Andelón), para desde alí facerse coa liña deles que leva ao Mons
Ciro, (Medullius): Rois, Trasín, a Graña, Maxide, Sarceda… Con isto cerraron, e
fixeron evacuar, as bocarribeiras do Noroeste.
. Se alguén veu polas vagadas dos ríos
Eo e Navia, chegarían ás abas do Mons Ciro con poucos feridos de guerra pero
cansos de rubir polos desfiladeiros montañosos da zona. Neste suposto o
campamento poderían establecelo no castro da Pereira (Librán), punto
estratéxico para corta-la retirada dos celtas que fuxisen do Alto Miño buscando
a protección, o abeiro, das montañas norteñas.
A estas alturas da
“blitz krieg”, dito en parámetros da época, claro está, ¿onde témo-los celtas?
Pois, por pura lóxica, por imperativo xeográfico, upados, arredados nese monte
que os romanos nomearon co do seu conquistador en xefe, ¡Ciro! ¡¡Mons Ciro!! E
por engado, ao tal Ciro Roma premiouno dándolle as terras contiguas,
¡xubilación anticipada!, que, por suposto, colleron o seu nome, o nome dun
mataceltas: ¡A actual parroquia de Cirio! (Co tempo, co cristianismo, os de
Ciro coidaron que lles viña o topónimo dunha vela de cera, dun cirio,
esquecéndose do seu matón fundador).
Pero aínda non
describimos o célebre Mons Ciro, o mons do holocausto. Aquí volo presento, na
súa aba nordesía, pero esta vez abranguido pola néboa, e non por aquel vallum, por unha cerca de estacas; para
maior simbolismo, nesta fotografía aparece cuberto, cruzado, por unhas cantas
estelas de condensación dos avións madrugueiros.
Para os fuxidos,
para os perseguidos, este monte prometía converterse na súa última esperanza,
con lagoas nos chans do cume, ¡que en ningún outro alto as tiñan!, pero non
contaron con que os romanos os pecharían con aquel vallum circundante das XV millas.
O Monciro, tomado
en conxunto, semella un sombreiro alongado, coa curota afundida, que é
precisamente onde se atopan as lagoas. Fácil de subir, aínda que sexa con
feridos e con gando. Os vales dos costeiros requirían pouca trincheira e moitas
estacas, doadas de obter nos bosques circundantes. Cun foxo de seu natural
formado polos vales costeiros: a depresión natural de Pena e das Veigas dos
Feás; un rastriño natural, no Poste de Folgueiras; outras depresións pola Agra
das Sete Cancelas, Rebordaos e Serés; e tamén unha ladeira, axeitada para ser
vixiada polos romanos, pola parte da Meda, Vilafrío e Córneas.
Este monte, que
ignoramos como lle chamaban aqueles celtas, posteriormente Mons Ciro,
¡precisamente en honra daquel matón!, era talmente o que cadraba co sistema
defensivo castrexo ao que estaban acostumados: un castro máximo, un ara
grandiosa para aqueles xigantes do valor e do desespero, roídos pola impotencia
fronte a un inimigo envolvente, que os atacaba, castro a castro, en sintagmas
de orde cerrado, e ben escudados. Os nativos non estaban adestrados nin
organizados en agrupamentos axeitados para enfrontarse a unha guerra
xeométrica, de orden pechado, de filas pretas en cada sintagma de 16 por 16,
encabezadas por aqueles “hastati” que alanceaban de lonxe. A valentía dos
celtas, a súa guerra, estaba no corpo a corpo.
Mais, ¿quen
escavou o foxo circundante naqueles puntos en que lles fose imprescindible aos
seus fin de cerco? A historia triunfal escribírona os romanos, por suposto,
pero, as escavacións? ¡Tanto estas coma a muralla de Lugo, os escravos, por
suposto, aínda que no Medullius tiñan poucos; aínda, aínda! Para asegura-lo
cerco, a gabia faríana ao seu estilo, máis ou menos coma a de Julio César ante
Alesia: un foxo, co seu “agger” elevado coa mesma terra, e un valado ou
“vallum”. Despois diso, esperar vixiando!
Autores
e ubicacións propostas
Houbo varias,
porque o feito do Medulio merece “litis”, pero teño para min, con tódolos
respectos ás autoridades que trataron este tema, que o fixeron na tona, sen
descender a análises militares, xeo-estratéxicos, por meras corazonadas ou
filias localistas, o que se di, varrendo para a súa casa, para o seu pobo, para
o seu lugar dilecto.
Amor Meilán, con
Vázquez Seijas, inclináronse por Castro do Rei. Ferreras, quizais por aquilo
das Médulas, explotación que foi posterior, tira por León. Flórez e Macías,
tamén se inclinan pola sonoridade das Médulas. Huerta pensou no Medelo, na
Limia. A Schulten impresionouno o Monte Aloia, que non é mal sitio para morrer,
pero aquela era só unha atalaia dos celtas; o groso da poboación lindaba as
cabras aquí polo interior de Lugo, que en definitiva foi onde se fortificaron
os romanos, experimentados do que aquí lles pasara, e do que aquí recadaban! De
Orosio xa falei: Minio flumini inminenten.
¡Máis “inminente” có Monciro, na principal cunca do Miño, imposible!
Coido que hoxe en
día algún destes estudosos, con estradas e con coches, cambiaría de opinión: o
camiño faise andando, estudando as características do terreo, usos, armas,
estratexia militar, pretensións, móbiles…, e non só cun mapa esquemático sobre
da mesa!
A maiores, por se
o antedito lles parece pouco indiciario, ¿Que me din da fundación de Lugo, no
bosque de Lugh; do seu “Oppidum”? É unha constante histórica que as defensas,
as fortificacións, construíronse, sempre, como caixas de seguridade para os
tesouros circundantes, alí onde houbo grandes feitos de armas, grandes perigos,
grandes riquezas para apropiar e para custodiar; poderosos ou temibles inimigos
aos que vixiar…, de cerca! Pero esta mesma constante histórica, este
encastelarse, tamén nos demostra que, á larga, non serviron para nada, ou para
pouco; é sinxelo: os tempos, a xente, as armas, os transportes, as situacións
en definitiva, cambian de século en século, e todo aquel esforzo, aquel previr
subxectivo devén estéril…, salvo, se acaso, para incentiva-lo turismo!
Só algún exemplo,
aínda que os temos dabondo; é unha constante, repito:
. A muralla da China, despois das
primeiras invasións mongólicas.
. Esta de Lugo, feita con milleiros de
canteiros celtas, que xa estaban adestrados das canteiras dos castros. Celtas
sometidos na recente campaña; abatidos co desespero do Medulio, do Mons Ciro,
que quedaron tan submisos como, por poñer un exemplo, os republicanos baixo a
férula franquista. ¿Lograríase esa mole indescritible da nosa muralla sen unha
previa “castración e doma” dos nativos? ¡Nin Isabel, nin dez Césares! Abatidos
os celtas, por suposto, pero os romanos tamén tiveron as súas pois quedaron
horrorizados da coraxe dos nativos, e non se sentían seguros con só os valados
de Andión, de Romeán e da Meda. No bosque do Lugh, agora talado por mínimos de
seguridade persoal, tiñan augas termais…; e quedáballes céntrico para vixiar o
nutricio Flammoso, amén das chairas inmediatas. Coas chairas, co altiplano
dominado, xa podían dedicarse a busca-lo ouro, a facelo buscar, fose no Azúmara
ou máis ao interior, no Sil e nas Médulas. No inmediato Arcos de Frades aínda
neste século, no XXI, se presentaron denuncias para buscar ouro…, por se
quedaba algo! Lembremos aquela cifra de Plinio, de que, un ano con outro, da
Gallaecia mandábanlle á Roma Cesárea, 7.000…, ¡sete mil, libras de prata, ao
ano! O trigo de Chamoso, o viño de Amandi…, e se cadra, algunha galeguiña,
esgotadas as sabinas!
Outros casos:
. As Torres do Oeste, de Xelmírez,
desde que pasaran as incursións vikingas…, ¡por se volvían!
. O Castelo de San Antón, na Coruña,
despois do desembarco de Drake.
. A Líña Maginot, por onde nunca
volverían os alemáns xa que para avanzar cos tanques acaíanselles mellor as
planicies norteñas.
. E aínda onte: Os fortíns españois de
Ifni (trincheiras, campos de minas, niños de metralladora, canóns, morteiros…),
desde que pasara aquel ataque sorpresa de novembro do ano 1957, que nos colleu
tomando whisky e xogando ao póker no
Casino Militar. Cando se fixeron, e fixaron, aquelas “posicións”, xa pasara o
conflito ás canles diplomáticas.
Non me digan,
tampouco, que esperaron para face-las murallas de Lugo ata os séculos II e III:
¡ampliáronas, melloráronas, ensancharon o perímetro, iso si!
. Os romanos, xente práctica en tódolos
ordes, que ben demostrado está, e non simples pensadores como os seus mestres
gregos, non deixaban arrefriar unhas lexións mercenarias, nin asentarse os
escravos obtidos, e menos pasarse dous séculos matinando se sería bo protexerse
dos nativos, dos que quedasen sans e fortes, ¡tanta coraxe demostrada no
próximo, inmediato, Mons Ciro, fronte ao Ciro!, e logo que podían refacerse
demograficamente pois ben sabían eles que en tempos de guerra é cando máis se
prolifera, en particular os vencidos, sexa entre eles ou por violación das
nativas. Deseguida mandaron, esixiron, buscar metais, e custodialos con 2.120 metros
de parede. Comparemos tamén o grosor e a altura das murallas de Lugo cos
“valadiños” de Astorga, e decatarémonos do medo que tiñan en Lugo, e tamén da
fondura “medulliense”, recente, deste medo.
. Tales obras non se fan nunha
xeración, e tampouco nun século habida conta do instrumental e dos carretos da
época: cimentacións, achaiamentos, arrinca-la pedra, traela, subila, paredar,
etcétera; iso ademais dos proxectos, interrupcións, reformas, e demais avatares
propios da época, do mando a distancia, da atención a outros mesteres,
etcétera.
Así, pois, aínda
que non tivésemos as razóns xeo-estratéxicas arriba expostas, só con matinar na
causa fundacional das murallas de Lugo teríamos indicios abondosos,
exhaustivos, para crer que os fantasmas do Medullius
están por aquí cerca. Pero temos máis: ¿Por que tanta toponimia sueva, tanto
rastro dos suevos nesta zona de Castroverde? Tamén é lóxico: porque co
abatemento dos que se refuxiaran no Medulio, no seu monte central, no Mons
Ciro, estes vales herbosos quedaron sen gando e sen xente. ¡Formaban parte do
terzo libre, do asignado por Roma aos suevos! Os repoboamentos antigos facíanse
precisamente onde a terra era abondosa e produtiva, onde non había que desprazar
nin contender cos nativos porque xa estivesen desertizados, daquela, tantos
castros como había nesta contorna. Un só exemplo: Rois (do inmediato Pol) tiña,
e consérvase regular, un castro; non obstante, este fermoso sitio, esta
“Xunqueira”, que é o que significa “Rois” nas linguas xermánicas, suevas,
colleu a toponimia que lle deron os novos ocupantes; e así, noutros lugares
abandonados, inexplicablemente abandonados se non fose por efectos dunha
contenda histórica, da contorna. Tamén Suegos, nas mesmas abas do Monciro,
etcétera, etcétera.
Igrexa da parroquia de Cirio (Ciro), coa
inscrición mutilada. ¡Deformado o nome, e deformado o seu historial!
Heroes do noso
Medullius, ¡Réquiem aetérnam dona eis, Dómine: et lux perpétua lúceat eis!
¡Eu, polo menos eu, non vos esquezo, e iso que teño un patronímico suevo, ou
precisamente por iso, que así serei neutral!
Xosé María
Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario