martes, 19 de enero de 2010

SENTENZAS, FÍAS E RUADAS -I-


SENTENZAS, FÍAS E RUADAS
na bisbarra de
CASTROVERDE, POL E BALEIRA

Servidor dando o Pregón na Corrida do Galo da Meda, Pascua do ano 1948.
Foi a primeira vez que falei en público.
Fotografía recollida por Narciso De Gabriel
na pax. 353 do seu libro "Escolantes")

Xosé María Gómez Vilabella

Dedicado á inesquecible memoria de meu pai,
Xosé María Gómez Lombardero,
un Mestre de Mestres, que tanto impulsou a cultura desta bisbarra, e iso que non tiña título oficial; redactou e dirixiu a maior parte das “Sentenzas” que se representaron no século XX na bisbarra de Castroverde, Pol e Baleira;
aquí recóllese un mostrario delas.

Un home, un pai, un mestre, inimitable.




¡Deica logo, meus queridos pais!

En vida, polas circunstancias da miña emigración precoz,
pouco puidemos falar,
intercomunicar,
así que moito desexo,
Aí Arriba,
recuperar convosco tantos temas que nos quedaron sen tratar.


Xosé María Gómez Vilabella





Cabaleiro das Corridas


Aclaración: Esta silueta do encabezamento non nos mostra, como aparenta, un guerreiro saíndo do noso castelo de Castroverde camiño das guerras contra a mourería, ou para enfrontarse aos seus veciños, aos seus competidores, ¡que tamén os había!, senón algo máis próximo a nosoutros, aos nosos días: Indica, lembra, simboliza, aqueles mozos brandindo a espada coa que executaban, colgado dun trelo, entre dúas árbores, ao galo pecadento, naquelas "corridas", con aquelas "sentenzas", unhas veces por Carnaval e outras na Pascua, ¡na Pascua Florida, que así se lle chamaba, e con razón!

Para empezar, un repasiño ao pretérito,
¡que non sempre foi pluscuamperfecto!

Unha dona ten sete fillas,
e a máis vella de cinco días...
A Coresma.

O noso rural, concretamente esta bisbarra de Castroverde, Pol e Baleira, (póñena con “B” pero non esta baleira senón cruzada de vales, é, por tanto, Valeira), nisto máis ou menos coma as limítrofes, xiraba, xirou ata fai pouco, polarizado por dous acontecementos periódicos senlleiros: No material, as mallas; e no relixioso, a Coresma, esa coresma das sete fillas, das sete semanas, suavizadas polo Concilio Vaticano II. En canto ás mallas, despois dun período de atención case exclusiva á gandería, e precisamente por culpa e por causa diso, estamos volvendo ao cereal, ¡Condado de Chamoso, Flammoso, que dicían os romanos, precisamente polo flamexar das nosas colleitas!, pero doutro xeito, todo mecanizado por obra e graza desa maquinaria que incluso recolle o millo, á vez que espanta ás curuxas. ¡Unhas mallas que non precisan malle, nin malle nin espalladoiras, que ía sendo hora de que se redimisen daquel traballo, daqueles traballos!



¡Deus, qué espectáculo, qué estampa, a das nosas espalladoiras cimbrándose na escolma da palla; aquela si que era danza ventral, e non esas que saen na tele! Disto sei algo, ¡moito!, porque desde cativo tiven a afección de subirme ás medas e aos palleiros, para retratalas cos meus ollos inocentes, así, desde arriba, de corpo enteiro.





Despois de mallar, manxar.

¿Onde está o noso pretérito, exactamente ese, o pluscuamperfecto? Eu situaríao centrado no 1940, daquela que Castroverde superou os 9000 habitantes. ¿Nove mil habitantes...? ¡Iso, de feito, sen contar os de dereito, aqueles ausentes da nosa, sempiterna, emigración! Hai que volver a por eles, resucita-las cifras, pero ben mantidos, ben nutridos, instruídos, pois, para corenta..., ladróns, chegaron aqueles anos, esa década! O pandeiro, crises á parte, está en boas mans: ¡Bos mestres e bos alumnos! Xente que saiba dirixir, ordenar, encarreira-la economía, e que nos leve a un futuro esplendoroso, ao futuro dos netos. ¡Haber, hainos, pero o caso é que nos deixen escoller, tal que nunhas listas abertas! Pero tampouco é cousa de durmirse, pois os demais, a outra xente, os outros países, as outras razas..., tamén están espertos, espertos ou espertando..., ¡e compiten, maiormente agora, neste mundo globalizado!

O progreso, económico e social, dúas caras da mesma moeda, ten, ou deberá ter, por lema, avanzar sen destruír, modernizar conservando canto mereza a pena de ser conservado, ¡que todo é Patrimonio!

Coido que tamén se podería enunciar dun xeito máis sinxelo: ¡Embelecer! ¡Iso: embelecer a vida facéndoa máis grata, máis saudable, máis perfecta, máis confortable, máis...! Por contra, o feísmo non está só en certas construcións materiais, senón, e tamén, na insensibilidade á que nos levan as tentacións prosaicas, acomodaticias; esa falta de discernimento, de selectividade, daqueles que se consideran con herdanza suficiente, ricos e formados; por ende, con opción a darse a gran vida, ¡que adoita ser a mala! Neste século, neste XXI, inventouse unha verba macanuda, pero aínda estamos empezando a entendela, e por ende, a cumprila: ¡A sostiblidade, o desenrolo sostible!

Mal se pode soster algo sen principios, sen fundamentos, sen alicerces; de aí que non sexa perde-lo tempo o de volve-los ollos ao noso pretérito; rememorar aquilo que fixeron, aquilo que inventaron, aquilo que experimentaron os nosos vellos. Serve, fundamentalmente, para dúas cousas: Para entendelos, e para agradecerlles aqueles esforzos. Mal podemos entendelos se esquecemos os seus afáns, pero tamén os seus divertimentos, o seu xeito de expresar, tanto as ledicias como as protestas. En canto aos esforzos daqueles oficios, daquel xeito de traballar, aquela inventiva, en tantas cousas que hoxe consideramos "atrasos", xurdiron precisamente as técnicas, as experiencias, os usos e mailos costumes dos que hoxe gozamos. Non hai árbore sen raíces, nin civilización sen precedentes, sen escaleiras.

E logo está iso de que recolle-lo pasado, sexa na oral ou na escrita, pode resultar divertido, estimulante, e incluso provocador de novas iniciativas. Dun tempo a esta parte, grazas, entre outros, a Niepce e a Daguerre, que obtiveron, dito nas súas propias verbas, a "fixación permanente das imaxes", o pretérito xa non se soterra: ¡Podemos poñelo en conserva, e abrir a lata cando nos pete! Algunhas cousas, que non todas, pois as inmateriais, agora que non podemos contalas nas lareiras, ¡que esas tamén son pretérito!, só cabe transmitilas de vellos a novos, de xeración en xeración, pola voz ou pola escrita, mediante esta multitudes de aparellos conservadores, reprodutores. Nisto está o que considero un deber social, cívico incluso, daqueles que vivimos, daqueles que observamos e memorizamos acontecementos importantes, transcendentes. ¡Pasa-lo facho, como agora se di! E temos tantas cousas para lembrar, para transmitir! Pero coido que será mellor ir por partes, non anticipar o temario global para que o lector asuma a posible graza que lle fagan os feitos, e cos feitos, as circunstancias, a sorpresa de ir descubrindo que o mundo non empezou hoxe, senón onte, ou máis exactamente, antonte.
-.-

AS FAMOSAS SENTENZAS




¡Estás na capela, amigo, que xa te prenderon!

As "Sentenzas" tiñan unha formulación externa, ou visible, de coñecemento vulgar, popular, que era a súa especialidade, o seu dramatismo, o seu "teatro", o seu divertimento. Pero tamén, como toda obra dramática de tese, levaban, encerraban, mostraban, transmitían, unha filosofía interna, que as constituía en canle de expresión do conflito social, un desafogue dos problemas, e por ende, un estímulo para a convivencia harmónica.

Para entendelas, para ver a súa verdadeira profundidade, temos que situarnos na época en que se celebraron. Eran, aínda, os tempos do "Si, señor", do "Usted siga bien", do "Dispensando"; aquel quitarse a pucha, mesmo arrincándoa, á vez que baixaban a testa. Unha mestura de fina cortesía e de servil adulación. Téñase presente, tamén, que, precisamente o día que me apuntaron no Rexistro Civil, 28 de Agosto do ano 1930, (nacera o día 26), un grupo de periodistas, ¡que ata serían todos, pois daquela había poucos!, preguntoulle ao Ministro da Gobernación, na ditadura de Berenguer, se era certo que ía saír un Decreto suprimindo a censura, e o bo do señor contestoulles que, "¡Ya tenéis demasiada libertad!". (Para os incrédulos, aí están as hemerotecas). Por aquel entón para saca-lo pé da saba había que poñerse medias, discorrer a forma de dicir un mínimo sen que parecese un máximo!

Á xuventude de hoxe en día, co que avanzamos na cultura e nas liberdades, isto pareceralles novelesco, pero, o dito, ¡ás hemerotecas! Dicir naqueles parlamentos das "Corridas" algo que hoxe nos poda parecer unha "parida", unha inxenuidade, requiría entón, ¡e con Franco, despois do paréntese da II República, aínda peor!, unha audacia considerable, ademais dun talento irónico e retranqueiro. Pensemos tamén, por outra parte, que a muller, daquela, tiña un roibén permanente, desde o nariz ás orellas, e non podían dicirse publicamente certas verbas, certas expresións, que afectasen á súa esaxerada pudicia, salvo que se utilizase un malabarismo de metáforas.

Non obstante, o característico cando un pobo acada ou recobra certa liberdade, ¡os ciclos!, é que fagan presenza, decote, as verbas fortes, e incluso as obscenidades, pero nos libretos que cheguei a coñecer sempre se manifestou aquela progresía cunha certa elegancia e cunha sutileza que di moito do nivel formativo e moral daqueles autores.

Para introducir esta temática de tanto significado e transcendencia na historia desta bisbarra de Castroverde, Pol e Baleira, inmersa na xeral de Galicia, coido que sería bo deternos nalgún relembro dos nosos etnógrafos. Para empezar, ou para seguir, eu renderíalle os máximos honores a Vicente Risco, que elevou a cultura popular galega á categoría de ciencia, aínda que na realidade cotiá seguimos téndoa, en xeral, como unha peza de museo, algo que foi, algo que pasou..., ¡descantiá! Segundo Risco, "Entendemos (debemos entender) por cultura popular o conxunto daquelas crenzas, coñecementos, ritos, usanzas sociais, métodos de traballo e producións útiles, literarias e artísticas, que un pobo determinado posúe en común, e que non deprendeu na escola nin nos libros, senón que os recibiu unha xeración da outra por tradición, calquera que sexa a camada, clase ou estamento social en que se atopen". Hoxe non entenderíamos a execución daquela pena de morte, a simbólica degolación dun galo, pero..., ¡situémonos no XX, que é do que estamos falando, lembrando!

Pois ben, para honra nosa, o Mestre Risco prestou unha especial atención aos festexos do Entroido en Castroverde, que incluso recopiou, salvándoo da súa probable desaparición e/ou esquecemento un "sermón" botado na Meda no ano 1928. Cando me refira aos "Predicadores" xa transcribirei un fragmento do mesmo.

Coido que vén a conto encaixar aquí un lamento que fixo Pedro Carro no Ideal Gallego do día 11-11-1987, baixo o titular "Na busca do pasado - Galicia necesita un arquivo para a recuperación folclórica". Desde aquela algo se fixo, algo temos, algo se rescatou, pero estamos a piques de deixar escapar, diluír, esquecer, concretamente na miña bisbarra, que é, ou debera ser, a que máis me importe, bastante material deste tipo. Lamentábase Carro: Pero a cultura popular dos nosos devanceiros non lle interesa a ninguén. Non existe un só arquivo nen museo adicado á conservación desas costumes, tradicións, contos, lendas, cantigas, bailes, traxes e vestidos, instrumentos musicais, convivencias sociais, etc. Esta desgracia galega ven en engrandecemento dende o ano 1939 deica hoxe en cuio período fíxose todo o posible para mentalizar ao pobo de que "o folclore dun país é só a maneira de cantar e bailar da súa xente". Ademais a verba "folclore" converteuse en despectiva e pexorativa. Conclúe botando lume: Xa sei que aparecerán "os salvadores da Patria" dicindo que, no noso país, existen museos etnográficos e que nos arquivos históricos pódense alcontrar algúns datos encol do folclore galego. Ésto é tan certo como que nunha corredoira podemos alcontrar vinte pesos, pero non é lóxico".

Pola miña parte, no comment! Pasaron os anos, e cos anos a oportunidade de conservar, polo menos a lembranza, de tantas cousas que feneceron no pasado século, no XX; coma quen di, onte, que foron moitas, ¡e non sempre ben substituídas!

Nestas cousas da CULTURA POPULAR sempre hai que volver a Risco. Na súa pescuda sobre as queimas do Entroido encontrou descricións delas referidas ao Piamonte, Italia Central, os Abruzzos, Palermo, Provenza, Vienne, as Ardenas, Normandía, Saint Lô, Bretaña, Saintonge, Inglaterra, Westfalia, Baviera, Suabia, Transilvania, Boemia, etcétera. E nalgúns sitios constatou que se celebraba o "Xuízo" dun xeito parecido a Galicia e Norte de Portugal, con moitos pormenores, tal que en Koeniggraetz, Kissen, Normandía, e un longo etcétera.

Estas verificacións lévannos á evidencia de que arraigou ese rito da purificación polo lume en países de relación xermánica, ou xermanizados nos comezos do cristianismo. ¡Daquela está claro que foron os suevos os que o trouxeron ás terras de Flammosos! Tamén é un problema de ecoloxía: Estamos nunha civilización de bosques caducifolios, con secas e con fríos. Témo-lo lume no subconsciente. Por algo non se atopan causas concretas, definidas, únicas ou singulares, erradicables, das queimas do monte: complica as cousas un diabro que levamos no corpo, que incluso pode ser subornable; así que, ademais de extrema-la vixilancia, e de utiliza-los avións, faría falta un hisopo con auga bendita!

Dou por seguro que Prisciliano, o frugal, o austero Prisciliano, aquel asceta rigoroso que din que era, na súa condenación da materia, cando trataba de sincretizar o dogma cristián coas tradicións ancestrais e con outras doutrinas da filosofía grega e oriental, xa lles predicou aos seus paisanos, aos nosos entregos, a morixeración coresmal. E tamén penso que por aqueles tempos xa se decataran as persoas cultas, maiormente o clero, da peste da triquinose, como lle pasou a Mahoma, que de aí tirou a súa prohibición do "jalufo", que perdura e a compren a pesar da practicamente absoluta desaparición dese mal. Así lle foi a Prisciliano na súa prédica, porque naqueles tempos a mellor forma de concitar odios, de provocar calumnias, era, sen dúbida, restrinxirlles as graxas aos catecúmenos: Queixáronse a Itacio; e levárono a Tréveris, diante do emperador Máximo. Abafárono, e por último rematárono diante da Porta Nigra, no ano 385. Pero non debeu ser tan herexe suposto que o defendeu nada menos que o seu coetáneo San Martiño de Tours, o primeiro dos nosos Martiños protectores, aos que precisamente dedicamos, xa de vello, cantidade de igrexas nesta parte do país.

A Igrexa, na súa labor de pasar ao curral aqueles ritos pagáns da época, recomendou a celebración penitencial do mércores de cinsa, que era tanto como dicir, "¡Basta; hai que cambiar de vida!". A lóxica natural daquela xente non podía ser outra que iso de, "Véspera de nada, día de moito". Non parou aí o conto pois a Igrexa deulle outra volta á parafusa: "O Entroido, con excesos, é malo!", así que os suevos, xermánicos, e como tales, cabezas cadradas, responderon cunha pregunta, na que ía esta mensaxe: "¿É malo...? ¡Daquela, queimámolo!".

A celebración da Pascua de Resurrección levantaba a veda das graxas, a tenor climático nestas latitudes, precisamente cando xa quedaban altos os touciños na despensa dos crentes, e logo que xa non as pedía o corpo, entre desafeito e caloroso. Daquela o pobo miserento, de coresma cotián, fixo estoutra reflexión: "Queimámo-lo Entroido; agora queimemos a Pascua..., por tardía e famenta!". Non sei cómo empezaría o simbolismo, a representación, pero si sabemos de qué xeito acabou: Os árabes copiáronlles aos chinos a fórmula da pólvora, e os nosos pirotécnicos, unha vez coñecidas as súas aplicacións, inventaron a moneca xiratoria..., ¡queimable! O único que faltaba, se cadra copiado, inspirado na Inquisición, era a montaxe dun tribunal: ¡Personificar na boneca pirotécnica da "Pascua" tódalas picardías e tódalas queixas do ano!



As chispas e mailas explosións da moneca gustáronlles aos cregos, pois así os propios fregueses axuizaban as faltas, sometendo á "pecadora" ao purgatorio, á purificación polo lume.

Volvendo ao caso concreto do Entroido, do "Santo Entroido", que así chegaron a chamarlle pola parte de Lalín, de Dozón, e de Castro Caldelas, que tal era a raizame, a devoción que lles colleron aos seus ritos. Chegaba despois da matanza do porco, que nas casas máis podentes sempre se retrasaba algún exemplar para utiliza-las súas miudezas nesta celebración. Cando caía alto, as filloas de sangue, a cachucha e mailos roxóns substituíanse por freixós de leite e por fretes de manteiga. O postre habitual na nosa bisbarra, (sobremesa, din agora), sempre foron as chulas de ovo e as flores fritidas, tamén chamadas orellas de frade. Ritos, pois, na rúa, pero tamén nas casas.

O léxico do Carnaval en Galicia dá para facer un dicionario: Abutardas, entroidos, ... Bonitas, borralleiros, borrallosos, boteiros, ... Cigarrós, cinceiros, curruvellos, charrúas, choqueiros, ... Damas, ... Faranduleiros, fareleiros, felos, folecheiros, ... Galáns, ... Irrios, ... Madamitas, máscaras, mascaritas, mecos, murrieiros, ... Pallasos (non "paiasos", con capa de xuncos ou de palla), peliqueiros, ... Máscaras e disfraces de oficios, segundo a imaxinación e/ou os medios de cada lugar.

Outros complementos: Cabaleiros - executores do galo, fose á man ou con espada, pero sempre coas bestas engalanadas. Burros vellos para os "predicadores". A "Pascua" adoitaban levala nun carriño de madeira tirado por cabras, xa que a rea era, ou se supoñía, ... iso, unha lixeira, unha "cabra"!

Entroido = Introito. Nas rigorosidades do medievo sería lóxico prepararse para o xaxún coresmal cun ensaio, cunha tendencia á austeridade, pero na práctica cotián viuse que a carne impúxose ao espírito, e así o carne vales (carnavales, carnavais) pugnou por resistirse á imposición eclesiástica enchéndose, precisamente, de carnes. ¡Adeus á carne…, con carne! Ou tamén, ¡as feitas cóntanse! A rebeldía da carne, que nos persigue desde o paraíso, racionadas as mazás! Ben pensado, aquelas privacións do medievo, -privados do mellor que tiñamos, ¡Ai se o porco voase, que dixo aquel que os comparaba coas perdices!, -sublimalas co xaxún e coa abstinencia, meritorio era, foi, pero heroico tamén.

Xa que era unha ocasión rebelde, de rebeldía, ¿por qué non aproveitala para facer escarmentos, sátiras, queixas, burlas, e, en xeral, parodias satíricas? Pois si, e como ocasións a plebe tiña poucas…, aproveitáronas!

¿Habería cousa máis parecida a un cacique, a un mandamáis, que un galo do propio curral, beneficiando/desvirgando cantas “pitas” puxese Deus, ou máis ben o diabro, ao seu alcance? Contra o tirano, contra o cacique, pouco se podía facer sen exposición, sen grandes riscos, pero…, contra o galo, si! Daquela, ¿qué mellor ocasión có Carnaval para tomarse a xustiza, a vinganza, de propia man, aínda que só fose dun xeito simbólico?
-.-


O galo de Barcelos



Monumento ao galo en Barcelos (Portugal)



Aquí temos a outra cara da moeda: A devoción que lle teñen en Barcelos xa é idolátrica, aínda que fundada nunha tradición relixiosa. Barcelos é cabeza dunha etapa no Camiño de Santiago, concretamente entre Vilarinho e a Ponte do Lima. Nin que dicir ten que lles merquei un, un galo de corazóns, pero quedoume o pesar de que non fosen dous para darlle un a meu pai, precisamente para iso, para mostrarlle a outra cara desa moeda mítico-relixiosa.

¿Lendas? ¡Un cento! Pero a que máis me gustou foi a seguinte, que paso a dárvola anosada, por se alguén traduce peor cá min:

Foi no século XIII, cando os portugueses comezaban a presumir da súa Braga. ¡Braga con maiúsculas, derivada de Braccara Augusta; non pensedes mal! Os portugueses sempre recearon dos españois, ¡e non sen razón, aínda que nesta non! Alí nun caserón das aforas de Barcelos seica vivía un fidalgo, quere dicirse, un ricachón, e apareceu morto xunto ao seu cofre do ouro. ¡O fidalgo, morto; e o cofre, baleiro! Os veciños deron en sospeitar dun criado, que o levara de Galicia, recentemente, de volta da súa peregrinación. O portugués era rico, e o galego pobre, así que o tal fidalgo quixo presumir de Samaritano diante dos seus vasalos: ¡En Galicia teñen a Santiago, pero non teñen ouro, que llelo arroubaron os romanos!, era a súa exclamación habitual, para fardar das súas virtudes.

¡Foi cousa do galego!, deron en berrar os herdeiros do fidalgo, que así non levaban eles a culpa, eles mesmos. O santiagués xurou e rexurou, “polos meus defuntiños”, que era inocente, pero como non hai peor xordo có que non quere oír, aqueles herdeiros ¿desherdados? pedíronlle á Xustiza que axustizase ao sospeitoso, e así se fixo! O pobre condenado, camiño da forca, ben que lles berrou, mentres apuntaba ao galo que o estaban asando aqueles xusticeiros para celebrar, seguidamente, o seu aforcamento:

“A miña inocencia é tan certa que vos podo asegurar que ese galo que estades asando para celebra-la miña morte levantarase da cazola e cantará ipso facto se vos atrevedes a colgarme sendo como son inocente deste crime, do voso; dous, o voso, e mailo que ides facer comigo!”.

Nin que dicir ten que se riron do galego, todos, a feito, tal que fixeran con Cristo aqueles xudeus do Calvario, porén ninguén se atreveu a tocarlle á cazola onde tiñan o galo. Nestas, o que tiña que pasar, pasou! No mesmo intre en que o verdugo preparaba a corda de axustizar…, ¡na casa do Xuíz o galo asado púxose de pé, recuperou as ás, que estaban tiradas no chan, bateunas, e comezou a cantar: Quiquiriquí!

O Xuíz botou a correr para dete-la execución, pero chegou tarde. Horrorizado polo que fixera, atormentado polos remorsos, ordenou que descolgasen o cadáver e que o enterrasen con tódolos honores, no seu propio panteón. Non fixo falta pois aquel Lázaro resucitou por si mesmo, ou máis exactamente, pola graza de Deus, e deu en tusir, recuperando a respiración pouco a pouco. Nin que dicir ten que non só o puxeron en liberdade senón que lle fixeron xenuflexións adorando a súa santidade.

O galego tornou para Galicia, onde aprendeu a labra-la pedra nunha cuadrilla de canteiros do Porriño; co oficio sabido, tempo adiante, retornou a Barcelos, e alí honroulles o seu galo, para vergoña dos portugueses, labrando e erixindo, en pedra do país, o “Cruceiro do Senhor do Galo”, monumento que está agora no Museo Arqueolóxico do mesmo Barcelos”. O que non se ve é aquel letreiro que lle puxo o galego na súa basa: “Non as fagas, non as temas”. Borrárono, por suposto; o único que non borraron os portugueses, ¡por se acaso!, é ese letreiro gravado nun dos canóns de Valença do Minho, apuntando a Tui, por suposto, onde cómpre deterse e telo en conta: “Ai de ti Espanha se te moves”.
-.-

De volver a facerse, a representar, aquelas Sentenzas do Galo, nin eu estaría disposto a iso, nin a Sociedade Protectora de Animais consentiría que se aplicase a pena capital. O galo, simbolizando dalgún xeito certas brutalidades e/ou malicias machistas, tería, debería ser, castigado, por suposto que si, pero con outro tipo de penas. Obsérvese que as faltas femininas estaban atribuídas, representadas, nunha moneca, pero as masculinas non se caracterizaban nun boneco, ¡ca!, senón nun galo cantor, no rei do curral. Para a nosa mentalidade actual, tanto o Galo como a Pascua serían, humoristicamente por suposto, acusados doutros feitos; con actualidade, pero sen ofensas de tipo persoal, sen imputacións concretas a persoas coñecidas ou determinadas.
-o-

Tódalas inmigracións aportan algo

Tódalas inmigracións, por limitadas que sexan, aportan, como é natural, as súas novacións, ritos e crenzas, que se van decantando e mesturando coas preexistentes no país de acollida. A impermeabilidade absoluta, a estes efectos, non existe.

No tema concreto das "Corridas do galo", a primeira pescuda pode ser: ¿Por qué o galo; que nos fixeron os galos? O galo non era unha devoción romana; comíanos a pracer, iso si, e incluso preiteaban por eles, por ese hábito do galo de largarse para o poleiro do veciño, ¡poliandria!, obstinándose, como consecuencia diso, no dereito primordial de caza, e tamén na diferenciación entre animais amansados ou domesticados (mansuetae ou mansuefactae), pois aínda que gozan/gozaban de liberdade están/estaban baixo certo control do home mentres conservaban o costume de volver, e os animais domésticos (quorum non est fera natura) que están/estaban continuamente baixo a potestade do home.

Importancia si que llela daban os gregos. Abonda con lembrarse de que Sócrates, cando a cicuta lle estaba facendo efecto, acordouse de que lle debía ¡un galo! a Esculapio. Naquela lenta agonía destapou a cabeza e díxolle ao seu discípulo e amigo Critón: -"Estoume lembrando de que lle debo un galo a Esculapio...". -"Xa o pagaremos, non o dubides; ¿queres algo máis?", pero Sócrates non puido responder. ¡Morría coa conciencia tranquila despois de recoñecida, e de encomendada, aquela débeda, ¡dun galo!

A mítica do galo é un asunto xermánico - francés; se acaso con raiceiras celtas. Unha proba diso é que nas dúas Fisterras sempre se lle tivo un gran respecto e unha certa admiración prosopopeica. Pero onde estivo máis presente foi na arte popular da zona de Barroso-Braga-Barcelos, (¡Suevia pura!), da que se estendeu con dirección ao Tejo (Tajo), especialmente na cerámica popular. En Francia aínda queda algún galo de latón na bandeirola das tabernas do rural.

Aquí por Lugo, ademais do seu papel de pillabán / vitimario nas "Corridas" de ídem, tamén se viu retratado na cerámica. Eu recordo aquelas xerras do viño coa asa en forma de crista, e co bicarelo imitando o pico do galo. Tamén teño visto galos a cores como motivo no bordado dos manteis de liño, así como nalgunha manta de la, das do tear, urdidas en liño, nas que reproduci-lo galo con cores non foi tarefa doada, cando o fácil era non saírse dos rombos e demais figuras xeométricas usuais. Nesta bisbarra de Castroverde, Pol e Baleira, unha brincadeira moi a gusto da rapazada foi, maiormente nas mallas, provocar ás rapazas coa ameaza de, "¡Heiche de cantar un galo, se tal, e se cal!". O xogo parecía inocente: Xunta-las frontes e dicirlles ás mozas, "¡Quiquiriquí!", facendo que se rilaban os dentes, pero o fondo intencional era..., ¡unha insinuación do outro asunto!
-o-

Variantes das Corridas do Galo


Fonte dos Namoros, na Meda

Considero como prototipo evolucionado, consolidado, a escenificación que se fixo na Meda pola Pascua do ano 1948, da que redactei e dixen o Pregón, falando por primeira vez en público. Por outra parte, teño que omitir a recensión doutras desta bisbarra, da mesma década, e tamén redactadas por meu pai, unhas porque desapareceron os seus libretos, e outras, tal que a de Suegos do ano 1947, porque non logrei recoller, completar, tódolos textos das mesmas, que supoño demasiado ben arquivados, ¡ou demasiado mal!

Deténdome naquela da Meda, coido que con iso xa teredes unha visión, un retrato de conxunto, deste tipo de celebracións. E logo que tamén concorre que foi o "canto do cisne" destes espectáculos pois a partir da comentada pouco se celebrou dun rango parecido, e nunca superior.

Na Meda: Un escenario insuperable, nun prado amplo e cunha lixeira pendente que facía de anfiteatro con respecto ao Tribunal. Palco de madeira, espazoso e enramallado; grilandas de papel e outras colgaduras. Bos cabalos e boas monturas, case todas de estrea. Espadas auténticas, das do Exército, de Cabalería. Os cabaleiros lucían valiosas galas; díxose que algunha familia levou a Lugo, para depositalas nas xoierías como fianza, as escrituras das súas propiedades para que lles prestasen aneles, pulseiras, cadeas, etcétera, o que nos dá idea do entusiasmo que puxeron, que aportaron, aqueles veciños. Os membros do Tribunal luciron togas con "puñetes" de encaixe, auténticas, verdadeiras. O Atestado presentouno Antonio Boudón, daquela estudante, que lucía unha gorra "de prato" de Sarxento da Policía Armada, na que lle cabía cabeza e media! As testemuñas presentáronse ataviadas con traxes rexionais, de época, de moita valía, que a saber cómo os conseguiron nin a onde foron por eles. O libreto tíñano, sen excepcións, coidadosamente memorizado e ensaiado, ¡iso si, a porta cerrada, coa máis absoluta reserva!

Resumindo, que o entusiasmo e maila mobilización de medios e de recursos foi extraordinaria e competitiva. Lembremos que a parroquia da Meda, por aqueles anos, obtiña moito diñeiro, aínda que ben suado, da extracción e cocción do cal, que non só ía para Lugo, para a súa construción en fase reactiva, senón que tamén se facían transportes para Coruña. Con tradición, ganas e medios, fanse milagres, por escuros que sexan os tempos. O único ramplón, o único vulgar, aquel día debín ser eu, este servidor, que me atrevín a soltarlle unha disertación rolenta a unha xente que prefería vivi-lo seu espectáculo a entende-las motivacións, as historias, do mesmo.
-o-
As variantes en Galicia foron moitas, segundo as localidades e os tempos. Nesta bisbarra téñenme dito que tamén as houbo en bicicleta; eu non asistín a ningunha desas, así que, relata refero! Algunhas particularidades:

. Corre-lo galo a pé, ou dacabalo. Con ou sen os ollos vendados.

. Cortarlle a gorxa con sable, ou arrincarlle a cabeza; algunha vez fíxose co galo metido nunha ola de barro; coa cabeza sobresaíndo, por suposto.

. Con Tribunal ou sen el. Tribunal a pé, a cabalo, ou nun palco enramallado, como foi no caso da Meda.

. Con fareleiros (con sacos de farelo ou de cinsa, atados na punta dun malle, nas correas da pértega) para garda-la orde pública.

. O que nunca faltou foi a parella de vellos (supostamente vellos), un deles disfrazado de muller, que daban o "predicote", chocalleiro e crítico, sempre nun galego máis ou menos castrapeiro.

-.-

¿Que tal lles foi co galo aos nosos veciños e parentes da suevia portuguesa?

Para falar diso, coa máxima autoridade posible, voulle cede-la palabra a Antonio Lourenço Fontes, que vén a ser o Vicente Risco deles, deses irmáns tan iguais a nosoutros, e por ende, tan queridos:

...

Talvez seja este costume carnavalesco de Domingo Gordo un resto de certos ritos de culto pagâo. A inmolaçao do galo em dia de Carnaval é aínda vivo en muitas aldeias da Europa, com mais ou menos variantes. Conheço de Galicia várias aldeias que o conservam. E em Barroso aínda está vivo o costume em Gralhas, en Viade, na Vila da Ponte, en Meixide, polo menos. Noutras há a doce recordaçao da euforia que tal uso proporcionava a todos, en especial à gente nova. Há variantes neste rito do jogo do galo. Em Viade e Vila da Ponte, os rapaces compram um galo. Num largo, despois de esconderem na terra todo o galo, excepto a cabeça. vendam os olhos a todos os participantes e, à vez, com um pao nas mâos, procuram matar o galo. O que o matar nâo paga. Em Gralhas os rapaces enfeitam com fitas garridas o galo mais lindo da aldeia. Vestem-se de cores garridas, barretes de papelâo, imitando romanos. De antemâo, dois jograis com boa voz, e jeito para versejar em quadras, escreveram ou decoraram o testamento do galo.

Testamento do galo ou motes.

Ao recolher do galo em Gralhas, assistimos à leitura ou proclamaçao do testamento do galo. Sâo críticas mordaces de toda a mocidade solteira e por vezes dos casados. Ali descobrem e julgam todos os actos mais caricatos, ou que mais deram que falar, durante todo o ano passado. Os namoros das moças, as desfeitas que os rapazes lhes fizeram, amores proibidos, casamentos a combinar. Dois rapazes, um de cada lado da rua, debruçados sobre uma janela, para todos verem e ouvirem bem, declaram em voz alta, na frente de numeroso público, a longa enumeraçao das suas apreciaçôes à vida pública e íntima, amorosa, de cada par.

Fragmento do Testamento dun Galo em Vilar de Perdizes:

...

Vou deixar a minha crista
É a que dá mais na feira,
Para toda a juventude,
A que for mais lambareira
E as penas do pescoço,
É onde as tenho mais bastas,
Deixo-as para as mulheres,
Ás que forem mais beatas.
Deixo as penas das asas
Para quem as quiser usar,
Ao homem mais leve do povo
Para melhor poder voar.
Vou deixar as minhas unhas
Para todas as viúvas,
Para se ranharem de noite,
Quando morderem as pulgas.
Eu quero deixar o bico
A quen toda a gente veja,
Ao reitor da freguesia,
Para cantar na igreja.
.../...

A estas quadras também lhe chaman motes. Em todas as terras se fazem motes, em que se critica a vida alheia, especialmente da mocidade solteira. No dia de Ano Novo ou de Entrudo ou Páscoa ou outra festividade solene sâo lidos ou entâo colocados, onde se espalhe a notícia. Em Vilar de Perdizes jogavam o galo no dia de Domingo Gordo. Começavam por se juntar no Largo da Laborada. O galo ia todo enfeitado num carrinho com os seus acompanhantes: o juiz, escrivâo e testemuñas. Aquele era suspenso no ar, com as pernas presas. E os rapazes com espadas de pau tentavam acertar-lhe para o matar. Os que o suspendiam nâo deixavam atingi-lo. Vinham, despois de ler os motes referidos àquele bairro, para o Cruzeiro, onde terminavam de ler e executavam o galo com a espada de um dos rapazes que, por fim, lhe acertou em cheio. Era depois comido por todos.
-.-
 

Fareleiros en Lugo
 (Poñendo orde con presadas de farelo)

¿Aquí en Galicia, resucitan / poden resucitar as Corridas do Galo?

¡Non sei se resucitan os galos ou é simplemente que sobreviven! Tanto no El Progreso como en La Voz de Galicia veñen recolléndose novas de certas celebracións que tenden a imitar as antigas. A título de exemplo: en La Voz de Galicia, do mércores 7-2-2007. L8. Comarcas. Líase: "El baile de las madamas y galanes y la Corrida do Galo, las dos principales atracciones del carnaval de Vilaboa (Pontevedra) se celebrarán el próximo día 20 en la explanada de Riomaior, en Santa Cristina de Cobres. En esta ocasión, el pregonero será Rubén Riós, el actor que representa a Marcos en la serie de la TVG, Libro de Familia". O que non pode, nin debe esperarse, é un retorno ao público sacrificio dun procreador, ¡por cantante que sexa! 
-.-



Vai haber Pascua en tal sitio...

Aínda que hoxe se nos acae mellor falar das "corridas", é máis certo que a nosa xente, na época do seu apoxeo, nomeábaas "As sentencias da Pascua". "Vai haber Pascua en tal sitio...". "¿E logo, quen vos fixo as sentencias?. Dábaselles importancia segundo quen fose o Autor, o "espada" destas "corridas". Non era preciso que fose da parroquia, pero había que confiar nel, non só para a letra senón, e tamén, para dirixi-los ensaios, que sempre se fixeron a porta pechada.

De letristas anónimos, nada; outra cousa era que non as rexistrasen como propiedade intelectual, e que llelas copiasen, ¡había tan poucos papeis para ler, para practica-la lectura! Coas coplas dos cegos pasaba algo parecido. Copias, copiare, ían pasando de man en man, ¡e iso si que era cultura popular! Por certo, que a influenza do "Catecismo do Labrego", de Valentín Lamas Carvajal, tanto nas Corridas do Galo como na ideoloxía e nas reivindicacións labregas foi tremenda: vendeuse profusamente nas feiras, por entregas; e seguidamente foi copiado en senllos cartapacios, de xeración en xeración. Podo referir a anécdota de que, desprazado para "poñer escola", que así se dicía daquela, nos anos 1946/48, tanto en Santa María de Piñeiro como en Santa Mariña de Librán, en ambas parroquias, ben distantes entre si, os vellos do lugar sabíanse de memoria o Catecismo do "Tío Marcos da Portela"; se cadra, aínda mellor có da doutrina cristiá do P. Astete! A propósito da memorización destas cousas do rural, outra anécdota: O día 5 de xuño do 2008 coincidín en Fonteo, nese bar do Museo das Fontes do Eo, cunha señora de oitenta anos que me recitou, ¡de memoria!, varias estrofas dunha Sentenza que lles fixera meu pai para unha Corrida do Galo nesa parroquia da Baleira; o que non lembraba con exactitude era o ano da mesma, pero sostívose en que foi polo 1950, "ano arriba ou abaixo".

A teima da xustiza non nosos paisanos non é, non foi, episódica; vén de vello, e témola pouco estudada. É indubidable que a condena do galo, en tódalas celebracións deste tipo, presupón, tácita ou expresamente, a presenza dun poder sancionador, que non sempre, nin en todas partes, requiría as formalidades dun tribunal convencional, pero na nosa bisbarra dábanse acenos especiais pois sempre se puxo moito énfase no procedemento das sentenzas: testemuñas contraditorias, acusación, defensa, testamento, ou sexa, últimas vontades, do reo, etcétera. Nalgún caso ata se designaba un "Presidente de Audiencia", que xa era o colmo do perfeccionismo. ¡En definitiva, que había que xustificar as condenas, fosen do galo ou da Pascua!

¿Quedarían secuelas, rememoracións transmitidas na lareira, de xeración en xeración, daqueles tribunais da Inquisición? É certo que por aquí tivemos dominicos, pero os nosos, aqueles xerarcas das nosas leiras, tiñan máis de granxeiros que de tridentinos. Tamén o é que as nosas igrexas foron sucursais de Valladolid, e os casteláns -recollo aquí un pensamento do propio Castelao- sempre foron máis papistas có Papa. Pese a todo isto, a tolerancia relixiosa, non só nesta bisbarra senón en toda Galicia, sempre foi proverbial, que aí temos de mostra o acollemento que se lles fixo aos xudeus expulsados de Castela. Concretamente no Corgo, aquí ao lado, ou máis exactamente, aquí dentro, (¡Condado de Flammoso!), aínda se conserva, entre outros probables, o apelido Jacob, rotundamente xudeu. Igual pasou na parroquia de Librán, onde se deu a casualidade de que a casa máis próxima á igrexa, hoxe en ruínas, era a da Eirexe, ¡de apelido, San Miguel! ¡Outros conversos! Cabe do Rego dos Lagartos, en dirección a Pozos, neste Castroverde, está o lugar de Toldaos (toledanos, xudeus vidos, escapados, da parte de Toledo).

Se establecésemos un paralelo cos Carnavais actuais, habería que ganduxalo porque xa non se sostén nas propias raiceiras:

Aquel onte estaba preñado de rebeldía baixo a careta dunha submisión vasalar; este hoxe, coa rebeldía exteriorizada, legalizada, converteuse nun taboado de marionetas, no que somos manexados como nunca, pero con fíos invisibles. ¿Por quén? ¡Por todo o mundo circundante, empezando por nós mesmos: polas nosas pretensións, polas apetencias desmedidas; as promesas políticas, os xeos empresariais, os medios de comunicación de masas, a crueza da globalización, eses americanos que nos venden billetes para ir á lúa...; en definitiva, unha soberbia e unha mecanización que nos converteu en parafusos sen osca!

Quédanos, pois, acoutado o estudo da nosa teima pola xustiza, que todo por aquí debeu ter as súas complicacións dada a concorrencia de tan variadas xurisdicións en tan pouco espazo:

. Ata a casa da Veiga de Pena (outros din que o fito era o desaparecido cruceiro das Veigas dos Feás), chegaba a xurisdición de Lea.

. En Montecubeiro temos os alicerces do cárcere do Barreiro; e no propio San Cibrao están as casas da Picota, ou cepo dos escarmentos, lembranza recollida no propio topónimo.

. Da xurisdición de Castroverde quédanos a Praza do "Rollo", ao sopé do castelo. Este "rolo" infamante foi eliminado en virtude do Decreto de 26 de Maio de 1813, por inspiración das Cortes de Cádiz. ¡O rolo non queda, pero a quen lle gusten as emocións fortes suxírolle que se dea unha volta polo Museo de Lugo, pois alí, colgadas no mesmo patio, consérvanse as cadeas e mailos grillóns do noso castelo! O cepo desapareceu, ou está retirado; ou o vendeu alguén, pois espoliacións dese tipo téñense dado.

. En Pena, que non é que o estean, senón, e máis ben, que se abeiran diante dela, tiveron os señoríos das casas de Mondriz e de Carballedo, onde os Osorios e mailos Pardo nomeaban xuíz ordinario.

. O do Picato, que lle correspondía ao Marqués de Castelar.

. E aínda houbo outros, outros señoríos, pola parte de Cellán, Pumarega, Miranda, Soutomerille, Vilafrío, etcétera.

Como vedes, Xustiza había; había tanta, que probablemente o que faltase era xustiza; ¡e de aí veña a fame e maila sede que dela tiñan os nosos devanceiros!
-.-

Algo máis sobre a “Pascua”

A Pascua de Resurrección era moi desexada, por varios motivos, e non só polos estritamente relixiosos: medraran os días, volvíase ao touciño, a terra xa secara moito e apetecía arala…; pero tamén inspiraba certos temores pois era crenza estendida (localizada en España, Portugal, Francia, Italia e Suíza), que, se as Pascuas caían no mes de Marzo, o ano traería fame, guerras, catástrofes… ¡Por algo iso de Marzo vén do deus Marte!

En Andalucía dicían, Pascua en Marzo, Pascua enmarzá. En Portugal:  Páscoa en Março, ou fome ou mortaço. Ata na Suíza sureña: Pascos marselinos, péstos, guerras ou faminos.

En canto ao calendario, o concilio de Nicea (ano 325) decretou que a Pascua se celebrase no domingo seguinte á lúa chea do equinoccio de primavera; e cando este sexa anterior ao plenilunio, anticípase, podendo caer desde o 22 de Marzo. Polo contrario, se  a lúa chea é anterior ao equinoccio, a Pascua retrásase, para celebrala en Abril, pero non máis tarde do 25, que iso pasou no ano 1943.
-.-


Corrida con dous galos no Campo do Val,
Montecubeiro.



O pozo e mailo cruceiro do Campo do Val, (Maxide), escenario de moitas corridas do galo.

Celebrouse a principios dos anos 30 do pasado século, pero non puiden concreta-la data. Sei que así foi por terme referido miña nai que eu era cativiño daquela; moito debía ser xa que a máis antiga na miña memoria foi a das Pontes de Veiga, que me lembro perfectamente de Pedro da Laxe co seu carriño tirado por dúas cabras, no que levou a moneca da Pascua. Este "Campo do Val" pertenceu a Ares de Maxide, (¡ou ameixide, o casarío das ameixas!), que foi un dos priores do Mosteiro cisterciense de Meira. Neste campo consérvase un cruceiro, e tamén un pozo que, segundo a tradición, ámbalas cousas eran daquela familia; á contorna, antes da concentración parcelaria, chamábaselle, "Campos d´Ares").
...

Acusador

¿Viene usted a declarar
por los crímenes cometidos,
o es acaso familia
de estos dos detenidos?

O autor tanto puido querer dicir: -"Parece usted tan animal, tan gallo, como estos gallos...", ou, -"Aquí no ignoramos el artículo 436 de la Ley de Enjuiciamiento Criminal", vixente daquela.

Testemuña

Eu deses dous fulanos
parente non lle son nada.
Véñolle para declarar,
e se non, non me citara!

De primeiras, a Testemuña puntualiza que non é parente e que renega dos galos; que tampouco está incurso en ningunha incompatibilidade legal. Escaldado daquelas reviravoltas xudiciais, advírtelle ao Acusador que o seu rol é prestar declaración expeditivamente: "... e se non, non me citara".

Agora xa non son un neno,
hei declarar o que vin.
Todo mesmiño que foi,
sen aumentar nin mentir.
Hei declarar a verdade,
¡sempre tiven coidadiño!,
non vendo a miña conciencia
por un vaso de viño.

Rotunda alusión aos convites que recibían as testemuñas, pagadas polos "picapreitos" ou "homes bos" de cada parte contendente.

Estando eu na miña casa,
quentando ao lume as canelas,
sentín fóra un gran barullo
e pensei que eran dúas vellas.

É notable a precisión descritiva, así como a ironía, o paralelo, que pretende establecer asimilando aquel balbordo dos galos a unha hipotética e intranscendente, doméstica, discusión de dúas veciñas: "... e pensei que eran dúas vellas".

Pensando que se leaban
botei man a esta caxada;
encontreime con dous galos
¡que eran da Fonsagrada!

Na comarca de Castroverde, daquela, -ignoro os motivos, acaso porque empezaban a vir caseiros desa parte da montaña-, non había bo concepto desa procedencia: "Fonsagrada, monte sen leña; fonte sen auga; mulleres sen conduta; e homes sen caralla!". Lémbrome de que cando nos saía aos zoqueiros un par de zocas defectuosas, con nós, ou con mala madeira, o cliente desprezábanolas na feira de Castroverde: "¡Ti pensas que son da Fonsagrada...!".

Sobre todo o Monteiro,
dígolle meu señorito,
¡se o vira encristarse
pro galo do meu veciño!
Quen tivo a culpa de todo
foille o galo Monteiro,
que o outro, meu señorito,
axudáballe por medo.

A Testemuña matiza, subliña, escrupulosamente, visiblemente interesado pola equidade do xuízo.

Mire, señor Xuez,
ben sabe que iso é moi serio,
vir os galos forasteiros
galea-las pitas do pueblo!

Problemas, e tamén conveniencias, da endogamia. Importaba moito casar cerca; porque iso producía, era, unha especie de "concentración parcelaria" automática, que tamén servía para compensar e/ou permutar as "lexítimas curtas" dos herdeiros que casaban para o mesmo rueiro, ou para os confinantes. Sempre se dixo que as liortas entre mozos, en feiras e festas maiormente, eran, dábanse principalmente, por faltar á "palabra" de acompañamento; o que non se dicía, pero palpábase, era que o pecado máis grave, o máis provocador, era esculca-las mozas das outras parroquias. O achegamento, o ligamento, os primeiros contactos, había que facelos con cobertura e /ou coa presentación de amigos, de parentes ou de veciños; o segundo paso, a fase seguinte, igualmente inevitable, era paga-las roldas..., pero..., ¡sen sobresaír!, pois do contrario pronto che dicían: "¡Grazas, pero non bebo con descoñecidos!". Nese, "Vir os galos forasteiros...!", a mensaxe, o reto, para os mozos das outras parroquias era absoluto, directo.

Defensor do Toribio

¿Fue cierto, señor testigo,
que el gallo Toribio
era un joven inocente
y el menos atrevido?

O máis probable, tida conta de que nunha Corrida do Galo, e de igual xeito nunha Sentenza da Pascua, todo era satírico, alegórico, alusivo, é que o Autor apuntase indirectamente contra algún coñecido da bisbarra, acaso un moceiro notable, ou o suposto pai dun fillo bravo. De ter outros coñecementos, decataríase de que a expresión, o nome, "Toribio", vén do grego Thorybios, ruidoso ou alborotador, o que non deixa de ser, aquí, unha feliz coincidencia.

Testemuña

Toribio que é o máis novo,
ese aínda é de boas contas;
o outro galeaba as nenas
i el quedábase coas sobras.

De "boas contas", de palabra, de conciencia, exacto e legal nos tratos, virtude sacra, fundamental na bisbarra de Castroverde. Aquela testemuña seguiu perfilando, xusticeira:

Se algunha pillada fixo
xa verá o fundamento:
é porque as polas non respectan
o sexto mandamento.

Os curas veña predicar do "sexto", anatematizando, incluso, polo acurtamento das saias. Do sexto, das ánimas, da coresma..., pero o caso é que aqueles fregueses de misa dominical cadora tiñan máis fillos "bravos". O chocante é que as súas mulleres, as propias, as sacramentais, eran tolerantes en extremo, moitas e delas, que nin que se se sentisen, e sentasen, por riba do ben e do mal: "Aquí mando eu, e o que pase fóra desta casa impórtame pouco". Xeralmente, salvo en xente da chamada "de mala natureza", o patrucio recoñecía aos fillos naturais no seu testamento, que así accedían a participar no quinto da herdanza, pero sempre, ou as máis das veces, coa advertencia de que o morgado os liquidase a cartos, ¡sen tocarlle nas leiras!
...


Esperando que os chamen para declarar

Fiscal
¿Oiga, señor testigo,
tiene algo más que declarar,
o revoca en algún punto
su prueba testifical?

Estamos vendo que os membros do Tribunal, e tamén os letrados, falan castelán. Aquí hai un mimetismo: Trátase de arremedar á xente "da Xustiza", pero tamén de marcar distancias, que se vexa que os que castelanizan son os colonizadores, que hai un abuso e un imperio que amola e doe ao paisano.

Testemuña

Xúrolle, señor Fiscal,
que canto dixen foi certo,
e aínda lle hei contar máis,
xa que logo temos tempo.

O paisano vivía nun permanente atordamento: As audiencias do cacique, do superior, sempre eran curtas, e máis ben de monólogo. Ensinábaselles aos nenos: "Fala pouquiño (con cautela), e só se che pregunta o señor". O que máis tardaba en aprender un labrego era a dicir que "non", e para iso tatexaba: "Non sei se lle poderei...", "Diso non lle sei dicir...", "Non sei qué lle diga...", "Aínda non o falei coa Ama!"

Fixeron outra das súas
alí cerca, noutro pueblo;
sacáronlle as plumas todas
a un galo que era vello...
Eu, que sempre fun de xenio,
botei man nunha estaca,
e ía para aló despartilos,
mais despois non fixo falta.

Xuíz

¿Y fue cierto que el Montero
deshonró unas pollitas nuevas,
y que despreciaba, el malvado,
a las que eran más viejas?


Testemuña

Xa estaba coa boca aberta
para dicirlle algo máis eu.
Denantes fíxenlle unha seña
mais vostede non entendeu.


A mesma curtidade: a testemuña fixéralle unha seña, un aceno, pero foi un xesto tan tímido que o Xuíz non o percibira; non se atrevía a falar sen ser preguntado, e ao mesmo tempo non se confesara de todo. As confesións daqueles paisanos tiñan o seu relente!

Algunha, meu señorito,
estaba ben en sazón;
porque eran algo vellas,
depreciábaas o bribón.
E mesmo á vista da xente
se poñía a galear;
nunca tal lle pensei ver:
¡O mundo vaise acabar!

Os mozos víanse por tras dos palleiros; e tamén parrafeaban por riba dos valados; ou procuraban estar cerca doutras persoas. Un agarimo calquera, por nimio e inocente que fose, requiría a súa discreción, mante-las formas. Pasase logo o que pasase de chegada a noite, pero..., con Deus de único vidente! Os Curas desfacían as festas á noitiña, ben por mediación dos seus obedientes Gardas, pois estes tamén gustaban de recollerse, en previsión, o máis cedo posible; ou incluso co seu farol de petróleo, recorrendo o adro e mailos arredores. A nosa testemuña vía a fin do mundo coa chegada daquelas modas, daquelas liberdades ou desenvolvementos..., piteiros!

Dígolle agora, señor Xuez,
que acabei de declarar:
víñame ben medio litro,
e un bolo, para me marchar!
-.-







O viño e mailo bolo eran de precepto para agradecerlles ás testemuñas a súa colaboración. ¡Iso, como pouco! Tamén nas eleccións: o "cunero", ou máis ben os seus "caciques", "muñidores", etcétera, contrataban, encargaban, a taberna. Xa o dicía a copla de Portela Valladares: "Por aquí pasou Portela, camiño da Fonsagrada, pero convidou con auga. Detrás veu Montoutiño (Don Carlos Fernández, o enxeñeiro de Montouto), ¡e convidou con viño!". A Testemuña, en vista de que non o invitan, trata de largarse:

Mándome logo a mudar,
que por hoxe non sei máis nada;
tan só lles quería dicir
que me dispuxesen a paga!

"Mándome... mudar", curiosa expresión, de gran arraigo en Canarias, que tamén se utilizou na Baleira e en Castroverde. Como ninguén lle paga, nin lle indica que si, que haberá convite, a testemuña retórcese para saír.
...
Acusador

Este gallo Montero
merece una pena drástica:
hacía burla de todos,
y además de cabronada.

Con actitude machista, de "cabrón", de godallo, sobresaínte e maligno.

...
Defensor de Montero

Si galeó las pollitas nuevas
fue porque ellas le obligaban,
que en cuanto le veían
allí delante le aguardaban.
Aunque el gallo Montero
es el que lleva la fama,
yo sé cierto que Toribio
era quien alborotaba.

Agravio comparativo esgrimido como defensa, ou polo menos como atenuante, do galo Montero.
...

¿Que? ¿Pouca altura literaria...? ¡A min non mo parece, pois, se comparamos os nosos estudos, normas gramaticais, etcétera, cos que tiñan aqueles avós, os de agora tiñamos que ser, como pouco, premios Nobel!


-.-

Xosé María Gómez Vilabella

Pasa a
SENTENZAS, FÍAS E RUADAS
-II-


 





No hay comentarios: